C. Colectivo. Convenio Colectivo de Sector de SIDEROMETAL E TALLERES DE REPARACION DE VEHICULOS (32000305011981) de Ourense
Sector Provincial. Versión anterior. NO VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2008
Tiempo de lectura: 53 min
Convenio colectivo provincial de siderometal e talleres de reparacion de vehiculos da provincia de Ourense para os anos 2008-2009. Codigo de convenio n.º3200305 (Boletín Oficial de Ourense num. 193 de 22/08/2008)
Servizo de Relacións Laborais
Primeiro
Ordenala súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo que consta nesta Delegación Provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo
Ordenalo seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC).
Terceiro
Dispoñela súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
Ourense, 24 de xullo de 2008. A delegada provincial. PA: o secretario provincial (artigo 8.3.1 do Decreto 536/2005, do 6 de outubro).
Asdo.: Francisco José Osorio Ferreiro.
CONVENIO COLECTIVO PROVINCIAL DE SIDEROMETAL E TALLERES DE REPARACIÓN DE VEHÍCULOS DA PROVINCIA DE OURENSE. ANOS 2008- 2009
Capítulo I. Extensión e ámbito do convenio colectivo.
Artigo 1.- Ámbito funcional e territorial.
Este convenio colectivo obriga as empresas e traballadores/as que presten os seus servizos na provincia de Ourense no sector do metal, tanto no proceso de produción como no de transformación dos seus diversos aspectos e de almacenaxe, e comprometendo, así mesmo, a aquelas empresas, centros de traballo ou talleres onde se leven a cabo tarefas de carácter auxiliar, complementario ou afín á siderometalurxia ou tarefas de instalación, montaxe ou reparación incluídas na dita rama ou en calquera outra que requira tales servizos.
Tamén será aplicable o convenio colectivo nas industrias de fabricación de envases metálicos e botes, cando na fabricación dos envases se utilice chapa de grosor superior a 0,5 mm metálicos, e nos talleres de reparación de automóbiles.
Estarán igualmente afectados polo convenio colectivo aquelas novas actividades afíns ou similares ás incluídas nos apartados anteriores deste artigo.
Quedarán unicamente excluídas do ámbito do convenio colectivo as empresas dedicadas á venda de artigos en proceso exclusivo de comercialización.
As condicións pactadas no convenio provincial teñen o carácter de mínimos obrigatorios. Os convenios vixentes á entrada en vigor deste convenio veranse afectados por el en todo aquilo que implique melloras para os traballadores/as. As empresas deberán aplicalas melloras no prazo dun mes, que comezará a contar desde a publicación deste convenio.
Artigo 2.- Ámbito persoal.
O convenio afectaralle a todo o persoal que preste os seus servizos nas empresas encadradas no ámbito de aplicación, salvo o que realiza traballos de alta dirección ou alta xestión da empresa.
Artigo 3.- Vixencia e duración.
Este convenio entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 2008, independentemente da súa publicación no BOP. Será de aplicación ata que se asine outro que o substitúa.
Establécese unha duración de dous anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 2009, prorrogable tacitamente de ano en ano a partir do 2009 en períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes que o subscribe antes do termo da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas. Os requisitos formais e efectos da denuncia quedan establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.
Capítulo II. Organización do traballo.
Artigo 4.- Produtividade.
O fin primordial deste convenio colectivo é mellorala produtividade das empresas logrando, ó mesmo tempo, unha elevación das retribucións dos traballadores como consecuencia da implantación do sistema de organización científica do traballo, debe producirse cos mesmos custos totais e obtela mesma cantidade de produción cun custo total inferior, resultando de ámbalas dúas maneiras uns beneficios para a comunidade no seu conxunto. Para iso, como consecuencia deste convenio xurde a recomendación ás empresas, no que sexa posible, para que sigan unha técnica organizativa que as leve a unha total racionalización. O sistema de traballo que teña que empregarse será de libre iniciativa da empresa. Non obstante, calquera que sexa o sistema, deberá axustarse ás regras que se sinalan neste convenio, sen prexuízo da súa aprobación pola autoridade laboral competente e representantes dos traballadores.
A actividade normal de traballo é a desenvolta polo operario medio que actúa baixo a dirección competente, pero sen estímulo dun sistema de remuneración por rendemento e sen coacción ningunha, isto é a cantidade de traballo desenvolta efectivamente por un obreiro capacitado realizando unha actividade mínima normal equivalente a 4,800 km/hora e que fora determinada por unha correcta cronometraxe.
A actividade normal vén determinada por cen unidades centesimais ou sesenta puntos de Bedaux ou o seu equivalente noutros sistemas de medición que sexan aceptados internacionalmente.
A actividade óptima é a que poida desenvolver un traballador activo adestrado no traballo e que logre neste con seguridade o nivel de calidade e precisión fixados pola tarefa. Esta actividade está valorada en 140 unidades centesimais ou 80 puntos de Bedaux ou o seu equivalente. Será sancionable todo traballador que non alcance a actividade normal durante tres días consecutivos ou 5 alternos no período de 30 días. En cada caso a empresa, para os efectos de sanción, apreciará a gravidade da falta á vista dos feitos producidos. Así mesmo será obxecto de sanción o produtor que de maneira reiterada manteña a actividade inferior á normal.
Establécese especificamente que a facultade de organización práctica do traballo corresponde á dirección da empresa previa audiencia e informe dos representantes dos traballadores, e en consecuencia sinálanse entre outras as seguintes funcións:
a) Esixencia da actividade normal fixada polo convenio
b) Adxudicación do número de máquinas ó traballador a rendemento normal
c) Mobilidade e cambio de persoal nas empresas de acordo coas necesidades da organización e da produción na forma sinalada regulamentariamente. Nas empresas onde se establezan sistemas de incentivos á actividade normal corresponderá a gratificación de carencia de incentivos deste Convenio. Nestas empresas o dito sistema deberá ser aprobado de mutuo acordo entre a dirección e os representantes dos traballadores, non deben aplicarse penalizacións ata tres meses despois de establecerse, considerándose o dito período como de proba.
En ningún caso poderá penalizarse a falta de produtividade e a falta de puntualidade e asistencia á vez.
Artigo 5.- Repercusión de prezos.
Faise expresa mención a que as melloras do convenio terán repercusión no prezo dos produtos ou servizos a que esta actividade se refire.
Artigo 6.- Postos de traballo e categorías profesionais.
Serán as que se determinan e clasifican no anexo I.
Artigo 7.- Traballos de superior categoría.
Tódolos traballadores, no caso de necesidade, poderán ser destinados a traballos de categoría superior co salario que corresponda á dita categoría. Non pode ter este cambio unha duración superior a 2 meses. Se un traballador ocupa un posto de categoría superior durante 12 meses alternos consolidará o salario da dita categoría. No dito suposto o traballador pasará á categoría superior e en todo caso estarase ó disposto no Estatuto dos traballadores.
Artigo 8.- Diminuídos físicos.
Todo traballador que padeza algunha incapacidade física será destinado para ocupalos postos de traballo acordes coas súas aptitudes.
Artigo 9.- Reserva do posto de traballo no caso de invalidez provisional.
Os traballadores que cesaran na empresa por causa de invalidez provisional teñen dereito a ser declarados aptos para o traballo e a seren reintegrados no posto de traballo que con carácter normal ocupaban na empresa na data na que causaron baixa e no posto adecuado ás súas condicións.
Será preciso que o traballador o solicite da empresa dentro do mes seguinte á data de declaración de aptitude.
Artigo 10.- Protección ó embarazo.
A avaliación de riscos deberá comprendela natureza, grao e duración da exposición das traballadoras embarazadas ou lactantes a axentes, procedementos o condicións de traballo (xornada, quendas de traballo, etc.) que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto. Se os resultados desta avaliación revelaran un risco para a saúde destas traballadoras, o empresario adoptará as medidas preventivas necesarias para evitalos ditos riscos a través dunha adaptación das condición de traballo o do tempo de traballo da traballadora afectada, sen mingua ningunha dos seus dereitos económicos ou sociais. Se non fora posible procederase á suspensión do seu contrato de traballo por risco durante o embarazo recoñecendo o seu dereito ás melloras ás que tivera dereito durante a dita suspensión.
No caso de lactación natural, a suspensión entenderase cando o cambio de posto de traballo non resultara técnica ou obxectivamente posible ou non poida obxectivamente esixirse e rematará cando ó bebé cumpra nove meses ou cando desapareza a imposibilidade da traballadora de reincorporarse ó seu anterior posto ou a outro compatible con seu estado.
Artigo 11.- Principio de igualdade de oportunidades e de trato.
Ningún traballador ou traballadora poderá ser discriminado ou discriminada en razón do seu sexo. Tódolos traballadores/as teñen dereito ó respecto á súa dignidade e á protección á súa intimidade. Polo tanto, en consonancia coa lexislación vixente, os comités de empresa e/ou representantes das/dos traballadoras/es vixiarán o cumprimento das seguintes normas:
a) Que non figure nas condicións de contratación ningún requisito que supoña discriminación por sexo.
b) Que non se produzan diferenzas nas denominacións dos postos de traballo en función por sexo.
c) Que ningún/ha traballador/ra poderá ser obxecto de decisións e/ou condicións, ou calquera clase de medidas que comporten un trato discriminatorio en materia de salarios, promoción, conservación do posto de traballo, etc., en razón do seu sexo.
d) Ningún/ha traballador/ra poderá ser discriminado/a, sancionado/a ou despedido/a por cuestións relativas á súa intimidade, sempre que non afecten á actividade laboral
e) Evitarase na redacción do convenio a linguaxe sexista.
Capítulo III. Formación e ingreso do persoal.
Artigo 12.- Período de proba.
O período de proba será de quince días para os seguintes traballadores: peón, especialista, oficial de 3ª, oficial de 2ª e oficial de 1ª. Para as demais categorías estarase ó establecido no Estatuto dos traballadores.
Artigo 13.- Rexistro de persoal.
Mantense a obriga de levar un rexistro xeral do persoal dentro de cada empresa. Os modelos de cotización á Seguridade Social serán expostos no taboleiro de anuncios.
Artigo 14.- Prohibición de discriminación.
Prohíbese toda discriminación por razón de sexo, idade ou nacionalidade dos traballadores en materia salarial, de promoción e ascenso.
Artigo 15.- Situación laboral dos traballadores.
As empresas entregarán ós traballadores que o soliciten, dentro dos dez días seguintes á súa incorporación ó traballo, copia da acta debidamente dilixenciada polo organismo competente.
Artigo 16.- Cláusula xeral sobre formación.
As partes asinantes coinciden en que unha das causas da deficiente situación do mercado de traballo deriva do afastamento da formación profesional respecto das necesidades auténticas de man de obra e da carencia dunha formación ocupacional continua para a actualización e adaptación dos traballadores activos ás novas características das tarefas na empresa.
A formación profesional, en tódalas súas modalidades (inicial ou continua) e niveis, debe ser considerada como un instrumento mais de significativa validez, que coadxuve para lograr a necesaria conexión entre as cualificacións dos traballadores e os requirimentos do mercado de traballo (emprego). E nunha perspectiva máis ampla, ser un elemento dinamizador que acompañe ó desenvolvemento industrial a longo prazo, permita a elaboración de produtos de maior calidade que favoreza a competitividade das nosas empresas españolas no ámbito internacional e faga posible a promoción social integral do traballador, promovendo a diversificación e profundización dos seus coñecementos e habilidades de modo permanente.
Para estes efectos, as partes asinantes cren conveniente:
Realizar, por si ou por medio de entidades especializadas, estudos de carácter prospectivo respecto das cualificacións futuras e necesidades de man de obra no sector.
Desenvolver e promovela aplicación efectiva do artigo 22 do Estatuto dos traballadores, así como dos convenios internacionais subscritos por España, referentes ó dereito á formación continua, facilitando o tempo necesario para a formación.
Propor e executar accións formativas nas súas diversas modalidades e niveis, xa sexa con programa que poida impartirse nos centros de formación de empresa ou cos que no futuro puideran constituírse, como a través dos programas nacionais ou internacionais desenvoltos por organismos competentes.
Colaborar segundo as propias posibilidades ou mediante entidades especializadas no diagnóstico e deseño de programas puntuais de formación nas empresas, tendo en conta as especificacións e necesidades concretas, así como as características xenéricas ou individuais dos traballadores afectados.
Coordinar e seguilo desenvolvemento de formacións en prácticas dos alumnos que sexan recibidos polas empresas, no marco dos acordos asinados a nivel sectorial ou por empresas.
Avaliar de maneira continuada tódalas accións emprendidas co fin de revisalas orientacións, promover novas actividades e autorizala definición dos obxectivos da formación profesional.
Nesta perspectiva, as partes asinantes deste convenio consideran conveniente que as empresas desenvolvan, neste sentido, procesos formativos (diagnósticos, programación, cursos, avaliación), podéndose constituír en empresas de máis de 250 traballadores comisións paritarias de estudo, sendo os seus obxectivos a avaliación e información sobre o proceso formativo da empresa.
Artigo 17.- Traballadores en formación laboral.
O contrato de formación que fagan as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional deste convenio terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional, relacionada co posto de traballo para desempeñar.
O contido do contrato, igual que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito e figurará nel, claramente, a actividade ou profesión obxecto do contrato de formación.
En ningún caso poderase realizar este tipo de contratos naquelas actividades nas que concorran circunstancias de tipo tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.
1. A duración máxima será de dous anos, sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector deste convenio.
2. Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses, podendo prorrogar ata tres veces por períodos de 6 meses como mínimo.
3. Este tipo de contrato deberá realizarse a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase a formación teórica. Concretarase no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado da ensinanza teórica.
A ensinanza teórica, se é posible, deberá ser previa á formación práctica ou alternarase con esta de forma racional. No contrato deberá figurar o nome e a categoría profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica. O titor deberá velar pola adecuación do aprendiz, así como de tódolos riscos profesionais.
O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionadocoa especialidade ou obxecto do contrato. O salario de contratación destes traballadores será o primeiro ano igual ó SMI e no segundo o SMI máis un 10%, nos dous casos en función do tempo efectivamente traballado.
