C. Colectivo. Convenio Colectivo de Sector de DOBRAXE (82000285011995) de Galicia

Sector Autonomico. Versión VIGENTE. Validez desde 01 de Enero de 2002 en adelante

TIEMPO DE LECTURA:

  • Código: 8200285
  • Código Nuevo: 82000285011995
  • Tipo: Sector
  • Ámbito: Galicia
  • Diario Oficial de Galicia nº 144 del 27/07/2006

    Convenio Colectivo de Sector de DOBRAXE Galicia Resolución do 26 de xuño de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da revisión salarial do convenio colectivo autonómico para o sector da dobraxe para o ano 2006. DOBRAXE Convenio Colectivo de Sector de DOBRAXE (82000285011995) de Galicia Preambulo Visto o texto para a revisión salarial do convenio colectivo para o sector da dobraxe, que subscribiu a comisión paritaria do

  • Código: 8200285
  • Código Nuevo: 82000285011995
  • Tipo: Sector
  • Ámbito: Galicia
  • Diario Oficial de Galicia nº 65 del 02/04/2003

    Convenio Colectivo de Sector de DOBRAXE Galicia Resolución do 27 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da revisión salarial do convenio colectivo do sector da dobraxe para o ano 2003. DOBRAXE Convenio Colectivo de Sector de DOBRAXE (82000285011995) de Galicia Visto o texto para a revisión salarial do convenio colectivo do sector da dobraxe, que subscribiu a comisión paritaria do referido convenio o 28 de...
Convenio Colectivo
Tipo Título F. Publicación Boletin F. Vigor PDF
C. Colectivo Resolución do 6 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector da dobraxe da Comunidade Autónoma galega. 26/06/2002 Diario Oficial de Galicia 01/01/2002
Convenio afectado por
Tipo Título F. Publicación Boletin F. Vigor PDF
Revision , Modificacion/Interpretacion Resolución do 26 de xuño de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da revisión salarial do convenio colectivo autonómico para o sector da dobraxe para o ano 2006. 27/07/2006 Diario Oficial de Galicia 01/01/2006
Revision Resolución do 27 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da revisión salarial do convenio colectivo do sector da dobraxe para o ano 2003. 02/04/2003 Diario Oficial de Galicia 01/01/2003

Resolución do 6 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector da dobraxe da Comunidade Autónoma galega. (Diario Oficial de Galicia núm. 122 de 26/06/2002)
Preambulo

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico do sector da dobraxe, que se suscribiu coa data do 10 de abril de 2002, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral

ACORDA:


Primeiro

Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.


Segundo

Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.


Terceiro

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2002. José Vázquez Portomeñe Director xeral de Relacións Laborais


CONVENIO COLECTIVO DO SECTOR DA DOBRAXE DA COMUNIDADE AUTÓNOMA GALEGA

 


CAPÍTULO I Disposicións xerais

 


Artigo 1º.-Obxecto e ámbito territorial.

O presente convenio regula as relacións entre as empresas de dobraxe e sonorización, tanto entre as existentes como entre as que se establezan nun futuro, que teñan o seu centro de traballo situado en Galicia, e os seus traballadores.


Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará á totalidade do persoal integrante da profesión encadrado nos distintos grupos profesionais.


Artigo 3º.-Ámbito temporal, revisión e denuncia.

Este convenio terá vixencia desde o 1 dexaneiro de 2002 ata o 31 de decembro de 2006.

Os salarios correspondentes ó ano 2002 son os que figuran no texto do convenio. Nos anos sucesivos, é dicir, 2003, 2004, 2005 e 2006, aplicarase unha revisión salarial para cada un dos anos segundo a escala seguinte, tomando como referencia o IPC real do ano anterior:

-No caso de que o IPC real fose inferior ou igual ó 2%, o incremento que se retribuirá consistirá nese IPC real, máis 2 puntos.

-No caso de que o IPC real sexa maior do 2% e inferior ou igual ó 3%, o incremento que se retribuirá consistirá nese IPC real, máis 1,5 puntos.

-No caso de que o IPC real sexa maior do 3% e inferior ou igual ó 4%, o incremento que se retribuirá consistirá nese IPC real, máis 1 punto.

-No caso de que o IPC real sexa maior do 4%, o incremento que se retribuirá consistirá nese IPC real, máis 0,5 puntos.

Quedará prorrogado por períodos anuais se, polo menos con 2 meses de antelación ó seu vencemento, non fose denunciado por calquera das partes.

No suposto de que non exista denuncia por calquera das partes, aplicarase unha revisión salarial, sobre tódolos conceptos económicos do convenio, igual ó IPC real resultante a 31 de decembro do ano anterior.

En calquera dos casos o convenio seguirá en vigor en toda a súa amplitude mentres non sexa substituído por outra redacción definitiva.


Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O pactado neste convenio non altera condicións máis beneficiosas que os traballadores poidan desfrutar en determinadas empresas, que serán mantidas estrictamente ad personam.


Artigo 5º.-Desvinculación salarial.

Este convenio, no ámbito da súa aplicación, entenderase, sempre, como de mínimos. Polo que calquera traballador/a independentemente da súa modalidade contractual, sempre quedará acollido como mínimo a tódolos dereitos que recolle este convenio, tanto sociais como económicos. De acordo coa actual lexislación, calquera empresa que necesite facer unha desvinculación salarial terá que negocialo, en primeiro termo, cos representantes dos traballadores, tanto no caso de que haxa ou non acordo, terá que ser transmitido á comisión paritaria do convenio, para que esta nun prazo máximo de dous meses decida se procede ou non a desvinculación e en qué condicións. Transcorrido este tempo, de non haber acordo, ámbalas partes se someterán ós mecanismos do AGA I.

Enténdese que as empresas que necesitasen facer utilización desta fórmula, terán que entregar toda a documentación que sexa requirida pola citada comisión paritaria.


CAPÍTULO II Rama técnico-administrativa

 


Artigo 6º.-Antigüidade.

A contía dos trienios estipúlase no 5% do salario base vixente a 31-12-2001.

Respectaranse as porcentaxes que se viñeran percibindo nalgunhas empresas sempre que se produzan condicións máis beneficiosas para o traballador/a.

A partir do 1-1-2002 non se xerarán novos trienios. A todos aqueles traballadores/as que a 31-12-2001 tiveran pendente de cumprir un novo trienio, aboaráselle- la parte proporcional correspondente ó tempo transcorrido desde a data do último trienio cumprido e o 31-12-2001, rateado por meses, e nas contías que se establecen no anexo III.

A suma das cantidades correspondentes ós trienios xa cumpridos e a derivada da aplicación do parágrafo anterior pasará a denominarse complemento de antigüidade consolidada, cantidade que non poderá ser absorbida nin compensada por ningún outro concepto ou cantidade. Este complemento non se verá afectado por revisións económicas posteriores.

O traballador, ó ascender de categoría profesional, conservará os trienios acreditados con anterioridade.


Artigo 7º.-Nocturnidade.

No caso de xornada nocturna, entre as 22.30 horas e as 7.30 horas, as retribucións correspondentes terán un incremento do 25%.

Cando o tempo de traballo nocturno supere o 50% da xornada, considerando día a día, aplicaráselle o incremento a toda a xornada, como se esta fose, na súa integridade, nocturna.


Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Quedan establecidas para tódalas empresas dúas gratificacións extraordinarias que se satisfarán os días 15 de xullo e de decembro.


Artigo 9º.-Enfermidade.

Establécese que no caso de enfermidade debidamente acreditada o persoal terá dereito, e por un ano, a que as empresas lles completen a diferencia existente entre as indemnizacións que deben percibir e o importe dos salarios establecidos.


Artigo 10º.-Desprazamentos e gastos de comida.

Cando por necesidades das empresas sexa preciso o desprazamento a un centro de traballo de concello distinto do centro de traballo habitual aboaránselles os traballadores, en concepto de axudas de custos, as seguintes cantidades: 0,17 A por quilómetro de desprazamento, 11,03 A por comida, ou 55,11 A por día de manutención e aloxamento.


Artigo 11º.-Xornada de traballo.

Na rama técnica a xornada de traballo, no seu cómputo semanal, será de 35 horas de luns a venres, ámbolos dous inclusive, en horarios das 7.45 ás 14.45 horas ou das 15.45 ás 22.45 horas.

