Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes., - Diario Oficial de Galicia, de 17-12-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 241
  • Fecha de Publicación: 17/12/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade de servizo ofrecido aos cidadáns, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo que sexa referente para o desenvolvemento da Administración electrónica en Galicia e en todos os seus ámbitos.

Os cidadáns teñen que ser os primeiros e principais beneficiarios do acceso electrónico e a Administración queda obrigada a transformarse nunha administración electrónica rexida polo principio de eficacia que proclama o artigo 103º da nosa Constitución e polo artigo 1º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que recolle «.. o dereito dos cidadáns a se relacionar coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con estas coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguranza xurídica».

Trátase, por tanto, do recoñecemento legal do dereito dos cidadáns a relacionarse coa Administración por medios electrónicos. Esta nova concepción e modelo de relación leva unha serie de implicacións, máis alá do ámbito tecnolóxico, relacionadas co impacto a diferentes niveis e aspectos.

Así, o proceso de modernización administrativa no que nos atopamos inmersos implica a reforma dos procedementos e da actividade administrativa que, en España, se plasma no marco xurídico básico constituído pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e as normas de desenvolvemento, o Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e o Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade, no ámbito da Administración electrónica, que establece as condicións de seguridade necesarias no uso dos medios electrónicos, a través de medidas que garantan a seguridade dos sistemas, os datos, as comunicacións e os servizos electrónicos, de forma que permita aos cidadáns e ás administracións públicas o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes a través deles.

Deste xeito, o acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos supera a mera actuación procedimental ao referirse aos cidadáns e non aos interesados. Por outro lado, refírese aos servizos públicos e non unicamente aos servizos administrativos.

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia (DOG) non podía ser alleo a esta realidade, polo que este decreto pretende a desaparición da edición impresa e o establecemento da edición electrónica como única publicación, dotándoa de validez xurídica. Coa creación do DOG electrónico garantirase un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a través da rede a toda a cidadanía, sen límites temporais nin territoriais, que supoñerá a simplificación dos procesos de produción, a redución dos tempos de edición, a racionalización do gasto e a súa difusión gratuíta.

Con todo isto, preténdese conseguir unha administración diferente, que terá a electrónica como elemento central na súa modernización onde os seus efectos reais sobre a poboación irán encamiñados á utilización de medios e formas que reduzan a fenda tecnolóxica creando as condicións de confianza precisas para o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

Así, este decreto regula, entre outros, a existencia dun rexistro electrónico común para todas as entidades incluídas no ámbito de aplicación do decreto; os distintos tipos de actos administrativos que poden darse e as súas especialidades electrónicas, en particular os certificados, as copias etc.; a notificación dos actos administrativos, para o que se prevé incluso a creación dun taboleiro de anuncios electrónico; a sinatura electrónica necesaria tanto para a presentación de documentos como para a emisión de actos administrativos; os expedientes e arquivos electrónicos; os aspectos xerais dos procedementos iniciados de oficio e dos orixinados por instancia de parte e dos servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Xunta de Galicia; a creación do Diario Oficial de Galicia na súa versión electrónica; e outros. Da mesma maneira, a aplicación dos medios electrónicos serve para revisar os procedementos e os servizos e, se procede, para reducir a carga documental da persoa interesada e os prazos de resolución. Tamén é un obxectivo do decreto velar para que o uso intensivo dos medios electrónicos pola Xunta de Galicia e as entidades que a integran contribúa favorablemente ao desenvolvemento da sociedade da información en Galicia, a aplicación das políticas sectoriais do Goberno galego nesta materia e se garanta a independencia tecnolóxica.

Con respecto á estrutura, o decreto consta de 40 artigos, agrupados en nove capítulos, con tres disposicións adicionais, tres transitorias, unha derrogatoria e catro derradeiras.

O capítulo I regula o obxecto do decreto, o seu ámbito de aplicación e a finalidade da súa incorporación ao ordenamento xurídico galego.

Coa publicación da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, a sede electrónica convértese nun elemento fundamental que as administracións públicas deben regular e que debe ser o enderezo electrónico onde se han de poñer a disposición do cidadán tanto a información como o Rexistro Electrónico e os diferentes trámites regulados que se ofrecen por medios electrónicos. Deste xeito, o capítulo II deste decreto regula esta institución, así como os aspectos máis importantes do dereito do cidadán á información por medios electrónicos e a posibilidade de creación de taboleiros electrónicos que substitúan os taboleiros presenciais. Igualmente, neste capítulo recóllese a existencia do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, ao abeiro da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

O capítulo III regula a creación do Diario Oficial de Galicia na súa edición electrónica que terá unha consideración de publicación única, dotándo de validez xurídica, que substituirá a edición impresa.

