DECRETO 138/2012, do 21 de xuño, polo que se modifica o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 29-06-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 124
  • Fecha de Publicación: 29/06/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, establécese o actual sistema de recoñecemento da gratuidade da xustiza para aquelas persoas que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, sistema alicerzado no artigo 119 da Constitución española.

A Comunidade Autónoma galega, como consecuencia das competencias transferidas en virtude do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, e asumidas polo Decreto da Xunta de Galicia 394/1994, do 29 de decembro, realizou o desenvolvemento normativo da citada lei, que se atopa recollido, na actualidade, no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

O citado marco normativo, que parte do recoñecemento constitucional da gratuidade da xustiza respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar, establece como pedra angular do sistema, no artigo 30 da citada Lei 1/1996, o recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta como requisito sine qua non para poder retribuír con cargo a fondos públicos a intervención dos profesionais designados de oficio.

Neste sentido, a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e do noso Tribunal Constitucional deixa claramente establecida a responsabilidade pública do recto funcionamento do servizo, de tal forma que garanta un sistema rápido e eficaz de xustiza gratuíta para aquelas persoas que acrediten carecer de recursos, que será financiado con cargo a fondos públicos e que, polo tanto, supón a conseguinte obriga pública de avaliar periodicamente o custo deste servizo e de establecer mecanismos de control que aseguren o adecuado destino destes fondos.

O adecuado exercicio desta supervisión e control é unha obriga ineludible para calquera Administración eficiente na utilización dos recursos públicos e comprometida coa satisfacción das necesidades da cidadanía, para unha Administración que fai do principio de eficacia e eficiencia o seu eixe vertebrador. Co obxectivo de acadar melloras no cumprimento da dita obriga, modernizando ademais a súa xestión a través do preceptivo emprego e aplicación das novas técnicas e medios electrónicos e telemáticos, imponse a necesidade de modificar e adaptar o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta para ofrecer unha mellor regulación que, sen modificar o espírito da súa antecesora, permita solucionar as disfuncións detectadas, dotando este servizo dunha maior operatividade administrativa e procedemental que redunde en beneficio da calidade do servizo prestado ao cidadán sen mingua ningunha dos seus dereitos.

Por último, co obxecto de acadar maior seguridade xurídica e reducir a marxe da interpretación, modifícanse tamén determinados artigos no senso de adecualos á literalidade da Lei 1/1996.

Sobre esta modificación regulamentaria emitiron os preceptivos informes e as correspondentes alegacións o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Consello da Avogacía Galega, o Consello Galego de Procuradores dos Tribunais e mais os colexios de avogados e procuradores de Galicia, así como tamén as consellerías, autoridades e instancias implicadas na consecución dos obxectivos perseguidos nela.

Consonte o exposto, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, unha vez oído o Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de xuño de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia

Modifícanse os artigos 1, 9.4, 14.5, 17.2, 19.3, 19.4, 27.3, 33.2, 34.5, 38.1, 43.1, 44.1, 44.2, 45.1 e 48.1 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, nos seguintes termos:

Un. Engádese un novo punto ao artigo 1, que queda redactado da forma seguinte:

«5. Para os efectos do presente regulamento, entenderase que para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta a que se refire o artigo 3.1 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, deberán computarse en bruto, anualmente, por todos os conceptos e por unidade familiar, os recursos e ingresos económicos das persoas solicitantes.

Así mesmo, entenderase a referencia do citado artigo ao salario mínimo interprofesional realizada ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), de conformidade co previsto no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño».

Dous. Engádese unha nova letra ao punto 4 do artigo 9, que queda redactada da forma seguinte:

«h) As designacións definitivas atendendo o requirimento da comisión previsto no artigo 19.2».

Tres. O punto 5 do artigo 14 queda redactado da forma seguinte:

«5. Os colexios de avogados e os colexios de procuradores informarán as persoas interesadas da súa obriga de satisfacer os honorarios e dereitos económicos ocasionados polos servizos efectivamente prestados polos profesionais designados, se non obteñen o recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta».

Catro. Engádese unha nova letra ao punto 2 do artigo 17, que queda redactada da forma seguinte:

«g) Non sexa preceptiva a intervención de letrado, salvo nos supostos de requirimento expreso polo xulgado ou tribunal mediante auto motivado para garantir a igualdade das partes no proceso».

Cinco. O punto 3 do artigo 19 queda redactado da forma seguinte:

«3. A resolución desestimatoria, unha vez que sexa firme, implicará que as eventuais designacións de oficio realizadas previamente queden sen efecto e que, de ser o caso, a persoa solicitante deba designar avogado e procurador de libre elección.

Así mesmo, a resolución desestimatoria firme supón que a persoa solicitante debe aboar os honorarios e dereitos económicos ocasionados por mor dos servizos efectivamente prestados polos profesionais designados de oficio, e que, de non seren aboados voluntariamente, os profesionais intervenientes poden reclamarllos xudicialmente».

Seis. O punto 4 do artigo 19 queda redactado da forma seguinte:

«4. A resolución da Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta notificaráselles no prazo común de tres días á persoa solicitante, ao avogado e, de ser o caso, ao procurador designado provisionalmente e ás demais persoas interesadas comparecidas no expediente. Así mesmo, a resolución seralle comunicada ao colexio de avogados e, de ser o caso, ao colexio de procuradores.

De conformidade co previsto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, as administracións deberán incorporar os medios e sistemas electrónicos necesarios para permitir a progresiva utilización de comunicacións electrónicas».

Sete. A letra c) do punto 3 do artigo 27 queda redactada da forma seguinte:

«c) Aprobar a implantación de instrumentos de avaliación e sistemas de xestión de calidade, así como de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos que redunden nun mellor servizo á cidadanía, posibilitando a efectividade do seu dereito a relacionarse coas administracións por medios electrónicos».

Oito. O punto 2 do artigo 33 queda redactado da forma seguinte:

«2. No momento de efectuar a solicitude do dereito á asistencia xurídica gratuíta, ou unha vez recoñecido este, as persoas interesadas poderán renunciar expresamente á designación de avogado e de procurador de oficio, e nomear libremente profesionais da súa confianza. Esta renuncia deberá afectar, simultaneamente, o avogado e o procurador.

A renuncia posterior á designación terá que lles ser comunicada expresamente á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta e aos correspondentes colexios profesionais, e non implicará a perda das restantes prestacións recoñecidas na concesión do dereito de asistencia xurídica gratuíta».

Nove. O punto 5 do artigo 34 queda redactado da forma seguinte:

«5. Os avogados que interveñan nas quendas do artigo 29 deberán informar a persoa asistida sobre o seu dereito a solicitar a asistencia xurídica gratuíta, así como da súa obriga de pagar os honorarios xerados polos servizos efectivamente prestados se non obtén o recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta ou se, séndolle recoñecido, procede logo o reintegro económico conforme o previsto no artigo 43 deste regulamento».

Dez. O punto 1 do artigo 38 queda redactado da forma seguinte:

«1. A consellería competente en materia de xustiza, con cargo ás súas dotacións orzamentarias, compensará economicamente as actuacións profesionais correspondentes á asistencia letrada á persoa detida e mais a defensa e representación gratuítas cando exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta efectuado nos termos recollidos neste regulamento».

Once. O punto 1 do artigo 43 queda redactado da forma seguinte:

«1. Os profesionais designados de oficio non poderán percibir compensación económica con cargo a fondos públicos polos servizos efectivamente prestados cando a persoa beneficiaria destes non obtivese o recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta ou cando se revogase o recoñecemento do citado dereito, así como cando proceda o reintegro económico regulado no artigo 36 da Lei de asistencia xurídica gratuíta e máis nos restantes supostos previstos pola normativa de aplicación».

Doce. O punto 1 do artigo 44 queda redactado da forma seguinte:

«1. Dentro do mes natural seguinte ao da finalización de cada trimestre, os colexios de avogados e os colexios de procuradores da Comunidade Autónoma de Galicia remitiranlle á Dirección Xeral de Xustiza unha certificación que conteña os datos relativos ás actuacións realizadas polos profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta, así como os datos relativos ás actuacións realizadas en períodos anteriores cuxo recoñecemento expreso do dereito á asistencia xurídica gratuíta tivese lugar durante este último trimestre, especificando:

a) A relación detallada das quendas de garda ou, se procede, das asistencias letradas á persoa detida efectuadas por cada letrado, con indicación dos datos seguintes: día de actuación, número de atestado ou telefonema, centro de detención, nome das persoas detidas, tipo de delito, importe do custo asociado en función dos módulos e bases de compensación económica previstos no artigo 39 deste regulamento, con indicación do número do expediente dado polo Servizo de Orientación Xurídica, do número do expediente dado pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta e da data de resolución do recoñecemento do dereito.

b) A relación detallada dos asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada profesional, con indicación do número do expediente dado pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, número do expediente dado polo Servizo de Orientación Xurídica, nome da persoa beneficiaria, tipo e número de procedemento, órgano xudicial, importe do custo asociado en función dos módulos e bases de compensación económica previstos no artigo 39 deste regulamento e data de resolución do recoñecemento do dereito.

c) A relación separada das renuncias dos profesionais á percepción de honorarios e dereitos.

d) A relación das renuncias das persoas interesadas ás designacións efectuadas.

As certificacións deberán ser expedidas polo secretario co visto e prace do decano de cada colexio, de conformidade co previsto nas disposicións que se diten en desenvolvemento e aplicación deste regulamento».

Trece. O punto 2 do artigo 44 queda redactado da forma seguinte:

«2. As devanditas certificacións deixarán constancia, así mesmo, dos reintegros que, de ser o caso, proceda efectuar de fondos públicos previamente recibidos, de conformidade co disposto no artigo 43 deste regulamento».

Catorce. O punto 1 do artigo 45 queda redactado como segue:

«1. A consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deben percibir os colexios para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos de asistencia letrada á persoa detida, defensa e representación gratuítas e das unidades encargadas da orientación e asesoramento das persoas peticionarias do dereito de asistencia xurídica gratuíta, transferíndolles o importe ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais. As devanditas cantidades en ningún caso poderán superar o oito por cento do xerado o ano anterior en concepto de asistencia xurídica gratuíta».

Quince. As letras a) e b) do punto 1 do artigo 48 quedan redactadas como segue:

«a) Relación detallada das quendas de garda ou, se procede, das asistencias letradas á persoa detida efectuadas por cada letrado, con indicación dos datos seguintes: día de actuación, número de atestado ou telefonema, centro de detención, nome das persoas detidas, tipo de delito, importe bruto pagado, retención do IRPF e importe neto liquidado ao letrado, con indicación do número do expediente dado polo Servizo de Orientación Xurídica, do número do expediente dado pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta e da data de resolución do recoñecemento do dereito.

b) Relación detallada dos asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada profesional, con indicación do número do expediente dado pola Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, número do expediente dado polo Servizo de Orientación Xurídica, data de resolución do recoñecemento do dereito, nome da persoa beneficiaria, tipo e número de procedemento, órgano xudicial, importe bruto pagado, retención do IRPF e importe neto liquidado ao letrado».

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma