C. Colectivo , Revision. Convenio Colectivo de Empresa de CONCELLO DE TOMIÑO. PERSOAL LABORAL (36003502012002) de Pontevedra

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 17 de Enero de 2014 en adelante

TIEMPO DE LECTURA:

  • Código: 3603502
  • Código Nuevo: 36003502012002
  • Tipo: Empresa
  • Ámbito: Pontevedra
  • Boletín Oficial de Pontevedra nº 10 del 16/01/2014

    ...comision paritaria... ...comisiones paritarias... ...comisiones mixtas paritarias... ...comision mixta paritaria... ...comision paritaria mixta... ...comisiones paritarias mixtas... ...organo paritario sectorial... ...Código de Convenio número 36003502012002. Visto o Acordo da Comisión Negociadora polo que se aproba o texto do convenio colectivo para o per... ...Responsabilidad... ...Días hábiles... ...Comisión Paritaria...
Tipo Título F. Publicación Boletin F. Vigor Vigencia PDF
C. Colectivo , Revision Acordo da Comision Negociadora polo que se aproba o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Tomiño. Codigo de Convenio numero 36003502012002 16/01/2014 Boletín Oficial de Pontevedra 17/01/2014 Vigente Documento oficial en PDF
C. Colectivo Convenio colectivo para o persoal laboral do CONCELLO DE TOMIÑO, con n º de codigo 3603502 16/02/2009 Boletín Oficial de Pontevedra 01/01/2008 No Vigente Documento oficial en PDF
Acordo da Comision Negociadora polo que se aproba o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Tomiño. Codigo de Convenio numero 36003502012002 (Boletín Oficial de Pontevedra núm. 10 de 16/01/2014)

Preambulo

Código de Convenio número 36003502012002.

Visto o Acordo da Comisión Negociadora polo que se aproba o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Tomiño, subscrito en representación da parte económica, por unha representación do Concello e da parte social polo comité de empresa e polo representante do sindicato UGT, en data 3 de xullo de 2013, e ratificado polo Pleno do Concello, o 9 de xullo de 2013.

Primeiro.Dito Convenio foi presentado na Xefatura Territorial de Vigo en data 30 de agosto de 2013.

Segundo.Que no mesmo non se aprecia nengunha infracción da legalidade vixente e as súas cláusulas non conteñen estipulacións en perxuizo de terceiros.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

Primeiro.Que o artigo 90.2 y 3 do Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, do Estatuto dos Traballadores, outorga facultades a Autoridade laboral competente en orden ao rexistro, publicación, depósito e notificación dos Acordos Colectivos pactados no ámbito da súa competencia.

Segundo.Real Decreto 713/2010, de 28 de mayo, sobre Rexistro e Depósito dos convenios e acordos colectivos de traballo.

Terceiro.Real decreto 2412/82, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo,

Esta xefatura territorial,

A C O R D A:

Primeiro.Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18.11.2010).

Segundo.Dispoñer a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Terceiro.Ordenar a notificación desta Resolución a Mesa Negociadora do mesmo.


CONVENIO COLECTIVO DO PERSOAL LABORAL AO SERVIZO DO CONCELLO DE TOMIÑO

 


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O obxectivo do presente Convenio colectivo non é outro que o da regulación das condicións de emprego do conxunto do persoal laboral ao servizo do Concello de Tomiño.

Por todo iso, e de conformidade co disposto nas leis e normativa legal aplicables, as partes negociadoras acordan a subscrición do presente Convenio Colectivo regulador das condicións de emprego do persoal laboral ó servizo do Concello de Tomiño.

As partes que concertan este convenio son o Concello, no exercicio da súa autonomía local, e o Comité de Empresa do persoal laboral, constituídos en Mesa de Negociación do Convenio Colectivo do Persoal Laboral, en uso das atribucións conferidas polo Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.


CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

 


Artigo 1 º. ÁMBITO TERRITORIAL

Este Convenio colectivo será de aplicación no Concello de Tomiño, que o asume na súa totalidade, trala negociación colectiva ó nivel correspondente.


Artigo 2 º. ÁMBITO PERSOAL

O presente convenio aplicarase integramente ao persoal fixo e indefinido que se adscriba e vincule, formalmente, ao desenvolvemento de funcións de índole estrutural, que preste servizos no Concello de Tomiño, en réxime de contratación laboral, ou que se incorpore durante a vixencia do mesmo, en todo aquilo que sexa compatible coa natureza da súa relación de emprego.

Poderán ser obxecto de aplicación, ao persoal de carácter temporal que preste servizos no Concello de Tomiño, en réxime de contratación laboral, en todo aquilo que sexa compatible coa natureza da súa relación de emprego, as previsións contidas no presente Convenio en materia de xornada laboral, asistencia e permanencia no traballo, vacacións, licenzas e permisos, selección, consolidación de emprego e seguridade e saúde no traballo, así como aqueloutras que, en desenvolvemento do propio Convenio e da lexislación vixente, poidan resultar aplicables; aplicación que, en calquera caso, será obxecto de estudo e determinación no seo da Comisión Paritaria de Seguimento e Control.


Artigo 3 º. ÁMBITO TEMPORAL, VIXENCIA E DENUNCIA

1.O presente Convenio colectivo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, abarcando o seu período de vixencia ata o 31 de decembro de 2014, período que, non obstante, entenderase prorrogado por anualidades, e non existir denuncia dalgunha das partes, ta a entrada en vigor do novo Convenio colectivo que substitúa ó anterior, trala oportuna negociación.

2.Ámbalas partes conveñen que o Convenio colectivo se considerará denunciado cando así se faga con un mes de antelación á finalización da súa vixencia ou de calquera prórroga, a fin de inicia-las negociacións e deliberacións do novo Convenio colectivo en data non posterior a un mes contado a partir da data de denuncia.


Artigo 4 º. OBXECTO

Este Convenio colectivo ten por obxecto regulalas condicións de traballo do persoal laboral do Concello de Tomiño, no marco da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma. Esta normativización lévase a cabo suxeitándose ó ordenamento xurídico e de conformidade cos principios de legalidade e eficacia.


Artigo 5 º. CARÁCTER

As condicións pactadas e comprendidas no presente Convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible e, a efectos da súa aplicación práctica, será considerado globalmente e conxuntamente vinculadas á totalidade. As partes asinantes do Convenio colectivo comprométense á aplicación directa do mesmo e a non promover cuestións que puidesen supoñer modificacións das condicións pactadas en prexuízo dos/as traballadores/as.


Artigo 6 º. CONDICIÓNS MÁIS BENEFICIOSAS

As melloras establecidas noutras disposicións de carácter xeral, que se diten con posterioridade ou anterioridade e que non se reflicten neste Convenio colectivo despois da súa aprobación, serán de aplicación, segundo o principio de norma máis favorable ou condición máis beneficiosa para os/as traballadores/as, sen exclusión de situacións singulares, instando á Comisión Mixta para que defenda a aplicación das melloras ou condicións beneficiosas. Enténdese este Convenio como o marco global máis favorábel. A Comisión de Seguimento e Interpretación estudará, caso por caso, a aplicación, a persoas determinadas, das condicións laborais mais beneficiosas que estean recoñecidas con anterioridade á entrada en vigor do Convenio.

Como norma xeral, unha vez aplicado o Convenio Colectivo, e trala consulta á Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento, tódalas condicións establecidas no Convenio colectivo, en caso de dúbida, ambigüidade ou escuridade, en canto ó sentido e alcance, deberán ser interpretadas e aplicadas polo Concello, do xeito que resulte máis beneficioso para os traballadores do Concello de Tomiño, e de conformidade coas previsións legais que resulten de aplicación.


Artigo 7 º. IRRENUNCIABILIDADE

Terase por nula e por non feita, a renuncia por parte dos/as traballadores/as, de calquera beneficio establecido no Convenio colectivo.

Así mesmo, unha vez aplicado este Convenio colectivo, tacharase de nulidade e sen ningún efecto, calquera outro Convenio colectivo, resolución ou cláusula que impliquen condicións menos beneficiosas para o persoal do Concello de Tomiño.


Artigo 8 º. APLICACIÓN DIRECTA

As partes sinatarias do Convenio colectivo ó nivel que sexa, comprométense á aplicación directa deste e a non promover cuestións que puideran supoñer modificacións das condicións pactadas no texto.


Artigo 9 º. PUBLICIDADE DO CONVENIO COLECTIVO

Con independencia da súa aprobación polo Pleno Municipal, será publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. A publicidade do devandito efectuarase por conta do Concello, asegurándose que todos/as e cada un/ha dos/as traballadores/as deste Concello dispoñan dun exemplar gratuíto do mesmo.


Artigo 10 º. CONFLITIVIDADE LABORAL

Antes de adoptar medidas disciplinarias ou actitudes conflitivas de carácter colectivo, as partes asinantes do Convenio comprométense a esgotar a vía do diálogo dentro da propia institución, acudindo á Comisión de seguimento e control, constituída segundo o establecido no capítulo seguinte.


CAPÍTULO II. SEGUIMENTO E CONTROL

 


Artigo 11 º. COMISIÓN PARITARIA MIXTA DE CONTROL E SEGUIMENTO DO CONVENIO COLECTIVO

1.Tras a entrada en vigor deste Convenio constituírase unha Comisión Paritaria Única de control e seguimento, cuxa composición será paritaria, estando representadas as partes negociadoras e asinantes do Convenio, co voto ponderado correspondente. Por cada unha das partes procederase ó nomeamento dun titular e dun suplente; unha e outra parte nomearán un voceiro.

2.A Comisión Paritaria Mixta estará asistida polo/a Secretario/a Xeral da Corporación, ou funcionario/a en quen delegue, designado polo Concello, que deberá levantar actas das sesións, as cales serán aprobadas na seguinte sesión e actuará de fedatario/a con voz pero sen voto, dos acordos adoptados. Así mesmo o/a secretario/a terá as funcións seguintes:

Convocar ás partes coa antelación e forma debida.

Dar entrada, rexistrar e distribuír, entre os/as membros da Comisión, as consultas e solicitudes recibidas.

Levar un Rexistro das actas aprobadas e librar certificacións dos acordos adoptados. Cantos outros cometidos lle sexan encomendados pola Comisión Paritaria de Control e Seguimento para o mellor funcionamento desta.

3.A Comisión Paritaria de Control e Seguimento, terá as seguintes funcións:

Interpretación auténtica do texto do Convenio colectivo, na súa aplicación práctica.

Resolución definitiva para as partes solicitantes ou implicadas de cantos asuntos e reclamacións se sometan á súa decisión respecto a calquera das condicións establecidas no Convenio colectivo. Naqueles casos complexos e con especificidade concreta nun ente, a resolución non será de aplicación ó resto das institucións, salvo que estas o pidan expresamente.

Vixilancia do cumprimento colectivo e total do pactado no Convenio colectivo segundo as oportunas recomendacións e interpretacións.

Denuncia do incumprimento do Convenio colectivo.

Estudio da evolución das relacións entre as partes sinatarias do Convenio colectivo.

Informe referente á extensión e ó grao de aplicación do Convenio colectivo, dificultades encontradas e propostas de superación destas.

Emitir informes cando así lle sexa solicitado, en relación coas propostas de clasificación e valoración de postos de traballo antes da súa aprobación polos órganos competentes deste Concello.

Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do Convenio colectivo ou veñan establecidas no seu texto.

Calquera outra que, se é o caso, poidan serlle atribuídas ó amparo de disposicións que no futuro se promulguen.

4.A Presidencia desta Comisión será asumida polo/a Alcalde/sa do Concello ou polo/a Concelleiro/a en quen delegue.

A Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento poderá utiliza-los servizos ocasionais ou permanentes de asesores/as, con voz pero sen voto.

5.A Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento recibirá cantas consultas e reclamacións lle sexan formuladas por escrito respecto a cuestións da súa competencia, pero tan só polas vías procedimentais seguintes:

Por medio do Comité de Empresa e/ou delegados de persoal e das Centrais Sindicais máis representativas e as sinatarias do Convenio colectivo.

A través de solicitude escrita realizada polos/as traballadores do Concello de Tomiño.

6.A Comisión reunirase:

Con carácter ordinario, semestralmente o día que oportunamente se sinale.

Con carácter extraordinario cando o soliciten, polo menos, o 50% dos/as seus/súas compoñentes.

As sesións da Comisión Paritaria celebraranse no enderezo desta, aínda que poderán efectuarse tamén en calquera outro lugar, tralo acordo dos/as voceiros/as, estando a asistencia a elas reservada aos membros e asesores/as correspondentes.

7.As convocatorias das diversas sesións da Comisión Paritaria Mixta, as realizará o/a secretario/a, mediante citación por escrito na que conste, lugar, data e hora, así como a orde do día, por calquera das formas permitidas pola Lei, ás partes cunha antelación mínima de sete días hábiles, respecto da data prevista de celebración, no caso de que convoque a sesión ordinaria, e dous días naturais para o caso en que se cite á sesión extraordinaria.

8.A orde do día das diversas sesións da Comisión Paritaria Mixta será fixada polo/a Presidente/a, co visto e prace dos/as voceiros/as, conforme ó disposto en acordo previo entre os/as respectivos/as voceiros/as.

9.En todo caso, os membros da Comisión e asesores/as das partes que teñan a condición de empregados/as públicos/as en activo, terán dereito ó correspondente permiso retribuído por todo o tempo necesario para a celebración das sesións convocadas como tales membros ou asesores/as.

O tempo investido polos/as delegados/as de persoal do Concello nas reunións da Comisión Paritaria Mixta, non será computado como horas sindicais.

10.Para que as sesións da Comisión Paritaria Mixta poidan celebrarse validamente será precisa a asistencia de, polo menos, o 50% dos/as compoñentes de cada unha das partes da Comisión, así como a do/a secretario/a ou dos/as que os/as substitúan nos seus cargos, en primeira convocatoria, establecéndose unha segunda convocatoria do 25% de cada parte, ½ hora máis tarde.

11.De cada xuntanza e ao seu remate, o/a secretario/a da Comisión redactará a correspondente acta na que haberá de constar o lugar, data e hora de comezo e remate da reunión, nomes e apelidos dos/as presentes, os asuntos tratados, os acordos adoptados con opinión sintética das opinións emitidas e a expresión dos votos. As actas serán sometidas a aprobación na seguinte sesión ordinaria.

12.As actas das sesións da Comisión Paritaria Mixta arquivaranse nun Rexistro que custodiará o/a secretario/a, baixo a súa responsabilidade no Concello, tendo que expedi-las certificacións oportunas dos acordos que as referidas actas conteñan, cando así se reclame por parte lexitimamente interesada.

13.No caso de non existir acordo entre as partes da Comisión Paritaria Mixta nun prazo máximo de tres meses, estas someterán as súas diferenzas a unha conciliación ou mediación e/ou arbitraxe ante os organismos competentes, co fin de que as partes remitan os informes que consideren pertinentes. A decisión deste será entón determinante e de carácter vinculante para a Comisión Paritaria Mixta, que emitirá ditame no sentido deste, excepto no caso de que ámbalas partes chegasen a un acordo posterior ou simultáneo, caso no que prevalecerá este sobre aquel, que quedará nulo sen efecto.

14.Os ditames da Comisión Paritaria Mixta notificarase ás partes implicadas.

15.Cando ámbalas partes así o consideren, crearanse comisións de traballo restrinxidas para tratar temas concretos e predeterminados. Estas comisións elaborarán os ditames que logo serán presentados á Comisión Paritaria Mixta, non sendo estes vinculantes senón meramente informativos.

16.As partes asinantes do Convenio colectivo, colaborarán coa Comisión Paritaria Mixta facilitando canta axuda e información lles sexa requirida, en virtude do cumprimento do pactado no texto do Convenio colectivo.

17.As comunicacións oficiais da Comisión Paritaria Mixta de Control e Seguimento verificaranse sempre directamente e por escrito, sen que poidan admitirse traslados e reproducións a través doutras instancias.

18.A Comisión Paritaria Mixta constituirase ós quince días da sinatura do Convenio colectivo. Denunciado este Convenio colectivo e ata a entrada en vigor dun novo, a Comisión Mixta continuará exercendo as súas funcións, ata a constitución da nova Comisión Mixta de Seguimento e Interpretación.


CAPÍTULO III. NEGOCIACIÓN COLECTIVA

 


Artigo 12 º. DO DEREITO Á NEGOCIACIÓN COLECTIVA

Os/as traballadores ao servizo do Concello de Tomiño, terán dereito á participación na determinación das súas condicións de traballo conforme á lexislación vixente aplicable e no disposto nos seguintes artigos.


Artigo 13 º. ÓRGANOS DE NEGOCIACIÓN COLECTIVA

1.Coa finalidade de posibilita-la participación do persoal laboral na determinación das súas condicións de traballo, no Concello de Tomiño constituirase unha Mesa de Negociación do persoal laboral ao servizo do Concello de Tomiño, na que estarán presentes os/as representantes do Concello, as organizacións sindicais máis representativas, os/as Delegados/as do Comité de Empresa ou os/as Delegados/as Persoal.

2.A Mesa de Negociación do persoal laboral será a encargada de negocia-los futuros Convenios Colectivos para o persoal laboral, de conformidade coas competencias e contidos de negociación a que fai referencia ó título III do Real Decreto Lexislativo 1/1995, polo que se aproba o Estatuto dos Traballadores, sendo competente, igualmente, para a negociación daquelas materias respecto das que dito texto legal lles confire competencias, por tratarse de cuestións con influencia nas condicións de traballo fundamentais do persoal laboral. En calquera caso, de tratarse de materias comúns para persoal laboral e funcionario, o órgano Competente será a Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Tomiño.

3.A composición da Mesa de Negociación do persoal laboral será paritaria.

4.A Mesa de Negociación reunirase como mínimo 1 vez ó ano.

5.As decisións tomaranse por maioría de máis do 50% dos compoñentes de cada unha das partes da Mesa.

6.Igualmente, de acordo co establecido no artigo 36.3 da Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, constituirase unha Mesa Xeral de Negociación no Concello de Tomiño para a negociación de todas aquelas materias e condicións de traballo comúns ao persoal funcionario, estatutario e laboral.

Ás materias e condicións de traballo comúns, e obxecto de negociación na Mesa Xeral, serán as establecidas ó abeiro do disposto no artigo 37 da Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público.

7.Así mesmo o Concello de Tomiño poderá adherirse ós acordos alcanzados dentro da Comunidade Autónoma de Galicia ou ós acordos alcanzados nun ámbito supramunicipal.


Artigo 14 º. PRINCIPIO DE BOA FE

En todo caso as negociacións realizaranse sempre baixo o principio de boa fe.


Artigo 15 º. MATERIAS OBXECTO DA NEGOCIACIÓN

Serán obxecto de negociación, no seu eido respectivo, en relación coas competencias atribuídas, no presente Convenio e restante normativa de aplicación, a cada órgano de negociación, as materias que, segundo a normativa aplicable en cada momento, merezan esta consideración, e co alcance que legalmente proceda en cada caso. A tal efecto tomarase como referencia, no momento da sinatura do presente Convenio, o estipulado ao respecto polo Estatuto Básico do Empregado Público no seu artigo 37.


CAPÍTULO IV. DEREITOS E DEBERES

 


Artigo 16 º. DEREITOS E DEBERES

1.No relativo ós dereitos e deberes do persoal laboral estarase ó disposto pola lexislación vixente aplicable ó respecto.

2.Especificamente, a Corporación recoñece o Dereito á Folga de tódolos/as traballadores/as municipais, que poderán exercer conforme ó establecido no Art. 28.2 da Constitución Española, R.D.Lei 17/1977, de 4 de marzo, e normativa especifica.

Os/as traballadores/as que exerzan o dereito de folga non terán dereito a percibir nin percibirán as retribucións correspondentes ao tempo que permanezan nesta situación, sen que a dedución de haberes que se efectúe teña, en ningún caso, carácter de sanción disciplinaria nin afecte o réxime respectivo das súas prestacións sociais.


CAPÍTULO V. AUTONOMÍA LOCAL

 


Artigo 17 º. AUTONOMÍA LOCAL

1.Todo o contido do presente Convenio colectivo baséase no marco da Autonomía da negociación colectiva das Corporacións Locais, arrincando, polo tanto, da Autonomía e Autoorganización destas conforme á Lei.

2.Así mesmo, baséase no carácter de representatividade que teñen as Organizacións Sindicais, así como os órganos de representación legal do persoal laboral, de acordo coa lexislación aplicable vixente.


CAPÍTULO VI. CALIDADE DE SERVIZOS. ASISTENCIA E PERMANENCIA NO TRABALLO

 


Artigo 18 º. CALIDADE DE SERVIZOS. ASISTENCIA E PERMANENCIA NO TRABALLO, REGULACIÓN E XUSTIFICACIÓN DE AUSENCIAS

1.As partes asinantes deste Convenio Colectivo, potenciarán os instrumentos de control da asistencia e permanencia no traballo, a través da proposta, entre outras, de medidas de mellora dos sistemas e procedementos da calidade na prestación do servizo público ós/ás cidadáns/ás, da medición da asistencia e permanencia e seguimento destas, realizando os estudos necesarios sobre as causas e adoptando, se é o caso, as medidas que sexan procedentes para o control, podendo procederse, sempre previa audiencia do/a interesado/a, ó desconto automático, calculado conforme ó establecido para o persoal laboral, das retribucións correspondentes ao tempo de traballo nos casos de falta inxustificada de asistencia, e puntualidade. Todo isto efectuarase sen prexuízo das medidas disciplinarias que, se é o caso, puideran corresponder.

Das medidas que se tomen para controlar a asistencia e permanencia no traballo no Concello de Tomiño, este procederá a informar puntualmente á Comisión Paritaria de Negociación e, no seu ámbito, ós/ás representantes legais dos/as traballadores/as.

2.As ausencias autorizadas como consecuencia do exercicio de dereitos recoñecidos na lexislación vixente sobre vacacións, licenzas e permisos seguirán o procedemento legalmente establecido, así como os criterios e normas fixados, para ese efecto, no Concello de Tomiño.

3.O persoal estará obrigado a comunicar todas aquelas ausencias que se produzan, ao comezo da xornada laboral, mediante o correspondente aviso ao responsable da unidade/servizo de pertenza, seguíndose igual procedemento no caso de ser causa sobrevida durante a xornada laboral.

As ausencias e faltas de puntualidade e permanencia de persoal, en que se aleguen causas de enfermidade, incapacidade temporal e outras de forza maior, requirirán o aviso ao responsable da unidade correspondente, así como a súa posterior xustificación acreditativa, que será notificada á unidade competente en materia de persoal.

En todo caso, e sen prexuízo da facultade discrecional dos titulares das unidades administrativas de esixir en calquera momento a xustificación documental oportuna, nos supostos de incapacidade temporal, risco durante o embarazo e risco durante a lactancia natural, a presentación do parte médico acreditativo deberá realizarse, como máximo, ao cuarto día dende o inicio da mesma. Devandito parte e os sucesivos de confirmación, coa periodicidade que regulamentariamente proceda, deberán presentarse na unidade competente en materia de persoal, no prazo máximo de tres días desde a súa expedición.

Así mesmo, unha vez expedido o parte médico de alta, a incorporación ao posto de traballo deberá ser o primeiro día hábil seguinte á súa expedición, achegando nese momento o citado parte na unidade competente en materia de persoal.

Nos casos de ausencia parcial ao posto de traballo, como consecuencia da asistencia a consulta, proba ou tratamento médico, dito período de tempo se considerará como de traballo efectivo, sempre que a ausencia se limite ao tempo indispensable e se xustifique, adecuadamente, a asistencia do empregado á hora fixada para a cita médica.

4.As ausencias e faltas de puntualidade e permanencia do persoal que non queden debidamente xustificadas, conforme aos criterios sinalados, darán lugar á correspondente dedución proporcional de haberes, sen prexuízo das medidas disciplinarias que procedan.

Serán consideradas como xustificadas todas aquelas ausencias autorizadas e derivadas do exercicio dos dereitos recoñecidos, na normativa vixente, en materia de vacacións, licenzas, permisos e incapacidade laboral, e que sigan o procedemento legalmente establecido, para a súa concesión, así como os criterios e normas fixados, para ese efecto, no Concello de Tomiño. Igualmente, tamén merecerán esta consideración, non dando lugar á dedución retributiva fixada na Disposición Adicional Trixésimo Oitava da Lei 17/2012, de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2013, os casos de ausencia durante a totalidade dunha da xornada ordinaria de traballo, e ata un máximo de seis días ao longo ano, por causa de enfermidade ou accidente, que non de lugar a incapacidade temporal; neste caso, deste cómputo total de seis días, só tres poderán ter lugar en días consecutivos. Todo ilo sen prexuízo de que exista a obriga de que ditas ausencias deban ser comunicadas ao responsable do centro ou servizo, e obxecto de posterior xustificación, unha vez reincorporado o empregado ao seu posto, mediante declaración xurada ao respecto da causa da referida ausencia.

Non obstante, aquelas ausencias e faltas de puntualidade e/ou permanencia do persoal que non se deriven dos supostos sinalados no punto anterior, ou respecto das que non se poida achegar xustificación documental, e que non supoñan, acumuladamente, máis de tres horas ao mes, ou trinta horas ao ano, tamén terán a consideración de xustificadas, non procedendo, xa que logo, dedución retributiva ningunha, sen prexuízo de que exista a obriga de que ditas ausencias deban ser comunicadas, ao responsable do centro ou servizo. En todo caso, no momento en que se superen os devanditos cómputos horarios, ben sexan as tres horas en cómputo mensual, ou as trinta horas en cómputo anual, procederase á dedución retributiva proporcional, considerando, a tal efecto, a totalidade de horas de ausencia contabilizadas.

5.Coa finalidade de proceder a unha materialización efectiva destas previsións, acadando a participación e colaboración activa de todo o persoal municipal, procederase a remitir, xunto coas dúas nóminas inmediatamente posteriores á entrada en vigor deste Convenio, e nos casos dos traballadores en que se constate a existencia de ausencias inxustificadas, relatorio detallado de ditas ausencias, así como das deducións retributivas que procederían; unha remisión que se fará, en todo caso, a meros efectos informativos, advertíndose, non obstante, que unha vez finalizado este período transitorio de dous meses, toda ausencia inxustificada que sobrepase os límites fixados ao efecto dará lugar a unha dedución de haberes proporcional.

En calquera caso, das medidas que se adopten para controlar a asistencia e permanencia ao traballo informarase puntualmente á Comisión Paritaria de control e seguimento, así como aos órganos de representación dos traballadores.


CAPÍTULO VII. SOLUCIÓN EXTRAXUDICIAL DE CONFLITOS COLECTIVOS

 


Artigo 19 º. SOLUCIÓN EXTRAXUDICIAL DE CONFLITOS COLECTIVOS

1.As partes asinantes do Convenio persoal acordan como mecanismo de resolución e mediación nos posibles conflitos colectivos ou discrepancias significativas, o diálogo e a negociación. En calquera caso, as partes asinantes do Convenio comprométense a esgotar a vía do diálogo dentro da propia institución, acudindo á Comisión de seguimento e control do presente Convenio.

Esgotadas as vías de negociación e diálogo no marco da propia Comisión de seguimento e control, a resolución extraxudicial de conflitos deberá levarse a cabo por procedementos de mediación e arbitraxe, conforme aos criterios e procedementos legalmente aplicables.

2.Mediante o procedemento de arbitraxe as partes poderán acordar de mutuo acordo encomendar a un terceiro a resolución de calquera conflito, comprometéndose de antemán a acepta-lo contido da mesma.

3.O acordo obtido a través da mediación ou da resolución de arbitraxe terá a mesma eficacia xurídica e tramitación que os pactos e acordos regulados por Lei, sempre que quen adoptase o acordo ou subscrito o compromiso arbitral tivese a lexitimación que lles permita acordar, no ámbito do conflito, un pacto ou acordo conforme ao previsto pola lei.

4.Estes acordos serán susceptibles de impugnación. Especificamente caberá recurso contra a resolución arbitral no caso de que non se observaran no desenvolvemento da actuación arbitral os requisitos e formalidades establecidos para o efecto ou cando a resolución tratase de puntos non sometidos á súa decisión, ou que esta contradiga a legalidade vixente.

5.A utilización destes sistemas efectuarase conforme aos procedementos que regulamentariamente sexan determinados tralo acordo cos representantes do persoal conforme ao regulado actualmente a este respecto.

En todo caso, os procedementos regulados neste artigo adecuaranse ao previsto no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de solución de conflitos de traballo, así como á restante normativa que resulte de aplicación en cada momento


CAPÍTULO VIII. ASISTENCIA E PERMANENCIA NO TRABALLO

 


Artigo 20 º. CALENDARIO LABORAL

1.O calendario laboral ordinario para o persoal ao servizo do Concello de Tomiño será o que se estableza, con carácter xeral polos organismos competentes da Administración central, autonómica e local, dentro das súas respectivas competencias, e afecte ao conxunto da Administración Local de Galicia e ao Concello de Tomiño, en particular; todo iso sen prexuízo dos calendarios especiais que, polas particularidades dos diferentes servizos, e en atención ao seu interese e adecuada prestación, poidan existir.

2.Os calendarios laborais dos distintos servizos municipais aprobaranse, anualmente, antes do inicio de cada ano natural, con arranxo ás presentes normas e serán de coñecemento público de todo o persoal. Nos devanditos calendarios incluiranse a concreción dos horarios específicos dos distintos servizos e/ou unidades e, de ser o caso, os períodos nos que non caiba o goce de permisos nin vacacións por razóns do servizo. As modificacións sobrevidas deberán ser informadas, previamente, e coa antelación suficiente, aos órganos de representación do persoal, así como aos traballadores directamente afectados.

3.Naqueles supostos nos que non se establezan, de forma concreta, os calendarios específicos dos distintos servizos, serán de directa aplicación os criterios fixados, con carácter xeral, no presente artigo.

4.O calendario laboral conterá a distribución anual da xornada, e haberá de respectar as seguintes condicións:

a) A duración da xornada de traballo será de 37,5 horas semanais de traballo efectivo, de promedio, en cómputo anual, equivalente a 1647 horas anuais sen que poida menoscabarse o cómputo anual da mesma

b) Os horarios acomodaranse ás necesidades do servizo, respondendo ao criterio de facilitar a atención á cidadanía

c) Durante a xornada de traballo disporase dunha pausa, por un período de trinta minutos, que se computará como traballo efectivo, sempre que a xornada sexa de seis ou máis horas continuadas. Esta interrupción non poderá afectar á prestación dos servizos e, con carácter xeral, poderá efectuarse entre as dez e as doce trinta horas.

d) A distribución anual da xornada non poderá alterar o número de días de vacacións que estableza a normativa en vigor.

e) O calendario laboral garantirá o disfrute de dous fins de semana de descanso ao mes.

5.Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas municipais, a excepción do servizo de Rexistro e Información Xeral, así como as correspondentes aos servizos especias, cun criterio de compensación, para o persoal que preste servizos nestos días, segundo o fixado no presente Convenio; os calendarios laborais incorporarán dous días de permiso cando os referidos 24 e 31 de decembro coincidan en festivo, sábado ou día non laborable. Así mesmo, aquel persoal que teña que traballar estos días, terá dereito a unha compensación equivalente á fixada, cada ano, para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, os calendarios laborais tamén incorporarán, cada ano natural, e como máximo, un día de permiso cando algunha ou algunhas festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído e non recuperable, e non substituíble pola Comunidade Autónoma, coincidan con sábado.


Artigo 21 º. XORNADA LABORAL

A) XORNADA LABORAL

1.A duración da xornada de traballo no Concello de Tomiño será a que, en cada momento, estea establecida para a Administración Xeral do Estado. Deste xeito, no momento de asinar o presente Convenio a xornada xeral de traballo do persoal ao servizo do Concello de Tomiño será de 37 horas e media semanais de traballo efectivo, de promedio, en cómputo anual, equivalente a 1647 horas anuais, todo elo sen prexuízo das adecuacións e modificacións que, como consecuencia das previsións normativas que resulten de aplicación, en cada momento, nesta materia, sexa preciso realizar.

Neste cómputo de xornada incluiranse as horas de asistencia aos cursos de formación programados ou autorizados polo correspondente órgano municipal para a capacitación e cualificación profesional ou para a adaptación a un novo posto de traballo e de asistencia obrigada.

2.A xornada ordinaria de traballo do Concello de Tomiño realizarase, con carácter xeral, nas mañás de luns a venres, entre as 8.30 horas e as 14.30 horas de cada día, salvo modificacións ou flexibilidades previstas ou autorizadas, e con independencia dos horarios específicos que se estableza nos servizos con especiais características, de conformidade co sinalado no Anexo I do presente Convenio. O tempo de traballo restante ata completar a xornada semanal realizarase en horario flexible, atendendo a razóns de servizo, entre as 7.30 e as 15.30 horas, ou nunha tarde á semana. En todo caso, de non terse concretado a xornada flexible nos termos do disposto anteriormente, entenderase como xornada laboral ordinaria a realizada entre as 7.45 e as 15.15.

Para a determinación da parte flexible da xornada, teranse en conta as preferencias do persoal, así como as necesidades e dispoñibilidades de cada un dos servizos, primando, en todo caso, a súa correcta cobertura e prestación. En todo caso, a ordenación da parte flexible da xornada deberá garantir a adecuada prestación e apertura do servizo de Rexistro Municipal e Información os sábados.

Corresponderá a cada un dos responsables dos distintos servizos, a determinación motivada dos devanditos horarios flexibles, así como a acreditación da súa compatibilidade coa adecuada prestación de ditos servizos

3.Os sábados pola mañá permanecerá aberto o servizo de Rexistro Xeral, en horario de 9.00 a 13.00 horas.

A cobertura deste servizo realizarase, con carácter rotatorio e equitativo, entre o persoal de administración xeral do Concello, que terá dereito a unha compensación horaria a razón de unha hora e media por cada hora traballada.

4.Durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos inclusive, poderase establecer unha xornada intensiva de traballo, cunha redución dunha hora na xornada diaria de traballo, garantíndose, en todo caso, a cobertura e apertura do servizo de rexistro os sábados. Esta redución de xornada quedará condicionada a que a prestación dos servizos quede debidamente garantida, polo que deberá adaptarse a esta circunstancia.

En todo caso, ao respecto de dita redución horaria serán obxecto de aplicación os criterios de recuperación horaria que, de ser o caso, se fixen, cada ano, para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O persoal do Concello con redución de xornada disporá dunha redución proporcional durante este período.

5.Os criterios xerais que se veñen de sinalar aplicaranse sen prexuízo das modificacións ou flexibilidades horarias autorizadas en desenvolvemento das disposicións normativas vixentes ao respecto, e con independencia dos horarios específicos que se establezan nos servizos que, polas súas especiais características, non poidan adecuarse a esta regra xeral.

En todo caso, nos supostos nos que, polas especiais características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible esta distribución ordinaria da xornada, deberase garantir, en todo momento, o cumprimento dunha xornada equivalente, de tal xeito que a distribución concreta da mesma cumpra coa xornada mínima semanal referida ou, no seu caso, co equivalente anual de 1647 horas.

B) TEMPO DE TRABALLO EFECTIVO. DESCANSOS

1.Durante a xornada laboral ordinaria dispoñerase dunha pausa de trinta minutos de descanso, computable como de traballo efectivo, sempre que a xornada sexa de seis ou máis horas continuadas. Este descanso non poderá afectar á prestación dos servizos e, con carácter xeral, deberá efectuarse entre as 10.00 e as 12.30 horas. O persoal en réxime de xornada partida, gozará de dúas pausas de 15 minutos, distribuídas nas dúas partes da xornada laboral, e no medio de cada unha delas respectivamente, computándose como de traballo efectivo.

2.Todo o persoal terá dereito a un descanso mínimo semanal de día e medio ininterrompidos que, como regra xeral, comprenderá a tarde do sábado e o domingo, sen prexuízo das particularidades fixadas, con carácter específico, nos horarios e xornadas dos servizos especiais, cuxas especiais características, non permiten a súa adaptación aos criterios xerais vixentes en materia de xornada e horario de traballo.

3.Entre a finalización dunha xornada e o comezo da seguinte mediará, como mínimo, un período de 12 horas, salvo situacións excepcionais debidamente xustificadas.

4.O tempo de traballo computarase de modo que tanto ao comezo como ao remate da xornada diaria, o traballador se atope no seu posto de traballo, considerándose como traballo efectivo aquel que sexa imprescindible para recoller, ordenar e gardar roupa, materiais e útiles de traballo. O tempo utilizado para cumprir coas normas de seguridade e hixiene terá a mesma consideración.

5.Para o persoal que desenvolva a súa actividade en lugares de traballo non fixos ou itinerantes, o cómputo da xornada normal de traballo comezará a partir da súa presenza no lugar de recollida ou reunión establecido ou no centro de control, tanto na entrada como na saída do traballo.

6.Todo o regulado no presente artigo debe entenderse sen prexuízo das particularidades fixadas, con carácter específico, nos horarios e xornadas dos servizos especiais, cuxas particulares características, non permiten a súa adaptación aos criterios vixentes, con carácter xeral e ordinario, en materia de xornada e horario de traballo.

C) TEMPOS PARA A FORMACIÓN

1.O tempo de asistencia aos cursos de formación programados ou autorizados por distintos órganos ou servizos municipais para a capacitación profesional, para a adaptación a un novo posto de traballo ou para a promoción profesional, considerarase tempo de traballo para todos os efectos.

2.Así mesmo, para facilitar a formación profesional e o desenvolvemento persoal dos empregados públicos concederanse permisos para os seguintes supostos: a) Permisos retribuídos para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional recoñecidos, durante os días da súa celebración.

b) Permiso non retribuído, dunha duración máxima de tres meses, para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional non directamente relacionados coa función pública, sempre que a xestión do servizo e a organización do traballo o permitan.

Os períodos de goce destes permisos non poderán acumularse a outros tipos de permisos e licenzas.


Artigo 22 º. SERVIZOS EXTRAORDINARIOS FORA DA XORNADA LABORAL E EXCESOS DE XORNADA EN CÓMPUTO ANUAL

A) XUSTIFICACIÓN:

1.Poderanse realizar servizos extraordinarios fora da xornada ordinaria de traballo, por razóns de prevención ou reparación de sinistros ou danos, imprevistos, ausencias, acumulación de tarefas, interrupcións do servizo, alteracións nas quendas de persoal ou outras circunstancias excepcionais derivadas das actividades propias do servizo público.

2.A atención dos servizos extraordinarios fora da xornada normal de traballo que respondan ás características definidas no parágrafo anterior, excluídas as motivadas por razóns de forza maior, terá carácter voluntario, sen que ninguén poida ser obrigado/a a facelas nin represaliado/a pola súa negativa.

3.Especificamente, terán a consideración de servizos extraordinarios as horas necesarias para asistir a xuízos ou comparecencias fora da xornada de traballo derivadas da prestación do servizo. Compensaranse con catro horas extraordinarias, se o xuízo ou comparecencia ten lugar na mesma localidade, e con oito horas se se trata dunha localidade distinta, sen prexuízo da xustificación oportuna.

Igualmente, consideraranse horas extraordinarias as consumidas polo persoal que realice traballo por quendas na espera do relevo correspondente.

B) AUTORIZACIÓN:

Os/as responsables dos servizos ou unidades administrativas responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización de servizos extraordinarios, así como da veracidade dos condicionamentos aludidos en apartados anteriores que xustifiquen a súa realización.

C) CONTROL:

1.Para os efectos de control e compensación, sempre que un/ha traballador/a ou grupo de traballadores/as realice servizos extraordinarios fora da xornada normal, o/a responsable do servizo elaborará unha relación mensual na que figure a identificación dos/as traballadores/as, as horas traballadas, a data da súa realización e a cuantificación das horas realizadas en total, que será exposta no taboleiro de anuncios do persoal e enviada á unidade de persoal, entregándoselle unha copia ós/as traballadores/as afectados/as e outra ós/ás representantes legais dos/as traballadores/as.

2.Co fin de repartir equitativamente os traballos realizados fora da xornada normal, nos servizos especiais estableceranse listas e cuadrantes de persoal, mensuais e anuais, ordenados por categorías profesionais e alfabeticamente que se exporán nos taboleiros dos servizos. As tarefas extraordinarias asignaranse pola orde correlativa que figura na lista. Ningún/ha traballador/a repetirá na quenda de dispoñibilidade ata que sexa esgotada pola totalidade dos/as da lista, salvo de baixas laborais ou calquera outra causa que implique suspensión na prestación do servizo.

Se, chegado o momento de realizar tarefas extraordinarias, o/a traballador/a que lle corresponde por orde de lista, non pode atendelas por coincidírenlle co servizo ordinario, manterase no mesmo lugar da lista.

3.Establécese o seguinte limite de horas extraordinarias: 80 horas anuais por traballador. Cando no conxunto do concello se exceda de 400 horas extraordinarias anuais, crearase unha nova praza no cadro de persoal, sempre e cando isto sexa compatible coas dispoñibilidades orzamentarias e as previsións normativas vixentes e aplicables en materia orzamentaria.

Se non é posible a creación da devandita praza, confeccionarase unha bolsa de contratación, para que se poidan desempeñar estas tarefas entre os traballadores/as do concello que non teñan a xornada completa,e reúna os requisitos para cubrir este tipo de necesidades. En segundo lugar crearase unha bolsa de contratación, con novo persoal, ao que se irá contratando na medida en que se precise, sempre que na bolsa do persoal sen xornada completa non houbese ninguén de quen dispor.

Estas bolsas rexeranse por unhas bases negociadas co Comité de Empresa e publicadas no Concello.

D) COMPENSACIÓN:

A compensación por servizos extraordinarios será realizada, de xeito preferente, en tempo de descanso, e só excepcionalmente, e de xeito motivado, ante a imposibilidade de compensación horaria, se procederá a súa compensación económica, conforme as contías fixadas no capítulo de retribucións e nas correspondentes bases de execución do orzamento municipal.

A compensación con horas libres farase a razón de unha hora e media por cada hora extraordinaria traballada. As horas de compensación acumularanse preferentemente ata chegar a completar xornadas laborais enteiras, debendo ser compatibles, en todo caso, coa adecuada prestación dos servizos correspondentes.

Cando os servizos extraordinarios se realicen en domingo, festivo ou de noite compensaranse en todo caso con dúas horas por cada hora traballada, e tres horas se concorren as dúas circunstancias.

Excepcionalmente, cando dispoñer de horas libres para compensar a realización de horas extraordinarias ou exceso de xornada en cómputo anual poida supoñer un grave prexuízo para o funcionamento do servizo, a compensación horaria poderá substituírse pola remuneración económica, nas contías que para cada nivel se estableza no capítulo de retribucións, e nas correspondentes bases de execución do orzamento municipal.

Neste suposto, o/a responsable do servizo deberá formular a proposta de compensación económica, facendo constar as razóns que desaconsellan a compensación horaria, concretando a identificación dos/as traballadores/as afectados/as e o número de horas realizadas. A resolución da proposta corresponderá ó/á Alcalde/sa ou órgano no que delegue.

De ser o caso, o pagamento das horas extraordinarias procurarase incluír na nómina do mes seguinte ó da data da resolución.


Artigo 23 º. TRABALLO EN PERÍODO NOCTURNO E FESTIVO

1.O turno de noite será rotatorio como norma xeral para tódolos/as traballadores/as adscritos/as ós servizos que o requiran.

2.Entenderase por traballo en período nocturno, o efectuado entre as 10 da noite (22.00 horas) e as 8 da mañá (08.00 horas).

3.Entenderase por traballo en período festivo, o realizado no tempo que medie entre as 22.00 horas da véspera e as 24.00 horas de cada domingo ou festivo.

4.As horas traballadas en horario nocturno e as traballadas en sábados ou festivos serán compensadas, de conformidade cos criterios fixados, ao respecto, no sistema retributivo vixente en cada momento.


Artigo 24 º. SERVIZOS ESPECIAIS OU DE URXENCIA

1.Naqueles servizos municipais que, pola natureza da súa actividade, deban organizarse por quendas de traballo, estas efectuaranse mediante a rotación entre todos os traballadores. Procurarase que nos servizos nos que a actividade se desenvolva en domingos, festivos, horas nocturnas, ou en condicións de perigosidade, penosidade ou toxicidade, as xornadas traballadas nas devanditas circunstancias sexan repartidas equitativamente entre todo o persoal adscrito ao servizo, sen prexuízo das situacións que por saúde laboral impidan o traballo a quendas ou nocturno, especialmente no período de maternidade, procurando os mecanismos necesarios para que os traballadores alternen os festivos traballados cada ano natural, en relación ós festivos traballados o ano anterior.

2.Estes servizos disporán dun sistema de quendas, atendendo á disponibilidade de persoal e ós servizos a realizar, respectando, en todo caso, o descanso entre xornadas, que non poderá ser inferior a 12 horas, así como o descanso semanal ininterrompido de 24 horas, que se engadirá ao anterior. En caso de que, por razóns de servizo, non sexa posible o goce deste período mínimo de descanso semanal, deberanse materializar as medidas de compensación horaria correspondentes ou, no seu caso, o recoñecemento desta situación excepcional dentro dos sistemas de reparto da produtividade vixentes en cada momento,

3.A súa xornada non excederá en cómputo anual da que se sinale para o resto do persoal.

4.O horario de prestación destes servizos será negociado polo Concello, cos/coas representantes dos/as traballadores/as, oídos/as os/as empregados/as afectados/as.

En caso de que, como consecuencia das necesidades que poidan xurdir na prestación destes servizos especiais, e coa finalidade de proceder a unha adecuada cobertura do mesmo, o seu persoal deba prestar servizo nos seus días de libranza, procederase, por parte dos responsables dos mesmos, a unha actualización e redistribución do cuadrante de quendas inicialmente previsto, co obxecto de realizar a compensación horaria desta circunstancia, de tal xeito que a prestación nestes días de libranza non supoña un incremento respecto das horas de servizo inicialmente previstas.

5.Terá a consideración de hora extraordinaria, cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada de traballo anual, regulándose o seu aboamento ou compensación segundo o fixado neste Convenio colectivo.

6.Os calendarios de servizos especiais preverán a xornada laboral ordinaria dos mesmos, así como, de selo caso, a parte variable do horario.

7.A elaboración e tramitación destes calendarios rexerase polos mesmos criterios establecidos, con carácter xeral, para os calendarios ordinarios.


Artigo 25 º. VACACIÓNS

Con independencia do previsto no presente artigo, no que se refire á regulación do réxime de vacacións do persoal laboral ao servizo do Concello de Tomiño, deberase estar ao disposto nas previsións normativas que resulten aplicables, en cada momento, ao persoal funcionario ao servizo da administración local de Galicia; todo ilo sen prexuízo das previsións normativas específicas que se deriven da aplicación da lexislación laboral ordinaria así como da peculiar tipoloxía laboral do persoal afectado.

1.Recoñécese e ampárase o dereito, irrenunciable, de todo/a traballador/a ó disfrute das vacacións regulamentarias.

Con carácter xeral, as vacacións anuais retribuídas do persoal serán dun mes natural ou de 22 días hábiles anuais por ano completo de servizo ou unha forma proporcional ó tempo de servizo efectivo, e disfrutaranse de xeito obrigado dentro do ano natural e ata o 15 de xaneiro do ano seguinte, preferentemente, en períodos mínimos de 5 días hábiles consecutivos, con arranxo á planificación que se efectúe por parte da dirección de cada departamento ou organismo, previa consulta cos/as representantes sindicais. Non obstante, e sempre que as necesidades do servizo o permitan, poderase solicitar o goce independente de ata un máximo de 5 días hábiles por ano natural. A estes efectos, os sábados non serán considerados días hábiles.

Se a opción do período vacacional é a do mes natural, este deberá comezar no primeiro día hábil do mes.

2.O disfrute das vacacións será a elección do traballador, respectando sempre as necesidades do servizo.

3.No caso do persoal que traballa a quendas, non poderá comeza-lo período vacacional no descanso semanal establecido.

4.Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, así como os períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural ao que aquelas correspondan.

Cando o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, parto ou lactancia natural, ou co permiso de maternidade, ou coa súa ampliación por lactancia, a empregada terá dereito a gozar as vacacións en data distinta, aínda que houbera terminado o ano natural ao que correspondan. Gozarán deste mesmo dereito os que estean gozando do permiso de paternidade.

5.No suposto de baixa por maternidade, enfermidade ou permiso maternal durante o disfrute das vacacións suspenderanse estas, reanudándose unha vez se produza a alta pola traballadora, de acordo coas necesidades do servizo.

6.En tódalas situacións de baixa por maternidade, IT ou permiso de maternidade que coincidan coas datas nas que deberán disfrutarse as vacacións, o disfrute pospoñerase ás datas posteriores á situación de alta agás que o período de baixa se iniciase con posterioridade ó principio do disfrute das vacacións e que este non se estenda máis alá do trinta e un de decembro do ano en curso. Se a situación de baixa se producise namentres está disfrutando as súas vacacións, interromperanse estas, quedando pendente a parte non disfrutada, que deberá ser obxecto de disfrute, de xeito preferente, dentro do ano natural.

7.Con carácter xeral, o plan de vacacións anuais será elaborado antes do 1 de abril de cada ano, excepto nos servizos especiais onde será elaborado antes do 1 de marzo, téndose en conta as necesidades dos diferentes servizos e/ou unidades, e oídos os órganos de representación legal do persoal, sendo de coñecemento público para todo o persoal, de modo que cada traballador/a poida coñece-las datas que lle correspondan, polo menos con dous meses de antelación á data do comezo daquelas.

8.Nos servizos onde poidan producirse colisión de intereses respecto ó desfrute das vacacións, organizaranse as quendas de forma obrigatoria, e se procederá do xeito seguinte.

Procurarase que a distribución das quendas, unha vez establecidos os criterios polo/a xefe/a da unidade ou servizo, saia dunha proposta de acordo adoptada polos/as traballadores/as, garantindo en todo caso unha adecuada atención ás necesidades do servizo.

De non chegarse a dito acordo, elixirán quenda de vacacións en primeiro lugar aqueles/as traballadores/as que teñan nenos/as en idade escolar, e en segundo lugar os/as máis antigos/as no servizo respectivo, determinando neste caso un sistema rotativo para anos sucesivos, dentro de cada unidade ou servizo. Para a súa aplicación deberá quedar constancia escrita.

9.No suposto de producirse colisión de intereses entre un/ha traballador/a afectado/a por enfermidade ou por accidente e aqueles/as outros/as do seu mesmo servizo, que xa as teñen programadas, terán estes/as últimos/as preferencia sobre aquel/a, que en todo caso haberá de supeditarse ás necesidades do servizo.

10.As vacacións non poderán ser compensadas en metálico nin en todo nin en parte, agás cando no transcurso do ano se produza a extinción da relación de emprego do/a traballador/a ou sexa declarado/a en situación de excedencia ou de suspensión de funcións e aínda non teña desfrutado ou completado na súa totalidade o desfrute do período vacacional.

11.O calendario anual de vacacións poderá ser modificado con carácter individualizado, trala solicitude dos/as interesados/as, sempre que non exista oposición, fundamentada en razóns obxectivas do servizo, e non se afecte a intereses de terceiros/as no ámbito das quendas establecidos.

Calquera modificación do cadro de vacacións deberá ser comunicada cun mes de antelación á data do inicio do período vacacional, ós/ás xefes/as do servizo e ós/ás afectados/as en cuestión. Fixadas as vacacións do/a traballador/a para unha época concreta, se na data de inicio das mesmas estivese disfrutando dunha licenza por enfermidade, quedará en suspenso o plan de vacacións aprobado para os/as traballadores/as afectados/as, debendo formularse nova proposta nos termos contidos no presente artigo.

No caso de que o/a traballador/a estivera disfrutando a súa quenda vacacional e se vira afectado/a por internamento hospitalario ou convalecencia por enfermidade, a súa quenda vacacional quedaría interrompida, e logo de formular nova proposta concederanse os días que restan por disfrutar da súa quenda.

Os días de vacacións ó ano, poderán disfrutarse de forma continuada en calquera época do ano. Se por accidente laboral non puideran disfrutarse no ano anterior, igualmente se recoñece a tódolos/as empregados/as públicos/as do concello o dereito previsto polo Convenio colectivo Internacional da OIT (Organización Internacional do Traballo nº 132 de 24-06-1970.BOE 05-07-1074) de poder disfrutar as vacacións ordinarias retribuídas durante os 18 meses seguintes á finalización do ano.

12.Recoñecese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillos/as menores de doce anos ou maiores dependentes ó seu coidado.

13.Excepcionalmente, se por necesidades do servizo debidamente constatadas e avaladas mediante informe do/a xefe/a do servizo ou unidade, no que se faga constar o motivo ou motivos polos que un/ha traballador/a non puidera desfrutar durante o ano natural o período de vacacións que lle corresponda, poderá facelo de maneira continuada durante o primeiro trimestre do ano inmediatamente seguinte. De darse esta circunstancia, complementaranse as súas vacacións en 4 días hábiles máis.

14.Os permisos de maternidade, paternidade e lactancia, así como os períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse acumular ó período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural ó que aqueles corresponda. En todo caso, no ano seguinte.

15.O persoal con contratos laborais temporais poderá escoller as datas das súas vacacións sen ter que facelas coincidir obrigatoriamente co ano natural, sempre que as necesidades do servizo o permitan.


Artigo 26 º. PERMISOS, LICENZAS E SITUACIÓNS ADMINISTRATIVAS

1.Con independencia do previsto no presente artigo, no que se refire á regulación do réxime de permisos, licenzas, e situacións administrativas do persoal laboral ao servizo do Concello de Tomiño, deberase estar ao disposto nas previsións normativas que resulten aplicables, en cada momento, ao persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia; todo ilo sen menoscabo das previsións normativas específicas que se deriven da aplicación da lexislación laboral ordinaria así como da peculiar tipoloxía laboral do persoal afectado, e de conformidade coa regra de norma máis beneficiosa para o empregado.

2.Entenderase por necesidades do servizo o persoal mínimo, necesario e imprescindible para que o servizo funcione con normalidade.

A) LICENZAS E PERMISOS

1.No referente ao réxime de permisos e licenzas do persoal laboral municipal estarase ao disposto, ao respecto, nas previsións normativas que resulten aplicables, en cada momento, ao persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia.

En base a estas previsións, no momento de asinar o presente Convenio, ao persoal laboral ao servizo do Concello de Tomiño seralles de aplicación o réxime de permisos fixado, con carácter básico, no artigo 48 do Estatuto Básico do Empregado Público.

2.Sen prexuízo do fixado no punto anterior, o persoal laboral tamén poderá gozar dos seguintes permisos por motivos da conciliación da vida persoal, familiar e laboral e por razón de violencia de xénero: A) Permiso por parto: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple. O permiso distribuirase á opción da empregada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. No caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que ambos os proxenitores traballen, a nai, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o outro proxenitor goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai. O outro proxenitor poderá seguir gozando do permiso de maternidade inicialmente cedido, aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo esta se atope en situación de incapacidade temporal.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan no caso de discapacidade do fillo ou filla ou de parto múltiple.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

B) Permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do menor adoptado ou acollido e por cada fillo, a partir do segundo, nos supostos de adopción ou acollemento múltiple.

O cómputo do prazo contarase á elección do empregado, a partir da decisión administrativa ou xudicial do acollemento ou a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, sen que un mesmo menor poida dar, en ningún caso, dereito a varios períodos de gozo deste permiso.

No caso de que ambos os proxenitores traballen, o permiso distribuirase á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan en caso de adopción ou acollemento múltiple e de discapacidade do menor adoptado ou acollido.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Se fose necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado ou acollido, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de ata tres meses de duración, e durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas, podendo gozarse de forma fraccionada, sempre que non se superen os tres meses.

Con independencia do permiso de ata tres meses previsto no parágrafo anterior e para o suposto previsto no devandito parágrafo, o permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, poderase iniciar ata catro semanas antes da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou a decisión administrativa ou xudicial do acollemento.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, previstos neste artigo serán os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, e o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano.

C) Permiso por paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla: terá unha duración de trinta días naturais, que gozará o pai a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.

Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os proxenitores fosen persoal ao servizo do Concello, o permiso poderase distribuír á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.

Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos previstos nas alíneas a) e b).

A nai poderá gozar deste permiso de paternidade a continuación dos permisos previstos nas alíneas a) e b) nos seguintes supostos:

Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso.

Se a filiación paterna non estivese determinada.

Cando os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.

Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.

No suposto de matrimonio de mulleres ou de unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terá dereito ao permiso de paternidade nos termos fixados nesta alínea.

Nos casos previstos nas alíneas a), b) e c), o tempo transcorrido durante o gozo destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantíndose a plenitude de dereitos económicos do persoal durante todo o período de duración do permiso, e, se é o caso, durante os períodos posteriores ao gozo deste, se, de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de gozo do permiso.

Os empregados que fixesen uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terán dereito, así que finalice o período de permiso, a reintegrarse ao seu posto de traballo nos termos e nas condicións que non lles resulten menos favorables ao gozo do permiso, así como a beneficiarse de calquera mellora nas condicións de traballo ás que puidesen ter dereito durante a súa ausencia.

D) Permiso por razón de violencia de xénero sobre o persoal: as faltas de asistencia do persoal vítima da violencia do xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións nas que así o determinen os servizos sociais de atención ou de saúde, segundo proceda.

Así mesmo, o persoal vítima de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito á redución da xornada coa diminución proporcional da retribución ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que lles poidan ser aplicables, nos termos que para estes supostos estableza a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

E) Permiso por coidado de fillo menor afectado por cancro ou outra enfermidade grave; o persoal terá dereito, sempre que ambos proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo ou permanente traballen, a unha redución da xornada de traballo de cando menos a metade da duración de esta, percibindo as retribucións íntegras con cargo aos presupostos do Concello, para o coidado, durante a hospitalización e tratamento continuado, do fillo menor de idade afectado polo cancro (tumores malignos, melanomas ou carcinomas) ou por calquera outra enfermidade grave que implique un ingreso hospitalario de larga duración e requira a necesidade do seu coidado directo, continuo e permanente acreditado por informe do Servizo Público de Saúde ou órgano administrativo sanitario da Comunidade Autónoma ou, no seu caso, da entidade sanitaria concertada correspondente e, como máximo, ata que o menor cumpra os 18 anos. Cando concorran en ambos proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo ou permanente, polo mesmo suxeito e feito causante, as circunstancias necesarias para ter dereito a este permiso ou, no seu caso, poidan ter a condición de beneficiarios da prestación establecida para este fin no Réxime da Seguridade Social que lles sexa de aplicación, o persoal terá dereito á percepción das retribucións íntegras durante o tempo que dure redución da súa xornada de traballo, sempre que o outro proxenitor, adoptante ou acolledor de carácter preadoptivo ou permanente, sen prexuízo do dereito á redución da xornada que lle corresponda, non cobre as súas retribucións íntegras en virtude deste permiso ou como beneficiario da prestación establecida para este fin no Réxime da Seguridade Social que lle sexa de aplicación. En caso contrario, só se terá dereito á redución de xornada, coa conseguinte redución de retribucións.

Asemade, no suposto de que ambos presten servizos no Concello este poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns fundadas no correcto funcionamento do servizo.

F) Permiso por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día hábil e 3 días hábiles se hai cambio de localidade. Se a unidade familiar está composta por dous o máis membros, o permiso será de dous días hábiles sen cambio de localidade e de cinco se existe cambio.

G) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral. A tal efecto consideraranse deberes inescusables de carácter público e persoal entre outros os seguintes:

A expedición ou renovación do DNI, pasaporte, carné de conducir e similares.

Citacións a xulgados, comisarías, Subdelegación do Goberno, Concellos, etc…

A asistencia a tribunais ou comisións de selección ou comisións de valoración como vogal ou asesor técnico.

B) SITUACIÓNS ADMINISTRATIVAS

Para a determinación do alcance, contido e condicións xerais das situacións administrativas do persoal laboral será de aplicación a normativa vixente, en cada momento, para o persoal funcionario ao servizo das administracións locais de Galicia, en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, así como co Texto Refundido do Estatuto dos Traballadores e restante normativa laboral aplicable, sendo de aplicación, en cada caso, a norma máis favorable ao traballador.

C) COMÚN A PERMISOS E LICENZAS; CRITERIOS DE TRAMITACIÓN E XESTIÓN

1.As solicitudes de permisos que sexan previsibles faranse mediante escrito presentado nun rexistro habilitado ao efecto na unidade/departamento encargado da xestión ordinaria de recursos humanos, segundo modelo formalizado a disposición dos traballadores (incorporado xunto coas presentes normas). Para estes efectos, nos diferentes servizos/unidades, así como na unidade/departamento encargado da xestión ordinaria de recursos humanos, existirán modelos normalizados de solicitude. Estes impresos deberán ser cubertos polo interesado/a, facendo constar a clase de permiso ou licenza que se solicita e a súa duración, e achegando, de ser o caso, a xustificación documental pertinente. No caso de que non sexa posible achegar a xustificación documental no momento da solicitude, esta deberase presentar dentro do prazo de sete días naturais contados a partir da data de comezo do permiso. En caso contrario, procederase a descontar das percepcións salariais a parte correspondente, nos termos previstos no presente documento.

2.Nos casos nos que o modelo formalizado de solicitude de permisos non se adapte ás circunstancias da solicitude do empregado, este poderá presentar a súa petición mediante escrito personalizado, no que, en todo caso, deberán figurar de xeito claro, os datos do empregado, unha exposición das causas alegadas, así como o que se solicita.

3.Para a solicitude de asuntos particulares non será necesario presentar xustificación, coa única obrigación de achegar a conformidade do responsable do servizo/unidade, que acreditará a compatibilidade dos días solicitados coa adecuada prestación do servizo afectado. Cando, por estas razóns, nos sexa posible gozar do mencionado permiso antes de finalizar o mes de decembro, poderá concederse no mes de xaneiro seguinte. En calquera caso, os permisos por asuntos particulares non poderán acumularse, en ningún caso, aos períodos de vacacións anuais.

Sen prexuízo do anterior, e sempre que as necesidades do servizo o permitan, os días por asuntos particulares, así como, no seu caso, os días de permiso previstos no artigo 20.5.do presente Convenio, poderán ser acumulados aos días de vacacións que se gocen de forma independente.

4.As comunicacións dos permisos sobrevidos, ou imprevisibles, deberanse facer, verbalmente, e conxuntamente, ao departamento/unidade de recursos humanos e ao responsable do servizo/unidade correspondente. En calquera caso, presentarase a oportuna xustificación documental do permiso dentro do prazo de sete días naturais contados a partir da data de comezo do mesmo. En caso contrario, procederase a descontar das percepcións salariais a parte proporcional correspondente, nos termos previstos no presente documento.

5.Os permisos e licenzas deberán solicitarse con cinco días hábiles de antelación, como mínimo, e dita solicitude deberá conter a conformidade do responsable do servizo/unidade, salvo os casos de urxente necesidade, nos que será aplicable o indicado no punto anterior. Será causa suficiente de denegación do permiso a súa presentación fóra de prazo.

Nos casos en que o responsable do servizo/unidade néguese a dar a súa conformidade, deberá achegar informe aclaratorio respecto dos motivos da súa negativa.

Asemade, nos casos en que sexa imposible conseguir que o responsable do servizo/unidade revise, e de conformidade, de ser o caso, á solicitude, o empregado deberá achegar, xunto co modelo formalizado de petición de permisos, un escrito no que se sinalen as causas de tal circunstancia (ausencia do responsable, imposibilidade de localización)

6.A tramitación das solicitudes corresponde ao departamento/unidade de recursos humanos, que se encargará de efectuar as dilixencias e procurar os informes oportunos para determinar a correspondente resolución.

7.A concesión dos permisos e licenzas corresponde ao Alcalde-Presidente ou persoa en quen delegue.

8.As licenzas e permisos debidamente tramitados e xustificados constitúen un dereito do persoal municipal, polo que calquera resolución negativa de permisos ou licenzas será debidamente motivada e argumentada. En caso de producirse resolución denegatoria o interesado terá dereito a ser escoitado, acompañándose, si así o decide, a representación legal dos traballadores.

De conformidade co establecido no apartado anterior, as solicitudes formuladas en forma e prazo (de acordo ao establecido nas presentes instrucións), serán resoltas e notificadas aos solicitantes coa debida antelación á data en que deba comezar o goce do permiso ou licenza solicitados. En calquera caso, si tal notificación non se produce con dous días de anterioridade ao comezo do goce do permiso ou licenza solicitados, dita solicitude entenderase concedida nos termos do solicitado.

9.Carecerán de validez e consideraranse nulos para todos os efectos os permisos e licenzas que non sexan tramitados e resoltos conforme ao establecido nas presentes instrucións, sen prexuízo do establecido para os casos imprevisibles de urxente necesidade.

10.Nos casos excepcionais nos que os permisos solicitados non se adapten ao procedemento exposto con anterioridade, en forma e prazo, e fosen presentados con carácter de urxencia, a concesión dos mesmos, por parte do órgano competente, terá carácter potestativo, debendo entenderse a falta de resolución con carácter denegatorio.

11.As referencias feitas, neste artigo, a días de permiso ou licenzas, entenderanse feitas por días naturais, sexan laborables ou non, agás no relativo a permisos por asuntos propios que se entenderán sempre como días laborables.

En todo caso os días de permiso por: traslado de domicilio, asistencia a exames, matrimonio de parentes, enfermidades, accidentes ou falecemento de familiares deberán de coincidir necesariamente co día no que se produza o evento.


CAPÍTULO IX. SELECCIÓN, PROMOCIÓN INTERNA, PROVISIÓN DE POSTOS

 


SECCIÓN 1 ª. SELECCIÓN E ACCESO

 


Artigo 27 º. ACCESO DO PERSOAL LABORAL

A) PRINCIPIOS XERAIS

1.A selección do persoal laboral ao servizo do Concello de Tomiño realizarase de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistemas de concurso, oposición ou concurso-oposición libre, segundo o caso, nos que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

2.En todo caso, na selección do seu persoal laboral, o Concello de Tomiño estará ao disposto no presente convenio, no título IV da Lei 7/2007 de 12 de abril, do Empregado Público, no Real Decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Ingreso do persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado, no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma Galega e no Real Decreto 896/1991, do 7 de xuño, polo que se aproban as regras básicas e programas mínimos do procedemento de selección dos funcionarios de Administración Local, así como na restante normativa que, en cada momento, resulte aplicable

B) ÓRGANOS DE SELECCIÓN

1.Os órganos de selección adecuarán o seu funcionamento, composición e actuacións aos criterios e normas previstas nas disposicións normativas sinaladas anteriormente. En calquera caso, ditos órganos serán colexiados e a súa composición deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros, así como aos criterios de paridade vixentes en cada momento.

2.O persoal de elección o de designación política, os funcionarios interinos e o persoal temporal e eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

3.A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo ostentarse esta en representación o por conta de ninguén.


Artigo 28 º. SISTEMAS SELECTIVOS

1.Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste Convenio e na normativa vixente. Os órganos de selección velarán polo cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre sexos.

2.Os procedementos de selección coidarán especialmente a conexión entre o tipo de probas a superar e a adecuación ao desempeño das tarefas dos postos de traballo convocados, incluíndo, no seu caso, as probas prácticas que sexan precisas. As probas poderán consistir na comprobación dos coñecementos e a capacidade analítica dos aspirantes, expresados de forma oral ou escrita, na realización de exercicios que demostren a posesión de habilidades e destrezas, na comprobación do dominio de linguas estranxeiras e, no seu caso, na superación de probas físicas.

3.Os procesos selectivos que inclúan, ademais das preceptivas probas de capacidade, a valoración de méritos dos aspirantes, só poderán outorgar a devandita valoración unha puntuación proporcionada que non determinará, en ningún caso, por si mesma, o resultado do proceso selectivo.

4.O Concello poderá crear órganos especializados e permanentes para a organización de procesos selectivos, podéndose encomendar estas funcións aos Institutos ou Escolas de Administración Pública.

5.Para asegurar a obxectividade e a racionalidade dos procesos selectivos, as probas poderán completarse coa superación de cursos, de períodos de prácticas, coa exposición curricular polos candidatos, con probas psicotécnicas ou coa realización de entrevistas. Igualmente poderán esixirse recoñecementos médicos.

6.Os sistemas selectivos do persoal laboral serán os de oposición e concurso oposición, que deberán incluír en todo caso unha ou varias probas para determinar a capacidade dos aspirantes e establecer a orde de prelación. Só en supostos excepcionais, debidamente motivados se poderá utilizar o sistema de concurso, que consistirá, unicamente, na valoración de méritos.

7.Os Órganos de selección non poderán propoñer o acceso á condición persoal municipal dun número superior de aprobados ao de prazas convocadas, agás que estea previsto na convocatoria. No obstante cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria de aspirantes que sigan aos propostos co fin do seu nomeamento como titulares das prazas.

Na fase de concurso serán valorados, entre outros méritos, o tempo de servizos prestados nas Administracións Públicas e a experiencia nos postos de traballo, iguais ou semellantes, obxecto da convocatoria prestados no Concello de Tomiño

8.Nos sistemas de selección que se realicen para o acceso ás prazas do Concello terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega. As bases das convocatorias establecerán a forma para a súa avaliación.

9.As bases xerais de Persoal Laboral, así como para a promoción interna e provisión de postos de traballo, serán negociados na Mesa Xeral de Negociación do Concello do Tomiño


Artigo 29 º. SELECCIÓN DOS TRABALLADORES TEMPORAIS E INTERINOS/AS

1.A selección do persoal laboral temporal faranse de acordo co sistema selectivo que a Administración Pública determine, respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade. O referido sistema deberá permiti-la máxima axilidade na selección, en razón da urxencia requirida para o desempeño transitorio dos postos de traballo ou das funcións correspondentes.

2.Os/as opositores/as que superaran satisfactoriamente as probas selectivas e non obtivesen posto, integrarán unha lista de agarda para futuras contratacións pola vía de urxencia, cunha limitación na vixencia da referida lista ata a próxima convocatoria ou, no seu defecto, ata un máximo de tres anos.

3.Ditas listas serán públicas e o persoal será contratado mediante decreto da Alcaldía pola orde correlativa que figure nas mesmas.

En calquera caso, para a xestión e regulación das devanditas listas de agarda, así como para a regulación xeral dos procesos de selección de persoal laboral temporal elaborarase, no marco da negociación colectiva, un regulamento que conteña as normas e criterios aplicables ao respecto. En tanto o mesmo non sexa aprobado e publicado, a cobertura das vacantes que puideran existir esixirá, en todo caso, a convocatoria pública con libre concorrencia e o respecto dos principios xerais sinalados no presente artigo, así como na restante normativa de aplicación.


Artigo 30 º. OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO

1.Os postos de traballo dotados presupostariamente, que non sexan susceptibles de ser cubertos por persoal da Corporación, constituirán a Oferta de Emprego Público, previa negociación na Mesa Xeral de Negociación, axustándose ó que dispoña a Lei de Orzamentos Xerais do Estado, cada ano. Nas Ofertas de Emprego Público deberá figura-lo número porcentual que a lexislación vixente reserva a persoas con minusvalía, especificando a denominación e características das prazas.

2.En ningún caso poderá constituír como mérito para acceder á Función Pública, o ter desempeñado un posto de traballo con carácter eventual.

3.Cando, en cómputo anual e por grupos ou categorías profesionais, se exceda de 400 horas extraordinarias, deberá crearse unha nova praza no cadro de persoal, sempre e cando isto sexa compatible coas dispoñibilidades orzamentarias e as previsións normativas vixentes e aplicables en materia presupostaria. Se non é posible a creación da devandita praza confeccionarase unha bolsa de contratación, segundo o previsto no artigo 22 c) punto 3.

4.As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse coa incorporación de persoal de novo ingreso, e que sexan obxecto de inclusión na Oferta de Emprego Público, comportarán a obriga de convocar os correspondentes procesos de selección para as prazas comprometidas, fixando un prazo máximo para a convocatoria dos mesmos; en calquera caso, a execución dos procesos non poderá superar o máximo legal fixado ao respecto que, no momento de asinar o presente Convenio, se sitúa en tres anos.

5.As bases e criterios xerais reguladores da convocatoria das prazas incorporadas na Oferta de Emprego Público, serán negociadas anualmente na Mesa Xeral de Negociación.


SECCIÓN 2 ª. CARREIRA PROFESIONAL E PROMOCIÓN INTERNA

 


Artigo 31. PRINCIPIOS XERAIS

1.O persoal laboral do Concello de Tomiño terá dereito ao desenvolvemento persoal a través da promoción profesional e a carreira profesional.

A carreira profesional é o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

En base ao desenvolvemento normativo existente ao respecto, o Concello comprométese ao desenvolvemento dun modelo de Carreira Profesional baseado nos seguintes principios xerais:

a. Recoñécese o dereito do persoal laboral municipal á súa promoción profesional.

b. Dita promoción comprenderá no só a progresión de natureza vertical, senón tamén sistemas de progresión profesional dentro do posto de traballo desenvolvido, é dicir, unha carreira horizontal. Ámbolos dous sistemas de progresión non son excluíntes entre si, polo que os traballadores do Concello poderán progresar simultaneamente en ambas modalidades, sempre e cando se tivesen implantado nun mesmo eido.

c. A relación de postos de traballo, ou instrumento organizativo similar vixente no Concello, configúrase como instrumento que posibilita a progresión vertical, conforme ao sistema de provisión vixente en cada momento

d. A avaliación do desempeño e a competencia profesional adquirida constituirán elementos esenciais no desenvolvemento da carreira profesional.

e. A xestión das necesidades de Recursos Humanos rexerase polo criterio de preferencia do persoal do Concello para a cobertura das vacantes de prazas ou postos, mediante os respectivos procedementos de promoción interna e provisión de postos.

f. Os Plans de Formación procurarán que os traballadores públicos, ademais de mellorar nos coñecementos e habilidades que teñen relación directa co desempeño dos seus postos de traballo, poidan adquirir os coñecementos e habilidades que permitan o seu progreso profesional, e que esta formación superior sexa tida en conta como mérito á hora de participar en convocatorias de promoción interna ou de provisión de postos de traballo.

g. Ademais das modalidades de carreira profesional previstas no presente capítulo, o verdadeiro impulso ao progreso profesional vén dado pola orientación a este propósito das diferentes ferramentas de xestión de Recursos Humanos, que para a consecución dun verdadeiro pulo á carreira profesional deben ter necesariamente un proceso de xestión e actualización áxil.

h. O sistemas e procedementos que, en desenvolvemento dos criterios xerais establecidos no presente texto, así como na restante normativa de aplicación, ao respecto da Carreira profesional, sexa necesario concretar, serán obxecto de tratamento no marco da negociación colectiva.

2.En todo caso, en todo o non regulado, de xeito específico, no presente Convenio, estarase ao previsto na normativa que resulte aplicable, en cada momento, ao persoal funcionario so servizo da Administración Local de Galicia, en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e na restante normativa laboral.


Artigo 32. RÉXIME E MODALIDADES DE CARREIRA PROFESIONAL DO PERSOAL LABORAL MUNICIPAL

As modalidades de desenvolvemento profesional do persoal laboral serán as que de seguido se relacionan, cuxa materialización se fará efectiva de conformidade cos criterios fixados, ao respecto no presente Convenio; en todo caso, en todo o non regulado, de xeito específico, no presente Convenio, estarase ao previsto na normativa que resulte aplicable, en cada momento, ao persoal funcionario municipal, en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.

a) Carreira horizontal, que consiste na progresión de grao, categoría, chanzos ou outros conceptos análogos, sen necesidade de cambiar de posto de traballo e con criterios obxectivos de avaliación e valoración do desempeño e traxectoria profesional

b) Carreira vertical, que consiste no ascenso na estrutura de postos de traballo a través dos sistemas de provisión vixentes en cada momento

c) Promoción interna vertical, que consiste no ascenso dende unha categoría e/ou grupo ou subgrupo profesional a outro superior,

d) Promoción interna horizontal, que consiste no acceso a categorías do mesmo subgrupo ou grupo de clasificación profesional, conforme aos criterios vixentes en cada momento


Artigo 33. PROMOCIÓN INTERNA

1.A promoción interna consiste no ascenso dende un grupo ou subgrupo profesional a outro superior (promoción interna vertical) ou dentro do mesmo grupo ou subgrupo (promoción interna horizontal)

2.As condicións e alcance xerais do exercicio do dereito á promoción interna do persoal municipal serán obxecto de tratamento e discusión, no seo da Mesa Xeral de Negociación do persoal do Concello de Tomiño, e con anterioridade á aprobación do cadro de persoal orzamentario e OEP correspondente, en función das necesidades de persoal existentes, respectando, en calquera caso, os criterios xerais establecidos no presente texto e na normativa de referencia aplicable en cada momento.

A) PROMOCIÓN INTERNA VERTICAL

1.Para poder participar nestes procesos os traballadores municipais deberán, posuír a titulación esixida para o ingreso á praza á que se opta, ter unha antigüidade de polo menos dous anos no grupo e/ou categoría, así como reunir os requisitos e superar as probas que para cada caso se establezan.

2.A promoción interna realizarase mediante procesos selectivos que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como os establecidos, segundo a normativa vixente, para o a acceso ao emprego público. En todo caso, en ditos procesos selectivos teranse en conta as materias xa superadas para o acceso ás prazas actuais dos aspirantes e dende as que promocionan.

3.As devanditas convocatorias efectuaranse mediante o sistema de concurso oposición e deberán respectar, en todo caso, os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, e poderán levarse a cabo en procesos separados dos de ingreso cando, por conveniencia da planificación xeral dos recursos humanos, así sexa determinado.

4.Para o acceso por promoción interna ás prazas do grupo A esixirase estar en posesión do título universitario de Grao. Naqueles supostos nos que a Lei esixa outro título universitario será este o que se teña en conta.

5.Os traballadores do subgrupo C1 que reúnan a titulación esixida poderán promocionar ao grupo A sen necesidade de pasar polo novo grupo B, coas condicións e requisitos establecidos neste texto e na normativa de aplicación.

6.Para o acceso por promoción interna a prazas do grupo B esixirase estar en posesión do título de Técnico Superior.

7.Poderá participar nos procesos de promoción dentro do grupo C o persoal municipal que, carecendo da titulación esixida, acredite unha antigüidade mínima de dez anos no subgrupo de pertenza ou ben teña unha antigüidade mínima de cinco anos e supere os cursos de formación que se determinen polos órganos da Corporación.

8.As prazas reservadas a promoción interna que non se cubran por este procedemento acumularanse ás de cobertura libre.

B) PROMOCIÓN INTERNA HORIZONTAL

O traballadores municipais poderán acceder a outras categorías encadradas no mesmo grupo que teñan asignadas funcións substancialmente coincidentes no seu contido profesional e no seu nivel técnico, sempre que estean na posesión da titulación esixida en cada caso e superen os procesos selectivos establecidos a tal efecto.

Poderán ser eximidos dalgunha das probas aqueles traballadores que procedan da mesma área de especialidade profesional que a correspondente á categoría á que se pretende promocionar.

C) PROMOCIÓN INTERNA CRUZADA

No seo da Mesa Xeral de negociación do persoal do Concello de Tomiño determinaranse os Corpos e Escalas de funcionarios aos que poderá acceder o persoal laboral dos grupos e categorías profesionais equivalentes ao Grupo de titulación correspondente ao Corpo ou Escala a que se pretenda acceder, sempre que desempeñen funcións substancialmente coincidentes ou análogas no seu contido profesional e no seu nivel técnico, se deriven avantaxes para a xestión dos servizos, se encontren en posesión da titulación académica requirida e superen as correspondentes probas selectivas.

Poderán ser eximidos dalgunha das probas realizadas aqueles traballadores que procedan da mesma área de especialidade profesional que a correspondente á categoría á que se pretende promocionar e sempre que xa foran realizadas,.para acceder á praza de persoal laboral.


SECCIÓN 3 ª. PROVISIÓN E MOBILIDADE

 


Artigo 34. RÉXIME APLICABLE Á PROVISIÓN DE POSTOS E MOBILIDADE DO PERSOAL LABORAL AO SERVIZO DO CONCELLO

1.A provisión de postos e mobilidade do persoal laboral municipal se realizará de conformidade cos mesmos criterios e normas legalmente aplicables, en cada momento, ao persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia, en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.

2.En todo caso, o Concello proverá os postos de traballo mediante procedementos baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3.O sistema ordinario de provisión de postos de traballo de persoal laboral será o concurso e, de xeito excepcional, e naqueles supostos en que así o prevea a RPT ou instrumento de ordenación de persoal similar, a libre designación. De calquera xeito deberase garantir, en ambos casos, a convocatoria pública.

4.No referente ás situacións excepcionais e provisionais de cobertura de postos, ao marxe dos procedementos ordinarios de provisión referidos anteriormente, estarase ao previsto na normativa que resulte aplicable, en cada momento, ao persoal funcionario municipal. en todo aquilo que sexa compatible co tipo de relación laboral dos interesados, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.


Artigo 35 º. RELACIÓNS DE POSTOS DE TRABALLO

1.Segundo o disposto no Titulo V. Ordenación da actividade profesional da Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, as Administracións Públicas formarán a relación dos postos de traballo existentes na súa organización.

2.As relacións comprenderán, conxunta ou separadamente, os postos de traballo do persoal funcionario, o número e as características dos que poidan ser ocupados por persoal eventual, así como aqueles outros que poidan desempeñarse polo resto dos/as empregados/as públicos/as.

3.Estes instrumentos de ordenación de postos comprenderán, cando menos, a denominación dos postos, os grupos de clasificación profesional, os corpos, escalas ou categorías, no seu caso, aos que se atopan adscritos, os sistemas de provisión e as retribucións complementarias.

Entre as características esenciais dos postos de traballo e os requisitos esixidos para o seu desempeño deberán figurar necesariamente o tipo de posto, o sistema de provisión e os grupos, corpos ou escalas ás que deban adscribirse e, no seu caso, a titulación académica e formación específica necesarias para o correcto desempeño do posto. Igualmente poderán especificarse aquelas condicións particulares que se consideren relevantes no contido do posto ou no seu desempeño.

4.As relacións de postos de traballo serán públicas.

5.As partes asinantes do presente Acordo se comprometen ao inicio, trala entrada en vigor do mesmo, dun proceso de negociación orientado á elaboración dunha Relación de Postos de Traballo do Concello, co alcance e contidos legalmente previstos, e coa finalidade da súa finalización nun prazo máximo dun ano.


Artigo 36. SEGUNDA ACTIVIDADE E ADAPTACIÓN DOS POSTOS DE TRABALLO ÁS PARTICULARES CONDICIÓNS PSICOFÍSICAS DOS TRABALLADORES MUNICIPAIS

1.As partes asinantes do presente Convenio se comprometen a realizar cantas actuacións fosen necesarias para garantir a plena adecuación do desempeño laboral dos traballadores municipais as súas particulares condicións psicofísicas e ao seu singular estado de saúde. Adecuación que, de calquera xeito, debera materializarse, en primeiro termo, e de xeito preferente, coa revisión das funcións e tarefas habituais, sen necesidade da crear, con este única finalidade, novos postos.

En todo caso, antes de proceder a dita adaptación funcional, haberá que comprobar que as novas tarefas asignadas resultan necesarias e útiles dentro da actividade ordinaria do servizo ao que se atopa adscrito cada empregado, e que a súa asignación singularizada ao devandito traballador non supón un prexuízo ou grave alteración do adecuado funcionamento do mesmo; circunstancias que deberían ser acreditadas mediante informe do responsable directo do servizo, no que, asemade, tamén se deberían propoñer outras posibles tarefas a desenvolver, de xeito ordinario, polo traballador afectado, e compatibles co seu estado de saúde e o correcto funcionamento do servizo en cuestión.

A adaptación funcional por motivos de saúde deberá revestir carácter temporal e revisable naqueles supostos nos que, das particulares condicións psicofísicas motivadores da mesma, poida deducirse ou esperarse unha posible evolución positiva e/ou incluso a súa desaparición, circunstancias estas que xustificarían a recuperación da totalidade das atribucións funcionais propias do posto/praza e do perfil profesional do empregado en cuestión.

2.A segunda actividade é unha situación administrativa especial que ten por obxecto fundamental garantir unha adecuada aptitude psicofísica dos traballadores mentres permanezan en activo, asegurando a eficacia no servizo.

Na situación de segunda actividade permanecerase ata o pase á xubilación ou a outra situación que non poderá ser a de servizo activo, agás no caso de que a causa de pase á situación de segunda actividade fose a insuficiencia das aptitudes psicofísicas e a mesma teña desaparecido, suposto no que o traballador deberá reintegrarse ao seu posto de orixe. En función da dispoñibilidade de persoal e das necesidades orgánicas e funcionais do Concello, os traballadores que pasen á situación de segunda actividade poderán ocupar aqueles postos de traballo que o Concello sinale na relación de postos de traballo, previa negociación.

Durante o pase a segunda actividade, o traballador que ocupe destino percibirá a totalidade das retribucións xerais que veña percibindo no momento do seu paso á situación de segunda actividade.

3.Coa finalidade de desenvolver as previsións contidas, no presente Convenio, ao respecto da adaptación dos postos de traballo ás particulares condicións psicofísicas dos traballadores municipais, así como no tocante ao réxime de segunda actividade, as partes asinantes se comprometen á elaboración dun regulamento comprensivo dos criterios, normas e procedementos aplicables ao respecto.


CAPÍTULO X. INCOMPATIBILIDADES

 


Artigo 37 º. INCOMPATIBILIDADES

A todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste Convenio colectivo, aplicaráselle o réxime de incompatibilidades de conformidade coas normas estatais e autonómicas vixentes na materia e aplicables ao persoal funcionario ao servizo do Concello de Tomiño.


CAPÍTULO XI. TRABALLOS DE SUPERIOR CATEGORÍA

 


Artigo 38 º. TRABALLOS DE SUPERIOR CATEGORÍA

En caso de necesidade o órgano competente poderá habilitar ós/ás traballadores/as para a realización de funcións propias de postos de traballo de superior categoría profesional dando conta desto ó Comité de Empresa, Xunta de Persoal ou delegados/as de persoal, e respectando, en todo momento, os principios e limitacións xerais, establecidos a tal efecto, na lexislación laboral e restante normativa que resulte de aplicación.

O/a traballador/a que desempeñe un posto de traballo de superior categoría percibirá as retribucións complementarias do posto de traballo que desempeñe, conforme aos criterios e limitacións legalmente aplicables.


CAPÍTULO XII. NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

 


Artigo 39 º. USO DA LINGUA GALEGA E DA LINGUAXE NON SEXISTA

Os/as traballadores/as do Concello de Tomiño, teñen o dereito e o deber de desenvolve-la súa actividade laboral e profesional no idioma Galego, como Lingua da Comunidade Autónoma, e en particular da Administración Local, e polo tanto acceder a vías de formación lingüística en relación co seu posto de traballo.

Os traballadores e traballadoras do Concello de Tomiño, teñen o dereito e o deber de desenvolve-la súa actividade laboral e profesional facendo uso da linguaxe non sexista. (en aplicación do previsto no art. 14.11 da LO 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes).

O Concello de Tomiño proporcionará os instrumentos axeitados para propiciar un coñecemento adecuado da Lingua Galega. Os/as traballadores/as teñen dereito a asistir a cursos de aprendizaxe, perfeccionamento e especialización do idioma galego, dentro do horario de traballo. Nos mesmos termos o Concello de Tomiño facilitará o seu persoal os coñecementos necesarios para a implantación dunha linguaxe non sexista na Administración Local e o seu fomento na totalidade das relacións sociais, culturais e artísticas segundo o previstos no art.14.11 da LO 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. O tempo investido na asistencia ós devanditos cursos será computado como tempo efectivo de traballo.

No caso de que os cursos de Galego, non se realicen dentro dun plan de formación lingüística do persoal ó cargo da Entidade Local ou non sexan organizados por esta, este aboará, se é o caso, e logo da xustificación documental, as axudas de custo e gastos de desprazamento pertinentes.


CAPÍTULO XIII. CLASIFICACIÓN PROFESIONAL

 


Artigo 40 º. GRUPOS PROFESIONAIS.

1.Co obxecto de acadar unha homologación real do persoal funcionario e laboral do Concello de Tomiño, ao mesmo tempo que se reflicte a situación actual, na que xa se aplica un sistema de equiparación profesional entre ambos colectivos, e co gallo de facilitar unha xestión áxil e integral dos cadros de persoal, ao persoal laboral incluído no eido de aplicación do presente Convenio seralle de aplicación o mesmo sistema de clasificación profesional, en grupos, que o vixente, en cada momento, para o persoal funcionario do Concello.

2.En base a este principio de homologación, o persoal laboral clasifícase de acordo coa titulación esixida para o seu acceso, nos mesmos grupos e cos mesmo criterios e requisitos que os establecidos para o persoal funcionario do Concello, de conformidade co sistema fixado no punto seguinte, e sen prexuízo das peculiaridades que se poidan derivar do regulado no presente Convenio e da normativa laboral básica.

3.O persoal laboral, incluído no eido de aplicación do presente Convenio, ao servizo do Concello de Tomiño, en atención ás funcións que realiza, clasifícase nos Grupos Profesionais, xunto cos niveis de complemento de destino, mínimo e máximo, que a continuación se indican:

GRUPO LABORAL

GRUPO DE TITULACIÓN

NIVEL MÍNIMO

NIVEL MÁXIMO

GRUPO A

Subgrupo A1

Título universitario de Grado, Título de Doutor, Licenciado, Enxeñeiro, Arquitecto ou equivalente

22

30

GRUPO A

Subgrupo A2

Título universitario de Grado, Diplomado Universitario ou equivalente

20

26

GRUPO B

Título de Técnico Superior ou equivalente

18

24

GRUPO C

Subgrupo C1

Título de Bacharelato, Formación Profesional de Segundo Grao ou equivalente

16

22

GRUPO C

Subgrupo C2

Título de Graduado Escolar, Formación Profesional de Primeiro Grao ou equivalente

14

18

Agrupacións Profesionais

Certificado de Escolaridade

11

14

4.Ata tanto non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios para o acceso a función pública seguirán sendo válidos os títulos universitarios oficiais vixentes na normativa de aplicación.

Transitoriamente, os grupos de clasificación existentes ata o de agora no Concello se integrarán nos Grupos de clasificación profesional de persoal laboral previstos neste artigo, de acordo coas seguintes equivalencias:

Grupo A (actual): Subgrupo A1 (novo)

Grupo B (actual): Subgrupo A2 (novo)

Grupo C (actual): Subgrupo C1 (novo)

Grupo D (actual): Subgrupo C2 (novo)

Grupo E (actual): Agrupacións profesionais (novo).

Os/as traballadores do grupo C1 que reúnan a titulación esixida poderán promocionar ó Grupo A sen necesidade de pasar polo novo Grupo B.


CAPÍTULO XIV. SISTEMA RETRIBUTIVO

 


Artigo 41 º. ESTRUTURA RETRIBUTIVA

Sen prexuízo do fixado no presente Capítulo, a estrutura retributiva do persoal laboral incluído no eido de aplicación do presente Convenio, será a mesma que a establecida para os funcionarios ao servizo da Administración Local de Galicia e do Concello de Tomiño en cada momento.

O réxime retributivo que se define no presente capítulo resultará aplicable ao persoal laboral fixo e indefinido, así como a aquel persoal laboral que, sen ter tal cualificación, se adscriba e vincule, formalmente, ao desenvolvemento de funcións de índole estrutural, de conformidade co previsto ao efecto pola RPT do Concello ou instrumento similar de ordenación de persoal vixente en cada momento.

En calquera caso, o persoal que, pola natureza da súa relación laboral, non lle resulte de aplicación o réxime retributivo fixado no presente capítulo, rexerase polo previsto, ao respecto, no seu Convenio Colectivo de referencia, sen que, como consecuencia do previsto no mesmo, poida percibir, con cargo ao presuposto municipal, contías superiores ás fixadas para o persoal incluído no eido de aplicación do Convenio que desempeña idénticos postos e/ou categorías profesionais. Todo elo sen prexuízo de que, en aplicación do principio de respecto das condicións máis beneficiosas, se manteñan os dereitos económicos adquiridos polo persoal laboral municipal con anterioridade á entrada en vigor do presente Convenio; supostos que, en todo caso, deberán ser estudados, caso por caso, no seo da Comisión Paritaria de Seguimento e Control.

Tras a entrada en vigor do presente Convenio, e mentres non sexan obxecto de materialización as previsións contidas, no mesmo, ao respecto do sistema retributivo, seguirán sendo aplicables os criterios anteriormente vixentes, con arranxo ás previsións e limitacións normativas vixentes en materia orzamentaria, e con pleno respecto dos dereitos económicos previamente adquiridos.

A estrutura retributiva do persoal laboral incluído no eido de aplicación do presente Capítulo unificarase baixo os seguintes conceptos retributivos:

1.Retribucións básicas: son as que retribúen ao persoal segundo o Subgrupo ou Grupo de clasificación profesional, no suposto de que non teña Subgrupo, de conformidade co sistema de clasificación profesional fixado neste Convenio, e pola súa antigüidade no mesmo. Dentro delas están comprendidas os compoñentes de soldo, trienios e pagas extraordinarias.

Soldo: asignado a cada Subgrupo o Grupo de clasificación profesional, no suposto de que este non teña Subgrupo.

Os trienios: que consisten nunha cantidade, que será igual para cada Subgrupo o Grupo de clasificación profesional, no suposto de que este non teña Subgrupo, por cada tres anos de servizo. Aos efectos retributivos serán de aplicación os do derradeiro grupo ou subgrupo consolidado.

As pagas extraordinarias: serán de dúas ó ano, cada unha polo importe dunha mensualidade de retribucións básicas e da totalidade das retribucións complementarias de Destino e Específico, sen prexuízo das adecuacións que, respecto das mesmas, proceda realizar, como consecuencia das disposicións normativas aplicables en cada momento.

2.Retribucións complementarias: son as que retribúen as características dos postos de traballo, a carreira profesional ou o desempeño, rendemento ou resultados alcanzados polos/as empregados/as públicos/as. A contía e estrutura das retribucións complementarias do persoal laboral do Concello de Tomiño se desenvolverán de acordo co seguinte:

a) O complemento de destino, correspondente ao nivel do posto que se desempeñe, conforme ao previsto na Relación de Postos de Traballo, ou instrumento similar de ordenación de persoal vixente no Concello, e será igual para todos os postos do mesmo nivel.

b) O complemento específico, destinado a retribuír as condicións particulares dos postos de traballo en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade. En ningún caso poderá asignarse máis dun complemento específico a cada posto de traballo. A súa contía se correspondera co previsto na Relación de Postos de Traballo, ou instrumento similar de ordenación de persoal vixente no Concello.

c) O complemento de produtividade, destinado a retribuír o grao de interese, iniciativa o esforzo co que o/a traballador/a desempeñe o seu traballo e o rendemento ou resultados obtidos. Corresponde ó Pleno da Corporación determinar nos orzamentos a cantidade global destinada á asignación do complemento de produtividade, e os criterios de distribución de dita contía. Corresponde ó Alcalde/sa ou ó Presidente da Corporación a distribución de dita contía entre os diferentes programas ou áreas e a asignación individual do complemento de produtividade, con suxeición ós criterios establecidos polo Pleno, sen prexuízo das delegacións que poida conferir. Ó abeiro do disposto na Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, os criterios de distribución e asignación individual do complemento de produtividade, serán obxecto de negociación coa representación sindical. As cantidades que perciba cada traballador/a por este concepto serán de coñecemento público, tanto polos/as demais traballadores/as da Corporación como dos/as representantes sindicais.

d) As gratificacións por servizos extraordinarios fóra da xornada laboral, que non poderán en ningún caso ser fixas na contía, nin periódicas no súa percepción. A retribución dos servizos extraordinarios terá carácter excepcional, debendo ser compensados preferentemente en tempo libre. En todo caso, cando se dean situacións de excepcionalidade previstas no artigo regulador dos servizos extraordinarios, que impidan a compensación en tempo libre, os servizos extraordinarios serán retribuídos co seguinte criterio, que deberá ser obxecto de actualización, no tocante ás contías económicas, xunto cos presupostos anuais, e de conformidade ao disposto na Lei de Presupostos Xerais do Estado para o exercicio en curso.

GRUPOS

HORA NORMAL

HORA EXTRA EN DOMINGO, FESTIVO OU NOITE (+ 50 %)

HORA EXTRA EN DOMINGO, FESTIVO E NOITE (+ 75 %)

1/A1

23´71 €

35 57 €

41 50 €

2/A2

19´65 €

29 47 €

34 38 €

3/B

18,06 €

27,09 €

31,60 €

4/C1

16´47 €

24 71 €

28 82 €

5/C2

15´09 €

22 64 €

26.41 €

6/agrup. profesional

13 89 €

20´84 €

24 31 €


Artigo 42 º. CONTÍA DAS RETRIBUCIÓNS

1.As retribucións básicas do persoal laboral ao servizo do Concello devengaranse, cada ano, na contía e coa periodicidade previstas na correspondente Lei de Presupostos Xerais do Estado.

2.O complemento de destino dos traballadores do Concello devengarase cada ano na contía e coa periodicidade previstas na correspondente Lei de presupostos xerais do Estado, conforme ao nivel asignado a cada posto de traballo ou, no seu caso, ao grado persoal consolidado correspondente a cada traballador.

O nivel correspondente a cada posto será o determinado pola Relación de Postos de Traballo, ou instrumento de ordenación de persoal similar, que estea vixente no Concello, e sexa aplicable ao persoal incluído no eido de aplicación do presente Convenio.

3.As contías do Complemento Específico determinaranse pola Relación de Postos de Traballo, ou instrumento de ordenación de persoal similar, que estea vixente no Concello, e sexa aplicable ao persoal incluído no eido de aplicación do presente Convenio.


Artigo 43 º. RECOÑECEMENTO DE SERVIZOS PRESTADOS

Recoñécese, con carácter xeral, ao persoal laboral incluído dentro do eido de aplicación deste Convenio, a totalidade dos servizos indistintamente prestados polos/as mesmos/as en calquera Administración Pública.

Se considerarán servizos efectivos tódolos indistintamente prestados en calquera Administración Pública, tanto en calidade de funcionario/a, como os prestados en réxime de contratación administrativa ou laboral.

O devengo dos respectivos trienios efectuarase, previo recoñecemento formal individualizado polo órgano municipal competente e á instancia do/a interesado/a, aplicando ós mesmos o valor que corresponda ós do corpo, escala, plantilla ou praza con funcións análogas ás desempeñadas durante o tempo de servizos prestados que se recoñezan.

Cando os servizos computables a que se refiren os parágrafos anteriores, non cheguen a completar un trienio, serán considerados como prestados nesta Administración, para así ser tidos en conta, a efectos de trienios, seguindo a orde cronolóxica da prestación dos servizos sucesivos.


Artigo 44 º. NON DISCRIMINACIÓN EN MATERIA DE RETRIBUCIÓNS E OUTROS.

Entenderanse nulos e sen efecto os preceptos regulamentarios, as cláusulas dos Acordos Colectivos, os pactos individuais e as decisións unilaterais do Concello que conteñan discriminacións desfavorables por razón de idade ou cando conteñan discriminacións favorables ou adversas no emprego, así como en materia de retribucións, antigüidade, xornada e demais condicións de traballo por circunstancias de sexo, orixe, estado civil, raza, condición social, ideas relixiosas ou políticas, adhesión ou non a sindicatos e ó seus acordos, vínculos de parentesco con outros/as traballadores/as na empresa e lingua dentro do Estado español.


Artigo 45 º. NÓMINA

Tódalas percepcións do persoal laboral local realizaranse a través da nómina, establecéndose a prohibición de facelo doutro xeito. O cobro da nómina deberá poder efectuarse o último día do mes, derivándose responsabilidades noutro caso. A nómina que se deriva do Libro Rexistro de Persoal, deberá conter tódolos datos persoais precisos e os conceptos retributivos detallados e en concreto, sempre de xeito claro, o importe bruto, as deducións e o importe líquido, procurando a maior transparencia e claridade posibles.


Artigo 46 º. GRATIFICACIÓN ESPECIAL

Para todo o persoal que por necesidades do servizo, se vexa obrigado a traballa-las tardes e noites dos días 24 e 31 de Nadal e 5 de Xaneiro, e a noite do 23 de xuño (noite de San Xoán), así como na festa patronal do Alivio, deberán compensarse cunha gratificación especial, igual ó valor dobre dunha xornada normal de traballo efectivo.


CAPÍTULO XV. CONDICIÓNS ECONÓMICAS E SOCIAIS

 


Artigo 47 º. CONSTITUCIÓN DUN FONDO SOCIAL

1.O Concello de Tomiño, dotará un 1% do Capítulo I dos presupostos municipais, a unha partida ou fondo para o financiamento de gastos de natureza social e sanitaria do todo o seu persoal, incluído o laboral. A dotación desta partida, así como as accións financiadas con este fondo, serán obxecto de negociación na Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Tomiño.

2.A xestión e a asignación individualizada do importe desta partida realizarase de conformidade co Regulamento de Acción social que deberá ser aprobado polo Pleno, previa negociación na Mexa Xeral Mesa Xeral de Negociación do Persoal do Concello de Tomiño.


Artigo 48 º. ANTICIPOS

1.Os/as empregados/as públicos/as poderán percibir un anticipo do seu salario, sen xuro, de ata 6.000 €, debéndose reintegra-lo devandito anticipo en 12, 18, 24 ou 36 mensualidades; a Administración poderá ampliar o prazo de devolución previa petición do interesado/a.

2.Desde o mes seguinte á percepción do anticipo detraerase da nómina do/a traballador/a en cuestión, a cantidade correspondente a dividi-la contía global do anticipo entre o número de mensualidades para a súa devolución.

3.O/a traballador/a non poderá solicitar un novo anticipo ata que non remate a amortización do anteriormente solicitado.


Artigo 49 º. ASISTENCIA XURÍDICA

1.O Concello de Tomiño, garantirá a prestación de asistencia xurídica especializada a tódolos/as empregados/as públicos/as que a precisen por razón de conflitos con terceiros derivados da prestación do servizo.

2.Así mesmo asume as posibles responsabilidades civís que puideran derivarse da prestación do servizo dos/as traballadores/as propios/as, excepto no caso de neglixencia debidamente probada.

3.Para estes efectos, o Concello subscribirá unha póliza que garanta unha cobertura adecuada por este concepto. Esta póliza revisarase anualmente para a actualización de conceptos e importes.


Artigo 50 º. SEGUROS E PLANS DE PENSIÓNS

1.O Concello de Tomiño asume as posibles responsabilidades civís que puideran derivarse de prestación do servizo dos/as traballadores/as propios/as, excepto no caso de neglixencia debidamente probada.

2.Para estes efectos, o Concello subscribirá unha póliza que garanta unha cobertura adecuada polo concepto de responsabilidade civil, no prazo máximo dun ano dende a entrada en vigor deste acordo. Esta póliza revisarase anualmente para a actualización de conceptos e importes.

3.Do mesmo xeito, o Concello de Tomiño, concertará unha póliza de seguro colectivo de accidentes para os/as seus traballadores/as, que cubra os riscos de morte, incapacidade laboral transitoria e/ou permanente. Con este fin recabará ofertas - presupostos de varias entidades, co obxecto de establecelos importes concretos de indemnización, que deberán ser negociados coa representación sindical.

4.O Concello subscribirá unha póliza de seguro de vida para os/as traballadores/as, que cubra os casos de invalidez ou morte

5.De acordo co artigo 29 da Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, o Concello destinará o porcentaxe da masa salarial que se fixe nas correspondentes leis de Presupostos Xerais do Estado a financiar aportacións a plans de pensións de emprego ou contratos de seguro colectivo que inclúan a cobertura da continxencia de xubilación.

Considerando que, a actual Lei de Presupostos do Estado prohibe as aportacións a Plans de Pensións ou contratos de seguro colectivo que inclúan a cobertura da continxencia de xubilación,cando se modifique dita limitación normativa negociarase na Mexa Xeral de Negociación do Concello un Plan de Pensións ou contrato de seguro colectivo que inclúa a cobertura desta continxencia


Artigo 51 º. RÉXIME DE RETRIBUCIÓNS EN PROCESOS DE BAIXA POR ENFERMIDADE OU ACCIDENTE

O réxime retributivo aplicable en situacións de incapacidade temporal do persoal laboral ao servizo deste Concello adecuarase aos criterios que a continuación se relacionan, sen prexuízo das adecuacións que proceda realizar como consecuencia das previsións e limitacións normativas vixentes, en cada momento, ao respecto desta materia. 1.Aboarase un complemento, ata alcanzar o 100% das retribucións que se veñan percibindo no mes anterior ao de causarse a incapacidade, dende a data de inicio, nos supostos de incapacidade temporal por continxencias profesionais, así como nos supostos de incapacidade temporal por continxencias comúns que xeren:

Hospitalización.

Intervención cirúrxica.

Igualmente, ao persoal municipal tamén se lle aboará un complemento á prestación económica que perciba ata acadar o 100% das retribucións nas situacións de;

Maternidade.

Risco por embarazo.

Risco durante a lactancia natural.

Paternidade.

Incapacidade Temporal, sen hospitalización, provocada por enfermidades/patoloxías crónicas, dexenerativas, irreversibles e/ou incurables. Neste caso, se require a existencia de diagnóstico médico oficial que acredite que as situacións de incapacidade temporal se derivan de ditas enfermidades/patoloxías

2.Nos restantes casos de incapacidade temporal que se derive de continxencias comúns o complemento calcularase de conformidade coas seguintes regras:

a) Dende o primeiro día da situación de incapacidade temporal ata o terceiro día, inclusive, aboarase un complemento ata acadar o 50% das retribucións que se viñan percibindo no mes anterior ao de causarse a incapacidade.

b) Dende o cuarto día da situación de incapacidade temporal ata o vixésimo día, ambos inclusive, aboarase un complemento ata acadar o 75% das retribucións. c) A partir do vixésimo primeiro día, inclusive, aboarase un complemento ata acadar o 100% das retribucións que se viñan percibindo no mes anterior ao de causarse a incapacidade.


CAPÍTULO XVI. RÉXIME DISCIPLINARIO

 


Artigo 52 º. RÉXIME DISCIPLINARIO

1.O persoal laboral do Concello queda suxeito ao réxime disciplinario recollido no título VII, da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, na Lei da Función Pública de Galicia e demais normas que resulten aplicables ao persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia, en todo aquilo que sexa compatible co seu réxime xurídico. En todo o non previsto por este Convenio e a normativa de referencia, será de aplicación ao fixado pola lexislación laboral.

2.A responsabilidade disciplinaria, o exercicio da potestade disciplinaria, faltas, sancións, prescricións e procedemento disciplinario configurarán no seu conxunto o réxime disciplinario.

3.As faltas disciplinarias cometidas polos traballadores municipais no exercicio dos seus cargos poden ser moi graves, graves e leves, co alcance e contido establecidos na lexislación básica referida.

4.No referido ao procedemento disciplinario será de aplicación o Decreto 94/1991, do 20 de marzo do Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Comunidade Autónoma ou calquera outra norma que, en desenvolvemento da lexislación básica, poida estar vixente para o persoal funcionario ao servizo da Administración Local de Galicia

5.O réxime disciplinario establecido enténdese sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer os traballadores municipais, que se fará efectiva na forma que determine a lei.

6.En todo caso garantirase a audiencia do interesado e a representación pola súa parte das alegacións que considere oportunas ao longo do procedemento, así como a audiencia dos órganos de representación dos traballadores nos momentos procesuais determinantes da resolución final, como son a incoación do expediente e a formulación do prego de cargos e da proposta de resolución.


CAPÍTULO XVII. CONSOLIDACIÓN DE EMPREGO TEMPORAL E PROCESOS DE FUNCIONARIZACIÓN

 


Artigo 53. CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO TEMPORAL E FUNCIONARIZACIÓN DE PERSOAL LABORAL

1.O Concello poderá realizar convocatorias extraordinarias para a consolidación de prazas ou postos de carácter estrutural, que se atopen dotadas orzamentariamente, e que estean a ser desempeñadas por persoal temporal ou interino con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005.Os criterios xerais aplicables ao desenvolvemento destes procesos, que, en todo caso, deberán adaptarse ao establecido na normativa de aplicación, serán obxecto da oportuna negociación coa representación legal dos traballadores

2.Os procesos de consolidación de emprego se regularán en base aos seguintes criterios básicos:

a) Son procesos extraordinarios que só poderán ser desenvolvidos coa finalidade, características e alcance establecidos neste Convenio e na normativa de aplicación

b) Os procesos garantirán os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

c) O contido das probas relacionarase coas tarefas e funcións habituais a desenvolver nos postos obxecto de consolidación

d) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste Convenio e an normativa de aplicación.

e) A convocatoria dos procesos selectivos para a substitución do emprego interino ou consolidación de emprego temporal en estrutural e permanente, efectuarase mediante o sistema selectivo de concurso- oposición. Na fase de concurso poderá valorarse, entre outros méritos, o tempo de traballo prestado nas Administracións Públicas e a experiencia nos postos obxecto de convocatoria.

f) Procurarase facilitar ao persoal, dentro dos plans de formación, ou a través de plans específicos, formación axeitada para a superación destes procesos.

3.Os procesos de funcionarización terán como obxectivo regularizar aquelas situacións nas que tarefas e funcións que, segundo a normativa vixente, deberían de ser prestadas por persoal funcionario, estean a ser desempeñadas por persoal laboral. Os procesos de funcionarización respectarán os seguintes aspectos básicos, con independencia daquelas outras previsións e criterios que, en aplicación da normativa vixente, deban de ser respectados en cada momento.

a) Os procesos de funcionarización regularanse polas bases específicas da convocatoria, que serán obxecto de negociación coa representación dos traballadores.

b) Poderán participar nos procesos o persoal laboral fixo que desempeñe funcións propias de persoal funcionario, e reúnan os requisitos xerais de acceso ao emprego público establecidos no presente Convenio e na normativa aplicable. Podendo ser eximidos dalgunha das probas realizadas aqueles traballadores que procedan da mesma área de especialidade profesional que a correspondente á categoría á que se pretende acceder e sempre que xa foran realizadas, para acceder á praza de persoal laboral

c) De acordo coa normativa vixente, e trala negociación sindical, estudaranse os correspondentes procesos de funcionarización que serán aplicables ó persoal que ocupe postos de traballo que deban desempeñarse en réxime funcionarial. Finalizada a negociación sindical e/ou convocada a correspondente Mesa Xeral de Negociación o Pleno de cada Entidade determinará os postos de traballo funcionarizables realizando as correspondentes modificacións nos catálogos ou relacións de postos de traballo e adscribindo os postos, se fora posible, conforme á normativa vixente, á Escala correspondente, como mínimo, o Grupo de clasificación inicial

d) Procurarase facilitar ao persoal, dentro dos plans de formación, ou a través de plans específicos, formación axeitada para a superación destes procesos.


CAPÍTULO XVIII. FORMACIÓN

 


Artículo 54 º. PRINCIPIOS XERAIS

As partes asinantes deste Convenio recoñecen, como principio básico da súa política de recursos humanos, o valor fundamental da formación continua como eixo fundamental na mellora dos servizos que presta, así como do dereito individual á progresión profesional dos seus empregados, incluído o persoal laboral.

Deste xeito, a formación constituirá o instrumento esencial da adquisición de novas competencias e permitirá unha cualificación profesional necesaria para a mellora dos obxectivos de eficiencia, eficacia e calidade que inspiran a actuación pública e da planificación de recursos humanos.

Igualmente, no aspecto individual, constituirá un elemento esencial para o fomento da carreira e promoción profesional dos traballadores


Artigo 55 º. PLANS DE FORMACIÓN

1.O Concello promoverá, como base para a súa política de formación, a existencia dun Plan de formación continua ou, no seu defecto, a súa adhesión a plans agrupados que permitan acadar os fins e necesidades formativas. A tal efecto se deberán ter en conta as actividades e iniciativas formativas que, con carácter xeral, se desenvolvan noutras administracións públicas e, de xeito especial, no eido Administración Local.

2.O Plan de formación do Concello, ben na modalidade de iniciativa propia, ben por adhesión a outros plans, deberá fixar como mínimo.

a) Os obxectivos de carácter xeral de dito plan, así como os fixados, con carácter específico, para as diferentes areas de xestión de servizos municipais

b) Os obxectivos, modalidade formativa, descrición de contidos, destinatarios e sistemas de selección dos participantes - que respectarán, en todo caso, o principio de igualdade - de cada acción formativa a desenvolver, incluíndo aos responsables das mesmas, sexan persoas física ou xurídicas.

c) O ámbito temporal do plan e os calendarios de execución das accións formativas.


Artigo 56 º. ACCESO A FORMACIÓN

Os traballadores do Concello terán a posibilidade de acceso á formación establecida nos plans de formación continua propios do Concello, ou aos que estea adherido. Para estes efectos disporán dun crédito de 60 horas anuais que serán computadas como xornada efectiva de traballo.

Complementariamente o Concello permitirá, sempre atendendo ás necesidades do servizo, a asistencia do persoal a seminarios ou en encontros de profesionais, así como a outro tipo de accións formativas non incluídas no apartado anterior. Cando o contido destas accións o aconsellen, polo súa importancia para a adecuada prestación dos servizos municipais - circunstancia que deberá ser acreditada, en todo caso, polo responsable do servizo correspondente -, a súa asistencia poderá imputarse como xornada de traballo efectiva.


CAPÍTULO XIX. SAÚDE E SEGURIDADE: APLICACIÓN DA LEI DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

 


Artigo 57 º. INTRODUCIÓN

A Lei de Prevención de Riscos Laborais supón unha novidade importante para a protección dos riscos profesionais dos/as traballadores/as tanto no ámbito privado como no público. Neste último, constitúe un avance cualitativo de primeira magnitude ó ter contemplado dentro do ámbito da Administración Pública a protección dos riscos laborais como unha actuación única, indiferenciada e coordinada, que debe chegar a tódolos/as empregados/as públicos/as sen distinción do réxime xurídico que rexa a súa relación profesional coa Administración Pública.

Non obstante, existen e mantéñense algunhas peculiaridades referidas ó ámbito das Administracións Públicas Locais en canto á determinación e composición de certos órganos de participación e representación que demandan unha adecuación do contido da Lei de Prevención de Riscos Laborais á realidade orgánica e funcional das Administracións Locais.

Nese sentido, a coexistencia dos órganos de representación fixados pola Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, como son as Xuntas de Persoal e os Comités de Empresa, cumpre elabora-lo seguinte acordo de carácter xeral para a adecuación dos Capítulos IV e V da Lei 31/95, de 8 de novembro, ás Administracións Locais.


Artigo 58 º. ÁMBITO DE APLICACIÓN

O disposto no presente Convenio Colectivo será de aplicación xeral ao persoal laboral do concello de Tomiño incluído no seu eido de aplicación, a todas as súas dependencias e ós seus Organismos Autónomos, se os houbera.


Artigo 59 º. SERVIZOS DE PREVENCIÓN

1.En cumprimento do deber de prevención de riscos profesionais, os órganos competentes en materia de persoal, determinarán tras negociación coas Organizacións Sindicais, e en función da estrutura organizativa e territorial dos seus organismos, así como do tipo de riscos presentes no sector e a incidencia destes nos/as empregados/as públicos/as, o tipo de servizo de prevención máis axustado ás súas características, potenciando a utilización dos recursos propios existentes nas Administracións Públicas Locais.

2.Os órganos competentes en materia de persoal poderán designar un/ha ou varios/as empregados/as públicos/as para ocuparse da actividade de prevención de riscos profesionais, constituír un servizo de prevención ou concerta-lo dito servizo cunha entidade especializada, tras negociación coas Organizacións Sindicais.

Cando se opte pola designación de empregados/as públicos/as para a realización de actividades de prevención, esta deberá ser negociada cos órganos de representación do persoal.

3.As funcións dos servizos de prevención axustaranse ó disposto no artigo 31 da Lei 31/95, de Prevención de Riscos Laborais.


Artigo 60 º. CONSULTA E PARTICIPACIÓN

1.O ámbito específico para o exercicio da función de participación en materia preventiva será, con carácter xeral, o Comité de Empresa e/ou os Delegados de Persoal, sen prexuízo das adaptacións que sexan necesarias en función dos Comités de Seguridade e Saúde que se creen.


Artigo 61 º. O COMITÉ DE SEGURIDADE E SAÚDE

1.O Comité de Seguridade e Saúde é o órgano paritario e colexiado de participación, destinado á proposta e consulta regular e periódica dos plans, programas e avaliación de prevención de riscos no Concello de Tomiño.

2.Con carácter xeral, constituirase un único Comité de Seguridade e Saúde no ámbito dos órganos de Representación do Persoal funcionario e laboral do Concello de Tomiño, que estará integrado polos/as Delegados/as de Prevención designados no dito ámbito, tanto para o persoal con relación de carácter administrativo como para o persoal laboral, e por representantes da Administración en número non superior ó de Delegados/as.

3.Non obstante o sinalado nos apartados anteriores, poderán constituírse Comités de Seguridade e Saúde ou Delegados/as de Prevención específicos noutros ámbitos, cando as razóns da actividade e o tipo de frecuencia dos riscos así o aconsellen, tras acordo do respectivo Comité de Seguridade e Saúde correspondente.

4.A constitución do Comité de Seguridade e Saúde farase proporcionalmente ó número de efectivos do persoal funcionario e laboral existente no ámbito de representación correspondente.

5.Nas reunións do Comité de Seguridade e Saúde participarán, con voz pero sen voto, os/as Delegados/as Sindicais e os/as responsables técnicos/as.

6.O Comité de Seguridade e Saúde reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións neste. O Comité de Seguridade e Saúde adoptará as súas propias normas de funcionamento.


Artigo 62 º. DELEGADOS DE PREVENCIÓN

1.Os/as Delegados/as de Prevención, de acordo co disposto no artigo 35.4 da Lei 31/95, de 8 de novembro, serán designados polas Organizacións Sindicais con representación nos ámbitos dos Órganos de Representación do Persoal.

2.A designación dos/as Delegados/as de Prevención deberá realizarse de entre aqueles funcionarios/as que sexan membros da Xunta de Persoal correspondente ó ámbito de representación e entre os/as representantes do persoal laboral membros do Comité de Empresa, e no seu defecto de entre os/as empregados/as públicos/as do ámbito correspondente.

3.O número de Delegados/as de Prevención que poderán ser designados axustarase á Escala establecida no artigo 35.2 da Lei 31/95 de 8 de novembro:

Ata 49 traballadores: 1 Delegado/a de Prevención

De 50 a 100 traballadores: 2 Delegados/as de Prevención

De 101 a 500 traballadores: 3 Delegados/as de Prevención

De 501 a 1.000 traballadores: 4 Delegados/as de Prevención

De 1.001 a 2.000 traballadores: 5 Delegados/as de Prevención

De 2.001 a 3.000 traballadores: 6 Delegados/as de Prevención

De 3.001 a 4.000 traballadores: 7 Delegados/as de Prevención

De 4.001 en diante: 8 Delegados/as de Prevención

4.O tempo utilizado polos/as Delegados/as de Prevención para o desempeño das funcións previstas no artigo 36 da Lei de Prevención de Riscos Laborais será considerado como de exercicio de funcións de representación, para efectos de utilización do crédito de horas mensuais retribuídas legalmente previsto.

Os/as empregados/as públicos/as designados/as como Delegados/as de Prevención que non desfrutaran de ningún tipo de crédito horario, a partir da súa designación contarán co mesmo crédito horario cós membros dos órganos unitarios de representación da cada ámbito. En defecto do dito órgano, corresponderalle o crédito horario en proporción ó número de empregados/as públicos/as, cara o que dirixe a súa actividade preventiva.

5.Os órganos competentes proporcionarán ós/ás Delegados/as de Prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións.

6.A formación deberá ser facilitada pola Administración polos seus propios medios ou mediante concerto con Organismos ou Entidades especializadas na materia.

7.O tempo adicado á formación será considerado como tempo de traballo para tódolos efectos.


Artigo 63 º. SAÚDE E SEGURIDADE

1.Será de aplicación a actual normativa vixente en materia de saúde laboral, Lei de Prevención de Riscos Laborais (Lei 31/1995 de 8 de novembro).

2.Como premisa xenérica entendemos que a acción sindical en saúde laboral debe estar dirixida ó control dos riscos nos lugares de traballo. É, en esencia, facer prevención.

3.No Concello de Tomiño haberá como mínimo 2 Delegados/as de Prevención, sexa cal fose o seu número de cadro de persoal.

4.O Concello e os Sindicatos asinantes deste Convenio, velarán puntualmente polo estrito cumprimento da normativa aplicable e recollida na Lei de Prevención de Riscos Laborais, en todos os Servizos e dependencias do mesmo.

5.Para tal fin constituirase unha Comisión de seguimento en materia de saúde laboral, formada polos/as delegados/as de prevención e o mesmo número en representación do Concello.

6.Esta Comisión terá competencias de avaliación, información e recomendación, e poderá asumilas competencias dos Comités de Saúde Laboral.

7.Reunirase semestralmente de xeito ordinario, e de forma extraordinaria sempre que existisen motivos razoados e razoables que así o determinen.

8.A Comisión, por unanimidade dos seus membros presentes, poderá denunciar calquera actividade debida á falta de medidas de seguridade e hixiene, que puideran supoñer risco inmediato de accidente ou quebranto grave da saúde, non podendo ningún/ha empregado/a ser obrigado/a a traballar en tales condicións, en tanto en canto non se adopten as medidas necesarias para a corrección de tales circunstancias.

9.Os compoñentes da Comisión disporán do tempo empregado no desempeño do seu cometido como membros desta, e sempre que a convocatoria se corresponda cunha reunión de carácter ordinario ou extraordinario, de tal xeito que para tódolos efectos ese tempo será considerado dentro da xornada ordinaria de traballo, debendo contar para tal utilización de tempo coa xustificación por escrito e anticipada polo menos con 48 horas polo presidente desta.

10.A Comisión de entre os seus membros nomeará un/ha secretario/a, que será o encargado/a de convocar de xeito ordinario ou, se fose preciso, de xeito extraordinario as reunións desta.

11.Para convocar unha reunión extraordinaria da Comisión será preciso a solicitude, por escrito, cando menos do 50% dos seus compoñentes.

12.Serán de especial consideración ou control e seguimento do uso dos EPIs, así como do estado dos vehículos de uso cotián do persoal municipal, retirándose cando se considere que o seu uso poida por en perigo ao persoal que o utiliza.


Artigo 64 º. RECOÑECEMENTOS MÉDICOS PERIÓDICOS

Os/as empregados/as públicos/as do Concello de Tomiño terán dereito a que se lles realicen recoñecementos médicos anuais de conformidade coa Lei de Prevención 31/1995 (artigo 22) e a demais lexislación vixente.

Ademais, no caso de que o/a traballador/a así o requira, e sempre que a doenza teña relación co desempeño do seu traballo, deberanse realizar ampliacións dese recoñecemento en aspectos específicos, mediante a consulta cun especialista no área correspondente (oculista, otorrino, dermatólogo, etc.).


CAPÍTULO XX. DEREITOS SINDICAIS E DE REPRESENTACIÓN COLECTIVA

 


SECCIÓN 1 ª. DO DEREITO Á ACTIVIDADE SINDICAL

 


Artigo 65 º. DEREITO Á SINDICACIÓN

1.O persoal do Concello de Tomiño ten dereito a sindicarse libremente en defensa e promoción dos seus intereses profesionais, económicos e sociais.

2.O dereito á libre sindicación comprende o dereito a afiliarse ao sindicato da súa elección, a separarse do que estivese afiliado, non podendo ninguén ser obrigado a afiliarse a un sindicato, e a elixir libremente aos seus representantes.


Artigo 66 º. PROTECCIÓN PARA O EXERCICIO DO DEREITO A ACTIVIDADE SINDICAL

1.O Concello proporcionará a axeitada protección ao persoal ao seu servizo contra todo acto antisindical que implique discriminación ou demérito relacionado co seu emprego.

2.A dita protección exercerase especialmente contra todo tipo de accións ou actuacións que persigan:

a) Influír nas condicións de emprego do/a traballador/a para que este se afilie ou non a unha central sindical, que deixe de ser membro dela, ou que renuncie á actividade sindical.

b) Fustigar ou relegar a calquera traballador/a no seu lugar de traballo, ou prexudicalo de calquera xeito a causa da súa pertenza a unha central sindical ou da súa participación nas actividades sindicais.

c) Condicionar o emprego público á esixencia de afiliación ou non a calquera central sindical, ou á esixencia de causar baixa na mesma.


Artigo 67 º. EXERCICIO DA ACTIVIDADE SINDICAL

1.O persoal do Concello ten dereito a dedicarse á acción sindical no lugar, tempo e forma previstos na Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical, así como polo Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores e a Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público, así como en calquera outra norma que sexa de aplicación.

2.Para estes efectos, entenderase como ámbito material inmediato para a acción sindical no Concello os centros de traballo, considerándose como tales, tanto o propio de cada traballador/a como calquera outra dependencia, establecemento ou local pertencente ao Concello, aínda que se encontre situado en sede distinta.


Artigo 68 º. RESPECTO ÁS NECESIDADES DO SERVIZO

Os dereito recoñecidos aos traballadores municipais neste capítulo, exercitaranse co debido respecto ás persoas e bens, procurando sempre non interferir na boa marcha do traballo.


SECCIÓN 2 ª. DAS SECCIÓNS SINDICAIS

 


Artigo 69 º. DEREITO A CONSTITUÍR SECCIÓNS SINDICAIS

Os traballadores do Concello afiliados a centrais sindicais legal e validamente constituídas e recoñecidas poderán constituír seccións sindicais de conformidade co establecido no presente capítulo e coa lexislación vixente.


Artigo 70 º. CONSTITUCIÓN DAS SECCIÓNS SINDICAIS

Para a atribución das garantías, facultades, funcións e competencias recoñecidas neste Convenio, as seccións sindicais deberán acreditar que as centrais sindicais ás que pertencen obtiveron polo menos o 10% dos votos nas eleccións dos órganos de representación do persoal celebradas no Concello ou que teñen a condición de organizacións sindicais máis representativas, de conformidade co previsto na Lei Orgánica de Liberdade Sindical.

De non cumprise estes requisitos, as seccións sindicais que poidan terse constituído terán atribuídos os dereitos e condicións de carácter xenérico que se recoñecen, na normativa vixente, e de maneira xeral, a todas as sección sindicais.


Artigo 71 º. ATRIBUCIÓNS DAS SECCIÓNS SINDICAIS

As seccións sindicais terán, entre outras, as seguintes facultades, garantías, funcións e competencias:

a) Representar e defender os intereses da central sindical á que pertencen e dos afiliados da mesma.

b) Posuír e exercer a través dos correspondentes comités, delegados ou representantes sindicais, a representación legal para asuntos sociolaborais de todos e cada un dos seus afiliados, sen prexuízo doutras formas legais de representación que puidesen recabar os mesmos. A atribución de representación ás seccións sindicais implica, entre outras facultades, a de realizar calquera clase de intervención, pedimento, reivindicación ou reclamación de índole sociolaboral, por escrito ou mediante comparecencia, en nome e representación de calquera afiliado, sen menoscabo do exercicio individualizado das mesmas que puidese realizar este.

c) Recibir, do xeito previsto na normativa vixente, a máis completa información en todos os asuntos do persoal Concello por medio dos seus delegados.

d) Recoller as diversas reivindicacións sociolaborais do persoal ao servizo do Concello e propoñelas ás autoridades ou órganos correspondentes dos representantes do persoal.

e) Informarse por iniciativa propia de todas as cuestións que afecten ao persoal do Concello. Para estes efectos, os delegados ou representantes sindicais poderán ter acceso a toda a documentación relativa ás ditas cuestións, previa autorización da Alcaldía, dentro dos límites legais, así como da reserva e o non abuso. O Concello garantirá a consulta ou reprodución gratuíta daqueles que se consideren precisos para o exercicio da actividade sindical, sen prexuízo das garantías que se consideren oportunas para evitar o extravío dos documentos, así como das responsabilidades legais en que os solicitantes puidesen incorrer por incumprimento do deber de reserva profesional e sindical.

f) Exhibir e difundir libremente, en horas e lugares de traballo, calquera tipo de información, prensa, propaganda e publicacións de carácter sindical ou de interese laboral ou profesional. Para estes efectos, o Concello disporá a colocación, ás súas expensas, de taboleiros de anuncios sindicais para a exposición e divulgación de calquera documentación do tipo anteriormente sinalado en todos os centros de traballo pertencentes ao Concello, en lugares adecuados e visibles. O número, tamaño e distribución dos taboleiros, será o adecuado ás dimensións e estrutura do centro, de xeito que se garanta a máis ampla publicidade e accesibilidade ao que se expoña.

g) Convocar e celebrar reunións e asembleas, tanto de afiliados como de todo ou parte do persoal nos termos previsto no Real Decreto Lexislativo 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores e a Lei 7/2007 de 12 de abril do Estatuto Básico do Empregado Público.

h) Empregar asesores en calquera actividade que realicen no exercicio das súas competencias.

i) Para recadar as cotas sindicais, a sección sindical poderá acordar co Concello o seu desconto en nómina, logo da autorización dos seus afiliados.

j) Presentar e negociar perante os órganos resolutorios correspondentes cantos asuntos procedan en materia de condicións de traballo, seguridade e saúde laboral, réxime de asistencia, seguridade e previsión social, no que sexa competencia do Concello e de conformidade coa regulamentación relativa aos dereitos de negociación e participación que se recollen na lei e no presente Convenio.

k) Expresar libremente opinións respecto das materias relativas á súa esfera de actividade.

l) Proporcionar asistencia e defensa, e obter audiencia no suposto de seguirse procedemento disciplinario contra calquera dos seus afiliados, sen prexuízo do dereito individual de audiencia, regulada no dito procedemento.


Artigo 72 º. DELEGADOS SINDICAIS

1.As seccións sindicais validamente constituídas, segundo os criterios estipulados a tal efecto no presente Convenio, terán dereito a designar un delegado sindical.

2.Os delegados sindicais terán as seguintes funcións e dereitos:

a) Exercitar as competencias atribuídas á sección sindical que representan.

b) Autentificar coa súa firma o que a súa sección sindical expoña nos taboleiros de anuncios.

c) Convocar as reunións da sección sindical.

d) Dispoñer, sen menoscabo das súas retribucións, do mesmo número de horas sindicais que os membros dos órganos de representacións dos traballadores dentro da xornada de traballo, sen prexuízo das que lle poidan corresponder por ser tamén membro dos mesmos.

e) Exercer en nome e representación da súa sección sindical cantas accións xudiciais ou administrativas requira o cumprimento da súa función.

f) Serlle admitida a súa abstención ou escusa no suposto de ser designado como instrutor ou secretario nun expediente disciplinario.


Artigo 73 º. SIXILO PROFESIONAL

Tanto os delegados de persoal, como as seccións sindicais no seu conxunto observarán sixilo profesional no exercicio das súas funcións en todas aquelas materias sobre as que o Concello sinale expresamente o carácter reservado. En todo caso, ningún tipo de documento entregado polo Concello ás seccións sindicais e aos seus delegados poderá ser utilizado fóra do estrito ámbito municipal e para fins distintos dos que motivaron a súa entrega.


SECCIÓN 3 ª. DO DEREITO Á REPRESENTACIÓN COLECTIVA

 


Artigo 74 º. OS REPRESENTANTES DO PERSOAL

O Comité de Empresa ou, no seu defecto, os delegados de persoal, son os órganos de representación específica do conxunto do persoal laboral do Concello de Tomiño, e son os representantes específicos deste persoal diante do Concello, sen prexuízo da representación que corresponda aos delegados das seccións sindicais en relación cos seus afiliados.


Artigo 75 º. GARANTÍAS E FACULTADES

Sen prexuízo do previsto no Estatuto dos Traballadores e demais normativa vixente ao respecto os membros do comité de empresa ou delegados de persoal laboral terán as seguintes garantías e facultades:

a) Audiencia do órgano ao que pertencen no suposto de seguirse procedemento disciplinario a un traballador, sempre que exista pedimento expreso neste senso por parte do inculpado, e sen menoscabo do dereito de audiencia do propio interesado.

b) Expresar individual ou colexiadamente con liberdade as súas opinións nas materias relativas á esfera da súa representación, podendo confeccionar, publicar e distribuír información de interese profesional, laboral ou social. Para estes efectos, o Concello facilitará aos órganos de representación idénticos medios que os sinalados para as seccións sindicais.

c) Non ser trasladados, sancionados nin discriminados no seu traballo, promoción económica ou profesional, durante o exercicio das súas funcións nin dentro dos dous anos seguintes á expiración do seu mandato por razón do desempeño da súa representación.

d) Dispor dun crédito de 15 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións - ou do cómputo horario que, en cada caso, e segundo as previsións normativas vixentes, resulte igualmente aplicable -; non se incluirán dentro deste crédito horario a asistencia ás reunións con motivo da convocatoria feita pola administración ou polo comité de empresa ou pola xunta de persoal coa administración.

e) Poderanse acumular nun ou varios membros dos representantes do persoal ou delegados da sección sindical as horas sindicais correspondentes a outros membros dos órganos de representación e delegados da mesma sección sindical, sen exceder do máximo total, podendo quedar relevado ou relevados do traballo, sen prexuízo da súa remuneración, e da súa promoción e carreira profesional tanto a nivel horizontal como vertical.

f) Utilizar un local facilitado polo Concello na medida das súas posibilidades para actividades sindicais cunhas características e equipamento que satisfagan as diversas necesidades que, en canto a capacidade, dotación, material e situación física puidesen presentarse. Este local será compartido coas seccións sindicais.

g) Seralles admitida a súa abstención ou escusa no suposto de ser designados como instrutores ou secretarios nun expediente disciplinario.


Artigo 76 º. COMPETENCIAS

Sen prexuízo do previsto no Estatuto dos Traballadores e demais normativa vixente ao respecto, os representantes do persoal (comité de empresa ou delegados de persoal laboral) terán as seguintes competencias:

a) Recibir, do xeito previsto na normativa vixente, a máis completa información en todos os asuntos de persoal do Concello.

b) Consonte o establecido na Lei 2/91 do 7 de xaneiro sobre dereitos de información dos representantes dos traballadores en materia de contratación, o Concello entregará ao Comité de Empresa unha copia básica de todos os contratos de relación laboral que realice no seu ámbito institucional. Igualmente daralles traslado dos acordos de cesamento de calquera traballador.

c) Propoñer e negociar perante os correspondentes órganos resolutorios do Concello cantos asuntos procedan en materia de condicións de traballo, seguridade e saúde laboral, réxime de asistencia, seguridade e previsión social, no que sexa competencia do Concello.

d) Ser oídos na fase preparatoria do proceso de formación da vontade administrativa orientada á adopción de acordos en materia de persoal, consonte co previsto no presente capítulo e na normativa de xeral aplicación, sen prexuízo da preceptiva negociación sobre os asuntos indicados no presente convenio e na lexislación vixente.


Artigo 77 º. CAPACIDADE E SIXILO PROFESIONAL

1.Recoñéceselle aos representantes do persoal capacidade para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ao ámbito das súas competencias.

2.En canto ao deber de manter sixilo no exercicio das súas funcións, aos representantes do persoal seranlles de aplicación as regras previstas neste Convenio para as seccións sindicais e os seus delegados.


SECCIÓN 4 ª. DO DEREITO DE REUNIÓN

 


Artigo 78 º. DEREITO DE REUNIÓN

Os traballadores/as do Concello poderán exercitar o dereito de reunión cos requisitos e condicións sinaladas nesta sección e na demais normativa de aplicación.


Artigo 79 º. LEXITIMACIÓN PARA O EXERCICIO.

Están lexitimados para convocar reunións:

O Comité de Empresa ou delegados de persoal

As organizacións sindicais, directamente ou a través dos delegados sindicais.

Un número de traballadores non inferior ao 33% da plantilla.


Artigo 80 º. DO LUGAR E MOMENTO DA REUNIÓN

1.As reunións no centro de traballo autorizaranse, preferentemente, fora das horas de traballo, salvo acordo entre o órgano competente en materia de persoal e quenes estean lexitimados para convocalas.

2.As reunións no centro de traballo, dentro da xornada laboral, non poderán superar as 15 horas anuais, e só se poderán denegar por mor de forza maior. A resolución denegatoria deberá ser motivada.

3.Sen prexuízo do anterior, en período electoral as candidaturas que se presenten poderán convocar e celebrar asembleas de persoal dentro da xornada laboral, por un tempo máximo para todas elas de 4 horas en cada centro de traballo.

4.Non existirá ningún tipo de limitación para celebrar reunións fóra da xornada de traballo, sempre que se garanta a seguridade das instalacións ou dependencias que deberán ser previamente solicitadas con tempo suficiente.

5.En calquera caso, a celebración da reunión non prexudicará a prestación dos servizos.

6.O Concello facilitará, na medida das súas posibilidades, os locais adecuados para que as reunións poidan celebrarse.


Artigo 81. CONVOCATORIA DA REUNIÓN

Os requisitos para celebrar unha reunión son os seguintes:

a) Comunicar por escrito ó Concello a súa celebración con antelación de dous días hábiles se a reunión ten lugar dentro da xornada de traballo, e con un día hábil de antelación para celebrar reunións fóra da xornada de traballo.

b) Indicar no escrito:

a. Día, hora e lugar de celebración.

b. Colectivo ao que se convoca.

c. Orde do día.

d. Identificación dos asinantes, que deberán estar lexitimados para convocar a reunión consonte o disposto neste capítulo.

c) As reunións entenderanse autorizadas e poderán celebrarse sen outro requisito se a autoridade competente non formula obxeccións á mesma mediante resolución motivada cando menos 24 horas antes da celebración.


Artigo 82 º. COTA SINDICAL

A requirimento dos/as traballadores/as afiliados/as a centrais sindicais ou sindicatos, o Concello descontará na nómina mensual dos/as traballadores/as, o importe da cota sindical correspondente.

O/a traballador/a interesado/a na realización de tal operación, remitirá un escrito á Unidade de Persoal no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente ou libreta, na que debe ser transferida a correspondente cantidade. O Concello efectuará as anteditas detraccións, salvo indicación contraria, durante o período de un ano.


Artigo 83 º. TABOLEIROS DE ANUNCIOS, LOCAIS E MEDIOS DE IMPRESIÓN

1.Nas dependencias municipais, habilitarase un local, con dotación de material adecuado, para uso das organizacións sindicais ou membros do Comité de Empresa.

2.O Concello disporá en tódolos centros de traballo a colocación, ás súas expensas, de taboleiros de anuncios sindicais de dimensións suficientes e espazos visibles, un para información do Comité Empresa ou Órgano de Representación e outro para información das organizacións sindicais. A súa posta en práctica levarase a cabo polos responsables de cada centro de acordo cos membros do Comité de Persoal.

3.O Concello ampara o dereito a publicar e distribuír os informes e acordos que se consideren necesarios para o conxunto dos/as traballadores/as.

O Comité de Empresa poderá utiliza-los medios de reprodución gráfica da Corporación para a realización da súa labor, coas limitacións que marca a Lei, sen que iso perturbe a normal realización dos traballos propios desas dependencias municipais. Pola Comisión de Seguimento e Interpretación valorarase o custe da utilización, a efectos da súa posible repercusión, en función da contía.


CAPÍTULO XXI. PRENDAS DE TRABALLO

 


Artigo 84 º. ROUPA DE TRABALLO

1.O Concello facilitará a todo o persoal ao seu servizo, de acordo co comité de empresa, a roupa de traballo e calzado profesional homologado EPIs e de uso obrigatorio. Tamén facilitará os equipos de protección individual axeitados para o desempeño das súas funcións, cando as condicións e a natureza do traballo o requiran.

2.Os equipos de protección individual deberán empregarse cando os riscos non se poidan evitar ou non se poidan limitar por medios técnicos de protección colectiva ou mediante medidas, métodos ou procedementos de organización do traballo. Os equipos de protección individual repoñeranse sempre que sexa preciso.

3.O Concello facilitará cada ano, naqueles postos que resulte preciso, un equipamento completo de inverno e outro de verán, que serán entregados en outubro e maio respectivamente. No caso de rotura e/ou desgaste xustificado dalgún dos elementos do equipo, este será substituído.


CAPÍTULO XXII. INDEMNIZACIÓNS POR RAZÓN DO SERVIZO

 


Artigo 85 º. INDEMNIZACIÓNS POR RAZÓN DO SERVIZO

1.Para os traballadores municipais que por razón dos cometidos propios dos postos de traballo que desempeñen, se vexan obrigados/as a desprazarse, dentro e fora do casco urbano, o Concello disporá do sistema de transporte, de conformidade co establecido na normativa vixente e Bases de Execución do Presuposto Xeral do Concello de Tomiño e, no seu caso, Plan de Formación Municipal.

2.Serán abonados como conceptos de carácter extra-salarial, axustándose o establecido no Real Decreto 462/2002 de 24 de marzo, BOE 129 de 30 de maio de 2002, modificado por Orden EHA/3770/2005 do Ministerio de Economía e Facenda polo que se revisan ás contías por indemnización por uso de vehículo como gastos de locomoción e dietas e Resolución 2 de decembro de 2005 da Secretaría de Estado de Facenda e Presupostos polo que se revisa as contías das dietas en territorio nacional e asistencias a tribunais(B.O.E. de 3 de decembro de 2005), ou na normativa vixente en cada momento.

3.O desprazamento deberá ser ordenado polo/a xefe/a do servizo co Vº Bº do Concelleiro/a Delegado/a, agás casos de urxencia.

4.Indemnización especial: Que se define como a compensación que corresponde polos danos, perdas ou gastos extraordinarios que se produzan sobre o patrimonio do/a empregado/a por razón ou como consecuencia dos servizos encomendados.


Artigo 86 º. PARTICIPACIÓN EN TRIBUNAIS DE OPOSICIÓN OU OUTROS ÓRGANOS ENCARGADOS DA SELECCIÓN DE PERSOAL

Aos efectos de percepción de asistencias, os órganos de selección deste Concello se clasifican de conformidade co establecido na normativa vixente en cada momento.


CAPÍTULO XXIII. XUBILACIÓN

 


Artigo 87 º. XUBILACIÓN DO PERSOAL LABORAL

No que atinxe á xubilación do persoal laboral ao servizo do Concello estarase ao disposto na normativa aplicable, en cada momento, ao persoal laboral ao servizo da Administración Local de Galicia, de conformidade coas condicións e requisitos establecidos no réxime da Seguridade Social que lle sexa igualmente aplicable.


CLÁUSULAS ADICIONAIS

 


D.A. 1ª

O presente Convenio entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación oficial, con efectos do 1 de xaneiro de 2013, no que resulte máis favorable.


D.A. 2ª

Poderá ser denunciado por calquera das partes, un mes antes da súa finalización de vixencia, marcada e acordada para o remate, e seguirá vixente mentres non fose negociado outro.

No caso de non ser denunciado por ningunha das partes, continuará vixente plenamente en todo o seu contido, e prorrogado por anos naturais, en tanto en canto non sexa negociado outro.


D.A. 3ª

A Corporación comprometese a adoptar as medidas oportunas, en materia de orzamentos, e dentro das limitacións legais vixentes, que permitan garanti-lo cumprimento de tódolos aspectos económicos do presente Convenio colectivo.


D.A. 4ª

O Concello facilitará, en todo o que del dependa, e de conformidade coas previsións legais aplicables, a permuta do posto de traballo con outros concellos, cando así o solicite calquera traballador/a.


D.A. 5ª

En tódolos apartados deste convenio colectivo nos que se fai referencia, como grao de consanguinidade ou afinidade, ós/ás cónxuxes, isto resultará extensible ás parellas de feito (sempre que se acredite dita situación).


D.A. 6ª

O Concello de Tomiño garantirá que todo o persoal incluído no eido de aplicación do presente Convenio reciba a formación dun curso básico de prevención en riscos laborais, a realizar durante a xornada laboral e que terá a tódolos efectos consideración de tempo traballado. Así mesmo, o Concello de Tomiño terá a obrigación, e traballadores o dereito a participar, nos simulacros de emerxencias, como prevención de riscos laborais, en todos os centros e organismos autónomos dependentes do Concello.


D.A. 7ª

En desenvolvemento do exposto neste Convenio colectivo en relación coa promoción interna, abrirase un proceso de revisión do cadro de persoal previo á aprobación dos orzamentos ordinarios dos seguintes exercicios, cara a determinar as prazas que, en función das tarefas que veñen desempeñando, a especial cualificación ou dificultade técnica, os requisitos esixidos para o desempeño, etc., son susceptibles de transformarse en prazas de grupo superior e ser provistas mediante procesos de promoción interna.

Igualmente, revisaranse os postos de traballo desempeñados por persoal temporal susceptibles de consideralos fixos no cadro de persoal, procedendo á dotación das prazas do cadro que proceda e programando a súa inclusión nas ofertas de emprego, dentro dos límites e criterios legalmente previstos ao respecto e aplicables en cada momento.


D.A. 8ª

As medidas de xestión dos cadros de persoal que se derivan da aplicación deste Convenio colectivo poderán desenvolverse polo Concello de Tomiño a través de Plans de Emprego ou Plans de Xestión de Recursos Humanos, nos que os procesos de promoción interna, ou funcionarización, levaranse a cabo separadamente das restantes previsións incorporadas nas Ofertas de Emprego Público.


D.A. 9ª

Todas aquelas melloras normativas que se produzan durante a vixencia deste Convenio e que sexan de aplicación directa ao persoal incluído no seu eido de aplicación, serán incorporadas como anexo do mesmo.


D.A. 10ª

O Concello de Tomiño velará pola efectiva aplicación do principio de igualdade de trato entre os seus traballadores e traballadoras, entendido como a total ausencia de discriminacións, directa ou indirecta, por razón de sexo, e especialmente as derivadas da maternidade, asunción de obrigas familiares e o estado civil, de conformidade co previsto no artigo 3 da LO 3/2007, de 22 de marzo para a igualdade efectiva entre mulleres e homes e restante normativa de aplicación.

Nos aspectos non recollidos expresamente neste Convenio Colectivo, estarase o previsto na LO 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, así como na restante normativa que, en cada momento, resulte aplicable.


D.A. 11ª

Se facilitará a tódolos traballadores do Concello de Tomiño un listado con tódolos permisos e licenzas aos que teñen dereito. Neste mesmo documento se incorporará unha táboa cos graos de consanguinidade e afinidade.


D.A. 12ª

O Concello de Tomiño asume o compromiso de que, durante a vixencia do presente Convenio, se procederá á cobertura daquelas prazas e postos de carácter estrutural actualmente desempeñados por persoal de carácter temporal - que non sexa laboral fixo ou funcionario en propiedade -, e todo ilo dentro dos procedementos e limitacións legalmente previstos e aplicables en cada momento.


D.A. 13ª

Nos supostos da existencia de vacantes no cadro de persoal, que deban ser obxecto de cobertura, así como da necesidade de incorporación de novo persoal para facer fronte ás necesidades laborais ou reforzos de servizos necesarios, o Concello cubrirá estas circunstancias, de modo preferente, mediante o recurso á ampliación das xornadas de tipo parcial existentes, conforme aos procedementos e criterios legalmente previstos e sempre que dita ampliación resulte acaída e axeitada para a cobertura de ditas necesidades.


CLÁUSULAS TRANSITORIAS

 


D.T. UNICA

Á entrada en vigor do presente Convenio, ante unha resolución xudicial firme que estableza a improcedencia dun despido, o Concello de Tomiño permitirá escoller entre a indemnización e/ou a readmisión unicamente aos traballadores afectados que viñeran prestando servizos no Concello de Tomiño con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2013.


CLÁUSULAS FINAIS

 


D.F. 1ª

Durante o período de vixencia do presente Convenio, as retribucións establecidas no mesmo experimentarán o incremento que determine, para cada exercicio, a Lei de Presupostos Xerais do Estado e restante normativa de aplicación; todo elo sen prexuízo das adecuacións e revisións retributivas que, dentro dos límites legais fixados ao respecto, proceda realizar para garantir a adecuación das mesmas ao contido, e características dos postos de traballo, así como as que se deriven do grado de consecución dos obxectivos fixados e do resultado individual da súa aplicación.


D.F. 2ª

Trala entrada en vigor do presente Convenio, e coa finalidade de garantir o coñecemento, por parte de todo o persoal municipal, das previsións e preceptos incorporados no mesmo, e particularmente no tocante ás normas e criterios contidos ao respecto da xestión horaria, réxime de permisos, licenzas, vacacións e situacións administrativas, procederase a oportuna difusión dos mesmos, entre as diferentes unidades, servizos e dependencias municipais, mediante o recurso a circulares informativas, exposición nos taboleiros de anuncios e cantos outros medios se estimen oportunos para a satisfacción da referida difusión.


ANEXO I. HORARIOS ESPECÍFICOS

Serán aplicables horarios específicos a aqueles servizos que, polas súas especias particularidades e natureza, requiran dunha especial ordenación horaria, resultando imposible a súa adecuación á xornada ordinaria de traballo fixada par o conxunto da Administración Municipal. En todo caso, dita distribución horaria específica deberá garantir o cumprimento da xornada mínima anual de traballo, computada nas 1647 horas anuais, así como a adecuada prestación do servizo, sendo igualmente aplicables, en todo aquilo que resulte compatible coa súa propia natureza, os criterios fixados, con carácter xeral, ao respecto da xornada laboral, no presente Convenio

Serán obxecto de incorporación, e tras previo proceso de negociación colectiva, no seo deste Anexo do Convenio, os horarios específicos que, segundo a realidade e evolución da propia actividade municipal, así como dos servizos prestados, sexa necesario configurar para adaptarse ás particulares necesidades dos mesmos.

Tomiño, 3 de xullo de 2013.

Polo Concello: Sandra González Álvarez, Alcaldesa Concello de Tomiño.

Polos traballadores: Ana Mª Silva Mendaña, Presidenta do Comité de Empresa; Juan Manuel Álvarez Castro, En representación de UGT.

Vigo, a 12 de decembro de 2013.A Xefa Territorial, María Rita Peón Fernández.