Convenio Colectivo de Empresa de GADISVEN, S.A. (82001032012010) de Galicia
Convenios
Convenio Colectivo de Emp...de Galicia

Última revisión
13/04/2010

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de GADISVEN, S.A. (82001032012010) de Galicia

Empresa Autonómico. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2009 en adelante

Tiempo de lectura: 29 min

Tiempo de lectura: 29 min

Resolucion do 1 de marzo de 2010, da Direccion Xeral de Relacions Laborais, pola que se dispon o rexistro, o deposito e a publicacion, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gadisven, S.A. (Diario Oficial de Galicia num. 68 de 13/04/2010)

Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico de empresa Gadisven, S.A. (código do convenio: 8201032), que se subscribiu, con data do 12 de novembro de 2009, entre a representación empresarial e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-

Ordenar a inscrición do referido convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral, con notificación á comisión negociadora.

Segundo.-

Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-

Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2010.

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Relacións Laborais

CAPÍTULO I Ámbito, vixencia, duración e dereito supletorio

Establécese por primeira vez un convenio colectivo adaptado ao obxecto, natureza e circunstancias de Gadisven, S.A., e con el preténdese dar certeza, seguridade e transparencia na xestión a todas as partes desde agora e para o sucesivo. Polo tanto, a vontade dos asinantes é establecer con el a base normativa fundamental que debe regular as relacións laborais na empresa, resultando esta do consenso, do pacto e de mutuo e construtivo entendemento.

Artigo 1º.-Ámbito persoal, funcional e territorial.

Este convenio colectivo regulará todas as relacións sociolaborais establecidas entre Gadisven, S.A., e os seus empregados, entendéndose como tales a totalidade dos empregados que a empresa ten distribuídos en toda a Comunidade Autónoma de Galicia e que poidan estar actualmente traballando ou que se incorporen durante a vixencia do convenio.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio colectivo asínase por un período de 3 anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2009 ao 31 de decembro de 2011, sen prexuízo da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Denuncia, prórroga e dereito transitorio.

Chegada a finalización da vixencia do convenio este quedará denunciado automaticamente sen necesidade de denuncia expresa das partes.

Calquera das partes asinantes poderá, para efectos informativos, facer constar desde ese momento a finalización a través das vías legais.

Extinguido o convenio, as partes comprométense a, nun prazo máximo de tres meses desde a finalización, presentar as súas propostas de renovación e iniciar un novo proceso negociador.

Durante o período transitorio que media entre a finalización do convenio anterior e a aprobación do novo texto estarán vixentes todas as cláusulas normativas, e só perderán vigor as cláusulas obrigacionais.

Artigo 4º.-Dereito supletorio.

En todo aquilo que non estea regulado neste convenio e sen prexuízo dos mínimos de dereito necesario que concorran, resultará de aplicación o establecido no Estatuto dos traballadores, como dereito supletorio e mínimo.

Artigo 5º.-Dereitos adquiridos, absorción e compensación.

Todas as condicións económicas ou de calquera índole contidas neste convenio establécense co carácter de mínimas e calquera outro pacto, cláusula ou situación que se puidese acordar e que implique condicións máis beneficiosas serán respectados e non absorbidos nin compensados mentres se poida acreditar a súa existencia e natureza de acordo coa lei e doutrina.

Artigo 6º.-Comisión de vixilancia.

A comisión paritaria de interpretación deste convenio estará composta pola comisión negociadora deste.

Artigo 7º.-AGA, acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de resolución de conflitos de traballo.

Ante a importancia que poida supor para a resolución dos conflitos laborais a elaboración do AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio acordan someterse durante a súa vixencia ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos en que están formuladas (DOG do 4 de maio de 1995).

CAPÍTULO II Política de emprego e contratación

 
Artigo 8º.-Política de emprego.

A dirección de Gadisven, S.A., de acordo coa representación sindical e atendendo á normativa vixente, comprométese a que os traballadores que nun período de trinta meses estivesen contratados durante un prazo superior a vinte e catro meses, para o mesmo posto de traballo, sexa directamente pola empresa ou a través da súa posta á disposición por empresas de traballo temporal, coas mesmas ou diferentes modalidades contractuais de duración determinada, adquirirán a condición de traballadores fixos.

Artigo 9º.-Provisión de vacantes.

A empresa informará a representación dos traballadores das vacantes que haxa para cubrir e dos requisitos para acceder aos ditos postos.

Artigo 10º.-Contratos de traballo.

Todo empregado recibirá ao inicio da súa relación laboral o seu contrato de traballo por escrito.

Ao finalizar a relación laboral expediráselle a proposta de liquidación e o oportuno certificado de traballo, coa acreditación da formación recibida durante a prestación laboral.

A representación sindical terá o debido coñecemento do contrato a través das copias básicas e da súa finalización a través do documento correspondente.

CAPÍTULO III Clasificación profesional e ascensos

 
Artigo 11º.-Clasificación profesional e ascensos.

a) Clasificación profesional.

O cadro de persoal de Gadisven, S.A., articularase en seis familias profesionais, e en cada unha delas existirá unha carreira asignada en función das categorías laborais existentes hoxe en Gadisven, S.A.:

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

O grupo 1, coordinadores, inclúe todos os encargados de grupo que xestionan directamente grupos de traballo.

O grupo 2, xestores de ruta, inclúe todo o persoal da área comercial que xestiona e mantén máquinas expendedoras.

O grupo 3, xestores comerciais, inclúe todo o persoal da área comercial que se dedica a labores de captación de clientes e seguimentos posvenda.

O grupo 4, técnicos, inclúe todo o persoal da área técnica que leva a cabo a posta en marcha, reparacións e mantendo técnico de todas as máquinas expendedoras, postmix, arrefriadores e vitrinas en xeral, tanto propias como alleas. Tamén estarían incluídos neste grupo os labores do control e xestión da calidade.

O grupo 5, persoal loxístico, recolle todo o persoal que realiza tarefas de loxística operativa.

O grupo 6, persoal administrativo, recolle todos os postos de servizo directo a unha actividade principal, como o secretariado, telefonía e administración.

b) Ascensos.

1. A partir do 1 de xaneiro de 2009 o persoal incluído nos grupos profesionais 2 a 6 non permanecerá máis de 7 anos na mesma categoría, tomando como referencia a data da súa alta na empresa e tendo como límite a categoría de oficial de 2ª.

Os ascensos para o grupo 1 serán sempre de libre designación pola empresa, con base en criterios de antigüidade, formación, habilidades, coñecementos e rendemento.

Os ascensos para as persoas que estean no suposto anterior deberanse verificar todos dentro da vixencia de convenio.

2. O ascenso demorarase nos seguintes casos: sanción laboral ou avaliación do desempeño ou rendemento inferior á media, cando exista este tipo de avaliación.

Por cada falta laboral leve haberá unha demora de 6 meses na conta de ascenso; por cada falta grave, 1 ano; por cada falta moi grave, 2 anos.

A avaliación inferior á media sumará un ano ao prazo.

Os efectos establecidos no parágrafo anterior quedarán sen vigor, por tres anos seguidos sen acaecer ningún feito que produza demora, salvo que, antes de cumprirse o prazo dos 7 anos se incorra novamente nalgún dos supostos de penalización, caso en que non haberá redención posible.

3. O sistema de ascenso previsto nos parágrafos b.1 e b.2 para os grupos profesionais 2 a 6 só estará vixente mentres non haxa unha valoración de todos os postos de Gadisven, caso en que se pasará a realizar os axustes necesarios para que funcións de posto e categoría estean debidamente equiparados.

4. As partes comprométense a que, unha vez realizados os pasos anteriores, o ascenso de categoría rexerase unicamente por parámetros de rendemento, capacitación e desempeño, podendo realizarse en calquera momento ascensos de recoñecemento por parte da dirección, sempre que non se distorsione a estrutura de carreiras e categorías.

5. Traballos de categoría superior.

Cando se realicen traballos de categoría superior á que corresponda, a categoría profesional que tivese recoñecida por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, pode reclamar ante a dirección a clasificación profesional adecuada.

Se se desempeñan funcións de categoría superior, pero non procede legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito á diferenza retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

CAPÍTULO IV Organización

 
Artigo 12º.-Organización do traballo.

As facultades da organización do traballo son de competencia e responsabilidade exclusiva da dirección da empresa.

CAPÍTULO V Réxime económico. Retribución e compensación

 
Artigo 13º.-Estrutura do salario.

Os conceptos salariais que se poden incluír nas nóminas dos empregados de Gadisven, S.A., son os seguintes:

1. Salario base.

2. Complemento de permanencia.

3. Complemento de convenio.

4. Pola calidade e cantidade do traballo: complemento de traballo axustado, incentivos.

5. De carácter extrasalarial: complemento de transporte.

Artigo 14º.-Revisión salarial.

Durante cada un dos anos de vixencia do convenio, os conceptos establecidos na táboa salarial (anexo) como salario base, complemento de permanencia, complemento de convenio e complemento de transporte revisaranse na seguinte porcentaxe: IPC real do ano anterior determinado polo organismo oficial competente, máis as seguintes porcentaxes: ano 2009, un 0,3%; ano 2010, un 0,7% e ano 2011, un 0,7%.

Se nalgún dos anos da vixencia do convenio o resultado da revisión salarial fose inferior a 0%, o incremento será igual a 0%.

Artigo 15º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores afectados por este convenio percibirán tres pagas extraordinarias que se denominarán:

-Paga extra de maio.

-Paga extra de verán.

-Paga extra de Nadal.

Esas pagas percibiranse na primeira quincena de maio, primeira quincena de xullo e primeira quincena de decembro respectivamente. A súa contía será de trinta días de salario base, complemento de permanencia e complemento de convenio.

Artigo 16º.-Complementos.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán dos seguintes complementos:

1. Complemento de convenio, cuxo importe para cada categoría virá recollido na táboa salarial (anexo).

2. Complemento de transporte, co fin de compensar os gastos de traslado ao traballo, na contía que figura na táboa salarial (anexo), descontándose por cada día que se falte ao traballo a cantidade resultante de dividir entre 25 o importe do referido complemento, segundo a categoría correspondente, calquera que sexa a causa, excepto nas vacacións, maternidade, riscos durante o embarazo e supostos de incapacidade temporal.

3. Complemento de permanencia, cuxo importe para cada categoría virá recollido na táboa salarial (anexo).

Artigo 17º.-Incentivo, gardas e traballo axustado.

Incentivos.

Gadisven, S.A., retribúe o seu persoal segundo o sistema vixente na empresa con cantidades fixas consolidadas. O pagamento das ditas cantidades non se verá afectado por vacacións ou licenzas.

Durante a vixencia do convenio, coa finalidade de promover a produtividade na empresa, a dirección comprométese a presentar un sistema de incentivos variables en función de obxectivos, que en todo caso se terá que consensuar coa representación dos traballadores.

Complemento de traballo axustado (gardas).

Traballo axustado: no concepto de traballo axustado recolleranse todos aqueles traballos que polo seu carácter extraordinario se deban aboar nun concepto específico, tales como gardas e traballos especiais.

-Gardas vending:

Fin de semana: cando a empresa o requira estableceranse quendas rotativas de garda que comprenderá a mañá do sábado e a mañá do domingo, a dita garda compensarase coa cantidade de 65 euros pagadoira na nómina do mes seguinte e un día libre que polo xeral coincidirá en luns ou venres da semana seguinte sempre que sexa posible.

Festivos: cando a empresa o requira tamén se establecerán quendas rotativas para cubrir os festivos, a dita garda en festivo será compensada con 65 euros por día traballado, pagadoira na nómina do mes seguinte.

-Gardas técnico:

Semanal: cando a empresa o requira estableceranse quendas rotativas de garda para cubrir semanas completas, as ditas gardas comprenderán a fin de semana e dúas horas diarias o resto da semana. Esa garda semanal será compensada con 165 euros pagadoira na nómina do mes seguinte e un día libre que polo xeral coincidirá en luns ou venres da semana seguinte.

Festivos: cando a empresa o requira, tamén se establecerán quendas rotativas para cubrir os festivos, a dita garda en festivo será compensada con 65 euros por día traballado, pagadoira na nómina do mes seguinte.

Respecto á operativa e quendas das gardas atenderase o regulamento interno, pero, en todo caso, aplicarase coa debida flexibilidade, tendo en conta situacións persoais, permitindo a permuta das quendas entre compañeiros sempre que sexa de libre aceptación.

Horas traballadas fóra de horario de traballo.

Coa finalidade de dar cobertura a aqueles clientes que polas características do negocio as súas necesidades sexan de atención inmediata e baixo criterio da empresa poderanse traballar horas en xornada laboral fóra do horario pactado en convenio colectivo.

Esas horas compensarase por tempo equivalente de descanso dentro dos catro meses seguintes á realización. As mencionadas horas de descanso poderán ser acumulables por xornadas completas de acordo cos criterios organizativos fixados pola dirección.

Artigo 18º.-Bolsa de vacacións.

O persoal con carácter de indefinido na empresa percibirá unha bolsa de vacacións constituída polos seguintes conceptos: salario base, complemento de permanencia e complemento convenio, de acordo co seguinte calendario: meses de xaneiro, febreiro, novembro e decembro 23 días; meses de marzo, abril, maio e outubro 20 días; meses de xuño, xullo, agosto e setembro 15 días. Esta bolsa percibirase na nómina anterior ao desfrute efectivo das vacacións.Se estas se desfrutasen en fraccións, a bolsa percibiríase en proporción a estes períodos.

Artigo 19º.-Axudas de custo, desprazamentos e gastos a xustificar.

Cando o persoal teña que pernoitar fóra da súa localidade percibirá a compensación por gastos realizados segundo a factura presentada.

A axuda de custo concibida como unha axuda para comida será de 12,50 euros diarios e aboarase exclusivamente ao persoal que teña que comer fóra do seu domicilio por razóns de atención ao mercado.

Durante a vixencia deste convenio estudarase a implantación do sistema de ticket que, en todo caso, deberá ser consensuado coa representación dos traballadores.

Os quilómetros para desprazamento en coche a centros de traballo distinto do habitual pagaranse a 0,27 euros/km. Coa finalidade de ser eficientes en custos, a empresa realizará os axustes oportunos para reducir os desprazamentos ao mínimo indispensable organizando debidamente o traballo.

CAPÍTULO VI Xornada, vacacións e licenzas

 
Artigo 20º.-Xornada anual.

A xornada anual máxima durante a vixencia deste convenio será o resultado de restarlle ao calendario ordinario as vacacións e o día de libre disposición.

Os días 24 e 31 de decembro organizarase o traballo coa debida antelación para que a xornada poida finalizar ás 13.30 horas.

Artigo 21º.-Vacacións.

Establécense 23 días laborables de vacacións para todo o persoal.

Os calendarios de vacacións serán rotativos e os distintos calendarios non deberán afectar a organización do traballo.

Cada departamento atenderá ao sistema propio de rotación que actualmente está en vigor na empresa, pero en todo caso terase en conta que o desfrute se debería dividir en dous períodos como máximo, e en canto á rotación, se non houbese acordo, esta iniciarase por sorteo.

Os calendarios de vacacións de cada ano dos distintos departamentos deberán estar establecidos e entregados á dirección antes da finalización do mes de xaneiro.

Artigo 22º.-Desenvolvemento da xornada de traballo.

O cadro de horarios será o seguinte:

-Técnicos:

Xornada partida.

De 8.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00.

-Xestores de vending:

De 8.00 a tarefa.

-Loxística:

Xornada partida.

De 8.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00.

-Xestores de alcohol: de 9.00 a tarefa.

-Xestores de auga: de 8.00 a tarefa.

-Administración:

Quendas rotativas de:

De 8.00 a 16.00.

De 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00.

-Call center:

De 8.00 a 16.00.

De 16.00 a 19.00.

-Departamento de calidade:

De 8.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00.

Artigo 23º.-Licenzas.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación, poderanse ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Cinco días naturais en caso de nacemento de fillo, adopción ou acollemento.

c) Tres días laborables en caso de falecemento, accidente ou enfermidade grave que requiran hospitalización, de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador teña que realizar un desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia a licenza será de 4 días laborables; se o desprazamento se tivese que realizar fóra de España a licenza sería de 5 días laborables.

d) Dous días por traslado de domicilio habitual.

e) Un día por asuntos propios sen necesidade de xustificación.

f) O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter sindical ou público sempre que medie a convocatoria oportuna e previa e subseguinte xustificación da utilización do permiso. O aviso previo será con 48 horas de antelación sempre que causas de urxencia ou forza maior non o impedisen.

Artigo 24º.-Lactación.

As traballadoras e traballadores de Gadisven, S.A., por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo ao día, que poderán dividir en dúas fraccións ou acumular ese descanso semanal ou mensualmente.

Como mellora, a lactación poderase estender ata cando o ou a menor cumpra 1 ano se o descanso se acumula.

Para poder desfrutar o permiso de lactación haberá que ter en conta as seguintes circunstancias:

1. O permiso de lactación non pode ser desfrutado cando a muller non realice unha prestación de servizos por conta allea.

2. O permiso de lactación non pode ser desfrutado cando coincida coa suspensión do contrato por maternidade do cónxuxe.

Artigo 25º.-Excedencias.

O persoal que leve un ano ao servizo da empresa ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria, por un prazo non inferior a seis meses nin maior a cinco anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo persoal se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

O persoal en excedencia conservará só un dereito preferente ao reingreso das vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa, salvo que a excedencia fose por un prazo máximo de 12 meses, caso en que se producirá o reingreso automático ao finalizar a excedencia.

O persoal estará obrigado a solicitar o seu reingreso na empresa trinta días antes de finalizar a súa excedencia.

A excedencia forzosa que dará dereito á conservación do posto de traballo e ao cómputo da permanencia na empresa durante a súa vixencia concederase polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable pola designación ou elección para un cargo público que lle imposibilite a asistencia ao traballo. O mesmo tratamento se dará ao traballador excedente que teña cargo provincial ou similar como secretario do sindicato respectivo.

Excedencia por maternidade: o persoal terá dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para o coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción ou nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo, contado desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Excedencia por coidado de familiar: tamén se terá dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender o coidado dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou incapacidade non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída. O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos do cómputo de permanencia na empresa, e o traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional a cuxa participación deberá ser chamado pola empresa especialmente con ocasión da súa reincorporación.

Durante os períodos de excedencia por maternidade e familiar, o traballador/a terá dereito á reserva do seu posto de traballo.

Excedencia por estudos: as persoas que desexen realizar estudos universitarios, de grao, de máster, posgrao ou FP, incluídos no catálogo de colocacións vixente de Gadisven, terán dereito polo tempo de duración do ciclo educativo, cunha posibilidade de extensión de ata un 20% máis de tempo, e reservaráselle o posto nos termos xerais das excedencias.

Artigo 26º.-Xustificantes.

Todos aqueles traballadores que se ausenten do traballo deberán presentar o correspondente xustificante médico (en caso de enfermidade) ou oficial, so pena de posibles sancións laborais.

Cando a ausencia por enfermidade sexa de máis dun día, exixírase obrigatoriamente a baixa médica ou xustificante facultativo desde o primeiro día.

CAPÍTULO VII Acción social

 
Artigo 27º.-Incapacidade temporal.

Nos casos de incapacidade temporal, as prestacións económicas tanto nos supostos de enfermidade profesional e accidente laboral, como de enfermidade común ou accidente non laboral serán de ata o 100% dos conceptos salariais fixos incluídos no anexo desde o primeiro día.

Artigo 28º.-Póliza e seguros.

A empresa subscribirá unha póliza de accidentes de morte ou invalidez por un importe de 12.020,24 euros para todo o persoal.

Artigo 29º.-Axuda escolar e por fillo discapacitado.

Establécese unha axuda escolar, de 110 euros anuais, por fillo nas etapas de educación infantil, primaria, ESO e bacharelato logo da xustificación documental do centro.

Establécese unha axuda especial para pais de fillos con algunha minusvalidez psíquica ou física cun grao igual ou superior ao 65% de acordo coa cualificación da Seguridade Social (ou organismo competente) consistente en 150 euros ao mes por cada fillo en tales condicións.

Para percibir estas axudas será necesario ter un ano de permanencia na empresa.

Artigo 30º.-Outras axudas.

a) Por contraer matrimonio: 120 euros.

b) Por nacemento de fillos: 110 euros.

Para percibir estas axudas será necesario ter un ano de permanencia na empresa.

Artigo 31º.-Roupa de traballo.

A roupa será a adecuada para as condicións de traballo, territorio e meteoroloxía.

Todo o relacionado coa roupa de traballo derivará ao Departamento de Seguridade e Saúde.

Artigo 32º.-Seguridade para o posto de traballo.

A empresa estudará o traslado de posto, sempre que sexa posible e as circunstancias o permitan, do persoal afectado por unha incapacidade permanente en grao de total, de acordo coa cualificación da Seguridade Social, e presente reducións anatómicas ou funcionais graves previsiblemente definitivas que lle impidan o desenvolvemento das tarefas inherentes ao deu posto de traballo.

Artigo 33º.-Seguridade e saúde.

O persoal e a dirección de Gadisven, S.A., recoñecen a grande importancia e atención preferente que teñen a seguridade e a saúde no traballo, e lembran que debe ter primacía na actuación cotiá para a protección do traballador contra os riscos que poden derivar do traballo e o fomento no espírito de seguridade.

Será competencia do Comité de Seguridade e Saúde a vixilancia e control das condicións de seguridade e saúde, así como a tramitación ou proposta de notificacións das condicións de traballo e a tramitación de expedientes.

Así mesmo, correspóndelles aos traballadores, conforme a súa formación e seguindo as instrucións da empresa:

a) Utilizar e coidar correctamente os equipamentos de protección individual.

b) Colocar o equipamento de protección individual no lugar adecuado para isto.

c) Informar de inmediato o seu superior xerárquico de calquera defecto, anomalía ou dano apreciado no equipamento de protección individual utilizado que, ao seu xuízo, poida supoñer unha perda da súa eficacia protectora.

O incumprimento polos traballadores das obrigas sinaladas na epígrafe anterior considérase incumprimento laboral que pode ser sancionado pola dirección da empresa conforme a normativa legal.

Artigo 34º.-Xubilación parcial e ordinaria.

Admitiranse anualmente e por rigorosa orde de recepción as solicitudes de xubilación parcial que fagan os traballadores que así o desexen, nos termos que o formulen de conformidade coa lexislación vixente.

A solicitude poderase presentar ata con 12 meses de antelación á data pretendida. A dirección da empresa terá a facultade de aprazar a xubilación por un prazo de ata 12 meses desde a petición por razóns organizativas, mentres busca substituto para a provisión da vacante.

CAPÍTULO VIII Representación dos traballadores

 
Artigo 35º.-Comités de empresa ou delegados de persoal.

Terá como competencias:

1. Dereito á negociación colectiva.

2. Recibir información que lle será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a evolución xeral do sector económico a que pertenza a empresa, vendas da entidade e a evolución probable do emprego na empresa.

3. Emitir, con antelación suficiente, informe sobre os plans de formación profesional da empresa, proceso de fusión-absorción e modificación do seu estatus xurídico, en canto supoña incidencia que afecte o volume de emprego.

4. Emitir informe con carácter previo sobre:

a) Reestruturación do cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais daquela.

b) Reducións de xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

c) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo.

d) Estudo de establecemento de sistemas de incentivos e valoración dos postos de traballo.

e) Coñecer os modelos de contrato escritos, que se utilicen na empresa, así como os documentos relativos á terminación da relación laboral.

f) Ser informado de todas as sancións impostas por faltas moi graves, en especial en supostos de despedimentos.

g) Dereito a ser oído con carácter previo a toda decisión de sancións graves ou despedimentos.

h) Ser informado no referente ás estatísticas sobre o índice de absentismo laboral e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistralidade, o movemento de ingresos, cesamentos, ascensos e probas de selección.

5. Exercer un labor:

a) De vixilancia, no cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de seguridade social, así como o respecto dos pactos, condicións e/ou usos de empresas en vigor, formulando, de ser o caso, as accións legais oportunas ante os empresarios, os organismos ou os tribunais competentes. Así mesmo, inclúese a capacidade de informar sobre calquera anomalía nos dereitos contractuais do traballador.

b) De vixilancia das condicións de seguridade e saúde no desenvolvemento do traballo da empresa.

c) De participar, como se determina por convenio colectivo, na xestión de obras sociais establecidas na empresa ou sector, en beneficio dos traballadores e as súas familias.

d) De colaborar coa dirección para conseguir o establecemento de canto procure o mantemento da empresa, sempre que se pactasen sistemas ou medidas tendentes a conseguilo.