No caso de cesamento na empresa, entregáraselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida no que constará a duración de esta.
Artigo 18.- Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.
O contrato de duración determinada da modalidade de eventual por circunstancias da produción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, regulado no artigo 15.1.b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 12/2001, poderá ter unha duración máxima de 12 meses dentro dun período máximo de 18 meses.
A dita duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor deste convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.
Artigo 19.- Indemnización ó termo dos contratos temporais.
En empresas que tendo máis de 10 traballadores teñan menos do 50% de fixos no seu cadro de persoal, ó remate do contrato temporal, excepto nos casos do contrato de interinidade e dos contratos formativos, o traballador terá dereito a recibir unha indemnización equivalente a 12 días de salario. Non concorrendo estas circunstancias, o traballador percibirá unha indemnización ó remate do contrato equivalente a 8 días de salario.
Artigo 20.- Fomento da contratación indefinida.
Durante a vixencia deste convenio a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada acolleranse ó disposto no apartado b), punto 2, da disposición adicional primeira da Lei 12/2001, do 9 de xullo, de medidas urxentes de reforma do mercado de traballo para o incremento do emprego e a mellora da súa calidade, en virtude da cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.
Artigo 21.- Empresas de traballo temporal.
As empresas afectadas por este convenio, cando contraten os servizos das ETT, esixirán a estas que garantan ós traballadores postos a súa disposición as condicións económicas e sociais establecidas neste convenio. En calquera caso, a utilización desta vía de contratación quedará limitada a situacións excepcionais para cubrir imprevistos, tales como incapacidade temporal, vacacións e licenzas. Tamén quedarán excluídas as actividades e traballos que sexan especialmente penosos, tóxicos ou perigosos.
Artigo 22.- Adscrición do persoal ás empresas de mantemento auxiliares.
1. Ó final da concesión dunha contrata de mantemento, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a ser ads critos á nova empresa titular da contrata, a cal se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se cumpran os seguintes presupostos:
- Traballadores en activo que presten os seus servizos no dito centro.
- Traballadores que no momento do cambio de titularidade da concesión se atopen de baixa por IT, en excedencia, servizo militar ou análogo.
2. Os supostos anteriores deberán acreditarse fidedigna ou documentalmente pola empresa saínte nun prazo de 5 días mediante a seguinte documentación:
- Copia do contrato de traballo e prórrogas de existir.
- Fotocopia TC1 e TC2 dos 3 últimos meses.
- Certificado do INSS de estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social.
- Fotocopias das nóminas dos últimos tres meses.
- Relación do persoal co nome e apelidos, enderezo e número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario e data de vacacións.
- No prazo dos 10 días seguintes á subrogación, a empresa saínte deberá entregar á entrante copia dos documentos debidamente asinados polo traballador nos que conste que este recibiu da empresa saínte a liquidación de haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade.
Capítulo IV. Retribucións do persoal.
Artigo 23.- Salario base.
O salario base por categoría especifícase no anexo I do convenio (1ª columna).
Artigo 24.- Complemento persoal por antigüidade.
O complemento persoal de antigüidade continúa fixado en quinquenios do 6% sobre o salario base.
Artigo 25.- Gratificación de carencia de incentivos.
Nas empresas que non teñan regulada a retribución do traballador en función do rendemento, establécese a remuneración da gratificación de carencia de incentivos como prima de produtividade e asistencia. A gratificación aboarase mensualmente.
O dereito ó percibo desta gratificación perderase total ou parcialmente polas seguintes causas:
- O 25% da gratificación correspondente ó salario dun día por falta de puntualidade de ata 5 minutos. A reincidencia neste tipo de falta gravarase co 50%.
- O 75% da gratificación correspondente ó salario dun día por falta de puntualidade superior a 5 minutos e ata media hora.
- O 100% por máis de media hora, sen chegar ó día completo.
- O correspondente a dous días por cada falta de asistencia. O abandono do traballo antes da hora sinalada, a non incorporación á hora xusta de comezalo e as interrupcións inxustificadas consideraranse como faltas de puntualidade para estes efectos. A gratificación de carencia de incentivos aboarase pola segunda columna da táboa salarial.
Artigo 26.- Gratificación de traballos especiais.
A excepcional penosidade, toxicidade e perigosidade dos traballos quedará normalmente comprendida na valoración dos postos de traballo e na fixación dos valores dos incentivos.
Cando non quede comprendida noutros conceptos salariais, aboarase ó persoal que teña que realizar aqueles labores unha bonificación do 25% sobre o seu salario base reflectido neste convenio.
A bonificación reducirase á metade se o traballo especialmente tóxico, penoso ou perigoso se realizara nun período superior de entre unha a catro horas.
Naqueles supostos nos que concorrese de modo manifesto a penosidade, a toxicidade e a perigosidade superior ó risco normal da industria, o 25% pasará a selo 30% se concorresen dúas circunstancias das sinaladas e o 35% se fosen as tres.
Se por mellora das instalacións ou procedementos desaparecesen as condicións de penosidade, toxicidade ou perigosidade no traballo, unha vez confirmada a desaparición destas causas pola autoridade competente deixarase de aboala citada bonificación.
A falta de acordo entre a empresa e os traballadores respecto á cualificación do traballo como penoso, tóxico ou perigoso, resolverase pola inspección de traballo, tralo informe previo do Gabinete Provincial de Saúde Laboral ou calquera outro que se estime oportuno.
Artigo 27.- Gratificación do xefe de equipo.
É xefe de equipo o traballador procedente da categoría de profesionais ou de oficio que efectuando traballo manual asume o control do traballo dun grupo de oficiais, especialistas, etc., en número non inferior a tres nin superior a oito.
O xefe de equipo non poderá ter baixo as súas ordes a persoal de superior categoría que a súa.
Cando o xefe de equipo desempeñe as súas funcións durante un período dun ano consecutivo ou de tres anos en períodos alternos, se despois cesa na súa función, manterase a retribución específica ata que polo seu ascenso a superior categoría quede aquela superada.
A gratificación que percibirá o xefe de equipo consistirá nun 20% sobre o salario base da súa categoría profesional ou nivel salarial, a menos que se tivera en conta dentro do factor mando na valoración do posto de traballo.
Artigo 28.- Gratificacións extraordinarias.
O persoal afectado polo convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e Nadal na cantidade, cada unha delas, de 30 días de salario base máis o complemento de antigüidade se o ten, máis a gratificación de carencia de incentivos, calculadas sobre as táboas anexas.
Estas gratificacións serán concedidas en proporción ó tempo traballado, rateándose cada unha delas por semestres naturais do ano en que se outorguen. A paga correspondente o primeiro semestre aboarase o 15 de xullo. Polo que respecta á do segundo semestre, será aboada o 15 de decembro.
Artigo 29.- Gratificación de nocturnidade.
Considerarase traballo nocturno ó comprendido entre as 22: 00 horas e as 6: 00 horas da mañá.
Os traballadores que teñan dereito a percibir suplemento de nocturnidade percibirán unha bonificación do 25% sobre o salario base que figura na táboa anexa I. Estes suplementos serán independentes das bonificacións que en concepto de horas extras e traballos excepcionalmente penosos, tóxicos e perigosos, lle corresponda.
