Convenio Colectivo de Sector de LOUSA DE OURENSE E LUGO (82000215011993) de Galicia
Convenios
Convenio Colectivo de Sec...de Galicia

Última revisión
07/08/2006

Sentencia/Laudo. Convenio Colectivo de Sector de LOUSA DE OURENSE E LUGO (82000215011993) de Galicia

Sector Autonómico. Versión anterior. NO VIGENTE. Validez desde 07 de Agosto de 2008

Tiempo de lectura: 22 min

Tiempo de lectura: 22 min

Resolución do 14 de xullo de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da sentenza ditada pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relativa á impugnación do convenio colectivo extraestatutario do sector da lousa das provincias de Ourense e Lugo. (Diario Oficial de Galicia num. 151 de 07/08/2006)

Preambulo

Vista a sentenza do recurso suplicación 1/2006 da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, relativa á impugnación do convenio colectivo extraestatutario do sector da lousa das provincias de Ourense e Lugo, publicado no Diario Oficial de Galicia número 20, do 30 de xaneiro de 2006, e en cumprimento do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro

Ordenar a inscrición da referida sentenza no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo

Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro

Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2006. Pilar Cancela Rodríguez Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

«Autos número 0001/2006. Antonio González Nieto; Presidente. José Elías López Paz. Luis F. de Castro Mejuto. A Coruña o seis de marzo de dous m i l seis. A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, composta polos maxistrados citados á marxe e en nome de El-Rei ditou a seguinte sentenza:

Vistos estes autos sobre impugnación de convenio colectivo seguidos ante esta Sala do Social co nº 1/2006, entre as partes, como demandante, Sindicato Nacional de Comisiones Obreras de Galicia, representada e asistida pola letrada Lidia de la Iglesia Aza, e como demandados Asociación Gallega de Pizarristas, representada e asistida polo letrado Rafael Díaz Iglesias, Unión Xeral de Traballadores de Galicia, representada e asistida pola letrada María José Liste López, e o Ministerio Fiscal comparece José Ramón Piñol Rodríguez, sendo maxistrado relator Luis F. de Castro Mejuto.

ANTECEDENTES DE FEITO

 
Primeiro

Con data do 4 de xaneiro de 2006 tivo entrada nesta Sala do Social a demanda presentada pola parte demandante, na cal, tras expor os feitos e fundamentos de dereito que estimou pertinentes, rematou suplicando que sexa ditada sentenza de conformidade co pedido nesta.

Segundo

Admitida a trámite a devandita demanda, por providencia do 11-1-2006 requírase á parte demandante para que demandase todos os asinantes do convenio impugnado, o defecto do cal se tivo por emendado en escrito do 20-1-2006 e por providencia do 23-1-2006, sinalouse para o acto de xuízo o día 23 de febreiro último, no cal as partes demandadas se opuxeron á pretensión interposta e, tras ser practicada a proba proposta e admitida, formularon as súas conclusións definitivas quedando os autos conclusos para sentenza.

FEITOS DECLARADOS PROBADOS

 
Primeiro

O 17-10-2005 subscribiuse entre representantes do Sindicato Unión Xeral de Traballadores e daAsociación Galega de Pizarristas un convenio colectivo extraestatutario.

Segundo

O artigo 1 do citado convenio preceptúa: Ámbito funcional, territorial e persoal. Este convenio regula as relacións de todas as empresas e os seus traballadores, cuxo obxecto sexa a explotación de lousas na provincia de Ourense e nas empresas de Lugo que se relacionan na acta da súa sinatura, podendo incorporarse voluntariamente a el as restantes empresas de Galicia, e iso con independencia do lugar onde radique o seu domicilio social.

Terceiro

A súa disposición derradeira única precisa: adhesión voluntaria dos traballadores. Ao ser este un convenio colectivo extraestatutario, dentro do seu ámbito de aplicación, a adhesión individual dos traballadores non afiliados ao sindicato asinante, será suficiente con que se produza nos termos establecidos na STCT do 16 de outubro de 1986.