6. Recoñeceráselle ao comité de empresa capacidade procesual como órgano colexiado para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ao ámbito da súa competencia.

7. Os membros do comité de empresa, e este no seu conxunto, observaran o sixilo profesional, de acordo co que establecen as leis, aínda despois de deixar de pertencer a este comité, e en especial en todas aquelas materias sobre as que a dirección e o comité, sinalen o seu carácter de reservado.

8. Dereito a convocar e presidir asembleas, sendo responsable do seu normal desenvolvemento. Para tal efecto:

a) Terán a obriga de comunicar á dirección da empresa a convocatoria e os nomes das persoas non pertencentes a ela que vaian asistir, sendo necesario o consentimento previo desta, sempre e cando teñan lugar nos seus locais, para permitir o acceso ás ditas persoas.

b) Cando por traballar a quendas, por insuficiencia de local ou por calquera outra circunstancia, non se poida reunir simultaneamente todo o cadro de persoal, as diversas reunións parciais que se teñan que levar a cabo consideraranse como unha soa e dataranse no día da primeira.

c) O lugar da reunión será o centro de traballo, se as condicións deste o permiten, disporán unha hora ao mes dentro da xornada.

d) A dirección non se poderá opoñer á realización dunha asemblea cando esta teña como exclusivo obxecto someter os traballadores:

1º A declaración ou a finalización dunha folga.

2º A aprobación da totalidade do convenio.

3º En caso de dimisión ou elección dos representantes sindicais.

A dirección poderase opoñer:

1º Se transcorrese menos dun mes desde a última reunión.

2º Se aínda non se resarcise ou afianzase o pagamento dos danos persoais ou materiais producidos, por alteracións ocorridas nalgunha asemblea anterior.

A convocatoria, con exposición da orde do día proposta polos convocantes, comunicaráselle á empresa con 48 horas de antelación, como mínimo, e esta deberá xustificar a recepción da notificación.

9. Os membros do comité de empresa disporán dun crédito de horas retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, de acordo coa seguinte escala.

-Ata 100 traballadores: 15.

-De 101 a 250 traballadores: 20.

-De 251 a 500 traballadores: 30.

As horas serán acumulables entre os diferentes membros do comité de empresa e delegados sindicais, dentro de cada mes.

10. Garantías:

Prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo, respecto aos demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción, por causas tecnolóxicas ou económicas.

Non ser despedido nin sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, salvo que esta se produza por revogación ou dimisión, sempre que o despedimento ou sanción se basee na acción do traballador no exercicio da súa representación, sen prexuízo, polo tanto, do establecido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de existir sanción ou despedimento por faltas graves ou moi graves, alleas á súa función como membro de comité de empresa, ou delegado do sindicato a que pertenza no suposto de que estivera recoñecido como tal na empresa e cando os tribunais declaren a nulidade ou improcedencia do despedimento, será obrigatoria a readmisión do traballador, sen posibilidade de indemnización substitutoria agás acordo das partes.

Artigo 36º.-Seccións sindicais.

Cada central ou sindicato poderá designar respectivamente un delegado entre os traballadores da empresa, sempre que o número dos seus afiliados supere o 10% do total do cadro de persoal.

Seranlle recoñecidas as mesmas garantías que as dos representantes elixidos polos traballadores.

Serán funcións das seccións sindicais:

a) Representar e defender os intereses do sindicato que representan e dos seus afiliados na empresa.

b) Servir de instrumento de comunicación entre a súa central sindical e a empresa, con talante positivo.

c) Coa comunicación previa e a aceptación por parte da empresa poderán:

-Difundir publicacións e avisos, de carácter sindical.

-Fixar comunicacións e anuncios de carácter sindical ou laboral, nos taboleiros de anuncios que para tal afecto existan na empresa.

-Reunirse nos locais da empresa, fóra das horas de traballo.

d) Propor candidatos ás eleccións para cubrir postos do comité de empresa.

e) Serán, así mesmo, informados e oídos pola empresa con carácter previo:

-Acerca dos despedimentos e sancións que afecten os afiliados ao sindicato.

-En materia de reestruturación do cadro de persoal, regulacións de emprego, traslado de traballadores e, sobre todo, proxecto ou acción empresarial, que poida afectar substancialmente os intereses dos traballadores.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI