Convenio Colectivo de Sector de COMERCIO DO METAL (27000185011982) de Lugo
Convenios
Convenio Colectivo de Sec...2) de Lugo

Última revisión
01/11/2003

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Sector de COMERCIO DO METAL (27000185011982) de Lugo

Sector Autonómico. Versión anterior. NO VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2000

Tiempo de lectura: 23 min

Tiempo de lectura: 23 min

Resolución do 6 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do comercio do metal. (Diario Oficial de Galicia num. 16400 de 24/08/2000)

Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio do metal (código 2700185) , da provincia de Lugo, asinado o día 8 de xuño de 2000, pola representación da Asociación de Comerciantes e Industriais Metalúrxicos de Lugo, daAsociación de Talleres de Reparación de Vehículos de Lugo e das centrais sindicais UGT (45,2%) , e CC. OO. (45,2%) , e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro

Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo

Remiti-lo texto do citado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 6 de xullo de 2000. Manuel Teijeiro Álvarez Delegado provincial de Lugo

CONVENIO COLECTIVO PROVINCIAL DO COMERCIO DO METAL

 
Artigo 1º

O presente convenio ten como obxecto establecer certos criterios particulares, non recollidos na lexislación laboral, para as melloras das relacións laborais das empresas por el afectadas.

Artigo 2º

No seu aspecto territorial, funcional e persoal, o presente convenio colectivo afectará a tódalas empresas e ós cadros de persoal de traballadores a elas pertencentes, situadas na provincia de Lugo que se rexan pola ordenanza de comercio, e figuren encadradas, en canto á súa actividade se refire, no sector do metal. Exceptuaranse aquelas empresas que no día da data teñan aprobado convenio colectivo de empresa ou estean pendentes da súa aprobación.

Artigo 3º

A vixencia do presente convenio colectivo será desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2001, con independencia da súa publicación no BOP.

As partes comprométense, caso de constituírse unha mesa de negociación de ámbito autonómico, a acudir ás citadas negociacións.

Artigo 4º

En todo o que non estea previsto no presente convenio, continúan sendo de aplicación as normas legais de carácter xeral da ordenanza laboral para o comercio, coas súas modificacións posteriores, e os regulamentos de réxime interno da empresa, respecto a aquelas que os teñan vixentes.

Artigo 5º

Tódalas melloras contidas no presente convenio, establécense con carácter de mínimas. Dentro das condicións pactadas respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas que as aquí dictadas, manténdose as ad personam en canto excedan o cómputo anual.

Artigo 6º

As empresas de ámbito deste convenio terán que ter exposto nos seus centros de traballo un exemplar deste para debido coñecemento de todo o persoal.

Artigo 7º

Constituirase unha comisión mixta paritaria entre as partes asinantes deste convenio. O citado órgano,

integrado por seis representantes da asociación empresarial asinante e seis das centrais sindicais asinantes (3 CC. OO. e 3 UGT) ; cumprirá as funcións de aplicación do pactado, así como do seu seguimento. No caso de non chegarse a acordo na dita comisión, ámbalas dúas partes sométense á competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) , AGA e xurisdicción competente.

Artigo 8º

Para o ano 2000, o salario base será o que consta no anexo deste convenio, que supón un incremento dun 3% respecto dos salarios do ano 1999 e aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2000.

Para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2001, o incremento salarial será do IPC previsto polo Goberno para o ano 2001 máis un 0,5%.

Artigo 9º

Con carácter de complemento salarial, aboaranse dúas gratificacións extraordinarias, a razón, cada unha delas, de 30 días de salario base, complemento ex antigüidade e complemento de compensación, debendo facerse efectivas o día laborable inmediatamente anterior ó 22 de xullo e 22 de decembro respectivamente. Así mesmo, con idéntico carácter de complemento salarial, aboarase nos tres primeiros meses de cada ano unha paga denominada de beneficios, igualmente a razón de 30 días de salario base, complemento ex antigüidade e complemento de compensación.

Artigo 10º

O persoal afectado polo presente convenio gozará dunhas vacacións anuais de 30 días naturais ininterrompidos, salvo acordo contrario das partes. A época do seu goce será preferentemente entre os meses de xuño, xullo, agosto, setembro e outubro. O salario que se percibirá durante elas estará determinado polo salario base, complemento ex antigüidade, complemento de compensación e sobresoldo de transporte.

O calendario de vacacións anuais deberá pactarse entre empresa e traballadores antes do 1 de abril de cada ano.

