Convenio Colectivo de Sector de PRIMEIRA TRANSFORMACION DA MADEIRA (27000445011982) de Lugo
Convenios
Convenio Colectivo de Sec...2) de Lugo

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Sector de PRIMEIRA TRANSFORMACION DA MADEIRA (27000445011982) de Lugo

Sector Autonómico. Versión anterior. NO VIGENTE. Validez desde 11 de Abril de 2002

Tiempo de lectura: 19 min

Resolución do 17 de decembro de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da primeira transformación da madeira da provincia de Lugo. (Diario Oficial de Galicia num. 127 de 02/07/2003)

Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da primeira transformación da madeira da provincia de Lugo (código 2700445) , asinado o día 26 de novembro de 2002, pola representación daAsociación Provincial de 1ª Transformación da Madeira, Rematantes e Aserradores de Lugo, e das centrais sindicais UGT (50,0%) , USO (17,0%) , CC. OO. (8,0%) e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei dos Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro

Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta Delegación, así como o seu depósito.

Segundo

Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 17 de decembro de 2002. Manuel Teijeiro Álvarez Delegado provincial de Lugo

CONVENIO COLECTIVO PROVINCIAL DA PRIMEIRA TRANSFORMACIÓN DA MADEIRA DA PROVINCIA DE LUGO

 
Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo de traballo é de aplicación a tódolas empresas dedicadas ás actividades de serradoiro de madeira, industria de chapa e parqué, así como remate de madeira (tarefas de corta e preparación da madeira antes da transformación no serradoiro) , que se rexan polo II convenio colectivo estatal da madeira, coa excepción feita daquelas empresas que no día da data teñan aprobado convenio colectivo propio ou estean pendentes da súa aprobación.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidas neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídos no seu ámbito funcional, agás os menores de 16 anos para as que está prohibida a súa contratación.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A duración deste convenio será desde o 11 de abril de 2002 ata o 31 de decembro do ano 2003, entrando en vigor o día da súa publicación no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia, con efectos económicos desde o 11 de abril de 2002.

Modifícase, en consecuencia, o período de vixencia do convenio, que a partir do 1 de xaneiro de 2003 pasará a ser de vixencia anual coincidindo co ano natural.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As disposicións deste convenio son de aplicación ás empresas de Lugo e maila súa provincia, ós seus traballadores e ás empresas que, tendo o seu domicilio noutra provincia, os seus traballadores presten os servicios nesta. Do mesmo xeito quedan obrigadas cantas empresas poidan constituírse no futuro na provincia de Lugo e queden enmarcadas no ámbito funcional deste acordo.

Artigo 5º.-Denuncia.

O convenio prorrogarase por períodos anuais, agás na materia salarial, de non denunciarse por calquera das partes cunha antelación dun mes respeto a data do seu remate.

Artigo 6º.-Comisión mixta paritaria.

Para interpreta-lo contido deste convenio, vixia-lo cumprimento e exerce-las funcións de arbitraxe nos problemas e cuestións suscitadas como consecuencia da súa aplicación constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes desde convenio, que estará formado por seis representantes da asociación empresarial asinante, catro da central sindical UGT, un da central sindical USO e un da central sindical CC. OO., igualmente asinantes. En caso de non chegar a acordo a referida comisión, ámbalas dúas partes sométense á competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación e máis á xurisdición competente.

A mencionada comisión terá competencias en materia de desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo e da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, de conformidade coa lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma, salvo a antigüidade consolidada de conformidade co establecido no artigo décimo quinto e cos límites establecidos no artigo décimo terceiro.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral establécese, para o período que vai desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano 2002, en 1.776 horas anuais de traballo efectivo.

A xornada establécese, para o período que vai desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano 2003, en 1.772 horas anuais de traballo efectivo.

As empresas poderán distribuí-la xornada establecida no parágrafo anterior ó longo do ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso a distribución irregular da xornada respectará os topes mínimos e máximos de distribución previstos no artigo 43 do convenio colectivo estatal da madeira.

Para os efectos dunha mellor organización do traballo, as empresas poderán establecer un calendario anual no que se recolla a distribución da xornada pactada ó longo do ano.

Artigo 9º.-Vacacións anuais.

1. O período de vacacións anuais retribuídas, non sustituíbles por prestación económica, será de 30 días naturais. Principiarán a desfrutarse sempre en días laborais, preferentemente entre o día 20 de xuño e o 30 de setembro.

2. O período do seu disfrute fixarase de común acordo entre o empresario e mailo traballador, que tamén poderán acorda-la división en dous períodos das vacacións totais.

