Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE CARNOTA. PERSOAL FUNCIONARIO de Coruña
Convenios
Convenio Colectivo de Emp... de Coruña

Última revisión
19/11/2007

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE CARNOTA. PERSOAL FUNCIONARIO de Coruña

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2007 en adelante

Tiempo de lectura: 27 min

Tiempo de lectura: 27 min

Acordo regulador das condicions de traballo de Concello de Carnota (Boletín Oficial de A Coruña num. 266 de 17/11/2007)

Visto o texto do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servizo do Concello de Carnota, que tivo entrada nesta Delegación Provincial da Consellería de Traballo o día 14.9.07, complementado o 24.10.07, subscrito pola representación do concello e polo delegado de persoal o 2.5.07, e ratificado polo Pleno da Corporación na súa sesión de 23.5.07, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das Administracións públicas, segundo a redacción dada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo, esta delegación provincial

ACORDA:

PRIMEIRO.- Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

SEGUNDO. - Dispoñe-la súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

A Coruña, 30 de outubro de 2007

A DELEGADA PROVINCIAL

Asdo.: María Debén Alfonso

ACORDO REGULADOR CONDICIONS DE TRABALLO FUNCIONARIOS DE CARREIRA CONCELLO DE CARNOTA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O obxecto deste documento é o de regular determinadas condicións de emprego do persoal funcionario de carreira do Concello de Carnota, guiándonos por principios rectores que garanten a correcta aplicación normativa, que respecten os principios constitucionais e establezan os medios para alcanzar unha mellora da administración pública, así como unha mellora da calidade dos servizos públicos a través da modernización da administración e o compromiso dos traballadores na procura da eficiencia e do establecemento duns servizos profesionais.

Conscientes desta realidade, e coa idea de poñer en práctica procedementos de xestión de recursos humanos en procesos eficientes e para a mellora na organización e na prestación dos servizos públicos locais, a Administración Local do Concello de Carnota, propuxose recompilar nunha regulamentación única con carácter de mínimos, as condicións de traballo e de emprego do persoal funcionario.As partes concertantes basean esta actuación no carácter representativo do Concello de Carnota respecto do persoal, e na lexitimidade que lle outorga a lexislación básica que regula os dereitos de participación e negociación das condicións de traballo dos empregados/as públicos (Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas e Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores), lexitimidade que emana directamente do dereito constitucional á negociación colectiva (artigos 28 e 37).CAPÍTULO I. - DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. - Ámbito de aplicación funcional, territorial e persoal.

O convenio será de aplicación ao persoal funcionario de carreira, que preste servizos no Concello de Carnota ou que se incorpore durante a súa vixencia.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste convenio o persoal incluído no ámbito de aplicación do R.D. 1382/85 de 1 de agosto, que regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección e as exclusións do artigo 1.3 do ET, así como o persoal de confianza. Tamén quedan excluídos o persoal con vínculos de caracter de contratos de servicios, de asistencia técnica, de asesoramento, e colaboración.

Artigo 2. - Ámbito temporal.

1. - Procedemento de aprobación. Entrada en vigor: O Convenio será aprobado polo Pleno da Corporación Municipal, órgano competente,sendo publicado no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña. O presente convenio colectivo entrará en vigor o día seguinte da súa publicación, retrotraéndose os seus efectos ó 1 de xaneiro de 2007.

2. - Duración: o presente convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2009.

3. - Prórrogas: cunha antelación mínima de trinta días naturais antes do vencemento do presente convenio ou de calquera das súas prórrogas anuais, ámbalas dúas partes, indistintamente, poderán comunicar á outra, por escrito, a denuncia do convenio (ó seu remate legal). De non se producir a expresada denuncia, o convenio considerarase automaticamente prorrogado por anualidades sucesivas, salvo as cláusulas de contido económico (tanto salariais como extrasalariais), que experimentarán, en tal caso, unicamente a variación que sinale para tal efecto a lexislación estatal e autonómica de aplicación.

Artigo 3. - Condicións máis beneficiosas.

As melloras establecidas noutras disposicións de calquera rango legal aplicables á Administración local, e todas aquelas situacións colectivas que comparadas analítica ou globalmente sexan superiores ás do acordo no dito ámbito, serán de aplicación de acordo co principio de norma máis favorable ou condición máis beneficiosa para os traballadores.As condicións económicas establecidas no presente acordo compensarán todas as existentes á súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa orixe e natureza.

Artigo 4. - Comisión de seguimento.

Aos 30 días de aprobación do convenio constituirase unha comisión de seguimento formada polo Alcalde-presidente ou concelleiro en quen delegue, concelleiro de persoal, e concelleiro de Facenda, o secretario xeral da Corporación e o delegado de persoal funcionario e o Tesoreiro Municipal. A comisión reunirase nun prazo máximo de dez días desde a petición da alomenos tres dos seus membros, sendo o seu acordo de aplicación práctica executiva, sendo o quorum-mínimo de asistencia de tres membros.As funcións e actividades da comisión non impedirán, en ningún caso, o libre exercicio da xurisdicción administrativa, ou da contenciosa , previstas no ordenamento xurídico.As partes adhírense, por vontade expresa, ao Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Artigo 5. - Ingresos e contrato de traballo.

1. - O ingreso do persoal do Concello realizarase de acordo coas disposicións legais vixentes e a do presente convenio, que deberán terse en conta como regra xeral.

2. - As vacantes que existan na actualidade ou que se produzan no futuro incluídas as de ampliación do cadro de persoal, cubriranse de acordo coa oferta de emprego público do Concello, na que figurarán tódolos postos de traballo dotados orzamentariamente que se atopen vacantes. En todo caso na oferta de emprego público estarán comprendidas as prazas reservadas ós sistema de promoción interna.

Artigo 6. - Tribunais de selección de persoal.

Os órganos de selección constituiranse en cada convocatoria e deberán estar formados por un número impar de membros, un dos cales, o menos, será designado a proposta da representación dos traballadores, segundo o regulado no RD 364/1995 de 10 de marzo.

Artigo 7. - Promoción interna.

A promoción interna consiste no ascenso dos traballadores dunha categoría inferior a outra superior que se atope vacante, dentro do seu mesmo grupo profesional ou noutro distinto.

Artigo 8. - Formación profesional.

O Concello adoptará as medidas concretas que posibiliten a formación e perfeccionamento dos seus traballadores cara á promoción profesional, así como o incremento da súa produtividade e un mellor servizo público. Os cursos de formación deberán estar directamente relacionados coas funcións que desempeñe o interesado.

Artigo 9. - Uso da lingua galega.

Os traballadores do Concello de Carnota teñen o dereito e o deber de desenvolver a súa actividade laboral e profesional no idioma galego, como lingua da Comunidade Autónoma e, en particular da Administración local e, polo tanto, acceder a vías de formación lingüística en relación co seu posto de traballo.

CAPÍTULO II. - LICENZAS E CONDICIONS DE TRABALLO

Artigo 10. - Traballadores con capacidade diminuída.

O Concello adaptará ó persoal cuxa capacidade se vise diminuída pola súa idade, accidente ou enfermidade, previo informe médico, destinándoos a un posto de traballo adecuado ás súas condicións, posto de traballo que pode ser de distinto servicio ó que o traballador estea adscrito, no caso de que este sexa un posto de inferior categoría ó que desempeñaba, respectarase o salario que viñese percibindo.

Artigo 11. - Licenzas retribuídas.

Todo o persoal vinculado por este acordo, terá dereito a gozar das seguintes licenzas retribuídas:

a) Polo matrimonio 15 días naturais.

b) Polo nacemento dun fillo, ou a morte dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, tres días se o suceso se produce na mesma localidade a ata cinco días cando sexa noutra diferente.

c) Polo falecemento do cónxuxe e/ou fillos, catro días.

d) Polo falecemento de parentes de 3.º grao por consanguinidade ou afinidade, 2 días

e) No caso de enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, tres días se o suceso se produce na mesma localidade e ata cinco días cando sexa noutra diferente. Cando o traballador esgotara os días contemplados no parágrafo anterior e sempre que este o solicite, concederase un permiso excepcional ata un máximo de quince días, no que o traballador afectado percibirá o 75 por cento das súas retribucións.

f) Por traslado de domicilio sen que supoña cambio de residencia, dous días. Cando supoña un cambio de residencia, ata catro días.

g) Por cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal, o tempo indispensable.

h) Por asuntos persoais non incluídos nos apartados anteriores, nove días ó ano, non acumulables ás vacacións anuais, que o traballador pode distribuír á súa conveniencia..

i) O persoal cun fillo menor de 10 meses terá dereito a un permiso de dúas horas diarias do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións dunha hora cada unha ou substituírse por unha redución da xornada normal en dúas horas.

Este permiso poderá ser gozado, indistintamente, pola nai ou o pai, en caso de que ambos os dous traballen.O mesmo dereito terán os pais, en caso de adopción dun neno de ata dez meses de idade.

j) Quen por razón de garda legal teña ó seu cargo algún menor de 6 anos ou un diminuído psíquico ou físico que non desenvolva ningunha actividade retribuída, terá dereito a unha diminución da xornada de traballo nun 1/3 ou nun 1/2 coa redución proporcional das súas retribucións. A concesión de redución de xornada por razón de garda legal será incompatible coa realización de calquera outra actividade, sexa ou non remunerada, durante o horario que foi obxecto da redución.

k) Nos casos debidamente xustificados e por incapacidade física ou psíquica do seu cónxuxe, pai, nai ou familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que conviva co traballador, poderase tamén solicitar a redución da xornada coa redución proporcional das retribucións. Cando a incapacidade xere o dereito de percibir unha pensión por grande invalidez non haberá lugar ó exercicio deste dereito.

l) En canto á licenza para realizar funcións sindicais, formación sindical ou de representación do persoal, regularase de acordo co pactado neste acordo e supletoriamente co legalmente establecido.

m) As traballadoras teñen dereito a unha licenza de maternidade de 16 semanas, que se aumentará en dúas semanas máis por cada fillo no caso de parto múltiple e que se regulará polo disposto na Lei 3/1989 do 3 de marzo. A licencia será en todo caso irrenunciable.

No caso de que a nai e o pai traballen, aquela poderá optar por que o pai goce do citado período, agás as 6 semanas de gozo obrigatorio.

A traballadora xestante ten dereito a ocupar durante o embarazo un posto de traballo ou xornada distinto ó seu, sempre que, segundo prescrición médica, o posto de traballo habitual resulte nocivo para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría nin diminución dos seus dereitos económicos.

n) Permiso de paternidade: aplícase o regulado no artigo 70 aptdo. 5 da Lei 4/1988 da función pública de Galicia.

Artigo 12. - Licenzas non retribuídas.

Concederanse licenzas por asuntos propios, sen retribución ningunha e cuxa duración acumulada non exceda en ningún caso de tres meses en dous anos.

Artigo 13. - Suspensión por IT, accidente laboral e enfermidade profesional.

No caso de IT, calquera que foran as súas causas o funcionario percibirá a totalidade das súas retribucións fixas e periódicas. Durante o período de IT o traballador estará obrigado a acreditar a súa situación mediante a entrega dos correspondentes partes médicos de confirmación. O Concello poderá verificar o estado de enfermidade ou accidente do traballador, mediante recoñecemento médico. A negativa do traballador ós ditos recoñecementos poderá determinar a suspensión dos dereitos económicos establecidos no presente artigo. Naqueles casos que se consideren abusivos a comisión paritaria determinará a aplicación ou non deste artigo.

CAPÍTULO III. - TEMPO DE TRABALLO

Artigo 14. - Xornada de traballo e horarios.

1. - A duración máxima da xornada de traballo para todo o persoal afectado polo presente convenio será de trinta e sete horas e media semanais como máximo, en réxime de xornada continuada de luns a venres.

2. - Anualmente o Concello elaborará conxuntamente cos representantes legais dos traballadores o calendario laboral. Débese expoñer un exemplar nun lugar visible dos centros de traballo.

3. - Desde o 1 de xuño ó 15 de setembro gozaranse de horario de verán, cunha redución de media hora diaria.

4. - O día de Santa Rita de Casia, 22 de maio, considerarase festivo para tódolos traballadores do Concello.

5. - Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas e servizos municipais, agás os servizos de Policía, Protección Civil e Extinción de incendios.

6. - Antes do 31 de xaneiro de cada ano, elaborarase o calendario laboral.

Artigo 15. - Descanso diario.

1. Os traballadores comprendidos no ámbito de aplicación do presente convenio que teñan xornada continuada, gozarán dun descanso intermedio de 30 minutos, que se considerará como tempo de traballo efectivo para tódolos efectos.

2. Considerarase tamén como traballo efectivo o tempo que sexa imprescindible para recoller, ordenar e gardar a roupa, materiais e útiles de traballo. A mesma consideración teraa o tempo utilizado para cumprir coas normas de seguridade e hixiene.

3. Para o persoal que desenvolva a súa actividade en lugares de traballo non fixos ou itinerantes, o cómputo da xornada normal comezará e rematará no lugar de recollida ou de reunión establecido para tal efecto.

Artigo 16. - Horas extraordinarias.

1. Ante a grave situación de paro laboral existente en Galicia e co obxecto de favorecer a creación de emprego, acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias; isto é, as realizadas fóra da xornada de traballo e cos seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión total e absoluta. Neste sentido, se como consecuencia do traballo propio dun servizo se estivesen a facer horas extras de forma habitual e en horario concreto, fóra do calendario establecido, procederase á negociación necesaria para establecer un réxime de horarios nos que queden aseguradas as necesidades do servizo.

b) Horas extraordinarias necesarias por producirse imprevistos, ausencias, interrupcións do servizo, alteracións nas quendas de persoal ou outras circunstancias de carácter estrutural derivadas da actividade ou servizo de que se trate: permitiranse sempre e cando non sexa posible resolver estas situacións coa redistribución dos efectivos de persoal existentes no cadro, ou recorrerá contratación temporal en calquera das modalidades existentes na lexislación vixente.

2. Os responsables dos servizos ou unidades administrativas responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización das horas extraordinarias, así como da veracidade dos acontecementos aludidos en apartados anteriores que xustificasen a súa realización.

3. Excepcionalmente, cando o gozo de horas libres de compensación pola realización de horas extraordinarias poida supoñer un grave prexuízo para o funcionamento dun determinado servizo ou unidade administrativa, a compensación poderá substituírse pola remuneración económica nas contías que para cada grupo se establezan. Non obstante, a compensación por horas será de 2 horas libres por cada hora extra .

A hora extra retribuirase co recargo do 75% sobre a hora normal. No caso de domingos e festivos será do 100%. As horas que se fagan antes do día 24 de cada mes cobraranse na nómina correspondente ó mesmo mes.

4. A realización de horas extraordinarias por cada traballador, en ningún caso superarán un total de oito ó mes ou oitenta ó ano, salvo razóns excepcionais, apreciadas pola Alcaldía mes a mes.

5. O persoal que sexa nomeado para formar parte de tribunais de oposicións cobrará as cantidades por asistencias que correspondan segundo a lexislación vixente.

Artigo 17. - Pagas extraordinarias.

1. - O empresario ten a obrigación de aboar ó traballador dúas pagas extraordinarias ó ano, que se devengarán o primeiro día hábil dos meses de xuño e decembro.

2. - A contía de cada unha delas será pola totalidade das retribucións que figuran con carácter fixo na nómina. Quedan excluídos, por tanto, os complementos con contía de carácter variable.

Artigo 18. - Vacacións.

1. - O período de vacacións retribuídas será dun mes natural ou de vintedous días hábiles por ano completo de servizo ou en forma proporcional ó tempo de servizos efectivos e gozarase de forma obrigatoria dentro do ano natural e ata o quince de xaneiro do ano seguinte. Deberán ser solicitadas antes do 15 de maio.

2. - A tódolos traballadores con antigüidade de máis de 15 anos corresponderanlle 23 días, con 20 anos 24 días, con 25 anos 25 días e con 30 ou máis anos de servizo 26 días. Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento da antigüidade referendada.

3. - O comezo do período vacacional quedará suspendido a instancia do traballador/a cando se presente unha situación de baixa con anterioridade á data prevista como deste.

4. - Igualmente dará lugar á interrupción das vacacións, con suspensión do período que lle queda ao interesado, a contar desde o primeiro día da baixa, nos casos nos que durante o seu gozo se acredite unha situación de incapacidade temporal e esta sexa superior a cinco días naturais.

5. - No caso de baixa por maternidade, cando esta situación coincida co período de vacacións quedará interrompido este, e poderán gozarse as vacacións rematado o período de permiso por maternidade, dentro do ano natural ou ata o 15 de xaneiro do ano seguinte.

CAPÍTULO IV. - RETRIBUCIÓNS

Artigo 19. - Estructura e pago do salario.

1. - Para os anos de vixencia do presente convenio será de aplicación ó persoal funcionario o incremento recollido nos orzamentos do Estado para o 2007 do 3% da masa salarial como mínimo.

2. - Acordase unha revisión salarial que se aplicará constituíndo un instrumento motivador da labor do persoal ao servizo da administración local, facendo efectivo ademais un principio de solidariedade e permitindo a tódalas persoas que traballan no ámbito local recuperar parte do poder adquisitivo perdido nos últimos anos ( período 2000-2006= 9% de perdida ) e, como consecuencia dos esforzos asumidos para lograr a estabilidade orzamentaria, e os obxectivos macroeconómicos de crecemento do emprego e contención da inflación. Independentemente da subida que se recolla no orzamento xeral do estado, a recuperación citada aplicarase como sigue : Ano 2008, 3,0%; ano 2009, 2,5% ; ano 2010, 2,0 %; ano 2011, 1,5%.

CAPÍTULO V. - MELLORAS SOCIAIS

Artigo 20. - Dereitos sociais.

1. - Póliza de seguros: Tódolos traballadores afectados polo presente convenio estarán cubertos por unha póliza de seguro que ampare a invalidez, que tería que ser permanente, total ou parcial, absoluta ou grande invalidez, ou morte, nas seguintes contías:

Por morte: 36.060,73 euros.

Por invalidez permanente, total, absoluta ou grande invalidez: 48.080,97 euros.

Por invalidez parcial: 18.030,36 euros.

En tódolos casos o Concello farase cargo dos gastos ocasionados polo accidente dos traballadores/as.

2. - Seguro de responsabilidade civil: subscribirase polo Concello unha póliza que garanta a cobertura por responsabilidade civil que se poida derivar das actividades profesionais do persoal suxeito ó presente convenio, salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

3. - Asistencia xurídica: o Concello obrígase a prestar asistencia xurídica ós seus empregados/as nos supostos de conflitos surdidos na realización das súas funcións.

4. - Axudas de custo e quilometraxe: a todo/a traballador/a que, de forma circunstancial e debidamente autorizado, deba exerce-lo seu labor fóra do termo municipal, aplicaráselle o réxime de axudas de custo vixente para os empregados públicos.

En caso de que o vehículo do traballador sufrise algún desperfecto por motivo de sinistro, o Concello, logo do informe favorable dunha comisión paritaria formada polo xefe do persoal e os representantes do persoal , farase cargo da contía total da reparación do vehículo e dos gastos de tal contratempo, coa dilixencia precisa, sempre e cando o sinistro non se producise por imprudencia temeraria do condutor do vehículo, ou ben que a culpabilidade sexa de terceira persoa, a cal tería que responder destes danos, a menos que careza de cobertura suficiente por parte do seu seguro, caso no que se faría cargo o Concello.

Artigo 21. - Plan de pensións.

O Concello, como promotor do Plan de Pensións dos Empregados do Concello de Carnota comprométese a consignar anualmente no orzamento municipal o crédito necesario para facer fronte ás súas achegas en favor dos empregados partícipes adheridos a este.

O réxime de funcionamento, achegas e prestacións do Plan de pensións municipal será o establecido nas especificacións deste aprobadas polo Pleno municipal

Deste xeito o Concello de Carnota, consignará nos orzamentos do 2008 e sucesivos unha achega mínima do 0,5% da masa salarial para promover un plan de pensións, co fin de mellorar as prestacións sociais do persoal , unha vez finalizada a súa vida laboral.

Artigo 22. - Axudas sociais.

1. Para os efectos deste artigo habilitaranse nos orzamentos municipais unha partida de 20.000 € anuais. Unha vez esgotada non se admitirán máis solicitudes ata o seguinte exercicioeconómico. 2. Os conceptos para os que se poderán solicitar axudas serán os seguintes:

a) Bolsas de estudos: establécense as seguintes axudas:

- Por cada fillo en educación infantil ou gardería: 68 €.

- Por cada fillo en educación primaria: 68 €.

- Por cada fillo no 1.º ciclo da ESO ou equivalente: 83 €.

- Por cada fillo no 2.º ciclo da ESO ou equivalente: 100 €.

- Por cada fillo en ESPO ou equivalente: 133 €.

- Por cada fillo na universidade: 234 €.

Poden beneficiarse desta axuda o propio empregado, fillos, cónxuxe e orfos deste. As solicitudes deberán acompañarse da xustificación debidamente documentada de matrícula no centro de estudos correspondente. A súa tramitación e concesión farase dentro do exercicio orzamentario.

b) Garderías: establécese a axuda de 60 euros/ano escolar. Os beneficiarios desta serán os fillos do persoal empregado e a xustificación será igual que no caso anterior.c) Servizos sanitarios.

1. Recoñecemento médico: o Concello adoptará as medidas precisas para que o persoal poida efectuar un recoñecemento médico completo de periodicidade anual ou bianual.

2. Servizos sanitarios: o Concello concederá axudas de carácter social: odontoloxía, oftalmoloxía, próteses ortopédicas, dispositivos especiais, etc., cun máximo ó ano de 600 euros por traballador, e os seus descendentes ata 18 anos. Para facer efectiva a axuda económica, o traballador deberá presentar o informe facultativo sobre a necesidade do servizo sanitario citado e a factura correspondente.

3. Consultas médicas: pagaranse 3 consultas a médicos particulares, ata un máximo de 300 euros por traballador en total, cónxuxe (ou asimilado) ou descendentes, nestes últimos casos (cónxuxe-descendentes) sempre que non teñan ingresos

4. - En tódolos casos de accidentes laborais ou enfermidade profesional, o Concello farase cargo dos gastos ocasionados polo mesmo relativos a medicamentos e que non sexan cubertos pola Mutua.

Artigo 23. - Anticipos reintegrables sen intereses e préstamos persoais.

1. - Anticipos reintegrables sen intereses: o Concello habilitará durante a vixencia do presente convenio un fondo de 24.000 euros anuais para o obxecto de que os funcionarios, poidan solicitar, por razóns de urxencias (compra de vivenda, obras de rehabilitación desta, merca de mobiliario para 1ª vivenda, gastos por enfermidade propia ou de conxúxe, fillos ou persoa dependente económicamente do solicitante), un anticipo reintegrable sen xuros de ata 6.000 euros. O importe dos mencionados anticipos será reintegrado mediante deducción da cantidade que corresponda en 36 mensualidades.

2. - No caso de solicitar un importe de 1500 €, este devolverase nun período dun ano, 3.000 € en dous anos e 6.000 € en tres anos.

3. - Todo o persoal municipal terá dereito a percibir, en caso de urxente necesidade, un anticipo dunha mensualidade. Farase efectivo de xeito inmediato e a cantidade correspondente descontaráselle automaticamente na nómina do mesmo mes.

CAPÍTULO VI. - PODER DISCIPLINARIO

Artigo 24. - Garantías sindicais.

Os delegados/as sindicais non poderán ser sancionados nin despedidos durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó seu cesamento ou como consecuencia das súas actividades sindicais.

Tampouco poderán ser trasladados da unidade, centro ou posto de traballo, en contra da súa vontade expresa, durante o seu mandato.

Os delegados/as sindicais non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional en razón, precisamente, do desempeño da súa función sindical.

O Concello comprométese a facilitar un local para a celebración de asembleas, fóra do horario de traballo. Así como un local para o Comité de Empresa.

Sen prexuízo do anteriormente establecido, poderanse realizar asembleas dentro da xornada de traballo, con intervención e presenza sempre dalgún delegado/a sindical, debendo comunicarse sempre a súa celebración.

CAPÍTULO VII. - SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

Artigo 25. - Seguridade e saúde laboral.

Nesta materia aplicarase todo o disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o seu posterior desenvolvemento, en canto á vixilancia da saúde a súa planificación e programación realizarase no marco da Lei xeral de sanidade do 25 de abril de 1996.

Artigo 26. - Revisión médica.

Ademais do recoñecemento médico de ingreso, efectuarase a todo o persoal un recoñecemento médico como mínimo cada dous anos, e cunha periodicidade anual, ou inferior ao ano, ao persoal que ocupe postos de traballo con risco de toxicidade, penosidade, perigosidade ou calquera circunstancia de risco excepcional para a saúde. As revisións médicas serán adaptadas e específicas en relación ao perfil e características do posto desempeñado.

Artigo 27. - Vestiario de traballo.

1. O Concello proporcionará vestiario de traballo en concordancia co posto de traballo e a función que se realice.

A mesa negociadora velará para que as prendas e elementos de protección reúnan as condicións adecuadas e estean homologadas.

2. Os traballadores suxeitos a riscos específicos dotaranse das pezas e elementos de protección adecuados e homologados para afronta-la natureza do risco.

Artigo 28. - Servizos de prevención.

1. En cumprimento do deber de prevención de riscos profesionais, os órganos competentes en materia de persoal, determinarán trala negociación coas organizacións sindicais e en función da estrutura organizativa e territorial dos seus organismos, así como do tipo de riscos presentes no sector e a incidencia destes nos empregados públicos, o tipo de servizo de prevención máis axustado ás súas características, potenciando a utilización dos recursos propios existentes nas administracións públicas locais.

2. Os órganos competentes en materia de persoal poderán designar un ou varios empregados públicos para ocuparse da actividade de prevención de riscos profesionais, constituír un servizo de prevención ou concerta-lo dito servizo cunha entidade especializada, trala negociación coas organizacións sindicais.

Cando se opte pola designación de empregados públicos para a realización de actividades de prevención, esta deberá ser negociada cos órganos de representación do persoal.

3. As funcións dos servizos de prevención axustaranse ó disposto no artigo 31 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Disposicións transitorias

Primeira. - O Concello de Carnota comprométese a elaborar, durante o ano 2007, a catalogación dos postos de traballo e a proceder durante este mesmo período á súa valoración.

Definiranse os grupos e categorías profesionais, así como os salarios por grupos retributivos, a porcentaxe por antigüidade establecido por grupos e complementos de postos de traballo.

Segunda. - Os efectos económicos deste convenio regulador quedan supeditados a que se habiliten os créditos orzamentarios necesarios.

Disposicións xerais

Primeira. - Integrarase neste convenio a normativa de conciliación da vida familiar e laboral.

Segunda. - Aplicarase a este convenio o Real Decreto-Lei 5/2006 de 9 de xuño, para a mellora do crecemento e do emprego, así como a Lei 7/2007 de 12 de abril do estatuto básico do empregado público.

ANEXO I

Consonte o establecido no Decreto 130/2006, do 27 de xullo, da Consellería de Traballo (DOG N.º 151 do 7 de agosto), polo que se determina o calendario laboral para o ano 2007 na Comunidade Autónoma de Galicia, as festas laborais de carácter retribuído e non recuperable son as seguintes:

* 1 de xaneiro: Aninovo

* 6 de xaneiro: Día de Reis

* 5 de abril: Xoves Santo

* 6 de abril: Venres Santo

* 1 de maio: Festa do traballo

* 17 de maio: Día das Letras Galegas (carácter de recuperable)

* 25 de xullo: Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia

* 15 de agosto: Asunción da Virxe

* 12 de outubro: Festa da Hispanidade

* 1 de novembro: Todos os Santos

* 6 de decembro: Día da Constitución Española

* 8 de decembro: Inmaculada Concepción

* 25 de decembro: Nadal

Festas laborais de carácter local: aqueles días aprobados como festas locais polo Pleno da Corporación e publicados no DOG, variables cada ano.

ANEXO II

Ámbalas partes acordan que para os efectos económicos este convenio teña efecto a partir do 1 de xaneiro de 2007.

Carnota, 12 de maio de 2007.

O alcalde

D. Xosé Manuel García Martínez

Delegados de persoal. D. Jesús López Rama (UGT)

ÍNDICE

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS (arts. 1 a 9)

CAPÍTULO II. LICENZAS E CONDICIONS DE TRABALLO (arts. 10 a 13)

CAPÍTULO III. TEMPO DE TRABALLO (arts. 14 a 18)

CAPÍTULO IV. RETRIBUCIÓNS (art. 19)

CAPÍTULO V. MELLORAS SOCIAIS (arts. 20 a 23)

CAPÍTULO VI. PODER DISCIPLINARIO (art. 24)

CAPÍTULO VII. SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL (arts. 25 a 28)

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS, E XERAIS

ANEXO I e II

Carnota, 2 de maio de 2007

Delegado sindical UGT

Don Jesús López Rama

Delegado persoal CIG

D.ª Dolores Pena Pena

Delegado persoal CC.OO.

D. Manuel José López Castro

Alcalde-presidente