O capítulo IV trata sobre os mecanismos de identificación e autenticación, tanto por parte do cidadán como polas entidades incluídas no ámbito de aplicación do decreto. Do mesmo xeito, recóllense as características da utilización da sinatura electrónica nas súas diferentes modalidades.

O capítulo V recolle os criterios para a habilitación de procedementos administrativos por instancia de parte, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Xunta de Galicia mediante a utilización de medios electrónicos. Ademais, regúlase a iniciación e tramitación do procedemento administrativo por medios electrónicos, así como o acceso das persoas interesadas á información sobre o estado de tramitación. Todo este sistema ten relación directa coa vontade de simplificación que impregna a norma para evitar que o cidadán, as empresas e as institucións teñan que achegar documentos que non sexan estritamente necesarios ou ben se poidan obter en formato electrónico directamente da propia Administración ou doutras coas correspondentes garantías de protección dos datos persoais. O decreto continúa coa tarefa de simplificación documental e dos procedementos administrativos que xa fora posta en marcha no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, o cal xa supón un primeiro paso para alcanzar os obxectivos establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que pretende abrir camiño para que toda relación entre o cidadán e a Xunta de Galicia se leve a cabo utilizando as tecnoloxías actualmente dispoñibles, potenciando a relación telemática entre ambos.

Os capítulos VI e VII regulan os aspectos da xestión e tramitación dos procedementos administrativos que se ven afectados pola incorporación de medios electrónicos e que requiren unha regulación específica. En concreto, o capítulo VI trata sobre a comunicación e o sistema de notificacións electrónicas. Por outra banda, o capítulo VII regula o documento electrónico, as copias electrónicas, a compulsa e dixitalización electrónica de documentos e o arquivo da documentación electrónica, atendendo ás súas características, forma de obtención, arquivo e validez destes.

O capítulo VIII trata sobre a interoperabilidade, atendendo tanto aos principios básicos que se materializarán no protocolo de interoperabilidade como nos estándares, infraestruturas e servizos comúns. Deste xeito, este capítulo ten por obxecto fomentar a cooperación interadministrativa. Neste sentido, este protocolo de interoperabilidade determinará o procedemento para incorporar e consumir a información en soporte electrónico das entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto.

O capítulo IX concreta as funcións que o órgano de dirección con competencias xerais en materia de desenvolvemento da administración electrónica leva a cabo en relación con este decreto, en desenvolvemento das competencias e funcións que lle atribúe o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia para o impulso, xestión e coordinación da Administración electrónica, como elemento indispensable para a modernización da Administración pública, a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e o establecemento de directrices tecnolóxicas que deben seguir todos os órganos da Xunta de Galicia.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo i

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos, a tramitación dos procedementos administrativos incorporados á tramitación telemática, a creación e regulación da sede electrónica, a creación da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e do Rexistro Electrónico, o impulso e desenvolvemento dos servizos electrónicos e o establecemento de infraestruturas e servizos de interoperabilidade.

Artigo 2º.-Finalidade.

1. As medidas establecidas neste decreto teñen por finalidade:

A) De carácter xeral:

a) Ordenar e impulsar a Administración electrónica, co gallo de mellorar a eficiencia interna, as relacións intra e interadministrativas e as relacións cos cidadáns.

b) Garantir o dereito dos cidadáns a relacionarse por medios electrónicos coa Administración pública autonómica.

c) Contribuír ao desenvolvemento da sociedade da información no ámbito das administracións públicas de Galicia.

d) Preservar a integridade dos dereitos fundamentais relacionados coa intimidade das persoas, para a garantía da seguridade dos datos e das comunicacións e para a protección dos servizos prestados en soporte electrónico.

e) Facilitar o acceso dos cidadáns aos servizos de Administración electrónica nas oficinas telemáticas integradas de atención aos cidadáns, baseadas na cooperación interadministrativa, ofrecendo servizos aos cidadáns en oficinas públicas, con independencia de cal sexa a Administración competente para coñecer o asunto.

f) Posibilitar a intermediación entre administracións públicas para a resolución de trámites administrativos solicitados aos cidadáns cando sexan da competencia da Xunta de Galicia.