Artigo 30.- Horas extraordinarias.
As partes asinantes deste convenio estiman que a redución de horas extraordinarias é unha vía adecuada para a creación de emprego e coinciden na recomendación de reducilas.
Poderanse realizar horas extraordinarias motivadas por forza maior e as estruturais, entendendo estas últimas como as necesarias en períodos punta de produción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou as de carácter estrutural derivadas da natureza do traballo de que se trate ou mantemento. Todo iso sempre que non poidan ser substituídos por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei. A realización das ditas horas notificarase mensualmente á autoridade laboral conxuntamente por empresa e comité ou delegados de persoal, de selo caso.
As horas extras que se fagan poderán aboarse ou ben compensarse en tempo de descanso, correspondendo a elección ó empresario. En calquera caso, aplicarase unha recarga do 50%. Se o empresario decidise aboalas, deberá facelo coa referida recarga sobre o valor da hora ordinaria, (salario base + gratificación de carencia de incentivos + antigüidade, se a tivese, do traballador). Se se compensasen en tempo de descanso, este deberá darse nun prazo non superior a 3 meses desde a súa realización.
Co obxectivo de estimulala creación de emprego a través da redución de horas extraordinarias, as partes coincidiron na importancia do estrito cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores. O incumprimento deste artigo será considerado falta grave para os efectos do Estatuto.
Artigo 31.- Incapacidade temporal.
Durante o período que o traballador afectado por este convenio estea de baixa como consecuencia de accidente laboral ocorrido na empresa durante as horas de traballo ou nos desprazamentos que se efectúen fóra do lugar habitual deste, por necesidade da empresa e polo tempo indispensable de ida e volta, incluíndose o accidente in itinere, este percibirá o 100 por cento do seu salario, debendo aboar en consecuencia a empresa a diferenza, é dicir, o 25% restante.
Igualmente, o traballador terá dereito ó 100 por cento do seu salario no caso de hospitalización durante o tempo que dure calquera clase de IT.
Así mesmo, no caso de accidente fóra da xornada laboral, os traballadores terán dereito ó 100 por cento do seu salario mentres dure a hospitalización ata un máximo de 30 días.
No caso de IT, por enfermidade común, o traballador percibirá durante os tres primeiros días o 60% do seu salario na primeira baixa do ano. Cando un traballador estea en situación de incapacidade temporal derivada de enfermidade común, a empresa complementará ata o 100% do seu salario cumprido o 12º mes de baixa. No 2007, o complemento do 100% percibirase unha vez cumprido o noveno mes de baixa.
Artigo 32.- Roupa de traballo.
As empresas entregarán desde o primeiro día a roupa de protección e hixiene necesarias segundo a lexislación vixente. O persoal obreiro percibirá dúas fundas ou pezas semellantes ó entrar no traballo por primeira vez e unha máis cada seis meses.
Capítulo V. Xornada de traballo e vacacións.
Artigo 33.- Xornada de traballo e horarios.
A xornada de traballo durante a vixencia deste convenio será de 40 horas semanais. A devandita xornada será en cómputo anual de 1.784 horas.
Para adaptala xornada laboral efectiva ó mencionado cómputo anual corresponden 7 días libres. Para estes efectos serán inhábiles no sector os días 24 e 31 de decembro, os cinco restantes fixaranse de común acordo entre empresa e traballador e ó que non os tivese gozado durante o ano corresponderanlle ós últimos 5 laborais do ano.
Establécese un período de 15 minutos de descanso nas xornadas continuadas tendo a consideración de tempo efectivo de traballo.
O horario establécese de luns a venres salvo en empresas con tres quendas e que teñan necesidade de compensación de horas, neste caso, poderá traballarse o sábado ata compensala xornada.
Artigo 34.- Vacacións.
As vacacións consistirán no goce de 21 días laborais de vacacións, non sendo menos de 30 días naturais. O salario para percibir durante elas será igual ó dunha nómina normal do mes. Gozaranse preferentemente nos meses de xuño, xullo e agosto, confeccionando o calendario nos tres primeiros meses do ano, antes do 31 de marzo. O traballador deberá coñecer, en todo caso, o dito calendario con dous meses de antelación á data do seu goce.
No caso de que o traballador se encontre de baixa antes do goce das vacacións, estas posporanse, fixándose un novo período. No caso contrario, se a baixa se producise durante as vacacións estas seguirán correndo ata cumprirse o período correspondente.
Capítulo VI. Gastos de locomoción, manutención e estancia.
Artigo 35.- Desprazamentos.
Enténdese por desprazamento o destino temporal dun traballador a un lugar distinto do seu centro habitual de traballo. As empresas poderán desprazar ós seus traballadores ata o límite máximo dun ano.
As empresas designarán libremente ós traballadores que deban desprazarse cando o destino non esixa facer noite fóra da casa, ou cando existindo esta circunstancia non teña unha duración superior a 3 meses. Nos casos nos que o desprazamento esixa facer noite fóra do domicilio e teña unha duración superior a tres meses, as empresas proporán o desprazamento ós traballadores que estimen idóneos para realizalo traballo e no suposto de que por este procedemento no se cubriran os postos para ocupar, procederá a súa designación obrigatoria entre os que reúnan as condicións de idoneidade profesional para ocupalas prazas, observando as seguintes preferencias para no ser desprazado:
Representantes legais dos traballadores.
Diminuídos físicos e psíquicos.
Mulleres embarazadas, persoas que gocen do permiso de lactación ou dalgunha redución de xornada por atención a menores ou familiares.
A traballadora vítima de violencia de xénero que se vexa obrigada a abandonalo seu posto de traballo na localidade onde viña prestando os seus servizos para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito preferente a ocupar outro posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente que a empresa teña vacante en calquera outro dos seus centros de traballo.
Cando o desprazamento teña unha duración superior a tres meses que obriguen ó traballador a facer noite fóra do seu domicilio, deberá avisalo previamente por escrito con, polo menos, 5 días laborais de antelación.
Nos desprazamentos superiores a tres meses que non permitan ó traballador facer noite no seu domicilio, as empresas e os afectados convirán libremente as fórmulas para que os traballadores poidan regresar ós seus domicilios periodicamente.
Nos supostos de non chegar a acordo nesta materia, estarase ó disposto no artigo 40.4 do Estatuto dos traballadores, tendo dereito a un mínimo de 4 días laborais de estancia no seu domicilio de orixe por cada 3 meses de desprazamento, sen contar como tales os de viaxe, e os gastos correrán a cargo do empresario.
Por acordo individual, poderá pactarse a acumulación destes días engadíndoos as vacacións anuais.
Nos supostos de desprazamentos xerarase o dereito, ademais de á totalidade das retribucións económicas que habitualmente viñera percibindo, ás axudas de custo e gastos de viaxe que proceda.
Se por necesidade ou conveniencia da empresa o traballador tivese que desprazarse a prestalo seu labor a outros centros de traballo, o tempo investido no desprazamento deberá quedar incluído dentro da xornada establecida.
Se como consecuencia do desprazamento tivese que iniciala viaxe antes de dar comezo a súa xornada ou como consecuencia do regreso ó seu punto de partida este producírase unha vez superada a hora oficial de finalización da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso da xornada como horas extras.
Artigo 36.- Traslados.
Considerarase como tal a adscrición definitiva dun traballador a un centro de traballo da empresa distinto daquel en que viña prestando os seus servizos, e que requira cambio da súa residencia habitual.
Por razóns económicas, técnicas, organizativas ou produtivas que o xustifiquen ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial, a empresa poderá, de acordo co traballador, proceder ó seu traslado a un centro de traballo distinto dela con carácter definitivo.
No suposto de traslado, o traballador será avisado previamente con, polo menos, 30 días de antelación por escrito. Neste suposto retribuiranse os gastos de viaxe do traballador e da súa familia, os gastos de traslado de mobles e efectos.
Artigo 37.- Desprazamentos e axudas de custo.
Se por necesidade e conveniencia da empresa debera desprazarse o traballador a prestar traballos a outros centros, o tempo que se invista no desprazamento desde o seu centro de traballo ata aquel no que deba prestalos seus servizos deberá coincidir coa xornada establecida.
Se como consecuencia dun desprazamento debera iniciarse a viaxe antes de dar comezo a súa xornada ou se como consecuencia do seu regreso ó seu punto de partida este se producise unha vez superada a hora oficial de terminación da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso de xornada como horas extraordinarias, a compensación por quilometraxe, 0,19 €.
O importe da axuda de custo completa será de 40,00 euros e o da media axuda de custo de 20,00 euros. Tamén se poderá establecer en lugar das axudas de custo anteriores o sistema de gastos para xustificar. Se por circunstancias especiais os gastos orixinados polo desprazamento exceden do importe das axudas de custo, ó exceso deberá ser aboado pola empresa, tralo coñecemento previo desta e posterior xustificación polos traballadores.
As empresas de nova situación e as que nun futuro trasladen o seu centro de traballo fóra do centro urbano aboarán ós traballadores o importe do desprazamento que se realice en autobús público ou ben facilitarán o medio de transporte para o traslado dos traballadores ó centro de traballo, tanto de ida como de volta.
Capítulo VII.- Prestacións especiais.
Artigo 38.- Premio de compensación por antigüidade.
Os traballadores que causen baixa na empresa a partir dos 60 anos e ata os 65 terán dereito ó goce de vacacións retribuídas. Se a baixa se producise os 60 anos as vacacións terán unha duración de 6 meses, reducíndose un mes por cada ano, ata alcanzalos 65.
Os traballadores que cesen ós 65 anos de idade percibirán un mes de vacacións retribuídas. Se unha vez cumpridos os 65 anos de idade e 6 meses o traballador non solicitase a xubilación, o traballador perderá o dereito a gozar deste complemento.
Estas cantidades serán calculadas sobre salario real. Para recibilas deberán solicitarse no prazo de 3 meses desde o cumprimento da idade correspondente.
O goce destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ó seu vencemento efectivo, debendo o traballador comunicarlle de forma constatada a súa decisión á empresa. Esta entregaralle o traballador que solicite o premio de vacacións un certificado acreditativo do seu goce, no que constará o número de meses ós que se ten dereito.
Artigo 39.- Xubilación parcial.
Ó abeiro do artigo 166.2 da Lei da Seguridade Social e do artigo 12.6 do Estatuto dos traballadores recoñécese ós traballadores o dereito subxectivo a solicitar da empresa a xubilación parcial e a redución de xornada ata o límite máximo previsto do 85% cando reúnan os requisitos legalmente establecidos e, en especial, o da idade, que no poderá ser inferior ós 60 anos.
A comunicación deberase remitir á empresa cunha antelación mínima de 3 meses á data prevista da xubilación parcial, salvo o persoal encadrado nos grupos I, II, III e IV do convenio nos que o aviso previo será de 6 meses. A porcentaxe de xornada que corresponda de traballo efectivo acumularase nos meses inmediatamente seguintes ó da xubilación parcial e a xornada completa.
Se durante a vixencia do convenio houbera unha modificación legal da xubilación parcial incidirá neste artigo que deberá ser axeitado ós termos que fixe a lei, se se modificase a idade de acceso, as porcentaxes para aplicar ou calquera outro elemento dos que configuran o acceso a este tipo de xubilación.
Artigo 40.- Xubilación forzosa.
Os traballadores deberán xubilarse obrigatoriamente unha vez cumpridos os 65 anos sempre que reúnan os requisitos para acceder a unha prestación contributiva de xubilación.
Artigo 41.- Seguro colectivo.
As empresas deberán concertar con primas íntegras ó seu cargo unha póliza de seguros que cubra as seguintes indemnizacións:
- Morte por accidente laboral ou común ou enfermidade profesional: 30.000,00 euros.
- Incapacidade permanente absoluta para todo traballo, invalidez permanente total e gran invalidez, derivadas de accidente de traballo ou común, ou enfermidade profesional: 30.000,00 euros.
Para o persoal de nova incorporación a póliza de seguro establecida neste artigo deberá concertarse no prazo dun mes contado a partir da contratación do traballador. No ano 2009 a indemnización, en ámbolos dous casos, será por importe de 35.000,00 euros.
Capítulo VIII. Permisos, licenzas e dereitos sindicais.
Artigo 42.- Permisos e licenzas.
O traballador, tralo aviso previo e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algúns dos motivos e polo tempo seguinte:
- No caso de matrimonio do traballador/a, 15 días.
- Por nacemento de fillo, 4 días.
- Por parto de muller traballadora, segundo a lexislación vixente.
- Por morte ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, irmáns, pais políticos, avós, netos e fillos, o tempo indispensable, como mínimo 2 días.
- Por morte de irmáns políticos, avós políticos e tíos, 2 días.
- Por morte de tíos políticos, 1 día.
- Por exames, o tempo necesario con xustificación.
- Por consulta médica, o tempo necesario con xustificación. No caso de que o feito causante ocorra fóra da provincia, corresponderá un día máis.
Para a recuperación do carné de conducir, con asistencia ós cursos necesarios, cando a perda dos 12 puntos fora motivada por causas estritamente imputables á empresa, polo tempo indispensable.
Outorgarase permiso retribuído polo tempo indispensable para exames prenatais e técnicas de preparación ó parto cando estes coincidan co horario de traballo (ET).
Non se considerarán faltas de asistencia, para os efectos da perda da gratificación de carencia de incentivo, aquelas que sexan como consecuencia dos permisos retribuídos e reducións de xornada e outros dereitos recoñecidos pola lexislación vixente.
Artigo 43.- Conciliación da vida laboral e familiar.
O traballador terá dereito á suspensión do contrato de traballo con reserva do posto no caso de paternidade de trece días ininterrompidos, ampliables no suposto de parto, adopción ou acollemento múltiples en dous días máis por cada fillo a partir do segundo. Terase dereito a este permiso no caso de nacemento dun fillo/a e adopción ou acollemento de menores de seis anos, ou de menores de idade que sexan maiores de seis anos cando se trate de menores discapacitados ou que, polas súas circunstancias e experiencias persoais ou por provir do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. O acollemento pode ser preadoptivo, permanente ou simple, sempre que neste último caso teña unha duración non inferior ó ano, e terá lugar a suspensión aínda que os acollementos sexan provisionais.
