Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicacion do rexime da taxa lactea. - Diario Oficial de Galicia, de 08-08-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 153
  • Fecha de Publicación: 08/08/2007
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O sector lácteo é un dos piares da economía agraria de Galicia. Ademais, a estrutura deste sector produtivo ten unhas características que o diferencian do resto do Estado Español, como é a presenza de gran número de explotacións de pequena e mediana dimensión.

O respecto do sistema de cotas, a través da aplicación do réxime da taxa láctea, evita a existencia de leite comercializado fóra de cota, o que se considera un obxectivo obrigado mentres siga vixente este sistema de continxentación da produción.

O réxime da taxa láctea foi establecido no sector lácteo polo Regulamento (CEE) nº 856/1984, do Consello, do 31 de marzo, que modificou o Regulamento (CEE) nº 804/1968, polo que se constituíu a organización común de mercados no sector do leite e dos produtos lácteos. Este réxime foi prorrogado en varias ocasións e máis recentemente, polo Regulamento (CE) 1788/2003, do Consello, do 29 de setembro, que o prorroga ata o 31 de marzo de 2015.

Conforme o disposto no dito Regulamento 1788/2003, o Real decreto 754/2005, do 24 de xuño (BOE nº 162, do 8 de xullo), establece a regulación básica estatal do réxime da taxa láctea, configurando un novo marco de asignación de funcións entre as autoridades competentes das comunidades autónomas e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na aplicación do dito réxime. A súa disposición transitoria terceira precisa que a partir do inicio do período 2007-2008, as ditas autoridades competentes asumirán as funcións que lles corresponden no réxime de taxa láctea, no seu ámbito territorial.

Nesta comunidade autónoma a competencia na materia de taxa láctea correspóndelle á Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo autónomo adscrito á dita consellaría que ten atribuida a función, entre outras, referida á execución das accións necesarias para a aplicación da Política Agraria Común e para o funcionamento das distintas organizacións comúns dos mercados, entre as cales se inclúe a do sector do leite e dos produtos lácteos.

Este decreto regula a aplicación do réxime da taxa láctea en Galicia, concretando determinadas cuestións na materia como o ámbito e a natureza da taxa, os órganos competentes para a xestión, control e recadación da taxa e para a imposición de sancións na materia, e reproducindo, para unha mellor comprensión, parte do articulado básico establecido no Real decreto 754/2005.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é determinar a aplicación do réxime da taxa láctea na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do disposto no Regulamento (CE) nº 1788/2003, do Consello, do 29 de setembro de 2003, e no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto aplicarase:

a) A todas as persoas produtoras de leite que teñan a súa explotación ou o maior número de animais dedicados á produción de leite en Galicia.

b) A todos as persoas compradoras de leite que teñan a súa sede social en Galicia.

c) Aos transportistas que realicen a actividade de transporte de leite ou produtos lácteos en Galicia.

d) Aos industriais do sector lácteo con sede en Galicia.

e) Aos operadores con sede en Galicia que se dediquen as transaccións fóra do territorio peninsular español e das Illas Baleares.

Artigo 3º.-Autoridade competente.

A autoridade competente na aplicación do réxime da taxa láctea en Galicia será a persoa directora do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Artigo 4º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto, serán de aplicación as definicións contidas no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1788/2003 do Consello, do 29 de setembro de 2003, polo que se establece unha taxa no sector do leite e os produtos lácteos, as recollidas no artigo 2 do Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión de cota láctea e, ademais, as seguintes:

a) Leite normalizado en graxa: é o leite cunha cantidade de graxa de 36,37 g/kg.

b) Equivalentes en leite doutros produtos lácteos: a cantidade de leite normalizado en graxa necesario para a fabricación dunha unidade do produto lácteo de que se trate e que, para os efectos deste decreto, son as recollidas no anexo I.

c) Contido en graxa ou contido graxo do leite: a cantidade de materia graxa que forma parte da composición do leite, expresada en tanto por cento en peso, con dous decimais.

d) Contido representativo en graxa dun produto lácteo: a cantidade de materia graxa procedente de leite de vaca que forma parte do produto lácteo, expresada en tanto por cento en peso, con dous decimais.

e) Persoa produtora: a gandeira ou gandeiro, persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, coa explotación situada en Galicia e que produza e comercialice leite ou se prepare para facelo a moi curto prazo.

f) Explotación: o conxunto de unidades de produción xestionadas pola persoa produtora e situadas en Galicia. Cada unidade de produción disporá do correspondente código de identificación de acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras.

g) Na definición de persoa compradora establecida no artigo 5.e) do Regulamento (CE) nº 1788/2003 do Consello, do 29 de setembro de 2003, distínguense os catro seguintes:

1. Persoa compradora comercializadora: é a persoa compradora autorizada que compra leite unicamente ás persoas produtoras para a súa posterior venda exclusivamente ás persoas compradoras transformadoras, operadores loxísticos e a industriais, e que só pode realizar simples operacións de almacenamento, transporte e refrixeración do leite.

2. Persoa compradora transformadora: é a persoa compradora autorizada para comprar leite a persoas produtoras e a persoas compradoras comercializadoras ou, de ser o caso, a outras persoas compradoras transformadoras ou industriais para destinalo fundamentalmente ao seu tratamento ou para transformalo, xa sexa por métodos industriais ou artesanais, noutros produtos lácteos. Non se consideran tratamento nin transformación do leite as simples operacións de almacenamento, transporte e refrixeración.

3. Persoa compradora transformadora artesá: é a persoa compradora transformadora, de acordo coa definición establecida no punto 2 anterior, que en cada período adquire leite, como máximo a 10 persoas produtoras, por unha cantidade total non superior a 600.000 quilogramos, incluído o adquirido a outros suxeitos distintos das persoas produtoras.

4. Operador loxístico: é a persoa compradora autorizada que compra leite a persoas produtoras e compradoras comercializadoras, para a súa venda exclusivamente aos industriais que pertencen ao seu mesmo grupo ou grupos de sociedades, de acordo co establecido no artigo 42 do Código de comercio e nos artigos 1 a 4 do Real decreto 1815/1991, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas para a formulación de contas anuais consolidadas.

h) Industriais: son as persoas físicas ou xurídicas que compran leite a persoas compradoras comercializadoras ou, de ser o caso, a persoas compradoras transformadoras para tratalo ou transformalo industrialmente en produtos lácteos ou noutros produtos. Non se consideran tratamento nin transformación industrial do leite as simples operacións de almacenamento, transporte e refrixeración.

i) Transportista: é a persoa física ou xurídica que realice a actividade de transporte de leite ou produtos lácteos, xa sexa por conta propia ou allea.

Artigo 5º.-Concepto e natureza da taxa láctea.

1. A taxa láctea é unha exacción parafiscal, das previstas na disposición adicional primeira da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

2. Constitúe o feito impoñible da taxa láctea:

a) A produción e comercialización de leite polas persoas produtoras por riba da cantidade de referencia individual, sempre que se cumpra o suposto recollido no artigo 1.1º do Regulamento (CE) número 1788/2003 do Consello, do 29 de setembro de 2003.

b) A comercialización de leite polos operadores no sector do leite e os produtos lácteos sen acreditar documentalmente a súa orixe ou o seu destino.

c) A falta de declaración dunha determinada cantidade de leite cando se estea obrigado a declarala ou a súa declaración de forma inexacta.

d) A comercialización de leite por persoas compradoras sen autorización e polos restantes suxeitos a que se refire o punto 4 seguinte.

3. As persoas produtoras son os suxeitos pasivos contribuíntes da taxa láctea, e as persoas compradoras son os suxeitos pasivos substitutos obrigados ao seu pagamento.

As persoas produtoras con cota de vendas directas, ademais de suxeitos pasivos contribuíntes, estarán tamén obrigados ao pagamento da taxa láctea que lles corresponda.

4. Así mesmo, terán a consideración de suxeitos pasivos contribuíntes e estarán obrigados ao pagamento da taxa:

a) As persoas compradoras autorizadas polas cantidades que adquiran ás persoas produtoras e non as declaren ou as declaren de forma inexacta.

b) As persoas produtoras, nos seguintes supostos:

1º Por todo o leite producido e comercializado sen ter asignada cantidade de referencia individual.

2º Por todo o leite vendido a persoas compradoras non autorizadas.

