DECRETO 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 02-04-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 64
  • Fecha de Publicación: 02/04/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Índice

Capítulo I. Disposicións xerais.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Artigo 2. Principios que deben inspirar a prestación do servizo.

Artigo 3. Autoridade audiovisual competente.

Capítulo II. Prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

Artigo 4. Definición.

Artigo 5. Réxime.

Artigo 6. Obrigas dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

Sección 1.ª Servizos de comunicación audiovisual radiofónica de titularidade privada que realicen comunicacións comerciais.

Artigo 7. Definición e réxime xurídico.

Artigo 8. Réxime de comunicación previa e o seu procedemento.

Artigo 9. Requisitos para ser titular de licenzas de comunicación audiovisual radiofónica.

Artigo 10. Obrigas dos titulares da licenza.

Artigo 11. Concurso público para o outorgamento de licenzas de prestador do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

Artigo 12. Proxecto técnico.

Artigo 13. Execución das obras e instalacións, inspección e autorización de posta en funcionamento.

Artigo 14. Incumprimento.

Artigo 15. Contido do documento administrativo da licenza.

Artigo 16. Emisión en cadea.

Artigo 17. Modificación da estrutura do accionariado ou empresarial.

Artigo 18. Negocios xurídicos.

Artigo 19. Vixencia e renovación da licenza.

Artigo 20. Extinción da licenza.

Sección 2.ª Servizo público de comunicación audiovisual radiofónica por entidades locais.

Artigo 21. Definición e forma de xestión.

Artigo 22. Obrigas dos prestadores do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica local.

Artigo 23. Financiamento do servizo.

Artigo 24. Solicitude.

Artigo 25. Reserva provisional de frecuencia.

Artigo 26. Competencia e outorgamento da licenza.

Artigo 27. Actuacións previas ao comezo das emisións.

Artigo 28. Vixencia da licenza.

Sección 3.ª Servizos de comunicación audiovisual radiofónica comunitarios sen ánimo de lucro.

Artigo 29. Definición.

Artigo 30. Vixencia das licenzas.

Artigo 31. Obrigas.

Artigo 32. Procedemento de outorgamento de licenzas.

Artigo 33. Financiamento.

Capítulo III. Inspección.

Artigo 34. Órgano competente para a inspección.

Artigo 35. Alcance da función de inspección.

Artigo 36. Persoal da inspección.

Artigo 37. Actuacións da inspección.

Capítulo IV. Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual.

Artigo 38. Creación e obxecto.

Artigo 39. Organización do rexistro.

Artigo 40. Actos inscritibles.

Artigo 41. Comprobacións para a inscrición.

Artigo 42. Consultas e certificacións.

Capítulo V. Réxime sancionador.

Artigo 43. Réxime sancionador.

Artigo 44. Responsabilidade.

Artigo 45. Órgano competente.

Disposición adicional primeira. Supresión do Rexistro de Empresas Radiodifusoras de Galicia e do Rexistro de Concesionarios do Servizo de Televisión Autonómica e Local de Galicia.

Disposición adicional segunda. Servizo público de comunicación audiovisual radiofónica de ámbito autonómico.

Disposición adicional terceira. Aplicación ao servizo de comunicación audiovisual televisiva.

Disposición transitoria primeira. Expedientes de radiodifusión e televisión en situación de adxudicación provisional no momento da entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria segunda. Expedientes de autorización de negocios xurídicos en tramitación no momento da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria única.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Concursos convocados e non adxudicados.

Disposición derradeira terceira. Execución e desenvolvemento.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

Á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto pola Constitución española no artigo 149.1.27, correspóndelle o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime da radiodifusión e da televisión dentro da normativa básica ditada polo Estado. Así mesmo, polo disposto no artigo 34.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime de radiodifusión e televisión nos termos e casos establecidos na lei que regule o estatuto xurídico da radio e da televisión.

A partir da competencia asumida estatutariamente e no marco da lexislación básica do Estado, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 156/1989, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento de concesión de emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, modificado polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro.

Toda vez que a recente entrada en vigor da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, establece un novo réxime xurídico dos servizos de radiodifusión e televisión, faise necesario aprobar unha nova norma reguladora coa finalidade de adaptarse á nova normativa para os servizos de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mesma lei introduce a denominación «prestadores do servizo de comunicación audiovisual», que comprende os anteriormente chamados «concesionarios do servizo público de radiodifusión e televisión».

En canto á forma de explotación dos servizos de comunicación audiovisual, a principal novidade da lexislación estatal é que establece o abandono do actual réxime concesional polo de licenza previa outorgada mediante concurso pola autoridade audiovisual competente.

En relación co proceso de outorgamento de licenzas para a prestación do servizo de comunicación audiovisual, resulta necesario modernizar e axilizar a normativa galega, para adecuala á Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, que na súa disposición transitoria segunda establece a transformación das antigas concesións administrativas en licenzas, para a prestación tanto do servizo de comunicación audiovisual radiofónico como televisivo.

O presente decreto pretende establecer o marco regulador para o outorgamento das licenzas así como para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica de carácter público, comercial ou comunitario sen ánimo de lucro.

O concurso para o outorgamento de licenzas para a prestación de servizos audiovisuais radiofónicos rexerase pola Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administración públicas, e a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa lexislación de desenvolvemento en todo o non disposto no presente decreto.

Co obxecto de facilitar a viabilidade económica dos proxectos de prestación do servizo audiovisual radiofónico de carácter público adóptase unha nova fórmula máis ampla, que permite que calquera das entidades locais de ámbito superior ao municipio poidan solicitar a xestión do servizo.

Por outra parte, e co fin de satisfacer as necesidades de comunicación expresadas por distintas entidades sen ánimo de lucro para a consecución de fins educativos, sociais, culturais ou formativos, o novo decreto regula o servizo de comunicación audiovisual radiofónica comunitario sen ánimo de lucro.

Créase tamén o Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual, o cal, consonte o establecido na lexislación básica estatal, ten por obxecto a inscrición de todos os servizos de comunicación audiovisual tanto radiofónicos como televisivos.

Do mesmo xeito, regúlanse en capítulos específicos o procedemento sancionador e a inspección dos prestadores de servizos de comunicación audiovisual, afectando tanto os televisivos como aos radiofónicos.