No que atinxe ás reducións de xornada por garda legal, por coidado de familiares e por fillos prematuros e neonatos hospitalizados, estarase ó disposto na lexislación vixente.
O traballador ou traballadora que teña ó seu cargo algún menor de oito anos ou diminuído físico ou psíquico de calquera idade terá dereito a unha redución de xornada de polo menos 1/8 da súa xornada habitual diaria, coa correspondente redución salarial.
Artigo 44.- Competencias do comité de empresa e delegados de persoal.
O comité de empresa terá as seguintes competencias segundo o disposto no artigo 64 doEstatuto dos traballadores.
1.- Recibir información que lle será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a situación da produción e vendas da entidade, sobre o programa de produción e evolución probable do emprego na empresa.
2.- Coñecelo balance, as contas de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma xurídica de sociedade por accións ou participacións, dos demais documentos que se dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións que a estes.
3.- Emitir informe con carácter previo á execución por parte da empresa das decisións adoptadas por este sobre as seguintes cuestións:
a) Reestruturación do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais de aquel.
b) Redución da xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.
c) Planos de formación profesional na empresa
d) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo.
e) Estudo de tempos, establecementos de primas ou incentivos ou valoración de postos de traballo.
4.- Emitir informe cando a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte ó volume de emprego.
5.- Coñecelos modelos de contratos de traballo escritos que se utilicen na empresa, así como os documentos relativos á terminación da relación laboral.
6.- Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas graves.
7.- Coñecer trimestralmente, polo menos, as estatísticas de índices de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias e dos estudos periódicos ou especiais do medio ambiente laboral e os mecanismos de prevención que se utilicen.
8.- Exercer un labor de vixilancia das normas laborais da Seguridade Social de tódolos pactos, condicións e usos das empresas, exercendo as accións legais oportunas, así como nas condicións de seguridade e hixiene.
9.- Colaborar coa dirección para conseguir cantas medidas leven ó incremento da produtividade.
10.- Informar ós seus representados de todo o estipulado neste convenio.
11.- Por acordo entre a empresa e os representantes legais dos traballadores poderase acumular trimestralmente as horas sindicais que marca a Lei 8/1980, do 10 de marzo.
Os delegados de persoal e os membros dos comités de empresas de ata 100 traballadores disporán dun crédito horario de ata 16 horas mensuais.
Artigo 45.- Candidatos ás eleccións sindicais.
As empresas facilitarán o proceso electoral tal e como se menciona na normativa para o respecto. Así mesmo, non poderán represaliar a ningún traballador que se presente a candidato ás eleccións por motivo da presentación da candidatura.
Capítulo IX.- Saúde laboral e condicións de traballo.
Artigo 46.- Plan de prevención.
Todo centro de traballo dotarase dun plan de prevención con vixencia anual ou plurianual así como dos servizos técnicos necesarios en función das características dos riscos laborais presentes no centro para a realización deste.
As representacións legais dos traballadores e das organizacións asinantes participarán na súa elaboración, seguimento e avaliación.
O dito plan supón:
- A elaboración de mapas de risco.
- A determinación dos riscos existentes, a súa gravidade e extensión.
- A fixación de obxectivos preventivos.
- A determinación de recursos humanos e económicos para levalo a cabo.
- Os prazos ou fases do seu desenvolvemento.
- A forma de intervención sindical na súa elaboración, control e avaliación.
- Un plan complementario de formación dos traballadores e os seus representantes.
- No caso de centros de traballo moi pequenos, o dito plan poderá establecerse para varios centros pertencentes a empresas ou sectores de actividades similares, no dito caso participarán as centrais sindicais asinantes.
Artigo 47.- Comités de saúde, seguridade e condicións de traballo.
En todo centro de traballo de máis de 50 traballadores no cadro de persoal constituirase un comité de saúde, seguridade e condicións de traballo que estará formado polos delegados de prevención e polo mesmo número de representantes do empresario, sendo a actuación deste órgano colexiada. Este será un órgano de participación e diálogo continuo para elaborar, controlar e avalialos plans ou programas de prevención, así como o control dos servizos de prevención internos e externos á empresa.
Artigo 48.- Avaliacións ambientais.
Todo posto de traballo con risco de exposición a axentes químicos ou físicos deberá ser avaliado nun prazo non superior a seis meses. Os resultados desta avaliación deben ser comunicados ó traballador/es afectado/s e ós delegados de prevención, así como quedar convenientemente arquivados.
Ata que non existan valores europeos e/ou nacionais, os valores límites a partir dos cales se deberán aplicar medidas correctoras serán os utilizados polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no traballo e os gabinetes provinciais de seguridade e hixiene.
Artigo 49.- Comité de seguridade e hixiene no traballo.
As empresas obríganse ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo, en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias de urxencia, duchas, etc., de conformidade coa Ordenanza de seguridade e hixiene no traballo vixente.
Para tal efecto designaranse vixilantes de seguridade e hixiene que estarán compostos polos seguintes membros:
- Empresas de 0 a 25 traballadores: 1 membro.
- Empresas de 25 a 50 traballadores: 2 membros.
- Empresas de 50 a 100 traballadores: 4 membros.
- A partir de 100 traballadores: constituirase un comité de seguridade e hixiene.
O comité será elixido por tódolos traballadores do cadro de persoal.
As funcións do comité de seguridade e hixiene serán aseguralos dereitos dos traballadores en canto ás cuestións relacionadas coa seguridade e hixiene no traballo fixadas pola lei ou convenio entre partes. Os membros do comité non terán dereito a horas sindicais retribuídas. Os membros do comité de seguridade e hixiene terán dereito á asistencia a cursos que sexan convocados para o efecto polo gabinete provincial na forma e efectos que este determine.
Artigo 50.- Penosidade.
No prazo máximo de 30 días desde a sinatura deste convenio colectivo, as partes que o asinan constituirán unha comisión técnica de carácter específico para que, no prazo máximo de 12 meses desde a súa constitución, regulen obxectiva e tecnicamente os parámetros e circunstancias polas que podería retribuílo complemento por penosidade, toxicidade ou perogosidade do artigo 26 do convenio colectivo.
A comisión negociadora trasladará o acordo obtido ó texto do convenio colectivo. No suposto de que transcorrido o mencionado prazo (12 meses) a comisión non acadase un acordo ó respecto, a comisión negociadora do convenio colectivo reunirase para o efecto co fin de acadar un novo acordo.
Capitulo X. Código de conduta.
Artigo 51.- Código de conduta.
Este acordo sobre código de conduta laboral ten como fin o mantemento dun ambiente laboral respectuoso coa normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como a garantía e defensa dos dereitos e lexítimos intereses dos traballadores e empresarios.
A dirección da empresa poderá sancionalas accións ou omisións culpables dos traballadores/as que supoñan un incumprimento contractual dos seus deberes laborais, de acordo coa graduación das faltas que se establece nos artigos seguintes.
Corresponde á empresa, no uso da facultade de dirección, impoñer sancións nos termos estipulados neste acordo.
A sanción das faltas requirirá comunicación por escrito ó traballador facendo constala data e feitos que a motivaron. Ó mesmo tempo a empresa dará conta ós representantes legais dos traballadores de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.
Imposta a sanción, o cumprimento temporal dela poderase dilatar ata sesenta días despois da data da súa imposición.
Artigo 52.- Graduación das faltas.
Toda falta cometida polos traballadores/as clasificarase en atención á súa transcendencia ou intención en: leve, grave ou moi grave.
Artigo 53.- Faltas leves.
Consideraranse faltas leves as seguintes:
1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo de ata tres ocasións nun período dun mes.
2. A inasistencia inxustificada dun día ó traballo nun período dun mes.
3. Non notificar con carácter previo ou, de selo caso, dentro das 24 horas seguintes, a inasistencia ó traballo, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.
4. O abandono do servizo ou do posto de traballo sen causa xustificada por períodos breves de tempo, se como consecuencia diso se ocasionase prexuízo dalgunha consideración nas persoas ou nas cousas.
5. As deterioracións leves na conservación ou mantemento dos equipos e material de traballo dos que fose responsable.
6. A desatención ou falta de corrección no trato cos clientes ou provedores da empresa.
7. Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio, sempre que estes poidan ocasionar algún tipo de conflito ou prexuízo á empresa.
8. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia do traballador/a que teñan incidencia na Seguridade Social ou na Administración Tributaria.
9. Todas aquelas faltas que supoñan incumprimento de prescricións, ordes ou mandatos dun superior no exercicio regular das súas funcións que non comporte prexuízos para as persoas ou para as cousas.
10. A inasistencia a cursos de formación teórica, práctica, dentro da xornada ordinaria de traballo, sen a debida xustificación.
11. Discutir cos compañeiros/as, clientes ou provedores dentro da xornada de traballo. 12. A embriaguez ou consumo de drogas non habitual no traballo.
Artigo 54.- Faltas graves.
Consideraranse faltas graves as seguintes:
1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de tres ocasións no período dun mes.
2. A inasistencia non xustificada ó traballo de dous a catro días durante o período dun mes. Bastará unha soa falta cando esta afectara ó relevo dun compañeiro/a ou si como consecuencia da inasistencia se ocasionara prexuízo dalgunha consideración á empresa.
3. O falseamento ou omisión maliciosa dos datos que teñan incidencia tributaria ou na Seguridade Social.
4. Entregarse a xogos ou distraccións de calquera índole durante a xornada de traballo de maneira reiterada e causando, con iso, un prexuízo no desenvolvemento laboral.
5. A desobediencia das ordes ou mandatos das persoas de quen se dependa organicamente no exercicio regular das funcións, sempre que iso ocasione ou teña unha transcendencia grave para as persoas ou as cousas.
6. A falta de aseo ou limpeza persoal que produza queixas xustificadas dos compañeiros de traballo e sempre que previamente mediara a oportuna advertencia por parte da empresa.
7. Suplantar a outro traballador/a alterando os rexistros e controles de entrada ou saída do traballo.
8. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha deste, sempre que diso non se derive prexuízo grave para as persoas ou as cousas.
9. A realización sen consentimento previo da empresa de traballos particulares durante a xornada de traballo, así como o emprego para usos propios ou alleos dos útiles, ferramentas, maquinaria ou vehículos da empresa, incluso fóra da xornada de traballo.
10. A reincidencia na comisión de falta leve (excluída a de puntualidade) aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando sanción.
11. Calquera atentado contra a liberdade sexual dos traballadores/as que se manifeste en ofensas verbais ou físicas, falta de respecto á intimidade ou á dignidade das persoas.
12. A embriaguez ou consumo de drogas non habituais se repercute negativamente no traballo ou constitúen un prexuízo ou perigo no nivel de protección da seguridade e saúde dos traballadores no traballo.
Artigo 55.- Faltas moi graves.
Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:
1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de dez ocasións durante o período dun mes ou ben máis de vinte nun ano.
2. A inasistencia ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.
3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo tanto ós seus compañeiros/as de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa, o durante o traballo en calquera outro lugar.
4. A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase que existe infracción laboral cando encontrándose de baixa o traballador/a por calquera das causas sinaladas, realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén terá a consideración de falta moi grave toda manipulación efectuada para prolongala baixa por accidente ou enfermidade.
5. O abandono do servizo ou posto de traballo sen causa xustificada, aínda por breve tempo, se como consecuencia deste se ocasionase un prexuízo considerable á empresa ou ós compañeiros do traballo, puxese en perigo a seguridade ou fose causa de accidente.
6. O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada confidencialidade da empresa.
7. A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.
8. A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.
9. Os malos tratos de palabra ou obra, a falta de respecto e consideración ós seus superiores ou ós familiares destes, así como ós seus compañeiros/as de traballo, provedores e clientes da empresa.
10. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que as faltas se cometan nun período de dous meses e fosen obxecto de sanción.
11. A desobediencia ás ordenes ou mandatos dos seus superiores en calquera materia de traballo, se implicase prexuízo notorio para a empresa ou ós seus compañeiros/as de traballo, salvo que sexan debidos ó abuso de autoridade.
12. Os atentados contra a liberdade sexual que se produzan aproveitándose dunha posición de superioridade laboral ou se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola situación persoal ou laboral.
Artigo 56.- Réxime de sancións.
As sancións máximas que poderán imporse pola comisión das faltas sinaladas son as seguintes:
a) Por faltas leves: amoestación por escrito
b) Por faltas graves:
- Amoestación por escrito.
- Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días
c) Por faltas moi graves.
- Suspensión de emprego e soldo de vinte e un a sesenta días.
- Despedimento.
Artigo 57.- Prescrición.
Dependendo da súa graduación, as faltas prescriben ós seguintes días:
-Faltas leves: dez días.
-Faltas graves: vinte días.
-Faltas moi graves: sesenta días. A prescrición das faltas sinaladas empezará a contar a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de cometerse.
Capítulo XI.- Disposicións varias.
Artigo 58.- Excedencias.
Poderán solicitar excedencia tódolos traballadores que leven como mínimo un ano ó servizo da empresa. A duración da excedencia poderá ser dun ano a cinco anos. A petición de excedencia farase por escrito cun mes de antelación e resolta pola empresa afirmativamente cando non se cubrira con contrato de interinidade.
Nos demais casos estarase ó disposto no Estatuto dos traballadores.
Artigo 59.- Seccións sindicais.
Naquelas empresas de 50 ou máis traballadores, de acordo entre a empresa e os seus traballadores, poderá adoptarse a constitución de seccións sindicais na modalidade que estas decidan, consonte coa Lei orgánica de liberdade sindical.
Artigo 60.- Revisión médica.
En tódalas empresas afectadas por este convenio efectuarase unha revisión médica anual para tódolos traballadores. Estas revisións correrán a cargo da mutualidade correspondente ou da propia Seguridade Social.
Artigo 61.- Liquidacións.
Todo traballador ó cesar na empresa poderá sometelo recibo de liquidación ou documento que poña fin á relación laboral, antes de asinalo, á supervisión do comité de empresa ou delegado de persoal e, no seu defecto, á do sindicato ó que estea afiliado.
