ACORDO do Consello de Goberno do 27 de xuño de 2012, polo que se aproba o Regulamento de creación e ordenación da sede electrónica da Universidade da Coruña., - Diario Oficial de Galicia, de 18-07-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 137
  • Fecha de Publicación: 18/07/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Os artigos 38, 45 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, prevén a incorporación de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos para o desenvolvemento das actividades administrativas.

A promoción de métodos de xestión electrónica recibiu un decidido impulso lexislativo coa aprobación da Lei 11/2007, do 22 de xuño, do acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (LAECSP), e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1671/2009, do 6 de novembro, que recoñecen a interacción electrónica coas administracións públicas como un dereito dos cidadáns e unha obriga para tales administracións.

Un dos elementos clave desa interacción é a denominada sede electrónica. O artigo 10 da Lei 11/2007 define a sede electrónica como aquel enderezo electrónico dispoñible para os cidadáns a través da rede de telecomunicacións cuxa titularidade, xestión e administración corresponde a unha Administración pública, órgano ou entidade administrativa no exercicio das súas competencias. O establecemento dunha sede electrónica leva consigo a responsabilidade do seu titular respecto da integridade, veracidade e actualización da información e os servizos a que se poida acceder a través desta. A necesaria seguridade xurídica obriga a que cada Administración deba determinar as condicións e os instrumentos de creación da súa sede electrónica, con suxeición aos principios legalmente establecidos de publicidade oficial, responsabilidade, calidade, seguridade, dispoñibilidade, accesibilidade, neutralidade e interoperabilidade.

A presente normativa crea a sede electrónica da Universidade da Coruña e regula as súas características e contidos básicos, adoptando todas aquelas medidas que redunden no mellor servizo posible á comunidade universitaria. O presente regulamento introduce tamén un novo título VI no Regulamento do rexistro da Universidade da Coruña, destinado á regulación do Rexistro Electrónico, como método de ingreso documental nos procedementos que poidan tramitarse telematicamente.

De conformidade con todo o anterior, o Consello de Goberno da Universidade da Coruña, reunido o 27 de xuño de 2012, aprobou o seguinte regulamento:

TÍTULO I

Da sede electrónica

Artigo 1. Obxecto

1. O presente regulamento ten por obxecto a creación e regulación da sede electrónica da Universidade da Coruña, para cumprir o establecido polo artigo 10 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e o Real decreto 1671/2009, do 6 de novembro, polo que se desenvolve parcialmente a anterior lei.

2. O ámbito de aplicación da sede electrónica circunscríbese á totalidade dos órganos e das unidades que integran a Universidade da Coruña de conformidade cos seus estatutos, así como todos aqueles actualmente existentes ou que puidesen ser creados no futuro polas restantes normas de réxime interno.

3. A sede electrónica da Universidade da Coruña estará dispoñible no enderezo https:/sede.udc.es que será accesible directamente e, en todo caso, a través dunha ligazón á sede na páxina web da Universidade da Coruña (http:/www.udc.es).

Artigo 2. Titularidade

1. A titularidade da sede electrónica correspóndelle á Universidade da Coruña, sendo o órgano responsable da súa xestión administrativa a Secretaría Xeral.

2. A xestión tecnolóxica da sede será competencia da Vicerreitoría con atribucións en materia de tecnoloxías da información.

Artigo 3. Principios de funcionamento

A sede electrónica da Universidade da Coruña funcionará de acordo cos principios previstos no artigo 4 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Artigo 4. Dispoñibilidade

1. A sede electrónica da Universidade da Coruña estará dispoñible todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día, sen prexuízo das interrupcións técnicas que sexan imprescindibles para o seu mantemento.

2. As interrupcións programadas serán comunicadas aos usuarios e usuarias, coa máxima antelación que sexa posible, na páxina web oficial da Universidade da Coruña e na propia sede electrónica.

3. Se por causas técnicas ou imprevistas, a sede electrónica da Universidade da Coruña non estivese dispoñible no día de finalización do prazo dun procedemento administrativo da Universidade da Coruña, o devandito prazo considerarase automaticamente prorrogado ata o día seguinte a aquel en que a sede electrónica estea operativa. Neste caso, cando for posible, porase un aviso na sede electrónica coa incidencia e o novo prazo.

Artigo 5. Contido da sede electrónica

1. A sede electrónica da Universidade da Coruña permitirá o acceso ao seguinte:

a) Información actualizada sobre a sede electrónica, en que se incluirá a súa normativa reguladora, con identificación, de forma claramente visible, do órgano ou órganos responsables da súa xestión e administración.

b) O mapa de navegación da sede electrónica, a relación de servizos dispoñibles e a súa forma de acceso, así como as especificacións técnicas da sede.

c) O catálogo de procedementos administrativos susceptibles de seren tramitados a través de medios electrónicos.

d) O Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña e a súa normativa reguladora.

e) O taboleiro electrónico oficial da Universidade da Coruña.

f) O sistema de formulación de queixas e suxestións sobre o funcionamento da sede electrónica da Universidade da Coruña.

g) A política de protección de datos e privacidade da Universidade da Coruña, así como as ligazóns ás sedes electrónicas da Axencia Española de Protección de Datos.

h) Información sobre accesibilidade.

i) A relación de certificados electrónicos correspondentes aos selos electrónicos utilizados pola Universidade da Coruña na actuación administrativa automatizada.

j) Información xeral dos medios postos ao dispor dos cidadáns para o acceso electrónico aos servizos públicos da Universidade da Coruña, en particular, sobre os sistemas de sinatura electrónica admitidos para relacionarse con ela a través de medios electrónicos, e sobre as condicións xerais da súa utilización e os instrumentos necesarios para comprobar a validez dos documentos asinados mediante este procedemento.

k) Data e hora oficiais polas que se rexe a sede electrónica da Universidade da Coruña.

l) A normativa universitaria, con distinción das normas xerais e propias da Universidade da Coruña, así como os actos susceptibles de publicación.

m) Servizos de axuda e asesoramento electrónico para a correcta utilización da sede electrónica.

n) Calquera outra información ou servizos que se determinen mediante resolución da Secretaría Xeral.

2. Desde a sede electrónica poderase acceder mediante ligazóns a outras informacións ou servizos que, por non reunir os requisitos necesarios, non forman parte desta. Nestes casos, a persoa usuaria será advertida expresamente deste feito, quedando exenta a Universidade da Coruña de toda responsabilidade.

3. Identificaranse as canles de acceso aos servizos dispoñibles na sede electrónica, con expresión, de ser o caso, dos teléfonos e oficinas a través dos cales tamén se poida acceder a estes.

Artigo 6. Catálogo de procedementos administrativos electrónicos

1. O catálogo de procedementos administrativos susceptibles de seren tramitados a través de medios electrónicos estará situado de forma claramente visible na páxina da sede electrónica.

2. En cada procedemento poderase acceder á información xeral relativa a este, que, en todo caso, deberá conter as instrucións xerais para a tramitación, o órgano competente, os efectos do silencio administrativo e os recursos que procedan contra a resolución e o órgano perante o cal se teñan que interpoñer, con indicación dos prazos.

3. A incorporación ou supresión dun novo procedemento administrativo e da aplicación informática que o sustente corresponderá conxuntamente á Secretaría Xeral e á Vicerreitoría competente en materia de tecnoloxías da información.

Artigo 7. Medios para a formulación de queixas e suxestións

1. Habilitarase un formulario para que as persoas usuarias poidan presentar as queixas e suxestións que estimen oportunas e estean relacionadas coa tramitación electrónica dos procedementos administrativos. A ligazón ao devandito formulario deberá figurar na páxina principal da sede.

2. Todas as consultas que xurdan sobre o acceso a través de medios electrónicos aos servizos da Universidade da Coruña serán contestadas nun prazo máximo de dez días. As consultas que versen sobre materias distintas ás da alínea 1 deste artigo serán reenviadas aos órganos ou unidades correspondentes da Universidade da Coruña, circunstancia de que se informará ás persoas que realicen a consulta.

3. A presentación dunha suxestión ou dunha queixa non suporá, de ningún modo, o inicio dun procedemento administrativo; esta circunstancia será advertida expresamente á persoa interesada, con indicación da necesidade de utilizar os rexistros oficiais para a presentación de solicitudes administrativas.

4. Non se considerarán medios aptos para a formulación de suxestións e queixas os servizos de asesoramento ao usuario para a correcta utilización da sede, sen prexuízo da súa obriga de atender os problemas técnicos que susciten os e as cidadáns.

TÍTULO II

Da identificación e autenticación

Artigo 8. Identificación da sede

A sede electrónica da Universidade da Coruña identificarase mediante un certificado específico de dispositivo seguro. O certificado de sede electrónica terá como finalidade exclusiva a súa identificación.

Artigo 9. Selos electrónicos

1. Cando a actuación administrativa se realice de forma automatizada poderá utilizarse o selo electrónico que corresponda ao órgano administrativo que teña atribuída a competencia para asinar o acto administrativo.

2. Na sede electrónica estará dispoñible a relación de certificados electrónicos correspondentes aos selos electrónicos utilizados, ben como as medidas axeitadas para facilitar a súa verificación.

3. A creación dos selos electrónicos vinculados a órganos administrativos realizarase mediante resolución da Secretaría Xeral da universidade. A devandita resolución haberá de sinalar o órgano titular que será responsable da súa utilización, as características técnicas xerais do sistema de sinatura e certificado, o servizo de validación para a verificación do certificado e as actuacións e procedementos en que poderá ser utilizado.

Artigo 10. Identificación dos cidadáns

1. Para acceder aos servizos ofrecidos desde a sede electrónica, os cidadáns poderán utilizar calquera dos sistemas de sinatura electrónica establecidos na Lei 11/2007 e no Real decreto 1671/2009, do 6 de novembro, admitidos pola Universidade da Coruña, cuxa información estará dispoñible na sede electrónica, en que se deberán utilizar sistemas de sinatura avanzada baseada nunha certificación electrónica recoñecida (incluíndo as incorporadas ao DNI electrónico) para realizar aquelas actuacións que requiran asegurar a integridade e autenticidade de documentos electrónicos.

2. Para as actuacións e trámites que deban realizar as persoas xurídicas poderán utilizarse os certificados a que se refire o artigo 7 da Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, no caso dos procedementos e actuacións da universidade en que sexan admitidos.

3. Poderá autorizarse, para determinados procedementos e actuacións, a utilización doutros sistemas de sinatura electrónica non criptográficos. Na sede electrónica deberán publicarse tales sistemas xunto cos procedementos e actuacións para os que se poidan empregar.

Artigo 11. Representación

1. A universidade poderá habilitar, con carácter xeral ou específico, persoas físicas ou xurídicas autorizadas para realizar determinadas transaccións electrónicas en representación das persoas interesadas. A devandita habilitación realizarase de conformidade co réxime establecido nos artigos 13 e 14 do Real decreto 1671/2009, do 6 de novembro.

2. A universidade, mediante resolución da Secretaría Xeral, habilitará a posibilidade de que os cidadáns poidan realizar trámites e actuacións perante a Universidade da Coruña, utilizando medios electrónicos, a través de funcionarios públicos, debidamente habilitados para tal efecto que, en todo caso, utilizarán o sistema de sinatura electrónica que se estableza.

TÍTULO III

Protección de datos de carácter persoal

Artigo 12. Datos de carácter persoal

Os datos de carácter persoal proporcionados polos cidadáns que accedan á sede electrónica serán incorporados aos ficheiros que conteñen datos de carácter persoal titularidade da Universidade da Coruña debidamente inscritos no Rexistro de Ficheiros da Axencia Española de Protección de Datos.

TÍTULO V

Do taboleiro electrónico oficial da Universidade da Coruña

Artigo 13. Taboleiro electrónico oficial

1. A publicación electrónica dos acordos, resolucións, comunicacións, trámites electorais e demais actos administrativos dos órganos da Universidade da Coruña levarase a cabo no taboleiro electrónico oficial da universidade dispoñible na sede electrónica, de conformidade co artigo 12 de Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

2. A súa normativa específica estará accesible no apartado da sede electrónica que conteña a normativa relacionada coa Administración electrónica.

3. Por resolución da Secretaría Xeral poderase incorporar a este taboleiro electrónico a publicación dos acordos, resolucións, comunicacións, trámites electorais e actos administrativos dos centros e unidades da Universidade da Coruña que se estime conveniente.

Artigo 14. Eficacia xurídica

1. A válida publicación electrónica dos actos administrativos a que se refire o artigo 13, outorgaralle a estes carácter oficial e auténtico, xerando plenos efectos xurídicos.

2. Calquera outro medio de publicación será simplemente complementario do anterior.

3. A data de publicación dos actos administrativos no taboleiro electrónico oficial da Universidade da Coruña acreditarase para os efectos do cómputo de prazos administrativos.

Disposición adicional primeira

Introdúcese un título VI sobre Rexistro Electrónico no Regulamento do Rexistro da Universidade da Coruña, aprobado polo Consello de Goberno do 19 de decembro de 2005, cos seguintes artigos:

«Artigo 24. Creación do rexistro electrónico

Créase o rexistro electrónico da Universidade da Coruña, co carácter de rexistro auxiliar do Rexistro Xeral desta universidade, baixo a dependencia da Secretaría Xeral.

Artigo 25. Ámbito de aplicación

O rexistro electrónico da Universidade da Coruña ten como función a recepción, remisión e anotación dos correspondentes asentos de entrada e saída dos documentos transmitidos por vía telemática mediante sinatura electrónica avanzada correspondentes aos procedementos que se indiquen mediante instrución da Secretaría Xeral e que, en todo caso, recollerán de forma expresa a posibilidade de emisión e transmisión por medios electrónicos.

Artigo 26. Condicións xerais para a presentación de documentos

1. O acceso ao Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña realizarase a través da sede electrónica da Universidade da Coruña, en que figurará a relación actualizada dos documentos que se poden presentar no Rexistro Electrónico, de acordo coas previsións do artigo anterior.

2. A presentación de documentos terá idénticos efectos que a realizada polos demais medios admitidos na Lei 30/1992, e deberá facerse de acordo co correspondente procedemento electrónico e a través dos modelos normalizados que se integran neste. Eses modelos deberán ser aprobados pola Secretaría Xeral da Universidade da Coruña, e figurarán publicados no enderezo electrónico de acceso ao rexistro electrónico.

3. A recepción no Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña doutros documentos que non estean incluídos no punto anterior non producirán ningún efecto.

4. A presentación de documentos a través do Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña terá carácter voluntario para as persoas interesadas, sendo alternativa a utilización dos lugares sinalados no artigo 1 deste regulamento.

Artigo 27. Requirimentos técnicos necesarios para o acceso e a utilización do rexistro

1. O acceso dos cidadáns ao Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña realizarase a través dun navegador web.

2. No enderezo electrónico de acceso ao rexistro estará dispoñible a relación dos sistemas operativos e navegadores que poden ser utilizados polas persoas interesadas, así como o formato dos documentos electrónicos admisibles.

3. O Rexistro Electrónico disporá dos medios axeitados para garantir a interoperabilidade e seguridade de acordo co previsto no Esquema Nacional de Interoperabilidade e o Esquema Nacional de Seguridade.