Por último, o ditame do Consello Consultivo de Galicia do 14 de abril de 2011 contén importantes observacións en relación, entre outras, á lexislación aplicable aos concursos e ao incumprimento dos trámites destes procedementos, as cales foron incorporadas ao decreto. É preciso que as bases dos concursos actualmente convocados e aínda non adxudicados se adecuen ao contido do decreto.

De conformidade co exposto, en uso das facultadas atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O presente decreto ten por obxecto regular, dentro dos servizos de comunicación audiovisual, a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica a través dun réxime de comunicación previa ou a través dun réxime de licenza no que atinxe:

- ao procedemento de adxudicación, renovación, transmisión e extinción das licenzas para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica;

- á autorización dos posibles negocios xurídicos que afecten as licenzas de comunicación audiovisual;

- á prestación do servizo por parte dos/as titulares das licenzas;

- ao Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual;

- á inspección e ao réxime sancionador das infraccións cometidas na prestación dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica.

2. Os servizos de comunicación audiovisual radiofónica comprendidos no ámbito de aplicación do presente decreto son aqueles cuxo ámbito territorial de cobertura non sexa superior ao da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Principios que deben inspirar a prestación do servizo.

Os principios xerais que deben inspirar a prestación do servizo son:

a) Obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións.

b) O respecto ao pluralismo político, relixioso, social, cultural, ideolóxico e lingüístico.

c) A promoción e protección do galego.

d) A separación entre as informacións e as opinións, a identificación de quen sustente estas últimas, e a súa libre expresión cos límites do punto 4.º do artigo 20 da Constitución española.

e) A distinción perceptible entre a programación e a publicidade, de forma que resulte inequívoco o carácter publicitario das mensaxes.

f) O dereito á honra, á fama e á intimidade persoal e familiar e o dereito de rectificación, así como os demais dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución española.

g) A protección dos dereitos da xuventude e da infancia de acordo coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

h) O respecto aos valores de igualdade recollidos no artigo 14 da Constitución española.

i) O fomento e defensa da cultura, dos intereses locais e autonómicos, así como a promoción da convivencia, impulsando para tal efecto a participación dos grupos sociais do ámbito territorial correspondente.

j) A promoción da igualdade entre mulleres e homes, segundo o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

k) Favorecer a educación, a cultura e a difusión dos valores cívicos e dos coñecementos sociais, económicos, artísticos, científicos e técnicos.

l) O respecto dos dereitos recoñecidos en favor de terceiros, de acordo coa lexislación vixente en materia de protección da propiedade intelectual.

m) A defensa e preservación do ambiente.

n) O respecto á lexislación vixente en materia de telecomunicacións e audiovisual.

Artigo 3. Autoridade audiovisual competente.

Para os efectos deste decreto e dentro das competencias asumidas pola Comunidade Autónoma galega, terá a consideración de autoridade audiovisual competente o/a titular do órgano da Xunta de Galicia que teña atribuídas a xestión das competencias en materia de medios de comunicación social e audiovisual.

Capítulo II

Prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica

Artigo 4. Definición.

1. O prestador do servizo de comunicación audiovisual radiofónica é a persoa física ou xurídica que ten o control efectivo, isto é, a dirección editorial sobre a selección dos programas e contidos e a súa organización unha canle ou nun catálogo de programas. O arrendatario dunha licenza de comunicación audiovisual radiofónica terá a consideración de prestador do servizo.

2. É un servizo de comunicación audiovisual radiofónica aquel que se presta para a audición simultánea de programas e contidos sobre a base dun horario de programación.

Artigo 5. Réxime.

A prestación de servizos de comunicación audiovisual radiofónica queda sometida a:

a) Un réxime de comunicación previa, no caso dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica que se prestan sen a ocupación do espectro radioeléctrico.

b) Un réxime de licenza, no caso dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica que se prestan mediante ondas hertzianas terrestres ocupando o espectro radioeléctrico na banda de frecuencias de ondas métricas.

Artigo 6. Obrigas dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

1. Os prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica deberán respectar os principios, os dereitos e as liberdades establecidos pola normativa comunitaria, a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

2. A prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica está suxeita ao cumprimento das obrigas sobre os contidos de programación establecidos pola lexislación básica do Estado, polas disposicións que a desenvolvan e polo presente decreto.

3. Os prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica teñen o deber de transparencia con relación a todos os aspectos da súa actividade que son relevantes para a liberdade de comunicación e o pluralismo.

Sección 1.ª Servizos de comunicación audiovisual radiofónica de titularidade privada que realicen comunicacións comerciais

Artigo 7. Definición e réxime xurídico.

1. Considéranse servizos de comunicación audiovisual radiofónica de titularidade privada que realicen comunicacións comerciais aqueles cuxa titularidade corresponde a persoas físicas ou xurídicas de carácter privado e que teñen como finalidade a difusión de calquera tipo de programa con emisión de publicidade ou empregando formas de patrocinio comercial.

2. A prestación privada do servizo de comunicación audiovisual radiofónica efectuarase da forma prevista no artigo 5.

Artigo 8. Réxime de comunicación previa e o seu procedemento.

1. Os prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica que non utilicen o espectro radioeléctrico por empregaren redes de comunicación electrónica de ámbito non superior ao da Comunidade Autónoma, deberano pór en coñecemento da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma e informar con carácter previo ao inicio da súa actividade.

2. Esta comunicación previa deberase presentar ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma e deberá conter a seguinte información:

- A identificación do prestador do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

- A descrición da actividade.

- A descrición dos contidos difundidos.

- Os datos técnicos do servizo, incluíndo os datos relativos ao titular da rede de soporte do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

- O ámbito de cobertura.

- A data prevista para o inicio da actividade.

- Unha declaración responsable do cumprimento das obrigas previstas no artigo 10, letras c), f) e j).

3. A autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma ditará resolución de inscrición no rexistro autonómico no prazo de tres meses contado desde a recepción da documentación solicitada.

Calquera cambio substancial ou modificación na prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica que afecte a información solicitada no número 2 deste artigo deberá ser notificada á autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, que procederá á súa inscrición no Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual.

Artigo 9. Requisitos para ser titular de licenzas de comunicación audiovisual radiofónica.

1. Para ser titular dunha licenza de prestador do servizo de comunicación audiovisual radiofónica será necesario cumprir os seguintes requisitos:

a) No caso de persoas físicas, ter a nacionalidade dun Estado membro do Espazo Económico Europeo ou a de calquera Estado que, de acordo coa súa normativa interna, recoñeza este dereito á cidadanía española.

b) No caso de persoas xurídicas, ter establecido o seu domicilio social nun Estado membro do Espazo Económico Europeo ou en calquera Estado que, de acordo coa súa normativa interna, recoñeza este dereito ás empresas españolas.

c) O/A titular deberá ter un representante domiciliado en España para efectos de notificacións.

d) No caso de persoas xurídicas, a participación no seu capital social de persoas físicas ou xurídicas nacionais de países que non sexan membros do Espazo Económico Europeo deberá cumprir o principio de reciprocidade.

e) Ademais, a participación individual dunha persoa física ou xurídica nacional de países que non sexan membros do Espazo Económico Europeo non poderá superar directa ou indirectamente o 25% do capital social. Así mesmo, o total das participacións nunha mesma persoa xurídica, de diversas persoas físicas ou xurídicas de nacionais de países que non sexan membros do Espazo Económico Europeo, deberá ser inferior ao 50% do capital social.

2. En ningún caso poderán ser titulares dunha licenza de comunicación audiovisual radiofónica as persoas que se atopen nalgunha das circunstancias do artigo 26 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

Artigo 10. Obrigas dos titulares da licenza.

Os/as titulares da licenza para prestar servizos de comunicación audiovisual radiofónica están obrigados/as a cumprir o contido da licenza. En todo caso, son obrigas dos/as titulares da licenza:

a) Prestar o servizo de comunicación audiovisual radiofónica nas frecuencias outorgadas e coas potencias autorizadas, con continuidade e con calidade adecuadas.

b) Presentar anualmente á autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma a declaración responsable do cumprimento das obrigas derivadas do presente decreto, da lexislación básica do Estado e do contido da licenza.

c) Ter á disposición da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma todas as emisións e os datos relativos a elas, e conservalos gravados durante seis meses.

d) Facilitar as comprobacións e as inspeccións requiridas.

e) Aboar as taxas previstas na lexislación autonómica.

f) Difundir gratuitamente, citando a súa procedencia, os comunicados, notas ou avisos de interese público que lles sexan remitidos polos órganos de goberno das administracións públicas.

g) Cumprir o horario de emisión, que non será inferior a 12 horas diarias.

h) Presentar ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, antes do 15 de decembro de cada ano, o plan de programación, con especificación dos horarios de emisión, e da programación de produción propia, e, en particular, do ámbito de cobertura da emisora.

i) Presentar ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, dentro dos catro meses seguintes á finalización do prazo que a lexislación mercantil vixente sinala para a presentación da documentación relativa ao peche do exercicio, unha memoria que reflicta a situación económico-financeira da empresa.

j) Empregar a lingua galega nas súas emisión de forma que o 50%, como mínimo, do tempo de programación sexa en lingua galega. O uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horarias. Non obstante, para as emisoras que actualmente formen parte das cadeas de ámbito estatal, aplicarase a porcentaxe arriba sinalada nas desconexións que se realicen dentro do ámbito da Comunidade Autónoma galega.

k) Para os efectos do artigo 6 da Lei 7/2010, o prestador do servizo de comunicación audiovisual radiofónica queda obrigado a dispor dun sitio web no que faga constar os seguintes datos:

- O nome ou a denominación social, e dos seus accionistas.

- O seu enderezo de establecemento, correo electrónico e outros medios para establecer unha comunicación directa e rápida.

- Os datos relativos ao título habilitante e ao órgano competente que outorgou a licenza.

- A identificación dos demais servizos vinculados ao sector da comunicación que controla ou dos cales é propietario/a.

l) Pór á disposición da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma calquera información que se lle solicite en relación coa prestación do servizo.

m) Cumprir o resto das obrigas determinadas pola normativa vixente.

Artigo 11. Concurso público para o outorgamento de licenzas de prestador do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

1. O outorgamento de licenzas para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica de titularidade privada realizarase mediante concurso público, convocado para o efecto polo Consello da Xunta por proposta da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, conforme as condicións establecidas no presente decreto e nos termos das disposicións que o desenvolvan.

2. Os concursos de outorgamento de licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual radiofónica rexeranse pola Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, e por este decreto, e, no seu defecto, pola Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, e pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa lexislación de desenvolvemento. En calquera caso, deberá observarse o establecido na lexislación contractual no que sexa de aplicación.

3. As bases para a convocatoria do concurso público para o outorgamento de licenzas de radiodifusión conterán, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) A capacidade da persoa natural ou xurídica solicitante.

b) Especificación para cada licenza das condicións de prestación do servizo, con indicación daquelas que se consideren esenciais, das previstas nos artigos 6 e 10.

c) O prazo para resolver o concurso, que non será superior a seis meses.

d) As condicións e os criterios en que deberá fundamentarse a resolución do Consello da Xunta para outorgar ou denegar a licenza.

e) O prazo durante o cal os/as interesados/as poderán presentar as súas solicitudes, o rexistro ante o cal poderán presentarse ou os medios telemáticos admitidos, así como as cautelas que deberán observarse se a presentación se realiza por correo certificado.

f) O lugar, o día e a hora en que deba constituírse a mesa de avaliación das ofertas presentadas.

g) As garantías que, se for o caso, deban constituírse e o prazo de presentación delas.

4. A mesa de avaliación, que estará presidida polo titular do órgano competente en materia de comunicación audiovisual da Comunidade Autónoma e integrada por un asesor xurídico e tres funcionarios, que terán a categoría, cando menos, de xefe de servizo, un dos cales fará a función de secretario, formulará a proposta de adxudicación ao Consello da Xunta de Galicia.

5. O Consello da Xunta acordará o outorgamento das licenzas segundo os criterios de valoración sinalados nas bases da convocatoria do concurso. O dito acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia e notificado aos interesados para o cumprimento dos trámites preceptivos nos artigos 12 e 13.

Artigo 12. Proxecto técnico.

1. O/A titular da licenza disporá dun prazo de tres meses, a partir da notificación do acordo do Consello da Xunta que outorgue a correspondente licenza, para presentar o proxecto técnico ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma.

A dita autoridade dará traslado do proxecto técnico, con previo informe, á autoridade audiovisual competente da Administración do Estado.

2. O proxecto técnico presentarase no formato que determinen as bases da convocatoria, por duplicado e de acordo coas normas publicadas polo organismo competente da Administración do Estado na materia, o cal notificará ao interesado, a través da Comunidade Autónoma, a aprobación, denegación ou proposta de modificación do citado proxecto.

3. A autoridade audiovisual competente do Estado notificará ao interesado, a través da Comunidade Autónoma, a aprobación, denegación ou proposta de modificación do proxecto técnico.

4. No suposto de desestimación ou proposta de modificación do proxecto, o/a titular da licenza disporá dun prazo de dous meses, contado desde a notificación, para presentar un novo proxecto ou realizar as modificacións requiridas.

Artigo 13. Execución das obras e instalacións, inspección e autorización de posta en funcionamento.

1. Aprobado o proxecto técnico, o/a titular da licenza disporá de doce meses para a execución das obras e instalacións necesarias para o funcionamento da emisora.

2. Finalizada a instalación, o/a titular da licenza porao en coñecemento da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, acompañado da correspondente certificación técnica.

A citada autoridade cursará a comunicación correspondente co fin de que se leve a cabo a inspección técnica final por parte da Administración xeral do Estado e, de ser o caso, se proceda á aprobación técnica definitiva por parte do ministerio competente.

3. Conxuntamente coa solicitude de inspección das instalacións, o/a titular da licenza poderá solicitar tamén a autorización para realizar emisións en probas co obxecto de comprobar o funcionamento dos equipos. Estas emisións nunca poderán ter carácter continuado e serán inmediatamente interrompidas se orixinan prexuízos ou se non se axustan ás características técnicas previamente determinadas.

4. A autorización de posta en funcionamento será notificada aos interesados, e as condicións da licenza detallaranse nun documento administrativo, de acordo co exposto no artigo 15 do presente decreto. O/A titular da licenza non poderá iniciar as emisións regulares ata que lle sexa autorizada a posta en funcionamento.

5. En todo caso, previamente ao inicio da actividade, o/a titular da licenza deberá comunicar a data de inicio das emisións.

Artigo 14. Incumprimento.

O incumprimento dos trámites previstos nos artigos 12 e 13 do presente decreto determinará a desistencia do titular da licenza coas consecuencias previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Contido do documento administrativo da licenza.

1. Tras a autorización de posta en funcionamento, quedará constancia dos datos da licenza nun documento administrativo que deberá incluír, como mínimo:

a) A frecuencia outorgada, a potencia autorizada e o correspondente ámbito de cobertura.

b) As características xerais do servizo e dos contidos.

c) O tempo mínimo de emisión diaria e semanal.

d) As porcentaxes para o cumprimento das obrigas con relación á normalización e a protección da lingua e a cultura galegas e as franxas horarias en que deberán aplicarse.

e) A autorización, se for o caso, para a emisión en cadea.

f) As porcentaxes de produción propia.

g) As demais obrigas que se teñan asumido inicialmente de modo voluntario, en virtude de códigos deontolóxicos e normas de autorregulación.

h) As obrigas, de entre as recollidas nos artigos 5 e 9, consideradas esenciais para a prestación do servizo, segundo o previsto nas bases da convocatoria.

Artigo 16. Emisión en cadea.

1. Recoñécese o dereito dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica a emitiren parte da súa programación en cadea, cando un mesmo prestador teña obtido licenzas en diversos ámbitos territoriais ou teña acadado acordos con outros titulares de licenzas noutra ou noutras comunidades autónomas, segundo establece a Lei 7/2010 do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

2. Con carácter previo ao comezo das emisións, o/a titular da licenza comunicará á autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma a súa intención de emitir en cadea, identificando esta e o seu responsable editorial, a porcentaxe de programación que se desenvolverá deste xeito, e a duración dos acordos acadados.

3. A Comunidade Autónoma autorizará as emisións en cadea, valorando o contido xeral da programación que afecte os ámbitos territoriais sobre os que se pretende efectuar as devanditas emisións, atendendo especialmente a contidos de tipo cultural, económico e social.

4. Transcorrido un mes desde o envío da comunicación a que está obrigado o/a titular da licenza sen obter resposta a ela por parte da Administración, enténdese aceptada a súa pretensión.

5. Unha vez autorizada a emisión en cadea, procederase a inscribir a decisión no Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual regulado no capítulo IV do presente decreto, así como a comunicalo ao Rexistro Estatal de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual.

Artigo 17. Modificación da estrutura do accionariado ou empresarial.

1. Calquera modificación na titularidade das accións, participacións ou títulos equivalentes das sociedades titulares de licenzas para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica, así como as ampliacións de capital, cando a subscrición de accións ou títulos equivalentes non se realice en idéntica proporción entre os propietarios do capital social, serán autorizadas previamente pola autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma.

2. Para dar cumprimento ao establecido no punto primeiro, o/a titular da licenza presentará a solicitude de autorización da modificación prevista ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma. Unha vez realizada, presentarase documento acreditativo da ampliación de capital ou, se for o caso, de cambio de titularidade das accións ou participacións no prazo de trinta días desde que se produza.

3. En todo caso, calquera operación mercantil que se realice deberá respectar, para efectos de garantir o pluralismo no mercado audiovisual radiofónico, as limitacións previstas no artigo 37 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

Artigo 18. Negocios xurídicos.

1. A celebración de negocios xurídicos cuxo obxecto sexa unha licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica requirirá autorización previa da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma de Galicia e estará suxeita ao pagamento da taxa determinada pola Xunta de Galicia.

2. A persoa física ou xurídica que pretenda adquirir ou arrendar unha licenza deberá presentar a súa solicitude ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, acompañada do documento no que conste o acordo co titular da licenza, así como do resto da documentación que se exixiu no seu momento nas bases da convocatoria.