Cuarto

Por Resolución do 29-12-2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ordenouse o rexistro, depósito e publicación deste convenio (DOG do 30-1-2006) .

FUNDAMENTOS XURÍDICOS

 
Primeiro

1. Atendendo ao artigo 97.2º LPL, o relato dos feitos declarados probados resulta da apreciación da documentación achegada e que consta en autos, así como do admitido polas partes.

2. O representante do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia presentou, o 4-1-2006, demanda de impugnación de convenio colectivo contra a Asociación Galega de Pizarristas (ampliada posteriormente-20-1-2006-contra o Sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia) en cuxo suplico di que se dite sentenza pola que se declare a ilegalidade de artigo 1 e de disposición derradeira oitava do convenio do 17-10-2005 con efectos legais oportunos.

3. O codemandado, Sindicato Unión Xeral de Traballadores, oponse á devandita pretensión, sinalando que se trata da cláusula dun convenio colectivo extraestatutario que deber ser interpretada no seu conxunto, que non pretende a xeneralidade, pois o afirmado no artigo 1 aparece matizado co expresado na DF 8ª, e nesta o que se admite é a adhesión tácita dos traballadores. A outra codemandada, Asociación Gallega de Pizarristas, fai seus os argumentos anteriores, matizando que todos os convenios, mesmo os extraestatutarios, teñen vocación de xeneralidade, e opón como excepción a falta de acción, xa que non é un pacto regresivo (excepción á que se opón o demandante) . Pola súa parte, o Ministerio Fiscal alega a súa falta de lexitimación, dado que nos atopamos ante un convenio colectivo extraestatutario, que restrinxe a súa eficacia ás partes asinantes.

Segundo

1. A primeira cuestión que debemos dilucidar é a postulada falta de acción, xa que, estimada esta, se faría imposible-e innecesaria-calquera outra consideración. Tal alegación, no entanto, carece de fundamento, porque-de entrada-o sindicato demandante está exercitando unha acción prevista expresamente no artigo 163.1º LPL, no cal se fala da impugnación dun convenio colectivo, calquera que sexa a súa eficacia, isto é, non só o estatutario ao cal de forma evidente se refire o 161 LPL, senón tamén o extraestatutario, entendido como aquel subscrito á marxe das canles do título III do ET. Á marxe de que a propia rúbrica do capítulo IX abre esa interpretación ampla, pois titúlaSE Da impugnación de convenios colectivos, sen restrinxir a canle procesual aos estatutarios.

2. Por outro lado, cómpre recordar que nas accións declarativas a súa admisión está condicionada á existencia dun interese real, actual e concreto, en que os órganos xudiciais poñan fin á falta de certeza verbo dunha concreta relación xurídica (SSTC 39/1984, 71/1991, 210/1992, 20/1993 e 65/1995) -que no caso presente se refire á ilegalidade de dúas cláusulas convencionais-; e que son lícitas cando posúen contido propio e non un mero interese preventivo ou cautelar (SSTS 23-5-2001; mesmo sentido SSTS 8-10-1991; 27-3-1992; 20-6-1992; 6-5-1996; 23-9-1998; 31-5-1999; 23-11-1999; 3-3-2000; 4-7-2000; 10-7-2000; 18-7-2000; 25-9-2001; 5-10-2001; 30-9-2003) . Remarcando a doutrina xurisprudencial a necesaria existencia dun dereito insatisfeito, ao que se trata de cautelar, sen que se poidan formular cuestións futuras e hipotéticas (SSTS 30-9-2003; 18-7-2002) .

