DECRETO 156/2012, do 12 de xullo, polo que se crea a Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 24-07-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 141
  • Fecha de Publicación: 24/07/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Decreto 44/2012, de 19 de xaneiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sendo segundo o seu artigo 4 o/a conselleiro/a a autoridade superior da consellería, e con tal carácter está investido/a das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

O Consello da Xunta de Galicia, polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, publicado no DOG do 22 de febreiro de 2011, aprobou definitivamente as directrices de ordenación do territorio de Galicia, instrumento creado pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e que teñen como finalidade básica definir un modelo territorial para Galicia que permita orientar as actuacións sectoriais, dotándoas de coherencia espacial e das referencias necesarias para que se desenvolvan, de acordo cos obxectivos xerais da política territorial de Galicia, conformando unha acción de goberno coordinada e eficaz.

Polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, apróbanse os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, que entrou en funcionamento o 7 de abril de 2012, e que ten entre as súas funcións a de prestar apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial, o que inclúe o seguimento das directrices de ordenación do territorio que prevé o punto 10 do artigo 10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo o artigo 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, polo Decreto do Consello da Xunta de Galicia determinarase o procedemento que regule o seguimento e posta ao día dos obxectivos e determinacións das directrices de ordenación do territorio.

De conformidade co artigo 8 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, o órgano promotor deberá realizar un seguimento dos efectos no ambiente da aplicación ou execución do plan, conforme o disposto no artigo 15 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, que traspuxo a Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001. Neste seguimento poderá participar o órgano ambiental correspondente, quen poderá pedir a información e realizar as comprobacións que considere necesarias para verificar a información que figure no informe de sustentabilidade ambiental.

As directrices de ordenación do territorio de Galicia, na súa determinación 10.1.19, establecen que a Xunta de Galicia impulsará un sistema de seguimento da sustentabilidade territorial e das DOT atendendo ás orientacións recollidas no Informe de sustentabilidade ambiental e ás determinacións da Memoria ambiental emitida polo órgano ambiental do procedemento de avaliación ambiental estratéxica e co obxectivo de emprender unha xestión dinámica do territorio. Este sistema de seguimento deberá ser aprobado por decreto do Consello da Xunta, e suporá o establecemento do sistema de seguimento de todos os instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo.

Para estes efectos específicos, procédese á creación dunha comisión de seguimento que será responsable de desenvolver e adaptar o sistema de indicadores aplicándoo proporcionalmente ao grao de desenvolvemento das DOT, a fin de dar cumprimento final ao plan de seguimento que permita elaborar a memoria que deberá presentarse anualmente ao Parlamento conforme o previsto no artigo 11 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de doce de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Créase a Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nas súas actuacións, que será a responsable de desenvolver e adaptar o sistema de indicadores ou métodos para o seguimento que permiten coñecer a evolución das variables de sustentabilidade, aplicándoo proporcionalmente ao grao de desenvolvemento das DOT.

A Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia estará adscrita á consellería competente en materia de ordenación do territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 2. Funcións

Serán funcións propias da Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia as seguintes:

- Realizar traballos preparatorios para a determinación do procedemento que regule o seguimento e posta ao día dos obxectivos e determinacións das directrices de ordenación del territorio, previsto no artigo 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que se incluirá conforme a súa memoria ambiental no Plan de seguimento da sustentabilidade territorial das directrices de ordenación do territorio de Galicia e, por extensión, dos instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo que a desenvolvan.

- Desenvolver e adaptar o sistema de indicadores, tal e coma establece o informe de sustentabilidade ambiental, que permitirán coñecer a evolución das variables de sustentabilidade para, por unha parte, controlar os efectos producidos sobre as ditas variables e, por outra, comprobar o cumprimento dos obxectivos xerais e específicos propostos para cada variable. Os indicadores permitirán valorar os efectos das determinacións das DOT na ordenación territorial de rango inferior, e por outra parte a valoración da eficacia para encamiñar Galicia cara á sociedade da sustentabilidade.

- Identificar a contribución das propostas e plans estratéxicos de Galicia cara á sustentabilidade territorial.

- Propoñer medidas para corrixir as posibles desviacións, así como posibles efectos non cosiderados inicialmente.

- Facer valoracións globais e particularizadas a través de informes da integración efectivamente conseguida.

- Fixar as pautas e os criterios de interpretación precisos para a elaboración da memoria prevista no artigo 11 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

- Establecer a composición e funcionamento dos grupos técnicos de traballo, por proposta do Instituto de Estudos do Territorio.

- Calquera outra función que puider ter relación coa natureza da Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia.

Artigo 3. Composición

A Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia estará composta polos/as seguintes membros:

1. Presidente/a: a persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio.

2. Vicepresidente/a: o/a director/a do Instituto de Estudos do Territorio.

3. Vogais:

3.a) Un/unha representante designado/a pola secretaría xeral competente en materia de avaliación ambiental.

3.b) Un/unha representante designado/a pola secretaría xeral competente en materia de ordenación do territorio.

3.c) Un/unha representante do órgano central de estatística da Comunidade Autónoma.

3.d) Un/unha representante designado/a pola secretaría xeral competente en materia de urbanismo.

3.e) Un/unha representante designado/a pola consellería competente en materia de administración local.

- Os órganos mencionados deberán, así mesmo, designar, ademais do/da vogal titular, un/unha vogal suplente.

- A composición da Comisión de seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, tenderá a acadar unha participación equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 4. Funcións do presidente/a e vicepresidente/a

1. Correspóndelle ao/a presidente/a, ou persoa en que delegue:

a) Desempeñar a representación da Comisión.

b) Acordar a convocatoria das reunións e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos/as demais membros formuladas con suficiente anticipación.

c) Presidir as reunións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

2. Nos casos de vacancia, enfermidade ou outra causa legal de ausencia, o/a presidente/a, será substituído/a polo/a vicepresidente/a.

3. Nos casos de vacancia, enfermidade ou outra causa legal de ausencia, o/a vicepresidente/a, será substituído/a polo/a suplente designado/a para o efecto.

Artigo 5. Secretaría da Comisión

1. A secretaría da Comisión será desempeñada por un/unha funcionario/a ou persoal laboral ao servizo do Instituto de Estudos do Territorio designado/a polo/a presidente/a da Comisión ou persoa en que delegue.

2. En caso de vacancia, ausencia ou enfermidade do/a secretario/a será substituído/a temporalmente pola persoa que designe o/a presidente/a como suplente.

3. Correspóndelle a/o secretaria/o da Comisión:

- Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

- Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da súa presidencia, así como ás citacións os/as seus/súas membros.

- Recibir os actos de comunicación dos/as membros da Comisión e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

- Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

- Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

- Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado.

Artigo 6. Convocatorias e sesións

1. A Comisión reunirase, logo da convocatoria acordada pola persoa titular da presidencia, por iniciativa desta ou por petición de, polo menos, a metade dos/as vogais, cando menos dúas veces ao ano.

2. A convocatoria da Comisión será cursada pola persoa titular da secretaría cando menos con corenta e oito horas de anticipación, por escrito en que se recolla a orde do día cos asuntos que se vaian tratar na sesión.

3. Para a válida constitución da Comisión, ademais das persoas titulares da presidencia e da secretaría ou de quen as substitúa, deberán estar presentes un terzo dos/as vogais en primeira convocatoria, e a metade en segunda. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer, cando menos, un prazo de trinta minutos.

Artigo 7. Asistencia de expertos/as

A Comisión poderá contar coa asistencia de expertos/as ou asesores/as, sempre que o requiran os traballos que haxa de realizar.

Artigo 8. Grupos técnicos de traballo

1. Poderanse crear grupos técnicos de traballo por áreas, que poderán ser permanentes ou específicos e estarán formados polos/as membros que a Comisión de Seguimento designe para o efecto, e poderán ser asistidos/as polas persoas expertas ou asesoras que procedan en función do tema que se trate.

2. Os grupos de traballo reuniranse coa periodicidade que sexa necesaria.

Artigo 9. Apoio técnico

O soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia será prestado polo Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 10. Funcionamento da Comisión de Seguimento

Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, o funcionamento da Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia acomodarase ás normas contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sobre órganos colexiados, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Constitución

A Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia constituirase no prazo de 1 mes contado a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Crédito orzamentario

A constitución e posta en funcionamento da Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia non xerará aumento dos créditos orzamentarios da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas


No hay versiones para esta norma