Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educacion secundaria obrigatoria na Comunidade Autonoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 13-07-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 136
  • Fecha de Publicación: 13/07/2007
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Preámbulo

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo III determina que se entende por currículo o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada unha das ensinanzas reguladas pola citada lei.

Así mesmo, establece que lle corresponde ao Estado fixar os aspectos básicos do currículo en relación aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación que constitúen as ensinanzas mínimas ás que se refire a disposición adicional primeira, punto 2, letra c, da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

O Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, establece as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria.

A finalidade das ensinanzas mínimas é asegurar unha formación común a todas as alumnas e alumnos dentro do sistema educativo español e garantir a validez dos títulos correspondentes, como indica o artigo 6.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. A dita formación facilitará a continuidade, progresión e coherencia da aprendizaxe en caso de mobilidade xeográfica.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, a desenvolvan.

A Lei orgánica de educación indica que serán as administracións educativas as que establezan o currículo das distintas ensinanzas reguladas pola citada lei, do que formarán parte os aspectos básicos anteriormente indicados.

Os centros docentes desenvolverán e completarán, se for o caso, o currículo das diferentes etapas e ciclos no uso da súa autonomía, tal e como se recolle no capítulo II do título V da Lei orgánica da educación, respondendo ao principio de autonomía pedagóxica, de organización e xestión que a citada lei lles atribúe aos centros educativos coa finalidade de adecuarse ás características e á realidade educativa de cada un deles.

O currículo que se establece neste decreto ten como obxectivo contribuír ao logro dos principios básicos desta Lei orgánica de educación que se expresan no preámbulo e que se resumen en lograr:

* Calidade de educación para todo o alumnado.

* Equidade que garanta a igualdade de oportunidades.

* Esforzo compartido por todos os compoñentes da comunidade educativa.

A educación secundaria obrigatoria constitúe, xunto coa etapa de educación primaria, o ensino básico, que é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas.

A educación secundaria obrigatoria debe combinar o principio dunha educación común para todo o alumnado coa atención á diversidade. Porén os centros educativos, no uso da súa autonomía, adoptarán as medidas organizativas e curriculares que, de forma flexible, se adecuen ás características do seu alumnado.

Na regulación das ensinanzas mínimas ten especial relevancia a definición das competencias básicas que comezaron a desenvolverse na etapa anterior, que serán completadas na educación secundaria obrigatoria e deberán ser alcanzadas por todo o alumnado. As competencias básicas permiten identificar aquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles desde un enfoque integrador e orientado á aplicación dos saberes adquiridos. O seu logro deberá capacitar ás alumnas e os alumnos para a súa realización persoal, a incorporación satisfactoria á vida adulta e o desenvolvemento dunha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

Os obxectivos da educación secundaria obrigatoria defínense para toda a etapa.

Para cada unha das materias que constitúen o currículo fíxanse os obxectivos, as achegas á consecución das competencias básicas, os contidos e os criterios de avaliación.

Neste decreto determínanse as competencias básicas, o currículo das materias desta etapa educativa, o cadro de distribución horaria, a relación de materias coas especialidades do profesorado, o proxecto lector de centro e o plan de introdución das tecnoloxías da información e a comunicación, que se publican como anexos a el coa seguinte numeración:

Anexo I. Competencias básicas.

Anexo II. Currículo das materias desta etapa educativa.

Anexo III. Cadro de distribución horaria.

Anexo IV. Relación de materias coas especialidades do profesorado.

Anexo V. Proxecto lector de centro.

Anexo VI. Plan de introdución das tecnoloxías da información e a comunicación.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, oídos os ditames do Consello Consultivo e do Consello Escolar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto establecer a ordenación xeral e o currículo da educación secundaria obrigatoria, que será de aplicación en todos os centros docentes que impartan estas ensinanzas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Principios xerais.

1. A educación secundaria obrigatoria é unha etapa educativa que ten carácter obrigatorio e gratuíto. A educación secundaria obrigatoria xunto coa educación primaria constitúen a educación básica.

2. A educación secundaria obrigatoria comprende catro cursos académicos, que se realizarán ordinariamente entre os doce e os dezaseis anos de idade.

3. O alumnado incorporarase, con carácter xeral, ao primeiro curso da educación secundaria obrigatoria, de acordo coas normas de promoción a estas ensinanzas, unha vez cursada a educación primaria, no ano natural en que cumpran os doce anos de idade, agás nos seguintes supostos:

a) Alumnado que permanecese un ano máis na educación primaria en virtude do establecido nas normas de promoción de ciclo destas ensinanzas.

b) Alumnado con altas capacidades intelectuais aos cales se lles flexibilizase o inicio e/ou a duración da educación primaria.

c) Alumnado con necesidades educativas especiais que prolongase a súa escolarización na educación primaria en centros ordinarios un ano máis do previsto na alínea a) deste punto 3.

d) Alumnado que se incorpore tardiamente ao sistema educativo español, de acordo co establecido neste decreto.

4. Sen prexuízo do establecido no punto 2, o alumnado terá dereito, con carácter xeral, a permanecer escolarizado no réxime ordinario cursando esta etapa educativa ata os dezaoito anos cumpridos no ano en que remate o curso académico.

5. Na educación secundaria obrigatoria prestarase especial atención á orientación educativa e profesional do alumnado. O cuarto curso terá carácter orientador, tanto para os estudos postobrigatorios como para a incorporación á vida laboral.

6. A Educación secundaria obrigatoria organízase en materias e de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade do alumnado.

7. O alumnado maior de dezaoito anos que non obtivese o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e non poida ou non desexe continuar escolarizado nun centro educativo no réxime ordinario poderá rematar os seus estudos polo réxime de ensinanzas para adultos. Poderá, así mesmo, incorporarse ás ensinanzas de adultos o alumnado que cumpra dezaoito anos no ano en que comece o curso académico ou, excepcionalmente, os maiores de dezaseis anos que teñan un contrato laboral que non lles permita acudir aos centros educativos en réxime ordinario ou sexan deportistas de alto rendemento.

Artigo 3º.-Fins.

A finalidade da educación secundaria obrigatoria consiste en lograr que o alumnado adquira os elementos básicos da cultura, especialmente en aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar hábitos de estudo e de traballo; preparalo para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral e formalo para o exercicio dos seus dereitos e obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

Artigo 4º.-Obxectivos da educación secundaria obrigatoria.

A educación secundaria obrigatoria contribuirá a desenvolver no alumnado as capacidades que lles permita:

a) Asumir responsablemente os seu deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto ás outras persoas, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e grupos, exercitarse no diálogo afianzando os dereitos humanos como valores comúns dunha sociedade plural e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática.

b) Desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.

c) Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles. Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres.

d) Fortalecer as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións coas outras persoas, así como rexeitar a violencia, os prexuízos de calquera tipo, os comportamentos sexistas e resolver pacificamente os conflitos.

e) Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes da información para, con sentido crítico, adquirir novos coñecementos. Adquirir unha preparación básica no campo das tecnoloxías, especialmente as da información e a comunicación.

f) Concibir o coñecemento científico como un saber integrado que se estrutura en distintas disciplinas, así como coñecer e aplicar os métodos para identificar os problemas nos diversos campos do coñecemento e da experiencia.

g) Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.

h) Comprender e expresar con corrección, oralmente e por escrito, na lingua galega e na lingua castelá, textos e mensaxes complexos, e iniciarse no coñecemento, a lectura e o estudo da literatura.

i) Comprender e expresarse en máis dunha lingua estranxeira de maneira apropiada.

j) Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e a historia propia e das outras persoas, así como o patrimonio artístico e cultural, coñecer mulleres e homes que realizaron achegas importantes á cultura e sociedade galega ou a outras culturas do mundo.

k) Coñecer o corpo humano e o seu funcionamento, aceptar o propio e o das outras persoas, aprender a coidalo, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos do coidado e saúde corporais e incorporar a educación física e a práctica do deporte para favorecer o desenvolvemento persoal e social. Coñecer e valorar a dimensión humana da sexualidade en toda a súa diversidade. Valorar criticamente os hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e o ambiente, contribuíndo á súa conservación e mellora.

l) Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións artísticas, utilizando diversos medios de expresión e representación.

m) Coñecer e valorar os aspectos básicos do patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galicia, participar na súa conservación e mellora e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.

n) Coñecer e valorar a importancia do uso do noso idioma como elemento fundamental para o mantemento da nosa identidade.

Artigo 5º.-Currículo.

1. Enténdese por currículo da educación secundaria obrigatoria o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación desta etapa educativa.

2. As competencias básicas que se deben adquirir na educación básica, xa iniciadas na educación primaria, publícanse no anexo I deste decreto. Ao seu logro deberá contribuír a educación secundaria, de acordo cos criterios de avaliación que para cada curso e materia figuran no anexo II.

3. O currículo para a educación secundaria obrigatoria en todos os centros de ensino regrado de Galicia será o que se recolle para cada materia e nos diferentes cursos no anexo II a este decreto.

4. Os centros docentes desenvolverán e completarán o currículo para a educación secundaria obrigatoria establecido polas administracións educativas, concreción que formará parte do proxecto educativo ao cal fai referencia o artigo 121.1º da Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación.

5. A lectura constitúe un factor primordial para o desenvolvemento das competencias básicas. Os centros docentes garantirán na práctica docente de todas as materias un tempo dedicado á lectura en todos os cursos da etapa, de acordo co proxecto lector do centro, ao constituír a lectura un factor esencial para o desenvolvemento das competencias básicas.

Artigo 6º.-Organización dos tres primeiros cursos.

1. En cada un dos tres primeiros cursos todo o alumnado cursará as seguintes materias:

* Ciencias da natureza.

* Ciencias sociais, xeografía e historia.

* Educación física.

* Lingua galega e literatura.

* Lingua castelá e literatura.

* Primeira lingua estranxeira.

* Matemáticas.

2. No primeiro curso o alumnado cursará, ademais, a materia de educación plástica e visual e segunda lingua estranxeira, e realizará un proxecto interdisciplinar.

3. No segundo curso o alumnado cursará as materias relacionadas no punto 1 e, ademais, música, educación para a cidadanía e os dereitos humanos, Tecnoloxías e segunda lingua estranxeira.

4. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer que a segunda lingua estranxeira non sexa materia obrigatoria para o alumnado que, tendo un desfase curricular, precise de apoios complementarios.

5. No terceiro curso o alumnado cursará as materias relacionadas no punto 1 e, ademais, tecnoloxías, plástica, música e unha materia optativa, nos termos previstos no artigo 9º deste decreto.

6. No terceiro curso a materia de ciencias da natureza desdóbrase en bioloxía e xeoloxía por un lado, e física e química por outro. O profesorado avaliará por separado cada unha destas materias aínda que a citada materia de ciencias da natureza manterá o seu caracter unitario para efectos de promoción tal como figura no artigo 12º deste decreto.

7. Sen prexuízo do tratamento específico nalgunhas das materias da etapa, a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e a comunicación, e a educación en valores traballaranse en todas elas.

Artigo 7º.- Organización do cuarto curso.

1. Todo o alumnado deberá cursar neste curso as seguintes materias:

* Ciencias sociais, xeografía e historia.

* Educación ético-cívica.

* Educación física.

* Lingua galega e literatura.

* Lingua castelá e literatura.

* Matemáticas.

* Primeira lingua estranxeira.

2. Ademais das materias relacionadas no punto anterior, todo o alumnado deberá cursar tres materias de entre as seguintes:

* Bioloxía e xeoloxía.

* Educación plástica e visual.

* Física e química.

* Informática.

* Latín.

* Música.

* Segunda lingua estranxeira.

* Tecnoloxía.

3. Todo o alumnado cursará neste cuarto curso unha materia optativa, nos termos regulados no artigo 9º deste decreto.

4. Na materia educación ético-cívica prestarase especial atención á igualdade entre homes e mulleres.

5. A materia de matemáticas poderá presentarse en dúas opcións, A e B, en función do carácter terminal ou propedéutico que teña para cada alumna e alumno. Se o centro opta por unha soa opción, sempre será a opción B.

6. Sen prexuízo do tratamento específico nalgunhas das materias deste curso, a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e a comunicación, e a educación en valores traballaranse en todas elas.

7. Os centros informarán e orientarán o alumnado co fin de que a elección de materias a que se refire o punto 2, así como a elección da materia optativa, facilite tanto a consolidación de aprendizaxes fundamentais como a súa orientación educativa posterior ou a súa posible incorporación á vida laboral.

8. Os centros deberán ofrecer a totalidade das materias a que se refire o punto 2 deste artigo. Coa finalidade de orientar a elección do alumnado, poderán establecer agrupacións destas materias en diferentes opcións.

9. Só se poderá limitar a elección de materias e opcións do alumnado cando haxa un número insuficiente de alumnas e alumnos, en función dos criterios que fixe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 8º.-Horario.

O número de sesións lectivas semanais de cada unha das materias da educación secundaria obrigatoria é o que figura no anexo III deste decreto.

Artigo 9º.-Materias optativas.

1. A oferta de materias optativas deberá ser diversa e equilibrada.

2. Os centros incluirán, en todo caso, na oferta de materias optativas a cultura clásica e obradoiro de iniciativas emprendedoras, que poderán ser cursadas no terceiro ou no cuarto curso; e a segunda lingua estranxeira, que poderá ser cursada en terceiro e en cuarto curso, tal como figura no anexo III.

3. En cuarto curso o alumnado poderá cursar como optativa calquera das materias relacionadas no artigo 7º. 2 que non fose elixida de acordo co establecido nese punto do artigo.

4. Con carácter excepcional poderanse autorizar, de acordo co procedemento que se estableza, unha materia optativa proposta polos centros que garde relación coas características do seu medio xeográfico e sociocultural e que facilite a inserción na vida activa.

5. As ensinanzas de materias optativas que oferten os centros só poderán ser impartidas se existe un número mínimo de alumnos e alumnas matriculados, en función dos criterios que fixe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 10º.-Profesorado.

1. Sen prexuízo das competencia docente das mestras e mestres adscritos aos cursos primeiro e segundo da educación secundaria obrigatoria, de acordo coa disposición transitoria primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as materias da educación secundaria obrigatoria que se indican no anexo IV serán impartidas prioritariamente polo profesorado de ensino secundario das especialidades que se relacionan nel.

2. Excepcionalmente, nas condicións que se establezan, os funcionarios do corpo de profesores técnicos de formación profesional poderán impartir determinadas materias da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 11º.-Avaliación.

1. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado da educación secundaria obrigatoria será continua e diferenciada segundo as distintas materias do currículo.

2. O profesorado avaliará o alumnado tendo en conta todos os elementos que compoñen o currículo.

3. Os criterios de avaliación das materias serán referentes fundamentais para valorar o grao de adquisición das competencias básicas e de consecución dos obxectivos.

4. A avaliación será realizada polo equipo docente, que estará constituído polo conxunto de profesoras e profesores de cada grupo de alumnas e alumnos, que actuará de forma colexiada, coordinado pola persoa titora e asesorado polo Departamento de Orientación.

5. A cualificación de cada materia e, se é o caso, ámbitos e módulos, será decidida polo profesor ou profesora que as imparte. As restantes decisións serán adoptadas por maioría do equipo docente.

6. Se no proceso de avaliación continua se advertise que unha alumna ou un alumno non progresa adecuadamente, o centro educativo, tan pronto como detecte as dificultades de aprendizaxe, adoptará medidas de reforzo educativo coa finalidade de que o alumnado adquira as aprendizaxes necesarias para continuar o proceso educativo.

7. O profesorado avaliará tanto as aprendizaxes do alumnado como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente.

Artigo 12º.-Promoción.

1. Ao finalizar cada un dos cursos, e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente tomará as decisión correspondentes sobre a promoción do alumando, de acordo co establecido neste artigo.

2. O alumnado promocionará ao curso seguinte cando teña superados os obxectivos das materias cursadas ou teña avaliación negativa en dúas materias como máximo.

3. O alumnado repetirá curso cando sexa avaliado negativamente en tres ou máis materias.

4. Excepcionalmente, o equipo docente poderá autorizar a promoción con avaliación negativa en tres materias, se considera que a natureza destas non lle impide ao alumnado seguir con éxito o curso seguinte, que ten expectativas favorables de recuperación e que a dita promoción beneficiará a súa evolución académica.

5. Para os efectos de promoción de curso computarase como unha única materia as de diferentes cursos que teñan a mesma denominación.

6. Coa finalidade de lle facilitar ao alumnado a recuperación das materias con avaliación negativa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as condicións e regulará o procedemento para que os centros organicen as oportunas probas extraordinarias en cada un dos cursos. As probas extraordinarias realizaranse no mes de setembro.

7. O alumnado que promocione sen ter superadas todas as materias seguirá un programa de reforzo educativo destinado a recuperar as aprendizaxes non adquiridas e deberá superar a avaliación correspondente ao devandito programa. Esta circunstancia será tida en conta para os efectos das cualificacións das materias non superadas, así como aos de promoción e, se é o caso, de obtención do título de graduado ou graduada en educación secundaria obrigatoria.

8. O alumnado que non promocione permanecerá un ano máis no mesmo curso, sen prexuízo do que se establece no punto seguinte. Os centros deberán organizar para este alumnado un plan específico personalizado, orientado á superación das dificultades detectadas no curso anterior, de acordo co que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

9. O alumnado poderá repetir o mesmo curso unha soa vez e dúas veces como máximo dentro da etapa. Excepcionalmente, unha alumna ou alumno poderá repetir unha segunda vez en cuarto curso se non repetiu en cursos anteriores desta etapa.

10. Cando a segunda repetición se deba producir no último curso da etapa, prolongarase un ano o límite de idade establecido no artigo 1º.4 deste decreto.

11. As decisións do equipo docente adoptaranse por maioría simple dos seus membros.

Artigo 13º.-Atención á diversidade.

1. A educación secundaria obrigatoria organízase de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade. As medidas de atención á diversidade nesta etapa estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da educación secundaria obrigatoria e non poderán, en ningún caso, supoñer unha discriminación que lles impida alcanzar os devanditos obxectivos e a titulación correspondente. Teranse en conta as dificultades específicas das rapazas que por razón de xénero e pertenza a determinados colectivos teñan dificultades especiais para rematar a etapa.

2. En canto se detecten dificultades de aprendizaxe, os centros deberán poñer en funcionamento as medidas de atención á diversidade que se consideren máis convenientes ás características do seu alumnado e que poderán ser tanto organizativas como curriculares.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará estas medidas de atención á diversidade que lles permitan aos centros, no exercicio da súa autonomía, ter en conta os agrupamentos flexibles, o apoio en grupos ordinarios, o apoio ocasional fóra do grupo ordinario, os desdobramentos de grupo, a oferta de materias optativas, as medidas de reforzo, as adaptacións do currículo, a integración de materias en ámbitos, os programas de diversificación curricular e outros programas de tratamento personalizado para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

4. A integración de materias en ámbitos está destinada a diminuír o número de profesoras e profesores que interveñen nun mesmo grupo e deberá respectar os obxectivos, contidos e criterios de avaliación de todas as materias que se integran, así como o horario asignado ao conxunto delas. Esta integración terá efectos na organización das ensinanzas pero non así nas decisións asociadas á promoción.

5. A escolarización do alumnado que se incorpora tardiamente ao sistema educativo realizarase atendendo ás súas circunstancias, coñecementos, idade e historial académico.

Cando presenten graves carencias na lingua galega e/ou na lingua castelá recibirán unha atención específica que será, en todo caso, simultánea á escolarización nos grupos ordinarios, cos cales compartirán o maior tempo posible do horario semanal.

Os que presenten un desfase no seu nivel de competencia curricular de dous ou máis anos, poderán ser escolarizados nun ou en dous cursos inferiores ao que lles correspondería por idade, sempre que a dita escolarización lles permita completar a etapa nos límites de idade establecidos con carácter xeral, adoptándose as medidas de reforzo educativo máis adecuadas para facilitar a súa integración escolar e a recuperación do desfase curricular e para que lles permitan continuar con aproveitamento os seus estudos. As alumnas e alumnos que en virtude desta escolarización non puidesen completar a etapa nos límites de idade establecidos con carácter xeral poderán continuar estudos nas ensinanzas de persoas adultas.

6. A escolarización do alumnado con altas capacidades intelectuais flexibilizarase de tal forma que se poida incorporar a esta etapa cando proceda a súa promoción desde a educación primaria. Así mesmo, poderase reducir a duración da educación secundaria obrigatoria cando se prevexa que esta é a medida máis adecuada para o desenvolvemento do seu equilibrio persoal e a súa socialización, nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Atenderase, neste sentido, á normativa estatal que se poida desenvolver para tal efecto.

Artigo 14º.-Alumnado con necesidades educativas especiais.

1. Enténdese por alumnado que presenta necesidades educativas especiais aquel que requira, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves da conduta.

2. Para que este alumnado poida alcanzar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais e os obxectivos da etapa, estableceranse as medidas curriculares e organizativas oportunas que aseguren o seu adecuado progreso.

3. Na educación secundaria obrigatoria poderanse realizar adaptacións curriculares que se aparten significativamente dos contidos e criterios de avaliación do currículo, dirixidas a este alumnado con necesidades educativas especiais.

4. Estas adaptacións curriculares, que estarán precedidas en todo caso dunha avaliación das necesidades educativas especiais do alumnado e a conseguinte proposta curricular específica, realizaranse buscando o máximo desenvolvemento das competencias básicas de acordo coas posibilidades da alumna ou alumno; a avaliación e a promoción tomarán como referencia os obxectivos e criterios de avaliación fixados nas adaptacións.

5. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará o procedemento de autorización das adaptacións referidas neste artigo.

6. Sen prexuízo das repeticións de curso previstas no artigo 12º.9 deste decreto, a escolarización deste alumnado na educación secundaria obrigatoria poderase prolongar un ano máis, sempre que iso favoreza a obtención do título de graduado a que se fai referencia no artigo 17º.

Artigo 15º.-Programas de diversificación curricular.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará os programas de diversificación curricular para o alumnado que, tras a oportuna avaliación, precise dunha organización dos contidos, actividades prácticas e materias do currículo diferente á establecida con carácter xeral e dunha metodoloxía específica para alcanzar os obxectivos e competencias básicas da etapa e o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. Poderanse incorporar aos programas de diversificación curricular, nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as alumnas e alumnos desde o terceiro curso da educación secundaria obrigatoria que en cursos anteriores tivesen dificultades xeneralizadas de aprendizaxe e que recibisen medidas complementarias de adaptación do currículo. Tamén os poderán realizar as alumnas e alumnos que tivesen cursado segundo, que non estean en condicións de promocionar a terceiro e xa repetisen unha vez na etapa.

En todo caso, a súa incorporación requirirá a avaliación tanto académica como a psicopedagóxica a través do ditame emitido polo Departamento de Orientación, informe do equipo docente, e logo de audiencia do propio alumnado e dos seus pais, nais ou titores.

3. Con carácter xeral, a duración destes programas será de dous anos. Non obstante, poderanse establecer programas dun ano de duración para aquelas alumnas ou alumnos que cursasen o cuarto curso de educación secundaria obrigatoria ou que repetisen o terceiro curso sen superalo.

4. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá o currículo destes programas no cal se incluirán dous ámbitos específicos, un deles con elementos formais de carácter lingüístico e social, e outro con elementos formativos de carácter científico-tecnolóxico e tres materias das establecidas para a etapa non recollidas nos ámbitos anteriores, entre as cales se encontrará lingua estranxeira, que o alumnado cursará preferentemente no grupo ordinario. Poderase establecer, ademais, un ámbito de carácter práctico.

O ámbito lingüístico-social incluirá, como mínimo, os aspectos básicos do currículo correspondentes ás materias de ciencias sociais, xeografía e historia, lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura. O ámbito científico-tecnolóxico incluirá, como mínimo, os correspondentes ás materias de matemáticas, ciencias da natureza e tecnoloxías. Se a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria incorpora un ámbito de carácter práctico, incluirá nel os contidos correspondentes a tecnoloxías.

5. Cada programa de diversificación curricular deberá especificar a metodoloxía, contidos e criterios de avaliación que garantan o logro das competencias básicas.

6. O referente para avaliar as aprendizaxes do alumnado que cursa un programa de diversificación curricular serán as competencias básicas e os obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación establecidos para cada ámbito do programa e das materias que curse cada alumna ou alumno, coas adaptacións curriculares que, se é o caso, lles correspondan.

7. O alumnado que, ao rematar o programa, non estea en condicións de obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e cumpra os requisitos de idade establecidos no artigo 1º.4 deste decreto, poderá permanecer un ano máis no programa.

8. O número de alumnas e alumnos de cada programa non poderá ser superior a 10.

9. Cada ámbito deberá ser impartido por un único profesor ou profesora.

Artigo 16º.-Programas de cualificación profesional inicial.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organizará e, sé o caso, autorizará programas de cualificación profesional inicial coa finalidade de favorecer a inserción social, educativa e laboral das mozas e mozos.

2. Poderán acceder a un programa de cualificación profesional inicial as alumnas e alumnos maiores de dezaseis anos, cumpridos con anterioridade ao 31 de decembro do ano en que se inicia o programa, que non obtivesen o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

3. Excepcionalmente, poderán acceder a un programa de cualificación profesional as alumnas e alumnos de quince anos de idade, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Acordo das alumnas e alumnos, nais e pais ou titores.

b) Ter cursado segundo da educación secundaria obrigatoria, non estar en condicións de promocionar a terceiro e ter repetido xa unha vez na etapa.

c) Compromiso de cursar os módulos voluntarios aos cales se fai referencia no artigo 30.3º.c) da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

d) Informe favorable do Departamento de Orientación do centro.

4. Os programas de cualificación profesional inicial deberán responder a un perfil profesional expresado a través da competencia xeral, as competencias persoais, sociais e profesionais, e a relación de cualificacións profesionais e, se é o caso, unidades de competencia de nivel 1 do Catálogo nacional de cualificacións profesionais incluídas no programa.

5. Os programas de cualificación profesional inicial incluirán tres tipos de módulos:

a) Módulos específicos, que desenvolverán as competencias do perfil profesional e que, se é o caso, preverán unha fase de prácticas nos centros de traballo, respectando as exixencias derivadas do Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais e Formación Profesional.

b) Módulos formativos de carácter xeral, que posibiliten o desenvolvemento das competencias básicas e favorezan a transición desde o sistema educativo ao mundo laboral.

c) Módulos que conduzan á obtención do título de graduado en educación secundaria e que se poderán cursar de maneira simultánea cos módulos obrigatorios ou unha vez superados estes.

6. Os módulos que conduzan á obtención do título de graduado en educación secundaria terán carácter voluntario, agás para o alumnado o que se refire o punto 3 deste artigo, e deberán ser impartidos en centros autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que, en todo caso, serán de educación secundaria obrigatoria ou de educación permanente de adultos.

7. Os módulos conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria organizaranse de forma modular en tres ámbitos:

a) Ámbito da comunicación.

b) Ámbito social.

c) Ámbito científico-tecnolóxico.

8. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aprobará os currículos dos diferentes ámbitos. O ámbito de comunicación incluirá os aspectos básicos do currículo das materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira. O ámbito social incluirá os referidos ás materias de ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía, os aspectos de percepción recollidos no currículo de educación plástica e visual e música. O ámbito científico-tecnolóxico incluirá aqueles referidos ás materias de ciencias da natureza, matemáticas, tecnoloxías e aos aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de educación física.

9. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá establecer procedementos que permitan que os centros educativos recoñezan as aprendizaxes adquiridas tanto na escolarización ordinaria na educación secundaria obrigatoria coma no resto dos módulos do programa, para aquelas alumnas e alumnos que vaian cursar os módulos conducentes á obtención do título.

10. A oferta de programas de cualificación profesional inicial poderá adoptar as seguintes modalidades:

a) Modalidade A, en que todos os módulos se imparten nun mesmo centro educativo.

b) Modalidade B, en que os módulos específicos se imparten nun centro educativo e os módulos formativos de carácter xeral e os módulos de carácter voluntario se imparten noutro.

c) Modalidade C, en que poderán participar as corporacións locais, as asociacións profesionais, as organizacións non gobernamentais e outras entidades empresariais e sindicais, baixo a coordinación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. En todo caso, os módulos voluntarios conducentes á expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria serán impartidos nos centros educativos.

11. Coa finalidade de facilitar a integración social e laboral do alumnado con necesidades educativas especiais, de conformidade co establecido no artigo 75.1º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria incluirá unha oferta específica de programas de cualificación profesional inicial, adaptada para este alumnado que non se pode integrar na modalidade ordinaria.

Artigo 17º.-Título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

1. O alumnado que, ao terminar a educación secundaria obrigatoria, alcanzase as competencias básicas e os obxectivos da etapa obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. O alumnado que supere todas as materias da etapa obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Da mesma maneira, poderán obter o devandito título as alumnas e alumnos que rematasen o cuarto curso con avaliación negativa nunha ou dúas materias, e excepcionalmente en tres, sempre que o equipo docente considere que a natureza e o peso destas no conxunto da etapa non lles impediu alcanzar as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

3. O alumnado que curse programas de diversificación curricular obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria se supera todos os ámbitos e materias que integran o programa. Así mesmo, poderá obter o devandito título o alumnado que, tendo superado os dous ámbitos, teñan avaliación negativa nunha ou dúas materias, e excepcionalmente en tres, sempre que ao xuízo do equipo docente alcanzasen as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

4. O alumnado que curse un programa de cualificación profesional inicial obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria se cursa e supera, ademais dos módulos obrigatorios, os módulos voluntarios indicados no artigo 16º. 6 deste decreto.

5. O alumnado con dezaoito anos cumpridos que non obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e non teña avaliación negativa en máis de cinco materias disporá, durante os dous anos inmediatamente seguintes ao remate da escolarización, dunha convocatoria anual de probas para superar as materias pendentes de cualificación positiva, nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. En todo caso, as probas terán lugar no mes de xuño e serán incompatibles con estar cursando as ensinanzas de adultos e presentarse ás probas para obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria previstas no artigo 68.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

6. O título de graduado en educación secundaria obrigatoria permitirá acceder ao bacharelato, á formación profesional de grao medio, aos ciclos de grao medio de artes plásticas e deseño, ás ensinanzas deportivas de grao medio e ao mundo laboral.

7. O alumnado que curse a educación secundaria obrigatoria e non obteña o título de graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá un certificado de escolaridade en que se farán constar os anos e materias cursados.

Artigo 18º.-Autonomía dos centros.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fomentará a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecerá o traballo en equipo do profesorado e estimulará a actividade investigadora a partir da súa práctica docente.

2. Os centros, no exercicio da súa autonomía, poderán adoptar experimentacións, plans de traballo, formas de organización ou ampliación do horario escolar nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sen que, en ningún caso, se impoñan contribucións ás familias.

3. Os centros docentes, no exercicio da súa autonomía pedagóxica, incluirán no proxecto educativo do centro a concreción do currículo, que contará polo menos coas seguintes epígrafes:

a) Adecuación dos obxectivos xerais de etapa ao contexto socioeconómico e cultural do centro, e ás características do alumnado, tendo en conta o establecido ao respecto no propio proxecto educativo.

b) Decisións de carácter xeral sobre a metodoloxía e a súa contribución á consecución das competencias básicas.

c) Proxecto lingüístico.

d) Incorporación, a través das distintas áreas e materias da educación en valores.

e) Criterios xerais sobre a avaliación e promoción do alumnado.

f) Liñas xerais de atención á diversidade.

g) Plans específicos para o alumnado que permaneza un ano máis no mesmo curso.

h) Proxecto lector de centro.

i) Plan de integración das tecnoloxías da información e da comunicación.

j) Plan de convivencia, facendo especial atención á promoción de actividades para a igualdade entre mulleres e homes e a prevención de violencia de xénero.

k) Atención educativa ao alumnado que non opte por ensinanzas de relixión.

l) Liñas xerais para a elaboración dos plans de orientación e acción titorial.

m) Aspectos xerais para a elaboración das programacións docentes.

4. As programacións docentes serán elaboradas polos órganos de coordinación docente que corresponda e contarán, polo menos, cos seguintes elementos:

a) Contribución das materias ao logro das competencias básicas.

b) Obxectivos, contidos e criterios de avaliación para cada curso.

c) Metodoloxía e materiais curriculares.

d) Procedementos e instrumentos de avaliación.

e) Mínimos exixibles para a obtención dunha avaliación positiva.

f) Medidas de atención á diversidade.

g) Programa de reforzo para a recuperación das materias pendentes de cursos anteriores.

h) Actividades complementarias e extraescolares.

Artigo 19º.- Avaliación de diagnóstico.

1. Ao finalizar o segundo curso da educación secundaria obrigatoria todos os centros realizarán unha avaliación de diagnóstico das competencias básicas alcanzadas polo seu alumnado. Esta avaliación, que non terá efectos académicos, terá carácter formativo e orientador para os centros, informativo para as familias e para o conxunto da comunidade educativa, conxugando as normas legais dos preceptos educativos coas correspondentes ao dereito á intimidade, honra e protección de datos.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facilitaralles aos centros educativos os modelos e apoios necesarios, co fin de que todos realicen de xeito adecuado estas avaliacións.

3. A información que se obteña destas avaliacións de diagnóstico será tida en conta polos centros para organizar as medidas e programas que sexan necesarios para mellorar a atención ao alumnado e garantir que este obteña as correspondentes competencias básicas. Así mesmo, estes resultados permitirán, xunto coa avaliación dos procesos de ensino e a práctica docente, analizar, valorar e reorientar, se procede, as actuacións desenvolvidas nos dous primeiros cursos da etapa.

Artigo 20º.-Titoría e orientación.

1. A acción titorial e a orientación académica e profesional terán un papel relevante en cada un dos cursos para guiar o alumnado na elección de materias optativas, na transición ao mundo laboral ou académico ao finalizar o ensino obrigatorio, así como nos plans de acollida no centro.

2. Cada grupo de alumnas e alumnos contará cunha persoa titora, designada polo titular da dirección do centro entre o profesorado que imparta docencia ao dito grupo. Terá a responsabilidade de coordinar o equipo docente que imparta clases nese grupo, tanto no relativo á avaliación como aos procesos de ensino e aprendizaxe. Será a responsable da orientación do alumnado en colaboración co Departamento de Orientación.

3. A orientación educativa garantirá, en especial no cuarto curso, un axeitado asesoramento ao alumnado para favorecer a súa continuidade no sistema educativo ou unha orientación profesional se for o caso. En todo caso, a orientación educativa velará pola igualdade de xénero.

Artigo 21º.-Participación das nais, pais ou titores.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá o procedemento para que, de conformidade co establecido no artigo 4.2º e) da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, os pais, nais ou persoas titoras participen e apoien a evolución do proceso educativo dos seus fillos e fillas ou tutelados, coñezan as decisións relativas á avaliación e promoción e colaboren nas medidas de apoio, reforzo, adaptación ou diversificación que adopten os centros educativos para facilitar o seu progreso educativo.

Disposición adicionais

Primeira.-Educación de persoas adultas.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o ensino básico para as persoas adultas, no marco do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria.

Segunda.-Ensinanzas de relixión.

1. As ensinanza de relixión incluiranse na educación secundaria obrigatoria, de acordo co establecido na disposición adicional segunda da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Ao inicio de cada curso as alumnas e alumnos maiores de idade e os pais, nais ou titores legais do alumnado menor de idade manifestarán a súa vontade de recibir ou non ensinanzas de relixión.

3. Os que opten por recibir ensinanzas de relixión poderán elixir entre as ensinanzas de relixión católica, ou daqueloutras outras confesións relixiosas a que se refire o punto 2 da disposición adicional segunda da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou o ensino de historia e cultura das relixións.

4. Os centros docentes disporán as medidas organizativas para que o alumnado que non curse as ensinanzas de relixión reciba a debida atención educativa, co fin de que a elección dunha ou outra opción non supoña discriminación ningunha. A devandita atención, en ningún caso comportará a aprendizaxe de contidos curriculares asociados ao coñecemento do feito relixioso nin a calquera materia da etapa. As medidas organizativas que dispoñan os centros deberán ser incluídas no proxecto educativo para que nais, pais, titores e alumnado as coñezan con anterioridade.

5. A determinación do currículo do ensino de relixión católica e das diferentes confesións relixiosas coas cales o Estado español subscribiu acordos de cooperación en materia educativa será competencia, respectivamente, da xerarquía eclesiástica e das correspondentes autoridades relixiosas. O seu contido será respectuoso cos dereitos das persoas marcados na lexislación vixente, especialmente co valor da igualdade entre homes e mulleres.

6. A avaliación das ensinanzas da relixión católica e de historia e cultura das relixións realizarase nos mesmos termos e cos mesmos efectos que as outras materias da etapa. A avaliación da ensinanzas das diferentes confesións relixiosas coas cales o Estado subscribirá acordos de cooperación axustarase ao establecido neles.

7. As cualificacións obtidas na avaliación das ensinanzas de relixión non computarán nas convocatorias en que deban entrar en concorrencia os expedientes académicos, nin na obtención da nota media para os efectos de admisión do alumnado, cando houbese que acudir a ela para realizar unha selección entre as persoas solicitantes.

Terceira.- Límite de idade na educación secundaria obrigatoria.

O límite de idade establecido no artigo 2º.4 deste decreto prorrogarase un ano para aquel alumnado que se incorpore a esa etapa educativa cunha idade superior á establecida con carácter xeral, en aplicación das normas de promoción na educación primaria, e non se lle establezan medidas de adaptación ou diversificación curricular.

Cuarta.-Probas para maiores de dezaoito anos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente probas para que as persoas maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, sempre que alcancen as competencias básicas e os obxectivos da etapa.

Quinta.-Ensinanzas impartidas en linguas estranxeiras.

A Administración educativa poderá autorizar que unha parte do currículo se imparta en linguas estranxeiras sen que isto supoña modificación dos aspectos básicos do currículo regulados neste decreto e de acordo co que se regula na lexislación de normalización lingüística. Os centros que impartan unha parte das áreas de currículo en linguas estranxeiras non poderán incluír en ningún caso requisitos lingüísticos entre os criterios de admisión do alumnado.

Disposición transitoria

Aplicabilidade do currículo establecido polo Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, modificado polo Decreto 331/1996, do 26 de xullo, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O currículo establecido no Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, continuará vixente ata que se vaia implantando o novo currículo aprobado neste decreto, conforme o previsto no Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Os centros adaptarán o proxecto educativo e as programacións docentes ao contido deste decreto en dous cursos escolares contados desde o curso 2007/2008, de acordo co calendario de implantación destas ensinanzas.

Disposición derrogatoria

Derrogación normativa.

Queda derrogado o Decreto 78/1993, do 23 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia así como as demais normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Anexo I

Competencias básicas

Unha posible definición de competencia básica podería ser a capacidade de poñer en práctica de forma integrada, en contextos e situacións diversos, os coñecementos, as habilidades e as actitudes persoais adquiridas. O concepto de competencia inclúe tanto os saberes como as habilidades e as actitudes e vai mais alá do saber e do saber facer, incluíndo o saber ser ou estar.

A incorporación de competencias básicas ao currículo permite poñer o acento naquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles desde unha formulación integradora e orientada á aplicación dos saberes adquiridos. De aí o seu carácter básico. Son aquelas competencias que debe desenvolver un mozo ou unha moza ao finalizar o ensino obrigatorio para poder lograr a súa realización persoal, exercer a cidadanía activa, incorporarse á vida adulta de xeito satisfactorio e ser capaz de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

A inclusión das competencias básicas no currículo ten varias finalidades: integrar as diferentes aprendizaxes, tanto as formais, incorporadas ás diferentes áreas ou materias, coma as informais e non formais; permitirlle a todo o alumnado integrar as súas aprendizaxes, poñelas en relación con distintos tipos de contidos e utilizalas de xeito efectivo cando lle resulten necesarias en diferentes situacións e contextos, e orientar o ensino, ao permitir identificar os contidos e os criterios de avaliación que teñen carácter imprescindible e, en xeral, inspirar as distintas decisións relativas ao proceso de ensino e de aprendizaxe, á metodoloxía, á organización dos centros educativos, ás relacións persoais e á participación de toda a comunidade educativa.

Coas materias do currículo preténdese que todas as alumnas e os alumnos alcancen os obxectivos educativos e, consecuentemente, que adquiran as competencias básicas. Con todo, non existe unha relación unívoca entre o ensino de determinadas materias e o desenvolvemento de certas competencias. Cada unha delas contribúe ao desenvolvemento de diferentes competencias e, pola súa vez, cada unha das competencias básicas alcanzarase como consecuencia do traballo en varias materias.

Ao seren as competencias un elemento organizador van ter influencia non só nos contidos e na avaliación senón tamén na metodoloxía.

O traballo nas materias do currículo para contribuír ao desenvolvemento das competencias básicas débese complementar con diversas medidas organizativas e funcionais, imprescindibles para o seu desenvolvemento. Así, a organización e o funcionamento dos centros e das aulas, a participación do alumnado, as normas de réxime interno, o uso de determinadas metodoloxías e recursos didácticos, ou a concepción, organización e funcionamento da biblioteca escolar, entre outros aspectos, poden favorecer ou dificultar o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do contorno físico, á creación, á convivencia e á cidadanía ou á alfabetización dixital. Igualmente, a acción titorial permanente pode contribuír de modo determinante á adquisición de competencias relacionadas coa regulación das aprendizaxes, o desenvolvemento emocional ou as habilidades sociais. A planificación das actividades complementarias e extraescolares pode reforzar o desenvolvemento do conxunto das competencias básicas.

No marco da proposta realizada pola Unión Europea, e de acordo coas consideracións que se acaban de expoñer, identificáronse oito competencias básicas:

1. Competencia en comunicación lingüística.

2. Competencia matemática.

3. Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.

4. Tratamento da información e competencia dixital.

5. Competencia social e cidadá.

6. Competencia cultural e artística.

7. Competencia para aprender a aprender.

8. Autonomía e iniciativa persoal.

Neste anexo recóllense a descrición, finalidade e aspectos distintivos destas competencias e ponse de manifesto, en cada unha delas, o nivel considerado básico que debe alcanzar todo o alumnado ao finalizar a educación secundaria obrigatoria.

O currículo da educación secundaria obrigatoria estrutúrase en materias; é nelas onde se deben buscar os referentes que permitan o desenvolvemento e a adquisición das competencias nesta etapa. Así pois, en cada materia incluiranse referencias explícitas á súa contribución a aquelas competencias básicas ás cales se orienta en maior medida. Doutra banda, tanto os obxectivos como a propia selección dos contidos buscan asegurar o desenvolvemento de todas elas. Os criterios de avaliación serven de referencia para valorar o progresivo grao de adquisición.

Competencia en comunicación lingüística.

Esta competencia refírese á utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, de representación, interpretación e comprensión da realidade, de construción e comunicación do coñecemento e de organización e autorregulación do pensamento, das emocións e da conduta.

Os coñecementos, destrezas e actitudes propios desta competencia permiten expresar pensamentos, emocións, vivencias e opinións, así como dialogar, formarse un xuízo crítico e ético, xerar ideas, estruturar o coñecemento, dar coherencia e cohesión ao discurso e ás propias accións e tarefas, adoptar decisións e desfrutar escoitando, lendo ou expresándose de forma oral e escrita, todo o cal contribúe, ademais, ao desenvolvemento da autoestima e da autoconfianza.

Comunicarse e conversar son accións que supoñen habilidades para establecer vínculos e relacións construtivas cos demais e co contorno, así como achegarse a novas culturas, que adquiren consideración e respecto na medida en que se coñecen. Por iso, a competencia de comunicación lingüística está presente na capacidade efectiva de convivir e de resolver conflitos.

A lingua, como ferramenta de comprensión e representación da realidade, debe ser instrumento para a igualdade; para a construción de relacións, en termos de igualdade, entre mulleres e homes; para a eliminación de estereotipos e expresións machistas ou xenófobas. A comunicación será o eixe da resolución pacífica de conflitos na comunidade escolar.

Escoitar, expoñer e dialogar implica ser consciente dos principais tipos de interacción verbal, ser progresivamente competente na expresión e comprensión das mensaxes orais que se intercambian en situacións comunicativas diversas e adaptar a comunicación ao contexto. Supón tamén a utilización activa e efectiva de códigos e habilidades lingüísticas e non lingüísticas e das regras propias do intercambio comunicativo en diferentes situacións, para producir textos orais adecuados a cada situación de comunicación.

Ler e escribir son accións que supoñen e reforzan as habilidades que permiten buscar, recompilar e procesar información, e ser competente á hora de comprender, compoñer e utilizar distintos tipos de textos con intencións comunicativas ou creativas diversas. A lectura facilita a interpretación e comprensión do código que permite facer uso da lingua escrita e é, ademais, fonte de pracer, de descubrimento doutros contornos, idiomas e culturas, de fantasía e de saber, todo o cal contribúe pola súa vez a conservar e mellorar a competencia comunicativa.

A habilidade para seleccionar e aplicar determinados propósitos ou obxectivos ás accións propias da comunicación lingüística (o diálogo, a lectura, a escritura, etc.) está vinculada a algúns trazos fundamentais desta competencia, como as habilidades para representarse mentalmente, interpretar e comprender a realidade, e organizar e autorregular o coñecemento e a acción dotándoos de coherencia.

Comprender e saber comunicar son saberes prácticos que se deben apoiar no coñecemento reflexivo sobre o funcionamento da lingua e as súas normas de uso, e implican a capacidade de tomar a lingua como obxecto de observación e de análise. Expresar e interpretar diferentes tipos de discurso acordes á situación comunicativa en diferentes contextos sociais e culturais implica o coñecemento e a aplicación efectiva das regras de funcionamento do sistema da lingua e das estratexias necesarias para interactuar lingüisticamente dun xeito adecuado.

Dispoñer desta competencia implica ter conciencia das convencións sociais, dos valores e aspectos culturais e da versatilidade da lingua en función do contexto e da intención comunicativa. Implica a capacidade empática de poñerse no lugar doutras persoas; de ler, de escoitar, de analizar e de ter en conta opinións distintas á propia con sensibilidade e espírito crítico; de expresar adecuadamente -en fondo e forma- as propias ideas e emocións, e de aceptar e realizar críticas con espírito construtivo.

Con distinto nivel de dominio e de formalización -especialmente en lingua escrita- esta competencia significa, no caso das linguas estranxeiras, poder comunicarse nalgunhas delas e, con iso, enriquecer as relacións sociais e desenvolverse en contextos distintos ao propio. Así mesmo, favorécese o acceso a máis e diversas fontes de información, comunicación e aprendizaxe.

En síntese, o desenvolvemento da competencia lingüística ao final da educación obrigatoria comporta o dominio da lingua oral e escrita en múltiples contextos, e o uso funcional de, polo menos, unha lingua estranxeira.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, recollendo as normas do Estatuto de autonomía, todos estes elementos que configuran a competencia lingüística estarán referidos ás dúas linguas oficiais, o galego, lingua propia de Galicia, e o castelán, así como, polo menos, a unha lingua estranxeira.

Competencia matemática.

Consiste na habilidade para utilizar e relacionar os números, as súas operacións básicas, os símbolos e as formas de expresión e razoamento matemático, tanto para producir e interpretar distintos tipos de información como para ampliar o coñecemento sobre aspectos cuantitativos e espaciais da realidade, e para resolver problemas relacionados coa vida cotiá e co mundo laboral.

Forma parte da competencia matemática a habilidade para interpretar e expresar con claridade e precisión informacións, datos e argumentacións, o que aumenta a posibilidade real de seguir aprendendo ao longo da vida, tanto no ámbito escolar ou académico como fóra del, e favorece a participación efectiva na vida social.

Así mesmo, esta competencia implica o coñecemento e manexo dos elementos matemáticos básicos (distintos tipos de números, medidas, símbolos, elementos xeométricos, etc.) en situacións reais ou simuladas da vida cotiá, e a posta en práctica de procesos de razoamento que levan á solución dos problemas ou á obtención de información. Estes procesos permiten aplicar esa información a unha maior variedade de situacións e contextos, seguir cadeas argumentais identificando as ideas fundamentais, e estimar e axuizar a lóxica e validez de argumentacións e informacións. En consecuencia, a competencia matemática supón a habilidade para seguir determinados procesos de pensamento (como a indución e a dedución, entre outros) e aplicar algúns algoritmos de cálculo ou elementos da lóxica, o que conduce a identificar a validez dos razoamentos e a valorar o grao de certeza asociado aos resultados derivados dos razoamentos válidos.

A competencia matemática implica unha disposición favorable e de progresiva seguridade e confianza cara á información e ás situacións (problemas, incógnitas, etc.) que conteñen elementos ou soportes matemáticos, así como cara á súa utilización cando a situación o aconsella, baseadas no respecto e no gusto pola certeza e na súa procura a través do razoamento.

Esta competencia cobra realidade e sentido na medida en que os elementos e razoamentos matemáticos son utilizados para enfrontarse a aquelas situacións cotiás que os precisan. Xa que logo, a identificación de tales situacións, a aplicación de estratexias de resolución de problemas e a selección das técnicas adecuadas para calcular, representar e interpretar a realidade a partir da información dispoñible están incluídas nela. En definitiva, a posibilidade real de utilizar a actividade matemática en contextos tan variados como sexa posible. Por iso, o seu desenvolvemento na educación obrigatoria alcanzarase na medida en que os coñecementos matemáticos se apliquen de xeito espontáneo a unha ampla variedade de situacións, provenientes doutros campos de coñecemento e da vida cotiá.

O desenvolvemento da competencia matemática ao final da educación obrigatoria implica utilizar espontaneamente -nos ámbitos persoal e social- os elementos e razoamentos matemáticos para interpretar e producir información, para resolver problemas provenientes de situacións cotiás e para tomar decisións. En definitiva, supón aplicar aquelas destrezas e actitudes que permiten razoar matematicamente, comprender unha argumentación matemática e expresarse e comunicarse na linguaxe matemática, utilizando as ferramentas de apoio adecuadas, e integrando o coñecemento matemático con outros tipos de coñecemento para dar unha mellor resposta ás situacións da vida de distinto nivel de complexidade.

Competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.

É a habilidade para interactuar co mundo físico, tanto nos seus aspectos naturais como nos xerados pola acción humana, de tal modo que se posibilite a comprensión de sucesos, a predición de consecuencias e a actividade dirixida á mellora e preservación das condicións de vida propia, das demais persoas e do resto dos seres vivos. En definitiva, incorpora habilidades para desenvolverse adecuadamente, con autonomía e iniciativa persoal, en ámbitos da vida e do coñecemento moi diversos (saúde, actividade produtiva, consumo, ciencia, procesos tecnolóxicos, etc.) e para interpretar o mundo, o que exixe a aplicación dos conceptos e principios básicos que permiten a análise dos fenómenos desde os diferentes campos de coñecemento científico involucrados.

Así, forma parte desta competencia a adecuada percepción do espazo físico en que se desenvolven a vida e a actividade humana, tanto a grande escala coma no contorno inmediato, e a habilidade para interactuar co espazo circundante: moverse nel e resolver problemas nos cales interveñan os obxectos e a súa posición.

Así mesmo, a competencia de interactuar co espazo físico leva implícito ser consciente da influencia que ten a presenza das persoas no espazo, o seu asentamento, a súa actividade, as modificacións que introducen e as paisaxes resultantes, así como da importancia de que todos os seres humanos se beneficien do desenvolvemento e de que este procure a conservación dos recursos e a diversidade natural, e se manteña a solidariedade global e interxeracional. Supón, así mesmo, demostrar espírito crítico na observación da realidade e na análise das mensaxes informativas e publicitarias, así como uns hábitos de consumo responsables na vida cotiá.

Esta competencia, partindo do coñecemento do corpo humano, da natureza e da interacción dos homes e mulleres con ela, permite argumentar racionalmente as consecuencias duns ou doutros modos de vida, e adoptar unha disposición a unha vida física e mental saudables nun contorno natural e social tamén saudable. Así mesmo, supón considerar a dobre dimensión -individual e colectiva- da saúde, e mostrar actitudes de responsabilidade e de respecto cara ás outras persoas e de cara a un mesmo.

Esta competencia fai posible identificar preguntas ou problemas e obter conclusións baseadas en probas, coa finalidade de comprender e tomar decisións sobre o mundo físico e sobre os cambios que a actividade humana produce no medio natural, na saúde e na calidade de vida das persoas. Supón a aplicación destes coñecementos e procedementos para dar resposta ao que se percibe como demandas ou necesidades das persoas, das organizacións e do medio natural.

As habilidades asociadas ao movemento no espazo físico e á saúde activan esta competencia a través da actividade física e do control do propio corpo. A actividade física está mediatizada polo movemento e as súas funcións. Unha correcta utilización do movemento por medio da actividade física facilitará, ademais dun maior coñecemento de si mesmo, unha utilización máis produtiva do contorno, unhas mellores relacións entre as persoas e un incremento da calidade de vida e da saúde, entendida como un estado de benestar físico, mental e social.

Tamén incorpora a aplicación dalgunhas nocións, conceptos científicos e técnicos, e de teorías científicas básicas previamente comprendidas. Isto implica a habilidade progresiva para poñer en práctica os procesos e actitudes propios da análise sistemática e de indagación científica: identificar e formular problemas relevantes; realizar observacións directas e indirectas con conciencia do marco teórico ou interpretativo que as dirixe; formular preguntas; localizar, obter, analizar e representar información cualitativa e cuantitativa; suscitar e contrastar solucións, tentativas ou hipóteses; realizar predicións e inferencias de distinto nivel de complexidade; e identificar o coñecemento dispoñible (teórico e empírico) necesario para responder ás preguntas científicas, e para obter, interpretar, avaliar e comunicar conclusións en diversos contextos (académico, persoal e social). Así mesmo, significa recoñecer a natureza, fortalezas e límites da actividade investigadora como construción social do coñecemento ao longo da historia.

Esta competencia proporciona, ademais, destrezas asociadas á planificación e ao manexo de solucións técnicas, seguindo criterios de economía e de eficacia, para satisfacer as necesidades da vida cotiá e do mundo laboral.

En definitiva, esta competencia supón o desenvolvemento e a aplicación do pensamento científico-técnico para interpretar a información que se recibe e para predicir e tomar decisións con iniciativa e autonomía persoal nun mundo en que os avances que se van producindo nos ámbitos científico e tecnolóxico teñen unha influencia decisiva na vida persoal, na sociedade e no mundo natural. Así mesmo, implica a diferenciación e valoración do coñecemento científico á beira doutras formas de coñecemento, e a utilización de valores e de criterios éticos asociados á ciencia e ao desenvolvemento tecnolóxico.

En coherencia coas habilidades e destrezas relacionadas ata aquí, son parte desta competencia básica o uso responsable dos recursos naturais, o coidado do ambiente, o consumo racional e responsable, e a protección da saúde individual e colectiva como elementos clave da calidade de vida das persoas.

Tratamento da información e competencia dixital.

Esta competencia consiste en dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información, e para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información ata a súa transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse.

Está asociada coa procura, selección, rexistro e tratamento ou análise da información, utilizando técnicas e estratexias diversas para acceder a ela segundo a fonte á cal se acuda e o soporte que se utilice (oral, impreso, audiovisual, dixital ou multimedia). Require o dominio de linguaxes específicas básicas (textual, numérica, icónica, visual, gráfica e sonora) e das súas pautas de descodificación e de transferencia, así como aplicar en distintas situacións e contextos o coñecemento dos diferentes tipos de información, das súas fontes, das súas posibilidades e da súa localización, así como as linguaxes e soportes máis frecuentes en que esta adoita expresarse.

Dispoñer de información non produce de forma automática coñecemento. Transformar a información en coñecemento exixe de destrezas de razoamento para organizala, relacionala, analizala, sintetizala e facer inferencias e deducións de distinto nivel de complexidade; en definitiva, comprendela e integrala nos esquemas previos de coñecemento. Significa, así mesmo, comunicar a información e os coñecementos adquiridos empregando recursos expresivos que incorporen non só diferentes linguaxes e técnicas específicas, senón tamén as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación.

Ser competente na utilización das tecnoloxías da información e da comunicación como instrumento de traballo intelectual inclúe utilizalas na súa dobre función de transmisoras e xeradoras de información e de coñecemento. Utilizaranse na súa función xeradora ao empregalas, por exemplo, como ferramenta no uso de modelos de procesos matemáticos, físicos, sociais, económicos ou artísticos. Así mesmo, esta competencia permite procesar e xestionar adecuadamente información abundante e complexa, resolver problemas reais, tomar decisións, traballar en contornos colaborativos ampliando os contornos de comunicación para participar en comunidades de aprendizaxe formais e informais, e xerar producións responsables e creativas.

A competencia dixital inclúe utilizar as tecnoloxías da información e da comunicación extraendo o seu máximo rendemento a partir da comprensión da natureza e modo de operar dos sistemas tecnolóxicos, e do efecto que eses cambios teñen no mundo persoal e sociolaboral. Así mesmo, supón manexar estratexias para identificar e resolver os problemas habituais de software e de hardware que vaian xurdindo. Igualmente, permite aproveitar a información que proporcionan e analizala de forma crítica mediante o traballo persoal autónomo e o traballo colaborativo, tanto na súa vertente sincrónica como diacrónica, coñecendo e relacionándose con contornos físicos e sociais cada vez máis amplos. Ademais de utilizalas como ferramenta para organizar a información, procesala e orientala para conseguir obxectivos e fins de aprendizaxe, traballo e lecer previamente establecidos.

En definitiva, a competencia dixital comporta facer uso habitual dos recursos tecnolóxicos dispoñibles para resolver problemas reais de modo eficiente. Ao mesmo tempo, posibilita avaliar e seleccionar novas fontes de información e innovacións tecnolóxicas a medida que van aparecendo, en función da súa utilidade para acometer tarefas ou obxectivos específicos.

En síntese, o tratamento da información e a competencia dixital implican ser unha persoa autónoma, eficaz, responsable, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e utilizar a información e as súas fontes, así como as distintas ferramentas tecnolóxicas; tamén ter unha actitude crítica e reflexiva na valoración da información dispoñible, contrastándoa cando for necesario, e respectar as normas de conduta acordadas socialmente para regular o uso da información e as súas fontes nos distintos soportes.

Competencia social e cidadá.

Esta competencia fai posible comprender a realidade social en que se vive, cooperar, convivir e exercer a cidadanía democrática nunha sociedade plural, así como comprometerse a contribuír á súa mellora. Nela están integrados coñecementos diversos e habilidades complexas que permiten participar, tomar decisións, elixir como comportarse en determinadas situacións e responsabilizarse das eleccións e decisións adoptadas.

Globalmente supón utilizar, para desenvolverse socialmente, o coñecemento sobre a evolución e organización das sociedades e sobre os trazos e valores do sistema democrático, así como utilizar o xuízo moral para elixir e tomar decisións, e exercer activa e responsablemente os dereitos e deberes da cidadanía.

Esta competencia favorece a comprensión da realidade histórica e social do mundo, da súa evolución, dos seus logros e dos seus problemas. A comprensión crítica da realidade exixe experiencia, coñecementos e conciencia da existencia de distintas perspectivas ao analizar esa realidade. Supón recorrer á análise multicausal e sistémica para axuizar os feitos e problemas sociais e históricos e para reflexionar sobre eles de forma global e crítica, así como realizar razoamentos críticos e loxicamente válidos sobre situacións reais, e dialogar para mellorar colectivamente a comprensión da realidade.

Significa tamén entender os trazos das sociedades actuais, a súa crecente pluralidade e o seu carácter evolutivo, ademais de demostrar comprensión da achega que as diferentes culturas fixeron á evolución e progreso da humanidade, e dispoñer dun sentimento común de pertenza á sociedade en que se vive. En definitiva, mostrar un sentimento de cidadanía global compatible coa identidade local.

Así mesmo, forman parte fundamental desta competencia aquelas habilidades sociais que permiten saber que os conflitos de valores e de intereses forman parte da convivencia, resolvelos con actitude construtiva e tomar decisións con autonomía empregando tanto os coñecementos sobre a sociedade como unha escala de valores construída mediante a reflexión crítica e o diálogo no marco dos patróns culturais básicos de cada rexión, país ou comunidade.

As dinámicas persoais ou de grupo a través do propio corpo, en situacións de cooperación e de oposición, fomentan a reflexión sobre os fenómenos deportivos na actualidade, así como os valores deportivos máis esenciais de colaboración, de compañeirismo e de solidariedade e a súa aplicación a outros ámbitos da vida do alumnado.

A dimensión ética da competencia social e cidadá entraña ser consciente dos valores do contorno, avalialos e reconstruílos afectiva e racionalmente para crear progresivamente un sistema de valores propio e comportarse en coherencia con eles ao afrontar unha decisión ou un conflito. Iso supón entender que non toda posición persoal é ética se non está baseada no respecto a principios ou valores universais como os que encerra a Declaración universal dos dereitos humanos, e a Declaración dos dereitos da infancia.

En consecuencia, entre as habilidades desta competencia destacan coñecerse e valorarse, saber comunicarse en distintos contextos, expresar as propias ideas e escoitar as alleas, ser capaz de poñerse no lugar das outras persoas e comprender o seu punto de vista aínda que sexa diferente do propio, e tomar decisións nos distintos niveis da vida comunitaria, valorando conxuntamente os intereses individuais e os do grupo. Ademais, implica a valoración das diferenzas á vez que o recoñecemento da igualdade de dereitos entre os diferentes colectivos, en particular entre homes e mulleres. Igualmente, a práctica do diálogo e da negociación para chegar a acordos como forma de resolver os conflitos, tanto no ámbito persoal como no social.

Para rematar, forma parte desta competencia o exercicio dunha cidadanía activa e integradora que exixe o coñecemento e a comprensión dos valores en que se asentan os estados e as sociedades democráticas, dos seus fundamentos, modos de organización e funcionamento. Esta competencia permite reflexionar criticamente sobre os conceptos de democracia, liberdade, solidariedade, corresponsabilidade, participación e cidadanía, con particular atención aos dereitos e deberes recoñecidos nas declaracións internacionais, na Constitución española e na lexislación autonómica, así como á súa aplicación por parte de diversas institucións; e mostrar un comportamento coherente cos valores democráticos, que á súa vez implica dispoñer de habilidades como a toma de conciencia dos propios pensamentos, valores, sentimentos e accións, e o control e autorregulación deles.

En definitiva, o exercicio da cidadanía implica dispoñer de habilidades para participar activa e plenamente na vida cívica. Significa construír, aceptar e practicar normas de convivencia acordes cos valores democráticos, exercer os dereitos, liberdades, responsabilidades e deberes cívicos, e defender os dereitos dos demais.

En síntese, esta competencia supón comprender a realidade social en que se vive, afrontar a convivencia e os conflitos empregando o xuízo ético baseado nos valores e prácticas democráticas, e exercer a cidadanía, actuando con criterio propio, contribuíndo á construción da paz e da democracia, e mantendo unha actitude construtiva, solidaria e responsable ante o cumprimento dos dereitos e obrigas cívicas.

Competencia cultural e artística.

Esta competencia supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais, artísticas e deportivas, utilizalas como fonte de enriquecemento e desfrute e consideralas como parte do patrimonio dos pobos.

Apreciar o feito cultural en xeral, e o feito artístico en particular, leva implícito dispoñer daquelas habilidades e actitudes que permiten acceder ás súas distintas manifestacións, así como habilidades de pensamento, perceptivas e comunicativas, sensibilidade e sentido estético para poder comprendelas, valoralas, emocionarse e desfrutalas.

Esta competencia implica poñer en xogo habilidades de pensamento diverxente e converxente, posto que comporta reelaborar ideas e sentimentos propios e alleos; atopar fontes, formas e canles de comprensión e expresión; planificar, avaliar e axustar os procesos necesarios para alcanzar uns resultados, xa sexa no ámbito persoal ou académico. Trátase, xa que logo, dunha competencia que facilita tanto expresarse e comunicarse como percibir, comprender e enriquecerse con diferentes realidades e producións do mundo da arte e da cultura.

Require poñer en funcionamento a iniciativa, a imaxinación e a creatividade para expresarse mediante códigos artísticos e, na medida en que as actividades culturais e artísticas supoñen en moitas ocasións un traballo colectivo, cómpre dispoñer de habilidades de cooperación para contribuír á consecución dun resultado final, e ter conciencia da importancia de apoiar e apreciar as iniciativas e contribucións alleas.

A competencia artística incorpora, así mesmo, o coñecemento básico das principais técnicas, recursos e convencións das diferentes linguaxes artísticas, así como das obras e manifestacións máis destacadas do patrimonio cultural. Ademais, supón identificar as relacións existentes entre esas manifestacións e a sociedade -a mentalidade e as posibilidades técnicas da época en que se crean, ou coa persoa ou colectividade que as crea. Isto significa tamén ter conciencia da evolución do pensamento, das correntes estéticas, das modas e dos gustos, así como da importancia representativa, expresiva e comunicativa que os factores estéticos desempeñaron e desempeñan na vida cotiá da persoa e das sociedades.

Supón igualmente unha actitude de aprecio da creatividade implícita na expresión de ideas, experiencias ou sentimentos a través de diferentes medios artísticos, como a música, a literatura, as artes visuais e escénicas, ou das diferentes formas que adquiren as chamadas artes populares. Exixe, así mesmo, valorar a liberdade de expresión, o dereito á diversidade cultural, a importancia do diálogo intercultural e a realización de experiencias artísticas compartidas.

En síntese, o conxunto de destrezas que configuran esta competencia refírese tanto á habilidade para apreciar e desfrutar coa arte e outras manifestacións culturais, como a aquelas relacionadas co emprego dalgúns recursos da expresión artística para realizar creacións propias. Implica un coñecemento básico das distintas manifestacións culturais, artísticas e deportivas; a aplicación de habilidades de pensamento diverxente e de traballo colaborativo,; unha actitude aberta, respectuosa e crítica cara á diversidade de expresións artísticas e culturais; o desexo e vontade de cultivar a propia capacidade estética e creadora e un interese por participar na vida cultural e por contribuír á conservación do patrimonio cultural e artístico, tanto da propia comunidade como doutras.

Competencia para aprender a aprender.

Aprender a aprender supón dispoñer de habilidades para iniciarse na aprendizaxe e ser capaz de continuar aprendendo de xeito cada vez máis eficaz e autónomo de acordo cos propios obxectivos e necesidades.

Esta competencia ten dúas dimensións fundamentais. Por unha banda, a adquisición da conciencia das propias capacidades (intelectuais, emocionais, físicas), do proceso e das estratexias necesarias para desenvolvelas, así como do que se pode facer por un mesmo e do que se pode facer coa axuda doutras persoas ou recursos. Doutra banda, dispoñer dun sentimento de competencia persoal, que redunda na motivación, na autoconfianza e no gusto por aprender.

Significa ser consciente do que se sabe e do que cómpre aprender, de como se aprende, e de como se xestionan e controlan de forma eficaz os procesos de aprendizaxe, optimizándoos e orientándoos a satisfacer obxectivos persoais. Require coñecer as propias potencialidades e carencias, sacando proveito das primeiras e tendo motivación e vontade para superar as segundas desde unha expectativa de éxito, aumentando progresivamente a seguridade para afrontar novos retos de aprendizaxe.

Por iso, comporta ter conciencia daquelas capacidades que entran en xogo na aprendizaxe, como a atención, a concentración, a memoria, a comprensión e a expresión lingüística ou a motivación de logro, entre outras, e obter un rendemento máximo e personalizado delas coa axuda de distintas estratexias e técnicas: de estudo, de observación e rexistro sistemático de feitos e de relacións, de traballo cooperativo e por proxectos, de resolución de problemas, de planificación e de organización de actividades e tempos de forma efectiva, ou do coñecemento sobre os diferentes recursos e fontes para a recolla, selección e tratamento da información, incluídos os recursos tecnolóxicos.

Implica, así mesmo, a curiosidade de formularse preguntas, identificar e manexar a diversidade de respostas posibles ante unha mesma situación ou problema utilizando diversas estratexias e metodoloxías que permitan afrontar a toma de decisións, racional e criticamente, coa información dispoñible.

Inclúe, ademais, habilidades para obter información -xa sexa individualmente ou en colaboración- e, moi especialmente, para transformala en coñecemento propio, relacionando e integrando a nova información cos coñecementos previos e coa propia experiencia persoal e sabendo aplicar os novos coñecementos e capacidades en situacións parecidas e contextos diversos.

Por outra banda, esta competencia require proporse metas alcanzables a curto, medio e longo prazo e cumprilas, elevando os obxectivos de aprendizaxe de forma progresiva e realista.

Fai necesaria tamén a perseveranza na aprendizaxe, desde a súa valoración como un elemento que enriquece a vida persoal e social e que é, xa que logo, merecedor do esforzo que require. Supón ser capaz de autoavaliarse e autorregularse, responsabilidade e compromiso persoal, saber administrar o esforzo, aceptar os erros e aprender de e coas demais persoas.

En síntese, aprender a aprender implica a conciencia, xestión e control das propias capacidades e coñecementos desde un sentimento de competencia ou eficacia persoal, e inclúe tanto o pensamento estratéxico como a capacidade de cooperar, de autoavaliarse, e o manexo eficiente dun conxunto de recursos e técnicas de traballo intelectual, todo o cal se desenvolve a través de experiencias de aprendizaxe conscientes e gratificantes, tanto individuais como colectivas.

Autonomía e iniciativa persoal.

Esta competencia refírese, por unha banda, á adquisición da conciencia e aplicación dun conxunto de valores e actitudes persoais interrelacionadas, como a responsabilidade, a perseveranza, o coñecemento de si mesmo e a autoestima, a creatividade, a autocrítica, o control emocional, a capacidade de elixir, de calcular riscos e de afrontar os problemas, así como a capacidade de demorar a necesidade de satisfacción inmediata, de aprender dos erros e de asumir riscos.

Por outra banda, remite á capacidade de elixir con criterio propio, de imaxinar proxectos, e de levar adiante as accións necesarias para desenvolver as opcións e plans persoais -no marco de proxectos individuais ou colectivos- responsabilizándose deles, tanto no ámbito persoal coma no social e no laboral.

Supón poder transformar as ideas en accións; é dicir, propoñerse obxectivos e planificar e levar a cabo proxectos. Require, xa que logo, poder reelaborar as formulacións previas ou elaborar novas ideas, buscar solucións e levalas á práctica. Ademais, analizar posibilidades e limitacións, coñecer as fases de desenvolvemento dun proxecto, planificar, tomar decisións, actuar, avaliar o feito e autoavaliarse, extraer conclusións e valorar as posibilidades de mellora.

Exixe, por todo iso, ter unha visión estratéxica dos retos e oportunidades que axude a identificar e cumprir obxectivos e a manter a motivación para lograr o éxito nas tarefas emprendidas, cunha ambición persoal, académica e profesional. Igualmente, ser capaz de poñer en relación a oferta académica, laboral ou de lecer dispoñible, coas capacidades, desexos e proxectos persoais.

Ademais, comporta unha actitude positiva cara ao cambio e á innovación que presupón flexibilidade de formulacións para que se comprendan os devanditos cambios como oportunidades, para adaptarse crítica e construtivamente a eles, afrontar os problemas e atopar solucións en cada un dos proxectos vitais que se emprenden.

Na medida en que a autonomía e iniciativa persoal involucran a miúdo outras persoas, esta competencia obriga a dispoñer de habilidades sociais para relacionarse, para cooperar e para traballar en equipo: poñerse no lugar do outro, valorar as ideas dos demais, dialogar e negociar, a asertividade para comunicarlles adecuadamente ás outras persoas as propias decisións, e traballar de forma cooperativa e flexible.

Outra dimensión importante desta competencia, moi relacionada con esta vertente máis social, está constituída por aquelas habilidades e actitudes relacionadas co liderado de proxectos, que inclúen a autoestima, a empatía, o espírito de superación, as habilidades para o diálogo e a cooperación, a organización de tempos e tarefas, a capacidade de afirmar e defender dereitos ou a asunción de riscos.

En síntese, a autonomía e a iniciativa persoal supoñen ser capaz de imaxinar, emprender, desenvolver e avaliar accións ou proxectos individuais ou colectivos con creatividade, confianza, responsabilidade e sentido crítico.

ANEXO II

Currículo das materias

Introdución.

O alumnado da educación secundaria obrigatoria ten, con carácter xeral, unha idade comprendida entre os 12 e os 16 anos.

Este período coincide cunha etapa importante e complexa no referente a cambios, adaptacións e transformacións, tanto nos aspectos fisiolóxicos coma nos psicolóxicos e emocionais que configuran o proceso de maduración das persoas.

Como primeira información podemos dicir que os cambios non se producen dun xeito uniforme en todas as nenas e nenos da mesma idade. De aí a grande importancia da atención á diversidade; nin os tempos nin os modos de evolución son os mesmos (para todos e todas as nenas) como tampouco o son os gustos e intereses emerxentes.

De aí a grande importancia do papel da acción titorial e a súa relación co resto do profesorado, para de forma conxunta, traballar na mellora da atención ao alumnado.

Se na etapa anterior da educación primaria podiamos dicir que o alumnado estaba na etapa chamada de operacións concretas, a partir dos 12 anos entra no período de desenvolvemento das operacións formais.

Nunha predominaba a percepción concreta, inmediata á manipulación; nesta xa pode facer un razoamento lóxico, conceptual.

Cómpre non esquecer que nin é automático nin é uniforme en todas as nenas e todos os nenos: é un camiño que só se percorrerá en condicións de éxito se conflúen o grao de desenvolvemento do alumnado e as formas de ensino e aprendizaxe propostas.

O alumnado nesta idade de 12 a 16 anos, é capaz de analizar os retos que se lle presentan; é capaz de formular preguntas cada vez máis complexas; é capaz de formular hipóteses, comprobando resultados, utilizando un pensamento lóxico, e é capaz de planificar accións.

Todas estas capacidades deben ser desenvolvidas para acceder ao éxito escolar. Isto implica uns principios fundamentais:

* Coñecemento do alumnado e atención á diversidade. Transmitir con ideas claras o que se vai facer, como e con que normas.

* Asunción de métodos pedagóxicos que incidan e non que se afasten do desenvolvemento destas capacidades.

As liñas metodolóxicas xerais que se extraen de todo o anterior deberán:

* Fomentar a participación, a reflexión, tanto individual como grupal.

* Operar non só sobre o concreto senón tamén sobre conceptos, ideas.

* Fomentar a formulación de hipóteses.

* Buscar, seleccionar e tratar a información.

* Fomentar a confrontación clara, respectuosa dela

* Insistir na ordenación das ideas, comparación, xerarquización.

* Elaborar percorridos ordenados, lóxicos desde a formulación de hipóteses á comprobación dos resultados.

* Expresar correcta, clara e ordenadamente os resultados.

* Comprobar noutros contextos diferentes aos utilizados para o traballo.

* Relacionar os saberes aprendidos nas distintas materias.

Os currículos presentados deste anexo corresponden ás distintas materias que configuran o currículo da educación secundaria obrigatoria, indicadas nos artigos 6º e 7º deste decreto.

Ciencias da natureza.

Introdución.

Os avances tecno-científicos na actualidade están presentes nas nosas vidas cotiás a través de diversas aplicacións e dos medios de comunicación. As persoas usan aparellos con tecnoloxía láser, placas solares, pantallas de cristal líquido, materiais con fibras sintéticas, lámpadas de baixo consumo, teléfonos móbiles, toman antibióticos, sométense a tratamentos xenéticos, aliméntanse con produtos ecolóxicos ou transxénicos. O coñecemento científico é necesario para comprender situacións que afectan de xeito global o planeta, como o cambio climático, os sismos, a redución da biodiversidade, a diminución de concentración de ozono, «o burato de ozono», a deforestación, a contaminación, os problemas de saúde como a SIDA... por poñer algún exemplo dos máis coñecidos; e de xeito local as persoas, como a emisión de gases, os incendios, as verteduras de produtos tóxicos a ríos e mares, a sobreexplotación dos recursos, os diferentes usos do solo, o tratamento do lixo, o efecto das drogas sobre o organismo e a sociedade, etc. O ensino das ciencias da natureza ten, pois, que facilitar a comprensión de todos eses problemas e da responsabilidade humana neles, tamén dos avances científicos de cara a lograr a mellora da saúde individual e social, e para o desenvolvemento sustentable.

As ciencias da natureza resumen o coñecemento sobre o mundo natural e exprésano a través dun conxunto de principios, teorías e leis integrados dentro de modelos explicativos e preditivos; caracterízanse polos procedementos empregados para xeralos, organizalos e valoralos. Estes procedementos capacitan as persoas para valoraren e incorporaren en forma de coñecemento válido o resultado da experiencia e a información sobre a natureza que se recibe ao longo da vida. O coñecemento científico é tamén produto dunha actividade social, desenvolvida por persoas que forman parte da sociedade de cada momento, que se ve influenciado polos coñecementos previos que se posúen, polas necesidades e condicionamentos de cada época histórica. A ciencia, por tanto, considérase o resultado dun proceso de elaboración susceptible de experimentar revisións e modificacións.

As ciencias da natureza forman parte da cultura, non só como ferramenta de desenvolvemento dela, senón tamén con entidade propia. Na historia da ciencia atopamos múltiples casos en que, a raíz dunha revolución científica, cambia a concepción do mundo. Personaxes que influíron na forma de pensar da súa época e posteriormente, como: Newton, Lavoisier, Boyle, Mendel, Wegener, Einstein, Dalton, Marie Curie, Rosalind Franklin, Watson, Crick, Lise Meitner, Severo Ochoa, Ramón Mª Aller Ulloa, Gallástegui e outros deben estar incluídos na bagaxe cultural dunha persoa crítica e preparada para afrontar os retos que se lle presenten na súa vida, polo que non se pode obviar no desenvolvemento curricular a perspectiva da historia da ciencia.

A finalidade do ensino desta área céntrase no desenvolvemento de habilidades e estratexias para recoller informacións de diferentes fontes, analizalas e valoralas, formarse opinións fundamentadas, formular hipóteses, contrastalas mediante a observación e experimentacións, e elaborar conclusións e informes; en suma, resolver problemas e formar cidadáns e cidadás críticos, con capacidade para elaborar opinións propias que lles permitan participar democraticamente nas decisións políticas que toman os representantes sociais sobre o ambiente, a saúde e as aplicacións dos adiantos científicos e técnicos. Trátase de familiarizar o alumnado coa natureza e as ideas básicas da ciencia co obxectivo de que poida comprender as problemáticas de orixe científica que o afecten como persoa e cidadán, e así poder xerar actitudes responsables que lle permitan participar na toma de decisións cando se procura a súa solución.

A área de ciencias da natureza comprende varios ámbitos especializados do coñecemento científico: bioloxía, xeoloxía, física, química, ecoloxía, astronomía, etc. Pero todos eles levan consigo o estudo do medio, dos fenómenos que ocorren nel, das súas interaccións e dos cambios. A maior parte dos obxectos de uso cotián son aplicacións dos avances no coñecemento científico e tecnolóxico da humanidade. En realidade este coñecemento integra conceptos e procedementos propios de varias materias desta e doutras áreas.

A área de ciencias da natureza contribúe a desenvolver as capacidades plasmadas nos obxectivos da etapa, promovendo a formación de persoas tolerantes, cooperativas, solidarias e democráticas; consolidando hábitos de estudo e traballo, individual e en equipo; respectando a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos entre mulleres e homes; incentivando a busca de solucións dialogadas aos problemas, rexeitando a violencia e os comportamentos sexistas; desenvolvendo a capacidade de pensamento abstracto, a curiosidade, a creatividade e a actitude crítica.

O desenvolvemento do currículo da área de ciencias debe ter en conta as alumnas e os alumnos aos cales se dirixe, a diversidade nos niveis de desenvolvemento das súas capacidades, os seus intereses e expectativas, ofertando uns contidos que faciliten o achegamento á natureza e ás ideas básicas da ciencia e que axuden á comprensión dos problemas a cuxa solución poida contribuír o desenvolvemento científico e tecnolóxico, favorecendo actitudes responsables dirixidas a sentar as bases dun desenvolvemento sustentable.

Na educación primaria, a área de coñecemento do medio integra aspectos sociais, naturais e culturais desde unha perspectiva global e baseada nas vivencias e coñecementos cotiáns dos estudantes, para chegar a establecer relacións entre eles e unha formulación máis científica.

Na educación secundaria obrigatoria hai que partir dos coñecementos anteriores para irse achegando progresivamente a interpretacións máis elaboradas sobre o mundo que nos rodea. Nos dous primeiros cursos intégranse todas as materias nunha visión máis global de área, coa finalidade de manter unha aproximación de conxunto aos fenómenos naturais. Nos dous últimos cursos, tendo en conta a madurez cognitiva do alumnado, diferéncianse en bioloxía e xeoloxía e física e química, xa que se afonda máis en aspectos epistemolóxicos de cada unha das materias.

Os contidos están secuenciados en cursos e organizados en bloques que inclúen un conxunto de saberes relacionados, e permiten a súa organización arredor de eixes estruturantes de interese que sirvan de fío condutor para a súa interrelación, o que facilita unha aprendizaxe integradora. Os núcleos en que se organiza o currículo son os de materia, enerxía, interacción, cambio, unidade e diversidade.

O primeiro bloque de cada curso recolle os contidos, procedementais e actitudinais, relacionados co xeito de construír a ciencia e de transmitir as experiencias e o coñecemento científico. Estes contidos teñen un papel transversal, xa que se relacionan con todos os bloques e deberán desenvolverse da forma máis integrada posible co conxunto dos contidos de cada curso.

Na distribución dos contidos tense en conta a madurez intelectual do alumnado e a exixencia cognitiva das materias; así, afóndase nos dous primeiros cursos en aspectos máis descritivos e observables dos conceptos, aínda que se introducen modelos explicativos sinxelos. En terceiro e cuarto afóndase máis no nivel interpretativo das ciencias e empréganse modelos máis complexos e teóricos para interpretar os fenómenos e aspectos do medio.

No primeiro curso aparecen contidos relacionados coa Terra como planeta. En segundo curso aparece a enerxía como concepto estruturante, relacionada cos cambios nos sistemas materiais.

No terceiro curso, nos bloques de física e química, afóndase no nivel interpretativo sobre a materia, co emprego de modelos que explican e predín as propiedades das substancias e os seus cambios. Aparece tamén a idea de conservación, tanto para a masa como para o elemento nos cambios químicos.

Na bioloxía e xeoloxía de terceiro curso, partindo das achegas da área dentro do ámbito da física e a química sobre materia e enerxía, trátanse dous sistemas, o corpo humano e o ecosistema. O estudo da estrutura e función do corpo humano desde un enfoque de educación para a saúde, onde o estudo dos aparellos se abordará desde unha perspectiva globalizadora e integradora destacando a importancia de condutas e hábitos saudables dando a coñecer as novas perspectivas no ámbito do tratamento da enfermidade e nas súas diferenzas no mundo globalizado. Respecto ao estudo do ecosistema, abordaranse os temas desde unha perspectiva integradora e globalizadora da interacción e interdependencia das persoas e o medio para rematar coa actividade xeolóxica debido á enerxía externa na Terra, enmarcado dentro dun planeta dinámico.

Na física e química de cuarto curso abórdase o estudo das forzas como interaccións, os seus efectos como cambios no estado de movemento dos corpos ou as presións, tanto a nivel planeta como universal.

Na bioloxía e xeoloxía de cuarto curso destácase a introdución das grandes teorías que fixeron posible a revolución nas ciencias da vida e da terra no século XX e que están a continuar na actualidade.

Á hora de abordar os contidos da área deberemos ter en conta a nosa propia realidade. Galicia ten unha situación xeográfica e un medio natural e cultural propios, o que fai necesaria unha contextualización específica á hora do tratamento na aula dos contidos de ciencias naturais. O coñecemento do patrimonio ambiental propio e as consecuencias directas e indirectas das súa explotación deben quedar reflectidos. Temáticas de actualidade como os incendios, o tráfico marítimo, a explotación dos recursos naturais, a biodiversidade, os espazos protexidos deben formar parte intrínseca da práctica da aula.

Contribución da materia ás competencias básicas.

As ciencias da natureza contribúen á adquisición das competencias básicas desde a organización das materias que integran a área, da súa estrutura conceptual, da metodoloxía utilizada e das actitudes e valores que promove.

A comunicación, nos ámbitos da comprensión e expresión, tanto oral como escrita, constitúe un eixe fundamental no proceso de ensino e aprendizaxe do coñecemento científico, contribuíndo ao desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística.

Nesta área trátase de desenvolver a capacidade de comprensión cando se fan lecturas de textos científicos e o alumnado aprende a diferencialos doutros que non son científicos, cando se contrastan materiais escritos e audiovisuais de diferentes fontes, tanto descritivos como argumentativos, nun proceso que pasa pola identificación dos conceptos e ideas principais, a interpretación do papel que desempeñan segundo o contexto e as relacións que se establecen entre eles. Na resolución de problemas débese estimular a lectura comprensiva a través da contextualización da situación, da identificación dos conceptos que aparecen e das relacións que se establecen entre os ditos conceptos e os datos.

No ensino da área a expresión oral e escrita busca a coherencia e precisión no uso da linguaxe, tanto no nivel descritivo como no interpretativo. Trabállase a expresión cando se emiten hipóteses, contrástanse ideas, acláranse significados sobre conceptos ou procesos científicos en contextos diferentes, realízanse sínteses, elabóranse mapas conceptuais, extráense conclusións, realízanse informes ou organízanse debates onde se fomenten actitudes que favorezan a mellora na expresión oral e escrita, a confianza para expresarse en público, o saber escoitar, o contrastar opinións e ter en conta as ideas dos demais.

Contribúe esta área ao desenvolvemento da competencia matemática, dado que o coñecemento científico se cuantifica grazas á linguaxe matemática. O emprego de números, símbolos, operacións e relacións entre eles forman parte da metodoloxía científica e constitúen unha base importante para a comprensión de leis e principios.

Na realización de investigacións sinxelas, traballos prácticos ou resolucións de problemas desenvólvense capacidades para identificar e manexar variables, para organizar e representar datos obtidos de maneira experimental, para a interpretación gráfica das relacións entre eles, para realizar operacións con números e símbolos, para atopar as solucións correctas, para cuantificar as leis e principios científicos e para utilizar estratexias básicas na resolución. Nas ciencias da natureza emprégase o razoamento matemático como apoio cara a unha mellor comprensión das relacións entre conceptos.

A competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico recae de xeito importante sobre esta área na cal o alumnado aprende os conceptos básicos que lle permitan a análise, desde diferentes eidos do coñecemento científico, da materia, dos seres vivos, dos fenómenos naturais, das súas transformacións, dos seus efectos sobre o ambiente e a saúde, dos cambios e dos obxectos tecnolóxicos.

A área de ciencias da natureza contribúe á competencia de tratamento da información e competencia dixital, xa que se traballan habilidades para identificar, contextualizar, relacionar e sintetizar a información procedente de diferentes fontes e presentada en diversas linguaxes propias das tecnoloxías da información e comunicación, como os buscadores pola internet, documentos dixitais, foros, chats, mensaxaría, xornais dixitais, revistas divulgativas na web, presentacións electrónicas e simulacións interactivas. Cando se traballa a crítica reflexiva sobre as informacións de tipo científico que achegan as tecnoloxías da información e a comunicación, foméntanse actitudes favorables ao emprego delas evitando o seu emprego indiscriminado.

Cando se apoia a aprendizaxe de modelos teóricos por medio de simulacións, cando se traballan representacións de datos por medio de programas informáticos, cando se realizan experiencias virtuais para contrastalas coas reais, cando se representan estruturas moleculares, atómicas, anatómicas, xeolóxicas, situacións problemáticas coa axuda dos ordenadores, desde a área estase a contribuír á competencia dixital.

En relación coa competencia social e cidadá, esta área trata de dotar o alumnado das habilidades necesarias para comprender a problemática actual en relación coa súa persoa, co resto da sociedade e co planeta. A aproximación do currículo á situación concreta na cal se vive facilita a participación activa do alumnado en actividades que impliquen esa cidadanía responsable.

As ciencias da natureza contribúen a coñecer e aceptar o funcionamento do corpo, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos de coidado e saúde corporais e ser críticos cos hábitos sociais pouco saudables e a contribuír á conservación e mellora do ambiente.

Os debates históricos sobre as diferentes concepcións dos fenómenos que afectan as persoas serven para traballar habilidades sociais relacionadas coa participación, cooperación e poñerse en lugar dos outros, aceptar diferenzas, respectar os valores, crenzas e incluso a diversidade de culturas.

A contribución da área á competencia cultural e artística. Na expresión das ideas, conceptos e principios das ciencias da natureza empréganse, de xeito creativo, diferentes códigos artísticos para representar fenómenos ou situacións dun xeito comprensible.

Desde a área de ciencias contribúese a desenvolver esta competencia cando se promove a presentación das ideas ou traballos en formatos diversos, onde se lles deixa ás alumnas e aos alumnos a liberdade de elixir os ditos formatos estéticos e artísticos, cando se utilizan os museos de ciencias para espallar os xeitos de pensar ou facer doutras culturas, ou nas exposicións relacionadas co ámbito científico, como medio de coñecer, comprender e desfrutar do coñecemento científico.

O desenvolvemento da competencia de aprender a aprender desde os ámbitos científico e tecnolóxico, nun mundo en continuo e acelerado cambio, implica espertar inquedanzas e motivacións cara á aprendizaxe permanente. Cando afloran as ideas previas do alumnado sobre os contidos científicos, favorécese esta competencia xa que se está a promover que as alumnas e os alumnos sexan conscientes do seus propios coñecementos e limitacións. Pódese empregar a historia da ciencia para que os estudantes non caian no desánimo de estar case sempre errados nas súas concepcións, cando ata os máis grandes científicos experimentaron erros e resistencias ás novas ideas.

Obxectivos.

O ensino das ciencias da natureza nesta etapa terá como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Comprender e utilizar as estratexias e os conceptos básicos das ciencias da natureza para interpretar os fenómenos naturais, así como para analizar e valorar as repercusións do desenvolvemento científico e das aplicacións tecnolóxicas.

2. Aplicar, na resolución de problemas e en sinxelas investigacións, estratexias coherentes cos procedementos das ciencias, tales como a discusión do interese dos problemas propostos, a formulación de hipóteses, a elaboración de estratexias de resolución e de deseños experimentais, a análise de resultados, a consideración de aplicacións e repercusións do estudo realizado e a busca de coherencia global.

3. Comprender e expresar mensaxes con contido científico utilizando diferentes linguaxes como oral, escrita, gráfica, icónica, multimedia, etc. con propiedade, así como comunicar a outros argumentacións e explicacións empregando os coñecementos científicos.

4. Buscar e seleccionar información sobre temas científicos utilizando diferentes fontes e medios e empregala, valorando o seu contido, para fundamentar e orientar os traballos sobre temas científicos e o ambiente, así como para contrastar as opinións persoais.

5. Desenvolver hábitos favorables á promoción da saúde persoal e comunitaria en ámbitos como alimentación, hixiene e sexualidade, facilitando estratexias que permitan facer fronte aos riscos da sociedade actual en aspectos relacionados co consumo, coas drogodependencias e coa transmisión de enfermidades.

6. Comprender a importancia de utilizar os coñecementos provenientes das ciencias da natureza para satisfacer as necesidades humanas e participar na necesaria toma de decisións verbo de problemas locais e globais aos cales nos enfrontamos.

7. Adoptar actitudes críticas fundamentadas no coñecemento científico para analizar, individualmente ou en grupo, cuestións relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía e a sociedade. Coñecer e valorar os problemas aos cales se enfronta hoxe a humanidade en relación á sobreexplotación dos recursos, ás diferenzas entre países desenvolvidos e non, e a necesidade de busca e aplicación de medidas, para avanzar cara ao logro dun futuro sustentable.

8. Valorar o carácter tentativo e creativo das ciencias da natureza así como as súas contribucións ao pensamento humano ao longo da historia, apreciando os grandes debates superadores de dogmatismos e as revolucións científicas que marcaron a evolución cultural da humanidade e as súas condicións de vida.

9. Ser quen de buscar e de utilizar o coñecemento científico propio, planificando de forma autónoma a acción e posta en práctica das actividades de aprendizaxe, e de utilizar uns criterios de avaliación para autocorrixirse no caso en que sexa necesario.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Familiarización coas características básicas do traballo científico, mediante a identificación de situacións problema, discusión do seu interese, recoñecemento de hipóteses, experimentación etc., para comprender mellor os fenómenos naturais e resolver os problemas que presenta o seu estudo.

* Utilización da experimentación para coñecer mellor os fenómenos naturais e formular suposicións sobre a súa evolución.

* Emprego de modelos sinxelos que contribúan á interpretación dos fenómenos.

* Utilización dos medios de comunicación e das tecnoloxías da información para seleccionar información sobre a natureza.

* Identificación de datos e feitos científicos sobre a natureza e utilización desa información para coñecela.

* Recoñecemento da importancia do coñecemento científico e a súa evolución histórica para comprender mellor os argumentos que facilitan a toma de decisións sobre situacións sociais e individuais.

* Utilización coidadosa dos materiais e instrumentos básicos da experimentación e coñecemento das medidas de seguridade.

Bloque 2. A Terra no Universo.

O Universo e o sistema solar.

* Identificación dos elementos do sistema solar.

* Coñecemento e explicación das características da Terra como planeta. A súa orixe.

* Análise das periodicidades nos calendarios, interpretando os movementos e as posicións no sistema sol-terra-lúa.

* Interpretación, coa axuda de modelos sinxelos, dos fenómenos relacionados cos movementos da Terra: o día e a noite, o ano, as estacións, as fases lunares e as eclipses.

* Uso de técnicas sinxelas de orientación baseadas na observación dos astros.

* Coñecemento da evolución histórica das concepcións sobre a situación da Terra no Universo: xeocentrismo, heliocentrismo e como parte da Vía Láctea.

A materia no Universo.

* Realización de experiencias sinxelas para identificar e medir directa e indirectamente as propiedades xerais da materia en diferentes estados.

* Identificación da densidade como propiedade característica das substancias. Utilización, en situacións habituais para diferenciar materiais.

* Diferenciación das características observables dos estados nos cales se presenta a materia. Clasificación de diferentes materiais aplicando criterios.

* Identificación dos cambios de estado. Determinación experimental das temperaturas de fusión e de ebulición dunha substancia pura. Representación gráfica da relación entre a temperatura e o cambio de estado.

* Emprego do modelo cinético para interpretar os estados da materia, as dilatacións, os cambios de estado.

* Diferenciación macroscópica entre mesturas heteroxéneas e homoxéneas. Preparación de disolucións da vida cotiá e identificación cualitativa dos seus compoñentes.

* Procura de información e comparación entre a composición de materiais de interese e a súa utilización na vida cotiá.

* Utilización experimental dalgunhas técnicas sinxelas de separación de substancias en mesturas.

* Emprego do modelo cinético para diferenciar mesturas e substancias puras.

Bloque 3. Materiais terrestres: atmosfera, hidrosfera e xeosfera.

* Explicación dos factores que condicionan o tempo atmosférico establecendo a relación entre tempo e clima.

* Interpretación de mapas de clima sinxelos.

* Uso de instrumentos para medir variables ambientais (temperatura, presión atmosférica, humidade do aire, dirección do vento).

* Recolla sistemática de datos e representación gráfica deles.

* Identificación dos compoñentes da atmosfera e as súas propiedades.

* Breve aproximación descritiva á estrutura vertical da atmosfera.

* Recoñecemento do seu papel protector e a súa relación cos seres vivos.

* Valoración da influencia da actividade humana sobre a atmosfera e repercusións na saúde das persoas.

* Recoñecemento do importante papel da auga no clima, así como na paisaxe e nos seres vivos.

* O ciclo da auga, o seu percorrido na natureza e a súa incidencia no medio. Análise da intervención humana nese ciclo.

* Realización de experiencias sinxelas que axuden a comprender a contaminación da auga e os procesos de depuración e potabilización da auga.

* Análise da distribución da auga no planeta e valoración da importancia da auga doce como recurso.

* Caracterización das rochas máis importantes en Galicia e dos minerais que as compoñen; posterior observación e identificación cunha pequena análise da súa formación.

* Relación entre as propiedades e a explotación dos minerais e rochas. O seu impacto ambiental.

* Aproximación descritiva ao modelo en capas e dinámico do interior da Terra.

Bloque 4. A vida na Terra: os seres vivos.

Os seres vivos e a súa diversidade.

* Identificación dos requisitos necesarios para a vida.

* Descrición das características que definen os seres vivos: as funcións vitais.

* Identificación dos seres unicelulares e pluricelulares e utilización da lupa para proceder á súa observación.

* Recoñecemento da biodiversidade e a clasificación dos seres vivos nos cinco reinos.

* Observacións de organismos característicos de cada un dos reinos prestando especial atención aos principais grupos do reino vexetal e animal.

* Utilización de claves dicotómicas sinxelas para a súa clasificación.

* Observación dos fósiles como forma de medir a biodiversidade do pasado e indicadores de evolución.

* Razóns da importancia da biodiversidade e a súa valoración como un patrimonio natural.

* Elaboración de informes sobre algunha especie en perigo de extinción ou dalgún espazo protexido próximo e formulación de propostas para contribuír á súa conservación.

Criterios de avaliación.

1. Identificar a situación da Terra no universo e xustificar algúns fenómenos que derivan dos movementos relativos entre a Terra, a Lúa e o Sol, empregando modelos para interpretalos.

Trátase de comprobar que o alumnado é quen de situar a Terra no universo e explicar fenómenos como a duración dos anos, o día e a noite, as eclipses, as fases da Lúa, e as estacións, baseándose na interpretación dos movementos relativos da Terra no sistema solar. Valorarase a capacidade de empregar modelos sinxelos para a interpretación dos fenómenos citados.

2. Describir cualitativamente algunhas observacións e procedementos científicos que permiten avanzar no coñecemento do noso planeta e do lugar que ocupa no Universo.

Trátase de avaliar se o alumnado identifica os principais argumentos que permiten o desenvolvemento das teorías científicas, facendo fincapé nas relacionadas co coñecemento astronómico, a súa evolución histórica e as súas repercusións sociais. Valorarase a selección, a partir de diferentes fontes, e contraste de informacións sobre estes argumentos.

3. Identificar algunhas propiedades de diversos materiais cotiáns, como a masa, o volume, a densidade, os estados en que se presentan, os seus cambios, e planificar e desenvolver procedementos para coñecelas.

Preténdese comprobar que o alumnado é capaz de recoñecer e medir algunhas propiedades da materia utilizando experiencias sinxelas que lle permitan investigar as súas características e identificar os cambios de estado que experimenta, ao mesmo tempo que se valora a planificación, a posta en práctica, o tratamento dos datos e a elaboración de conclusións.

4. Identificar algunhas propiedades de diversos materiais cotiáns, relacionándoos co uso que se fai deles, e diferenciar mesturas de substancias puras.

Trátase de saber se o alumnado relaciona o uso dos materiais na construción de obxectos coas súas propiedades, e se é capaz de diferenciar as mesturas de substancias puras así como de utilizar técnicas de separación sinxelas. Valorarase a planificación, posta en práctica e comunicación das técnicas empregadas, así como a identificación das propiedades diferenciadoras.

5. Interpretar cualitativamente fenómenos atmosféricos e o ciclo da auga na natureza a partir de datos e rexistros climáticos e das propiedades da auga como substancia.

Trátase de comprobar se os estudantes son capaces de explicar, de xeito sinxelo, os factores que inflúen no tempo atmosférico. Valorarase tamén a súa capacidade para obteren datos de distintas variables meteorolóxicas utilizando instrumentos de medición que lles permitan familiarizarse con estes conceptos así como para interpretaren algúns fenómenos meteorolóxicos sinxelos e elaborar en esquemas sobre o ciclo da auga.

6. Identificar as rochas e os minerais máis frecuentes de Galicia, utilizando claves sinxelas e coñecer algunhas aplicacións.

Preténdese que o alumnado sexa capaz de recoñecer os diferentes tipos de rochas (magmáticas, metamórficas e sedimentarias) e minerais máis comúns en Galicia e coñeza as súas aplicacións. Valorarase, ademais, a capacidade para diferencialos a partir de observacións e comprobacións experimentais dalgunhas das súas propiedades.

7. Valorar a importancia do sistema atmosfera-hidrosfera-xeosfera para o desenvolvemento da vida, identificando as repercusións da actividade humana sobre o medio e realizando propostas e compromisos de mellora.

Trátase de avaliar se o alumnado identifica algún dos problemas ambientais, enunciando posibles consecuencias, e se propón medidas concretas de actuación na realidade próxima que potencien a redución no consumo, a reutilización e a reciclaxe.

8. Recoñecer que os seres vivos están constituídos por células e que levan a cabo funcións vitais que os diferencian da materia inerte.

Trátase de comprobar que o alumnado é quen de recoñecer e describir as características referentes á organización e funcións dos seres vivos, a partir de mostras, fotografías, debuxos ou outros medios. Valorarase tamén que o alumnado sexa quen de clasificar os organismos vivos utilizando claves sinxelas e de identificar os trazos máis relevantes que os identifiquen como membros dun grupo a través da súa observación.

9. Participar activamente na construción, comunicación e utilización do coñecemento científico.

Trátase de comprobar que o alumnado se implica persoalmente na propia aprendizaxe, realizando o esforzo necesario, valorándose a reflexión sobre os propios procesos de aprendizaxe das ciencias desde a apropiación dos obxectivos ata a utilización de criterios de realización para autocorrixirse, no caso de que sexa necesario.

Segundo curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Familiarización coas características básicas do traballo científico, mediante a proposta de problemas, discusión do seu interese, aproximación á formulación de hipóteses, experimentación, comunicación dos resultados en diferentes formatos, etc., para comprender mellor os fenómenos naturais e resolver os problemas que presenta o seu estudo.

* Utilización da experimentación para coñecer mellor os fenómenos naturais e comprobar suposicións sobre a súa evolución.

* Emprego de modelos sinxelos para interpretar os fenómenos e identificar as relacións entre conceptos.

* Utilización dos medios de comunicación e das tecnoloxías da comunicación e da información para obter información sobre os fenómenos naturais, no tratamento de datos e interpretación gráfica, na visualización de modelos explicativos, na busca de relación entre variables e na comunicación de resultados e conclusións.

* Interpretación de información de carácter científico e utilización desta información para formar unha opinión propia e expresarse axeitadamente.

* Recoñecemento da importancia do coñecemento científico e da súa evolución histórica, para comprender mellor os argumentos que facilitan a toma de decisións sobre situacións sociais e individuais.

* Utilización correcta dos materiais e instrumentos experimentais e respecto polas normas de seguridade.

Bloque 2. Materia e enerxía.

A enerxía nos sistemas materiais.

* Recoñecemento da intervención da enerxía en diferentes situacións cotiás como movementos, deformacións, variacións da temperatura, cambios de estado, etc. Aproximación ao concepto de enerxía e á súa relación cos cambios.

* Utilización de criterios para clasificar as diferentes fontes de enerxía. Valoración, desde o punto de vista ambiental, do emprego de fontes de enerxía renovables e non renovables.

* Valoración do uso da enerxía na sociedade. Problemas asociados á intervención humana sobre o ambiente. Busca de información e valoración de medidas tanto individuais como colectivas de eficiencia e aforro enerxético a curto, medio e longo prazo.

* Transferencia de enerxía: o traballo, a calor e a radiación.

* Recoñecemento de situacións e realización de experiencias elementais en que se manifesten os efectos da transferencia de enerxía entre os sistemas.

* Identificación do traballo como mecanismo de transferencia de enerxía en situacións sinxelas. Valoración das máquinas de uso cotián. Recoñecemento do seu papel no desenvolvemento económico e social.

* Realización de experiencias onde o mecanismo de transferencia de enerxía sexa a calor. Uso do termómetro para medir temperaturas. Diferenciación entre calor e temperatura.

* Observación e comprobación experimental das formas de propagación da calor. Procura, selección e contraste de información sobre as aplicacións cotiás dos materiais illantes e condutores.

* Valoración do emprego das máquinas térmicas, da súa eficacia e do seu rendemento.

* Análise dos procesos de xeración de enerxía a partir de diferentes fontes, do transporte e do consumo de enerxía en Galicia. Valoración das repercusións ambientais.

* Identificación da luz e do son como mecanismos de transferencia de enerxía.

* Realización de experiencias de propagación da luz. Utilización de espellos e lentes para o estudo cualitativo da reflexión e refracción da luz.

* Relación entre a luz e a visión. Estudo cualitativo da descomposición da luz branca.

* Realización de experiencias de propagación e reflexión do son. Relación entre o son e a audición.

* Identificación das aplicacións prácticas relacionadas coa luz e o son para a sociedade.

* Valoración do problema da contaminación acústica e luminosa. Procura e análise de solucións.

Bloque 3. Transformacións xeolóxicas debidas á enerxía interna da Terra.

* Recoñecemento das diferentes manifestacións da enerxía interna da terra: volcáns, terremotos, pregamentos, fallas e formación de montañas. Xustificación cualitativa á luz do modelo dinámico.

* Identificación do papel da enerxía interna na formación de materiais terrestres: magmatismo e metamorfismo.

* Clasificación das rochas magmáticas e metamórficas segundo a súa orixe e pola observación da súa estrutura.

* Procura de noticias de xornais relacionadas coas manifestacións desa enerxía interna e análise das súas repercusións segundo o grao de desenvolvemento do país.

Bloque 4. A vida en acción: as funcións vitais.

* Identificación da célula como unidade básica dos seres vivos e observación ao microscopio apreciando a súa diversidade.

* Caracterización das función de nutrición como un intercambio de materia e enerxía co ambiente.

* Diferenciación dos dous tipos de nutrición: autótrofa e heterótrofa.

* Descrición e comparación cualitativa dos procesos de fotosíntese, respiración e fermentación.

* Valoración da importancia da fotosíntese para a vida na Terra.

* Caracterización e comparación da reprodución sexual e asexual e do seu significado desde o punto de vista da súa variabilidade.

* Recoñecemento das funcións de relación: percepción, coordinación e resposta (movemento).

* Planificación e realización de experiencias sinxelas que poñan de manifesto a influencia dalgunha variable (a luz, o osíxeno, a temperatura, a clorofila....) que incide nos procesos citados.

Bloque 5. Ambiente: o ambiente natural.

* Identificación dos compoñentes dun ecosistema, medio abiótico e comunidade e recoñecemento da influencia dos factores abióticos e bióticos nos ecosistemas.

* Recoñecer o papel dos organismos produtores, e consumidores e descompoñedores no ecosistema e a relación coa reciclaxe da materia e o fluxo de enerxía.

* Aproximación aos conceptos de ecosistema e biosfera. Coñecemento da variedade de ecosistemas (biodiversidade) e a súa organización en biomas.

* Utilización de técnicas de campo para o estudo de dous ecosistemas galegos, acuático e terrestre: ecosistema litoral, de xunqueira, de bosque, de río...

* Coñecemento dalgún espazo protexido en Galicia.

Criterios de avaliación.

1. Identificar a presenza da enerxía nas transformacións e cambios que teñen lugar no noso contorno, valorando a importancia para a sociedade e as repercusións para o ambiente de diferentes fontes de enerxía.

Preténdese avaliar se o alumnado é capaz de recoñecer a presenza da enerxía en procesos da vida cotiá, se enumera diferentes fontes de enerxía, e se é quen de utilizar criterios para clasificalas. Valorarase se asocia a eficiencia e o aforro enerxético coa utilización responsable da enerxía cara a contribuír ao futuro sustentable.

2. Identificar situacións prácticas de equilibrio e desequilibrio enerxético e os efectos da calor sobre os corpos.

Preténdese comprobar se o alumnado diferencia calor de temperatura na análise enerxética de situacións prácticas sinxelas. Valorarase se sabe utilizar o termómetro, se coñece o seu fundamento e se identifica situacións de equilibrio ou desequilibrio enerxético.

3. Explicar fenómenos cotiáns referidos á transmisión da luz e do son, e reproducir experimentalmente algúns deles.

Este criterio busca avaliar se o alumnado é capaz de utilizar as propiedades da luz para interpretar a reflexión e a refracción da luz e describir o funcionamento dalgúns aparellos ópticos; e para o son fenómenos como o eco. Valorarase se identifica as repercusións da contaminación acústica e luminosa e formula propostas de solucións.

4. Identificar as accións dos axentes xeolóxicos na orixe do relevo terrestre, así como no proceso de formación das rochas magmáticas e metamórficas.

Trátase de comprobar que o alumnado ten unha concepción dinámica da natureza e que é quen de recoñecer e interpretar no campo ou en imaxes algunhas manifestacións da dinámica interna no relevo, como a presenza de pregamentos, fallas, cordilleiras e volcáns. Pretende tamén avaliar se o alumnado entende as transformacións que poden existir entre os distintos tipos de rochas endóxenas en función das características do ambiente xeolóxico en que se atopan.

5. Identificar os riscos asociados aos procesos xeolóxicos internos e valorar a capacidade de prevención e predición.

Trátase de valorar se o alumnado é capaz de recoñecer e interpretar axeitadamente os principais riscos asociados aos procesos xeolóxicos internos e a súa repercusión, utilizando noticias de prensa, mapas e outras canles de información.

6. Interpretar os aspectos relacionados coas funcións vitais dos seres vivos a partir de observacións experimentais realizadas con organismos sinxelos, comprobando o efecto que teñen determinadas variables nos procesos de nutrición, relación e reprodución.

Trátase de comprobar que o alumnado coñece as funcións vitais dos seres vivos, as diferenzas entre a nutrición de seres autótrofos e heterótrofos, as características e os tipos de reprodución, e os elementos fundamentais que interveñen na función de relación. Trátase tamén de avaliar se é quen de deseñar experiencias sinxelas para comprobar a incidencia que teñen variables como a luz, o osíxeno, a clorofila, a temperatura, etc. sobre estas funcións.

7. Identificar o medio abiótico e as comunidades dun ecosistema próximo, representar graficamente as relacións tróficas establecidas entre os seus seres vivos e valorar a súa diversidade.

Trátase de constatar que o alumnado é quen de distinguir as partes dun ecosistema, ben nunha saída ou cando se presenten imaxes ou esquemas. Así mesmo, haberá que comprobar que é capaz de recoñecer os elementos dun ecosistema específico, obtendo datos dalgúns compoñentes abióticos (luz, humidade, temperatura, topografía, rochas, etc.), e bióticos (animais e plantas máis abundantes); interpretar correctamente as relacións nas cadeas tróficas e valorar a diversidade do ecosistema e a importancia da súa preservación.

8. Participar de forma construtiva en situacións de comunicación relacionadas coa construción do coñecemento científico, respectando as normas que fan posible o intercambio.

Trátase de comprobar se o alumnado é capaz de escoitar, respectar as opinións alleas, chegar a acordos, achegar opinións razoadas nos traballos en grupo, debates, exposicións...

Terceiro curso. Física e química.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Utilización de estratexias propias do traballo científico, mediante a proposta de sinxelas investigacións para a resolución de situacións problema, discusión do seu interese, identificación de variables que interveñen, formulación dalgunha hipótese de traballo, seguimento dunha planificación na posta en práctica, recolla organizada dos datos, interpretación de resultados e comunicación das conclusións.

* Busca, selección e valoración crítica de información de carácter científico utilizando as tecnoloxías da comunicación e da información e outras fontes.

* Interpretación de información de carácter científico coa axuda de modelos axeitados, e utilización desta información para formar unha opinión propia e expresarse axeitadamente, coa axuda das tecnoloxías da comunicación e da información e outras fontes.

* Valoración das achegas das ciencias da natureza ao longo da historia, para lles dar resposta ás necesidades dos seres humanos e mellorar as condicións da súa existencia, así como para apreciar e desfrutar da diversidade natural e cultural, participando na súa conservación, protección e mellora.

* Asimilar as diferenzas sociais derivadas da desigual repartición da riqueza no mundo, que provoca unhas condicións de enorme desvantaxe en aspectos de saúde e ambiente dos países pobres respecto dos ricos.

* Posta en práctica correcta dos procedementos experimentais e respecto polas normas de seguridade.

Bloque 2. Diversidade e unidade da estrutura da materia e os seus cambios.

Diversidade da materia.

* Caracterización de mestura e substancia pura. Identificación de substancias puras a través das súas propiedades características. Planificación e elección experimental das técnicas de separación de substancias máis axeitadas. Valoración do uso das técnicas de separación de substancias en mesturas para o desenvolvemento da vida e para a obtención de recursos.

* Identificación de disolucións, dos seus compoñentes, caracterización da súa composición mediante as diferentes formas de expresar a concentración das substancias. Preparación de disolucións de concentración coñecida. Importancia das disolucións en produtos de consumo habitual e repercusións sobre a saúde das persoas e o ambiente.

A unidade na estrutura da materia.

* Estudo experimental cualitativo das relacións entre a presión, o volume e a temperatura dos gases.

* Interpretación, coa axuda do modelo cinético de partículas, do volume, da temperatura, da presión e das relacións entre esas magnitudes para os gases. Extrapolación do modelo cinético de partículas na interpretación das propiedades dos líquidos e dos sólidos.

* Interpretación, coa axuda do modelo cinético da materia, dalgúns procesos como os cambios de estado, a difusión e a dilatación, así como da diferenza entre mestura e substancia pura.

* Caracterización do cambio físico e químico. Diferenciación experimental entre substancias simples e compostas. Comprobación experimental da conservación da masa e da non-conservación do volume nun sistema, antes e despois dun cambio físico e químico. Diferenciación entre mestura e composto.

* Valoración da importancia histórica do modelo atómico molecular de Dalton para interpretar a diferenza entre substancias simples e compostas.

* Utilización de diversos formatos como o verbal, o icónico, o gráfico e o simbólico para expresar, de xeito comprensivo, información sobre a estrutura e composición das substancias de uso cotián.

Os cambios químicos.

* Realización experimental dalgunhas transformacións químicas sinxelas. Reaccións de combustión. Identificación do que se conserva e do que cambia nas reaccións químicas.

* Recoñecemento da transferencia de enerxía nas reaccións químicas. Aplicación ás combustións e á fotosíntese.

* Interpretación, coa axuda do modelo atómico-molecular, das reaccións químicas como transformación dunhas substancias noutras; representación gráfica e simbólica; identificación do elemento químico; xustificación da conservación da masa e do elemento químico nas reaccións a partir do modelo atómico-molecular.

* Estimacións e investigacións sobre a variación da rapidez dunha reacción en función da temperatura, concentración, grao de división dos reactivos. A emisión dos gases nos vehículos e a influencia na calidade do aire: función dos catalizadores.

* Procura, selección de información e análise crítica sobre os beneficios e riscos da fabricación e uso dalgún material de uso cotián. Estimación do impacto ambiental das reaccións de combustión.

Bloque 3. A natureza eléctrica da materia.

Propiedades eléctricas e magnéticas da materia.

* Identificación experimental das interaccións eléctricas e magnéticas. Utilización da carga eléctrica na interpretación das interaccións.

* Análise de movemento de cargas: circuíto eléctrico.

* Importancia da electricidade nas condicións da nosa vida cotiá e no desenvolvemento científico e tecnolóxico. Valoración das medidas preventivas.

A estrutura do átomo.

* Selección de información e análise crítica da contribución do estudo da electricidade ao coñecemento da estrutura da materia.

* Incorporación da carga eléctrica á estrutura atómica. Caracterización dos elementos químicos.

* Identificación dos compoñentes estruturais da materia: átomos, moléculas e ións. Comparación de substancias con estruturas de átomos libres, moleculares e xigantes. Relación entre a estrutura e as súas propiedades.

* Aproximación cualitativa á radioactividade e aos efectos das radiacións ionizantes sobre a saúde e o ambiente. Importancia dos isótopos na investigación científica e médica. Valoración de medidas preventivas e protectoras.

Criterios de avaliación.

1. Utilizar procedementos que permitan diferenciar mesturas, substancias simples e compostos en materiais de uso cotián, identificar a composición das mesturas en produtos de consumo habitual e preparar algunha disolución sinxela.

Este criterio trata de constatar se o alumnado recoñece cando un material é unha substancia pura ou unha mestura e, neste último caso, coñece técnicas de separación, sabe deseñar e realizar algunhas delas, utiliza criterios para clasificar as substancias en simples e compostas e diferencia mesturas de compostos. Tamén se debe comprobar que utiliza a información das etiquetas dos produtos de consumo cotián para identificar a composición das mesturas, especialmente a concentración en masa e as porcentaxes tanto en masa coma en volume. Valoraranse as habilidades prácticas á hora de preparar disolucións cunha determinada concentración en masa e a capacidade para salientar a importancia dalgúns materiais para a sociedade.

2. Identificar e cuantificar algunhas propiedades dos materiais nos seus distintos estados de agregación, diferenciando a descrición macroscópica da interpretación con modelos.

Trátase de verificar que o alumnado determina algunhas propiedades características das substancias, levando a cabo experiencias sinxelas que as poñan de manifesto. Interpreta coa axuda do modelo cinético os conceptos de presión, temperatura e cambios de estado. Tamén se valorará a interpretación cualitativa das representacións gráficas que reflictan relacións entre propiedades.

3. Clasificar distintos tipos de substancias e os procesos de cambio utilizando criterios macroscópicos e as premisas do modelo de Dalton.

Preténdese comprobar se o alumnado emprega algún criterio macroscópico que lle permita clasificar os cambios nas substancias, diferenciar mesturas de compostos e estes de substancias simples, utilizando procedementos experimentais sinxelos; valorando a contribución de Dalton ao modelo de materia para xustificar os ditos cambios e interpretar a existencia de substancias simples e de compostos.

4. Interpretar e representar reaccións químicas utilizando o modelo atómico-molecular, así como para xustificar a conservación da masa en sistemas pechados.

Este criterio pretende comprobar que o alumnado identifica experimentalmente a reacción química como proceso en que unhas substancias se transforman noutras novas, onde se conserva a masa e o elemento químico; que saben xustificala co modelo elemental de reacción e que son quen de representalas de xeito verbal, gráfico e simbólico. Valorarase tamén se coñecen a súa importancia na mellora da calidade de vida das persoas e as posibles repercusións negativas sobre o contorno, sendo conscientes da relevancia e responsabilidade de todos para a protección do ambiente e a saúde das persoas.

5. Identificar fenómenos eléctricos e magnéticos cotiáns valorando as repercusións da electricidade no desenvolvemento científico e tecnolóxico e nas condicións de vida das persoas.

Preténdese constatar se o alumnado é capaz de realizar experiencias eléctricas e magnéticas, explicalas cualitativamente co concepto de carga, mostrando o seu coñecemento da estrutura eléctrica da materia. Valorarase tamén se é capaz de utilizar instrumentos sinxelos e é consciente das repercusións dos coñecementos sobre a electricidade e a necesidade da eficiencia e do aforro enerxético.

6. Analizar a evolución do modelo atómico ao introducir a natureza eléctrica da materia e identificar as aplicacións de substancias radioactivas.

Trátase de comprobar que o alumnado comprende que os cambios nos modelos da materia teñen como obxectivo a procura de explicacións das súas propiedades e dos fenómenos cotiáns. Tamén se trata de comprobar se valora as aplicacións da radioactividade, principalmente en medicina, mediante a participación en traballos, debates, etc. sobre elas e se xustifica as medidas de protección nos traballos que impliquen perigos.

7. Participar activamente na construción, comunicación e utilización do coñecemento científico.

Trátase de comprobar que o alumnado se implica persoalmente na propia aprendizaxe, realizando o esforzo necesario, valorando a reflexión sobre os propios procesos de aprendizaxe das ciencias desde a apropiación dos obxectivos ata a utilización de criterios de realización para autocorrixirse, no caso de que sexa necesario.

Terceiro curso. Bioloxía e xeoloxía.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Utilización de estratexias propias do traballo científico, mediante a proposta de sinxelas investigacións para a resolución de situacións-problema, discusión do seu interese, identificación de variables que interveñen, formulación dalgunha hipótese de traballo, seguimento dunha planificación na posta en práctica, recolla organizada dos datos, interpretación de resultados e comunicación das conclusións.

* Busca, selección e valoración crítica de información de carácter científico utilizando as tecnoloxías da comunicación e da información e outras fontes.

* Interpretación de información de carácter científico coa axuda de modelos axeitados e utilización desta información para formar unha opinión propia e expresarse axeitadamente, coa axuda das tecnoloxías da comunicación e da información e outras fontes.

* Valoración das achegas das ciencias da natureza ao longo da historia, para lles dar resposta ás necesidades dos seres humanos e mellorar as condicións da súa existencia, así como para apreciar e desfrutar da diversidade natural e cultural, participando na súa conservación, protección e mellora.

* Asimilar as diferenzas sociais derivadas da desigual repartición da riqueza no mundo, que provoca unhas condicións de enorme desvantaxe en aspectos de saúde e ambiente dos países pobres con respecto aos ricos.

* Posta en práctica correcta dos procedementos experimentais e respecto polas normas de seguridade.

Bloque 2. As persoas e a saúde.

A saúde e a enfermidade.

* Identificación dos niveis de organización do corpo humano: aparellos, sistemas, órganos, tecidos e células.

* Valoración da saúde como un ben individual e colectivo. Identificación dos factores que condicionan a saúde e a enfermidade. Importancia dos hábitos de vida saudable e o coñecemento dos factores de risco.

* Coñecemento de varios tipos de enfermidades: conxénitas, hereditarias, crónicas, deficitarias e infecciosas (tipos de seres vivos que as provocan). Valoración do uso dos fármacos e problemáticas derivadas.

* Selección de información e crítica das diferenzas dos tipos de enfermidades no mundo globalizado. Propostas de actuación.

* Recoñecemento da actuación do sistema inmunitario nun caso concreto (a gripe, unha enfermidade bacteriana, as alerxias...). Valoración da aplicación das vacinas, os transplantes, a doazón de órganos e as novas terapias con células nai.

Sexualidade e reprodución humana.

* Aproximación a unha definición de sexualidade. Recoñecemento da diversidade de sexo. Evolución dos hábitos sexuais ao longo da vida.

* Diferenciación entre sexualidade e reprodución. Valoración dos cambios físicos e psíquicos na adolescencia. Breve referencia aos cambios hormonais. Métodos anticonceptivos.

* Identificación do proceso de reprodución como un mecanismo de perpetuación da especie. Caracterización dos aparellos reprodutores masculino e feminino así como dos gametos, óvulo e espermatozoide.

* A preparación do útero para a fecundación: o ciclo menstrual. Identificación da fecundación, embarazo e parto cunha breve aproximación ao embrión e ao feto. Recoñecemento e valoración dos novos métodos de reprodución asistida.

* Procura e selección de información sobre as enfermidades de transmisión sexual e valoración da saúde e hixiene sexual.

Alimentación e nutrición humanas.

* Realización de diagramas e esquemas que axuden a dar unha visión global e integradora de todos os aparellos e procesos que interveñen na nutrición.

* Diferenciación entre alimento e nutriente recoñecendo os principios inmediatos necesarios para o ser humano: proteínas, glícidos, graxas, sales minerais, vitaminas e auga.

* Recoñecemento dos pasos que segue o alimento desde que se inxire ata que se absorbe no aparello dixestivo.

* Coñecemento do papel que desempeñan os aparellos: o respiratorio e a ventilación pulmonar; o circulatorio e a circulación; o excretor e a formación da urina e a excreción no proceso xeral de nutrición.

* Análise de dietas e hábitos saudables na alimentación, destacando a importancia dunha dieta equilibrada. Identificación das principais enfermidades e trastornos da conduta alimentaria. Valoración da alimentación e a saúde.

* Procura, selección de información e análise de etiquetas identificando os aditivos alimentarios e produtos transxénicos.

As funcións de relación: percepción, coordinación e movemento.

* Identificación dos mecanismos de resposta do ser humano ante un estímulo: órganos dos sentidos, sistema nervioso e aparello locomotor.

* Coñecemento do papel do sistema endócrino e as hormonas. Identificación da importancia das súas principais alteracións.

* Valoración da saúde mental e dunha actitude crítica e responsable ante as condutas de risco e a influencia do medio social.

* Análise da súa relación co uso das substancias aditivas, alcol, tabaco, estupefacientes.

Bloque 3. As persoas e o ambiente.

* Recoñecemento da dependencia humana dos recursos naturais e da importancia fundamental da súa xestión sustentable. Análise e valoración do uso cotián de recursos básicos (produción e consumo de enerxía, o uso da auga e do aire) e a produción de residuos e o seu tratamento. Utilización de técnicas sinxelas para coñecer o grao de contaminación e depuración do aire e da auga.

* Procura de información verbo dalgúns dos problemas ambientais globais, elaboración de informes e exposicións de resultados utilizando as tecnoloxías da información e da comunicación. O Cumio da Terra en Río 1992 e o Tratado de Quioto. Aproximación ao concepto de sustentabilidade.

* Planificación e posta en práctica dunha actuación para potenciar o desenvolvemento sustentable no medio máis próximo. Valoración dos resultados.

Bloque 4. Transformacións xeolóxicas debidas á enerxía externa.

A actividade xeolóxica externa do planeta.

* Análise da paisaxe como resultado da acción conxunta dos fenómenos naturais e a intervención humana. Uso de mapas topográficos sinxelos para a súa lectura e interpretación.

* Identificación mediante imaxes e/ou observacións de campo da acción dos diferentes axentes xeolóxicos externos sobre as rochas e a paisaxe: a meteorización, os torrentes, as augas subterráneas, os ríos, o mar, o xeo e o vento. Identificación do papel dos axentes internos na formación do relevo.

* Recoñecemento da formación de sedimentos a partir dos fenómenos descritos anteriormente e a súa posterior transformación en rochas sedimentarias. A orixe do carbón, o petróleo e o gas natural, e valoración do seu uso e esgotamento.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer que na saúde inflúen aspectos físicos, psicolóxicos, económicos e sociais e valorar a importancia dos estilos de vida para previr enfermidades e mellorar a calidade de vida, así como as continuas achegas das ciencias biomédicas. Explicar os mecanismos de defensa que evitan ou loitan contra os axentes causantes de enfermidades.

Con este criterio preténdese valorar se o alumnado posúe un concepto actual de saúde, e se é capaz de establecer relacións entre as diferentes funcións do organismo, ademais dos factores que teñen unha maior influencia na saúde, como son os estilos de vida. Ademais, deberá saber distinguir os distintos tipos de enfermidades: infecciosas, hereditarias, por intoxicación, condutuais... relacionando a causa co efecto. Así mesmo, deberá comprender os mecanismos de defensa corporal e a acción de vacinas, antibióticos e outras contribucións da ciencia médica na loita contra a enfermidade.

2. Coñecer os aspectos básicos da reprodución humana e describir os acontecementos fundamentais da fecundación, o embarazo e o parto. Comprender o funcionamento dos métodos de control da natalidade e valorar o uso de métodos de prevención de enfermidades de transmisión sexual.

Trátase de comprobar se as alumnas e os alumnos distinguen o proceso de reprodución como un mecanismo de perpetuación da especie, da sexualidade entendida como unha actividade ligada a toda a vida do ser humano e de comunicación afectiva e persoal. Deben coñecer, ademais, os trazos xerais anatómicos e de funcionamento dos aparellos reprodutores masculino e feminino e explicar, a partir do seu coñecemento, as bases dalgúns métodos de control de natalidade ou de certas solucións a problemas de infertilidade. Ademais, deben saber explicar a necesidade de tomar medidas de hixiene sexual individual e colectiva para evitar enfermidades de transmisión sexual.

3. Explicar os cambios fundamentais que sofre o alimento ao longo de todo o proceso de nutrición, utilizando esquemas ou ilustracións en cada unha das etapas. Xustificar a necesidade de adquirir hábitos alimentarios saudables.

Preténdese avaliar se o alumnado coñece o papel de cada un dos aparellos e órganos implicados na función de nutrición, as relacións entre eles, así como as súas principais alteracións e a necesidade de adoptar determinados hábitos de hixiene. Así mesmo, valorarase o desenvolvemento de actitudes solidarias ante situacións como a doazón de sangue ou de órganos e se relacionan as funcións de nutrición coa adopción de determinados hábitos alimentarios saudables para previr enfermidades de cara a un consumo responsable.

4. Coñecer os órganos dos sentidos e explicar a misión integradora dos sistemas nervioso e endócrino. Relacionar as alteracións máis frecuentes cos órganos e procesos implicados en cada caso; identificar os factores sociais que repercuten negativamente na saúde como o estrés e o uso de substancias adictivas.

Preténdese comprobar que as alumnas e os alumnos saben como se coordinan o sistema nervioso e o endócrino, e aplican este coñecemento a problemas sinxelos que poidan ser analizados utilizando modelos de simulación. Así mesmo, deberán caracterizar as súas principais enfermidades, valorar a importancia de adoptar hábitos de saúde mental, e identificar os efectos prexudiciais de determinadas condutas como o consumo de drogas, o estrés, a falta de relacións interpersoais sas, as presións dos medios de comunicación, etc.

5. Identificar as accións dos axentes xeolóxicos externos na orixe e modelado do relevo terrestre, así como no proceso de formación das rochas sedimentarias.

Trátase de comprobar que o alumnado ten unha concepción dinámica da natureza e que é quen de recoñecer e interpretar, no medio natural ou en imaxes, a acción dos axentes xeolóxicos externos máis importantes. Preténdese tamén avaliar se o alumnado pode explicar a orixe dos distintos tipos de modelaxe producidos polos axentes xeolóxicos externos, así como a das rochas sedimentarias.

6. Valorar a capacidade para recompilar información procedente de distintas fontes sobre a influencia das actuacións humanas no ambiente, analizar esta información e formular propostas para promover unha xestión máis racional dos recursos naturais.

Trátase de avaliar se o alumnado é quen de identificar a relación que existe entre a explotación dos recursos naturais e determinados impactos e riscos ambientais. Valorarase a capacidade de realizar investigacións sobre algunhas alteracións concretas producidas polos seres humanos na natureza e se son quen de valorar o ambiente como un patrimonio da humanidade e de argumentar as razóns de certas actuacións individuais e colectivas para evitar a súa deterioración.

7. Determinar os trazos distintivos do traballo científico analizando como se chegou á formulación e/ou ás propostas de resolución dalgún problema ambiental de actualidade.

Trátase de pescudar se as alumnas e os alumnos son capaces de buscar bibliografía referente a temas de actualidade, como a conservación das especies ou a intervención humana na reprodución, e de utilizar as destrezas comunicativas suficientes para elaborar informes que estruturen os resultados do traballo. Preténdese avaliar tamén se teñen unha imaxe do traballo científico como un proceso en continua construción, que se apoia nos traballos colectivos de moitos grupos, que ten os condicionamentos de calquera actividade humana e que por iso se pode ver afectada por variables de distinto tipo.

8. Valorar a situación mundial da distribución da riqueza e as súas repercusións sobre a saúde e o ambiente, identificando interrelacións xeopolíticas, sociais, económicas e culturais.

Trátase de ver se o alumnado é consciente das diferenzas que existen entre as distintos escenarios do mundo como son os diálogos norte-sur, oriente-occidente, as interdependencias da globalización e é capaz de enunciar cales son as consecuencias da sobreexplotación de recursos, a industrialización masiva, etc.

Cuarto curso. Física e química.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Utilización de estratexias propias do traballo científico, mediante a proposta de problemas e sinxelas investigacións, discusión do seu interese, análise de variables que interveñen, formulación de hipóteses, planificación de experiencias, organización dos datos, interpretación de resultados e comunicación de conclusións.

* Busca, selección e análise crítica de información de carácter científico utilizando as tecnoloxías da comunicación e da información e outras fontes.

* Interpretación de informacións de carácter científico e contraste destas informacións para formar unha opinión propia e expresarse axeitadamente.

* Elaboración de argumentacións e explicacións sobre feitos, observacións ou resultados experimentais, empregando modelos científicos axeitados.

* Valoración das achegas das ciencias da natureza para lles dar resposta ás necesidades dos seres humanos e mellorar as condicións da súa existencia, así como para apreciar e desfrutar da diversidade natural e cultural, participando na súa conservación, protección e mellora.

* Valoración da evolución do pensamento científico ao longo da historia, salientando a importancia que supón para o desenvolvemento científico e tecnolóxico de cada época.

* Utilización comprensiva de protocolos experimentais e respecto polas normas de seguridade.

* Xustificación de decisións persoais verbo de problemas reais do seu contorno que aseguren un desenvolvemento sustentable e da modificación de hábitos de conduta que promovan a saúde persoal e comunitaria.

* Contribución do desenvolvemento científico e tecnolóxico á resolución dos problemas. Importancia da aplicación do principio de precaución e da participación cidadá na toma de decisións.

* Valoración da educación científica da cidadanía como requisito de sociedades democráticas sustentables.

* Consideración da cultura científica como fonte de satisfacción persoal.

Bloque 2. As forzas como interacción.

As forzas e os cambios de movemento.

* Recoñecemento do carácter relativo do movemento. Sistemas de referencia. Valoración do uso do GPS para determinar a posición dos obxectos na Terra.

* Análise cualitativa dos movementos rectilíneos e curvilíneos. Análise cuantitativa do movemento rectilíneo e uniforme. Relación entre o tipo de movemento e a representación gráfica correspondente.

* Valoración das achegas de Galileo ao estudo experimental da caída libre. Identificación da aceleración como o cambio no estado de movemento dos corpos.

* Identificación de forzas que interveñen na vida cotiá. A mecánica de Newton.

* Caracterización do concepto de forza como interacción: acción-reacción. Carácter vectorial das forzas e a súa representación.

* Interpretación de situacións de equilibrio de forzas: inercia. Composición gráfica de forzas.

* Comprobación, experimental ou simulada, da relación entre a forza resultante sobre un sistema, a súa masa e a aceleración. Análise dalgúns cambios no movemento dos corpos e a súa relación coa forza. Aplicación a situacións relacionadas con accidentes de tráfico de vehículos e discusión de medidas preventivas.

As forzas e as deformacións e presións.

* Identificación cualitativa da relación entre forza e deformación en corpos elásticos. Obxectos e aparellos relacionados.

* Recoñecemento da relación entre forza e presión nos sólidos. Obxectos de uso cotián que utilizan esta relación.

* Relación entre a presión e a forza aplicada sobre líquidos: aplicacións prácticas.

* Realización dalgunha experiencia sinxela con sólidos mergullados en líquidos. Identificación das variables que determinan a presión nun sólido no seo dun fluído. Achega de Arquímedes á interpretación científica da flotación. Utilización da ecuación fundamental da estática de fluídos para a comprensión de situacións cotiás.

* Deseño, realización de experiencias para poñer de manifesto a presión atmosférica e comunicación dos resultados. Utilización de aparellos para medir a presión como manómetros ou barómetros. Descrición do funcionamento dos altímetros.

A mecánica do Universo.

* Realización de observacións celestes directas ou simuladas e identificación das primeiras ideas sobre o Universo.

* Comparación entre a concepción xeocéntrica e a heliocéntrica e a súa capacidade para interpretar as observacións.

* Relación entre as melloras das observacións co telescopio e o reforzo do modelo heliocéntrico. Recoñecemento das achegas de Kepler e Galileo. Valoración e implicacións do enfrontamento entre dogmatismo e liberdade de investigación: o xuízo de Galileo.

* Unificación da dinámica terrestre e celeste: a gravitación universal de Newton. Aplicacións en resolución de situacións problemáticas sinxelas onde interveña a atracción gravitatoria.

* Aproximación cualitativa ás ideas actuais sobre o Universo.

* Valoración crítica dos avances científicos e tecnolóxicos para a exploración do universo. Procura e selección de información sobre as axencias espaciais (ESA, NASA) e os proxectos conxuntos (ISS). Valoración do uso dos satélites artificiais en ámbitos científicos, tecnolóxicos e sociais.

Bloque 3. Afondamento no estudo dos cambios.

Transferencias e transformacións de enerxía.

* Identificación das formas de enerxía mecánica: cinética e potencial gravitatoria cos cambios na velocidade e posición dos obxectos.

* Realización de experiencias onde se poñan de manifesto cambios na enerxía interna dos sistemas.

* Recoñecemento das transformacións e transferencias de enerxía por traballo e calor en fenómenos próximos ao alumnado.

* Interpretación cualitativa do traballo como mecanismo de transferencia de enerxía. Estudo da medida da eficacia na realización de traballo: concepto de potencia. Valoración do emprego de máquinas simples para o desenvolvemento económico e social.

* Interpretación cualitativa da calor como mecanismo de transferencia de enerxía. Máquinas térmicas e as súas repercusións.

* Utilización do principio de conservación da enerxía para resolver situacións físicas sinxelas e próximas aos estudantes, onde se poñan de manifesto transformacións e transferencias.

* Identificación do problema da degradación da enerxía. Valoración do papel da enerxía na sociedade actual e do uso das diferentes fontes para a súa obtención. Recoñecemento dalgún desenvolvemento tecnolóxico que contribúa á eficiencia e ao aforro enerxético.

Bloque 4. Estrutura e propiedades das substancias.

Estrutura do átomo e do enlace químico.

* Comparación dalgunhas propiedades características de substancias. Elaboración e aplicación de criterios para clasificar as substancias baseándose nas súas propiedades. Identificación da relación entre as propiedades e a estrutura das substancias.

* Interpretación da estrutura atómica a partir de evidencias da distribución dos electróns en niveis de enerxía.

* Selección e análise crítica de información sobre diferentes criterios para a clasificación dos elementos. Valoración da información que proporciona a táboa periódica en canto á capacidade de combinación dos elementos.

* Interpretación da estrutura das substancias a través do enlace covalente, iónico ou metálico. Valoración de procesos industriais en Galicia relacionados co transporte iónico como galvanizado e obtención de metais.

* Introdución cualitativa á sistemática da formulación e nomenclatura química da IUPAC: exemplo dos compostos binarios de uso habitual.

Os compostos de carbono e os seres vivos.

* Recoñecemento dos combustibles fósiles: carbón e petróleo, e a súa importancia como recursos enerxéticos. Identificación experimental dos produtos das reaccións de combustión dos hidrocarburos. Selección e análise crítica de información sobre o incremento do efecto invernadoiro e a súa relación co cambio climático. Procura de medidas para a súa prevención.

* Interpretación das posibilidades de combinación do átomo de carbono consigo mesmo, co hidróxeno e con outros átomos. As cadeas carbonadas.

* Papel dalgunhas biomoléculas que constitúen os seres vivos. Valoración do papel da química na comprensión da orixe e desenvolvemento da vida.

* Selección e análise crítica de información sobre materiais de envase e embalaxe formados por cadeas carbonadas e a súa influencia sobre o ambiente. Valoración de actitudes favorables á súa redución, reciclaxe e reutilización.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer o carácter relativo do movemento, describir movementos comúns da vida cotiá e valorar a importancia do seu estudo no xurdimento da ciencia moderna.

Trátase de constatar se o alumnado é quen de determinar e diferenciar as magnitudes necesarias para describir os movementos e se sabe formular e resolver cualitativamente problemas relacionados coa educación viaria. Valorarase, así mesmo, se realiza e utiliza as representacións gráficas para identificar os diferentes movementos, se sabe interpretar expresións como distancia de seguridade, ou velocidade media, e se comprende a importancia da cinemática pola súa contribución ao nacemento da ciencia moderna, no século XVII.

2. Identificar o papel das forzas como causa dos cambios de movemento e das presións, así como recoñecer e representar as principais forzas presentes en situacións do contorno.

Pretende comprobar se o alumnado comprende a idea de forza como interacción e causa das aceleracións dos corpos, cuestiona as evidencias do sentido común verbo da suposta asociación forza-movemento, sabe identificar e representar forzas que actúan en situacións cotiás, así como o tipo de forza, gravitatoria, eléctrica, elástica ou as exercidas polos fluídos e recoñece como se utilizaron as características dos fluídos no desenvolvemento de tecnoloxías útiles á nosa sociedade.

3. Empregar modelos para xustificar as observacións celestes e comparar as súas interpretacións, así como valorar as implicacións históricas do enfrontamento entre elas.

Trátase de avaliar se o alumnado utiliza diferentes modelos celestes para xustificar as observacións diarias e anuais dos movementos dos astros e se coñece as implicacións do enfrontamento entre xeocentrismo e heliocentrismo. Valorarase o emprego de simulacións como axuda para o estudo das regularidades a longo prazo dos ditos movementos.

4. Utilizar a gravitación universal para explicar a forza peso, os movementos no sistema solar, os satélites artificiais e as naves espaciais, e analizar de forma crítica as contribucións da ciencia espacial.

Trátase de comprobar que o alumnado comprende que o establecemento do carácter universal da gravitación supuxo a ruptura da barreira ceo-Terra, dando paso a unha visión unitaria da mecánica do Universo. Valorarase, así mesmo, a utilización da lei de gravitación universal para explicar o peso dos corpos e o movemento de planetas e satélites no sistema solar. Valorarase tamén se o alumnado é quen de expoñer opinións razoadas sobre os beneficios e prexuízos que poden derivar dos usos dos satélites artificiais.

5. Aplicar o principio de conservación da enerxía á comprensión das transformacións e das transferencias enerxéticas en situacións prácticas da vida diaria e analizar os problemas asociados coa súa obtención e uso.

Preténdese avaliar se o alumnado identifica as diferentes formas de enerxía (tanto mecánica como interna), sabe relacionar a transferencia de enerxía mecánica co traballo e a transferencia de enerxía térmica coa calor, así como realizar algúns balances enerxéticos sinxelos. Valorarase tamén se recoñece a importancia do uso da enerxía e se sabe avaliar os seus beneficios fronte ao impacto ambiental que orixina a súa produción e consumo, así como a participación en medidas de eficiencia e aforro enerxético.

6. Identificar as características dos elementos químicos máis representativos da táboa periódica e predicir o seu comportamento químico.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado é capaz de saber distribuír os electróns dos átomos en niveis enerxéticos, relacionando esta distribución coa estrutura da táboa periódica. Así mesmo, débese comprobar que é capaz de relacionar algunhas propiedades físicas (temperaturas de fusión e ebulición, condutividade eléctrica, solubilidade en auga, etc.) co tipo de enlace que presentan e formular algunhas previsións sinxelas da unión con outros elementos e de propiedades das substancias simples e compostas formadas.

7. Xustificar a gran cantidade de compostos orgánicos existentes así como a formación de macromoléculas e a súa importancia nos seres vivos.

Trátase de avaliar se o alumnado comprende as enormes posibilidades de combinación que presenta o átomo de carbono e se é capaz de escribir fórmulas desenvolvidas de compostos sinxelos. Así mesmo, deberase comprobar se comprende a formación de macromoléculas, o seu papel na constitución dos seres vivos e o logro que supuxo a síntese dos primeiros compostos orgánicos fronte ao vitalismo na primeira metade do século XIX.

8. Recoñecer as aplicacións tecnolóxicas derivadas das reaccións de combustión e valorar a súa influencia no incremento do efecto invernadoiro.

Con este criterio avaliarase se o alumnado recoñece o carbón, o petróleo e o gas natural como combustibles fósiles e como as fontes enerxéticas máis utilizadas actualmente en motores e centrais térmicas. Tamén se valorará se é consciente do seu esgotamento, dos problemas que sobre o ambiente ocasiona a súa utilización e a necesidade de tomar medidas para tratar de buscar un desenvolvemento sustentable e non continuar aumentando o consumo actual.

9. Analizar os problemas e desafíos, aos cales se enfronta a humanidade globalmente, o papel da ciencia e da tecnoloxía e a necesidade da súa implicación persoal para resolvelos e avanzar cara ao logro dun futuro sustentable.

Preténdese comprobar se o alumnado é consciente da situación planetaria caracterizada por toda unha serie de problemas intervinculados: contaminación sen fronteiras, esgotamento de recursos, perda de biodiversidade e diversidade cultural, hiperconsumo, etc., e se comprende as repercusións do desenvolvemento científico-técnico e a súa necesaria contribución ás posibles solucións tendo sempre presente o principio de precaución e a responsabilidade individual e colectiva da sociedade na posta en práctica das medidas e vías de solución. Valorarase se é consciente da importancia da súa propia educación científica para a súa participación persoal na toma fundamentada de decisións.

Cuarto curso. Bioloxía e xeoloxía.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Utilización de estratexias propias do traballo científico, mediante a proposta de problemas e sinxelas investigacións, discusión do seu interese, análise de variables que interveñen, formulación de hipóteses, planificación de experiencias, organización dos datos, interpretación de resultados e comunicación de conclusións.

* Busca, selección e análise crítica de información de carácter científico utilizando as tecnoloxías da comunicación e da información e outras fontes.

* Interpretación de informacións de carácter científico e contraste destas informacións para formar unha opinión propia e expresarse axeitadamente.

* Elaboración de argumentacións e explicacións sobre feitos, observacións ou resultados experimentais, empregando modelos científicos axeitados.

* Valoración das achegas das ciencias da natureza para lles dar resposta ás necesidades dos seres humanos e mellorar as condicións da súa existencia, así como para apreciar e desfrutar da diversidade natural e cultural, participando na súa conservación, protección e mellora.

* Valoración da evolución do pensamento científico ao longo da historia, salientando a importancia que supón para o desenvolvemento científico e tecnolóxico de cada época.

* Utilización comprensiva de protocolos experimentais e respecto polas normas de seguridade.

* Xustificación de decisións persoais verbo de problemas reais do seu contorno que aseguren un desenvolvemento sustentable e da modificación de hábitos de conduta que promovan a saúde persoal e comunitaria.

* Contribución do desenvolvemento científico e tecnolóxico á resolución dos problemas. Importancia da aplicación do principio de precaución e da participación cidadá na toma de decisións.

* Valoración da educación científica da cidadanía como requisito de sociedades democráticas sustentables.

* Consideración da cultura científica como fonte de satisfacción persoal.

Bloque 2. A Terra, un planeta en continuo cambio.

A historia da Terra.

* Recoñecemento da variable tempo xeolóxico: a súa magnitude, a datación relativa e absoluta.

* Identificación dos principios e procedementos que permiten reconstruír a historia da Terra e utilización do actualismo como método de interpretación.

* Recoñecemento do proceso de fosilización. Identificación dos fósiles máis importantes en cada etapa. Utilización dos fósiles como indicadores das características dos ambientes e climas do pasado.

* Reconstrución de historias xeolóxicas sinxelas a partir dunha columna estratigráfica.

* Identificación das eras xeolóxicas e situación dos fenómenos xeolóxicos e biolóxicos máis relevantes que aconteceron en cada unha.

A tectónica de placas e as súas manifestacións.

* Recoñecemento e análise das probas do desprazamento dos continentes.

* Localización e análise da distribución dos volcáns, terremotos, cordilleiras, dorsais e fosas oceánicas. Coñecemento do fenómeno da expansión do fondo oceánico, a súa relación co volume constante da Terra e co modelo dinámico da estrutura interna da Terra.

* Recoñecemento das placas litosféricas principais e os seus límites.

* Análise das interaccións entre os procesos xeolóxicos internos e externos, a formación das montañas, os seus tipos e os procesos xeolóxicos asociados, magmatismo e metamorfismo, que completan o ciclo das rochas.

* Análise e valoración dos riscos xeolóxicos en función da dinámica interna da Terra á luz da tectónica de placas.

* Constatación da evolución das ideas no eido do pensamento científico partindo dalgunhas teorías oroxénicas vixentes a finais do século XIX, as ideas revolucionarias de Wegener ata a actual teoría da tectónica de placas. Valoración da construción continuada do pensamento científico.

Bloque 3. A vida no planeta.

A célula, unidade de vida.

* Recoñecemento da teoría celular e a súa importancia nas ciencias da vida.

* Recoñecemento da célula como unidade estrutural e funcional dos seres vivos.

* Caracterización dos diversos tipos de células: procariotas, eucariotas; vexetais e animais. Recoñecemento dos principais orgánulos.

* Utilización do microscopio para a súa observación.

* Identificación do material hereditario no seu contexto celular: cromatina e cromosomas.

* Recoñecemento do ADN como constituínte de cromosomas e cromatina e valoración do papel de James Watson, Francis Crick e Rosalyn Franklin no descubrimento da súa estrutura e as importantes repercusións deste descubrimento.

* Caracterización dos procesos de división celular: mitose e meiose. Relación da mitose co ciclo celular. Relación da meiose coa formación de gametos na reprodución sexual e valoración do papel que desempeña na variabilidade inter e intraespecífica.

A herdanza e a transmisión dos caracteres.

Xenética mendeliana.

* Recoñecemento e análise das achegas de Mendel e as súas leis da herdanza destacando a extracción de conclusións a partir do tratamento estatístico dos datos.

* Resolución de problemas sinxelos relacionados coas leis da herdanza constatando o uso de estratexias e procedementos da metodoloxía científica na súa resolución.

* Valoración das achegas de Mendel no contexto da evolución constante do pensamento científico no eido da xenética.

Xenética molecular.

* Aproximación ao concepto de xene como unidade portadora da información xenética. Recoñecemento do ADN como constituínte molecular do xene, coñecemento do código xenético e das mutacións e a súa relación coa expresión proteica.

* Identificación do cromosoma como forma de organización dos xenes e coñecemento do xenoma, o xenotipo e o fenotipo. Análise dun cariotipo.

Xenética humana.

* Aproximación á xenética humana, análise da herdanza de caracteres sinxelos.

* Procura e selección de información dalgunha enfermidade xenética, análise da información, valoración crítica dos posibles tratamentos e comunicación de resultados.

* Coñecemento e valoración das aplicacións e repercusións da enxeñaría xenética: os alimentos transxénicos, a clonación, o xenoma humano e a terapia xénica.

* Valoración das implicacións ecolóxicas, sociais e éticas dos avances biotecnolóxicos. Análise da repercusión das noticias desta temática.

Orixe e evolución dos seres vivos.

* Análise dalgunhas teorías sobre a orixe da vida na Terra e a evolución dos seres vivos: teorías fixistas e evolucionistas.

* Identificación e análise de datos que apoian a teoría da evolución das especies. Recoñecemento da aparición e a extinción das especies.

* Comparación entre as teorías de Lamarck e de Darwin. Recoñecemento do gradualismo e o equilibrio puntuado.

* Procura e selección crítica de información acerca da evolución do home.

* Valoración da biodiversidade como resultado do proceso evolutivo. O papel da humanidade na extinción das especies.

Bloque 4. As transformacións nos ecosistemas.

A dinámica dos ecosistemas.

* Construción e identificación de cadeas e redes tróficas no ecosistema como exemplo de dinámica e interacción. Interpretación de pirámides ecolóxicas.

* Análise do ciclo da materia e o fluxo de enerxía nos ecosistemas naturais. Idea de ciclo bioxeoquímico. Análise do ciclo do carbono.

* Recoñecemento e valoración da formación e destrución do solo, do impacto dos incendios forestais, das especies invasoras e a súa relación coa evolución e a sucesión no ecosistema. Constatación da modificacións dos ambientes polos seres vivos e valoración da intervención humana.

* Investigación dalgún problema ambiental do contorno, e análise crítica a partir das achegas da ciencia. Valoración e comunicación de conclusións.

Criterios de avaliación.

1. Identificar e describir feitos que mostren a Terra como un planeta cambiante e rexistrar algúns dos cambios máis notables da súa longa historia utilizando modelos temporais a escala.

Preténdese avaliar a capacidade do alumnado para recoñecer a magnitude do tempo xeolóxico mediante a identificación dos acontecementos fundamentais da historia da Terra nunha táboa cronolóxica e, especialmente a través da identificación e situación dos fósiles máis representativos das principais eras xeolóxicas e doutros rexistros xeolóxicos tales como a datación estratigráfica, os tipos de rochas, as cordilleiras e procesos oroxénicos.

2. Utilizar o modelo dinámico da estrutura interna da Terra e a teoría da tectónica de placas para estudar os fenómenos xeolóxicos asociados ao movemento da litosfera e relacionalos coa súa situación en mapas terrestres.

Trátase de avaliar a capacidade do alumnado para aplicar o modelo dinámico da estrutura interna da Terra e a teoría da tectónica de placas na explicación de fenómenos aparentemente non relacionados entre eles, como a formación de cordilleiras, a expansión do fondo oceánico, a coincidencia xeográfica de terremotos e volcáns en moitos lugares da Terra, as coincidencias xeolóxicas e paleontolóxicas en territorios actualmente separados por grandes océanos, etc. Tamén se debe comprobar se é capaz de asociar a distribución de sismos e volcáns aos límites das placas litosféricas en mapas de escala axeitada, e de relacionar todos estes procesos.

3. Aplicar os postulados da teoría celular ao estudo de distintos tipos de seres vivos e identificar as estruturas características da célula procariótica, eucariótica vexetal e animal, e relacionar cada un dos elementos celulares coa súa función biolóxica.

Trátase de comprobar se o alumnado é quen de recoñecer e interpretar, empregando as técnicas axeitadas, a existencia de células en distintos organismos. Trátase de avaliar se é capaz de identificar as estruturas celulares en debuxos e microfotografías, sinalando a función de cada unha delas. Así mesmo, debe entender a necesidade de coordinación das células que compoñen os organismos pluricelulares.

4. Recoñecer as características do ciclo celular e describir os procesos de división celular, sinalando as diferenzas principais entre meiose e mitose, así como o significado biolóxico de ambas as dúas.

Trátase de comprobar que o alumnado recoñece a mitose como un tipo de división celular necesaria na reprodución dos organismos unicelulares e que asegura o crecemento e reparación do corpo nos organismos pluricelulares. Tamén debe explicar o papel dos gametos e da meiose na reprodución sexual. Trátase de comparar ambos os dous tipos de división celular respecto do tipo de células que a sofren, o seu mecanismo de acción, os resultados obtidos e a importancia biolóxica de ambos os dous procesos.

5. Resolver problemas prácticos de xenética mendeliana, explicar algúns caracteres que presentan este tipo de herdanza nos seres humanos e realizar investigacións sinxelas sobre estes caracteres.

Trátase de avaliar se o alumnado é capaz de diferenciar conceptos básicos da xenética e resolver exercicios sinxelos calculando porcentaxes xenotípicas e fenotípicas dos descendentes, recoñecendo nestes o seu carácter aleatorio. Valorarase tamén a capacidade para aplicar as leis de Mendel en investigacións sobre caracteres humanos con este tipo de herdanza.

6. Coñecer que os xenes están constituídos por ADN e situados nos cromosomas. Interpretar o papel da diversidade xenética e as mutacións a partir do concepto de xene e valorar criticamente as consecuencias dos avances actuais da enxeñaría xenética.

Preténdese comprobar se o alumnado pode explicar que o almacenamento da información xenética está nos cromosomas, interpreta as excepcións ás leis de Mendel mediante a teoría cromosómica da herdanza e coñece o concepto molecular de xene, así como a existencia de mutacións e as súas implicacións na evolución e diversidade dos seres vivos. Valorarase se é capaz de utilizar os seus coñecementos para elaborar un criterio propio sobre as repercusións sanitarias e sociais dos avances no coñecemento do xenoma e analizar, desde unha perspectiva social, científica e ética, as vantaxes e inconvenientes da moderna biotecnoloxía (terapia xénica, alimentos transxénicos, etc.).

7. Expoñer razoadamente os problemas que conduciron a enunciar a teoría da evolución, os principios básicos desta teoría e as controversias científicas, sociais e relixiosas que suscitou.

Preténdese avaliar se o alumnado coñece as controversias entre fixismo e evolucionismo e entre distintas teorías evolucionistas como as de Lamarck e Darwin, así como as teorías evolucionistas actuais máis aceptadas. Trátase de valorar se o alumnado sabe interpretar, á luz da teoría da evolución dos seres vivos, o rexistro paleontolóxico, a anatomía comparada, as semellanzas e diferenzas xenéticas, embriolóxicas e bioquímicas, a distribución bioxeográfica, etc.

8. Relacionar a evolución e distribución dos seres vivos, destacando as súas adaptacións máis importantes, cos mecanismos de selección natural que actúan sobre a variabilidade xenética de cada especie.

Trátase de valorar se o alumnado sabe interpretar, á luz da teoría da evolución, os datos máis relevantes do rexistro paleontolóxico, a anatomía comparada, as semellanzas e diferenzas xenéticas, embriolóxicas e bioquímicas, a distribución bioxeográfica e outros aspectos relacionados coa evolución dos seres vivos.

9. Explicar como se realiza a transferencia de materia e enerxía nun ecosistema, ao longo dunha cadea ou rede trófica. Explicar os mecanismos de restablecemento do equilibrio ecolóxico e as consecuencias prácticas da xestión sustentable dalgúns recursos por parte do ser humano.

Trátase de comprobar se o alumnado é capaz de explicar os fundamentos en que se asenta o equilibrio dos ecosistemas, e como pode actuarse sobre eles para obter un fluxo de alimentos para os seres humanos de xeito ssustentables. Valorarase tamén a capacidade para explicar as repercusións das actividades humanas no mantemento da biodiversidade nos ecosistemas (desaparición de depredadores, sobreexplotación, introdución de especies exóticas, destrución de hábitats, etc.), o seu recoñecemento no noso territorio e a participación na xestión sustentable.

10. Analizar os problemas e desafíos, estreitamente relacionados, a que se enfronta a humanidade globalmente, recoñecer a responsabilidade da ciencia e da tecnoloxía e a necesidade da súa implicación para resolvelos e avanzar cara ao logro dun futuro sustentable.

Preténdese comprobar se o alumnado é consciente da situación planetaria caracterizada por toda unha serie de problemas intervinculados: contaminación sen fronteiras, esgotamento de recursos, perda de biodiversidade e diversidade cultural, etc., e se comprende a responsabilidade do desenvolvemento científico-técnico e a súa necesaria contribución ás posibles solucións tendo sempre presente o principio de precaución. Valorarase se é consciente da importancia da educación científica para a súa participación na toma fundamentada de decisións.

Ciencias sociais, xeografía e historia.

Introdución.

A área ten unha recoñecida especificidade nas últimas construcións curriculares e resulta innegable que constitúe unha contribución fundamental para a formación do alumnado na educación secundaria obrigatoria.

Coas materias desta área preténdese profundar no coñecemento da sociedade, da súa organización e funcionamento nun territorio, a través do tempo e na actualidade, utilizando o aprendido polo alumnado na etapa anterior na área de coñecemento do medio natural, social e cultural.

A atención particular que se concede á xeografía e á historia como referentes da área, queda xustificada polo seu acusado carácter integrador e globalizador e pola súa sensibilidade ao interpretar o espazo natural e social e a súa evolución a través do tempo. Por outra parte, a complexidade das sociedades actuais e a aparición de novas temáticas -educación ambiental, cívica, para o consumo, a paz ou o lecer-, recomendan a incorporación de contidos procedentes doutras disciplinas como a socioloxía, a antropoloxía, a economía, ou a ecoloxía, que ofrecen perspectivas de análise diferentes para lograr o obxectivo común, que é o coñecemento da realidade social.

Para a análise da dimensión espacial resulta axeitado o enfoque ecoxeográfico, que permite tomar en consideración as múltiples variables -naturais e antrópicas- que conforman un espazo e, ademais, atende o dinamismo interno de cada variable e das súas interaccións. A paisaxe, como unidade espacial de análise ecoxeográfica, ten especial relevancia e permite abordar o estudo dos problemas a que a xeografía debe dar reposta.

A historia débelle proporcionar ao alumnado un coñecemento global que resulta necesario para entender o presente e para mellorar o futuro. É preciso tamén facer emerxer no seu estudo suxeitos históricos ata hai pouco moi silenciados, como as mulleres, a clase obreira, os pobres... dándolles o protagonismo que lles corresponde e que vai permitir unha renovación do discurso histórico.

En ambas as dúas materias non se debe esquecer o importante que resulta adquirir un vocabulario conceptual propio e a capacidade para utilizalo e xeneralizalo correctamente. Do mesmo xeito, cumpriría enfiar ao longo do currículo de todos os cursos tres elementos de análise que consideramos imprescindibles para comprender a realidade social: a historia, o espazo e os recursos.

Por outra parte, as dúas materias permiten desenvolver unha metodoloxía que compare o inmediato e o afastado, o propio e o alleo, o máis concreto e o máis abstracto, xustificando así a importancia que no currículo debe concederse aos aspectos da xeografía, a historia e a cultura de Galicia.

Non debe esquecerse, á hora de introducir contidos metodolóxicos, a importancia de saber interpretar fontes de diversa tipoloxía, a comprensión da multicausalidade e a intencionalidade na interpretación dos procesos, o uso adecuado da información e o manexo da documentación.

A finalidade destas materias concretaríase en dar unha visión global do mundo e un conxunto de valores para que os alumnos e alumnas adopten unha actitude ética e comprometida dentro dunha sociedade plural e solidaria.

Os contidos e criterios de avaliación organízanse por cursos. Por claridade, os primeiros agrúpanse en bloques, e estes diferencian epígrafes con aspectos concretos. En todos os cursos prevese un bloque inicial denominado Contidos comúns no cal se inclúe a aprendizaxe de aspectos fundamentais no coñecemento xeográfico e histórico, e que valoran, sobre todo, procedementos e actitudes que, en certa forma, condicionan o desenvolvemento dos contidos das outras epígrafes.

No primeiro curso abórdase o estudo dos medios naturais -A Terra e os medios naturais, sociedades prehistóricas, primeiras civilizacións e idade antiga-.

No segundo curso, introdúcese en primeiro lugar o bloque que abarca o marco temporal que vai das sociedades medievais ata a configuración do estado moderno.

A continuación, prevese o estudo da poboación, dos comportamentos e tendencias demográficas e das súas consecuencias -Poboación e sociedade- e, así mesmo, os trazos particulares da sociedade galega, española, europea e mundial desde a comprensión da súa estrutura e diversidade. Abórdase tamén a realidade rural e urbana, con especial atención aos procesos e modalidades de creación do espazo urbano, os seus problemas e as formas de vida que o caracterizan.

Corresponde a terceiro curso a análise do territorio como espazo humanizado nas súas diferentes facetas e ámbitos.

En cuarto curso, insístese na evolución e caracterización das sociedades actuais, comezando polas bases históricas desde a fin do antigo réxime e as transformacións económicas, políticas e sociais que caracterizan o mundo contemporáneo desde o século XVIII ata a primeira metade do século XX, sen esquecer referencias concretas a España e a Galicia.

Contribución da materia ás competencias básicas.

Estas materias unen ao carácter instrutivo o contextualizador, axudando a centrar unha información dentro dunha perspectiva social.

A área de ciencias sociais resulta fundamental para o desenvolvemento da competencia social e cidadá, posto que facilita as relacións dentro dun modelo de sociedade cada vez máis plural, e así mesmo a comprensión da realidade social.

É ben coñecido o papel que as ciencias sociais xogaron na conformación das identidades sociais e territoriais. Na medida en que constrúen as categorías de tempo e espazo social permiten a construción de tempo e espazo persoal no alumnado. Pero, para que estas categorías se traduzan no desenvolvemento dunha competencia social democrática e posibiliten unha interacción responsable co medio, teñen que incorporar a visión de que o mundo en que vivimos é froito das decisións que tomaron os nosos antepasados máis ou menos libremente. Esta visión permitiralle ao alumnado adquirir a conciencia de que o futuro está condicionado polas nosas decisións e actuacións, e adoptar, polo tanto, unha posición comprometida e responsable ante este.

O desenvolvemento desta competencia require ademais o tratamento destes contidos desde unhas metodoloxías participativas, interactivas e dialóxicas, que propicien habilidades para participar na vida cívica, para asumir os valores democráticos e para o cumprimento dos deberes.

Na competencia sobre coñecemento e interacción co mundo físico, as contribucións son relevantes e permiten relacións interdisciplinares. Interactuar co mundo físico, tanto no que ten de espazo natural como na medida en que o transforma a acción humana, é un aspecto esencial no coñecemento social, en canto permite comprender mellor o que sucede, as consecuencias dun proceso determinado e as condicións de vida de homes e mulleres, que son os suxeitos dos asuntos sociais.

Contribúese á adquisición desta competencia na medida en que se asegure que a dimensión espacial impregna a aprendizaxe dos contidos xeográficos, adquirindo particular importancia o desenvolvemento de procedementos de orientación, localización, observación e interpretación de espazos, paisaxes e a súa representación cartográfica.

Permite, ademais, analizar a acción humana na utilización do espazo e os seus recursos, e non só os problemas que isto xera, senón tamén as accións que pode arbitrar de xeito responsable para asegurar a protección do ambiente.

A competencia cultural e artística supón apreciar, comprender e valorar as diferentes manifestacións culturais e artísticas materiais e inmateriais, utilizalas para o enriquecemento persoal e estimalas como elementos do patrimonio cultural de que dispoñemos e que resulta necesario preservar.

A contribución da área concrétase facilitando a selección e coñecemento de obras de arte relevantes, ben polo seu significado na caracterización de estilos e artistas.

No mundo actual é innegable a importancia que ten a competencia no tratamento da información e competencia dixital para a comprensión dos fenómenos sociais e históricos. Poder contar con certas habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar a información e transformala en coñecemento. As TIC resultan imprescindibles na sociedade da información en que vivimos, aumentan as posibilidades de comunicación e axilizan os intercambios, mesmo poden propiciar formas de traballo cooperativo que abarquen espazos físicos e sociais cada vez máis amplos, que son precisamente os que interesa coñecer desde esta área.

En todo caso, debe insistirse en que a información é preciso saber utilizala, xa que por si mesma non produce unha forma axeitada de coñecemento. Por iso, é necesario comprendela e integrala nos esquemas previos de coñecemento e, así mesmo, capacitarse para a transmisión desta información do xeito máis eficaz posible.

Na medida en que a linguaxe é un vehículo imprescindible de comunicación no proceso de ensinanza-aprendizaxe, a competencia en comunicación lingüística resulta imprescindible. A lingua é o principal instrumento para organizar o pensamento, para aprender e para explicar. Co discurso é posible describir, narrar, disertar e argumentar, e así mesmo, adquirir un vocabulario preciso e específico das ciencias sociais que deberá asumir o alumnado, como tamén a capacidade para utilizalo e xeneralizalo correctamente.

Esta competencia implica o dominio das habilidades de ler e escribir diferentes tipos de textos cada vez máis complexos e que resultan fundamentais como elementos de información social e histórica. Trátase de ser capaces de expoñer clara e sistematicamente as ideas, argumentando con rigor e precisión.

A competencia para aprender a aprender supón iniciarse na aprendizaxe e continuala dun xeito autónomo. Do que se trata é de ter ferramentas que faciliten a aprendizaxe e de atopar repostas que se correspondan cun coñecemento racional, asumindo que poden ser diversas e que é posible atopalas desde distintas perspectivas metodolóxicas.

Para asumir esta competencia é preciso tamén coñecer o que se sabe e o que queda por aprender, orientando os procesos de aprendizaxe ata as nosas capacidades. Noutras palabras, trátase de coñecer as propias potencialidades e as propias carencias.

Obxectivos.

O ensino das ciencias sociais, xeografía e historia, nesta etapa, terá como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

* Promover o sentimento de pertenza á comunidade galega e ás outras entidades políticas, sociais e culturais en que se integra, participando nelas con plena conciencia dos seus dereitos e deberes, desde posicións solidarias e respectuosas con outras comunidades, estados e culturas.

* Identificar os procesos e mecanismos básicos que rexen a realidade social e as interrelacións entre os feitos políticos, económicos, sociais e culturais, utilizando este coñecemento para comprender o pasado e as sociedades actuais; asumir que estas son o resultado de longos procesos de cambio e dunha pluralidade de causas, e, o papel que xogan nelas os homes e as mulleres e, así mesmo, analizar os problemas máis relevantes que se deducen dese estudo.

* Identificar, localizar e analizar, a diferentes escalas, as características do medio físico e as interaccións que os grupos sociais establecen con el na utilización do espazo e dos seus recursos, valorando as consecuencias de tipo económico, social, político e ambiental destas.

* Comprender que o territorio e a súa ordenación son o resultado da interacción das sociedades, ao longo da historia, sobre o medio en que se desenvolven e organizan.

* Identificar, localizar e comprender as características básicas da diversidade xeográfica do mundo, das grandes áreas xeoeconómicas e os trazos físicos e humanos de Europa, España e Galicia.

* Identificar e localizar no tempo e no espazo os procesos e acontecementos máis relevantes na historia do mundo, de Europa, de España e de Galicia, identificando as súas causas e consecuencia, para adquirir unha perspectiva global da evolución da humanidade, e para conseguir ser capaces de elaborar unha interpretación dinámica desta que permita comprender a pluralidade de comunidades en que se distribúen os seres humanos e, de xeito particular, a propia.

* Valorar a diversidade cultural -puntos de vista, formas de vida, códigos morais- manifestando actitudes de respecto e tolerancia por outras culturas e por opinións que non coinciden coas propias, sempre que non sexan atentatorias contra a dignidade humana, sen renunciar por iso a un xuízo crítico sobre elas.

* Comprender e identificar as novas necesidades sociais que se produciron a partir da revolución industrial e a maneira en que inflúen na organización das paisaxes rurais e urbanas.

* Coñecer os elementos técnicos básicos das manifestacións artísticas dentro da súa realidade socio-cultural, para aprender así a valorar o patrimonio natural, histórico, cultural e artístico, asumindo a responsabilidade que supón a súa conservación e apreciándoo como recurso para o enriquecemento individual e colectivo.

* Comprender a singularidade do patrimonio natural, histórico, cultural e lingüístico galego, participando activamente na súa conservación e mellora.

* Adquirir e empregar o vocabulario específico que ofrecen as ciencias sociais para que a súa incorporación ao vocabulario habitual aumente a precisión no uso da linguaxe e enriqueza a comunicación.

* Obter, comprender e relacionar información verbal, escrita, gráfica, icónica, estatística e cartográfica procedente de fontes diversas, incluídas as que corresponden ao contorno físico e social, aos medios de comunicación e ás tecnoloxías da información. Aprender a tratala de xeito autónomo e crítico de acordo co fin perseguido, e comunicala aos demais de maneira organizada e intelixible.

* Valorar a construción colectiva do coñecemento científico, recoñecendo o seu carácter provisional e comparalo co coñecemento social.

* Realizar tarefas en grupo e participar en debates cunha actitude construtiva, crítica e tolerante, fundamentando adecuadamente as opinións e valorando o diálogo como unha vía necesaria para a solución dos problemas humanos e sociais.

* Resolver problemas e levar cabo estudos e investigacións escolares aplicando os instrumentos conceptuais, as técnicas e os procedementos básicos da indagación característicos das ciencias sociais.

* Coñecer o funcionamento das sociedades democráticas, apreciando os seus valores fundamentais e o feito de que os dereitos e liberdades humanas constitúen un logro irrenunciable da humanidade e unha condición necesaria para a paz. Denunciar, en consecuencia, actitudes e situacións discriminatorias e inxustas, amosándose solidario cos pobos, grupos sociais e persoas privados dos seus dereitos ou dos recursos económicos necesarios.

* Procurar a comprensión da realidade social galega actual como unha realidade dinámica e cambiante que se constrúe continuamente en contacto con outras sociedades e culturas. Asumir a necesidade de ordenación do territorio desde criterios sustentables, respectando o patrimonio natural e construído e recollendo, así mesmo, o panorama futuro que pode ofrecerse tras a análise destes presupostos.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Lectura e interpretación de imaxes e mapas de diferentes escalas e características. Percepción da realidade xeográfica mediante a observación directa ou indirecta. Interpretación de gráficos e elaboración destes a partir de datos.

* Obtención de información de fontes diversas (iconográficas, arqueolóxicas, escritas, proporcionadas polas tecnoloxías da información, etc.) e elaboración escrita da información obtida.

* Localización no tempo e no espazo dos períodos, culturas e civilizacións e acontecementos históricos. Representación gráfica de secuencias temporais.

* Identificación de causas e consecuencias dos feitos históricos e dos procesos de evolución e cambio relacionándoos cos factores que os orixinaron.

* Coñecemento dos elementos básicos que caracterizan as manifestacións artísticas máis relevantes, contextualizándoas na súa época. Valoración da herdanza cultural e do patrimonio artístico, particularmente o propio, como riqueza que hai que preservar e colaborar na súa conservación.

* Realización de debates sobre temas de actualidade que poidan ter referentes na antigüidade ou nos contidos xeográficos.

* Elaboración de traballos de campo sobre a realidade xeográfica máis próxima e/ou o patrimonio arqueolóxico do contorno.

Bloque 2. A Terra e os medios naturais.

* A representación da Terra. Aplicación de técnicas de orientación e localización xeográfica.

* Localización no mapa e caracterización de continentes, océanos, mares, unidades do relevo e ríos no mundo, en Europa, en España e en Galicia.

* Caracterización dos principais medios naturais, identificando os compoñentes básicos do relevo, os climas, as augas e a vexetación; comprensión das interaccións que manteñen. Observación e interpretación de imaxes representativas destes. Valoración da diversidade como riqueza que hai que conservar.

* Os grupos humanos e a utilización do medio: análise das súas interaccións. As paisaxes naturais e humanizadas. Principais unidades paisaxísticas en Galicia e España. A organización do territorio en Galicia: a dispersión da poboación en pequenos asentamentos ( aldeas ), as parroquias, as vilas e as áreas urbanas.

* Riscos. Estudo dalgún problema ambiental como, por exemplo, a acción humana sobre a vexetación, o problema da auga ou o cambio climático. Toma de conciencia das posibilidades que o medio ofrece e disposición favorable para contribuír ao mantemento da biodiversidade e a un desenvolvemento sustentable.

Bloque 3. Sociedades prehistóricas, primeiras civilizacións e idade antiga.

* Cazadores e recolectores, os primitivos actuais. Cambios producidos pola revolución neolítica. Aspectos significativos da prehistoria no territorio peninsular.

* As primeiras civilizacións urbanas. Orixe do poder político e patriarcado.

* As primeiras formas de poboamento e distribución da poboación en Galicia. A cultura castrexa.

* O mundo clásico: Grecia e Roma. As sociedades escravistas. A democracia ateniense. As formas de organización económica, social, administrativa e política romanas. O proceso de romanización e as súas consecuencias na Hispania. A cidade e a forma de vida urbana. Achegas da cultura e da arte clásicas. Pervivencias do mundo cultural romano na Gallaecia.

* Orixe e expansión do cristianismo. Fin do imperio romano e fraccionamento da unidade mediterránea. O reino suevo como exemplo de adaptación de comunidades endóxenas e esóxenas.

Criterios de avaliación.

1. Localizar lugares ou espazos nun mapa utilizando datos de coordenadas xeográficas e obter información sobre o espazo representado a partir da lenda e da simboloxía. Elaborar mapas sinxelos iniciándose no emprego de recursos informáticos.

Trátase de comprobar se o alumnado é capaz de identificar as liñas básicas da orientación xeográfica e situar lugares no mapa mediante a lonxitude e a latitude. Así mesmo, permite avaliar se se sabe descodificar información simbólica, e interpretala para describir o contido da información expresada nun mapa.

2. Localizar nun mapa os elementos básicos que configuran o medio físico mundial, de España e de Galicia, caracterizando os trazos que predominan nun espazo concreto.

Trátase de avaliar que se coñece o mapa físico do mundo nos seus trazos básicos e en particular de Galicia e España, que se localizan espacialmente os seus elementos e se é capaz de salientar aqueles que predominan en cada territorio, a dispersión dos núcleos de poboación en Galicia como resultado dunha longa evolución histórica.

3. Comparar os trazos físicos máis destacados (relevo, clima, augas e elementos bioxeográficos) que configuran os grandes medios naturais do planeta, con especial referencia a Galicia, localizándoos no espazo representado e analizando exemplos das paisaxes que resultan da actividade humana.

Trátase de avaliar que se é capaz de recoñecer e localizar no espazo os principais medios naturais do mundo, de caracterizalos e distinguilos en función da interacción dos trazos físicos predominantes para conformar paisaxes xeográficas diferenciadas, véndoas en relación coas formas de vida que posibilitan.

4. Interpretar a paisaxe do seu contorno, identificando os seus trazos característicos e relacionando elementos físicos, recursos e formas de asentamento rurais ou urbanos.

Trátase de avaliar a capacidade de transferir os coñecementos adquiridos de cara á análise e interpretación dun espazo concreto e próximo, e comprender as interaccións que nel se producen, como a especificidade da paisaxe rural galega, as formas tradicionais de construción e asentamento ou as áreas urbanas.

5. Identificar e explicar exemplos de riscos e de impactos que a acción humana ten sobre o medio, analizando as súas causas e efectos, e proporcionando medidas e condutas para prevelos e limitalos, facendo unha especial referencia ao ámbito galego.

Trátase de avaliar se o alumnado coñece os principais problemas ambientais da actualidade, se os relaciona coas súas causas e os seus posibles efectos, así como se é capaz de expoñer accións que poden contribuír á súa mellora, a través da ciencia, da tecnoloxía, do consumo responsable, etc.

6. Utilizar as convencións e unidades cronolóxicas e as nocións de evolución e cambio, aplicándoas a feitos e procesos referidos á prehistoria e historia antiga do mundo, da Península Ibérica e de Galicia.

Tratase de avaliar se se usa como referencia temporal na localización de feitos e procesos históricos a periodización e datación correcta, e se se ten capacidade para identificar, en procesos referidos ás sociedades na Prehistoria e na Antigüidade, elementos de permanencia e de cambio. Deberán quedar claras as diferenzas entre tempo cronolóxico e histórico.

7. Identificar e expoñer os cambios que supuxo a revolución neolítica na evolución da humanidade e valorar a súa importancia e as súas consecuencias ao comparalos cos elementos que conformaron as sociedades cazadoras e recolectoras.

Trátase de comprobar que se identifican os elementos básicos que conformaron as principais sociedades depredadoras e os cambios que acompañaron a revolución neolítica, constatando as consecuencias que esta ten na evolución da humanidade. Valorarase a importancia cultural da arte rupestre e do megalitismo atlántico.

8. Diferenciar os trazos que caracterizan algunha das primeiras civilizacións urbanas e a civilización grega, identificando os elementos orixinais desta última e valorando aspectos relevantes da súa contribución á civilización occidental.

Trátase de comprobar que se é capaz de localizar no tempo e no espazo as civilizacións de Exipto e/ou Mesopotamia e de Grecia, e caracterizar os elementos básicos que as conformaron -escravismo, patriarcado...- e as diferenzas existentes na súa organización política -teocracia e democracia-. Así mesmo, de verificar se se é capaz de recoñecer os elementos relevantes da contribución de Grecia á civilización occidental.

9. Comprender os trazos característicos da cultura castrexa, a área xeográfica en que se desenvolveu e a súa particular forma de ocupación do territorio.

Trátase de avaliar a capacidade para percibir a influenza do pasado no asentamento, comparando o espazo ocupado polos castrexos e os límites actuais de Galicia, sen esquecer unha análise dos elementos sociais e artísticos máis elementais desta cultura. Farase fincapé nas relacións coas culturas urbanas mediterráneas e atlánticas.

10. Caracterizar os trazos da organización política, económica e social da civilización romana na súa época de expansión, valorando a transcendencia da romanización na Hispania e na Gallaecia e a pervivencia do seu legado.

Preténdese comprobar se o alumnado coñece a herdanza da civilización romana, con especial atención á organización político-administrativa, social, económica e cultural, e identifica, no patrimonio artístico e noutros trazos actuais, o legado desa civilización no noso país. Así mesmo, procuraranse desenvolver algunhas ideas sobre o significado do cristianismo e os novos asentamentos que se producen no mundo tardorromano: suevo e visigodo.

11. Realizar unha lectura comprensiva de fontes de información e comunicar a información obtida de forma correcta por escrito.

Con este criterio trátase de avaliar que se len de forma comprensiva diferentes fontes de información tanto arqueolóxicas como escritas, obtendo as ideas principais que conteñen e relacionándoas con outras para formar esquemas explicativos, sendo capaz de comunicalas utilizando correctamente a expresión escrita.

Segundo curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Localización no tempo e no espazo de períodos e acontecementos históricos. Nocións de simultaneidade e evolución. Representación gráfica de secuencias temporais.

* Recoñecemento de causas e consecuencias nos feitos e procesos históricos distinguindo a súa natureza. Identificación da multiplicidade causal nos feitos sociais. Valoración do papel dos homes e as mulleres como suxeitos da historia.

* Busca, obtención e selección de información do contorno, de fontes escritas, iconográficas, gráficas, audiovisuais e proporcionadas polas tecnoloxías da información. Elaboración escrita da información obtida. Transformación de información estatística en gráficos.

* Recoñecemento de elementos básicos que caracterizan os estilos artísticos e interpretación de obras significativas considerando o seu contexto. Valoración da herdanza cultural e do patrimonio artístico como riqueza que hai que preservar e colaborar na súa conservación.

* Análise dalgún aspecto da época medieval ou moderna relacionado cun feito ou situación relevante da actualidade: as orixes da organización parroquial, o Camiño de Santiago, a peste negra-sida,....

Bloque 2. As sociedades preindustriais.

* Os séculos medievais. Orixe e expansión do Islam. A sociedade, a economía e o poder na Europa feudal. O rexurdir das vilas, da cidade e o intercambio comercial. A cultura e a arte medieval.

* A Península Ibérica na Idade Media. Al Andalus e os reinos cristiáns. A forma de vida nas cidades cristiás e musulmanas.

* Galicia na Idade Media: a era compostelá e as crises baixomedievais.

* Características do Estado moderno en Europa. O significado do Renacemento.

* Evolución social, política e económica da Península Ibérica na época moderna. A monarquía hispánica e a colonización de América.

* A Galicia dependente e agraria. Fidalgos e foreiros.

* Arte, ciencia e cultura na época moderna. O Barroco galego.

Bloque 3. Poboación e sociedade.

* A poboación e a evolución histórica da súa distribución. Aplicación dos conceptos básicos de demografía á comprensión dos comportamentos demográficos actuais, análise e valoración das súas consecuencias no mundo, en España e en Galicia. Elaboración e interpretación de datos e gráficos de demografía.

* A mobilidade da poboación: modalidades, etapas, causas e consecuencias. Análise do fenómeno migratorio en Galicia.

* As sociedades actuais. Estrutura e diversidade. Desigualdades e conflitos. Caracterización da sociedade galega, española e europea. Análise e valoración relativa das diferenzas culturais.

* A transformación das cidades a partir da industrialización, como resposta ás novas necesidades sociais. Urbanización do territorio no mundo actual e xerarquía urbana. A creación do espazo urbano: diferenciación social e funcional nas cidades españolas e galegas. Problemas e planeamento urbano.

* O poboamento galego: transformación das formas tradicionais e novo sistema urbano.

Criterios de avaliación.

1. Describir os trazos sociais, económicos, políticos, culturais e artísticos que caracterizan a Europa medieval a partir das funcións desempeñadas pola nobreza, o clero e o campesiñado e recoñecer a súa evolución ata a aparición do Estado moderno.

Trátase de comprobar se os alumnos e alumnas recoñecen os elementos básicos que caracterizan a economía feudal, o papel social dos distintos estamentos coas súas relacións, identificando os cambios sociais, culturais e artísticos que introduce o renacemento das cidades e o fortalecemento progresivo da autoridade monárquica ata a aparición do Estado moderno.

2. Situar no tempo e no espazo as diversas unidades políticas que coexistiron na Península Ibérica durante a Idade Media, distinguindo as súas peculiaridades e recoñecendo na España actual exemplos da pervivencia do seu legado cultural e artístico, particularmente no mundo urbano.

Pretende coñecer como se identifican as distintas etapas na formación e consolidación dos reinos cristiáns e de Al-Andalus, as características políticas, económicas, sociais e culturais fundamentais e se se recoñece a súa contribución cultural e artística a partir da análise dalgunhas obras relevantes e, en particular, a pervivencia destas contribucións nas cidades de orixe cristiá e musulmá.

3. Valorar a identidade do período medieval galego nos seus momentos fundamentais, destacando o papel hexemónico que exerce a Igrexa na economía, na cultura ou na articulación do poboamento e establecendo unha relación entre as súas crises sociais e a xeral do feudalismo.

Trátase de saber se o alumnado é quen de situar no tempo e valorar o momento de auxe do Reino de Galicia e as súas manifestacións culturais e sociais. Tamén, se sabe interpretar a significación particular do movemento irmandiño.

4. Distinguir os principais momentos na formación e evolución do Estado moderno destacando as características máis relevantes da monarquía hispánica e do imperio colonial español.

Trátase de comprobar se se identifican as distintas etapas da monarquía hispánica e as súas características políticas, así como o seu relevo na hexemonía europea, recoñecendo a importancia económica e política, para España e para América, do descubrimento e a formación do imperio colonial español. Así mesmo, destacar a posición dependente de Galicia neste contexto temporal e a particular forma de relación socio-económica que se establece no mundo rural galego.

5. Identificar e localizar os principais estilos artísticos do Medievo e da Idade Moderna, e aplicar ese coñecemento á análise dalgunhas obras e autores representativos destes estilos.

Trátase de comprobar se as alumnas e os alumnos diferencian os elementos básicos dos estilos artísticos medievais e da Idade moderna, contextualizándoos e subliñando a importancia dos estilos Románico e Barroco en Galicia.

6. Describir os factores que condicionan os comportamentos e movementos demográficos, utilizando os conceptos e indicadores básicos, caracterizando as tendencias predominantes e aplicando este coñecemento á análise do actual réxime demográfico de Galicia e España.

Preténdese avaliar se o alumnado coñece e se as alumnas e os alumnos son capaz de explicar, co vocabulario axeitado, as tendencias demográficas e as súas causas, utilizando estes coñecementos para analizar os contrastes, problemas e perspectivas que actualmente existen en Galicia, en España e no mundo. Do mesmo xeito, terán que analizarse as etapas da emigración galega e as súas consecuencias.

7. Identificar os trazos que caracterizan as sociedades actuais distinguindo a diversidade de grupos sociais que as configuran, e expoñendo algunha situación que relita a desigualdade social.

Trátase de avaliar se se coñecen os trazos da organización social, identificando os cambios que se produciron nos últimos tempos na familia, na mobilidade social, nos valores, etc., analizando os contrastes que se producen en diferentes áreas do mundo. Adoptarase unha actitude crítica fronte a manifestacións sexistas, racistas....

8. Analizar o crecemento das áreas urbanas e as súas novas modalidades, a diferenciación social e funcional do espazo urbano e algúns dos seus problemas, aplicando este coñecemento a exemplos de cidades españolas e galegas.

Con este criterio trátase de coñecer se o alumnado é consciente das causas que provocan o aumento da poboación urbana. Tamén se trata de avaliar, a través dalgún exemplo galego, se se identifican os sectores e funcións do espazo urbano e se se analizan os seus problemas e impactos, propoñendo medidas que contribúan a melloralo.

9. Realizar de forma individual e tamén en grupo, coa axuda do profesor, un traballo sinxelo de carácter descritivo sobre algún pazo ou mosteiro da comarca, utilizando fontes diversas (prensa, bibliografía, páxinas web, etc.), seleccionando a información máis relevante, integrándoa nun esquema ou guión e comunicando os resultados do estudo de forma intelixible.

Trátase de avaliar en que medida o alumnado é capaz de planificar e realizar un pequeno traballo de síntese ou indagación, se selecciona información pertinente en función do obxectivo proposto e a organiza adecuadamente. Por outra parte, permite comprobar se asume con responsabilidade as tarefas que lle corresponden como membro dun grupo.

Terceiro curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Obtención e procesamento de información a partir da percepción das paisaxes xeográficas do contorno ou de imaxes, de fontes orais e de documentos visuais, cartográficos e estatísticos, incluídos os proporcionados polas tecnoloxías da información e a comunicación. Comunicación oral ou escrita da información obtida.

* Realización de debates, análises de casos ou resolución de problemas sobre algunha cuestión de actualidade servíndose, entre outras, das fontes de información que proporcionan os medios de comunicación, valorando informacións diversas sobre un mesmo feito, fundamentando as opinións, argumentando as propostas, respectando as dos demais e utilizando o vocabulario xeográfico axeitado.

* Realización de traballos de síntese e de indagación, utilizando información de fontes variadas e presentándoos correctamente, combinando diferentes formas de expresión incluídas as que proporcionan as tecnoloxías da información e a comunicación.

Bloque 2. Actividade económica e espazo xeográfico.

* A actividade económica. Necesidades humanas e recursos económicos. Conceptos, axentes e institucións básicas que interveñen na economía de mercado e a súa relación coas unidades familiares. Cambios recentes no mundo do traballo e o seu impacto espacial: a deslocalización.

* O sector agrario e as transformacións no mundo rural. A actividade pesqueira. A actividade e os espazos industriais. O proceso de terciarización: diversidade e importancia dos servizos na economía actual.

* Localización, caracterización e dinamismo dos principais eixos e focos de actividade económica, con especial referencia ao territorio galego.

* Observación e identificación das principais paisaxes xeográficas derivadas da actividade humana.

* Toma de conciencia do carácter esgotable dos recursos e da necesidade de racionalizar o seu consumo. O impacto da actividade económica: riscos e problemas ambientais. Medidas correctoras e políticas de sustentabilidade. Disposición favorable para contribuír á racionalización no consumo e ao desenvolvemento humano de forma equitativa e sustentable.

Bloque 3. Organización política e espazo xeográfico.

* A organización política das sociedades. Diferentes tipos de réximes políticos. Identificación dos principios e institucións dos réximes democráticos e as dificultades da súa implantación en Latinoamérica, Asia e África.

* O proceso de configuración territorial de Estado español. A organización política e administrativa de España. Diversidade xeográfica e desequilibrios rexionais.

* A realidade territorial de Galicia. Aldeas, parroquias, vilas e áreas urbanas. Comarcas e parroquias. Os desequilibrios espaciais.

* O espazo xeográfico europeo. Organización política e administrativa da Unión Europea. Funcionamento das institucións. A condición periférica de Galicia e repercusión das políticas europeas. A eurorrexión atlántica Galicia-Norte de Portugal.

* Localización e caracterización dos grandes ámbitos xeopolíticos, económicos e culturais do mundo.

Bloque 4. Transformacións e desequilibrios no mundo actual.

* Interdependencia e globalización. Movementos antiglobalización.

* Desenvolvemento humano desigual: indicadores e evolución recente. Actitude crítica cos desequilibrios no desenvolvemento. Políticas e organismos de cooperación.

* Tendencias, causas e consecuencias dos grandes desprazamentos de poboación no mundo actual. Análise da situación en Galicia, en España e en Europa.

Criterios de avaliación.

1. Identificar os principais axentes e institucións económicas así como as funcións que desempeñan no marco dunha economía cada vez máis interdependente, e aplicar este coñecemento á análise e valoración crítica dalgunhas realidades actuais.

Con este criterio preténdese avaliar se se coñece o funcionamento básico da economía e se dispoñen, polo tanto, das claves imprescindibles para analizar algúns dos feitos e problemas que lles afectan a eles ou ás súas familias (inflación, custo da vida, mercado laboral, consumo, etc.) ou que caracterizan a actual globalización da economía.

2. Caracterizar os principais sistemas de explotación agraria e pesqueira existentes no mundo, e as paisaxes a que dan lugar, localizando algúns exemplos representativos destes, e utilizar esa caracterización para analizar algúns problemas do campo e da pesca españois e galegos, identificando as súas orixes históricas.

Avaliarase se o alumnado sabe recoñecer os trazos dos principais sistemas agrarios e as súas paisaxes, así como as transformacións técnicas e socioeconómicas do mundo rural. Tamén comprobar se utilizan estes conceptos ao analizar os problemas máis destacados do mundo agrario actual, en particular o galego. Igualmente, se son quen de analizar os principais problemas vinculados á actividade pesqueira.

3. Comprender e describir as transformacións que nos campos das tecnoloxías, da organización empresarial e da localización se están producindo nas actividades, espazos e paisaxes industriais, localizando e caracterizando os principais centros de produción no mundo, España e Galicia, e analizando as relacións de intercambio desigual.

Trátase de avaliar se as alumnas e os alumnos coñecen os principais tipos de industrias, se identifican as actuais formas de produción e as novas paisaxes industriais e se localizan as zonas produtoras máis destacadas, comprendendo os factores que explican tal distribución. Igualmente, se se recoñecen as correntes de intercambio que xeran a produción e o consumo, nun contexto de relacións desiguais, analizando a situación actual da industria galega.

4. Identificar o desenvolvemento e a transformación recente das actividades terciarias, para entender os cambios que se están producindo tanto nas relacións económicas como sociais, e analizar as súas diversas repercusións espaciais, en particular no ámbito galego.

Con este criterio trátase de avaliar que se coñece o progresivo proceso de terciarización da economía actual, así como o papel que teñen os transportes e as comunicacións no artellamento do espazo, utilizando este coñecemento para explicar a extensión de novas formas e procesos urbanos a partir da análise da realidade galega.

5. Describir algún caso, con preferencia do ámbito galego, que mostre as consecuencias ambientais das actividades económicas e os comportamentos individuais e colectivos, recoñecendo as formas de desenvolvemento sustentable e ofrecendo algún exemplo de medidas correctoras, así como de acordos e políticas para frear a deterioración do ambiente.

Trátase de comprobar se o alumnado toma conciencia dos problemas que a ocupación e explotación do espazo pode xerar. Igualmente, que coñece posturas e políticas de defensa do ambiente, suxerindo actuacións e medidas concretas que melloren a calidade ambiental e colaboren na busca dun desenvolvemento sustentable.

6. Identificar e localizar os principais países e áreas xeoeconómicas e culturais do mundo, os estados europeos, e as comunidades autónomas de España, coñecendo a estrutura da Unión Europea e a organización político-administrativa e territorial galega e española.

Preténdese avaliar o grao de comprensión da realidade político-territorial como unha construción ao longo do tempo, localizando os estados europeos, os grandes países e áreas xeoeconómicas do mundo, e as comunidades autónomas españolas. Tamén a capacidade de analizar a situación de Galicia en Europa, valorando as repercusións das políticas comunitarias e as posibilidades de cooperación para superar as desvantaxes dunha posición excéntrica.

7. Comprender os trazos xeográficos comúns e diversos que caracterizan o territorio español e galego, e explicar as causas da súa diferente organización e os contrastes internos a partir do papel dos principais centros e eixos de actividade económica e de comunicación, en canto vertebradores do espazo.

Trátase de avaliar a comprensión da organización espacial nestes dous ámbitos, integrando o medio físico, a ocupación humana do territorio e a actividade económica, para explicar os contrastes e desequilibrios internos, analizando a súa natureza, causas, consecuencias e interrelacións.

8. Analizar indicadores socioeconómicos de diferentes países para comprender os conceptos de desenvolvemento humano e de estado de benestar, e recoñecer desequilibrios na súa distribución e a dos recursos, explicando algunhas das súas causas e consecuencias, e amosando sensibilidade ante as desigualdades.

Avaliarase se se comprende a información estatística, expoñendo as súas conclusións, identificando diferenzas no grao de desenvolvemento e benestar entre países e dentro deles. Ademais, se se deducen consecuencias, amosando rexeitamento cara as desigualdades, e valorando de xeito crítico o papel que desempeñan organismos e institucións na loita contra elas.

9. Analizar algún exemplo representativo das tendencias migratorias na actualidade, identificando as súas causas e relacionándoas co proceso de globalización, así como as consecuencias para os países receptores e emisores, e manifestando actitudes de solidariedade no axuizamento deste fenómeno.

Preténdese avaliar que se saben utilizar os coñecementos sobre as tendencias do crecemento demográfico e de desenvolvemento económico -en particular a división mundial do traballo- para explicar os fluxos migratorios predominantes. Valorarase a capacidade para emitir un xuízo razoado desde o respecto pola diversidade cultural e o rexeitamento das situacións de explotación e dos comportamentos xenófobos e racistas.

10. Utilizar fontes diversas para obter, relacionar e procesar información sobre feitos sociais e comunicar as conclusións de forma organizada e intelixible, empregando para isto as posibilidades que ofrecen as TIC.

Avalíase o manexo correcto dos instrumentos gráficos e cartográficos. Trátase de comprobar se se utilizan as posibilidades que proporcionan as ferramentas informáticas básicas.

11. Participar en debates sobre cuestións de actualidade próximas á vida do alumnado, argumentando as propias opinións e manifestando actitudes de solidariedade.

Con este criterio preténdese comprobar a sensibilidade ante problemas do mundo actual, tales como a existencia de situacións de racismo, sexismo, deterioración ambiental, actitudes consumistas,... Por outra banda, avaliar o uso axeitado da linguaxe oral e da argumentación, así como a aceptación das normas que rexen o diálogo e a intervención en grupo.

Cuarto curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Localización no tempo e no espazo dos acontecementos e procesos históricos máis relevantes do mundo contemporáneo. Identificación dos factores que interveñen nos procesos de cambio histórico, considerando as súas interrelacións. Diferenciación de causas e consecuencias e valoración do papel dos homes e as mulleres, individual e colectivamente, como suxeitos da historia.

* Procura, selección e obtención de información de fontes escritas, obtida segundo criterios de veracidade e pertinencia, diferenciando os feitos das opinións e as fontes primarias das secundarias. Contraste de informacións contraditorias e/ou complementarias a propósito dun mesmo feito ou situación. Análise e traballo con textos históricos de especial relevancia.

* Análise de feitos ou situacións relevantes da actualidade, particularmente de Galicia, con indagación dos seus antecedentes históricos e das circunstancias que os condicionan.

* Valoración dos dereitos humanos e rexeitamento de calquera forma de discriminación ou de dominio. Visión crítica ante as situacións inxustas e valoración do diálogo e a procura da paz na resolución dos conflitos.

* Recoñecemento dos elementos básicos que configuran os principais estilos ou artistas relevantes do mundo contemporáneo, contextualizándoos na súa época, e interpretación de obras artísticas significativas de arquitectura, artes plásticas, literatura e música.

Bloque 2. Bases históricas da sociedade actual.

* Transformacións políticas e económicas na Europa do Antigo Réxime. A crise do Estado absoluto. As ideas ilustradas. Reformismo borbónico en España. A Ilustración galega: as Sociedades Económicas de Amigos do País.

* Transformacións políticas e socioeconómicas no século XIX. Revolución industrial. Liberalismo, nacionalismo e imperialismo: activismo revolucionario para a transformación de Europa. Novo modelo social e movemento obreiro. A exclusión das mulleres do espazo público e a súa loita pola igualdade: sufraxismo e dereito á educación.

* Crise do Antigo Réxime e construción do Estado liberal na España do século XIX. A fin do imperio colonial español. As desamortizacións e a súa importancia en Galicia.

* Grandes cambios e conflitos na primeira metade do século XX. Imperialismo, guerra e revolución. A depresión de 1929 e o auxe dos fascismos. A revolución soviética.

* Transformacións na España do século XX: crise do Estado liberal; a II República; guerra civil e represión en Galicia; franquismo. As reivindicacións periféricas: o nacionalismo galego.

* Arte e cultura na época contemporánea.

Bloque 3. O mundo actual.

* A orde política e económica mundial na segunda metade do século XX: bloques de poder e modelos socioeconómicos. Os procesos de descolonización e o terceiro mundo. O neocolonialismo. O papel dos organismos internacionais.

* Transición política e configuración do Estado democrático en España. O Estatuto de autonomía de Galicia.

* Proceso de construción da Unión Europea. España e Galicia dentro da Unión Europea hoxe. A eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

* Cambios nas sociedades actuais. Os novos movementos sociais e culturais. Os medios de comunicación e a súa influencia.

* A desaparición da URSS e a nova orde mundial: globalización e novos centros de poder.

* Focos de tensión e perspectivas no mundo actual.

Criterios de avaliación.

1. Situar no tempo e no espazo períodos, feitos e procesos históricos relevantes aplicando as convencións habituais no estudo da historia.

Trátase de avaliar se as alumnas e os alumnos coñecen as principais etapas e períodos cronolóxicos e se son capaces de comprender as nocións de simultaneidade e cambio, e os momentos e procesos que caracterizan o tránsito dunhas etapas a outras, aplicando estas nocións á evolución histórica desde o século XVIII ao momento actual.

2. Identificar as causas e consecuencias de feitos e procesos históricos significativos, establecendo conexións entre elas e recoñecendo a causalidade múltiple que comportan os feitos sociais.

Trátase de comprobar que se é capaz de explicar os factores que inflúen nun feito ou proceso histórico significativo, recoñecendo a natureza, xerarquización e interrelación das causas, así como as súas consecuencias a curto e longo prazo.

3. Expoñer as características sociais, económicas e políticas do Antigo Réxime derivando delas as transformacións que se producen en Europa no século XVIII e explicando os trazos significativos do reformismo borbónico en España e en Galicia.

Trátase de comprobar, partindo do coñecemento dos trazos xerais da sociedade no Antigo Réxime, que se recoñecen os cambios producidos no século XVIII, describindo o carácter centralizador e reformista do despotismo ilustrado en España e Galicia, destacando neste caso os esforzos de mellora económica e a reivindicación dunha cultura propia.

4. Identificar os trazos fundamentais das revolucións industriais e liberal-burguesas, valorando os grandes procesos de transformación que experimentou o mundo occidental, e analizando as particularidades destes procesos en España e Galicia en comparación con outros exemplos representativos.

Búscase comprobar que se recoñecen os cambios que a revolución industrial introduciu na produción e os diferentes ritmos de implantación do proceso en Europa e en Galicia, así como as transformacións que dela se derivan coa aparición de grupos sociais que planean reivindicacións desde posicións sindicais, socialistas ou anarquistas. Tamén, comprobar se se identifican e se saben explicar as bases políticas, sociais, ideolóxicas e administrativas do liberalismo e do nacionalismo e o xeito particular de implantación do Estado liberal en España e en Galicia, coa significación que ten o proceso desamortizador e o sistema caciquil.

5. Explicar as razóns da hexemonía política e económica dos países europeos desde a segunda metade do século XIX, identificando os conflitos e problemas que caracterizan estes anos, tanto entre como dentro dos estados, especialmente os relacionados coa expansión colonial e coas tensións sociais e políticas.

Trátase de avaliar que se coñecen os acontecementos máis relevantes que explican o protagonismo de Europa durante a época do imperialismo e as consecuencias desta expansión colonial no ámbito das relacións internacionais e dos propios países.

6. Caracterizar e situar cronolóxica e xeográficamente as grandes transformacións e conflitos mundiais que tiveron lugar na primeira metade do século XX.

Preténdese valorar se se identifican os principais acontecementos e procesos e as súas interaccións no panorama internacional desta época -como son a revolución rusa, as guerras mundiais, a gran depresión-, e os trazos básicos dos totalitarismos contrapoñéndoos cos réximes democráticos.

7. Analizar os procesos de cambio desde a segunda metade do século XX, e aplicar este coñecemento á comprensión dalgúns dos problemas internacionais máis destacados da actualidade.

Trátase de comprobar que o alumnado é quen de analizar os procesos de de descolonización, a división do mundo en bloques, a súa crise e a problemática conformación dunha nova orde mundial, co fin de comprender mellor a realidade presente. Será de interese comprobar a capacidade de analizar algúns problemas internacionais actuais á luz dos acontecementos citados.

8. Identificar e caracterizar as distintas etapas da evolución política, social e económica de España e de Galicia durante o século XX e os avances e retrocesos no camiño cara á modernización económica, á consolidación do sistema democrático, e á pertenza á Unión Europea.

Trátase de avaliar se o alumnado recoñece as causas da crise da monarquía parlamentaria, as políticas reformistas emprendidas durante a Segunda República, a quebra que supón a guerra civil, a caracterización e evolución do franquismo -desenvolvemento económico e cambios sociais- e a transición política ata a Constitución de 1978, e a consolidación do Estado democrático e autonómico no marco da pertenza de España e de Galicia á Unión Europea.

9. Realizar traballos individuais e en grupo sobre algún foco de tensión política ou social no mundo actual, indagando os seus antecedentes históricos, analizando as causas e previndo posibles desenlaces, utilizando para iso diversas fontes de información, incluídas as que permitan obter interpretacións diferentes ou complementarias dun mesmo feito.

Trátase de avaliar a capacidade do alumnado para abordar, asesorado polo profesor, o estudo dunha situación do mundo en que vive, buscando os antecedentes e causas que a orixinan, aplicando os seus coñecementos para prever, desde a lóxica, as súas posibles consecuencias. Tamén de comprobar se ten iniciativa para planificar o traballo, acceder con certa autonomía a diversas fontes de información, analizar e organizar esta e presentar as conclusións de maneira clara utilizando, de ser o caso, as posibilidades que ofrecen as TIC.

10. Realizar en pequeno grupo unha investigación no contorno sobre algún aspecto da historia recente, utilizando fontes orais que permitan traballar aspectos de vida cotiá e memoria histórica, e procurar conectalos a contextos máis amplos, sendo capaz de expoñer e defender as súas conclusións.

Trátase de comprobar a capacidade do alumnado para valorar o papel que xogan as persoas anónimas nos procesos históricos, que se inicie nun método de investigación e que sexa capaz de elaborar conclusións a partir de distintos datos que debe saber interpretar.

Educación para a cidadanía.

Introdución.

Nas sociedades democráticas contemporáneas, a aprendizaxe do papel da cidadanía debe ser unha tarefa compartida polas familias, o sistema educativo e os medios de comunicación. Porén, a comunidade escolar debe estar preparada para asumir esta función e a responsabilidade que dela se deriva. A Unión Europea establece como obxectivo dos sistemas educativos velar por que na comunidade escolar se promova realmente a aprendizaxe dos valores democráticos e da participación, con fin de preparar as persoas para a cidadanía activa. De acordo coas recomendacións internacionais, un dos principios que inspiran o sistema educativo é a transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como que axuden a superar calquera tipo de discriminación. Este principio pon de manifesto a necesidade de incorporar, con entidade propia, unha materia que capacite o alumnado para asumir responsabilidades pola vida en común, construír pautas sociais comúns que vaian máis alá dos intereses sociais individuais e entender o exercicio da cidadanía como valor importante nas relacións humanas.

A educación para a cidadanía pretende contribuír á implicación do alumnado na vida social, como cidadás e cidadáns que posúan a información precisa e sexan conscientes das súas obrigas e responsabilidades, na medida en que os seus obxectivos impregnen todas as materias da etapa e a escola sexa quén de abrirse ao medio social en que as persoas van ter que exercer o seu rol de cidadáns, introducindo novas prácticas educativas que lles permitan a toma de contacto con situacións do medio social, que incidan na construción da súa identidade cívica.

As dúas materias que configuran a educación para a cidadanía nesta etapa: a educación para a cidadanía e os dereitos humanos, que se imparte no segundo curso, e a educación ético-cívica de cuarto curso, estrutúranse en varios bloques que van desde o persoal e o máis próximo ao global e máis xeral; en ambas existe un conxunto de contidos comúns a todos os bloques, orientados á adquisición de procedementos, habilidades sociais e actitudes básicas para o desenvolvemento dunha convivencia pacífica e da cidadanía democrática.

Os contidos da educación para a cidadanía e os dereitos humanos do segundo curso preséntanse organizados en cinco bloques.

No bloque 1 figuran os contidos comúns, que están encamiñados a desenvolver habilidades e destrezas relacionadas coa reflexión e coa participación.

O bloque 2 Relacións interpersoais e participación, centra a reflexión nas relacións humanas, desde o respecto á dignidade persoal e á igualdade de dereitos individuais, partindo do contorno máis próximo ao alumnado.

O bloque 3 Deberes e dereitos cidadáns, ademais do coñecemento dos principios recollidos nos textos internacionais, propón a reflexión do sentido deses principios, así como a identificación de situacións de violación dos dereitos humanos e ofrece información sobre a actuación que, neses casos, corresponde ás organizacións cívicas de defensa dos dereitos humanos así como aos tribunais ordinarios e aos tribunais internacionais.

No bloque 4 Democracia e cidadanía, a partir dunha concepción de cidadanía activa, disposta a asumir responsabilidades, analízase o papel dos distintos servizos públicos administradores do ben común.

O bloque 5 Cidadanía en tempos de globalización, analiza algunhas características da sociedade contemporánea marcada polo proceso de globalización e interdependencia, prestando especial atención ás desigualdades e aos conflitos. Aborda tamén o papel dos principais organismos internacionais na prevención e resolución deses conflitos, así como as iniciativas para conseguir unha sociedade máis xusta e solidaria.

Na educación ético-cívica de cuarto curso comézase, igual que nos cursos anteriores, establecendo no bloque 1 contidos comúns a todos os temas, enfocados á adquisición de determinados procedementos e destrezas básicas, fundamentalmente saber problematizar as cuestións, conceptualizar as nocións e argumentar racionalmente as teses

O bloque 2 Identidade e alteridade, céntrase na reflexión en torno á construción da identidade da persoa, a liberdade e a responsabilidade (individual e colectiva), con particular atención á xestión dos sentimentos e emocións.

No bloque 3 Teorías éticas. As exixencias da xustiza e os dereitos humanos, inclúese a análise das grandes liñas de reflexión ética que máis influíron na conquista dos dereitos e liberdades e, particularmente, o referente ético que representan as diferentes formulacións dos dereitos humanos.

O bloque 4 Democracia e participación. As institucións democráticas, céntrase na análise dos fundamentos éticos e xurídicos do noso sistema político democrático e o funcionamento das principais institucións democráticas.

No bloque 5 A igualdade entre homes e mulleres, abórdase como bloque con entidade propia para posibilitar a reflexión sobre a loita das mulleres polo recoñecemento da igualdade de dereitos e oportunidades, do papel de suxeitos históricos e de cidadanía e o rexeitamento de todas as formas de discriminación que, de feito, aínda sofren.

No bloque 6 Multiculturalismo e interculturalismo, analízanse os problemas éticos xerados nas comunidades políticas polo debate do multiculturalismo, desde a perspectiva do rexeitamento ás discriminacións, o respecto ás culturas e o diálogo intercultural.

O bloque 7 Cidadanía global e democracia, aborda desde a perspectiva dos dereitos humanos, os grandes problemas morais xerados pola intensificación do proceso de globalización no ámbito social, cultural, económico e político, valorando o compromiso por unha globalización ética, da xustiza e da solidariedade.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

A educación para a cidadanía e os dereitos humanos e a educación ético-cívica relaciónanse directamente coa competencia social e cidadá pero, a complexidade das sociedades democráticas exixe facer fronte a unha serie de novos desafíos como o coidado do ambiente, a orientación do desenvolvemento tecnocientífico, a responsabilidade polas xeracións futuras, a igualdade entre os sexos, a loita contra novas formas de exclusión social e contra as existentes, que impiden desvincular a competencia social e cidadá do desenvolvemento das demais competencias básicas. Negarlle á cidadanía a participación no debate sobre estas cuestións, entre outras, sería contraditorio cos valores democráticos. Unha cidadanía activa debe ter capacidade de elixir, pero ser quen de elixir exixe ser quen de formular preguntas, observar, seleccionar, analizar, sintetizar información e transformala en coñecemento, explicitar ideas, construír argumentos, formular hipóteses etc. Estamos a falar de destrezas relacionadas con diferentes competencias (competencia en comunicación lingüística, para aprender a aprender, autonomía e iniciativa persoal, etc.), que é necesario adquirir se o obxectivo é a formación integral do alumnado e a súa preparación para a vida social.

En relación coa competencia social e cidadá, a educación para a cidadanía propicia a adquisición de habilidades para vivir en sociedade e para exercer a cidadanía democrática, ao favorecer o desenvolvemento de destrezas que permiten participar, tomar decisións, elixir a forma axeitada de comportarse en determinadas situacións e responsabilizarse das consecuencias derivadas das decisións adoptadas. Contribúe así mesmo a reforzar a autonomía, a autoestima e a identidade persoal, a tomar conciencia e facilitar a expresión dos propios pensamentos, valores, sentimentos e accións. Ao impulsar os vínculos persoais baseados nos sentimentos e os valores da convivencia e a participación, contribúe a fomentar habilidades sociais destinadas a mellorar as relacións interpersoais. O coñecemento da diversidade axuda a xerar sentimentos non excluíntes e a interiorizar o valor de respecto, así como a aceptar e usar convencións e normas sociais facilitadoras da convivencia. A sensibilización ante as situacións de discriminación e inxustiza, permiten consolidar os valores de cooperación, solidariedade, xustiza, non violencia, compromiso e participación tanto no ámbito persoal coma no social. A práctica do diálogo axuda a afrontar e resolver as situacións de conflito mediante procedementos non violentos.

Contribúese tamén á dimensión ética da competencia social e cidadá ao favorecer a identificación e reflexión crítica sobre os valores do contorno e ao ofrecer como referente ético común os valores que sustentan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia. Contidos específicos como o coñecemento dos fundamentos e os modos de organización dos estados e das sociedades democráticos, a evolución histórica dos dereitos humanos, o achegamento á pluralidade social ou ao carácter da globalización e as implicacións que comporta para os cidadáns, proporcionanlle ao alumnado instrumentos para construír, aceptar e practicar normas de convivencia acordes cos valores democráticos, exercer os dereitos e liberdades e asumir as responsabilidades e deberes cívicos.

A educación para a cidadanía, a través da educación afectivo emocional, contribúe tamén ao desenvolvemento da competencia de aprender a aprender, porque facilita o recoñecemento das propias capacidades e carencias e as habilidades para sacar proveito das primeiras e superar as segundas. Por outra banda, o desenvolvemento do diálogo e a valoración das razóns doutras persoas, require admitir a diversidade de respostas ante un mesmo problema. Así mesmo, o estímulo das destrezas orientadas á recompilación e á síntese de información, á transformación da información en coñecemento, ao desenvolvemento das habilidades sociais que permiten o traballo en equipo e a participación favorecen tamén as aprendizaxes posteriores.

Os contidos da educación para a cidadanía, potencian tamén o desenvolvemento da competencia básica autonomía e iniciativa persoal, xa que a reflexión sobre as relacións entre intelixencia, sentimentos e emocións, posibilita o coñecemento dun mesmo, o autocontrol e o equilibrio emocional, necesarios para o desenvolver un comportamento autónomo. O coñecemento da contribución de distintas teorías éticas, facilita a creación dun código moral propio. Por outra banda, os contidos procedementais do currículo atenden especialmente á argumentación, á elaboración de ideas propias, ao estudo de casos que exixan un posicionamento persoal sobre un problema e a procura de posibles solucións. Prevé así mesmo a necesidade de planificar, tomar decisións con criterio propio e asumir a responsabilidade da elección. A formulación de dilemas morais, que caracterizan as materias desta área, contribúen tamén a que as alumnas e os alumnos constrúan un xuízo ético propio baseado nos valores e prácticas democráticas.

O uso sistemático do diálogo e do debate contribúe á competencia en comunicación lingüística. Debater en serio exixe exercitarse na escoita, a exposición e a argumentación e para iso é necesario verbalizar os conceptos, facer explícitas as ideas, formar os xuízos e estruturalos de forma coherente.

A necesidade de buscar, obter, analizar, sintetizar e relacionar a información procedente de distintas fontes, comprendela e integrala para producir coñecemento, comunicala, facer inferencias e deducións son procedementos que contribúen tamén a desenvolver a competencia tratamento da información e competencia dixital.

A educación para a cidadanía permite tamén mellorar a competencia cultural e artística, porque o desenvolvemento de habilidades sociais para a convivencia nunha sociedade plural, exixe ser quen de apreciar o feito cultural nas súas diversas manifestacións.

Finalmente, ser conscientes da importancia do uso responsable dos recursos naturais, da necesidade de preservar o ambiente, potenciar o consumo responsable e unha forma de vida saudable, son contidos con que desde a educación para a cidadanía é posible contribuír tamén ao desenvolvemento da competencia no coñecemento e interacción co mundo físico.

Obxectivos.

As materias educación para a cidadanía e os dereitos humanos e a educación ético-cívica nesta etapa, terán como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Recoñecer a condición humana na súa dimensión individual e social, tomando conciencia da propia identidade, das características e experiencias persoais respectando as diferenzas cos outros e desenvolvendo a autoestima.

2. Coñecer e expresar os sentimentos e as emocións e desenvolver a afectividade nas relacións cos outros, manifestando unha actitude aberta, solidaria e respectuosa, rexeitando os estereotipos, os prexuízos e a violencia en todas as súas formas.

3. Desenvolver a iniciativa persoal, actuar con autonomía, asumindo responsabilidades individuais e colectivas e practicar formas de convivencia e participación baseadas no respecto, utilizando o diálogo e a mediación para evitar e resolver os conflitos.

4. Coñecer, valorar e exercer os dereitos e asumir responsablemente os deberes e as obrigas que se derivan das declaracións internacionais de dereitos humanos e da Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, identificando os valores que os fundamentan.

5. Asumir a pluralidade das sociedades actuais recoñecendo a diversidade como enriquecedora da convivencia e defender a igualdade de dereitos e oportunidades de todas as persoas, rexeitando as situacións de inxustiza e as discriminacións existentes por razón de sexo, orixe, crenzas, diferenzas sociais, orientación afectivo-sexual ou de calquera outro tipo, como unha vulneración da dignidade humana e causa perturbadora da convivencia.

6. Recoñecer e asumir a igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, valorar a diferenza de sexos rexeitando os estereotipos e prexuízos que supoñan discriminación e participar activamente na prevención da violencia de xénero.

7. Coñecer e apreciar os principios e valores que fundamentan e lexitiman os sistemas democráticos e o funcionamento da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado español e da Unión Europea, tomando conciencia do patrimonio común e da diversidade social e cultural.

8. Coñecer os fundamentos do modo de vida democrático e aprender a obrar de acordo con eles nos diferentes ámbitos da convivencia. Asumir os deberes cidadáns na mantenza dos bens comúns e recoñecer o papel do Estado como garante dos servizos públicos.

9. Coñecer as diversas formas de participación política, desenvolver habilidades dialóxicas orientadas á participación democrática e valorar a importancia da participación cidadá ben sexa na vida política institucionalizada ou noutras formas de participación como a cooperación, o asociacionismo e o voluntariado.

10. Coñecer as causas que provocan a violación dos dereitos humanos, a pobreza e a desigualdade, así como a relación entre os conflitos armados e o subdesenvolvemento. Valorar as accións encamiñadas á consecución da paz e a seguridade e a participación activa como medio para lograr un mundo máis xusto.

11. Recoñecerse membros dunha cidadanía global, baseada nos valores da liberdade, a igualdade e a xustiza e implicarse activamente na súa realización, comezando por mostrar respecto crítico polos costumes e modos de vida de poboacións distintas á propia e manifestar comportamentos solidarios coas persoas e colectivos desfavorecidos.

12. Coñecer e analizar as principais teorías éticas que máis contribuíron ao recoñecemento das liberdades e dos dereitos das persoas.

13. Identificar as posicións morais que están na orixe dos principais problemas e conflitos do mundo actual, valorar a importancia da análise ética na orientación da súa resolución e desenvolver unha actitude crítica ante os modelos que se transmiten a través dos medios de comunicación, mediante a adquisición de destrezas básicas na utilización das fontes de información.

14. Adquirir un pensamento crítico, desenvolver un criterio propio e adquirir habilidades para comunicar as propias ideas e defender as propias posicións en debates, a través da argumentación documentada e razoada, así como para escoitar e valorar as razóns e argumentos dos outros.

15. Practicar o diálogo coa realidade social en continuo proceso de transformación, como instrumento para a análise crítica das conviccións persoais e a formulación dun proxecto de vida propio, na dimensión persoal, cívica e profesional.

Segundo curso: educación para a cidadanía e os dereitos humanos.

Contidos.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Identificación de problemas actuais, a súa conceptualización e reflexión argumentada.

* Análise comparativa e avaliación crítica de informacións proporcionadas polos medios de comunicación sobre un mesmo feito ou cuestión de actualidade.

* Prácticas de exposición (oral e escrita) das ideas propias ou dos resultados das lecturas e da información obtida a través de diversos medios.

* Preparación e intervención en debates, sobre aspectos relevantes da realidade social, considerando as posicións e alternativas existentes e desenvolvendo unha actitude de compromiso para a súa mellora.

* Utilización do diálogo como estratexia para a identificación dos conflitos e a solución dos problemas.

Bloque 2. Relacións interpersoais, convivencia e participación

* Comprensión e incorporación dos conceptos de amizade, fraternidade, dignidade, sinceridade, agradecemento, cordialidade, diálogo, etc., básicos para a convivencia.

* Recoñecemento e valoración da convivencia familiar como un sistema de comunicación e cooperación entre xeracións. Posibles disfuncións: análise e busca de solucións compartidas.

* Recoñecemento e valoración da amizade como un sistema de comunicación e cooperación entre iguais.

* Valoración e uso do diálogo como instrumento para a prevención e resolución de conflitos nas relacións entre iguais e nas relacións interxeracionais.

* Análise da importancia da sexualidade na vida humana, da necesidade dunha regulación ética das relacións sexuais baseada no respecto e na equidade e prevención de prácticas de risco.

* Valoración crítica da división social e sexual do traballo e rexeitamento de prexuízos racistas, xenófobos, homófobos e sexistas.

* Axuda a compañeiras, compañeiros e, en xeral, a persoas en situación desfavorecida e responsabilización no coidado das persoas dependentes.

* Participación no centro educativo e en actividades sociais da comunidade como aprendizaxe dos deberes cidadáns. Especial incidencia na mediación e acollida de alumnado inmigrante.

Bloque 3. Deberes e dereitos cidadáns.

* Identificación e exercicio dos deberes e dereitos que teñen como alumnado dun centro.

* Coñecemento e manexo da Declaración universal dos dereitos humanos, asunción dos deberes e responsabilidades que dela se derivan e valoración do proceso de recoñecemento e proclamación dos dereitos humanos como unha conquista histórica inacabada.

* Recompilación de información sobre os distintos tipos de documentos que recollen a lexislación internacional sobre os dereitos humanos (declaracións, pactos, convenios...) e sobre os mecanismos de control e protección dos acordos.

* Recoñecemento da igualdade das persoas en dignidade e dereitos, identificación e condena de situacións de violacións dos dereitos humanos e coñecemento dos recursos para denunciar e combater a violación dos dereitos.

* Valoración das diferenzas de xénero como enriquecedoras das relacións interpersoais. Coñecemento dos dereitos das mulleres na nosa sociedade actual e a loita pola súa consecución. Recoñecemento da igualdade de dereitos de mulleres e homes e identificación e rexeitamento das situacións de discriminación de feito das cales aínda son vítimas as mulleres.

Bloque 4. Democracia e cidadanía.

* Identificación do sistema de dereitos e deberes como base da convivencia política. Valoración do exercicio dunha cidadanía activa, que coñece os seus dereitos e asume as súas responsabilidades. Os sistemas de votación democrática.

* Identificación das principias institucións e dos conceptos fundamentais que definen un sistema democrático.

* Identificación e coñecemento dos principios, dereitos e deberes fundamentais recoñecidos na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

* Identificación e valoración das diversas formas de participación cidadá: cooperación, asociacionismo e voluntariado.

* Valoración da política como servizo á cidadanía: a responsabilidade pública. Información sobre a estrutura e funcionamento da protección civil e coñecemento do seu papel na prevención e xestión dos desastres naturais e provocados. Os sistemas de votación democrática.

* Asunción da responsabilidade cidadá: identificación e aprecio dos bens comúns e servizos públicos. Valoración dos impostos como a contribución dos cidadáns aos gastos e investimentos públicos e como instrumento para a distribución da renda e compensación das desigualdades.

* Reflexión sobre as causas, avaliación das consecuencias dos accidentes de circulación e implicación na súa prevención.

* Coñecemento dos dereitos e deberes que implica o consumo, planificación de condutas e adquisición de hábitos de consumo racional e responsable compatible coa sustentabilidade.

* Observación do impacto das actividades individuais e colectivas sobre o ambiente e valoración da responsabilidade polo seu coidado.

Bloque 5. Cidadanía en tempos de globalización.

* Valoración da diversidade social e cultural como enriquecedora da convivencia nunha sociedade plural. Identificación dos elementos culturais propios que poidan estar en perigo nun mundo globalizado e posibles solucións

* Identificación de situacións de violación de dereitos e sensibilización fronte ás necesidades de colectivos e grupos desfavorecidos. Planificación de iniciativas encamiñadas á construción duna sociedade máis xusta e solidaria.

* Identificación dos principais conflitos no mundo actual e sensibilización ante as situación das persoas que sofren directamente as súas consecuencias. Información sobre o papel dos organismos internacionais e as forzas de pacificación na prevención e resolución dos conflitos. Identificación e valoración das accións individuais e colectivas a favor da paz.

* Análise e valoración da influencia das novas formas de comunicación, información e mobilidade no establecemento de relacións globais entre as persoas de diferentes lugares do mundo e das consecuencias da globalización económica.

* Sensibilización ante as desigualdades: riqueza e pobreza. Coñecemento de iniciativas encamiñadas á loita contra a pobreza e a axuda ao desenvolvemento.

Criterios de avaliación.

1. Valorar a importancia das outras persoas para a construción da propia identidade, tomar conciencia dos vínculos que están na base da convivencia e iniciar a construción dun código de conduta autónomo, a partir do recoñecemento da propia identidade e do respecto e tolerancia polas diferenzas persoais e sociais.

Con este criterio preténdese avaliar se o alumnado é quen de comezar a creación do seu propio itinerario de madurez cívica, recoñecendo a importancia das outras persoas na construción da propia identidade, respectando criticamente as diferenzas para ir máis alá dunha tolerancia pasiva baseada no relativismo ou na indiferenza, cara a unha tolerancia activa.

2. Practicar o diálogo para evitar e superar os conflitos nas relacións entre iguais e nas relacións interxeracionais.

Con este criterio preténdese avaliar se o alumnado desenvolveu habilidades sociais de respecto e tolerancia coas persoas do seu contorno e se utiliza de forma sistemática o diálogo como instrumento para evitar e resolver os conflitos nas relacións interxeracionais e entre iguais, rexeitando calquera tipo de violencia, cara aos membros da comunidade escolar, ou da familia.

3. Identificar e rexeitar, a partir da análise de feitos reais ou figurados, as situacións de discriminación cara a persoas de diferente orixe, xénero, ideoloxía, relixión, orientación afectivo-sexual e outras, respectando as diferenzas persoais e mostrando autonomía de criterio.

Este criterio permite comprobar se os alumnos, ante a presentación dun caso ou situación simulada ou real, recoñecen a discriminación que, por motivos diversos, sofren determinadas persoas e colectivos nas sociedades actuais e se manifestan autonomía de criterio, actitude de rexeitamento cara ás discriminacións e respecto polas diferenzas persoais.

4. Participar, de modo democrático e cooperativo, en todas as actividades programadas tanto na aula como fóra dela, e en xeral na vida do centro e do contorno como preparación para o exercicio duna cidadanía activa.

A través deste criterio preténdese valorar o compromiso do alumnado co exercicio dunha cidadanía activa, capaz de asumir responsabilidades observando o grao de participación nas actividades do grupo-clase e do centro educativo.

5. Utilizar diferentes fontes de información e considerar as distintas posicións e alternativas existentes nos debates que se formulen sobre problemas e situacións de carácter local ou global.

Este criterio pretende comprobar o coñecemento e manexo das técnicas do debate, se as alumnas e os alumnos se documenta debidamente utilizando distintas fontes de información e se son quen de analizalas e sintetizar a información para presentar as súas opinións de forma rigorosa, se argumentan debidamente, consideran as distintas posicións e alternativas en cada un dos problemas formulados e chegan a elaborar un pensamento propio e crítico.

6. Identificar os principios básicos das declaracións internacionais dos dereitos humanos e a súa evolución, distinguir situacións de violación destes e recoñecer e rexeitar as desigualdades de feito e de dereito, en particular as que afectan as mulleres.

Este criterio avalía o grao de coñecemento das declaracións internacionais de dereitos humanos e a súa evolución histórica, se o alumnado recoñece os actos e as situacións de violación de dereitos humanos no mundo actual, as discriminacións que aínda sofren algúns colectivos, tanto na lexislación como na vida real e, particularmente, se describe e rexeita a discriminación de feito e, en casos, tamén de dereito que afectan as mulleres.

7. Identificar os conceptos fundamentais (pluralismo político, parlamentarismo, representatividade...) que definen un sistema democrático, os principios e as institucións fundamentais, así como os dereitos e deberes que establece a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado identifica os conceptos fundamentais que definen un sistema democrático (pluralismo político, parlamentarismo, representatividade...), así como os trazos fundamentais do sistema político español no que respecta á identificación das institucións fundamentais e os dereitos e deberes recollidos na Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

8. Identificar os principais servizos públicos que deben garantir as administracións, recoñecer a contribución dos cidadáns no seu mantemento e mostrar, ante situacións da vida cotiá, actitudes cívicas relativas ao coidado do contorno, á seguridade vial, á protección civil e ao consumo responsable.

O obxectivo deste criterio é comprobar que as alumnas e os alumnos recoñecen os principais servizos que as administracións prestan á cidadanía e, á vez, comprenden as obriga que corresponden a cada cidadán no mantemento dos servizos públicos a través da contribución fiscal. Así mesmo, trátase de comprobar que coñecen as obrigas cívicas que lles corresponden no coidado do contorno e o respecto aos bens públicos, á seguridade viaria, á protección civil ou ao consumo responsable.

9. Utilizar e contrastar con rigor información procedente de diversos medios para identificar as causas dalgúns dos problemas de convivencia nas sociedades actuais, elaborar un punto de vista propio e desenvolver actitudes responsables que contribúan á súa mellora.

Este criterio pretende avaliar se o alumnado sabe utilizar con certo rigor información procedente de distintas fontes para documentarse sobre os principias problemas de convivencia das sociedades actuais.

10. Identificar as características da globalización e o papel que xogan nela os medios de comunicación, recoñecer as relacións que existen entre a sociedade en que vive e a vida das persoas doutras partes do mundo.

Con este criterio trátase de valorar se as alumnas e os alumnos coñecen o papel da información e a comunicación no mundo actual e as relacións existentes entre a vida das persoas de distintas partes do mundo como consecuencia da globalización, se comprenden as repercusións que determinadas formas de vida do mundo desenvolvido teñen nos países en vías de desenvolvemento e se manifestan actitudes de solidariedade cos grupos desfavorecidos.

11. Recoñecer a existencia de conflitos e o papel que desempeñan neles as organizacións internacionais e as forzas de pacificación. Valorar a importancia da participación humanitaria para paliar as consecuencias dos conflitos.

Con este criterio preténdese comprobar que o alumnado é capaz de identificar os conflitos máis relevantes do mundo actual e a súa localización, dá mostras de sensibilización ante a situación das persoas que sofren directamente as consecuencias dos conflitos e se valora o papel da participación humanitaria para mitigalas.

Cuarto curso: educación ético-cívica.

Contidos.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Elaboración, exposición e discusión sobre textos e cuestionarios con problemáticas reais referidas aos dereitos humanos para desenvolver unha consciencia crítica atenta aos desafíos do presente e asumindo unha responsabilidade ética polo futuro.

* Adquisición de informacións contrastadas e relevantes para a comprensión dos problemas e dos desafíos da sociedade contemporánea, mediante análise comparativa e avaliación crítica das informacións proporcionadas polos medios de comunicación sobre un mesmo feito ou cuestión de actualidade.

* Recoñecemento dos sentimentos propios e alleos e respecto polas conviccións e actitudes dos outros, polos seus sentimentos, ideas e comportamentos compatibles co respecto aos dereitos fundamentais.

* Interese por coñecer as posicións e as razóns dos quen pensa de modo distinto. Recolleita de información sobre temas de convivencia. Elaboracións de preguntas para a participación en debates sobre temas previamente pactados, con intervencións que sigan as pautas de respecto e normas moderadoras. Elaboración de conclusións.

* Recoñecemento das inxustizas e as desigualdades. Interese pola busca e práctica de formas de vida máis xustas e participación en proxectos que impliquen actitudes de solidariedade na vida comunitaria, dentro e fóra do centro educativo, asumindo o exercicio da cidadanía

Bloque 2. Identidade e alteridade.

* Recoñecemento da persoa como suxeito moral e asunción dos compoñentes individuais e colectivos na construción da identidade e no comportamento moral.

* Recoñecemento, valoración e respecto pola dignidade da persoa.

* Asunción da diversidade e rexeitamento de prexuízos baseados en estereotipos que supoñan calquera forma de discriminación.

* Coñecemento, expresión e autocontrol dos propios sentimentos e emocións e rexeitamento da violencia como solución aos conflitos nas relacións interpesoais.

* Asunción de responsabilidades, individuais e colectivas, no exercicio da liberdade na toma de decisións morais.

Bloque 3. Teorías éticas. As exixencias da xustiza e os dereitos humanos.

* Análise dos elementos individuais e do contexto sociocultural que poden condicionar os diferentes sistemas de valores. Subxectivismo, relativismo e pluralismo.

* Coñecemento das principias teorías éticas que máis teñen contribuído á conquista de dereitos e liberdades, desde a perspectiva da felicidade e a perspectiva da xustiza.

* Consideración das dimensións ética, xurídica e política dos dereitos humanos. Valoración dos dereitos humanos como exixencia mínima de xustiza.

* Identificación das principias etapas na conquista dos dereitos humanos e valoración das novas reivindicacións (terceira xeración de dereitos).

* Implicación na defensa efectiva dos dereitos humanos. Identificación e rexeitamento das actitudes de intolerancia, inxustiza e exclusión.

* Avaliación da discriminación positiva desde a perspectiva das exixencias da xustiza e a igualdade de dereitos e oportunidades.

Bloque 4. Democracia e participación. As institucións democráticas.

* Conceptualización da noción de democracia.

* Valoración da importancia da participación cidadá para o funcionamento das institucións democráticas. Distinción entre formas de participación non institucionalizada e a participación política institucionalizada. Valoración da formación da opinión, de acordo con algún tipo de deliberación, para unha a participación responsable. Distinción entre democracia representativa e democracia deliberativa.

* Aproximación ao sistema político español. Identificación das principias institucións democráticas e recoñecemento dos principios do funcionamento democrático.

* Identificación da liberdade, a xustiza e a igualdade como valores en que se fundamenta a democracia. Valoración da democracia como conquista ética.

* Recoñecemento do Estado democrático de dereito como marco formal para a realización dos ideais éticos.

* Identificación dos valores constitucionais, coñecemento dos dereitos e deberes fundamentais recoñecidos na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia e da regulación do seu exercicio.

Bloque 5. A igualdade entre homes e mulleres.

* Coñecemento da loita das mulleres e das súas organizacións para a conquista da igualdade de dereitos e oportunidades e o seu recoñocemento como suxeitos históricos, de dereitos e de cidadanía. Distinción entre igualdade de dereitos e igualdade de feito, e exemplificación e toma de conciencia de situacións en que a igualdade de dereitos non se traduce en igualdade de feito.

* Análise das causas e factores da discriminación das mulleres. Planificación de alternativas a situacións, reais ou simuladas, de discriminación.

* Rexeitamento da violencia de xénero. Recompilación de información sobre as medidas destinadas á prevención e protección integral da violencia contra as mulleres.

Bloque 6. Multiculturalismo e interculturalismo.

* Identificación e respecto polas diferenzas sociais e culturais e valoración das súas manifestacións en actitudes, costumes e formas de vida distintas á propia, como enriquecedoras da convivencia nunha sociedade plural.

* Análise das posicións máis frecuentes ante o multiculturalismo e reflexión sobre os problemas éticos que delas se derivan: etnocentrismo e discriminación, problemas éticos do relativismo cultural.

* Valoración do interculturalismo como proxecto ético e político e reflexión sobre os valores mínimos dunha ética cívica.

Bloque 7. Cidadanía global e democracia.

* Toma de conciencia da nova orde global e identificación dos procesos que contribúen á súa formación: a integración dos mercados e do espazo político e social.

* Identificación dos recursos básicos do poder dos medios de comunicación (a selección das novas, a linguaxe da publicidade...) e a súa incidencia na construción da realidade e nas nosas decisións e opinións.

* Recoñecemento da crise do estado-nación e valoración da globalización económica e a fragmentación da autoridade política como risco para a protección efectiva dos dereitos civís, económicos e sociais. Información sobre os movementos comprometidos na defensa dos dereitos humanos e recoñecemento do seu labor.

* Identificación dos medios e iniciativas, tanto individuais coma colectivos para procurar un desenvolvemento humano sustentable.

* Recoñecemento da pertenza a unha cidadanía global e identificación e valoración dos procesos que poderían contribuír a unha globalización ética.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer os sentimentos nas relacións interpersoais e practicar o diálogo nas situacións de conflito. Razoar sobre as motivacións das condutas e eleccións, asumindo as responsabilidades que delas se derivan.

Con este criterio inténtase comprobar que o alumnado identifica e recoñece os seus propios sentimentos, que é quen de poñerse no lugar das outras persoas e utiliza o diálogo para superar os conflitos nas súas relacións interpersoais, que razoa as súas eleccións, que identifica aquelas cousas de que é directamente responsable e aquelas en que comparte algunha clase de responsabilidade colectiva e asume axeitadamente a responsabilidade dos seus actos.

2. Identificar os eixos sobre os cales se constrúe a identidade persoal.

Mediante este criterio inténtase comprobar se as alumnas e os alumnos entenden e aceptan a propia identidade como algo construído e non dado, que é posible redefinir. Trátase tamén de avaliar se é quen de respectar criticamente outras eleccións que configuran outras identidades, mediante o exercicio dunha tolerancia activa.

3. Diferenciar os trazos básicos que caracterizan a dimensión moral das persoas, recoñecer distintos sistemas de valores e identificar dilemas morais que teñen a súa orixe na aplicación de diferentes paradigmas de valoración.

Con este criterio preténdese avaliar se o alumnado identifica os distintos trazos que caracterizan a dimensión moral das persoas, aqueles que condicionan o comportamento humano (as normas, a xerarquía de valores, os costumes, etc.) e se recoñece distintos paradigmas de valoración na orixe dos dilemas morais que se formulan no mundo actual.

4. Mediante a formulación de dilemas morais sobre cuestións de actualidade, identificar os problemas éticos xerados desde diversas posicións morais e propoñer estratexias para a súa resolución.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado identifica as posicións morais que están na orixe de determinados debates éticos do mundo actual. Así mesmo, trátase de valorar se comprende a eficacia do diálogo, fronte ás posturas que o rexeitan por imposible (dogmatismo) ou por innecesario (relativismo) e se presentan unha actitude de tolerancia activa, fronte á intolerancia ou a mera tolerancia pasiva baseada no relativismo ou na indiferenza.

5. Identificar e explicar axeitadamente as principais teorías éticas.

Mediante este criterio inténtase avaliar o coñecemento dos núcleos conceptuais clave dalgúns dos sistemas éticos occidentais que máis influíron coas súas contribucións conceptuais e coa súa práctica social á conquista e recoñecemento das liberdades e dos dereitos das persoas. Tamén permite valorar a capacidade do alumnado para enxuizar, a partir das teorías estudadas, determinadas condutas e situacións da súa vida cotiá.

6. Recoñecer e distinguir as dimensións ética, xurídica e política dos dereitos humanos. Valorar os dereitos humanos como principal referencia ética, en tanto que exixencia mínima de xustiza, manifestando actitudes a favor do exercicio activo e o respecto destes. Identificar a evolución dos dereitos cívicos, políticos, económicos, sociais e culturais e avaliar as novas reivindicacións en materia de dereitos humanos.

A través deste criterio trátase de comprobar o grao de comprensión dos conceptos claves dos dereitos humanos e a súa valoración crítica do esforzo que supuxo na historia da humanidade.

7. Comprender e expresar o significado histórico e filosófico da democracia como forma de convivencia social e política e identificar os valores e principios morais en que se sustenta.

Mediante este criterio preténdese avaliar no alumnado o coñecemento dos procesos de democratización de moitos países, en concreto España, como unha conquista ético-política, se comprende o pluralismo político e moral á vez que coñece os conceptos clave do sistema democrático, como o sistema de eleccións, o pluralismo político, o goberno da maioría e se recoñece algo valioso nos procesos democráticos en si mesmos á marxe da súa capacidade para lograr o ben común.

8. Valorar de forma argumentada, a importancia da participación cidadá para o funcionamento das institucións democráticas e da formación da opinión, de acordo con algún tipo de deliberación, para unha participación responsable.

Con este criterio trátase de comprobar se as alumnas e os alumnos son quen de distinguir entre formas de participación política institucionalizada e non institucionalizada, valorar a importancia da participación cidadá para o funcionamento dos sistemas democráticos e da formación de opinión de acordo con algún tipo de deliberación, fronte ao seguimento acrítico da opinión difundida polos medios de comunicación, así como a responsabilidade dos poderes públicos de cara á cidadanía.

9. Analizar as causas que provocan os principais problemas sociais do mundo actual utilizando de forma crítica a información que proporcionan os medios de comunicación e identificar solucións comprometidas coa defensa de formas de vida máis xustas.

Trátase de comprobar se o alumnado identifica e comprende algunhas das causas que provocan os principais problemas sociais do mundo actual (repartición desigual da riqueza, explotación infantil, emigracións forzadas, etc.), utilizando con precisión e de forma crítica a información obtida dos distintos medios de comunicación, se recoñece a actuación de organismos e institucións comprometidas coa defensa de formas de vida máis xustas e se manifesta actitudes de tolerancia e solidariedade ao achegar solucións.

10. Analizar o camiño percorrido ata o recoñecemento da igualdade de dereitos das mulleres e poñer de manifesto as súas contribucións en todos os campos do saber ao longo da historia e o coidado dos seres humanos. Identificar e rexeitar as causas e factores de discriminación, así como as situacións de violencia machista de que son vítimas.

Este criterio pretende coñecer se as alumnas e os alumnos recoñecen a igualdade e a dignidade de todas as persoas e os elementos diferenciadores que están na base dalgunhas discriminacións, se identifican as súas contribucións aos diferentes campos do saber e o coidado dos seres humanos, así como os momentos históricos máis relevantes na conquista dos dereitos políticos das mulleres e a igualdade no ámbito familiar e laboral, á vez que permite indagar se saben identificar e localizar as situacións de discriminación que aínda sofren nas sociedades actuais e rexeitan activamente a violencia contra as mulleres.

11. Xustificar as propias posicións utilizando sistematicamente a argumentación e o diálogo e participar de forma democrática e cooperativa nas actividades do centro e do contorno.

Mediante este criterio preténdese avaliar o uso axeitado da argumentación sobre dilemas e conflitos morais, se son quen de desvelar os supostos de partida nas propias posicións e nas das outras persoas, de soster un punto de vista propio, de descubrir incoherencias nos procesos de razoamento e exixir claridade, precisión e pertinencia na argumentación, pero tamén o respecto ás posicións diverxentes dos interlocutores, tanto na aula coma no ámbito familiar e social.

Por outra parte, trátase de coñecer a maneira e o grao en que as alumnas e os alumnos participan e cooperan activamente no traballo de grupo e se colaboran co profesorado e as compañeiras e compañeiros nas actividades do centro educativo e noutros ámbitos externos.

12. Recoñecerse membros dunha cidadanía global e comprender a necesidade de compartir uns mínimos morais posibilitadores da convivencia.

Este criterio pretende avaliar a capacidade do alumnado para concibir e implicarse na construción dun futuro mellor. Pretende comprobar se é quen de situarse nunha perspectiva intercultural, asumindo a natureza pluralista da nosa sociedade, valorando positivamente as diferenzas culturais, recoñecendo o diálogo entre as culturas como unha posibilidade de enriquecemento mutuo e como o camiño para lograr unha verdadeira integración, así como o establecemento duns valores mínimos compartidos. Trátase, en definitiva de comprobar, se no seu papel de cidadáns teñen por referentes os cidadáns do mundo.

Educación plástica e visual.

Introdución.

A ensinanza secundaria obrigatoria entende a educación plástica e visual como motor do desenvolvemento das capacidades perceptivas, estéticas e expresivas da persoa.

A sociedade actual posúe unha extraordinaria capacidade para producir e consumir imaxes. Estas son facilmente transmisibles e chegan a toda a cidadanía a través dos medios de comunicación, constituíndo un poderoso medio de expresión, coñecemento e transformación da realidade, podéndose converter nun medio de manipulación do pensamento das persoas. Cómpre potenciar, a través da análise e da valoración das mensaxes visuais, un xuízo crítico no alumnado co que poida alcanzar un criterio propio.

Na educación primaria, o desenvolvemento das capacidades perceptivas, creativas e expresivas exponse dun xeito global, nunha área integrada por contidos procedentes de distintos ámbitos. Na secundaria obrigatoria pódense adquirir destrezas e facer análises máis particulares e específicas. Deste xeito a educación plástica e visual organízase coma unha materia independente.

A percepción visual é un proceso cognitivo relacionado co resto dos procesos cognitivos, que implica un conxunto de estratexias básicas: seleccionar, analizar, distinguir, relacionar, etc. Aínda que todas as áreas do currículo desenvolven a capacidade de observación do alumnado, a educación plástica e visual incide especificamente no desenvolvemento da percepción e no pensamento visual. A creación de imaxes e o coñecemento dos códigos que interveñen neste proceso, así como dos fundamentos da linguaxe visual e plástica, axudarán ao desenvolvemento da capacidade creativa e imaxinativa da persoa á resolución dos procesos de creación artística.

A materia de educación plástica e visual debe contribuír a desenvolver dous aspectos fundamentais da formación, estreitamente relacionados entre si: a percepción e a representación, saber ver e saber facer. Os eixos que vertebran este currículo representan dúas cuestións fundamentais para a adquisición das capacidades que se pretenden: ensinar a ver, ensinar a representar.

Saber ver implica valorar o continxente da información visual e a análise crítica da realidade. Implica tamén a necesidade de educar na percepción que supón ser capaz de valorar criticamente unha información visual e mesmo chegar a conclusións persoais de acordo cunha escala de valores propia.

Saber facer implica a acción de investigación tendente á produción artístico-creativa e a realización de representacións expresivo-comunicativas, propiciando a adquisición de capacidades creativas

Saber facer implica a necesidade de educar no deseño, planificación, produción e creación de mensaxes icónicas, que supón ser capaz de expresarse utilizando códigos propios das linguaxes visuais.

Os contidos preséntanse agrupados en catro bloques:

Bloque 1 Observar e comprender. Bloque 2 Interpretar, expresar e crear. Bloque 3 Contorno visual e multimedia e bloque 4 Dimensión social e cultural.

O cuarto curso, en que a materia ten carácter opcional, formúlase de xeito máis especializado e agrupa tamén os contidos en bloques. Partindo dos Procesos comúns creación artística no bloque 1 desenvolve en contidos diferenciados algúns dos principais procesos de creación.

Bloque 2 A expresión plástica e visual. Bloque 3 Artes gráficas e deseño. Bloque 4. Imaxe e o son, e no bloque 5 Descrición obxectiva das formas.

Para conseguir unha forma ordenada e coherente de presentación de contidos, organizáronse en bloques diferenciados co obxectivo de acadar unha maior claridade nas aprendizaxes básicas que se van abordar. Esta estruturación non supón priorización nin formulación de puntos de partida. Aínda así, proponse unha estreita vinculación entre os contidos de distinta categoría que conforman os bloques.

O horizonte é acadar cidadáns e cidadás con autonomía, con capacidade críticas, e con capacidade para discriminar, que sexan quen de defenderse da voráxine de información que nos rodea, que coñezan e usen as distintas linguaxes visuais e as súas técnicas, que sexan capaces de percibir, experimentar, comunicarse e crear no gozo estético.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

A competencia artística e cultural adquírese fundamentalmente a través da área de educación plástica e visual, estando presente ao longo de todo o currículo. O alumnado aprende a mirar, ver, observar e percibir, e desde o coñecemento da linguaxe visual, a apreciar os valores estéticos e culturais das producións artísticas do propio patrimonio cultural e do alleo. Contribúese tamén a acadar esta competencia cando se experimenta e investiga con distintas técnicas plásticas e visuais para expresarse a través da imaxe.

A educación plástica e visual colabora na adquisición de autonomía e iniciativa persoal dado que todo proceso de creación supón converter unha idea nun produto. Incide estreitamente en desenvolver estratexias de planificación, de previsión de recursos, de anticipación e avaliación de resultados. Deste xeito, sitúa o alumnado ante un proceso que o obriga a tomar decisións de maneira autónoma. Todo isto, xunto co espírito creativo, a experimentación, a investigación e a autocrítica, fomentan a iniciativa e autonomía persoal.

Esta materia constitúe un bo vehículo para o desenvolvemento da competencia social e cidadá. Na medida en que a creación artística supoña un traballo en equipo, promoveranse actitudes de respecto, tolerancia, cooperación, flexibilidade e contribuirase á adquisición de habilidades sociais.

A reflexión sobre os procesos e experimentación creativa contribúe a favorecer a competencia de aprender a aprender que implica a aceptación dos propios erros como instrumento de mellora.

A importancia que adquiren no currículo os contidos relativos ao contorno audiovisual e multimedia, expresa o papel que se outorga a esta materia na adquisición da competencia no tratamento da información e, en particular, a que achega o mundo das imaxes. Ademais, o uso de recursos tecnolóxicos específicos non só supón un recurso válido para a produción de creacións visuais, senón que pola súa vez, colabora na adquisición da competencia dixital.

A educación plástica e visual contribúe á adquisición da competencia no coñecemento e a interacción no mundo físico mediante a utilización de procedementos relacionados co método científico, como a observación, a experimentación, o descubrimento e a reflexión e posterior análise. Así mesmo introduce valores de sustentabilidade e reciclaxe en canto as boas prácticas na utilización de materiais para a creación de obras.

Esta área contribúe á adquisición da competencia matemática desenvolvendo a linguaxe simbólica e profundando no coñecemento de aspectos espaciais da realidade, mediante a xeometría e a representación obxectiva das formas.

A educación plástica e visual enriquece a capacidade comunicativa, dado que, como toda forma de comunicación, posúe uns procedementos comúns que permiten facer uso duns recursos específicos para expresar ideas, sentimentos e emocións integrando a linguaxe plástica e visual con outras imaxes.

Obxectivos.

1. Recoñecer a importancia da imaxe nos medios de comunicación de masas, a súa influencia no pensamento social e actuar de modo crítico ante as mensaxes visuais.

2. Valorar a expresión plástica como medio de expresión artística de sociedades e culturas diferentes. Apreciala como un xeito de entendemento e concordia entre pobos, valorando as súas similitudes e diferenzas.

3. Recoñecer, comprender e valorar as manifestacións da cultura galega, apreciando o patrimonio cultural e contribuíndo á súa conservación e mellora.

4. Sensibilizar o alumnado ante o goce artístico e acadar os recursos suficientes para apreciar as diferentes representacións artísticas.

5. Adquirir e empregar con precisión a terminoloxía específica da linguaxe plástica e visual.

6. Desenvolver o pensamento lóxico e matemático na resolución do proceso creativo aplicado á representación de formas e espazos mediante o emprego das proporcións e da perspectiva.

7. Expresarse con creatividade, utilizando as diversas ferramentas e técnicas plásticas e visuais, relacionándoas con outras linguaxes e aplicando nas súas creacións as tecnoloxías da información e da comunicación mais axeitadas.

8. Utilizar a linguaxe plástica para expresar emocións e sentimentos, vivencias e ideas, contribuíndo á comunicación, reflexión crítica e respecto entre as persoas.

9. Planificar e reflexionar, de forma individual ou colectiva, sobre o proceso de realización dun obxecto partindo duns obxectivos prefixados e revisar e valorar, ao final de cada fase, o estado do seu desenvolvemento.

10. Aplicar as distintas técnicas de traballo cooperativo fomentando a responsabilidade e favorecendo o diálogo e a comunicación.

11. Establecer unha actitude positiva ante os novos retos, admitindo os erros e valorando os acertos como parte do proceso de formación do individuo.

Tres primeiros cursos.

Contidos.

Bloque 1. Observar e comprender.

* Lectura de imaxes, recoñecendo os elementos visuais, conceptuais e relacionais.

* Recoñecemento das finalidades comunicativa, expresiva e estética da comunicación visual.

* Exploración dos posibles significados dunha imaxe segundo o seu contexto expresivo e referencial, e descrición dos seus elementos formais.

* Interese pola observación sistemática.

Bloque 2. Interpretar, expresar e crear.

* Análise e realización de composicións utilizando os elementos conceptuais propios da linguaxe visual como elementos de descrición e expresión, tendo en conta conceptos de equilibrio, proporción e ritmo.

* Experimentación e exploración dos elementos que estruturan as formas e as imaxes (luz, forma, cor, textura, dimensión).

* Descubrimento e representación subxectiva das formas (posición, situación, ritmos, claroscuro, efectos visuais, imaxinación, fantasía).

* Sensibilización ante as variacións visuais producidas polos cambios lumínicos.

* Experimentación e utilización de técnicas en función das intencións expresivas e descritivas.

* Realización de apuntamentos, boquexos e esquemas en todo o proceso de creación (desde a idea inicial ata a elaboración de imaxes e formas), facilitando o proceso de reflexión, autoavaliación e avaliación.

* Produción colectiva de obras plásticas en distintos soportes.

* Representación persoal de ideas, en base a uns obxectivos, utilizando a linguaxe visual e plástica e manifestando iniciativa, creatividade e imaxinación.

* Construción de formas tridimensionais en función dunha idea ou obxectivo con diversidade de materiais.

* Actitude responsable no desenvolvemento da obra propia ou colectiva.

Bloque 3. Contorno audiovisual e multimedia.

* Identificación da linguaxe visual en prensa, publicidade e televisión.

* Análise e experimentación dos procesos, técnicas e procedementos propios dos medios de captura e manipulación de imaxes fixas, seriadas e en movemento, para producir mensaxes audiovisuais.

* Experimentación e utilización das tecnoloxías da información e da comunicación para a procura, tratamento e creación de imaxes plásticas.

* Actitude crítica ante as necesidades de consumo creadas pola publicidade e rexeitamento dos elementos desta que supoñan discriminación social, de xénero ou racial.

* Recoñecemento e valoración da presenza e influencia da imaxe no noso tempo.

Bloque 4. Dimensión social e cultural.

* Análise de obras do patrimonio cultural propio detectando as similitudes e as diferenzas respecto doutras sociedades e culturas.

* Determinación dos valores plásticos e factores persoais e sociais que destaquen nunha obra determinada e o seu autor, realizando esquemas e sínteses sobre algunhas obras para destacar os valores mais importantes.

* Diferenciación de distintos estilos e tendencias das artes visuais, determinando os factores plásticos, simbólicos, etc. que os definen e caracterizan.

* Valoración, respecto e gozo do patrimonio histórico-artístico, da obra allea e dos espazos de divulgación artística.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer a linguaxe visual e plástica como un modo de comunicación, tendo en conta as súas contribucións no desenvolvemento das capacidades perceptivas, expresivas e estéticas do individuo.

Este criterio pretende avaliar se as alumnas e os alumnos son quen de apreciar a importancia da comunicación a través de linguaxes non verbais.

2. Representar obxectos e ideas de forma bidimensional ou tridimensional tendo en conta elementos visuais establecidos previamente e utilizando as bases dos sistemas proxectivos convencionais.

Este criterio pretende avaliar a progresión dos coñecementos xeométricos e se o alumnado é capaz de tomar decisións especificando os obxectivos e as dificultades e propoñer e avaliar as consecuencias, elixindo a mellor solución.

3. Identificar os elementos constitutivos esenciais de obxectos e/ou aspectos da realidade (estrutura, variacións de luz e cor, orientación espacial e textura) e de relación entre eles.

Con este criterio compróbase se o alumnado é capaz de identificar as calidades que determinan o valor físico, funcional e estético e de describir por medio de recursos plásticos as proporcións e as relacións de forma, cor, ritmo e textura, presentes na realidade para interpretala obxectiva ou subxectivamente.

4. Diferenciar e recoñecer os procesos, técnicas, estratexias e materiais en imaxes do contorno audiovisual e multimedia.

Mediante este criterio preténdese comprobar se o alumnado é capaz de utilizar e analizar os medios tecnolóxicos como instrumentos de expresión visual mostrando unha actitude crítica fronte ás manifestacións consumistas, insolidarias, sexistas e discriminatorias.

5. Elaborar e participar, activamente, en proxectos de creación visual cooperativos como, por exemplo, producións videográficas ou plásticas, aplicando as estratexias propias e adecuadas da linguaxe plástica e visual.

Este criterio permite avaliar se o alumnado manifesta actitudes de respecto, tolerancia, flexibilidade e interese dentro dun equipo de traballo, así como se manexa axeitadamente os recursos, medios, ferramentas e técnicas que se empregan nos distintos procesos.

6. Realizar creacións plásticas seguindo o proceso de creación, amosando interese, iniciativa, creatividade e imaxinación.

Mediante este criterio preténdese avaliar se o alumnado toma conciencia das necesidades en función dos obxectivos e de valorar criticamente a súa produción aceptando os propios erros como instrumento de mellora.

7. Elixir e manexar os materiais máis adecuados para elaborar un produto visual e plástico en base a uns obxectivos prefixados e a autoavaliación continua do proceso de realización.

Compróbase con este criterio se o alumnado é capaz de utilizar estratexias compositivas adecuadas, fai un bo uso das técnicas e diferenza a orixe e as variacións dos elementos visuais para realizar as súas propias creacións.

8. Diferenciar os estilos e as tendencias das artes visuais a través do tempo e atendendo á diversidade cultural.

Este criterio pretende avaliar se o alumnado é capaz de valorar as formas e as imaxes que propoñen as distintas expresións artísticas e o interese mostrado polo seu estudo, análise e interpretación.

Cuarto curso.

Contidos.

Bloque 1. Procesos comúns á creación artística.

* Realización e seguimento do proceso de creación: bosquexo ou esquema, guión ou proxecto, presentación final ou maqueta e avaliación (reflexión, autoavaliación e avaliación colectiva do proceso e do resultado final).

* Selección e utilización das tecnoloxías da información e da comunicación nas producións propias.

* Elaboración de proxectos plásticos de forma cooperativa.

* Utilización da linguaxe plástica e visual para a representación persoal de ideas a partir de obxectivos.

* Iniciativa, creatividade e autoexixencia no proceso de creación artística e na superación das creacións propias.

Bloque 2. Expresión plástica e visual.

* Técnicas de expresión gráfico-plástica (debuxo artístico, pintura e volume) e de gravado e reprografía.

* Realización de experiencias de experimentación con materiais diversos.

* Interese pola busca e investigación sobre materiais, soportes, técnicas e ferramentas cuns fins concretos.

Bloque 3. Artes gráficas e deseño.

* Valores funcionais e estéticos nas artes aplicadas.

* Fundamentos do deseño e das súas técnicas gráfico-plásticas.

* Sintaxe das linguaxes visuais do deseño e da publicidade.

* Lectura e valoración das imaxes do contorno do deseño e da publicidade.

Bloque 4. Imaxe e son.

* Técnicas de expresión gráfico-plásticas aplicadas á imaxe fixa, seriada e en movemento.

* Recoñecemento e lectura de imaxes presentes en distintos soportes.

* Sintaxe da linguaxe audiovisual.

* Integración de produtos multimedia.

* Valoración crítica da utilización dos medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación como ferramentas para o rexistro, tratamento, creación e difusión de produtos audiovisuais

Bloque 5. Descrición obxectiva das formas.

* Representación obxectiva da realidade nun soporte bidimensional.

* Contornos de aplicación dos sistemas de representación.

* Normalización.

* Recoñecemento e lectura de representacións bidimensionais de obras arquitectónicas e de obxectos e aparellos técnicos.

Criterios de avaliación.1. Tomar decisións especificando os obxectivos e as dificultades, propoñendo diversas opcións e avaliando cal é a mellor opción.

Este criterio pretende coñecer se as alumnas e os alumnos adquiren habilidades para teren autonomía, creatividade e responsabilidade no traballo.

2. Utilizar recursos informáticos e novas tecnoloxías no proceso de elaboración da imaxe fotográfica, o deseño gráfico, o debuxo asistido por ordenador e a edición videográfica.

Este criterio pretende avaliar se o alumnado é capaz de utilizar diversidade de ferramentas da cultura actual relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación para realizar as súas propias creacións.

3. Colaborar na realización de proxectos plásticos que requiren unha organización de forma cooperativa.

Mediante este criterio inténtase comprobar se o alumnado é capaz de elaborar e participar, activamente, en proxectos cooperativos aplicando estratexias propias e adecuadas da linguaxe visual.

4. Realizar obras plásticas experimentando e utilizando diversidade de técnicas de expresión gráfico-plásticas (debuxo, volume, pintura, gravado...)

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado coñece distintos soportes e técnicas bidimensionais e tridimensionais.

5. Utilizar a sintaxe propia das formas visuais do deseño e da publicidade para realizar proxectos concretos.

Con este criterio pretende avaliar se o alumnado é capaz de distinguir nun obxecto simple ben deseñado os seus valores funcionais estéticos (proporción entre as partes, cor, textura, forma, etc.).

6. Elaborar obras multimedia e producións videográficas utilizando as técnicas adecuadas ao medio.

Preténdese avaliar se o alumnado é capaz de recoñecer e integrar os procesos, as técnicas e os materiais utilizados no eido multimedia, fotográfico, da animación, do son e videográfico, así como de utilizar as súas linguaxes específicas.

7. Describir obxectivamente as formas, aplicando sistemas de representación e normalización.

Avalíase a capacidade de representar a realidade tal como se ve sobre un soporte bidimensional mediante operacións que non requiran operacións complicadas no seu trazado. Terase en conta a corrección do trazado xeométrico dos elementos utilizados, a súa adecuada relación entre distancia e tamaño e a súa disposición no espazo.

8. Recoñecer e ler imaxes, obras e obxectos dos contornos visuais (obras de arte,deseño, multimedia...)

Preténdese coñecer se o alumnado é capaz de ter actitudes críticas e de aprecio e respecto cara as manifestacións plásticas e visuais do seu contorno.

Música.

Introdución.

A música é unha das principais manifestacións culturais habidas ao longo dos tempos, a través da cal homes e mulleres expresaron o seu mundo interior, as súas inquedanzas, pensamentos e emocións, dun xeito artístico e excepcional. Así mesmo, é unha arte viva e experiencial, que lle permite a todo o alumnado experimentar coas súas posibilidades instrumentais, vocais e de movemento, a través do coñecemento dos procedementos compositivos constitutivos desta arte. A posibilidade de gravar o son fixo que se modificasen sensiblemente as relacións entre creadores, intérpretes e público; en efecto, os medios de comunicación contribúen á difusión masiva desta arte, ao mesmo tempo que as tecnoloxías da comunicación permiten ampliar considerablemente os referentes musicais da sociedade grazas ás súas achegas a toda a produción musicográfica mundial. Neste senso, a música faise presente en todas os opcións de lecer da mocidade: os concertos en vivo, os CD, reprodutores de música en formato dixital, a televisión, os videoxogos, o cine, a publicidade, a internet, etc.

A materia de música na educación secundaria obrigatoria ten como obxecto guiar e afianzar os coñecementos musicais e a actitude ante a música que o alumnado alcanzou na educación primaria, situándoos nun marco de competencias que lle posibilite gozar da creación e da escoita musical; así mesmo, ten o obxecto de establecer puntos de contacto entre a música de carácter masivo e a gran tradición musical, xa que é un medio habitual de diversión e entretemento entre os mozos e mozas; por isto, cómpre afondar nesta etapa nas raíces culturais da música galega e a europea, recoñecéndoa como parte fundamental do noso patrimonio cultural, xa que, soamente a través do coñecemento profundo da nosa realidade cultural será posible desenvolver un achegamento ás culturas musicais doutros pobos.

Por estes motivos, a educación neste ámbito na etapa secundaria obrigatoria quere ser unha canle que permita por en funcionamento a iniciativa, a sensibilidade e a creatividade do alumnado, estimular a creación dunha conciencia artística propia, ao mesmo tempo que desenvolver actitudes de valoración da liberdade de expresión, ao achegarse ás expresión musicais doutros pobos, o que contribúe ao fomento da sensibilidade e á ampliación do propio horizonte estético. A vía de consecución destes obxectivos é a través da audición, da interpretación e da creación propia e allea.

Alcanzar estes obxectivos exixe do noso alumnado o afianzamento da súa iniciativa propia e do sentido crítico sobre as manifestacións musicais que a sociedade da comunicación pon ao seu alcance. Tomar conciencia do gusto estético propio exixe así mesmo, o desenvolvemento de valores persoais como os da dignidade, a liberdade, a autoestima e a seguridade nun mesmo, entre outros valores, especialmente no desenvolvemento artístico da práctica musical e do movemento en grupo, que require respecto e coordinación cos demais.

Cómpre ter en conta que o alumnado que inicia esta etapa vén de coñecer na educación primaria os fundamentos musicais máis xerais, polo que na nova etapa da súa formación está en condicións de afondar neles a través dunha metodoloxía analítica e propedéutica, que incida nos aspectos vertebradores da materia na educación secundaria obrigatoria e que son:

Bloque 1 A escoita. Bloque 2 A interpretación. Bloque 3 A creación. Bloque 4 Os contextos musicais.

A formación musical do alumnado debe incidir na comprensión e asimilación dos parámetros musicais que articulan estes distintos bloques, desde unha perspectiva cultural, artística e estimuladora da iniciativa persoal.

Así, a escoita engloba a percepción e a introspección analítica desta que completa e dá sentido á percepción formal, tímbrica, rítmica, etc., da música. Nesta etapa, o alumnado está en condicións de desenvolver as capacidades que lle permitan escoitar activamente e comprender globalmente distintas manifestacións musicais, producidas en períodos históricos precedentes, nos momentos actuais e na propia aula de música.

A interpretación e creación refírese á capacitación do alumnado para que este sexa quen de desenvolver, ben individualmente, ben coas súas compañeiras e compañeiros accións musicais que impliquen a voz, os instrumentos e o movemento. Mediante o desenvolvemento destas capacidades trátase de facilitar a consecución dun dominio básico de técnicas vinculadas ao canto, a interpretación instrumental, individual e de grupo, e as que conducen ao movemento e á danza. Estes dous bloques están pois, estreitamente ligados á expresión.

O bloque contextos musicais, inclúe contidos relacionados cos referentes culturais das músicas e o seu papel nos distintos contextos sociais e culturais, é dicir, que o bloque se vertebra a partir duns contidos referenciais a través dos cales pivota a historia da música occidental en que se insire a nosa tradición musical.

En cuarto curso, onde a materia é opcional, o primeiro dos bloques é Audición e referentes musicais, que se relaciona directamente co eixo mencionado de escoita. O segundo bloque, Interpretación e creación, enmárcase no ámbito de expresión e recolle todos aqueles contidos vinculados coa interpretación vocal e instrumental, o movemento e a danza, a improvisación, a elaboración de arranxos e a composición, así como a participación en proxectos musicais de diversa índole. O terceiro bloque, que está moi vinculado cos anteriores, é Música e tecnoloxías; como se deriva do seu encabezamento, introduce contidos que permiten coñecer e utilizar ferramentas tecnolóxicas en actividades de audición e produción musical.

Da organización dos contidos en bloques e eixos non se deriva unha priorización na súa secuencia. É dicir, na práctica, o profesorado combinará ambos os aspectos do xeito que lle resulte máis coherente e que fomente a comprensión dos contidos e conceptos musicais por parte do seu alumnado.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

A materia de música contribúe de forma directa á adquisición da competencia cultural e artística en todos os aspectos que a configuran. Fomenta a capacidade de apreciar, comprender e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e musicais, a través de experiencias perceptivas, expresivas e do coñecemento de músicas de diferentes culturas, épocas e estilos. Pode potenciar así, actitudes abertas e respectuosas e ofrecer elementos para a elaboración de xuízos fundamentados respecto das distintas manifestacións musicais, establecendo conexións con outras linguaxes artísticas e cos contextos social e histórico os que se circunscribe cada obra.

Colabora ao desenvolvemento da competencia de autonomía e iniciativa persoal, mediante o traballo colaborativo e a habilidade para planificar e xestionar proxectos. A interpretación e a composición son dous claros exemplos de actividades que requiren dunha planificación previa e de toma de decisións para obter os resultados desexados. Por outra banda, naquelas actividades relacionadas especialmente coa interpretación musical, desenvólvense capacidades e habilidades tales como a perseveranza, a responsabilidade, a autocrítica e a autoestima, sendo estes factores clave para a adquisición desta competencia. Non pode esquecerse tampouco que a organización e realización de actividades musicais no centro escolar require a utilización de habilidades sociais para traballar en equipo co fin de levar a cabo un proxecto común: poñerse no lugar doutro, valorar as ideas dos demais, dialogar, negociar e traballar de forma cooperativa e flexible para un ben común.

A música contribúe tamén á competencia social e cidadá. A participación en actividades musicais e de movemento de distinta índole, especialmente as relacionadas coa interpretación e creación colectiva que requiren dun traballo cooperativo colabora na adquisición de habilidades para relacionarse cos demais. A participación en experiencias colectivas, musicais e de movemento dá a oportunidade de expresar ideas propias, valorar as dos demais e coordinar as súas propias accións coas doutros integrantes do grupo responsabilizándose na consecución dun resultado.

A toma de contacto cunha ampla variedade de músicas, tanto do pasado como do presente, favorece a comprensión de diferentes culturas e da súa contribución á sociedade en que vivimos, fomentando a valoración das distintas achegas e a percepción da progresiva fusión de estilos e culturas que se está a realizar nesta arte. A reflexión sobre a presenza incesante da música nas nosas vidas, sobre o uso que dela se fai na publicidade e noutros medios como elemento de manipulación emotiva, e sobre o seu papel na economía e na creación de novas profesións, desenvolve a valoración crítica e a comprensión da realidade.

A música tamén contribúe de xeito directo ao desenvolvemento do tratamento da información e da competencia dixital. O uso dos recursos tecnolóxicos no campo da música posibilita o coñecemento e dominio básico do hardware e o software musical, os distintos formatos de son e de audio dixital ou as técnicas de tratamento e gravación do son relacionados, entre outros, coa produción de mensaxes musicais, audiovisuais e multimedia. Favorece, así mesmo, o seu aproveitamento como ferramenta para os procesos de autoaprendizaxe e a súa posible integración nas actividades de lecer.

Ademais a obtención de información musical require de destrezas relacionadas co tratamento da información aínda que desde esta materia, merece especial consideración o uso de produtos musicais e a súa relación coa distribución e os dereitos de autor.

A música tamén contribúe ao desenvolvemento da competencia para aprender a aprender, potenciando capacidades e destrezas fundamentais para a aprendizaxe guiada e autónoma como a atención, a concentración e a memoria, á vez que desenvolve o sentido da orde e da análise.

Respecto á competencia en comunicación lingüística, a música contribúe, do mesmo xeito que outras áreas, a enriquecer os intercambios comunicativos, e á adquisición e uso dun vocabulario musical básico. Tamén colabora coa integración da linguaxe musical e da linguaxe verbal e coa valoración do enriquecemento que a dita interacción xera.

Desde o punto de vista da competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico a música realiza a súa achega á mellora da calidade do ambiente identificando e reflexionando sobre o exceso de ruído, a contaminación sonora e o uso indiscriminado da música, co fin de xerar hábitos saudables. Ao mesmo tempo os contidos relacionados co uso terapéutico da música ou co uso correcto da voz e do aparello respiratorio, non só para conseguir resultados musicais óptimos, senón tamén para previr problemas de saúde, inciden no desenvolvemento desta competencia.

A música contribúe á competencia matemática poñendo en evidencia a necesidade do manexo de principios matemáticos para a comprensión dos elementos básicos da linguaxe musical: a relación entre as distintas figuras, o compás, o timbre ou as agrupacións dos sons en distintos tipos de escalas. Por outra parte non podemos esquecer a relación que teñen coas matemáticas e a física correntes musicais como a música aleatoria, algorítmica, a estocástica e a fractal.

Obxectivos.

A ensinanza da música nesta etapa terá como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

* Utilizar a voz, o corpo, obxectos, instrumentos e dispositivos electrónicos para expresar ideas e sentimentos, enriquecendo as propias posibilidades de comunicación e respectando outras formas distintas de expresión.

* Desenvolver e aplicar diversas habilidades e técnicas que posibiliten a creación, a interpretación vocal e a instrumental, o movemento e a danza, tanto de forma individual como en grupo.

* Escoitar unha ampla variedade de obras, de distintos estilos, xéneros, tendencias e culturas musicais, apreciando o seu valor como fonte de coñecemento, enriquecemento intercultural e gozo persoal, interesándose por ampliar e diversificar as preferencias musicais propias.

* Recoñecer as características de diferentes obras musicais como exemplos da creación artística e do patrimonio cultural, recoñecendo as súas intencións e funcións e aplicando a terminoloxía apropiada para describilas e valoralas criticamente.

* Utilizar de forma autónoma diversas fontes de información -medios audiovisuais, internet, textos, partituras e outros recursos gráficos- para o coñecemento e gozo da música.

* Coñecer e utilizar diferentes medios audiovisuais e tecnoloxías da información e da comunicación como recursos para a produción musical, valorando a súa contribución ás distintas actividades musicais e a aprendizaxe autónoma da música.

* Participar na organización e realización de actividades musicais desenvolvidas nos diferentes contextos, con respecto e disposición para superar estereotipos e prexuízos, tomando conciencia, como membro dun grupo, do enriquecemento que se produce coas contribucións dos demais.

* Comprender e valorar as relacións entre a linguaxe musical e outras linguaxes e ámbitos de coñecemento, así como a función e o significado da música en diferentes producións artísticas e audiovisuais e nos medios de comunicación.

* Elaborar xuízos e criterios persoais, mediante unha análise crítica dos diferentes usos sociais da música, sexa cal sexa a súa orixe, aplicándoos con autonomía e iniciativa a situacións cotiás e valorando a contribución que a música pode facer á vida persoal e a da comunidade.

* Valorar o silencio e o son como fenómenos naturais e como elementos musicais, tomando conciencia da súa función como parte integral do ambiente e utilizando coñecementos da ecoloxía acústica para aproximarse a paisaxes sonoras de diferentes épocas e espazos para combater a polución sonora.

Contidos.

Tres primeiros cursos.

Bloque 1. Escoita.

* Utilización dos recursos necesarios para a comprensión da música escoitada.

* Elementos que interveñen na construción dunha obra musical: melodía, ritmo, harmonía, timbre, textura, forma, tempo, dinámica, etc.

* Identificación dos elementos da música e das súas características na audición e na análise de obras musicais.

* Clasificación e discriminación auditiva dos diferentes tipos de voces e instrumentos e das distintas agrupacións vocais e instrumentais.

* Audición, análise elemental e apreciación crítica de obras vocais e instrumentais de distintos estilos, xéneros, tendencias e culturas musicais, incluíndo as interpretacións e composicións realizadas na aula. Interese por coñecer músicas de distintas características e por ampliar as propias preferencias musicais.

* A música en vivo: concertos e outras manifestacións musicais, da propia cultura musical e doutras. Interese por desenvolver hábitos positivos e de respecto aos demais durante a escoita.

* Aplicación de estratexias de atención, audición interior, memoria comprensiva e anticipación durante a interpretación e creación musical.

* Valoración da audición como forma de comunicación e como fonte de coñecemento e enriquecemento intercultural.

Bloque 2. Interpretación.

* As características da voz e da palabra como medios de expresión musical. Habilidades técnicas e interpretativas, exploración e descubrimento das posibilidades da voz como medio de expresión musical.

* Os instrumentos e o corpo como medios de expresión musical: características xenéricas e formais.

* Agrupacións vocais e instrumentais na música de diferentes xéneros, estilos e culturas. A interpretación individual e en grupo.

* Práctica de pezas musicais aprendidas a través da memorización e da lectura de partituras.

* As grafías e outras formas de notación musical, convencionais e propias, empregadas como expresión musical.

* Experimentación e práctica das distintas técnicas do movemento e da danza, expresión dos contidos musicais a través do corpo e do movemento e a interpretación dun repertorio variado de danzas.

* Coñecemento e emprego das tecnoloxías da información na interpretación e gravación de pezas musicais.

* Práctica da relaxación, a respiración, a articulación, a resonancia e a entoación.

* Exploración das posibilidades de diversas fontes sonoras e práctica de habilidades técnicas para a interpretación.

* Práctica das pautas básicas da interpretación: silencio, atención ao director/a e aos/ás e outros/as intérpretes, audición interior, memoria e adecuación ao conxunto.

* Aceptación e cumprimento das normas que rexen a interpretación en grupo e a aportación das ideas musicais que contribúan ao perfeccionamento da tarefa común.

* Aceptación e predisposición para mellorar as capacidades técnicas e interpretativas propias e respecto ante outras formas de expresión.

Bloque 3. Creación.

* A improvisación, a elaboración de arranxos e a composición como recursos para a creación musical en todas as súas vertentes; elaboración de arranxos de cancións e pezas instrumentais, con acompañamentos sinxelos e a selección de distintos tipos de organización musical.

* Composición individual ou en grupo de cancións e pezas instrumentais para distintas agrupacións a partir da combinación de elementos e recursos presentados no contexto das diferentes actividades que se realizan na aula.

* Sonorización de representacións dramáticas, actividades de expresión corporal e danza e imaxes fixas e en movemento na realización de producións audiovisuais.

* Fomento da sensibilidade estética, desenvolvida a través da comprensión e interiorización da música.

* Emprego e coñecemento dos recursos necesarios para a conservación e a difusión das creacións musicais propias e alleas.

* Utilización das tecnoloxías da información nos procesos de creación musical.

Bloque 4. Contextos musicais.

* Recoñecemento e localización nas coordenadas espacio-temporais das manifestacións musicais máis significativas do patrimonio musical galego, occidental e doutras culturas.

* A pluralidade de estilos na música actual. Características culturais, artísticas e formais.

* A música ao servizo doutras linguaxes; corporal, teatral, cinematográfica, radiofónica ou publicitaria. Análise da música empregada en diferentes tipos de espectáculos e producións audiovisuais.

* Utilización de diversas fontes de información para indagar sobre instrumentos, compositores e compositoras, concertos e producións musicais en vivo e gravadas, tanto do patrimonio galego como da música occidental en xeral e doutras culturas.

* O son e a música nos medios audiovisuais e nas tecnoloxías da información e a comunicación. Valoración dos recursos tecnolóxicos como instrumentos para o coñecemento e gozo da música.

* Sensibilización e actitude crítica ante o consumo indiscriminado de música e a contaminación sonora.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer auditivamente e determinar a época e a cultura musical a que pertencen distintas pezas escoitadas con anterioridade na aula.

Con este criterio preténdese comprobar en que medida o alumnado é capaz de situar axeitadamente unha obra musical no contexto que lle é propio.

2. Identificar e analizar os compoñentes básicos dunha obra musical, empregando a linguaxe musical coñecida a través do traballo na aula.

Con este criterio trátase de avaliar a capacidade do alumnado de expresar coa linguaxe propia do ámbito musical, os elementos básicos que configuran unha obra musical.

3. Ser quen de comunicar axeitadamente e con rigor valoracións persoais sobre as distintas manifestacións musicais coñecidas con anterioridade na aula.

Con este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado de valorar positivamente e con respecto distintas manifestacións musicais, facéndoo co rigor e con criterios de profundidade, indo máis aló dunha simple opinión non sustentada no coñecemento.

4. Utilizar axeitadamente as tecnoloxías do coñecemento á hora de crear ou escoitar unha peza musical.

Con este recurso trátase de avaliar a disposición de apertura e a capacidade de acción do alumnado á hora de utilizar as tecnoloxías do coñecemento no eido musical.

5. Coñecer cómo se desenvolve a interpretación en grupo, ben sexa instrumental, vocal ou de movemento.

Con este criterio trátase de comprobar a capacidade do alumnado para levar a cabo interpretacións conxuntas conforme as normas que emanan da disciplina musical e do respecto polo quefacer dos demais.

6. Elaborar axeitadamente un pequeno arranxo musical.

Con este criterio trátase de avaliar a aplicación por parte do alumnado dos coñecementos adquiridos na aula no ámbito da creación.

7. Ler axeitadamente as grafías musicais con que se escribe unha obra musical.

Con este criterio preténdese comprobar o grao de coñecemento das grafías básicas que lle permitan ao alumnado a lectura axeitada dunha peza musical.

Cuarto curso.

Bloque 1. Audición e referentes musicais.

* A música como un elemento cunha presenza constante na vida das persoas: a audición de música na vida cotiá, nos espectáculos e nos medios audiovisuais. Reflexión sobre esa presenza incesante nas nosas vidas e a necesidade do silencio.

* Audición, recoñecemento, análise e comparación de músicas de diferentes xéneros, estilos e culturas.

* Utilización de distintas fontes de información para obter referencias sobre músicas de diferentes épocas e culturas, incluídas as actuais, e sobre a oferta de concertos e outras manifestacións musicais tanto en vivo como divulgadas a través dos medios de comunicación.

* A música nos medios de comunicación. Factores que inflúen nas preferencias e as modas musicais.

* A crítica como medio de información e valoración do feito musical. Análise de críticas musicais e uso dun vocabulario apropiado para a elaboración de críticas orais e escritas sobre a música escoitada.

* A edición, a comercialización e a difusión da música. Novas modalidades de distribución da música e as súas consecuencias para os profesionais da música e a industria musical.

* Interese, respecto e curiosidade pola diversidade de propostas musicais, así como polos gustos musicais doutras persoas.

* Rigor na utilización dun vocabulario adecuado para describir a música.

Bloque 2. Interpretación e creación.

* Práctica e aplicación de habilidades técnicas en grao crecente de complexidade e concertación coas outras partes do conxunto na interpretación vocal e instrumental e no movemento e a danza.

* Interpretación de pezas vocais e instrumentais aprendidas de oído e/ou mediante a lectura de partituras con diversos tipos de notación.

* Utilización de diferentes técnicas, recursos e procedementos compositivos na improvisación, a elaboración de arranxos e a creación de pezas musicais.

* Planificación, ensaio, interpretación, dirección e avaliación de espectáculos musicais na aula e noutros espazos e contextos.

* Ámbitos profesionais da música. Identificación e descrición das distintas facetas e especialidades no traballo dos músicos.

* Perseveranza na práctica de habilidades técnicas que permitan mellorar a interpretación individual e en grupo e a creación musical.

* Interese por coñecer as posibilidades que ofrece a música nos ámbitos persoal e profesional.

Bloque 3. Música e tecnoloxías.

* O papel das tecnoloxías na música. Reflexión sobre a repercusión que na música tivo a posibilidade de gravar o son e a aparición dos ordenadores.

* Transformación de valores, hábitos, consumo e gusto musical como consecuencia dos avances tecnolóxicos das últimas décadas.

* Utilización de dispositivos electrónicos, recursos da internet e software musical de distintas características para o adestramento auditivo, a escoita, a interpretación e a creación musical.

* Aplicación de diferentes técnicas de gravación, analóxica e dixital, para rexistrar as creacións propias, as interpretacións realizadas no contexto da aula e outras mensaxes musicais.

* Análise das funcións da música en distintas producións audiovisuais: publicidade, televisión, cine, videoxogos, etc.

* Sonorización de imaxes fixas e en movemento mediante a selección de músicas preexistentes ou a creación de bandas sonoras orixinais.

* Valoración crítica da utilización dos medios audiovisuais e as tecnoloxías da información e a comunicación como recursos para a creación, a interpretación, o rexistro e a difusión de producións sonoras e audiovisuais.

Criterios de avaliación.

1. Explicar algunhas das funcións que cumpre a música na vida das persoas e na sociedade.

Con este criterio preténdese avaliar o coñecemento do alumnado acerca do papel da música en situacións e contextos diversos: actos da vida cotiá, espectáculos, medios de comunicación, etcétera.

2. Analizar diferentes pezas musicais apoiándose na audición e no uso de documentos impresos como partituras, comentarios ou musicogramas e describir as súas principais características.

Este criterio intenta avaliar a capacidade do alumnado para identificar algúns dos trazos distintivos dunha obra musical e para describir, utilizando unha terminoloxía adecuada, aspectos relacionados co ritmo, a melodía, a textura ou a forma. A análise realizarase sempre en situacións contextualizadas e a partir da audición de obras previamente traballadas na aula ou con características similares a estas.

3. Expoñer de forma crítica a opinión persoal respecto a distintas músicas e eventos musicais, argumentándoa en relación á información obtida en distintas fontes: libros, publicidade, programas de concertos, críticas, etcétera.

Este criterio pretende avaliar a capacidade para expresar unha opinión fundamentada respecto dunha obra ou dun espectáculo musical, así como a habilidade para comunicar, de forma oral ou escrita, e argumentar correctamente as propias ideas apoiándose na utilización de diferentes fontes documentais.

4. Ensaiar e interpretar, en pequeno grupo, unha peza vocal ou instrumental ou unha coreografía aprendidas de memoria a través da audición ou observación de gravacións de audio e vídeo ou mediante a lectura de partituras e outros recursos gráficos.

Con este criterio trátase de comprobar a autonomía do alumnado e a súa disposición e colaboración con outros membros do grupo, seguindo os pasos necesarios e introducindo as medidas correctivas adecuadas para lograr un resultado acorde coas súas propias posibilidades.

5. Participar activamente nalgunhas das tarefas necesarias para a celebración de actividades musicais no centro: planificación, ensaio, interpretación, difusión, etcétera.

A través deste criterio preténdese valorar o coñecemento do alumnado dos pasos a seguir na organización e posta en marcha dun proxecto musical, a súa iniciativa e o seu interese pola procura de solucións ante os problemas que poidan xurdir.

6. Explicar os procesos básicos de creación, edición e difusión musical considerando a intervención de distintos profesionais.

Este criterio pretende avaliar o coñecemento do alumnado sobre o proceso seguido en distintas producións musicais (discos, programas de radio e televisión, cine, etcétera) e o papel xogado en cada unha das fases do proceso polos diferentes profesionais que interveñen.

7. Elaborar un arranxo para unha peza musical a partir da transformación de distintos parámetros (timbre, número de voces, forma, etcétera) nun ficheiro MIDI, utilizando un secuenciador ou un editor de partituras.

Con este criterio inténtase avaliar a capacidade do alumnado para utilizar diferentes recursos informáticos ao servizo da creación musical. Trátase de valorar a aplicación das técnicas básicas necesarias para utilizar algúns dos recursos tecnolóxicos ao servizo da música e a autonomía do alumnado para tomar decisións no proceso de creación.

8. Sonorizar unha secuencia de imaxes fixas ou en movemento utilizando diferentes recursos informáticos.

Este criterio pretende comprobar os criterios de selección de fragmentos musicais adecuados á secuencia de imaxes que se pretende sonorizar e a aplicación das técnicas básicas necesarias para a elaboración dun produto audiovisual, e pode desenvolverse en coordinación coa materia de educación plástica e audiovisual.

Lingua galega e literatura.

Introdución.

A área de lingua galega e literatura ten como finalidade fundamental o desenvolvemento da competencia comunicativa do alumnado. Xa que logo, está orientada a garantir que, ao final da educación secundaria obrigatoria, o alumnado sexa capaz de interaccionar adecuadamente nas situacións de comunicación fundamentais dos ámbitos escolar, social, cultural e profesional, que comprenda a diversidade de mensaxes orais e escritas con que se vai atopar ao longo da súa vida adulta e que sexa quen de producilas, non só coa debida corrección lingüística, senón tamén con creatividade e adecuación ao contexto en que se realiza a comunicación. Non en van, a lingua é unha das ferramentas fundamentais que vai utilizar para relacionarse na sociedade, para adquirir novos coñecementos e entender a realidade, para analizar criticamente a información, para xerar e difundir ideas ou opinións e mais para expresar a súa afectividade e regular as emocións.

Por esta razón, os bloques de comunicación oral e escrita céntranse sobre todo no traballo lingüístico das relacións interpersoais e sociais e nas habilidades comunicativas precisas en todas as áreas curriculares, así como no emprego activo dos medios de comunicación e das tecnoloxías da sociedade da información. Ademais, concibir a aprendizaxe da lingua como o desenvolvemento das destrezas de comprensión e de expresión nos contextos sociais máis relevantes, incluído o literario, implica que o coñecemento formal debe poñerse ao servizo da mellora das habilidades comunicativas. A aprehensión das formas, estruturas e regras realízase mediante a reflexión e indución sobre os usos contextualizados e ten que redundar no perfeccionamento destes. Daquela, a unidade lingüística fundamental terá que ser o discurso e as propiedades textuais convértense nun dos piares do bloque de funcionamento da lingua. Mais esta concepción implica tamén unha sistematización progresiva ao longo da etapa dese funcionamento da lingua, co asentamento dunha metalinguaxe axustada e, asemade, o profundamento gradual na reflexión sobre discursos cada vez máis complexos.

Agora ben, a lingua tamén é transmisora de significados culturais e iso supón atender a aspectos como o seu papel de depositaria e, ao mesmo tempo, conformadora dunha determinada visión do mundo ou cultura e, así mesmo, como lugar de proxección simbólica de identidades. Deste xeito, a materia de lingua galega e literatura debe garantir un coñecemento reflexivo e práctico do idioma que leve o alumnado a sentirse seguro para usalo con propiedade en calquera situación, mais tamén debe contribuír á comprensión e á valoración da realidade plurilingüe en que nos movemos e á superación dos prexuízos que bloquean o uso do galego en determinados contextos ou con determinadas persoas, encarando os condicionamentos sociolingüísticos derivados do proceso de minorización que sofre. Todas estas son finalidades do bloque de lingua e sociedade.

Tamén o estudo da literatura pode e debe ser abordado desde diferentes perspectivas. En concreto, debe contribuír á capacitación comunicativa do alumnado ao fornecerlle modelos de lingua apropiados e creativos en que prima a dimensión estética, pero tamén se erixe como fonte de pracer e de enriquecemento persoal e como manifestación dunha cultura diferenciada.

A literatura tamén contribue a mellorar o gusto pola lectura, a mellorar a súa capacidade de comprensión e interpretación de mensaxes escritas e a formar o espírito crítico do alumnado.

En calquera caso, será preciso integrar na práctica da aula, a través de tarefas e situacións significativas para o alumnado, tanto procedementos, conceptos e actitudes como o traballo das capacidades básicas (escoitar comprensivamente e falar, ler e escribir) así como, en xeral, todos os bloques de contidos, que presentan a súa especificidade sempre en articulación cos demais.

O ensino desta área así como a secuenciación de contidos en cada un dos bloques, parte do principio de que a aprendizaxe dunha lingua progresa en espiral, o que significa que a adquisición de novas habilidades debe ir paralela ao mantemento e á activación das dos cursos anteriores, pois sobre elas se asenta. Polo tanto, secuenciar contidos non implica en moitos casos facer unha selección dos que se dan en cada curso, senón indicar a atención e o grao maior ou menor de profundidade con que se han abordar. Do mesmo xeito, os criterios de avaliación dos distintos cursos só se distinguirán na autonomía que as alumnas e os alumnos deberán demostrar na asimilación e uso práctico dos contidos, en función da súa madureza e de que se trate de avaliar a adquisición de novas habilidades ou a activación das vellas.

Cómpre poñer especial atención na oralidade e nas competencias activas; aproveitar os recursos que ofrece a biblioteca, así como as tecnoloxías da información e da comunicación, e fomentar a investigación en grupo e o traballo colaborativo do alumnado.

Por outro lado, cómpre lembrar que a aprendizaxe lingüística non se fai só na clase de lingua galega e literatura, senón que outros axentes, como os medios de comunicación, a familia, as compañeiras e os compañeiros, así como o profesorado doutras áreas, inciden na adquisición das habilidades comunicativas do alumnado.

En relación coa aprendizaxe non formal da lingua, cabe sinalar tamén que cumprirá traballar en equipo co resto do profesorado para converter o centro nun lugar que ofreza contextos comunicativos diversos en galego que lle fornezan ao alumnado modelos lingüísticos adecuados a cada situación e favorezan as interaccións entre iguais de maneira organizada. O traballo por proxectos que impliquen varias disciplinas é, neste sentido, de grande utilidade. Fundamentalmente, é preciso asegurar a coordinación do profesorado de lingua galega co que imparte as outras linguas no centro. Convén buscar a maneira de rendibilizar os coñecementos lingüísticos e literarios que ten o alumnado, aproveitando todos os contidos adquiridos nunha das materias para a aprendizaxe das outras. Unha proposta didáctica integradora das distintas linguas do centro asegura a transferencia de saberes entre elas.

Contribución da área ao desenvolvemento das competencias básicas.

Se a área de lingua e literatura se orienta á adquisición de destrezas que permitan o uso pleno da lingua nun amplo abano de contextos, é evidente que constitúe o ámbito privilexiado para o progreso da competencia en comunicación lingüística en toda a súa extensión.

Porén, hai outras competencias básicas con que garda unha relación moi estreita. Así sucede, coa competencia social e cidadá. Desde a materia de lingua galega e literatura é obrigado facilitar, a través do traballo con diferentes tipos de textos e situacións de comunicación, a aproximación crítica á realidade, así como o coñecemento e exercicio dos valores democráticos e dos dereitos civís.

O traballo das destrezas dialóxicas prepara para compartir e respectar saberes e referencias culturais. Ademais, redunda na mellora da práctica de normas sociais de convivencia, no emprego da negociación para chegar a acordos.

En canto á competencia no tratamento da información e dixital, a súa relación con lingua galega e literatura ten dúas dimensións complementarias: dunha banda, cómpre aprender a utilizar unha serie de ferramentas que hoxe en día se presentan en soportes variados e que lles permitirán ás alumnas e aos alumnos mellorar as súas habilidades e obter información verbo da área que nos ocupa: desde as máis estritamente lingüísticas, como dicionarios, correctores ortográficos..., ata as relacionadas coa materia dun xeito menos exclusivo (enciclopedias, xornais dixitais...), pasando por outras de corte literario (bibliotecas virtuais, catálogos de publicacións...).

Doutra banda, a lingua mesma é unha ferramenta: aquela con que os cidadáns e cidadás nos enfrontamos á crecente cantidade de información de que se dispón. Con ela podemos e debemos seleccionar, analizar criticamente, organizar, relacionar e sintetizar esa información co fin de transformármola en coñecemento.

Disponse de competencia cultural e artística se se crean, comprenden, aprecian e valoran con criterio manifestacións estéticas. Nesta área, isto concrétase sobre todo no ámbito literario, mais tamén no coñecemento e valoración da riqueza cultural que supón a diversidade lingüística e a expresividade popular da fala.

En canto á competencia para aprender a aprender, desenvólvese ao contribuír a linguaxe á estruturación do pensamento e ao control da aprendizaxe; en concreto, ao perfeccionar a lectura comprensiva, a composición de resumos e de esquemas que organicen as ideas, a interpretación das informacións lingüísticas dos dicionarios, a exposición e as conclusións sobre tarefas académicas, etc. Tamén contribuirá decisivamente o valorar a lectura e a escrita como fontes de enriquecemento propio.

A autonomía e iniciativa persoal promóvense desde a materia de lingua e literatura co contacto activo e continuo con distintos espazos de comunicación: a intervención en situacións reais ou simuladas; os obradoiros de escrita; a lectura de obras literarias que estimulen a imaxinación e fomenten a creatividade; o uso progresivamente autónomo dos medios de comunicación social, das tecnoloxías da información e da comunicación (en diante, TIC) e da biblioteca para aprender a manter unha actitude crítica ante as mensaxes recibidas; a localización e selección de información; a orientación lectora; o fomento da autoestima lingüística, etc. Pero, ademais, o propio traballo da linguaxe é clave na análise de problemas, na elaboración de plans e nas toma de decisións.

Obxectivos.

1. Comprender discursos orais e escritos nos diversos contextos da actividade social, cultural e académica.

2. Expresarse oralmente de xeito correcto, coherente, creativo e adecuado aos distintos contextos da actividade social, laboral e cultural, adoptando mediante o diálogo actitudes de respecto e de colaboración cos demais.

3. Expresarse por escrito de xeito correcto, coherente, creativo e adecuado aos distintos contextos da actividade social, laboral e cultural.

4. Utilizar eficazmente a lingua na actividade escolar para buscar, procesar e analizar información e mais para redactar ou expoñer textos propios do ámbito académico.

5. Utilizar criticamente e con progresiva autonomía as bibliotecas, os medios de comunicación social e as TIC para obter, interpretar, elaborar e valorar informacións de diversos tipos e opinións diferentes.

6. Aplicar con certa autonomía os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso lingüístico para comprender textos orais e escritos e mais para escribir e falar con adecuación, coherencia e corrección.

7. Comprender as circunstancias que condicionaron a historia social da lingua galega, afirmándoa como propia de Galicia, así como as que hoxe condicionan o seu uso, de xeito que se estea en disposición de superar as que supoñen obstáculos para a súa utilización en calquera contexto e situación.

8. Coñecer e respectar a realidade plurilingüe e pluricultural do Estado español, de Europa e do mundo actual, facerse consciente da riqueza que representa e entender as situacións que provoca o contacto de linguas.

9. Analizar os diferentes usos sociais das linguas para evitar os estereotipos que supoñen xuízos de valor e prexuízos clasistas, racistas ou sexistas.

10. Ler con fluidez, consolidar o hábito lector e facer da lectura fonte de pracer, de enriquecemento persoal e de coñecemento do mundo.

11. Comprender textos literarios utilizando os coñecementos sobre as convencións de cada xénero, os temas e motivos da tradición literaria e os recursos estilísticos.

12. Aproximarse ao coñecemento do patrimonio literario e valoralo como un xeito de simbolizar a experiencia individual e colectiva en diferentes contextos histórico-culturais.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Comunicación oral. Escoitar e falar.

Comprensión de textos.

* Comprensión de textos propios dos medios de comunicación, especialmente de novas de actualidade próximas aos intereses do alumnado.

* Comprensión de textos orais utilizados no ámbito académico, como presentación de tarefas e de instrucións para a súa realización ou breves exposicións orais de temáticas variadas.

* Desenvolvemento de habilidades de escoita activa. Actitude de interese, de cooperación e de respecto ante as intervencións orais de quen fala diante de nós, sobre todo en exposicións do profesorado ou do alumnado e mais no traballo colaborativo.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación, con especial atención ás procedentes dos informativos dos medios de comunicación. Identificación dos usos lingüísticos discriminatorios máis evidentes e procura de alternativas.

* Valoración das producións orais emitidas cunha fonética galega correcta e actitude crítica ante os prexuízos que se poidan asociar a ela.

Produción de textos.

* Exposición planificada, clara e ordenada, coa axuda das TIC, de informacións de actualidade que interesen ao alumnado tomadas dos medios de comunicación.

* Narración oral coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC a partir dun guión preparado previamente, incluíndo descricións sinxelas, ideas e valoracións relativas aos feitos expostos.

* Participación activa en situacións propias do ámbito académico (pedimento de aclaracións, intercambio de opinións, exposición de conclusións...).

* Coherencia entre comunicación verbal e non verbal na produción dos discursos e presentacións orais.

* Participación en situacións de comunicación reais ou simuladas propias da vida cotiá do alumnado adoptando o rexistro adecuado a estas.

* Valoración do diálogo como medio de resolución de conflitos, intervencións orais respectuosas con quen nos rodea e actitude de cooperación en situacións de aprendizaxe compartida. Desenvolvemento de habilidades de comunicación asertiva aplicadas, por exemplo, á expresión e recepción de sentimentos positivos.

* Interese por producir enunciados correctos e non interferidos desde o punto de vista fonético, fuxindo dos prexuízos que adoitan relacionarse con determinados modelos de lingua oral.

Bloque 2. Comunicación escrita. Ler e escribir.

Comprensión de textos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado, como mensaxes de chat e de correo electrónico, normas e instrucións de uso.

* Comprensión de textos dos medios de comunicación, sobre todo de noticias relacionadas coa vida cotiá, atendendo ao lugar que ocupan na estrutura do xornal, á información dos feitos e aos elementos paratextuais.

* Comprensión de textos do ámbito académico, atendendo especialmente aos de carácter instrutivo e expositivo (incluídas webs educativas e informacións de dicionarios, glosarios e enciclopedias en diversos soportes).

* Detección do tema e dos subtemas de narracións e aplicación a elas de técnicas de análise do contido de textos escritos: subliñado das ideas principais, elaboración de esquemas que as estruturen visualmente e resumo.

* Utilización dirixida da biblioteca do centro e das TIC para obter tanto información como modelos para a composición escrita.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación, con especial atención ás procedentes das informacións dos xornais. Identificación dos usos lingüísticos discriminatorios máis evidentes e procura de alternativas.

* Lectura en voz alta con dicción, entoación e ritmo correctos, incidindo especialmente na adecuación aos patróns fonéticos do galego e na atención aos signos de puntuación.

Produción de textos escritos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como instrucións e normas, mensaxes de chat ou de correo electrónico.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación impresos ou dixitais, especialmente noticias.

* Composición de textos propios do ámbito académico, especialmente conclusións sobre tarefas e aprendizaxes efectuadas, resumos, esquemas e exposicións sinxelas.

* Composición de textos narrativos e descritivos.

* Planificación, revisión e boa presentación dos textos escritos, con respecto polas normas gramaticais e ortográficas e mais con adecuación á temática, fins, destinatarios... de cada escrito.

* Uso das TIC para elaborar textos escritos ben presentados e correctos, aproveitando as posibilidades dos procesadores de textos, correctores ortográficos, etc.

Bloque 3. Funcionamento da lingua.

* Recoñecemento das intencións comunicativas expresadas a través das modalidades oracionais.

* Recoñecemento e uso reflexivo dos mecanismos de cohesión textual como a deíxe persoal, a actualización e a referencia interna de tipo gramatical e mais dos nexos e conectores textuais máis comúns, en particular os temporais e explicativos.

* Indución, a partir de usos contextualizados, da diferenza entre palabras flexivas e non flexivas e recoñecemento das categorías gramaticais básicas (substantivo, adxectivo cualificativo, verbo, adverbio), para o perfeccionamento da produción e comprensión textuais.

* Indución das regras de concordancia e das funcións sintácticas principais no seo da oración para a mellora das estruturas na construción e revisión de textos.

* Uso dun léxico suficientemente amplo e preciso, con incorporación de fraseoloxía e de vocabulario temático a partir de campos identificados nos textos traballados na aula.

* Uso reflexivo da puntuación en relación coa cohesión sintáctica, así como das normas ortográficas, con aprecio dos seus valores funcionais e sociais.

* Reflexión básica acerca daqueles aspectos da fonética e da fonoloxía do galego onde poidan producirse interferencias (apertura das vogais de grao medio, n velar, entoación...), exposición a modelos positivos e práctica mediante a lectura de textos.

* Uso de estratexias de autoavaliación e autocorrección, aceptando o erro como parte do proceso de aprendizaxe.

* Interpretación e aproveitamento das informacións lingüísticas que ofrecen os dicionarios e as obras de consulta, especialmente sobre clases de palabras e normativa.

Bloque 4. Lingua e sociedade.

* Coñecemento xeral da diversidade lingüística no mundo e no Estado español, valorando positivamente o plurilingüismo como expresión da riqueza cultural da humanidade.

* Observación da situación sociolingüística en canto a usos e actitudes no contorno máis próximo (aula, barrio...), con aproximación aos prexuízos lingüísticos máis evidentes.

* Consciencia da necesidade e das potencialidades de enriquecemento persoal e colectivo do uso normalizado da lingua galega, afirmando o plurilingüismo.

* Observación das principais diferenzas, contextuais e formais, entre usos de distintos niveis e rexistros, tanto na oralidade como na escrita.

Bloque 5. Educación literaria.

* Selección guiada e lectura orientada de obras adecuadas á idade que estimulen o hábito e pracer lector ao tempo que amplían o coñecemento do mundo.

* Lectura expresiva e comprensiva e mais audición de poemas recitados ou cantados, captando o uso dos recursos estilísticos principais do nivel semántico e os que conforman o ritmo poético.

* Lectura expresiva e comprensiva e mais audición de diferentes textos narrativos breves, recoñecendo a funcionalidade dos elementos formais básicos.

* Lectura dramatizada e comprensiva e mais visionamento de pezas teatrais, apreciando os seus compoñentes e procedementos máis relevantes.

* Comparación entre textos literarios e non literarios e dos tres grandes xéneros.

* Creación de textos de intención literaria partindo dos trazos formais dos traballados na aula e das posibilidades lúdico-estéticas da lingua.

* Análise doutras linguaxes estéticas: o cómic.

* Aproveitamento guiado dos fondos e recursos que ofrecen as bibliotecas, incluídas as virtuais.

Criterios de avaliación.

1. Extraer a intención comunicativa e a idea xeral de textos orais sinxelos dos ámbitos social e académico. Seguir instrucións para realizar tarefas guiadas de aprendizaxe.

Este criterio permite avaliar se o alumnado é quen de comprender e de reproducir, oralmente ou por escrito, o propósito, o tema e os feitos fundamentais de textos oídos, como noticias de actualidade procedentes dos medios de comunicación, instrucións para realizar tarefas ou breves exposicións de tema académico.

2. Extraer a intención comunicativa e a idea xeral de textos escritos sinxelos dos ámbitos social e académico. Seguir instrucións para realizar tarefas guiadas de aprendizaxe.

Este criterio permite avaliar se o alumnado é quen de comprender e resumir contos, noticias, mensaxes electrónicas, informacións de enciclopedias e outros textos escritos semellantes, recoñecendo o tema principal e os secundarios, se os houber, apoiándose en aspectos gráficos (tipos de letra, subliñados, ilustracións...) ou en trazos de cohesión claros (distribución en parágrafos, comezo e final destes...). Tamén permite comprobar se o alumnado é capaz de seguir instrucións escritas sinxelas relacionadas coas tarefas de aprendizaxe que debe abordar.

3. Realizar exposicións e narracións orais planificadas claras e áxiles e participar de forma construtiva en diversas interaccións comunicativas (simulacións, traballos colaborativos...) respectando as regras que as rexen. Adoptar o rexistro adecuado a cada tipo de texto e situación.

Con este criterio preténdese descubrir cal é a capacidade do alumnado para narrar, describir e expoñer oralmente sucesos, informacións, valoracións, etc. seguindo un guión previamente elaborado e axudándose dos medios audiovisuais e das TIC. Preténdese tamén que sirva para valorar a calidade das súas interaccións orais, tanto cando exerce o papel de emisor como cando exerce o de receptor, calidade que deberá demostrar no traballo cotián da aula e mais nas situacións propias do contexto extraescolar que se simulen nela. Debe servir para valorar habilidades lingüísticas e actitudes: a corrección, o respecto aos valores democráticos e ás regras sociocomunicativas (saúdos, non interrupción de quen fala...), a actitude dialogante e atenta ás expresións ou opinións dos demais, a pertinencia e mais a adecuación das intervencións e a manifestación de ideas e sentimentos propios.

4. Escribir, seguindo un modelo, narracións e descricións, así como outros textos sinxelos propios da vida cotiá, das relacións sociais e dos medios de comunicación. Planificar e revisar os ditos textos coa axuda do profesorado aplicándolles normas básicas de adecuación, de coherencia, de cohesión, de corrección e de precisión léxica.

Este criterio permitiralle ao alumnado demostrar que é capaz de escribir textos breves e sinxelos como mensaxes de correo electrónico, noticias, contos, resumos de temas académicos adecuados á idade... previamente planificados mediante esquemas que reflictan as ideas que se queren expresar. Tamén permitirá comprobar se se coida a presentación (marxes, sangrados, tamaños de letra, subliñados, ilustracións...) e se se revisan as propias producións, aproveitando para todo isto os coñecementos que ten o alumnado e as posibilidades que ofrecen procesadores de textos, correctores ortográficos ou dicionarios e vocabularios en diversos soportes.

5. Consultar, baixo a dirección do profesorado, textos en diferentes soportes co fin de extraer a información solicitada e incorporala ás propias producións.

Este criterio está orientado a avaliar a capacidade de usar con efectividade un recurso concreto sinalado polo profesorado e procedente, ben da biblioteca do centro, ben dos medios audiovisuais e das TIC, para responder a preguntas formuladas na aula.

6. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para resolver problemas de comprensión e para compoñer e revisar de xeito dirixido os propios textos.

Con este criterio procúrase comprobar como se usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para a mellora da comprensión e mais da composición e revisión textuais. Avalíase, sobre todo, a aprehensión do funcionamento dos mecanismos de cohesión (a deíxe, a actualización, as referencias internas de tipo gramatical, os conectores), da adecuación e da gramaticalidade e a súa incorporación ás producións propias, recoñecendo os erros e considerándoos parte do proceso de aprendizaxe.

7. Recoñecer, a través da reflexión sobre os usos discursivos, os mecanismos da lingua e coñecer e usar unha terminoloxía lingüística básica.

Este criterio permitirá saber se se inducen e asimilan as formas e as regras lingüísticas a través dos usos contextualizados e se se coñece e se usa de forma adecuada a terminoloxía necesaria para seguir as explicacións e as actividades sobre a lingua que se realizan na aula. Avaliarase tamén a progresiva autonomía na obtención de todo tipo de información lingüística en dicionarios e outras obras de consulta.

8. Observar os condicionamentos máis evidentes da valoración e uso social do galego e utilizar a lingua galega con fluidez e normalidade nos máis diversos contextos comunicativos.

Con este criterio avaliarase a comprensión, a través dun achegamento activo, do contexto sociolingüístico máis próximo, considerando a percepción das actuacións normalizadoras e da presenza de prexuízos, así como a adopción de actitudes positivas cara o uso normalizado da lingua.

9. Recoñecer a diversidade lingüística do mundo actual, con especial atención ao contorno peninsular.

Este criterio permite avaliar o recoñecemento da diversidade lingüística e cultural e se esta chega a ser entendida como riqueza e reflexo do dereito dos pobos e dos individuos á súa identidade, valorándoa positivamente.

10. Ler con regularidade obras literarias e desenvolver criterio lector; expoñer unha opinión persoal sobre a lectura dunha obra axeitada á idade, relacionando o seu sentido coa propia experiencia e recoñecendo os trazos xerais do xénero.

Este criterio está dirixido a avaliar a competencia lectora no ámbito literario a través da lectura persoal de obras completas axeitadas á idade. Considerarase a elaboración dunha opinión propia atendendo á potencialidade dos trazos temático-formais do xénero para ampliar o coñecemento do mundo que cada quen posúe.

11. Utilizar os coñecementos literarios na comprensión de textos breves ou fragmentos, atendendo especialmente os trazos xenéricos e á funcionalidade dos recursos retóricos.

Con este criterio avalíase a comprensión e valoración de textos representativos do sistema literario (de distintos canons) a partir dos comentarios realizados na aula. Porase especial atención na identificación das características xenéricas e na captación do valor funcional dos principais recursos retóricos.

12. Participar de maneira activa na creación de textos de intención estética tomando como modelo os lidos e comprendendo os recursos que se empreguen.

Avaliarase a través deste criterio a implicación en obradoiros literarios de (re)creación a partir de modelos, con comprensión dos distintos recursos, fundamentalmente estilísticos, dos textos lidos e comentados na aula. Terase que comprobar que o alumnado é quen de empregar nos propios escritos determinados coñecementos literarios.

Segundo curso.

Bloque 1. Comunicación oral. Escoitar e falar.

Comprensión de textos.

* Comprensión de novas de actualidade e de informacións de crónicas e de reportaxes procedentes dos medios de comunicación audiovisual.

* Comprensión de textos orais utilizados no ámbito académico, como presentación de tarefas e de instrucións para a súa realización ou breves exposicións orais de temáticas variadas.

* Desenvolvemento de habilidades de escoita activa. Actitude de interese, de cooperación e de respecto ante as intervencións orais de quen fala diante de nós, sobre todo en exposicións do profesorado ou do alumnado e mais no traballo colaborativo.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes dos medios de comunicación, con especial atención aos programas de carácter informativo e, xa que logo, ás noticias, reportaxes e crónicas que conteñen. Recoñecemento dos usos lingüísticos discriminatorios máis evidentes, análise dos prexuízos que os sustentan e procura de alternativas.

* Valoración das producións orais emitidas cunha fonética galega correcta e actitude crítica ante os prexuízos que se poidan asociar a ela.

Produción de textos.

* Exposición planificada, clara e ordenada, coa axuda das TIC, de informacións de actualidade que interesen ao alumnado tomadas dos medios de comunicación, poñendo de relevo as diferenzas no modo de presentar os feitos dos distintos medios.

* Participación activa en situacións propias do ámbito académico (achega de propostas e de información, intercambio de opinións, exposición de informes sobre as tarefas realizadas...).

* Coherencia entre comunicación verbal e non verbal na produción dos discursos e presentacións orais.

* Participación en situacións de comunicación reais ou simuladas propias da vida cotiá do alumnado adoptando o rexistro adecuado a elas.

* Valoración do diálogo como medio de resolución de conflitos, intervencións orais respectuosas con quen nos rodea e actitude de cooperación en situacións de aprendizaxe compartida. Desenvolvemento de habilidades de comunicación asertiva (por exemplo, aplicadas á solicitude de cambios).

* Interese por producir enunciados correctos e non interferidos desde o punto de vista fonético, fuxindo dos prexuízos que adoitan relacionarse con determinados modelos de lingua oral.

Bloque 2. Comunicación escrita. Ler e escribir.

Comprensión de textos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado, como diarios ou cartas persoais e solicitudes.

* Comprensión e análise de textos dos medios de comunicación, sobre todo de noticias, reportaxes e crónicas, atendendo ao lugar que ocupan na estrutura do xornal dixital e aos elementos paratextuais.

* Comprensión de textos do ámbito académico, atendendo especialmente aos de carácter instrutivo e expositivo (incluídas webs educativas e informacións de dicionarios, glosarios e enciclopedias en diversos soportes).

* Detección do tema e dos subtemas de narracións e aplicación a elas de técnicas de análise do contido de textos escritos: subliñado das ideas principais, elaboración de esquemas que as estruturen visualmente e resumo.

* Utilización progresivamente autónoma da biblioteca e das TIC como fonte de información e de modelos para a composición escrita.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación, con especial atención ás procedentes das noticias, reportaxes e crónicas dos medios de comunicación. Recoñecemento dos usos lingüísticos discriminatorios máis evidentes, análise dos prexuízos que os sustentan e procura de alternativas.

* Lectura en voz alta con dicción, entoación e ritmo correctos, incidindo especialmente na adecuación aos patróns fonéticos do galego e na atención aos signos de puntuación.

Produción de textos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado, como diarios e cartas persoais ou solicitudes.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación en soporte papel ou dixital; por exemplo noticias, crónicas e reportaxes.

* Composición, en soporte papel e dixital, de textos propios do ámbito académico (esquemas, resumos, exposicións e explicacións sinxelas, informes de tarefas e aprendizaxes efectuadas).

* Composición de textos narrativos e descritivos.

* Planificación, revisión e boa presentación dos textos escritos, con respecto polas normas gramaticais e ortográficas e mais con adecuación á temática, fins, destinatarios... de cada escrito.

* Uso das TIC para elaborar textos escritos ben presentados e correctos, aproveitando as posibilidades dos procesadores de textos, correctores ortográficos, etc.

Bloque 3. Funcionamento da lingua.

* Revisión da adecuación de textos alleos e propios, con especial atención ao tratamento dos interlocutores e ás fórmulas de cortesía.

* Recoñecemento e uso reflexivo dos nexos e conectores textuais máis comúns, en particular os espaciais e os de oposición e contraste, e mais dos mecanismos de cohesión textual como a deíxe espacial e temporal, a relación entre os tempos verbais, as relacións de contraste -antonimia- e a referencia interna de tipo léxico, sobre todo a sinonimia e a elipse.

* Indución, a partir de usos contextualizados, da estrutura das palabras flexivas, especialmente substantivo e verbo, e recoñecemento dos seus aspectos morfolóxicos máis precisos para a mellora da comprensión e produción textuais.

* Distinción reflexiva entre os distintos elementos sintácticos no nivel da frase para a mellora das estruturas na construción e revisión de textos.

* Uso dun léxico suficientemente amplo e preciso, con incorporación de fraseoloxía e de vocabulario temático a partir de campos identificados nos textos traballados na aula.

* Uso reflexivo da puntuación en relación coa cohesión sintáctica, así como das normas ortográficas, con aprecio dos seus valores funcionais e sociais.

* Reflexión básica acerca daqueles aspectos da fonética e da fonoloxía do galego onde poidan producirse interferencias (apertura das vogais de grao medio, n velar, entoación...), exposición a modelos positivos e práctica, especialmente durante as exposicións planificadas.

* Uso de estratexias de autoavaliación e autocorrección, aceptando o erro como parte do proceso de aprendizaxe.

* Interpretación e aproveitamento das informacións lingüísticas que ofrecen os dicionarios e as obras de consulta, especialmente sobre flexión, relacións semánticas e normativa.

Bloque 4. Lingua e sociedade.

* Coñecemento xeral da situación das linguas minorizadas e das internacionais, con manexo e interpretación de mapas, táboas, textos e información dos medios e tecnoloxías da comunicación, valorando positivamente o plurilingüismo como expresión da riqueza cultural da humanidade.

* Comprensión da situación sociolingüística galega en canto a usos e actitudes xerais, realizando pequenos traballos que permitan recoñecer e analizar prexuízos lingüísticos.

* Coñecemento da nosa lexislación esencial en materia lingüística, a toponimia e a antroponimia.

* Consciencia da necesidade e das potencialidades de enriquecemento persoal e colectivo do uso normalizado da lingua galega, afirmando o plurilingüismo.

* Observación das principais diferenzas, preferentemente en textos orais, entre as variedades xeográficas da lingua galega.

Bloque 5. Educación literaria.

* Selección guiada e lectura progresivamente autónoma de obras adecuadas á idade que estimulen o hábito e pracer lector ao tempo que amplían o coñecemento do mundo.

* Lectura expresiva e comprensiva e mais audición de poemas recitados ou cantados, captando o valor funcional dos recursos estilísticos máis relevantes nos diferentes niveis.

* Lectura expresiva e comprensiva e mais audición de textos narrativos breves, contrastando os elementos estruturais e formais: distintas voces, perspectivas temporais, etc..

* Lectura dramatizada e comprensiva e mais visionamento de pezas teatrais, recoñecendo os compoñentes e procedementos que caracterizan os subxéneros.

* Comparación entre textos pertencentes aos subxéneros literarios.

* Creación de textos de intención literaria partindo dos trazos formais dos traballados na aula e das posibilidades lúdico-estéticas da lingua.

* Análise doutras linguaxes estéticas: a canción.

* Aproveitamento guiado dos fondos e recursos que ofrecen as bibliotecas, incluídas as virtuais.

Criterios de avaliación.

1. Extraer a intención comunicativa, o tema, as ideas principais e os datos relevantes de diferentes textos orais dos medios de comunicación e do ámbito escolar, así como seguir instrucións para realizar tarefas de aprendizaxe con progresiva autonomía.

Con este criterio preténdese avaliar se o alumnado comprende textos orais procedentes dos programas de carácter informativo dos medios de comunicación (reportaxes, crónicas...) e é capaz de obter deles e seleccionar os datos relevantes. Tamén se pretende comprobar se é quen de recoller en esquemas e resumos o contido máis significativo de presentacións e exposicións orais sinxelas feitas na aula. E, finalmente, se se seguen normas e instrucións recibidas oralmente.

2. Extraer a intención comunicativa, o tema, as ideas principais e os datos relevantes de diferentes textos escritos dos ámbitos social e académico, así como seguir instrucións para realizar tarefas de aprendizaxe con progresiva autonomía.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado comprende textos propios da vida cotiá como diarios ou cartas persoais; dos medios de comunicación, como noticias, reportaxes, crónicas... e do ámbito académico, como entradas de enciclopedias e de dicionarios, webs educativas, etc.

3. Realizar exposicións orais planificadas claras e áxiles de informacións de actualidade poñendo de relevo as diferenzas no modo de presentar uns mesmos feitos de diferentes medios, así como participar de forma construtiva en diversas interaccións comunicativas (simulacións, traballos colaborativos...) respectando as regras que as rexen. Adoptar o rexistro adecuado a cada tipo de texto e situación.

Con este criterio preténdese comprobar cal é a capacidade do alumnado para expoñer oralmente informacións de actualidade e breves informes de tema académico seguindo un guión previamente elaborado e axudándose eficazmente dos medios audiovisuais e das TIC. Preténdese tamén que sirva para valorar a calidade das súas interaccións orais, tanto cando fala como cando escoita. Valoraranse habilidades lingüísticas e actitudes: a corrección, o respecto aos valores democráticos e ás regras sociocomunicativas (con especial atención ás formas de tratamento e ás fórmulas de cortesía), a actitude dialogante e atenta ás expresións ou opinións das outras persoas, a pertinencia e elaboración das intervencións (adecuación ao contexto e expresividade) e a manifestación de ideas propias.

4. Escribir -a partir de modelos aos que incorporar as propias achegas- textos propios dos medios de comunicación e dos ámbitos social e académico. Planificar e revisar os ditos textos con progresiva autonomía aplicándolles normas de coherencia, de cohesión, de corrección e de precisión léxica.

Este criterio permitiralle ao alumnado demostrar se é quen de redactar contos, diarios persoais, cartas, solicitudes, crónicas e reportaxes, resumos ou exposicións académicas sinxelas... previamente planificados mediante esquemas que reflictan as ideas que se queren expresar. Tamén permitirá comprobar se se coida a presentación e se se revisan as propias producións, aproveitando para todo isto os propios coñecementos e as posibilidades que ofrecen procesadores de textos, correctores ortográficos ou dicionarios e glosarios en diversos soportes.

5. Consultar de maneira progresivamente autónoma textos en diferentes soportes co fin de seleccionar a información relevante e incorporala ás propias producións, especialmente a traballos do ámbito académico adecuados ao nivel.

Este criterio permite avaliar a capacidade de usar con efectividade recursos variados suxeridos polo profesorado e outros descubertos polo propio alumnado para seleccionar información e incorporala a sinxelos traballos de aula.

6. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para resolver problemas de comprensión e para compoñer e revisar de xeito progresivamente autónomo os propios textos.

Con este criterio procúrase comprobar como se usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para a mellora da comprensión e mais da composición e revisión textuais. Avalíase, sobre todo, a aprehensión do funcionamento dos mecanismos de cohesión (como a deíxe, as referencias internas de tipo léxico e os conectores), da adecuación e da gramaticalidade e a súa incorporación ás propias producións, recoñecendo os erros e considerándoos parte do proceso de aprendizaxe.

7. Recoñecer, a través da reflexión sobre os usos discursivos, os mecanismos da lingua e coñecer e usar unha terminoloxía lingüística básica.

Este criterio permitirá saber se se inducen e asimilan as formas e as regras lingüísticas a través dos usos contextualizados e se se coñece e se usa de forma adecuada a terminoloxía necesaria para seguir as explicacións e as actividades sobre a lingua que se realizan na aula. Avaliarase tamén a progresiva autonomía na obtención de todo tipo de información lingüística en dicionarios e outras obras de consulta.

8. Observar os condicionamentos actuais da valoración e uso social da lingua galega e utilizala con fluidez e normalidade nos máis diversos contextos comunicativos.

Con este criterio avaliarase a comprensión, a través dun achegamento activo, do noso contexto sociolingüístico a respecto de usos e actitudes, considerando a valoración das actuacións normalizadoras, a reflexión diante dos prexuízos e a adopción de actitudes positivas cara ao uso normalizado da lingua.

9. Recoñecer e comprender a diversidade lingüística do mundo actual.

Este criterio permite avaliar o recoñecemento da diversidade lingüística e cultural e a comprensión das principais situacións sociolingüísticas

10. Ler con regularidade obras literarias e desenvolver criterio lector; expoñer unha opinión persoal sobre a lectura dunha obra axeitada á idade, relacionando o seu sentido coa propia experiencia e valorando o uso dos elementos do xénero, o punto de vista e o emprego da linguaxe.

Este criterio está dirixido a avaliar a competencia lectora no ámbito literario a través da lectura persoal de obras completas axeitadas á idade. Considerarase a elaboración dunha opinión propia fundamentada, atendendo á potencialidade dos trazos temático-formais para ampliar o coñecemento do mundo que cada quen posúe.

11. Utilizar os coñecementos literarios na comprensión de textos breves ou fragmentos, atendendo especialmente aos trazos dos subxéneros e á funcionalidade dos recursos retóricos.

Con este criterio avalíase a comprensión e valoración de textos representativos do sistema literario a partir dos comentarios realizados na aula. Porase especial atención na identificación das características dos distintos subxéneros e na captación do valor funcional dos recursos retóricos.

12. Participar de maneira activa na creación de textos de intención estética tomando como modelo os lidos e comprendendo os recursos que se empregarán.

Avaliarase a través deste criterio a implicación en obradoiros literarios de (re)creación a partir de modelos, con comprensión dos distintos recursos, fundamentalmente estilísticos, dos textos lidos e comentados na aula. Terase que comprobar que o alumnado é quen de empregar nos propios escritos determinados coñecementos literarios.

Terceiro curso.

Bloque 1. Comunicación oral. Escoitar e falar.

Comprensión de textos

* Comprensión de textos propios dos medios de comunicación audiovisual, con especial atención ás entrevistas, noticias, crónicas e reportaxes.

* Análise encamiñada á comprensión e á valoración crítica da comunicación televisiva e da radiofónica coas súas especificidades.

* Comprensión de textos orais utilizados no ámbito académico, como presentación de tarefas e de instrucións para a súa realización, intervencións en simposios ou exposicións orais de temáticas variadas.

* Desenvolvemento de habilidades de escoita activa. Actitude de interese, de cooperación e de respecto ante as intervencións orais de quen fala diante de nós, sobre todo en exposicións do profesorado ou do alumnado e mais no traballo colaborativo.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes dos medios de comunicación, con especial atención ás procedentes das entrevistas, noticias, reportaxes e crónicas. Recoñecemento dos usos lingüísticos discriminatorios, detección dos prexuízos que os sustentan e procura de alternativas que se incorporen con progresiva autonomía ás propias producións.

* Valoración das producións orais emitidas cunha fonética galega correcta e actitude crítica ante os prexuízos que se poidan asociar a ela.

Produción de textos.

* Exposición planificada, clara e ordenada sobre temas de actualidade que interesen ao alumnado tomadas dos medios de comunicación, contrastando os diferentes puntos de vista e opinións neles expresadas e axudándose dos medios audiovisuais e das TIC.

* Participación activa en situacións propias do ámbito académico (achega de propostas e de información, intercambio de opinións, breve exposición de traballos coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC, informes sobre as tarefas realizadas...).

* Participación en entrevistas e simposios simulados, así como en situacións de comunicación propias da vida cotiá do alumnado, adoptando o rexistro adecuado a elas.

* Uso consciente dos elementos paraverbais (volume de voz, velocidade, pausas, entoación) e non verbais (xestos, movementos...) na intervención oral planificada.

* Valoración do diálogo como medio de resolución de conflitos, intervencións orais respectuosas con quen nos rodea e actitude de cooperación en situacións de aprendizaxe compartida. Desenvolvemento de habilidades de comunicación asertiva (por exemplo, á hora de formular e reaccionar a críticas).

* Interese por producir enunciados correctos e non interferidos desde o punto de vista fonético, fuxindo dos prexuízos que adoitan relacionarse con determinados modelos de lingua oral.

Bloque 2. Comunicación escrita. Ler e escribir.

Comprensión de textos escritos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como actas de reunión, regulamentos...

* Comprensión de textos dos medios de comunicación, recoñecendo as diferenzas entre información e opinión en entrevistas, crónicas, reportaxes...

* Comprensión de textos do ámbito académico, atendendo especialmente aos de carácter instrutivo e expositivo (incluídos webs educativas e informacións de dicionarios, glosarios e enciclopedias en diversos soportes).

* Detección do tema e dos subtemas de textos expositivos e aplicación a estes de técnicas de análise do contido de textos escritos: subliñado das ideas principais, elaboración de esquemas que as estruturen visualmente e resumo.

* Utilización practicamente autónoma da biblioteca e das TIC para obter, organizar e seleccionar a información.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación, con especial atención ás procedentes de reportaxes, crónicas ou entrevistas dos medios de comunicación. Recoñecemento dos usos lingüísticos discriminatorios, detección dos prexuízos que os sustentan e procura de alternativas que se incorporen con progresiva autonomía ás propias producións.

* Lectura en voz alta adecuada aos patróns fonéticos do galego (entoación, fonética sintáctica...) e fluidez lectora que favoreza a comprensión dos textos traballados na aula.

Produción de textos escritos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como actas de reunión, solicitudes, etc.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación en soporte papel ou dixital, fundamentalmente entrevistas, crónicas e reportaxes.

* Composición, en soporte papel e dixital, de textos, sobre todo expositivos, propios do ámbito académico, elaborados a partir de información obtida en distintas fontes. Elaboración de proxectos e de informes sobre tarefas e sobre aprendizaxes.

* Planificación, revisión e boa presentación dos textos escritos, con respecto polas normas gramaticais e ortográficas e mais con adecuación á temática, fins, destinatarios, soporte... de cada escrito.

* Uso das TIC para elaborar textos escritos ben presentados e correctos, aproveitando as posibilidades dos procesadores de textos, correctores ortográficos, etc.

Bloque 3. Funcionamento da lingua.

* Revisión da adecuación de textos alleos e propios, con recoñecemento das intencións comunicativas expresadas a través dos modos e perífrases verbais.

* Recoñecemento e uso reflexivo dos nexos e conectores textuais máis comúns, en particular os presentativos, secuenciadores e de adición, e mais dos mecanismos de cohesión textual como a referencia interna de tipo léxico, sobre todo a hiperonimia e a nominalización; análise e aplicación da función cohesiva das familias léxicas.

* Recoñecemento, sobre usos contextualizados, dos mecanismos de formación de palabras (derivación e composición), para o perfeccionamento da comprensión e produción textuais.

* Recoñecemento da diferenza entre funcións sintácticas e unidades que as desempeñan (incluíndo as que teñen forma oracional), de cara á mellora das estruturas na construción e revisión de textos, con emprego dunha terminoloxía sintáctica axeitada.

* Uso dun léxico suficientemente amplo e preciso, con incorporación de fraseoloxía e de vocabulario temático a partir de campos identificados nos textos traballados na aula.

* Identificación e revisión da estrutura do texto, a construción dos parágrafos e a vinculación e progresión temáticas en diferentes textos expositivos, alleos e propios.

* Uso reflexivo da puntuación en relación coa cohesión sintáctica, así como das normas ortográficas, con aprecio dos seus valores funcionais e sociais.

* Reflexión básica acerca daqueles aspectos da fonética e da fonoloxía do galego onde poidan producirse interferencias (apertura das vogais de grao medio, n velar, entoación...), exposición a modelos positivos e aplicación práctica nas interaccións orais espontáneas.

* Uso de estratexias de autoavaliación e autocorrección, aceptando o erro como parte do proceso de aprendizaxe.

* Interpretación e aproveitamento das informacións lingüísticas que ofrecen os dicionarios e as obras de consulta, especialmente sobre formación de palabras, familias léxicas e normativa.

Bloque 4. Lingua e sociedade.

* Coñecemento xeral e concreción no marco peninsular das causas que contribúen á formación, expansión, transformación, minorización, substitución e normalización das linguas, con manexo e interpretación de mapas, táboas, textos e información dos medios e tecnoloxías da comunicación. Valoración positiva do plurilingüismo como expresión da riqueza cultural da humanidade.

* Coñecemento xeral da formación da lingua galega e das distintas etapas da súa historia social ata o século XIX, con manexo de textos da época e información dos medios e tecnoloxías da comunicación. Análise e comprensión das causas e consecuencias dos feitos máis relevantes.

* Comprensión da situación sociolingüística galega a través da abordaxe dos fenómenos de contacto de linguas (bilingüismo, diglosia, conflito lingüístico, interferencias...), desenvolvendo proxectos de traballo, con emprego dos medios audiovisuais e das TIC, que permitan enfrontar prexuízos lingüísticos.

* Consciencia da necesidade e das potencialidades de enriquecemento persoal e colectivo do uso normalizado da lingua galega, afirmando o plurilingüismo.

* Recoñecemento das características contextuais e formais dos distintos niveis e rexistros, aplicación segundo as circunstancias da situación comunicativa e valoración da necesidade de adecuarse a elas.

Bloque 5. Educación literaria.

* Selección e lectura autónoma de obras adecuadas á idade que estimulen o hábito e pracer lector ao tempo que amplían o coñecemento do mundo, especialmente da nosa realidade histórico-cultural anterior ao século XX.

* Lectura expresiva e comprensiva e mais audición de textos poéticos recitados ou cantados da literatura galega desde a Idade Media ao século XIX e da popular, comentando as motivacións e o tratamento das temáticas máis recorrentes en distintos períodos e a funcionalidade das sucesivas formas e recursos estéticos.

* Lectura expresiva e comprensiva e mais audición de prosa galega anterior ao século XX, así como de contos e lendas populares, recoñecendo as diversas concepcións da narrativa e os procedementos asociados.

* Lectura dramatizada e comprensiva e mais visionamento de fragmentos do teatro galego anterior ao século XX, observando as súas características.

* Desenvolvemento de tarefas colectivas pouco complexas ou elaboración de traballos sinxelos, ambos sobre as lecturas e o seu contexto (etapas, cultura e ambiente literarios, axentes, etc.), entendendo o influxo determinante das circunstancias históricas e da situación sociolingüística na evolución do sistema literario galego.

* Creación de textos de intención literaria partindo das características dos traballados na aula.

* Análise doutras linguaxes estéticas: o cinema.

* Aproveitamento progresivamente autónomo dos fondos e recursos que ofrecen as bibliotecas, incluídas as virtuais.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a intención comunicativa implícita e explícita, o tema, a idea principal e as secundarias de textos propios dos medios de comunicación audiovisual, así como seguir e recoller resumidamente o desenvolvemento oral dunha exposición académica.

Este criterio debe permitirnos comprobar se o alumnado pode extraer a idea fundamental e mais a información relevante de crónicas, reportaxes ou entrevistas dos medios de comunicación audiovisual. Así mesmo, debe servir para constatar se dá comprendido, e recollido en resumos e esquemas que reflictan a xerarquización das ideas, textos expositivos propios do ámbito académico

2. Identificar e contrastar o propósito comunicativo en textos escritos do ámbito público e dos medios de comunicación, así como da vida académica, analizando criticamente os seus contidos, interpretando as connotacións e mensaxes implícitas que deles se deduzan e inferindo o tema principal e os secundarios. Comprender e seguir as instrucións que regulan a vida social e os procesos de aprendizaxe complexos.

Con este criterio perséguese comprobar se as alumnas e os alumnos identifican o tema xeral, os subtemas e o propósito comunicativo, non sempre explícito, de diferentes tipos de texto fundamentais na vida social e cultural (crónicas, entrevistas, actas, etc.) e saben distinguir e interpretar os contidos informativos e valorativos, contrastándoos con outros procedentes doutras fontes.

3. Realizar exposicións orais planificadas claras e áxiles de traballos e de informacións de actualidade contrastando os diferentes puntos de vista e opinións expresadas en distintos medios audiovisuais, así como participar de forma construtiva en diversas interaccións comunicativas (simulacións, traballos colaborativos...) respectando as regras que as rexen. Adoptar o rexistro adecuado a cada tipo de texto e situación.

Con este criterio preténdese comprobar cal é a capacidade do alumnado para expoñer oralmente informacións de actualidade, así como traballos e informes académicos, seguindo un guión previamente elaborado e mantendo a atención do auditorio coa axuda de pausas e inflexións da voz, da linguaxe non verbal e dos medios audiovisuais e das TIC.

4. Escribir textos propios dos medios de comunicación e dos ámbitos social e académico, usando con progresiva liberdade os modelos propostos na aula. Planificar e revisar os ditos textos de maneira case autónoma para asegurar a súa coherencia, cohesión, corrección e precisión léxica.

Con este criterio búscase comprobar se a redacción das producións do alumnado se axusta ás propiedades textuais todas e se dominan as técnicas fundamentais da escrita compositiva: planificar analizando a situación comunicativa, xerando e organizando as ideas e revisar realizando sucesivas versións.

5. Consultar de maneira case autónoma textos en diferentes soportes co fin de seleccionar e analizar criticamente a información relevante para integrala nas propias producións, especialmente en traballos do ámbito académico adecuados ao nivel.

Este criterio permite valorar a capacidade do alumnado para usar con efectividade os recursos e posibilidades da biblioteca do centro, así como os medios audiovisuais e as TIC (dicionarios, buscadores, bibliotecas e enciclopedias virtuais...). Con el comprobaremos se o alumnado pode contrastar e extraer información relevante de diversas fontes e incorporalas aos seus traballos de aula recoñecendo a autoría das ideas recollidas e expresando coas propias palabras algunhas delas.

6. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para resolver problemas de comprensión e para compoñer e revisar de xeito progresivamente autónomo os propios textos.

Con este criterio procúrase comprobar como se usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para a mellora da comprensión e mais da composición e revisión textuais. Avalíase, sobre todo, a aprehensión do funcionamento dos mecanismos de cohesión (as familias léxicas, as referencias internas de tipo léxico, os nexos e conectores), da adecuación, da coherencia e da gramaticalidade e a súa incorporación ás propias producións, recoñecendo os erros e considerándoos parte do proceso de aprendizaxe.

7. Recoñecer, a través da reflexión sobre os usos discursivos, os mecanismos da lingua, e coñecer e usar a terminoloxía lingüística adecuada.

Este criterio permitirá saber se se inducen e asimilan as formas e as regras lingüísticas a través dos usos contextualizados e, ademais, se se coñece e se usa de forma adecuada a terminoloxía necesaria para seguir as explicacións e as actividades sobre a lingua que se realizan na aula e para referirse aos coñecementos gramaticais. Avaliarase tamén a progresiva autonomía na obtención de todo tipo de información lingüística en dicionarios e outras obras de consulta.

8. Identificar as causas e consecuencias dos feitos máis relevantes da historia social da lingua galega anterior ao século XX; extraer os trazos principais que definen a actual situación sociolingüística de Galicia, analizando criticamente os condicionamentos da valoración e uso social do galego; utilizar a lingua galega con fluidez e normalidade nos máis diversos contextos comunicativos.

Con este criterio preténdese avaliar a comprensión das circunstancias que definen as diferentes etapas da historia social da lingua galega co fin de afirmala como propia de Galicia e entender mellor a súa situación actual. Tamén se estimará a capacidade de análise, tras un achegamento activo, do noso contexto sociolingüístico e de reflexión crítica diante dos prexuízos e mais a adopción de actitudes positivas cara ao uso normalizado da lingua.

9. Recoñecer as causas da diversidade lingüística e dos procesos sociolingüísticos.

Avalíase a través deste criterio o recoñecemento das circunstancias que actúan na conformación e evolución social das linguas, especialmente das do noso contorno.

10. Ler con regularidade obras literarias e desenvolver criterio lector; expoñer unha opinión persoal sobre a lectura dunha obra axeitada á idade, relacionando o seu sentido coa propia experiencia e valorando a estrutura, o punto de vista e o emprego da linguaxe.

Este criterio está dirixido a coñecer a competencia lectora no ámbito literario a través da lectura persoal de obras completas axeitadas á idade

11. Utilizar os coñecementos literarios na comprensión de textos breves ou fragmentos, atendendo especialmente á relación co contexto, á evolución dos xéneros, formas e estilos e á funcionalidade dos recursos retóricos.

Con este criterio avalíase a comprensión e valoración de textos representativos do sistema literario, enmarcándoos nun determinado momento en relación coa evolución das formas e motivos da escrita anterior ao século XX.

12. Participar de maneira activa na creación de textos de intención estética tomando como modelo os lidos e comprendendo os recursos que se empregarán; explicar as relacións das obras co contexto histórico e literario en que aparecen e os autores máis relevantes, realizando un traballo de información e de síntese ou de resolución de problemas.

Este criterio comprobará se se comprende o fenómeno literario como una actividade comunicativa estética nun contexto histórico determinado. Avaliarase a implicación en obradoiros literarios de (re)creación a partir dos textos lidos na aula e, ademais, a realización, en soporte papel ou dixital, dun traballo persoal de síntese e tratamento da información obtida sobre períodos, movementos, autores ou obras ou a participación nun labor colectivo de resolución de problemas no campo literario.

Cuarto curso.

Bloque 1. Comunicación oral. Escoitar e falar.

Comprensión de textos orais.

* Comprensión de textos propios dos medios de comunicación audiovisual, con especial atención aos xéneros de carácter argumentativo (debates, faladoiros, editoriais radiofónicos...).

* Comprensión e análise de textos publicitarios dos medios de comunicación audiovisual, atendendo aos compoñentes verbais e non verbais da comunicación publicitaria.

* Comprensión de textos orais utilizados no ámbito académico, como presentacións, relatorios, intervencións en mesas redondas...

* Desenvolvemento de habilidades de escoita activa. Actitude de interese, de cooperación e de respecto ante as intervencións orais de quen fala diante de nós, sobre todo en debates, exposicións do profesorado ou do alumnado e mais no traballo colaborativo.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes dos medios de comunicación, con especial atención ás procedentes da publicidade e ás mensaxes implícitas e explícitas dos textos argumentativos. Detección dos usos lingüísticos discriminatorios e mais dos prexuízos que os sustentan e procura de alternativas que se incorporen con autonomía ás propias producións.

* Valoración das producións orais emitidas cunha fonética galega correcta e actitude crítica ante os prexuízos que se poidan asociar a ela.

Produción textos orais.

* Coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC, presentacións orais ben organizadas sobre temas de actualidade tomados dos medios de comunciación audiovisual que admitan distintos puntos de vista, diferenciando información, opinión e persuasión e inserindo a propia visión de maneira argumentada e respectuosa.

* Participación activa en situacións propias do ámbito académico, especialmente en autoavaliacións das tarefas realizadas e en presentacións orais, con axuda dos medios audiovisuais e das TIC, de traballos previamente elaborados.

* Participación activa en debates e noutras situacións de comunicación reais ou simuladas onde se expresen opinións acerca dun tema de actualidade do interese do alumnado, ofrecendo argumentos e respectando as normas que rexen a interacción oral organizada.

* Uso consciente dos elementos paraverbais (volume de voz, velocidade, pausas, entoación) e non verbais (xestos, movementos...) na intervención oral planificada.

* Valoración do diálogo como medio de resolución de conflitos, intervencións orais respectuosas con quen nos rodea e actitude de cooperación en situacións de aprendizaxe compartida. Desenvolvemento de habilidades de comunicación asertiva, en especial á hora de rexeitar peticións e propostas cando sexa conveniente.

* Interese por producir enunciados correctos e non interferidos desde o punto de vista fonético, fuxindo dos prexuízos que adoitan relacionarse con determinados modelos de lingua oral.

Bloque 2. Comunicación escrita. Ler e escribir.

Comprensión de textos escritos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relación sociais, como contratos ou correspondencia institucional e comercial.

* Comprensión de textos dos medios de comunicación, atendendo especialmente aos xéneros de opinión como editoriais, columnas, cartas ao director, etc.

* Comprensión e análise de textos publicitarios dos medios de comunicación escritos, dos elementos verbais e non verbais que se empregan neles e das súas mensaxes explícitas e implícitas.

* Comprensión de textos do ámbito académico, como os procedentes de dicionarios, glosarios, enciclopedias e outras fontes de información en diversos soportes, incluíndo fragmentos de ensaios.

* Detección do tema e dos subtemas dun texto argumentativo, análise dos argumentos e elaboración de esquemas que reflictan que se captou a súa mensaxe principal e a súa estrutura.

* Utilización autónoma da biblioteca e das TIC para obter, organizar e seleccionar a información.

* Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación, con especial atención ás procedentes da publicidade e dos xéneros de opinión nos medios de comunicación. Detección dos usos lingüísticos discriminatorios, dos prexuízos que os sustentan e procura de alternativas que se incorporen con autonomía ás propias producións.

* Lectura en voz alta adecuada aos patróns fonéticos do galego (entoación, fonética sintáctica...) e fluidez lectora que favoreza a comprensión dos textos traballados na aula.

Produción de textos escritos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como intervencións en foros e blogs, curricula vitae, reclamacións e solicitudes, etc.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación en soporte papel ou dixital, como cartas ao director, editoriais, artigos de opinión, columnas, etc.

* Composición, en soporte papel e dixital, de textos, sobre todo expositivos e argumentativos, propios do ámbito académico e elaborados a partir de información obtida en distintas fontes. Redacción de proxectos e de informes sobre tarefas e sobre aprendizaxes.

* Planificación, revisión e boa presentación dos textos escritos, con respecto polas normas gramaticais e ortográficas e mais con adecuación á temática, fins, destinatarios, soporte... de cada escrito.

* Uso das TIC para elaborar textos escritos ben presentados e correctos, aproveitando as posibilidades dos procesadores de textos, correctores ortográficos, etc.

Bloque 3. Funcionamento da lingua.

* Revisión da adecuación de textos alleos e propios, con especial atención ás formas de expresión da subxectividade e ao enfoque do tema, sobre todo en exposicións e argumentacións.

* Recoñecemento e uso reflexivo dos nexos e conectores textuais máis comúns, en particular os de causa e consecuencia, os de condición e hipótese e os conclusivos, e mais dos mecanismos de cohesión textual como a referencia interna de tipo léxico, sobre todo as metáforas, metonimias, paráfrases e comodíns.

* Recoñecemento das principais regras de combinación impostas polos verbos en función dos seus argumentos e revisión das conseguintes estruturas sintácticas e os tipos de oración segundo a natureza do predicado, aplicándoas na construción e revisión de textos; emprego dunha terminoloxía sintáctica apropiada.

* Uso dun léxico suficientemente amplo e preciso, con incorporación de fraseoloxía e de vocabulario temático a partir de campos identificados nos textos traballados na aula.

* Identificación e revisión da estrutura do texto, a construción dos parágrafos e a vinculación e progresión temáticas en diferentes textos argumentativos, alleos e propios.

* Uso reflexivo da puntuación en relación coa cohesión sintáctica, así como das normas ortográficas, con aprecio dos seus valores funcionais e sociais.

* Reflexión básica acerca daqueles aspectos da fonética e da fonoloxía do galego onde poidan producirse interferencias (apertura das vogais de grao medio, n velar, entoación...), exposición a modelos positivos e práctica.

* Uso de estratexias de autoavaliación e autocorrección, aceptando o erro como parte do proceso de aprendizaxe.

* Interpretación e aproveitamento das informacións lingüísticas que ofrecen os dicionarios e as obras de consulta, especialmente sobre cuestións de uso (semántico e sintáctico) e de normativa.

Bloque 4. Lingua e sociedade.

* Coñecemento xeral da situación sociolingüística e legal das linguas do Estado español, con manexo e interpretación de gráficos, táboas, textos e información dos medios e tecnoloxías da comunicación, valorando positivamente o plurilingüismo como expresión da riqueza cultural da humanidade.

* Coñecemento xeral das distintas etapas da historia social da lingua galega desde comezos do século XX, con manexo e interpretación de textos e información dos medios e tecnoloxías da comunicación. Análise e comprensión das causas e consecuencias dos feitos máis relevantes.

* Comprensión da situación sociolingüística de Galicia a través da revisión da presenza da lingua galega nos principais ámbitos e contextos e dos factores de normalización, desenvolvendo proxectos de traballo, con emprego dos medios e tecnoloxías da información, que permitan enfrontar e superar prexuízos lingüísticos.

* Consciencia da necesidade e das potencialidades de enriquecemento persoal e colectivo do uso normalizado da lingua galega, afirmando o plurilingüismo.

* Recoñecemento e valoración dos principais fenómenos que caracterizan as variedades xeográficas da lingua galega e da función da lingua estándar.

Bloque 5. Educación literaria.

* Selección e lectura autónoma de obras fundamentais da literatura galega desde comezos do século XX ata a actualidade adecuadas á idade. Recoñocer o papel dos personaxes femininos nestas obras.

* Lectura expresiva e comprensiva e audición de textos poéticos recitados ou cantados das distintas etapas da literatura galega desde o 1900, entendendo e apreciando os recursos empregados, sobre todo os que manifestan as innovacións dos principais movementos, grupos ou autoras e autores.

* Lectura expresiva e comprensiva e audición de textos da narrativa galega dos séculos XX e XXI, comentando os seus trazos e en especial a incorporación, por parte de certos grupos e autores/as, das novas visións do mundo e das técnicas modernas.

* Lectura dramatizada e comprensiva e mais visionamento de fragmentos ou breves obras teatrais galegas dos séculos XX e XXI, recollendo as diversas intencións e formas e resaltando as innovadoras.

* Desenvolvemento de tarefas colectivas sobre as lecturas e o seu contexto entendendo o influxo determinante das circunstancias históricas e da situación sociolingüística na evolución do sistema literario galego.

* Creación de textos de intención literaria partindo das características dos traballados na aula.

* Aproveitamento practicamente autónomo dos fondos e recursos que ofrecen as bibliotecas, incluídas as virtuais.

Criterios de avaliación.

1. Identificar a intención comunicativa implícita e explícita, o tema, a idea principal e as secundarias, a tese e os argumentos de textos propios dos medios de comunicación audiovisual e do ámbito académico.

Este criterio hanos dar a posibilidade de comprobar se o alumnado é quen de comprender textos expositivos, recollendo as ideas fundamentais en resumos e esquemas e diferenciando neles información, opinión e persuasión.

2. Comprender textos escritos do ámbito público, dos medios de comunicación e da vida académica, identificando as ideas principais e secundarias, o propósito comunicativo implícito ou explícito, contrastando explicacións e argumentos.

Este criterio hanos dar a posibilidade de comprobar se o alumnado é quen de comprender textos expositivos, publicitarios e argumentativos, recollendo as ideas fundamentais en resumos e esquemas; diferenciando información, opinión e persuasión; e valorando a eficacia do texto en relación á intención comunicativa, así como o papel dos procedementos lingüísticos empregados para acadala.

3. Realizar exposicións orais planificadas claras e áxiles de traballos e de informacións de actualidade diferenciando información, opinión e persuasión, así como participar de forma construtiva en diversas interaccións comunicativas (debates, traballos colaborativos...) respectando as regras que as rexen. Adoptar o rexistro adecuado a cada tipo de texto e situación.

Con este criterio preténdese comprobar cal é a capacidade do alumnado para expoñer oralmente temas de actualidade e traballos académicos seguindo un guión previamente elaborado e axudándose eficazmente dos medios audiovisuais e das TIC, así como de pausas, inflexións da voz, xestos, movementos, etc. que permitan manter a atención do auditorio.

4. Escribir textos propios da vida cotiá, das relacións sociais, dos medios de comunicación e do ámbito académico tendo como referencia os modelos propostos na aula e expresando con claridade as propias opinións razoadas. Planificar e revisar autonomamente os ditos textos para asegurar a súa coherencia, cohesión, corrección e precisión léxica.

Con este criterio preténdese valorar se a redacción das producións do alumando (reclamacións, cartas ao director, artigos de opinión, traballos académicos...) se axusta ás propiedades textuais todas e se dominan as técnicas fundamentais da escrita compositiva: planificar analizando a situación comunicativa, xerando e organizando as ideas, e revisar realizando sucesivas versións. Tamén permitirá comprobar se se coida a presentación -en especial aspectos como os índices, tipos de letra, gráficos, mapas conceptuais, citas e bibliografía- e se se aproveitan eficazmente ferramentas como os dicionarios en diferentes soportes, buscadores de internet, correctores ortográficos, procesadores de textos e outros programas informáticos.

5. Consultar de maneira autónoma textos en diferentes soportes co fin de seleccionar información relevante, analizala criticamente, extraer conclusións fundamentadas e integralas nas propias producións, especialmente en traballos do ámbito académico adecuados ao nivel.

Este criterio permite valorar a capacidade do alumnado para usar os recursos e posibilidades das bibliotecas, así como os medios audiovisuais e as TIC.

6. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para resolver problemas de comprensión e para compoñer e revisar con autonomía os propios textos.

Con este criterio procúrase comprobar como se usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para a mellora da comprensión e mais da composición e revisión textuais, se se coñecen os mecanismos de cohesión, da adecuación, da coherencia e da gramaticalidade e a súa incorporación ás propias producións, recoñecendo os erros e considerándoos parte do proceso de aprendizaxe.

7. Recoñecer, a través da reflexión sobre os usos discursivos, os mecanismos da lingua e coñecer e usar a terminoloxía lingüística adecuada.

Este criterio permitirá saber se se inducen e asimilan as formas e as regras lingüísticas a través dos usos contextualizados e se se coñece e se usa de forma adecuada a terminoloxía necesaria para seguir as explicacións e as actividades sobre a lingua que se realizan na aula e para referirse aos coñecementos gramaticais.

8. Identificar as causas e consecuencias dos feitos máis relevantes da historia social da lingua galega; extraer os trazos principais que definen a actual situación sociolingüística de Galicia, analizando criticamente os condicionamentos da valoración e uso social do galego; utilizar a lingua galega con fluidez e normalidade nos máis diversos contextos comunicativos.

Con este criterio avaliarase a comprensión das circunstancias que definen as diferentes etapas da historia social da lingua galega co fin de afirmala como propia de Galicia e entender mellor a súa situación actual.

9. Ler con regularidade obras literarias e desenvolver criterio lector; expoñer unha opinión argumentada sobre a lectura persoal dunha obra clásica da literatura contemporánea atendendo aos seus elementos estruturais e formais.

Este criterio está dirixido a avaliar a competencia lectora no ámbito literario a través da lectura persoal de obras completas contemporáneas.

10. Utilizar os coñecementos literarios na comprensión de textos breves ou fragmentos, atendendo especialmente á relación co contexto, ás innovacións e á funcionalidade dos recursos retóricos.

Con este criterio avalíase a comprensión e valoración de textos representativos do sistema literario (de distintos canóns), enmarcándoos nun determinado momento en relación coa evolución das formas e motivos da escrita desde comezos do século XX. Porase especial atención na identificación das características dos distintos movementos, apreciando as novidads, e na captación do valor funcional dos recursos retóricos.

11. Participar de maneira activa na creación de textos de intención estética tomando como modelo os lidos e comprendendo os recursos que se empregarán; explicar as relacións das obras co contexto histórico e literario en que aparecen e os autores máis relevantes, realizando un traballo de información e de síntese ou de resolución de problemas.

Este criterio pretende comprobar se é comprendido o fenómeno literario como una actividade comunicativa estética nun contexto histórico determinado. Avaliarase a implicación en obradoiros literarios de (re)creación a partir dos textos lidos na aula e, ademais, a realización, en soporte papel ou dixital, dun traballo persoal de síntese.

Lingua castelá e literatura.

Introdución.

A lingua debe ser entendida, esencialmente, como un vehículo de comunicación e de interacción social, así como o medio con que unha persoa desenvolve as súas capacidades intelectuais, cognoscitivas e afectivas, ademais do signo de identidade dunha sociedade.

O obxectivo fundamental desta etapa é que o alumnado consiga aquelas capacidades indispensables para a plena realización persoal e social, o que hoxe, nunha sociedade da información en continuo cambio, supón modificar e ampliar as tarefas da clase de lingua castelá e literatura máis alá das dirixidas á adquisición do coñecemento gramatical mediante a reflexión sobre textos, fundamentalmente literarios. No século XXI, temos que aceptar un novo concepto de alfabetización: saber cando e por que se necesita información, onde encontrala, e como avaliala, utilizala e comunicala de maneira ética. Esta alfabetización convértese así en obxectivo do ensino da lingua. Só o seu logro lles permitirá aos cidadáns e cidadás participar eficazmente na sociedade do coñecemento.

A lingua catelá e literatura ten entre as súas finalidades específicas o desenvolvemento das habilidades lingüísticas de escoitar, comprender e producir enunciados de forma oral e escrita apropiados ás diversas situacións de comunicación. Para acadar con éxito estas destrezas, ademais do coñecemento da estrutura da lingua para a súa utilización no discurso, necesitarase obter información, saber asimilala, e planificar o mellor modo de comunicala atendendo a un contexto e finalidade concretos. Así mesmo, a adquisición dunha plena competencia comunicativa inclúe un achegamento ao feito cultural e literario a través da lectura.

Ao ser esta competencia comunicativa un requisito imprescindible para a aprendizaxe, a lingua é un instrumento fundamental no desenvolvemento das outras materias que compoñen o currículo, polo que se converte nun elemento determinante do labor educativo que reverte na propia materia e nas demais, co que se fai necesaria unha coordinación coa materia de lingua galega e literatura e coas demais linguas do centro. Conseguir os obxectivos nesta área implica, polo tanto, non só a adquisición da capacidade lingüística - comunicar e relacionarse, creación do propio pensamento, entender e respectar a súa cultura e outras culturas - senón tamén o dominio do instrumento esencial de aprendizaxe, que permitirá a adquisición das outras competencias.

Existen tres destrezas nucleares do ámbito lingüístico que na práctica coinciden cos bloques propostos no currículo e que son: falar e escoitar, que supón ser competente na expresión e comprensión de mensaxes orais en situacións comunicativas diversas; ler, que supón ser competente para comprender e usar textos diferentes con diferentes intencións comunicativas; e escribir, que supón ser competente para compoñer diferentes tipos de texto e documentos con distintas intencións comunicativas. Ponse o acento nas competencias para elaborar e intercambiar textos orais e escritos diferenciados e axeitados a situacións comunicativas específicas, que respondan a intencións diversas cun uso correcto da linguaxe. Estas tres habilidades nucleares integrarán os elementos do currículo nos distintos bloques de contido que, aínda que, aparecen como bloques, se conectan entre si e son interdependentes.

O bloque 1. Escoitar, comprender e falar, refírese a habilidades lingüísticas orais e ten como base o diálogo e o intercambio de experiencias, interacción que facilita o desenvolvemento de posibilidades individuais, co que o proceso de ensino-aprendizaxe é en si tan importante como o resultado final. Partirase dos usos que da lingua fan os alumnos e alumnas buscando unha ampliación significativa do léxico e a axeitada aplicación a cada situación comunicativa.

O bloque 2. Ler e escribir, refírese ás habilidades lingüísticas escritas, con moitos aspectos comúns coa lingua oral, polo que se deben interrelacionar e apoiar mutuamente, aínda que neste segundo bloque se incrementará progresivamente a dificultade dos textos, coa adquisición de técnicas lingüísticas, en distintos soportes, mantendo a coherencia e respectando as normas gramaticais e ortográficas e, se é o caso, tipográficas. Partirase da actividade comunicativa que o alumnado exercitou na etapa anterior para que afonde e perfeccione as técnicas aprendidas. Proporcionaranse ferramentas para o desenvolvemento das capacidades necesarias de maneira progresiva, ampliando os contidos e sen perder de vista a diferenza entre o imprescindible e o desexable.

O bloque 3. Educación literaria, necesitará dos contidos dos bloques anteriores, especialmente da lectura; esta concíbese como a aproximación a textos literarios axeitados á idade do alumnado, o achegamento á expresión artística, ao valor patrimonial das obras literarias, e o aprecio polo feito literario como feito lingüístico; sen perder de vista a progresión dos contidos, os intereses do alumnado e os coñecementos adquiridos previamente. Para este labor partirase de textos significativos e atractivos e, mediante a lectura e a composición escrita, favoreceranse a comprensión e expresión do seu mundo interior e do que os rodea, a eliminación de estereotipos lingüísticos, e o respecto á idiosincrasia de cada cultura e de cada pobo.

O bloque 4. O coñecemento da lingua, refírese ao estudo formal do sistema lingüístico, á necesaria reflexión sobre o uso da lingua recapacitando sobre as súas formas e mecanismos. A progresión dos contidos deberá adaptarse ás capacidades e intereses dos estudantes, o que os axudará a comprender a súa propia dinámica, a dinámica social e cultural do seu contorno, e a acadar a súa plena identidade individual e cidadá, procurando que esta reflexión estea acompañada da adquisición de destrezas que lle permitan ao alumnado autoavaliarse e corrixirse, favorecendo unha aprendizaxe autónoma.

O proceso de ensino-aprendizaxe, nos bloques de contido, segue o procedemento da aprendizaxe natural, a partir do que saben e usan os e as estudantes ata o que aprenden, reflexionando sobre iso e asumíndoo como propio, para poder usalo. A clase convértese no medio idóneo para levar a cabo unha metodoloxía activa coa que o alumnado resolva problemas, utilizando e compartindo información, aprendendo a autoavaliar o proceso que seguiu co fin de chegar a ser máis capaz de conducirse autonomamente.

Os procedementos convértense no elemento vertebrador da área de lingua castelá e literatura, pois deben levar o alumnado ao desenvolvemento de habilidades na expresión e comprensión oral e escrita en contextos significativos, ademais de coñecer, valorar e gozar do feito literario, tendo sempre presente que os resultados, en educación, son a longo prazo, e que se concretan nunha competencia individual para a aprendizaxe posterior, dentro ou fóra das aulas.

Contribución ao desenvolvemento das competencias básicas.

A área de lingua castelá e literatura ten como finalidade primeira a mellora da competencia comunicativa, utilizando a linguaxe como instrumento tanto de comunicación oral e escrita como de aprendizaxe e regulación de condutas e emocións. O obxectivo central desta competencia é comprender e saber comunicarse nas diversas situacións que se xeran no ámbito social, cultural e académico, utilizando as fontes de información e os soportes que hoxe están á nosa disposición. Non se trata, polo tanto, de adquirir só saberes teóricos, senón tamén saberes prácticos. Así, a linguaxe constitúese en instrumento de aprendizaxe do resto das áreas, e ten un papel fundamental no desenvolvemento integral da persoa, nas súas relacións consigo mesma e con outras persoas, na súa forma de entender e explicar o mundo.

Como a propia lingua é unha ferramenta, temos que intentar aprenderlle ao alumnado a manexala en todas as situacións de comunicación, o que nos leva á competencia no tratamento da información e competencia dixital. O coñecemento dos sistemas e modo de operar das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e do seu uso debe capacitar o alumnado para unha axeitada xestión da información atendendo a distintas finalidades.

Na medida en que a linguaxe é un instrumento de relación social básico parece necesaria unha aprendizaxe que nos axude a comunicarnos cos demais e a comprender a realidade social do mundo en que se vive, co que se relaciona directamente coa competencia social e cidadá. De aí que as actividades da clase de lingua castelá, entendida esta como un microcosmos social, lle faciliten ao alumnado prepararse para participar de maneira construtiva nas actividades da comunidade, axudándolle a que teña unha visión crítica da realidade e adquira os coñecementos prácticos necesarios para o exercicio de valores democráticos e de dereitos civís. Nesta área é importante inculcar no alumnado a necesidade de caracterizar usos da linguaxe que manifesten prexuízos raciais, sexistas ou clasistas, así como fomentar o respecto pola realidade plurilingüe de España (linguas cooficiais, caso da nosa comunidade), ademais das variedades ou diferentes rexistros que se dan en distintos colectivos sociais, xa que a miúdo a linguaxe vai asociada a estereotipos ou prexuízos culturais.

Os contidos desta área e etapa son instrumentais, e deben preparar o alumnado para seguir adquirindo coñecementos. É fundamental o feito de que o alumnado participe activa e progresivamente na construción do seu propio coñecemento, o que evidencia a relación da área de lingua castelá e literatura coa competencia para aprender a aprender. A clase de lingua castelá pode ser, pois, a pedra angular para a adquisición dos coñecementos e destrezas necesarios para que a persoa poida aprender en calquera situación.

A relación entre esta área e a competencia en autonomía e iniciativa persoal entróncase no propio proceso de ensino-aprendizaxe, posibilitándolle ao alumnado a transformación da información en coñecemento, caracterizando o que considere oportuno, e incorporando todo aquilo que o enriqueza e o axude a ser unha persoa máis respectuosa e aberta. Facilitaráselle así a consecución da súa autonomía persoal e a súa capacitación para integrarse como compoñente pleno na sociedade, asumindo valores éticos e sociais que imperan nela.

A competencia cultural e artística supón apreciar, comprender e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas, e utilizalas como fonte de gozo e enriquecemento persoal; é, en consecuencia, unha competencia que facilita tanto expresarse e comunicarse como percibir, comprender e enriquecerse con diferentes realidades e producións do mundo, da arte e da cultura. Desde esta área trátase de capacitar o alumnado para entender a linguaxe literaria, valorar os textos, establecer relacións entre estes e o contorno en que naceron, pero sobre todo ser capaz de gozar da lectura.

Obxectivos.

* Comprender discursos orais e escritos nos diversos contextos da actividade social e cultural.

* Utilizar a lingua para expresarse de forma coherente e adecuada nos diversos contextos da actividade social e cultural, para tomar conciencia dos propios sentimentos e ideas e para controlar a propia conduta.

* Coñecer a realidade plurilingüe de España e as variedades do castelán e valorar esta diversidade como unha riqueza cultural.

* Utilizar a lingua oral na actividade social e cultural de forma adecuada ás distintas situacións e funcións, adoptando unha actitude respectuosa e de cooperación.

* Empregar as diversas clases de escritos mediante os que se produce a comunicación coas institucións públicas, privadas e da vida laboral.

* Utilizar a lingua eficazmente na actividade escolar para buscar, seleccionar e procesar información e para redactar textos propios do ámbito académico.

* Utilizar con progresiva autonomía e espírito crítico os medios de comunicación social e as tecnoloxías da información para obter, interpretar e valorar informacións de diversos tipos e opinións diferentes.

* Facer da lectura fonte de pracer, de enriquecemento persoal e de coñecemento do mundo e consolidar hábitos lectores.

* Comprender textos literarios utilizando coñecementos básicos sobre as convencións de cada xénero, os temas e motivos da tradición literaria e os recursos estilísticos.

* Aproximarse ao coñecemento de mostras relevantes do patrimonio literario e valoralo como un modo de simbolizar a experiencia individual e colectiva en diferentes contextos histórico-culturais.

* Aplicar con certa autonomía os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para comprender textos orais e escritos e para escribir e falar con adecuación, coherencia, cohesión e corrección.

* Analizar os diferentes usos sociais das linguas para evitar os estereotipos lingüísticos que supoñen xuízos de valor e prexuízos clasistas, racistas ou sexistas.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Escoitar, falar, conversar.

* Comprensión de noticias de actualidade próximas aos intereses do alumnado procedentes dos medios de comunicación.

* Exposición de informacións de actualidade tomadas dos medios de comunicación.

* Narración oral, a partir dun guión preparado previamente, de feitos relacionados coa experiencia, presentada de forma secuenciada e con claridade, inserindo descricións sinxelas e incluíndo ideas e valoracións en relación co exposto, con axuda de medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación.

* Comprensión de textos orais utilizados no ámbito académico atendendo especialmente á presentación de tarefas e de instrucións para a súa realización, a breves exposicións orais e á obtención de informacións de documentais tomados dos medios de comunicación.

* Participación activa en situacións de comunicación propias do ámbito académico, especialmente no pedimento de aclaracións ante unha instrución, en propostas sobre o xeito de organizar as tarefas, na descrición de secuencias sinxelas de actividades realizadas, no intercambio de opinións e na exposición de conclusións.

* Participación activa en traballos en grupo cooperando e respectando o resto dos seus compoñentes.

* Utilización da lingua para tomar conciencia dos coñecementos, das ideas e dos sentimentos propios e para regular a propia conduta.

Bloque 2. Ler e escribir.

Comprensión de textos escritos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado, como instrucións de uso e normas.

* Comprensión de textos dos medios de comunicación, atendendo á estrutura do xornal (seccións e xéneros) e aos elementos paratextuais, con especial atención ás noticias relacionadas coa vida cotiá e coa información de feitos.

* Comprensión de textos do ámbito académico, tendendo especialmente aos de carácter expositivo e explicativo; ás instrucións para realizar tarefas; á consulta, en diversos soportes, de dicionarios, de glosarios e doutras fontes de información, como enciclopedias e webs educativas.

* Utilización dirixida da biblioteca do centro e das tecnoloxías da información e da comunicación como fonte de obtención de información e de modelos para a composición escrita.

* Reflexión crítica con respecto á información dispoñible ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación.

Composición de textos escritos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado, como cartas e notas.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación, especialmente noticias, destinados a un soporte impreso ou dixital.

* Composición, en soporte papel ou dixital, de textos propios do ámbito académico, especialmente resumos, esquemas xerárquicos, mapas conceptuais, exposicións sinxelas, glosarios e conclusións sobre tarefas e aprendizaxes efectuadas.

* Utilización da composición escrita como fonte de información e de aprendizaxe, como forma de comunicar experiencias, ideas, opinións e coñecementos propios e como forma de regular a conduta.

* Dominio das normas de presentación dos textos escritos tanto en soporte papel como dixital, con respecto ás normas gramaticais, ortográficas e tipográficas.

Bloque 3. Educación literaria.

* Lectura de varias obras adecuadas á idade.

* Recitado de poemas, recoñecendo os elementos básicos do ritmo, a versificación e as figuras semánticas máis relevantes.

* Lectura de relatos breves, incluíndo mitos e lendas de diferentes culturas, recoñecendo os elementos do relato literario e a súa funcionalidade.

* Lectura dramatizada de obras teatrais breves ou de fragmentos recoñecendo os aspectos formais do texto teatral.

* Diferenciación dos grandes xéneros literarios a través das lecturas comentadas.

* Composición de textos de intención literaria utilizando algunhas das aprendizaxes adquiridas nas lecturas dirixidas.

* Utilización dirixida da biblioteca do centro e de bibliotecas virtuais.

* Desenvolvemento da autonomía lectora e do aprecio pola literatura como fonte de pracer e de coñecemento do mundo.

Bloque 4. Coñecemento da lingua.

* Observación de diferenzas relevantes, contextuais e formais, entre comunicación oral e escrita e entre os usos coloquiais e formais, especialmente os propios do ámbito escolar.

* Coñecemento xeral da diversidade lingüística e da distribución xeográfica das linguas de España, valorándoa como fonte de enriquecemento persoal e colectivo.

* Coñecemento das modalidades da oración e dos modos do verbo como formas de expresar as intencións dos falantes.

* Identificación e uso das formas lingüísticas da deíxe persoal (pronomes persoais, posesivos e terminacións verbais) en textos orais e escritos como cartas e normas.

* Identificación e uso reflexivo dalgúns conectores textuais, con especial atención aos temporais, explicativos e de orde e dalgúns mecanismos de referencia interna, tanto gramaticais (pronomes persoais, posesivos e demostrativos) como léxicos (repeticións, sinónimos e elipses).

* Recoñecemento e uso coherente das formas verbais nos textos, con especial atención aos tempos de pretérito na narración.

* Recoñecemento do funcionamento sintáctico de verbos de uso frecuente a partir do seu significado, identificando o suxeito e os complementos do verbo, constatando a existencia de complementos necesarios ou argumentais fronte aos non necesarios ou circunstanciais; comprensión dunha terminoloxía sintáctica básica: oración; suxeito e predicado; predicado nominal e predicado verbal.

* Uso de procedementos para compoñer os enunciados cun estilo cohesionado, especialmente a inserción na oración de expresións con valor explicativo, como a aposición, o adxectivo e a oración de relativo.

* Distinción entre palabras flexivas e non flexivas e recoñecemento das distintas categorías gramaticais e dos mecanismos de formación de palabras (composición e derivación).

* Interpretación das informacións lingüísticas que proporcionan os dicionarios escolares e outras obras de consulta, especialmente sobre clases de palabras, relacións semánticas de léxico (sinonimia, antonimia...) e normativa.

* Iniciación ao uso de dicionarios e de correctores ortográficos dos procesadores de textos.

* Coñecemento e uso reflexivo das normas ortográficas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea xeral e a intención comunicativa en textos orais sinxelos dos ámbitos social e académico. Seguir instrucións pouco complexas para realizar tarefas de aprendizaxe.

Con este criterio trátase de avaliar se o alumnado é capaz de entender informacións sinxelas (normas, noticias, breves presentacións divulgativas de tema académico) e se é capaz de expresar oralmente ou por escrito o tema xeral desa información. Preténdese comprobar se é quen de seguir instrucións orais para realizar tarefas constituídas pola secuencia de, polo menos, tres actividades.

2. Comprender a idea xeral e a intención comunicativa en textos escritos sinxelos do ámbito social. Identificar a enunciación explícita do tema e as partes do texto; así como seguir instrucións sinxelas.

Con este criterio preténdese avaliar se as alumnas e os alumnos extraen informacións concretas indicadas explicitamente nos textos (na prensa, en obras de consulta, en normas); se identifican o tema dun texto recoñecendo os enunciados onde aparece explícito; se distinguen o modo en que está organizada a información (elementos de descricións, secuencias de feitos) e o representan mediante técnicas de organización como esquemas xerárquicos ou mapas conceptuais; e se seguen instrucións sinxelas relacionadas co ámbito persoal (instrucións) e con tarefas de aprendizaxe.

3. Narrar, expoñer e resumir, en soporte papel ou dixital, cunha organización clara e un rexistro adecuado, aplicando a planificación e revisión de textos, e respectando as normas gramaticais e ortográficas.

Con este criterio preténdese avaliar se as alumnas e os alumnos adquiriron o código escrito redactando textos de feitos próximos á súa experiencia persoal, social (cartas, anécdotas persoais, normas) e académica con coherencia e con corrección gramatical e ortográfica; se manifestan interese en planificar e revisar os textos de xeito que lles permita progresar na autonomía para aprender: resumos, esquemas, exposicións, glosarios.

4. Realizar narracións orais claras e ben estruturadas de experiencias vividas, con axuda de medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación.

Con este criterio preténdese comprobar que as alumnas e os alumnos son capaces de narrar feitos e vivencias presentándoos de forma secuenciada e con claridade, incluíndo sentimentos e valoracións en relación co exposto. Valorarase se teñen en conta a quen escoita e se na exposición dos feitos dan utilizado os apoios que os medios audiovisuais e as TIC proporcionan.

5. Expoñer unha opinión persoal sobre a lectura dunha obra literaria axeitada á idade do alumnado; recoñecer os trazos globais do xénero e diferenciar de forma sinxela o contido literal e o sentido da obra, establecendo relacións coa súa experiencia.

Este criterio serve para avaliar a competencia lectora e a asimilación de coñecementos no ámbito literario, para saber se os alumnos e alumnas son quen de considerar o texto de maneira crítica, recoñecendo o xénero e valorando o contido, a estrutura e o uso da linguaxe.

6. Identificar en distintos tipos de textos orais e escritos toda aquela representación ou expresión que denote algunha forma de discriminación social, racial, sexual, etc.

Este criterio pretende comprobar se o alumnado localiza os usos discriminatorios da lingua existentes en textos orais, escritos e icónico-verbais; se reflexiona sobre a práctica social e persoal, de forma consciente ou inconsciente, dalgunha forma de discriminación.

7. Aplicar os coñecementos literarios na comprensión e valoración de fragmentos, atendendo ao xénero, aos temas e motivos da tradición, así como aos recursos rítmicos e semánticos básicos.

Este criterio pretende avaliar en que medida se aplican os coñecementos literarios traballados na lectura e valoración de textos breves comentados na clase, atendendo aos seus trazos máis xerais: comprensión do tema, identificación do xénero e, se é o caso, dos recursos rítmicos e semánticos máis xerais.

8. Compoñer textos, en soporte papel ou dixital, tomando como modelo un texto literario lido e comentado na aula ou realizar algunha transformación sinxela neses textos.

Con este criterio preténdese comprobar a capacidade de utilizar nos propios escritos, presentados en soporte papel ou dixital, os coñecementos literarios adquiridos, mediante a composición de textos de carácter literario como un relato breve ou un poema, imitando modelos utilizados na clase ou realizando algunha transformación sinxela. Máis que a calidade, preténdese avaliar a utilización dos coñecementos adquiridos e a composición de textos seguindo unhas pautas determinadas.

9. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso lingüístico para solucionar problemas de comprensión de textos orais e escritos e para a composición e revisión dirixida dos textos propios deste curso.

Con este criterio trátase de comprobar que se utilizan determinados coñecementos sobre a lingua e as normas de uso en relación coa comprensión, composición e revisión dos textos. Atenderase especialmente ás marcas de enunciación, conectores textuais de tempo, orde e explicación, formas verbais na narración, expresión do mandato ou do desexo. En normas ortográficas, atenderase a regras xerais de acentuación, ortografía do vocabulario máis usual, usos elementais da coma, do punto e signos do diálogo.

10. Coñecer unha terminoloxía lingüística baseada en actividades de reflexión sobre o uso.

Preténdese comprobar que o alumnado comprende a terminoloxía básica para seguir explicacións e instrucións nas actividades gramaticais. Comprobarase o coñecemento de terminoloxía referida a modalidades da oración, palabras flexivas e non flexivas, procedementos de formación de palabras, sinonimia, antonimia, categorías gramaticais, tempo e modos verbais e suxeito e predicado. Avaliarase a obtención de información gramatical en dicionarios escolares e outras obras de consulta.

Segundo curso.

Bloque 1. Falar, escoitar e conversar.

* Comprensión de informacións de actualidade procedentes dos medios de comunicación audiovisual.

* Exposición de informacións tomadas dos medios de comunicación poñendo de relevo diferenzas no modo de presentar os feitos en distintos medios.

* Presentación ordenada e clara de informacións previamente preparadas sobre temas do interese do alumnado, con axuda de medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación.

* Comprensión de textos orais utilizados no ámbito académico atendendo especialmente á presentación de tarefas e instrucións para a súa realización, a breves exposicións orais e á obtención de informacións dos medios de comunicación en informativos e documentais.

* Participación activa en situacións de comunicación propias do ámbito académico, especialmente nas propostas sobre o modo de organizar a actividade, na achega de informacións útiles para o traballo en común e na exposición de breves informes sobre as tarefas realizadas.

* Participación activa en traballos en grupo cooperando e respectando os demais.

* Utilización da lingua para tomar conciencia dos coñecementos, das ideas e dos sentimentos propios e para regular a propia conduta.

Bloque 2. Ler e escribir.

Comprensión de textos escritos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado, como normas e comunicacións.

* Comprensión de textos dos medios de comunicación, especialmente de información sobre feitos, noticias e crónicas, atendendo á estrutura do xornal dixital (seccións e xéneros) e aos elementos paratextuais.

* Comprensión de textos do ámbito académico, atendendo especialmente aos expositivos e explicativos, ás instrucións para realizar tarefas, á consulta, en diversos soportes, de dicionarios, glosarios e outras fontes de información, como enciclopedias e webs educativas.

* Utilización progresivamente autónoma das bibliotecas e das tecnoloxías da información e da comunicación como fonte de información e de modelos para a composición escrita.

* Reflexión crítica con respecto á información dispoñible ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación.

Composición de textos escritos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación, especialmente crónicas destinadas a un soporte impreso ou dixital, a audio ou a vídeo.

* Composición, en soporte papel ou dixital, de textos propios do ámbito académico, especialmente resumos, esquemas xerárquicos, mapas conceptuais, exposicións e explicacións sinxelas, glosarios e informes de tarefas e de aprendizaxes efectuadas.

* Utilización da composición escrita como fonte de información e de aprendizaxe, como forma de comunicar as experiencias e mais os coñecementos propios, e como forma de regular a conduta.

* Dominio das normas de presentación dos textos escritos tanto en soporte papel como dixital, con respecto polas normas ortográficas, gramaticais e tipográficas.

Bloque 3. A educación literaria.

* Lectura de varias obras adecuadas á idade do alumnado.

* Recitado de poemas, prestándolle atención ao valor simbólico da linguaxe poética, ao sentido dos recursos retóricos máis importantes, recoñecendo os procedementos da versificación e valorando a función de todos estes elementos no poema.

* Lectura de relatos comparando e contrastando temas e elementos da historia, formas de inicio, desenvolvemento, desenlaces...

* Lectura dramatizada de fragmentos de obras teatrais, recoñecendo algúns subxéneros e prestándolle atención á estrutura e compoñentes do texto teatral.

* Diferenciación dos principais subxéneros literarios a través das lecturas comentadas.

* Composición de textos de intención literaria utilizando algunhas das aprendizaxes adquiridas nas lecturas dirixidas.

* Utilización progresivamente autónoma da biblioteca do centro e de bibliotecas virtuais.

* Desenvolvemento da autonomía lectora e do aprecio pola literatura como fonte de pracer e de coñecemento doutros mundos e culturas.

Bloque 4. Coñecemento da lingua.

* Recoñecemento das diferenzas contextuais e formais relevantes entre comunicación oral e escrita e entre os usos coloquiais e formais nos discursos alleos e na elaboración dos propios.

* Recoñecemento dalgúns significados contextuais que poden adquirir as modalidades da oración.

* Identificación e uso das formas de deíxe persoal, temporal e espacial (demostrativos, adverbios de tempo e de lugar) en textos orais e escritos.

* Identificación e uso reflexivo dalgúns conectores textuais, como os de orde, explicativos e de contraste, e dalgúns mecanismos de referencia interna, tanto gramaticais (substitucións pronominais) como léxicos, especialmente as elipses e o uso de hiperónimos de significado concreto.

* Recoñecemento e uso coherente das formas verbais nos textos, con especial atención aos distintos valores do presente de indicativo.

* Recoñecemento do funcionamento sintáctico do verbo a partir do seu significado, identificando o suxeito e os complementos do verbo, distinguindo entre argumentais e non argumentais; transformando oracións para observar diferentes papeis semánticos do suxeito (axente, causa, paciente). Utilización dunha terminoloxía sintáctica básica: oración; suxeito e predicado; predicado nominal e predicado verbal; suxeito, verbo e complementos; axente, causa, paciente.

* Uso de procedementos para compoñer os enunciados con estilo cohesionado, especialmente a inserción de expresións explicativas e o emprego de construcións de participio e de xerundio.

* Interpretación das informacións lingüísticas que proporcionan os dicionarios escolares e outras obras de consulta, especialmente sobre clases de palabras, relacións semánticas do léxico e normativa.

* Coñecemento e uso reflexivo das normas ortográficas, apreciando o seu valor social e a necesidade de cinguirse á norma lingüística.

Criterios de avaliación.

1. Captar a intención comunicativa e a idea xeral e secundarias dos textos orais social e academicamente próximos ao alumnado; identificar a información relevante en textos audiovisuais; e seguir instrucións para a realización autónoma de tarefas de aprendizaxe.

Este criterio está destinado a comprobar se o alumnado é capaz de obter, seleccionar e relacionar información de textos dos ámbitos audiovisual e escolar; se reflexionou sobre os mecanismos de comprensión dos textos orais - interese por facerse escoitar e ser entendido- e sobre os procedementos utilizados para iso. Constatar se segue instrucións para a realización de tarefas de aprendizaxe.

2. Comprender a intención comunicativa e captar a relación entre a idea xeral e as secundarias de textos escritos próximos á experiencia do alumnado; e seguir instrucións de certa extensión.

Con este criterio avalíase se as/os estudantes son capaces de detectar e entender información ou ideas relevantes -explícitas e implícitas- en textos escritos próximos ao seu contorno, así como se son capaces de facer deducións baseadas no texto: xeneralizacións, propósito; se identifican ideas principais e secundarias; se identifican elementos de descrición, fases de procesos pouco complexos e secuencias de feitos en narracións de desenvolvemento temporal lineal e non lineal e aplican técnicas de organización de ideas como esquemas xerárquicos e mapas conceptuais; se seguen instrucións en procesos de certa extensión.

3. Narrar, expoñer, resumir, explicar e comentar, en soporte papel e dixital, usando o rexistro adecuado, organizando as ideas con claridade e cohesión, respectando as normas gramaticais e ortográficas, e valorando a importancia de planificar e revisar o texto.

Trátase de avaliar a capacidade para redactar textos do mundo persoal, cultural e académico (narración de experiencias, explicacións e exposicións académicas sinxelas, resumos) usando o rexistro adecuado e unha organización clara do contido. Valorarase a presentación en soporte papel ou dixital, con respecto ás normas ortográficas e tipográficas, e a aplicación da planificación e revisión de textos.

4. Realizar exposicións orais sinxelas sobre temas próximos ao contorno do alumnado, claras e estruturadas, coa axuda de medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación.

Búscase con este criterio observar se as alumnas e os alumnos son capaces de presentar de forma ordenada e clara informacións sobre algún tema do seu interese, seleccionando o máis relevante e tendo en conta a comprensión das persoas que escoitan; terase en conta tamén se son capaces de utilizar nas súas exposicións os apoios que proporcionan as TIC e os medios audiovisuais.

5. Expoñer unha opinión persoal sobre a lectura dunha obra completa axeitada á idade do alumnado; recoñecer a estrutura e os elementos de xénero; valorar o uso da linguaxe e o punto de vista da autora e do autor. Diferenciar contido literal e sentido da obra e relacionar o contido coa propia experiencia. Utilizar os coñecementos literarios na comprensión e valoración dos textos.

Con este criterio avaliarase a capacidade de gozar de forma autónoma dos textos literarios, de comprender o seu sentido, temas, elementos característicos de xénero, uso da linguaxe e os distintos puntos de vista, ademais da capacidade para considerar o texto de maneira crítica emitindo opinións persoais e relacionando o contido do texto coas propias vivencias. Preténdese que as alumnas e os alumnos sexan capaces de utilizar os coñecementos literarios na comprensión e valoración de textos.

6. Identificar en textos orais e escritos a presenza dun uso sexista da linguaxe ou de valoracións discriminadoras sobre colectivos ou culturas distintos.

Con este criterio inténtase comprobar se o alumnado é capaz de detectar, tanto nos textos alleos como nos propios, algún tipo de prexuízo moral, cultural ou sexista, non só no contido senón tamén na linguaxe utilizada.

7. Aplicar os coñecementos literarios na comprensión e valoración de fragmentos, atendendo ao xénero, aos temas e motivos da tradición, á caracterización dos subxéneros literarios, á versificación e á funcionalidade dos recursos retóricos máis relevantes.

Este criterio pretende avaliar en que medida se aplican os coñecementos literarios traballados na lectura e valoración de textos breves comentados na clase, atendendo a: comprensión do tema, organización, identificación do xénero (elementos da historia, desenvolvemento cronolóxico da narración, compoñentes do texto teatral, estruturas da versificación e o seu efecto no ritmo), subxéneros máis frecuentes, recoñecemento de recursos retóricos máis comúns e valor simbólico da linguaxe, especialmente a poética.

8. Compoñer textos, en soporte papel ou dixital, tomando como modelo textos literarios ou realizar algunhas transformacións neses textos.

Avaliarase a capacidade para recrear ou imitar poemas ou relatos utilizando determinados recursos como a rima ou o ritmo ou realizando algunha transformación neles. Avaliarase, máis que a calidade literaria das producións, a utilización dos coñecementos adquiridos e o uso de pasos propios do proceso (planificación, escritura do texto, revisión).

9. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para resolver problemas de comprensión de textos orais e escritos e para a composición e revisión dos textos propios deste curso.

Con este criterio trátase de comprobar que se adquiren e utilizan determinados coñecementos sobre a lingua e as normas de uso en relación coa comprensión, a composición e a revisión de textos. Atenderase a significados contextuais da modalidade oracional; a conectores explicativos, de contraste e de orde; ao uso da deíxe, de recorrencias e de elipses; así como aos valores do presente de indicativo e de subxuntivo e ao uso de construcións de participio e de xerundio. En canto ás normas ortográficas, atenderase á acentuación de hiatos e de ditongos, usos de acento gráfico con función diacrítica máis frecuentes, ortografía de verbos irregulares, distintos modos de usar os signos de puntuación en diálogos e usos do punto e da coma.

10. Coñecer unha terminoloxía lingüística básica nas actividades de reflexión sobre o uso.

Con este criterio preténdese comprobar que se coñece a terminoloxía básica para seguir explicacións e instrucións nas actividades gramaticais e para referirse a elas (suxeito, predicado e complementos; elipses), papeis do suxeito -axente, causa, paciente-, funcións sintácticas características das clases de palabras (núcleo, complemento, determinantes, enlace) valorarase a progresiva autonomía na obtención de información gramatical de carácter xeral nos dicionarios escolares e noutras obras de consulta.

Terceiro curso.

Bloque 1. Escoitar, falar e conversar.

* Comprensión de textos procedentes dos medios de comunicación audiovisual, como reportaxes e entrevistas emitidos pola radio e pola televisión.

* Exposición da información tomada dun medio de comunicación acerca dun tema de actualidade, respectando as normas que rexen a interacción oral.

* Explicacións orais sinxelas de forma ordenada e clara, previamente preparadas, sobre feitos de actualidade social, política ou cultural que sexan do interese do alumnado, con axuda de medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación.

* Comprensión de textos orais utilizados no ámbito académico atendendo especialmente á presentación de tarefas e instrucións para a súa realización, a breves exposicións orais e á obtención de informacións dos medios de comunicación en informativos, documentais, reportaxes ou entrevistas.

* Colaboración en actividades de aprendizaxe individuais ou compartidas, especialmente nas propostas sobre o modo de organizar a actividade, a achega de informacións útiles para o traballo en común e a exposición de informes sobre as tarefas realizadas.

* Participación en actividades de aprendizaxe compartida cooperando e respectando os demais.

* Utilización da lingua para tomar conciencia dos coñecementos, das ideas e dos sentimentos propios e para regular a propia conduta.

Bloque 2. Ler e escribir.

Comprensión de textos escritos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais como convocatorias e regulamentos.

* Comprensión de textos dos medios de comunicación, recoñecendo as diferenzas entre información e opinión en crónicas, reportaxes e entrevistas.

* Comprensión de textos do ámbito académico, atendendo especialmente á consulta, en diversos soportes, de dicionarios, glosarios e outras fontes de información.

* Utilización das bibliotecas e das tecnoloxías da información e da comunicación de forma autónoma para a localización, selección e organización de información.

* Reflexión crítica ante as mensaxes que supoñen calquera tipo de discriminación para fomentar unha sensibilidade crítica fronte a elas.

Composición de textos escritos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais como diarios persoais, regulamentos ou circulares.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación, como reportaxes ou entrevistas destinados a un soporte escrito ou dixital, a audio ou a vídeo.

* Composición, en soporte papel ou dixital, de textos propios do ámbito académico, especialmente textos expositivos e explicativos elaborados a partir da información obtida e organizada mediante esquemas, mapas conceptuais e resumos, así como elaboración de proxectos e informes sobre tarefas e aprendizaxes.

* Utilización da composición escrita como fonte de información e aprendizaxe, como forma de comunicar experiencias, opinións e coñecementos propios, e como forma de regular a conduta.

* Dominio das normas de presentación dos textos escritos tanto en soporte papel como dixital, con respecto ás normas gramaticais, ortográficas e tipográficas.

Bloque 3. Educación literaria.

* Lectura de obras ou fragmentos axeitados á idade, relacionándoos cos grandes períodos e autores da literatura a partir da Idade Media ata o século XVIII.

* Recitado de poemas, comparando o tratamento de certos temas recorrentes en distintos períodos literarios e valorando a función dos elementos simbólicos e dos recursos retóricos e métricos no texto.

* Lectura de relatos, observando a transformación da narrativa desde a épica medieval en verso á narración moderna en prosa, e do heroe ou heroína personaxe de novela.

* Lectura dramatizada de obras teatrais breves e de fragmentos representativos do teatro clásico español, recoñecendo algunhas características temáticas e formais.

* Composición de textos de intención literaria e elaboración de traballos sinxelos sobre as lecturas dirixidas.

* Utilización progresivamente autónoma da biblioteca do centro, das do contorno e de bibliotecas virtuais.

* Desenvolvemento da autonomía lectora e do aprecio pola literatura como fonte de pracer, de coñecemento doutros mundos, tempos e culturas.

Bloque 4. Coñecemento da lingua.

* Coñecemento das diferenzas entre usos orais informais e formais da lingua e conciencia das situacións comunicativas en que resultan adecuados.

* Recoñecemento e uso dos significados contextuais que poden adquirir as modalidades da oración e as perífrases verbais de carácter modal.

* Identificación e uso das variacións (fórmulas de confianza e de cortesía) que adoptan as formas deícticas en relación coa situación.

* Identificación e uso reflexivo de conectores textuais, con especial atención aos distributivos, de orde, de contraste, de explicación e de causa, e dos mecanismos de referencia interna, tanto gramaticais como léxicos, especialmente as nominalizacións e os hiperónimos de significado abstracto como fenómeno, elemento ou característica.

* Recoñecemento e uso coherente das formas verbais nos textos, con especial atención aos valores aspectuais de perífrases verbais.

* Comparación dos diferentes comportamentos sintácticos dun mesmo verbo nalgunhas das súas acepcións, identificación do suxeito e dos diferentes complementos verbais, incluíndo entre estas funcións as que teñen forma oracional (subordinadas substantivas, adxectivas e adverbiais) e uso da terminoloxía sintáctica necesaria nas actividades: enunciado, frase e oración; suxeito e predicado; predicado nominal e predicado verbal; suxeito, verbo e complementos; axente, causa e paciente; oración activa e oración pasiva; oración transitiva e intransitiva; complemento directo, indirecto, de réxime, circunstancial, axente e atributo; oracións subordinadas substantivas, adxectivas e adverbiais.

* Uso de procedementos para compoñer enunciados cohesionados, especialmente mediante a transformación de oracións independentes, coordinadas ou xustapostas en subordinadas adverbiais ou en oracións subordinadas mediante as que se expresan diferentes relacións lóxicas: causais, consecutivas, condicionais e concesivas.

* Coñecemento das funcións sintácticas características das clases de palabras e análise da súa forma (flexión, afixos...), especialmente no que se refire aos aspectos relacionados coa normativa.

* Interpretación das informacións lingüísticas que proporcionan os dicionarios escolares e outras obras de consulta, especialmente sobre o comportamento sintáctico dos verbos (transitivos e intransitivos) e as relacionadas co rexistro e coa normativa.

* Uso progresivamente autónomo de dicionarios e de correctores ortográficos dos procesadores de textos.

* Coñecemento e uso reflexivo das normas ortográficas, apreciando o seu valor social e a necesidade de cinguirse á norma lingüística.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a intención comunicativa, as ideas xerais e as informacións específicas en reportaxes e en entrevistas; seguir o desenvolvemento oral dun tema académico e plasmalo nun esquema ou resumo.

Comprobarase con este criterio se o alumnado é capaz de distinguir o tema xeral e feitos relevantes de reportaxes dos medios de comunicación, así como opinións significativas en entrevistas; de plasmar en forma de esquema o tema xeral dunha exposición oral, ben estruturada, acerca de contidos relacionados con materias escolares.

2. Comprender a intención comunicativa implícita e explícita, temas, organización da información en textos escritos; seguir instrucións de certa complexidade en ámbitos públicos e procesos de aprendizaxe.

Este criterio quere avaliar se as alumnas e os alumnos son capaces de buscar, localizar e seleccionar información ou ideas relevantes que aparecen explícitas nos textos actuando de acordo ao que neles se indica; débese avaliar a capacidade para transcender o significado superficial e extraer inferencias directas, tema xeral e secundarios; se aplican técnicas de organización de ideas; se son capaces de seguir instrucións para realizar actividades de aprendizaxe en procesos de certa complexidade.

3. Narrar, expoñer, explicar, resumir e comentar, en soporte papel ou dixital, nun rexistro adecuado, con secuencias coherentes, respectando as normas gramaticais e ortográficas e utilizando a planificación e revisión de textos.

Este criterio trata de avaliar que as alumnas e os alumnos son capaces de expresarse por escrito de forma coherente, seguindo os pasos propios da produción dun escrito e axustándose a un formato e rexistro axeitados; compoñer textos propios do ámbito público (regulamentos, circulares, convocatorias), resumir narracións e exposicións reconstruíndo os elementos básicos do texto orixinal e organizando a información de forma xerárquica, consultando distintas fontes. Valorarase a presentación dos escritos, en soporte papel ou dixital, con respecto ás normas ortográficas e tipográficas.

4. Realizar explicacións orais sinxelas sobre temas de interese para o alumnado con axuda dos medios audiovisuais e das TIC.

Con este criterio trátase de observar se os alumnos e alumnas son capaces de explicar e facerse entender sobre aquilo que esperte o seu interese da realidade que os rodea (fenómenos naturais, feitos históricos, conflitos sociais). Valorarase a utilización de medios audiovisuais e das TIC como apoio ás explicacións.

5. Expoñer unha opinión sobre a lectura dunha obra completa axeitada á idade e relacionada con algún período literario estudado; valorar a estrutura, o uso da linguaxe e o punto de vista da autora e do autor; situar o sentido da obra en relación co contexto e coa experiencia do alumnado.

Con este criterio preténdese comprobar a competencia lectora no ámbito literario, a capacidade para considerar o texto de maneira crítica e para avaliar o seu contido, tendo en conta as súas características (estrutura, xénero, uso da linguaxe -rexistro, estilo-, puntos de vista, etc.) e relacionando o contido do texto coas propias vivencias. Preténdese que as alumnas e os alumnos sexan capaces de utilizar os coñecementos literarios na comprensión e valoración de textos.

6. Explorar alternativas lingüísticas que eviten o uso de expresións discriminatorias sociais, raciais, sexuais, etc. e a utilización desas alternativas en producións propias.

Este criterio pretende avaliar se as alumnas e os alumnos son capaces de indagar as diferentes alternativas lingüísticas que eviten os usos discriminatorios e se utilizan estas alternativas en producións propias. É conveniente que a observación se centre non só en mensaxes dos medios de comunicación social e na interrelación entre o código verbal e non verbal, senón tamén nas mensaxes das persoas do seu contorno social pertencentes a outros grupos sociais ou étnicos.

7. Utilizar os coñecementos literarios na comprensión e valoración de textos breves ou fragmentos, atendendo ao uso de temas recorrentes, valor da linguaxe poética, evolución de xéneros, formas literarias e estilos.

Preténdese comprobar se o alumnado asimilou os coñecementos literarios en función da lectura; a capacidade para avaliar o contido dun texto literario, a súa organización e uso da linguaxe, e o oficio das autoras e autores. Terase en conta a comprensión de temas e motivos recorrentes (amor, tempo, vida, morte), recoñecemento de xéneros e evolución sen entrar en detalles (da épica en verso á novela); e identificación de recursos retóricos (entre eles, os simbólicos), valorando a súa especial funcionalidade no verso.

8. Mostrar coñecemento das relacións, nas obras lidas, entre o contexto e autores/as máis relevantes mediante un traballo persoal de síntese e información ou recreación, en soporte papel ou dixital.

Con este criterio trátase de comprobar que se comprende o fenómeno literario como unha actividade comunicativa estética nun contexto determinado elaborando un traballo persoal, presentado en soporte papel ou dixital, en que se sintetice a información sobre unha autora ou un autor (dos máis relevantes das literaturas hispánicas e europeas), obra ou período (a partir da Idade Media ata o S. XVIII) ou en que se recree algún dos modelos utilizados na clase.

9. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso para resolver problemas de comprensión de textos orais ou escritos e para a composición e revisión progresivamente autónoma dos textos propios deste curso.

Trátase de indagar con este criterio se se adquiren e utilizan os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso en relación coa comprensión, a composición e a revisión de textos. Atenderase ás variacións sociais da deíxe (fórmulas de confianza e de cortesía), conectores distributivos, de orde, de contraste, explicación e causa; mecanismos de referencia interna, gramaticais, léxicos; valores do subxuntivo e perífrases verbais de uso máis frecuente. Comprobarase a consolidación do coñecemento práctico das normas ortográficas (acentuación gráfica con función diacrítica, ortografía de prefixos e de sufixos máis usuais, comiñas como forma de cita) e tipográficas.

10. Coñecer a terminoloxía lingüística necesaria para a reflexión sobre o uso.

Preténdese comprobar que se coñece e se usa a terminoloxía básica para seguir e dar explicacións e instrucións nas actividades gramaticais. Terminoloxía referida a clases de predicados e de oracións, de complementos verbais, cambios de categoría (nominalizacións) e á identificación das formas de unión das oracións (xustaposición, coordinación e subordinación). Valorarase a progresiva autonomía na obtención de información gramatical de carácter xeral nos dicionarios escolares.

Cuarto curso.

Bloque 1. Escoitar, falar e conversar.

* Comprensión de textos procedentes dos medios de comunicación audiovisual, como debates na radio ou televisión e opinións dos oíntes.

* Exposición da información tomada de varios medios de comunicación acerca dun tema de actualidade contrastando os diferentes puntos de vista e as opinións expresadas polos devanditos medios, respectando as normas que rexen a interacción oral.

* Presentacións orais ben estruturadas sobre temas relacionados coa actividade académica ou a actualidade que admitan diferentes puntos de vista, utilizando o apoio de medios audiovisuais e das tecnoloxías da información e da comunicación.

* Comprensión de presentacións, exposicións ou conferencias realizadas no ámbito académico relacionadas con contidos de diferentes materias.

* Colaboración en actividades de aprendizaxe individuais ou compartidas, especialmente nas propostas de planificación das actividades e na presentación de informes de seguimento e avaliación das tarefas.

* Participación en actividades de aprendizaxe compartida para fomentar estratexias de cooperación e de respecto.

* Utilización da lingua para tomar conciencia dos coñecementos, as ideas e os sentimentos propios e para regular a propia conduta.

Bloque 2. Ler e escribir.

Comprensión de textos escritos.

* Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como disposicións legais e folletos.

* Comprensión de textos dos medios de comunicación atendendo especialmente aos xéneros de opinión, como editoriais ou columnas.

* Comprensión de textos do ámbito académico, atendendo especialmente á consulta, en diversos soportes, de dicionarios, glosarios e outras fontes de información, incluíndo fragmentos de ensaios.

* Utilización das bibliotecas e das tecnoloxías da información e da comunicación de forma autónoma para a localización, selección e organización de información.

* Reflexión crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación para fomentar unha sensibilidade crítica fronte a elas.

Composición de textos escritos.

* Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais como foros, solicitudes e instancias, reclamacións, curricula vitae e folletos.

* Composición de textos propios dos medios de comunicación como cartas ao director e artigos de opinión (editoriais e columnas), destinados a un soporte escrito ou dixital.

* Composición, en soporte papel ou dixital, de textos propios do ámbito académico, especialmente textos expositivos, explicativos e argumentativos elaborados a partir da información obtida en diversas fontes e organizada mediante esquemas, mapas conceptuais e resumos, así como a elaboración de proxectos e informes sobre tarefas e aprendizaxes.

* Utilización da composición escrita como fonte de información e aprendizaxe, como forma de comunicar as experiencias e os coñecementos propios, e como forma de regular a conduta.

* Dominio das normas de presentación dos textos escritos tanto en soporte papel como dixital, con respecto ás normas gramaticais, ortográficas e tipográficas.

Bloque 3. Educación literaria.

* Lectura de novelas e de relatos desde o século XIX ata a actualidade.

* Recitado de poemas contemporáneos, con especial atención ás achegas do simbolismo e das vangardas á linguaxe poética, valorando a función dos elementos simbólicos e dos recursos retóricos e métricos no poema.

* Lectura de relatos contemporáneos de diverso tipo que ofrezan distintas estruturas e voces narrativas.

* Lectura dramatizada de breves pezas teatrais contemporáneas, ou de fragmentos, de carácter diverso constatando algunhas innovacións nos temas e nas formas.

* Coñecemento das características xerais dos grandes períodos da historia da literatura desde o século XIX ata a actualidade.

* Achegamento a algúns autores e autoras relevantes das literaturas hispánicas e europea desde o século XIX ata a actualidade.

* Composición de textos de intención literaria e elaboración de traballos sobre as lecturas dirixidas.

* Utilización con certa autonomía da biblioteca do centro, das do contorno e de bibliotecas virtuais.

* Desenvolvemento da autonomía lectora e aprecio pola literatura como fonte de pracer e de coñecemento doutros mundos, tempos e culturas.

Bloque 4. Coñecemento da lingua.

* Coñecemento dos diferentes rexistros e dos factores que inciden no uso da lingua en distintos ámbitos sociais e valoración da importancia de usar o rexistro adecuado segundo as circunstancias da situación comunicativa.

* Coñecemento da diversidade lingüística de España (linguas e dialectos), análise dos factores que inciden na relación das linguas da nosa comunidade, e reflexión sobre a situación actual do español no mundo.

* Recoñecemento e utilización dalgunhas formas de expresión da subxectividade en textos de carácter expositivo e argumentativo e identificación e uso das variacións que adoptan as formas deícticas en relación coas situacións de comunicación.

* Identificación e uso reflexivo de distintos procedementos de conexión nos textos, con especial atención a conectores de causa, consecuencia, condición e hipótese, e dos mecanismos gramaticais e léxicos de referencia interna, favorecendo a autonomía na revisión dos propios textos.

* Recoñecemento e uso coherente da correlación temporal na coordinación e subordinación de oracións e no discurso relatado (paso de estilo directo a indirecto).

* Recoñecemento dos esquemas semántico e sintáctico da oración, construción e transformación de enunciados de acordo con estes esquemas e uso da terminoloxía sintáctica necesaria nas actividades: enunciado, frase e oración; suxeito e predicado; predicado nominal e predicado verbal; suxeito, verbo e complementos; axente, causa e paciente; oración impersoal; oración activa e oración pasiva; oración transitiva e intransitiva; complemento directo, indirecto, de réxime, circunstancial, axente e atributo; oracións subordinadas substantivas, adxectivas e adverbiais.

* Uso de procedementos para compoñer os enunciados cun estilo cohesionado e emprego dos seguintes termos: aposición; adxectivo e oración de relativo explicativos; construción de participio e de xerundio; oración coordinada (copulativa, disxuntiva, adversativa e consecutiva); subordinada causal, consecutiva, condicional e concesiva.

* Distinción entre a forma (categoría gramatical) e a función das palabras, así como coñecemento dos procedementos léxicos (afixos) e sintácticos para o cambio de categoría.

* Interpretación das informacións lingüísticas que proporcionan os dicionarios da lingua (gramaticais, semánticas, rexistro e normativa).

* Uso con certa autonomía de dicionarios e correctores ortográficos dos procesadores de textos.

* Coñecemento e uso reflexivo das normas ortográficas, empregando os termos apropiados na explicación sobre o uso (sílaba tónica, til diacrítico, etc.) e apreciando o seu valor social e a necesidade de cinguirse á norma lingüística.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a intención comunicativa, as ideas principais, os datos relevantes, as teses ou argumentos dos textos orais nos medios de comunicación ou no ámbito escolar.

Con este criterio avalíase se o alumnado dá elaborado resumos ou esquemas de exposicións orais recollendo intencións, teses ou argumentos de declaracións en debates públicos de carácter persuasivo ou do ámbito escolar.

2. Comprender a intención comunicativa, temas, organización da información de textos escritos nos medios de comunicación ou no ámbito públicos e xulgar a eficacia dos procedementos lingüísticos usados. Comprender instrucións que regulan a vida social e procesos de aprendizaxe complexos.

Este criterio serve para avaliar se os alumnos e alumnas identifican o acto da fala e o propósito comunicativo nos textos públicos de participación; se son capaces de inferir o tema principal e os secundarios a partir de informacións do texto e dos seus coñecementos; se son capaces de xulgar o papel dalgúns procedementos lingüísticos (rexistro, organización do texto, figuras retóricas) na eficacia do texto (claridade, precisión, capacidade de persuasión); se seguen instrucións en procesos complexos de aprendizaxe.

3. Expoñer, explicar, argumentar, resumir e comentar, en soporte papel ou dixital, usando o rexistro adecuado, con claridade e coherencia, respectando as normas gramaticais e ortográficas e valorando a importancia de planificar e revisar o texto.

Con este criterio preténdese avaliar na composición de textos a súa organización e coherencia, así como a súa planificación ata chegar ao texto definitivo, axustado a un formato e rexistro axeitados, e se as alumnas e alumnos saben compoñer textos propios do ámbito público.

4. Realizar presentacións orais claras e estruturadas sobre temas académicos, sociais, políticos, culturais coa axuda dos medios de comunicación e das TIC.

Con este criterio preténdese observar se o alumnado é capaz de realizar exposicións orais sobre un tema coa axuda de notas escritas, carteis, diapositivas ou calquera outro medio audiovisual, de forma ordenada e crítica, proporcionando datos que lles permitan aos oíntes adoptar unha actitude propia. Valorarase a utilización dos medios audiovisuais e das TIC como apoio nas presentacións orais.

5. Expoñer unha opinión argumentada sobre a lectura de obras a partir do século XIX ata a actualidade; avaliar a composición xeral e relacionar o sentido da obra e a propia experiencia.

Preténdese avaliar a competencia lectora no ámbito literario por medio da lectura de obras completas dos períodos literarios estudados; con espírito crítico, valorando o contido, a estrutura, as características das obras, o punto de vista da autora ou autor.

6. Identificar e valorar en textos orais e escritos a presenza dun uso sexista da linguaxe ou de valoracións discriminatorias sobre colectivos ou culturas distintos. Propoñer outras formulacións que eliminen a discriminación detectada.

Con este criterio inténtase comprobar se o alumnado é capaz de detectar, tanto nos textos alleos como nos propios, algún tipo de prexuízo moral, cultural ou sexista tanto no contido como na linguaxe utilizada; tamén se é capaz de propoñer solucións lingüísticas que supriman o uso discriminador, non só nos distintos medios de comunicación, senón tamén no uso diario do ámbito sociocultural que o rodea.

7. Utilizar os coñecementos literarios na comprensión e valoración de textos breves da literatura contemporánea, relacionando fragmentos e autores co seu contexto literario e histórico; valorar as innovacións dos xéneros e as formas na literatura contemporánea.

Este criterio avalía a capacidade de percepción por parte do alumnado do fenómeno literario como unha actividade enmarcada nun período socio-histórico determinado, identificando características e valorando as novidades e achegas dos movementos xurdidos nas épocas de estudo. Deberán tamén poder recrear ou imitar algún modelo proposto na clase.

8. Mostrar coñecemento das relacións, nas obras lidas, entre o contexto e os autores/ras cun traballo persoal de síntese ou recreación, en soporte papel ou dixital, expoñendo unha valoración persoal.

Este criterio trata de comprobar que se comprende o fenómeno literario como unha actividade comunicativa estética nun contexto histórico determinado, mediante un traballo persoal, en soporte papel ou dixital, que sintetice a información obtida ou a composición dun texto que imite ou recree algún dos modelos utilizados. Preténdese comprobar que se adquire o coñecemento dos períodos e movementos literarios a partir do século XIX ata a actualidade, así como de obras ou autores máis relevantes desa época.

9. Aplicar os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso para resolver problemas de comprensión de textos orais e escritos e para a composición e revisión autónoma dos textos propios.

Preténdese avaliar con este criterio se se adquiren e se utilizan os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso en relación coa comprensión e coa composición e se se utilizan con autonomía na revisión de textos; avaliaranse todos os aspectos, en especial a expresión da subxectividade (opinión, valoración, certeza, citas), a deíxe (fórmulas de confianza e de cortesía), a utilización de oracións simples e complexas, o uso de conectores (causa, consecuencia, condición e hipótese), os mecanismos de referencia interna, a construción de enunciados cohesionados (construcións e oracións nominais, xustaposición, coordinación e subordinación). Terase en conta a ortografía de elementos de orixe grecolatina, a puntuación como recurso de cohesión, o uso da raia e da paréntese en incisos e os usos expresivos das comiñas.

10. Coñecer e usar a terminoloxía lingüística axeitada na reflexión sobre o uso.

Preténdese comprobar con este criterio que se coñece e se usa de forma axeitada a terminoloxía necesaria para referirse aos coñecementos gramaticais; debe distinguirse neste curso a diferenza entre forma e función das palabras, e débense coñecer os procedementos léxicos (afixos) e sintácticos para os cambios de categoría; valorarase a progresiva autonomía na obtención de todo tipo de información lingüística en dicionarios e outras obras de consulta.

Lingua estranxeira.

Introdución.

As linguas son instrumentos de comunicación e de coñecemento, vehículo dos sistemas de valores e das expresións culturais e factor determinante da identidade dos pobos e das persoas

No mundo actual, cada vez máis globalizado, no que están a desaparecer os límites xeográficos da comunicación, a aprendizaxe de linguas estranxeiras constitúe unha necesidade de achegamento á información, ao coñecemento e ás tecnoloxías, así como a distintas formas e estilos de vida e maneiras de pensar de diferentes culturas.

Galicia está a participar de cheo nas relacións internacionais en todos os eidos. A necesidade de coñecer outras linguas faise cada vez máis evidente na Europa de hoxe. É este coñecemento o que posibilita o contacto con costumes e formas de vida diferentes e o que promove unha actitude de tolerancia e respecto cara a outros países, aos seus falantes e á súa cultura. A nosa comunidade non é tampouco allea aos movementos migratorios que están a acontecer no mundo e de aí que, desde unha perspectiva integradora, a función da lingua como ferramenta de mediación teña no noso caso especial relevancia. Ademais, o dominio e uso de linguas estranxeiras non só fomenta as relacións interpersoais - favorecendo a formación integral do individuo- senón que tamén nos permite comprender mellor a lingua propia desde unha visión máis ampla e rica da realidade.

A Unión Europea defínese a si mesma como unha comunidade multilingüe. O concepto de multilingüismo fai referencia tanto á capacidade dunha persoa para utilizar varios idiomas como á coexistencia de diferentes comunidades lingüísticas nunha zona xeográfica determinada. Na nosa comunidade, o estudo de varias linguas estranxeiras en contexto escolar ten unha finalidade que supera o simple multilingüismo. Adoptando o enfoque plurilingüe promovido polo Marco Común Europeo de Referencia, a presencia de varias linguas estranxeiras no currículo da educación secundaria obrigatoria pon énfase no feito de que as persoas, conforme se amplía a súa experiencia lingüística e o contacto coas linguas doutros pobos, desenvolven unha competencia comunicativa plurilingüe conformada por todos os seus coñecementos e experiencias lingüísticas e nela as linguas aprendidas relaciónanse entre si e interactúan.

A competencia plurilingüe estase a conformar como un aspecto esencial para a protección e o desenvolvemento da herdanza lingüística, como fonte de enriquecemento mutuo. Esta competencia permitiralles ás alumnas e aos alumnos relacionar, de modo significativo, as distintas culturas ás que teñen acceso mediante os seus coñecementos lingüísticos e lograr unha mellor comprensión delas. As competencias lingüística e cultural respecto de cada lingua modifícanse mediante o coñecemento mutuo e contribúen a crear unha conciencia, unhas destrezas e unhas capacidades interculturais. Permiten que as alumnas e os alumnos desenvolvan unha personalidade máis rica e complexa, melloran a capacidade de aprendizaxe posterior de novas linguas e de apertura a novas experiencias culturais. Tales competencias permitiranlle ao alumnado axudar como mediador a conseguir algún grao de comunicación entre persoas que non teñan unha lingua común e carezan, xa que logo, da capacidade para comunicarse.

Xunto con todo o anterior, o sentido e as funcións desta materia veñen determinados tamén por razóns profundamente educativas, derivadas da contribución que realiza ás competencias básicas e aos obxectivos educativos xerais. O proceso de ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras contribuirá á formación educativa do alumnado desde unha perspectiva global que favoreza o desenvolvemento da súa personalidade, compense as desigualdades de partida axudando á integración social, teña en conta as distintas capacidades e ritmos de aprendizaxe e posibilite o acceso a datos de interese

Ao empezar a etapa de educación secundaria obrigatoria, o alumnado debe estar familiarizado coa lingua estranxeira usada en situacións de comunicación sinxelas presentadas no ensino primario. Trátase na etapa de secundaria de conseguir un dominio comunicativo suficiente para desenvolverse non só en situacións habituais da vida cotiá, senón tamén noutras conectadas coas súas motivacións e intereses futuros (académicos e laborais), de maneira que, ao rematar a etapa, adquiran destrezas comunicativas suficientes para enfrontarse a novas situacións.

Os contidos e criterios de avaliación organízanse por cursos, tendo en conta as recomendacións feitas desde o Marco Europeo Común de Referencia. Esta especificación de contidos por cursos hai que interpretala como un continuo no que se irán construíndo progresivamente as distintas habilidades comunicativas, de maneira que os contidos volverán aparecer en distintos contextos, xa que a aprendizaxe non se produce de forma lineal senón global, nun progreso que se vai enriquecendo ciclicamente.

Dentro de cada curso, os contidos aparecen estruturados en catro bloques: bloque 1 Escoitar, falar e conversar, bloque 2 Ler e escribir, que se refiren as habilidades lingüísticas, bloque 3 Coñecementos da lingua (que se refiren aos elementos lingüísticos e á súa relación) e bloque 4 Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

Aínda que aparecen separados para maior claridade, temos que entendelos como inseparables na práctica lingüística. Estes catro bloques teñen características distintas en canto a que necesitan de metodoloxías específicas para aplicalos ao proceso de ensino e aprendizaxe pero gozan do mesmo peso á hora de contribuír á aprendizaxe da lingua.

Así, os dous primeiros bloques refírense ás habilidades lingüísticas e necesitarán dunha metodoloxía baseada nos procedementos, entendidos estes como as operacións -tanto na oralidade como na escrita- que permiten relacionar os conceptos adquiridos coa súa realización en actividades de comunicación que desenvolvan o saber facer.

O terceiro bloque ten como punto de partida as situacións de uso que favorezan a reflexión sobre a lingua estranxeira e as estratexias que axuden a progresar na aprendizaxe.

O cuarto bloque refírese aos aspectos socioculturais, contribuíndo ao coñecemento dos costumes, formas de relación social, trazos e particularidades dos países nos que se fala a lingua estranxeira, etc. Promóvese así a tolerancia e aceptación de formas de vida diferentes.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

A incorporación das competencias básicas ao currículo introduce dous novos enfoques: por unha banda permítenos identificar as aprendizaxes imprescindibles para o alumnado e por outra banda achega unha visión integradora do proceso de aprendizaxe. Isto quere dicir que, aínda que as áreas e materias son as que ofrecen os contidos concretos diferenciados, a aprendizaxe deberá facerse desde unha perspectiva integradora e de colaboración

A materia de lingua estranxeira relaciónase moi directamente coa competencia en comunicación lingüística, pero, debido aos seus trazos comunicativos, sociais e culturais, tamén contribúe ao desenvolvemento doutras competencias como a de aprender a aprender, a do tratamento da información e competencia dixital, á competencia social e cidadá, á competencia artística e cultural e á da autonomía e iniciativa persoal. De maneira máis tanxencial tamén contribúe ás competencias matemática e do coñecemento e a interacción co mundo físico, especialmente mediante a utilización da lingua estranxeira como instrumento de información con outros contidos do currículo.

Sen dúbida a materia de lingua estranxeira contribúe á competencia en comunicación lingüística pois ofrece máis oportunidades para interactuar en situacións comunicativas e para reflexionar sobre a linguaxe en xeral a través da comparación entre as distintas linguas que se están a aprender.

Porén, a lingua non só é un medio para a comunicación, tamén é unha ferramenta esencial para o acceso a outras aprendizaxes non lingüísticas. Isto, unido á utilización da gradación dos logros nas aprendizaxes propostas polo Marco Común Europeo de Referencia e ao uso consciente de estratexias de aprendizaxe, contribúe a espertar no alumnado a consciencia do estado dos seus coñecementos e o desexo de utilizar a lingua estranxeira como instrumento de acceso á información universal, favorecendo un proceso dinámico de aprendizaxe ao longo da vida. É por isto que a materia de lingua estranxeira contribúe de xeito directo á competencia de aprender a aprender, xa que será a través dela que o alumnado accederá a distintos tipos de información, textos e contidos que lle permitan acceder á aprendizaxe.

A aprendizaxe dunha lingua ten tamén un compoñente social que vai axudar ao desenvolvemento global das persoas. A contribución da materia de lingua estranxeira á competencia social e cidadá prodúcese a través de dúas vías. Por unha banda, todas as linguas son un vehículo para a interacción social, e a súa aprendizaxe comprende non só os aspectos exclusivamente lingüísticos, senón tamén os compoñentes socioculturais que subxacen no uso desa lingua.

Por outra banda, non podemos esquecer que toda lingua é un vehículo de transmisión cultural e que o seu coñecemento favorece a tolerancia e o respecto polas outras culturas, relacionando a cultura propia coa estranxeira, aceptando a diversidade de valores, e superando prexuízos, favorecendo actitudes socialmente positivas tales como a cooperación a través do traballo compartido, o respecto ao interlocutor ou a participación activa en debates.

Desde a materia de lingua estranxeira, a contribución á competencia no tratamento da información e a competencia dixital vai ser esencial. O tratamento da información vaise traballar desde esta área como un contido específico a través de actividades que requiran do alumnado o manexo de fontes informativas en distintas linguas, soportes e modelos lingüísticos e o seu procesamento e presentación posterior. Da mesma maneira a contribución á competencia dixital vai ser continua, desde o uso das TIC para a creación de distintos contextos comunicativos: chats, foros, correo electrónico, blogs, etc., pasando polo uso de distintas ferramentas dixitais para manexar a información: CD, DVD, internet, presentacións de PowerPoint... ata o uso de distintos recursos para a aprendizaxe das linguas: programas de software específicos, páxinas web, dicionarios en liña, tradutores automáticos, etc.

A aprendizaxe dunha lingua estranxeira ofrece igualmente oportunidades para o achegamento ás súas principais manifestacións artísticas e culturais. Así, contribuirase ao desenvolvemento da competencia artística e cultural do alumnado a través da presentación de modelos lingüísticos que conteñan valores artísticos ou culturais de maneira que aprenda a valoralos e a atopar goce estético neles.

O coñecemento dunha lingua estranxeira vai facilitar a competencia de autonomía e iniciativa persoal. Permítelle manexarse en situacións nas que, doutro xeito, non sería posible ou necesitaría de axuda. Supón a superación de dificultades e xera autoconfianza e autoestima, converténdose nunha ferramenta esencial á hora de desenvolver aspectos relacionados coa autonomía propia. Mediante a preparación e realización de tarefas comunicativas, fomenta o desenvolvemento da capacidade de xestionar os proxectos e iniciativas propias a través do traballo cooperativo, identificando as metas e as necesidades, propoñendo obxectivos, planificando accións e estratexias para conseguilos, buscando solucións ante as dificultades.

Obxectivos.

O ensino da lingua estranxeira nesta etapa terá como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Escoitar e comprender información xeral e específica oral en distintas situacións comunicativas, adoptando unha actitude respectuosa e de cooperación co falante.

2. Comunicarse oralmente en situacións habituais de forma comprensible, axeitada e con certo nivel de autonomía.

3. Ler e comprender textos diversos dun nivel axeitado ás capacidades e intereses do alumnado co fin de extraer información xeral e específica, e utilizar a lectura como fonte de pracer e de enriquecemento persoal.

4. Escribir textos sinxelos con fins diversos sobre distintos temas utilizando recursos axeitados de cohesión e coherencia.

5. Utilizar eficazmente os compoñentes fonéticos, léxicos, estruturais e funcionais básicos da lingua estranxeira en contextos reais de comunicación.

6. Desenvolver a autonomía na aprendizaxe, reflexionando sobre o propio proceso de adquisición da lingua e transferindo á lingua estranxeira coñecementos e estratexias de comunicación adquiridas noutras linguas.

7. Buscar, seleccionar e presentar información oralmente e por escrito na lingua estranxeira utilizando todos os medios ao seu alcance, (bibliotecas, tecnoloxías da información e a comunicación e as estratexias de aprendizaxe).

8. Valorar a lingua estranxeira e as linguas en xeral, como instrumento de acceso á información e como ferramenta de aprendizaxe de contidos diversos, como medio de comunicación e entendemento entre persoas de procedencias, linguas e culturas distintas evitando calquera tipo de discriminación e de estereotipos lingüísticos e culturais.

9. Manifestar unha actitude receptiva e de autoconfianza na propia capacidade de aprender e usar a lingua estranxeira.

10. Coñecer os elementos culturais máis relevantes dos países onde se fala a lingua estranxeira, establecer relación entre aspectos culturais deses países e os propios rexeitando estereotipos negativos.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Escoitar, falar e conversar.

* Comprensión de mensaxes orais sinxelas e básicas para realizar actividades de aula.

* Comprensión de textos orais sinxelos gravados ou en diferentes soportes multimedia, conectados cos seus intereses e apoiados con imaxes, sons e xestos.

* Uso de estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais: anticipación do contido xeral do que se escoita con axuda de elementos verbais e non verbais e uso dos coñecementos previos sobre a situación.

* Memorización de producións orais breves significativas (saúdos, rutinas para iniciar ou manter a quenda de palabra, para manter a atención), propias da vida cotiá.

* Produción de mensaxes orais curtas, con estrutura lóxica e con pronuncia que non impida a comunicación (saúdo, despedida, presentacións, felicitación ás persoas da aula nos seus aniversarios....).

* Participación en conversas breves e sinxelas controladas dentro da aula, espontáneas e/ou en simulacións relacionadas con experiencias e intereses persoais.

* Uso de respostas axeitadas ás cuestións requiridas polo profesor/a e os compañeiros/as nas actividades de aula.

* Identificación e desenvolvemento progresivo de estratexias para superar as interrupcións na comunicación (como por exemplo a demanda de repetición e aclaración entre outras), facendo uso de elementos verbais e non verbais nas actividades de aula en parella e en grupo.

* Valoración da lingua estranxeira como instrumento para comunicarse e para achegarse a persoas doutras culturas.

* Valoración positiva das intervencións orais propias e alleas.

* Uso de estratexias de cooperación na interacción e no traballo con outras persoas.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Comprensión de instrucións básicas para a resolución de actividades presentadas por escrito.

* Asociación e identificación de grafía, pronuncia, fonema e significado a partir de modelos escritos, de imaxes, con palabras coñecidas e relacionadas con temas próximos ao alumnado, en situacións contextualizadas empregando diferentes recursos visuais e informáticos.

* Comprensión xeral e identificación de informacións específicas en diferentes tipos de textos sinxelos auténticos e adaptados, en soporte papel e dixital, sobre diversos temas axeitados á súa idade e relacionados con contidos doutras materias do currículo.

* Iniciativa para ler con certa autonomía textos axeitados á idade, intereses e nivel de competencia do alumnado.

* Uso de estratexias básicas de comprensión lectora: identificación do tema dun texto coa axuda de elementos textuais e non textuais, uso dos coñecementos previos sobre o tema, inferencia de significados polo contexto, por comparación de palabras ou frases similares nas linguas que xa coñecen.

* Recoñecemento dalgunhas das características e convencións da linguaxe escrita e como se diferencia da linguaxe oral.

* Desenvolvemento da expresión escrita de forma guiada, como por exemplo completando ou modificando frases e parágrafos sinxelos.

* Composición de textos curtos sinxelos, coñecidos previamente en producións orais, con elementos básicos de intencións comunicativas a partir de modelos e utilizando cohesión e con diversas estratexias como a planificación, textualización e revisión do texto.

* Coidado na presentación dos textos escritos en soporte papel e dixital usando as regras básicas de ortografía e de puntuación e recoñecendo a súa importancia na comunicación escrita.

* Valoración positiva dos textos escritos propios e os do resto das persoas da aula, colaborando na súa produción e exposición e integrándoas na rutina da aula.

* Uso de distintas fontes, en soporte papel, dixital ou multimedia, para obter información e realizar tarefas individuais ou en grupo.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 3. Coñecementos da lingua.

Coñecementos lingüísticos.

* Identificación de elementos morfolóxicos básicos e habituais no uso da lingua como o substantivo, o verbo, o adxectivo, o adverbio ou a preposición e conectores básicos de adición, enumeración e ordenación.

* Identificación e uso de expresións comúns, de frases feitas sinxelas e de léxico relativo a contextos concretos e cotiáns e a contidos doutras materias do currículo.

* Identificación de antónimos básicos e de uso habitual.

* Uso de estruturas e funcións básicas relacionadas coas situacións cotiás máis predicibles.

* Identificación de fonemas de especial dificultade.

* Recoñecemento e produción de patróns básicos de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Aplicación de estratexias básicas para organizar, adquirir, recordar e utilizar léxico.

* Uso progresivo de recursos para a aprendizaxe como dicionarios, libros de consulta, bibliotecas e tecnoloxías da información e a comunicación.

* Reflexión guiada sobre o uso e o significado das formas gramaticais axeitadas a distintas intencións comunicativas.

* Iniciación nas estratexias de autoavaliación e autocorrección das producións orais e escritas propias.

* Aceptación do erro como parte do proceso de aprendizaxe e ter unha actitude positiva para superalo.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades de aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa e cooperativa en actividades e traballos grupais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Recoñecemento e valoración da lingua estranxeira como instrumento de comunicación na aula, ou con persoas doutras culturas.

* Identificación dos principais costumes e trazos da vida cotiá propios doutros países e culturas onde se fala a lingua estranxeira. Comparación cos patróns culturais existentes en Galicia, evitando os estereotipos.

* Uso de fórmulas de cortesía axeitadas nos intercambios sociais.

* Coñecemento dalgúns trazos históricos e xeográficos dos países onde se fala a lingua estranxeira, obtendo a información por diferentes medios, entre eles a biblioteca, a internet e outras tecnoloxías da información e comunicación.

* Interese e iniciativa na comunicación con falantes ou aprendices/zas da lingua estranxeira, utilizando soporte papel ou medios dixitais.

* Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea xeral e as informacións específicas máis relevantes de mensaxes orais emitidas cara a cara ou por medios audiovisuais sobre asuntos cotiáns se se fala amodo e con claridade.

A través deste criterio apreciase a capacidade de alumnos e alumnas para comprender o esencial de diálogos emitidos cara a cara ou por medios audiovisuais, aínda que non se comprendan na súa totalidade. Trátase de avaliar esencialmente se se identifica o significado de instrucións, comentarios, preguntas e respostas, diálogos curtos, descricións e narracións breves sobre temas cotiás utilizando as estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Comunicarse oralmente participando en conversas e en simulacións sobre temas coñecidos ou traballados previamente, utilizando as estratexias axeitadas para facilitar a continuidade da comunicación e producindo un discurso comprensible e axeitado á intención de comunicación.

Este criterio avalía a capacidade de comunicarse oralmente participando en conversas, reais ou simuladas, sobre temas coñecidos. Estas consistirán esencialmente en presentar e contestar preguntas, intercambiar ideas e información, relatar experiencias sobre temas familiares en situacións predicibles utilizando os recursos lingüísticos e as estratexias que aseguren a comunicación. As producións poderán ter incorreccións léxicas, morfosintácticas ou fonéticas que non dificulten a comunicación.

3. Identificar e interpretar palabras e enunciados sinxelos e contextualizados, en situacións de comunicación significativas para o alumnado, coa axuda de elementos textuais e non textuais, sobre temas variados e outros relacionados con outras materias do currículo.

A través deste criterio apreciarase a capacidade para comprender textos diversos: instrucións, correspondencia, descricións e narracións breves, mensaxes, cuestionarios, etc. aplicando estratexias básicas de lectura como a inferencia de significados polo contexto ou por elementos visuais ou a comparación coas linguas que o alumnado coñece.

Con este criterio tamén se avalía a capacidade de ler textos, en soporte papel ou dixital, de certa extensión, para aprender ou para gozar da lectura, recorrendo ao dicionario cando sexa preciso.

4. Redactar de forma guiada textos breves en diferentes soportes utilizando as estruturas, as funcións e o léxico axeitados, así como algúns elementos básicos de cohesión, partindo de modelos e respectando as regras elementais de ortografía e puntuación.

Este criterio avalía a capacidade para redactar, aínda que de forma elemental, notas, descricións, correspondencia postal ou electrónica e mensaxes. Os textos conterán palabras de uso habitual, oracións simples e conectores básicos. Valorarase tamén a presentación clara, limpa e ordenada, en soporte papel ou dixital.

5. Na lingua propia, comparar aspectos da vida cotiá dos países nos que se fala a lingua estranxeira cos propios, identificando elementos básicos e evitando estereotipos.

A través deste criterio trátase de avaliar o interese por coñecer a outra cultura e se as alumnas e alumnos son consciente do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas doutras culturas.

6. Reformular na lingua propia o sentido dun texto, oral ou escrito, sobre temas previamente traballados na aula, para facelo comprensible a interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira estudada.

Trátase de avaliar a capacidade de facer mediación entre persoas interlocutoras que non poden entenderse polo descoñecemento da lingua, facendo equivalencia dunha lingua a outra ou dando explicacións do significado do texto.

7. Identificar e utilizar algunhas estratexias utilizadas para progresar na aprendizaxe.

Este criterio pretende avaliar se o alumnado identifica e utiliza as estratexias básicas que favorecen o proceso de aprendizaxe, como a capacidade de ir valorando os seus progresos, a reflexión sobre como aprende un mesmo máis e mellor, a incorporación da aceptación do erro como parte do proceso de aprendizaxe, a utilización de formas diversas para almacenar, memorizar e revisar o léxico, o uso correcto do dicionario para identificar a acepción axeitada ao contexto; o uso de recursos bibliográficos, informáticos e dixitais co fin de recoller información, ampliar ou revisar aspectos traballados na aula, etc.

8. Usar de forma guiada as tecnoloxías da información e a comunicación para buscar información, producir mensaxes a partir de modelos e para establecer relacións persoais amosando interese polo seu uso.

Trátase de valorar con este criterio a capacidade do alumnado de utilizar as tecnoloxías da información e comunicación como ferramenta de comunicación e de aprendizaxe, en actividades habituais de aula e para establecer relacións persoais de forma guiada. As comunicacións que se establezan versarán sobre temas familiares previamente traballados e realizaranse a partir de modelos. Tamén se terá en conta a actitude cara a lingua estranxeira, os intentos por utilizala e se se valora a diversidade lingüística como elemento enriquecedor.

Segundo curso.

Bloque 1. Escoitar, falar e conversar.

* Escoita e comprensión de mensaxes orais, de progresiva dificultade, emitidas dentro da aula, relacionados coas actividades habituais.

* Obtención de información xeral e específica de textos orais sobre asuntos cotiáns e predicibles procedentes de diferentes medios audiovisuais e con apoio de elementos verbais e non verbais.

* Uso de estratexias de comprensión das mensaxes orais: uso do contexto verbal e non verbal e dos coñecementos previos sobre a situación, así como identificación de palabras clave.

* Produción de mensaxes orais breves e coherentes sobre temas de interese persoal e cunha pronuncia que non dificulte a comunicación.

* Participación en situacións reais ou simulada de comunicación (conversas telefónicas, peticións, autopresentacións, identificación de obxectos, lugares ou persoas) en todo tipo de interaccións (parellas, grupos, equipos) dentro da aula, con pronuncia e entoación axeitadas para conseguir a comunicación.

* Resposta axeitada a situacións de comunicación na aula.

* Desenvolvemento de estratexias de comunicación para superar as interrupcións na comunicación e para iniciar e concluír intercambios comunicativos.

* Valoración positiva das intervencións orais propias e alleas na lingua estranxeira como instrumento para comunicarse e coñecer outras culturas.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Asociación de grafía, pronuncia e significado a partir de modelos escritos e expresións orais coñecidas e consolidación das asociacións grafía-son das mensaxes empregadas en situacións funcionais de comunicación.

* Comprensión da información xeral e específica en diferentes tipos de textos, en soporte papel e dixital, auténticos e adaptados, sobre asuntos familiares e relacionados con contidos doutras áreas do currículo.

* Iniciativa para ler de xeito autónomo textos de certa extensión.

* Uso de estratexias de comprensión lectora: anticipación do contido antes e durante a lectura, identificación do tema dun texto coa axuda de elementos textuais e non textuais, emprego dos coñecementos previos sobre un tema, inferencia de significados polo contexto, por elementos visuais, por comparación de palabras ou frases similares nas linguas que coñecen.

* Recoñecemento e iniciación no uso dalgunhas fórmulas que diferencian a linguaxe formal e informal nas comunicacións escritas.

* Composición de distintos textos coa axuda de modelos, atendendo a elementos básicos de cohesión e utilizando estratexias elementais no proceso de composición escrita (planificación, textualización e revisión).

* Comunicación persoal con falantes da lingua estranxeira mediante correspondencia postal ou utilizando medios informáticos: chats, correo electrónico, etc. Utilización das tecnoloxías da información e a comunicación para ler e transmitir información.

* Presentación coidada dos textos escritos, en soporte papel e dixital usando as regras básicas de ortografía e puntuación e valorando a súa importancia nas comunicacións escritas e o sentido estético destes.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 3. Coñecemento da lingua.

Coñecementos lingüísticos.

* Identificación de elementos morfolóxicos no uso da lingua: substantivo, verbo, adxectivo, adverbio, preposición, etc.

* Ampliación de expresións comúns, de frases feitas e de léxico apropiado a contextos concretos, cotiáns e a contidos doutras materias do currículo.

* Uso das estruturas e funcións máis habituais.

* Recoñecemento e pronuncia de fonemas de especial dificultade.

* Recoñecemento e produción de patróns básicos de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Ampliación de estratexias para organizar, adquirir, lembrar e utilizar léxico.

* Uso de recursos para a aprendizaxe como dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou tecnoloxías da información e da comunicación.

* Reflexión sobre o uso e o significado das formas gramaticais axeitadas a distintas intencións comunicativas.

* Participación en actividades de avaliación compartida, na avaliación da propia aprendizaxe e uso de estratexias de autocorrección.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades da aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa en actividades e traballos grupais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Recoñecemento e valoración da lingua estranxeira como instrumento de comunicación internacional.

* Identificación e respecto cara aos costumes e trazos da vida cotiá propios doutros países e culturas onde se fala a lingua estranxeira respecto a patróns culturais existentes en Galicia.

* Ampliación de fórmulas de cortesía axeitadas nos intercambios sociais.

* Coñecemento dos acontecementos culturais diversos de tipo histórico, aspectos xeográficos ou literarios, obtendo a información por diferentes medios, entre eles a biblioteca, a internet e outras tecnoloxías da información e comunicación.

* Interese e iniciativa na realización de intercambios comunicativos con falantes ou aprendices/zas da lingua estranxeira, utilizando soporte papel ou medios dixitais.

* Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas.

* Respecto pola cultura da lingua estranxeira en comparación coa galega, acadando unha consciencia intercultural que supere os estereotipos.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea xeral e informacións específicas de mensaxes orais emitidas cara a cara ou procedentes de distintos medios audiovisuais, sobre temas coñecidos.

Este criterio avalía a capacidade para comprender a idea xeral e detalles específicos de mensaxes breves e conversacionais sobre temas familiares tanto emitidos cara a cara como por distintos medios audiovisuais sempre que sexa nunha pronuncia estándar, utilizando as estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Participar con progresiva autonomía en conversas e simulacións relativas ás experiencias persoais, plans e proxectos, empregando estruturas sinxelas, as expresións máis usuais de relación social, e unha pronuncia axeitada para conseguir a comunicación.

Con este criterio avalíase a capacidade para desenvolverse en situacións interactivas que supoñen a integración da comprensión e da expresión oral. As conversas daranse en situacións de dous tipos: as habituais de clase (pedir información e aclaración, pedir permiso, traballar en grupo, etc.) e as creadas polo profesor (xogos, simulacións, xogos de rol, comunicacións mediante as novas TIC, etc.). As mensaxes poderán ser aínda titubeantes e conter erros morfosintácticos e léxico reducido sempre que a mensaxe sexa comprensible.

3. Comprender a información xeral e a específica de diferentes textos escritos, auténticos e adaptados de extensión variada e axeitados á súa idade, demostrando a comprensión mediante unha actividade específica.

Mediante este criterio avalíase a capacidade para comprender textos escritos de carácter interpersoal como correspondencia, anuncios, folletos de diverso tipo, narracións, artigos de revistas xuvenís, páxinas web, letras de cancións, etc., aplicando estratexias de lectura como a inferencia de significados polo contexto, a aplicación de regras de formación de palabras ou dos coñecementos transferidos das linguas que coñece ou vinculados a outras áreas do currículo. Con este criterio avalíase tamén a capacidade para ler textos, en soporte papel ou dixital, dunha certa extensión, recorrendo ao dicionario de xeito espontáneo cando resulte difícil a comprensión global do argumento por descoñecemento dalgunha palabra clave, e demostrando a súa comprensión mediante tarefas lingüísticas e non lingüísticas.

4. Redactar de xeito guiado textos diversos en diferentes soportes, empregando estruturas, conectores sinxelos e léxico adecuados, coidando os aspectos formais e respectando as regras elementais de ortografía e de puntuación para que sexan comprensibles ao lector e presenten unha corrección aceptable para a comunicación.

Por medio deste criterio avalíase a capacidade do alumnado para expresar por escrito, en soporte papel ou dixital, de xeito comprensible para o lector, descricións sobre acontecementos e actividades cotiás e familiares, narracións sobre experiencias persoais, plans e proxectos, cartas, postais, formularios e correos electrónicos de forma guiada. Valorarase tamén a presentación clara, limpa e ordenada.

5. Utilizar os coñecementos adquiridos sobre o sistema lingüístico da lingua estranxeira, en diferentes contextos de comunicación, como instrumento de autoaprendizaxe e de autocorrección das producións propias orais e escritas e para comprender as producións alleas.

Este criterio avalía a capacidade do alumnado para aplicar os seus coñecementos sobre o sistema lingüístico e reflexionar sobre a necesidade da corrección formal que fai posible a comprensión tanto das súas propias producións como das alleas.

6. Identificar, utilizar algunhas estratexias básicas utilizadas para progresar na aprendizaxe.

Este criterio pretende avaliar se se empregan estratexias que favorecen o proceso de aprendizaxe como a capacidade de valorar os seus progresos, a reflexión sobre a propia aprendizaxe, a utilización de formas diversas para almacenar, memorizar e revisar o léxico; o uso correcto do dicionario para identificar a acepción adecuada ao contexto; uso de recursos bibliográficos, informáticos e dixitais co fin de recompilar información, ampliar ou revisar aspectos traballados na aula, participación na avaliación da propia aprendizaxe, e uso dalgúns mecanismos de autocorrección.

7. Usar de xeito guiado as tecnoloxías da información e a comunicación para buscar información, producir textos a partir de modelos e para establecer relacións persoais mostrando interese polo seu uso.

Trátase de valorar con este criterio a capacidade de utilizar as tecnoloxías da información e comunicación como ferramentas de comunicación e de aprendizaxe de xeito guiado, en actividades habituais de aula e para establecer relacións persoais. As comunicacións que se establezan versarán sobre temas familiares previamente traballados. Tamén se terá en conta se se valora a diversidade lingüística como elemento enriquecedor, a súa actitude cara á lingua estranxeira e os seus intentos por empregala.

8. Identificar e poñer exemplos dalgúns aspectos sociais, culturais, históricos, xeográficos ou literarios propios de países onde se fala a lingua estranxeira e amosar interese por coñecelos.

A través deste criterio apreciarase o coñecemento dos trazos máis importantes e característicos da sociedade, cultura, historia, xeografía e literatura dos países onde se fala a lingua estranxeira. Tamén se avaliará se alumnos e alumnas amosan respecto cara aos valores e comportamentos doutros pobos, superando dese xeito algúns estereotipos.

9. Reformular na lingua propia o sentido dun texto, oral ou escrito, sobre temas previamente traballados na aula, para facelo comprensible a interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira en estudo.

Trátase de avaliar a capacidade de facer mediación entre persoas interlocutoras que non poden entenderse polo descoñecemento da lingua, facendo equivalencia dunha lingua a outra ou dando explicacións do significado do texto.

Terceiro curso.

Bloque 1. Escoitar, falar e conversar.

* Comprensión de instrucións en contextos reais e simulados.

* Comprensión global e específica de textos orais de progresiva complexidade, relacionados con actividades propias da aula, cos intereses das alumnas e dos alumnos, cos seus sentimentos, desexos e gustos.

* Escoita, identificación e comprensión de información xeral e específica de mensaxes sinxelas, de progresiva dificultade, cara a cara ou emitidas por medios audiovisuais sobre temas concretos e coñecidos, pronunciados con lentitude e claridade.

* Uso de estratexias de comprensión das mensaxes orais: uso do contexto verbal e non verbal e dos coñecementos previos sobre a situación, identificación de palabras clave e identificación da intención do falante.

* Produción oral de descricións, narracións e explicacións breves sobre acontecementos, experiencias e coñecementos diversos.

* Participación en conversas e simulacións sobre temas cotiás e de interese persoal con diversos fins comunicativos.

* Emprego de respostas espontáneas a situacións de comunicación na aula.

* Uso progresivamente autónomo das convencións máis habituais e propias da conversa en actividades de comunicación reais e simuladas.

* Uso progresivamente autónomo no uso de estratexias de comunicación para resolver as dificultades durante a interacción.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Comprensión da información xeral e específica de textos auténticos, en soporte papel e dixital, sobre temas cotiás de interese xeral e relacionados con contidos doutras áreas do currículo.

* Lectura autónoma de textos relacionados cos seus intereses, para obter información ou goce.

* Uso de distintas fontes, en soporte papel, dixital ou multimedia, para obter información co fin de realizar tarefas individuais ou en grupo.

* Uso de diferentes estratexias de lectura como a identificación do contido dun texto escrito coa axuda de elementos textuais e non textuais, uso do contexto, de dicionarios ou aplicación de regras de formación de palabras para inferir significados.

* Produción guiada de textos sinxelos e estruturados, con algúns elementos de cohesión para marcar con claridade a relación entre ideas e utilizando estratexias básicas no proceso de composición escrita (planificación, textualización e revisión de borradores) que axuden á reflexión sobre o proceso de escritura.

* Uso progresivamente autónomo do rexistro apropiado ao lector ao que vai dirixido o texto (formal e informal).

* Comunicación persoal con falantes da lingua estranxeira mediante a correspondencia postal ou utilizando medios informáticos: chats, correo electrónico, etc.

* Interese pola presentación coidada dos textos escritos, en soporte papel e dixital, utilizando adecuadamente a ortografía e os signos de puntuación.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 3. Coñecemento da lingua.

Coñecementos lingüísticos.

* Uso progresivamente autónomo de expresións comúns, frases feitas e léxico sobre temas de interese persoal e xeral, temas cotiás e temas relacionados con contidos doutras áreas do currículo.

* Uso, con progresiva autonomía, de expresións fixas, enunciados e léxico sobre temas de interese persoal.

* Identificación de antónimos, de «falsos amigos» e de palabras con prefixos e sufixos máis habituais.

* Uso de estruturas e funcións asociadas a diferentes situacións de comunicación.

* Recoñecemento e pronuncia de fonemas de especial dificultade.

* Recoñecemento e produción de diferentes patróns de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Aplicación de diferentes estratexias para organizar, adquirir, lembrar e utilizar léxico.

* Organización e uso, cada vez máis autónomo, de recursos para a aprendizaxe como dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou tecnoloxías da información e da comunicación.

* Análise e reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste coas linguas que coñece.

* Participación na avaliación da propia aprendizaxe e uso de estratexias de autocorrección.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades de aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa en actividades e traballos grupais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Valoración do uso da lingua estranxeira como medio para comunicarse con persoas de procedencias diversas.

* Identificación dos trazos comúns e das diferenzas máis significativas que existen entre os costumes, usos, actitudes e valores da sociedade cuxa lingua se estuda respecto a patróns culturais existentes en Galicia.

* Uso apropiado desde o punto de vista socio-cultural de fórmulas lingüísticas en situacións concretas de comunicación para expresar matices semánticos como cortesía, acordo, discrepancia, etc.

* Coñecemento dos elementos culturais máis significativos dos países onde se fala a lingua estranxeira: literatura, arte, música, cine, obtendo a información por diferentes medios, entre eles a biblioteca, a prensa, a Internet e outras tecnoloxías da información e da comunicación.

* Interese e iniciativa por comunicarse con falantes ou aprendices/zas da lingua estranxeira utilizando soporte papel ou medios dixitais.

* Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea principal e algúns detalles relevantes de textos en mensaxes orais sinxelas sobre temas concretos e coñecidos emitidas con claridade.

Este criterio avalía a capacidade para seguir instrucións, comprender avisos, diálogos ou exposicións breves sobre temas coñecidos como lecer e tempo libre, preferencias, experiencias persoais, organización da aula, e aqueles nos que identifiquen a intención do falante ben cara a cara ou emitidos por medios audiovisuais cunha pronuncia estándar utilizando as estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Participar en conversas e simulacións breves, relativas a situacións habituais ou de interese persoal e con diversos fins comunicativos, empregando as convencións propias da conversa e as estratexias necesarias para resolver as dificultades durante a interacción.

Con este criterio avalíase a capacidade para desenvolverse en conversas empregando as estratexias adecuadas para comprender e facerse comprender co fin de expresar gustos, necesidades, sentimentos, dar e procurar información, dar opinións e relatar experiencias.

3. Comprender a información xeral e todos os datos relevantes de textos escritos auténticos, de extensión variada recoñecendo feitos e opinións e identificando, no seu caso, a intención comunicativa do autor.

A través deste criterio avalíase a capacidade para comprender diferentes tipos de textos escritos (narrativos, descritivos, argumentativos) que traten temas de interese xeral ou relacionados con outras áreas do currículo, aplicando as estratexias de lectura coñecidas e outras novas como a identificación do tema por medio de elementos textuais e paratextuais

4. Redactar de forma guiada textos diversos, coidando o léxico, as estruturas, e algúns elementos de cohesión e coherencia para marcar a relación entre ideas e facelos comprensibles ao lector.

Este criterio pretende avaliar a capacidade para comunicarse por escrito iniciándose na elaboración e revisión de borradores e na elección do rexistro adecuado. Os textos presentarán unha sintaxe simple e facilmente comprensible, léxico limitado pero axeitado ao contexto, e a ortografía e a puntuación correctas.

5. Empregar de xeito consciente en contextos de comunicación variados os coñecementos adquiridos sobre o sistema lingüístico da lingua estranxeira como instrumento de autocorrección e de autoavaliación das producións propias orais e escritas e para comprender as producións alleas.

A través deste criterio apreciarase a capacidade para aplicar de xeito cada vez máis autónomo os seus coñecementos sobre o sistema lingüístico e reflexionar sobre a necesidade da corrección formal que fai posible a comprensión tanto das súas propias producións como das alleas.

6. Identificar e utilizar diferentes estratexias empregadas para progresar na aprendizaxe.

Este criterio pretende avaliar se se utilizan as estratexias que favorecen o proceso de aprendizaxe como valoración dos seus progresos e a reflexión sobre a propia aprendizaxe; a utilización de estratexias diversas para almacenar, memorizar e revisar o léxico; o uso cada vez máis autónomo de dicionarios, recursos bibliográficos, informáticos e dixitais; a análise e a reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste coas linguas que coñece, a utilización consciente das oportunidades de aprendizaxe na aula e fóra dela e o uso de mecanismos de autocorrección.

7. Usar as tecnoloxías da información e a comunicación de xeito progresivamente autónomo para buscar información, producir textos a partir de modelos, enviar e recibir mensaxes de correo electrónico e para establecer relacións persoais orais e escritas, amosando interese polo seu uso.

Trátase de valorar con este criterio a capacidade de utilizar as tecnoloxías de información e comunicación como ferramenta de comunicación e de aprendizaxe en actividades habituais de aula e para establecer relacións persoais tanto orais como escritas. As comunicacións que se establezan versarán sobre temas familiares previamente traballados. Tamén se terá en conta se se valora a diversidade lingüística como elemento enriquecedor, a súa actitude cara á lingua estranxeira e os seus intentos por empregala.

8. Identificar os aspectos culturais máis relevantes dos países onde se fala a lingua estranxeira, sinalar as características máis significativas dos costumes, normas, actitudes e valores da sociedade da que se estuda a lingua e amosar unha valoración positiva de patróns culturais distintos aos propios.

A través deste criterio apreciarase se os alumnos e alumnas son quen de identificar nos textos orais e escritos algúns trazos significativos e característicos da cultura xeral dos países onde se fala a lingua estranxeira, se poden describilos de xeito claro e sinxelo e amosan respecto cara aos valores e comportamentos doutros pobos, superando así algúns estereotipos.

9. Reformular na lingua propia o sentido dun texto, oral ou escrito, sobre temas previamente traballados na aula, para facelo comprensible a interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira en estudo.

Trátase de avaliar a capacidade de facer mediación entre persoas interlocutoras que non poden entenderse polo descoñecemento da lingua, facendo equivalencia dunha lingua a outra ou dando explicacións do significado do texto.

Cuarto curso.

Bloque 1. Escoitar, falar e conversar.

* Escoita, identificación e comprensión do significado xeral e específico de conversas interpersoais sinxelas sobre temas coñecidos presentados de forma clara e organizada co fin de contestar no momento a preguntas ou cuestións sobre temas coñecidos.

* Escoita, identificación e comprensión xeral e dos datos máis relevantes de programas emitidos por medios de comunicación audiovisuais nunha linguaxe clara e sinxela.

* Uso de estratexias de comprensión das mensaxes orais: uso do contexto verbal e non verbal e dos coñecementos previos sobre a situación, identificación de palabras clave e identificación da actitude e intención do falante.

* Produción oral de descricións, narracións e explicacións sobre experiencias, acontecementos e contidos diversos.

* Participación activa en conversas e simulacións sobre temas cotiáns e de interese persoal con diversos fins comunicativos.

* Uso de estratexias de cooperación na interacción e no traballo con outras persoas, colaborando, verificando a comprensión e cooperando activamente na realización das tarefas de comunicación.

* Emprego de respostas espontáneas e precisas a situacións de comunicación na aula.

* Uso de convencións propias da conversa en actividades de comunicación reais e simuladas.

* Uso autónomo de estratexias de comunicación para iniciar, manter e terminar a interacción.

* Valoración das linguas como medio para comunicarse e relacionarse con compañeiras e compañeiros doutros países, como recurso de acceso á información e como instrumento de enriquecemento persoal ao coñecer culturas e maneiras de vivir diferentes.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Identificación da intención do emisor da mensaxe.

* Comprensión de instrucións e indicacións sinxelas e de comentarios básicos aos seus traballos escritos.

* Obtención de información xeral de textos orais auténticos, gravados e en soporte multimedia que conteñan vocabulario relativo a lugares, persoas, obxectos, acontecementos e accións ligados a temas de conversa habituais na idade das alumnas e alumnos.

* Comprensión xeral e específica de diversos tipos de texto, en soporte papel e dixital, de interese xeral ou referidos a contidos doutras materias do currículo.

* Lectura autónoma de textos máis extensos relacionados co seus intereses.

* Uso de distintas fontes, en soporte papel, dixital ou multimedia, para obter información co fin de realizar tarefas específicas.

* Consolidación de estratexias de lectura xa utilizadas como a identificación do tema dun texto escrito co apoio contextual que este conteña.

* Composición de textos diversos, con léxico axeitado ao tema e ao contexto, cos elementos necesarios de cohesión para marcar con claridade a relación entre as ideas e utilizando con autonomía estratexias básicas no proceso de composición escrita como a planificación, textualización e revisión do texto.

* Uso con certa autonomía do rexistro axeitado ao lector ao que vai dirixido o texto (formal e informal).

* Comunicación persoal con falantes da lingua estranxeira a través de correspondencia postal ou utilizando medios informáticos.

* Presentación coidada dos textos escritos, en soporte papel e dixital utilizando correctamente a ortografía e os signos de puntuación.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

Bloque 3. Coñecementos da lingua.

Coñecementos lingüísticos.

* Uso de expresións comúns, frases feitas e léxico sobre temas de interese persoal e xeral, temas cotiáns e temas relacionados con contidos doutras materias do currículo.

* Recoñecemento de antónimos, sinónimos e «falsos amigos» e formación de palabras a partir de prefixos e sufixos.

* Consolidación e uso de estruturas e funcións asociadas a diferentes situacións de comunicación.

* Recoñecemento e pronuncia de fonemas de especial dificultade.

* Recoñecemento e produción autónoma de diferentes patróns de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Aplicación de estratexias para organizar, adquirir, lembrar e utilizar o léxico.

* Organización e uso, cada vez máis autónomo, de recursos para a aprendizaxe como dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou recursos dixitais e informáticos.

* Análise e reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste coas linguas que coñece.

* Participación na avaliación da propia aprendizaxe e uso de estratexias de autocorrección.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades de aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa e cooperativa en actividades e traballos grupais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Valoración da importancia da lingua estranxeira en todos os eidos das relacións internacionais.

* Identificación das características máis significativas dos costumes, normas, actitudes e valores da sociedade cuxa lingua se estuda e respecto a patróns culturais distintos aos existentes en Galicia.

* Coñecemento dos elementos culturais máis relevantes dos países onde se fala a lingua estranxeira obtendo a información por diferentes medios, entre eles a biblioteca, a prensa, a internet e outras tecnoloxías da información e comunicación.

* Interese e iniciativa por comunicarse con falantes ou aprendices/zas da lingua estranxeira utilizando soporte papel ou medios dixitais.

* Uso apropiado, desde o punto de vista sociocultural, de fórmulas lingüísticas en situacións concretas de comunicación para expresar matices semánticos, como cortesía, acordo, discrepancia...

* Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea principal e os detalles máis relevantes de mensaxes orais emitidas en situacións de comunicación interpersoal ou polos medios audiovisuais, sobre temas que non exixan coñecementos especializados.

Con este criterio avalíase a capacidade de alumnos e alumnas para comprender mensaxes emitidas en situación de comunicación cara a cara e que xiren en torno a necesidades materiais e relacións sociais, sensacións físicas e sentimentos ou opinións.

2. Participar en conversas e simulacións utilizando estratexias axeitadas para iniciar, manter e terminar a comunicación, producindo un discurso comprensible e adaptado ás características da situación e á intención comunicativa.

Con este criterio valórase a capacidade para desenvolverse en conversas con intencións comunicativas diversas (establecer relacións, expoñer, narrar e argumentar, describir e dar instrucións), utilizando as estratexias e os recursos que aseguren a comunicación cos interlocutores habituais na aula ou falantes nativos.

3. Comprender a información xeral e específica de diversos textos escritos auténticos e adaptados e de extensión variada, identificando datos, opinións, argumentos, informacións implícitas e intención comunicativa do autor.

A través deste criterio apreciarase a capacidade do alumnado para comprender os textos máis usuais e útiles da comunicación escrita, ou textos literarios e de divulgación que traten temas relacionados coa cultura e a sociedade dos países onde se fala a lingua estranxeira estudada, aplicando as estratexias adquiridas e progresando noutras novas como a realización de inferencias directas.

Con este criterio tamén se avalía a capacidade para ler de forma autónoma textos de maior extensión co fin de consultar ou buscar información sobre contidos diversos, para aprender, ou por pracer ou curiosidade, facendo uso correcto de dicionarios e doutras fontes de información en soporte papel ou dixital.

4. Redactar con certa autonomía textos diversos cunha estrutura lóxica, utilizando as convencións básicas propias de cada xénero, o léxico apropiado ao contexto e os elementos necesarios de cohesión e coherencia, de maneira que sexan facilmente comprensibles para o lector.

Trátase de apreciar a capacidade para comunicarse por escrito de forma ordenada, iniciándose na produción de textos libres (avisos, correspondencia, instrucións, descricións, relatos de experiencias, noticias...) cunha estrutura adecuada, lóxica e prestando especial atención á planificación do proceso de escritura.

En todos os escritos, en papel ou soporte dixital, avaliarase a progresiva utilización das convencións básicas de cada xénero e a presentación clara, limpa e ordenada.

5. Utilizar de forma consciente os coñecementos adquiridos sobre o sistema lingüístico da lingua estranxeira en diferentes contextos de comunicación, como instrumento de autocorrección e de autoavaliación das producións propias orais e escritas e para comprender as producións alleas.

Este criterio avalía a capacidade para aplicar os seus coñecementos sobre o sistema lingüístico e reflexionar sobre a necesidade da corrección formal que fai posible a comprensión tanto das súas propias producións como das alleas.

6. Identificar, utilizar e explicar estratexias utilizadas, poñer exemplos doutras posibles e decidir sobre as máis axeitadas ao obxectivo da aprendizaxe.

Este criterio pretende avaliar se as alumnas e os alumnos utilizan as estratexias que favorecen o proceso de aprendizaxe, como a aplicación autónoma de formas diversas para almacenar, memorizar e revisar o léxico; o uso cada vez máis autónomo de dicionarios, recursos bibliográficos, informáticos e dixitais; a análise e a reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste coas linguas que coñece, a utilización consciente das oportunidades de aprendizaxe na aula e fóra dela, a participación na avaliación da propia aprendizaxe ou o uso de mecanismos de autocorrección.

7. Usar as tecnoloxías da información e a comunicación con certa autonomía para buscar información, producir textos a partir de modelos, enviar e recibir mensaxes de correo electrónico e para establecer relacións persoais orais e escritas, mostrando interese polo seu uso.

Trátase de valorar con este criterio a capacidade de utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación como ferramenta de comunicación e de aprendizaxe en actividades habituais de aula e para establecer relacións persoais tanto orais como escritas.

8. Identificar e describir os aspectos culturais máis relevantes dos países onde se fala a lingua estranxeira e establecer algunhas relacións entre as características máis significativas dos costumes, usos, actitudes e valores da sociedade falante da linguaen estudo e a propia, e amosar respecto cara a elas.

Este criterio pretende comprobar se coñecen algunhas mostras significativas da cultura dos países onde se fala a lingua estranxeira, se establecen semellanzas e diferenzas e se valoran e respectan patróns culturais distintos aos propios.

9. Reformular na lingua propia o sentido dun texto, oral ou escrito, sobre temas previamente traballados na aula, para facelo comprensible a interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira en estudo.

Trátase de avaliar a capacidade de facer mediación entre persoas interlocutoras que non poden entenderse polo descoñecemento da lingua, facendo equivalencia dunha lingua a outra ou dando explicacións do significado do texto.

Segunda lingua estranxeira.

Introdución.

A Unión europea defínese a si mesma como unha comunidade multilingüe. O concepto de multilingüismo fai referencia tanto á capacidade dunha persoa para utilizar varios idiomas como á coexistencia de diferentes comunidades lingüísticas nunha zona xeográfica determinada. Na nosa comunidade, o estudo de varias linguas estranxeiras en contexto escolar ten unha finalidade que supera o simple multilingüismo. Adoptando o enfoque plurilingüe promovido polo Marco Común Europeo de Referencia, a presenza de varias linguas estranxeiras no currículo da educación secundaria obrigatoria pon énfase no feito de que o individuo, conforme se amplía a súa experiencia lingüística e o contacto coas linguas doutros pobos, non garda linguas e culturas en compartimentos mentais estancos, senón que desenvolve unha competencia comunicativa denominada plurilingüe porque a conforman todos os seus coñecementos e experiencias lingüísticas e porque nela as linguas aprendidas se relacionan entre si e interactúan.

O Consello de Europa no seu documento Marco de Referencia Europeo das Linguas considera a aprendizaxe das linguas estranxeiras como unha prioridade para os cidadáns e cidadás de Europa xa que favorecerá a construción dunha Europa pluricultural e plurilingüe promovendo o coñecemento das distintas linguas e culturas e así aumentar o respecto por estas e a interacción entre a cidadanía europea. Neste mesmo documento especifícanse as distintas etapas de aprendizaxe dunha lingua para acadar a competencia lingüística necesaria para levar a cabo tarefas comunicativas en distintas situacións, tanto oralmente como na escrita así como a adquisición de distintas estratexias para que a comunicación teña efecto e para mellorar a propia aprendizaxe das linguas.

Mediante o estudo de linguas estranxeiras, o alumnado debe adquirir competencia comunicativa nesas linguas e desenvolver unha certa tolerancia e competencia sociocultural que lle permita actuar con propiedade nun contexto sociocultural propio da outra cultura. Todo isto ha facilitar a mobilidade plena das persoas e o intercambio democrático de ideas.

Deste modo preténdese dar á aprendizaxe de linguas estranxeiras a súa dimensión de contribución á construción da identidade persoal libre e responsable do noso alumnado. Esta debe caracterizar, por outra parte, ao cidadán europeo, aberto a todas as linguas e culturas, aberto aos demais, e capaz de integrar as informacións que lle chegan a través da variedade de linguas e culturas coas que entra en contacto.

Ao iniciar esta etapa de educación secundaria obrigatoria, o alumnado entrará posiblemente en contacto por primeira vez cunha segunda lingua estranxeira. Trátase pois nos primeiros cursos de familiarizalo con ela para a súa utilización en situacións de comunicación sinxelas e, progresivamente, lograr un dominio comunicativo suficiente para desenvolverse en situacións sinxelas e habituais da vida cotiá, e tamén noutras conectadas coas súas motivacións e intereses.

Os contidos e criterios de avaliación deste currículo están distribuídos por cursos, cunha gradación de nivel de logro que segue as recomendacións do Marco Común Europeo de Referencia. Esta especificación de contidos para cada curso debe ser interpretada como un continuo de partes unidas entre si no que se irán construíndo progresivamente as aprendizaxes das distintas habilidades comunicativas.

En cada curso, os contidos están estruturados en catro bloques entendidos, non obstante, como un todo inseparable na práctica da competencia comunicativa: os bloques 1 e 2 refírense ás habilidades, tamén denominadas actividades lingüísticas, e ás estratexias que as poñen en funcionamento. Entre estas atópase a iniciación á actividade de mediación informal, como medio de entendemento intercultural. O bloque 3 establece os coñecementos da lingua e as estratexias de aprendizaxe necesarias para realizar as actividades lingüísticas ou destrezas e, finalmente, o bloque 4 refírese aos aspectos relacionados cos costumes, formas de relación social, usos, actitudes, valores, crenzas e particularidades dos países nos que se fala a lingua estranxeira. Cómpre sinalar o valor esencial deste bloque para promover a tolerancia e a aceptación de formas de vida diferentes cunha perspectiva pluricultural.

A contribución desta a materia á adquisición das competencias básicas realízase nos mesmos termos que a da primeira lingua estranxeira.

Obxectivos.

O ensino da segunda lingua estranxeira nesta etapa terá como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Comprender mensaxes orais claras e sinxelas, relativas ás situacións de comunicación máis habituais ou que conteñan información básica sobre o contorno próximo familiar e social e producidas por falantes ou por medios de reprodución e de comunicación.

2. Utilizar oralmente a lingua estranxeira co fin de satisfacer necesidades básicas de comunicación tanto en interaccións reais e propias da aula, como en interaccións simuladas que reproduzan situacións reais cotiás e interaccións sociais básicas, producindo textos comprensibles e amosando interese por comprender e facerse comprender.

3. Comprender mensaxes escritas relativas a situacións habituais de comunicación expresadas en diferentes tipos de texto, identificando cunha finalidade comunicativa concreta as informacións globais e específicas que transmiten os textos.

4. Escribir textos sinxelos con cohesión e coherencia e que respecten as regras do código escrito.

5. Ler de forma comprensiva e cada vez cun maior grao de autonomía textos adecuados ás capacidades e intereses co fin de obter informacións requiridas previamente.

6. Reflexionar sobre o funcionamento do sistema lingüístico na comunicación e valoralo como elemento que facilita a aprendizaxe e mellora as producións propias.

7. Comparar distintos aspectos socioculturais característicos dos países nos que se fala a lingua estranxeira cos propios, identificando trazos básicos e evitando os estereotipos, e incidindo nos trazos característicos da cultura galega para cumprir, se é o caso, o papel de intermediario lingüístico e cultural, abordando con eficacia a resolución de malentendidos interculturais.

8. Usar estratexias de aprendizaxe xa aprendidas noutras linguas e desenvolver e ampliar outras mediante a comparación e contraste entre as diferentes linguas do currículo, aplicando a experiencia previa nesas linguas á aprendizaxe da segunda lingua estranxeira.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Escoitar e falar.

* Comprensión de mensaxes orais sinxelas e básicas para realizar actividades da aula.

* Comprensión de textos orais sinxelos gravados ou en diferentes soportes multimedia, conectados cos seus intereses e apoiados con imaxes, sons e xestos.

* Achegamento a aspectos elementais fonéticos, do ritmo, acentuación e entoación da nova lingua.

* Participación con actitude de colaboración en situacións de comunicación sinxelas e básicas, reais ou simuladas, seguindo modelos e empregando respostas verbais ou non verbais.

* Memorización de producións orais breves significativas (saúdos, rutinas para iniciar ou manter a quenda de palabra, fórmulas orais breves para manter a atención...).

* Interese por empregar a lingua estranxeira en situacións variadas de comunicación (saúdo, despedida, presentacións, felicitación ás persoas da aula nos seus aniversarios, expresións básicas de estados de ánimo...).

* Utilización das estratexias básicas que favorecen a comprensión e expresión oral: uso do contexto visual e non verbal e dos coñecementos previos sobre o tema ou a situación de comunicación transferidos desde as linguas que coñece á lingua estranxeira.

* Valoración da lingua estranxeira como instrumento para comunicarse e para achegarse a persoas doutras culturas.

* Valoración positiva das intervencións orais propias e alleas.

* Recoñecemento e aprendizaxe de formas básicas de relación social en lingua estranxeira.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Asociación e identificación de grafía, pronuncia, fonema e significado a partir de modelos escritos, de imaxes, con palabras coñecidas e relacionadas con temas próximos ao alumnado, en situacións contextualizadas empregando diferentes recursos visuais e informáticos.

* Lectura e comprensión de diferentes mensaxes, (tiras de banda deseñada, karaoke, menús, instrucións dun xogo, mensaxes de correo electrónico, xogos de pistas, anuncios publicitarios) e adaptadas á súa competencia lingüística, en soporte papel e dixital, para utilizar información global e específica no desenvolvemento dunha tarefa ou polo placer da lectura.

* Escritura de palabras e enunciados moi sinxelos e coñecidos previamente en producións orais utilizando distintos medios (xogos visuais e informáticos nos que o alumnado teña que formar palabras e asocialas con imaxes, modelos, textos para completar) coa intención de compartir información ou cunha intención lúdica e/ou funcional.

* Uso de programas informáticos educativos para ler, escribir e presentar mensaxes sinxelas.

* Interese polo coidado na presentación dos textos escritos.

* Valoración positiva dos textos escritos propios e os do resto das persoas da aula, colaborando na súa produción e exposición e integrando estas na rutina diaria (carteis, calendario, cartafol colectivo).

* Uso de distintas fontes, en soporte papel, dixital ou multimedia, para obter información co fin de realizar tarefas individuais ou en grupo.

Bloque 3. Coñecementos da lingua

Coñecementos lingüísticos

* Identificación de elementos morfolóxicos básicos e habituais no uso da lingua como o substantivo, verbo, adxectivo, adverbio, preposición, e conectores básicos de adición -e, ou, tamén...

* Identificación e uso de expresións comúns, de frases feitas sinxelas relativas ao saúdo, á despedida, ás presentacións, aos parabens de aniversario, e de léxico relativo a contextos concretos e cotiáns de prioridade inmediata (información persoal básica, material e instrucións de aula, materias escolares, actividades de lecer, trazos básicos físicos e de personalidade).

* Identificación de antónimos básicos e de uso habitual.

* Uso de estruturas lingüísticas e funcións comunicativas básicas relacionadas con situacións cotiás.

* Identificación de sons e grafías de fonemas e produción de trazos fonéticos que distinguen fonemas (nasalización, sonorización...).

* Recoñecemento e produción comprensible de patróns moi básicos de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

* Soletreo do nome, enderezo, nacionalidade e outros datos persoais.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Aplicación de estratexias básicas para organizar, adquirir, recordar e utilizar léxico.

* Uso guiado de estratexias que permiten a adquisición de novos coñecementos e a súa integración na propia competencia: observación, repetición, memorización utilizando estratexias de agrupación léxica, imaxes e representacións visuais de sons.

* Uso de estratexias para producir lingua adecuadamente: repetición por imitación e recoñecemento e uso de modelos da lingua estranxeira.

* Reflexión guiada sobre o uso e o significado das formas gramaticais axeitadas a distintas intencións comunicativas.

* Uso de estratexias de autoavaliación e autocorrección das producións orais e escritas propias.

* Aceptación do erro como parte do proceso de aprendizaxe e actitude positiva para superalo.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades de aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa e cooperativa en actividades e traballos grupais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Recoñecemento e valoración da lingua estranxeira como instrumento de comunicación na aula, ou con persoas doutras culturas.

* Identificación dos principais costumes e trazos da vida cotiá propios doutros países e culturas onde se fala a lingua estranxeira.

* Comparación de aspectos da vida cotiá dos países nos que se fala a lingua estranxeira cos propios, evitando os estereotipos.

* Uso de fórmulas de cortesía axeitadas nos intercambios sociais.

* Coñecemento de trazos moi básicos dos países da unión europea e identificación das linguas que se falan neles.

* Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas.

* Toma de conciencia da diversidade lingüística e cultural europea e aceptación da propia pertenza a esta, evitando actitudes etnocéntricas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender as informacións específicas máis relevantes de mensaxes orais sinxelas e básicas emitidas cara a cara, gravadas ou en soporte multimedia, sobre situacións habituais de comunicación, se se fala moi a modo e con moita claridade.

A través deste criterio trátase de avaliar se se é quen de seguir instrucións ou indicacións, de identificar persoas, obxectos e lugares descritos cun vocabulario básico. Igualmente, preténdese avaliar que o alumnado recoñece as funcións básicas dunha situación de comunicación (saudar, expresar a opinión, o acordo/desacordo; agradecer, invitar, chamar a atención, pedir colaboración, preguntar e dar un prezo...) e o estado de animo dos falantes. Valorarase especialmente a utilización de estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Comunicarse oralmente (en parella, en pequeno grupo, en gran grupo) coa facilidade suficiente para satisfacer as necesidades de comunicación básicas de interacción na aula e participar en simulacións breves e sinxelas sobre temas coñecidos ou traballados previamente.

Este criterio avalía a capacidade de comunicarse oralmente participando en conversas, reais ou simuladas, tanto nas relacións de aula como sobre temas coñecidos (o lecer, a vivenda, o tempo meteorolóxico, os alimentos, os gustos...). Estas consistirán esencialmente en facer e contestar preguntas, intercambiar ideas e información e describir persoas, obxectos, actividades diarias e lugares utilizando os recursos lingüísticos e os modelos de interacción adquiridos e as estratexias de cooperación que aseguren a comunicación (preguntar, soletrear....), amosando interese pola comunicación cos demais.

As producións poderán ter incorreccións léxicas, morfosintácticas ou fonéticas que non dificulten a comunicación.

3. Identificar e interpretar palabras e enunciados sinxelos pero contextualizados en situacións de comunicación significativas para o alumnado como mensaxes multimedia, historias curtas, tarxetas de felicitación, anuncios e carteis, aprendidos con anterioridade na súa forma oral ou xa traballados nas outras linguas do currículo.

Trátase de valorar a capacidade do alumnado de relacionar a forma escrita coa forma oral, recorrendo ás diversas linguaxes que acompañarán as palabras e enunciados (imaxes, xestos, sons, disposición dos textos). A identificación destas noutros contextos e a relación coas aprendizaxes previas noutras linguas será clave para a valoración positiva da aprendizaxe.

4. Producir mensaxes significativas sinxelas de xeito guiado en papel ou en formato dixital cunha finalidade comunicativa e con axuda de modelos que previamente foran aprendidos oralmente.

Avaliarase a capacidade de escribir enunciados sinxelos a partir dun modelo, substituíndo unha palabra ou expresión por outra para unha funcionalidade ou tarefa determinada (felicitar, informar, saudar, escribir un cartel...) tanto de forma manuscrita como en formato dixital.

5. Na propia lingua, comparar aspectos da vida cotiá dos países nos que se fala a lingua estranxeira cos propios, identificando trazos moi básicos e evitando os estereotipos.

Trátase de avaliar o interese por coñecer a outra cultura e a consciencia do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas. Valorarase especialmente a conciencia da diversidade lingüística e cultural europea, a aceptación da propia pertenza a esta, evitando actitudes etnocéntricas. Dada a dificultade lingüística de expresarse na lingua estranxeira, proporanse actividades de avaliación na lingua propia posto que non é a competencia lingüística a que este criterio pretende avaliar.

Segundo curso.

Bloque 1. Escoitar e falar.

* Comprensión de mensaxes orais de progresiva complexidade articuladas con claridade e pausadamente, para realizar actividades da aula.

* Comprensión de textos orais de dificultade crecente-diálogos, anuncios, información meteorolóxica, localización dunha persoa, obxecto ou lugar- conectados cos seus intereses en soporte audiovisual e multimedia, para extraer información global e algunha específica.

* Identificación e dominio progresivo de aspectos fonéticos, do ritmo, acentuación e entoación da lingua estranxeira como aspectos fundamentais para a comprensión e a produción oral.

* Participación en situacións reais ou simuladas de comunicación (conversas telefónicas, peticións, autopresentación e presentación doutras persoas, compravenda, identificación e localización de persoas, obxectos e lugares) dando respostas verbais e non verbais que supoñan unha elección entre un repertorio cada vez máis amplo de posibilidades, en contextos progresivamente menos dirixidos.

* Utilización das convencións propias do proceso comunicativo: prestar atención á persoa que fala, quendas de palabra, contacto visual, actitude positiva e adecuación da resposta á intervención das outras persoas.

* Utilización das estratexias básicas para apoiar a comprensión e expresión oral: uso do contexto visual e non-verbal e dos coñecementos previos sobre o tema ou a situación transferidos desde as linguas que coñece á lingua estranxeira e solicitando repeticións para asegurar a comprensión.

* Valoración positiva das intervencións orais propias e alleas na lingua estranxeira como instrumento para comunicarse e coñecer outras culturas.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Asociación de grafía, pronunciación e significado a partir de modelos escritos e expresións orais coñecidas e consolidación das asociacións grafía-son das mensaxes empregadas en situacións funcionais de comunicación.

* Lectura e comprensión de diferentes mensaxes significativas (entrevistas de personaxes de interese, bitácoras, instrucións dun novo xogo, mensaxes de correo, narración dun suceso, historias curtas...) en soporte papel e dixital, adaptadas á competencia lingüística do alumnado, para utilizar información global e específica, no desenvolvemento dunha tarefa ou proxecto ou para gozar da lectura.

* Comprensión xeral e identificación de informacións específicas, solicitadas previamente, en diferentes tipos de textos sinxelos auténticos e adaptados, en soporte papel e dixital, sobre diversos temas axeitados á súa idade, que vehiculen aspectos socioculturais dos países onde se fala a lingua estranxeira.

* Uso guiado de estratexias de lectura (utilización das imaxes, títulos e outras informacións visuais, e dos coñecementos previos sobre o tema ou a situación de comunicación transferidos desde as linguas que coñece o alumnado), identificando a información máis importante e deducindo o significado de palabras e expresións non coñecidas.

* Lectura expresiva e escritura de textos propios de situacións cotiás próximas como invitacións, felicitacións, notas, avisos, billetes de transporte, entradas, etiquetas, xogos.

* Composición de textos sinxelos a partir de modelos, empregando expresións e enunciados moi coñecidos oralmente, para transmitir información, ou con intencións comunicativas propias da vida diaria.

* Utilización das tecnoloxías da información e a comunicación para ler e transmitir información (webs, programas multimedia, correo electrónico).

* Interese polo coidado e a presentación dos textos escritos valorando o sentido estético dos mesmos.

* Interese por cooperar na utilización da lingua estranxeira na súa forma escrita na aula, por expoñela como recordatorio visual e para a aprendizaxe de novas palabras e expresións (carteis para identificar os obxectos e espazos da aula, calendario, normas de xogos...).

* Iniciación ao coñecemento e uso das estratexias básicas para producir textos (elección da persoa destinataria, finalidade, planificación, redacción do borrador, revisión do texto e versión final) a partir de modelos moi estruturados e con axuda.

Bloque 3. Coñecementos da lingua.

Coñecementos lingüísticos.

* Identificación de elementos morfolóxicos básicos e habituais no uso da lingua como o substantivo, verbo, adxectivo, adverbio, preposición, e conectores básicos de adición - e, ou, tamén...-, enumeración e clasificación -en primeiro lugar, a continuación, logo, finalmente.

* Identificación e uso de expresións comúns, de frases feitas sinxelas relativas ao tempo meteorolóxico, gustos, localización espacio-temporal, lugares e de léxico relativo a contextos concretos e cotiáns de prioridade inmediata (comida e bebida, actividades cotiás e de lecer, o corpo e o estado físico...).

* Identificación de antónimos básicos e de uso habitual.

* Recoñecemento e pronuncia intelixible de fonemas básicos.

* Recoñecemento e produción comprensible de patróns básicos de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Ampliación de estratexias para organizar, adquirir, lembrar e utilizar léxico.

* Uso de estratexias que permiten a adquisición de novos coñecementos e a súa integración na propia competencia: memorización, identificación de necesidades, inferencia.

* Uso de estratexias para producir lingua adecuadamente: repetición por imitación e recoñecemento e uso de modelos da lingua estranxeira.

* Uso de recursos para a aprendizaxe como dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou tecnoloxías da información e da comunicación.

* Reflexión sobre o uso e o significado das formas gramaticais axeitadas a distintas intencións comunicativas.

* Participación en actividades de avaliación compartida, na avaliación da propia aprendizaxe e uso de estratexias de autocorrección.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades da aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa en actividades e traballos grupais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Recoñecemento e valoración da lingua estranxeira como instrumento de comunicación internacional.

* Identificación e respecto cara aos costumes e trazos da vida cotiá propios doutros países e culturas onde se fala a lingua estranxeira respecto a patróns culturais existentes en Galicia.

* Iniciación á competencia intercultural mediante a identificación de aspectos socioculturais básicos dos países nos que se fala a lingua estranxeira coas culturas do alumnado, se é o caso, analizándoos comparativamente, evitando os estereotipos e incidindo nos trazos característicos da cultura galega.

* Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas.

* Respecto pola cultura da lingua estranxeira en comparación coa galega, acadando unha consciencia intercultural que supere os estereotipos.

* Toma de conciencia da diversidade lingüística e cultural europea e aceptación da propia pertenza a esta, evitando actitudes etnocéntricas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea xeral e informacións específicas de mensaxes orais emitidas cara a cara ou procedentes de distintos medios audiovisuais, sobre temas coñecidos e articulados con claridade e pausadamente.

Este criterio avalía a capacidade para comprender a idea xeral e detalles específicos de mensaxes breves e conversacionais, ben adaptadas, e ben auténticas e sinxelas, sobre temas familiares -descrición de persoas, obxectos, lugares e accións, concreción de citas, expresión de estados de saúde...- tanto emitidos cara a cara como por distintos medios audiovisuais. Valorarase especialmente a utilización de estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Participar con progresiva autonomía en conversasespontáneas relativas ás necesidades na aula, e en simulacións nas que se narre ou describa experiencias persoais, plans e proxectos, empregando estruturas moi sinxelas, as expresións máis usuais de relación social nos rexistros familiar e neutro, o vocabulario básico dos temas e ámbitos estudados e unha pronuncia comprensible que non impida a comunicación.

Con este criterio avalíase a capacidade para desenvolverse en situacións interactivas habituais de clase (pedir información e aclaración, pedir permiso, traballar en grupo, etc.) e as creadas polo profesor (xogos, simulacións, xogos de rol, comunicacións mediante as novas TIC, etc.). Valorarse a utilización das estratexias básicas para apoiar a comprensión e expresión oral: uso do contexto visual e non-verbal, soletreo e solicitude de repeticións para asegurar a comprensión.

3. Participar comprensivamente en situacións de comunicación escritas (da vida da aula ou simuladas), respectando as normas básicas dos intercambios escritos e empregando formas lingüísticas e non-lingüísticas.

Avalíase con este criterio a capacidade de interaccionar en situacións comunicativas necesarias na vida diaria (pedir algo, cubrir un formulario, aceptar unha invitación...). Atenderase tamén á actitude coa que se participa nos intercambios: mirar a quen se dirixe e o interese pola composición de textos a partir de modelos.

4. Comprender o significado global e algunhas informacións específicas de textos sinxelos sobre temas diversos, motivadores e adaptados á competencia lingüística dos alumnos e alumnas, en soporte papel e dixital.

Con este criterio avalíase a capacidade de extraer información global e específica, con axuda de estratexias fundamentais de comprensión escrita, como usar elementos do contexto lingüístico e non-lingüístico e transferir coñecementos das linguas que coñece, así como a adquisición do léxico previamente traballado.

5. Producir mensaxes escritas significativas nas que aparezan enunciados e textos curtos a partir de modelos, cunha finalidade determinada e cun formato preestablecido, tanto en soporte papel como dixital.

Este criterio intenta valorar a capacidade de escribir textos diversos como notas, instrucións ou normas, cartas, carteis, folletos, cómics ou descricións sinxelas con corrección ortográfica. Avaliarase a capacidade de utilizar o modelo ou guía para producir un texto con certo grao de autonomía, atenderase tamén ao interese pola presentación limpa e ordenada do texto.

6. Na propia lingua, comparar aspectos da vida cotiá dos países nos que se fala a lingua estranxeira cos do propio país, identificando trazos básicos e evitando os estereotipos.

Trátase de avaliar a competencia intercultural, o interese por coñecer a outra cultura e a consciencia do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas. Valorarase especialmente a consciencia da diversidade lingüística e cultural europea, a aceptación da propia pertenza a esta, evitando actitudes etnocéntricas. Dada a dificultade lingüística de expresarse na lingua estranxeira, proporanse actividades de avaliación na lingua propia, posto que non é a competencia lingüística a que este criterio pretende avaliar.

Terceiro curso.

Bloque 1. Escoitar e falar.

* Comprensión global e específica de textos orais auténticos ou pedagóxicos de progresiva complexidade articulados con claridade e ritmo pausado e acentuación estándar relacionados coas actividades propias da aula, cos intereses dos rapaces e das rapazas, e cos seus sentimentos, desexos e gustos (entrevistas a persoas coñecidas, sucesos, relato oral do que se está facendo, vendo ou escoitando, relato da vida diaria de compañeiros/as e de persoas doutras culturas).

* Interese pola pronuncia coidada, ritmo, entoación e acentuación adecuadas como aspectos fundamentais para a comprensión e a produción oral.

* Participación activa en situacións cotiás sinxelas de comunicación espontáneas, relacionadas coas actividades de aula, e planificadas (decidir sobre un asunto, facer peticións, organizar a actividade, traballar en equipo, pedir aclaracións ou axuda, expoñer un tema...), respectando e empregando as convencións propias do proceso comunicativo.

* Participación nas situacións de comunicación con pronuncia e entoación axeitadas para conseguir a comunicación, e colaborando co seu interlocutor para facilitarlle a comprensión, utilizando adecuadamente os conectores lóxicos, temporais, de causa e de comezo e peche do discurso.

* Confianza no uso das estratexias básicas para apoiar a comprensión e expresión oral: uso do contexto visual e non-verbal e dos coñecementos previos sobre o tema ou a situación de comunicación transferidos desde as linguas que coñece á lingua estranxeira, e solicitando repeticións e reformulacións para asegurar a comprensión.

* Interese por empregar a lingua estranxeira e por aprender o seu uso en novas situacións de comunicación de progresiva complexidade, atendendo á corrección e á adecuación das expresións.

* Valoración das actividades realizadas fóra da aula nas que a lingua empregada sexa a lingua estranxeira.

* Valoración das linguas como medio para comunicarse e relacionarse con compañeiros e compañeiras doutros países, como recurso de acceso á información, e como instrumento de enriquecemento persoal ao coñecer culturas e maneiras de vivir diferentes.

* Actitude crítica ante as desigualdades amosadas nas mensaxes procedentes dos diferentes medios de comunicación social, audiovisuais e multimedia.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Comprensión de instrucións básicas para a resolución de actividades presentadas por escrito.

* Comprensión da información xeral e específica en diferentes tipos de textos, auténticos e adaptados, breves, en soporte papel e dixital, sobre asuntos familiares, que vehiculen aspectos socioculturais dos países onde se fala a lingua estranxeira en resposta a unha tarefa previamente coñecida.

* Recoñecemento da idea principal dun texto sinxelo, distinguindo os distintos núcleos de información e as relacións lóxicas de cohesión e coherencia establecidas entre eles (conectores textuais e estratexias de progresión do tema).

* Uso progresivamente autónomo de estratexias de lectura (utilización dos elementos do contexto visual e dos coñecementos previos sobre o tema ou a situación de comunicación transferidos desde as linguas que se coñecen previamente), identificando a información máis importante, deducindo o significado de palabras e expresións non coñecidas e empregando dicionarios ou tradutores dixitais.

* Exploración das posibilidades expresivas da lectura de mensaxes nas que a expresividade sexa ingrediente fundamental para a comprensión e goce destas (breves obriñas de teatro, chistes, poemas, cancións, conversas da vida cotiá...).

* Actitude crítica ante as mensaxes procedentes dos medios de comunicación social e da internet e identificación de valores e ideas subliminais que supoñan calquera tipo de discriminación ou manipulación.

* Interese pola lectura autónoma de textos en lingua estranxeira para obter información e goce.

* Lectura e escritura de textos propios de situacións comunicativas habituais de relación social, de medios de comunicación e de textos para aprender e para informarse.

* Valoración da lingua estranxeira como instrumento para comunicarse por escrito con rapaces e rapazas doutros lugares (chat e correo electrónico) e para aprender costumes e aspectos culturais propios dos países onde se fala a lingua estranxeira e doutros nos que se estuda a lingua estranxeira (manifestacións artísticas e musicais, danzas, festivais, paisaxe, climatoloxía, patrimonio histórico, comidas, deportes, xogos tradicionais e actividades de lecer...).

* Produción de textos escritos sobre temas de interese elaborados, seguindo as secuencias do proceso de produción (planificación, xeración de ideas, textualización e revisión), tanto de forma individual como cooperativa, (buscando neste caso que o resultado se acade a través da negociación entre o grupo), utilizando as tecnoloxías da información para a produción destes.

* Interese polo coidado e a presentación dos textos escritos propios e alleos valorando o seu sentido estético.

* Composición de textos de creación propia asociados a distintas situacións de comunicación, progresivamente máis extensos e ricos en léxico e estruturas, seguindo as secuencias do proceso de produción (planificación, xeración de ideas, textualización -organización en parágrafos, e revisión), con diversas intencións comunicativas (contar experiencias, sentimentos, preferencias, regular normas, informar de acontecementos, invitar a actuar con responsabilidade ecolóxica...).

* Interese por empregar as TIC para producir textos e presentacións coa finalidade de transmitir a outros rapaces e rapazas aspectos relacionados coa nosa identidade cultural (adaptando ou creando poemas, lendas, cancións e describindo lugares do contorno, personaxes da nosa cultura, xogos e festas populares...).

Bloque 3. Coñecementos da lingua.

Coñecementos lingüísticos.

* Uso de elementos morfolóxicos (substantivo, verbo, adxectivo, adverbio, pronomes, preposición, conectores de adición, enumeración, clasificación -primeiramente, finalmente- comparación e causativos que permitan recoñecer e formular enunciados.

* Uso progresivamente autónomo de expresións fixas, enunciados fraseolóxicos -preguntas por preferencias, expresión de opinións- e léxico sobre temas de interese persoal (traballos da xuventude, as festas, a amizade, as saídas, a compravenda...).

* Comprensión de palabras cos prefixos e sufixos máis habituais, e uso de antónimos.

* Uso de estruturas lingüísticas e funcións comunicativas asociadas a diferentes contextos propios da idade do alumnado.

* Uso guiado de esquemas textuais relativos a textos narrativos descritivos e instrucionais.

* Recoñecemento e produción intelixible de diferentes patróns de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Aplicación de diferentes estratexias para organizar, adquirir, lembrar e utilizar léxico.

* Uso de estratexias que permiten a adquisición de novos coñecementos, a súa integración na propia competencia, e a súa progresiva reutilización: memorización, recuperación, comparación con outras linguas coñecidas, transferencia.

* Uso de estratexias para producir lingua adecuadamente: repetición por imitación e recoñecemento e uso de modelos da lingua estranxeira.

* Organización e uso, cada vez máis autónomo, de recursos para a aprendizaxe como dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou tecnoloxías da información e da comunicación.

* Análise e reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste coas linguas que coñece o alumnado.

* Participación na avaliación da propia aprendizaxe e uso de estratexias de autocorrección.

* Valoración da capacidade persoal para progresar no coñecemento e no uso da lingua.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades de aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa en actividades e traballos grupais ou individuais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Valoración do uso da lingua estranxeira como medio para comunicarse con persoas de procedencias diversas.

* Identificación dos trazos comúns e das diferenzas máis significativas que existen entre os costumes, usos, actitudes e valores da sociedade cuxa lingua se estuda respecto a patróns culturais existentes en Galicia.

* Iniciación á competencia intercultural mediante a identificación de distintos aspectos socioculturais característicos dos países nos que se fala a lingua estranxeira coas culturas, se é o caso, do alumnado, analizándoos comparativamente, evitando os estereotipos e incidindo nos trazos característicos da cultura galega.

* Coñecemento dalgúns trazos históricos e xeográficos dos países onde se fala a lingua estranxeira, obtendo a información por diferentes medios, entre eles a biblioteca, a internet e outras tecnoloxías da información e comunicación.

* Interese e iniciativa por comunicarse con falantes ou aprendices da lingua estranxeira utilizando soporte papel ou medios dixitais ou tecnoloxías da comunicación que permiten os intercambios orais e escritos.

* Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas.

* Interese e iniciativa na comunicación con falantes ou aprendices da lingua estranxeira, utilizando soporte papel, medios dixitais e informáticos.

* Toma de conciencia da diversidade lingüística e cultural europea e aceptación da propia pertenza á mesma, evitando actitudes etnocéntricas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea principal e algúns detalles relevantes de textos orais sinxelos sobre temas concretos e coñecidos polo alumnado, así como sobre temas relacionados con aspectos cotiáns e socioculturais relativos ao país ou países nos que se fala o idioma estudado, emitidos en contextos reais e simulados con claridade e ritmo e acentuación estándar.

Este criterio avalía a capacidade para comprender diálogos ou exposicións breves sobre temas coñecidos como lecer e tempo libre, trazos de personalidade, profesións e traballos, preferencias, experiencias persoais, organización da aula... Valorarase especialmente a utilización de estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Participar en conversas espontáneas relativas ás interaccións na aula, e en simulacións breves, relativas a situacións habituais, de interese persoal narrando, describindo, xustificando unha elección, e utilizando as convencións propias da conversa producindo un discurso con pronunciación e entoación comprensibles e vocabulario suficiente e as estratexias necesarias para desenvolverse na interacción.

Con este criterio avalíase a capacidade para desenvolverse en situacións interactivas amosando un uso progresivamente autónomo das estratexias adecuadas para reaccionar a preguntas e respostas, e comprender e facerse comprender mediante o uso das estratexias propias da comprensión e produción oral. Valorarase igualmente o establecemento de contactos sociais moi básicos requiridos en contextos formais de comunicación e o interese e iniciativa na comunicación.

3. Localizar en mensaxes escritas en diversos formatos, e relacionadas cos intereses dos alumnos e alumnas, información así como explícita e realizar inferencias directas baseadas no contexto.

Este criterio avalía a capacidade de ler e de identificar e entender información ou ideas relevantes explícitas en textos, máis complexos e extensos ca nos cursos anteriores, que traten temas do seu interese. Tamén se valora a habilidade para transcender o significado superficial e facer inferencias directas baseadas no texto, no contexto e na transferencia dos coñecementos doutras linguas.

4. Compoñer mensaxes escritas significativas atendendo ás persoas ás que van dirixidas, ao tipo de texto e á finalidade, tanto en soporte papel como dixital, e elaboradas de tanto de forma individual como forma cooperativa.

Trátase de avaliar a capacidade do alumnado de producir, a partir de modelos, textos curtos e diversos sobre temas relacionados cos seus intereses atendendo aos diferentes elementos da comunicación. Terase en conta o uso de estruturas lingüísticas variadas, a amplitude de vocabulario e o uso de conectores de adición, enumeración, clasificación comparación e causativos na formulación dos enunciados.

Valorarase especialmente a atención prestada ás fases de produción do texto: planificación, xeración de ideas, textualización -organización en parágrafos-, e revisión, negociando no grupo para chegar ao resultado final, no caso de textos colaborativos.

5. Na propia lingua, comparar distintos aspectos socioculturais característicos dos países nos que se fala a lingua estranxeira cos propios, identificando trazos básicos e evitando os estereotipos e incidindo nos trazos característicos da cultura galega.

Trátase de avaliar a competencia intercultural, o interese por coñecer a outra cultura e a consciencia do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas. Valorarase especialmente o coñecemento dalgúns trazos socioculturais, históricos e xeográficos dos países nos que se fala a lingua estranxeira. Dada a dificultade lingüística de expresarse na lingua estranxeira, proporanse actividades de avaliación na lingua propia posto que non é a competencia lingüística a que este criterio pretende avaliar.

Cuarto curso.

Bloque 1. Escoitar, falar e conversar.

* Comprensión detallada de textos emitidos dentro da aula relacionados coas actividades habituais, e de textos curtos gravados ou emitidos en soporte multimedia e articulados con claridade e ritmo e acentuación estándar.

* Obtención de información xeral de textos orais auténticos gravados e en soporte multimedia que conteñan vocabulario relativo a lugares, persoas, obxectos, acontecementos e accións ligados a temas de conversa habituais nesa idade escolar.

* Participación activa en situacións reais de comunicación ou simuladas empregando expresións cada vez máis complexas, baseadas en modelos e estruturas lingüísticas coñecidas (para falar da familia, doutras persoas, de actividades diarias, gustos, lugares e obxectos, con estrutura lóxica e con pronunciación intelixible que non impida a comunicación.

* Participación en conversas espontáneas, relacionadas coas actividades de aula, e en simulacións sinxelas e comúns con todo tipo de interaccións (parellas, grupos, equipos) dentro da aula, narrando historias ou describindo acontecementos, persoas e lugares, plans e citas, con pronuncia e entoación axeitadas para conseguir a comunicación, e colaborando co seu interlocutor para facilitarlle a comprensión, e utilizando adecuadamente os conectores básicos necesarios para asegurar a cohesión e coherencia do discurso.

* Uso de estratexias de cooperación na interacción e no traballo con outras persoas: colaborando cos demais na interacción, verificando a comprensión propia e a dos demais e cooperando activamente na realización das tarefas de comunicación.

* Consciencia no uso de estratexias de comprensión das mensaxes orais: uso do contexto verbal e non-verbal e dos coñecementos previos sobre a situación (quen fala a quen, con que intencións, onde, cando) que dan lugar a inferencias do significado baseadas no contexto; uso dos coñecementos referenciais sobre o tema, así como identificación de palabras clave.

* Uso de rutinas ou modelos de información que o destinatario vai recoñecer como narración, descrición ou instrucións.

* Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua coa finalidade de facer o texto comprensible a un interlocutor próximo que descoñece a lingua estranxeira.

* Valoración das linguas como medio para comunicarse e relacionarse con compañeiros e compañeiras doutros países, como recurso de acceso á información, e como instrumento de enriquecemento persoal ao coñecer culturas e maneiras de vivir diferentes.

* Actitude crítica ante as desigualdades amosadas nas mensaxes procedentes dos diferentes medios de comunicación social, audiovisuais e multimedia.

Bloque 2. Ler e escribir.

* Comprensión de instrucións e indicacións sinxelas e de comentarios sinxelos aos seus traballos escritos.

* Comprensión da información xeral e específica de textos auténticos, en soporte papel e dixital, breves, que conteñan vocabulario frecuente sobre temas cotiáns de interese xeral, que vehiculen aspectos socioculturais dos países onde se fala a lingua estranxeira e relacionados con contidos básicos doutras áreas do currículo.

* Análise da estrutura, contido, léxico e estruturas sintácticas dun texto para identificar o tipo de que se trata: literario, informativo, científico, etc. distinguindo os distintos núcleos de información e as relacións lóxicas de cohesión e coherencia establecidas entre eles (conectores textuais e estratexias de progresión do tema).

* Uso de diferentes estratexias de lectura como a identificación do contido dun texto escrito coa axuda de elementos textuais e paratextuais (tipografía, deseño gráfico, imaxes...), uso do contexto, de dicionarios ou aplicación de regras de formación de palabras para inferir significados e por comparación de palabras ou frases similares nas linguas que se coñecen.

* Lectura autónoma de textos de certa extensión relacionados cos seus intereses superando as limitacións dos coñecementos lingüísticos mediante a utilización de estratexias de comprensión lectora, adecuadas á finalidade da lectura: intensiva, para informarse minuciosamente; selectiva, en busca dunha información específica; extensiva, lectura rápida dun texto longo; e oceánica, para facerse unha idea global do texto.

* Uso de distintas fontes, en soporte papel, dixital ou multimedia, para obter información co fin de realizar tarefas individuais ou en grupo.

* Produción guiada de textos sinxelos e estruturados, utilizando elementos de cohesión máis complexos (conectores, substitucións léxicas, mantemento de tempo verbal, etc.) para marcar con claridade a relación entre ideas e utilizando adecuadamente a ortografía da oración: coma, punto e coma, puntos suspensivos, parénteses e comiñas.

* Uso de diversas estratexias de expresión como a planificación, atendendo ao destinatario e ao tipo de texto descritivo, narrativo, instrutivo- que corresponda á intención de comunicación; a xeración de ideas mediante creación de listas, esquemas, remuíños de ideas colectivos...; a textualización, organizando as ideas en parágrafos e encadeando estes con marcadores temporais e lóxicos necesarios, atendendo ao tipo de texto; localización de recursos coma dicionarios; e a revisión do texto, nos aspectos relativos a ortografía, puntuación, orde das palabras e tempos verbais.

* Comunicación persoal con falantes da lingua estranxeira mediante a correspondencia postal ou utilizando medios informáticos (e-mail, chats, etc.), identificando nestes últimos a ausencia de corrección da gramática, a sintaxe e a ortografía debidos á velocidade a á resposta instintiva e impulsiva que xera a súa inmediatez.

* Presentación coidada dos textos escritos, en soporte papel e dixital -uso de marxes, espazos entre parágrafos, maiúscula ao inicio de parágrafo, guións nos diálogos- utilizando as regras básicas de ortografía e puntuación e valorando da súa importancia nas comunicacións escritas.

* Comprensión do sentido dun texto, desverbalización -desligándose da formulación lingüística orixinal- e reexpresión do sentido na propia lingua, explicándoo a un interlocutor próximo, que descoñece a lingua estranxeira, coa finalidade de facer o texto comprensible e garantir a relación fluída entre falantes e culturas.

Bloque 3. Coñecementos da lingua.

Coñecementos lingüísticos.

* Uso de elementos morfolóxicos (substantivo, verbo, adxectivo, adverbio, pronomes, preposición, conectores, ordenadores do discurso (de comezo e de conclusión); de explicación -é dicir, isto é...- de resume, causa-efecto, exemplificación e condición que permitan recoñecer, formular e organizar enunciados e mensaxes.

* Uso de expresións frecuentes e de locucións idiomáticas, frases feitas, circunloquios e léxico sobre temas pertinentes para a súa vida diaria e temas relacionados con contidos doutras materias do currículo.

* Uso de antónimos, sinónimos e «falsos amigos», substitución léxica sinxela e formación de palabras a partir de prefixos e sufixos.

* Uso de estruturas lingüísticas e funcións comunicativas asociadas a diferentes contextos propios da súa idade.

* Uso de esquemas textuais básicos relativos a textos narrativos descritivos e instrucionais.

* Recoñecemento e produción autónoma e intelixible de diferentes patróns de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases.

Reflexión sobre a aprendizaxe.

* Aplicación de estratexias para organizar, adquirir, lembrar e utilizar o léxico.

* Uso autónomo de estratexias que permiten a adquisición de novos coñecementos, a súa integración na propia competencia e a súa reutilización: memorización, percepción de diferenzas e similitudes entre linguas coñecidas, transferencia.

* Uso de estratexias para producir lingua adecuadamente mediante estratexias de combinación: reconstruíndo o significado dunha secuencia ou ampliándoa ou reformulándoa con elementos coñecidos.

* Organización e uso de recursos para a aprendizaxe como dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou recursos dixitais e informáticos.

* Análise e reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste coas linguas que coñece ou mediante dedución das regras de análise da lingua estranxeira.

* Participación na avaliación da propia aprendizaxe e uso de estratexias de autocorrección.

* Valoración da capacidade persoal para progresar no coñecemento e no uso da lingua.

* Organización do traballo persoal como estratexia para progresar na aprendizaxe.

* Interese por aproveitar as oportunidades de aprendizaxe creadas no contexto da aula e fóra dela.

* Participación activa en actividades e traballos individuais e cooperativa nos grupais.

* Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita.

Bloque 4. Aspectos socioculturais e consciencia intercultural.

* Valoración da importancia da lingua estranxeira en todos os eidos das relacións internacionais.

* Identificación das características máis significativas dos costumes, normas, actitudes e valores da sociedade cuxa lingua se estuda e respecto por patróns culturais distintos aos existentes en Galicia, obtendo a información por diferentes medios, entre eles a biblioteca, a prensa, a internet e outras tecnoloxías da información e comunicación.

* Consciencia da propia competencia para axudar, servindo de mediadores entre individuos que non teñan unha lingua común e carezan, por tanto, da capacidade para comunicarse en situacións básicas.

* Interese e iniciativa por comunicarse con falantes ou aprendices da lingua estranxeira utilizando soporte papel ou medios dixitais ou tecnoloxías da comunicación que permiten os intercambios orais e escritos.

* Valoración do enriquecemento persoal que supoñen a relación e a comunicación con persoas pertencentes a outras culturas.

* Interese e iniciativa na comunicación con falantes ou aprendices da lingua estranxeira, utilizando soporte papel, medios dixitais e informáticos.

* Toma de conciencia da diversidade lingüística e cultural europea e aceptación da propia pertenza a esta, evitando actitudes etnocéntricas.

Criterios de avaliación.

* 1 Comprender a idea principal e os detalles máis relevantes de mensaxes orais curtas emitidas de forma clara, breve e organizada, en situacións de comunicación interpersoal ou polos medios audiovisuais, sobre temas concretos e coñecidos polo alumnado, así como sobre temas relacionados con aspectos cotiáns e socioculturais (organización do sistema escolar, da Seguridade Social, das vacacións...), relativos ao país ou países nos que se fala o idioma estudado.

* Con este criterio avalíase a capacidade de alumnos e alumnas para comprender mensaxes emitidos en situación de comunicación cara a cara e que xiren arredor de necesidades materiais, sensacións físicas e sentimentos ou opinións. Así mesmo, preténdese medir con este criterio a capacidade para comprender presentacións sobre aspectos ligados a contidos básicos do currículo da etapa. Valorarase igualmente a utilización de estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Participar en conversas e simulacións utilizando estratexias axeitadas para iniciar, manter e terminar a comunicación, producindo un discurso comprensible e adaptado ás características da situación.

Con este criterio valórase a capacidade para desenvolverse en conversas con intencións comunicativas básicas diversas (establecer relacións, narrar, dar a súa opinión, describir), utilizando as normas de interacción adecuadas ao rexistro familiar ou neutro derivado do contexto, e as estratexias e os recursos básicos que aseguren a comunicación cos interlocutores (preguntar, pedir que se soletree ou se fale máis amodo...).

Os intercambios comunicativos conterán elementos de coordinación e subordinación básica que poden presentar algunhas incorreccións que non dificulten da comunicación.

Trátase de valorar o uso dos recursos lingüísticos adquiridos e a súa adecuación sociolingüística. Valorarase igualmente a independencia progresiva dos modelos e o interese e iniciativa na comunicación.

3. Comprender a información xeral e todos os datos relevantes de textos escritos auténticos e adaptados, de extensión variada sobre temas traballados na aula e tamén que vehiculen aspectos socioculturais dos países nos que se fala a lingua estranxeira recoñecendo feitos e opinións, identificando, se é o caso, a intención comunicativa do autor, e utilizando as estratexias requiridas pola finalidade da lectura.

A través deste criterio avalíase a capacidade para comprender diferentes tipos de textos escritos (narrativos, descritivos) que traten temas de interese xeral ou relacionados con outras áreas do currículo, aplicando as estratexias de lectura.

Con este criterio tamén se avalía a capacidade para ler de forma autónoma libros, noticias, instrucións, explicacións, etc., de certa extensión, en diferentes soportes e con finalidades diversas: procurar ou comunicar información para a realización dunha tarefa específica, aprender contidos doutras áreas ou por pracer ou por entretemento.

4. Redactar de forma guiada textos diversos, atendendo ao destinatario e ao esquema textual que corresponda á intención de comunicación, coidando o léxico, ás estruturas lingüísticas, e algúns elementos máis complexos de cohesión e coherencia para marcar a relación entre ideas e facelos comprensibles ao lector e revisando o produto final para verificar ortografía, puntuación, orde de palabras e tempos verbais.

Este criterio avalía a capacidade para comunicarse por escrito iniciándose na elección do rexistro adecuado. Os textos presentarán unha sintaxe simple e facilmente comprensible, léxico limitado pero axeitado ao contexto e corrección na ortografía, puntuación, orde das palabras e tempos verbais.

En todos os escritos, avaliarase tamén a presentación clara, limpa e ordenada e a revisión do texto antes de ser entregado. Valorarase, se é o caso, a habilidade no uso dos medios informáticos para a súa elaboración e presentación.

* 5 Reformular na propia lingua o sentido dun texto tanto oral como escrito que conteña temas traballados na aula para facelo comprensible a un interlocutor próximo, que descoñeza a lingua estranxeira e garantir a relación fluída entre falantes e culturas.

Mediante este criterio avalíase a capacidade de mediar, cunha actividade de interpretación informal, cando o receptor descoñece a lingua orixinal. Trátase de valorar a capacidade de desligarse da formulación lingüística orixinal e de explicar o sentido do texto de tal xeito que se poidan evitar malentendidos en un contexto social multilingüe.

6. Usar as tecnoloxías da información e a comunicación de xeito progresivamente autónomo para buscar información, producir textos a partir de modelos, enviar e recibir mensaxes de correo electrónico e para establecer relacións persoais orais e escritas, amosando interese polo seu uso.

Trátase de valorar con este criterio a capacidade de utilizar as tecnoloxías de información e comunicación como ferramenta de comunicación e de aprendizaxe en actividades habituais de aula e para establecer relacións persoais tanto orais como escritas, sendo consciente, no caso dos chats, do pouco coidado na escritura das frases e da ausencia de corrección da gramática, a sintaxe, e a ortografía debidos á velocidade a á resposta instintiva e impulsiva que xera a súa inmediatez.

As comunicacións que se establezan versarán sobre temas familiares previamente traballados. Tamén se terá en conta se se valora a diversidade lingüística como elemento enriquecedor, a súa actitude cara á lingua estranxeira e os seus intentos por empregala.

7. Na propia lingua, comparar distintos aspectos socioculturais característicos dos países nos que se fala a lingua estranxeira cos propios, identificando trazos básicos e evitando os estereotipos, e incidindo nos trazos característicos da cultura galega.

Trátase de avaliar a competencia intercultural, o interese por coñecer a outra cultura e a consciencia do enriquecemento persoal que supón a relación con persoas pertencentes a outras culturas. Valorarase especialmente o coñecemento dalgúns trazos socioculturais, históricos e xeográficos dos países nos que se fala a lingua estranxeira. Dada a dificultade lingüística de expresarse na lingua estranxeira, proporanse actividades de avaliación na lingua propia posto que non é a competencia lingüística a que este criterio pretende avaliar.

Matemáticas.

Introdución.

Desde certo punto de vista as matemáticas son a disciplina máis simple xurdida da creatividade do ser humano. Isto é así porque, por exemplo, para as matemáticas unha bóla de aceiro é só unha esfera, mentres que para a química é un conxunto de átomos enlazados para formar moléculas, cunha estrutura non definitivamente determinada; a física está interesada nas forzas atómicas; para a enxeñaría pode ser unha compoñente dun mecanismo que ten que cumprir determinadas especificacións para que aquel funcione; e quizais o interese artístico estea no reflexo deformado da realidade sobre a súa superficie... Pero a pesar desta idea de simplicidade que estamos salientando aquí, sempre houbo unha gran dificultade para a súa comprensión, motivada, quizais, polo vocabulario técnico propio, a simboloxía empregada e o seu nivel de abstracción.

A presentación lóxica das matemáticas esquece un dos seus propósitos: coñecer, analizar, explicar a realidade e predicir o seu comportamento. Esta vertente integradora de saberes das matemáticas é ignorada por parte do colectivo de matemáticos profesionais para os que a matemática é unha arte e, como tal, o seu único propósito é crear beleza. Para eles tan importante é, por exemplo, un resultado da teoría de números como o cálculo infinitesimal. Pero son os problemas da realidade os que crearon as matemáticas máis fértiles, e deben ser tamén estes os que constitúan o punto de partida e a meta das matemáticas que se fagan na ESO, sen esquecer a compoñente estética que pode xurdir durante ese traballo de elaboración. Pero as matemáticas, na súa vertente integradora e orientada á aplicación dos saberes adquiridos, non esquecen nin a lóxica nin o razoamento, pois sempre están presentes nas aplicacións. De aí que esta versión das matemáticas continúa tendo un gran valor formativo.

Tratándose dunha ensinanza obrigatoria, o enfoque comprensivo das matemáticas é o que debe prevalecer fronte a outros, o que condiciona a selección de contidos, a profundidade coa que deben estudarse e mesmo a metodoloxía para introducilos. A habilidade para utilizar os números e as súas operacións, a simboloxía matemática e as súas diferentes linguaxes de expresión, así como as formas de argumentar e razoar asociados a elas, deben relacionarse nesta etapa case exclusivamente cos aspectos cuantitativos e espaciais da realidade e para a resolución de problemas relacionados coa vida diaria e o mundo laboral. Pero tampouco poden esquecerse os aspectos relacionados con outras disciplinas ás que deben servir de soporte.

A presentación de contidos comúns para todo o alumnado que recolle a ESO non está en contradición co obxectivo de conseguir unha boa educación matemática para todas e todos, atendendo ás súas características persoais de cada un.

Alumnas e alumnos aprenden cando conectan os novos contidos co que xa saben, polo que o profesorado debe saber cal é o seu grao de coñecemento, a partir do cal pode deseñar actividades que favorezan a construción de novas aprendizaxes. A selección de materiais, os espazos, os medios, os agrupamentos, etc. son os recursos que utiliza o profesorado para lograr un contorno de aprendizaxe que se adapte ao colectivo de estudantes ao que desexa ensinar, sen perder de vista os obxectivos e as competencias básicas que se deben acadar na etapa. Se se quere, por exemplo, potenciar o traballo colaborativo e as discusións, deben realizarse agrupamentos co coidado adecuado para non encadrar ao alumnado. Se o que se pretende é que adquira o concepto de medida, o profesorado deberá elixir diferentes espazos e recursos segundo o aspecto da medida que se estea tratando. Se o que se pretende é que o alumnado adquira o sentido numérico, ademais de efectuar operacións con lapis e papel, deben ter oportunidades de realizar cálculo estimativo e de empregar calculadoras e outros medios tecnolóxicos, así como de contrastar o resultado obtido coa situación que xerou o cálculo. Se se quere que o alumnado aprenda a xustificar oralmente e por escrito o seu pensamento ou a realizar conxecturas, o profesorado debe propiciar situacións nas que se invite á especulación, como as que proporciona a resolución de problemas. Pero, sexa como sexa a situación de ensino-aprendizaxe na que nos atopemos, sempre debe terse en conta que se reforza a compresión dos contidos matemáticos cando as actividades que teñen que realizar as alumnas e os alumnos están conectadas a contextos do mundo real ou son significativos para eles. O profesorado, en todo caso, debe decidir, para un mesmo escenario de ensino e aprendizaxe de aula, que lle preguntar e que lle pedir ao alumnado para axudalo, dependendo das súas características e a súa situación respecto do que se pretende ensinar.

Outro dos factores que inflúen no ensino e aprendizaxe das matemáticas é o referido á tecnoloxía. As calculadoras e os ordenadores non só realizan as tarefas rutineiras como o cálculo, a organización de datos, a elaboración de gráficas, etc. dunha forma eficiente. Tamén facilitan a análise de datos, proporcionan imaxes de conceptos matemáticos ou apoian a tarefa de investigación e descubrimento en xeometría, estatística, álxebra, etc. Desta forma o uso da tecnoloxía favorece a dedicación de máis tempo a tarefas típicas da resolución de problemas como a reflexión, o razoamento, a toma de decisións, a comunicación do proceso seguido e dos resultados obtidos, etc. Por todo iso, a tecnoloxía inflúe tanto nas matemáticas que se deben ensinar como no xeito en que hai que ensinalas.

Os contidos preséntanse agrupados en seis bloques baixo un criterio estritamente disciplinar, isto non significa que as actividades de ensino-aprendizaxe presentes na programación de aula teñan que seguir nin a secuencia presentada nin o criterio de agrupación. Este agrupamento dos contidos en bloques non debe ocultar as múltiples interconexións que existen entre eles. Unha das tarefas do profesorado consiste en planificar as súas clases de forma que estas relacións se fagan explícitas diante do alumnado. Deberán, polo tanto, as profesoras e profesores propiciar unha metodoloxía na que as matemáticas se insiran na realidade da que o alumnado participa, pero sempre sen perder de vista os obxectivos xerais e as finalidades da etapa.

Tamén deberá ter en conta o profesorado que o primeiro bloque de cada curso, titulado Contidos comúns, debe tratarse a través dos demais bloques de contidos (Números, Álxebra, Xeometría, Funcións e gráficas, Estatística e probabilidade) vinculado a eles e aos contextos que o profesorado seleccione para facilitar lle alumnado o logro dos obxectivos xerais e a adquisición das competencias básicas.

Parte integrante do proceso de ensino-aprendizaxe é a avaliación que non debe centrarse unicamente no contido curricular propiamente dito, senón tamén na capacidade de utilizar ese contido en situacións similares ás que terán que enfrontarse os estudantes na súa vida diaria. Para orientar e facilitar a avaliación dos estudantes en relación as capacidades implícitas nos obxectivos xerais, preséntanse para cada curso os correspondentes criterios de avaliación. Estes criterios recollen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que acaden os estudantes ao rematar cada período. Describen, en xeral, unha serie de tarefas nas que están presentes os saberes, os modos de facer e as actitudes que deben mostrar en relación aos contidos presentes nos bloques. A capacidade para a realización destas tarefas implica a consecución dos obxectivos xerais. Para unha adecuada aplicación dos criterios de avaliación é necesario, en xeral, que as actividades de avaliación e, polo tanto, as de ensinanza-aprendizaxe recollan unha variedade de situacións en diferentes contextos da vida cotiá, sen esquecer as procedentes dos contornos social, económico, científico, cultural, artístico e tecnolóxico, das diferentes materias do ámbito académico e das propias matemáticas, cun grao de complexidade que dependerá do nivel cursado.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

O currículo da área de matemáticas, xunto co das demais áreas curriculares da ESO, debe ser o instrumento que concrete, a través da consecución dos seus propios obxectivos, da selección de contidos e da metodoloxía empregada, como se contribuirá á adquisición, por parte do alumnado, dos coñecementos, destrezas e actitudes implícitos naquelas competencias.

As matemáticas na ESO non son só un fin en si mesmo, senón un medio para que o alumnado logre a consecución de competencias ligadas á comunicación lingüística, ao tratamento da información, ao coñecemento e interacción co mundo físico, ao ámbito social, cidadán, cultural e artístico e á autonomía necesaria para actuar con criterio propio e tomar iniciativas, responsablemente, nos diversos aspectos que afecten a súa vida, incluído o campo da aprendizaxe.

Ninguén dubida de que a linguaxe natural, oral e escrita, é un instrumento de aprendizaxe e de comunicación de saberes sen o que dificilmente se progresa. É necesario que todos o alumnado aprenda a verbalizar os conceptos, a facer explícita unha idea, a redactar un escrito ou a expoñer un argumento. Adquirir esta competencia supón aprender lingua cando se usa en situacións e contextos de comunicación diversos. Un de tales contextos é o que proporciona a área de matemáticas. Pero, ademais, a comunicación lingüística na área de matemáticas ten características propias como son a súa precisión, a súa concisión e a súa falta de ambigüidade, e o dispoñer de símbolos propios e de diferentes rexistros de linguaxe (numérica, alxébrica, gráfica...) que están destinados a conseguir expresar claramente acontecementos presentes na vida cotiá.

Na sociedade actual impóñense outras fontes de información, os medios audiovisuais e as TIC, polo que é necesario que o alumnado adquira as habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar a información para transformala en coñecemento, mantendo en todo momento unha posición crítica. O profesorado non se limitará, polo tanto, a ser a única fonte de información, senón que ten que ensinalo a buscar información relevante nos procesos de ensinanza e de aprendizaxe

Capacitar as alumnas e os alumnos para que se desenvolvan de forma autónoma nun mundo caracterizado polos avances cientifico-técnicos, require que adquiran as bases do pensamento científico necesarias para poder interpretar o mundo dos obxectos e dos fenómenos cos que convivimos. Esa interpretación precisa da axuda do coñecemento matemático tanto na linguaxe e conceptos que utiliza como nas formas de argumentación e razoamento empregadas para a resolución dos problemas, facendo útiles e prácticos os coñecementos adquiridos.

A historia das civilizacións está aí para recordarnos que os saberes e descubrimentos non entenden de fronteiras. Sociedades que poden estar atravesando por dificultades na actualidade ou mesmo outras que desapareceron foron no seu momento os faros que deron luz ao resto do mundo. A historia das matemáticas está ligada á historia da humanidade e, na parte que lle corresponde, é útil para que poidamos comprender certos acontecementos do pasado e do presente e mesmo predicir os do futuro. A través do estudo das matemáticas, da utilización das ferramentas que nos proporciona, poderemos abordar temas candentes na sociedade actual: movementos migratorios, o papel da muller na sociedade, cuestións relacionadas con distintos tipos de violencia.

A comprensión da realidade social do mundo no que vivimos e o exercicio da cidadanía de maneira democrática son necesarios para a integración dos estudantes da ESO na sociedade. Determinados aspectos destas realidades poden entenderse mellor na medida en que poidan ser analizados empregando as ferramentas que proporcionan as matemáticas. Para comprender a pluralidade da sociedade española e europea pode cuantificarse a súa composición desde diferentes criterios (xeográficos, económicos, culturais, raciais, etc.) o que devén nun afondamento do coñecemento desa pluralidade. De novo as porcentaxes, a análise de táboas e gráficas e a estatística son os contidos matemáticos máis axeitados para facer estes estudos

Un dos aspectos máis salientables da realidade social son os ámbitos cultural e artístico. Pero non só forman parte da cultura da nosa sociedade as producións literarias, a música, a pintura, ou a arquitectura. A ciencia e, en particular, as matemáticas son unha parte integrante dela. Moitas das creacións culturais da humanidade xamais se terían realizado sen o seu concurso. Abonda lembarar que, hai máis de vintecinco séculos, a música e as matemáticas se entrelazaban na escola pitagórica. Múltiples manifestacións da arquitectura, escultura e pintura de diferentes épocas constitúen exemplos nos que se detecta a súa relación directa coas matemáticas.

Estas conexións das matemáticas e a música, a arquitectura ou a arte non son cousa exclusiva do pasado. Exemplos actuais de vangarda serían magníficos representantes do que queremos dicir; pénsese, por exemplo, na música estocástica, nas formas en tensión ou na arte fractal.

Por outra banda, os avances no proceso de resolución dun problema, aínda sen ter acadada unha solución, proporcionan unha satisfacción que recompensa o esforzo realizado e redunda na autoestima. Nese proceso de resolución sempre se aprende algo, aínda que sexa vendo o que xa coñeciamos desde outro punto de vista. Pero tamén se poñen en xogo estratexias de aprendizaxe como a formulación de preguntas, o sentimento de curiosidade pola exploración de obxectos e situacións, a observación e rexistro sistemático de feitos e relacións, a integración e relación da nova información con outros datos e coa propia experiencia e coñecementos anteriores, a utilización de técnicas de consulta e a disposición a aceptar diferentes puntos de vista. Pode, polo tanto, considerarse como un proceso de aprendizaxe autónoma que fai que a competencia de aprender a aprender se fortaleza.

Pero con esa metodoloxía póñense tamén en xogo destrezas relativas á autonomía e a iniciativa persoal, dado que no proceso de resolución dun problema, en moitas ocasións, é necesario optar con criterio propio entre varias vías, desenvolver a opción elixida e facerse responsable dela. Tamén exixe o desenvolvemento de valores persoais tales como a liberdade, a demora da satisfacción, a confianza na propia capacidade para enfrontarse a eles con éxito e adquirir un nivel adecuado de autoestima, que permita gozar dos aspectos creativos, manipulativos, estéticos e utilitarios das matemáticas.

Pondo de relevo, durante a realización das actividades de ensinanza e aprendizaxe na aula, as conexións entre as matemáticas e as demais áreas do currículo e a súa achega á consecución das competencias básicas, é máis doado que as matemáticas adquiran significado e relevancia para as alumnas e os alumnos, o que, sen dúbida, redundará nunha mellor comprensión dos seus saberes, nunha maior naturalidade no seu uso en diversos contextos e nunha mellor actitude cara a elas. En definitiva: nunha mellor competencia matemática.

Obxectivos.

A ensinanza das matemáticas nesta etapa contribuirá a que o alumnado desenvolva as capacidades implícitas nos seguintes obxectivos xerais:

1. Incorporar á linguaxe habitual os modos de argumentación e as formas de expresión matemática (numérica, alxébrica, xeométrica, gráfica, probabilística, etc. ), tanto nas situacións que se suscitan na vida cotiá como nas procedentes dos ámbitos matemático ou científico, co obxecto de mellorar a comunicación e promover a reflexión sobre as propias actuacións.

2. Cuantificar aqueles aspectos da realidade que permitan interpretala mellor: utilizar procedementos de medida, técnicas de recollida e análise de datos, empregar a clase de número e a notación máis adecuada para representalos e realizar o cálculo máis apropiado a cada situación.

3. Identificar os elementos matemáticos (datos estatísticos, xeométricos, gráficos, cálculos, etc.) presentes nos medios de comunicación, internet, publicidade ou outras fontes de información; analizar criticamente as funcións que desempeñan estes elementos matemáticos e valorar se a súa achega mellora a comprensión das mensaxes.

4. Identificar, describir, representar e cuantificar as formas e relacións espaciais que se presentan na vida cotiá, en contextos científicos e artísticos, analizar as propiedades e relacións xeométricas implicadas, valorar a súa compoñente estética e estimular a creatividade e a imaxinación.

5. Utilizar de forma adecuada os distintos medios tecnolóxicos (calculadoras, ordenadores, etc.) para realizar cálculos numéricos ou alxébricos, comprobar propiedades xeométricas, buscar, tratar, representar e transmitir informacións de índole diversa e como axuda na aprendizaxe.

6. Fortalecer a capacidade de razoamento, actuando ante os problemas que se suscitan na vida cotiá de acordo con modos propios da actividade matemática, tales como a exploración sistemática de alternativas, o preguntas ante as apreciacións intuitivas, a flexibilidade para modificar o punto de vista, a precisión na linguaxe, a xustificación dos razoamentos, a perseveranza na procura de solucións ou a necesidade da súa verificación.

7. Formular e resolver problemas matemáticos ou procedentes doutras ámbitos, individualmente ou en grupo, empregando distintos recursos e instrumentos, valorando a conveniencia das estratexias utilizadas en función da análise dos resultados obtidos e mostrando unha actitude positiva e confianza na propia capacidade.

8. Integrar os coñecementos matemáticos na bagaxe cultural propia, en conxunción cos saberes que se van adquirindo desde as distintas áreas e aplicalos para analizar e valorar fenómenos sociais como a diversidade cultural, o respecto ao ambiente, a saúde, o consumo, a igualdade de xénero ou a convivencia pacífica.

9. Valorar as matemáticas como parte integrante da nosa cultura desde un punto de vista histórico, apreciando a súa contribución ao desenvolvemento da sociedade actual.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Utilización de estratexias e técnicas simples na resolución de problemas, tales como a análise do enunciado, o ensaio e erro ou a resolución dun problema máis simple, e a comprobación da solución obtida.

* Expresión verbal do procedemento que se seguiu na resolución de problemas.

* Utilización correcta dos símbolos e das normas das matemáticas, valorando a precisión desta linguaxe.

* Interpretación de mensaxes que conteñan informacións sobre cantidades e medidas ou sobre elementos ou relacións espaciais.

* Confianza nas propias capacidades para afrontar problemas, comprender as relacións matemáticas e tomar decisións a partir delas.

* Perseveranza e flexibilidade na procura de solucións aos problemas.

* Planificación e realización de traballos matemáticos tanto individualmente como en equipo, mantendo actitudes favorables de participación e diálogo.

* Utilización de ferramentas tecnolóxicas para facilitar os cálculos de tipo numérico, alxébrico ou estatístico, as representacións funcionais e a comprensión de propiedades xeométricas.

* Busca de información e lectura de textos sobre acontecementos e persoas relacionadas coas matemáticas ao longo da historia.

Bloque 2. Números.

* Divisibilidade de números naturais. Múltiplos e divisores comúns a varios números. Aplicacións da divisibilidade na resolución de problemas asociados a situacións cotiás.

* Necesidade de ampliar o conxunto dos números naturais co dos números negativos para expresar estados e cambios. Os números enteiros. Recoñecemento e conceptualización en contextos reais.

* Significado e usos das operacións con números enteiros. Utilización da xerarquía e propiedades das operacións e das regras de uso das parénteses en cálculos sinxelos.

* Fraccións e decimais en contornos cotiás e en ámbitos científicos. Diferentes significados e usos das fraccións. Operacións con fraccións: suma, resta, produto e cociente.

* Números decimais. Relacións entre fraccións e decimais.

* Elaboración e utilización de estratexias persoais para o cálculo mental, para o cálculo aproximado e con calculadoras.

* Razón e proporción. Identificación e utilización en situacións da vida cotiá de magnitudes directamente proporcionais. Aplicación á resolución de problemas nos que interveña a proporcionalidade directa.

* Porcentaxes para expresar partes dun todo, cotas de participación ou variación de magnitudes. Aplicacións á vida cotiá. Calculo mental, escrito e con calculadora para obter porcentaxes habituais.

Bloque 3. Álxebra.

* Emprego de letras para simbolizar números inicialmente descoñecidos. Simbolización para expresar cantidades en distintos contextos, valorando a súa utilidade.

* Tradución de expresións da linguaxe cotiá á alxébrica e viceversa. Procura e expresión de propiedades, relacións e regularidades en secuencias numéricas.

* Obtención de valores numéricos en fórmulas sinxelas.

* Valoración da precisión e simplicidade da linguaxe alxébrica para representar e comunicar diferentes situacións da vida cotiá e doutros ámbitos.

Bloque 4. Xeometría.

* Elementos básicos para a descrición das figuras xeométricas no plano. Utilización da terminoloxía adecuada para describir con precisión situacións, formas, propiedades e configuracións do mundo físico.

* Paralelismo e perpendicularidade. Análise de relacións e propiedades de figuras no plano, empregando o agrupamento e a descomposición de figuras e outros métodos. Construcións xeométricas sinxelas: mediatriz, bisectriz.

* Clasificación de triángulos e cuadriláteros a partir de diferentes criterios. Estudo dalgunhas propiedades e relacións nestes polígonos.

* Polígonos regulares. A circunferencia e o círculo.

* Construción de polígonos regulares cos instrumentos de debuxo habituais.

* Medida e cálculo de ángulos en figuras planas.

* Estimación, medición e cálculo de perímetros de figuras representadas e reais. Estimación, medición e cálculo de áreas, de figuras representadas e reais, mediante fórmulas, triangulación e cadriculación. Realización de bosquexo para a anotación de medidas.

* Simetría de figuras planas. Recoñecemento da simetría na natureza e nas construcións.

* Emprego de ferramentas informáticas para construír, simular e investigar relacións entre elementos xeométricos.

Bloque 5. Funciones e gráficas.

* Organización de datos en táboas de valores.

* Coordenadas cartesianas. Representación de puntos nun sistema de eixes coordenados. Identificación de puntos a partir das súas coordenadas.

* Identificación de relacións de proporcionalidade directa a partir da análise da súa táboa de valores. Utilización de exemplos de magnitudes non directamente proporcionais.

* Identificación e verbalización de relacións de dependencia en situacións cotiás. Construción global de gráficas a partir de expresións verbais que describan situacións ou experiencias tomadas da vida diaria e do mundo físico.

* Interpretación puntual e global de informacións presentadas nunha táboa ou representadas nunha gráfica. Detección de erros nas gráficas que poden afectar a súa interpretación.

Bloque 6. Estatística e probabilidade.

* Formulación de conxecturas sobre o comportamento de fenómenos aleatorios sinxelos e deseño de experiencias para a súa comprobación.

* Recoñecemento e valoración das matemáticas para interpretar e describir situacións incertas e para transmitir informacións.

* Diferentes formas de recolleita de información. Organización en táboas de datos recollidos nunha experiencia. Frecuencias absolutas e relativas.

* Diagramas de barras, de liñas e de sectores. Análise dos aspectos máis destacables dos gráficos a partir de exemplos tomados dos medios de comunicación e de informacións relacionadas cos ámbitos social e físico.

Criterios de avaliación.

1. Utilizar números naturais e enteiros e as fraccións e decimais sinxelos, as súas operacións e propiedades, para recoller, transformar e intercambiar información e aplicar estes coñecementos á resolución de situacións que estean en relación con outras materias ou presentes na vida cotiá.

Trátase de comprobar a capacidade de identificar e utilizar os distintos tipos de números usando os que mellor se axusten a cada situación, valorando a utilidade dos números enteiros e relacionando as expresións fraccionarias coas decimais e coas porcentaxes. Comprobar tamén se sabe elixir a forma de cálculo apropiada a cada situación, chegando a realizar operacións combinadas, utilizando o cálculo mental e escrito e usando a calculadora cando a situación o requira, manexándoa de forma efectiva e valorando a pertinencia dos resultados

2. Resolver problemas para os que se precise a utilización das catro operacións, con números enteiros, decimais e fraccionarios, utilizando a forma de cálculo axeitada e valorando a adecuación do resultado ao contexto.

Trátase de valorar a capacidade para asignar ás distintas operacións novos significados e interpretar resultados diferentes aos que se obteñen habitualmente con números naturais, identificando situacións reais que así o requiran. Comprobar que o alumnado sabe escoller o modo de cálculo máis adecuado a cada situación, desenvolve estratexias persoais de cálculo mental e fai estimacións coa finalidade de non tomar o resultado do cálculo por bo sen contrastalo coa situación de partida

3. Identificar e describir regularidades, pautas e relacións en conxuntos de números, utilizar correctamente os signos matemáticos e letras para simbolizar distintas cantidades e obter expresións alxébricas como síntese en secuencias numéricas, así coma o valor numérico de fórmulas sinxelas.

Este criterio pretende comprobar a capacidade para percibir nun conxunto numérico aquilo que é común, se saben comparar e ordenar números, se detecta a secuencia lóxica coa que se construíu ou se sabe establecer un criterio que permita ordenar os seus elementos e, cando sexa posible, expresar de forma alxebraica a regularidade percibida. Preténdese así mesmo valorar o uso do signo igual, a utilización correcta doutros signos matemáticos e o manexo da letra nas súas diferentes acepcións. Forma tamén parte deste criterio a obtención do valor en fórmulas simples cunha soa letra. Tamén se pretende coñecer se o alumnado valora de forma positiva a álxebra coma unha linguaxe precisa e concisa que permite formalizar a linguaxe verbal e resolver diferentes tipos de situacións problemáticas.

4. Recoñecer, describir e analizar figuras, presentes tanto na natureza como nas actividades sociais e artísticas, utilizar as súas propiedades para clasificalas e aplicar o coñecemento xeométrico adquirido para interpretar e describir o mundo físico e as manifestacións culturais facendo uso da terminoloxía e das formas de representación axeitadas.

Preténdese comprobar a capacidade de utilizar os conceptos básicos da xeometría para describir obxectos e as súas propiedades, representalos e abordar diferentes situacións e problemas da vida cotiá e do mundo físico relacionados coas figuras xeométricas. Preténdese avaliar tamén a experiencia adquirida na utilización de diferentes elementos e formas xeométricas para realizar creacións propias e recoñecer as propiedades e os elementos xeométricos á hora de interpretar manifestacións artísticas. Quérese comprobar tamén se o alumnado sabe utilizar os instrumentos de debuxo e os recursos tecnolóxicos de maneira adecuada.

5. Estimar e calcular perímetros, áreas e ángulos de figuras planas utilizando os instrumentos e a unidade de medida adecuada.

Preténdese valorar a capacidade de estimar e efectuar medidas de figuras planas representadas ou reais e sobre obxectos reais por diferentes métodos e de empregar correctamente os instrumentos de medida, sendo conscientes dos erros que se poden cometer, tendo en conta a unidade e a precisión máis axeitada. Valorarase tamén o emprego de métodos de descomposición por medio de figuras elementais para o cálculo de áreas de figuras planas do contorno e de figuras representadas.

6. Organizar e interpretar informacións diversas mediante táboas e gráficas, e identificar relacións de dependencia en situacións cotiás, nos campos social e científico e nos medios de comunicación.

Este criterio pretende valorar a capacidade de identificar as variables que interveñen nunha situación cotiá ou que poida ser extraída dos medios de comunicación. Comprobarase tamén a competencia para identificar a relación de dependencia entre as variables e para representala graficamente. Trátase de avaliar, ademais, o uso das táboas como instrumento para recoller a información producida no desenvolvemento dunha experiencia e transferila a uns eixos coordenados, así como a capacidade para interpretar de forma cualitativa a información presentada en forma de táboas ou gráficos. Quérese comprobar tamén a capacidade do alumnado para traducir informacións expresadas con diferentes tipos de linguaxe matemática a linguaxe verbal e a valoración positiva da linguaxe numérica e gráfica para representar e facilitar a comprensión de situacións que teñen que ver co medio físico e social.

7. Facer predicións sobre a posibilidade de que un suceso ocorra a partir da información previamente obtida de forma empírica ou doutras fontes.

Trátase de valorar a capacidade para diferenciar os fenómenos deterministas dos aleatorios e, nestes últimos, analizar as regularidades obtidas ao repetir un número significativo de veces unha experiencia aleatoria e facer predicións razoables a partir destas. Ademais, este criterio pretende verificar a comprensión do concepto de frecuencia relativa organizando datos obtidos de diversas fontes en táboas ou de interpretar as que se lle presenten procedentes de diversos contextos. Preténdese tamén apreciar se o alumnado adquiriu dunha forma intuitiva a noción de probabilidade a posteriori a través da frecuencia relativa, para o que terá que asignar probabilidades (en forma de porcentaxes ou fraccións) a sucesos a partir dela. Trátase tamén de comprobar a valoración positiva diante das interpretacións e das solucións que as matemáticas poden dar diante de situacións de incerteza de tipo social ou relacionadas co mundo físico.

8. Utilizar estratexias e técnicas simples de resolución de problemas, tales coma a análise do enunciado, o ensaio-erro ou a resolución dun problema máis sinxelo e a comprobación da solución obtida.

Con este criterio valórase a forma de enfrontarse a tarefas de resolución de problemas para os que non se dispón dun procedemento estándar que permita obter a solución. Avalíase desde a comprensión do enunciado a partir da análise de cada unha das partes do texto e a identificación dos aspectos máis relevantes, ata a aplicación de estratexias simples de resolución, así como o hábito e a destreza necesarias para comprobar a solución. Trátase de avaliar, así mesmo, a perseveranza na busca de solucións e a confianza na propia capacidade para logralo.

9. Expresar, utilizando a linguaxe matemática axeitada ao seu nivel, o procedemento que se seguiu na resolución dun problema sinxelo.

Trátase de valorar a capacidade de transmitir cunha linguaxe axeitada, as ideas e procesos persoais desenvolvidos, de modo que se fagan entender e entendan o que outras persoas expresan. Tamén se pretende valorar a súa actitude positiva para realizar esta actividade de intercambio, xustificando os razoamentos e presentando con orde e limpeza os resultados, botando man, se é preciso, das axudas que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación. Tamén se valorará se se mostra unha actitude positiva diante do traballo en grupo, asumindo as propias responsabilidades e poñéndoas en común coas dos demais, tomando conciencia de que é este un valor que servirá para a integración eficaz na vida social e cidadá.

Segundo curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Utilización de estratexias e técnicas na resolución de problemas, tales como a análise do enunciado, o ensaio e erro ou a división do problema en partes, e comprobación da solución obtida.

* Descrición verbal de procedementos de resolución de problemas utilizando termos adecuados.

* Utilización correcta dos símbolos e das normas das matemáticas, valorando a precisión desta linguaxe.

* Interpretación de mensaxes que conteñan informacións de carácter cuantitativo ou sobre elementos ou relacións espaciais.

* Confianza nas propias capacidades para afrontar problemas, comprender as relacións matemáticas e tomar decisións a partir delas.

* Perseveranza e flexibilidade na procura de solucións aos problemas e na mellora das atopadas.

* Planificación e realización de traballos matemáticos tanto individualmente como en equipo, mantendo actitudes favorables de participación e diálogo.

* Utilización de ferramentas tecnolóxicas para facilitar os cálculos de tipo numérico, alxébrico ou estatístico, as representacións funcionais e a comprensión de propiedades xeométricas.

* Busca de información e lectura de textos sobre acontecementos históricos e persoas relacionadas coas matemáticas ao longo da historia.

Bloque 2. Números.

* Números enteiros. Operacións. Potencias con expoñente natural. Operacións con potencias. Utilización da notación científica para representar números grandes relacionados, basicamente, co mundo da ciencia.

* Cadrados perfectos. Raíces cadradas. Estimación e obtención de raíces aproximadas.

* Relacións entre fraccións, decimais e porcentaxes. Uso destas relacións para elaborar estratexias de cálculo práctico con porcentaxes en contextos referidos á vida cotiá e ao mundo físico.

* Utilización da forma de cálculo mental, escrito ou con calculadora, e da estratexia para contar ou estimar cantidades de acordo coa precisión esixida no resultado e a natureza dos datos.

* Proporcionalidade directa e inversa. Análise de táboas. Razón de proporcionalidade. Magnitudes non proporcionais.

* Aumentos e diminucións porcentuais.

* Resolución de problemas relacionados coa vida cotiá e con outros ámbitos nos que aparezan relacións de proporcionalidade directa ou inversa.

Bloque 3. Álxebra.

* Paso da linguaxe verbal á linguaxe alxébrica e viceversa. A linguaxe alxébrica para xeneralizar propiedades e simbolizar relacións en contextos diversos (vida cotiá e ámbitos socioeconómico, científico e físico). Obtención de fórmulas e termos xerais baseada na observación de pautas e regularidades.

* Obtención do valor numérico dunha expresión alxébrica.

* Significado das ecuacións e das solucións dunha ecuación.

* Resolución de ecuacións de primeiro grao. Transformación de ecuacións noutras equivalentes. Interpretación da solución.

* Utilización das ecuacións para a resolución de problemas. Resolución destes mesmos problemas por métodos non-alxébricos: ensaio e erro dirixido.

Bloque 4. Xeometría.

* Figuras coa mesma forma e distinto tamaño. A semellanza. Proporcionalidade de segmentos. Identificación de relacións de semellanza.

* Ampliación e redución de figuras. Obtención, cando sexa posible, do factor de escala utilizado. Razón entre as superficies de figuras semellantes.

* Utilización dos teoremas de Tales e Pitágoras para obter medidas e comprobar relacións entre figuras.

* Poliedros e corpos de revolución. Desenvolvementos planos e elementos característicos. Clasificación atendendo a distintos criterios. Utilización de propiedades, regularidades e relacións para resolver problemas do mundo físico.

* Volumes de corpos xeométricos. Resolución de problemas que impliquen a estimación, a medición e o cálculo de lonxitudes, superficies e volumes de obxectos do contorno inmediato.

* Utilización de procedementos tales como a composición, descomposición, intersección, truncamento, dualidade, movemento, deformación ou desenvolvemento de poliedros para analizalos ou obter outros.

Bloque 5. Funcións e gráficas.

* Descrición local e global de fenómenos, de tipo social, natural ou científico, presentados de forma gráfica.

* Contribucións do estudo gráfico á análise dunha situación: crecemento e decrecemento. Continuidade e descontinuidade. Cortes cos eixes. Máximos e mínimos relativos.

* Obtención da relación entre dúas magnitudes directa ou inversamente proporcionais a partir da análise da súa táboa de valores e da súa gráfica. Interpretación da constante de proporcionalidade. Aplicación a situacións reais.

* Representación gráfica dunha situación que vén dada a partir dunha táboa de valores, dun enunciado ou dunha expresión alxébrica sinxela.

* Interpretación das gráficas como relación entre dúas magnitudes. Observación e experimentación en casos prácticos.

* Utilización de calculadoras gráficas e programas de ordenador para a construción e interpretación de gráficas.

Bloque 6. Estatística e probabilidade.

* Diferentes formas de recolleita de información. Organización dos datos en táboas. Frecuencias absolutas e relativas, ordinarias e acumuladas.

* Diagramas estatísticos. Análise dos aspectos máis destacables dos gráficos.

* Medidas de centralización: media, mediana e moda. Significado, estimación e cálculo, utilizando a calculadora cando se considere preciso. Utilización das propiedades da media para resolver problemas. Introdución á análise da dispersión: valores máximo e mínimo, rango ou percorrido.

* Utilización da media, a mediana, a moda e o percorrido para realizar comparacións e valoracións.

* Utilización da folla de cálculo para organizar os datos, realizar os cálculos e xerar os gráficos máis adecuados.

Criterios de avaliación.

1. Utilizar números enteiros, fraccións, decimais e porcentaxes sinxelas, as súas operacións e propiedades para recoller información, transformala, intercambiala e resolver problemas relacionados coa vida diaria e cos ámbitos social e científico.

Trátase de valorar a capacidade de identificar e empregar os números e as operacións sendo conscientes do seu significado e propiedades, elixir a forma de cálculo apropiada (mental, escrita ou con calculadora) e estimar a coherencia e precisión dos resultados obtidos. Entre as operacións a que se refire este criterio deben considerarse incluídas as potencias de expoñente natural e a valoración positiva da utilidade da notación científica para poder representar cantidades moi grandes. A estimación e a obtención das raíces cadradas deberá facerse case sempre ligada á resolución de problemas xeométricos. Adquire especial relevancia avaliar o uso de diferentes estratexias que permitan simplificar o cálculo con fraccións, decimais e porcentaxes, así como a habilidade para identificar e usar os números en diferentes contextos, recoñecer as súas relacións e saber describir e xustificar situacións diversas mediante os números e as operacións adecuadas.

2. Identificar relacións de proporcionalidade numérica e xeométrica e utilizalas para resolver problemas en situacións da vida cotiá.

Preténdese comprobar a capacidade de identificar, en diferentes contextos, unha relación de proporcionalidade entre dúas magnitudes distinguindo cando as magnitudes son directa ou inversamente proporcionais. Trátase así mesmo de utilizar diferentes estratexias (emprego de táboas, obtención e uso da constante de proporcionalidade, redución á unidade, etc.) para obter elementos descoñecidos nun problema a partir doutros coñecidos en situacións da vida real nas que existan relacións de proporcionalidade. Tamén se quere comprobar se saben identificar figuras semellantes, calculando a razón de semellanza e sabendo utilizar estes coñecementos para interpretar situacións da vida diaria e do mundo físico. Quérese comprobar, ademais, se sabe aplicar o teorema de Tales para resolver problemas de tipo xeométrico.

3. Utilizar a linguaxe alxébraica para simbolizar, xeneralizar e incorporar a formulación e a resolución de ecuacións de primeiro grao coma unha ferramenta máis coa que abordar e resolver problemas.

Preténdese comprobar a capacidade de utilizar a linguaxe alxébrica para xeneralizar propiedades sinxelas, simbolizar relacións, traducir situacións procedentes da vida diaria e do mundo físico e planear e resolver ecuacións de primeiro grao por métodos alxébricos ou mediante ensaio e erro. Tamén se pretende avaliar a capacidade para pór en práctica estratexias persoais como alternativa á álxebra á hora de formular e resolver problemas, interpretando en todos os casos os resultados obtidos e valorando a súa pertinencia.

4. Estimar, efectuar medicións e calcular lonxitudes, áreas e volumes de espazos e obxectos cunha precisión acorde coa situación presentada e comprender os procesos de medida, expresando o resultado da estimación, da medición e o cálculo na unidade de medida máis adecuada.

Mediante este criterio valórase a capacidade para comprender e diferenciar os conceptos de lonxitude, superficie e volume e seleccionar a unidade axeitada para cada un deles. Trátase de comprobar, ademais, se se adquiriron as capacidades necesarias para estimar o tamaño dos obxectos e as destrezas adecuadas para facer medicións. Tamén se quere comprobar se saben aplicar os teoremas de Tales e Pitágoras para obter medidas a partir doutras e para facer representacións e interpretar planos. Máis alá da habilidade para memorizar fórmulas e aplicalas, este criterio pretende valorar o grao de afondamento na comprensión dos conceptos implicados no proceso, a diversidade de métodos que se é capaz de pór en marcha e a capacidade persoal para relacionar os conceptos teóricos coa realidade diaria e os obxectos do contorno.

5. Interpretar relacións funcionais sinxelas dadas en forma de táboa, gráfica, a través dunha expresión alxébrica ou mediante un enunciado, obter valores a partir delas e extraer conclusións acerca do fenómeno estudado.

Este criterio pretende valorar o manexo dos mecanismos que relacionan os diferentes tipos de presentación da información, en especial, o paso da gráfica, correspondente a unha relación de proporcionalidade, a calquera das outras tres: verbal, numérica e alxébraica. Trátase de avaliar tamén a capacidade de relacionar unha expresión verbal coa súa correspondente gráfica e de analizar unha gráfica e relacionar o resultado desa análise co significado das variables representadas. Quérese comprobar, ademais, se se saben interpretar gráficas que teñan que ver con fenómenos de tipo social ou do mundo natural. Tamén se pretende avaliar se valora positivamente o papel que a linguaxe gráfica xoga nos medios de comunicación e a utilidade das tecnoloxías para facer o tratamento de datos e da representación de gráficas.

6. Formular as preguntas adecuadas para coñecer as características dunha poboación e recoller, organizar e representar datos relevantes para respondelas, utilizando os métodos estatísticos apropiados e as ferramentas informáticas adecuadas.

Trátase de verificar, en casos sinxelos e relacionados co seu contorno a capacidade de desenvolver as distintas fases dun estudo estatístico: formular a pregunta ou preguntas que darán lugar ao estudo, recoller a información, organizala en táboas e gráficas, achar valores relevantes (media, moda, valores máximo e mínimo, rango), utilizando a calculadora cando se precise, e tirar conclusións razoables a partir dos datos obtidos, interpretando criticamente os resultados. Tamén se pretende valorar a capacidade para utilizar e elaborar modelos coa folla de cálculo para organizar datos, calcular parámetros e xerar os gráficos máis adecuados á situación estudada. Trátase de avaliar, así mesmo, a capacidade para mostrar informacións e resultados con claridade e limpeza e de valorar positivamente os recursos que nos ofrece a estatística á hora de interpretar situacións procedentes dos ámbitos social e físico.

7. Utilizar estratexias e técnicas de resolución de problemas, tales coma a análise do enunciado, o ensaio e erro sistemático, a división do problema en partes así como o comprobación da coherencia da solución obtida.

Con este criterio valórase a maneira de enfrontarse a tarefas de resolución de problemas para os que non se dispón dun procedemento estándar que permita obter a solución. Avalíase desde a comprensión do enunciado a partir da análise de cada unha das partes do texto e a identificación dos aspectos máis relevantes, ata a aplicación de estratexias de resolución, así como o hábito e a destreza necesarias para comprobar a corrección da solución e a súa coherencia co problema proposto. Trátase de avaliar, así mesmo, a perseveranza na busca de solucións e a confianza na propia capacidade para logralas. Valorarase tamén a facultade de aproveitar os coñecementos adquiridos na resolución doutros problemas e a disposición para aprender das situacións actuais co fin de telas en conta no futuro e saber aplicalas.

8. Expresar, utilizando a linguaxe matemática adecuada ao seu nivel, o procedemento que se empregou na resolución dun problema.

Preténdese valorar se o alumnado é capaz de transmitir cunha linguaxe suficientemente precisa, as ideas e os procesos persoais desenvolvidos, de maneira que se fagan entender e comprenda o que outras persoas expresan, respectando as opinións do resto e interesándose en comprender estratexias diferentes ás súas e valorando positivamente esta actividade de contraste.

Terceiro curso.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Planificación e utilización de estratexias na resolución de problemas, tales como o reconto exhaustivo, a indución ou a procura de problemas afíns, e comprobación do axuste da solución á situación suscitada.

* Descrición verbal de relacións cuantitativas e espaciais e procedementos de resolución utilizando a terminoloxía precisa.

* Interpretación de mensaxes que conteñan informacións de carácter cuantitativo ou simbólico ou sobre elementos ou relacións espaciais.

* Confianza nas propias capacidades para afrontar problemas, comprender as relacións matemáticas e tomar decisións a partir delas.

* Perseveranza e flexibilidade na procura de solucións aos problemas e na mellora das atopadas.

* Planificación e realización de traballos matemáticos tanto individualmente como en equipo, mantendo actitudes favorables de participación e diálogo.

* Utilización de ferramentas tecnolóxicas para facilitar os cálculos de tipo numérico, alxébrico ou estatístico, as representacións funcionais e a comprensión de propiedades xeométricas.

* Busca de información e lectura de textos sobre acontecementos e persoas relacionadas coas matemáticas ao longo da historia.

Bloque 2. Números.

* Os números racionais. Números decimais e fraccións. Transformación de fraccións en decimais e viceversa. Números con expresión decimal finita e con expresión decimal periódica. Fracción xeratriz. Utilización das diferentes formas de representación para interpretar e comunicar información da maneira máis precisa.

* Operacións con fraccións e decimais. Cálculo mental, escrito e con calculadora. Cálculo aproximado e redondeo. Cifras significativas. Erro absoluto e relativo. Utilización de aproximacións e redondeo na resolución de problemas da vida cotiá coa precisión requirida pola situación suscitada.

* Potencias de expoñente enteiro. Significado e uso. A súa aplicación para a expresión de números moi grandes e moi pequenos. Operacións con números expresados en notación científica. Aplicación a problemas extraídos do ámbito social e físico. Uso da calculadora.

* Representación na recta numérica. Comparación de números racionais.

Bloque 3. Álxebra.

* Identificación e comprobación de regularidades numéricas, curiosidade e interese por investigalas en contextos diversos. Análise de sucesións numéricas. Progresións aritméticas e xeométricas.

* Sucesións recorrentes. As progresións como sucesións recorrentes.

* Tradución de situacións da linguaxe verbal ao alxébrico e viceversa. Identidades e ecuacións.

* Transformación de expresións alxébricas. Identidades notables.

* Resolución de ecuacións de primeiro e segundo grao cunha incógnita. Sistemas de dúas ecuacións lineais con dúas incógnitas. Resolución por diferentes métodos: alxébricos, gráficos e mesmo por tenteo; utilizando ademais, cando se considere pertinente, axudas tecnolóxicas.

* Resolución de problemas mediante a utilización de ecuacións, sistemas e outros métodos persoais. Valoración da precisión, simplicidade e utilidade da linguaxe alxébrica para resolver diferentes situacións da vida cotiá, dos ámbitos social e científico e do mundo físico.

Bloque 4. Xeometría.

* Determinación e descrición de figuras a partir de certas propiedades. Lugar xeométrico. Obtención de lugares xeométricos utilizando programas de xeometría dinámica.

* Aplicación da semellanza e dos teoremas de Tales e Pitágoras á resolución de problemas xeométricos e do medio físico.

* Translacións, simetrías e xiros no plano. Elementos invariantes de cada movemento.

* Uso dos movementos para a análise e representación de figuras e configuracións xeométricas.

* Recoñecemento dos movementos na natureza, na arte e noutras construcións humanas.

* Aplicación de translacións, xiros e simetrías para deseñar diversas composicións artísticas.

* Representacións xeométricas e comprobación de propiedades utilizando programas de xeometría dinámica.

* Poliedros, poliedros regulares. Corpos de revolución.

* Planos de simetría nos poliedros.

* Coordenadas xeográficas e fusos horarios. Interpretación de mapas e resolución de problemas asociados.

* Curiosidade e interese por investigar sobre formas, configuracións e relacións xeométricas.

Bloque 5. Funcións e gráficas.

* Análise e descrición cualitativa de gráficas que representan fenómenos da vida cotiá e dos ámbitos social, científico e do mundo físico.

* Análise dunha situación a partir do estudo das características locais e globais da gráfica correspondente: dominio, continuidade, monotonía, extremos e puntos de corte. Uso das tecnoloxías da información ou de calculadoras para a análise conceptual e recoñecemento de propiedades de funcións e gráficas.

* Formulación de conxecturas sobre o comportamento do fenómeno que representa unha gráfica, unha táboa de valores ou a súa expresión alxébraica.

* Análise e comparación de situacións de dependencia funcional dadas mediante táboas, enunciados e gráficas.

* Utilización de modelos lineais para estudar situacións provenientes dos diferentes ámbitos de coñecemento e da vida cotiá, mediante a confección da táboa, a representación gráfica e a obtención da expresión alxébraica.

* Utilización das distintas formas de representar a ecuación da recta.

* Obtención e análise das gráficas utilizando a calculadora gráfica ou programas informáticos.

Bloque 6. Estatística e probabilidade.

* Necesidade, conveniencia e representatividade dunha mostra. Métodos de selección aleatoria e aplicacións en situacións reais.

* Atributos e variables discretas e continuas.

* Agrupación de datos en intervalos. Histogramas e polígonos de frecuencias.

* Interpretación de gráficas provenientes de diferentes contextos e utilización da información que proporcionan, mantendo unha actitude crítica na súa análise.

* Construción da gráfica adecuada á natureza dos datos e ao obxectivo desexado, para o mellor coñecemento dun fenómeno procedente do medio social ou físico.

* Formulación de conxecturas sobre o comportamento dunha poboación a partir da información proporcionada por unha gráfica estatística.

* Planificación individual ou colectiva do proceso para a elaboración dun estudo estatístico sobre un fenómeno da realidade.

* Media, moda, cuartís e mediana. Significado, cálculo e aplicacións.

* Análise da dispersión: rango e desviación típica. Interpretación conxunta da media e a desviación típica.

* Relación dos parámetros de centralización e dispersión coas representacións gráficas correspondentes.

* Utilización das medidas de centralización e dispersión para realizar comparacións e valoracións. Actitude crítica ante a información de índole estatística.

* Organización de datos, realización de cálculos e xeración de gráficas adecuadas a cada situación, utilizando a calculadora e a folla de cálculo.

* Experiencias aleatorias. Sucesos e espazo mostral. Utilización do vocabulario adecuado para describir e cuantificar situacións relacionadas co azar.

* Recoñecemento de fenómenos aleatorios en situacións procedentes da vida diaria e dos ámbitos social e científico.

* Cálculo de probabilidades mediante a Lei de Laplace. Formulación e comprobación de conxecturas sobre o comportamento de fenómenos aleatorios sinxelos.

* Cálculo da probabilidade mediante a simulación ou experimentación.

* Utilización da probabilidade para tomar decisións fundamentadas en diferentes contextos. Recoñecemento e valoración das matemáticas para interpretar, describir e predicir situacións incertas.

Criterios de avaliación.

1. Utilizar os números racionais, as súas operacións e propiedades, para recoller, transformar e intercambiar informacións e resolver problemas relacionados coa vida diaria, cos ámbitos social e científico e co mundo físico.

Trátase de valorar a capacidade de identificar e empregar os números e as operacións sendo conscientes do seu significado e propiedades, elixir a forma de cálculo apropiada (mental, escrita ou con calculadora) e estimar a coherencia e precisión dos resultados obtidos. É relevante tamén a adecuación da forma de expresar os números (decimal, en porcentaxe, fraccionaria ou en notación científica) á situación presentada. Nos problemas que deben formularse neste nivel adquire especial relevancia o emprego da notación científica e das potencias para expresar cantidades moi grandes ou moi pequenas así como o arredondamento dos resultados coa precisión requirida e a valoración do erro cometido ao facelo. Quérese comprobar tamén, se se saben comparar, ordenar e representar números racionais e se se saben aproveitar as prestacións das calculadoras e dos programas de cálculo simbólico para abordar este cometido. Comprobarase, ademais, se se valora a utilización das diferentes maneiras de representar un número para expresar ideas e transmitir ou interpretar mensaxes de maneira precisa.

2. Expresar mediante a linguaxe alxébraica unha propiedade ou relación dada mediante un enunciado e observar regularidades en secuencias numéricas obtidas a partir de diversas situacións, obtendo a lei de formación e a fórmula correspondente, en casos sinxelos.

A través deste criterio, preténdese comprobar a capacidade de extraer a información relevante dun fenómeno e saber pasar da linguaxe verbal á alxébraica, e viceversa. Tamén se comprobará se o alumnado sabe detectar, transformar e interpretar xeometricamente expresións alxébraicas notables. Quérese comprobar tamén se se sabe operar con expresións alxébraicas sinxelas tanto realizando os cálculos persoalmente ou utilizando algún programa de cálculo simbólico. No referente ao tratamento de pautas numéricas, valórase se está capacitado para analizar regularidades e obter expresións simbólicas, incluíndo formas iterativas e recursivas.

3. Resolver problemas da vida cotiá e dos ámbitos social e científico nos que se precise o planeamento e resolución de ecuacións de primeiro e segundo grao ou de sistemas de ecuacións lineais con dúas incógnitas.

Este criterio vai dirixido a comprobar a capacidade para aplicar as técnicas de manipulación de expresións literais para resolver problemas, procedentes de diversos ámbitos, que poidan ser traducidos previamente a ecuacións e sistemas. A resolución alxébraica non se presenta como o único método de resolución e combínase tamén con outros métodos numéricos e gráficos, mediante o uso adecuado dos recursos tecnolóxicos (calculadoras científicas e gráficas, follas de cálculo, programas de cálculo simbólico, etc.). Valorarase, ademais, a utilización da álxebra coma unha forma precisa de linguaxe que nos axuda a resolver situacións problemáticas procedentes de diferentes situacións, considerando se os resultados son pertinentes en relación co contexto.

4. Recoñecer as transformacións que levan dunha figura xeométrica a outra mediante os movementos no plano e utilizar estes movementos para crear as súas propias composicións e analizar, desde un punto de vista xeométrico, deseños cotiás, obras de arte e configuracións presentes na natureza.

Con este criterio preténdese valorar a comprensión dos movementos no plano, para que poidan ser utilizados coma un recurso máis de análise nunha formación natural ou nunha creación artística. O recoñecemento dos movementos leva consigo a identificación dos seus elementos característicos: eixes de simetría, centro e amplitude de xiro, etc. Trátase tamén de avaliar a habilidade para relacionar os obxectos do contorno cos conceptos teóricos e a capacidade para manipular obxectos e compoñer movementos para xerar creacións propias. Tamén se quere comprobar se saben manexar instrumentos de debuxo e programas de xeometría dinámica para facer representacións e comprobar propiedades.

5. Interpretar planos e mapas e manexar o sistema de coordenadas xeográficas. Aplicar os teoremas de Pitágoras e Tales para resolver situacións problemáticas da vida cotiá e do mundo físico.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado sabe aplicar o concepto de semellanza e de razón de semellanza na interpretación de mapas e planos, para resolver problemas relacionados co cálculo de distancias e superficies. Tamén se quere indagar se coñece o concepto de coordenadas xeográficas e sabe aplicalo para situar lugares nos mapas, para calcular distancias e diferenzas horarias.

6. Analizar globalmente diferentes funcións sinxelas e utilizar modelos lineais para estudar diferentes situacións reais expresadas mediante un enunciado, unha táboa, unha gráfica ou unha expresión alxébraica.

Este criterio valora a capacidade de analizar, de xeito global, fenómenos físicos, sociais ou procedentes da vida cotiá que poden ser expresados mediante unha función, e no caso dunha función lineal saber construír a táboa de valores, debuxar a gráfica utilizando as escalas adecuadas nos eixos e obter a expresión alxébraica da relación. Preténdese avaliar tamén a capacidade de aplicar os recursos tecnolóxicos para facer a representación de gráficas e a análise dos aspectos máis relevantes dunha gráfica e tirar dese xeito a información que permita profundar no coñecemento do fenómeno estudado. Valórase tamén a capacidade para recoñecer e expresar a ecuación dunha recta de diferentes maneiras.

7. Elaborar e interpretar informacións estatísticas tendo en conta a adecuación das táboas e gráficas empregadas e analizar se os parámetros son máis ou menos significativos.

Trátase de valorar a capacidade de organizar, en táboas de frecuencias e gráficas, informacións de natureza estatística, do ámbito social ou do mundo físico, atendendo aos seus aspectos técnicos, funcionais e estéticos (elección da táboa ou gráfica que mellor presenta a información), e calcular, utilizando, se é necesario, a calculadora ou a folla de cálculo, os parámetros centrais (media, mediana e moda) e de dispersión (percorrido e desviación típica) dunha distribución. Así mesmo, valorarase a capacidade de interpretar información estatística dada en forma de táboas e gráficas e obter conclusións pertinentes dunha poboación a partir do coñecemento dos seus parámetros máis representativos.

8. Facer predicións sobre a posibilidade de que un suceso ocorra a partir de información previamente obtida de forma empírica ou como resultado do reconto de posibilidades, en casos sinxelos.

Preténdese medir a capacidade de identificar os sucesos elementais dun experimento aleatorio sinxelo e outros sucesos asociados a este experimento. Tamén a capacidade de determinar e interpretar a probabilidade dun suceso a partir da experimentación ou do cálculo (Lei de Laplace), en casos sinxelos. Por iso teñen especial interese as situacións que esixan a toma de decisións razoables a partir dos resultados da experimentación, simulación ou, se é o caso, do reconto. Tamén se quere valorar a utilización dos coñecementos matemáticos para identificar e describir, usando a terminoloxía adecuada, situacións de incerteza propias da vida social e do mundo físico.

9. Planificar e utilizar estratexias e técnicas de resolución de problemas, tales como o reconto exhaustivo, a indución ou a busca de problemas afíns e comprobar o axuste da solución á situación presentada.

Trátase de avaliar a capacidade para formular o camiño cara á resolución dun problema e incorporar estratexias máis complexas á súa solución baseadas en coñecementos adquiridos con anterioridade. Avalíase, así mesmo, a perseveranza na busca de solucións, a coherencia e axuste destas á situación que hai que resolver, así como a confianza na propia capacidade para logralo. Valórase tamén, no caso do traballo en grupo, en que medida se colabora cos demais membros do grupo e se respectan as suxestións dos demais.

10. Expresar verbalmente con precisión, razoamentos, relacións cuantitativas, e informacións que incorporen elementos matemáticos, valorando a utilidade e a simplicidade da linguaxe matemática para iso.

Trátase de valorar a precisión da linguaxe utilizada para expresar todo tipo de informacións que conteñan cantidades, medidas, relacións, numéricas e espaciais, así como estratexias e razoamentos utilizados na resolución dun problema. Tamén se valora a orde e a limpeza á hora de presentar as conclusións utilizando, cando sexa necesario, as prestacións que, neste sentido, nos ofrecen as tecnoloxías.

Cuarto curso. Opción A.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Planificación e utilización de procesos de razoamento e estratexias de resolución de problemas, tales como a emisión e xustificación de hipóteses ou a xeneralización.

* Expresión verbal de argumentacións, relacións cuantitativas e espaciais e procedementos de resolución de problemas coa precisión e rigor adecuados á situación.

* Interpretación de mensaxes que conteñan argumentacións ou informacións de carácter cuantitativo ou sobre elementos ou relacións espaciais.

* Confianza nas propias capacidades para afrontar problemas, comprender as relacións matemáticas e tomar decisións a partir delas.

* Perseveranza e flexibilidade na procura de solucións aos problemas e na mellora das atopadas.

* Planificación e realización de traballos matemáticos tanto individualmente como en equipo, mantendo actitudes favorables de participación e diálogo.

* Utilización de ferramentas tecnolóxicas para facilitar os cálculos de tipo numérico, alxébraico ou estatístico, as representacións funcionais e a comprensión de propiedades matemáticas.

* Busca de información e lectura de textos sobre acontecementos e persoas relacionadas coas matemáticas ao longo da historia.

Bloque 2. Números.

* Números con expresión decimal infinita non-periódica. Os números reais.

* Interpretación e utilización dos números e as operacións en diferentes contextos, elixindo a notación e precisión máis adecuadas en cada caso. Erros absoluto e relativo.

* Proporcionalidade directa e inversa. Aplicación á resolución de problemas da vida cotiá.

* As porcentaxes na economía. Aumentos e diminucións porcentuais. Porcentaxes sucesivas. Interese simple e composto.

* Organización de cálculos asociados á resolución de problemas cotiáns e financeiros, usando a folla de cálculo, a calculadora o outras ferramentas informáticas.

* Desigualdades. Intervalos. Significado e diferentes formas de expresar un intervalo. Valor absoluto.

* Representación de números na recta numérica.

Bloque 3. Álxebra.

* Obtención e interpretación de expresións literais a partir de diferentes situacións. Cálculo de valores concretos en fórmulas e ecuacións en diferentes contextos.

* Resolución gráfica e alxébraica dos sistemas de ecuacións con dúas incógnitas. Resolución de problemas cotiáns e doutras áreas de coñecemento mediante ecuacións e sistemas.

* Resolución de diferentes tipos de ecuacións mediante ensaio-erro ou a partir de métodos gráficos con axuda dos medios tecnolóxicos.

Bloque 4. Xeometría.

* Aplicación da semellanza de triángulos e do teorema de Pitágoras para a obtención indirecta de medidas. Resolución de problemas xeométricos frecuentes na vida cotiá.

* Utilización doutros coñecementos xeométricos na resolución de problemas do mundo físico: medida e cálculo de lonxitudes, áreas, volumes, etc.

Bloque 5. Funcións e gráficas.

* Interpretación dun fenómeno descrito mediante un enunciado, táboa, gráfica ou expresión analítica. Análise de resultados.

* A taxa de variación media como medida da variación dunha función nun intervalo. Análise de distintas formas de crecemento a partir de táboas, gráficas e enunciados verbais.

* Estudo e utilización doutros modelos funcionais non lineais: proporcionalidade inversa, exponencial, cadrático e funcións dadas a anacos. Utilización de tecnoloxías da información para a súa análise.

* Obtención da expresión alxébrica dunha función en casos sinxelos.

Bloque 6. Estatística e probabilidade.

* Realización das fases e tarefas dun estudo estatístico (organización de datos, representación gráfica, cálculo de parámetros, interpretación de resultados) a partir de situacións concretas próximas ao alumnado, utilizando axudas tecnolóxicas, se é o caso.

* Análise elemental da representatividade das mostras estatísticas.

* Gráficas estatísticas: gráficas múltiples, diagramas de caixa. Uso da folla de cálculo.

* Utilización das medidas de centralización e dispersión para realizar comparacións e valoracións.

* Interpretación, análise e valoración de informacións estatísticas tomadas dos medios de comunicación e dos ámbitos físico e social.

* Experiencias aleatorias. Espazo mostral. Regra de Laplace.

* Experiencias compostas. Utilización de táboas de continxencia e diagramas de árbore para o reconto de casos e a asignación de probabilidades.

* Utilización do vocabulario adecuado para describir e cuantificar situacións relacionadas co azar.

Criterios de avaliación.

1. Utilizar os distintos tipos de números e operacións, xunto coas súas propiedades, para recoller, interpretar, transformar e intercambiar información e resolver problemas relacionados coa vida cotiá.

Trátase de valorar a capacidade de identificar e empregar os distintos tipos de números e as operacións que se axusten a cada situación, sendo conscientes do seu significado e propiedades, elixindo a forma de cálculo apropiada (mental, escrita ou con calculadora) e estimando a coherencia e precisión dos resultados obtidos. Preténdese tamén valorar a utilización da notación científica para representar cantidades moi grandes e moi pequenas, así como a realización de estimacións e aproximacións valorando o nivel de erro cometido e a capacidade de razoar os resultados.

Neste nivel adquire especial importancia observar a capacidade dos alumnos para manexar os números en diversos contextos tanto do medio natural como da realidade social, co fin de analizala e comprendela mellor.

2. Aplicar porcentaxes e taxas á resolución de problemas cotiás e financeiros valorando a oportunidade de utilizar a folla de cálculo en función da cantidade e complexidade dos números.

Este criterio vai dirixido a comprobar a capacidade para aplicar porcentaxes, taxas, aumentos e diminucións porcentuais a problemas vinculados a situacións financeiras habituais, así como interpretar e valorar as informacións que proveñen dese medio. Tamén se pretende valorar a capacidade de utilización das tecnoloxías da información para realizar os cálculos cando sexa preciso.

3. Resolver problemas da vida cotiá para os que se precise a formulación e resolución de ecuacións de primeiro e segundo grao ou de sistemas de ecuacións lineais con dúas incógnitas.

Este criterio vai dirixido a comprobar que o alumnado está preparado para aplicar as técnicas de manipulación de expresións literais para resolver problemas expresados na linguaxe natural, para o que deberá ser capaz de expresalos en forma de ecuacións e de sistemas.

4. Utilizar instrumentos, fórmulas e técnicas apropiadas para obter medidas directas e indirectas de situacións reais.

Preténdese comprobar o desenvolvemento de estratexias para calcular magnitudes descoñecidas a partir doutras coñecidas, aplicar os coñecementos xeométricos (semellanza de triángulos, concepto de escala, teorema de Pitágoras, etc.) para resolver situacións problemáticas relacionadas co mundo físico e social, utilizar os instrumentos de medida dispoñibles, aplicar as fórmulas apropiadas e desenvolver as técnicas e destrezas adecuadas para realizar a medición proposta, valorando o uso dos medios tecnolóxicos.

5. Identificar relacións cuantitativas nunha situación expresada en diferentes linguaxes e determinar, representar e analizar o tipo de función que poida representalas.

Este criterio pretende avaliar a capacidade de discernir a que tipo de modelo, de entre os estudados -lineal, de proporcionalidade inversa, cadrático ou exponencial-, responde un fenómeno determinado, proveninte dos ámbitos social, físico ou da vida cotiá, e de extraer conclusións razoables da situación asociada a este, utilizando para a súa análise, cando sexa preciso, as tecnoloxías da información.

6. Analizar táboas e gráficas que representen relacións funcionais asociadas a situacións reais para obter información sobre o seu comportamento.

Á vista do comportamento dunha gráfica ou dos valores numéricos dunha táboa, valorarase a capacidade de analizar e tirar conclusións sobre o fenómeno estudado. Para iso será preciso o cálculo e a interpretación das taxas de variación a partir dos datos gráficos ou numéricos. Ademais, preténdese comprobar se, en casos sinxelos, as alumnas e os alumnos son capaces de obter a fórmula da función asociada á gráfica ou á táboa para obter valores descoñecidos.

7. Elaborar e interpretar táboas e gráficos estatísticos, así como calcular os parámetros estatísticos máis usuais, correspondentes a distribucións discretas e continuas, interpretalos e valorar cualitativamente a representatividade das mostras utilizadas.

Trátase de valorar a capacidade de organizar a información estatística en táboas e gráficas e calcular os parámetros que resulten máis relevantes, con axuda da calculadora ou da folla de cálculo. Quérese avaliar tamén, a capacidade para interpretar, analizar e valorar informacións estatísticas presentes nos medios de comunicación e nos ámbitos físico e social.

8. Aplicar os conceptos e as técnicas de cálculo de probabilidades para resolver diferentes situacións e problemas da vida cotiá.

Preténdese que o alumnado sexa capaz de describir o espazo mostral en experiencias simples e en experiencias compostas sinxelas, en contextos concretos da vida cotiá, e utilicen a Lei de Laplace, os diagramas de árbore ou as táboas de continxencia para calcular probabilidades. Preténdese ademais, que os resultados obtidos se utilicen para a toma de decisións razoables no contexto dos problemas presentados. Trátase, tamén, de avaliar a capacidade para identificar na vida cotiá acontecementos de realización incerta e aplicarlles os conceptos de probabilidade para interpretalos e comprendelos mellor.

9. Planificar e utilizar procesos de razoamento e estratexias diversas e útiles para a resolución de problemas.

Trátase de avaliar a capacidade de planificar o proceso a seguir para afrontar a resolución dun problema, comprender as relacións matemáticas que interveñen e elixir e aplicar estratexias e técnicas de resolución aprendidas nos cursos anteriores, confiando na súa propia capacidade. Preténdese avaliar, ademais, a disposición e perseveranza dos estudantes para comprobar o valor das súas intuicións no proceso de resolución.

10. Expresar con precisión razoamentos, relacións cuantitativas e informacións que incorporen elementos matemáticos, valorando a utilidade e simplicidade da linguaxe matemática para iso.

Trátase de valorar a precisión da linguaxe utilizada para expresar todo tipo de informacións que conteñan cantidades, medidas, relacións numéricas e xeométricas, así como estratexias e razoamentos utilizados na resolución dun problema. Tamén se pretende coñecer como os estudantes argumentan e xustifican as súas propostas, así como a súa actitude para acoller as ideas dos demais, poñelas en común e analizalas.

Cuarto curso. Opción B.

Bloque 1. Contidos comúns.

* Planificación e utilización de estratexias de resolución de problemas, tales como a emisión e xustificación de hipóteses ou a xeneralización.

* Expresión verbal de argumentacións, relacións cuantitativas e espaciais e procedementos de resolución de problemas coa precisión e rigor adecuados á situación.

* Interpretación de mensaxes que conteñan argumentacións ou informacións de carácter cuantitativo ou sobre elementos ou relacións espaciais.

* Confianza nas propias capacidades para afrontar problemas, comprender as relacións matemáticas e tomar decisións a partir delas.

* Perseveranza e flexibilidade na procura de solucións aos problemas e na mellora das atopadas.

* Planificación e realización de traballos matemáticos tanto individualmente como en equipo, mantendo actitudes favorables de participación e diálogo.

* Utilización de ferramentas tecnolóxicas para facilitar os cálculos de tipo numérico, alxébraico ou estatístico, as representacións funcionais e a comprensión de propiedades matemáticas.

* Busca de información e lectura de textos sobre acontecementos persoas relacionadas coas matemáticas ao longo da historia.

Bloque 2. Números.

* Recoñecemento de números que non poden expresarse en forma de fracción. Números irracionais. Números reais.

* Representación de números na recta real. Desigualdades. Intervalos. Significado e diferentes formas de expresar un intervalo. Valor absoluto.

* Interpretación e uso dos números reais en diferentes contextos elixindo a notación e aproximación adecuadas en cada caso. Erros absoluto e relativo.

* Expresión de raíces en forma de potencia. Radicais equivalentes. Comparación e simplificación de radicais.

* Utilización da xerarquía e propiedades das operacións para realizar cálculos con potencias de expoñente enteiro e fraccionario e radicais sinxelos.

* Realización de operacións con calquera tipo de expresión numérica, utilizando a calculadora cando a situación o requira. Cálculos aproximados. Recoñecemento de situacións que requiran a expresión de resultados en forma exacta (radical ou fraccionaria).

* Logaritmo dun número real. Propiedades.

Bloque 3. Álxebra.

* Expresións literais: obtención e interpretación a partir de diferentes situacións, cálculo de valores numéricos e realización de operacións. Utilización de igualdades notables e das propiedades das operacións.

* Resolución gráfica e alxébraica dos sistemas de ecuacións con dúas incógnitas, utilizando, cando se considere necesario, medios informáticos. Resolución de problemas cotiáns e doutras áreas de coñecemento mediante ecuacións e sistemas.

* Resolución por métodos alxébraicos, gráficos ou por ensaio-erro sistemático de diferentes tipos de ecuacións (bicadradas, con radicais, exponenciais, etc.), utilizando medios tecnolóxicos, se é o caso.

* Resolución de inecuacións lineais cunha e dúas incógnitas. Interpretación gráfica. Formulación e resolución de problemas en diferentes contextos utilizando inecuacións.

Bloque 4. Xeometría.

* Razóns trigonométricas. Relacións entre elas. Relacións métricas nos triángulos.

* Uso da calculadora para o cálculo de ángulos e de razóns trigonométricas.

* Resolución de triángulos. Aplicación dos coñecementos xeométricos á resolución de problemas métricos no mundo físico: medida e cálculo de lonxitudes, áreas e volumes.

* Razón entre lonxitudes, áreas e volumes de corpos semellantes.

Bloque 5. Funcións e gráficas.

* Interpretación dun fenómeno descrito mediante un enunciado, táboa, gráfica ou expresión analítica. Análise de resultados.

* A taxa de variación media como medida da variación dunha función nun intervalo. Análise de distintas formas de crecemento a partir de táboas, gráficas e enunciados verbais.

* Funcións definidas a anacos. Procura e interpretación en situacións reais.

* Recoñecemento doutros modelos funcionais: función cadrática, de proporcionalidade inversa, exponencial e logarítmica. Aplicacións a contextos e situacións reais. Representación, simulación e análise gráfica, empregando as tecnoloxías da información.

* Obtención da expresión alxébrica dunha función en casos sinxelos.

Bloque 6. Estatística e probabilidade.

* Realización das fases e tarefas dun estudo estatístico.

* Análise elemental da representatividade das mostras estatísticas.

* Gráficas estatísticas: gráficas múltiples, diagramas de caixa. Análise crítica de táboas e gráficas estatísticas nos medios de comunicación. Detección de falacias.

* Condicións en que unha distribución pode ser descrita pola súa media e pola súa desviación típica. Descentralizacións, nesgo e valores atípicos. Utilización conxunta das medidas de centralización e dispersión para realizar comparacións e valoracións. Coeficiente de variación.

* Organización de datos, cálculo de parámetros e representacións gráficas utilizando axudas tecnolóxicas.

* Interpretación, análise e valoración de informacións estatísticas tomadas dos medios de comunicación e dos ámbitos físico e social.

* Experiencias aleatorias. Espazo mostral. Regra de Laplace.

* Experiencias compostas. Utilización de táboas de continxencia e diagramas de árbore para o reconto de casos e a asignación de probabilidades. Probabilidade condicionada.

* Utilización do vocabulario adecuado para describir e cuantificar situacións relacionadas co azar.

Criterios de avaliación.

1. Utilizar os distintos tipos de números e operacións, xunto coas súas propiedades, para recoller, transformar e intercambiar información e resolver problemas relacionados coa vida diaria, cos contornos social, económico, científico ou tecnolóxico e con outras materias do ámbito académico.

Trátase de valorar a capacidade de identificar e empregar os distintos tipos de números e as operacións, sendo conscientes do seu significado e propiedades, elixir a forma de cálculo apropiada (mental, escrita ou con calculadora) e estimar a coherencia e precisión dos resultados obtidos. Neste nivel adquire especial importancia observar a capacidade dos alumnos para adecuar a solución (exacta ou aproximada) á precisión esixida no problema, particularmente cando se traballa con potencias, radicais ou fraccións. Quérese comprobar tamén se saben recoñecer contextos que non poden ser expresados unicamente con números racionais e se representan diferentes tipos de números.

2. Representar e analizar situacións provenientes tanto da vida cotiá como doutras áreas de coñecemento, utilizando símbolos e métodos alxébricos para resolver problemas.

Este criterio vai dirixido a comprobar a capacidade de usar a álxebra simbólica, para o cal o alumnado debe ser capaz de representar e explicar relacións matemáticas presentes nos campos económico, social, científico, tecnolóxico ou nas propias matemáticas. Tamén se pretende coñecer se son capaces de utilizar os métodos alxébricos na resolución de problemas mediante inecuacións, ecuacións e sistemas, facendo uso, cando sexa preciso, de medios informáticos para acadar as solucións.

3. Utilizar instrumentos, fórmulas e técnicas apropiadas para obter medidas directas e indirectas en situacións reais.

Preténdese comprobar a capacidade de desenvolver estratexias para calcular magnitudes descoñecidas a partir doutras coñecidas, utilizar os instrumentos de medida dispoñibles, aplicar as fórmulas apropiadas e desenvolver as técnicas e destrezas adecuadas para realizar a medición proposta, e comprobar a pertinencia dos resultados obtidos ós contextos. Tamén se valorará o uso dos medios tecnolóxicos tanto para a obtención das medidas como para a realización dos cálculos.

4. Recoñecer relacións cuantitativas nunha situación e determinar o tipo de función que pode representalas e aproximar e interpretar a taxa de variación media a partir dunha gráfica, de datos numéricos ou mediante o estudo dos coeficientes da expresión alxébrica.

Este criterio pretende avaliar a capacidade de recoñecer que tipo de modelo, de entre os estudados: lineal, cadrático, de proporcionalidade inversa, exponencial, logarítmico ou de funcións definidas a anacos, responde a un fenómeno determinado proveniente do ámbito científico, físico ou social e de extraer conclusións razoables da situación asociada a este, utilizando para a súa análise, cando sexa preciso, as tecnoloxías da información. Ademais, á vista do comportamento dunha gráfica ou dos valores numéricos dunha táboa, valorarase a capacidade de extraer conclusións sobre o fenómeno estudado. Dependendo deste, ás veces, será preciso o cálculo e a interpretación da taxa de variación media a partir dos datos gráficos, numéricos ou valores concretos alcanzados pola expresión alxébrica. Ademais preténdese comprobar se, en casos sinxelos, o alumnado é quen de obter a fórmula da función asociada á gráfica ou á táboa para obter valores descoñecidos.

5. Elaborar táboas e gráficos estatísticos e calcular os parámetros estatísticos máis usuais en distribucións unidimensionais, interpretar tanto unhas como outros e valorar cualitativamente a representatividade das mostras utilizadas.

Neste nivel adquire especial significado o estudo cualitativo dos datos dispoñibles e as conclusións que poden extraerse do uso conxunto dos parámetros estatísticos. Preténdese, ademais, que se teña en conta a representatividade e a validez do procedemento de elección da mostra e a pertinencia da xeneralización das conclusións do estudo a toda a poboación. Quérese comprobar tamén se interpretan de forma crítica as informacións provenientes dos medios de comunicación e dos ámbitos social e científico. Valorarase a utilización dos medios tecnolóxicos adecuados (calculadoras, follas de cálculo ou programas específicos) para a elaboración das táboas e as gráficas e o cálculo dos parámetros estatísticos.

6. Aplicar os conceptos e técnicas de cálculo de probabilidades para resolver diferentes situacións e problemas da vida cotiá e doutros ámbitos.

Preténdese que o alumnado sexa quen de describir o espazo mostral en experiencias simples e en experiencias compostas sinxelas, en diferentes contextos, e utilicen a Lei de Laplace, os diagramas de árbore ou as táboas de continxencia para calcular probabilidades. Preténdese, ademais, que os resultados obtidos se utilicen para a toma de decisións razoables no contexto dos problemas suscitados.

7. Planificar e utilizar, individualmente e en grupo, estratexias de resolución de problemas, tales como a emisión e xustificación de hipóteses ou a xeneralización.

Trátase de avaliar a capacidade do alumnado para planificar o camiño cara á resolución dun problema, recoñecer e comprender as relacións matemáticas e aventurar e comprobar hipóteses, confiando na súa propia capacidade e intuición.

8. Expresar con precisión e rigor razoamentos, relacións cuantitativas e informacións que incorporen elementos matemáticos, valorando a utilidade e simplicidade da linguaxe matemática para iso.

Trátase de apreciar se as alumnas e os alumnos utilizan con precisión e rigor a linguaxe, tanto natural como matemática, para expresar todo tipo de informacións que conteñan cantidades, medidas, relacións numéricas e xeométricas, etc., así como as estratexias e os razoamentos utilizados na resolución dun problema. Tamén se trata de apreciar se o alumnado mostra a autonomía necesaria para enfrontarse a situacións novas a partir de coñecementos anteriores e se toma en consideración as achegas dos outros cando traballan en equipo.

Tecnoloxías.

Introdución.

Ao longo do último século, a tecnoloxía, entendida como o conxunto de actividades e coñecementos científicos e técnicos empregados polo ser humano para a construción ou elaboración de obxectos, sistemas ou ambientes, co obxectivo de resolver problemas e satisfacer necesidades, individuais ou colectivas, foi adquirindo unha importancia progresiva na vida das persoas e no funcionamento da sociedade. De aí a necesidade dunha atención específica á adquisición deste tipo de coñecementos, necesarios para tomar decisións sobre o uso de obxectos e procesos tecnolóxicos, para resolver problemas relacionados con eles e para, en definitiva, aumentar a capacidade de actuar sobre o contorno e mellorar a calidade de vida.

Non sería posible abordar a tecnoloxía nin desenvolverse na sociedade actual sen as tecnoloxías da información e da comunicación e, por iso, a súa presenza no currículo converte a esta materia nun instrumento na formación da cidadanía e dá coherencia ás aprendizaxes a elas asociadas. Trátase de lograr un uso competente destas tecnoloxías, na medida do posible dentro dun contexto, é dicir, asociado ás tarefas específicas para as que son útiles. A incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación, por outra parte, facilita a integración das aprendizaxes obtidas noutras materias, mellora a comprensión dos procesos e contribúe a potenciar a súa utilización de maneira autónoma.

Esta materia trata, en resumo, de fomentar as aprendizaxes e desenvolver as capacidades que permitan a comprensión dos obxectos técnicos, a súa utilización e a súa manipulación, así como o dominio dos procesos tecnolóxicos mediante os que tales obxectos se deseñan e constrúen empregando as tecnoloxías da información e da comunicación.

Unha das características esenciais da actividade tecnolóxica con maior incidencia na educación básica é o relativo ao seu carácter integrador de diferentes disciplinas. A actividade tecnolóxica require a conxugación de elementos que proveñen do coñecemento científico e da súa aplicación técnica, pero tamén doutros de carácter económico e estético. Todo iso de maneira integrada e cun referente disciplinar propio baseado nun modo ordenado e metódico de intervir no contorno.

O valor educativo desta materia está, así, asociado tanto aos compoñentes que a integran como ao propio modo de levar a cabo esa integración. O principal destes compoñentes, que constitúe o eixo vertebrador do resto de contidos da materia, é o proceso de resolución de problemas tecnolóxicos. Trátase do desenvolvemento de habilidades e da aplicación de métodos que permiten avanzar desde a identificación e formulación dun problema técnico ata a súa solución construtiva, e todo iso a través dun proceso planificado que busque a optimización dos recursos e das solucións. A posta en práctica deste proceso tecnolóxico exixe, pola súa vez, un compoñente científico e técnico. Tanto para coñecer e utilizar mellor os obxectos tecnolóxicos como para intervir neles é necesario poñer en xogo un conxunto de coñecementos sobre os fenómenos nos que se basean as máquinas e os elementos que as constitúen, e tamén sobre os procesos de análise, deseño, manipulación e construción de obxectos técnicos, que contribúen á adquisición de novos coñecementos e á consolidación doutros.

A análise da evolución das tecnoloxías, ademais, clarifica o papel que xogaron na transformación das condicións de vida dos pobos, desvelando criterios para a súa valoración e desenvolvendo actitudes positivas de cara á súa utilización.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

A área de tecnoloxía contribúe ao desenvolvemento da competencia de interacción no medio físico, principalmente, mediante o coñecemento e a comprensión de obxectos, procesos, sistemas e ambientes tecnolóxicos, e a través do desenvolvemento de destrezas técnicas e habilidades para manipular obxectos con precisión e seguridade. A interacción cun contorno no que o tecnolóxico constitúe un elemento esencial, vese facilitada polo coñecemento e utilización do proceso de resolución técnica de problemas e a súa aplicación para identificar e dar resposta a necesidades, avaliando o proceso e os seus resultados. Pola súa parte, a análise de obxectos e sistemas técnicos desde varios puntos de vista, permite coñecer como foron deseñados e construídos os elementos que os forman e a súa función no conxunto, facilitando o seu uso e a súa conservación.

É importante, por outra parte, o desenvolvemento da capacidade e da disposición para lograr un contorno saudable e unha mellora da calidade de vida, mediante o coñecemento e a análise crítica da repercusión ambiental da actividade tecnolóxica e o fomento de actitudes responsables de consumo racional.

A contribución á autonomía e iniciativa persoal céntrase no modo particular que proporciona esta materia para abordar os problemas tecnolóxicos, e será maior na medida en que, a metodoloxía empregada na aula, fomente modos de enfrontarse a eles de maneira autónoma e creativa, incida na valoración reflexiva das diferentes alternativas e prepare para a análise previa das consecuencias das decisións que se toman no proceso.

As diferentes fases do proceso: a formulación adecuada dos problemas; a presentación de ideas que se analizan desde distintos puntos de vista; a elección da máis adecuada; a planificación e execución do proxecto; a avaliación do seu desenvolvemento e do obxectivo alcanzado; e, por último, a realización de propostas de mellora; todas elas contribúen ao desenvolvemento desta competencia, ofrecendo oportunidades para o desenvolvemento de calidades persoais, como a iniciativa, o espírito de superación, a perseveranza fronte ás dificultades, a autonomía e a autocrítica, contribuíndo ao aumento da confianza en si mesmo e á mellora da súa autoestima.

O tratamento específico das tecnoloxías da información e da comunicación, integrado nesta materia, proporciona unha oportunidade especial para desenvolver a competencia no tratamento da información e da competencia dixital, e a este desenvolvemento están dirixidos especificamente unha parte dos contidos. Contribuirase ao desenvolvemento desta competencia na medida na que as aprendizaxes asociadas incidan na confianza no uso dos ordenadores, nas destrezas básicas asociadas a un uso suficientemente autónomo destas tecnoloxías e, en definitivo contribúan a familiarizarse suficientemente con eles. En todo caso, están asociados ao seu desenvolvemento os contidos que permiten localizar, procesar, elaborar, almacenar e presentar información co uso da tecnoloxía. Por outra parte, debe destacarse, en relación co desenvolvemento desta competencia, a importancia do uso das tecnoloxías da información e da comunicación como ferramenta de simulación de procesos tecnolóxicos e para a adquisición de destrezas con linguaxes específicas, como a icónica ou a gráfica.

A contribución á adquisición da competencia social e cidadá, no que se refire ás habilidades para as relacións humanas e ao coñecemento da organización e funcionamento das sociedades, virá determinada polo modo no que se aborden os contidos, especialmente os asociados ao proceso de resolución de problemas tecnolóxicos, onde o alumnado ten múltiples ocasións para expresar e discutir adecuadamente ideas e razoamentos, escoitar ás outras persoas, abordar dificultades, xestionar conflitos e tomar decisións practicando o diálogo e a negociación, e adoptando actitudes de respecto e tolerancia cara ás súas compañeiras e aos seus compañeiros.

Ao coñecemento da organización e funcionamento das sociedades colabora a materia de Tecnoloxía desde a análise do seu desenvolvemento tecnolóxico e da súa influencia nos cambios económicos e de organización social que tiveron lugar ao longo da historia da humanidade. A actividade tecnolóxica, por outra parte, caracterízase polo traballo colectivo, que permite o desenvolvemento de habilidades relevantes de interacción social.

O uso instrumental de ferramentas matemáticas, na súa xusta dimensión e de maneira fortemente contextualizada, contribúe a configurar adecuadamente a competencia matemática, na medida na que proporciona situacións de aplicabilidade a diversos campos, facilita a visibilidade desas aplicacións e das relacións entre os contidos matemáticos e pode, segundo como se formule, colaborar á mellora da confianza no uso desas ferramentas matemáticas. Algunhas delas están especialmente presentes nesta materia, como a medición e o cálculo de magnitudes básicas, o uso de escalas, a lectura e interpretación de gráficos, a resolución de problemas baseados na aplicación de expresións matemáticas, referidas a principios e fenómenos físicos, que resolven problemas prácticos ou necesidades sociais.

A contribución á competencia en comunicación lingüística realízase a través da adquisición de vocabulario específico, que ten que utilizarse nos procesos de busca, análise, selección, resumo e comunicación de información. A lectura, interpretación e redacción de informes e documentos técnicos contribúe ao coñecemento e á capacidade de utilización de diferentes tipos de textos e das súas estruturas formais.

O uso da lingua galega nun contexto tecnolóxico (léxico específico) estende o seu ámbito de aplicación facilitando a normalización da lingua no ámbito profesional. Contribúe así, a crear un espazo tecnolóxico lingüístico propio cuxa existencia, senón imprescindible é, cando menos, necesaria para o desenvolvemento tecnolóxico da comunidade autónoma.

Á adquisición da competencia de aprender a aprender contribúese polo desenvolvemento de estratexias de resolución de problemas, reflexión sobre as relacións de causa-efecto, a contrastación nos procesos de experimentación e construción. O estudo metódico de obxectos, sistemas ou contornos axuda a desenvolver habilidades e estratexias cognitivas e promove actitudes e valores necesarios para a aprendizaxe.

A competencia cultural e artística adquírese desenvolvendo a iniciativa, a imaxinación e a creatividade na resolución das necesidades sociais e permite unha mellor apreciación das manifestacións culturais que sempre incorporan elementos técnicos.

Obxectivos.

A ensinanza da tecnoloxía nesta etapa terá como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Analizar os obxectos e sistemas técnicos para identificar os seus elementos e as funcións que realizan, explicar o seu funcionamento, utilizalos e controlalos de diversas formas, e recoñecer as condicións fundamentais que interveñen no seu deseño e construción.

2. Abordar con autonomía e creatividade, individualmente e en grupo, problemas tecnolóxicos traballando de forma ordenada e metódica para estudar o problema, recompilar e seleccionar información procedente de distintas fontes, elaborar a documentación pertinente, concibir, deseñar, planificar e construír obxectos ou sistemas que resolvan o problema e avaliar a súa idoneidade desde distintos puntos de vista.

3. Actuar de xeito dialogante, flexible, responsable e voluntario no traballo en equipo, na procura de solucións, na toma de decisións e na execución das tarefas encomendadas con actitude de respecto, cooperación, tolerancia e solidariedade.

4. Empregar as destrezas e os coñecementos necesarios para a análise, intervención, deseño, elaboración e manipulación de forma segura e precisa de materiais, obxectos e sistemas.

5. Expresar e comunicar ideas e solucións técnicas, así como explorar a súa viabilidade e alcance utilizando os medios tecnolóxicos, os recursos gráficos, a simboloxía e o vocabulario axeitados.

6. Adoptar actitudes favorables á resolución de problemas técnicos, desenvolvendo interese e curiosidade cara á actividade tecnolóxica, analizando e valorando criticamente a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa influencia na sociedade, no ambiente, na saúde e na calidade de vida das persoas.

7. Manexar con soltura aplicacións informáticas para buscar, almacenar, organizar, manipular, recuperar, presentar, compartir e publicar información, e empregar de forma habitual as redes de comunicación na propia formación, na busca de emprego e para acceder a servizos electrónicos administrativos ou comerciais.

8. Interesarse polos avances tecnolóxicos valorando criticamente a súa contribución á mellora do benestar social e individual, e incorporándoos ao seu facer cotiá.

Tres primeiros cursos. Tecnoloxías.

Contidos.

Bloque 1. Proceso de resolución de problemas tecnolóxicos.

* A tecnoloxía como resposta ás necesidades humanas: fundamento do quefacer tecnolóxico. O proceso inventivo e de deseño.

* Fases do proxecto tecnolóxico. Elaboración de ideas e procura de solucións. Distribución de tarefas e responsabilidades, cooperación e traballo en equipo.

* Realización de documentos técnicos. Deseño, planificación e construción de prototipos ou maquetas mediante o uso responsable de materiais, ferramentas e técnicas axeitadas.

* Avaliación do proceso creativo, de deseño e de construción. Análise e valoración das condicións do contorno de traballo.

* Utilización de aplicacións informáticas para a resolución de problemas tecnolóxicos.

* Exemplificación do proceso tecnolóxico na industria do contorno.

* Esgotamento de recursos enerxéticos e de materias primas. Consumo responsable e desenvolvemento sostible.

Bloque 2. Hardware e sistemas operativos.

* Descrición da arquitectura, dos elementos dun ordenador e doutros dispositivos periféricos. Funcionamento, manexo e interconexión dos elementos dun ordenador.

* Emprego do sistema operativo como interface persoa-máquina. Almacenamento, organización e recuperación da información en soportes físicos, locais e extraíbles.

* Acceso a recursos compartidos en redes locais e posta a disposición destes.

* Instalación de programas e realización de tarefas básicas de mantemento do sistema.

Bloque 3. Materiais de uso técnico.

* Análise de materiais e técnicas básicas e industriais empregadas na construción e fabricación de obxectos.

* Materiais naturais, transformados e sintéticos: madeira, metais, materiais plásticos, cerámicos e pétreos. Propiedades e técnicas básicas de utilización.

* Tratamento de residuos e impacto ambiental do proceso produtivo. Uso de materiais comerciais e reciclados para a construción e fabricación de obxectos.

* Emprego das ferramentas de forma axeitada e segura.

Bloque 4. Técnicas de expresión e comunicación.

* Uso de instrumentos e técnicas de debuxo, así como de aplicacións de deseño gráfico por ordenador, para a realización de bosquexos e esbozos, empregando escalas, cotas e sistemas de representación normalizados.

* Utilización de aplicacións informáticas de ofimática para a creación, edición, mellora e presentación de documentos técnicos, e descrición da súa terminoloxía e dos seus procedementos básicos.

* Coñecemento da linguaxe icónica como base para o dominio da expresión por medio da imaxe e a asimilación das diversas técnicas cinematográficas: plano, universo fílmico, movementos de cámara, panorámicas, trucos e recursos do cinema.

Bloque 5. Estruturas.

* Descrición dos elementos dunha estrutura e dos esforzos aos que están sometidos. Análise da función que desempeñan os elementos na estrutura.

* Deseño, planificación e construción de estruturas utilizando distintos tipos de apoio e triangulación.

Bloque 6. Máquinas e mecanismos.

* Mecanismos de transmisión e transformación do movemento. Análise da súa función en máquinas. Relación de transmisión.

* Descrición e funcionamento básico dos motores térmicos e eléctricos.

* Deseño e construción de maquetas que inclúan mecanismos de transmisión e transformación do movemento.

* Uso de simuladores para recrear a función dos operadores mecánicos no deseño de prototipos.

Bloque 7. Electricidade e electrónica.

* Efectos da corrente eléctrica: luz, calor e electromagnetismo.

* Circuíto eléctrico: elementos, funcionamento e simboloxía. Magnitudes eléctricas. Compoñentes e dispositivos básicos. Realización de medidas. Corrente continua e alterna.

* Instalacións eléctricas nas vivendas. Potencia. Dispositivos de protección.

* Valoración crítica dos efectos do uso da enerxía eléctrica sobre o ambiente: xeración e transporte de enerxía eléctrica. Emprego de enerxías renovables.

* Deseño de circuítos que cumpran unha función predeterminada, realización da montaxe, nas condicións de seguridade apropiadas e utilización de simuladores para a comprobación previa do seu funcionamento.

* Valoración da importancia actual da electrónica e respecto polas normas de seguridade.

Bloque 8. Tecnoloxías da comunicación. Internet.

* Sistemas de comunicación: telefonía, radio, televisión e redes de transmisión de datos.

* Estrutura e funcionamento da internet. Dispositivos de comunicación. Servizos da internet.

* Ferramentas e aplicacións básicas para a procura, descarga, intercambio e publicación de información.

* Actitude crítica e responsable cara á propiedade intelectual e á distribución dos contidos e da información en xeral. Licenzas de uso e distribución do software.

Criterios de avaliación.

1. Resolver problemas tecnolóxicos identificando os condicionantes, empregando os coñecementos precisos, propoñendo solucións variadas e desenvolvendo a máis axeitada nun contexto de traballo colectivo, e empregando adecuadamente os recursos de expresión e comunicación.

Con este criterio trátase de avaliar o coñecemento do alumnado sobre a actividade técnica. Esta capacidade concrétase na elaboración dun plan de traballo para executar un proxecto técnico: conxunto de documentos cunha orde lóxica de operacións, coa previsión de tempos e de recursos materiais, con debuxos, cálculos numéricos, orzamento, listaxes de pezas e explicacións. Avaliarase a cooperación e o traballo en equipo nun clima de tolerancia cara ás ideas e opinións doutras persoas. Débese valorar, así mesmo, o emprego dun vocabulario específico e de modos de expresión tecnicamente apropiados.

2. Realizar as operacións técnicas previstas nun plan de traballo utilizando os recursos materiais e organizativos con criterios de economía, seguridade e respecto ao ambiente e valorando as condicións do contorno de traballo.

Preténdese avaliar a capacidade de construción do alumnado, seguindo a orde marcada no plan de traballo. As pautas para acadar o grao de desenvolvemento fixado son: o coidado no uso de ferramentas, de máquinas e de instrumentos, o aproveitamento de materiais, o uso de elementos reciclados e o traballo respectando as normas de seguridade e saúde. O grao de acabamento debe manterse dentro de marxes dimensionais e estéticas aceptables.

3. Identificar e conectar compoñentes físicos dun ordenador e outros dispositivos periféricos e explicar o seu funcionamento. Manexar o contorno gráfico dos sistemas operativos como interface de comunicación coa máquina.

Búscase valorar a adquisición das habilidades necesarias para administrar un sistema informático persoal. As alumnas e os alumnos han ser capaces de conectar dispositivos externos e interconectalos con outros sistemas, personalizar os contornos gráficos, xestionar os diferentes tipos de documentos almacenando e recuperando a información en diferentes soportes. Deberán, así mesmo, realizar as tarefas básicas de instalación de aplicacións, mantemento e actualización que manteñan o sistema nun nivel de seguridade e rendemento.

4. Describir propiedades básicas de materiais técnicos e as súas variedades comerciais: madeira, metais, materiais plásticos, cerámicos e pétreos. Identificalos en aplicacións comúns e empregar técnicas básicas de conformación, unión e acabado.

Con este criterio búscase avaliar o grao de coñecemento das propiedades mecánicas, eléctricas e térmicas dos materiais empregados nos proxectos. Relacionar estas propiedades coa aplicación de cada material na fabricación de obxectos comúns, así como coñecer e utilizar adecuadamente as técnicas de conformación, unión e acabamento empregadas no seu proceso construtivo, mantendo criterios de tolerancia dimensional e seguridade.

5. Representar mediante vistas e perspectivas obxectos e sistemas técnicos sinxelos, aplicando criterios de normalización.

Trátase de valorar a capacidade dos alumnos e das alumnas para representar obxectos e sistemas técnicos en proxección diédrica -alzado, planta e perfil, así como, a obtención da súa perspectiva-, como ferramenta no desenvolvemento de proxectos técnicos. Preténdese avaliar a adquisición de destrezas para a súa realización tanto a man alzada, como mediante instrumentos de debuxo e aplicacións de deseño gráfico por ordenador. Para iso deberán seguirse os criterios normalizados de acoutamento e escala.

6. Elaborar, almacenar e recuperar documentos en soporte electrónico que incorporen información textual e gráfica.

Preténdense avaliar as habilidades básicas para a realización de documentos que integren información textual, imaxes e gráficos utilizando, por exemplo, follas de cálculo e procesadores de texto. Para logralo aplicaranse os procedementos e funcionalidades propias de cada aplicación para obter documentos progresivamente máis complexos e de maior perfección en canto á estruturación e presentación, almacenándoos en soportes físicos locais e remotos.

7. Analizar e describir nas estruturas do contorno os elementos resistentes e os esforzos aos que están sometidos.

Trátase de comprobar se o alumnado é quen de comprender a función dos elementos que constitúen as estruturas -trabes, piares, zapatas, tensores, arcos- e identificar os esforzos aos que están sometidos -tracción, compresión e flexión- valorando o efecto destes esforzos sobre os elementos estruturais dos prototipos fabricados na aula obradoiro.

8. Identificar, manexar e aplicar operadores mecánicos encargados da transformación e transmisión de movementos para deseñar obxectos técnicos, explicando o funcionamento dos operadores no conxunto e, se é o caso, calcular as relacións de transmisión.

Preténdese avaliar o coñecemento dos movementos empregados en máquinas: rectilíneo, circular e de vaivén. Coñecer os mecanismos de transformación e transmisión de movementos, así como a súa función dentro do conxunto da máquina. O alumnado debe ser capaz de aplicar estes coñecementos para construír maquetas con diferentes operadores mecánicos e de realizar cálculos para determinar a relación de transmisión en sistemas de poleas e engrenaxes.

9. Deseñar e simular circuítos coa simboloxía adecuada e montar circuítos formados por operadores elementais, nos que se empreguen os efectos da enerxía eléctrica e a súa capacidade de conversión noutras manifestacións enerxéticas, utilizando correctamente instrumentos de medida de magnitudes eléctricas básicas.

A finalidade deste criterio é a de comprobar se as alumnas e os alumnos son conscientes da importancia da enerxía eléctrica no ámbito doméstico e industrial, así como valorar o grao de coñecemento e habilidade para deseñar e construír circuítos eléctricos. O alumnado debe adquirir destrezas no manexo do polímetro. Isto implica determinar tensión, corrente, resistencia, potencia e enerxía eléctrica, empregando os conceptos e principios de medida e cálculo de magnitudes.

10. Acceder á internet para a utilización de servizos básicos: navegación para a localización de información, correo electrónico, comunicación no grupo e publicación de información.

Perséguese valorar o grao de coñecemento dos conceptos e da terminoloxía referidos á navegación pola internet e a utilización eficiente dos buscadores para afianzar técnicas que lles permitan a identificación de obxectivos de busca, a localización de información relevante, o seu almacenamento, a creación de coleccións de referencias de interese e a utilización de xestores de correo electrónico e ferramentas deseñadas para a comunicación de grupo.

Cuarto curso. Tecnoloxía.

Contidos.

Bloque 1. Instalacións en vivendas.

* Análise dos elementos que configuran as instalacións dunha vivenda: electricidade, comunicacións, auga sanitaria, evacuación de augas, sistemas de calefacción, gas, aire acondicionado, domótica.

* Acometidas, compoñentes, normativa, simboloxía, análise, deseño e montaxe en equipo de modelos sinxelos destas instalacións.

* Análise de facturas domésticas e aforro enerxético nas instalacións de vivendas. Arquitectura bioclimática.

Bloque 2. Electrónica, pneumática e hidráulica.

* Descrición e análise dos sistemas hidráulicos e pneumáticos, dos seus compoñentes e principios físicos de funcionamento.

* Electrónica analóxica e dixital. Compoñentes básicos, simboloxía, análise de circuítos elementais. Aplicación da álxebra de Boole a problemas tecnolóxicos básicos. Portas lóxicas.

* Aplicacións típicas dos sistemas electrónicos, pneumáticos e hidráulicos en sistemas industriais. Valoración da importancia da normalización.

* Deseño e montaxe de circuítos electrónicos básicos e sistemas pneumáticos sinxelos que cumpran unha función predeterminada, interpretando adecuadamente a simboloxía.

* Deseño de circuítos mediante simuladores, empregando simboloxía específica e uso de simuladores para analizar o comportamento dos circuítos.

Bloque 3. Tecnoloxías da comunicación.

* Descrición dos sistemas de comunicación con e sen fíos e dos seus principios técnicos para transmitir son, imaxe e datos.

* Utilización de tecnoloxías da comunicación de uso cotián.

Bloque 4. Control e robótica.

* Elementos de sistemas de control. Análise e experimentación con sistemas automáticos, sensores, actuadores e aplicación da realimentación en dispositivos de control. Aplicacións domésticas.

* Deseño e montaxe de robots a partir de elementos preconstruídos.

* Uso do ordenador, como elemento programable, para controlar un sistema automático o un robot.

* Traballo con simuladores informáticos para verificar e comprobar o funcionamento dos sistemas deseñados.

Bloque 5. Tecnoloxía e sociedade.

* Valoración do desenvolvemento tecnolóxico ao longo da historia. Análise do impacto das novas tecnoloxías na sociedade actual.

* Desenvolvemento de proxectos técnicos. Organización do traballo. Produción en serie e control de calidade.

* Análise da evolución de obxectos técnicos e importancia da normalización nos produtos industriais.

* Aproveitamento de materias primas e recursos naturais e adquisición de hábitos que potencien o desenvolvemento sustentable.

* A aplicación das ferramentas informáticas e de control no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos.

Criterios de avaliación.

1. Describir os elementos que compoñen as distintas instalacións dunha vivenda e as normas que regulan o seu deseño e utilización. Realizar deseños sinxelos, empregando a simboloxía adecuada, e montaxes de circuítos básicos, e valorar as condicións que contribúen ao aforro enerxético, á habitabilidade e á estética nunha vivenda.

Trátase de valorar a capacidade de interpretar e manexar simboloxía de instalacións eléctricas, de calefacción, aire acondicionado, comunicacións, subministración de auga e saneamento. Para iso hanse poñer de manifesto os coñecementos sobre os elementos, normativa básica e as destrezas para a montaxe e a comprobación de instalacións sinxelas. O alumnado debe ser capaz tamén de analizar os elementos compoñentes das facturas das diferentes subministracións e coñecer e aplicar as técnicas actuais de aforro enerxético.

2. Analizar esquemas de circuítos electrónicos, pneumáticos ou hidráulicos para describir o seu funcionamento, os seus compoñentes elementais e os principios físicos nos que se basean e realizar a montaxe de circuítos, previamente deseñados, con finalidade clara, introducindo modificacións cun propósito determinado.

Preténdese avaliar a capacidade para comprender o funcionamento de circuítos electrónicos, analóxicos ou dixitais, e de circuítos pneumáticos sinxelos e intervir sobre eles para modificalos. Para debe hanse coñecer as características e a función dos seus compoñentes básicos a partir da análise, a simulación e a montaxe de circuítos.

3. Coñecer as principais aplicacións das tecnoloxías electrónica, hidráulica e pneumática e identificar e describir as características e o funcionamento deste tipo de sistemas. Utilizar con soltura a simboloxía e a nomenclatura necesaria para representar circuítos coa finalidade de deseñar e construír un circuíto ou mecanismo capaz de resolver un problema cotián, utilizando enerxía eléctrica, hidráulica ou pneumática.

Hase avaliar a capacidade para deseñar e construír sistemas electrónicos, hidráulicos ou pneumáticos sinxelos. Para iso o alumnado ha ser capaz de analizar aplicacións habituais electrónicas, hidráulicas e pneumáticas, coñecer os elementos que compoñen estes sistemas, os seus símbolos e función. Representar esquemas empregando a simboloxía e nomenclatura adecuada comprendendo os principios físicos de funcionamento.

4. Deseñar e construír un circuíto ou mecanismo capaz de resolver un problema cotián, utilizando as tecnoloxías electrónica, hidráulica ou pneumática.

Trátese de comprobar se o alumnado é quen de analizar aplicacións habituais electrónicas, hidráulicas e pneumáticas e de relacionar as súas características coas condicións nas que deben traballar para poder deseñar, construír e conectar sistemas electrónicos, pneumáticos ou hidráulicos sinxelos que resolvan problemas reais cotiáns, empregando correctamente a súa representación simbólica.

5. Realizar operacións lóxicas empregando a álxebra de Boole, relacionar formulacións lóxicas con procesos técnicos e resolver mediante portas lóxicas problemas tecnolóxicos sinxelos.

Con este criterio trátase de avaliar a capacidade de deseñar circuítos con portas lóxicas para resolver problemas sinxelos, empregando a álxebra de Boole para obter a función lóxica simplificada que dá solución ao problema. Valorarase o coñecemento e uso da simboloxía e funcionamento das portas lóxicas.

6. Analizar e describir os elementos e sistemas de comunicación con e sen fíos e os principios básicos que rexen o seu funcionamento.

Preténdese valorar a comprensión do principio de funcionamento dos sistemas de comunicación mediante a posta en práctica de distintos dispositivos. Para iso hanse coñecer os diferentes medios de transmisión de información e as súas características, tipos de sinais, elementos e procesos de transmisión, transformación e protección da información.

7. Desenvolver un programa para controlar un sistema automático ou un robot e o seu funcionamento de forma autónoma en función da realimentación que reciba del contorno.

Trátase de valorar se o alumnado é capaz de desenvolver, mediante linguaxes de programación simples, un programa que execute as instrucións nun dispositivo técnico de fabricación propia ou comercial.

8. Explicar a evolución tecnolóxica ao longo da historia analizando obxectos técnicos e a súa relación co contorno, e valorando a súa repercusión na calidade de vida.

Con este criterio preténdese valorar a elaboración de xuízos de valor fronte ao desenvolvemento tecnolóxico a partir da análise de obxectos técnicos. Trátase tamén de establecer a capacidade de relacionar inventos e descubrimentos co contexto no que se desenvolven interpretando as modificacións tecnolóxicas, económicas e sociais en cada período histórico.

Informática.

Introdución.

Durante as últimas décadas, vénse producindo na sociedade un profundo proceso de transformación caracterizado pola presenza das tecnoloxías da información e da comunicación na vida cotiá. Estas tecnoloxías empregan todo tipo de medios para crear, almacenar, procesar e transmitir información en tempo e cantidade hai uns anos insospeitados. Ademais de expandir as posibilidades de comunicación, as tecnoloxías da información xeran unha nova cultura ao esixir o desenvolvemento de novas destrezas e formas de construción do coñecemento que os avances técnicos manteñen en constante evolución.

A necesidade de educar no uso das tecnoloxías da información durante a educación obrigatoria inclúe unha dobre vertente. Por unha parte, trátase de que a xente nova adquira os coñecementos básicos sobre as ferramentas que facilitan a súa interacción co contorno e de que comprenda os límites morais e legais que implica a súa utilización. Por outra, deben ser quen de integrar as aprendizaxes tecnolóxicas coas aprendizaxes adquiridas noutras áreas do currículo, dándolles coherencia e mellorando a súa calidade.

A simplicidade da informática actual facilita o uso e o aproveitamento das tecnoloxías da información e da comunicación en calquera das formas en que estas se nos presentan. Neste sentido, preparar as alumnas e os alumnos para desenvolverse nun marco cambiante vai máis alá da simple alfabetización dixital centrada no manexo de ferramentas. Faise imprescindible propiciar a adquisición dun conxunto imbricado de coñecementos, destrezas e actitudes, que permitan utilizar as novas tecnoloxías para continuar a súa aprendizaxe ao longo da vida, adaptándose ás demandas dun mundo en permanente cambio. Neste contexto, complementando a utilización instrumental das aplicacións informáticas nas diferentes materias curriculares, parece necesario que o alumnado de educación secundaria obrigatoria que o desexe poida cursar, en cuarto curso, unha materia optativa que complete os coñecementos técnicos adquiridos na área de tecnoloxía, na cal cursaría un tronco común de contidos específicos dirixidos a facilitarlle a adquisición das competencias dixitais básicas e a dotalo dunha visión global e práctica do estado actual e da evolución previsible destas tecnoloxías.

As tecnoloxías da información e da comunicación poden influír positivamente no rendemento escolar se se fai un adecuado uso delas, porque fornece ao alumnado unha ferramenta para explorar todas as materias do currículo e consolidar os seus coñecementos, e coa que pode simular fenómenos e situacións novas que axudan a aprender a aprender. O seu valor educativo está asociado non só á posibilidade de almacenar e xestionar a información senón tamén a propiciar a toma de decisións que o seu uso implica, a facilitar a elaboración de proxectos e a mellorar a calidade das aprendizaxes; en resumo a incrementar produción de coñecemento.

As utilidades da informática requiren un maior afondamento nos aspectos técnicos e de relación entre ferramentas que permitan a creación de contidos complexos para a súa difusión nas denominadas comunidades virtuais. A adscrición a estas comunidades inclúe a utilización dos servizos referidos á administración electrónica, saúde, formación, lecer e comercio electrónico.

Os contidos da materia estrutúranse en catro grandes bloques: bloque 1, dedicado aos sistemas operativos e á seguridade informática, trata a necesidade de adoptar medidas de seguridade activa e pasiva na internet e mostra os sistemas operativos máis estendidos; o bloque 2 céntrase nas ferramentas multimedia e de tratamento de imaxe, vídeo e son a partir de diferentes fontes; o bloque 3, achega a publicación e difusión de contidos na web, incluíndo o deseño de presentacións; e o bloque 4 profunda na internet e nas redes sociais virtuais, os tipos de software e as súas licenzas de distribución e o acceso aos servizos electrónicos.

Esta clasificación non debe entenderse como un conxunto de elementos separados e non implica, polo tanto, unha forma única de abordar os contidos na aula. Proponse como unha disposición que axuda á comprensión do conxunto de coñecementos que se pretende conseguir desde un determinado enfoque pedagóxico. Neste sentido cabe sinalar a necesidade de formar a xente nova nunha actitude crítica ante o uso das ferramentas informáticas, para que distingan en que nos axudan e en que nos limitan e poder, así, obrar en consecuencia.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

Esta materia contribúe de maneira plena á adquisición da competencia referida ao tratamento da información e competencia dixital, imprescindible para desenvolverse nun mundo que cambia, e que nos cambia, empuxado polo constante fluxo de información xerado e transmitido mediante unhas tecnoloxías da información cada vez máis potentes e omnipresentes.

Na sociedade da información, as tecnoloxías da información e da comunicación ofrecen ás persoas a posibilidade de se converter en creadoras e difusoras de coñecemento a través da súa comunicación con outras xentes conectadas por medio de redes de información. A adaptación ao ritmo evolutivo da sociedade do coñecemento require que a educación obrigatoria dote o alumnado dunha competencia en que os coñecementos de índole tecnolóxica se poñan ao servizo dunhas destrezas que lle sirvan para acceder á información utilizando unha multiplicidade de dispositivos e sendo quen de seleccionar os datos relevantes para poñelos en relación cos seus coñecementos previos e xerar bloques de coñecemento máis complexos. Os contidos da materia de informática contribúen en alto grao á consecución deste compoñente da competencia.

O alumnado, pois, debe desenvolver a capacidade para integrar informacións, reelaboralas e producir documentos en diversos formatos, e de comunicarse con outras persoas, sexa por medios telemáticos ou convencionais. Estas actividades deben favorecer o fortalecemento do pensamento crítico ante as producións alleas e propias, a utilización da creatividade na elaboración de novos contidos e a aplicación das destrezas comunicativas en diferentes contextos. Incorporar o intercambio de contidos aos comportamentos cotiáns será posible grazas á adquisición de condutas tendentes a manter contornos seguros. Permitirá, así mesmo, proxectar cara ao futuro os coñecementos adquiridos na fase escolar e fomentará a valoración crítica dos avances tecnolóxicos e das modificacións sociais que estes produzan.

Os coñecementos de tipo técnico, polo tanto, deben servir para o desenvolvemento de destrezas e actitudes que posibiliten a localización e interpretación da información, utilizándoa para comunicala, evitando a exclusión de persoas e grupos, e para acceder á crecente oferta de servizos da sociedade do coñecemento.

Ademais, a materia contribúe de maneira parcial á adquisición da competencia cultural e artística porque facilita o acceso ás manifestacións culturais e potencia a expresión do alumnado mediante algúns códigos artísticos. O acceso ás manifestacións de arte dixital e á información sobre obras artísticas non-dixitais, fisicamente inaccesibles, a captación de contidos multimedia e o seu tratamento, así como a creación de novos contidos que integren informacións en diferentes linguaxes, enriquecen a imaxinación, aumentan a creatividade e contribúen á adopción de convencións compositivas e expresivas baseadas no coñecemento artístico.

A contribución á adquisición da competencia social e cidadá céntrase en que as destrezas de busca, obtención, rexistro, interpretación e análise permiten acceder en tempo real ás fontes de información requiridas para unha correcta interpretación dos fenómenos sociais e históricos que conforman a visión da actualidade. Múltiples perspectivas favorecerán a adquisición dunha conciencia cidadá comprometida na mellora da súa propia realidade social. Compartir ideas e opinións a través da participación en redes sociais, brinda unhas posibilidades insospeitadas para intervir na vida cidadá e acceder a servizos relacionados coa administración dixital nas súas diversas facetas.

A contribución á adquisición da competencia para aprender a aprender está relacionada co acceso e a interacción en contornos virtuais de aprendizaxe, que facilita a aprendizaxe autónoma unha vez finalizada a escolaridade obrigatoria. Neste empeño contribúe decisivamente a capacidade para obter información, transformala en coñecemento propio e comunicar o aprendido poñéndoo en común con outras persoas ou grupos.

Esta materia contribúe á adquisición da competencia en comunicación lingüística nos aspectos relacionados coa linguaxe escrita e as linguas estranxeiras. Desenvolverse diante de fontes de información e situacións comunicativas diversas consolida as destrezas lectoras e implica a composición de textos con diferentes finalidades comunicativas e o uso funcional das linguas estranxeiras que se empregan na interacción propia das comunidades virtuais.

A informática contribúe de maneira parcial á adquisición da competencia matemática, achegando a destreza no uso de follas de cálculo para calcular, representar e interpretar datos matemáticos e para resolver problemas. Por outra parte, a utilización de aplicacións interactivas permite formular e comprobar hipóteses acerca dos cambios producidos pola modificación de datos en escenarios diversos.

Á adquisición da competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico contribúese en tanto que proporciona destrezas coas que se pode obter información cualitativa e cuantitativa para a resolución de problemas sobre o espazo físico. A interacción con aplicacións de simulación facilita a observación de procesos cuxareprodución resulta especialmente difícil ou perigosa e proporciona unha mellor comprensión dos fenómenos físicos.

A informática contribúe, por último, á competencia de autonomía e iniciativa persoal na medida en que un contorno tecnolóxico cambiante exixe unha constante adaptación. A aparición de novos dispositivos e das aplicacións asociadas, os novos campos de coñecemento, a variabilidade dos contornos de traballo e dos contextos de comunicación exixen a reformulación de estratexias e a adopción de novos puntos de vista que posibiliten a resolución de situacións multifacéticas progresivamente máis complexas.

Obxectivos.

1. Utilizar os servizos telemáticos adecuados para responder a necesidades relacionadas, entre outros aspectos, coa formación, o lecer, a inserción laboral, a administración, a saúde ou o comercio, valorando en que medida cobren estasnecesidades e se o fan de forma apropiada.

2. Buscar e seleccionar recursos dispoñibles na rede para incorporalos ás súas propias producións, valorando a importancia do respecto á propiedade intelectual e a conveniencia de recorrer a fontes que autoricen expresamente a súa utilización.

3. Coñecer e utilizar as ferramentas para integrarse en redes sociais, achegando as súas competencias ao seu crecemento e adoptando as actitudes de respecto, participación, esforzo e colaboración que posibiliten a creación de producións colectivas.

4. Utilizar periféricos para capturar e dixitalizar imaxes, textos e sons e manexar as funcionalidades principais dos programas de tratamento dixital da imaxe fixa, do son e da imaxe en movemento e a súa integración para crear pequenas producións multimedia con finalidade expresiva, comunicativa ou ilustrativa.

5. Integrar a información textual, numérica e gráfica para construír e expresar unidades complexas de coñecemento en forma de presentacións electrónicas, aplicándoas en modo local, para apoiar un discurso ou, en modo remoto, como síntese ou guión que facilite a difusión de unidades de coñecemento elaboradas.

6. Integrar a información textual, numérica e gráfica obtida de calquera fonte para elaborar contidos propios e publicalos na web, utilizando medios que posibiliten a interacción (formularios, enquisas, bitácoras, etc.) e formatos que faciliten a inclusión de elementos multimedia decidindo a forma en que se poñen á disposición do resto de persoas usuarias.

7. Coñecer e valorar o sentido e a repercusión social das diversas alternativas existentes para compartir os contidos publicados na web e aplicalos cando se difundan as producións propias.

8. Comprender a importancia de reforzar as condutas de seguridade activa e pasiva que posibiliten a protección dos datos e a persoal nas interaccións na internet.

9. Coñecer os paquetes de aplicacións en rede, os sistemas de almacenamento remotos e os posibles sistemas operativos na internet que faciliten a súa mobilidade e a independencia dun equipamento localizado espacialmente.

Contidos.

Bloque 1. Sistemas operativos e seguridade informática.

* Creación de redes locais: configuración de dispositivos físicos para a interconexión de equipos informáticos.

* Creación de grupos de persoas usuarias, adxudicación de permisos, e posta á disposición de contidos e recursos para o seu uso en redes locais baixo diferentes sistemas operativos.

* Seguridade na internet. O correo masivo e a protección fronte a diferentes tipos de programas, documentos ou mensaxes susceptibles de causar prexuízos. Uso de tornalumes. Importancia da adopción de medidas de seguridade activa e pasiva.

* Conexións sen fíos e intercambios de información entre dispositivos móbiles e fixos.

Bloque 2. Multimedia.

* Adquisición de imaxe fixa mediante periféricos de entrada.

* Tratamento básico da imaxe dixital: os formatos básicos e o seu uso. Selección de fragmentos: tamaño e encadramento das imaxes. Acondicionamento de fotografías dixitais modificando exposición, saturación, luminosidade e contraste. Creación de debuxos sinxelos.

* Captura de son e de vídeo a partir de diferentes fontes. Edición e montaxe de audio e vídeo para a creación de contidos multimedia.

* As redes de intercambio como fonte de recursos multimedia. Necesidade de respectar os dereitos que amparan as producións alleas.

Bloque 3. Publicación e difusión de contidos.

* Integración y organización de elementos textuais, numéricos, sonoros, gráficos e animados en estruturas hipertextuais.

* Elaboración de páxinas web que conteñan obxectos activos sinxelos: mapas, formularios e controis multimedia.

* Deseño de presentacións. Emprego de animacións sinxelas con elementos gráficos.

* Creación e publicación na web. Estándares de publicación. Deseño gráfico das páxinas web.

* Accesibilidade da información.

Bloque 4. A internet e redes sociais.

* A información e a comunicación como fontes de comprensión e transformación do contorno social: comunidades virtuais e globalización.

* Actitude positiva cara ás innovacións no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación e cara ça súa aplicación para satisfacer necesidades persoais e de grupo.

* Acceso a servizos de Administración electrónica e comercio electrónico: os intercambios económicos e a seguridade.

* Acceso a recursos e plataformas de formación a distancia, emprego e saúde.

* A propiedade e a distribución do software e a información: software libre e software propietario, tipos de licenzas de uso e distribución.

* A enxeñaría social e a seguridade: estratexias para o recoñecemento da fraude, desenvolvemento de actitudes de protección activa diante dos intentos de fraude.

* Adquisición de hábitos orientados á protección da intimidade e da seguridade persoal na interacción en contornos virtuais: acceso a servizos de lecer.

* Canles de distribución dos contidos multimedia: música, vídeo, radio, TV.

* Acceso, descarga e intercambio de programas e información. Diferentes modalidades de intercambio.

Criterios de avaliación.

1. Instalar e configurar aplicacións, e desenvolver técnicas que permitan asegurar sistemas informáticos conectados entre si.

Valórase con este criterio a capacidade do alumnado para localizar, descargar e instalar aplicacións que preveñan o tráfico non autorizado en redes sobre diversos sistemas operativos. Pola súa vez, trátase de comprobar se identifican elementos ou compoñentes de mensaxes que permitan catalogalas como falsas ou fraudulentas, adoptan actitudes de protección pasiva, mediante a instalación e configuración de aplicacións de filtrado e eliminación de correo lixo, e de protección activa, evitando colaborar na difusión de mensaxes deste tipo.

2. Conectar dispositivos móbiles con outros, sen fíos ou con fíos, fixos ou móbiles, para intercambiar información e datos.

Preténdese avaliar a capacidade de crear redes que permitan comunicarse a diferentes dispositivos fixos ou móbiles, utilizando todas as súas funcionalidades e integrándoos en redes xa existentes. Tamén se trata de verificar se se coñecen os distintos protocolos de comunicación e os sistemas de seguridade asociados, aplicando o máis adecuado a cada tipo de situación ou combinación de dispositivos.

3. Obter imaxes fotográficas, aplicarlles técnicas de edición dixital e diferencialas das imaxes xeradas por ordenador.

Este criterio pretende valorar a capacidade de diferenciar as imaxes vectoriais das imaxes de mapa de bits. Céntrase na captación de fotografías en formato dixital e no seu almacenamento e edición para modificar características das imaxes tales como o formato, a resolución, o encadramento, a luminosidade, o equilibrio de cor e os efectos de composición.

4. Capturar, editar e montar fragmentos de vídeo con audio.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado é capaz de instalar e utilizar dispositivos externos que permitan a captura, xestión e almacenamento de vídeo e de audio. Aplicaranse as técnicas básicas para editar calquera tipo de fonte sonora: locución, son ambiental ou fragmentos musicais, así como as técnicas básicas de edición non lineal de vídeo para compoñer mensaxes audiovisuais que integren as imaxes capturadas e as fontes sonoras.

5. Deseñar e elaborar presentacións destinadas a apoiar o discurso verbal na exposición de ideas e de proxectos.

Preténdese avaliar a capacidade de estruturar mensaxes complexas coa finalidade de expoñelas publicamente, utilizando o ordenador como recurso nas presentacións. Valorarase a correcta selección e integración de elementos multimedia en consonancia co contido da mensaxe, así como a corrección técnica do produto final e o seu valor de discurso verbal.

6. Desenvolver contidos interactivos para a rede aplicando estándares de accesibilidade na publicación da información.

Preténdese comprobar se as alumnas e os alumnos utilizan aplicacións específicas para crear e publicar sitios web, incorporando recursos multimedia, aplicando os estándares establecidos polos organismos internacionais, aplicando ás súas producións as recomendacións de accesibilidade e valorando a importancia da presenza na web para a difusión de todo tipo de iniciativas persoais e de grupo.

7. Participar en redes sociais virtuais como emisores e receptores de información e iniciativas comúns.

Este criterio céntrase na comprobación da capacidade das alumnas e dos alumnos para localizala na internet servizos que posibiliten a publicación de contidos, utilizándoos para a creación de diarios ou páxinas persoais ou de grupo, para subscribirse a grupos relacionados cos seus intereses e para participar activamente neles. Valorarase a adquisición de hábitos relacionados co mantemento sistemático da información publicada e a incorporación de novos recursos e servizos. No ámbito das redes virtuais deberán ser quen de acceder e manexar contornos de aprendizaxe a distancia e busca de emprego.

8. Elixir entre produtos de software e de contidos, tanto de código aberto e comerciais, con funcionalidades similares, os que sexan compatibles co respecto polos dereitos de autor e que mellor se axusten aos requirimentos das publicacións e ás necesidades dos usuarios.

Trátase de avaliar a capacidade para optar entre aplicacións con funcionalidades similares cando se necesite incorporalas ao sistema, tendo en conta as particularidades dos diferentes modelos de distribución de software. Terase en conta o respecto ás ditas particularidades e a actitude á hora de utilizar e compartir as aplicacións e os contidos xerados con elas. Así mesmo, valorarase o respecto aos dereitos de terceiras persoas no intercambio de contidos de produción allea.

Educación física.

Introdución.

A estrutura de competencias que se presenta como base deste currçiculo lévanos ao concepto das «intelixencias múltiples» no ser humano. Entre elas destaca a existencia dunha específica que ten que ver coa utilización do noso corpo, a súa capacidade de movemento e manipulación de obxectos, a intelixencia motriz. A construción e o desenvolvemento da intelixencia motriz implica a conxugación, a través do movemento, de procesos cognitivos, biolóxicos e socioafectivos que lles permitirán ao alumnado afrontar e superar os problemas motrices que puidesen xurdir en diversos contextos, a partir dunha aprendizaxe realmente significativa. A partir deste concepto proponse o desenvolvemento motor como algo imprescindible nun sistema educativo adaptado ás exixencias do ser humano. A sociedade de hoxe non é comprensible sen os coñecementos relacionados co corporal e o motriz. É parte da nosa cultura e do noso futuro a consolidación dun mellor coñecemento das nosas capacidades corporais, das súas funcións e dos valores e que implica a interacción entre corpo e movemento.

Desde outro punto de vista, o actual estilo de vida, de carácter sedentario, require ademais que a educación física se estableza como contrapeso que manteña o equilibrio psíquico e físico do ser humano e sexa impulsora de prácticas saudables para o tempo de lecer. A promoción da saúde e a calidade de vida debe ser, en consecuencia, un dos obxectivos básicos de todo sistema educativo.

A proposta que se fai desta materia permite achegar e incluír unha multiplicidade de funcións que se establecen en relación ao propio movemento que as mediatiza e que se relacionan, como función de coñecemento, de organización perceptiva, anatómico/funcional, estético/comunicativa, de relación social coas outras persoas, hixiénica e hedonística. Deste xeito, unha correcta utilización do movemento por medio da actividade física facilitará, ademais dun maior autocoñecemento, unha utilización máis produtiva do contorno, unhas mellores relacións coas outras persoas e un incremento da calidade de vida e a saúde, entendida como o estado de completo benestar físico, mental e social.

A educación física na educación secundaria obrigatoria toma como eixos vertebradores o corpo e o movemento, para contribuír, desde o seu coñecemento e a súa vivencia, ao desenvolvemento funcional do alumnado e á cooperación nun proxecto global que se articula como integrador e que se fai explícito nos obxectivos xerais da etapa. Proponse, en consecuencia, unha educación física formativa, que permita, a través dunha motricidade consciente, construír a identidade corporal das nosas alumnas e dos nosos alumnos.

Pártese da necesidade de construír unha educación física para todo o alumnado, en que a diversidade é entendida como un elemento valioso e na cal a aprendizaxe e a construción de novos significados é o resultado dun proceso de integración a partir das experiencias e ideas previas. É necesario romper coa desconfianza e o temor da alumna e do alumno ante a súa competencia motora, sobredimensionando as dificultades que incrementan as posibilidades de fracaso á hora de afrontar a tarefa, e que ao cabo conduce a adoptar unha actitude pasiva na aula. É por iso que debemos concretar actuacións axustadas aos ritmos de aprendizaxe e á singularidade e características do alumnado, valorando de forma diferente resultados que serán diferentes. Educar na diversidade en educación física implica resituar permanentemente os recursos para desenvolver as diferentes capacidades de cada quen. Isto supón unha mudanza importante na focalización da práctica profesional de cada día, é dicir, na forma de realizarse a interacción entre o profesorado e o alumnado, na metodoloxía de ensino seleccionada, na detección de diferentes xeitos de aprendizaxe, na organización de grupos, tempos e espazos e na toma en consideración de elementos de carácter ambiental, sociocultural, de xénero ou familiar. A partir da explicitada e necesaria adecuación de contidos ao alumnado e á realidade do contorno, podemos definir como orientacións básicas a desenvolver en educación secundaria obrigatoria as referidas a unha educación física para o coidado e/ou mellora do corpo, a forma física e a saúde, a unha educación física para medrar nas capacidades socio-comunicativas e expresivas e a unha educación física para a utilización construtiva do lecer orientado á práctica de actividades recreativas e deportivas individuais ou colectivas ou de adversario.

Unha consideración especial merece o deporte como valor social e parte específica das condutas motrices. O deporte debe ter un carácter aberto, sen que a participación se supedite a discriminacións en canto ao sexo, nivel ou habilidade e non debe responder a formulacións estritamente competitivas, selectivas e restrinxidas a unha soa especialidade. As propostas competitivas poden resultar formativas en canto motiven o alumnado, sexan utilizadas con criterios educativos e vaian acompañadas de actuacións prácticas que fomenten a colaboración, contribuíndo a educar para gañar e para perder. Ao mesmo tempo, a educación física na educación secundaria ten que relacionar a práctica e a observación de todo tipo de actividades deportivas cunha escala de valores baseada no respecto e consideración a outras persoas en situación de competición e cunha análise crítica de calquera tipo de actitude antideportiva.

Os contidos organízanse ao redor de catro grandes bloques: bloque 1, Condición física e saúde, bloque 2, Xogos e deportes, bloque 3, Expresión corporal e bloque 4, Actividades no medio natural.

O bloque Condición física e saúde agrupa contidos relativos á capacidade para a realización dunha tarefa, á saúde física, aos hábitos de exercicio físico e de práctica deportiva que inciden, a partir das condicións anatómicas e fisiolóxicas, no desenvolvemento motor nas súas diferentes manifestacións e na capacidade das persoas para mellorar a súa calidade de vida utilizando de forma construtiva o seu tempo libre. Así, a condición física convértese na referencia fundamental na relación entre actividade física e saúde.

O bloque de Xogos e deportes contribúe, a partir da realización de propostas polivalentes enmarcadas nun sistema de regras determinadas por unha lóxica interna, a atinxir unha educación física de carácter educativo, promovendo as capacidades que pretende esta materia a través do desenvolvemento de habilidades específicas que implican dominios corporais adaptados, a través da colaboración, a participación e o coñecemento da propia cultura, a través da percepción das estruturas comúns que subxacen en xogos e deportes e a través do desenvolvemento de actitudes dirixidas cara á solidariedade, a cooperación e a non-discriminación.

No bloque 3, Expresión corporal, incorpóranse contidos relacionados co coñecemento e coa toma de conciencia do propio corpo, coas súas posibilidades de movemento no tempo e no espazo e coa utilización de diferentes técnicas corporais como forma de aprender a expresar e a comunicar emocións, sentimentos e ideas e como medio de desenvolvemento de capacidades como a relaxación, a concentración, a respiración, a desinhibición ou a sensibilización.

Os contidos incluídos no bloque 4, Actividades no medio natural, constitúen unha oportunidade para que o alumnado interaccione directamente co contorno, con plena seguridade e desenvolvendo diferentes tipos de actividades físico-deportivas, coñecendo materiais específicos, adquirindo técnicas básicas de aplicación no medio e valorando a súa conservación e mellora, tanto nun contorno inmediato como afastado, en área urbana ou en espazos abertos.

Os diferentes bloques, cuxa finalidade non é outra que a de estruturar os contidos da materia, presentan de forma integrada conceptos, procedementos e actitudes. A proposta de secuencia tende a conseguir unha progresiva autonomía por parte do alumnado que debería chegar, ao finalizar a etapa, a planificar de forma reflexiva a súa propia actividade física.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

A materia de educación física contribúe de xeito directo e claro á consecución de tres competencias básicas: a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico, a competencia social e cidadá e a competencia cultural e artística. De forma xenérica, contribúe a outras tres: competencia en comunicación lingüística, competencia para aprender a aprender e autonomía e iniciativa persoal. Ao resto das competencias contribúe de forma menor.

Forman parte da competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico o conxunto de aspectos que interveñen nas interaccións motoras que se realizan en diferentes contornos e que xeran a capacidade de afrontar e superar múltiples retos motores, tanto na aula como na vida cotiá. O noso corpo é o vínculo de relación co contorno e coas persoas que nos rodean. A saúde como referencia fundamental maniféstase a través de respostas motoras variables que se corresponden coa exixencia de continuos axustes corporais adaptados ás condicións do contorno.

Por outra banda, a educación física ten que adaptarse ao medio onde se desenvolven programas e contidos. É necesario axustar as propostas de actividades ao que o contorno social e cultural demanda. O ensino está inserido nunha comunidade determinada, con certas particularidades socioculturais ou xeográficas, que deben ser un punto de partida para a construción dunha adecuada competencia motora e dunha educación física consecuente.

A educación física suscita tamén, en canto a esta competencia, a realización de actividades físico-deportivas no medio natural, así como o coñecemento de materiais, técnicas e criterios específicos previos a calquera tipo de actuación fóra do espazo-aula, de forma que se garanta a seguridade e unha secuencia axeitada das capacidades que se deben desenvolver nos diferentes contornos. A todo iso engádese a promoción dunha utilización responsable do medio natural, sexa en espazos abertos ou urbanos.

Desde o punto de vista da educación física a competencia social e cidadá incorpora a capacidade de establecer dinámicas persoais e grupais a través do propio corpo, en situacións de cooperación e de oposición, preservando e fomentando os valores deportivos máis esenciais, que comportan a posta en práctica dun proxecto en común e a aceptación de regras e normas establecidas polo grupo na práctica de xogos ou deportes, así como o respecto aos materiais, ao contorno e ás persoas participantes. As habilidades asociadas á interacción con outras compañeiras e compañeiros implican, xa que logo, a integración de diferentes saberes (sociais e deportivos) que permiten establecer relacións construtivas e facilitan a integración do alumnado na sociedade e/ou no grupo.

O deporte é o resultado dun proceso histórico e cultural. Os códigos, interpretacións e significados que xerou esta evolución poden ser moi diverxentes entre si. Por iso, proponse unha educación física que ten en conta o espazo social en que se desenvolve e que ten como norte formar un alumnado activo, capaz de analizar con espírito crítico o conxunto de espectáculos, manifestacións, valores e actitudes que xiran arredor do deporte e da súa actualidade, seleccionando a información recibida e procesándoa, obtendo conclusións a partir da realización de análises persoais e achegándoo a unha cultura deportiva na cal o deporte estea ao servizo do ser humano e no que palabras como satisfacción, autonomía, confianza, esforzo, axuda ou traballo en equipo sexan un referente que se vaia seguir. Por iso, a práctica e a organización de actividades deportivas colectivas propóñense cun carácter aberto, de pacto, e exixe a aceptación das diferenzas e limitacións das persoas participantes e a asunción por parte de cada integrante das súas propias responsabilidades.

Esta competencia tamén relaciona o dereito que toda a cidadanía ten á saúde coa promoción da actividade física no período escolar. A inactividade física é un problema importante de saúde pública. A visión dunha mocidade sedentaria, observadora deportiva e afastada da práctica motora, con índices crecentes de obesidade e problemas de saúde realmente alarmantes establece como prioridade social a educación para a prevención de comportamentos de risco e a promoción da actividade física como base de cultivo de hábitos saudables.

A educación física promove de forma singular a consecución da autonomía e iniciativa persoal das alumnas e dos alumnos. As bases da identidade persoal edifícanse a partir de dous dos aspectos reguladores do ser humano, o corpo e o movemento. A forma de interaccionar con outras persoas e co medio realízase a partir da diferenciada motricidade de cada quen. E é aí, na disposición persoal para a acción, onde se afirma a súa base identitaria.

O ensino das diferentes propostas motoras, dos xogos e deportes, das actividades no medio natural ou do desenvolvemento da condición física e a expresión corporal oriéntanse cara á formación dun ser autónomo capaz de anticipar, percibir, decidir, relacionar, executar e reflexionar sobre as súas actuacións e de transferir o traballo na aula a outros espazos persoais de recreación e tempo libre.

Estas propostas, que fomentan a autonomía e a iniciativa persoal, oriéntanse en educación física, basicamente, desde tres campos: desde a forma de producirse a interacción entre o profesorado e o alumnado, desde a metodoloxía de traballo na aula e desde as exixencias e os retos da propia actividade.

A interacción na aula fai referencia ao clima existente, á cooperación e participación das alumnas e dos alumnos nas propostas que se desenvolven na aula e fóra dela. Neste espectro inclúense formulacións de autoxestión ou coxestión das propias sesións de educación física ou da organización de propostas complementarias como xornadas deportivas, eventos singulares ou programacións específicas.

As metodoloxías seleccionadas condicionan o nivel de autonomía do alumnado.A metodoloxía debe ser utilizada en función da actividade e das características das persoas destinatarias. Con todo as propostas máis creativas, máis autónomas, máis individualizadas, máis exploratorias, promoven unha formación máis individualizada e desenvolven unha maior capacidade de iniciativa persoal.

Doutra banda, as exixencias e os retos das tarefas con certa dificultade técnica ou enfrontarse á mellora do propio nivel de condición física, implican situacións en que o alumnado debe manifestar autosuperación, perseveranza e actitude positiva; responsabilidade e honestidade na aplicación das regras e capacidade de aceptación dos diferentes niveis de condición física e de execución motriz dentro do grupo.

A educación física contribúe á competencia cultural e artística en dous planos diferentes. O primeiro plano vén definido polo enriquecemento cultural que supón para o alumnado a práctica e o coñecemento das actividades físicas e deportivas. O segundo plano vén determinado pola observación da actividade física e deportiva como unha forma artística, como elemento plástico.

No primeiro caso, esta competencia supón apreciar, comprender e valorar as manifestacións culturais da motricidade humana, tales como os deportes, os xogos tradicionais, as actividades expresivas ou a danza, e consideralos como parte do patrimonio cultural dos pobos, algo que é necesario coñecer e preservar. Contribúese a adquirir esta competencia facilitando o acceso do alumnado á historia literaria e visual da educación física, ao coñecemento dos seus momentos máis singulares e a unha reflexión e valoración crítica sobre a súa transcendencia no contexto cultural en que teñen/tiveron lugar.

Noutro sentido, esta materia está comprometida coa adquisición dunha actitude aberta e respectuosa ante o fenómeno deportivo como espectáculo e ante as manifestacións lúdicas, deportivas e de expresión corporal propias doutras culturas, propoñendo fomentar unha visión crítica ante a violencia no deporte ou outras situacións contrarias á dignidade humana que nel se producen.

A educación física ten un carácter creativo ao que se contribúe mediante a exploración e utilización das posibilidades e recursos expresivos do corpo e o movemento. Desenvólvese esta competencia ensinando a ver e a percibir os aspectos estéticos que poden existir dentro dun acto motor, especialmente na observación das grandes competicións e encontros deportivos. Elasticidade, expresividade, harmonía, plasticidade, son palabras asignables a diversas especialidades e momentos deportivos. A súa aplicación farase a través do desenvolvemento das habilidades perceptivas e da experimentación sensorial, especialmente a través da realización de propostas rítmico-expresivas, individuais ou grupais e da visualización de actividades deportivas ou de expresión corporal de alto nivel.

Aprender a resolver problemas motores de forma autónoma, aplicar os coñecementos á resolución de novas situacións, é un dos grandes obxectivos da educación física. Aprender a aprender en educación física tamén implica desenvolver habilidades para o traballo en equipo en diferentes actividades deportivas e expresivas colectivas e a adquisición de aprendizaxes técnicas, estratéxicas e tácticas que sexan xeneralizables para varias actividades deportivas.

Esta competencia está vinculada directamente co desenvolvemento da autonomía e da iniciativa persoal na aula. A forma en que se realiza a interacción nela e as metodoloxías de traballo empregadas no desenvolvemento das sesións van condicionar o desenvolvemento desta competencia. A educación física axuda á consecución da competencia para aprender a aprender ao ofrecer recursos para a planificación de determinadas actividades físicas a partir dun proceso de experimentación. Unha educación física e deportiva sobre a base de situacións-problema, discusións polémicas, obradoiros, debates... pode contribuír a que o alumnado sexa capaz de regular a súa propia aprendizaxe da actividade física e á vez estruturar e organizar a práctica no seu tempo libre. Para iso deberán realizarse actividades que, polo seu contido, propicien a resolución de problemas, organizar situacións en que se revelen contradicións, buscar solucións posibles ante as actividades cooperativas ou de competición, individuais ou grupais presentados, e xulgar o proceso e o seu resultado final.

A educación física é unha encrucillada de diversas linguaxes. Algunhas sonlle propias e outras son compartidos. A adquisición da competencia en comunicación lingüística prodúcese en educación física de dúas formas diferentes. A primeira, do mesmo xeito que no resto das materias, ofrecendo unha variedade de intercambios comunicativos e enriquecendo a capacidade comunicativa a través das expresións e o vocabulario específico que achega.

Ademais a comunicación, como factor básico da linguaxe, está unida á área de educación física polo uso do corpo como medio para expresar todo tipo de accións ou sensacións. Co corpo transmítense ademáns, afectos, estados de ánimos, posturas, sinais... que configuran as bases da linguaxe corporal. Escoitar, expoñer e dialogar estarían moi empobrecidos sen a significatividade que o corpo lles dá a estes conceptos. A comunicación xestual, a utilización de ritmos e danzas, a respiración e, en xeral, as técnicas de dominio corporal, inicialmente traballadas en primaria, e que convén continuar.

A contribución da educación física á adquisición da competencia matemática é de carácter secundario e prodúcese a través do desenvolvemento de diversos contidos específicos da educación física e a partir doutros de carácter transversal. O cuantitativo no espacial, no temporal, nas distancias e traxectorias, está reflectido en moi diversos momentos e actos. O control do tempo, a toma de pulsacións, o ritmo en función da distancia, a regulación de esforzos, a ocupación espacial, son formas que se manexan habitualmente en educación física, ben polo coñecemento regulamentario, ben polas exixencias da propia práctica.

Obxectivos.

O ensino da educación física nesta etapa terá como obxectivo o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Coñecer os trazos que definen unha actividade física saudable e os efectos beneficiosos que esta ten para a saúde individual e colectiva.

2. Valorar a práctica habitual e sistemática de actividades físicas como medio para mellorar as condicións de saúde e a calidade de vida.

3. Realizar tarefas dirixidas ao incremento das posibilidades de rendemento motor, á mellora da condición física para a saúde e ao perfeccionamento das funcións de axuste, dominio e control corporal, adoptando unha actitude de autoexixencia na súa execución.

4. Coñecer e consolidar hábitos saudables, técnicas básicas de respiración e relaxación como medio para reducir desequilibrios e aliviar tensións producidas na vida cotiá e na práctica físico-deportiva.

5. Planificar actividades que permitan satisfacer as necesidades en relación coas capacidades físicas e habilidades específicas a partir da valoración do nivel inicial.

6. Realizar actividades físico-deportivas no medio natural que teñan baixo impacto ambiental, contribuíndo á súa conservación.

7. Coñecer e realizar actividades deportivas e recreativas individuais e colectivas aplicando os fundamentos regulamentarios, técnicos e tácticos en situacións de xogo, con progresiva autonomía na súa execución.

8. Amosar habilidades e actitudes sociais de respecto, de traballo en equipo e de deportividade na participación en actividades, xogos e deportes, independentemente das diferenzas de xénero, culturais, sociais e de habilidade.

9. Practicar e deseñar actividades expresivas con ou sen base musical, utilizando o corpo como medio de comunicación e expresión creativa.

10. Adoptar unha actitude crítica ante o tratamento do corpo, a actividade física e o deporte no contexto social.

Contidos.

Primeiro curso.

Bloque 1. Condición física e saúde.

* O quecemento e o seu significado na práctica da actividade física.

* Execución de xogos e exercicios apropiados para o quecemento.

* Valoración do quecemento como hábito saudable ao comezo dunha actividade física.

* Realización de actividades de baixa intensidade na finalización da actividade física.

* Condición física. Capacidades físicas principalmente relacionadas coa saúde.

* Acondicionamento físico a través do desenvolvemento das capacidades físicas relacionadas coa saúde.

* Realización de xogos para a mellora da condición física.

* Exercitación de posicións corporais axeitadas na práctica de actividades físicas e en situacións da vida cotiá.

* Fortalecemento da musculatura de sostén mediante a realización de exercicios de mobilidade articular, de fortalecemento muscular e de relaxación.

* Atención á hixiene corporal logo da práctica de actividade física.

Bloque 2. Xogos e deportes.

* O deporte como fenómeno social e cultural.

* Execución de habilidades motrices vinculadas a accións deportivas.

* Práctica de actividades e xogos para a aprendizaxe dos deportes individuais.

* Realización de xestos técnicos básicos e identificación de elementos regulamentarios dun deporte individual.

* As fases do xogo nos deportes colectivos: concepto e obxectivos.

* Realización de xogos e actividades en que prevalezan aspectos comúns dos deportes colectivos.

* Realización de tarefas xogadas e actividades cooperativas. Desafíos físicos cooperativos.

* Coñecemento e realización de xogos e deportes tradicionais de Galicia.

* Aceptación do propio nivel de execución e disposición cara á súa mellora.

* Valoración das actividades deportivas como unha forma de mellorar a saúde.

* Respecto e aceptación das regras das actividades, xogos e deportes practicados.

Bloque 3. Expresión corporal.

* O corpo expresivo: postura, xesto e movemento. Aplicación da conciencia corporal nas actividades expresivas.

* Experimentación de actividades expresivas orientadas a favorecer unha dinámica positiva do grupo.

* Combinación de distintos ritmos e manexo de diversos obxectos na realización de actividades expresivas.

* Realización de danzas sinxelas de carácter recreativo e popular.

* Disposición favorable á desinhibición nas actividades de expresión corporal.

Bloque 4. Actividades no medio natural.

* As actividades físico-deportivas no medio natural: terra, aire e auga. Realización de habilidades adaptadas ao tipo de actividade recreativa proposta: rubir, transportar, remar, montar en bicicleta...

* Adquisición de técnicas básicas no medio natural: iniciación á cabullería básica e montaxe de tendas de campaña. A súa aplicación en diferentes contextos.

* Realización de itinerarios de curto percorrido, preferentemente no medio natural, con recoñecemento de sinais de rastrexo.

* Adquisición de nocións básicas sobre seguridade, coñecemento de materiais e vestimenta necesaria.

* Desfrute con construcións de madeira e/ou corda e con outras actividades de recreación propias do medio natural.

* Aceptación e respecto das normas para a conservación do medio urbano e natural.

Criterios de avaliación.

1. Recompilar actividades, xogos, estiramentos e exercicios de mobilidade articular apropiados para o quecemento e realizados na clase.

O criterio pretende comprobar que o alumnado, logo de realizar na clase xogos e exercicios diversos para quentar, propostos polo profesorado, recolle en soporte escrito ou dixital exercicios que poden ser utilizados no quecemento de calquera actividade física.

2. Identificar os hábitos hixiénicos e posturais saudables relacionados coa actividade física e coa vida cotiá.

Preténdese analizar se o alumnado, durante a práctica da actividade física, identifica e leva a cabo determinados hábitos, por exemplo usar a indumentaria axeitada, hidratarse durante a actividade ou atender á súa hixiene persoal logo das sesións. O alumnado, igualmente, deberá recoñecer as posturas adecuadas nas actividades físicas que se realicen e en accións da vida cotiá como sentar, levantar cargas ou transportar mochilas.

3. Incrementar as capacidades físicas relacionadas coa saúde, traballadas durante o curso, con respecto ao seu nivel inicial.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado se esforza para mellorar os niveis das capacidades físicas principalmente relacionadas coa saúde. Para a avaliación deberase ter en conta, sobre todo, a mellora respecto dos seus propios niveis iniciais nas capacidades de resistencia aeróbica, forza, resistencia e flexibilidade, e non só o resultado obtido.

4. Mellorar a execución dos aspectos técnicos fundamentais dun deporte individual, aceptando o nivel alcanzado.

Mediante este criterio preténdese comprobar a progresión das capacidades coordinativas nas habilidades específicas dun deporte individual. Ademais, observarase se o alumnado fai unha autoavaliación axustada do seu nivel de execución, e se é capaz de resolver con eficacia os problemas motores suscitados.

5. Realizar a acción motriz oportuna en función da fase de xogo que se desenvolva, ataque ou defensa, no xogo ou deporte colectivo proposto.

Búscase comprobar que o alumnado, en situacións de ataque, é quen de conservar o móbil, avanzar, e conseguir a marca, seleccionando as accións técnicas adecuadas. En situacións de defensa debe intentar recuperar a pelota, frear o avance e evitar que os opoñentes consigan a marca. Dentro deste criterio tamén se terán en conta os aspectos actitudinais relacionados co traballo en equipo e a cooperación.

6. Resolver desafíos físicos de forma cooperativa.

Preténdese valorar o grao de colaboración existente entre o alumnado á hora de resolver os desafíos físicos propostos, que deben ser resoltos de forma cooperativa. A cohesión grupal, a toma de decisións e a organización para a resolución do problema suscitado son os elementos básicos que hai que considerar.

7. Coñecer e realizar xogos e deportes tradicionais de Galicia.

Trátase de avaliar o grao de coñecemento e valoración dos xogos e deportes tradicionais practicados, así como as capacidades coordinativas nas habilidades específicas requiridas. Tamén se valorará a realización por parte do alumnado dunha autoavaliación axustada ao seu nivel de execución.

8. Elaborar unha mensaxe de forma colectiva mediante técnicas como o mimo, o xesto, a dramatización ou a danza e comunicalo ao resto de grupos.

Preténdese avaliar a capacidade de elaborar colectivamente unha mensaxe e comunicala, escollendo algunha das técnicas de expresión corporal traballadas. Analizarase a capacidade creativa, así como a adecuación e a posta en práctica da técnica expresiva escollida. Tamén se poderán avaliar todos aqueles aspectos relacionados co traballo en equipo na preparación da actividade final.

9. Seguir as indicacións dos sinais de rastrexo propias do sendeirismo nun percorrido polo centro ou as súas inmediacións, resolvendo pequenos problemas suscitados no devandito itinerario.

Búscase comprobar se o alumnado é quen de identificar o significado dos sinais necesarios para completar o percorrido e, a partir da súa lectura, seguilas para realizalo na orde establecida e o máis rápido posible. Tamén se valorará neste criterio a capacidade para resolver pequenos problemas técnicos asociados aos contidos traballados e a actitude para desenvolverse respectuosamente co contorno físico e social en que se desenvolva a actividade.

Segundo curso.

Bloque 1. Condición física e saúde.

* Obxectivos do quecemento. Quecemento xeral e específico.

* Realización de xogos e exercicios aplicados ao quecemento. Recompilación destes.

* Capacidades físicas principalmente relacionadas coa saúde: resistencia aeróbica e flexibilidade.

* Control da intensidade do esforzo: toma da frecuencia cardíaca e cálculo da zona de actividade.

* Acondicionamento físico xeral con especial incidencia na resistencia aeróbica e na flexibilidade.

* Realización de actividades e xogos para a mellora da condición física.

* Recoñecemento e valoración da relación existente entre unha boa condición física e a mellora das condicións de saúde.

* Recoñecemento e valoración da importancia da adopción dunha postura correcta en actividades cotiás.

* Realización de actividades con implementos.

* Relación entre hidratación e práctica de actividade física.

* Coñecemento das técnicas de respiración e a súa adecuación a situacións cotiás.

* Valoración de hábitos saudables como descansar axeitadamente e realizar actividade física. Toma de conciencia sobre os efectos que teñen para a saúde determinados hábitos como o consumo de tabaco, alcohol e estupefacientes.

Bloque 2. Xogos e deportes.

* Práctica de actividades e xogos para a aprendizaxe dos deportes individuais.

* Realización de xestos técnicos básicos e identificación de elementos regulamentarios dun deporte individual diferente ao realizado no curso anterior.

* Os deportes de competición entre dúas persoas como fenómeno social e cultural.

* Realización de xogos e actividades con elementos técnicos, tácticos e regulamentarios dos deportes de competición entre dúas persoas.

* Realización de tarefas xogadas e de actividades cooperativas. Novos desafíos físicos cooperativos.

* Respecto e aceptación das normas dos deportes de competición entre dúas persoas e das establecidas polo grupo.

* Coñecemento e realización de xogos e deportes tradicionais de Galicia.

* Práctica dos fundamentos técnicos, tácticos e regulamentarios dun deporte colectivo.

* Autocontrol ante as situacións de contacto físico que se dan nos xogos e no deporte.

* Cooperación nas funcións atribuídas dentro dun labor de equipo para a consecución de obxectivos comúns.

* Tolerancia e deportividade por riba da procura desmedida dos resultados.

Bloque 3. Expresión corporal.

* A linguaxe corporal e a comunicación non verbal.

* Os xestos e as posturas. Experimentación de actividades encamiñadas ao dominio, ao control corporal e á comunicación coas outras persoas.

* Control da respiración e da relaxación nas actividades expresivas.

* Realización de improvisacións colectivas e individuais como medio de comunicación espontánea.

* Realización de danzas do mundo de carácter colectivo. Contextualización básica.

* Aceptación das diferenzas individuais e respecto ante a execución das tarefas por parte doutras persoas.

Bloque 4. Actividades no medio natural.

* O sendeirismo: descrición, tipos de carreiro, material e vestimenta necesaria.

* Realización de percorridos preferentemente no medio natural.

* As actividades físico-deportivas no medio natural: terra, aire e auga. Realización de habilidades adaptadas ao tipo de actividade recreativa proposta: nadar, esquiar, rubir, remar...

* Adquisición de técnicas básicas no medio natural: aplicación da cabullería básica en diferentes contextos.

* Respecto do ambiente e valoración deste como lugar rico en recursos para a realización de actividades recreativas. Experimentación con construcións de madeira e/ou corda e con outras actividades de recreación propias do medio natural.

* Aceptación e respecto das normas para a conservación do medio urbano e natural. Toma de conciencia dos usos adecuados en ambos os contornos.

* Procura de información previa sobre o espazo natural en que se van desenvolver propostas fóra do centro.

Criterios de avaliación.

1. Incrementar a resistencia aeróbica e a flexibilidade respecto do seu nivel inicial.

Preténdese comprobar se o alumnado se esforza en mellorar os niveis de resistencia e flexibilidade, mediante a participación activa nas sesións. Deberase ter en conta a mellora respecto do seu propio nivel inicial, e non só respecto ao resultado obtido.

2. Recoñecer a través da práctica, as actividades físicas que se desenvolven nunha franxa da frecuencia cardíaca beneficiosa para a saúde.

Preténdese comprobar se o alumnado, despois de diversas tomas da frecuencia cardíaca, é quen de analizar se diferentes actividades físicas se atopan dentro do intervalo do que se considera unha actividade aeróbica.

3. Mostrar autocontrol na aplicación da forza e na relación e na confrontación con outras persoas, ante situacións de contacto físico en xogos e actividades de loita.

Este criterio servirá para comprobar se o alumnado aplica a forza de forma proporcionada atendendo á variabilidade da situación e aplicando de forma correcta as técnicas ensinadas. Tamén se valorará a capacidade de mostrar respecto cara ás persoas opoñentes, realizando a actividade de loita dentro das normas establecidas.

4. Manifestar actitudes de cooperación, tolerancia e deportividade tanto cando se adopta o papel de participante como o de espectador ou espectadora na práctica dun deporte colectivo.

Preténdese comprobar que o alumnado participante en situacións competitivas do deporte colectivo escollido ten capacidade de implicarse e esforzarse en cumprir as responsabilidades que lle asigna o seu propio equipo. Tamén se valorará o respecto ás normas, a quen arbitre, ás compañeiras e aos compañeiros e ás persoas pertencentes ao equipo contrario, así como a aceptación do resultado. Cando actúe como espectador ou espectadora valorarase a súa capacidade de participación e motivación pola competición e o respecto ás persoas que forman os equipos, a quen arbitra e ás súas decisións.

5. Coñecer e realizar xogos e deportes tradicionais de Galicia.

Pretende avaliar o coñecemento e valoración dos xogos e deportes tradicionais practicados, así como as capacidades de coordinación nas habilidades específicas requiridas. Tamén se valorará a realización por parte do alumnado dunha autoavaliación axustada ao seu nivel de execución.

6. Resolver desafíos físicos descoñecidos previamente polo alumnado de forma cooperativa

Preténdese comprobar o nivel de colaboración existente entre o alumnado á hora de resolver os novos desafíos físicos propostos, que deben ser resoltos de forma cooperativa. A cohesión grupal, a toma de decisións e a organización para a resolución do problema suscitado son os elementos básicos que hai que considerar.

7. Crear e poñer en práctica unha secuencia harmónica de movementos corporais a partir dun ritmo escollido.

Este criterio pretende comprobar se o alumnado, despois de escoller un ritmo e seleccionar unha secuencia de movementos para desenvolvelos harmonicamente, é quen de adecuar un á outra, así como a capacidade creativa e a desinhibición persoal na preparación e execución da actividade. Tamén se valorará a realización cooperativa das danzas do mundo traballadas na aula.

8. Realizar de forma autónoma un percorrido de carreiro cumprindo normas de seguridade básicas e resolvendo pequenos problemas suscitados no devandito itinerario, á vez que amosa unha actitude de respecto cara á conservación do contorno en que se leva a cabo a actividade.

Preténdese comprobar se o alumnado é capaz de realizar o percorrido de forma autónoma cumprindo unhas normas de seguridade básicas, como levar unha indumentaria adecuada, seguir o carreiro e contar con todo o material necesario para completar o percorrido. Neste criterio tamén se valorará a capacidade para resolver pequenos problemas técnicos asociados aos contidos traballados como o uso de recipientes onde depositar os residuos producidos durante a marcha, as aplicacións da cabullería básica ou como evolucionar por terreos sen prexudicar a flora e a fauna do contorno.

9. Buscar información en diferentes medios e fontes sobre as saídas que se van realizar ao medio.

Preténdese valorar a capacidade do alumnado para obter a información necesaria ante unha saída ao medio natural así como a selección das diferentes informacións obtidas.

Terceiro curso.

Bloque 1. Condición física e saúde.

* O quecemento. Efectos. Pautas para a súa elaboración.

* Elaboración e posta en práctica de quecementos, logo da análise da actividade física que se vai realizar.

* Vinculación das capacidades físicas principalmente relacionadas coa saúde, cos aparellos e sistemas do corpo humano.

* Acondicionamento das capacidades relacionadas coa saúde: resistencia aeróbica, flexibilidade e forza resistencia xeral, mediante a posta en práctica de sistemas e métodos de adestramento.

* Recoñecemento do efecto positivo que a práctica de actividade física produce no organismo.

* Adopción de posturas correctas nas actividades físicas e deportivas realizadas.

* Control da intensidade do esforzo: coñecemento da frecuencia cardíaca máxima e de repouso. Tempo de recuperación.

* Alimentación e actividade física: equilibrio entre a inxesta e o gasto calórico.

* Valoración da alimentación como factor decisivo na saúde persoal.

* Execución de métodos de relaxación como medio para liberar tensións.

Bloque 2. Xogos e deportes.

* As fases do xogo nos deportes colectivos: organización do ataque e da defensa.

* Práctica dos fundamentos técnicos, tácticos e regulamentarios dun deporte colectivo diferente ao realizado no curso anterior.

* Participación activa nas actividades e xogos e no deporte colectivo escollido.

* Práctica de actividades e xogos para a progresión nun deporte individual.

* Coñecemento e realización de xogos e deportes tradicionais de Galicia.

* Tolerancia e deportividade na práctica deportiva e na consecución de resultados.

* Asunción da responsabilidade individual nunha actividade colectiva, como condición indispensable para a consecución dun obxectivo común.

Bloque 3. Expresión corporal.

* Bailes e danzas: realización de danzas colectivas, históricas e do mundo. Aspectos culturais en relación á expresión corporal.

* Realización de movementos corporais globais e segmentarios cunha base rítmica, combinando as variables de espazo, tempo e intensidade, destacando o seu valor expresivo.

* Execución de ritmos con práctica individual, por parellas ou colectiva.

* Predisposición para realizar os bailes e danzas con calquera compañeiro e compañeira.

* Disposición favorable á desinhibición na exteriorización de sentimentos e emocións.

Bloque 4. Actividades no medio natural.

* As actividades físico-deportivas no medio natural: terra, aire e auga. Realización de habilidades adaptadas ao tipo de actividade recreativa proposta: rapelar, esquiar, rubir, remar...

* Normas de seguridade para a realización de percorridos de orientación no medio urbano e natural.

* Realización de percorridos de orientación, a partir do uso de elementos básicos de orientación natural e da utilización de mapas.

* Recoñecemento das actividades na natureza como actividades para a mellora da condición física e a recreación.

* Aplicación da cabullería a construcións e montaxes básicas características das actividades no medio natural.

* Aceptación das normas de seguridade e protección na realización de actividades de orientación e no paso de construcións e montaxes de madeira e/ou corda, propias do medio natural.

Criterios de avaliación.

1. Relacionar as actividades físicas cos efectos que producen nos diferentes aparellos e sistemas do corpo humano, especialmente con aqueles que son máis relevantes para a saúde.

Preténdese saber se o alumnado coñece a incidencia no seu corpo da práctica de exercicio físico, así como as adaptacións que esta produce. Farase fincapé naqueles aparellos e sistemas máis directamente relacionados coa saúde, é dicir, basicamente no aparello cardiovascular e no aparello locomotor. Así mesmo, deberá mostrar a repercusión que os devanditos cambios teñen na calidade de vida e na autonomía das persoas no curso da súa vida.

2. Incrementar os niveis de resistencia aeróbica, flexibilidade e forza resistencia a partir do nivel inicial, participando na selección das actividades e exercicios en función dos métodos de adestramento propios de cada capacidade.

Este criterio pretende comprobar se o alumnado coñece actividades e exercicios que deberá combinar para, a partir dos métodos de adestramento establecidos polo profesorado, incrementar o nivel das capacidades físicas citadas, de acordo coas súas capacidades e baseado no esforzo diario.

3. Realizar exercicios de acondicionamento físico atendendo a criterios de hixiene postural como estratexia para a prevención de lesións.

Este criterio avalía a capacidade de executar correctamente exercicios, sobre todo de forza muscular e de flexibilidade, recoñecendo que, realizados incorrectamente, poden resultar potencialmente perigosos para a súa saúde. Ademais, o alumnado deberá aplicar as pautas de movemento facilitadas para transferilas ás posicións corporais das actividades cotiás.

4. Recoñecer, a partir da medición da frecuencia cardíaca, a intensidade do traballo realizado.

En relación aos conceptos, busca avaliar se o alumnado calcula a súa zona de traballo óptima a partir dun cálculo porcentual da súa frecuencia cardíaca máxima teórica. Preténdese saber se o alumnado é capaz de regular o traballo realizado.

5. Reflexionar sobre a importancia que ten para a saúde unha alimentación equilibrada a partir do cálculo da inxesta e o gasto calórico, de acordo coas racións de cada grupo de alimentos e das actividades diarias realizadas.

Preténdese comprobar se o alumnado é quen de reflexionar sobre a importancia de manter un equilibrio diario entre a inxesta e o gasto calórico. Así mesmo, deberá ser consciente dos riscos para a saúde e as enfermidades que derivan dos desequilibrios que se poidan producir cunha actuación incorrecta, que segue, a miúdo, ditames da moda.

6. Resolver situacións de xogo reducido dun ou varios deportes colectivos, aplicando os coñecementos técnicos, tácticos e regulamentarios adquiridos.

Preténdese valorar prioritariamente a capacidade do alumnado na toma de decisións necesarias para a resolución de situacións de xogo reducido e na execución técnica das habilidades que se desenvolven. As situacións escollidas serán aplicables á maioría dos deportes colectivos traballados, fomentarán a participación do alumnado e simplificarán os mecanismos de decisión.

7. Progresar no desenvolvemento dos aspectos técnicos do deporte individual traballado.

Mediante este criterio preténdese comprobar a progresión das habilidades específicas dun deporte individual. Ademais, observarase se o alumnado fai unha autoavaliación axustada do seu nivel de execución, e se é capaz de resolver con eficacia os problemas motores suscitados

8. Coñecer e realizar xogos e deportes tradicionais de Galicia.

Búscase avaliar o coñecemento e a valoración dos xogos e deportes tradicionais practicados, así como as capacidades coordinativas nas habilidades específicas requiridas. Tamén se valorará a realización por parte do alumnado dunha autoavaliación axustada ao seu nivel de execución.

9. Realizar bailes por parellas ou en grupo, indistintamente con calquera membro del, amosando respecto e desinhibición.

Búscase comprobar se o alumnado é quen de interaccionar directamente cos seus compañeiros e compañeiras, respectándose e adaptándose a cada quen. Na proposta de bailes, suscitaranse actividades onde a distancia e o contacto directo entre os integrantes sexa variable, de menor a maior proximidade entre participantes, e serán seleccionadas en función das características do grupo.

10. Completar unha actividade de orientación, preferentemente no medio natural, coa axuda dun mapa, resolvendo pequenos problemas suscitados no devandito itinerario, coñecendo e aplicando as normas de seguridade propias das actividades na natureza e amosando unha actitude de respecto cara ao medio.

Preténdese comprobar a capacidade do alumnado para completar unha actividade na cal se deberá orientar coa axuda dun mapa e/ou outros métodos de orientación. Neste criterio tamén se valorará a capacidade para resolver pequenos problemas técnicos asociados aos contidos traballados, como o atender as medidas de seguridade en relación coa roupa e calzado axeitado, a hidratación, o uso de mapas, etc. Cada centro elixirá o espazo para realizar a actividade en función das súas instalacións e o seu contorno, priorizando o feito de levar a cabo esta actividade nun contorno natural.

Cuarto curso.

Bloque 1. Condición física e saúde.

* Realización e práctica de quecementos autónomos, logo de análise da actividade física que se vai a realizar.

* O quecemento como medio de prevención de lesións.

* Sistemas e métodos de adestramento das capacidades físicas relacionadas coa saúde: resistencia aeróbica, flexibilidade e forza resistencia.

* Efectos do traballo de resistencia aeróbica, de flexibilidade e de forza resistencia sobre o estado de saúde: efectos beneficiosos, riscos e prevención.

* Aplicación dos métodos de adestramento da resistencia aeróbica, da flexibilidade e de forza resistencia.

* Elaboración e posta en práctica dun plano de traballo dunha das capacidades físicas relacionadas coa saúde.

* Toma de conciencia da propia condición física e predisposición a mellorala.

* Relaxación e respiración. Aplicación de técnicas e métodos de relaxación de forma autónoma.

* Valoración dos métodos de relaxación para aliviar tensións da vida cotiá.

* Valoración dos efectos negativos que determinados hábitos (fumar, beber, sedentarismo, consumir estupefacientes...) teñen sobre a condición física e sobre a saúde e adopción dunha actitude de rexeitamento ante estes.

* Primeiras actuacións ante as lesións máis comúns que poden manifestarse na práctica deportiva. Protocolos básicos de primeiros auxilios.

Bloque 2. Xogos e deportes.

* Realización de xogos e deportes individuais, de competición entre dúas persoas e colectivos de lecer e recreación.

* Práctica dos fundamentos técnicos, tácticos e regulamentarios dos deportes.

* Coñecemento e práctica de xogos e deportes tradicionais de Galicia e da propia zona, así como do seu regulamento. Procura de información sobre variacións locais.

* Planificación e organización de campionatos nos cales se utilicen sistemas de puntuación que potencien as actitudes, os valores e o respecto das normas.

* Valoración dos xogos e deportes como actividades físicas de lecer e tempo libre.

* Aceptación das normas sociais e democráticas que rexen nun traballo en equipo.

Bloque 3. Expresión corporal.

* Adquisición de directrices para o deseño de composicións coreográficas.

* Creación de composicións coreográficas colectivas con apoio dunha estrutura musical incluíndo os diferentes elementos: espazo, tempo e intensidade.

* Participación e achega ao traballo en grupo nas actividades rítmicas.

* Disposición favorable á desinhibición na presentación individual ou colectiva de exposicións orais e rítmicas en público.

Bloque 4. Actividades no medio natural.

* Relación entre a actividade física, a saúde e o medio natural.

* Participación na organización de actividades no medio natural de baixo impacto ambiental, no medio terrestre ou acuático. Procura e procesamento da información. Presentación de proxectos a compañeiras e compañeiros.

* Habilidades de manipulación dos elementos naturais (refuxio, vivac...).

* Realización de actividades especializadas e de carácter recreativo, preferentemente desenvolvidas no medio natural (escalada, rapel, paso de travesías, carreiras de orientación...).

* Realización de actividades especializadas e de carácter recreativo, desenvolvidas no medio natural (remo, vela, traíñas, montañismo...).

* Toma de conciencia do impacto que teñen algunhas actividades físico-deportivas no medio natural.

Criterios de avaliación.

1. Planificar e poñer en práctica quecementos autónomos respectando pautas básicas para a súa elaboración e atendendo as características da actividade física que se realizará.

Trátase de comprobar se o alumnado adquiriu unha relativa autonomía na planificación e posta en práctica de quecementos axeitados ás pautas e características requiridas para que sexan eficaces. Observarase tamén que sexan adecuados á actividade física que se realizará.

2. Analizar os efectos beneficiosos e de prevención que o traballo regular de resistencia aerobia, de flexibilidade e de forza resistencia supoñen para o estado de saúde.

Con este criterio de avaliación preténdese saber se o alumnado coñece os efectos e as adaptacións xerais que o traballo continuado de cada capacidade física relacionada coa saúde supón para o organismo e para a mellora do estado deste. Tamén se recoñece os riscos que comporta o déficit de actividade física diaria para a saúde e a calidade de vida.

3. Deseñar e levar a cabo un plan de traballo dunha capacidade física relacionada coa saúde, incrementando o propio nivel inicial, a partir do coñecemento de sistemas e métodos de adestramento.

Trátase de comprobar se o alumnado, coa guía e as pautas do profesorado, é quen de elaborar un plan de traballo, con exercicios e actividades que, partindo do seu nivel inicial, poida permitirlle mellorar a súa capacidade física, de cara a ter e manter unha boa saúde.

4. Resolver situacións de xogo dos deportes traballados, aplicando os coñecementos técnicos, tácticos e regulamentarios adquiridos.

Pretende valorar, sen esquecer outros aspectos, a capacidade de toma de decisións necesaria para a resolución de situacións de xogo.

5. Coñecer e realizar xogos e deportes tradicionais de Galicia, propios do contorno do centro.

Pretende comprobar o grao de coñecemento regulamentario e a valoración dos xogos e deportes tradicionais practicados, así como as capacidades coordinativas nas habilidades específicas requiridas e a información sobre variantes locais dos xogos seleccionados.

6. Resolver supostos prácticos sobre as lesións que se poden producir na vida cotiá, na práctica de actividade física e no deporte, aplicando unhas primeiras atencións e protocolos básicos de actuación.

Búscase comprobar se o alumnado é quen de demostrar que ten un coñecemento teórico-práctico básico das actuacións que se deben levar a cabo ante lesións que se poidan producir no seu contorno habitual e, concretamente, na práctica de actividade física. Incidirase moi especialmente nos aspectos preventivos, no establecemento de criterios de actuación e naqueles que evitan a progresión da lesión.

7. Manifestar unha actitude crítica ante as prácticas e valoracións que se fan do deporte e do corpo a través dos diferentes medios de comunicación.

Con este criterio preténdese saber se o alumnado, a partir da análise da información que ofrecen os medios de comunicación =prensa, revistas para adolescentes, a internet, radio, TV=, é capaz de abordar temáticas vinculadas ao deporte e ao corpo vixentes na sociedade e de analizar de forma crítica temas coma a imaxe corporal, os estilos de vida na sociedade actual, os valores das diferentes vertentes do deporte ou a violencia e a competitividade.

8. Participar na organización e posta en práctica de torneos en que se practiquen deportes e actividades físicas realizadas ao longo da etapa.

Con este criterio preténdese coñecer a capacidade de colaboración na organización de situacións deportivas competitivas, ademais de participar activamente nelas. Nestes encontros, autoxestionados polo propio alumnado, valorarase en canto á organización, aspectos como a iniciativa, a previsión e a anticipación ante posibles desaxustes; en canto á práctica, aspectos como a participación activa, a colaboración cos membros dun mesmo equipo e o respecto polas normas e polas persoas opoñentes.

9. Participar de forma desinhibida e construtiva na creación e realización de actividades expresivas colectivas con soporte musical.

Con este criterio preténdese coñecer a capacidade do alumnado para participar activamente no deseño e execución de coreografías sinxelas con soporte musical en pequenos grupos, nas cales se valorará a capacidade de seguir o ritmo da música, a expresividade do corpo, a orixinalidade da coreografía, así como o seguimento do traballo de cada grupo ao longo do proceso de creación da coreografía.

10. Utilizar os tipos de respiración e as técnicas e métodos de relaxación como medio para a redución de desequilibrios e o alivio de tensións producidas na vida cotiá.

Con este criterio de avaliación preténdese saber se o alumnado é capaz de aplicar autonomamente os tipos de respiración e as técnicas e os métodos de relaxación aprendidos ao longo da etapa. Teranse en conta indicadores como a localización e control da respiración, a concentración, a disociación de sensacións de tensión - relaxación ou frío - calor e as sensacións corporais logo do seu uso.

11. Planificar unha saída ao medio natural e resolver cooperativamente problemas que se presentan nel a partir dos contidos traballados.

Búscase coñecer a capacidade do alumnado para, de forma cooperativa, planificar unha saída ao medio natural, así como aplicar os coñecementos adquiridos á resolución de problemas que habitualmente se suscitan no medio natural: rapelar, facer unha travesía, unha ponte mono, vivaquear, construír un refuxio, etc. e que deben ser contextualizados dentro do campo recreacional. Cada centro elixirá o espazo para realizar a actividade en función das súas instalacións e o seu contorno, realizando a devandita actividade, preferentemente, no espazo natural.

Latín. Cuarto curso.

Introdución.

A materia de latín, presente no currículo de cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, supón un achegamento específico á lingua e á cultura de Roma e, consecuentemente, ao mundo antigo. O seu estudo ofrécese a partir de contidos lingüísticos e culturais, complementarios entre si e unidos polo seu carácter de achegas substanciais do que se coñece como herdanza clásica.

Todas as linguas da Europa occidental incrementaron os seus recursos expresivos, en todas as épocas, mesmo na actualidade, coa adopción de palabras de orixe latina. Esa calidade de achega e continuidade na sociedade actual debe guiar a súa presentación e dar sentido ao seu estudo.

A adquisición de capacidades básicas e o logro dos obxectivos da etapa deberán estar no horizonte dos dous obxectivos primordiais que persegue esta materia: iniciar un estudo básico da lingua que é nexo e está na orixe do amplo grupo das linguas romances e coñecer os aspectos máis relevantes da sociedade e da cultura romanas para poder relacionalos cos do mundo actual. O primeiro obxectivo axuda a mellorar o coñecemento e uso das propias linguas como instrumento primordial de aprendizaxe e comunicación; o segundo achega unha interpretación máis ponderada da sociedade actual.

A lingua latina é unha das máis importante achegas do mundo clásico á civilización occidental, polo que é razoable que os contidos propiamente lingüísticos ocupen un espazo moi considerable e substancial da materia. Por evolución ou por influencia léxica o latín está presente nas linguas que utilizamos ou nas que son obxecto de aprendizaxe para as alumnas e os alumnos.

O estudo do sistema da lingua latina como modelo de lingua flexiva permite, a través da comparación, unha reflexión profunda sobre os elementos formais e os mecanismos sintácticos das linguas de uso do alumnado. O coñecemento, sequera básico, do latín fai posible entender as linguas de orixe romance como o resultado concreto dunha evolución, e apreciar en que medida a súa estrutura e o seu léxico están en débeda coa lingua da que proceden. Pola súa banda, a práctica da tradución constitúe unha experiencia de investigación que utiliza a lóxica do pensamento, favorece a memoria e potencia os hábitos de disciplina no estudo, co que se razoa mellor e se aprende a aprender. Neste sentido, parece recomendable seguir un método natural en que as regras morfosintácticas se deduzan da práctica da lectura e da tradución e no cal a súa aprendizaxe sistemática constitúa unha segunda fase.

O estudo da historia e evolución da lingua latina e da formación das palabras dota o alumnado dos coñecementos necesarios para entender a evolución lingüística, determinar os procesos de cambio fonético e semántico e ilustrar os procedementos que actúan na formación do léxico, ao mesmo tempo que enriquece o seu vocabulario. O alumnado, ao falar calquera lingua románica, debe ter conciencia de estar mantendo vivos moitos séculos de civilización mediterránea co latín como nexo unificador.

Ademais, a materia aborda o coñecemento do marco xeográfico e histórico e dos aspectos máis relevantes da sociedade romana e clásica en xeral, desde a que se transmitiron modos de vida, institucións e creacións literarias, técnicas e artísticas que están na base da configuración e do progreso de Europa. Ese coñecemento supón un referente necesario no que rastrexar os antecedentes históricos da organización social ou a delimitación dos dereitos das persoas. A cultura que modelou o noso presente e impregna boa parte dos nosos canons estéticos é tamén transmisora de valores universais, que entroncan a nosa herdanza cultural coas raíces do mundo clásico. Neste sentido, a lectura de textos literarios axuda a observar como temas e tópicos da cultura grecolatina se transmitiron ata hoxe e seguen presentes nos nosos escritos.

De acordo con estes principios, os contidos da materia distribúense en catro bloques. Os tres primeiros, O sistema da lingua latina, A historia e evolución da lingua latina e A formación das palabras, poñen o acento en contidos propiamente lingüísticos e gardan unha relación coherente entre eles, contribuíndo, non só a un coñecemento do latín, senón a un uso máis preciso da propia lingua e ao adecuado entendemento da terminoloxía culta, científica e técnica. O bloque 4 Vías non lingüísticas de transmisión do mundo clásico, trata os aspectos máis relevantes da sociedade romana e pon o acento na continuidade do mundo clásico que ofrece o mundo contemporáneo, na análise comparativa dos seus correspondentes antecedentes clásicos e na valoración crítica dos aspectos de continuidade, evolución e cambio.

A distribución dos contidos nestes catro bloques implica un tratamento específico e equilibrado del e obriga a situalos nun contexto xeral en que os diversos elementos atopen unha explicación relacionada e coherente.

A funcionalidade e a utilidade dos coñecementos básicos sobre a lingua latina e a cultura clásica en diversos contextos de aprendizaxe guiará o tratamento dos contidos e a selección de obxectivos. Por esta razón, tentarase que o latín, na medida que sirva para a consecución dos obxectivos e desenvolvemento das capacidades e competencias propostos para esta etapa, asente os fundamentos para o estudo, se é o caso, das humanidades ou as ciencias sociais.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

O estudo desta materia contribúe dun xeito claro ao desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística: o coñecemento da estrutura da lingua latina posibilita unha comprensión profunda da gramática funcional das linguas europeas de orixe romance e doutras que comparten co latín o carácter flexivo, ou recibiron unha achega léxica importante da lingua latina. A interpretación dos elementos morfosintácticos e de vocabulario e a práctica da tradución e da retroversión supoñen a adquisición da habilidade para recoller e procesar a información dada e utilizala apropiadamente. O coñecemento dos procedementos para a formación das palabras e os fenómenos de evolución fonética colabora eficazmente á ampliación do vocabulario básico e potencia a habilidade para utilizar a linguaxe como instrumento de comunicación. O coñecemento das etimoloxías grecolatinas proporciona a comprensión e incorporación dun vocabulario culto e explica o vocabulario específico de termos científicos e técnicos.

O coñecemento da historia e evolución da lingua latina fomenta o ser consciente da variabilidade das linguas a través do tempo e dos diferentes ámbitos xeográficos e sociais, así como do diálogo entre as culturas; igualmente o interese e o respecto por todas as linguas, incluíndo as antigas e as minoritarias, e o rexeitamento dos estereotipos baseados en diferenzas culturais e lingüísticas.

Co coñecemento do patrimonio arqueolóxico e artístico romano no noso país e en Europa esta materia potencia o aprecio e goce da arte como produto da creación humana e como testemuño da historia, á vez que fomenta o interese pola conservación dese patrimonio. Coa achega de referencias para facer unha valoración crítica de creacións artísticas posteriores inspiradas na cultura e na mitoloxía grecolatinas, ou das mensaxes difundidas polos medios de comunicación que, en moitos casos, toman a súa base icónica do repertorio clásico. O coñecemento do mundo clásico e da súa continuidade favorece a interpretación da literatura posterior, en que perduran temas, arquetipos, mitos e tópicos, á vez que se desenvolve o interese pola lectura, a valoración do carácter estético dos textos e o amor pola literatura, contribuíndo, pois, ao logro da competencia en expresión cultural e artística.

Desde o coñecemento das institucións e o modo de vida dos romanos que é o referente histórico de organización social, a participación dos cidadáns na vida pública e delimitación dos dereitos e deberes das persoas e das colectividades, no ámbito e o contorno dunha Europa diversa, unida no pasado pola lingua latina, sitúase a contribución para lograr a competencia social e cidadá.

O coñecemento das desigualdades existentes nesa sociedade favorece unha reacción crítica ante a discriminación pola pertenza a un grupo social ou étnico determinado, ou pola diferenza de sexos. Foméntase así no alumnado unha actitude de valoración positiva da participación cidadá, da negociación e da aplicación de normas iguais para todos como instrumentos válidos na resolución de conflitos.

Coa busca, selección crítica, e tratamento da información, recorrendo a fontes variadas; coa aplicación de técnicas de síntese, coa identificación de palabras clave e coa distinción entre ideas principais e secundarias; elaboración de textos e coa presentación a través de medios informáticos, favorécese a competencia dixital, á cal se contribuirá desde todas as materias do currículo. Cómpre facer ver a necesidade dunha utilización crítica das tecnoloxías da información e a comunicación como instrumento que universaliza a información e como unha ferramenta para a comunicación do coñecemento adquirido.

O estudo do latín, propiciando a disposición e a habilidade para organizar a aprendizaxe, favorecendo as destrezas de autonomía, disciplina e reflexión, exercitando a memoria mediante a recuperación de datos e situando o proceso formativo nun contexto de rigor lóxico, favorece a competencia de aprender a aprender.

Facilita o logro da competencia de autonomía e iniciativa persoal o recurso continuado a procedementos que exixen planificar, avaliar distintas posibilidades e tomar decisións. O traballo cooperativo e a posta en común dos resultados implica valorar as achegas doutros compañeiros, aceptar posibles erros, comprender a forma de corrixilos e non renderse ante un resultado inadecuado. En definitiva, achega posibilidades de mellora e fomenta o afán de superación.

Obxectivos.

1. Comprender textos latinos en contextos onde o sentido sexa facilmente deducible.

2. Identificar e relacionar elementos morfolóxicos, sintácticos e léxicos da lingua latina que permitan a análise e a tradución de textos sinxelos.

3. Desenvolver os hábitos de organización, traballo e disciplina no estudo a partir dos mecanismos de estruturación mental que implica o proceso de análise e tradución de textos latinos.

4. Mellorar a lectura comprensiva e a expresión oral e escrita mediante o coñecemento do vocabulario e as estruturas gramaticais latinas.

5. Coñecer a orixe e evolución das linguas romances para valorar os trazos comúns e a diversidade lingüística como mostra da riqueza cultural dos pobos de Europa.

6. Utilizar as regras fundamentais de evolución fonética do latín ás linguas romances e identificar palabras patrimoniais, cultismos e expresións latinas en diferentes contextos lingüísticos.

7. Entender o significado do léxico común de orixe grecolatina da propia lingua e comprender vocabulario culto, científico e técnico a partir dos seus compoñentes etimolóxicos.

8. Reflexionar sobre os elementos formais e as estruturas lingüísticas das linguas romances coñecidas polo alumno, a través da comparación co latín, modelo de lingua flexiva.

9. Coñecer os aspectos relevantes da cultura e da civilización romanas, utilizando diversas fontes de información e diferentes soportes, para identificar e valorar a súa continuidade no noso patrimonio cultural, artístico e institucional.

10. Coñecer os xéneros literarios latinos máis importantes.

Contidos.

Bloque 1. O sistema da lingua latina.

* Abecedario e a pronunciación clásica e posclásica do latín. A regra da penúltima sílaba. Diferenza entre vocais breves e longas.

* Lectura e interpretación de textos en latín de dificultade progresiva creados nunha variedade de contextos e situacións en que as palabras e as estruturas teñan sentido, de tal xeito que todo se deduza, sen ambigüidade, do contexto en que aparezan.

* O latín como lingua flexiva. Os casos e os seus principais valores sintácticos. Recoñecemento das diferenzas e similitudes básicas entre a estrutura da lingua latina e a das linguas romances utilizadas polo alumno.

* Clases de palabras. A flexión nominal, pronominal e verbal. Recoñecemento das categorías gramaticais da flexión latina e comparación cos elementos flexivos das linguas actuais.

* As estruturas oracionais básicas. A concordancia e a orde flexible de palabras. Nexos coordinantes máis frecuentes.

* Valoración da lingua latina como principal vía de transmisión e continuidade do mundo clásico e instrumento privilexiado para unha comprensión profunda do sistema das linguas romances.

Bloque 2. A historia e evolución da lingua latina.

* A orixe e a evolución do latín. Clasificación das linguas indoeuropeas.

* Latín culto e latín vulgar: lingua de cultura e lingua de comunicación. O proceso de redución morfolóxica e sintáctica no latín vulgar. A formación das linguas romances. Análise dos procesos de evolución das linguas romances.

* A evolución fonética. Termos patrimoniais, semicultismos e cultismos. Explicación dos cambios fonéticos máis frecuentes. Relación semántica entre palabras dunha mesma raíz latina e evolución fonética diferente.

* A achega léxica do latín ás linguas modernas non derivadas del.

Bloque 3. A formación das palabras.

* Compoñentes grecolatinos nas linguas romances. Identificación de lexemas, sufixos e prefixos grecolatinos usados na propia lingua: préstamos, derivación, composición e analoxía como mecanismos de enriquecemento do vocabulario.

* Definición de palabras a partir dos seus étimos.

* O vocabulario da ciencia e da técnica. Os étimos gregos e latinos nas terminoloxías específicas.

* Latinismos e locucións latinas. Recoñecemento das expresións latinas incorporadas á lingua falada e escrita.

* O significado etimolóxico das palabras como guía para a adecuada utilización do vocabulario.

Bloque 4. Vías non lingüísticas de transmisión do mundo clásico.

* O marco xeográfico e histórico da sociedade romana. Gallaecia e o resto da Hispania. As vías romanas de Hispania e as grandes vías modernas: medio de difusión dunha civilización uniforme, de unidade política e económica e de relación humana. Uso de fontes primarias e secundarias para coñecer o pasado.

* As institucións e a vida cotiá. Ocio e negocio. Relación entre o relixioso e o festivo. Interpretación dos seus referentes desde a nosa perspectiva sociocultural. Comparación e análise crítica das estruturas sociais e familiares.

* As pegadas materiais da romanización: o foro e a arquitectura do ocio en relación coa concepción do urbanismo posterior, a importancia do arco e a bóveda na arquitectura posterior. Valoración da conxunción da magnificencia e o xenio práctico. Emprego dos medios audiovisuais e das TIC para coñecer o patrimonio artístico e arqueolóxico. Observación directa.

* Os temas e argumentos mitolóxicos na literatura e nas artes plásticas e visuais. Recoñecemento de elementos da mitoloxía clásica en manifestacións culturais de todo tipo e interpretación do seu significado.

* O papel de Roma na historia de Occidente, o patrimonio arqueolóxico, artístico e literario. Coñecemento especial do herdado en Galicia.

* Valoración da importancia da lectura de textos da literatura latina de diversidade temática.

Criterios de avaliación.

1. Identificar en textos traducidos de autores clásicos e modernos, despois de resumilos, aspectos históricos ou culturais.

Este criterio pretende verificar a capacidade de comprender o contido dun texto, identificar acontecementos, personaxes e aspectos da civilización romana, e relacionar os datos do texto con referentes actuais.

2. Distinguir nas diversas manifestacións literarias e artísticas de todos os tempos a mitoloxía clásica como fonte de inspiración e recoñecer no patrimonio arqueolóxico as pegadas da romanización.

Este criterio trata de comprobar se se identifican os principais elementos da mitoloxía clásica e o patrimonio arqueolóxico romano en diversos contextos expresivos, textos literarios e iconografía de calquera tipo, se se comprende o seu significado específico e se se advirte o seu valor como fonte de inspiración.

3. Aplicar as regras básicas de evolución fonética a étimos latinos que dean orixe a termos romances do vocabulario habitual e establecer a relación semántica entre un termo patrimonial e un cultismo.

Con este criterio preténdese avaliar a capacidade para utilizar os mecanismos de evolución fonética e analizar as diferenzas de significado entre palabras dunha mesma orixe.

4. Identificar compoñentes de orixe grecolatina en palabras da linguaxe cotiá e no vocabulario específico das ciencias e da técnica, e explicar o seu sentido etimolóxico.

Este criterio trata de comprobar a capacidade de recoñecer os formantes gregos e latinos en diferentes contextos lingüísticos e producir definicións etimolóxicas de termos cotiáns, científicos e técnicos.

5. Recoñecer latinismos e locucións usuais de orixe latina incorporadas ás linguas coñecidas polo alumno e explicar o seu significado en expresións orais e escritas.

Este criterio pretende verificar se o alumnado identifica e comprende as expresións latinas integradas nas linguas modernas e se é capaz de utilizalas de xeito coherente.

6. Recoñecer os elementos morfolóxicos e as estruturas sintácticas elementais da lingua latina e comparalos cos da propia lingua.

Con este criterio trátase de constatar a compresión do funcionamento básico da lingua latina e a capacidade de establecer analoxías e diferenzas con elementos e estruturas da súa propia lingua.

7. Traducir textos breves e sinxelos e producir, mediante retroversión, oracións simples utilizando as estruturas propias da lingua latina.

Este criterio intenta comprobar se as alumnas e os alumnos asimilaron as estruturas morfolóxicas e sintácticas elementais da lingua latina e se son capaces de recoñecelas para realizaren traducións directas ou inversas de textos elaborados de escasa dificultade.

8. Manexar recursos que lle permitan ao alumnado elaborar, guiado polo profesorado, un traballo temático sinxelo sobre calquera aspecto da produción artística e técnica, a historia, as institucións, ou a vida cotiá en Roma.

Este criterio quere comprobar se o alumnado é quen de buscar información en fontes e formatos diversos, seleccionala, organizala e, despois da elaboración dun texto, expresala con orde, coherencia e cohesión.

Historia e cultura das relixións.

Introdución.

O fenómeno relixioso foi e segue a ser unha das dimensións persoais máis interiorizadas, á vez que un dos elementos fundamentais na configuración dos grupos humanos e das sociedades no mundo de hoxe. A maiores das súas crenzas, preceptos e símbolos, as relixións adquiren unha importante dimensión cultural pola súa influencia no mundo do pensamento e da arte, polas raíces relixiosas de moitas estruturas, costumes e usos sociais actuais, así como por inspirar códigos de conduta individual e colectiva. No caso de Galicia, as raíces, influencias e inspiracións do feito relixioso, especialmente da relixión cristiá, son ben evidentes.

No mundo actual asistimos a un pluralismo que se manifesta nunha gran variedade de crenzas relixiosas e non relixiosas. Simultaneamente, dáse unha progresiva secularización da sociedade que está a propiciar cambios no papel e importancia das distintas relixións. Todo este dinamismo afecta profundamente a vida das persoas, as relacións entre elas e os diversos grupos socioculturais.

A materia de historia e cultura das relixións concibe o estudo das crenzas e prácticas relixiosas como un elemento da civilización. A súa análise tenta acercar o alumnado ao coñecemento das principais relixións e das súas manifestacións en relación con outras realidades sociais e culturais, así como á comprensión da influencia da relixión no pensamento, na vida social e política das distintas civilizacións e culturas ao longo do tempo.

Este coñecemento das relixións enmarca a expresión relixiosa na súa realidade histórica concreta, coas súas proxeccións positivas e negativas, tanto na configuración das sociedades en que xorden e se desenvolven como nas relacións entre os pobos.

A materia fai un estudo das relixións cun enfoque non confesional, nin de vivencia relixiosa; tampouco desde unha defensa de posturas agnósticas ou ateas. Pretende mostrar ao alumnado o pluralismo ideolóxico e relixioso existente no mundo en que viven, desde o coñecemento dos trazos relevantes das principais relixións e a súa presenza nas sociedades actuais, á vez que dá importancia á liberdade das conciencias e á liberdade relixiosa como elementos esenciais dun sistema de convivencia. Así mesmo, busca desenvolver actitudes de tolerancia cara ás persoas con crenzas ou sen elas, no respecto aos dereitos recoñecidos na Declaración universal dos dereitos humanos, no marco da Constitución española e do Estatuto de autonomía da nosa comunidade galega.

Contribución ao desenvolvemento das competencias básicas.

En relación coa historia e cultura das relixións, o alumnado terá que entrar no debate e no diálogo para comunicar os seus pensamentos, emocións, vivencias e opinións, formarse un xuízo crítico e un comportamento ético, estruturar o coñecemento, dar coherencia e cohesión ao seu discurso e ás propias accións e tarefas, adoptar decisións e desfrutar escoitando, lendo, falando e escribindo.

Comunicarse e conversar supoñen habilidades para establecer relacións construtivas coas demais persoas e co contorno, e acercarse a novas culturas, que adquiren consideración e respecto na medida en que se coñecen. Exercitar a competencia en comunicación lingüística implica tomar conciencia das convencións sociais, dos valores e aspectos culturais; desenvolve, igualmente, a capacidade empática de poñerse no lugar doutras persoas, de ter en conta opinións distintas á propia con sensibilidade e espírito crítico.

O estudo da historia e cultura das relixións axudará a coñecer os espazos xeográficos en que se desenvolveron e manifestaron as diversas tradicións e contribuirá a enriquecer o coñecemento da nosa terra, contribuíndo así ao desenvolvemento da competencia do coñecemento e interacción co mundo físico.

O coñecemento da historia e cultura das relixións débese completar acudindo ás novas tecnoloxías, especialmente á internet. Esta inclusión favorecerá, non só o seu estudo e o aumento de información, senón tamén, o desenvolvemento da competencia dixital.

O estudo da historia e cultura das relixións favorece a comprensión da realidade histórica e social do mundo, a súa evolución, cos seus problemas, logros e deficiencias. Comporta recorrer á análise multicausal e sistémica para xulgar os feitos e problemas sociais e históricos e para reflexionar sobre eles de forma global e crítica, así como realizar razoamentos sobre situacións, e dialogar para mellorar colectivamente a comprensión da realidade.

O estudo desta materia axuda tamén a entender os trazos das sociedades actuais, a súa crecente pluralidade e o seu carácter evolutivo, ademais de facilitar a comprensión das contribucións das diferentes culturas relixiosas ao progreso da humanidade, e dispor dun sentimento común de pertenza á sociedade en que se vive. Todo isto forma parte da competencia social e cidadá. Da mesma maneira, a historia e cultura das relixións promove a adquisición das habilidades sociais que permiten saber que os conflitos de valores, crenzas e intereses forman parte das relacións humanas e que debemos resolvelos con actitude construtiva e convivencial, mediante a reflexión crítica e o diálogo, no marco dos patróns culturais básicos de cada rexión, país ou comunidade. Estes marcos culturais deben compatibilizarse co respecto aos principios e valores universais, como os expresados na Declaración universal dos dereitos humanos, nos Dereitos da infancia, Constitución española e Estatuto de autonomía de Galicia e noutras lexislacións complementarias. Isto supón entender e interiorizar que non toda posición relixiosa é ética, se non está baseada no devandito respecto.

O estudo da historia e cultura das relixións leva consigo coñecer, comprender e valorar criticamente as diferentes manifestacións culturais e artísticas de carácter relixioso, utilizalas como fonte de enriquecemento e gozo e consideralas como parte do patrimonio dos pobos.

Esta dimensión artística do feito relixioso que se mostra a través da arquitectura e das artes plásticas, da música, da literatura, das artes escénicas e das diferentes formas que adquiren as chamadas artes populares, contribúen ao desenvolvemento da competencia cultural e artística.

Aprender a aprender supón dispoñer de habilidades para iniciarse na aprendizaxe e ser quen de continuar aprendendo de maneira cada vez máis eficaz e autónoma de acordo cos propios obxectivos e necesidades.

A didáctica da historia e cultura das relixións promove distintas estratexias e técnicas: de estudo e información, de observación e rexistro de feitos e relacións, de traballo cooperativo, de resolución pacífica dos conflitos, de aceptación de erros, de aprender de e coas demais persoas. Implica, así mesmo, a curiosidade de formular preguntas, identificar e manexar a diversidade de respostas diante de situacións e problemas que teñen que ver co feito relixioso.

A competencia de autonomía e iniciativa personal vai referida á adquisición dun conxunto de valores e actitudes persoais, como a iniciativa e perseverancia, o coñecemento de si mesmo e a autoestima, a autocrítica, o control emocional, a creatividade, a capacidade de afrontar problemas e optar con criterio propio e responsabilizarse das propias opcións.

Na medida en que a autonomía e iniciativa persoal involucran outras persoas, esta competencia obriga a dispoñer de habilidades prosociais para relacionarse, cooperar e traballar en equipo, etc.

Obxectivos.

O ensino da historia e cultura das relixións nesta etapa terá como finalidade o desenvolvemento das capacidades que habiliten o alumnado para alcanzar os seguintes obxectivos:

1. Coñecer o feito relixioso nas súas diferentes manifestacións e identificar os trazos básicos das principais relixións como forma de axudar a comprender a pluralidade relixiosa existente na sociedade actual.

2. Comprender o nacemento e desenvolvemento das relixións no contexto político, social e cultural en que xurdiron e relacionalas coa traxectoria dos pobos nas diferentes facetas da súa realidade histórica.

3. Valorar as manifestacións culturais e artísticas e as tradicións relixiosas como parte do patrimonio cultural dos pobos, asumindo a responsabilidade da súa conservación e apreciándoas como recurso para o enriquecemento persoal.

4. Localizar e identificar, en España e en Galicia, as ricas contribucións das tradicións relixiosas á vida dos pobos e a través de monumentos, artes plásticas e literarias.

5. Identificar as contribucións morais de determinadas relixións e valorar a súa influencia nas relacións humanas.

6. Concretar e analizar as causas dos enfrontamentos violentos entre as diferentes confesións relixiosas e propoñer solucións pacificadoras a estes conflitos.

7. Destacar as principais iniciativas a prol do diálogo interrelixioso para fomentar a interculturalidade no seo dos Estados pluriculturais.

8. Recoñecer o dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión, manifestando actitudes de respecto e tolerancia cara a crenzas ou non crenzas das persoas, e de rexeitamento cara a situacións de inxustiza, discriminación e fanatismo baseadas nas crenzas relixiosas.

9. Adquirir un pensamento crítico, desenvolver un criterio propio e as necesarias habilidades para defender as propias posicións, a través da argumentación documentada e razoada, así como valorar as razóns e argumentos das outras persoas.

10. Sinalar a relación entre unha educación cívica e democrática e a educación relixiosa.

Contidos.

Os contidos preséntanse agrupados en tres bloques que, con progresiva dificultade, estarán presentes nos tres primeiros cursos de educación secundaria obrigatoria.

Bloque 1. Manifestacións relixiosas a través dos tempos.

* As primeiras manifestacións relixiosas na Prehistoria: a manifestación do sagrado na natureza. As pinturas rupestres e o seu significado relixioso.Vida despois da morte.

* A relixión no Neolítico galego: megalitos e petroglifos: os cultos prerromanos en Galicia. A influencia máxico-relixiosa nos mitos e lendas.

* O politeísmo relixioso en Mesopotamia e Exipto: As claves da relixión: o máis alá. Mitos, ritos, templos e sacerdotes mediadores.

* A relixión en Grecia e Roma. Mitos, ritos e templos. A dimensión artística do politeísmo greco-romano.

* As relixións orientais: os mitos e as doutrinas morais do hinduísmo. As castas e os intocables. O hinduísmo actual. Gandhi e a a-himsa (non-violencia). Buda e o budismo. As Catro Nobles Verdades e o Camiño cara á Iluminación. Karma, samsara e nirvana. Confucio, mestre de sabedoría. Ética universal e tradición relixiosa no confucianismo. Lao Tzé e o taoísmo. O significado do Tao te king: o curso do ceo e o fluír pacífico da natureza. O taoísmo ecolóxico. O ying e o yang, opostos que se complementan. O xintoísmo e o culto familiar clánico. A divindade do poder imperial en Xapón.

* As relixións da América precolombiana. Aztecas, maias e incas: un politeísmo mítico e ritual.

Criterios de avaliación.

1. Describir algúns mitos significativos das distintas relixións, establecendo comparacións entre eles e identificando a súa posible influencia na nosa tradición cultural.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado coñece algúns mitos presentes nas diferentes relixións, por exemplo, sobre a creación do mundo e do ser humano, o diluvio, o máis alá, a orixe do ben e do mal, etc.; se é quen de identificar elementos semellantes e diferentes nesta mitoloxía e coñece algún exemplo da súa pervivencia en tradicións, festas, lendas e obras literarias.

É importante que as devanditas comprobacións teñan unha especial referencia ao contexto relixioso-cultural de Galicia.

2. Recoñecer nalgúns ritos das relixións máis antigas a relación con aspectos significativos da vida das persoas, como son o nacemento, o matrimonio ou a morte, e a pervivencia desas crenzas na tradición relixiosa-cultural dos pobos.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado coñece algúns dos ritos que aparecen nas relixións máis antigas, identifica as diferenzas entre eles e constata a pervivencia de determinadas concepcións relixiosas nas prácticas e costumes sociais actuais.

De novo a importancia de referir as devanditas comprobacións ao contexto relixioso-cultural de Galicia.

3. Situar xeograficamente as principais manifestacións máxico-relixiosas da prehistoria en pinturas, petroglifos, esculturas e monumentos megalíticos.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado sabe situar estas manifestacións nun planisferio e, máis localmente, na Península Ibérica, con especial referencia a Galicia.

4. Caracterizar os edificios sagrados das primitivas relixións politeístas e as súas creacións artísticas en xeral, recoñecéndoas como manifestacións do patrimonio cultural-relixioso.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado identifica os espazos sagrados e as creacións artísticas das primitivas relixións politeístas e se coñece a función que cada relixión lles outorga. Por outra parte, permite comprobar se estima o valor estético que teñen como manifestacións artísticas do patrimonio cultural-relixioso dos pobos.

5. Coñecer e valorar as achegas morais e a orixinalidade doutrinal das relixións orientais e a súa influencia nas sociedades actuais.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado é capaz de percibir as profundas achegas morais e a orixinalidade doutrinal do hinduísmo, budismo, taoísmo, confucianismo..., e de establecer unha comparación valorativa coas manifestacións de carácter máxico-relixioso doutras relixións politeístas antigas. Igualmente, trátase de comprobar en que medida as relixións orientais aludidas inflúen nas actitudes e comportamentos do alumnado.

Bloque 2. As relixións monoteístas.

* Xudaísmo: cando Deus fala. A Biblia xudía e o Talmud. Ritos, festas, espazos e símbolos. O mesianismo. A historia do xudaísmo: entre a diáspora e a persecución. A situación actual: xudaísmo reformado e liberal, ortodoxo/ultraortodoxo e conservador. Os xudeus en España e en Galicia.

* Mahoma e o islamismo. O Corán e a Shari´a. A ética: os Cinco Piares. Ritos, festas, espazos e símbolos. A expansión do islamismo: tolerancia e guerra santa. A diversidade do mundo islámico na actualidade: modernidade, teocracia e fundamentalismo. O islamismo en España.

* O cristianismo: Xesús, o Cristo. O Antigo e o Novo Testamento. A vida dos primeiros cristiáns e a expansión da primitiva igrexa. Ritos, festas, espazos e símbolos. Ortodoxia e heterodoxia no seo do cristianismo. O cristianismo e a colonización de América. A expansión do cristianismo en Galicia, o papel e influencia do culto xacobeo na nosa historia e cultura.

Criterios de avaliación.

1. Explicar as relacións existentes entre o xudaísmo, o cristianismo e o islamismo, poñendo de manifesto a súa tradición común e os seus trazos característicos diferenciais.

Con este criterio trátase de avaliar se o alumnado identifica os elementos comúns ás relixións monoteístas do Libro e as tradicións relixiosas que as impregnan, así como se coñece os trazos fundamentais das súas doutrinas, os seus preceptos e cultos, e se é capaz de facer explícitas as súas diferenzas.

2. Valorar a influencia das tres relixións do Libro na configuración da nosa propia historia e cultura, nas manifestacións escritas, plásticas, musicais, rituais e festivas.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado coñece, valora e sitúa as pegadas das relixións do Libro en España e Galicia, e as influencias que seguen a ter nos diversos campos socioculturais e relixiosos.

3. Describir a resposta que o xudaísmo, o cristianismo e o islamismo lle deron e dan aos problemas da modernidade social e cultural, ao desenvolvemento científico, á liberdade individual e á democracia.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado é capaz de situar ás relixións do Libro no contexto actual da modernidade ou posmodernidade e de valorar o seu posicionamento con respecto aos retos e interrogantes dos descubrimentos científicos, a súa resposta á igualdade entre homes e mulleres, á liberdade individual e á democracia e, en xeral, ás declaracións sobre dereitos humanos.

4. Coñecer a influencia da relixión cristiá en América Latina e as súas relacións coa colonización.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado coñece e valora as pegadas da relixión cristiá en América latina e se é quen de emitir un xuízo crítico sobre a connivencia entre relixión e colonización.

Bloque 3. O feito relixioso.

* A comunicación entre o relixioso e o profano: as hierofanías. Hierofanías nas relixións politeístas e na tradición relixiosa galega.

* Ningunha relixión sen símbolos. O mito como relato simbólico. O rito e as celebracións. Influencia das relixións nas manifestacións artísticas.

* Influencia da relixión nas tradicións culturais galegas. Festas, romaxes e santuarios.

* As mediacións do feito relixioso: tradicións, persoas mediadoras e ritos litúrxicos.

* A moral relixiosa e os valores éticos universais.

* Deus cuestionado. A diversidade de respostas fronte ao feito relixioso: persoas relixiosas, ateas e agnósticas.

Criterios de avaliación.

1. Explicar as relacións de comunicación entre o relixioso e o profano nas relacións máis antigas.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado entende o significado da divinización da natureza nas relixións máis antigas, a través das hierofanías, e se é quen de detectar estas manifestacións hierofánicas na cultura tradicional de Galicia.

2. Coñecer e valorar a presenza significativa dos símbolos nas diversas relixións e a influencia das relixións nas manifestacións artísticas.

Con este criterio trátase de avaliar se o alumnado coñece e valora a riqueza simbólica -mitos, ritos, celebracións...- das relixións, así como a súa influencia en todas as manifestacións artísticas -arquitectura, pintura, escultura, música, creacións literarias...-. Igualmente, se é quen de detectar e situar esta influencia nas tradicións culturais galegas.

3. Explicar e valorar a importancia das mediacións no feito relixioso.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado entende o sentido da mediación relixiosa e como se realiza a través das tradicións, das persoas e dos ritos litúrxicos.

4. Relacionar a moral propia de cada relixión e os valores éticos de carácter universal.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado sabe distinguir entre os valores morais propios de cada relixión e os valores éticos universais, e establecer relacións entre eles.

5. Coñecer as doutrinas filosóficas que cuestionan a Deus, aínda ben de maneira distinta.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado coñece e ten conciencia dos cambios habidos nas respostas fronte ao feito relixioso, especialmente a partir da Ilustración. Igualmente, se sabe explicar as diferenzas entre deístas, agnósticos e ateos.

Cuarto curso.

Contidos.

* As relixións e o poder político. Estados confesionais, teocráticos e laicos.

* Herexías e guerras de relixión no seo do cristianismo. As reformas de Lutero e Calvino.

* As relixións e o pensamento científico e filosófico. Interrelacións entre ambos os dous ámbitos. Coincidencias e diferenzas na interpretación do mundo e da sociedade.

* O espertar da relixiosidade, a secularización e o pluralismo relixioso no mundo actual.

* Fundamentalismos nas relixións de hoxe.

* Diálogo interrelixioso, intercultural e a Alianza das Civilizacións:

* As crenzas relixiosas no marco da Constitución española. A Lei orgánica de educación (LOE) e a relixión: convivencia, tolerancia e xuízo crítico.

Criterios de avaliación.

1. Explicar as relacións entre as diversas confesións relixiosas e o poder político, así como as diferenzas entre Estados confesionais, teocráticos e laicos.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado é consciente das mutuas interferencias entre as confesións relixiosas e o poder político, coas consecuencias político-relixiosas que implica, e se é quen de explicar as diferenzas entre Estados confesionais, teocráticos e laicos.

2. Coñecer e enxuizar a historia das herexías e das guerras de relixión no seo do cristianismo.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado coñece os condicionamentos políticos e os criterios de carácter doutrinal e ético que deron lugar aos movementos heréticos e ás guerras de exterminio no seo da relixión cristiá. Igualmente se o alumnado é capaz de ter un xuízo crítico sobre estes dramáticos acontecementos.

3. Coñecer e valorar as relacións entre a relixión e o pensamento científico e filosófico, así como as coincidencias e diferenzas na interpretación do mundo e da sociedade.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado coñece as relacións entre relixión, ciencia e filosofía e se é quen de diferenciar e valorar o pensamento científico e outras formas de coñecer, como a maxia, o mito e a relixión. Na mesma liña, se é capaz de distinguir os ámbitos propios da ciencia, filosofía e relixión, para superar incomprensións, intromisións e resolver os conflitos.

4. Detectar os trazos dunha nova relixiosidade, así como o pluralismo relixioso e a crecente secularización da sociedade no mundo actual.

Con este criterio preténdese saber se o alumnado é quen de recoñecer e de concretar os cambios modernos que afectan os sentimentos e prácticas relixiosas das persoas nun mundo progresivamente secularizado.

5. Definir e identificar o fundamentalismo nas relixións de hoxe.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado é capaz de definir as características esenciais do fundamentalismo relixioso e situar os principais lugares xeográficos de maior influencia. Comprobar igualmente se coñece a historia do fundamentalismo ultraconservador católico nos dous últimos séculos, con especial referencia a España, e que valoración fai del.

6. Valorar o diálogo interrelixioso como expresión de convivencia, tolerancia e xuízo crítico.

Con este criterio trátase de saber se o alumnado coñece as iniciativas que están a promover o diálogo entre as diversas relixións e que valoración fai de todo este movemento de conciliación ecuménica e de cultura de paz interrelixiosa.

7. Coñecer o lugar que ocupan as crenzas relixiosas no marco da Constitución española e o tratamento que a Lei orgánica de educación (LOE) fai do ensino da relixión nas escolas.

Con este criterio trátase de comprobar se o alumnado ten coñecemento das relacións institucionais entre un Estado non confesional, como é o caso de España, e a pluralidade de confesións relixiosas, así como o tratamento do ensino relixioso nas escolas.

Cultura clásica.

Introdución.

A materia cultura clásica supón o primeiro achegamento sistemático, e quizais o único, ao mundo grecorromano, do que poida dispor o alumnado ao longo do seu proceso formativo. Integrada no currículo da educación secundaria obrigatoria, compaxina o coñecemento e comprensión do mundo clásico cunha toma de conciencia da súa presenza no mundo actual.

O estudo do mundo grecolatino nas áreas da cultura, a literatura, as artes e as ciencias, e o recoñecemento da súa transmisión e continuidade, será de grande importancia para tomar e ter conciencia da súa identidade.

Esta materia ten un obxectivo básico: coñecer os aspectos máis relevantes das sociedades e as culturas de Grecia e Roma e descubrir desde o mundo de hoxe o fío que nos guía ata elas. A cultura grecolatina, patrimonio común e irrenunciable, é a base necesaria dunha parte moi considerable do pensamento humano occidental, e as formas creadas polo xenio de gregos e romanos constitúen o soporte e a esencia da nosa civilización.

Mediante a comparación constante entre o seu contorno e a diversidade dos clásicos grecorromanos o alumnado será quen de recoñecer en que medida o seu presente é froito, xa directo, xa interpretado por sucesivas xeracións, dun rico proceso creador que transcorre ao longo de máis de trinta séculos de historia. Pero esta achega, aínda que moi importante, non é exclusivo, polo que deberá valorar tamén aqueles elementos asimilados doutras culturas. Así mesmo, comprobará de que xeito a cultura clásica se converte na enerxía vivificadora de todo renacemento cultural, e en particular de aquel co que se inaugura a época moderna.

O coñecemento do marco xeográfico e histórico e dos aspectos máis relevantes das sociedades grega e romana, desde as que se transmitiron modos de vida, institucións ou creacións literarias, técnicas e artísticas achegará un instrumento de referencia necesario para entender a configuración e o progreso de Europa, os antecedentes históricos da organización social, e a delimitación dos dereitos das persoas.

O estudo básico dos fundamentos das linguas grega e latina, das regras elementais de evolución fonética e da formación das palabras dota o alumnado dos coñecementos necesarios para comezar a entender a evolución lingüística, determinar os procesos de cambio fonético e semántico e ilustrar os procedementos que actúan na formación do léxico.

A cultura que modelou o noso presente e fixa boa parte dos nosos canons estéticos é tamén transmisora de valores universais, que entroncan a nosa herdanza cultural coas raíces do mundo clásico.

O acercamento ás narracións míticas xunto coa lectura, aínda que fragmentaria, de textos da literatura clásica axudará a observar como temas e tópicos da cultura grecolatina se transmitiron ata hoxe e seguen vivos nos nosos escritos e mesmo nas expresións da lingua cotiá.

O seu carácter opcional fai necesario dotar ao ensino desta materia dunha gran flexibilidade para adecualo á realidade de cada centro e do seu alumnado. As directrices deste currículo han de tomarse como orientacións abertas cara ao logro dos obxectivos sinalados para a etapa.

Os contidos distribúense en tres bloques: bloque 1, Grecia e Roma como civilizacións históricas singulares. Bloque 2, As pegadas do mundo clásico. Bloque 3, Nocións básicas de lingua e literatura gregas e latinas.

Co primeiro bloque de contidos preténdese que o alumnado comprenda espacial e temporalmente os fenómenos máis relevantes da civilización grecorromana e que sexa capaz de recoñecer aspectos diversos polo que respecta á historia, á filosofía, ás ciencias, á mitoloxía, ao urbanismo, a arte e á vida cotiá, identificando trazos comúns e aqueloutros que son diversos. Haberá que recorrer ás competencias adquiridas noutras materias, especialmente ciencias sociais, para así asentar e profundar nos coñecementos adquiridos.

O segundo bloque daralle ao alumnado ferramentas para recoñecer e valorar criticamente a achega da civilización clásica á cultura que lle é propia, respectando a diversidade das identidades culturais. Implica o desenvolvemento da sensibilidade estética e a capacidade da reflexión crítica para valorar a continuidade da cultura clásica en contextos diversos, tomando conciencia da pertenza a unha cultura que comparte raíces con outras. Certos elementos da cultura clásica están na base dalgunhas das formas vixentes do pensamento e da organización política, e este feito permite establecer unha ligazón entre os contidos da materia e os de educación para a cidadanía.

O terceiro bloque tenta iniciar as alumnas e os alumnos na dimensión lingüística da civilización grecorromana baseada especialmente nos elementos do alfabeto e o léxico, incorporando tamén contidos de literatura. Son evidentes as relacións que se poden establecer coas literaturas galega e castelá e, aínda que en menor medida, polo nivel do seu estudo, coas linguas estranxeiras.

Contribución á adquisición das competencias básicas.

As contribucións desta materia á competencia en comunicación lingüística son importantes. A través da lectura comprensiva de textos variados, da busca e tratamento da información obtida, así como a síntese para a expresión oral e escrita, contribúe á adquisición da competencia en comunicación lingüística.

A lectura comprensiva dunha realidade certamente afastada do contorno do alumno, a comprensión duns conceptos totalmente novos e a necesidade ineludible de aprender a expresalos dunha forma ordenada ten un valor moi estimable. Pero se por algo destaca esta materia no eido da lingua é por ser un instrumento inmellorable para a adquisición dun vocabulario pasivo e activo baseado nos termos que se expliquen ao longo do curso, incluídos os seus compoñentes e as regras de combinación. A introdución breve ao estudo diacrónico das linguas, incluído entre os obxectivos, contribuirá a unha percepción máis matizada do que é un sistema lingüístico.

A percepción do contorno propio como o único posible limita a capacidade do alumnado de facerse preguntas que poidan levalos a unha relación co contorno máis produtiva e gratificante. O contacto con culturas dotadas doutras inquedanzas, doutros valores e doutras relixións fará que relativicen as súas propias certezas e sexan quen de analizalas criticamente. Máxime nestas que, en tantos aspectos xeográficos, económicos, artísticos e organizativos, seguen a estar presentes no mundo actual, servindo de nexo entre a meirande parte dos países do mundo que nos rodea.

O coñecemento de como se serviron do contorno, de como aproveitaron os recursos naturais, de como os transformaron, posibilitará unha meirande facilidade para o coñecemento e a interacción co mundo físico.

A competencia na expresión cultural e artística foméntase mediante o coñecemento dos fundamentos da literatura clásica, da arquitectura, da escultura, da arte en xeral que debe dar un leve sustento teórico ao que é o comezo do aprecio e do goce da arte como produto da creación humana e como testemuño da historia. O coñecemento dos restos arqueolóxicos do contorno debe axudar a aprender a valorar as obras do pasado e a apreciar os esforzos pola súa conservación. Cóntase, así, con referencias para facer unha valoración crítica de creacións artísticas posteriores inspiradas na cultura e na mitoloxía grecolatinas, ou das mensaxes difundidas polos medios de comunicación que, en moitos casos, toman a súa base icónica do repertorio clásico.

Contribúe a adquisición da competencia social e cidadá o coñecemento das institucións e o modo de vida dos gregos e romanos como referente histórico de organización social, participación dos cidadáns na vida pública e delimitación dos dereitos e deberes dos individuos e das colectividades, no ámbito e no contorno dunha Europa diversa unida en moitos aspectos pola cultura grecolatina. Paralelamente, o coñecemento das desigualdades existentes nesa sociedade favorece unha reacción crítica ante a discriminación pola pertenza a un grupo social ou étnico determinado, ou pola diferenza de sexos. Implícase así o alumnado nunha actitude de valoración positiva da participación cidadá, da negociación e da aplicación de normas iguais para todos como instrumentos válidos na resolución de conflitos. Doutra parte, se o traballo é cooperativo, impúlsase o respecto pola diferenza de criterios e pola liberdade de expresión.

O uso crítico da rede como fonte de información, o emprego de aplicacións informáticas para a elaboración de documentos de aula, servirán para completar a achega da cultura clásica á adquisición da competencia no tratamento da información e competencia dixital.

As actividades relativas á recollida, selección e análise da información, a aplicación de técnicas de síntese, a identificación de palabras clave e a distinción entre ideas principais e secundarias achegan instrumentos básicos para a adquisición desta competencia, tan relacionada con destrezas para a continua formación persoal.

O estudo dos elementos básicos das linguas grega e latina, na medida en que propicia a disposición e a habilidade para organizar a aprendizaxe, favorece as destrezas de autonomía, disciplina e reflexión, exercita a recuperación de datos mediante a memorización e sitúa o proceso formativo nun contexto de rigor lóxico, inciden no logro da competencia de aprender a aprender.

Contribúe ao desenvolvemento da competencia de autonomía e iniciativa persoal na medida en que se utilizan procedementos que exixen planificar, seleccionar, avaliar distintas posibilidades e tomar decisións. O traballo cooperativo e a posta en común dos resultados implica valorar as achegas doutros compañeiros, aceptar posibles erros, comprender a forma de corrixilos e non se render ante un resultado inadecuado. En definitiva, achega posibilidades de mellora e fomenta o afán de superación.

Obxectivos.

1. Localizar no tempo e no espazo os procesos e acontecementos históricos máis relevantes das culturas grega e latina.

2. Recoñecer e identificar aspectos diversos da cultura grecolatina relativos á lingua, á literatura, á filosofía, á ciencia, a técnica, ao dereito, a Administración do Estado, ao urbanismo, á arquitectura, ás artes plásticas, valorando a súa unidade e, ao mesmo tempo, a diversidade.

3. Valorar a mitoloxía clásica, especialmente a grega, como elemento unificador da cultura grecolatina e inspirador da cultura ao longo da historia europea. Identificar en formas de relixiosidade actuais elementos que estean presentes nos mitos ou ritos propios da relixión grecorromana.

4. Valorar a conciencia de pertenza a un contorno social e cultural, identificando elementos de continuidade da cultura clásica na propia, respectando a diversidade de identidades culturais.

5. Identificar as raíces clásicas de valores actuais nos ámbitos da educación, o pensamento, o dereito, a política, valorando os elementos que hai que preservar e os elementos revisar.

6. Recoñecer e valorar as pegadas da cultura clásica en contextos artísticos, lingüísticos e científico-técnicos, entre outros, tanto na cultura occidental como noutras culturas pasadas e presentes.

7. Coñecer os xéneros literarios grecolatinos máis importantes.

8. Identificar, agrupar e comprender os rastros das linguas clásicas nos diferentes eidos da lingua actual.

Contidos.

1. Grecia e Roma como civilizacións históricas singulares.

* O mito fronte á razón: o espazo xeográfico mítico fronte ao real. A lenda fronte á historia. O pensamento mítico fronte ao lóxico. O heroe fronte ao home.

* Polis e civitas: o home da areté e o home da virtus. As sociedades grega e romana e as súas manifestacións artísticas e culturais: literatura, filosofía, arquitectura, política, relixión, arte; o espazo público; o exército; a política; a xustiza; a economía.

* O individuo: o espazo privado. Clases sociais. Costumes e afeccións; o traballo; o vestido e a hixiene; a comida; as viaxes; relacións privadas. A familia; a educación.

* As fontes: as literaturas grega e romana: características xerais. Semellanzas e diferenzas. A literatura clásica e a súa continuidade en Europa. Os principais xéneros.

* A arqueoloxía. Os restos máis importantes; o seu valor artístico, cultural e documental. Os restos no noso contorno.

2. A herdanza da cultura clásica.

* Romanización de Europa: historia dun proceso. A supervivencia da cultura indíxena: ritos ligados aos ciclos da natureza, festas, topónimos, tradicións...

* As pegadas do mundo clásico: que é romano; que é grego. (literatura, arte, dereito, ciencia, obras públicas, técnica, filosofía...).

* A mitoloxía e a súa presenza na cultura occidental.

* A organización e o cómputo do tempo.

* A civilización grecorromana como elemento rexeitado ou reivindicado: os renacementos.

* A herdanza clásica como elemento unificador de Europa. Estudo crítico.

3. Iniciación aos elementos básicos das linguas de Grecia e Roma.

* Do alfabeto ao abecedario. Breve historia da escritura. Signos e materiais.

* As familias lingüísticas. O indoeuropeo. As linguas romances.

* As linguas flexivas.

* A evolución das linguas. O latín como orixe de galego e castelán.

* O vocabulario. Palabras patrimoniais, semicultismos, cultismos, latinismos, helenismos, prefixos, sufixos. Palabras procedentes doutras linguas: razóns lingüísticas, históricas e culturais.

Criterios de avaliación.

1. Identificar en textos traducidos de autores clásicos e modernos, despois de resumilos, aspectos históricos ou culturais.

Con este criterio preténdese comprobar a capacidade do alumnado para extraer a información relevante sobre aspectos históricos e/ou culturais, previamente traballados, en textos variados.

2. Localizar no tempo e no espazo as etapas básicas das culturas grega e romana e os seus feitos máis relevantes, os elementos de cambio e continuidade e as relacións con outras culturas coetáneas.

Con este criterio preténdese comprobar a capacidade de identificar en textos e situar no espazo e no tempo, feitos relevantes da historia das culturas clásicas, previamente traballados.

3. Identificar as formas básicas de organización social e política de Grecia e de Roma e a súa continuidade no mundo de hoxe.

Preténdese comprobar se o alumnado é quen de comprender a organización sociopolítica de Grecia e deRoma, así como establecer comparacións coa existente na actualidade.

4. Localizar no espazo xeográfico as civilizacións grega e romana, así como recoñecer os elementos relevantes do patrimonio arqueolóxico e artístico na Gallaecia e Hispania.

Preténdese comprobar a capacidade para localizar en mapas o espazo das civilizacións antigas, así como recoñecer e situar os restos máis relevantes na Galicia e na España actual.

5. Distinguir nas diversas manifestacións literarias, artísticas e, incluso, científicas de todos os tempos, a mitoloxía clásica como fonte de inspiración.

Preténdese comprobar se as alumnas e os alumnos, despois de traballar na clase os mitos máis salientables, son quen de identificalos en manifestacións literarias e doutro tipo, adecuadas á súa idade.

6. Identificar elementos do legado lingüístico común das linguas románicas actuais. Recoñecer o vocabulario grecolatino nas linguas modernas.

Búscase comprobar se o alumnado, acudindo ás aprendizaxes xa adquiridas nas outras linguas, é quen de recoñecer elementos comúns a todas elas no vocabulario.

7. Recoñecer os trazos esenciais de cada xénero literario.

Preténdese comprobar se o alumnado coñece os elementos básicos dos xéneros literarios clásicos, acudindo ás aprendizaxes xa adquiridas nas outras linguas.

8. Identificar aspectos significativos da achega da cultura clásica á civilización occidental no campo do pensamento, da ciencia e da técnica.

Preténdese comprobar se o alumnado é capaz de relacionar as achegas do mundo clásico nos eidos do pensamento, ciencia e técnica, ao mundo actuais.

9. Valorar criticamente a herdanza dos clásicos e as posibilidades de influencia no mundo actual, establecendo relacións entre algúns dos valores, disposicións e costumes.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado, coa axuda do profesorado, é quen de analizar a permanencia do legado clásico na actualidade, así como a evolución co paso do tempo.

10. Manexar recursos que permitan elaborar, coa axuda do profesorado, un traballo temático sinxelo sobre calquera aspecto da produción artística e técnica, a historia, as institucións, ou a vida cotiá en Roma.

Preténdese comprobar a capacidade do alumnado para elaborar un pequeno traballo sobre algún dos aspectos do legado do mundo clásico e a capacidade de exposición posterior na aula. Valorarase o grao de planificación e a selección da información, que se debe facer acudindo a fontes variadas, así como a presentación clara e ordenada e a utilización dos medios informáticos.

Obradoiro de iniciativas emprendedoras.

Introdución.

As sociedades desenvolvidas de comezos do século XXI caracterízanse por unha interconexión e unha complexidade crecentes, que fan xurdir novas necesidades que o eido educativo se ve na obriga de satisfacer.

A globalización económica e o desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) produciron cambios importantes que teñen fortes repercusións sociais. A terciarización da economía e o aumento dos niveis de consumo, xunto coa extensión de novas formas de pobreza, dan lugar a novas realidades sociais. O paso dunha sociedade industrial a unha sociedade do coñecemento pon en primeiro plano a necesidade de dispoñer dunha formación cada vez máis versátil e flexible.

Os cambios habidos nos últimos tempos no mercado de traballo, os retos que supón o incremento dos movementos migratorios por todo o Planeta, exixen que o sistema educativo contribúa a dar aos novos mozos e mozas as ferramentas necesarias para enfrontar este novo mundo globalizado. Estas novas demandan unha nova forma de enfocar as finalidades da educación obrigatoria. A formación adquirida ao longo do ensino obrigatorio debe proporcionar aos nosos alumnos e alumnas os elementos necesarios para comprender e enfrontarse ao mundo actual, desenvolvendo competencias que os capaciten para resolver os problemas cos que se van enfrontar.

A Lei orgánica de educación recoñece como un dos seus principios inspiradores o compromiso decidido cos obxectivos educativos suscitados pola Unión Europea para os próximos anos. Entre eles, destaca a pretensión de que a educación contribúa ao desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento máis competitiva e dinámica, capaz de lograr un crecemento económico sustentado, acompañado dunha mellora cuantitativa e cualitativa do emprego e dunha maior cohesión social. Así mesmo, recoñécese como máis necesario que nunca que a educación prepare a nosa mocidade xoves para un mundo cada vez máis cambiante, onde as tecnoloxías e as ciencias evolucionan a gran velocidade e que a educación facilite o tránsito da etapa da formación ao mundo do traballo e viceversa, nun proceso de aprendizaxe permanente.

Consciente do déficit emprendedor que padecemos, a Unión Europea vén promovendo o seu fomento instando os estados membros a crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e as actividades emprendedoras.

Así, a partir do Consello Europeo de Lisboa de marzo de 2000 recoñeceuse a necesidade do fomento das iniciativas emprendedoras desde o ámbito educativo, así como a necesidade de crear políticas de educación e de formación que fomenten a cultura emprendedora e innovadora como motor da innovación, da competitividade, da creación de emprego e do crecemento económico. Esta é unha das premisas sobre as que descansa o Libro verde sobre o espírito empresarial en Europa (2003) da Comisión Europea, e sobre o que pivota o Plan de acción a favor do espírito empresarial, marco estratéxico do impulso ao tecido empresarial na Unión Europea. O fomento do espírito emprendedor é recoñecido como unha competencia clave para enfrontar os cambios sociais e económicos que derivan da sociedade do coñecemento.

Neste contexto, a LOE inclúe entre os fins do sistema educativo o desenvolvemento da capacidade dos alumnos para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor, a capacitación para a exercicio de actividades profesionais así como para a participación activa na vida económica. En concreto, na etapa da educación secundaria obrigatoria establécese como finalidade a preparación dos alumnos e alumnas para a súa inserción laboral, prestándolle unha especial atención á orientación educativa e profesional do alumnado.

Neste marco, a Comunidade Autónoma galega é consciente de que, para acadar a converxencia coa Unión Europea, necesita ampliar o tecido empresarial. Este carácter estratéxico do tecido empresarial xustifica que as políticas dirixidas á súa creación e ampliación fosen un dos eixes fundamentais que deseñou o goberno galego recentemente.

Así, Galicia introduce o fomento do espírito empresarial como un dos obxectivos que ten que acadar polo noso sistema educativo. Establécese a materia de Obradoiro de iniciativas emprendedoras coa finalidade básica de potenciar o desenvolvemento do espírito emprendedor dos alumnos e alumnas, así como relacionalos co realidade do seu contorno socioeconómico e produtivo.

O espírito emprendedor non debe considerarse só como un conxunto de calidades e habilidades co obxectivo de crear unha nova empresa, senón como unha actitude xeral ante a vida, que pode ser de utilidade tanto nas actividades profesionais, como na vida cotiá de calquera persoa. Baixo este enfoque, o concepto de espírito emprendedor debe incluír dous elementos diferentes: un concepto amplo de educación en actitudes e capacidades emprendedoras que incluirá o desenvolvemento de calidades persoais que potenciarán as habilidades dos alumnos; e un concepto específico de formación dirixido á elaboración e execución dun proxecto emprendedor, sexa baixo a forma de empresa, de cooperativa, de asociación. Esta será a orientación que presida o deseño desta materia.

Contribución da materia á adquisición das competencias básicas.

A materia de Obradoiro de iniciativas emprendedoras contribúe dun xeito evidente á adquisición das competencias básicas dos alumnos e alumnas do ensino secundario.

En canto á competencia en comunicación lingüística, a materia exixirá dos alumnos que utilicen as diversas formas da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita. Os alumnos e as alumnas veranse obrigados a expresar pensamentos, a xerar ideas, formarse xuízos críticos, a dialogar, a organizar a información (tanto a propia como a xerada por outros). Así mesmo, a materia préstase a que os alumnos desenvolvan as capacidades lingüísticas orais, expoñendo as ideas, presentando proxectos e produtos, promocionándoos e relacionándose cos potenciais clientes e provedores.

En canto á competencia matemática, a materia contribuirá a facilitar aos alumnos e as alumnas a utilización de ferramentas de cálculo (especialmente no relativo aos custos e aos beneficios). Tamén será frecuente o uso de información cuantitativa para poder valorar diferentes alternativas, xunto cos elementos e razoamentos matemáticos como ferramenta de axuda para resolver problemas relacionados coas situacións da vida cotiá e na toma de decisións.

A materia contribúe á competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico en canto incorpora habilidades para desenvolverse axeitadamente na comprensión de sucesos e na predición das consecuencias das nosas actividades. Por outra banda, as capacidades desenvolvidas con esta materia facilitarán que os alumnos e alumnas poidan interpretar o mundo tendo unha correcta percepción do espazo físico en que se desenvolven a vida e a actividade económica humana. As consecuencias no medio físico da actividade levada a cabo polas empresas serán outro aspecto destacable como resultado dos contidos traballados na materia, promovendo un uso responsable dos recursos naturais, o coidado do medio, o consumo racional e a protección da saúde individual e colectiva como un dos fins que deberá guiar a actividade empresarial.

A materia Obradoiro de iniciativas emprendedoras contribúe dun xeito especial á consecución da competencia dixital e do tratamento da información. Os alumnos veranse obrigados a buscar, obter, procesar e comunicar información para transformala en coñecemento. A utilización das tecnoloxías da información e da comunicación serán un elemento imprescindible para o desenvolvemento da materia. Así mesmo, contribuirase ao desenvolvemento da capacidade dos alumnos e as alumnas para transformar a gran cantidade de información que as novas tecnoloxías poñen á nosa disposición en coñecemento útil, facilitando que os alumnos poidan resolver problemas tanto propios como alleos: detectar necesidades insatisfeitas, ofertar produtos novidosos ao mercado, utilizar as novas tecnoloxías para a promoción e as vendas dos produtos....

A conexión da materia co desenvolvemento da competencia social e cidadá é enorme. A presenza das empresas como elemento fundamental da actividade económica é incuestionable. A través das capacidades desenvolvidas na nosa materia, os alumnos adquirirán conciencia da importancia do papel coordinador das empresas, e do asociacionismo en xeral, axudándoos a comprender a realidade social e económica do mundo en que viven. Tamén aprenderán a asumir responsabilidades, a comprender a dimensión multicultural da realidade social actual e como a actividade económica non pode ser allea a ela. Desenvolverán habilidades sociais relativas á xestión de conflitos e á necesidade de negociación presentes en calquera organización social (e a empresa non deixa de selo). Asumirán que a actividade económica e empresarial ten unha dimensión ética e unha responsabilidade social cada vez máis ineludibles. Así mesmo, os alumnos e as alumnas comezarán o exercicio da súa cidadanía achegándo se ao contacto coa lexislación económica e laboral, ao coñecemento e exercicio dos dereitos e deberes dos cidadáns, partindo da dobre dimensión de patronos e traballadores.

En canto á contribución á competencia cultural e artística podemos destacar que o contacto coas diferentes realidades culturais no mundo actual obriga ás empresas a adaptar os produtos ás diferentes sensibilidades e necesidades sociais e culturais. As empresas deben coñecer e respectar esas diferenzas e ofrecer diferentes posiblidades e alternativas que satisfagan os potenciais clientes. Por outro lado, as necesidades de deseñar (logos, imaxes de marca, envases, campañas de publicidade) contribuirán a desenvolver as capacidades artísticas, de iniciativa, imaxinativas, o fomento da creatividade en suma, dos nosos alumnos.

O Obradoiro de iniciativas emprendedoras contribúe á competencia para aprender a aprender fomentando a adquisición por parte do alumnado da conciencia das propias capacidades, do que pode facer un por si mesmo e do que se pode chegar a facer coa axudas dos demais. Alumnos que en ocasións desconectan dos contidos educativos máis académicos e tradicionais, conseguen contactar co sistema a través de materias como esta que teñen un forte carácter práctico e que lles permiten desenvolver a competencia persoal, que os estimula e os motiva, fomentando a confianza en si mesmo e o gusto por aprender. Contribúe tamén a que tomen conciencia de que as capacidades das persoas son diferentes, de que cada un ten as súas, pero todas son válidas e de que xuntas poden chegar a producir xuntas bos resultados. Pon de manifesto a posibilidade de emprender proxectos persoais, dividíndoos en metas alcanzables a curto, medio e longo prazo e vendo a necesidade de aplicar o esforzo á aprendizaxe de forma progresiva e realista.

No que toca á autonomía e iniciativa persoal, a nosa materia axuda os estudiantes a desenvolver a confianza en si mesmos e a motivación por actuar. Verán que todos temos ideas, como se poden seleccionar aquelas máis axeitadas e levalas á práctica. Contribúe a elevar a autoestima, a autocrítica e o coñecemento de si mesmo. A necesidade de tomar decisións, de elixir cun criterio propio, calculando os riscos e avaliándoos para despois asumir as consecuencias das nosas decisións, serán capacidades que se desenvolvan nesta materia. O desenvolvemento de proxectos emprendedores contribúe a que os alumnose as alumnas se habitúen a transformar as ideas en accións planificadas, propoñéndose obxectivos, planificando e deseñando, levando a cabo os proxectos e avaliándoos finalmente. Tamén implica desenvolver habilidades relacionadas co liderado de proxectos, que inclúen a confianza nun mesmo, a empatía, o espírito de superación, a capacidade de organización. En suma, a capacidade de imaxinar, emprender, desenvolver e avaliar accións ou proxectos individuais ou colectivos con creatividade, responsabilidade e sentido crítico.

Obxectivos.

O desenvolvemento desta materia debe contribuír a lograr a adquisición das seguintes capacidades:

1. Comprender o concepto de empresa e da persoa emprendedora e valorar o seu papel como axente xerador de riqueza e motor económico.

2. Valorar a importancia do asociacionismo como fonte de dinamización social, e como un medio de sumar esforzos e compartir ideais.

3. Coñecer os trazos básicos das actitudes, calidades persoais e as capacidades que constitúen a base do espírito emprendedor.

4. Identificar as propias capacidades e intereses para a toma de decisións sobre estratexias persoais de formación e inserción laboral.

5. Coñecer estratexias de xeración e maduración de ideas emprendedoras.

6. Definir os aspectos xerais e os elementos necesarios para levar a cabo un proxecto emprendedor, tendo sempre respecto polo medio.

7. Realizar actividades que contribúan a mellorar as capacidades de traballo en equipo, negociación, resolución de conflitos e planificación.

8. Desenvolver no alumnado a iniciativa persoal, a autoestima, a creatividade.

9. Buscar, seleccionar e interpretar información, utilizala de forma crítica e responsable de acordo co fin perseguido e comunicala de forma organizada e intelixible aos demais.

10. Empregar as novas tecnoloxías da información e a comunicación como ferramentas de traballo eficaces na vida cotiá.

11. Utilizar as linguas estranxeiras como medio de comunicación necesario no mundo globalizado actual.

Contidos.

Bloque 1. O emprendedor e a xeración de ideas emprendedoras.

* A importancia da motivación por emprender: importancia económica e social do emprendedor.

* As habilidades do emprendedor. Calidades persoais. Habilidades sociais. Habilidades de dirección.

* Fontes de ideas. Como atopar ideas.

* Xeración e maduración das ideas para un proxecto emprendedor. A valoración da idea xerada.

Bloque 2. Planificar para emprender.

* A necesidade e a conveniencia de planificar. Importancia e utilidade dos plans.

* Elaboración do plan emprendedor.

* A concreción da idea.

* A presentación das persoas promotoras do proxecto.

* A forma xurídica elixida.

* Características do produto ofrecido.

* A quen vai dirixido.

* A difusión do proxecto.

* Como se vai desenvolver.

* Os recursos humanos necesarios.

* O financiamento necesario.

* A previsión dos resultados.

Bloque 3. A posta en marcha: a execución do proxecto.

* Formas xurídicas de empresa. As empresas de economía social: as cooperativas. As asociacións.

* Os trámites de constitución e as obrigas ante as diferentes administracións: mercantís, fiscais, sociais...

* As relacións co mundo laboral: selección de persoal, carta de presentación, currículo, entrevista de traballo.

* As axudas aos proxectos emprendedores.

* A memoria do proxecto.

* Conclusión do proxecto emprendedor: control do proxecto, avaliación e propostas de mellora.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer a importancia do espírito emprendedor e valorar a súa achega á comunidade como xeradora de riqueza.

Pretende verificar que os alumnos e alumnas coñecen e valoran positivamente o importante papel económico desenvolvido polos emprendedores como axentes económicos e dinamizadores sociais que engaden valor e xeran riqueza á comunidade realizando unha tarefa que implica a asunción de riscos, anticipándose aos cambios e ás necesidades da sociedade.

2. Describir as características básicas do emprendedor, diferenciando as calidades persoais, as habilidades sociais e as habilidades directivas.

Con este criterio búscase comprobar que os alumnos e as alumnas recoñecen cales son as principais habilidades presentes nos emprendedores, separando as tres dimensións da acción emprendedor/ra (a individual, a social e a directiva) e que comprenden que a actitude emprendedora é unha actitude vital que serve para calquera proxecto en que se trate de conseguir obxectivos e resultados, nun proceso de mellora constante.

3. Descubrir e identificar as capacidades e potencialidades propias e as características do contorno sociolaboral, para establecer obxectivos persoais e profesionais de futuro.

Pretende valorar a capacidade do alumnado para actuar de forma autónoma e tomar decisións sobre o seu futuro profesional de acordo co seu autocoñecemento e as posibilidades da súa realidade socioeconómica, aproveitando o seu potencial persoal e as oportunidades do seu contorno.

4. Precisar diversos procedementos para a xeración de ideas emprendedoras, así como distintos métodos para seleccionalas e facelas madurar.

Trátase de comprobar que os alumnos e alumnas asumen que existen técnicas específicas que axudan a desenvolver a creatividade e a detectar posibilidades mesmo en contextos pouco propicios, e que valoran positivamente os efectos do seu desenvolvemento. Comprobarase o desenvolvemento da proactividade como un xeito de actuar anticipándose aos problemas futuros, necesidades ou cambios, buscando detectar as oportunidades que ofrece o contorno.

5. Identificar a importancia da planificación dos proxectos emprendedores, coñecer os elementos fundamentais que a integran e desenvolver proxectos e iniciativas persoais e profesionais.

Preténdese que os alumnos e alumnas demostren a importancia que ten a planificación para calquera tarefa, asumindo que, antes de poñerse a actuar, cçompre reflexionar facendo un labor de deseño que actúe como guía da actividade que se vai emprender. Así mesmo, comprobarase que o alumnado coñece cales son as partes fundamentais en que debe estruturarse calquera acción planificadora e mostran hábitos de traballo individuais e cooperativos, asumen e responsabilízanse das tarefas encomendadas mostrando actitudes de perseveranza, autonomía e espírito de equipo.

6. Coñecer os trazos básicos das principais formas xurídicas de empresa e valorar especialmente os tipos de empresas de economía social.

Os alumnos e alumnas deben demostrar que recoñecen a importancia da forma xurídica dunha empresa e da súa elección, en que se diferencian unhas doutras incidindo especialmente no relativo ás diferenzas en materia de responsabilidade e de obrigas contraídas. Incidirase nas causas da especial valoración das empresas de economía social.

7. Describir os principais trámites de constitución e cubrir algúns dos documentos relacionados, facendo especial fincapé nos dereitos e obrigas laborais e fiscais.

Verifçicase que os alumnos e as alumnas coñecen os procedementos e documentos básicos de constitución e xestión dunha empresa ou asociación, incidindo na súa familiarización cos impresos e documentos relacionados co mundo laboral e fiscal (carta de presentación, currículo, instancia, nómina...), así como que son capaces de buscar e seleccionar información de forma obxectiva e crítica e de comunicala de forma razoada e correcta.

8. Valorar a importancia dos procesos de avaliación e das reflexións finais tras a execución dos proxectos.

Trátase de comprobar que os alumnos e as alumnas tomaron conciencia da necesidade de control que todo proxecto implica, que as avaliacións teñen un dobre enfoque como comprobación e como medio de deteccións de erros e problemas co obxectivo final de mellorar.

9. Utilizar as novas tecnoloxías da información e da comunicación como ferramentas de uso habitual e transmitir mensaxes escritas ou orais básicas nunha lingua estranxeira.

Trata de comprobar que os alumnos e as alumnas seleccionan as novas tecnoloxías axeitadas aos traballos que deben realizar e as utilizan con frecuencia e eficacia, ao mesmo tempo que asumen a realidade do mundo globalizado actual que exixe coñecer outras realidades culturais e económicas, o que nos obriga a interpretar e transmitir mensaxes básicas nunha lingua estranxeira.

Proxecto interdisciplinar.

Non é unha materia máis, senón un achegamento, de forma conxunta, compartida, aos saberes das outras materias do currículo.

En ningún caso será estudo complementario dunha materia do currículo.

Pretende un tratamento globalizador aos distintos aspectos que interveñen á hora de construír o coñecemento que, por estas características, facilite o tránsito da primaria ao ensino secundario.

En todo caso busca o achegamento, de forma compartida por varias áreas do currículo, ás competencias básicas.

Na vida, os saberes preséntanse como un todo. Un todo variado e múltiple. Traballar esa multiplicidade que está nos saberes para construír un coñecemento global a partir dos diversos puntos de vista disciplinares é o obxectivo principal do «proxecto interdisciplinar».

Pretende ser, así mesmo, un traballo compartido, en que conflúan os esforzos de cada persoa dos equipos creados na aula.

Os seus compoñentes serán:

* Planificación.

* Busca e tratamento da información.

* Comprensión e expresión con textos de variado tipo e formato.

* Exposición oral, escrita e en soporte informático do traballo realizado.

Organización:

Os proxectos serán decididos no seo da comisión de coordinación pedagóxica e aceptados polo claustro do profesorado.

Os centros educativos, na súa programación anual expresarán as características do proxecto, con autonomía para decidir o eixe central e metodoloxía de traballo.

A Administración educativa poderá, en todo caso, propoñer algúns proxectos, a modo de exemplo, se fose considerado oportuno.

Terán que intervir polo menos dúas materias do currículo, á aparte da lingua e a tecnoloxía da información como materias instrumentais.

Profesorado:

A persoa responsable do proxecto interdisciplinar será prioritariamente a persoa titora do grupo e,en todo caso, en colaboración estreita cos distintos departamentos didácticos implicados.

Avaliación:

Os criterios de avaliación terán como referente a consecución das competencias básicas, facendo fincapé en:

* Competencia en comunicación lingüística.

* Competencia dixital.

* Competencia aprender a aprender.

* Competencia en resolución de problemas

* Competencia en habilidades sociais e de autonomía.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

Materias optativas:

3º curso:

-Segunda lingua estranxeira.

-Cultura clásica.

-Taller de iniciativas emprendedoras.

-Optativa ofertada polo centro.

4º curso:

-Cultura clásica (se non foi cursada en 3º).

-Taller de iniciativas emprendedoras (se non foi cursada en 3º).

-Calquera das oito materias do punto dous non elixida con anterioridade.

-Optativa ofertada polo centro.

ANEXO IV

Relación de materias coas especialidades do profesorado

* Materia: ciencias da natureza.

Especialidade profesorado: os cursos de 1º e 2º, mestres da especialidade de ciencias da natureza, bioloxía e xeoloxía, física e química.

* Materia: educación ético-cívica.

Especialidade profesorado: filosofía, xeografía e historia.

* Materia: educación para a cidadanía e os dereitos humanos.

Especialidade profesorado: filosofía, xeografía e historia.

* Materia: taller de iniciativas emprendedoras.

Especialidade profesorado: administración de empresas, economía, organización e xestión comercial, formación e orientación laboral, xeografía e historia.

* Materia: historia e cultura das relixións.

Especialidade profesorado: filosofía, xeografía e historia

* Materia: informática.

Especialidade profesorado: tecnoloxía, informática, matemáticas, física e química.

ANEXO V

Proxecto lector de centro.

Co fin de facilitar a consecución dos obxectivos que a Lei orgánica de educación e a Comunidade Autónoma de Galicia sinalan para as etapas de ensino obrigatorio, os centros educativos deberán elaborar e incluír nos seus proxectos educativos de centro, proxectos lectores que integren todas as actuacións do centro destinadas ao fomento da lectura e da escritura e á adquisición das competencias básicas.

O proxecto lector de centro será un documento deseñado para desenvolver a medio prazo en que, a partir da análise do contexto en materia de lectura, se articulen todas as intervencións que se van realizar no centro en relación coa lectura, a escritura e as habilidades informativas, coa participación do profesorado das distintas áreas, materias e ciclos, incorporando a biblioteca escolar e as bibliotecas de aula como recursos fundamentais para a súa posta en marcha. O proxecto lector de centro será a referencia para a elaboración de programas ou plans anuais de lectura, que se incluirán na programación xeral anual. O seu deseño e posta en marcha son competencia de todo o equipo docente e estarán coordinados preferentemente pola persoa responsable da biblioteca escolar.

Para a consecución dos devanditos obxectivos, os centros educativos deberán tomar decisións consensuadas que permitan:

* A existencia dunha biblioteca escolar como centro de recursos da información, da lectura e da aprendizaxe, dinamizadora da actividade educativa e da vida cultural do centro.

* A integración das fontes informativas, en calquera soporte (impreso ou electrónico) no tratamento dos contidos curriculares.

* A formación de lectores e de lectoras competentes e a creación e consolidación do hábito de lectura.

* O desenvolvemento de actitudes favorables á lectura mediante a creación de ambientes lectores, entre outras estratexias.

* O funcionamento da biblioteca escolar como factor de compensación social.

Fundamentos.

O plan anual de lectura e o proxecto lector de centro garantirán a paulatina capacitación do alumnado nas competencias básicas que se pretenden, de cara á súa formación como cidadáns activos e solidarios.

Con esta finalidade, empregaranse cun enfoque funcional as distintas tecnoloxías da comunicación e da información ao alcance do alumnado, para incidir en aspectos específicos destes soportes e linguaxes de cara a unha utilización eficaz, comprensiva e ética deles.

A formación da lectura comprensiva exixe, pola súa vez, un traballo progresivo e continuado. Traballarase con todo tipo de textos: literarios, expositivos, xornalísticos, publicitarios, gráficos; en soporte impreso ou electrónico.

Incidirase na identificación da finalidade da lectura e na forma de axustar a lectura ao obxectivo en cada ocasión. Ensinaranse estratexias de comprensión lectora.

O profesorado de todas e cada unha das áreas e materias de todos os niveis educativos, incluirá nas súas programacións as actividades previstas no proxecto segundo a temporalización que nel se acorde, determinando a dedicación real dun tempo mínimo diario para a lectura e a inclusión de prácticas de comprensión e fomento da lectura e da escritura.

Seguimento e avaliación.

Realizarase unha avaliación continuada dos avances ou dificultades da posta en marcha do proxecto e das súas concrecións nos plans anuais de lectura.

Para a avaliación de aspectos relacionados co hábito lector teranse en conta non só os índices de lectura, senón tamén a capacidade do alumnado para avanzar na súa competencia literaria e ser quen de enfrontarse a textos cada vez máis complexos, así como a súa actitude diante da lectura como medio para a aprendizaxe, fonte de pracer e recurso para o desenvolvemento persoal.

ANEXO VI

Plan de integración das tecnoloxías da información e a comunicación.

Enmarcada nas accións que se dispoñen na Lei orgánica de educación, e coa finalidade de que as tecnoloxías da información e a comunicación se incorporen como un recurso mais aos procesos de ensino-aprendizaxe, cada centro educativo deberá elaborar e incluír no proxecto educativo de centro, un plan de integración das tecnoloxías da información e a comunicación que implique un cambio metodolóxico e unha adaptación á realidade para o mellor aproveitamento das posibilidades que as tecnoloxías da información e a comunicación ofertan.

A aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación ao traballo da aula convértese nunha peza clave na educación e formación das novas xeracións. A súa importancia social e o lugar preferente que ocupan xa na vida dos nenos e das nenas, fai que deban estar presentes nos centros educativos, de modo que aqueles adquiran os coñecementos e habilidades necesarias para abordar con garantía de éxito a súa utilización nos contornos de aprendizaxe, familiares e de lecer.

Trátase de que o alumnado, ao rematar a escolarización obrigatoria, acade unha competencia dixital. Esta competencia consiste en dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información, para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información ata a súa transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización das como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse.

Para que isto se poida poñer en práctica con garantía de éxito e de coherencia, resulta necesaria a creación dun Plan de integración das tecnoloxías da información e a comunicación a nivel de centro e de aula coa participación activa de todo o equipo docente que, unha vez aprobado, se incorporará á programación xeral anual de centro, e a súa avaliación, á memoria deste. Cada proxecto será único atendendo ás características e ás posibilidades que se poden acadar tendo en conta a situación xeográfica, o tipo de alumnado, a formación do profesorado e as infraestruturas dispoñibles.

Deseñarán unhas pautas para realizar un seguimento e avaliación do plan, polo menos trimestral, polas persoas coordinadoras de ciclo e -en caso de existir- pola persoa coordinadora do plan, que determinarán, se é o caso, aspectos de mellora.

Como marco para a elaboración deste Plan de traballo, xúntanse as características que deben terse en conta para a súa elaboración.

* Estudo inicial do centro referido ás características de toda a súa comunidade educativa. Poden recollerse aquí as iniciativas xa realizadas neste campo e mais as expectativas e os intereses de cara ao futuro.

* Obxectivos que, a curto e longo prazo, se pretenden alcanzar, así como a metodoloxía e actividades concretas que se aplicarán para acadalos. Deberán incluírse iniciativas pedagóxicas innovadoras e cambios metodolóxicos que redunden nun mellor aproveitamento das TIC nas aulas.

* Estratexias de coordinación do profesorado das distintas áreas e niveis educativos.

* Utilización e aproveitamento dos recursos existentes no centro en beneficio do proxecto.

* Organización dos espazos do centro.

* Fomento dos valores democráticos, tratamento da diversidade, atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo e medidas para promover o acceso ás TIC en condicións de igualdade por parte de persoas dos dous sexos e de diferentes condicións sociais.

* Uso da biblioteca escolar como centro de recursos multimedia para a obtención de información e para a aprendizaxe.

* Plan de avaliación anual tendente a detectar os obxectivos acadados e os incumpridos, así como as estratexias que deberán adoptarse para alcanzar os non conseguidos.

* Detección de necesidades formativas do profesorado. Elaboración dun plan de formación interno que permita difundir boas prácticas e aproveitar ideas e coñecementos dos compañeiros e compañeiras docentes.

* Medidas para difundir o proxecto entre o alumnado, as familias e a comunidade educativa en xeral, de maneira que se fomente a súa participación nel.

Cada plan deberá recoller ademais os seguintes obxectivos xerais:

* Fomentar a páxina web do centro como espazo de comunicación e de colaboración con toda a comunidade educativa.

* Coordinar a acción do profesorado de distintas áreas e materias en relación ao traballo coas TIC.

* Facilitar o acceso a esta ferramenta por parte do alumnado con necesidade especiais de apoio educativo e nas tarefas de apoio e reforzo de aprendizaxes.

* Impulsar a comunicación con outros centros e localidades, para coñecer e transmitir valores sociais e de respecto doutros costumes e outras formas de vida.

* Potenciar a capacidade de razoamento do alumnado, a súa motivación e o seu afán de coñecemento.

* Fornecer o alumnado de estratexias para obter e xestionar a información conseguida mediante o uso das tecnoloxías da información e a comunicación.

* Utilizar programas e contornos que faciliten a consecución dos obxectivos propostos nas diferentes áreas do currículo.

* Utilizar o ordenador como medio de creación, de integración, de cooperación e de expresión das propias ideas.

* Potenciar a comunicación cos seus iguais.

* Mellorar a proposta pedagóxica do profesorado e a súa práctica docente ao aproveitar as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e a comunicación.

* Empregar as tecnoloxías da información e a comunicación para o traballo cotián e nas actividades de aula: programacións, proxectos, explicacións, actividades...

* Consultar e obter información a través das tecnoloxías da información e a comunicación, tanto para temas profesionais como para experiencias interesantes para a súa actividade docente

* Intercambiar experiencias, coñecementos, iniciativas... en diversas redes de colaboración como a internet.

* Lograr a integración das tecnoloxías da información e a comunicación como medio dinámico de comunicación, de maneira que se constitúan nun elemento común de información e de contacto con todos os axentes do proceso educativo, facilitando a conexión entre eles.

* A través das asociacións de nais e de pais dos centros, poñer en marcha mecanismos para aproveitar a infraestrutura tecnolóxica e favorecer a adquisición por parte de nais e pais dos coñecementos necesarios para un uso proveitoso das tecnoloxías da información e a comunicación.

* Favorecer a superación das limitacións de acceso ás tecnoloxías da información e a comunicación derivadas das desigualdades sociais.


No hay versiones para esta norma