Así, os sindicatos desempeñan unha función xenérica de representación e defensa dos intereses dos traballadores, que non descansa só no vínculo da afiliación senón na propia natureza sindical do grupo (...) , pois, cando a Constitución e a lei os invisten coa función de defender os intereses dos traballadores, os lexitiman para exercer aqueles dereitos que, mesmo pertencendo en puridade a cada un dos traballadores uti singulus , sexan de necesario exercicio colectivo (STC 70/1982, do 29 de novembro F. 3) (...) . Por esta razón, declaramos que, en principio, é posible considerar lexitimados os sindicatos para accionaren en calquera proceso en que estean en xogo intereses colectivos dos traballadores (STC 210/1994, do 11 de xullo) (...) . Agora ben (SSTC 210/1994, do 11 de xullo F. 4, e 101/1996, do 11 de xuño F. 2) , esta capacidade abstracta que ten todo sindicato para ser parte non autoriza a concluír sen máis que é posible a priori que leven a cabo calquera actividade en calquera ámbito, pois tal capacidade non alcanza a transformalos en gardiáns abstractos da legalidade (...) (SSTC 210/1994, do 11 de xullo, 101/1996, do 11 de xuño, 7/2001, do 15 de xaneiro, 24/2001, do 29 de xaneiro, 84/2001, do 26 de marzo) . Trátase, en definitiva, de lles aplicar a estes suxeitos a mesma regra que se aplica a calquera outro suxeito de dereito co fin de recoñecerlles aptitude para ser parte nun proceso: ter interese lexítimo, interese que, como vén recoñecendo este tribunal, existe sempre que de prosperar a acción iniciada o recorrente poida obter un beneficio ou a desaparición dun prexuízo (SSTC 101/1996, 7/2001 24/2001, 84/2001,) . (...) (SSTC 210/1994, 101/1996 e 24/2001) . No concreto ámbito laboral, este tribunal precisou que a conexión entre a organización que acciona e a pretensión exercitada deberá medirse en función da implantación no ámbito do conflito, ao ser esta a xustificación da intervención mesma do sindicato (SSTC 70/1982, do 29 de novembro, 37/1983, do 11 de maio, 59/1983, do 6 de xullo) , e que o concepto de implantación non pode ser confundido co de representatividade no sentido en que este último é valorado polo Estatuto dos traballadores para atribuír lexitimación para a negociación colectiva de eficacia xeral ou para a representación institucional (STC 37/1983, do 11 de maio, F. 3, e ATC 66/1985, do 30 de xaneiro) (STC 215/01, do 29 de outubro) .

Sen que se poida dubidar de que o sindicato accionante ten non só implantación no ámbito a que se estende o convenio-formaba parte da mesa negociadora da cal saíu o acordo-, senón tamén lexitimación para impugnalo (así, STS 16-5-2002) e-sobre todo-un interese lexítimo en que non se pretenda dar eficacia erga omnes ao que deberá tela inter partes e, por ende, se vulneren na unidade de negociación as regras de lexitimación negocial. Porque a eficacia persoal deste convenio está limitada aos traballadores e empresarios representados polas partes contratantes sen prexuízo de que por outras vías (adhesión individual ou colectiva) empresa e/ou traballador se comprometan ao pactado en tal convenio (SSTS 2-2-1994, 14-12-1994, 20-12-1996, 24-1-1997 e 8-6-1999) . En íntima conexión co anterior, subxace tamén un interese directo na denuncia efectuada polo sindicato contra a fórmula que foi deseñada para incorporalos ao acordo: consentimento tácito. Polo tanto, a Sala rexeita a excepción oposta.

Terceiro

1. Solucionado o anterior escollo, deberemos examinar as dúas cláusulas do convenio (artigo 1 e DF 8ª-ordinais segundo e terceiro-) , para decidir acerca da súa legalidade, ben entendido que estamos ante un extraestatutario e que carece da eficacia xeral que establece o artigo 82.3º ET, en tanto que contractual e non normativa como temos sinalado, entre outras, na STSX Galicia 30-6-2004 R. 2386/2004.

Para tales efectos-a xeito de exemplo-reprodúcese a STS 25-9-2003: a validez deste tipo de pactos está recoñecida a nivel constitucional, aínda que de xeito explícito non se aluda a eles nos artigos 7 e 28.1º da Constitución, pero o Tribunal Constitucional ten declarado nas súas sentenzas 39/1986, 104/1987, 9/1988 e 8 de xuño de 1999 que a negociación extraestatutaria está constitucionalmente protexida e, a nivel de legalidade ordinaria, ao refe rirse o artigo 163.1º da Lei de procedemento laboral aos convenios colectivos calquera que sexa a súa eficacia , está a aludir tanto aos convenios colectivos de eficacia erga omnes, coma aos convenios de eficacia limitada. Esta Sala tamén se pronunciou ao respecto nas sentenzas do 8 de xuño de 1999 e 18 de febreiro de 2003, proclamando que o artigo 37.1º da Constitución ampara por igual os convenios colectivos estatutarios e extraestatutarios; o pacto atípico ou extraestatutario presupón un acordo plural entre os representantes dos traballadores e dos empresarios, non axustado ás exixencias formais do título III do Estatuto dos traballadores, senón acollido xenericamente ao artigo 37 da Constitución, e ao carecer no noso sistema positivo dun soporte normativo específico e suficiente, deberá disciplinarse polas normas xerais da contratación do Código Civil, ben que coa aplicación necesaria das regras e principios do dereito do traballo que conflúen no caso, pero sempre influenciado de maneira acusada polo principio de liberdade de contratación que admite a celebración de acordos, individuais ou colectivos, mesmo cando se negocian á marxe das previsións do título III do Estatuto dos traballadores, pero esa peculiar natureza do pacto extraestatutario sitúao fóra da normativa legal en canto á súa vixencia e permanencia no tempo, de maneira que o ordenamento non previu para o caso unha garantía de estabilidade e de bloqueo, aínda que sexa temporal, fronte a pactos futuros da mesma índole, nun sentido e un alcance semellantes aos previstos nos artigos 82.3º e 84 do Estatuto dos traballadores.

Isto é, a súa eficacia xurídica é contractual e non normativa, pois carecen de virtualidade para crear dereito obxectivo (creando) simples dereitos subxectivos amparados no dereito común (SSTS 9-2-1994, 14-12-1996, 24-1-1997) , e están sometidos ás regras xerais sobre contratación (...) estende os seus efectos ás partes negociadoras e aos directamente representados nelas-. No mesmo sentido as SSTS 11-3-2003, 30-1-2003, 16-5-2002, 4-12-2000, etc. E a doutrina reitérase na STC 121/2001 (4 de xuño) , ao indicar que Tales pactos (os extraestatutarios) , que se encontran amparados polo artigo 37 CE, en canto garante o dereito á negociación colectiva entre os representantes dos traballadores e os empresarios, carecen de eficacia persoal erga omnes, e posúen unha obrigatoriedade persoal limitada, relativa ou reducida, no sentido en que aqueles circunscriben a súa forza vinculante aos traballadores e empresarios representados polas partes signatarias. Réxense, polo tanto, pola regra xeral do dereito común da contratación, a teor da cal os contratos producen efectos só entre as partes que os outorgan (artigo 1257 do Código Civil). A lóxica contractual comporta aquí que o acordo resulte tan só vinculante respecto daqueles suxeitos que conferiron un poder de representación para fixar colectiva e concretamente as condicións laborais.

Como precisa a STS 30-3-1999 os convenios extraestatutarios carecen dunha regulación legal

propia e réxense directamente polo artigo 37.1º da CE e polas normas que o Código Civil dedica aos contratos (SSTS-4ª do 2 de febreiro e 21 de xuño de 1994) , en concreto os seus artigos 1.091 e 1.254 a 1.258 (STS-4ª do 14 de decembro de 1996) sen prexuízo de aplicar, na súa dimensión básica, as regras xerais do propio Estatuto, dada a súa calidade de concertos plurais. De aí que a principal característica destes pactos extraestatutarios estribe en que o seu ámbito persoal de aplicación se limite á empresa e aos traballadores que (ben por si mesmos ou ben a través do sindicato ao cal veñen afiliados) os concertasen inicialmente, así como a aqueloutros que a partir deste momento se adhiran ao concerto por calquera dos medios previstos no ordenamento xurídico, neste caso, como se dixo, fundamentalmente o Código Civil .

