Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE AMES. PERSOAL LABORAL E FUNCIONARIO...022142016) de Coruña
Convenios
Convenio Colectivo de Emp... de Coruña

Última revisión
28/11/2019

Modificacion/Interpretacion. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE AMES. PERSOAL LABORAL E FUNCIONARIO (15100022142016) de Coruña

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 16 de Abril de 2019 en adelante

Tiempo de lectura: 12 min

Tiempo de lectura: 12 min

Resolucion de inscricion e publicacion do acordo de mellora voluntaria da accion protectora da Seguridade Social nas situacions de incapacidade temporal dos/as empregados/as do Concello de Ames. Codigo Num 15100022142016 (Boletín Oficial de A Coruña num. 227 de 28/11/2019)

Con data 16 de abril de 2019 achégase o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as do Concello de Ames (código Núm 15100022142016), asinado polas partes lexitimadas o 12 de marzo de 2019 e aprobado polo pleno do Concello o 28 de marzo de 2019.

De acordo co disposto no artigo 90 e concordantes do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores (BOE núm 255, do 24 de outubro de 2015) e no artigo 2.1 e concordantes do Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, (BOE núm.143, do 12 de xuño de 2012), así coma na Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG Núm 222, do 18 de novembro) modificada pola Orde do 14 de marzo (DOG Núm. 60 de 26 de marzo de 2013).

Considerando que a xefatura territorial de economía, emprego e industria da Coruña é competente para resolver a inscrición do acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as do Concello de Ames, e para dispoñer a súa publicación segundo o disposto no artigo 62.2 en consonancia co artigo 35 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería de economía, emprego e industria (DOG Núm 18, de 25 de xaneiro de 2018).

De acordo con todo o indicado, RESOLVO:

1. A inscrición, no rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, do acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as do Concello de Ames.

2. A remisión acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da Seguridade Social nas situacións de incapacidade temporal dos/as empregados/as do Concello de Ames ao Boletín Oficial da provincia da Coruña para a súa publicación.

A Coruña, 22 de novembro de 2019

O xefe territorial de economía, emprego e industria

Isidoro Martínez Arca

ACORDO REGULADOR POLO QUE SE ESTABLECE A MELLORA VOLUNTARIA DA ACCIÓN PROTECTORA DA SEGURIDADE SOCIAL NAS SITUACIÓNS DE INCAPACIDADE TEMPORAL DOS/AS EMPREGADOS/AS DO CONCELLO DE AMES.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

En sesión plenaria do 25 de febreiro de 2016 foi aprobado acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da seguridade social nas situacións de incapacidade temporal dos empregados/as do Concello de Ames.

O dito acordo foi aprobado á vista no novo réxime normativo incorporado no ordenamento xurídico co RDL 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e do fomento da competitividade.

A actual Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, 6/2018, de 3 de xullo, indica que será cada Administración Pública a encargada de determinar, previa negociación colectiva e de acordo cunhas regras, as retribucións a percibir polo persoal ao seu servizo en situación de incapacidade temporal.

Así a Disposición adicional 54ª UNO LPXE 2018 establece: Cada Administración Pública poderá determinar, previa negociación colectiva, as retribucións a percibir polo persoal ao seu servizo, ó dos organismos e entidades públicas dependentes, en situación de incapacidade temporal e no caso do persoal funcionario ao que se lle expedise licenza por enfermidade, de acordo coa seguintes regras:

1ª respecto ao persoal funcionario incluído no Réxime Xeral da Seguridade Social e ao persoal estatutario e laboral, se poderá establecer un complemento retributivo desde o primeiro día de incapacidade temporal que, sumado á prestación do réxime xeral da seguridade social, alcance ata un máximo do cen por cen das súas retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal.

2ª respecto ao persoal funcionario incluído no réxime de mutualismo administrativo, de acordo co réxime retributivo establecido na súa normativa, ademais do subsidio de incapacidade temporal, cada administración pública poderá acordar, previa negociación colectiva, para o período de tempo que non comprenda a aplicación do subsidio de incapacidade temporal, a percepción de ata o 100% das retribucións básicas e complementarias correspondentes as súas retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal. Durante a percepción do subsidio por incapacidade temporal, este poderá ser complementado polo órgano encargado da xestión de persoal, previa negociación colectiva, ata alcanzar como máximo o 100% das retribucións que o funcionario houbera percibido o mes de inicio da incapacidade temporal.

Para o período de tempo no que se aplique o subsidio por incapacidade temporal, estarase ao previsto na súa actual normativa reguladora.

