Convenio Colectivo de Sector de COMERCIO DE MOBLES (36000355011985) de Pontevedra
Convenios
Convenio Colectivo de Sec...Pontevedra

Última revisión
01/11/2003

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Sector de COMERCIO DE MOBLES (36000355011985) de Pontevedra

Sector Autonómico. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 1996 en adelante

Tiempo de lectura: 10 min

Tiempo de lectura: 10 min

Resolución do 23 de outubro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do comercio de mobles. (Diario Oficial de Galicia num. 25200 de 27/12/1996)

Preambulo

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio de mobles, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-10-1996, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Comercio del Mueble, e da parte social, polas centrais sindicais CC. OO., UGT e CIG, o 2-10-1996; de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-

Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios coelctivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-

Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de outubro de 1996. Antonio Coello Bufill Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de comercio de mobles. Pontevedra.

 
Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG) , Comisións Obreiras (C. OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT) , en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios do Comercio de Mobles, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afectará a tódalas empresas relacionadas coa actividade do comercio de mobles da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regulará as relacións laborais de tódalas empresas recollidas pola Ordenanza de traballo para o comercio e que estean encadradas no sector de venda de mobles da provincia de Pontevedra.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará á totalidade do persoal técnico, administrativo, subalterno e obreiro do comercio de mobles.

Artigo 5º.-Efectos económicos.

O presente convenio entrará en vigor ós 20 días da súa sinatura, sen prexuízo da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 6º.-Duración.

A duración deste convenio será dun ano, contado a partir do 1 de xaneiro de 1996, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 1996.

Artigo 7º.-Rescisión e revisión.

O convenio poderá rescindirse mediante o aviso previo formulado en tempo e forma, de acordo coa lexislación vixente, cunha antelación dun mes á data de terminación da súa vixencia.

Artigo 8º.-Absorción.

Os aumentos concedidos polo presente convenio absorberán ós que por imperativo legal, se impuxeran posteriormente, durante a vixencia del.

Artigo 9º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo convenio percibirá desde o 1 de xaneiro de 1996, as retribucións consignadas na táboa anexa ó convenio, incrementadas, se é o caso, co plus de antigüidade.

Artigo 10º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1996 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1995, superior ó 3,8%, o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1997.

Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 1997, procederase a cuantifica- lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza- los aumentos pactados o 31 de decembro de 1996. A cuantificación do dito exceso engadiráselle ós salarios vixentes o 31 de decembro de 1996 e sobre a cantidade resultante calalaranse os incrementos salariais para 1997.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en cuadrienios na contía do 5% do salario base correspondente á categoría na que está clasificado.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá anualmente tres gratificacións extraordinarias, polo importe dunha mensualidade cada unha, nos meses de marzo (paga de beneficios) , xullo e decembro, que se aboarán de acordo co salario do convenio máis antigüidade, se é o caso.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral semanal será de 40 horas de traballo efectivo, en xornada diaria continuada ou partida. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose, en todo caso, o tempo máximo semanal mencionado.

O horario de traballo fixarase en cada empresa, tendo en conta que a prestación de serviciós se realizará de luns a sábado pola mañá.

Artigo 14º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais, que se desfrutarán, preferentemente entre os meses de xuño a setembro, ambos inclusive.

Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada centro de traballo unha orde rotativa de preferencia, de tal forma que, quen tivo preferencia na elección de quenda o pasado ano, pasa a se- lo último á hora de elixir quenda no presente. Acórdase un aviso previo mínimo de 60 días, para o establecemento da correspondente quenda de vacacións.

Artigo 15º.-Plus de transporte.

Establécese para todo o persoal das empresas afectadas por este convenio, un plus de transporte de trescentas oitenta e unha pesetas por día efectivo de traballo (incluído o sábado) , polo que non se terá dereito a este plus os días que non se asista ó traballo.

Artigo 16º.-Gratificación especial ós escaparatistas.

O persoal non contratado como escaparatista que, non obstante, realice con carácter normal a función de ornamentación de escaparates nos establecementos, terá dereito, no concepto de gratificación especial, a un plus do 10% do seu salario base.

Artigo 17º.-Condicións máis beneficiosas.

Tendo a consideración de bases mínimas as establecidas neste convenio, serán respectadas as condicións máis beneficiosas que as empresas afectadas polo mesmo tiveran xa concedidas ó seu respectivo persoal.

Artigo 18º.-Pezas de roupa de traballo.

As empresas facilitaranlle ó seu persoal dúas vestimentas ó ano, en concepto de uniforme ou útiles de traballo, ou o seu equivalente en metálico, se é o caso.

Artigo 19º.-Licencias.

Os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída de ata un máximo de catro días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo, das sancións que poidan imporse ó traballador que alegue causas que resulten falsas, de acordo co establecido ó respecto na actual Ordenanza laboral de comercio.

Igualmente, nos casos de morte ou enterramento do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave de cónxuxe, pais e fillos e parto de esposa, os traballadores terán dereito a unha licencia retribuida de ata cinco días naturais, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída dun día sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 10 días, polo menos.

Esta último licencia desapacerá automaticamente do convenio, no suposto de que se produza con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Artigo 20º.-Días 24 e 31 de decembro.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de descanso as tardes dos días 24 e 31 de decembro. As citadas tardes consideraranse aboables e non recuperables.

Estas licencias desaparecen automaticamente do convenio, no suposto de que se produza, con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Artigo 21º.-Saídas de viaxe e axudas de custo.

O persoal ó que se lle confire algunha comisión de servicios fóra da súa residencia habitual de traballo, terá dereito a que se lle aboen os gastos que tivera efectuado, logo da presentación dos xustificantes correspondentes.

En compensación daqueles gastos que teñan unha xustificación que non resulte posible, o persoal terá dereito ademais, a unha axuda de custo de 291 ptas. e 458 ptas. diarias, respectivamente, segundo que o desprazamento sexa por media xornada ou completa.

Artigo 22º.-Desconto en compras.

O desconto mínimo nas compras que realice o persoal nas súas respectivas empresas será do 15% sobre o prezo venda ó público, agás nos artigos de oferta ou rebaixa, respectándose as situacións máis favorables que se veñan dando.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria integrada por un presidente, un secretario e dous vocais pola representación dos empresarios e outros dous pola representación dos traballadores, coa asesoría correspondente.

Esta comisión constituirase no prazo dos 15 días seguintes á aprobación do convenio.

DISPOSICIONES ADICIONALES

 
D.A. UNICA.

As partes nomean unha comisión paritaria que, en principio, estará formada polos mesmos membros que o foran da comisión negociadora do presente convenio, para o estudio e subseguinte incorporación ó convenio colectivo do ano 1997 das directrices do acordo marco do comercio de 1996, no referido ás categorías profesionais.

Vigo, 2 de outubro de 1996.

Táboa salarial anexa do convenio colectivo de traballo provincial para o sector do comercio de mobles de Pontevedra Vixencia do 1-1-1996 ó 31-12-1996

Categorías Salario mensual

Grupo I

Encargado 81.752

Viaxante 80.947

Dependente 81.348

Axudante de dependente 80.543-Traballadores en formación (por 30 horas semanais de traballo efectivo. R. D. 1992/84:

* De 16 anos 31.283

* De 17 anos 49.636

Grupo II Oficial administrativo 81.348

Auxiliar administrativo 80.455

Aspirante 80.543

Auxiliar de caixa de máis de 22 anos 80.947

Auxiliar de caixa ata 22 anos 80.543

Grupo III Delineante 81.348

Profesional de oficio de 1ª 81.348

Profesional de oficio de 2ª 80.947

Mozo especializado 80.622

Mozo 80.543

Os choferes percibirán o salario correspondente ás categorías de profesional de oficio de 1ª ou 2ª, de acordo co seu carné de conducir.