2. Polo tanto, o artigo 1-ao teor do cal recollemos no ordinal segundo-extralimítase ao fixar como ámbito de aplicación unha superior á da súa eficacia real, pois esta queda limitada-folga repetilo-aos contratantes. Conseguintemente, esta Sala estima a pretensión anulatoria formulada polo sindicato demandante, sen que se poida conceder validez aos argumentos esgrimidos de contrario acerca dunha interpretación conxunta desa cláusula co total do convenio.

Porque na interpretación dos contratos se deben combinar os criterios de orde lóxica, gramatical e histórica (SSTS 6-4-1992 e 13-4-1992) , xunto co principal de atender ás palabras e intención dos contratantes (STS 1-7-1994) , tendo moi presente-SSTSX Galicia 13-2-2006 R. 2898/2003, 23-11-2005 R. 4323/2005, 25-10-2005 R. 4338/2005, 20-10-2005 R. 1442/2005, 6-7-2005 R. 2884/2005, 6-7-2005 R. 367/2003...-que as palabras son o medio de expresión da vontade e se deberán presumir que son utilizadas con corrección, de maneira que non se debe admitir cuestión sobre a vontade cando nas palabras non existe ambigüidade , de maneira que se os termos son claros e non deixan dúbida sobre a intención dos pactantes haberá que aterse ao sentido literal das cláusulas, conforme o artigo 1.281 Código Civil (STS 7-7-1986; con diferentes palabras e idéntica doutrina a STS 2-11-1999) . Abundando na mesma idea e en expresión da STS 11-5-2000, a finalidade dos canons hermenéuticos determinados no artigo 1281 CC radica en evitar que se terxiverse o que aparece claro ou que se admita, sen aclarar, o que se ofreza escuro, sendo factor decisivo de interpretación, no primeiro suposto, as palabras empregadas e, no segundo, a intención evidente dos contratantes (así tamén, STS 30-4-2004) .

Concretamente, expresamos en incontables ocasións en relación á interpretación dos contratos (por todas, SSTSX de Galicia 23-11-2005 R. 4323/2005, 4-11-2005 R. 786/2005, 6-7-2005 R. 2884/2005, 6-7-2005 R. 367/2003, 13-6-2005 R. 436/2003, 31-5-2005 R. 6157/2002, 10-3-2005 R. 344/2005 e 27-9-2004 R. 3017/2004) , que é unha facultade privativa dos tribunais de instancia, cuxo criterio deberá prevalecer a menos que se demostre que sexa ilóxica ou absurda (SSTS 17-3-1983 e 23-5-1983) , ou se impugne pola vía axeitada o erro sufrido por aqueles, pero sen que se poida pretender substituír co criterio do recorrente a interpretación realizada (entre outras moitas, SSTS 30-10-1982, 10-11-1982, 22-11-1982, 4-5-1984, 26-9-1985 e 28-2-1986) . O artigo 1.281 do Código Civil, ademais, consta de dous parágrafos previstos para supostos distintos, e o artigo 1282 é supletorio unicamente do parágrafo segundo e non do primeiro, porque a interpretación literal claramente constatada exclúe descubrir a supostamente encuberta, en canto que o 1282 só pode entrar en xogo como norma supletoria en relación co 1281, parágrafo segundo, para xulgar a intención dos contratantes, non cando esta é evidente (STS 24-6-1993) .

E, desde logo, a fórmula utilizada polo artigo 1-Este convenio regula as relacións de todas as empresas e os seus traballadores cuxo obxecto sexa a explotación de lousas na provincia de Ourense e nas empresas de Lugo que se relacionan na acta da súa sinatura-é o suficientemente clarificadora como para excluír calquera outra consideración. A Sala non advirte modulación ningunha nas expresións utilizadas por inserirse nun convenio titulado na resolución que autoriza a súa publicación como extraestatutario. En realidade, non temos dúbida ningunha do significado das palabras utilizadas; é máis, consideramos que a devandita fórmula é unívoca, criterio referendado pola súa rúbrica Ámbito funcional, territorial e persoal ; e, polo tanto, nula. Preténdese dar-directamente-a un pacto que debe estar limitada ás partes asinantes unha eficacia da cal só gozaría o correspondente convenio colectivo estatutario, que non se conseguiu consensuar na comisión negociadora que tivo lugar en Sobradelo de Valdeorras o 17-10-2005.

Cuarto

1. Con respecto á disposición derradeira oitava, novamente deberemos admitir a demanda presentada, xa que ben que existe-e se admite como válido-o fenómeno da extensión dun convenio extraestatutario a outros traballadores non afiliados, é inadmisible que as partes pretendan reservar para elas o poder para amplialo a terceiros ou a fixar cáles deben ser os criterios de interpretación da devandita adhesión.

En concreto, xa advertiamos na citada STSX Galicia 30-6-2004 R. 2386/2004 que a principal característica destes pactos extraestatutarios estriba en que o seu ámbito persoal de aplicación se limite á empresa e aos traballadores que-ben por si mesmos ou ben a través do sindicato ao cal veñen afiliados-os concertaran inicialmente, así como a aqueloutros que a partir deste momento se adhiran ao concerto por calquera dos medios previstos no ordenamento xurídico (STS 30-3-1999) , en decisión individual plenamente válida e eficaz (STC 108/1989, do 8 de xuño; e SSTS 14-11-1994 e 8-6-1999) , e que esta adhesión sempre tería lugar en forma tácita se o traballador recibe e acepta sen protesta as vantaxes do novo acordo pois iso sempre sería expresión dun consentimento (STS 10-6-1998) , posto que-como sinala a STS 30-3-1999-A doutrina civilista admite sen restricións o consentimento (...) tácito, sempre que iso se poida inferir con claridade da conduta da correspondente parte contratante, de tal sorte que esta inferencia sexa lóxica e se axuste ao prevido nos artigos 1.249 e 1.253 do Código Civil ...

É-ademais-perfectamente comprensible que as empresas do sector pretendan unha homoxeneidade na aplicación convencional e comecen a aplicar o acordo aos seus traballadores, porque tampouco hai práctica antisindical ao prever no propio pacto a posibilidade de adhesión a este, en forma individual ou colectiva (SSTS 30-3-1999 e 8-6-1999) . De feito, a STC 108/1989, do 8 de xuño, indica que a extensión dos convenios de eficacia limitada máis alá do círculo persoal dos que o subscribiron, non se pode facer, certamente, por procedementos ou vías que non conten coa vontade dos que nel non participaron, pero a adhesión destes, como adhesión libre, non pode ser en ningún caso cuestionada, nin necesita para exercerse que o convenio mesmo a prevexa, polo que en ningún caso se pode imputar a tales cláusulas, xuridicamente irrelevantes, a lesión dun dereito alleo. Nin a existencia de tales cláusulas no convenio aquí atacado, nin a consideración de que a adhesión dos traballadores a el está en certo modo forzada porque só dese modo poderán gozar das vantaxes que el mesmo prevé, se poden considerar, en consecuencia, como unha violación da facultade da recorrente para a negociación dun convenio de eficacia xeral. Polo tanto, as adhesións individuais dos traballadores non afiliados aos sindicatos asinantes non é necesario que se teñan que facer expresamente e, moito menos, por escrito, abondando simplemente a aplicación do convenio polo empresario sen protesta do traballador (SSTS 10-6-1998 e 30-3-2000) .