Artigo 62.- Comisión mixta paritaria.
A comisión mixta paritaria estará integrada por seis representantes dos traballadores e seis representante dos empresarios os cales designarán entre si dous secretarios.
Cada parte poderá designar asesores permanentes ou ocasionais.
1.- Funcións de intermediación: A comisión poderá acordala designación dun ou máis árbitros externos para a solución dun conflito determinado.
Tamén poderá delegalas súas funcións en comisións provinciais ou locais dentro do mesmo ámbito do convenio. A comisión deberá mediar, conciliar ou arbitrar coñecendo e dando solución a cantas cuestións e conflitos colectivos lles sexan sometidos ás partes.
As cuestións e conflitos serán presentados á comisión paritaria a través das súas organizacións empresariais e sindicais asinantes do convenio. Os conflitos colectivos, o intento de solución das diverxencias laborais a través da comisión paritaria, terán carácter preferente sobre calquera outro procedemento, constituíndo trámite preceptivo, previo e inescusable para o acceso á vía xurisdicional nos conflitos que xurdan, directa ou indirectamente, con ocasión da interpretación ou aplicación do convenio colectivo.
2.- Funcións de vixilancia. As empresas están obrigadas a facilitar aquela información que a solicitude de polo menos o vinte e cinco por cento dos membros da comisión paritaria se lles requira sobre os seguintes aspectos:
- Cumprimento das disposicións deste convenio nas pequenas empresas.
- Subcontratación.
- Economía somerxida.
Artigo 63.- Compensación e absorción.
As melloras deste convenio poderán ser compensadas e absorbidas con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal, en cómputo anual, salvo que expresamente se pacte o contrario. Todo iso segundo o disposto na OM do 22/11/1973, no seu artigo 10, apartado 2, que desenvolve o Decreto 2380/1973, sobre ordenación do salario.
Garantía ad personam. As retribucións salariais totais que á sinatura deste convenio teñan establecidas as empresas afectadas por el, serán respectadas na súa totalidade.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS.
Primeira
O aumento deste convenio para o 2008 será dun 5% en tódolos conceptos retributivos (axudas de custo, salario base e gratificación de carencia de incentivos). No ano 2009 o incremento será do IPC real de 2008 + 0,80%. Constatado o IPC as partes reuniranse para actualizalos salarios, as axudas de custo e fixalo calendario laboral.
Segunda
Os atrasos derivados deste convenio serán aboados na nómina do mes seguinte á súa publicación.
Terceira
Este convenio é asinado pola Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (ATAVE), a Asociación de Concesionarios de Automóviles de Ourense (ACAUTO), a Asociación de Instaladores Eléctricos de Ourense (INSTALECTRO) e a Asociación de Industria de Metal da provincia de Ourense. Pola parte sindical as centrais UXT e CC. OO. con capacidade e lexitimidade suficiente de conformidade co artigo 87 do Estatuto dos traballadores.
Cuarta
Ascensos.- Co fin de promovela formación dos traballadores e o ascenso de categorías, a comisión paritaria deste convenio elaborará, no prazo máximo de 2 meses, un plan de ascensos para o sector, baseado en anos de traballo no oficio e na superación dunhas probasexames teóricoprácticas que a comisión paritaria elaborará para cada subsector de siderometalurxia.
Quinta
Ámbalas dúas partes asinantes deste convenio comprométense a elaborar durante a vixencia deste un plan de actuación de cara á formación dos traballadores, consistente fundamentalmente en facer un estudo da realidade do sector en canto ás necesidades del, mellora da produtividade, cursos de formación, áreas que comprenderá, reciclaxe, tecnoloxía punta e todos aqueles aspectos que eleven a cualificación técnica tanto dos traballadores como das empresas.
Sexta
As partes asinantes deste convenio comprométense a formar una comisión integrada por un membro por cada sindicato e asociación empresarial, máis un asesor por organización se o estimasen oportuno, para estudala posibilidade de modificar este convenio. Os acordos que se adopten en tal comisión non terán caracter vinculante para as partes, debendo ser referendados na negociación do próximo convenio colectivo.
Séptima
A comisión paritaria deste convenio comprometerase, a partir do 20 de xaneiro do ano 2009, a reunirse co fin de tratalo artigo referente ó tema da antigüidade e outros asuntos de interese para as partes.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
As partes asinantes deste convenio crearán, durante a vixencia del, unha comisión paritaria para a adaptación do articulado do convenio á lexislación vixente en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, co obxectivo de facer propostas para incorporar ó vindeiro convenio.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
As partes que asinan este convenio crearán, durante a vixencia del, unha comisión paritaria para a adaptación das actuais categorías profesionais ó sistema de clasificación profesional estatal do sector do metal, os traballos desta comisión serán sometidos á aprobación da mesa negociadora do seguinte convenio.
Táboa salarial 2008
Grupos/categorías profesionais; Salario base; Gratificación C. incentivos (mes)
Persoal obreiro
Peón; 799,67; 171,49
Lavador- engraxador; 799,67; 171,49
Especialista; 801,04; 179,91
Oficial 3ª; 802,76; 186,36
Oficial 2ª; 802,76; 198,15
Oficial 1ª; 803,44; 227,06
Oficial 1ª montador; 803,44; 243,34
Persoal subalterno
Almaceneiro; 799,67; 171,49
Probador; 804,13; 198,15
Listeiro; 802,76; 186,36
Recepcionista; 799,67; 171,49
Pesador de básculas; 799,67; 171,49
Vixilante; 799,67; 171,49
Ordenanza; 799,67; 171,49
Porteiro; 799,67; 171,49
Conserxe; 799,67; 171,49
Chofer turismo; 802,76; 198,15
Chofer camión; 803,44; 228,18
Dependente auxiliar maior 25 anos; 802,76; 186,36
Dependente principal maior 25 anos; 802,76; 186,36
Telefonista; 804,13; 186,36
Persoal técnico
Mestre de taller; 1.003,28; 245,30
Xefe de taller; 1.003,28; 287,96
Contramestre; 1.003,28; 245,30
Encargado; 1.003,28; 245,30
Titulado medio; 1.003,28; 287,96
Titulado superior; 1.050,58; 303,12
Delineante proxectista; 911,76; 287,96
Delineante 1ª; 909,70; 226,50
Delineante 2ª; 803,44; 227,06
Calcador reprodutor; 802,76; 186,36
Técnico de laboratorio; 911,76; 245,30
Analista; 911,76; 245,30
Persoal administrativo
Auxiliar administrativo; 802,76; 186,36
Oficial administrativo 1ª; 803,44; 227,06
Oficial administrativo 2ª; 802,76; 198,15
Xefe administrativo 1ª; 803,44; 243,34
Xefe administrativo 2ª; 803,44; 228,18
Caixeiro; 802,76; 198,15
Xefe de almacén; 803,44; 228,18
Xefe de contabilidade; 803,44; 243,34
Viaxante e vendedor; 802,76; 186,36
Xefe de laboratorio; 1.003,28; 287,96
ATS; 1.003,28; 287,96
Copyright © 2008 Iberley Información Legal S.L.