B) En relación cos cidadáns:

a) Facilitar o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento dos seus deberes, empregando para iso soportes electrónicos e sen que supoña en ningún caso diminución das súas garantías xurídicas.

b) Facilitar o acceso por medios electrónicos dos cidadáns á información e ao procedemento administrativo, con especial atención á eliminación das barreiras que limiten este acceso.

c) Promover a proximidade co cidadán e a transparencia administrativa, así como a mellora continuada na consecución do interese xeral.

d) Posibilitar a utilización dos procedementos electrónicos dispoñibles dunha forma personalizada e directa.

e) Incrementar a participación cidadá na actividade administrativa.

f) Garantir unha estabilidade da información electrónica, entendida como valor de seguridade informativa e xurídica.

C) En relación coa Xunta de Galicia e os seus organismos públicos:

a) Contribuír á mellora do funcionamento interno da Xunta de Galicia e os seus organismos públicos, incrementando a eficacia e a eficiencia destas mediante o uso das tecnoloxías da información.

b) Fomentar os principios de proximidade ao cidadán e de transparencia na actividade administrativa.

c) Aumentar a eficiencia no exercicio das súas competencias e funcións polo emprego dos sistemas electrónicos máis avanzados en cada momento.

d) Simplificar os procedementos administrativos e proporcionar oportunidades de participación e maior transparencia.

e) Mellorar as condicións de satisfacción do interese público, simplificando os procedementos administrativos.

f) Fomentar o emprego das novas técnicas, informáticas, electrónicas e telemáticas nas súas relacións con outras administracións públicas no marco da cooperación e colaboración interadministrativas.

g) Contribuír na integridade, veracidade e actualización das informacións, servizos e transaccións ás que poden acceder.

2. A Xunta de Galicia debe implantar progresivamente o uso dos medios electrónicos nas comunicacións, relacións, trámites e prestacións de servizos cos cidadáns, así como nas súas comunicacións internas e con outras administracións públicas e institucións.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación:

a) A todos os órganos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ás entidades do sector público autonómico e aos órganos con dotación diferenciada nos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia que, carecendo de personalidade xurídica, non estean formalmente integrados na administración da comunidade autónoma. Estas entidades suxeitarán a súa actividade a este decreto en canto exerzan potestades administrativas, someténdose no resto da súa actividade ao que dispoñan as súas normas de creación.

c) Aos cidadáns cando se relacionan coa Xunta de Galicia e coas entidades incluídas neste artigo.

d) Ás relacións entre a Xunta de Galicia e as entidades incluídas neste artigo coas distintas administracións públicas, co debido respecto ás competencias propias destas.

Artigo 4º.-Definicións.

Os termos que se empregan neste decreto terán o significado que se establece no anexo da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, no anexo IV do Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica e no anexo do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica.

Artigo 5º.-Desenvolvemento e coordinación.

A planificación do desenvolvemento dos servizos electrónicos das entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º aprobaraa o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do órgano de dirección con competencias xerais en materia de desenvolvemento da Administración electrónica, no marco legal do desenvolvemento da Administración electrónica en Galicia.

Artigo 6º.-Previsións xerais.

a) Accesibilidade:

Na implantación dos sistemas a que se refire este decreto, a Xunta de Galicia adoptará todas as medidas técnicas necesarias co fin de satisfacer o previsto na normativa sobre accesibilidade.

b) Austeridade:

Na implantación dos sistemas a que se refire este decreto, a Xunta de Galicia adoptará todas as medidas de austeridade e disciplina do gasto precisas garantindo os criterios de eficiencia e transparencia establecidos.

c) Uso da lingua galega:

Na implantación dos sistemas a que se refire este decreto, a Xunta de Galicia adoptará todas as medidas técnicas necesarias co fin de satisfacer o previsto na normativa sobre o uso da lingua galega.

d) Promoción e difusión do uso da Administración electrónica:

A Xunta de Galicia adoptará todas as medidas de promoción, difusión e acceso á Administración electrónica a través da rede de oficinas de atención ao cidadán da Xunta de Galicia, ou doutras unidades orientadas á atención aos cidadáns.

e) Exercicio da competencia mediante a actuación administrativa automatizada:

As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º impulsarán a automatización dos procesos que polas súas características e por razóns de eficiencia o xustifiquen, sen que se produza ningunha redución de garantías dos administrados e, se procede, determinando o órgano responsable para os efectos de impugnación.

Artigo 7º.-Políticas de converxencia cara á igualdade efectiva.

1. Na aplicación das disposicións establecidas neste decreto, a Xunta de Galicia e as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º adoptarán todas as medidas necesarias cara á efectiva aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes.

2. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto garantirán que tanto os cidadáns con algún tipo de discapacidade coma as persoas maiores que se relacionan con aquelas poidan acceder aos servizos electrónicos en igualdade de condicións, con independencia das súas circunstancias persoais, os seus medios ou coñecementos.