2. Agora ben, con ser válido o anterior, a cuestión de autos céntrase non na eficacia dun consentimento tácito-que é o suposto axuizado na STCT do 16-10-1986-, senón na extensión automática a todos os traballadores das empresas integradas na AGP, salvo que se opoñan expresamente (así, dedúcese da DF e do documento noveno do ramo da demandante) . Aínda que non se poida negar o primeiro, si discrepamos da licitude da fórmula utilizada-ordinal terceiro-por diversas razóns; en particular, primeiro, a interpretación xurídica non lles corresponde aos asinantes, senón aos tribunais de xustiza; segundo, estase a producir unha extralimitación do propio convenio (reflexo, por outra parte, da vontade xeneralista xa manifestada no artigo 1 anulado) , dado que prevé unha extensión tácita que só se podería facer legal ou xurisprudencialmente; e terceiro, ninguén pode ser definidor da eficacia xurídica dos seus propios actos, salvo o lexislador. Que xudicialmente se poida chegar a interpretar o silencio

dun traballador do sector ao cal se aplica o convenio presente como equivalente a un consentimento tácito e que-mesmo-para chegar a esa conclusión validadora se poida considerar a doutrina expresada na citada STCT, non significa que os asinantes poidan dotar este convenio dunha eficacia persoal, funcional ou territorial da cal carece, pois esa cuestión corresponde ben ao lexislador ben aos órganos xurisdicionais. En definitiva, o alcance da eficacia persoal xeral dun convenio colectivo extraestatutario pola vía fáctica das adhesións individuais-ou colectivas-dos suxeitos incluídos potencialmente na unidade de negociación non converte o convenio extraestatutario en estatutario (así, STCT 8-11-1986) e, polo tanto, non se pode prever expresamente a devandita extensión. Atopámonos ante un novo intento de dotar de aparencia estatutaria este pacto extraestatutario, conclusión avalada polas valoracións expresadas ao fío da interpretación do artigo 1 (vide supra FX terceiro. 2) que veñen confirmar o noso criterio. Como no suposto anterior, a Sala estima a súa nulidade.

Quinto

Un último apuntamento require a alegación do Ministerio Fiscal, quen rexeita a súa lexitimación para intervir neste proceso, pois o convenio impugnado carece de carácter xeral e está restrinxido ás partes asinantes, sen que se acreditase ningún dos supostos nos cales se impón a súa participación (EOMF e demais normativa relacionado) . A Sala non comparte esa formulación, pois xa advertiamos supra-FX segundo-que a impugnación dun convenio colectivo extraestatutario se funda no artigo 163.1 LPL, que se refire a todos os convenios colectivos, calquera que sexa a súa eficacia (sexan estatutarios ou extraestatutarios) -STS 18-2-2003-; e no parágrafo cuarto do devandito precepto indícase expresamente que o Ministerio Fiscal será parte sempre nestes procesos ; ademais de que na tramitación se prevé a súa correlativa citación á vista do xuízo oral (artigo 164.1º LPL) . Isto non supón-en absolutoprexulgar cál será a posición para adoptar polo representante público, dado que a súa función é defender, igualmente, a legalidade nos procesos (...) laborais que prevén a súa intervención (artigo 3.14º EOMF) , de tal forma que ben puidese opoñerse ou adherirse á demanda formulada; pero si impón a súa participación no proceso que se desenvolve. En consecuencia,

RESOLVEMOS:

Que con estimación da demanda presentada polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia en impugnación de convenio colectivo, declaramos nulos o artigo 1 e adisposición derradeira oitava do convenio colectivo extraestatutario do sector da lousa das provincias de Ourense e Lugo, publicado por Resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais do 29-12-2005 (DOG do 30-1-2006) condenando o Sindicato Unión Xeral de Traballadores e aAsociación Galega de Pizarristas a estar e pasar por esta resolución. Así mesmo, absólvese o Ministerio Fiscal.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, facéndolles saber que contra ela só cabe recurso de casación para unificación de doutrina que se preparará por escrito ante esta Sala do Social dentro dos dez días seguintes ao da notificación desta sentenza e de acordo co disposto nos artigos 203 e seguintes da Lei de procedemento laboral, e unha vez que sexa firme, expídase certificación para constancia na peza que se arquivará neste tribunal incorporándose o orixinal ao correspondente libro de sentenzas, logo de de devolución dos autos ao xulgado do social de procedencia.

Así, por esta nosa sentenza, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo».