Convenio Colectivo de Empresa de RAFRA ASESORÍA, S.L. (15100302012014) de Coruña
Convenios
Convenio Colectivo de Emp... de Coruña

C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de RAFRA ASESORÍA, S.L. (15100302012014) de Coruña

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2016 en adelante

Tiempo de lectura: 73 min

Resolución de inscrición e publicación do convenio colectivo da empresa ?Rafra Asesoría S.L.? 2016-2021 (Boletín Oficial de A Coruña num. 82 de 08/06/2020)

Administración Autonómica

 

Xunta de Galicia

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

Xefatura Territorial da Coruña

Servizo de Emprego e Economía Social

 

Resolución de inscrición e publicación do convenio colectivo da empresa “Rafra Asesoría S.L.” 2016-2021

 

Logo de constituirse a comisión negociadora do CONVENIO COLECTIVO DA EMPRESA RAFRA ASESORIA, S.L.” 2016- 2021, (código de convenio número 15100302012014), subscríbese con data 15 de xaneiro de 2020 o texto do convenio colectivo polas partes lexitimadas, e solicítase a súa inscrición e publicación con data 21 de xaneiro de 2020.

 

Con data 26 de maio de 2020 achégase o texto do convenio coas modificacións pertinentes tras o requirimento do 14 de maio de 2020.

 

De acordo co disposto no artigo 90 e concordantes do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores (BOE núm 255, do 24 de outubro de 2015) e no artigo 2.1 e concordantes do Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, (BOE núm.143, do 12 de xuño de 2012), así coma na Orde do 29 de octubre de 2010 pola que se crea o rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm 222, do 18 de novembro) modificada pola Orde do 14 de marzo (DOG núm. 60 de 26 de marzo de 2013).

 

Considerando que a xefatura territorial de economía, emprego e industria da Coruña é competente para resolver a inscrición do convenio colectivo da empresa “RAFRA ASESORIA, S.L..” 2016-2021 e para dispoñer a súa publicación segundo o disposto no artigo 62.2 en consonancia co artigo 35 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece  a estrutura orgánica da consellería de economía, emprego e industria (DOG núm 18, de 25 de xaneiro de 2018).

 

De acordo con todo o indicado, RESOLVO:

1. A inscrición do convenio colectivo da empresa “RAFRA ASESORIA, S.L.” 2016-2021 no rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A remisión do convenio colectivo da empresa “RAFRA ASESORIA, S.L.” 2016-2021 ao Boletín Oficial da provincia da Coruña para a súa publicación.

A Coruña, 02 de xuño de 2020

O xefe territorial de economía, emprego e industria 

Isidoro Martínez Arca

 

CONVENIO COLECTIVO DA EMPRESA RAFRA ASESORIA, S.L. ANOS 2016-2021

 

CAPÍTULO I.–DISPOSICIÓNS XERAIS

 

Art. 1.– Partes signatarias.

Son partes asinantes do presente convenio, Manuel Mirás Franqueira, en representación da empresa RAFRA ASESORIA SL, na súa condición de administrador da devandita entidade, e Alba Martínez Bouzas, en representación dos traballadores da empresa, na súa condición de delegado de persoal. Ámbalas partes recoñécense mutuamente lexitimación para negociar o presente convenio.

 

Art. 2.– Ámbito persoal, territorial e funcional.

1. –O presente convenio colectivo (en adiante o “convenio”) regula as relacións laborais entre a empresa Rafra Asesoría SL (en adiante a “empresa”) e tódolos traballadores da mesma.

2. –O presente convenio será de aplicación a tódolos traballadores da empresa vinculados por medio de relación laboral do centro de traballo sito no Concello de Oroso, na provincia da A Coruña (correspondese ao CNAE 6920).

3. –Quedan excluídos da súa aplicación:

1. –A dirección e os administradores da empresa.

2. –Os profesionais que a empresa contrate mediante contrato de arrendamento de servizos profesionais para a prestación de servizos determinados.

3.– Becarios.

 

Art. 3.–Ámbito temporal e denuncia.

1. –A vixencia do presente convenio será de SEIS ANOS, e estenderase dende o 1 de xaneiro de 2016 ata o 31 de decembro do 2021

2. –Ao amparo do previsto no artigo 86 do Estatuto dos Traballadores calquera das partes poderá denunciar, por escrito,o presente convenio cunha antelación mínima de dous meses antes da data de remate da súa vixencia.

3. –Non obstante, rematada a súa vixencia, e co obxecto de evitar situacións de baleiro normativo, continuará sendo de aplicación na súa totalidade o seu contido normativo deica a sinatura dun novo convenio.

 

Art. 4.– Respeto das condicions máis beneficiosas

Respetaranse a tódolos traballadores as condicións económicas máis favorables pactadas con anterioridade a este convenio.

 

Art. 5.– Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas no presente convenio formarán un todo orgánico e indivisible e, a efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente, quedando as partes vinculadas á súa totalidade.

 

Art. 6.– Normas supletorias.

No que non estea previsto neste convenio estarase ao disposto no Estatuto dos Traballadores e nas demais disposicións legais e regulamentarias vixentes que sexan de aplicación.

 

CAPÍTULO II.–COMISIÓN PARITARIA

 

Art. 7.–Creación e obxecto da mesma.

1. –Créase unha comisión paritaria de interpretación e seguimento do presente convenio, que estará constituída, como partes asinantes do mesmo, por un membro en representación da dirección da empresa, e un membro en representación dos traballadores da empresa.

2. –Durante a vixencia deste convenio as partes comprométense a esgotar tódalas posibilidades de solución das diferenzas que poidan suscitarse como consecuencia da interpretación ou cumprimento do mesmo, someténdose tales diferenzas á comisión paritaria con carácter previo e preceptivo a toda actuación administrativa ou xurisdicional. En todo caso, os acordos que interpreten este convenio terán a mesma eficacia que a norma que fose interpretada.

3. –Sinálase como domicilio da comisión paritaria o da empresa na rúa Camiño Real 2 BX - SIGÜEIRO (15888) Oroso (A Coruña).

 

Art. 8.– Funcións e procedemento.

1. –A comisión paritaria á que se refire o artigo anterior, terá as seguintes funcións:

a) Vixilancia e adopción das medidas axeitadas para o desenvolvemento e cumprimento deste convenio.

b) Interpretación da totalidade dos preceptos do presente convenio.

c) A mediación en cantas cuestións e conflitos poidan derivarse da súa aplicación, en especial en relación coa non aplicación das condicións de traballo, á que se refire o artigo 34 deste convenio.

d) Cantas outras funcións tendan á maior eficacia práctica do presente convenio.

2. –A comisión paritaria reunirase mediante convocatoria de calquera das partes integrantes da mesma, sendo suficien- te a estes efectos a simple comunicación escrita á outra parte. A reunión deberá ter lugar no prazo máximo de dez días naturais dende a recepción da referida comunicación.

3. –Establécese que as cuestións propias da competencia da comisión paritaria e que se promovan ante ela adoptarán a forma de escrito proposta, ao que se deben acompañar todos aqueles documentos que sexan necesarios para a mellor comprensión da cuestión. O devandito escrito debe ter como contido obrigatorio:

a) Exposición sucinta e concreta do asunto.

b) Razóns e fundamentos que entenda lle asisten ao propoñente.

c) Proposta e petición concreta que se lle formule á comisión.

4. –A comisión, unha vez recibido o escrito proposta e, no seu caso, completada a información pertinente, disporá dun prazo non superior a 20 días hábiles para resolver a cuestión xurdida ou, si iso non fose posible, emitilo oportuno ditame. Transcorrido dito prazo sen terse producido resolución nin ditame, quedará aberta a vía administrativa ou xurisdicional competente.

5. –Cando non se alcance un acordo na comisión paritaria, a empresa deberá recorrer ao procedemento de mediación ante o AGA no prazo do quince días seguintes ao pronunciamiento da comisión paritaria. Se tampouco se conseguise acordo no AGA, someteranse as discrepancias a unha arbitraxe vinculante cuxo laudo terá a mesma eficacia que os acordos conseguidos no período de consultas e só poderá ser impugnado nos termos establecidos no art. 91 do ET.

 

CAPÍTULO III.–CONTRATACIÓN

 

Art. 9.– Ingreso ao traballo.

1. –Os contratos de traballo poderanse celebrar nas diferentes formas establecidas pola normativa laboral en cada momento, formalizándose por escrito nos supostos que o contemple a lexislación e conforme á mesma, entregando copia dos contratos aos traballadores, e copia básica dos mesmos á representación legal dos traballadores.

2. –Os contratos de traballo deberán formalizarse antes do comezo da prestación de servizos. Nos contratos que deban formalizarse por escrito, deberán constar as condicións que se pacten, o grupo profesional e o nivel no que queda encadrado o traballador, e o contido mínimo do contrato, así como os demais requisitos formais legalmente establecidos.

3. –Os traballadores que presten os seus servizos á empresa terán dereito preferente a ocupar un novo posto de traballo ou a cubrir unha vacante, sempre que se acredite a titulación e/ou os coñecementos requiridos , no seu caso, para o novo posto ou a vacante, sen prexuízo de acreditar a aptitude mediante as probas ás que se refire o apartado seguinte.

4. –A empresa, previamente ao seu ingreso, poderá realizar aos interesados as probas de selección que se consideren necesarias para comprobar se o seu grado de aptitude e a súa preparación son as axustadas ao grupo profesional e nivel correspondentes ao posto de traballo a cubrir.

5.- Ao amparo do previsto no artigo 15.1b do Texto Refundido do Estatuto dos Traballadores a duración máxima de ditos contratos temporais será de doce meses nun período de dezaoito meses contados a partir do momento en que se inicie a relación laboral.

 

Art. 10.– Promoción profesional.

O ascenso dos traballadores a tarefas ou postos de traballo que impliquen mando ou especial confianza serán de libre designación e revogación pola empresa.

 

Art. 11.– Período de proba.

1. –Poderase concertar, por escrito, un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de:

a) GRUPO I. Personal Titulado: 6 meses.

b) GRUPO II. Administración: 2 meses.

c) GRUPO III: Servicios: 15 días.

2. –Os períodos de proba establecidos no apartado precedente non serán de aplicación no caso de aquelas modalidades contractuais nos que a norma legal ou regulamentaria autorice de forma expresa períodos de proba de duración superior.

3. –Durante o período de proba os traballadores terán os dereitos e obrigas correspondentes ao seu grupo profesional, como se fose de cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse a instancia de calquera das partes durante o seu transcurso, sen necesidade de previo aviso e sen que ningunha das partes teña dereito a percibir indemnización algunha. Tanto a empresa como os traballadores deberán comunicar por escrito o desistimento do contrato.

4. –Transcorrido o período de proba sen que se teña producido o desistimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose aos efectos salariais o tempo dos servizos prestados.

 

Art. 12.– Cesamentos.

1. –A empresa notificará aos traballadores o aviso previo de remate do contrato cun período mínimo de quince días naturais de antelación con respecto á data prevista de finalización. Sen embargo, poderase substituír este aviso previo por unha indemnización equivalente ao salario dos días de aviso previo omitidos.

Toda comunicación de aviso previo de cesamento deberá ir acompañada dunha proposta de liquidación e os traballado- res poderán ser asistidos pola súa representación legal no acto de sinatura do recibo da liquidación.

2. –No caso de baixa voluntaria, os traballadores virán obrigados a comunicar por escrito a súa decisión á empresa cun período mínimo de quince días de antelación con respecto á data elixida. De non cumprirse o mencionado prazo, a empresa quedará facultada para deducir da liquidación de fin de contrato unha cantidade igual aos salarios correspondentes aos días de aviso previo omitidos.

 

CAPÍTULO IV.–ORGANIZACIÓN DO TRABALLO

 

Art. 13.– Xornada de traballo.

A xornada de traballo distribuirase do seguinte xeito

1. HORARIO DE INVERNO: 39 horas semanais prestadas de luns a xoves 8 horas diarias en réxime de xornada partida e os venres 7 horas en réxime de xornada continuada en quenda de mañá.

HORARIO DE VERAN. 35 horas semanais prestadas de luns a venres en réxime de xornada continuada en quenda de mañá.

2. O Horario de verán será o que se realice no período comprendido entre o 01 de xullo e o 31 de agosto de cada ano.

O horario dos traballadores durante a xornada continuada de verán prestarase no mesmo horario de apertura das oficinas ao público, que é o seguinte:

DE LUNS A VENRES:

Mañá: de 8 a 15 horas

3. –Tanto no caso da xornada partida ou ordinaria como da xornada continuada de verán os traballadores poderán gozar dun descanso intermedio, que pode ser con ausencia do posto de traballo. Dito descanso terá unha duración máxima de vinte minutos en xornada continuada e 10 minutos en xornada partida e o seu goce quedará suxeito á existencia de dispoñibilidade de persoal suficiente no centro de traballo, con obxecto de que en ningún caso se poidan producir situacións de desatención aos clientes.

4. –A actividade propia da empresa supón a existencia de determinados períodos ao ano, relacionados básicamente co cumprimento das obrigacións e declaracións de orde fiscal dos clientes, nos que se acumulan as tarefas a desenvolver, o que necesariamente esixe a aplicación de criterios de flexibilidade na aplicación dos horarios durante os mencionadosperíodos. Por tal motivo, respectando en todo caso o número máximo de horas anuais da xornada pactado neste convenio,así como os períodos mínimos de descanso diario e semanal dispostos pola normativa vixente, poderá realizarse unha distribución irregular de ata un vinte por cento da xornada para afrontar a realización en prazo dos compromisos asumidos cos clientes da empresa.

5. Os traballadores poderán elexir a súa distribución horaria nas tardes de luns a xoves, sempre e cando sexa posible en cada departamento sendo obligatorio o mantemento de polo menos a metade de plantilla tanto na primeira hora da tarde como na última.

 

Art. 14.– Días festivos.

1. –Aos efectos de distribución da xornada anual fixada no artigo precedente, o calendario laboral comprenderá como días festivos os aprobados con carácter xeral para cada ano polo Estado e pola Comunidade Autónoma de Galicia, así como os fixados como festivos locais polo Concello de Oroso.

2. –Se considerarán como festivas as tardes dos días 24 e 31 de decembro, no caso de que tales días non coincidan en sábado ou domingo. Nas mañás de tales días só prestará servizos a metade do persoal, de acordo coa distribución que se acorde para cada ano.

 

Art. 15.– Horas extraordinarias.

1. –Ámbalas dúas partes conveñen en reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, realización que só será admisible no suposto de horas extraordinarias necesarias para atender actuacións de carácter urxente ou aqueloutras que teñan que ser realizadas nun prazo perentorio.

2. –Se pacta expresamente que as horas extraordinarias realizadas serán compensadas con tempo equivalente de descanso retribuído. Aos referidos efectos efectuarase un cómputo da xornada efectivamente realizada polos traballadores por trimestres naturais, e se en cada período se excede o número de horas equivalente da xornada ordinaria, se terá dereito á citada compensación por tempo equivalente, que se gozará no trimestre inmediatamente posterior.

3. –Só no suposto de que non sexa posible realizar a compensación citada, procederá o abono das horas extraordina- rias excedidas, en cuxo caso a retribución será igual ao 115% da contía da hora ordinaria.

 

Art. 16.– Vacacións.

1. –Os traballadores terán dereito a gozar dun período de vacacións de vinte e tres días laborais.

2. –O calendario anual de vacacións de todo o persoal da empresa será aprobado con anterioridade ao día vinteoito de febreiro de cada ano, e a súa elaboración levarase a efecto respectando os criterios que se establecen a continuación.

3. –Aos efectos dunha adecuada planificación, cada traballador comunicará a solicitude coas preferencias de datas para o goce das súas vacacións. Unha vez recibidas tódalas solicitudes, aprobarase o calendario tendo en conta tanto a posible concorrencia entre as solicitudes presentadas como as necesidades de organización interna.

En todo caso, para a elaboración do calendario seguiranse os seguintes criterios:

a) O número total de traballadores presentes simultaneamente nas oficinas non poderá ser inferior a cinco durante o período de aplicación da xornada continuada de verán, a seis na segunda quincena de setembro ou a sete en calquera outro período do ano, procurando unha distribución equitativa entre as diferentes áreas.

c) Para o suposto de que dous ou más traballadores opten por datas de goce total ou parcialmente coincidentes e non fose posible aceptar o goce simultáneo nas datas solicitadas, tratarase de alcanzar o acordo dos afectados. Se tal acordó non fose posible, regularase equitativamente o seu goce aplicando preferentemente o criterio de antigüidade, combinado co criterio rotatorio.

4. –Unha vez aprobado o calendario anual, o período de vacacións concreto de cada traballador non poderá ser modificado a non ser por causa de forza maior, por causa debidamente xustificada, ou previo acordo con outro dos traballadores da empresa integrados na mesma área. En todo caso, os cambios propostos terán que respectar os criterios fixados no apartado anterior.

5. –As vacacións gozaranse nas datas establecidas no calendario aprobado ao efecto e, en todo caso, antes do 31 de decembro de cada ano, sen prexuízo de que poida ser de aplicación o establecido no artigo 38.3 do Estatuto dos Traballadores para os supostos de incapacidade temporal ou suspensión dos contratos de traballo alí especificados. Fóra deses supostos non será admisible a acumulación de vacacións de un ano para o seguinte, salvo en casos debidamente xustificados que poderán ser apreciados pola dirección da empresa.

6. –Durante o goce do período de vacacións os traballadores percibirán as retribucións correspondentes na mesma contía que lles correspondería de estar traballando de forma efectiva.

7. –O dereito ó goce das vacacións non é susceptible de compensación económica. Non obstante, os traballadores que cesen na súa relación laboral terán dereito a percibir a compensación económica correspondente ó período de vacacións non gozado.

 

Art. 17.–Permisos e licencias.

1. –Aos traballadores e traballadoras interesados concederáselles necesariamente os seguintes permisos retribuidos:

a) Por matrimonio do traballador ou traballadora: 15 días naturais. Polo matrimonio de familiares en primeiro grao, un día natural, o día da celebración da voda.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: seis días naturais. En caso de enfermidade grave ou internamento de irmáns: dous días naturais, ampliables a catro cando exista desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, se fose fóra do territorio do estado español, aumentaranse 2 días máis, a condición de que xustifique fehacientemente o desprazamento.

c) Nacemento de fillo/a resultará de aplicación o disposto na disposición transitoria 13 do Estatuto dos Traballadores dacordo cos artigos 45.1d) e 48 do Estatuto dos Traballadores.

d) Morte do cónxuxe, pais, pais políticos, fillos ou irmáns: cinco días naturais, que se ampliarán até oito días naturais se o óbito ocorrese fose da Comunidade Autónoma, se fose fóra do territorio do estado español, aumentaranse 2 días máis, a condición de que xustifique fehacientemente o desprazamento.

e) Morte do avó, tío, tíos políticos ou cuñados: dous días naturais, ampliable a dous máis cando exista desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: o tempo que sexa necesario para iso. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade.

g) Licenza a representantes sindicais: estarase ao lexislado nesta materia.

h) Dous días por traslado de domicilio habitual.

i) Dous días libres remunerados por asuntos propios, a decisión do traballador ou traballadora con preaviso de 24 horas, condicionado ao 20% do persoal, nas empresas cuxo persoal sexa de até cinco traballadores non poderán coincidir máis de un.

j) Os dereitos que correspondan aos permisos cuxo estado civil é o matrimonio legal estenderanse ás parellas que convivan en común salvo o previsto no apartado a), xustificando esta convivencia mediante certificado de empadroamento ou outro equivalente.

No non establecido expresamente estarase ao disposto no Estatuto dos Traballadores.

2. –As traballadoras por lactación rexeranse pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre homes e mulleres, podendo a traballadora acumular os períodos de desfrute de forma ininterrompida as 180 horas nun mes natural ou 22 días laborais.

3. –Cando o traballador teña persoas ao seu cargo, que non poidan acudir polos seus propios medios á consulta médica para recibiren asistencia, o traballador terá permiso para acompañalo, xustificando o feito.

 

Artigo 18.– Permisos non retribuídos.

Para o persoal cunha antigüidade mínima na empresa de un ano, terá dereito a 1 mes de permiso non retribuido ao ano nas seguintes circunstancias.

1. Para o coidado dun familiar até o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, por accidente grave, enfermidade grave ou hospitalización. Podendo solicitalo mentres se acredite que dura a dita situación.

2. Para situacións de adopción ou acollemento, debidamente acreditadas.

 

CAPÍTULO V.– CLASIFICACIÓN PROFESIONAL 

 

Art. 19.

De acordo co establecido no artigo 22 do Estatuto dos Traballadores, o encadramento dos traballadores incluídos no ámbito de aplicación do presente convenio dentro da estrutura profesional pactada e, por conseguinte, a asignación a cada un deles a un determinado grupo profesional e nivel, será o resultado da valoración e ponderación global dos seguintes factores:

titulación, coñecementos, experiencia, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando, supervisión e complexidade.

O sistema de clasificación profesional na empresa queda integrado polos seguintes grupos profesionais, co contido que para cada un se sinala a continuación:

 

Grupo profesional I: Persoal titulado.

Á súa vez este grupo estará dividido nos seguintes niveis:

– Técnico superior

– Técnico medio

Técnico superior.–Este persoal asumirá funcións que supoñan a realización de tarefas técnicas complexas e heteroxéneas,cun alto grao de esixencia en canto a autonomía, iniciativa e responsabilidade, en especial chegando a asumir responsabilidades completas na xestión dunha ou varias áreas funcionais a partir das directrices xerais emanadas da dirección da empresa.

Para formar parte deste grupo os traballadores terán que estar en posesión dun título académico de grao superior,ou posuír coñecementos adquiridos no desenvolvemento da súa profesión ou traballo que sexan equivalentes a estudios universitarios de grao superior.

 

Técnico medio.–Este persoal asumirá funcións que supoñan a realización de tarefas técnicas complexas homoxéneas ou administrativas que supoñan a integración, coordinación e supervisión de tarefas diversas realizadas por un conxunto de traballadores dentro dunha mesma unidade funcional, podendo implicar ou non responsabilidades de mando.

Para formar parte deste grupo os traballadores terán que estar en posesión dun título académico de grao medio, ou posuír coñecementos adquiridos no desenvolvemento da súa profesión ou traballo que sexan equivalentes a estudios universitarios de grao medio.

 

Grupo profesional II: Administración.

Á súa vez este grupo estará dividido nos seguintes niveis:

– Xefe administrativo

– Oficial administrativo

– Auxiliar administrativo

 

Xefe administrativo.–Este persoal asumirá funcións que supoñan a realización de tarefas administrativas e contables,incluíndo a realización e control da xestión contable e administrativa da empresa, sometido unicamente as instrucións emanadas da dirección da empresa ou, no seu caso, dos Técnicos que correspondan por razón da especialidade.

Para formar parte deste grupo os traballadores terán que estar en posesión dun título académico de grao medio ou ciclo formativo de grao superior ou dun certificado de profesionalidade de nivel equivalente, ou posuír coñecementos adquiridos no desenvolvemento da súa profesión ou traballo que sexan equivalentes a estudios universitarios de grao medio.

 

Oficial administrativo de primeira.–Este persoal asumirá funcións que supoñan a realización de tarefas de natureza administrativa e contable,de execución autónoma, que demanden habitualmente iniciativa por parte dos traballadores que os desempeñen, asumindo a responsabilidade dos resultados obtidos baixo a supervisión do responsable correspondente. A realización dos traballos poden supor a análise de situacións diversas, así como a interacción con outros niveis profesionais.

Para formar parte deste grupo os traballadores terán que estar en posesión de un título académico de ciclo formativo de grao superior ou dun certificado de profesionalidade de nivel equivalente, ou posuír coñecementos adquiridos no desenvolvemento do seu traballo que sexan equivalentes aos obtidos en tales estudios.

Oficial administrativo de segunda.- Este persoal asumirá funcións que supoñan a realización de tarefas de natureza administrativa,de execución autónoma restinxida e subordinada a un xefe ou oficial de 1ª realizando traballos de carácter secundario que só exixen coñecementos de técnica administrativa.

Para formar parte deste grupo os traballadores terán que estar en posesión de un título académico de ciclo formativo de grao medio ou dun certificado de profesionalidade de nivel equivalente, ou posuír coñecementos adquiridos no desenvolvemento do seu traballo que sexan equivalentes aos obtidos en tales estudios.

 

Auxiliar administrativo.–Este persoal realizará traballos de natureza administrativa, que se correspondan con tarefas de mediana complexidade, así como dunha ampla variedade de actividades pertencentes a diferentes procesos, aplicando os procedementos e normas establecidas e sometidos a supervisión sobre o avance de traballo e os seus resultados.Para formar parte deste grupo os traballadores terán que estar en posesión dun título académico de ciclo formativo de grao medio ou dun certificado de profesionalidade de nivel equivalente, ou posuír coñecementos adquiridos no desenvolvemento do seu traballo que sexan equivalentes aos obtidos en tales estudios.

 

Grupo III: Servizos.

Inclúe ao persoal que realiza os traballos de limpeza das instalacións.

 

CAPÍTULO VI.–POLÍTICA SALARIAL

 

Art. 20.– Sistema retributivo.

As retribucións do persoal da empresa estarán constituídas por conceptos salariais e conceptos extrasalariais:

A) Conceptos salariais.

a) Salario base.–É a percepción económica mensual que perciben os traballadores en función da súa adscrición ao grupo profesional e a o nivel no que estean encadrados. A mencionada retribución enténdese referida á xornada laboral anual pactada no presente convenio.

b) Gratificacións extraordinarias.–Son as percepcións económicas que teñen dereito a percibir os traballadores no mes de xullo e no mes de decembro. A gratificación extraordinaria de xullo devéñase no período comprendido entre os meses de xaneiro e xuño, e a gratificación extraordinaria de decembro devéñase no período comprendido entre os meses de xullo e decembro. O importe de cada unha delas será dunha mensualidade do salario base máis antiguedade consolidada. O persoal que ingrese ou cese na empresa durante o transcurso do ano percibirá estas gratificacións extraordinarias en proporción ao tempo traballado. Non obstante, a empresa poderá efectuar o pago de tales gratificacións de forma rateada ao longo dos doce meses do ano.

c) Complemento de posto de traballo.–É a percepción económica mensual que perciben os traballadores polo desenvolvemento de tarefas que implican unha responsabilidade adicional e distinta que a do resto de postos de traballo, aínda que sexan do mesmo grupo e nivel. Este complemento non é consolidable e desaparecerá cando o traballador deixe de desempeñar a devandita función ou responsabilidade. Estes complementos estableceranse de común acordo entre o traballador e a empresa, con coñecemento do delegado de persoal.

d) Complemento extraordinario de beneficios.–É unha percepción económica de pago único que terán dereito a percibir os traballadores, sempre que o resultado do exercicio despois de impostos, segundo resulte da conta de perdas e ganan- cias da empresa, sexa superior á contía de cuarenta mil euros. De ser este o caso, a empresa destinará unha cantidade igual ao trinta e cinco por cento da que exceda da mencionada de cuarenta mil euros para o abono deste complemento. A distribución da citada cantidade total entre todos os traballadores realizarase de forma proporcional ás retribucións salariais percibidas por cada un durante o ano ao que se refiran os beneficios, e a empresa abonará o complemento no primeiro trimestre do ano inmediatamente posterior.

B) Conceptos extrasalariais:

a) Dietas.–Son as percepcións que teñen dereito a percibir os traballadores cando con motivo de instrucións recibidas da empresa, deban efectuar saídas fora do municipio de Oroso que lle impidan realizar comidas ou pernoctar no seu lugar habitual ou domicilio. Poderán ser dietas completas con aloxamento, dietas completas sen aloxamento e medias dietas cando, neste último caso, comprenda a metade da xornada.

b) Locomoción.–É a cantidade que os traballadores teñen dereito a percibir en concepto de compensación polo uso de seu vehículo particular con motivo de desprazamentos para a realización de visitas a clientes da empresa ou xestións ante as diferentes Administracións Públicas.

As contías dos conceptos salariais e extrasalariais anteriormente relacionados figuran incorporados aos anexos I e II deste convenio.

 

Art. 21.– Complemento de antigüidade.

1. –A partir do día 1 de xaneiro de 2014 queda suprimido a tódolos efectos o deveño de calquera percepción en razón do concepto de antigüidade. Non obstante, todo o persoal manterá e consolidará o cento por cento da cantidade anual que, por tal concepto, viñera percibindo a data 31 de decembro de 2013.

2. –A cantidade citada manterase invariable e por tempo indefinido como complemento retributivo “ad personam”, é dicir, non sufrirá modificacións en ningún sentido e por ningunha causa. Aos efectos do seu abono a cantidade anual será distribuída en doce mensualidades de igual importe e reflectirase nos recibos de salario coa denominación de “antigüidade consolidada”.

 

Art. 22.– Revisión salarial.

As táboas fixadas nos anexos I e II deste convenio considéranse definitivas para todo o período de duración deste convenio.

 

CAPÍTULO VII.–OUTRAS MELLORAS SOCIAIS

 

Art. 23.– Incapacidade temporal.

1.–En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, a empresa garantirá aos traballadores o 100 por cento do salario que lles corresponda percibir no momento de producirse a baixa.

 

Art. 24.– Póliza de accidentes.

A empresa contratará unha póliza de seguros que garanta ós seus traballadores as coberturas de incapacidade permanente total, incapacidade permanente absoluta e gran invalidez, e morte derivada de accidente, coas seguintes indemnizacións:

a) Morte: 40.000 €.

b) Incapacidade permanente total: 50.000 €.

c) Incapacidade permanente absoluta e gran invalidez: 60.000 €.

 

CAPÍTULO VIII.–ACCIÓN SINDICAL

 

Art. 25.– Dereitos sindicais.

1. –En materia de acción sindical dentro da empresa estarase ao que sobre esta materia se dispón no Estatuto dos Traballadores e na Lei orgánica 1/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

2. –O delegado de persoal terá dereito a recibir información, emitir informes e exercer o labor de vixilancia sobre as materias expresamente previstas polas normas legais vixentes. Así mesmo, gozará de garantías en materia disciplinaria,de non discriminación, exercicio de liberdade de expresión e demais dereitos recoñecidos no artigo 68 do Estatuto dos Traballadores.

 

CAPÍTULO IX.–SAÚDE LABORAL

 

Art. 26.– Vixilancia da saúde.

As partes afectadas por este convenio, cumprirán as disposición contidas na normativa vixente sobre seguridade e saúde laboral e en especial as da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais e as súas disposicións de desenvolvemento.

 

CAPÍTULO X.–RÉXIME DISCIPLINARIO

 

Art. 27.– Faltas e sancións.

1. –Considerarase falta laboral toda acción ou omisión da que resulte responsable o traballador, que se produza con ocasión ou como consecuencia da relación laboral, e que constitúa un incumprimento das súas obrigas.

2. –As faltas graduaranse atendendo a súa importancia, transcendencia, voluntariedade e malicia na súa comisión, en: leves, graves e moi graves.

 

Art. 28.– Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

1.–Tres faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ao traballo, no período dun mes. 2.–Faltar un día ao traballo sen a debida autorización ou sen causa xustificada.

3. –Non cursar no momento oportuno a comunicación correspondente, cando se falte ó traballo por motivo xustificado, salvo que se probe a imposibilidade de facelo.

4. –O abandono ou ausencia do posto de traballo, sen previo aviso ou autorización, aínda que sexa por breve tempo. 

5.–Pequenos descoidos na conservación do material, equipos e instalacións da empresa.

6. –Non atender aos clientes coa corrección e dilixencia debida.

7. –As discusións con outros traballadores dentro das dependencias da empresa ou durante calquera acto de servizo sempre que non sexa en presenza dos clientes.

8. –A embriaguez ocasional.

9. –Non comunicar calquera cambio de domicilio ou os demais datos que permitan o contacto ou comunicación coa empresa.

 

Art. 29.– Faltas graves.

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1.–Máis de tres faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, no período dun mes. 

2.–Faltar ao traballo dous días no período dun mes sen a debida autorización ou sen causa xustificada.

3. –O abandono ou ausencia do posto de traballo, sen previo aviso ou autorización se, como consecuencia de tal actuación, se causase algún prexuízo á empresa.

4. –A neglixencia no traballo que afecte á boa marcha do mesmo.

5. –As discusións con outros traballadores dentro das dependencias da empresa ou durante calquera acto de servizo cando se produza en presenza dos clientes ou cando estes teñan coñecemento das mesmas.

6. –A asistencia reiterada ao traballo en estado de embriaguez ou toxicomanía.

7. –Calquera falsidade ou inexactitude deliberada nos partes ou documentos de traballo, ou a negativa a súa formali- zación, así como proporcionar falsa información á dirección da empresa, ou aos seus superiores en relación co traballo.

8. –A inxustificada delegación de funcións ou traballo en persoal de inferior rango laboral ou non cualificado para a súa realización.

9. –A diminución voluntaria do rendemento do traballo normal ou pactado.

10. –Non informar coa debida dilixencia á empresa de calquera anomalía que observe no material, equipos ou instala- ción da empresa.

11. –Descoidos de importancia na conservación do material, equipos e instalacións da empresa, que repercutan na boa marcha do servizo.

12. –Alegar motivos falsos para a obtención de licencias ou permisos.

13. –A comisión de dúas faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre.

 

Art. 30.–Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

1. –Máis de seis faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo no período de un mes, ou mais de dez nun período de tres meses.

2. –Faltar ao traballo mais de tres días no período de un mes, ou máis de cinco días nun período de tres meses, sen a debida autorización ou sen causa xustificada.

3. –O fraude, a deslealdade, ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como facer negociacións de comercio ou industria por conta propia ou doutra persoa sen expresa autorización da empresa, así como a competencia desleal na actividade da mesma.

4. –O roubo, furto ou malversación cometidos tanto á empresa como aos compañeiros de traballo ou calquera outra persoa, dentro das dependencias da empresa ou durante a xornada laboral en calquera outro lugar.

5. –Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar despezamentos de forma maliciosa en materiais, equipos, instalacións,e documentos da empresa.

6. –A condena por sentencia firme por delitos de roubo, furto, así como calquera outros delitos que puideran implicar desconfianza da empresa respecto ó seu autor, aínda cando estes foran cometidos fóra da empresa.

7. –A embriaguez ou toxicomanía habitual que repercuta negativamente no traballo.

8. –A falla de sixilo profesional divulgando datos, informes ou antecedentes que poidan producir prexuízo de calquera tipo á empresa, así como viola-lo secreto da correspondencia ou de documentos reservados da empresa.

9. –Os malos tratos de palabra ou obra ou faltas graves de respecto e consideración ós superiores, compañeiros ou subordinados.

10. –Toda conduta, no ámbito laboral, que atente gravemente ao respecto da intimidade e dignidade mediante a ofensa, verbal ou física, de carácter sexual. Se considerará circunstancia agravante o feito de que a referida conduta se leve a cabo con prevalencia da posición xerárquica.

11. –A diminución voluntaria, continuada e persistente no rendemento normal ou pactado.

12. –A comisión de dúas faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun período de seis meses.

 

Art. 31.– Graduación das sancións.

1. –As sancións que poderá impoñer a empresa en cada caso, graduaranse atendendo á gravidade da falta cometida,podendo ser as seguintes:

a) Por faltas leves:

Amoestación verbal.

Amoestación escrita.

Suspensión de emprego e soldo ata 1 día.

b) Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de 2 a 10 días.

c) Por faltas moi graves.

Suspensión de emprego e soldo de 11 a 60 días. 

Despido.

2. –Para a aplicación e graduación das sancións que anteceden, terase en conta:

a) O maior ou menor grao de responsabilidade do que cometeu a falta.

b) A categoría profesional do mesmo.

c) A repercusión do feito nos demais traballadores e na empresa.

 

Art. 32.– Réxime das sancións.

Corresponde á dirección da empresa a facultade de imposición de sancións nos termos estipulados no presente convenio.

A sanción de faltas moi graves precisará de comunicación escrita ao traballador e ao delegado de persoal, facendo constar de forma clara os feitos que a motivan e a data de comisión.

 

Art. 33.– Prescrición das sancións.

A facultade da dirección da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves aos dez días, para as faltas graves aos trinta días e para as faltas moi graves aos sesenta días a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, aos seis meses de terse cometidas.

 

CAPÍTULO XI.–RÉXIME DE INAPLICACIÓN DO CONVENIO

 

Art. 34.– A non aplicación das condicións pactadas no convenio.

1.–No caso de concorrer os supostos e circunstancias previstas no artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores para unha eventual non aplicación das condicións de traballo alí establecidas, e no suposto de que a negociación entre a empresa e a representación legal dos traballadores non chegara a bo fin, as partes se comprometen e obrigan a acudir sucesivamente e por este orde aos seguintes procedementos e medios:

1.º.–Comisión paritaria do convenio.

2.º.–Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de solución de conflitos de traballo ( AGA). 2.–En calquera dos procedementos citados anteriormente, a empresa debera aportar a documentación seguinte:

a) Contas anuais dos dous últimos exercicios.

b) Plan de viabilidade para o período en que se pretende poñer en práctica as medidas de non aplicación e a xustifica- ción económica da mesma.

3. –Os membros da comisión paritaria e o representante dos traballadores, no seu caso, están obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos ós que tiveran acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo elo, sixilo profesional.

 

ANEXO I

 

TÁBOA DE SALARIOS 

ANO 2016

 

TABLA

(Omitida. Consultar PDF de la disposición)

 

ANO 2017

 

TABLA

(Omitida. Consultar PDF de la disposición)

 

ANO 2018

 

TABLA

(Omitida. Consultar PDF de la disposición)

 

TÁBOA DE SALARIOS ANOS 2019 (1,5%)

 

TABLA

(Omitida. Consultar PDF de la disposición)

 

TÁBOA DE SALARIOS ANOS 2020 (2%)

 

TABLA

(Omitida. Consultar PDF de la disposición)

 

TÁBOA DE SALARIOS ANOS 2021 (2%)

 

TABLA

(Omitida. Consultar PDF de la disposición)

 

ANEXO II

 

TÁBOA DE CONCEPTOS EXTRA SALARIAIS ANOS 2016-2021

DIETA COMPLETA CON ALOXAMENTO 75,00 € 

DIETA COMPLETA SEN ALOXAMENTO 35,00 € 

MEDIA DIETA 20,00 €

LOCOMOCIÓN 0,28 €/km

 

2020/3326