Na falta de acordo seguirase o disposto nos convenios colectivos sobre planificacións anuais das vacacións, respectándose, en todo caso os seguintes criterios:

a) O empresario poderá excluír como período vacacional aquél que coincida coa maior actividade productiva estacional da empresa, logo de consulta cos representantes legais dos traballadores.

b) Por acordo entre o empresario e mailos representantes legais dos traballadores, poderanse fixa-los períodos de vacacións de todo o persoal, xa sexa en quendas organizadas sucesivamente, xa sexa con suspensión total da actividade laboral, sen máis excepcións cás das tarefas de conservación, reparación e semellantes.

c) Cando exista un réxime de quenda de vacacións, os traballadores con responsabilidades familiares teñen preferencia para que as súas coincidan cos períodos de vacacións escolares.

d) Se existise desacordo entre as partes, a xurisdición competente fixará as datas de desfrute das vacacións, sendo a súa decisión irrecorrible. O procedemento será sumario e preferente.

e) O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas nas que lle corresponde desfruta-las vacacións dous meses antes, polo menos, da data de comenzo delas.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute das vacacións, agás das horas extraordinarias e gratificacións extraordinarias.

Artigo 10º.-Permisos retributivos.

Os traballadores que contraian matrimonio terán dereito a 21 días de permiso. Por cambio de domicilio dous días, para os demais supostos seguirase o establecido no cadro de permisos e licencias recollido no anexo II convenio colectivo estatal da madeira e na lexislación laboral vixente.

Artigo 11º.-Horas sindicais.

Os delegados de persoal disporán dun crédito mínimo de 16 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións.

Artigo 12º.-Salario.

Comprende, para o período que vai desde o 1 de abril de 2002 ata o 31 de decembro de 2002, as retribucións que na xornada normal de traballo figuran na táboa de salarios anexa.

A táboa salarial anexa é resultado do pacto consistente en aplicar, para o ano 2002, un incremento salarial do 3,30% sobre das táboas do convenio anterior. Non obstante, dado que a vixencia do convenio para o ano 2002 comprende únicamente nove meses, desde o 1 de abril de 2002 ó 31 de decembro de 2002, aplícase ás táboas salariais vixentes no ano 2001 a parte proporcional do incremento salarial pactado para o ano 2002 correspondente a nove meses, isto é, un 2,50% de incremento.

Para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2003 o incremento salarial será do IPC previsto polo Goberno para o ano 2003 máis un 0,75%.

As partes asinantes, tan pronto como teñan constatado o resultado do IPC real do ano 2002 e o IPC previsto polo Goberno para o ano 2003, procederán á confección e sinatura das táboas salariais con vixencia desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2003 e remitiranas para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e BOP de Lugo.

Artigo 13º.-Cláusula de revisión salarial.

Establécese para o período que vai desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2002 unha cláusula de revisión salarial de 0,3 puntos por encima do IPC real do ano 2002.

En todo caso, dado que a vixencia deste convenio para o ano 2002 só abarca desde o 1 de abril ata o 31 de decembro, as partes asinantes, tan pronto como constaten o resultado do IPC real ó 31 de decembro de 2002, procederán, se é o caso, a aplica-la cláusula de revisión pactada da seguinte forma: calcularase a parte proporcional do IPC real do ano 2002 correspondente a nove meses, servindo tal cálculo de base para aplica-la cláusula de revisión, de forma que se garanta que o incremento salarial do convenio para o período que vai desde o 1 de abril de 2002 ó 31 de decembro de 2002 sexa como mínimo do IPC real do ano 2002 referido a nove meses máis 0,3 puntos.

No caso de que a cláusula de revisión pactada dese lugar a un maior incremento salarial para o período que vai desde o 1 de abril ó 31 de decembro de 2002 que o aplicado inicialmente, as partes asinantes procederán á confección e sinatura das táboas revisadas para este período, que remitirán para a súa publicación noDiario Oficial de Galicia e o BOP de Lugo.

Neste caso as empresas aboarán ós traballadores as diferencias salariais ás que houbese lugar polo período comprendido entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2002 no prazo de 30 días contados desde a publicación das táboas salariais revisadas nos diarios oficiais.

Para o ano 2003 establécese unha cláusula de revisión salarial para o caso de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 2003 rexistre un incremento superior ó IPC previsto polo Goberno para o ano 2003.

No caso de que a cláusula de revisión pactada para o ano 2003 dese lugar a un maior incremento salarial para este período, as empresas virán obrigadas a aboar ós traballadores as diferencias salariais ás que houbera lugar nunha soa paga no mes de febreiro do ano 2004.

Artigo 14º.-Sobresoldo de asistencia.

Establécese un sobresoldo de asistencia para tódalas categorías profesionais a percibir por día efectivamente traballado. Perderase por acumulación de dúas faltas inxustificadas. Non será absorbible polos aumentos sobre o salario mínimo.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias, unha de elas denominada paga de verán, que se aboará antes do 30 de xuño e outra en decembro, denominada paga de Nadal, que se aboará antes do 20 do citado mes.

A contía das pagas menciondas será de 30 días de salario base e máis antigüidade e compensación por perda da antigüidade.

As pagas extraordinarias reguladas neste artigo devengaranse por semestres naturais e por cada día natural no que se devengase o salario base.

Artigo 16º.-Complemento de antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996 non se devengan por este concepto novos dereitos quedando, polo tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada á dita data. A contía mencionada figurará na nómina de cada traballador como complemento persoal baixo o concepto de antigüidade consolidada non sendo tal contía absorbible nin compensable. Para tales efectos fíxase na táboa salarial anexa o importe do quinquenio consolidado para cada unha das categorías profesionais.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

A partir da data de publicación deste convenio no Diario Oficial de Galicia ou BOP de Lugo, todo traballador con dereito a axudas de custo percibirá as contías que se indican a continuación ou ben gastos a xustificar, a elección da empresa.

-Media axuda de custo: 9,50 euros.

-Axudas de custo: 19,00 euros.

Artigo 18º.-Xubilación.

Os traballadores comprendidos neste convenio que se xubilen cunha antigüidade de 5 anos na empresa terán dereito a 30 días de vacacións retribuidas e no caso de que xubilen con máis de 10 anos de antigüidade na empresa terán dereito a 60 días de vacacións retribuídas.

Artigo 19º.-Xubilación voluntaria ós 64 anos.

Os traballadores con 64 anos cumpridos, incluídos no ámbito persoal deste convenio, que desexen acollerse á xubilación co 100% dos dereitos, poderán facelo, estando, neste caso, a empresa obrigada a contratar outro traballador inscrito como demandante de emprego, acolléndose a calquera das modalidades de contratación previstas na lexislación vixente.

Artigo 20º.-Seguridade e hixiene.

1. O traballador, na prestación dos seus servicios, terá dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e hixiene.

2. O traballador estará obrigado a cumprir e utilizar no seu traballo as medidas legais e regulamentarias de seguridade e hixiene.

3. Na inspección e control das referidas medidas, que sexan de cumprimento obrigado polo empresario, o traballador terá dereito a participar por medio dos seus representantes legais no centro de traballo, se non se conta con órganos ou centros expecializados competentes na materia, dacordo coa lexislación vixente.

4. O empresario está obrigado a facilitar unha formación práctica axeitada en materia de seguridade e hixiene ós traballadores que contrate, ou cando cambien de posto de traballo ou teñan que aplicar unha nova técnica que poida ocasionar riscos graves para o propio traballador ou para os compañeiros ou terceiros, ben sexa por servicios propios ou coa intervención dos servicios oficiais correspondentes. O traballador está obrigado a segui-las ditas ensinanzas e a realiza-las prácticas cando se celebren dentro da xornada de traballo ou noutras horas, pero con desconto naquelas do tempo empregado nelas.

5. Os órganos internos da empresa, competentes en materia de seguridad e hixiene e, no seu defecto, os representantes legais dos traballadores no centro de traballo, que constaten un risco grave de accidente pola inobservancia da lexislación aplicable á materia, requirirán ó empresario por escrito para que adopte as medidas oportunas que fagan desaparecer o estado de risco; se a petición non fose atendida no prazo de catro días, dirixiranse á autoridade competente; esta se constatase a veracidade das circunstancias alegadas, mediante resolución fundada requirirá o empresario para que adopte as medidas de seguridade apropiadas ou suspenda as actividades na zona ou local de traballo. Tamén poderá ordenar, cos informes técnicos precisos, a paralización inmediata da actividade se estimase un risco grave e inminente de accidente.

Se o risco de accidente fose inminente, a paralización das actividades poderá ser acordada por decisión dos órganos competentes da empresa en materia de seguridade ou polo setenta e cinco por cento dos representantes dos traballadores en empresas con procesos descontinuos, e da totalidade deles naquelas nas que o proceso sexa continuo; tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e máis á autoridade laboral, que en 24 horas anulará ou ratificará a paralización acordada.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará ós traballadores dúas fundas ó ano, unha cada seis meses, así como todos aqueles artigos de seguridade que especifique a lexislación vixente, especialmente ós traballadores desprazados no monte que realicen funcións de poda ou tronzado entregaranselle botas axeitadas.

Artigo 22º.-Recoñecementos médicos.

Sempre que as mutuas patronais ou laborais que cubran os riscos de accidente de traballo en cada empresa, desexen realizar recoñecementos médicos sobre posibles enfermidades profesionais, así como cando o Gabinete de Seguridade e Hixiene de Lugo propoña recoñecementos no sector, as empresas estarán obrigadas a facilita-lo tempo necesario para realizar estes servicios médicos, logo da correspondente citación por escrito na que deberá figurar día, hora e lugar de recoñecemento.

Cando os resultados do recoñocemento médico rutineiro fagan ve-la necesidade dunha atención máis especializada en materia de saúde laboral, acudiráse ó Gabinete de Seguridade e Hixiene de Lugo.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

As empresas afectadas por este convenio estarán obrigados a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguro que cubra no caso de accidente de traballo, así declarado pola Seguridade Social, os riscos de falecemento e invalidez permanente nos graos de total, absoluta e grande invalidez.

As contías da citada póliza serán de 18.030,36 euros no caso de falecemento e 21.035,42 euros no caso de invalidez permanente en calquera dos seus tres graos.

O incremento que se establece nas contías da póliza de seguros con relación ás contías vixentes no convenio anterior só afectará ós procesos iniciados a partir de que se cumpran dous meses desde a publicación deste convenio no BOP de Lugo.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida percibi-lo traballador da Seguridad Social, mutualidade ou Montepío.

Non obstante, a indemnización que se perciba con cargo ó seguro aquí establecido, considerarase como entrega á conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo á empresa os tribunais de xustiza, compensandose ata onde aquela alcance.

Artigo 24º.-Vinculación á totalidade.

Como queira que as condicións pactadas neste convenio colectivo son o resultado da adaptación del ó convenio colectivo estatal da madeira, se se dese o caso de que a xurisdicción competente anulase ou invalidase, habendo resolución firme, algúns ou tódolos seus pactos e polo tanto quedase sen efecto o convenio colectivo estatal pola aplicación do seu Artigo 16º.o convenio colectivo estatal deixará de rexir no futuro no que respecta a este convenio colectivo provincial.

Por outra parte e no suposto de que a xurisdicción competente estimase que algunha das condicións pactadas neste convenio colectivo conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros e como queira que este convenio na súa redacción actual constitúe un todo orgánico indivisible, terase por totalmente ineficaz debendo reconsiderarse o seu contido íntegro pola comisión negociadora.

Artigo 25º.-Contrato para a formación.

O contrato para a formación que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional deste convenio terá por obxeto a formación práctica e teórica do traballador contratado. Este traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional, relacionada co posto de traballo que vaia desempeñar. O contido do contrato, ó igual que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito e figurará nel, de modo claro, a actividade ou profesión obxecto do aprendizaxe.

En ningún caso se poderá realizar este tipo de contrato naquelas actividades nas que concorran circunstancias de tipo tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

A idade do traballador cun contrato destas características non poderá ser inferior a 16 anos nin superior a 21 anos.

a) A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha o varias empresas dentro do ámbito funcional do sector deste convenio.

b) Non se poderá realizar contratos de duración inferior a seis meses, podendo prorrogar ata tres veces por períodos como mínimo de seis meses.

c) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo.

O 15% do total da xornada dedicarase á formación teórica. Concretaranse no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previo á formación práctica e alternaráse con ésta de forma racional.

No contrato deberá figura-lo nome e categoría profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do traballador en formación, así como de tódolos riscos profesionais. O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

O contrato para a formación considerarase de carácter común ou ordinario cando o empresario incumpra, na súa totalidade, as súas obrigas en materia de formación teórica.

Normas supletorias.-No non recollido neste convenio, serán de aplicación as normas xerais legais, e en especial o II convenio colectivo estatal da madeira.

DISPOSICIONES ADICIONALES

 
Disposición adicional Primeira

As partes asinantes deste convenio consideran o acordo interprofesional galego sobre dos procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Disposición adicional Segunda

As empresas disporán dun prazo de 30 días desde a publicación deste convenio no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia para aboa-las diferencias salariais entre as cantidades que viñesen percibindo e as que se pactan neste convenio, en concepto de atrasos, desde a 1-4-2002 ata a data da publicación.

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)