C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DOS BLANCOS. PERSOAL LABORAL de Ourense

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 05 de Enero de 2007 hasta 05 de Enero de 2007

TIEMPO DE LECTURA:

Tipo Título F. Publicación Boletin F. Vigor Vigencia PDF
C. Colectivo Pacto extraestatutario del personal laboral fijo del Ayuntamiento de Os Blancos 10/02/2007 Boletín Oficial de Ourense 05/01/2007 Vigente
C. Colectivo Pacto extraestatutario do persoal laboral fixo do Concello dos Blancos 10/02/2007 Boletín Oficial de Ourense 05/01/2007 No Vigente

Pacto extraestatutario do persoal laboral fixo do Concello dos Blancos (Boletín Oficial de Ourense núm. 34 de 10/02/2007)

Código Unidade Administrativa (CUA: 477 017)

Unha vez vista a documentación presentada no Rexistro Único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense, dirixida a esta delegación provincial sobre o rexistro, o depósito e a publicación do acordo regulador das condicións de traballo do persoal laboral fixo do Concello dos Blancos con carácter de pacto extraestatutario alcanzado polo alcalde, D. José Juan Puga Quintas, na súa condición de representante legal do Concello dos Blancos, e os traballadores, D.ª M.ª José Dacosta Moure, D.ª Dolores Lama Feijoo, D. Juan Antonio Valencia Devesa e D. Celso Rúa Ferreiro, que constitúen o cadro de persoal laboral fixo do concello, emprazado na estrada de Xinzo de Limia, s/n, Ourense, e de acordo cos seguintes antecedentes:

1. Con data 14 de decembro de 2006 recíbese, no Rexistro Único da Xunta de Galicia en Ourense, escrito de D. José Juan Puga Quintas, no que se remite a seguinte documentación:

a. Certificación do secretario do Concello dos Blancos do acordo que adoptou o Pleno do Concello para o persoal laboral fixo.

b. Texto do acordo con carácter de pacto extraestatutario que asinaron os traballadores que integran o cadro de persoal laboral fixo do Concello.

2. O 20 de decembro de 2006 esta delegación provincial remite á empresa escrito de requirimento no que solicita documentación.

3. O 28 de decembro de 2006 presenta o representante da empresa, D. José Juan Puga Quintas, no Rexistro Portelo Único do Concello dos Blancos, os documentos solicitados.

4. A empresa carece de órganos de representación unitaria dos traballadores.

Fundamentos de dereito:

1.- A competencia desta delegación para coñecer do expediente ven disposta polo Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, en relación co Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

2.- O artigo 37.1 da Constitución recoñece o dereito á negociación colectiva laboral entre os representantes dos traballadores e os empresarios, así como a forza vinculante dos convenios. O título III do Estatuto dos traballadores desenvolve o citado precepto constitucional. Ambos textos legais esixen, para que os acordos ou convenios entre as partes alcancen a consideración de convenios colectivos propiamente ditos ou estatutarios, que sexan subscritos polos lexítimos representantes destes, artigo 87 do ET¸ asemade o artigo 6.3 b) da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, reserva ás organizacións sindicais a facultade da negociación colectiva conforme co previsto no ET.

3.- O citado acordo goza do amparo, por unha parte do disposto nos artigos 1.1 e 3.1 c) do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e doutra, polos artigos 1281 e sucesivos, así como polos artigos 1091 e 1254 ó 1258 do Código civil. Desta forma, o acordo ou convenio extraestatutario vale como pacto e lei entre as partes, segundo se predica do contrato. Son, pois, convenios colectivos de eficacia limitada.

Existen, ademais, preceptos que, previstos para os convenios colectivos estatutarios, aplícanse ós extraestatutarios. Así sucede co rexistro e depósito destes últimos, ós que se refiren os artigos 2.º, letra f), do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, Boletín Oficial do Estado do 6 de xuño de 1981, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e o artigo 1º, apartado c), e apartado 2, do Real decreto 2756/1979, do 23 de novembro, que fai referencia ó Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación e a súas funcións encomendadas. Igualmente, é de aplicación nos acordos ou convenios extraestatutarios o disposto no artigo 90.5, como vía de impugnación.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta as disposicións citadas e demais de xeral aplicación, esta delegación provincial acorda:

1º.- Ordenala inscrición do citado acordo, co caracter de pacto extraestatutario, no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo que consta nesta delegación provincial.

2º.- Ordenalo seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC).

3º.- Dispoñela súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, con carácter de Pacto Extraestutario.

Notifíquese esta resolución á empresa e ós traballadores afectados, facéndolles sabelo dereito que teñen de recorrela, se non están conformes, no prazo dun mes contado dende o día seguinte ó da súa notificación, perante a Ilma. Sra. directora xeral de Relacións Laborais, podendo presentalo recurso de alzada ben nesta delegación ou na citada dirección xeral.

Ourense, 5 de xaneiro de 2007. A delegada provincial. Asdo.: Carmen Rodríguez Dacosta.

Acordo regulador das condicións de traballo do persoal laboral fixo do Concello dos Blancos

Capítulo I. Ámbito persoal e temporal

1. Ámbito persoal e territorial.- As normas contidas no presente acordo aplicaranse ó persoal laboral fixo do Concello dos Blancos. Polo tanto, o persoal laboral temporal, o contratado para substitucións ou para traballos determinados, queda fóra do presente acordo.

2. Ámbito temporal.- Este acordo regulador terá unha vixencia de dez anos contados desde a sinatura deste, e prorrogarase automaticamente de ano en ano se non media denuncia expresa das partes ou ata ser substituído por outro novo mediante acordo das partes.

3. Ámbito funcional.- As condicións recollidas neste acordo forman un todo orgánico e indivisible e para os efectos da súa aplicación práctica serán considerados globalmente, quedando subordinados a calquera disposición xeral de rango superior que puidera ter efectos máis favorables para os empregados públicos. As melloras do presente acordo poderán ser compensadas e absorbidas en cómputo anual con calquera outra mellora igual ou equivalente que dentro do seu ámbito territorial puideran establecer por disposición legal.

Capítulo II. Dereitos dos traballadores

4. Os traballadores manterán o desenvolvemento das mesmas tarefas e no mesmo centro de traballo no que o veñen realizando no momento da sinatura do presente acordo, desempeñando estas en consonancia coa praza que acadaron tras superalo proceso selectivo.

5. Vacacións.- As vacacións anuais retribuídas terán unha duración dun mes natural. O período ou períodos do seu goce fixarase de común acordo entre o concello e o traballador.

6. Permisos.- Concederanse, tralo aviso previo, polas seguintes causas xustificadas:

- Quince días naturais no caso de matrimonio.

- Catro días polo nacemento ou adopción de fillos.

- Catro días por falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

- Un día por traslado de domicilio habitual.

- Por concorrer a exames ou probas de avaliación en centros oficiais, o día da súa realización, e polo tempo necesario para concorrer a este xustificadamente.

- Por asuntos propios sen xustificación, 9 días ó ano, nos termos previstos na lexislación vixente aplicable os funcionarios.

- Tralo aviso e posterior xustificación o traballador terá dereito ó tempo necesario para asistir á consulta médica.

- Quen por razóns de garda legal teña o seu coidado directo algún menor de seis anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre, polo menos, un terzo e un máximo da metade da duración daquela. Tamén poderán acollerse a este dereito os traballadores que teñan ó seu cargo familiares en primeiro grao que por razóns de idade, accidente ou enfermidade precisen asistencia continuada.

7. Excedencias.- Regularanse de conformidade coa lexislación vixente.

8. En caso de despedimento improcedente, declarado xudicialmente mediante sentencia firme, o traballador terá dereito á indemnización que se estipule na sentencia ou a súa reincorporación ó posto de traballo que viña desempeñando e nas mesmas condicións que ata a data do seu despedimento.

Capítulo III. Xornada laboral e descansos

9. Xornada laboral.- A xornada laboral será a que legalmente se estableza, e como máximo será de trinta e sete horas e media semanais, que se desenvolverán de luns a venres, en xornada continua.

10. Descansos.- Os traballadores terán dereito a gozar dun descanso de 20 minutos durante a súa xornada diaria, que se contarán para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

Capítulo IV. Réxime de retribucións

11. O persoal laboral fixo manterá as percepcións económicas que están a percibir no momento da sinatura do presente acordo, procedendo o seu aumento na porcentaxe fixada na Lei de ornamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal ó servizo das administracións públicas.

12. Ó persoal recoñeceránselle os servizos prestados no Concello dos Blancos para os efectos de antigüidade, polo que lle corresponderá un complemento de antigüidade de cada tres anos de acordo co fixado na Lei de ornamentos xerais do Estado para as retribucións do persoal ó servizo das administracións públicas, calculado en función do grupo que lle correspondería se foran funcionarios.

Estas contías non serán computadas con carácter retroactivo, de xeito que comezarán a computarse os prazos dende o momento da entrada en vigor do presente acordo.

Capítulo V. Dereitos sociais

13. O Concello designará ó seu cargo a defensa do traballador que como consecuencia do exercicio das súas funcións sexa obxecto de actuacións xudiciais, asumindo os custos e gastos que se deriven de actuacións fronte a terceiros, incluídas as fianzas, menos nos casos nos que se recoñeza na sentencia dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe.

O tempo que empregue nas actuacións xudiciais derivadas da súa función fóra da xornada laboral será considerado para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

14. O Concello formalizará un seguro de cobertura das posibles responsabilidades civís de todo o persoal que preste os seus servizos nel, polos actos que realicen por razón do seu traballo.

15. Con carácter xeral anualmente efectuaráselles un recoñecemento médico, que será voluntario, e realizarase preferentemente en xornada laboral.

16. Dereitos sindicais.- O seu exercicio realizarase de conformidade coa lexislación vixente.

Os Blancos, 27 de novembro de 2006. O alcalde. Asdo.: José Juan Puga Quintas. Os traballadores. Asdo.: M.ªJosé Dacosta Moure, M.ª Dolores Lama Feijoo, Juan Antonio Valencia Devesa, Celso Rúa Ferreiro.