Convenio Colectivo de Empresa de LOUZAN, S.L. (CENTROS DE O PORRIÑO, ARTEIXO E NARON) de Galicia
Convenios
Convenio Colectivo de Emp...de Galicia

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de LOUZAN, S.L. (CENTROS DE O PORRIÑO, ARTEIXO E NARON) de Galicia

Empresa Autonómico. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2014 en adelante

Tiempo de lectura: 33 min

Documento oficial en PDF(Páginas 158-179)

RESOLUCION do 19 de febreiro de 2015, da Direccion Xeral de Traballo e Economia Social, pola que se dispon a inscricion no rexistro e a publicacion, no Diario Oficial de Galicia, do I Convenio colectivo da empresa Louzan, S.L. para os centros de Fabrica (O Porriño), do Poligono da Granxa (O Porriño), de Arteixo (A Coruña) e de Naron (A Coruña). (Diario Oficial de Galicia num. 50 de 13/03/2015)

Esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2015

Carmen Bouso Montero

Directora xeral de Traballo e Economía Social

I Convenio colectivo da empresa Louzán, S.L.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este convenio regula as relacións entre a empresa Louzán, S.L. -cuxa actividade é o recauchutado ou renovado de pneumáticos, o seu comercio, aplicación e transporte, a recollida e reciclaxe de pneumáticos usados, a fabricación, venda ou alugamento de artigos e/ou servizos de automoción, e os servizos de mantemento e reparación de todo tipo de vehículos- e os traballadores incluídos no seu ámbito persoal, así como aqueles que entren ao servizo desta durante a súa vixencia.

Artigo 2. Ámbito persoal

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal ocupado pola empresa, con excepción unicamente daquelas persoas a que alude o artigo 2 do vixente Estatuto dos traballadores. Naqueles centros en que non exista representación dos traballadores, estes quedarán adheridos polo acordado polos representantes dos centros da provincia máis limítrofe que teña representación.

Artigo 3. Ámbito temporal e denuncia

Este convenio entrará en vigor, para todos os efectos, o día 1 de xaneiro de 2014 e a súa duración será ata o 31 de decembro de 2016.

Este convenio entenderase tacitamente prorrogado por períodos anuais, mentres non sexa denunciado por calquera das partes, mediante comunicación fidedigna ao resto de organizacións asinantes, dentro dos tres (3) últimos meses do ano do seu vencemento.

As partes asinantes comprométense a iniciar a negociación do novo convenio unha vez formulada a denuncia, aínda cando non tivese esgotada a súa vixencia temporal. Durante as negociacións manterase a vixencia do presente convenio nos termos establecidos no artigo 86.3 do Estatuto dos traballadores.

Transcorridos doce (12) meses desde a súa denuncia sen que se acordase un novo que o substitúa, o presente convenio perderá a súa vixencia nos termos establecidos na lexislación vixente.

Artigo 4. Compensación e absorción

As retribucións establecidas no convenio compensarán ou absorberán todas as existentes no momento en que entre en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe destas.

Así mesmo, respectaranse todos os dereitos adquiridos pactados individual ou colectivamente.

En todo caso, as melloras resultantes deste convenio serán absorbibles e compensables con aquelas que se puidesen establecer por disposición legal, e aplicarase, en todo momento, a norma máis favorable para o traballador.

Artigo 5. Garantías persoais

Respectaranse as situacións persoais que, con carácter de cómputo anual, excedan estas normas estritamente ad personam.

Artigo 6. Comisión Mixta Paritaria

Ambas as dúas partes negociadoras acordan establecer unha Comisión Mixta como órgano de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do cumprimento do convenio.

A Comisión Mixta estará integrada por dous membros en representación da empresa e por dous membros elixidos entre os representantes dos traballadores.

A Comisión poderá entender, entre outras, das seguintes cuestións:

Interpretación do convenio colectivo.

Vixilancia do cumprimento do pactado.

Adecuación do texto do convenio ás disposicións legais de dereito necesario que se puidesen establecer durante a súa vixencia.

As que lle sexan asignadas no presente convenio colectivo.

A Comisión Mixta reunirase por petición dunha das partes integrantes, a cal llo comunicará á outra parte. A reunión terá lugar no prazo máximo de quince (15) días desde a data en que se solicite.

Os asuntos sometidos á Comisión Mixta deberán ser resoltos no prazo máximo de cinco (5) días laborables desde que teña lugar a reunión.

No suposto de que os acordos adoptados pola Comisión Mixta contradigan ou afecten substancialmente algunha disposición do convenio, deberán ser aprobados, para a súa validez, por maioría simple dos traballadores reunidos en asemblea e someterse ao control de legalidade establecido no artigo 90 do Estatuto dos traballadores.

As funcións e actividades da Comisión Mixta Paritaria non obstruirán, en ningún caso, o libre acceso á xurisdición previsto na lei.

CAPÍTULO II

Condicións de traballo

Artigo 7. Xornada de traballo

A xornada de traballo ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo en cómputo anual. De conformidade co traballador, poderase establecer mediante pacto individual entre a empresa e o traballador tanto a posible distribución irregular da xornada como a posible consideración dunha xornada diaria de traballo efectivo de ata 10 horas diarias, con respecto do descanso mínimo entre xornadas marcado pola lei e sen que en ningún caso o número de horas ordinarias de traballo efectivo resulte superior a 48 horas á semana.

A distribución da xornada de traballo establecerase no calendario laboral anual de cada centro de traballo.

Naqueles centros onde se estableza realizar xornadas de traballo en sábados, os traballadores destes centros recibirán un complemento mensual de 25 euros por cada sábado traballado.

Artigo 8. Gardas localizadas

É un sistema que permite que determinados traballadores da empresa estean localizables durante os seus períodos de descanso, fóra do seu horario habitual de traballo, para atender un servizo de asistencia 24 horas aos clientes que o demanden.

Afecta todos aqueles empregados que fosen designados pola empresa para realizar este tipo de traballos por razón do desenvolvemento das súas funcións e actividades.

Os traballadores incluídos neste sistema deben estar localizables os días que teñan asignada unha garda, para tal efecto. A empresa proporcionará un teléfono móbil por centro adscrito ao sistema de gardas. O traballador de garda estará en posesión do teléfono durante o período que dure a garda. Os teléfonos de garda estarán liberados para que, en caso necesario e para os efectos de resolver unha incidencia, o traballador poida realizar chamadas, sempre que estas estean relacionadas co servizo de asistencia.

As gardas localizadas teñen unha semana de duración, comezan o luns ás 20.00 horas e finalizan o luns seguinte ás 8.00 horas.

Os horarios das gardas localizadas son os seguintes:

- De luns a venres, das 20.00 ás 8.00 horas do día seguinte.

- Os sábados, das 14.00 ás 23.59 horas.

- Os domingos e festivos (incluídos os festivos locais do centro), das 00.00 ás 23.59 horas.

A realización de gardas localizadas non supón, de conformidade coa lexislación vixente e a xurisprudencia, tempo de traballo efectivo e, polo tanto, non implica un aumento da xornada diaria. Unicamente no caso de intervención se considerará traballo efectivo e se compensará economicamente, segundo se establece nas regras seguintes:

- 30 € fixos por semana de garda.

- 100 € fixos por asistencia (dun máximo de 3 horas e 35 minutos).

- Saídas superiores ás 3 horas e 35 minutos: aboarase a 18,50 € a hora ou parte proporcional.

Artigo 9. Calendario laboral

O calendario laboral será elaborado de común acordo entre a empresa e a representación dos traballadores, e será exposto en lugar visible en cada un dos centros de traballo para coñecemento de todos os traballadores.

Artigo 10. Vacacións

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal afectado polo presente convenio será de trinta (30) días naturais, quince (15) días naturais no primeiro semestre do ano e os quince (15) restantes no segundo semestre. A empresa, por razóns de actividade, poderá excluír catro (4) semanas concretas do ano, que non poderán ser elixidas polo persoal como período vacacional.

Artigo 11. Licenzas

O traballador, avisando coa posible antelación, poderá faltar ao traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a seguir se expón:

Duración máxima

Xustificante

Matrimonio do traballador

15 días naturais

Libro de familia ou certificado do xulgado

Nacemento de fillo

2 días naturais e 4 en caso de desprazamento(1)

Libro de familia ou certificado do xulgado

Enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade

2 días naturais e 4 en caso de desprazamento(1)

Certificado ou documento que acredite a gravidade e o parentesco

Falecemento de parentes ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade

2 días naturais e 4 en caso de desprazamento(1)

Certificado ou documento que acredite o falecemento e o parentesco

Matrimonio de fillos, pais ou irmáns

1 día natural, 2 en caso de desprazamento(1)

Certificado ou documento que acredite o evento e o parentesco

Traslado de enxoval e domicilio

1 día natural

Certificado de empadroamento

Consulta médica nos servizos públicos de saúde(2)

Máximo 4 horas por consulta

Certificado médico

Deberes inescusables de carácter público:

- Eleccións

- Asistencia a xuízos

O tempo necesario

Certificado da mesa

Citación e certificado de asistencia con especificación do tempo

Exames (de conducir, escola de idiomas, outras titulacións oficiais)

Tempo necesario coincidente con horario de traballo

Certificado de asistencia

1. Considérase desprazamento máis de 200 km de distancia entre o domicilio e o lugar de destino.

2. As visitas a consultorios médicos privados non son retribuíbles.

3. No non previsto neste anexo observarase o disposto na lexislación vixente.

Para os efectos do desfrute da licenza por hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Soamente se entenderá por hospitalización a estadía en centro hospitalario, con parte de ingreso, durante 24 horas ou máis.

2. A asistencia ou estadía dun parente en urxencias non supón a súa hospitalización, salvo que esta sexa superior a 24 horas e, por iso, soamente neste último caso se xera o dereito á licenza por hospitalización, recollida no punto 3 deste artigo.

3. Para o desfrute da licenza será requisito indispensable entregar o correspondente parte de ingreso en centro hospitalario do parente do traballador que xustifique a súa estadía nas súas dependencias.

4. Os supostos de hospitalización refírense a cada unha das hospitalizacións do familiar afectado, sen diferenza segundo as causas que a orixinan, sexan unha mesma ou distintas.

En todos os supostos de licenzas recollidos no presente artigo o inicio do desfrute da licenza debe coincidir co inicio do feito causante, salvo nos casos de hospitalización, nos cales a licenza poderá ser gozada posteriormente, pero sempre e cando nese momento persista o feito causante, é dicir, a hospitalización do parente ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade; neste último caso poderá gozarse, á elección do traballador, en días sucesivos ou non e sempre que medie o suficiente aviso previo.

Artigo 12. Traslados

Os traslados de persoal que impliquen cambio de domicilio familiar para o afectado poderán efectuarse por solicitude do interesado, por acordo entre a empresa e o traballador, por necesidades do servizo:

1. Cando o traslado se efectúe por solicitude do interesado, logo de aceptación da empresa, este carecerá de dereito a indemnización polos gastos que orixine o cambio.

2. Cando o traslado se realice por mutuo acordo entre a empresa e o traballador observaranse as condicións pactadas por escrito entre ambas as dúas partes.

3. Cando o traslado se realice por decisión unilateral da empresa, esta deberá comunicarllo con tres meses de antelación ao traballador afectado, salvo casos de forza maior. En todo caso, o trasladado percibirá, logo de xustificación, o importe dos seguintes gastos: locomoción do interesado e dos familiares que convivan con el, os de transporte de mobiliario, roupa e enxoval, e unha indemnización en metálico igual a dous meses de salario.

Notificada a decisión do traslado, se o traballador optase pola rescisión do contrato, observarase o disposto na lexislación vixente.

Sen prexuízo da executividade do traslado, o traballador que sen optar pola extinción do seu contrato se mostre desconforme coa decisión empresarial poderá impugnala ante a xurisdición competente.

Artigo 13. Traslado do centro de traballo

No suposto de que a empresa pretenda trasladar o centro a outra localidade, e sen prexuízo das disposicións vixentes nesta materia, virá obrigada a comunicarllo ao persoal con tres (3) meses de antelación, salvo casos de forza maior. Se o traslado obriga o traballador a un cambio de domicilio aplicaranse as regras do artigo 15.

CAPÍTULO III

Contratación

Artigo 14. Período de proba

O ingreso dos traballadores considerarase feito a título de proba, cuxo período será variable segundo a índole dos postos que haxa que cubrir e que en ningún caso poderá exceder o tempo fixado na seguinte escala:

- Grupos profesionais 8 e 7: seis (6) meses.

- Grupos profesionais 6 e 5: catro (4) meses.

- Grupos profesionais 4 e 3: tres (3) meses.

- Grupo profesional 2: dous (2) meses.

- Grupo profesional 1: un (1) mes.

Só se entenderá que o traballador está suxeito ao período de proba se así consta por escrito. Durante o período de proba, a empresa e o traballador poderán resolver libremente o contrato sen prazo de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización.

Non poderá realizarse un novo período de proba cando o traballador desempeñe as mesmas funcións con anterioridade na empresa baixo calquera modalidade de contratación.

Artigo 15. Contratación temporal

- Contrato eventual por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos. Os contratos de duración determinada por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderán ter unha duración máxima de doce (12) meses nun período de dezaoito (18) contados a partir do momento en que se produzan estas causas.

- Contratos de interinidade. Nos contratos de interinidade indicarase expresamente o traballador/a, postos de traballo e circunstancias que son obxecto de interinidade.

- Contratos de obra ou servizo. Estes contratos poderán cubrir todas aquelas tarefas ou traballos suficientemente diferenciados polo volume adicional de traballo que representan que, limitados no tempo e cuxa duración se poida prever, estean directa ou colateralmente relacionados co proceso produtivo da empresa. Os ditos contratos non poderán ter unha duración superior aos tres anos. Os que excedan este prazo converteranse en contratos de duración indefinida.

- Contrato para a formación e a aprendizaxe. As actividades para as cales se establecen contratos en formación e aprendizaxe serán as incluídas nos grupos profesionais 1 e 2 do convenio. A retribución garantida dos traballadores contratados en formación será o 80, 90 e 95 por 100 do SMG (salario mínimo garantido) do grupo profesional previsto no convenio colectivo e no cal se desenvolva a actividade durante, respectivamente, o primeiro, segundo e terceiro ano de vixencia do contrato.

Os contratos para a formación e a aprendizaxe poderán prorrogarse mediante acordo das partes ata por dúas veces, sen que a duración de cada prórroga poida ser inferior a seis (6) meses e sen que a duración total do contrato poida exceder a duración máxima prevista na lexislación vixente.

- Contratos de traballo en prácticas. Entenderanse referidos a esta modalidade contractual os destinados a concertar con quen estivese en posesión dun título universitario ou de formación de grao medio ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, todo iso na forma prevista no artigo 11.1 do Estatuto dos traballadores.

As actividades para as cales se establecen contratos en prácticas serán as incluídas nos grupos profesionais 3, 4, 5, 6 e 7 do convenio.

A retribución garantida dos traballadores contratados en prácticas será o 60 ou 75 por 100 do SMG do grupo profesional en que realice a prestación da súa relación laboral durante, respectivamente, o primeiro e segundo ano de vixencia do contrato.

- Réxime común dos contratos de duración determinada. Os contratos de duración determinada que teñan establecido prazo máximo de duración concertados por unha duración inferior á máxima legalmente establecida, incluídos os contratos formativos, entenderanse prorrogados tacitamente ata a correspondente duración máxima cando non mediase denuncia ou prórroga expresa antes do seu vencemento e o traballador continúe prestando servizos.

Sempre que o contrato teña unha duración superior a un ano, a parte que formule a denuncia está obrigada a notificarlle á outra a terminación do contrato cunha antelación mínima de quince (15) días, agás no contrato de interinidade, en que se observará o pactado.

O incumprimento do prazo de aviso previo mencionado anteriormente por parte da empresa dará lugar a unha indemnización equivalente ao salario correspondente aos días en que o dito prazo se incumprise. Se o incumprimento é por parte do traballador, dará dereito á empresa a descontar da liquidación deste o importe do salario dun día por cada día de atraso no aviso previo.

Artigo 16. Contratos a tempo parcial

O contrato de traballo entenderase celebrado a tempo parcial cando se acorde a prestación de servizos durante un número de horas ao día, á semana, ao mes ou ao ano inferior á xornada de traballo dun traballador a tempo completo comparable.

Por acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores poderá ampliarse o número de horas complementarias previsto para esta modalidade contractual ata un 50 % das horas ordinarias obxecto do contrato. En todo caso, a suma das horas ordinarias e as complementarias deberá ser inferior á xornada máxima que rexa na empresa.

Artigo 17. Contratos de remuda

Naquelas circunstancias que posibiliten o contrato de remuda, poderá procederse á realización deste sempre que exista mutuo acordo entre empresa e traballador.

Mediante mutuo acordo entre empresa e traballador xubilado poderá pactarse a acumulación do tempo de traballo deste último nunha determinada época do ano.

Artigo 18. Cesamentos voluntarios

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servizo da empresa, con excepción daqueles que se encontren en período de proba, virán obrigados a poñelo en coñecemento desta, e cumprirán os seguintes prazos de aviso previo:

- Grupos profesionais 7 e 8: tres (3) meses.

- Grupos profesionais 4, 5 e 6: dous (2) meses.

- Grupos profesionais 2 e 3: un (1) mes.

- Grupo profesional 1: quince (15) días.

O incumprimento por parte dos traballadores da obriga de avisar previamente coa indicada antelación dará dereito á empresa a descontar da súa liquidación o importe do salario dun día por cada día de atraso no aviso previo.

CAPÍTULO IV

Organización do traballo e clasificación profesional

Artigo 19. Organización do traballo

A organización do traballo é facultade e responsabilidade da Dirección da empresa.

Artigo 20. Clasificación funcional

Os traballadores afectados polo presente convenio, en atención ás funcións que desenvolvan e de acordo coas definicións que se especifican a seguir, serán clasificados obrigatoriamente nos seguintes grupos profesionais:

- Grupo profesional 8.

Criterios xerais. Os traballadores pertencentes a este grupo teñen a responsabilidade directa na xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa ou realizan tarefas técnicas da máis alta complexidade e cualificación. Toman decisións ou participan na súa elaboración, así como na definición de obxectivos concretos. Desempeñan as súas funcións cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Formación. Titulación universitaria de grao superior ou coñecementos equivalentes equiparados pola empresa e/ou con experiencia consolidada no exercicio do seu sector profesional.

Correspóndense, normalmente, co persoal encadrado no número 1 do baremo de bases de cotización á Seguridade Social.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Director comercial.

' Director de loxística.

' Director de produción.

' Director financeiro.

' Director de recursos humanos.

- Grupo profesional 7.

Criterios xerais. Son traballadores que, cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade, realizan tarefas técnicas complexas, con obxectivos globais definidos, ou que teñen un alto contido intelectual ou de interrelación humana. Tamén aqueles responsables directos da integración, coordinación e supervisión de funcións, realizadas por un conxunto de colaboradores nunha mesma área funcional.

Formación. Titulación universitaria de grao medio ou coñecementos equivalentes equiparados pola empresa, completados cunha experiencia dilatada no seu sector profesional.

Normalmente comprenderán as categorías encadradas no número 2 do baremo das bases de cotización á Seguridade Social e, eventualmente, o número 1 de cara a cubrir os titulados superiores de entrada.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Xefe de vendas.

' Xefe de administración.

' Supervisor de talleres.

- Grupo profesional 6.

Criterios xerais. Son aqueles traballadores que, con responsabilidade de mando, realizan tarefas cun contido alto de actividade intelectual e de interrelación humana, nun marco de instrucións precisas de alta complexidade técnica, con autonomía dentro do proceso. Realizan funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas non homoxéneas, realizadas por un conxunto de colaboradores nunha unidade produtiva con organización específica.

Formación. Bacharelato, BUP, titulación de grao superior e con experiencia dilatada no posto de traballo.

Normalmente comprenderá as categorías encadradas no baremo número 3 das bases de cotización á Seguridade Social.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Responsables de centros de traballo (xefes de taller, encargado de produción), cun cadro de persoal mínimo de 4 persoas.

' Comerciais de venda e comercialización de produtos e servizos, cun coñecemento técnico altamente cualificado.

- Grupo profesional 5.

Criterios xerais. Son aqueles traballadores que, con responsabilidade de mando, realizan tarefas cun contido medio de actividade intelectual e de interrelación humana, nun marco de instrucións precisas de complexidade técnica media, con autonomía dentro do proceso. Realizan funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas, realizadas por un conxunto de colaboradores nunha unidade produtiva con organización específica.

Formación. Bacharelato, BUP ou equivalente ou técnico de grao superior complementada con formación no posto de traballo ou coñecementos adquiridos no desempeño da profesión.

Normalmente comprenderán as categorías encadradas nos baremos números 4 e 5 das bases de cotización á Seguridade Social.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Responsables de centros de traballo cun cadro de persoal máximo de 3 persoas.

' Comerciais de venda e comercialización de produtos e servizos, cuxo traballo se desenvolve fóra do centro de traballo visitando os clientes nas súas instalacións.

- Grupo profesional 4.

Criterios xerais. Aqueles traballadores que realizan traballos de execución autónoma que exixan habitualmente iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando baixo supervisión a responsabilidade destas.

Formación. Bacharelato, BUP ou equivalente ou técnico especialista de grao superior ou medio, complementada con formación no posto de traballo ou coñecementos adquiridos no desempeño da profesión.

Normalmente comprenderá as categorías encadradas nos baremos números 5 e 8 das bases de cotización á Seguridade Social.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Informático.

' Controller.

' Encargado de almacén.

- Grupo profesional 3.

Criterios xerais. Tarefas que se executan baixo dependencia de mandos ou de profesionais de maior cualificación dentro do esquema da empresa que requiren estar en posesión de certos coñecementos profesionais especializados.

Persoal con cualificación suficiente dentro da profesión, capaz de realizar as tarefas básicas do oficio que requiren un mínimo de supervisión.

Formación. Formación profesional de grao medio ou con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión.

Normalmente comprenderá as categorías encadradas no baremo do número 8 das bases de cotización á Seguridade Social.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Técnicos montadores de taller con coñecementos na montaxe de pneumáticos de camión e/ou turismos que teñen coñecementos de mecánica e/ou saben manexar un coche taller.

' Persoal de oficina que desenvolve tarefas administrativas e/ou comerciais mediante o uso de aplicacións informáticas.

' Mozo de almacén que realiza as tarefas de recepción, ordenación, distribución de mercadorías e xéneros e sabe traballar con aplicacións informáticas.

- Grupo profesional 2.

Criterios xerais. Persoal con cualificación suficiente dentro da profesión, capaz de realizar as tarefas básicas do oficio que requiren un mínimo de supervisión.

Formación. Ensino secundario obrigatorio ou graduado escolar.

Comprenderá as categorías encadradas no baremo 8 das bases de cotización á Seguridade Social.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Técnicos montadores de taller de pneumáticos de turismo e/ou camión que ou non dispoñen de coñecementos básicos de mecánica ou non realizan asistencias en estrada.

' Engraxador de vehículos industriais.

- Grupo profesional 1.

Criterios xerais. Estarán incluídos aqueles traballadores que realicen tarefas que se executen segundo instrucións concretas, claramente establecidas. Trátase de tarefas que requiren preferentemente esforzo físico, con escasa formación ou coñecementos moi elementais e que ocasionalmente poden necesitar dun pequeno período de adaptación.

Formación. Graduado escolar.

Normalmente comprenderá as categorías encadradas no baremo número 8 das bases de cotización á Seguridade Social.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

' Lavacoches.

' Mozo de almacén que realiza tarefas de carga e descarga, manuais ou con axuda de elementos mecánicos simples.

' Persoal en formación.

CAPÍTULO V

Condicións económicas

Artigo 21. Sistema retributivo

As retribucións do persoal comprendido neste convenio estarán constituídas polo salario mínimo garantido (SMG) de cada grupo profesional e a retribución voluntaria que constituirá o complemento persoal do traballador. Ningún traballador poderá percibir un salario inferior ao SMG do seu grupo profesional establecido no presente convenio no anexo I.

Artigo 22. Gratificacións extraordinarias

O persoal adscrito ao presente convenio percibirá dúas pagas extraordinarias, unha de verán e outra de Nadal, consistentes en trinta (30) días do total de devindicacións salariais, que se aboarán no mes de xullo unha e no de decembro a outra.

A devindicación das pagas será anual, e para a paga de verán computarase o período entre o 1 de xullo do ano anterior e o 30 de xuño do ano en curso. Para a de Nadal o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano natural.

A empresa aboará unha media paga, denominada paga de beneficios, cuxa devindicación terá carácter anual, computarase de xaneiro a decembro do ano anterior e pagarase o 31 de marzo do ano seguinte.

Artigo 23. Desprazamentos e axudas de custo

Os traballadores que por necesidade da empresa teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos a poboacións distintas daquelas en que radique o seu centro de traballo percibirán a menor das seguintes cantidades para cada unha das axudas de custo:

' Por cada comida ou cea: 9,00 euros máximo.

' Por cada pernoita fóra do domicilio: 50 euros adicionais ás comidas.

' Por quilómetro percorrido en vehículo propio: o establecido no artigo 9 do Real decreto 439/2007, do 30 de marzo (actualmente 0,19 céntimos por quilómetro percorrido).

As ditas axudas de custo deberán previamente ser autorizadas pola empresa e os traballadores deberán xustificar o gasto realizado mediante a correspondente factura.

Artigo 24. Cláusula de revisión salarial

Os soldos e salarios que corresponden ao persoal afectado por este convenio son os que figuran nas táboas anexas. Para o segundo ano de vixencia páctase un incremento dos salarios, que terá efecto con data do 1 de xaneiro de 2015, consistente na taxa de variación anual do IPC español do ano anterior. O incremento estará condicionado a dúas variables:

1) O incremento ou diminución do PIB español do ano anterior.

2) O incremento ou diminución da marxe bruta sobre as vendas do último exercicio pechado con respecto ao do exercicio anterior.

O incremento será determinado pola suma de ambas as dúas variables, que non pode superar o IPC español do ano anterior.

Os conceptos salariais aos cales se lles aplicará o incremento son os seguintes:

' Salarios mínimos garantidos de cada grupo profesional.

' Retribución voluntaria.

' As retribucións económicas das gardas localizadas.

' As retribucións económicas dos sábados traballados.

CAPÍTULO VI

Beneficios sociais

Artigo 25. Garantía salarial por incapacidade temporal derivada de accidente de traballo

Nas situacións de incapacidade temporal derivadas de accidente de traballo a empresa completará ata un máximo de dezaoito (18) meses, contados desde a data da baixa, ata o 100 por 100 da suma do salario mínimo garantido (SMG) do grupo profesional, e a retribución voluntaria do traballador accidentado.

CAPÍTULO VII

Réxime disciplinario

Artigo 26. Réxime de faltas e sancións

Os traballadores poderán ser sancionados pola Dirección da empresa de acordo coa gradación de faltas e sancións que se establece nos artigos seguintes.

Artigo 27. Gradación das faltas

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave ou moi grave.

Artigo 28. Faltas leves

Considéranse faltas leves as seguintes:

1. A falta de puntualidade, de ata tres veces en dous (2) meses, na asistencia ao traballo, con atraso superior a cinco minutos no horario de entrada.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ao traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

3. Pequenos descoidos na conservación do material.

4. A falta de aseo e limpeza persoal.

5. Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

6. As discusións sobre asuntos estraños ao traballo dentro das dependencias da empresa. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como falta grave ou moi grave.

7. O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que careza de transcendencia grave para a integridade física ou a saúde dos traballadores.

8. Fumar no centro de traballo, agás en espazos especialmente habilitados para facelo.

9. Protestar ante unha orde dada por un superior ante os clientes ou outros compañeiros de traballo.

Artigo 29. Faltas graves

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1. A reincidencia en falta leve, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos tres (3) meses seguintes a se ter producido a primeira.

2. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade, superiores a cinco minutos, na asistencia ao traballo nun período de trinta (30) días.

3. O abandono do servizo sen causa fundada, aínda cando sexa por breve tempo.

4. Non atender o público coa corrección e dilixencia debidas.

5. Faltar ao traballo unha hora ou máis sen avisar previamente e/ou sen causa xustificada.

6. Entregarse a xogos ou distraccións nas horas de traballo.

7. Negarse a realizar ou finalizar un traballo ou tarefa, aínda que iso supoña alongar a xornada.

8. Abandonar o centro de traballo ás horas de peche sen avisar previamente o seu superior inmediato.

9. Vestir durante a xornada de traballo roupa que non se corresponda co uniforme regulamentario de traballo.

10. A utilización dos medios informáticos propiedade da empresa (correo electrónico, intranet, internet, etc.) para fins distintos dos relacionados co contido da prestación laboral.

11. Ocultar a retirada do carné de conducir cando se estea autorizado ao manexo dos vehículos da empresa.

Artigo 30. Faltas moi graves

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

1. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos seis (6) meses seguintes a se ter producido a primeira.

2. A simulación de enfermidade ou accidente.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa coma aos compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa, dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

4. Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar estragos en primeiras materias, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, enxoval e documentos da empresa.

5. A condena por delito de roubo, furto ou malversación cometidos fóra da empresa ou por calquera outra clase de feitos que poidan implicar para esta desconfianza respecto ao seu autor.

6. Asistir ao traballo con evidentes síntomas de embriaguez ou de drogadicción.

7. Violar o segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a persoas estrañas a esta datos de reserva obrigada.

8. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou a falta grave de respecto e consideración aos xefes ou aos seus familiares, así como aos compañeiros e subordinados.

9. Causar accidentes por neglixencia ou imprudencia.

10. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo.

11. O abuso de autoridade ou mobbing por parte dos xefes.

Artigo 31. Réxime de sancións

As sancións máximas que se poderán impor en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por faltas leves: amoestación verbal, amoestación por escrito, suspensión de emprego e soldo ata dous (2) días.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres (3) a quince (15) días.

c) Por faltas moi graves: desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis (16) a sesenta (60) días ata a rescisión do contrato de traballo nos supostos en que a falta fose cualificada dun grao máximo.

A sanción das faltas graves e moi graves requirirá comunicación escrita motivada ao traballador.

A facultade da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves aos dez (10) días, para as faltas graves aos vinte (20) días e para as moi graves aos sesenta (60) días, a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión, e en calquera caso aos seis (6) meses de terse cometido.

Para os efectos de gradación de faltas, non se terán en conta aquelas que se cometesen con anterioridade de acordo cos seguintes prazos:

- Faltas leves: tres (3) meses.

- Faltas graves: seis (6) meses.

- Faltas moi graves: 1 ano.

Dereito supletorio

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais vixentes.

Disposición transitoria

As partes asinantes acordan que o presente convenio despregue a súa eficacia práctica a partir do 1 de xaneiro de 2014.

Disposición derradeira

Ambas as dúas partes se comprometen ao escrupuloso cumprimento do pactado no convenio durante a súa vixencia. Calquera cuestión litixiosa de carácter laboral que non se puidese solucionar no seo da empresa a través da negociación interna poderase someter libremente, pola parte que se considere prexudicada, á tramitación das canles legais que se consideren pertinentes.

Polas discrepancias que puidesen xurdir, se é o caso, pola non aplicación das condicións de traballo a que se refire o artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, o procedemento que se deberá seguir para solucionar de xeito efectivo as ditas discrepancias será o establecido, para o efecto, no citado artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores.

Partes asinantes.

Este convenio foi subscrito polo director xerente da empresa, en representación da parte económica, e polos representantes dos traballadores dos centros de Fábrica (O Porriño), Polígono da Granxa (O Porriño), Arteixo (A Coruña) e Narón (A Coruña).

ANEXO

Táboa de salarios mínimos garantidos por grupo profesional

Euros/ano:

Grupo 1: 13.700,00 €.

Grupo 2: 14.600,00 €.

Grupo 3: 15.560,00 €.

Grupo 4: 17.760,00 €.

Grupo 5: 20.760,00 €.

Grupo 6: 23,760,00 €.

Grupo 7: 27.700,00 €.

Grupo 8: 32.700,00 €.