3º. Por todo o leite non declarado por ningunha persoa compradora, cuxo destino non xustifiquen documentalmente.

Para estes efectos, o Fogga poderá, baseándose en criterios obxectivos que se fixarán nos correspondentes plans de controis, establecer o leite producido en función do número de cabezas da explotación e consideralo comercializado, salvo proba en contrario.

c) As persoas compradoras non autorizadas, por todo o leite que adquiran a persoas produtoras.

d) Por último, as persoas físicas ou xurídicas que interveñan no mercado de leite, respecto das cantidades que comercialicen ou teñan no seu poder, sempre que non poidan acreditar documentalmente a súa procedencia e por todas as adquiridas a persoas compradoras non autorizadas.

5. A base liquidable da taxa láctea é o exceso de leite corrixido en graxa, entregado durante o período de taxa láctea por cada persoa produtora, respecto da cantidade de referencia individual, despois de aplicar o sistema de compensación establecido no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño.

Nos supostos a que se refire o punto 4 anterior, a base liquidable determinarase pola cantidade total. Cando concorran varios suxeitos pasivos nun mesmo feito impoñible, a cantidade a pagar exixirase solidariamente a calquera deles.

6. O tipo de gravame da taxa láctea é o establecido no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1788/2003 do Consello, do 29 de setembro de 2003, que para o período 2007/2008 e posteriores é de 27,83 euros por cada 100 quilogramos de leite.

7. A taxa láctea devengarase anualmente o día 31 de marzo, ao final de cada período, e exixirase conforme o disposto no Real decreto 754/2005, na Lei 58/2003, do 17 de decembro, e na súa normativa de aplicación.

8. O importe a pagar da taxa láctea en período voluntario farase efectivo conforme o establecido no artigo 32º deste decreto.

9. A taxa láctea constitúe un ingreso do orzamento comunitario na parte que corresponde á superación da cantidade de referencia nacional asignada a España ao longo dun período determinado, é un ingreso do orzamento nacional, aplicable ao financiamento de actuacións de mellora no sector lácteo, nos demais casos.

Capítulo II

Produción e comercialización do leite

Artigo 6º.-Destino e comercialización do leite producido.

1. De conformidade coa normativa comunitaria, as persoas produtoras poderán dar ao leite e aos produtos lácteos obtidos nas súas explotacións os seguintes destinos:

a) Venda directa ao consumo ou cesión gratuíta.

b) Entregas a persoas compradoras autorizadas.

c) Autoconsumo.

2. Todo o leite producido, deducido o autoconsumo, en todas as súas fases e con independencia do seu destino final, queda sometido ao réxime da taxa láctea, incluído o que fose doado ou cedido gratuitamente. Para tal efecto, considerarase autoconsumo o leite que se utilice para lactación de becerros na explotación, sempre que quede suficientemente probada; terá un límite máximo de 10 quilogramos por becerro e día de presenza na explotación, durante un período máximo de 150 días. Será tamén considerado autoconsumo o leite destinado á alimentación familiar na explotación en cantidade dun quilogramo por persoa e día e ata un máximo de 10 quilogramos diarios por explotación.

3. Calquera outra persoa física ou xurídica que interveña no sector lácteo diferente das persoas produtoras e dos suxeitos regulados nas alíneas g), h) e i) do artigo 4º, que comercialice ou teña no seu poder leite ou outros produtos lácteos, será considerada, para os efectos da aplicación do réxime da taxa láctea, persoa produtora sen cantidade de referencia individual por todo o leite que comercialice, con independencia de que acredite a súa orixe.

4. Cando se deba proceder á destrución do leite conforme o disposto na normativa de aplicación, deberase documentar con referencia de data, lugar, cantidade e procedencia.

Artigo 7º.-Réxime de vendas directas.

1. Poderán efectuar vendas directas ao consumo os ás persoas produtoras que teñan asignada unha cota para a venda directa de leite e produtos lácteos. As ditas persoas produtoras están obrigadas a documentar as súas vendas cos requisitos seguintes:

a) Levar unha contabilidade material por cada período de taxa láctea, desagregada por meses e produtos, das cantidades de leite e de produtos lácteos vendidos directamente ao consumo, a comercializadores por xunto, a afinadores de queixo, a retallistas e, de ser o caso, das destinadas ao autoconsumo, que conteña polo menos a información recollida no anexo II. Non obstante, poderá ser levada a cabo por calquera outro sistema informático, sempre que forneza o mesmo contido con igual grao de detalle.

b) Conservar durante tres anos, contados a partir do final do ano da súa elaboración ou expedición, a contabilidade a que se refire a alínea a) anterior e toda a documentación comercial das vendas realizadas, como xustificante delas (albarás, facturas, comprobantes, extractos bancarios, etc).

c) As declaracións a que se refire o punto 2 deste artigo.

2. Todos os anos, no prazo comprendido entre o día 1 de abril e o día 14 de maio ou o inmediato hábil anterior, en caso de ser festivo, as persoas produtoras con asignación de cantidade de referencia individual de venda directa presentaranlle á persoa directora do Fogga unha declaración completa e exacta das cantidades de leite e de equivalentes de leite vendidas directamente ao consumo ou a comercializadores por xunto, afinadores de queixo ou retallistas, segundo o modelo establecido no anexo III, en que constarán, de ser o caso, as cantidades autoconsumidas ou cedidas gratuitamente. As consecuencias do incumprimento do dito prazo serán as previstas na normativa comunitaria.

No caso de que non tivesen efectuado vendas directas no período, as persoas produtoras deberano facer constar na declaración.

Na declaración dos anos bisestos, as ditas cantidades axustaranse, reducindo un sesentavo as correspondentes aos meses de febreiro e marzo ou un trescentos sesenta e seisavo as vendidas durante o período completo de taxa láctea.

Artigo 8º.-Entregas de leite a persoas compradoras.

1. Fóra dos casos regulados no artigo anterior, as persoas produtoras soamente poderán comercializar o seu leite mediante entregas a persoas compradoras autorizadas. Para tal efecto, deberanse asegurar de que a persoa compradora á que a vaia realizar está debidamente autorizada, conforme o establecido no artigo 11º deste decreto.

2. Ao iniciaren as súas entregas, as persoas produtoras declararanlles, de forma que faga fe, ás persoas compradoras a cantidade de referencia individual de que dispoñan nese momento, así como as súas modificacións cando se produzan, utilizando o modelo establecido no anexo IV.

3. Por cada entrega de leite, as persoas produtoras recibirán da persoa compradora, no momento de a realizar, un comprobante no cal se identifique a persoa produtora e a unidade de produción mediante o código establecido no artigo 5 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras, así como o nome e números de identificación da persoa compradora, a identificación da cisterna en que se reciba, a hora e data, a cantidade de leite entregada e, de ser o caso, constancia de que se tomaron mostras para a súa análise. O dito comprobante deberá recoller, polo menos, a información contida no anexo V. Nas mostras tomadas, cuxo número mínimo será de unha por mes natural, determinarase o contido de graxa do leite e, no caso de se tomaren varias mostras, determinarase en todas elas, aplicándose a media aritmética ao conxunto das entregas realizadas como o seu contido graxo.

4. As persoas produtoras recibirán das persoas compradoras, dentro dos 20 primeiros días de cada mes, información escrita, referida ao último día do mes inmediato anterior, sobre as cantidades de leite entregadas desde o comezo do período e a cota de que dispoñan nesa data. Así mesmo, emitirán ou recibirán deles, segundo o seu réxime tributario, a factura das cantidades de leite que lles entregasen no mes inmediato anterior, en que conste o detalle diario das entregas en cantidade, así como o contido medio en graxa, os prezos, as bonificacións ou penalizacións e as retencións e os impostos aplicados.

5. As persoas produtoras conservarán á disposición do Fogga as facturas e os comprobantes das entregas e dos pagamentos durante polo menos tres anos, contados a partir do final do ano ao cal correspondan. Estes documentos constitúen os elementos xustificativos do destino do leite comercializado.

Artigo 9º.-Entregas simultáneas a varias persoas compradoras.

1. As persoas produtoras poderán realizar entregas simultaneamente a varias persoas compradoras autorizadas.

2. En tal caso, deberán informar, de forma que faga fe, a cada un deles, dentro dos 25 primeiros días de cada mes, das cantidades entregadas aos demais nos meses anteriores do período, e facilitarlles unha copia do certificado obrigatorio que, para tal efecto, lles expedisen cada un dos restantes compradores. No dito certificado deberán figurar as cantidades mensuais co seu contido medio de graxa, conforme o modelo establecido no anexo VI.

