C. Colectivo. Convenio Colectivo de Empresa de TECNICAS MEDIOAMBIENTALES TECMED, S.A. (NARON) (15003711012000) de Coruña

Empresa Provincial. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2008 en adelante

TIEMPO DE LECTURA:

Tipo Título F. Publicación Boletin F. Vigor Vigencia PDF
C. Colectivo Convenio colectivo de Urbaser, SA (recollida e transporte de USU e limpeza publica viaria do Concello de Naron) (codigo convenio 1503711) 07/07/2009 Boletín Oficial de A Coruña 01/01/2008 Vigente Documento oficial en PDF
Convenio colectivo de Urbaser, SA (recollida e transporte de USU e limpeza publica viaria do Concello de Naron) (codigo convenio 1503711) (Boletín Oficial de A Coruña núm. 152 de 07/07/2009)

Preambulo

Convenio colectivo de Urbaser, SA (recollida e transporte de RSU e limpeza pública viaria do Concello de Narón)

Visto o expediente do convenio colectivo de URBASER, S.A (recollida e transporte de RSU e limpeza pública viaria do Concello de Narón) (código convenio 1503711), que tivo entrada neste Departamento Territorial da Consellería de Traballo e Benestar o día 4.6.09 e subscrito pola parte económica pola empresa e pola parte social polos delegados de persoal o día 10.2.09, de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, Real decreto 1040/81, do 22 de maio, sobre Rexistro e Depósito de Convenios Colectivos de Traballo e Real decreto 2412/82, de 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, este Departamento Territorial

ACORDA:


PRIMEIRO.-

Ordena-la sua inscripción no Libro Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, obrante neste Departamento Territorial, e notificación ás representacións económica e social da Comisión Negociadora.


SEGUNDO.-

Ordena-lo depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (S.M.A.C).


TERCEIRO.-

Dispoñe-la sua publicación no Boletín Oficial da Provincia.

A Coruña, 10 de xuño de 2009.

O XEFE TERRITORIAL DE TRABALLO

Asdo.: José García García


CONVENIO COLECTIVO DO CENTRO DE TRABALLO DA SOCIEDADE URBASER S.A. NA SUA ACTIVIDADE DE RECOLLIDA E TRANSPORTE DE RESÍDUOS SÓLIDOS URBANOS E LIMPEZA PÚBLICA VIÁRIA DO CONCELLO DE NARÓN

 


Artigo 1º.Ámbito funcional.

O presente convénio estabelece e regula as condicións do persoal dos servizos de Recollida e Transporte de Resíduos Sólidos Urbanos e Limpeza Pública Viária, dependentes da empresa URBASER S.A. no seu centro de traballo do Concello de Narón.


Artigo 2º.Ámbito persoal.

Este convénio regulará as condicións de traballo de todos os traballadores e traballadoras que presten os seus servizos para a sociedade mencionada no artigo anterior, sendo de obrigatória e xeral observáncia. Excluen-se do ámbito do presente convénio os supostos contemplados no artigo 1.3.º e 2.º a) do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras.


Artigo 3º.Ámbito territorial.

Este convénio será de aplicación en todo o término municipal de Narón onde presten os seus servizos os traballadores e traballadoras da empresa URBASER S.A., sen prexuízo do estabelecido no artigo 1.4 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras.


Artigo 4º.Ámbito temporal.

O presente convénio entrará en vigor no dia seguinte da sua publicación no Boletin Oficial da Província d'A Coruña e terá unha duración de 1 de xaneiro de 2008 até 31 de decembro do 2009.

Unha vez rematada a sua vixéncia inicial ou a de calquer das suas prórrogas, que serán dun ano de duración, continuará rexendo o seu contido normativo até que sexa substituído por outro convénio.


Artigo 5º.Denúncia.

A denúncia do presente convénio deverá facer-se por escrito à outra parte e cun mínimo dun mes de antecedencia antes do seu vencimento ou de calquer das suas prórrogas.

A parte que promove a negociación deverá presentar proposta concreta sobre os pontos e contido para a negociación do seguinte Convénio.

As partes reunirán-se antes de transcorrido un mes a partir da recepción da proposta citada.


Artigo 6º.Vinculación à totalidade.

As condicións pactadas neste convénio forman un todo orgánico e indivisíbel que regulan todos os aspectos das relacións laborais entre as partes asinantes e serán consideradas globalmente a efectos da sua aplicación práctica.


Artigo 7º.Direito supletório.

Todos os aspectos que neste convénio colectivo non estivesen expresamente fixados, regularán-se polo disposto no Convénio Xeral do Sector de Limpeza Pública, Viaria, Regas, Recollida, Tratamento e Eliminación de Resíduos e Limpeza e Conservación da rede de Esgotos, Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e demais normas de carácter xeral, vixentes en cada momento.


Artigo 8º.Compensación e absorción.

As retribucións e percepcións comprendidas neste convénio colectivo compensarán e absorverán todas as existentes até o momento da sua entrada en vigor, calquer que sexa a natureza e orixe das mesmas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación, asi como convénios colectivos ou contratos individuais, só poderán afectar ás condicións pactadas no presente convénio, cando consideradas as novas retribucións en cómputo anual superen as aqui pactadas, en caso contrário, serán compensadas e absorbidas estas últimas, mantendo-se o presente convénio colectivo nos seus próprios termos e na forma e condicións en que fican pactadas.


Artigo 9º.Condicións máis beneficiosas.

Respeitarán-se as situacións económicas, persoais ou colectivas, que consideradas na sua globalidade, sexan máis beneficiosas que as fixadas no presente convénio, xa sexa en virtude de contrato individual ou de convénio colectivo subscrito conforme à lexislación laboral vixente.


Artigo 10º.Comisión paritária.

Cria-se unha comisión paritária que estará composta por un máximo de tres membros, un/unha representante da empresa, un das traballadoras e traballadores e un/unha presidente/a. Ambas as partes poderán por sua vez designar un asesor ou asesora, que poderá asistir às reunións con voz mais sen voto.

O presidente ou presidenta será designado de mútuo acordo entre as partes, e terá voz mais non voto.


Artigo 11º.Funcións da Comisión paritária.

a) Interpretar a aplicación da totalidade do contido do convénio.

b) Vixiar o cumprimento do pactado.

c) Estudar e valorizar as disposicións xerais promulgadas con posterioridade à sua entrada en vigor que afecten ao convénio.

d) Cantas outras tendan à maior eficácia práctica do convénio e veñan estabelecidas no seu texto.

A comisión reunirá-se a instáncia de calquer das partes, e prévio acordo de ambas, sobre o lugar, data e horas de celebración, que deverá efectuar-se no prazo máximo de 15 dias desde a solicitude. A reunión comprenderá tantas sesións como sexan necesárias.


Artigo 12º.Sistema salarial.

Considerará-se salário a totalidade das percepcións económicas dos traballadores e traballadoras, en diñeiro ou espécie, pola prestación profisional dos servizos laborais por conta allea, tanto retribuan o traballo efectivo, calquer que sexa a forma de remuneración, como os períodos de descanso computábeis como de traballo.

Non terán a consideración de salários as cantidades recebidas polo traballador ou traballadora en concepto de indemnización ou os suplidos polos gastos realizados como consecuéncia da sua actividade laboral, as prestacións e indemnizacións correspondentes a traslados, suspensións ou despedimentos.


Artigo 13º.Percepcións salariais e non salariais.

a) Salário base.-É aquela parte da retribución que se fixa entendendo exclusivamente a unidade de tempo. O seu importe será o que se fixa nas táboas salariais anexas.

b) Plus de nocturnidade.-Estabelece-se un plus de nocturnidade mensal segundo as táboas salariais anexas, sen prexuízo de que se manteña a sua percepción por dia efectivo de traballo, para todos aqueles traballadores e traballadoras que presten os seus servizos nos horários comprendidos entre as 22:00 horas e as 06:00 horas. As cantidades fixadas na táboa salarial equivalen ao 25% do salário base diário.

c) Plus de perigosidade, penosidade e toxicidade.-Estabelece-se un plus de perigosidade, penosidade e toxicidade polo importe estabelecido nas táboas salariais anexas, sen prexuízo de que se manteña a sua percepción por día efectivo de traballo. As cantidades fixadas na táboa salarial equivalen ao 20% do salario base diário.

d) Plus de transporte.-Estabelece-se como suplido un plus de transporte mensal de carácter extra-salarial e indemnizatório, como compensación dos gastos de desprazamento dentro da localidade, asi como desde o domicílio até o centro de traballo polo importe estabelecido nas táboas salariais anexas.

e) Plus de actividade e calidade de traballo.-Estabelece-se un plus mensal de actividade e calidade no traballo a receber polas categorias e polo importe que se determina nas táboas salariais anexas, polo traballo efectivo desenvolvido.


Artigo 14º.Gratificacións extraordinárias.

Estabelecen-se catro (4) pagas extraordinárias correspondentes a xullo, Nadal, Marzo e Setembro, que serán pagadas da forma que segue:

a) Paga extraordinária de xullo, pola contia que se indica nas táboas, devengará-se do 1 de xaneiro a 30 de xuño do ano en que se receben.

b) Paga extraordinária de Nadal, pola contia que se indica nas táboas, devengará-se do 1 de xullo até 31 de decembro do ano en que se receben.

c) Paga de marzo, que será pola contia que se indica nas táboas e a sua retribuizón é do 1 de xaneiro a 31 de decembro, sendo o seu pagamento en marzo do ano seguinte.

d) Paga de Setembro, que será pola contia que se indica nas táboas salariais anexas, e a sua retribuizón será anual, xerándose do 1 de xaneiro a 31 de decembro do ano anterior ao seu cobramento. Para o ano 2009 o seu valor será do mesmo importe que o do resto das pagas extraordinárias.

As datas de cobramento dos citados pagamentos será para cada unha delas, os seguintes dias:

- Paga de marzo.-15 de marzo

- Paga de xullo.-15 de xullo.

- Paga de Nadal.-15 de decembro.

- Paga de setembro.-De 1 a 15 de setembro.


Artigo 15º.Horas extraordinárias.

Perante a grave situación de desemprego existente, e co obxectivo de favorecer a criación de emprego, a empresa compromete-se a reducir na medida do posíbel a realización de horas extraordinárias. No caso de existir a necesidade de realización das mesmas, os seus importes fixos non revisábeis serán para o ano 2008 de 13,75 euros/hora e para o ano 2009, de 14,18 euros/hora.


Artigo 16º.Horas extraordinárias estruturais.

Dado o carácter público dos servizos que se prestan nesta actividade, considerarán-se horas extraordinárias estruturais todas aquelas que se precisen para a finalización dos servizos concretados pola prolongación de tempos que se realicen motivados ben sexa por auséncias imprevistas, ben por procesos pontuais de produción non habituais e outras situacións estruturais derivadas da natureza do traballo de que se trata, todo isto, ao amparo do disposto na O.M. de 1 de Marzo de 1983, sendo a sua execución obrigatória para o traballador ou traballadora.


Artigo 17º.Pagamento do salário.

Os salários abonarán-se pola empresa entre os dias 1 e 5 de cada mes seguinte ao da sua xeración ou no dia seguinte a este último se fose festivo.


Artigo 18º.Xornada laboral.

Para os anos de vixéncia do presente convénio a xornada laboral será de 40 horas semanais, tanto en xornada contínua como partida. En xornada contínua os traballadores e traballadoras gozarán de 20 minutos de descanso para o bocata, considerando-se como tempo efectivo de traballo.

O tempo de traballo computará-se de xeito que, tanto ao comezo como à finalización da xornada diária o traballador ou traballadora encontrará-se no seu posto de traballo coa roupa de traballo pertinente e en disposición de realizar o seu labor.

A partir do 1 de xaneiro de 2009 o persoal a xornada completa traballará sábados alternos, isto é, traballará-se un sábado e descansará-se no seguinte. Sendo portanto a xornada diária a traballar de 6 horas e 40 minutos, independentemente de que se traballen seis ou cinco dias na semana segundo corresponda descansar en sábado ou non.


Artigo 19º.Incapacidade temporal.

No caso de baixa por incapacidade temporal derivada de accidente laboral ou enfermidade profisional, contraída como consecuéncia da prestación do traballo neste centro, a empresa complementará até o 100% do salário real ordinário segundo o Convénio. No caso de maternidade ou hospitalización, tamén terá direito a dito complemento, que será abonado mediante pagamento directo através do INSS.

No caso de enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará o 100% do salário real ordinário segundo o Convénio.

Non terán estes complementos aqueles traballadores e traballadoras que non teñan direito ao cobro do subsídios ou prestacións oficiais que outorga a Seguridade Social ou a mútua correspondente. As pagas extras non se verán afectadas no seu importe habitual pola situación de I.T.


Artigo 20º.Vacacións.

Todo o persoal terá anualmente 30 dias naturais de vacacións ao ano.

O período de desfrute das vacacións será nos meses de xullo, agosto e setembro.

A remuneración do traballador ou traballadora que se encontre de vacacións durante a vixencia do Convénio será a que figura nas táboas salariais anexas.


Artigo 21º.Clasificación do persoal.

Esta clasificación de persoal é enunciativa e non presupón estaren cobertas todas as suas prazas.

Mandos intermédios.-O grupo de mandos intermédios é composto polas seguintes categorías:

- Capataz.-Ás ordes do Delegado/a, ou da persoa en quen este delegar, ten ao seu cargo persoal operário ao que dirixe, vixia e ordena o seu traballo. Posui coñecimentos completos dos ofícios e das actividades dos distritos ou zonas e dotes de mando suficientes para manter a devida disciplina e que se obteñan os rendementos previstos.

Persoal operário.-O grupo de persoal operário é composto polas seguintes categorías:

- Condutor/a.-Deve estar en posesión da carta de conducir correspondente, clase C (antes C2) ou superior, e ter os coñecimentos necesários para executar toda a clase de reparacións, que non requeiran elementos de taller. Coidará específicamente de que o veículo ou máquina que conduce saia do parque nas devidas condicións de funcionamento.

Ten ao seu cargo o manexo e condución das máquinas ou veículos remolcados e sen remolcar próprios do servizo. Responsabilizará-se do mantemento e axeitada conservación da máquina ou vehículo que se lle designe, asi como de observar as prescricións técnicas e de funcionamento dos mesmos.

- Peón.-Traballador ou traballadora encargado de executar labores para as que non se requeira nengunha especialización profisional nen técnica. Poden prestar os seus servizos indistintamente en calquer servizo dos centros de traballo. No entanto, alén dos seus labores habituais de peón poderá manexar e/ou conducir varredoras, baldeadeiras ou calquer outro veículo ou máquina cuxo peso máximo autorizado (PMA) sexa inferior ou igual a 3.500 Kg e/ou que precisen carta de conducir clase A, B, ou inferior.

- Mecánico/a.-Operário ou operária que con coñecimentos teórico-práctico do ofício executan os cometidos do seu ofício coa suficiente perfección e eficácia.

Grupos administrativos:

- Auxiliar administrativa ou administrativo.-Empregado ou empregada que adica a sua actividade a operacións elementais e administrativas e, en xeral, às puramente mecánicas inerentes ao traballo da oficina.

Calquer outra categoria que exista no centro de traballo de Narón e que non se corresponda aos grupos mencionados anteriormente, integrará-se nalgunha das estabelecidas no convénio xeral do sector e conforme ao que estabelece a Comisión Paritária.


Artigo 22º.Roupa de traballo.

A roupa de traballo compoñerá-se das seguintes pezas de vestiário:

Uniforme de verán: cazadora, pantalón, xersei e camisa. Calzado.

Uniforme de inverno: cazadora, pantalón, xersei e camisa. Calzado.

Entregarán-se botas de seguridade cando os traballos que se efectuen asi o requeiran. Igualmente, entregará-se anoraque máis pantalón para os condutores ou condutoras, e para as/os peóns, un ano anoraque, e outro ano roupa de auga.


Artigo 23º.Seguridade e Hixiene no traballo.

Estará-se ao disposto na Lei de Prevención de Riscos Laborais, tendo o delegado ou delegada de prevención direito ao mesmo creto horário que os representantes dos traballadores e traballadoras de URBASER S.A de Narón.


Artigo 24º.Fondo de axuda escolar.

Para os anos de vixencia deste convénio criará-se un fondo de axuda escolar por un importe de 1502,53 euros para repartir entre os traballadores e as traballadoras de URBASER S.A en Narón que teñan fillos e fillas en idade escolar contra factura de gastos escolares oficiais (Preescolar, Educación Primaria, E.S.O, 1.º e 2.º de Bacharelato, e Universitário).


Artigo 25º.A póliza de accidentes.

Para os casos de accidente de traballo con resultado de morte dun traballador ou traballadora, a empresa contratará a correspondente apóliza de seguro a favor de quen determinar o traballador ou traballadora consistente nunha indemnización de 18.030,36 € (dezaoito mil e trinta euros con trinta e seis céntimos).

Se como resultado de accidente laboral o traballador ou traballadora sofrese unha incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, o importe da indemnización será igualmente de 18.030,36 € (dezaoito mil e trinta euros con trinta e seis céntimos).


Artigo 26º.Retirada da Carta de conducir.

No caso de que sexa retirado a carta de conducir a un condutor ou condutora por accións cometidas e feitos producidos dentro da xornada laboral de traballo, a empresa asignará-lle un traballo igual ou equivalente, se existise nese momento, e terá direito à percepción dos salários da sua categoria de condutor ou condutora durante 1 ano. Transcorrido este período pasará a perceber o salário correspondente à categoria que se encontre desenvolvendo.

No suposto de que a sanción que derive na retirada da carta de conducir se produza fóra da xornada laboral, procederá-se a negociar individualmente con cada traballadora ou traballador afectado, dentro das marxes legais estabelecidas nos artigos 39 e 41 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, unha adecuación ao seu novo posto mentres durar a sanción que motivou a retirada da citada carta de condución.

Os benefícios contemplados no presente artigo non serán de aplicación cando as causas de retirada da carta de condución sexan por conducir baixo influéncia de drogas tóxicas, estupefacientes ou bebidas alcoólicas, pola negativa a realizar os contróis que para detectaren ditas circunstáncias requeira a autoridade competente, pola privación que sexa causa dun delito contra a seguridade do tráfico ou por un feito intencionado asi como por calquer outro comportamento do traballador/a que sexa considerado un delito doloso ou comportamento reincidente.


Artigo 27º.Incremento salarial.

Acorda-se un incremento salarial para os anos de vixéncia do presente convénio colectivo, anos 2008 e 2009, equivalente aos importes que por cada concepto retributivo e ano de vixéncia se estabelece nas táboas salariais anexas.


Artigo 28º.Dias de libre disposición.

Os traballadores e as traballadoras terán 4+1 dias de libre disposición ao ano, supeditado este último dia, quinto dia de libre disposición, a que o absentismo non supere o 15% no ano anterior ao seu desfrute. A sua solicitude terá que efectuarse con polo menos 72 horas de antecedencia e por escrito. Salvo aceptación pola empresa, en caso nengún poderán coincidir dous ou máis traballadores e traballadoras nas mesmas datas de desfrute dos dias de libre disposición, podendo acumular como máximo dous dias de libre disposición.

En todo o caso estará-se à orde de presentación das solicitudes de desfrute dos dias de libre disposición.

A sua concesión pola empresa, e portanto o seu desfrute, estará en todo o caso supeditado às necesidades de organización do servizo, dado o carácter público que ten a actividade.

En caso nengún poderá-se acumular entre si as vacacións ou festivos.


Artigo 29º.Plus de festivos.

Para o caso de que un traballador ou traballadora de xornada semanal completa teña que prestar os seus servizos en festivo abonará-se-lle para o ano 2008 e 2009, respectivamente, as cantidades fixas non revisábeis de 91,13 euros (2008), e 93,99 euros (2009), por xornada diaria completa traballada, compensando-se ademais con un (1) dia de descanso.

No caso de dous (2) dias festivos consecutivos, e se as necesidades do servizo asi o requeren, terá-se que traballar necesariamente un deles.

No caso de tres (3) dias festivos consecutivos, e se as necesidades do servizo o requeren, terá-se que traballar necesariamente o do médio.


Artigo 30º.Licenzas retribuídas.

Respeito das licenzas retribuídas estará-se ao contemplado no Estatuto dos Traballadores e Traballadoras no seu artigo 37.3., coa seguinte excepción:

- No caso de enfermidade grave ou falecemento de familiares en primeiro grau tres dias (3).


Artigo 31º.Promoción e ascensos.

As vacantes de superior categoria que se produzan no cadro de persoal cubrirán-se segundo as bases da convocatória polo persoal cun mínimo dun ano de antigüidade, comunicando o seu interese en participar no proceso nun prazo de sete dias seguintes à data da convocatória.

As probas do concurso serán:

- De coñecimento teórico-profisionais.

- De coñecimento prático-profisionais.

- De antigüidade, no caso de igualdade de pontuación.

Cada unha das probas pontuarán segundo os critérios da ou do examinador independente, profisional autorizado na matéria, que designe a Empresa. Os coñecimentos teóricos-profisionais terán un valor máximo do 40% do total da pontuación da proba, podendo-se pór á disposición dos e das aspirantes o temário correspondente.

O resultado final da suma de todas as valoracións indicadas dará a pontuación do/da aspirante e servirá para adxudicar as prazas vacantes.

As faltas que figuren no expediente do/da concursante serán penalizadas na orde que segue:

- Falta moi grave: 15% da pontuación.

- Falta grave: 10% da pontuación.

- Falta leve: 5% da pontuación.

Os períodos de proba serán os estabelecidos no Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras e no Convénio Xeral do Sector da limpeza pública.

O comité de empresa, ou os delegados e delegadas de persoal mancomunadamente, proporán á dirección da empresa o nomeamento do ou da representante que terá coñecimento e seguirá o proceso. Dando-se translado por escrito do anúncio da convocatória e das suas bases.

Se as vacantes ficasen desertas no prazo dos sete dias da data do anúncio da convocatória escrita, a empresa terá a liberdade de cubrir as correspondentes vacantes através da libre designación, ou da contratación externa.


Artigo 32º.Xubilación parcial antecipada.

Ao amparo do disposto no artigo 166.2.º do R.D. Lexislativo 1/1994, de 20 de xuño e do artigo 12.6.º do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, modificados nas suas últimas redaccións dadas pola Lei 40/2007, de 4 de Decembro, e co fin de impulsar a celebración de contratos de relevo, poderán acceder á xubilación parcial os traballadores e as traballadoras a xornada completa incluídos dentro do ámbito de aplicación do presente Convénio Colectivo que, cunha antigüidade anterior à xubilación que oscila segundo o transcurso do período transitório incorporado na disposición transitória decimosétima da Lei 40/2007, e que se detalla na cadro incluído no presente artigo, opten por xubilarse a tempo parcial a partir dos 60 anos de idade real, finalizando o período transitório non poderá ser a idade de xubilación inferior aos 61 anos reais, e antes de alcanzar os 65 anos que, tendo direito segundo a actual lexislación à xubilación total, reunan así mesmo, as condicións xerais exixidas para teren direito à pensión contributiva de xubilación da Seguridade Social. Dita acreditación efectuará-se apresentando perante a empresa o certificado orixinal de vida laboral, o infome da entidade xestora que certifique estas condicións xerais, xuntamente co escrito do interesado ou interesada dirixido à empresa solicitando acoller-se à xubilación parcial antecipada cunha antedencia de, polo menos, tres meses da data prevista para a xubilación.

Concertando paralelamente coa Empresa un contrato a tempo parcial reducindo a sua xornada e salário. Ademais, será necesário que, no momento do inicio da situación de xubilación parcial, o interesado ou interesada non se encontre en nengunha das causas de suspensión de contrato de traballo prevista pola lexislación vixente.

A porcentaxe na que se poderá solicitar a xubilación parcial unha vez transcorrido o período transitório será como máximo no 75% mantendo-se a prestación laboral do traballador ou traballadora ao servizo da empresa como mínimo no 25% restante da xornada. Apesar do anterior, mediante acordo entre empresa e traballador ou traballadora, poderán estabelecer-se porcentaxes distintas, sempre que se respeitaren as porcentaxes máxima e mínima estabelecidas anteriormente.

Dita relación laboral instrumentará-se mediante a subscrición dun contrato a tempo parcial e por escrito en modelo oficial. A prestación laboral, descansos e vacacións, deverá realizar-se de modo ininterrompido durante os meses de xullo, agosto e setembro, salvo pacto en contrário, e nas quendas e horários que estabeleza a empresa para cada traballador ou traballadora. Sen embargo, a prestación laboral, estará condicionada à data de solicitude, estabelecendo a empresa a data de prestación en caso de non ser posíbel realizá-la nos meses mencionados anteriormente.

O salário a pagar en contraprestación polo traballo será o correspondente da xornada efectivamente realizada e abonará-se no remate de cada un dos meses en que se traballa, liquidando-se no último período mensal de traballo, as partes proporcionais das retribucións de devengos superiores ao mes.

A empresa celebrará simultaneamente un contrato de traballo de relevo cun traballador ou traballadora en situación legal de desemprego ou que tivese concertado coa empresa un contrato de duración determinada, no cal terá de cesar prévia e obrigatoriamente, co obxecto de substituir a xornada deixada vacante polo traballador ou traballadora que se xubila parcialmente. A duración deste contrato será igual ao tempo que falte ao traballador ou traballadora substituído para alcanzar a idade de 65 anos, salvo que o traballador ou traballador substituído cesase con anterioridade ao servizo da empresa por calquer causa, en cuxo caso se extinguirá igualmente o contrato de traballo do relevista.

A xornada do traballador ou traballadora relevista será a que prestaba o traballador ou traballadora que se xubila parcial e antecipadamente. Por outra banda, o posto de traballo do traballador ou traballadora relevista poderá ser calquer dos que corresponda ao mesmo grupo profisional ou categoria equivalente do traballador ou traballadora substituído. Cando devido aos requerimentos específicos do traballo realizado pola/a xubilado parcial, o posto de traballo que vaia desenvolver o relevista non pode ser o mesmo ou un similar que o do xubilado parcial, deve existir unha correspondéncia entre as bases de cotización de ambos, nos termos previstos no R.D. Lexislativo 1/1994, de 20 de xuño.

O contrato de traballo a tempo parcial subscrito co traballador ou traballadora parcialmente xubilado terá unha duración igual da que, no momento da sua celebración, lle resta a aquel ou aquela para alcanzar a idade de 65 anos, momento no que se extinguirá dito contrato de traballo, devendo pasar de xeito forzoso dito traballador ou traballadora à situación de xubilación total e/ou definitiva.

Em matéria de incapacidade temporal, vistas as especiais circunstáncias de prestación de servizos de persoal que se acolla à xubilación parcial regulada neste convénio, estabelece-se, como excepción ao rexime convencional previsto neste convénio colectivo, que non será de total aplicación a este persoal a regulación contida nos artigos de incapacidade temporal, de maneira que tais traballadores ou traballadoras só terán direito ao complemento de até o 100% da sua retribución mensal reflectida na táboa salarial durante o período en que estexan de alta e efectivamente traballando na empresa, no caso de accidente laboral ou enfermidade profisional. Estándose no resto dos casos ao estabelecido na Lei Xeral da Seguridade Social e demais normas de aplicación.

As indemnizacións e direitos concedidos no vixente convénio colectivo para os casos nos que como consecuéncia de accidente de traballo se produza morte, incapacidade laboral permanente absoluta ou grande invalidez, serán-lles recoñecidos na sua integridade aos traballadores e traballadoras xubilados parcialmente, unicamente no caso en que a baixa médica, que tivese sido a orixe de ditas continxéncias, ou do falecimento, se produciren durante o período no que o traballador ou traballadora estivese prestando os seus servizos efectivos profisionais para a empresa.

Aos traballadores e traballadoras xubilados parcialmente entregará-se-lles a roupa de traballo que corresponda segundo o período do ano que for, verao ou inverno, en que inicien a sua prestación de servizos.

En todo o caso, no reflectido expresamente neste artigo estará-se ao principio de proporcionalidade en relación à xornada efectiva de traballo contratada.

Este artigo ficará sen efeito no suposto de derrogación da norma que o ampara.

Período transitório para a implantación da nova xubilación parcial antecipada regulada na Lei 40/2007, de 4 de decembro:

1.º ANO

2.º ANO

3.º ANO

4.º ANO

5.º ANO

6.º ANO

7.º ANO

(1/1/2008 ao 31/12/2008)

(1/1/2009 ao 31/12/2009)

(1/1/2010 ao 31/12/2010)

(1/1/2011 ao 31/12/2011)

(1/1/2012 ao 31/12/2012)

(1/1/2013 ao 31/12/2013)

(1/1/2014 ao 31/12/2014)

Idade efectiva

60 anos

60 + 2 meses

60 + 4 meses

60 + 6 meses

60 + 8 meses

60 + 10 meses

61 anos

Antigüidade na empresa

2

3

4

5

6

6

6

Período de

cotización

18

21

24

27

30

30

30

Intervalo de redución de xornada

25-85%

25-82%

25-80%

25-78%

25-75%

25-75%

25-75%


DISPOSICIÓNS FINAIS

 


D.F. 1ª.-

En virtude do estabelecido no artigo 33 do Convénio Xeral do Sector, o complemento persoal de antigüidade é substituído polo Plus de Actividade e Calidade no Traballo da alínea e) do art. 13 do presente Convénio.


D.F. 2ª.-

Todas as referéncias feitas no texto do presente Convénio aparentemente ao xénero masculino, aos efeitos dunha maior simplificación na redacción do texto, entenden-se feitas a un xénero neutro, isto é, afectan tamén ao xénero feminino, salvo naqueles casos en que por imperativo legal correspondan à muller traballadora.


DISPOSICIÓN TRANSITÓRIA

 


D.T. ÚNICA

Con carácter excepcional, para o ano 2008, única e exclusivamente, abonará-se aos traballadores e traballadoras os importes que segundo sexa a sua categoria se detallan a seguir, a través dunha paga extraordinária denominada "paga de adaptación ano 2008". Esta paga receberá-se a 15 de decembro de 2008 e o seu devengo será de 1 de xaneiro a 31 de decembro do mesmo exercício en que se paga: ano 2008. En calquer caso, a partir do 1 de xaneiro de 2009, abonarán-se única e exclusivamente as gratificacións extraordinárias reguladas no artigo 14 deste Convénio. Logo, unha vez aplicada esta "paga de adaptación ano 2008", esta disposición transitória perderá a sua eficácia, ficando absorbida e compensada a citada paga de adaptación coa retribución bruta anual pactada neste Convénio para o ano 2009.

Euros

Capataz

31,83

Condutor/a

31,83

Condutor/a noite

110,58

Peón

31,83

Peón noite

110,58


ANEXO

(TÁBOAS SALARIAIS DEFINITIVAS ANOS 2008 E 2009)

TÁBOA SALARIAL DEFINITIVA ANO 2008

URBASER S.A. NARÓN CATEGORÍA

SALARIO BASE

PLUS TÓXICO

PLUS ACTIVIDADE

PLUS TRANSPORTE

PLUS NOCTURNO

PAGA VERAO

PAGA NADAL

PAGA MARZO

PAGA SETEMBRO

MENSUALIDADE VACACIÓNS

RETRIBUCIÓN BRUTA ANUAL

CAPATAZ

982,04

160,24

147,17

120,67

1.410,12

1.410,12

1.410,12

855,06

1.410,12

22.006,87

CONDUTOR

893,02

145,71

62,18

120,67

1.221,59

1.221,59

1.221,59

760,79

1.221,59

19.084,61

CONDUTOR NOITE

893,02

145,71

62,18

120,67

182,14

1.221,59

1.221,59

1.221,59

760,79

1.221,59

21.088,17

PEON

778,94

127,1

54,46

120,67

1.081,18

1.081,18

1.081,18

690,59

1.081,18

16.908,23

PEON NOITE

778,94

127,1

54,46

120,67

158,88

1.081,18

1.081,18

1.081,18

690,59

1.081,18

18.655,86

[email protected]

910,31

220,02

120,67

1.251,01

1.251,01

1.251,01

775,5

1.251,01

19.540,59

Veces ano

11

11

11

11

11

11

1

1

1

1

TÁBOA SALARIAL DEFINITIVA ANO 2009

URBASER S.A. NARÓN CATEGORÍA

SALARIO BASE

PLUS TÓXICO

PLUS ACTIVIDADE

PLUS TRANSPORTE

PLUS NOCTURNO

PAGA VERAO

PAGA NADAL

PAGA MARZO

PAGA SETEMBRO

MENSUALIDADE VACACIÓNS

RETRIBUCIÓN BRUTA ANUAL

CAPATAZ

1.073,65

175,19

151,79

57,33

1.457,95

1.457,95

1.457,95

1.457,95

1.457,95

23.327,26

CONDUTOR

981,83

160,21

64,14

57,33

1.263,5

1.263,5

1.263,5

1.263,5

1.263,5

20.216,01

CONDUTOR NOITE

981,83

160,21

64,14

57,33

200,26

1.263,5

1.263,5

1.263,5

1.263,5

1.263,5

22.418,83

PEON

864,18

141,01

56,17

57,33

1.118,68

1.118,68

1.118,68

1.118,68

1.118,68

17.898,89

PEON NOITE

864,18

141,01

56,17

57,33

176,26

1.118,68

1.118,68

1.118,68

1.118,68

1.118,68

19.837,74

[email protected]

999,67

226,93

57,33

1.283,93

1.283,93

1.283,93

1.283,93

1.283,93

20.542,82

Veces ano

11

11

11

11

11

11

1

1

1

1

2009/9693