O persoal de administración e producción terá unha xornada laboral semanal máxima de 39 horas. O horario será de mañá ou tarde ou de mañá e tarde.

Nos casos de xornada continuada, establécese un tempo de descanso de 15 minutos, que se considerará tempo de traballo efectivo.

En todo caso, tódolos traballadores e traballadoras, terán que ter un descanso, mínimo, ininterrompido de día e medio á semana.

Calquera modificación do horario terá que ser negociado entre os representantes legais dos traballadores e a empresa, e a posteriori terá que ser ratificada pola comisión paritaria do convenio.


Artigo 12º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de 30 días naturais para tódolos traballadores, e desfrutaranse entre os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, salvo que mediase causa para o seu desfrute en mes distinto; de ser esta allea ó traballador, incrementarase o período vacacional en cinco días.


Artigo 13º.-Táboas mínimas de contratación.

Os salarios base deste convenio transcríbense a continuación por categorías; terá carácter de táboa mínima para os efectos de contratación. As categorías figuran definidas no anexo I. Os ascensos de categoría faranse de acordo co Estatuto dos traballadores.

Táboa salarial

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)


Artigo 14º.-Normas complementarias.

No non previsto no presente convenio aplicarase o disposto pola legalidade vixente.


Artigo 15º.-Fixos-descontinuos.

Todo o persoal técnico-administrativo que no último ano prestara servicios durante, alomenos, 100 días, terá a consideración de fixos-descontinuos, segundo as condicións establecidas na normativa vixente sobre a materia.


CAPÍTULO III Rama artística

 


Artigo 16º.-Aspecto laboral.

A) Establecerase a xornada laboral permanente de luns a venres agás festivos, mediante convocatorias (CX) que dure como máximo seis horas e media, das 8 ás 14.30 ou das 16 ás 22.30 horas.

B) O persoal contratado fixo ou temporal terá un horario de mañá ou tarde para a súa xornada laboral de seis horas e media. O resto das horas ata completa-las 37.30 horas, realizaranse de mañá ou tarde, segundo os casos.

C) No caso de xornada nocturna, as retribucións terán a mesma consideración que no artigo 7º do presente convenio. Nas xornadas festivas, sábados e domingos as retribucións terán un incremento do 100%.

D) Nunha mesma CX non se incluirán takes de diferentes películas, de capítulos ou episodios de series diferentes, sexa cal for a súa duración, formato ou medio de explotación.

E) Tampouco se incluirán nunha mesma CX capítulos ou episodios diferentes dunha mesma serie salvo no caso de que a suma total dos tempos de proxección real non superen os trinta minutos.


Artigo 17º.-Dimensión do take.

Os takes terán como máximo nove liñas en total e cinco por personaxe, sen perder en ningún caso a continuidade do texto ou da imaxe. O take non poderá conter orixinais de máis de trinta segundos. Se por necesidades técnicas se superan estas medidas ata un máximo de 18 liñas en total, 10 por personaxe ou 60 segundos, contabilizarase un take máis a cada personaxe que repita intervención nas liñas seguintes. O mesmo sucederá se houbese máis de 10 segundos de silencio entre as intervencións dun mesmo personaxe.

A) Da liña: Unha liña equivale a sesenta espacios mecanografados.

Unha liña incompleta considerarase enteira aínda que só conteña unha palabra ou fracción dela.

Non se completarán liñas acumulando pés de diálogo.

Calquera expresión sonora do personaxe que se está a dobrar (risos, prantos, respiracións, etc.) contabilizarase a razón dunha liña por take.

B) Cancións e poesías. Os takes que impliquen ser cantados total ou parcialmente contaranse como takes dobres para os actores que canten.

O texto das cancións e poesías figurará en estrofas sempre que o guión orixinal da obra audiovisual así o recolla.

C) Así mesmo, tamén serán considerados dobres para o actor ó que correspondan aqueles takes que conteñan unha liña ou máis en idioma non oficial en Galicia.


Artigo 18º.-Definición de rolo.

Entenderase por rolo o equivalente a un máximo de 10 minutos de proxección real en calquera formato. Para efectos de medida de pagamento a axustadores, calquera fracción de rolo considérase como rolo enteiro, excepto no último rolo de cada producción que só se considerará rolo novo cando o posible exceso dos 10 minutos supere 1 minuto (só no caso de que non coincidan nunha mesma persoa a dirección e o axuste) .

En caso de que o director realice o traballo de axuste a unidade de facturación será o minuto para os dous traballos, a dirección e o axuste.

A duración da obra audiovisual entenderase desde o primeiro ó último minuto de proxección real en calquera formato.


Artigo 19º.-Probas de voz, reparticións.

O rexistro de escenas ou takes dunha película para seleccionar voces será retribuído cunha convocatoria (CX) e un take, independentemente do número de takes que se realicen, sempre e cando estes non sexan comercializados, en caso contrario facturarase o número real de takes realizados.


Artigo 20º.-Publicidade.

As tarifas para a dobraxe de traballos publicitarios acordaranse cos interesados cando sexan as empresas as que, directamente, contraten os servicios co persoal artístico. O tratamento económico será sempre superior ó que teña que ser pagado de acordo coa CX e take.


Artigo 21º.-Trailers e retakes.

A) Os trailers ou avances dunha película (sexa cal for o sistema utilizado na súa producción e proxección) só poderán incluírse na convocatoria da propia película acumulando ós desta os takes dobrados para o trailer. Se a convocatoria se fixera unicamente para o trailer, pagarase, ademais dos takes, a correspondente CX.

B) Para os efectos de axuste e dirección os trailers serán retribuídos de acordo coa súa duración real no caso de director-axustador. No caso de axustador serán considerados sempre como un rolo máis, independentemente daqueles que formen a película.

C) Os retakes serán considerados como convocatoria á parte. A CX só será retribuída no caso de que o traballador sexa convocado especificamente para este fin. En tódolos casos os retakes sempre serán retribuídos de acordo co tratamento económico do take que establece a táboa salarial do presente convenio.


Artigo 22º.-Repetición de papeis.

Un mesmo actor o actriz, calquera que sexa a súa forma de contratación, só poderá dobrar unha mesma película, capítulo ou episodio a máis de un personaxe cando a suma total dos takes nos que interveña non exceda do número de doce. Nunca será xustificable superar este número nin sequera percibindo unha nova CX. Para estes efectos non serán computables os chamados ambientes nin os títulos.


Artigo 23º.-Ambientes.

Enténdese por ambientes: as expresións sonoras concretas e breves emitidas por persoas integrantes dun grupo, como tales, sen se singularizar nin se individualizar e, por iso, sen esixir sincronía. s ambientes serán aboados como takes.

A duración máxima dos ambientes será de 60 segundos.


Artigo 24º.-Dobraxe de documentais.

A dobraxe de documentais ou semellantes que, sen esixir sincronía, esixan individualización, terá o tratamento en CX e takes que establece o presente convenio.

Considerarase take o dobre da medida establecida en liñas para o take dramático (artigo 17º) sen superar nunca os 30 segundos de duración.

Terá una tratamento establecido no artigo 16º a dobraxe de personaxes que si esixan sincronía.


Artigo 25º.-Dobraxe de películas sen son de referencia.

As tarifas salariais establecidas no presente convenio para takes, dirección e axuste, incrementaranse nun 100% nas dobraxes de películas ou fragmentos desta especialidade.

Nesta categoría non entrarán aquelas películas con son axeitado para a dobraxe, entendéndose por tal aquel que sendo audible e intelixible, teña correspondencia sincrónica cos labios do correspondente personaxe ou, no caso de narradores, exista, e podéndose da-lo caso de personaxes e/ou takes con son axeitado e outros que non o teñan, sendo de aplicación a estes últimos o establecido no primeiro parágrafo deste artigo.


Artigo 26º.-Cine de distribución.

As tarifas salariais establecidas no presente convenio para as distintas especialidades, incrementaranse nun 25% a maiores do valor establecido para a CX, take, minuto de dirección e minuto, ou rolo, de axuste, nas dobraxes de cine de distribución. incremento afectará por igual a todo o persoal da rama artística.


Artigo 27º.-Director de dobraxe.

O director de dobraxe será responsable da dobraxe da película ante a empresa.

Son súas as seguintes funcións:

a) Ver previamente a película encomendada para dobrar.

b) Propo-los actores e actrices que intervirán na dobraxe.

c) Propor co departamento de producción os plans de traballo para cada convocatoria.

d) Dirixir técnica e artisticamente os actores e actrices. Ficará na sala durante as convocatorias.

e) Efectua-la visión de control de cada dobraxe que lle fose encomendada cos representantes da empresa e co cliente.

Os dereitos e deberes do director de dobraxe defínense no anexo II.


Artigo 28º.-Axustador de diálogos.

É a persoa que, baseándose nunha traducción propia ou allea dos diálogos orixinais da película, os axusta e axeita ó propio ritmo narrativo da producción a dobrar posibilitando a sincronía de cada personaxe. Son funcións súas:

a) Ver previamente a película que a empresa lle encomenda para o seu axuste.

b) Colaborar co director de dobraxe e, se é o caso, co traductor, para unha mellor realización do seu traballo.

c) Facer que o guión da película chegue á sala en perfectas condicións de axuste.

d) As cancións rimadas e sincronizadas terán o tratamento económico que se acorde en cada caso, non estando incluídas no axuste normal.

e) A retribución polo traballo de axuste será independente de calquera outra que perciba o traballador que o realice.


Artigo 29º.-Contratación de profesionais.

A) Poderán outorgarse contratos de traballo de duración indefinida, temporal, ou por tempo certo ou obra determinada nas condicións establecidas no Estatuto dos traballadores.

B) Para os contratos indefinidos e temporais serán aplicables os artigos 6º, 7º, 8º, 9º, 10º e 12º do presente convenio.


Artigo 30º.-Remuneración.

A) Actores. Contratación por obra: 30,12 A/CX e 2,87 A/take. Contratación temporal ou indefinida: a súa retribución consistirá nun salario mínimo mensual de 955,06 A.

No suposto de realizar traballos fóra do horario fixado no presente convenio, remuneraranse segundo o establecido para a contratación por obra, é dicir, por CX e take.

B) Directores. Contratación por obra: 3,42 A/minuto dirección. Contratación temporal ou indefinida: a súa retribución consistirá nun salario mínimo mensual de 1.483,32 A.

No suposto de realizar traballos fóra do horario fixado no presente convenio, remuneraranse segundo o establecido para a contratación por obra, é dicir, por minuto de dirección.

C) Axustadores. Contratación por obra: 25,97 A/rolo axuste ou 2,59

A/minuto axuste, en caso de que coincidan nunha mesma persoa os traballos de dirección e axuste.

Contratación temporal ou indefinida: a súa retribución consistirá nun salario mínimo mensual de 955,06 A.

No suposto de realizar traballos fóra do horario fixado no presente convenio, remuneraranse segundo o establecido para a contratación por obra, é dicir, por rolo de axuste ou minuto de axuste.


Artigo 31º.-Forma de cobro.

As formas de cobro para os traballadores eventuais serán as seguintes:

a) Pago inmediato no día de traballo.

b) Pago mensual ata o día 10 de cada mes, no que se pagarán os traballos realizados o mes anterior.

Ó remate da CX a empresa expediralle ó traballador un recibo no que conste o traballo realizado e a remuneración correspondente.


Artigo 32º.-Medidas cautelares.

A) Os traballadores deberán ser convocados cun mínimo de 48 horas de antelación sempre que sexa posible.

B) A desconvocatoria de traballadores deberalles ser comunicada polas empresas ós interesados cun mínimo de 24 horas de antelación sobre a hora de comezo da convocatoria prevista, e de 48 horas de ser para personaxe fixo nunha serie.

C) O incumprimento do devandito obrigará a empresa ó pagamento dunha CX ós afectados como compensación parcial polos prexuízos que puidesen ocasionar.

D) O plan de traballo de convocatoria deberá estar exposto en lugar visible polos traballadores.

E) Comunicaráselle ó traballador o número de takes de que consta a súa convocatoria no momento de ser convocado.

F) A convocatoria para os actores con personaxe fixo nunha serie deberá facerse cun mínimo de unha semana de antelación.

G) A empresa entregará unha fotocopia da convocatoria que se vai realizar ós traballadores que a soliciten.


CAPÍTULO IV Rama artística, traductores

 


Artigo 33º.-Funcións.

A) O traductor é o responsable da traducción correcta do guión da película que se lle encomende a calquera idioma, destinado a dobraxe na empresa.

B) Deberá colaborar co director de dobraxe e co axustador para unha mellor comprensión do seu traballo.

C) Terá opción a asumi-las funcións de axustador de diálogos como xeito máis idóneo de realización do seu traballo, manténdose sempre como categorías distintas para tódolos efectos, excepto se se establecen polivalencias en traballadores contratados por tempo indefinido ou temporal nestas dúas categorías.

D) Por razóns de calidade e unidade de estilo, o traductor do primeiro capítulo dunha serie terá opción a traducir toda a serie.


Artigo 34º.-Aspecto laboral.

A) O persoal contratado terá un horario de mañá ou de tarde, na súa xornada continuada, ou de mañá e tarde para realiza-la súa xornada laboral semanal de 39 horas.

B) No caso de xornada-festiva ou nocturna as retribucións incrementaranse segundo a lexislación vixente.

C) A empresa dotará o traductor do material necesario para o desenvolvemento do seu traballo, segundo as indicacións deste.


Artigo 35º.-Dimensións do folio.

O folio constará dun máximo de 20 liñas mecanografadas. Un folio incompleto considérase folio enteiro.

Da liña: artigo 17º.


Artigo 36º.-ontratación de profesionais.

A) O persoal contratado por tempo certo ou indefinido terá unha xornada laboral semanal de 39 horas.

B) A este persoal seranlle aplicables os artigos 6º, 8º, 9º, 10º, 12º e 28º do presente convenio.


Artigo 37º.-Remuneracións.

Contratación por obra: 4,78 A/folio. Contratación temporal ou indefinida: 955,06 A/mes.


Artigo 38º.-Forma de cobro.

Aplicarase o artigo 31, do presente convenio agás no que se refire a ó remate da CX onde se empregará o concepto «ó se face-la entrega do traballo».


Artigo 39º.-Medidas cautelares.

A) A traducción farase a partir de guión e vídeo correspondentes.

B) No caso de ter que ser realizadas unicamente a partir do vídeo as tarifas incrementaranse un 100%.

C) De se-la traducción, total ou parcialmente, para subtítulos, e ser realizados estes polo traductor, as tarifas incrementaranse un 100% nos folios correspondentes.

D) A entrega ó traductor de guión e vídeo para traducir será feita cun mínimo de 3 días hábiles de antelación para tódolos casos que non superen os 50 minutos.

E) No caso de que a traducción teña que ser feita exclusivamente sobre vídeo e sen guión, a entrega deberase realizar cun mínimo de 4 días de antelación para tódolos casos que non superen os 50 minutos.

F) De solicita-la empresa a traducción para o día hábil seguinte, as tarifas incrementaranse nun 100%.


CAPÍTULO V Outras disposicións

 


Artigo 40º.-Saúde laboral.

Empresas e traballadores están obrigados a cumpri-la lexislación vixente en materia de saúde laboral.


Artigo 41º.-Documentación de control.

As empresas de dobraxe estarán obrigadas a gardar por un período de dous anos, a documentación que a continuación se relaciona:

-Vídeo de calquera obra audiovisual da que se faga dobraxe na empresa: longametraxes, series, documentais, etc.

-Guión da obra audiovisual no idioma ó que vai ser dobrada e no que figurarán os nomes do traductor e adaptador-axustador. O guión aparecerá cortado en takes coa súa correspondente numeración e os tempos de entrada e saída de cada take.

-Gráfico ou plan de producción onde aparecerán reflectidos:

* Tódalas personaxes da obra audiovisual ou do episodio desta e o nome dos actores e actrices que os interpretan.

* As diferentes sesións ou convocatorias nas que interveñen.

* Desagregación numérica de guión a interpretar en cada unha das sesións.

* Sinatura do director/a de dobraxe e a sinatura e selo da empresa.

-Folla de sala, na que deberá constar: * Datos da empresa de dobraxe contratante.

* Título orixinal e da versión dobrada da obra.

* Número de episodio se se trata dunha serie.

* Duración en minutos da obra ou episodio.

* Nome do adaptador-axustador.

* Nome do director.

* Nome de cada un dos artistas intérpretes co nome do personaxe ou personaxes interpretados por cada un dos actores ou o xenérico ambientes, se é o caso, coa suma total das intervencións.

* Horario da xornada, ou sesión, e a data.

* Sinatura do director/a e da empresa. A presente folla de sala debidamente cuberta deberá esta na sala ó iniciarse a xornada e deberá ser asinada polos actores e actrices ó remata-la súa convocatoria.

Este artigo entrará en vigor o día 1 de setembro de 2002. A documentación referida nel, estará a disposición da comisión paritaria do convenio e da autoridade laboral competente, a teor do establecido no artigo seguinte.


Artigo 42º.-Comisión paritaria.

1. Para unha mellor aplicación e seguimento do presente convenio colectivo, así como para a eficaz resolución das posibles discrepancias na súa interpretación e cumprimento, créase unha comisión paritaria.

2. A comisión paritaria estará formada por catro representantes por cada unha das partes asinantes do convenio, catro pola Asociación de Industrias Técnicas Galegas de Audio (AITEGA) , pola parte empresarial, e dúas por Comisións Obreiras (CCOO) e dúas pola Confederación Intersindical Galega (CIG) , pola parte social, e quedará constituída desde o momento da súa sinatura.

As partes poderán ir acompañadas de asesores, en número máximo de tres, por cada unha delas.

3. Serán funcións específicas da comisión paritaria:-Interpreta-lo contido do presente convenio, así como dirimir, en canto sexa posible, as dúbidas que poidan xurdir sobre a súa aplicación, interpretación e cumprimento.

-Para tales efectos, e ante calquera diverxencia ou dúbida no cumprimento do convenio, terá dereito a esixi-la documentación pertinente-a referida no artigo 40º, contratos, nóminas, etc.-, así como, requiri-la presencia das partes afectadas, a fin de emiti-lo correspondente dictame.

-Estudiar e promover cantas medidas tendan a consegui-la eficacia do presente convenio.

4. A comisión paritaria reunirase con carácter ordinario unha vez cada seis meses. Poderá ser convocada, con carácter extraordinario, por calquera das partes, debendo reunirse no prazo inescusable de sete días naturais, notificándose a convocatoria por escrito e fixando o lugar, a data e a hora de reunión así como a orde do día, segundo os asuntos a tratar.

5. Para efectos de notificación entre as partes, estas designan o domicilio do Consello Galego de Relacións Laborais, Algalia de Abaixo, 24, Santiago de Compostela, salvo posterior modificación que deberá constar na acta da reunión en que se notifique.

6. Sendo intención das partes xerar unha formación continua do colectivo de traballadores/as do sector, crearase unha comisión específica encargada de elaborar plans formativos para os profesionais do sector. Esta comisión encargarase de elevar estes plans ós organismos competentes para a súa execución e posible subvención.

Os cursos de cara ó exterior, terán que ser acordados no seo desta comisión, a que, en todo momento, terá que basearse para toma-las súas decisións en criterios de racionalidade, por necesidade de novas cordas e, en ningún caso, en criterios exclusivamente economicistas.


Artigo 43º.-Pagamentos.

As empresas están obrigadas a pagar con recibo oficial tódalas nóminas e convocatorias repercutindo nelas os descontos legais correspondentes.

Para o persoal da rama artística, xunto co recibo oficial de salarios-nómina-as empresas entregarán unha relación dos traballos feitos no período que se aboa, onde se faga consta-lo título da obra, número de episodios, de se-lo caso, número de convocatorias e número de takes realizados.


Artigo 44º.-Dereitos sindicais de orde xeral.

A) Os delegados do persoal terán os dereitos recoñecidos pola lei.

B) As centrais sindicais terán acceso ás empresas para informa-los traballadores sobre asuntos do seu interese, podendo utiliza-los taboleiros de anuncios que as empresas deberán ter á disposición dos traballadores.

C) As empresas facilitaranlles ós traballadores os seus locais para celebraren asembleas se son solicitadas en tempo e forma.


Artigo 45º.-Representación sindical.

Para os efectos de eleccións sindicais, e no referente ó artigo 72 do Estatuto dos traballadores e co obxecto de viabiliza-la existencia da representación sindical no sector, os/as traballadores/as do sector artístico terán a condición de fixos-descontinuos, todos/as aqueles/as que teñan un mínimo de 30 días cotizados no último ano inmediatamente anterior ó inicio do proceso electoral, no estudio pertinente.


Artigo 46º.

Toda cláusula contractual contraria ás estipulacións do presente convenio será considerada nula de pleno dereito.


ANEXO I

Designación de funcións con respecto ás seguintes categorías:

Xefe de son/vídeo. Responsable do departamento técnico. Estará capacitado para realizar calquera dos labores do seu departamento así como para efectua-lo control de calidade do producto final.

Técnico de son/vídeo. Capacitado para facer calquera tipo de rexistro sonoro, mesturas, sincronización e confección de soundtracks. En vídeo, capacitado para facer edición, subtitulados, insertos, etc. e vertelos no orixinal.

Operador de son/vídeo. Capacitado para facer rexistros en sala. En vídeo, encargado de facer copias, repicados e calquera outra función que non supoña a manipulación do orixinal. Eventualmente poderá realizar funcións de categoría superior.

Axudante de son/vídeo. Deberá estar sempre baixo o control dun operador de cabina, técnico de son ou xefe de son. Enténdese que no momento en que estea capacitado para realiza-las funcións de operador e comece a facelas sen asistencia superior, ascende á categoría de operador.

Técnico de mantemento. Encárgase da conservación bo funcionamento dos equipos e material eléctrico do estudio.

Xefe de administración. Persoal que asume baixo a dependencia directa da dirección, xerencia ou administración, o mando e responsabilidade do sector de actividades de tipo burocrático, tendo ás súas ordes o persoal que requiran os servicios.

Oficial administrativo. Empregado que se dedica dentro da empresa a operacións administrativas baixo as ordes do xefe do departamento.

Secretario de dirección. Profesionais ós que se lles esixe experiencia teórico-práctica en organización e métodos, con amplos coñecementos de taquigrafía, mecanografía e idiomas.

Secretario mecanógrafo. Persoal con coñecementos de organización, tramitación de documentación, atención ó público, taquigrafía e mecanografía.

Xefe de producción. Profesional que organiza e propón a totalidade da producción da película e a repartición desta en tódolos seus aspectos. Para desempeña- la súa misión deberá ter tódolos coñecementos técnicos necesarios para orientar nos seus respectivos traballos ó persoal ás súas ordes.

Axudante de producción. Está ás ordes do xefe de producción e interpreta e fai cumprir todo canto este lle ordene no que se refire á organización, repartición e convocatoria de película. Organiza as convocatorias e plans de traballo de acordo co director de dobraxe. Auxilia o director de dobraxe en todo momento durante o traballo en sala, actuando de conexión cos servicios técnicos e artísticos.

Auxiliar de producción. Persoal que se dedica a operacións diversas de producción, baixo as ordes do xefe de departamento.

Encargado de almacén. Funcións específicas do cargo.


ANEXO II

Dereitos e deberes do director de dobraxe en Galicia

1.

a) Recibi-lo guión (asinado polo traductor) e a cinta de vídeo correspondente coa antelación mínima dunha semana.

b) Recibi-lo guión con texto correcto (considérase incorrecto: falta de texto, relación incompleta ou equivocada de actores no take, mala presentación do guión, erros gramaticais, erros de concepto, etc.) .

2. Ter asignado un responsable de producción para cada traballo.

3. Achega-lo seu criterio artístico para determinar de acordo coa empresa o número e a extensión das convocatorias segundo a dificultade de cada traballo.

4.

a) O guión debe estar na sala sen rascaduras que dificulten o traballo do dobrador/a, técnico de cabina e do propio director, entregándoselle a este mecanografado se fose preciso despois do axuste.

b) O axuste do guión só lle corresponderá facelo ó director se se acordou previamente coa empresa.

5. A elaboración de convocatorias e planning de traballo, ou o reaxuste de convocatoria en sala, será feito polo departamento de producción, tendo informado ó director con antelación á execución do traballo.


ANEXO III

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)

DISPOSICIONES TRANSITORIAS

Disposición transitoria única

Nas empresas nas que exista a figura de montador, asimílase esta á categoría de técnico de son, manténdose a retribución que perciba, no caso de ser máis beneficiosa.