3. En todo caso, a autorización de transmisión ou arrendamento da licenza estará supeditada ao seguinte:

a) A que o/a solicitante acredite o cumprimento de todas as condicións legalmente establecidas para a obtención da licenza e se subrogue nas obrigas do/a anterior titular.

b) O/A adquiriente deberá depositar a correspondente garantía definitiva ou subrogarse na depositada polo/a titular da licenza, como requisito previo á autorización definitiva da transmisión.

No caso do arrendamento, o/a arrendatario/a non terá obriga de depositar unha nova garantía, sempre que o/a titular da licenza manteña a súa.

c) Ao cumprimento das condicións previstas no artigo 29.2 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

4. En todo caso, está prohibido o subarrendamento.

Artigo 19. Vixencia e renovación da licenza.

1. A vixencia e renovación das licencias rexeranse polo disposto no artigo 28 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

Artigo 20. Extinción da licenza.

Son causas de extinción da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica, de conformidade co artigo 30 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual:

a) O transcurso do prazo de vixencia da licenza ou, se procede, das sucesivas renovacións.

b) A extinción da personalidade xurídica do seu titular, salvo nos supostos de fusións ou concentracións empresariais.

c) A morte ou a incapacidade sobrevida do/a titular.

d) A revogación.

e) A renuncia do/a titular.

f) Non ter aboadas as taxas que gravan a prestación do servizo de comunicación audiovisual.

Sección 2.ª Servizo público de comunicación audiovisual radiofónica por entidades locais

Artigo 21. Definición e forma de xestión.

1. Considéranse servizos públicos de comunicación audiovisual radiofónica local aqueles en que a prestación do servizo se realiza a través das entidades locais previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia.

2. A prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica ten que ser levada a cabo por parte dos municipios, así como das entidades de ámbito supramunicipal a que fan referencia os artigos 1, 2 e 42 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, nas formas de xestión directa previstas no artigo 85.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

3. A prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica de ámbito local comporta que o ente ou o organismo encargado da súa xestión directa deberá definir, elaborar e distribuír, baixo a súa responsabilidade, un conxunto de programas, contidos e servizos audiovisuais orientados á creación das condicións necesarias para a plena eficacia dos dereitos fundamentais de liberdade de información e de libre expresión, e deberá facilitar a participación dos cidadáns de Galicia na vida política, económica, cultural e social da entidade local.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 42.1 da Lei 7/2010, o prestador do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica de ámbito local pode contar co apoio e a colaboración de entidades e suxeitos privados nos casos en que sexa necesaria a dispoñibilidade de medios materiais ou profesionais diferentes dos do ente ou sociedade responsable da xestión directa do servizo, para a prestación do servizo público que ten encomendado.

Artigo 22. Obrigas dos prestadores do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica local.

Ademais das obrigas que se establezan no contrato-programa, os prestadores do servizo publico de comunicación audiovisual radiofónica quedan obrigados/as nos seguintes aspectos:

a) Emitir unha programación mínima de catro horas diarias e trinta e dúas horas semanais.

b) Emitir un mínimo dun 60% de programación de produción propia.

As emisoras locais de radiodifusión sonora poderán emitir simultaneamente un mesmo programa de elaboración propia ou producido por outras emisoras de titularidade pública, comunicando previamente o acordo adoptado entre as emisoras á autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma.

c) Emitir unha programación en que a lingua normalmente empregada sexa a galega e cumpran tamén as demais obrigas establecidas pola normativa sobre política lingüística, que en ningún caso será inferior a un 50% das horas de emisión semanal.

d) Presentar anualmente ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma un informe da intervención que acredite a existencia de partidas orzamentarias suficientes para cubrir os gastos do servizo. Este informe será presentado no prazo máximo de tres meses, contado desde a aprobación do orzamento ordinario.

e) O tratamento publicitario electoral nestas emisoras rexerase polo disposto na Lei orgánica 10/1991, do 8 de abril, de publicidade electoral en emisoras municipais de radiodifusión sonora.

f) As obrigas establecidas nas letras a), b), c), d), e), f), h) e k) do artigo 10 do presente decreto.

g) Cumprir o resto das obrigas determinadas pola normativa vixente.

Artigo 23. Financiamento do servizo.

1. O financiamento dos servizos públicos de comunicación audiovisual radiofónica de ámbito local axustarase ao disposto no artigo 43 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, e realizarase conforme o establecido no texto refundido da Lei de facendas locais, aprobado polo Real decreto 2/2004, do 5 de marzo, así como mediante ingresos comerciais propios.

Artigo 24. Solicitude.

As entidades locais que desexen xestionar o servizo público de comunicación audiovisual radiofónica deberán presentar a correspondente solicitude de licenza ante a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, achegando a seguinte documentación:

a) Certificación da acta do pleno do concello no que se acordase a solicitude de licenza administrativa para a xestión do servizo.

No caso de tratarse dunha entidade local das previstas na Lei de bases de réxime local distinta do municipio, exixirase a certificación acreditativa da constitución da entidade local correspondente, así como o acordo de solicitude de licenza administrativa para a xestión do servizo.

b) Memoria técnica, na cal se incluirá:

• Certificación acreditativa da poboación empadroada na entidade local correspondente, conforme o último censo municipal.

• Plano da situación prevista para o centro emisor, con indicación da súa cota e das súas coordenadas xeográficas e cobertura que se pretende de acordo coa normativa estatal.

• Descrición da infraestrutura técnica prevista.

c) Memoria explicativa detallada na que se recollan os seguintes datos:

• Obxectivos da emisora.

• Programación que se vai desenvolver detallando a porcentaxe do horario destinado a espazos locais, educativos e socioculturais.

• Medios persoais para a prestación do servizo.

• Forma de xestión prevista, de acordo co establecido no artigo 21 do presente decreto.

d) Proxecto de viabilidade económica no que se inclúan os custos estimados, o calendario de execución dos investimentos e as revisións de financiamento.

e) Regulamento de organización e funcionamento aprobado polo pleno.

A asemblea de electos ou o correspondente órgano plenario deberán aprobar o regulamento de organización e funcionamento do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica. O regulamento deberá garantir a adecuada representación de todos os municipios se a xestión corresponde a un ente de carácter asociativo.

Artigo 25. Reserva provisional de frecuencia.

1. A autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, tras a recepción da solicitude de licenza e da documentación que a deberá acompañar, solicitará do órgano competente da Administración do Estado o seu pronunciamento en canto á reserva provisional de frecuencia.

2. Incorporada ao expediente a resolución prevista no número anterior, a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma comunicará á entidade local a frecuencia reservada, a potencia e os demais parámetros técnicos a que terá que axustarse a instalación da emisora ou, de ser o caso, a denegación da reserva de frecuencia.

Artigo 26. Competencia e outorgamento da licenza.

1. Para o outorgamento da licenza para a prestación do servizo público, a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma deberá avaliar se o novo servizo se axusta á misión de servizo público e se altera a competencia no mercado audiovisual. Con tal motivo, previamente ao outorgamento da licenza publicarase a solicitude no Diario Oficial de Galicia co obxecto de abrir un trámite de información pública de vinte días, para que o resto dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica, do mesmo ámbito de cobertura, formulen as alegacións que consideren convenientes ao respecto.

2. Corresponde ao pleno, á asemblea de electos ou ao correspondente órgano plenario o nomeamento, por maioría simple dos membros presentes, dos máximos responsables da xestión do servizo, de acordo co que estableza o Regulamento de organización e funcionamento do servizo publico de comunicación audiovisual radiofónico local.

A autonomía da xestión directa e cotiá do servizo con respecto aos correspondentes órganos de goberno deberá garantirse mediante a subscrición do correspondente contrato-programa, que deberá ser sometido ao informe preceptivo da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma.

O contrato-programa terá unha vixencia de nove anos e deberá prever os seguintes puntos:

• Garantir os fondos necesarios para a adecuada prestación do servizo.

• Definir os obxectivos específicos do servizo público que deberán ser asumidos polo ente ou o organismo xestor.

3. O Consello da Xunta, logo de informe da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma, será o órgano competente para acordar o outorgamento das licenzas para o servizo público de comunicación audiovisual radiofónica ás entidades locais, condicionados ao cumprimento dos trámites preceptivos para a posta en funcionamento que se determinan nos artigos 12 e 13 do presente decreto.

Artigo 27. Actuacións previas ao comezo das emisións.

1. Previamente ao comezo das emisións, a corporación local levará a cabo os trámites recollidos nos artigos 12 e 13 deste decreto.

2. A notificación da autorización de posta en funcionamento, emitida polo órgano competente do Estado, facultará os prestadores do servizo público para o comezo das emisións.

Artigo 28. Vixencia da licenza.

1. Establécese a vixencia das licenzas por un período de quince anos. No que atinxe á súa renovación observarase o disposto no artigo 19 deste decreto.

2. O disposto no número anterior non exime da obriga de renovar ou prorrogar cada nove anos o contrato-programa establecido no artigo 26 do presente decreto.

Sección 3.ª Servizos de comunicación audiovisual radiofónica comunitarios sen ánimo de lucro

Artigo 29. Definición.

1. Terán a consideración de servizos de comunicación audiovisual radiofónica comunitarios sen ánimo de lucro, para os efectos regulados neste decreto, os prestados por entidades privadas que teñan a consideración de entidades sen ánimo de lucro e creados para atender as necesidades sociais, culturais e de comunicación específicas de comunidades e grupos sociais, así como para fomentar a participación cidadá e a vertebración do tecido asociativo. En todo caso, eses contidos emitiranse en aberto e sen ningún tipo de comunicación audiovisual comercial.

2. A prestación deste tipo de servizos require licenza previa, que en ningún caso poderá perder o seu carácter orixinal de servizo de comunicación audiovisual comunitario sen ánimo de lucro, e non poderán ser obxecto de transmisión ou arrendamento.

Artigo 30. Vixencia das licenzas.

As licenzas para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica comunitario sen ánimo de lucro outorgaranse por un prazo de quince anos e poderán ser renovadas segundo o previsto no artigo 28 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

Artigo 31. Obrigas.

O servizo de comunicación audiovisual radiofónica comunitario sen ánimo de lucro estará sometido ás seguintes obrigas:

a) Á prestación do servizo dos contidos e coa forma que se define no artigo 29 do presente decreto.

b) Á prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónico nas frecuencias outorgadas e nas frecuencias autorizadas coa continuidade e coa potencia e calidade autorizadas.

c) Ter á disposición da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma todas as emisións e os datos relativos a elas, e conservalos e gravalos.

d) Facilitar as inspeccións e as comprobacións técnicas requiridas.

e) Aboar as taxas previstas na lexislación autonómica.

f) Difundir gratuitamente, citando a súa procedencia, os comunicados, notas ou avisos de interese público que sexan remitidos polos órganos de goberno das administracións públicas.

g) Cumprir un horario de emisión que non sexa inferior a cinco horas diarias.

h) Empregar a lingua galega nas súas emisións de forma que o 50%, como mínimo, do tempo de programación sexa nesta lingua. O uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horarias.

i) Pór á disposición da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma calquera información que se lle solicite en relación coa prestación do servizo.

j) Cumprir o resto das obrigas determinadas na normativa vixente.

Artigo 32. Procedemento de outorgamento de licenzas.

1. A adxudicación dos títulos habilitantes para a prestación do servizo de comunicación audiovisual radiofónica comunitario sen ánimo de lucro realizarase mediante licenza outorgada por concurso público, de acordo coas normas que se establecen no presente decreto e na lexislación básica do Estado.

2. Coa finalidade de coñecer os posibles demandantes dun servizo de comunicación audiovisual radiofónica comunitario sen ánimo de lucro, a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma poderá abrir un trámite de consulta. Nesta consulta poderanse presentar as correspondentes solicitudes previas, á vista das cales a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma poderá instar do órgano competente da Administración do Estado, se procede, a correspondente reserva de frecuencias.

Artigo 33. Financiamento.

1. As entidades comunitarias sen ánimo de lucro deberán xustificar a procedencia dos seus fondos, así como o desagregamento de gastos e ingresos (con especial detalle, se for o caso, dos ingresos por patrocinio, así como a identidade dos patrocinadores), que se inscribirán na sección correspondente aos servizos comunitarios sen ánimo de lucro do Rexistro Galego de Prestadores do Servizos de Comunicación Audiovisual previsto no capítulo IV do presente decreto.

2. Os gastos de explotación anuais destas emisoras non poderán exceder os 50.000 euros anuais.

Capítulo III

Inspección

Artigo 34. Órgano competente para a inspección.

Sen prexuízo das competencias da Administración do Estado, corresponde á autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma de Galicia a inspección do servizo de comunicación audiovisual no ámbito das súas competencias.

Artigo 35. Alcance da función de inspección.

1. A inspección abarcará a totalidade dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica sobre os que teña competencia a Comunidade Autónoma de Galicia e, en xeral, comprenderá a verificación das condicións técnicas das emisións e/ou recepción dos servizos de comunicación audiovisual.

2. A comprobación estenderase ao cumprimento das normas que rexen a licenza e as súas renovacións, así como ao cumprimento das obrigas e dos compromisos asumidos polos seus titulares, e, en xeral, da execución do dito servizo.

3. Tamén serán obxecto de control por parte da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma os contidos difundidos polos ditos servizos de comunicación audiovisual.

Artigo 36. Persoal da inspección.

1. O exercicio da función de inspección levarao a cabo persoal designado e acreditado pola autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma.

2. O persoal inspector, no exercicio das súas funcións, terá a consideración de autoridade pública.

Artigo 37. Actuacións da inspección.

1. O persoal inspector realizará as comprobacións, constatacións, medidas, exames, análises, controis ou probas necesarios para o exercicio das facultades que comprende a inspección.

2. As actuacións realizadas polo persoal que desempeñe a inspección reflectiranse nunha acta, na que farán constar, como mínimo, os seguintes datos:

a) Lugar, data e hora da inspección.

b) Identificación da persoa ou persoas que realicen a inspección.

c) Nome, apelidos, documento nacional de identidade e a condición da persoa ou persoas que atenden as actuacións do persoal inspector, de ser o caso.

d) Nome, apelidos ou razón social e número de identificación fiscal da persoa física ou xurídica inspeccionada, cando poidan constatarse.

e) Relación dos datos, feitos ou incumprimentos detectados ou constatados, con especificación das circunstancias correspondentes.

f) Medios e equipamentos empregados para constatar os feitos ou para tomar as medidas que neles se reflictan.

g) Outras dilixencias realizadas durante a inspección, se procede.

h) Manifestacións da persoa ou persoas que atenden o persoal inspector, de ser o caso.

Capítulo IV

Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual

Artigo 38. Creación e obxecto.

1. Créase o Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual, que ten por obxecto a inscrición obrigatoria de todos os prestadores do servizo de comunicación audiovisual no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, das licenzas e autorizacións outorgadas, así como dos feitos, negocios xurídicos e circunstancias técnicas que afecten tanto as empresas titulares das licenzas como o propio servizo.

2. O Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual está adscrito ao órgano con competencias en materia de audiovisual.

3. Créanse tantas seccións do Rexistro como modalidades de servizos de comunicación audiovisual se presten dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 39. Organización do Rexistro.

O Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual xestionarase mediante soporte informático, sen prexuízo da formación dos oportunos expedientes con todos os documentos que sirvan de soporte ás anotacións rexistrais, os cales prevalecerán no caso de discrepancia cos datos almacenados en soporte informático.

Tanto a organización interna do Rexistro de Prestadores de Comunicación Audiovisual como a súa relación cos cidadáns se farán de conformidade co disposto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 40. Actos inscritibles.

1. Serán obxecto de inscrición os datos seguintes:

a) Nome ou razón social da entidade e o seu domicilio.

b) Denominación dos servizos prestados e o seu domicilio.

c) Clase de servizo.

d) Nome do/a director/a do servizo de comunicación audiovisual radiofónica.

e) Capital social e a súa distribución.

f) Transmisións, disposicións e gravames das accións da sociedade.

g) Características técnicas dos servizos.

h) Horario de emisión, indicando a porcentaxe en número de horas de programación en galego.

i) Vinculacións con outras empresas de radiodifusión.

j) Data de outorgamento da licenza e da autorización da posta en funcionamento.

k) Transferencias da licenza.

l) Renovación da licenza.

m) Sancións firmes.

n) Extincións da licenza.

o) Nome e apelidos, ou, de ser o caso, denominación ou razón social, incluíndo o número de identificación fiscal dos titulares de participacións significativas no capital social, con indicación das porcentaxes correspondentes tanto directa como indirectamente. Enténdese por participación significativa a que represente, directa ou indirectamente:

• O 5% do capital social.

• O 30% dos dereitos de voto ou porcentaxe inferior, se servise para designar, nos 24 meses seguintes á adquisición, un número de conselleiros que representen máis da metade dos membros do órgano de administración da sociedade.

2. No caso dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica privados que realicen comunicacións comerciais, e para os efectos de acreditar a súa denominación, será necesario presentar un certificado do Rexistro da Oficina de Marcas e Patentes.

3. Para o caso das entidades locais que presten o servizo público de comunicación audiovisual radiofónica non será de aplicación o establecido nas letras e), f), i), k) e o) do número 1 deste artigo.

4. Unha vez practicada a primeira inscrición, calquera acto ou feito que comporte a modificación dalgunha das circunstancias que teñan que ser obxecto de anotación, deberá facerse constar no Rexistro, no prazo dun mes a partir do momento en que se produza, solicitándose a súa inscrición mediante instancia acompañada da documentación acreditativa que corresponda.

Cando a modificación teña a súa orixe nun acto producido por unha Administración pública, a inscrición será realizada de oficio polo órgano competente en materia de comunicación audiovisual.

Artigo 41. Comprobacións para a inscrición.

Recibida a solicitude de inscrición xunto coa documentación necesaria, a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma poderá practicar as comprobacións que considere oportunas e solicitar os documentos adicionais que coide precisos.

No caso de que a inscrición non se puider practicar por insuficiencia dos datos achegados, requirirase o interesado para que os complete no prazo de dez días, con advertencia de que a falta de presentación en prazo determinará o arquivamento da súa solicitude, logo de resolución ditada para o efecto, segundo o previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A efectiva inscrición no Rexistro comunicarase mediante resolución da autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma.

Artigo 42. Consultas e certificacións.

Os datos do Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual serán públicos. O acceso aos datos do Rexistro e a solicitude de certificacións dos seus asentos pola cidadanía exercerase nos termos establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, de ser o caso, suxeito ás previsións contidas na normativa de protección de datos.

Capítulo V

Réxime sancionador

Artigo 43. Réxime sancionador.

O réxime sancionador refírese ás infraccións cometidas polos prestadores do servizo de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura non exceda o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e dentro das súas competencias, de conformidade co previsto na Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

Artigo 44. Responsabilidade.

A responsabilidade administrativa pola infracción das normas reguladoras establecidas por este decreto exixirase conforme o disposto no artigo 61 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

Artigo 45. Órgano competente.

1. A competencia para acordar a incoación dos expedientes sancionadores corresponde á autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A competencia para acordar a imposición de sancións por infraccións moi graves que poidan ter como consecuencia a revogación da licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual correspóndelle ao Consello da Xunta. As restantes sancións, por infraccións moi graves, graves e leves, serán impostas pola autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional primeira. Supresión do Rexistro de Empresas Radiodifusoras de Galicia e do Rexistro de Concesionarios do Servizo de Televisión Autonómica e Local de Galicia.

1. Suprímese o Rexistro de Empresas Radiodifusoras de Galicia, creado polo Decreto 52/1986, do 6 de marzo.

2. Suprímese o Rexistro de Concesionarios do Servizo de Televisión Autonómica e Local de Galicia, creado polo Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma procederá, de oficio, á inscrición das licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual derivadas das antigas concesións para a xestión do servizo público de radio e televisión, previamente transformadas pola autoridade competente da Comunidade Autónoma, no Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual regulado no capítulo IV do presente decreto.

Disposición adicional segunda. Servizo público de comunicación audiovisual radiofónica de ámbito autonómico.

O servizo público de comunicación audiovisual radiofónica de ámbito autonómico rexerase pola Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, pola Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, e polo presente decreto.

Disposición adicional terceira. Aplicación ao servizo de comunicación audiovisual televisiva.

As disposicións previstas nos capítulos III e IV aplicaranse igualmente aos servizos de comunicación audiovisual televisiva.

Disposición transitoria primeira. Expedientes de radiodifusión e televisión en situación de adxudicación provisional no momento da entrada en vigor deste decreto.

1. Os expedientes en situación de adxudicación provisional de radiodifusión e televisión no momento da entrada en vigor deste decreto, e de acordo coa Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, transformaranse en licenzas para a prestación do correspondente servizo de comunicación audiovisual.

2. Non obstante o anterior, seguirán sendo exixibles as condicións aplicables aos seus antigos títulos e normativa anterior vixente, para os efectos de posta en funcionamento das instalacións e inicio das emisións.

Disposición transitoria segunda. Expedientes de autorización de negocios xurídicos en tramitación no momento da entrada en vigor deste decreto.

1. Os expedientes de autorización de negocios xurídicos que afecten as empresas de radiodifusión ou televisión que no momento da entrada en vigor deste decreto se encontraren en tramitación ‒sobre os cales non recaese resolución definitiva‒ terán que adaptarse aos termos e condicións que se establecen na presente norma.

2. Para tal efecto, a autoridade audiovisual competente da Comunidade Autónoma en materia de radiodifusión requirirá as empresas e entidades promotoras dos expedientes para que completen os trámites adicionais pertinentes no prazo de tres meses, coas consecuencias previstas no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, e, en concreto, quedan expresamente derrogados:

1. O Decreto 156/1989, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento de concesión de emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, modificado polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro.

2. Os capítulos VIII e IX do Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O artigo 4 do Decreto 52/1986, do 6 de marzo, polo que se crea o Rexistro de Empresas Radiodifusoras de Galicia.

4. A Orde do 1 de abril de 1986 pola que se regula o procedemento de inscrición.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

1. Modifícase o artigo 3, número 1, referente á Secretaría Xeral de Medios, modificando a alínea m) e creando a alínea n).

A alínea m) queda redactada nos seguintes termos:

«m) As competencias de supervisión, control e protección activa para garantir o cumprimento do previsto na lexislación básica en materia de comunicación audiovisual e, se for o caso, a potestade sancionadora en relación cos servizos de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura, calquera que sexa o medio de transmisión empregado, non supere os límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia».

A alínea n) queda redactada nos seguintes termos:

«n) As funcións recollidas nas disposicións adicionais do presente decreto».

2. Modifícase o artigo 3, número 2.1, letras g) e h), que quedan redactadas nos seguintes termos:

«g) A tramitación das solicitudes de licenzas dos prestadores de servizos de comunicación audiovisual, e a preparación das bases dos concursos públicos para a adxudicación das licenzas de comunicación audiovisual que sexan competencia da Comunidade Autónoma».

«h) A realización de tarefas de control e inspección dos prestadores dos servizos de comunicación audiovisual, así como a tramitación de expedientes sancionadores en materia de medios e contidos audiovisuais».

3. Modificase o artigo 3, número 2.1.3, que queda redactado nos seguintes termos:

«Son funcións deste servizo:

a) A elaboración de normas e a emisión de informes administrativos relativos aos prestadores do servizo de comunicación audiovisual.

b) O control e xestión dos procedementos de autorizacións e licenzas dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual.

c) A xestión do Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual.

d) O control, inspección e tramitación de expedientes sancionadores en materia de medios e contidos audiovisuais.»

Disposición derradeira segunda. Concursos convocados e non adxudicados.

Nos procedementos convocados para o outorgamento das licenzas para a prestación de servizos de comunicación audiovisual que estean en tramitación no momento da entrada en vigor deste decreto, no caso de existir incompatibilidade entre o réxime previsto nas bases da convocatoria e o réxime previsto no decreto, a persoa titular da Secretaría Xeral de Medios poderá propor xustificadamente ao Consello da Xunta a declaración de deserto do procedemento correspondente.

No caso previsto no parágrafo anterior, deberá realizarse unha nova convocatoria do procedemento de acordo coa regulación prevista neste decreto no prazo máximo de seis meses desde a súa entrada en vigor.

Disposición derradeira terceira. Execución e desenvolvemento.

Autorízase o órgano competente en materia de comunicación audiovisual para ditar as resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma