Última revisión
Modificacion/Interpretacion. Convenio Colectivo de Empresa de FUNDACION PARA O FOMENTO DA CALIDADE INDUSTRIAL E O DESENVOLVEMENTO TECNOLOXICO DE GALICIA de Galicia
Empresa Autonómico. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2014 en adelante
Convenio Colectivo
Convenio afectado por
RESOLUCION do 5 de xuño de 2014, da Direccion Xeral de Traballo e Economia Social, pola que se dispon a inscricion no rexistro e a publicacion no Diario Oficial de Galicia do acordo para a modificacion substancial das condicions de traballo de caracter colectivo do persoal da Fundacion para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnoloxico de Galicia que se adscribira a Axencia Galega de Innovacion e a Direccion Xeral de Enerxia e Minas da Conselleria de Economia e Industria. (Diario Oficial de Galicia num. 122 de 30/06/2014)
Con data do 18 de decembro de 2013, as persoas representantes da Administración da Xunta de Galicia e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e USTG asinaron o acordo para a modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia que se adscribirá á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, que foi ratificado con data do 20 de decembro de 2013 pola Comisión de Persoal, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representatividade, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas.
Esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social
ACORDA:
Primeiro.
Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).
Segundo.
Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2014
Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social
ANEXO. ACORDO PARA A MODIFICACIÓN SUBSTANCIAL DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DE CARÁCTER COLECTIVO DO PERSOAL DA FUNDACIÓN PARA O FOMENTO DA CALIDADE INDUSTRIAL E O DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO DE GALICIA QUE SE ADSCRIBIRÁ Á AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN E Á DIRECCIÓN XERAL DE ENERXÍA E MINAS DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
En Santiago de Compostela o 18 de decembro de 2013.
Reunidos.
A comisión negociadora.
Asistentes en representación da Consellería de Economía e Industria:
Borja Verea Fraiz, secretario xeral técnico (preside a reunión).
José Alfonso Marnotes González, vicesecretario xeral.
Ricardo Miguel Baños Fojo, subdirector xeral de Administración Industrial.
Juan Carlos Pernas Maques, xefe do Servizo de Persoal e Asuntos Xerais (actúa como secretario da reunión).
Asistentes en representación da Axencia Galega de Innovación (GAIN):
Manuel Antonio Varela Rey, director.
Representante da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia (Fundación):
José Higinio Antuña Álvarez, xerente.
Asistentes en representación dos traballadores:
1. Servizos centrais (SS.CC.):
- David Santomil Mosquera, CIG.
- Berta Castaño Torrado, CIG.
- Flora González Carracedo, CC.OO.
- Roberto Vieito Raña, CC.OO.
- Juan Vicente Suárez Bouzas, UGT.
2. CIS-Madeira:
- Gonzalo Piñeiro Veiras, CC.OO.
- María del Rosario Castilla Pascual, CC.OO.
3. CIS-Galicia:
- Carlos Sánchez Vecino, USTG.
- Santiago Nieto Mengotti, USTG.
4. LOMG:
- Javier Rodríguez López, CIG.
- Julio Alberto Cabanelas Domínguez, CIG.
- Fernando Troncoso Caamaño, CIG.
Antecedentes:
O Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procede á reorganización das entidades instrumentais adscritas á Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modifica a estrutura orgánica da dita consellería, establece a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de tal maneira que asuma os seus medios persoais e materiais a Axencia Galega de Innovación (a excepción do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG), que será asumido pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas), tendo en conta a similitude de obxecto e fins entre a Fundación e a Axencia Galega de Innovación e entre o LOMG e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
O artigo 7 do citado decreto establece que as relacións de postos de traballo da Axencia Galega de Innovación e da Consellería de Economía e Industria deberán ser obxecto das modificacións necesarias para axustalas ás consecuencias desta asunción do persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Antes de proceder á elaboración da RPT é preciso operativizar a adscrición dos traballadores da Fundación, que está regulada nos artigos 4, 5 e 6 do citado decreto, que desenvolven previsións específicas respecto do réxime aplicable á adscrición e reorganización do persoal laboral fixo, laboral indefinido non fixo e temporal de organismos a extinguir no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal, ao abeiro do disposto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores sobre a sucesión de empresa.
Esta adscrición non supón a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia para os efectos previstos no artigo 12 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (1. O persoal que opte pola integración como persoal laboral da Xunta de Galicia adquirirá a condición de persoal laboral da Xunta de Galicia e quedará suxeito ao convenio colectivo deste).
O cumprimento da Lei 16/2010 e do Decreto 134/2013 supón o marco imprescindible dentro do que é preciso situar calquera acordo no ámbito deste proceso de adscrición.
A incorporación dos medios humanos e materiais procedentes da Fundación reforzará e incrementará a capacidade da Axencia para enfrontarse aos seus actuais desafíos e obxectivos, pero é preciso modificar a súa estrutura para que soporte as novas actuacións, así como acomodar as capacidades dos recursos humanos que as integran facilitando o aproveitamento das súas capacidades.
Realizando unha revisión e comparación das funcións que vén desenvolvendo o organismo a extinguir (Fundación) e a Axencia de Innovación e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, identifícanse redundancias, solapamentos e duplicidades en número importante, que afectan gran parte do persoal da Fundación. Estas ineficiencias de estrutura, técnicas e operativas, por si mesmas, xustifican a necesidade dunha reorganización técnica e funcional da Axencia, que deriva na proposta dunha modificación substancial das condicións de traballo do persoal da Fundación, para acadar a eficiencia que a absorción persegue.
De conformidade co disposto no Estatuto dos traballadores e co fin de lograr a consecución dun acordo satisfactorio entre a Administración e os traballadores, abriuse un período de negociación no seo do cal foi creada unha comisión negociadora, que se reuniu por primeira vez o día 5 de decembro de 2013 na Sala de Xuntas da Consellería de Economía e Industria. Pola súa vez, esta comisión negociadora designou un grupo de traballo que celebrou reunións os días 10, 12 e 16 de decembro e que, tras diversas propostas e contrapropostas, grazas aos esforzos realizados por ambas as partes negociando de boa fe, cristalizou co seguinte acordo que pon fin ao período de consultas.
Acordo:
1. Principios que se aplicarán a todo o persoal da Fundación:
- Manterase a categoría profesional que cada traballador tiña na Fundación sobre a base do disposto nos seus respectivos contratos de traballo, mantendo unha asignación de funcións acorde coa devandita categoría profesional.
- Desde o punto de vista funcional, a asignación do traballador realizarase preferentemente na área de especialización funcional en que teña coñecemento e/ou experiencia. Non obstante, poderase traballar noutras áreas funcionais diferentes ás do ámbito funcional de especialización, considerando os obxectivos e prioridades da Axencia e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Achégase proposta de adscrición no anexo I.
- Redúcese a estrutura directiva para adecuala á estrutura e funcións da GAIN e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. Desde o punto de vista xerárquico e de responsabilidade non se manterán aquelas posicións que non se correspondan co exercicio de funcións de xefatura ou responsabilidade nas novas tarefas que se van desenvolver dentro da estrutura e funcións de organización de destino.
2. Mantemento do emprego.
Manterase o emprego, polo menos, durante o ano 2014 incluíndo os traballadores que prestan servizo para a encomenda de xestión da Amtega.
3. Condicións retributivas.
Aplicaranse as condicións retributivas do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia nos seguintes termos:
- Homologación dos salarios base aplicando o correspondente á categoría do traballador segundo a das condicións retributivas establecidas no V convenio.
- Homologación da antigüidade aplicando o réxime previsto no V convenio.
- Eliminación inmediata con efectos do 1 de xaneiro de 2014 de todos os complementos de dirección, xefatura de área, dispoñibilidade, secretaría de dirección e xefaturas de unidade.
- Para efectos funcionais manteranse nove unidades indicadas no anexo II. O persoal responsable delas percibirá un complemento de singularidade de posto (artigo 26 do V convenio) análogo ao actual de xefatura de unidade.
- Os incrementos ou diminucións derivados da homologación retributiva a que se refire este punto aplicaranse de xeito gradual, durante un período de 3 anos (2014 a 2016) rematando o 31 de decembro de 2016, a razón dun 25 % anual, de tal xeito que na nómina de xaneiro de 2017 a homologación será completa. Rematado o proceso de integración, ao persoal laboral fixo procedente da Fundación e que se integre como persoal laboral da Xunta de Galicia respectaráselle ad personam e como condición máis beneficiosa a redución progresiva ata o 31 de decembro de 2016, nos termos recollidos no acordo.
4. Mobilidade xeográfica.
A mobilidade xeográfica pactada fóra da localidade de destino realizarase no prazo de dous meses e será retribuída coas indemnizacións previstas no V convenio colectivo.
5. Asignación de funcións.
A asignación das funcións ao traballador realizarase preferentemente na área de especialización funcional na que teña coñecemento e/ou experiencia e sempre acorde a súa categoría profesional.
6. Impulso aos centros produtivos.
Co obxecto de impulsar a actividade dos centros produtivos que serán adscritos á Axencia Galega de Innovación:
- Contarase cunha unidade funcional de apoio á sociedade da información formada polo persoal que actualmente presta servizos para a encomenda da Amtega.
- Realizarase un plan de actuación para o CIS Galicia no período 2014-2016 potenciando a unidade produtiva, a vixilancia tecnolóxica, a transferencia de tecnoloxía e ampliando as funcións do centro mantendo o nodo da rede E.E.N Galactea Plus.
7. Obriga de comunicación por parte da Administración.
A Administración procederá a comunicar á autoridade laboral que, a partir do 1 de xaneiro os traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste acordo, pasan a rexerse segundo o establecido no V convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, salvo naqueles aspectos que pola natureza das súas disposicións non resulte de aplicación.