DECRETO 154/2014, do 11 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014., - Diario Oficial de Galicia, de 15-12-2014

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 239
  • Fecha de Publicación: 15/12/2014
  • PDF de la disposición

O artigo 21 da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, dispón que durante o exercicio 2014 non se procederá no sector público autonómico á incorporación de novo persoal, agás o que poda derivar da execución de ofertas de emprego público de exercicios anteriores.

Non obstante, sempre que se respecten as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I, o artigo 21.2 exceptúa da anterior limitación determinados sectores e colectivos de marcado carácter prioritario respecto dos cales a taxa de reposición de efectivos se fixa ata un máximo do 10 %. Para estes efectos, consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma.

Entre estes sectores, a lei inclúe o control e a loita contra a fraude fiscal, laboral, as subvencións públicas, o asesoramento xurídico, a xestión e o control da asignación eficiente dos recursos públicos e ás prazas correspondentes ao persoal dos servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento. Para atender a estes sectores, a Comunidade Autónoma de Galicia conta con corpos e escalas de administración xeral e especial.

O artigo 70 do Estatuto básico do empregado público establece a posibilidade de que a oferta de emprego conteña, non só o referente á incorporación de persoal de novo ingreso, senón tamén outras medidas derivadas da planificación de recursos humanos.

O artigo 31.6 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, establece o procedemento de autorización da oferta de emprego público, que corresponde ao Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería competente en materia de función pública.

Pola súa banda, o artigo 13 da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, exixe o informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Con respecto á reserva da cota para persoas con discapacidade, aínda que xa se acadou o 2 % dos efectivos totais nesta Administración pública e a normativa de función pública permite que a porcentaxe de reserva mínima sexa dun 5 %, esta Administración considera conveniente manter a porcentaxe do 7 % das vacantes, que se distribuirá segundo se establece no anexo das prazas obxecto desta oferta.

En cumprimento do disposto no punto 5 da disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, non serán de aplicación os números 3 e 4 da dita disposición.

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas de administración xeral e especial desta comunidade autónoma que afectan ao funcionamento dos servizos públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 13 da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, así como co artigo 21 da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao persoal funcionario de escalas de administración xeral e especial do ano 2014 e o establecemento dos criterios en que debe enmarcarse esta oferta.

Na súa virtude, unha vez consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo do informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.8 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, por proposta da conselleira de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 31.6 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo; no artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público; no artigo 21 da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, así como no artigo 13 da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintas escalas de administración xeral e especial da Xunta de Galicia para o ano 2014, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

A oferta de emprego público 2014 inclúe as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso.

Tal e como establece o Estatuto básico do empregado público, a oferta de emprego público, como instrumento de planificación dos recursos humanos dispoñibles, define e cuantifica os efectivos en función das necesidades e prioridades derivadas da planificación xeral dos recursos humanos.

A distribución realizarase de conformidade co disposto nos artigos e no anexo deste decreto, tendo en conta o disposto no artigo 63 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e a disposición transitoria segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, polo que se aproba o Estatuto básico do empregado público.

Artigo 3. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

1. De acordo coa Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

a) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

- Publicidade das convocatorias e das súas bases.

- Transparencia.

- Imparcialidade e profesionalidade dos órganos de selección e dos seus membros.

- Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

- Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que hai que desenvolver.

- Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos selectivos.

b) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

c) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

d) Os procesos selectivos que prevexan a realización de probas con respostas alternativas, farán públicos os cadros de respostas na páxina web da Xunta de Galicia, ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

e) O funcionamento e a actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

2. Se nun determinado corpo, escala, subgrupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se, de considerar obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos sexos, existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo co artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 4. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co previsto no artigo 59 do Estatuto básico do empregado público e na disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, reservarase unha cota do 7 % das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal de persoas con discapacidade, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións, de xeito que, progresivamente, se acade o 2 % dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

Non obstante, e ao terse acadado nesta Administración o obxectivo do 2 % dos efectivos totais, pola quenda de discapacitados, non será de aplicación o disposto nos números 3 e 4 da disposición adicional sétima do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

A reserva farase sobre o cómputo total das vacantes incluídas na oferta de emprego público, segundo figura no anexo.

3. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, se obtiveren praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas terán idéntico contido e realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes, garantindo, en todo caso, o carácter individual dos procesos; dándolles un tratamento diferenciado ás dúas quendas durante o procedemento selectivo, no que se refire ás relacións de admitidos e excluídos, aos chamamentos, aos exercicios e á relación de aprobados. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na cal se incluirán todos os candidatos que superasen todas as probas selectivas, ordenados pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participen. A dita relación será a determinante para a petición e a adxudicación de destinos, agás o previsto no punto 7 deste artigo, de acordo co previsto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Se na súa realización lle xurdiren dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do/da aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios/as do corpo ou escala a que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

4. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións e os axustes razoables necesarios, de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais ou a comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

5. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo, a consellería competente en materia de función pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do/da candidato/a para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

6. Os procesos selectivos deberán incluír a posibilidade de que nas convocatorias en que se estableza unha cota de reserva para persoas con discapacidade, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición pero non obteñan praza pola cota de reserva, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no de quenda libre.

7. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a dita alteración cando estea debidamente xustificada e deberase limitar a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Elena Muñoz Fonteriz

Conselleira de Facenda

ANEXO

Prazas correspondentes á oferta para o ingreso nas escalas de administración xeral e especial do ano 2014

1. Administración xeral

Discapac. (7 %)

Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2)

- Escala técnica de finanzas

7

1

Corpo administrativo da Xunta de Galicia (subgrupo C1)

- Escala de subinspectores/as de consumo

3

2. Administración especial

Corpo facultativo superior da Xunta (subgrupo A1)

- Escala de biólogos/as

- Escala de químicos/as

- Escala de enxeñeiros/as industriais

- Escala de veterinarios/as

9

3

4

6

2

1

Corpo facultativo de grao medio da Xunta (subgrupo A2)

- Escala de enxeñeiros/as técnicos/as industriais

7

Corpo axudantes facultativos (subgrupo C1)

- Escala de axentes facultativos ambientais

10

Total

49

4

Total xeral

53


No hay versiones para esta norma