3. Sen prexuízo do anterior, o Fogga a través do sistema de información establecido no artigo 42º, porá á disposición das persoas compradoras autorizadas o acceso á información consolidada das entregas conxuntas realizadas no período polas persoas produtoras a que compran.

Artigo 10º.-Cambio de persoa compradora.

1. As persoas produtoras poderán cambiar de persoa compradora autorizada á cal lle realicen as súas entregas en calquera momento do período de taxa láctea.

2. No caso de cambio de persoa compradora, despois de iniciado o período, as persoas produtoras comunicaranllo á persoa directora do Fogga, para o cal utilizarán o modelo que se recolle no anexo VII, dentro dos 15 días seguintes a partir da primeira entrega á nova persoa compradora.

3. No prazo de 20 días a partir da data en que reciba a súa última entrega, a persoa compradora remitiralle, de maneira que faga fe, á persoa produtora que deixe de lle entregar a súa produción láctea, unha certificación das cantidades de leite, co seu contido en graxa, que lle entregase ao longo do período de taxa láctea en curso e, de ser o caso, das retencións á conta practicadas, para o cal utilizarán o modelo do anexo VIII.

4. As persoas produtoras entregaranlles, de forma que faga fe, ás persoas compradoras autorizadas ás cales comecen a entregar a súa produción, dentro dos 25 días naturais seguintes á data de inicio das entregas, a declaración a que se refire o artigo 8.2º e a certificación recollida no punto 3 deste artigo.

Artigo 11º.-Autorización de persoas compradoras.

1. Sen prexuízo das compras realizadas directamente polas consumidoras ou consumidores ás persoas produtoras con cota de venda directa a que se refire o artigo 7º, calquera persoa física ou xurídica con domicilio social en Galicia que desexe exercer a actividade de persoa compradora deberá estar previamente autorizada. Esta autorización concederaa a persoa directora do Fogga nos termos e condicións establecidos neste decreto.

2. A autorización poderase solicitar para exercer como persoa compradora comercializadora, como persoa compradora transformadora ou como operador loxístico.

3. Para obter a autorización, terán que cumprir, con carácter xeral, os requisitos seguintes:

a) Non estar inhabilitada para o exercicio da actividade de persoa compradora.

b) Estar ao día de todas as obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

c) Dispor de locais axeitados e suficientes, onde o Fogga poida examinar e controlar a contabilidade material e os demais documentos e rexistros que está obrigado a levar.

d) Comprometerse ao cumprimento de todas as obrigas derivadas deste decreto e da normativa comunitaria e estatal aplicable.

e) Dispor dos medios informáticos e telemáticos adecuados para o cumprimento das obrigas establecidas neste decreto.

4. Ademais, para seren autorizados, deberán cumprir tamén os seguintes requisitos específicos:

a) Para o caso do persoa compradora comercializadora:

1º Estar dada de alta no imposto sobre actividades económicas na epígrafe correspondente á actividade principal de persoa comercializadora por xunto de leite.

2º Comprometerse a realizar compras exclusivamente a persoas produtoras, por un volume conxunto igual ou superior a cinco millóns de quilogramos de leite en cada período de taxa láctea.

3º Ter á súa disposición os vehículos, cisternas, depósitos e demais medios necesarios e suficientes para recoller e transportar por conta propia o leite comprado e de maneira que se poidan identificar, en cada ruta de recolla, as entregas individuais que lle faga cada persoa produtora. Estes medios non poderán ser utilizados por máis dunha persoa compradora simultaneamente nin transportar o leite mesturado co procedente doutras especies.

4º Constituír a fianza establecida no artigo 14º.

b) Para o caso da persoa compradora transformadora:

1º Estar dada de alta no imposto sobre actividades económicas na epígrafe correspondente á actividade principal de persoa comercializadora e industrializadora de leite e produtos lácteos.

2º Estar inscrita no Rexistro de industrias agroalimentarias e dispor do número correspondente.

3º Estar inscrita no Rexistro xeral sanitario de alimentos establecido no Real decreto 1712/1991, do 29 de novembro, sobre rexistro xeral sanitario de alimentos, na categoría de produción, transformación, elaboración ou envasado establecida no punto 2º do artigo 2 e ter asignado o número de identificación previsto no punto 2º do artigo 10 do dito real decreto.

4º Ter á súa disposición os vehículos, cisternas e depósitos, así como instalacións industriais necesarios e suficientes para recoller, transportar, tratar e transformar por conta propia a cantidade de leite que pretenda comprar e de maneira que se poidan identificar, en cada ruta de recolla, as entregas que lle faga cada persoa produtora. Estes medios non poderán ser utilizados por máis dunha persoa compradora simultaneamente nin transportar o leite mesturado co procedente doutras especies.

As persoas compradoras transformadoras artesás quedarán eximidas do cumprimento do requisito establecido neste punto, no referido aos vehículos e cisternas.

5º Declarar todos os produtos que fabrique ou vaia fabricar, con expresión dos seus equivalentes en leite.

6º No caso das persoas compradoras transformadores artesás, comprometerse a adquirir leite a un máximo de 10 persoas produtoras, por un máximo de 600.000 quilogramos, incluíndo as cantidades adquiridas a outros suxeitos distintos das persoas produtoras.

c) Para o caso do operador loxístico:

1º Os establecidos na alínea a) 1º, 3º e 4º.

2º Estar previamente autorizado como persoa compradora comercializadora ou transformadora, cun volume total de compras no último período superior a 200 millóns de quilogramos.

3º Que o obxecto social da persoa xurídica sexa a venda de leite ás industrias que pertencen ao seu mesmo grupo societario.

4º Identificar todas as sociedades ou entidades que compoñen o grupo ou os grupos a que pertence, indicando as relacións existentes entre elas e a súa natureza.

5º Comprometerse a realizar compras por un volume conxunto igual ou superior a 200 millóns de quilogramos de leite en cada período de taxa láctea.

5. O cumprimento dos requisitos recollidos nos puntos precedentes deberase acreditar documentalmente ou, cando proceda, formulando declaración con compromiso expreso e por escrito. Calquera modificación dos datos recollidos na solicitude de autorización ou na documentación que a acompañe, tanto antes como despois da resolución de autorización, deberalle ser comunicada á persoa directora do Fogga no prazo dos 10 días seguintes á data en que se producise.

6. Cada persoa física ou xurídica soamente poderá acceder a unha única autorización de persoa compradora de leite a persoas produtoras. O Fogga poderá expedir documentos ou credenciais de autorización para a súa exposición ao público polo comprador.

7. As persoas compradoras comercializadoras autorizadas soamente poderán comprar leite ás persoas produtoras, e vendérllelo, exclusivamente, a persoas compradoras transformadores, a operadores loxísticos ou a industriais.

8. As persoas compradoras transformadoras poderán vender leite a outras persoas compradoras transformadoras ou a industriais, sempre que as ditas vendas non constitúan a súa actividade principal, sen prexuízo do disposto no artigo 27º.

9. Os vehículos, cisternas, depósitos e demais medios necesarios e suficientes para recoller e transportar o leite a que se refiren a alínea a).3º e a alínea b).4º do punto 4 deste artigo, deberán estar identificados e rexistrados conforme o disposto no Real decreto 217/2004, do 6 de febreiro, polo que se regulan a identificación e rexistro dos axentes, establecementos e contedores que interveñen no sector lácteo, e o rexistro dos movementos de leite.

Artigo 12º.-Presentación de solicitudes de autorización de persoas compradoras.

1. Os interesados poderán presentar a solicitude de autorización, dirixida á persoa directora do Fogga, en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre o 1 de setembro e o 31 de outubro de cada ano. A dita solicitude realizarase mediante o modelo do anexo IX, e irá acompañada da documentación que nel se relaciona.

2. Todos os documentos que acompañen a solicitude serán orixinais ou copias compulsadas. A data de emisión ou de certificación de todos eles non poderá ser anterior en máis de 60 días á presentación da solicitude.

Artigo 13º.-Tramitación e resolución das autorizacións.

1. O Fogga poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere convenientes con carácter previo á resolución sobre a solicitude a que se refire o artigo anterior, entre elas a comprobación de locais, instalacións e medios. O resultado recollerase nun informe en que constarán as comprobacións realizadas. Cando se realicen estas comprobacións, cuxa finalidade é a de achegar os elementos de xuízo necesarios para resolver sobre a solicitude, o transcurso do prazo para resolver o procedemento e notificar a resolución, a que se refire o punto seguinte, suspenderase conforme o establecido no artigo 42.5º.a) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, polo tempo preciso para levar a cabo as comprobacións, sen que esta suspensión poida exceder 30 días a partir da notificación do seu inicio ao interesado.

2. A persoa directora do Fogga adoptará a resolución de concesión ou denegación e notificaralla á persoa interesada. En ausencia de resolución expresa, transcorrido o prazo de tres meses a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do dito organismo, entenderase concedida, aínda que condicionada a que a persoa interesada constitúa, de ser o caso, a fianza establecida no artigo seguinte.

3. Con independencia da data da resolución, as autorizacións terán efecto a partir do inicio do seguinte período de taxa láctea.

Artigo 14º.-Fianza.

1. Como garantía do cumprimento de todas as súas obrigas derivadas do réxime da taxa láctea, para poderen actuar como persoa compradora comercializadora ou como operador loxístico, as persoas interesadas constituirán ante o Fogga unha fianza inicial de 150.000 euros. A fianza poderase constituír coas seguintes garantías: aval bancario, seguro de caución ou depósito en efectivo, que conterán, candomenos, a información que se recolle no anexo X.

2. A fianza constituirase unha vez notificada a resolución expresa ou transcorrido o prazo da resolución presunta, ata o último día hábil de febreiro. De non ter sido constituída no dito prazo, a autorización como persoa compradora quedará sen efecto.

3. A persoa compradora comercializadora e o operador loxístico poderán afectar a fianza prestada para o cumprimento de obrigas concretas, sempre que o seu importe sexa inferior ao da fianza. Se for superior, deberaa complementar ata cubrir o importe total das obrigas. En tal suposto, para manter a autorización como persoa compradora comercializadora, deberaa repoñer ao seu importe inicial, no prazo dun mes, contado a partir da data en que a anterior quedou afectada.

4. O Fogga executará a fianza cando a persoa compradora, debidamente requirida, non atendese ás súas obrigas derivadas do cumprimento do establecido neste decreto, en particular as de pagamento conforme o que estableza a normativa tributaria.

5. O Fogga liberará a fianza constituída por unha persoa compradora cando a substitúa por outra ou cando perdese a autorización, verificado o cumprimento efectivo das súas obrigas.

Artigo 15º.-Rexistro de persoas compradoras autorizadas.

1. Créase o rexistro público de persoas compradoras autorizadas da Comunidade Autónoma de Galicia, no cal se inscribirán os datos das persoas compradoras autorizadas, con domicilio social en Galicia.

2. O dito rexistro dependerá da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria e rexerase polo establecido neste decreto e demais disposicións que o desenvolvan.

3. A inscrición no rexistro será efectuada de oficio polo Fogga. As inscricións incorporaranse a un ficheiro automatizado, que se axustará ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. A responsabilidade do dito ficheiro recaerá na dirección do Fogga, ante quen as persoas interesadas poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación ou cancelación.

4. O rexistro, no cal constarán os datos que se inclúen no anexo XXIII, estrutúrase nas cinco seccións seguintes:

a) Sección I. As persoas compradoras autorizadas

b) Sección II. As persoas físicas ou xurídicas que perdesen a autorización.

c) Sección III. As persoas físicas ou xurídicas que solicitasen a autorización e lles fose denegada, así como os motivos da denegación.

d) Sección IV. As persoas físicas ou xurídicas inhabilitadas por sanción, durante o período de inhabilitación.

e) Sección V. Os industriais cuxa sede social se atope en Galicia.

5. As novas autorizacións que afecten a sección I levaranse a cabo unha soa vez ao ano e terán efectos desde o comezo do período seguinte de taxa láctea.

6. As persoas compradoras autorizadas serán identificadas por un número de rexistro, baseado no seu número de identificación fiscal (NIF), que deberá constar en todos os documentos relativos ao réxime da taxa láctea.

7. As persoas compradoras autorizadas inscritas na sección I deberán manter actualizados os datos que constan no rexistro, e comunicarlle ao Fogga as modificacións que se produzan, no prazo de dez días a partir do día en que se produza a modificación, xuntando os documentos xustificativos.

Artigo 16º.-Titularidade das autorizacións de persoas compradoras.

1. A autorización de persoa compradora de leite a persoas produtoras ten carácter persoal e intransferible e non constitúe dereito que poida ser obxecto de transmisión, salvo nos supostos, relativos a persoas físicas, por xubilación, declaración de ausencia, incapacidade ou morte. En tal caso, os sucesores na actividade económica poderán manter a autorización, e asumirán solidariamente todos os compromisos e obrigas do autorizado coa Administración, sempre que, no prazo dos seis meses seguintes, llo notifiquen á persoa directora do Fogga para que se comprobe o cumprimento dos requisitos exixidos para ser persoa compradora autorizada.

2. Non obstante, nos supostos previstos no punto anterior, a instrución dun procedemento administrativo á persoa titular da cal puidese derivar a retirada da súa autorización, conforme o sinalado no artigo seguinte, suporá a suspensión cautelar da eficacia da transmisión ata a firmeza da resolución do procedemento, non procedendo a transmisión se a resolución firme acordase a retirada da autorización.

Artigo 17º.-Perda da autorización de persoa compradora.

1. A persoa directora do Fogga retirará a autorización de persoa compradora nos seguintes supostos:

a) Por instancia da persoa titular, por desaparición, incapacidade, xubilación ou morte, en caso de persoas físicas, ou por disolución, en caso de persoas xurídicas, ou pola perda sobrevida dalgún dos requisitos establecidos no artigo 11º deste decreto. Nestes supostos, a persoa compradora comunicarallo á persoa directora do Fogga, de forma que faga fe, dentro do mes seguinte á data en que se produciron.

b) De oficio:

1º Por incumprimento dalgún dos requisitos do artigo 11º. En particular, no que se refire ao requisito do parágrafo 4.a).2º do dito artigo, considerarase incumprido cando a persoa compradora comercializadora non acade a cantidade mínima establecida naquel durante dous períodos consecutivos ou cando non acade, candomenos, o 80 por cento dela nun período dado.

2º Cando transcorran dous períodos consecutivos sen que a persoa compradora transformadora realizase compras de leite.

2. Cando transcorra un período sen que a persoa compradora realizase compras de leite, a súa autorización considerarase en suspenso e non estará obrigada a presentar, durante o segundo período tras o primeiro sen actividade, as declaracións establecidas neste decreto. Se a persoa compradora desexa continuar as compras no transcurso do segundo período, deberallo comunicar á persoa directora do Fogga no prazo establecido no artigo 12º.1., caso en que a autorización se volverá a considerar en activo desde a data en que se declare a primeira compra.

3. Con independencia da aplicación do réxime sancionador que proceda, o Fogga incoará o procedemento de retirada da autorización cando comprobe o incumprimento dos requisitos determinantes da súa concesión, nos termos previstos na normativa comunitaria, estatal e neste decreto.

4. Nos casos de retirada da autorización que comporte a inhabilitación da persoa titular, mentres esta subsista, os medios con que contase a inhabilitada como persoa compradora non poderán ser achegados por ningún outro solicitante.

5. Durante a inhabilitación da persoa compradora, non procederá nova autorización nos seguintes supostos:

a) Se a persoa compradora inhabilitada é unha persoa física: ao seu cónxuxe nin aos que teñan con eles relacións de consanguinidade ou de afinidade, ata o segundo grao, nin tampouco ás persoas xurídicas nas cales tivesen participación, directa ou indirecta, nin nas cales desempeñasen un cargo de dirección ou representación, calquera que fose.

b) Se a persoa compradora inhabilitada é unha persoa xurídica: ás persoas xurídicas nas cales participe ou polas cales sexa participada, directa ou indirectamente, nin tampouco ás persoas físicas que tivesen nelas participación ou a tivese o seu cónxuxe ou os que teñan con eles relación de consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao, nin ás que desempeñen nelas un cargo de dirección ou representación.

6. Con independencia da data de perda da autorización, esta manterá a súa vixencia, para os efectos das compras a persoas produtoras, ata o final do mes seguinte ao da súa notificación á persoa compradora, sen prexuízo do total cumprimento futuro das obrigas adquiridas durante o seu exercicio como persoa compradora autorizada. A persoa directora do Fogga notificará de inmediato a perda da súa autorización ás persoas produtoras do seu ámbito que realicen entregas á persoa compradora afectada, ademais de comunicarllo inmediatamente ao FEGA.

Artigo 18º.-Altas e baixas de persoas produtoras.

1. As persoas compradoras autorizadas darán de alta na súa contabilidade material todas as persoas produtoras ás cales compren leite, con efectos da data en que realicen a primeira entrega.

2. As persoas produtoras que deixen de vender o seu leite a unha persoa compradora autorizada serán dados de baixa por esta con efectos da data da última entrega realizada. Ás ditas persoas produtoras que causen baixa a persoa compradora autorizada entregaralles, de forma que faga fe, o certificado das cantidades totais compradas no período de taxa láctea a que se refire o artigo 10.3º deste decreto.

3. Dentro dos 20 primeiros días de cada mes, as persoas compradoras autorizadas comunicaranlle á persoa directora do Fogga os movementos de altas e baixas que se producisen no inmediato precedente, para o cal utilizarán o modelo do anexo XI.

4. As persoas produtoras, cuxos balances anuais estean incluídos na relación declarada por unha persoa compradora autorizada, conforme o establecido no artigo 24º, e figuren de alta ao final de período de taxa láctea a que correspondan, continuarán nesa mesma situación desde o primeiro día do período seguinte.

Artigo 19º.-Documentación das compras.

1. Cada entrega realizada por unha persoa produtora a unha persoa compradora autorizada deberase identificar e documentar cun comprobante que reúna os requisitos e detalles que figuran no artigo 8.3º deste decreto.

2. A persoa compradora é a responsable de lle entregar á persoa produtora o comprobante citado, mesmo cando alguén realizase a recolla no seu nome. Outro exemplar acompañará o leite transportado ata o seu destino, xunto cunha relación completa (folla de ruta) das persoas produtoras de que proceda, identificados co seu NIF e a localización das explotacións, das cales figurará o código que teñan asignado polas autoridades competentes na materia.

3. Na descarga dos produtos transportados, serán pesados no seu conxunto, e expresarán o seu peso no talón de báscula correspondente, así como a data e hora da pesada e a identificación da cisterna de descarga. Este documento unirase á folla de ruta, como comprobante das recollas, e quedará baixo a custodia da persoa compradora autorizada. No suposto de transvasamento a outro transporte ou a un depósito intermedio, reflectirase reciprocamente na documentación de ambos.

4. As persoas compradoras transformadoras cuxas compras totais sexan inferiores a tres millóns de quilogramos por período poderán empregar medidores volumétricos cando non dispoñan de báscula, sempre que poidan expedir un talón que conteña a mesma información que o talón de báscula e que se siga o procedemento descrito no punto anterior. As persoas compradoras transformadoras artesás poderán utilizar calquera outro método para pesar ou medir o volume do leite descargado, sempre que manteñan un rexistro que conteña polo menos a mesma información que o talón de báscula mencionado no punto 3.

5. Todos os documentos xustificativos das entregas correspondentes a un período de taxa láctea se conservarán á disposición do Fogga durante, candomenos, tres anos contados a partir do final do ano a que correspondan.

Artigo 20º.-Contabilidade das compras.

1. As persoas compradoras autorizadas deberán levar ao día a contabilidade material de todas as compras realizadas no período de taxa láctea tanto a persoas produtoras como a calquera outro suxeito que actúe no ámbito do sector lácteo. A contabilidade de cada período de taxa láctea conservarase á disposición do Fogga, candomenos, tres anos, contados a partir do final do ano a que corresponda, xunto cos seus xustificantes.

2. O día 20 de cada mes deberán estar contabilizadas e documentadas todas as cantidades entregadas polas persoas produtoras e, de ser o caso, as compradas a outros operadores no mes inmediato anterior, e acumuladas coas dos meses precedentes do período. As ditas cantidades expresaranse en quilogramos, sen decimais, referidas ao contido representativo de graxa correspondente a cada persoa produtora. Para tal efecto, as persoas compradoras autorizadas analizarán en laboratorios homologados, candomenos, unha mostra tomada das entregas realizadas no mes por cada persoa produtora. Nas compras a outros operadores, determinarase a graxa sobre unha mostra de cada transporte.

3. A contabilidade material rexistrarase en follas numeradas consecutivamente, numeración que se iniciará con cada período de taxa láctea. Destinarase unha folla independente, para o cal se utilizará o modelo que se recolle no anexo XII, a cada persoa produtora ou a calquera outro operador ao cal realicen compras. A dita contabilidade poderase realizar e rexistrar por medios informáticos sempre que se recollan os mesmos datos con igual detalle e se poidan pór á disposición do Fogga para os efectos oportunos.

Artigo 21º.-Axustes por graxa.

1. Na contabilidade material das compras de leite figurará o seu contido medio en graxa, expresado como porcentaxe en peso con dous decimais, do leite comprado mensualmente a cada persoa produtora. Nos arredondamentos aplicarase a regra do cinco.

2. De se produciren diferenzas entre o contido en graxa do leite comprado, co representativo correspondente á cantidade de referencia individual, realizaranse os axustes cuantitativos necesarios conforme os coeficientes recollidos na táboa do anexo XIII.

3. O cálculo de equivalencias das compras totais de leite axustadas en graxa ao longo do período efectuarase aplicando ao total a porcentaxe media ponderada, en función das cantidades compradas mensualmente.

Artigo 22º.-Facturación e pagamento das compras.

1. As obrigas de facturación entre persoas compradoras e produtoras polo leite entregado nun mes deberanse cumprir dentro do mes seguinte.

2. Ademais de cumpriren todos os requisitos legalmente exixibles, as facturas, emitiranse cos seguintes:

a) Referiranse ao leite entregado e serán comprensivas de todas e cada unha das recollas realizadas. O detalle de cada entrega, coa súa data e cantidade, poderase expresar nela ou unir como documento adxunto, integrando a factura. Así mesmo, e con igual tratamento, quedará constancia da cota dispoñible de acordo cos datos de que se dispoña no momento de emitir a factura.

b) Expresarán o contido medio en graxa do leite, conforme o punto 1 do artigo anterior.

c) Os premios ou penalizacións por calidade ou por calquera outro concepto terán expresión clara e detallada e deberán responder a criterios obxectivos, conforme os resultados de probas analíticas ou outros que se poidan acreditar documentalmente.

d) Os demais establecidos no artigo 8.4º deste decreto.

3. Os pagamentos das facturas faranse obrigatoriamente mediante transferencia bancaria ou cheque nominativo cruzado a favor da persoa produtora. En calquera caso, deberán conservar os documentos xustificativos tanto a persoa compradora como a persoa produtora.

4. As compravendas de leite entre outras persoas físicas ou xurídicas serán facturadas e pagadas cos mesmos requisitos e detalle que se recollen nos puntos 2 e 3 anteriores.

5. Ás facturas e aos documentos acreditativos dos pagamentos aplicaráselles o establecido no artigo 19.5º. deste decreto.

6. As facturas, xunto coa documentación acreditativa dos pagamentos e a das entregas (comprobantes, albarás, talóns de báscula, follas de ruta, relacións, boletíns de análise, etc.), constitúen a documentación xustificativa da procedencia do leite e a da súa contabilidade material.

Artigo 23º.-Compras simultáneas a unha mesma persoa produtora.

No caso de que unha persoa produtora efectúe entregas simultáneas a varias persoas compradoras durante un período de taxa láctea determinado, estes deberanlle remitir dentro dos 20 primeiros días de cada mes un certificado elaborado de acordo co modelo do anexo VI, en que figuren as entregas realizadas no mes inmediato anterior e o contido medio de graxa destas, e, no caso de non o faceren, as persoas produtoras deberánllelos exixir.

Artigo 24º.-Declaración de compras e vendas.

1. No período comprendido entre o día 1 de abril e o día 14 de maio ou o inmediato hábil anterior, no caso de ser festivo, as persoas compradoras autorizadas presentaranlle á persoa directora do Fogga, por medios telemáticos:

a) Unha relación dos balances da contabilidade material cerrados ás persoas produtoras, a que se refire o artigo 20º, para o cal utilizarán o modelo do anexo XIV, en que se recollerán tanto a cantidade total de leite entregada como a corrixida en graxa e o importe aboado a cada persoa produtora. No caso de anos bisestos, estas cantidades axustaranse reducindo nun sesentavo as correspondentes aos meses de febreiro e marzo.

b) Unha declaración en que se relacionen todas as compravendas de leite e produtos lácteos realizadas a calquera outro operador, segundo a contabilidade establecida no artigo 20º, para o cal utilizarán o modelo do anexo XV.

2. En igual prazo e polos mesmos medios, as persoas compradoras transformadoras autorizadas presentaranlle, ademais, á persoa directora do Fogga unha declaración do uso dado a todo o leite comprado, con expresión detallada da cantidade utilizada como materia prima para a fabricación de cada un dos produtos, dos cales tamén constarán as cantidades, expresadas en equivalentes de leite, obtidas e comercializadas, tanto para o consumo como para sucesivas transformacións ou á intervención, para o cal utilizarán o modelo do anexo XVI. Na dita declaración tamén se farán constar expresamente as cantidades de equivalentes de leite que ao final do período de taxa láctea tivesen almacenadas como materias primas, as que se encontrasen en proceso de transformación e as almacenadas como produtos terminados. Como documentación xustificativa desta declaración consideraranse os partes de fabricación e de existencias no período, así como a contabilidade financeira da empresa e a que dea soporte aos seus respectivos apuntamentos.

3. As persoas compradoras autorizadas que non efectuasen compras de leite durante o período de que se trate deberán declarar expresamente a dita circunstancia, en idéntico prazo.

4. Sen prexuízo da declaración anual de balances a que se refiren os puntos precedentes, as persoas compradoras autorizadas presentarán ante a persoa directora do Fogga, por medios telemáticos:

a) Dentro dos 20 primeiros días de cada mes, a declaración a que se refire o punto 1.a), correspondente ao mes inmediato anterior, para o cal utilizarán o modelo do anexo XVII.

b) Dentro dos 20 primeiros días dos meses de xullo, outubro, xaneiro e abril, a declaración a que se refire o punto 1.b), correspondente aos tres meses inmediatamente anteriores, para o cal utilizarán o modelo do anexo XV.

Artigo 25º.-Industriais.

1. Os industriais con sede social en Galicia deberanlle comunicar á persoa directora do Fogga, antes do inicio da súa actividade, a súa intención de adquiriren leite para a súa transformación en produtos lácteos ou outros produtos, mediante a declaración segundo o anexo XVIII, en que detallarán os medios con que contan para acreditaren a súa condición de industrial.

2. O Fogga poderá comprobar os medios de que dispoña o industrial, que estarán identificados conforme a normativa vixente.

3. Os industriais, para os efectos deste decreto, estarán obrigados a:

a) Contabilizar e documentar as compras e vendas de leite e doutros produtos lácteos que realicen, de maneira que queden identificadas as cantidades e a súa orixe ou destino.

b) Emitir as facturas e realizar o pagamento das compras aos seus provedores segundo o artigo 22º deste decreto.

c) Presentar ante a persoa directora do Fogga as declaracións, cos mesmos detalles, requisitos e efectos que os establecidos no artigo 24º deste decreto, para as persoas compradoras transformadoras, entendéndose que nas ditas declaracións quedarán identificados os clientes e os provedores.

d) Efectuar a declaración de todos os produtos que fabrique ou vaia producir, coa expresión dos seus equivalentes de leite, e actualizala conforme o punto 5 do artigo 11º.

e) Cumprir os requisitos establecidos para as persoas compradoras transformadoras no artigo 11.4º.b).1º, 2º e 3º.

4. As compras polos industriais ás persoas compradoras autorizadas e, en xeral, calquera compravenda ou transporte de leite ou de produtos lácteos serán documentadas cos mesmos requisitos e exixencias establecidos nos artigos 19º e 20º deste decreto.

5. Os industriais poderanlles vender leite a persoas compradoras transformadoras ou a outros industriais, sempre que as ditas vendas non constitúan a súa actividade principal.

Artigo 26º.-Transportistas.

1. A persoa propietaria do leite ou dos produtos lácteos transportados é a responsable de lle exixir ao transportista o cumprimento de todas as súas obrigas.

2. Para os efectos deste decreto, o condutor que realice o transporte considerarase representante da persoa propietaria da mercadoría.

3. O condutor deberá manter permanentemente actualizado o documento folla de ruta conforme o modelo do anexo XIX, que permanecerá baixo a súa custodia ata a terminación do transporte, momento en que se trasladará a quen se faga cargo do leite conforme o artigo 19º.

Nela faranse constar as cantidades cargadas, con expresión da data, hora e lugar, depósito e persoa propietaria inicial do leite, e as descargas con igual información de destino. Cada movemento estará documentado cun albará de entrega, de báscula ou outro equivalente de comprobación. Durante o transporte, a folla de ruta estará á disposición do Fogga.

Artigo 27º.-Transaccións fóra do territorio peninsular español e das Illas Baleares.

1. Todas as transaccións, xa sexan compras ou vendas, de leite ou doutros produtos lácteos con orixe ou destino fóra do territorio peninsular español ou das Illas Baleares deberanse contabilizar e declarar cos requisitos que os artigos 20º, 21º e 24º establecen para as persoas compradoras autorizadas. No caso dos outros produtos lácteos, a súa contabilidade e declaración expresaranse, ademais, polos seus equivalentes en leite.

2. A procedencia ou destino do leite e dos outros produtos lácteos e a súa contabilidade xustificaranse conforme o artigo 22.6º.

3. Os suxeitos diferentes dos regulados no artigo 4ºg) e h), que realicen actividades a que se refire este artigo, deberanlle comunicar á persoa directora do Fogga, antes do inicio das ditas actividades, a súa intención de as realizaren mediante unha comunicación que conteña os datos recollidos no anexo XVIII.,nese caso, non lles será de aplicación o establecido no artigo 6.3º.

Capítulo III

Xestión e recadación da taxa láctea

Artigo 28º.-Retencións á conta da taxa.

1. Cando ao longo do período de taxa láctea as cantidades entregadas polas persoas produtoras superen a cantidade de referencia individual asignada, practicaránselles as retencións que se regulan neste artigo, que terán a consideración de cantidades pagas á conta da taxa láctea.

2. As persoas compradoras autorizadas reteranlles ás persoas produtoras os importes que resulten de aplicar, ás cantidades superadas no mes precedente, o 10 por cento do tipo de gravame da taxa láctea a que se refire o artigo 5.6º deste decreto.

3. As retencións practicadas figurarán expresamente nas facturas correspondentes ás entregas do mes a que se apliquen, coa expresión do detalle dos quilogramos superados e do importe unitario aplicable a cada un deles, e detraeranse do montante final que debe percibir a persoa produtora.

4. No caso de que unha persoa produtora efectúe entregas simultáneas a varias persoas compradoras, cada unha destas deberá aplicar retencións ás entregas que reciba a partir do mes en que se producise o exceso.

Para iso, deberán ter en conta as cantidades recollidas nos certificados obrigatorios expedidos polas outras persoas compradoras, que lles deben ser facilitados pola persoa produtora a cada un deles, tal como se establece nos artigos 9º.2 e 23º deste decreto.

5. Se unha persoa produtora cambia de persoa compradora e xa tivo exceso da súa cantidade de referencia, a nova persoa compradora aplicará o importe da retención á conta a todas as cantidades entregadas.

6. As persoas produtoras con cota de venda directa non están sometidos a retencións polas cantidades que a excedan, pero si polas que superen a súa cantidade individual de referencia de entregas a persoas compradoras autorizadas.

Artigo 29º.-Declaración e pagamento das retencións.

1. As persoas compradoras autorizadas aboaranlle ao FEGA nunha conta única establecida para o efecto, e declararanlle á persoa directora do Fogga o importe das retencións practicadas dentro dos 20 primeiros días naturais do mes seguinte a aquel a que correspondan, utilizando, respectivamente, os modelos dos anexos XX e XXI.

2. As persoas compradoras deberanlle remitir á persoa directora do Fogga, dentro dos 10 días naturais seguintes ao de cada ingreso, o orixinal do documento de pagamento debidamente dilixenciado pola entidade financeira, acompañado do detalle correspondente ás cantidades retidas ás persoas produtoras, que conterá a información recollida no anexo XXI.

3. Os montantes económicos que resulten da aplicación do disposto neste artigo terán a consideración de cantidades pagas á conta da taxa láctea.

Artigo 30º.-Cálculo e liquidación da taxa láctea.

O cálculo e a liquidación da taxa láctea farase de acordo co establecido do artigo 31 do Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea.

Artigo 31º.-Comunicación e notificación da liquidación da taxa láctea.

1. Despois do cálculo efectuado, a persoa directora do Fogga notificará o importe da liquidación da taxa practicada a:

a) As persoas compradoras autorizadas por cada unha delas.

b) As persoas produtoras con cota de venda directa cuxas explotacións estean asentadas en Galicia.

c) Os suxeitos pasivos recollidos no artigo 5.4º deste decreto.

2. As notificacións efectuaranse antes do 1 de agosto seguinte ao peche do período a que se refieren, agás cando se trate das liquidacións a que fai referencia o artigo 37º deste decreto.

3. As persoas compradoras autorizadas darán traslado das mencionadas liquidacións a cada unha das persoas produtoras, con carácter previo á repercusión a que se refire o punto 3 do artigo seguinte.

Artigo 32º.-Pagamento da taxa láctea.

1. Os obrigados ao pagamento da taxa láctea aboarán o importe debido segundo a liquidación practicada na conta do FEGA establecida para tal efecto nos prazos determinados pola Lei 58/2003, do 17 de decembro.

2. O orixinal do documento «Orde de pagamento» (anexo XXII), debidamente dilixenciado pola entidade financeira, seralle remitido á persoa directora do Fogga, dentro dos 10 días naturais seguintes á data do ingreso.

3. As persoas compradoras repercutirán nas persoas produtoras o importe da taxa que aboasen por eles por calquera medio adecuado que quede documentado, mesmo deducíndoo das facturas correspondentes ás entregas que lles fagan a partir do mes en que a pagaron.

Artigo 33º.-Devolucións.

1. O Fogga devolveralles ás persoas produtoras, dentro do período seguinte de taxa láctea, as cantidades retidas á conta nos supostos seguintes:

a) No caso de sobrepasamento da cantidade de referencia nacional, os excesos das retencións á conta ás persoas produtoras sobre as liquidacións practicadas a cada unha delas.

b) No caso de que non se produza sobrepasamento, todas as cantidades retidas á conta.

2. Cando unha nova liquidación de taxa láctea modificase outra anterior minorando o seu importe e resultando unha cantidade a devolver, o Fogga devolveralla á persoa compradora que efectuou o pagamento, no prazo que corresponda. Nos 15 días naturais seguintes á recepción desta devolución, a persoa compradora aboará a parte que corresponda a cada persoa produtora na cal repercutiu previamente a taxa correspondente á liquidación posteriormente modificada.

3. A persoa compradora, nos 15 días naturais seguintes ao da realización das transferencias a que se refire o punto anterior, comunicaralle á persoa directora do Fogga as devolucións realizadas ás persoas produtoras.

Capítulo IV

Controis da taxa láctea

Artigo 34º.-Réxime aplicable aos controis da taxa láctea.

1. As actuacións de control serán realizadas conforme o establecido na normativa comunitaria aplicable, na Lei 58/2003, do 17 de decembro, na súa normativa de desenvolvemento, no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, e neste decreto.

2. Poderán ser obxecto de control todas as persoas físicas ou xurídicas que interveñan en calquera das fases de produción e de comercialización do leite e produtos lácteos.

3. O Fogga realizará os controis previstos no réxime de taxa ás persoas produtoras, compradoras e industriais cuxas explotacións ou sede social, respectivamente, se encontren en Galicia.

Artigo 35º.-Planificación dos controis.

1. Para a realización dos controis será de aplicación o establecido nos artigos 19 a 22 do Regulamento (CE) nº 595/2004 da Comisión, do 30 de marzo de 2004, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1788/2003 do Consello.

2. O Fogga colaborará na elaboración do Plan xeral de controis co FEGA e coas demáis comunidades autónomas, de acordo co establecido no artigo 19 do Regulamento (CE) nº 595/2004 da Comisión.

3. Con independencia dos controis establecidos no Plan xeral a nivel estatal, o Fogga poderá desenvolver cantas actuacións de comprobación ou de investigación considere precisas.

4. Os controis, en todas as súas actividades, tanto as de planificación como as de actuación, serán confidenciais e a documentación xerada terá carácter reservado.

Artigo 36º.-Actuacións de control.

1. As actuacións de control no réxime de taxa láctea serán realizadas por persoal funcionario público, debidamente acreditado polo Fogga para o exercicio de tales funcións, e desenvolveranse conforme os procedementos previstos na lexislación tributaria, no Real decreto 754/2005 e no disposto neste decreto. Non obstante o anterior, poderán ser auxiliados polo persoal de apoio que se considere necesario.

2. Poderán ser suxeitos de actuacións de control todos os mencionados no artigo 5º deste decreto, así como calquera persoa física ou xurídica que teña relación directa ou indirecta coas actividades reguladas no marco do réxime de taxa láctea.

3. Nas actuacións de control, os suxeitos sometidos a el estarán obrigados a colaborar co persoal funcionario que as realice e a poñer á súa disposición toda a documentación que permita verificar o adecuado cumprimento das obrigas relativas ao réxime de taxa láctea: contabilidade principal e auxiliar, libros, facturas, documentos, o libro de rexistro a que se refire o artigo 14 do Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina, así como o rexistro establecido no artigo 7.1º do Real decreto 217/2004, do 6 de febreiro, e demais xustificantes concernentes á súa actividade e, en particular, toda aquela documentación que permita verificar a procedencia e destino do leite e a coherencia entre as compras e as vendas declaradas.

En todo momento, o persoal funcionario actuante terá acceso á contabilidade financeira e á material das compras e vendas realizadas, a todos os seus elementos xustificantes e a calquera outro que se considere oportuno, con independencia do soporte documental ou informático en que estea contida.

4. Tamén poderá acceder a todas as instalacións en que se desenvolvan actividades relacionadas ou que puidesen ter relación co réxime da taxa láctea, incluso aos equipamentos informáticos e de comunicacións.

5. O persoal funcionario actuante poderá solicitar copias documentais ou informáticas de toda a información posta á súa disposición, calquera que for o seu soporte.

6. Toda persoa física ou xurídica, pública ou privada, está obrigada a colaborar nas actuacións e a subministrar por requirimento do Fogga todos aqueles datos, informes ou antecedentes derivados das súas relacións económicas ou comerciais cos suxeitos a que lles é aplicable o réxime de taxa láctea.

7. As actuacións de control documentaranse mediante dilixencias, comunicacións, actas e informes e cos documentos solicitados no curso daquelas.

Artigo 37º.-Liquidacións derivadas das actuacións de control.

As cantidades de leite comercializado que se poñan de manifesto como resultado das actuacións de control darán lugar á correspondente liquidación da taxa láctea, sen que proceda compensación de ningún tipo.

Capítulo V

Réxime sancionador

Artigo 38º.-Principios da potestade sancionadora.

Ao réxime sancionador en materia de taxa láctea seranlle de aplicación os principios da potestade sancionadora en materia tributaria nos termos establecidos na Lei 58/2003, do 17 de decembro, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 39º.-Infraccións e sancións.

As infraccións do disposto neste decreto sancionaranse de conformidade co previsto no artigo 97 da Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e coa demais normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

A Lei 58/2003, do 17 de decembro, aplicarase cando o feito infractor non estea tipificado nalgunha das normas anteriores.

Artigo 40º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador será tramitado polo Fogga e, en todo caso, de forma separada ao de liquidación da taxa láctea.

2. O procedemento para a imposición de sancións en materia de taxa láctea será, segundo proceda, o establecido polo Regulamento xeral do réxime sancionador tributario, aprobado polo Real decreto 2063/2004, do 15 de outubro, ou polo Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

Artigo 41º.-Órganos competente para a iniciación, tramitación e resolución dos procedementos sancionadores.

1. A iniciación dos procedementos sancionadores en materia de taxa láctea corresponderá á persoa directora do Fogga, e a instrución, ás unidades administrativas dependentes da dirección do dito organismo.

2. Os órganos competentes para a resolución dos procedementos e para a imposición de sancións en materia de taxa láctea serán os seguintes:

a) Para as infraccións leves e graves, á persoa directora do Fogga.

b) Para as infraccións moi graves, a persoa titular da presidencia do Fogga.

Capítulo VI

Sistemas de información e procedementos telemáticos

Artigo 42º.-Sistema de información do réxime de taxa láctea.

1. O Fogga rexistrará no sistema SITASUP-CA en bases de datos informatizadas a información relativa á xestión e ao control do réxime de taxa láctea e garantirá o seu funcionamento actualizado. O seu funcionamento permitirá que a información contida nas ditas bases de datos, as altas as baixas e modificacións, teñan un reflexo inmediato na base de datos do sistema de información da taxa láxtea (SITALAC) que xestiona o FEGA.

2. Para cada un dos procedementos en materia de taxa láctea, o Fogga establecerá as súas bases de datos de xeito que as persoas compradoras e industriais poidan realizar as súas declaracións de forma telemática, conforme o establecido neste decreto. A presentación por vía telemática axustarase, en todo caso, ao disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o rexistro telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

3. O SITASUP-CA será accesible a persoas produtoras, compradoras e industriais, para a información que lles compete, sen prexuízo da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

4. Para garantir a uniformidade do sistema de información, a presentación telemática das declaracións a que fan referencia os anexos XI, XIV, XV, XVII e XX axustarase aos deseños dos rexistros de entrada de datos recollidos nos ditos anexos.

5. A persoa directora do Fogga poderá autorizar, por petición das persoas interesadas, que as declaracións que, de conformidade co previsto neste decreto e no Real decreto 754/2005, deban realizar por medios telemáticos as persoas compradoras transformadoras e industriais cuxas compras totais sexan inferiores a un millón de quilogramos, poidan presentarse en soporte papel.

Disposición adicionais

Primeira.-As entidades asociativas reguladas no artigo 6º.a) da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, que, en 1 de abril de 2004, estivesen autorizadas como persoas compradoras ou constituídas de modo que incluísen no seu obxecto social a actividade de comercialización de leite, beneficiaranse das seguintes excepcións do réxime xeral, sempre que as súas compras de leite procedan na súa integridade de persoas produtoras asociadas:

a) Quedarán dispensadas da fianza exixida no artigo 14º para operaren como persoas compradoras comercializadoras. Así mesmo, quedarán dispensadas da prestación de fianza as entidades asociativas que se constitúan por fusión das anteriores.

b) A obriga prevista no artigo 11º.4.a).2.º entenderase realizada cando se acade a metade do volume exixido.

c) Malia o disposto no artigo 11.7º, as cooperativas agrarias de primeiro grao e as sociedades agrarias de transformación que teñan autorización como persoas compradoras comercializadoras poderanlles vender leite ás cooperativas agrarias de segundo grao e ás agrupacións de sociedades agrarias de transformación nas cales estean integradas, sempre que, en 1 de abril de 2004, estivesen autorizadas como persoa compradora comercializadora, ou constituídas de modo que incluísen no seu obxecto social a actividade de comercialización de leite.

Neste caso, as cooperativas agrarias de segundo grao e as agrupacións de sociedades agrarias de transformación estarán obrigadas a cumprir todos os requisitos e obrigas que se lles exixen neste decreto ás persoas compradoras comercializadoras, sen prexuízo dos beneficios a que se refiren os dous parágrafos anteriores. Só poderán adquirir leite procedente das cooperativas agrarias de primeiro grao e das sociedades agrarias de transformación que estean integradas nelas.

d) Malia o disposto no artigo 11.8º, no caso das cooperativas agrarias de primeiro grao autorizadas como persoas compradoras transformadoras, as vendas de leite a outras persoas compradoras transformadoras ou a industriais, poderán constituír a súa actividade principal.

Segunda.-En todas aquelas cuestións non previstas no presente decreto, será de aplicación o disposto no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea.

Disposición transitoria

Única.-Todos os procedementos administrativos, incluídas revisións, reintegros, aplicación de procedementos sancionadores e os actos que deles deriven, que se xeren como resultado da produción ou comercialización de leite de vaca no marco deste decreto e da normativa aplicable ao réxime de taxa láctea con anterioridade á súa entrada en vigor, se o feito xerador foi anterior ao 1 de abril de 2007, serán resoltos ata a súa terminación polo FEGA.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto e, en particular, para modificar os anexos, datas e prazos contidos nel, para a súa adaptación á normativa estatal, no caso de modificación desta.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Equivalencias en leite dos produtos lácteos

Para o cálculo da taxa aplicable aos produtos lácteos a determinación do equivalente en leite realizarase conforme as seguintes equivalencias:

1. Equivalencia peso/volume do leite: 1,03 quilogramos = 1 litro.

2. Nata: 1 quilogramo de nata = 0,263 quilogramos de leite x % materia graxa da nata, expresado en masa.

3. Manteiga: 1 quilogramo de manteiga = 22,5 quilogramos de leite.

4. Queixos: equivalencia por cada quilogramo de queixo elaborado exclusivamente con leite de vaca:

a) Frescos: 1 quilogramo de queixo = 5 quilogramos de leite.

b) Curados moles: 1 quilogramo de queixo = 7 quilogramos de leite.

c) Os demais: 1 quilogramo de queixo = 9,5 quilogramos de leite.

Para os queixos elaborados con mestura de leite de máis dunha especie animal utilizaranse os mesmos coeficientes, afectados pola porcentaxe que represente en mestura o leite de vaca.

5. Outros produtos lácteos: os seus equivalentes en leite determinaranse de acordo co % de leite de vaca que entra na súa composición e tendo en conta a graxa procedente del. Non obstante, se se puider proporcionar, satisfactoriamente, a proba das cantidades de leite efectivamente utilizadas para a fabricación dos produtos de que se trate, o Fogga utilizará a dita proba en lugar das equivalencias previstas nos puntos 2 a 5 anteriores.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

ANEXO XXIII

* Rexistro de comprador.

Nome apelidos ou razón social do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

CIF/NIF do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Número de rexistro do comprador autorizado de leite de vaca a produtores, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Tipo de comprador (transformador, comercializador, artesán ou operador loxístico), industrial ou cooperativa de 2º grao.

Domicilio social do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Localidade do domicilio social.

Municipio do domicilio social.

Provincia do domicilio social.

Código postal do domicilio social.

Número de teléfono 1 do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Número de teléfono 2 do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Número de fax do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Enderezo do correo electrónico do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Nome do 1º representante.

CIF/NIF do 1º representante.

Número de teléfono 1º representante.

Nome do 2º representante.

CIF/NIF do 2º representante.

Número de teléfono 2º representante.

Nome da persoa inhabilitada.

CIF/NIF da persoa inhabilitada.

Data de inicio da inhabilitación.

Data final da inhabilitación.

Indicación de representación mancomunada.

Exención de mínimos de actividade.

Exención de ½ mínimos de actividade.

Indicación de presentación de garantía.

Importe de garantía.

Data de solicitude da autorización.

Data de denegación da solicitude.

Motivo da denegación.

Data da autorización.

Data da suspensión.

Data de baixa ou retirada da autorización.

Número de instalacións.

Número de transportes.

Observacións.

* Instalacións do comprador, industrial ou cooperativas de 2º grao.

Número de sucursal.

Tipo de centro (recepción ou transformación).

Nome da sucursal.

Domicilio da sucursal.

Localidade da sucursal.

Municipio da sucursal.

Provincia da sucursal.

Código postal da sucursal.

Número de teléfono da sucursal.

Número de fax da sucursal.

Enderezo do correo electrónico da sucursal.

Dispoñibilidade (propiedade ou aluguer).

Número de rexistro de industrias agroalimentarias.

Nº de rexistro sanitario dos alimentos.

Dispoñibilidade de ordenador e conexión á internet.

Número de silos da sucursal.

Observacións.

* Silos da sucursal ou instalación.

Código letra_Q do silo.

Capacidade en litros do silo.

Marca do silo.

Modelo do silo.

Observacións.

* Cisternas ou envases de transporte do comprador, industrial ou cooperativa de 2º grao.

Código letra_Q.

Capacidade en litros.

Isoterma.

Matrícula.

Nome ou razón social do propietario.

Descrición.

Observacións.


No hay versiones para esta norma