Artigo 28. Sistemas de sinatura electrónica admitidos polo Rexistro Electrónico

1. A Universidade da Coruña admitirá, nas súas relacións telemáticas cos cidadáns e coas restantes administracións públicas, os sistemas de sinatura electrónica que, nos termos establecidos no ordenamento xurídico, resulten adecuados para garantir a identidade, a autenticidade e a integridade dos documentos electrónicos.

2. No enderezo electrónico de acceso ao rexistro estará dispoñible a información sobre a relación de prestadores de servizos de certificación e tipos de certificados electrónicos que amparen as sinaturas electrónicas con que é admisible a presentación de documentos.

3. Os prestadores de servizos de certificación poderán comunicar á Universidade da Coruña a proposta de admisión de certificados electrónicos que eles expidan, para as relacións que, por medios electrónicos, teñan lugar entre esa universidade e os cidadáns. A citada comunicación deberá achegar as normas técnicas en que se basee o certificado que pretende homologar, así como os protocolos ou normas e procedementos de seguridade e de control referidos á creación, almacenamento histórico, acceso e publicidade, renovación e revogación de certificados.

4. A aceptación dunha sinatura electrónica estará condicionada a que a utilización do servizo de consulta sobre a vixencia dos certificados non implique un custo específico adicional para a Universidade da Coruña e a que os sistemas utilizados sexan compatibles cos medios técnicos de que dispoña a universidade.

Artigo 29. Recepción de documentos e cómputo de prazos

1. O Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña permitirá a presentación de documentos todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día. O Rexistro Electrónico rexerase pola data e hora oficial en España, que deberá figurar visible no enderezo electrónico de acceso ao rexistro.

2. A recepción de documentos poderá interromperse cando concorran razóns xustificadas de mantemento técnico ou operativo. A interrupción, que durará o tempo imprescindible para continuar co servizo, deberá anunciarse coa antelación que, de ser o caso, resulte posible, na páxina web oficial da universidade e na súa sede electrónica. En supostos de interrupción non planificada no funcionamento do Rexistro Electrónico, e sempre que sexa posible, o usuario visualizará unha mensaxe en que se comunique tal circunstancia.

3. A entrada de documentos recibidos nun día inhábil entenderase efectuada ás cero horas e un segundo do primeiro día hábil seguinte. En ningún caso a presentación telemática de documentos implicará a modificación dos prazos establecidos regulamentariamente. Se, por causas técnicas ou imprevistas, a sede electrónica da Universidade da Coruña non estivese dispoñible no día de finalización do prazo dun procedemento administrativo da Universidade da Coruña, o devandito prazo considerarase automaticamente prorrogado até o día seguinte a aquel en que a sede electrónica estea operativa. Neste caso, cando for posible, porase un aviso na sede electrónica coa incidencia e o novo prazo.

4. Se se desexa ou se require, durante a tramitación do procedemento, achegar documentación anexa á solicitude ou comunicación electrónica, que non poida ser dixitalizada e remitida polo procedemento electrónico establecido, ou que precise de compulsa ou se exixa o documento orixinal, esa documentación anexa deberá ser presentada a través dos outros medios previstos neste regulamento. Nesta documentación farase mención ao correspondente número de rexistro a que se refire o artigo 30.

Artigo 30. Garantías proporcionadas polo Rexistro Electrónico

1. Cada asento terá un número de rexistro propio co que se identificará a documentación presentada. O Rexistro Electrónico garantirá a constancia dos seguintes datos en cada asento que se practique:

- Un número de rexistro propio.

- Datos de identificación da persoa interesada. Cando proceda, farase constar o órgano administrativo remitente.

- Data e hora de presentación.

- Identidade da persoa ou órgano a que se dirixe o documento electrónico.

- Procedemento ou trámite co que se relaciona.

- Natureza e contido do documento rexistrado.

- Calquera outra información que se considere pertinente en función do procedemento electrónico orixe do asento.

2. O Rexistro Electrónico emitirá polo mesmo medio unha mensaxe de confirmación da recepción da documentación, en que constarán os datos proporcionados pola persoa interesada, xunto coa acreditación da data e hora en que se produciu a recepción e unha clave de identificación da transmisión. A mensaxe de confirmación estará configurada de forma que poida ser impresa ou arquivada informaticamente pola persoa interesada, garantirá a identidade do rexistro e terá o valor de recibo de presentación. O usuario será advertido de que a non recepción da mensaxe de confirmación ou, de ser o caso, a recepción dunha mensaxe de indicación de erro ou deficiencia na transmisión implica que non se produciu a recepción, e deberase realizar a presentación noutro momento ou utilizar outros medios.

Artigo 31. Seguridade do rexistro

1. A Secretaría Xeral da Universidade da Coruña é o órgano responsable da seguridade do Rexistro Electrónico desta universidade.

2. Os protocolos de seguridade do rexistro e das transaccións telemáticas empregados poden consultarse no enderezo electrónico indicado no artigo 26.

3. A Universidade da Coruña non responderá do uso fraudulento que as persoas usuarias poidan levar a cabo dos servizos prestados polo Rexistro Electrónico. Para estes efectos, as persoas usuarias asumen con carácter exclusivo a responsabilidade da custodia dos elementos necesarios para a súa autenticación, o establecemento de conexión preciso e a utilización da sinatura electrónica, así como das consecuencias que puideran derivarse do seu uso indebido, incorrecto ou neglixente.

Artigo 32. Arquivo de documentos electrónicos

1. Coa finalidade de facer efectiva a conservación de documentos, créase o arquivo de documentos electrónicos.

2. O arquivo de documentos electrónicos será único para toda a Universidade da Coruña, correspondendo a súa dirección á Secretaría Xeral.

3. Os documentos electrónicos que se reciban e transmitan a través do Rexistro Electrónico serán custodiados en medios ou soportes electrónicos no arquivo de documentos electrónicos. Para a súa conservación poderase utilizar o mesmo formato ou soporte do documento electrónico orixinario ou calquera outro que asegure a identidade e integridade da información que o documento conteña, sen prexuízo da obriga do órgano que tramite o procedemento de conservar a copia do documento electrónico ao Centro de Documentación e Arquivo segundo as normas de conservación e transferencia desta universidade.

4. O acceso aos documentos electrónicos rexerase polas normas xerais de acceso á documentación e polas normas de conservación aprobadas pola Universidade da Coruña».

Disposición adicional segunda

1. Habilítase a Secretaría Xeral para adaptar, mediante resolución:

a) Os enderezos electrónicos que figuran nesta normativa, cando deban modificarse por calquera causa.

b) A denominación dos órganos de goberno, representación e xestión dos centros, organismos e unidades responsables, cando deriven de reordenacións organizativas.

c) A relación e características das canles de acceso aos servizos dispoñibles na sede.

2. Habilítase a Secretaría Xeral para desenvolver a presente normativa e refundir as normas de procedemento afectadas por esta, ditando cantas instrucións sexan necesarias para a súa correcta aplicación.

Disposición transitoria primeira

A sede electrónica da Universidade da Coruña comezará a operar no momento que determine a Secretaría Xeral, en coordinación coa Vicerreitoría competente en materia de tecnoloxías da información. A partir do devandito momento, a sede electrónica será accesible desde a páxina web institucional da Universidade da Coruña.

Disposición transitoria segunda

Mentres o taboleiro electrónico oficial non adquira todas as garantías técnicas e legais que lle son propias, as publicacións que nel se realicen terán carácter complementario dos taboleiros físicos. A Secretaría Xeral resolverá sobre a supresión destes e nese momento quedará a publicación electrónica como única válida para efectos legais e de cómputo de prazos.

Disposición derradeira

A presente normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación íntegra no Diario Oficial de Galicia.


No hay versiones para esta norma