Artigo 11º

Establécese un sobresoldo de transporte mensual para tódalas categorías, consistente en 4.594 ptas. para o ano 2000.

Artigo 12º

A xornada laboral durante a vixencia do presente convenio queda fixada en 1.787 horas anuais de traballo efectivo, distribuíndose de luns a venres, ámbolos dous incluídos, salvo o disposto nos artigos 13 e 13 bis.

Dentro da xornada prevista no presente artigo, os días 24 e 31 de decembro consideraranse con carácter xeral como días non laborables. No caso de que os traballadores teñan que prestar servicios nas datas sinaladas por razóns organizativas ou de necesidade de atención ou asistencia ó público, as empresas deberán substituí-lo desfrute do descanso nas datas sinaladas por outro tempo de descanso equivalente.

Artigo 13º

A empresa queda facultada para nomear un servicio en sábados, para manter un nivel de asistencia ó público, así como, de se-lo caso, funcións de mantemento en xeral, que en ningún caso será superior ó 50% do cadro de persoal. Ningún traballador estará obrigado a prestar servicios dous sábados seguidos.

Aqueles traballadores que presten servicios os sábados gozarán do descanso equivalente o luns, de forma que gocen dun descanso ininterrompido de 48 horas, salvo que por acordo entre a empresa e traballadores decidan manter ou establecer outro sistema de descanso, incluso aquel que viñesen utilizando na actualidade.

Artigo 13º.bis

Os traballadores que realicen a súa xornada en domingo ou festivo terán dereito a un descanso compensatorio de dous días por cada domingo ou festivo traballado, que se desfrutará dentro dos dous meses seguintes, segundo acordo entre a empresa e o traballador.

Artigo 14º.-Consolidación do premio de antigüidade e compensacións.

A partir do 31 de decembro de 1998 suprímese, no ámbito de aplicación do presente convenio, o concepto económico de antigüidade (artigo 14 do convenio anterior) . Segundo o sinalado, ó longo do ano 1998, a antigüidade seguirá aplicándose tal e como se prevía no convenio anterior (cuadrienios ó 5%) .

Non obstante o anterior, as contías que corresponderían por anos de servicio o 31 de decembro de 1998, manteranse como un complemento ad personam denominado ex antigüidade, o cal sufrirá os mesmos incrementos anuais que tivese o resto do convenio, non sendo, polo tanto, compensable nin absorbible con ningún outro incremento.

Segundo o sinalado inclúese como anexo ó convenio a táboa de complemento ex antigüidade que corresponde a cada traballador por cada ano de antigüidade na empresa ó longo do ano 2000.

De igual forma para o ano 2001 incluirase un anexo ó convenio no que figurará o complemento ex antigüidade que corresponda a cada traballador por cada ano de antigüidade na empresa ó longo do ano 2001.

Por outra banda, e en compensación ó disposto nos parágrafos anteriores, créase con efectos desde o 1 de xaneiro de 1999, no ámbito de aplicación deste convenio, un complemento de compensación, cotizable á Seguridade Social, co obxecto de com pensa-la perda que supón a desaparición da antigüidade.

A contía do complemento de compensación referido no parágrafo anterior será, para cada ano, no transcurso de 6 anos (desde 1999 ata o ano 2004, ambos inclusive) , a contía resultante de aplicar sobre os salarios totais anuais de cada categoría para o ano 1997, unha porcentaxe do 1,3%.

Durante o primeiro ano de vixencia do presente convenio, isto é, desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2000, os traballadores percibirán en concepto de complemento de compensación as contías que, calculadas de conformidade co establecido no parágrafo anterior, figuran no anexo do presente convenio.

Para os anos sucesivos (desde o ano 2001 ata o ano 2004, ambos inclusive) , procederase, en cada ano, a lle adicionar á contía correspondente do ano anterior a contía resultante de aplicar sobre os salarios totais anuais de cada categoría para o ano 1997 unha porcentaxe do 1,3%.

Artigo 15º

Os traballadores contratados en réxime de xornada ordinaria que vexan modificado tal réxime polo de xornada a quendas rotativas, percibirán un complemento consistente no 20% do salario base do convenio.

Artigo 16º

A todo traballador que cese no traballo por solicitude de pensión de vellez, levando 15 anos de antigüidade na empresa, esta aboaralle como premio o importe dunha mensualidade dos seus salarios, mensualidade que se verá sucesivamente incrementada noutra, por cada 10 anos que excedan dos 15. Igual criterio seguirase cando o traballador sexa declarado afecto de incapacidade permanente, calquera que sexa o seu grao, e sempre que iso determine o seu cesamento na empresa.

Artigo 17º

Para o ano 2000 establécese unha cláusula de revisión para o caso de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 2000 rexistrase un incremento superior ó 2%. Neste caso efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra que non xerará o cobro de atrasos, servindo de base para aplica-lo incremento salarial do ano 2001.

Para o ano 2001 establécese unha cláusula de revisión para o caso de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 2001 rexistrase un incremento superior ó IPC previsto polo Goberno. Neste caso efectuarase unha revisión salarial no exceso da indicada cifra que non xerará o cobro de atrasos, servindo de base para aplica-lo incremento salarial do ano 2002.

Artigo 18º

Tódolos traballadores terán dereito a que as empresas lles provexan de tres fundas ou peza de roupa similar cada ano, de uso obrigatorio, prohibíndose salvo para o seu lavado, e con permiso da empresa sacar fóra dos seus locais tales pezas de roupa. As asignadas ó persoal técnico e administrativo serán adecuadas ás súas funcións.

Artigo 19º

Avisando coa debida antelación, o traballador terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio do traballador e tres días naturais por nacemento de fillo. Neste último caso, cando o traballador necesite facer un desprazamento, o prazo será de catro días.

b) Un día natural en caso de matrimonio de fillos ou irmáns do traballador. Cando fose fóra da provincia, terase dereito a un día máis.

c) Por falecemento do cónxuxe, fillos ou pais do traballador, 4 días naturais, e 5 días se ocorre fóra da provincia.

d) Por falecemento de avós, avós políticos, netos, pais políticos, fillos políticos, irmáns, irmáns políticos: 2 días naturais e 4 seocorre fóra da provincia. Prevese a mesma licencia para os casos de parellas de feito.

e) Dous días naturais en caso de enfermidade grave do pai, avó, fillos e cónxuxe, declarada polo médico que o asista. Cando, por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días. Prevese a mesma licencia para os casos de parellas de feito.

f) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai, en caso de que ambos traballen.

g) Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñen outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

h) As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada laboral.

Así mesmo, terán dereito á asistencia a consulta médica de especialista coincidindo o horario de consulta co do traballo, sempre que sexa xustificada e polo tempo necesario.

i) Un día laborable polo cambio de domicilio habitual, debendo ser este debidamente xustificado.

Estes permisos serán retribuídos a razón do salario base máis o complemento ex antigüidade de compensación, na proporción que corresponda.

j) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, retribuíndose segundo tódolos conceptos. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia.

En todo caso, os traballadores terán dereito ás licencias e permisos previstos no Estatuto dos traballadores hoxe en vigor.

Artigo 20º

Todo traballador con dereito a axudas de custo percibirá 3.650 ptas. diarias por axuda de custo completa e 1.515 ptas. diarias por media axuda de custo, ou ben os gastos para xustificar, a elección da empresa.

No caso de que se produzan modificacións no sistema de aboamento dos gastos de manutención e aloxamento empregado de modo habitual na empresa, deberáselle comunicar ó traballador con antelación.

Artigo 21º

As empresas concederán un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos de antigüidade na empresa, como mínimo, se xubilen voluntariamente durante a vixencia do presente convenio. A súa contía irá en función da seguinte escala:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 742.630 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 636.540 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 530.450 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 424.360 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 212.180 ptas.

-Por xubilación voluntaria ós 65 anos, unha mensualidade de salario base máis ex antigüidade e complemento de compensación.

Para a súa percepción terán que solicitarse no prazo de tres meses, desde o cumprimento da idade correspondente.

As mencionadas axudas soamente se lles concederán a aqueles traballadores que non se acollan ós beneficios determinados no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 22º

As empresas subscribirán en favor dos traballadores unha póliza de seguros que cubra, no caso de accidente de traballo, os riscos de morte e invalidez permanente nos graos de total, absoluta, e grande invalidez, nas contías de 2.750.000 e 3.250.000 ptas., respectivamente.

A partir do 1 de xaneiro do ano 2001 a póliza no parágrafo anterior deberá cubri-las seguintes contías: 2.915.000 no caso de morte e 3.445.000 no caso de invalidez permanente nos graos de total, absoluta e grande invalidez.

Non obstante, a indemnización que se perciba con cargo ó seguro aquí convido, considerarase como percibida á conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar, con cargo ás empresas, os tribunais de xustiza na vía penal, compensándose ata onde aquela non alcance.

Artigo 23º

As empresas crearán un fondo de préstamos para os seus traballadores. Para a súa concesión, así como para a determinación da súa contía, observarase o mutuo acordo da empresa e o traballador. O mencionado préstamo non reportará xuros e a súa devolución deberá efectuarse no tempo que acorden empresa e traballador.

As solicitudes de préstamos terán como causa a adquisición de vivenda, automóbil, aboamento de gasto de enfermidades, etc.

Artigo 24º

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por 1 representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios do Metal de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten ó sector do metal, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como nos que poidan programar en adiante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la súa organización e programación, tanto ocupacional como, regulamentada (observatorio ocupacional).

-Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do Mercado Único.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Artigo 25º

A parte empresarial e a parte social acordan manifesta-la súa vontade de camiñar cara á unificación, nun só texto, do articulado dos convenios do siderometal e comercio do metal da provincia de Lugo.

Artigo 26º

As empresas vinculadas ó presente convenio colectivo estarán obrigadas á realización dun recoñecemento médico anual para todo o persoal, a través do Gabinete Técnico Provincial de Seguridade e Hixiene ou a través da mutua patronal de accidentes de traballo. As empresas estarán obrigadas a concede-lo tempo necesario para a realización destes recoñecementos, logo de citación por escrito, no que deberá figura-lo día e a hora.

Artigo 27º

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e hixiene no traballo, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación de Empresarios do Metal de Lugo, igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas dúas representacións comprométense a manter reunións periódicas, logo de convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación.

As funcións básicas da comisión de seguridade e hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1. Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a prevención dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestarlles asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci-los riscos que atenten contra a integridade física e saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece-las normas e procedementos que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos competentes.

4. Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos coñecementos médicos que se lles realicen ós traballadores deste sector.

5. Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo, no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 28º.-Liquidación.

Nos casos de terminación de contrato ou baixa voluntaria do traballador, entregaráselle ó traballador copia da liquidación con tres días de antelación ó cesamento.

Artigo 29º.-Cláusula de desvinculación.

As partes asinantes do presente convenio acordan someterse ás seguintes normas en tódolos ámbitos de negociación, cando algunha empresa decida solicitar a inaplicación do incremento salarial pactado no presente convenio.

a) Comunicar por escrito as súas pretensións á representación dos traballadores e á comisión paritaria do convenio dentro dos 10 días naturais seguintes ó da publicación deste no boletín oficial correspondente.

b) No praxo máximo dos 30 días naturais posteriores á comunicación anterior presentaralles ós representantes dos traballadores a documentación acreditativa da petición:

1. Memoria explicativa das causas que motivan a solicitude.

2. Orzamento e conta de resultados dos dous anos anteriores.

3. Orzamento e previsións do ano en curso.

4. Informe relativo á situación dos aspectos financeiros, productivos, comerciais e de cotización á Seguridade Social e Facenda.

c) Á vista da documentación presentada, se no prazo dos 10 días non se acadase acordo remitiráselle á comisión paritaria a resolución da discrepancia así como a documentación sinalada no punto b) , a cal no prazo máximo de dez días resolverá a cuestión formulada. Se neste prazo a comisión non resolvese a dita cuestión, procederase conforme o previsto no sistema de arbitraxe AGA I do 4 de marzo de 1992.

d) Nas empresas nas que non exista representación legal dos traballadores, a empresa comunicaralle a dita petición de desvinculación e a documentación acreditativa á comisión paritaria, procedéndose conforme o disposto no parágrafo anterior.

e) Os acordos acadados no ámbito da empresa establecerán, de xeito obrigado, os incrementos obrigados para a vixencia do convenio así como a forma e tempo para a súa recuperación. Do acordo acadado daráselle conta á comisión paritaria do convenio, co obxecto de ter un seguimento dos problemas do sector e revisar que se cumpran os criterios marcados.

Artigo 30º.-Modalidades de contratación.

1. Contrato para a formación: Tendo en conta de que o contrato para a formación debe ser fundamentalmente un contrato formativo, non caberá no ámbito de aplicación do presente convenio a formalización dun contrato de traballo para a formación que teña por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desempeño adecuado dun oficio ou dun posto de traballo non cualificado.

A formación teórica no contrato para a formación terá unha duración mínima do 15% da xornada laboral diaria, e máxima do 20%, podéndose impartir acumulando semanalmente o tempo destinado á formación. Por acordo coa representación legal dos traballadores ou cos propios traballadores, poderanse establecer períodos de formación ó comezo do contrato, no intermedio e na fase final.

En todo caso, o salario de contratación dos traballadores para a formación será, como mínimo, igual ó 75% e 90% do salario base da categoría profesional para a que se forma o traballador durante, respectivamente, o primeiro, e o segundo ano de vixencia do contrato. O resto das condicións laborais, tales como complementos, percibirase en proporción ó tempo de traballo efectivo.

Polo feito de non teren os traballadores contratados baixo a modalidade de contrato para a formación dereito a prestacións por desemprego, establécese unha indemnización por finalización de contrato consistente no aboamento de 10 días de salario por ano de servicio na empresa, sempre e cando o traballador non continúe na empresa baixo outra modalidade de contratación.

2. Contrato de traballo en prácticas: O contrato de traballo en prácticas terá por finalidade facilita-la práctica profesional dos traballadores ou traballadoras para perfecciona-los seus coñecementos e adaptalos ó nivel de estudios cursados.

Establécese unha retribución mínima garantida para os traballadores en prácticas no ámbito de aplicación do presente convenio, nas seguintes contías:

* Titulado superior: Primeiro ano de contrato: 90.640 ptas./mes. Segundo ano de contrato: 106.090 ptas./mes.

* Titulado grao medio: Primeiro ano de contrato: 87.550 ptas./mes. Segundo ano de contrato: 100.940 ptas./mes.

* Formación profesional: Primeiro ano de contrato: 85.490 ptas./mes. Segundo ano de contrato: 96.820 ptas./mes.

3. Contrato eventual previsto no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores:

Os contratos previstos no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores vixente poderán ter unha duración máxima de trece meses e medio dentro dun período de dezaoito meses.

4. Conversión de contratos formativos e de duración determinada en indefinidos:

As empresas que teñan contratados traballadores a través de contratos para a formación, ó seu remate, converterán un 30% como mínimo, destes contratos, en contratos indefinidos de fomento do emprego.

As empresas que teñan contratados traballadores a través de contratos en prácticas, ó seu remate, converterán un 25%, como mínimo, destes contratos, en contratos indefinidos de fomento do emprego.

As empresas que teñan contratados traballadores a través de contratos de duración determinada previstos no número 3 deste artigo, ó remate destes, converterán un 20%, como mínimo, destes contratos, en contratos indefinidos de fomento do emprego.

5. Contrato para o fomento da contratación indefinida: Entendendo as partes asinantes que a modalidade contractual de contrato para o fomento da contratación indefinida é un instrumento adecuado para a consecución do emprego estable, no ámbito de aplicación deste convenio, poderá concertarse esta modalidade contractual con traballadores empregados na empresa mediante un contrato de duración determinada ou temporal, incluídos os contratos formativos, subscrito unha vez transcorrido un ano desde a entrada en vigor do Real decreto lei 8/1997.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 
Disposición adicionai Primeira

As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo Interprofesional Galego sobre dos procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Disposición adicionai Segunda

As empresas afectadas pola aplicación do presente convenio, de conformidade co establecido no artigo 17.2º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, deberanlles facilitar ós traballadores equipos de protección individual axeitados para o desempeño das súas funcións, obriga que, no caso de incumprimento, dará lugar ás sancións previstas no referido texto legal.

Da mesma forma, os traballadores afectados pola aplicación do convenio estarán obrigados ó emprego dos equipos de protección individual proporcionados polas empresas, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 31/1995, obriga que, no caso de incumprimento, suporá a comisión das infraccións previstas na normativa laboral de aplicación.

Disposición adicionai Terceira

As partes asinantes, conscientes dos prexuízos que para empresas e traballadores supoñen os supostos de competencia desleal, coinciden na necesidade de colaborar na erradicación de tales prácticas, previstas como infraccións moi graves na normativa laboral de aplicación.

Disposición adicionai Cuarta

Os atrasos por diferencias de salarios consecuencia da entrada en vigor do presente convenio aboaránselles ós traballadores no prazo de dous meses desde a súa publicación no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia.

DISPOSICIONES DERRADEIRAS

 
Disposición derradeira única

Vencida a vixencia do presente convenio, este prorrogarase por períodos anuais, de non ser denunciado por calquera das partes cunha antelación mínima de tres meses ó seu remate.

Táboa salarial do convenio comercio metal.

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)