Acordo do 6 de xullo de 2005, de delegación de competencias do avogado do Estadosecretario do Tribunal Económico Administrativo Rexional de Galicia, nos secretarios delegados de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo como dependencias provinciais e local previstas no Real decreto 520/2005, do 13 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de desenvolvemento da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, en materia de revisión en vía administrativa. - Diario Oficial de Galicia, de 09-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 152
  • Fecha de Publicación: 09/08/2005

O día 27 de maio de 2005 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 520/2005, do 13 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de desenvolvemento da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, en materia de revisión en vía administrativa. Este real decreto, que entrou en vigor o 27 de xuño de 2005, contén normas sobre as dependencias provinciais e locais dos tribunais económico-administrativos rexionais naquelas cidades do seu ámbito territorial que non sexan sede do respectivo tribunal e prevé a delegación de funcións por parte do secretario do tribunal.

O artigo 28.6º do regulamento establece que «Cada tribunal económico-administrativo rexional terá unha dependencia provincial en cada capital de provincia do seu ámbito territorial que non sexa sede do respectivo tribunal ou das súas salas desconcentradas. Ademais, existirán dependencias locais nas seguintes cidades (...) d) Vigo, cuxo ámbito territorial coincidirá co da Delegación da Axencia Estatal da Administración Tributaria de Vigo».

O artigo 28.7º do regulamento sinala que «As dependencias provinciais terán competencia sobre o territorio da respectiva provincia ou sobre a parte do territorio na que non se estenda a competencia da dependencia local correspondente».

O artigo 30.9º do regulamento dispón «Correspóndelles aos secretarios a dirección e coordinación da tramitación das reclamacións económico-administrativas, ditar os actos de trámite e de notificación e impulsar de oficio o procedemento, así como aquelas outras tarefas que lles sexan encomendadas polo presidente».

O artigo 30.10º do regulamento establece que «Os órganos competentes situados nas localidades onde non radique a sede do tribunal ou das súas salas desconcentradas exercerán as funcións que lles delegue o secretario do tribunal ou da sala desconcentrada, así como aquelas tarefas que lles sexan encomendadas polo presidente do tribunal ou da sala desconcentrada».

Na súa virtude, e de conformidade co artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acórdase: Primeiro.-Delegar, para o seu respectivo ámbito territorial, nos secretarios delegados de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, como dependencias provinciais e local, respectivamente, do Tribunal Económico Administrativo Rexional de Galicia, as seguintes competencias:

a) Recibir os escritos que inicien as reclamacións económico-administrativas, tanto en única como en primeira instancia, e reclamar, se é o caso, os expedientes ou ampliación de expedientes, a que estes se refiren dos órganos e dependencias en que se achen.

b) Poñerlles de manifesto os ditos expedientes aos reclamantes para que formulen os escritos de alegacións e procedan á proposición e, se é o caso, proposición de probas.

c) Acordar ou denegar a práctica das probas.

d) Exercer as competencias sobre a representación

apud acta, emenda dos defectos en materia de representación ou de índole procedemental ou acumulación de oficio, prórroga de prazos, expedición de certificacións, por separado e verificación de poderes ou documentos e impulso de oficio.

Segundo.-Este acordo será eficaz desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 6 de xullo de 2005. Óscar García Maceiras Avogado do Estado-secretario do Tribunal Económico Administrativo Rexional de Galicia


No hay versiones para esta norma