DOS. Para a determinación do previsto nos apartados anteriores poderán, no seu caso, establecerse diferentes escenarios retributivos en función do tipo de continxencia que houbera dado lugar á incapacidade temporal ou á duración da mesma, sen que en ningún caso o réxime de seguridade social de pertenza poda xustificar un trato mais prexudicial para ou ou outro colectivo, computando para elo tanto as prestacións ou subsidios á que se teña dereito como as retribucións que se aboen pola administración respectiva, para o cal dita administración deberá aprobar, de acordo co previsto no apartado anterior, o abono de unhas retribucións que permitan garantir esta equivalencia de percepcións.

Os supostos de incapacidade temporal derivados de continxencias profesionais, así como os que afecten á muller xestante, deberán ter necesariamente o trato mais favorable dos acordados pola administración respectiva.

TRES. Polas distintas administracións públicas deberá regularse a forma de xustificación das ausencias por causa de enfermidade ou que dean lugar á unha incapacidade temporal, mediante a esixencia do correspondente parte de baixa ou documentación acreditativa, segundo proceda, dende o primeiro día de ausencia.

CUATRO. Cada Administración pública deseñará un plan de control do absentismo, que deberá ser obxecto de difusión pública, a través do respectivo Portal de Transparencia. No dito portal será igualmente obxecto de publicación os datos de absentismo, clasificados pola súa causa, con unha periodicidade polo menos trimestral.

A Disposición transitoria sétima LPXE 2018. Prestación económica na situación de incapacidade temporal do persoal ao servizo das administracións públicas e organismos e entidades públicas dependentes das mesmas, establece: En tanto se determinen polas diferentes administracións públicas as retribucións a percibir polo seu persoal en situación de incapacidade temporal, de acordo co previsto na disposición adicional quincuaxésima desta lei, seguirá sendo de aplicación o previsto no artigo 9 do Real Decreto Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, e na disposición adicional trixésimo oitava da lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013. unha vez entre en vigor a nova regulación, ambas normas deixarán de ser aplicables na administración respectiva e nos organismos e entidades dependentes das mesmas.

Procede polo tanto establecer o novo réxime retributivo do persoal do concello en situación de incapacidade temporal con arranxo ao novo réxime normativo que resulta ser mais beneficioso.

CAPÍTULO I. OBXECTO E DETERMINACIÓN DAS PARTES.

Artigo 1.- Obxecto.

O presente Acordo adóptase ao abeiro do disposto no capítulo IV do Título III do texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público aprobado polo RDL 5/2015, do 30 de outubro e pola disposición adicional 54ª UNO LPXE 2018, e ten como obxecto regular os complementos que se aboarán aos empregados e empregadas do Concello de Ames en concepto de mellora voluntaria da acción protectora da Seguridade Social, nas situacións de incapacidade temporal.

Artigo 2.- Determinación das partes que o concertan.

As partes que concertan este acordo son o Concello de Ames, no exercicio da súa autonomía local e os/as representantes legais do persoal funcionario e laboral do Concello de Ames, constituídos en Mesa Xeral de Negociación.

CAPÍTULO II. ÁMBITO, VIXENCIA E CONDICIÓNS DE APLICACIÓN.

Artigo 3.- Ámbito persoal

De acordo co previsto no artigo 38.8 da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, as normas contidas neste acordo son de aplicación ao conxunto dos empregados/as do Concello de Ames.

Artigo 4.- Ámbito funcional

O presente acordo é de aplicación ao conxunto de actividades e servizos prestados polo Concello de Ames en canto afecten ao persoal incluído no artigo anterior.

Artigo 5.- Ámbito territorial

O acordo aplicarase no ámbito territorial do Concello de Ames, en todos os centros de traballo deste, sempre que neles preste servizo o persoal referido no artigo 3.

Artigo 6.- Ámbito temporal

1. O presente acordo entrará en vigor unha vez cumpridos os trámites legais necesarios e manterá a súa vixencia mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.

O preceptos contidos no presente acordo serán de aplicación ao persoal funcionario,laboral e eventual que presta servizos no Concello de Ames ou que se incorpore durante a vixencia deste acordo.

CAPÍTULO III.- MELLORA DA ACCIÓN PROTECTORA DA SEGURIDADE SOCIAL NAS SITUACIÓNS DE INCAPACIDADE TEMPORAL

Artigo 7.- Retribucións nos supostos de incapacidade temporal.

O Concello de Ames aboará ao persoal ao seu servizo un complemento retributivo desde o primeiro día en situación de incapacidade temporal que, sumado á prestación do réxime xeral da Seguridade Social, acade o 100% das retribucións fixas do mes de inicio da incapacidade temporal.

Artigo 8.- Referencia para o cálculo do complemento salarial.

Para o cálculo das retribucións a percibir durante os períodos de incapacidade temporal teranse en conta unicamente as retribucións básicas e complementarias correspondentes as súas retribucións fixas no mes de inicio da situación de incapacidade temporal, sen computar en ningún caso as percibidas en concepto de gratificacións, horas extraordinarias, produtividade ou calquera outro complemento que non sexa fixo ou que teña carácter extraordinario.

Se se tivese concedida unha redución de xornada con redución proporcional de retribucións, os complementos ou retribucións a percibir calcularanse sobre as que lle correspondesen de acordo con dita redución proporcional de retribucións.

As pagas extraordinarias a percibir segundo a normativa que resulte de aplicación non resultarán afectadas pola situacións de incapacidade temporal.

Artigo 9.- Ausencia por enfermidade.

Deberanse xustificar as ausencias por causa de enfermidade ou que dean lugar á unha incapacidade temporal, mediante a esixencia do correspondente parte de baixa ou correspondente documentación acreditativa, dende o primeiro día de ausencia e, con arranxo ás instrucións/ criterios fixados ao efecto, en cada momento no Concello de Ames.

As ausencias debidas a enfermidade ou accidente non laboral que non dean lugar a incapacidade temporal non serán causa de desconto en nómina, co límite de catro días de ausencia ao longo de todo o ano natural, dos cales só tres poderán ter lugar en días consecutivos, e con arranxo ás instrucións/criterios fixados ao efecto en cada momento no Concello de Ames. Unha vez separado este límite, ditas ausencias comportarán a dedución de retribucións.

CAPÍTULO IV.- COMISIÓN DE SEGUIMENTO.

Artigo 10.- Comisión de seguimento.

1.- Coa finalidade de asumir o seguimento, interpretación e aplicación do presente Acordo, articularase un órgano de participación/composición paritaria por parte dos asinantes. Así, trala entrada en vigor do presente Acordo, constituirase unha Comisión Paritaria de Seguimento e Interpretación do mesmo que, no referente ao seu funcionamento e composición, adecuarase ás mesmas normas e criterios xerais aplicables á Mesa Xeral de Negociación do Concello; sen prexuízo das particularidades que, de ser o caso, e no momento da súa constitución, se poidan adoptar.

2.- En todo caso, as acordos adoptados por esta Comisión que impliquen desenvolvemento/modificación dos contidos do presente Acordo, deberán ser obxecto de posterior ratificación por parte da Mesa Xeral de Negociación do Concello; polo que se adoptarán baixo a forma de proposta de acordo a elevar a esta.

Artigo 11. Plan de control do absentismo.

No prazo máximo de 1 mes dende a entrada en vigor deste acordo, o servizo de RRHH deseñará un plan de control do absentismo, que deberá adecuarse, en todo caso, as instrucións/ criterios fixados ao efecto en cada momento no Concello de Ames así como ao sistema de control de presenza vixente; e que deberá ser obxecto de difusión pública, a través do portal de transparencia. En dito portal serán igualmente obxecto de publicación os datos de absentismo, clasificados pola súa causa, cunha periodicidade ao menos semestral.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA.

Para todo o non previsto neste Acordo, será de aplicación a lexislación básica estatal e a normativa autonómica que resulte de aplicación.

Á marxe das posibles modificacións puntuais que, por acordo das partes asinantes, se poidan adoptar, o presente Acordo será obxecto de modificación cando se produzan novidades normativas con afectación directa dos seus contidos, e/ou que obriguen á súa revisión.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA.

Para unha maior garantía e transparencia do pactado, e tendo en conta, asemade, a súa natureza de acordo colectivo, o presente Acordo será obxecto de remisión á autoridade laboral competente para a súa inscrición, rexistro e publicación oficial.

DISPOSICIÓN FINAL.

O presente acordo entrará en vigor o primeiro día natural do mes seguinte o da súa aprobación polo Pleno do Concello de Ames.

Enviarase dito acordo á autoridade laboral competente, de cara a que realice as actuacións pertinentes para a súa inscrición, rexistro e, si procede, publicación oficial.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogado o acordo regulador polo que se establece a mellora voluntaria da acción protectora da seguridade social nas situacións de incapacidade temporal dos empregados/as do Concello de Ames aprobado en sesión plenaria do 25 de febreiro de 2016, BOP nº 95 do 20 de maio de 2016.

2019/9475