Capítulo ii

Sede e rexistro electrónicos

Artigo 8º.-A sede electrónica da Xunta de Galicia.

1. A sede electrónica é o enderezo electrónico, a través do cal os cidadáns acceden á información, servizos e trámites electrónicos, que representa unha fonte de información auténtica na que o organismo titular identificado coa sede garante responsablemente a integridade, veracidade e actualización da información e os servizos a que se poida acceder a través desta.

2. O enderezo electrónico de referencia da sede electrónica da Xunta de Galicia será https:/sede.xunta.es que será accesible directamente, así como a través do portal www.xunta.es, configurándose como un conxunto de páxinas web que asegurará:

a) A calidade da información e a coherencia na navegación.

b) A identificación e comunicación segura, mediante os correspondentes certificados electrónicos admitidos pola Xunta de Galicia.

c) O acceso ao Rexistro Electrónico, ás comunicacións e notificacións e aos formularios para iniciar os procedementos administrativos ou solicitar a prestación de servizos.

d) Os principios de accesibilidade de acordo coas normas establecidas, estándares abertos e, se é o caso, aqueloutros que sexan de uso xeral polos cidadáns.

3. A sede electrónica rexerase pola data e a hora oficial da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As persoas responsables das diferentes secretarías xerais de cada consellería e, se é o caso, das entidades que se incorporen á sede electrónica da Xunta de Galicia, garantirán que a través desta se poida ter acceso á totalidade dos servizos, procedementos e informacións accesibles da secretaría xeral ou entidade correspondente.

5. A titularidade da sede electrónica corresponderá á consellería con competencia en materia de administracións públicas.

6. A responsabilidade dos contidos e dos servizos postos á disposición dos cidadáns na sede electrónica será da secretaría xeral de cada consellería e, se é o caso, das entidades que se incorporen á sede.

7. Para garantir o acceso á información e a calidade dos contidos, o órgano de dirección con competencias xerais en materia de desenvolvemento da Administración electrónica elaborará os estándares, normas, especificacións técnicas e guías de estilo nas que se basearán os servizos e páxinas que se integrarán na sede electrónica da Xunta de Galicia, e asegurará, no marco da multicanalidade, o acceso aos servizos xenéricos de atención aos cidadáns.

Artigo 9º.-Contidos e servizos da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A través da sede electrónica da Xunta de Galicia accederase a todos os contidos que, por disposición legal ou regulamentaria, deban estar incluídos na devandita sede, entre outros:

a) Á identificación do enderezo electrónico de referencia da sede, do seu titular e do seu ámbito de aplicación, así como dos servizos postos a disposición dos cidadáns nesta.

b) Á posibilidade de acceso en galego e en castelán aos seus contidos e servizos, incluída a tramitación íntegra dos procedementos. Exceptuaranse os contidos integrados que proveñan de sedes electrónicas externas, sempre que estas non teñan a obriga de ofrecelos nestas dúas linguas.

c) Á información relativa á estrutura orgánica da Xunta de Galicia, así como á información autonómica de carácter xeral que se considere oportuna.

d) Á información necesaria para a correcta utilización desta, incluíndo a relación de sistemas de sinatura electrónica avanzada que sexan admitidos ou utilizados na sede.

e) Ao sistema de verificación dos certificados da sede, que estará accesible de forma directa e sen custo.

f) Á Guía de procedementos e servizos, que conterá unha relación dos procedementos e servizos á disposición dos cidadáns e dos empregados públicos, con indicación dos prazos de resolución, sentido do silencio, cales non poden ser tramitados electronicamente en todo ou só en parte, así como a normativa aplicable. Ademais, incorporaranse os formularios normalizados que sexan de aplicación en cada un deles.

g) Ao apartado de queixas e suxestións desde o cal os cidadáns poderán interpoñer as que estimen oportunas.

h) Acceso personalizado ao Cartafol do cidadán no que se poderá consultar a información sobre o estado de tramitación do procedemento, que comprenderá a relación dos actos de trámite realizados, indicación do seu contido, así como a data na que foron ditados.

i) Ao Diario Oficial de Galicia.

j) Á verificación dos selos electrónicos dos órganos ou organismos públicos que abarquen a sede.

k) Á comprobación da autenticidade e integridade dos documentos emitidos polos órganos ou organismos públicos que abarca a sede que foran asinados mediante código seguro de verificación.

l) Á indicación da data e a hora oficiais.

m) Á información incluída no Taboleiro de anuncios electrónicos da Xunta de Galicia.

n) Aos expedientes sometidos a información pública.

o) Á ligazón á Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, que conterá os perfís do contratante da Xunta de Galicia e das entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º, que contará coas garantías e especificacións legais previstas no artigo 42º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Artigo 10º.-Creación de sedes electrónicas polas entidades ou organismos públicos vinculados ou dependentes da Xunta de Galicia.

A creación dunha ou varias sedes electrónicas por parte de diferentes entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, axustarase ao protocolo de creación de sedes electrónicas. Estas sedes electrónicas deberán resultar accesibles desde o enderezo electrónico da sede da Xunta de Galicia, sen prexuízo de que sexa posible o acceso electrónico directo.

Artigo 11º.-Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

1. Nos termos establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e demais normativa específica en materia de rexistro, a Xunta de Galicia disporá dun rexistro electrónico único, de acceso libre e gratuíto na sede electrónica, o cal permitirá a recepción e remisión de solicitudes, escritos e comunicacións durante as vinte e catro horas de todos os días do ano.

2. O sistema do Rexistro Electrónico, de conformidade co disposto no artigo 38º.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, garantirá a interconexión e integración co rexistro xeral, así como o cumprimento dos requisitos e garantías de integridade, seguridade, normalización e conservación.

3. O Rexistro Electrónico rexerase para todos os efectos pola data e a hora oficiais da sede electrónica.

4. O funcionamento do Rexistro Electrónico soamente se poderá interromper por motivos xustificados de carácter técnico, operativo ou relativos ao seu mantemento, e polo tempo mínimo posible. Esta interrupción terase que anunciar ás persoas interesadas coa máxima antelación posible. No suposto de interrupción non planificada no funcionamento do Rexistro Electrónico e, sempre que sexa tecnicamente posible, a persoa usuaria que acceda a este deberá visualizar unha mensaxe na que se comunique esta circunstancia, o que deberá servir de constancia documental para a presentación da solicitude, escrito ou comunicación.

Artigo 12º.-Publicación no Taboleiro de anuncios electrónico da Xunta de Galicia.

1. O Taboleiro de anuncios electrónico, accesible na sede electrónica, será o lugar no que as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º incluirán a notificación de actos administrativos cando as persoas interesadas nun procedemento sexan descoñecidas, o lugar da notificación non estea correctamente determinado ou, intentada a notificación, esta non se puidese efectuar.

2. O Taboleiro de anuncios electrónico terá a consideración legal de sede electrónica, polo que a publicación de actos e comunicacións neste, terá o mesmo valor que o atribuído á publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Os actos e as comunicacións que, por disposición legal ou regulamentaria, deban publicarse en taboleiro de anuncios ou edictos, publicaranse na sede electrónica.

4. Na regulación dos procedementos poderá establecerse que a publicación na sede electrónica poderá substituír a publicación en taboleiro de anuncios ou edictos, sempre e cando se garanta a igualdade no acceso electrónico aos servizos das administracións públicas.

5. O disposto neste precepto non afectará as publicacións de actos e comunicacións que deban realizarse nos taboleiros de anuncios ou edictos doutras administracións públicas. Nese caso haberá que aterse ao disposto pola súa normativa reguladora en cada caso.

Capítulo iii

Diario Oficial de Galicia

Artigo 13º.-Edición electrónica do Diario Oficial de Galicia (DOG).

1. O DOG é a publicación oficial da Comunidade Autónoma de Galicia a través da cal se dá publicidade ás normas, resolucións, actos administrativos e demais documentos e informacións que sexan obxecto de público coñecemento, ao abeiro do ordenamento xurídico vixente.

2. A edición electrónica do DOG terá carácter oficial, auténtico e único nas condicións e coas garantías que se determinan neste decreto e nas disposicións específicas que se diten para o seu desenvolvemento.

3. A edición electrónica do DOG substituirá a edición impresa e garantirá os mesmos efectos que os atribuídos á versión en papel, ademais de asegurar a continuidade e o mantemento do servizo prestado á cidadanía.

4. A publicación do DOG realizarase na sede electrónica.

5. O DOG publicarase simultaneamente nos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ambas as versións terán a consideración de oficiais e auténticas.

6. A responsabilidade da publicación e xestión do Diario Oficial de Galicia é da consellería con competencia en materia de administracións públicas.

Capítulo iv

Identificación e autenticación

Artigo 14º.-Formas de identificación e autenticación.

1. A Xunta de Galicia e as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º admitirán, nas súas relacións por medios electrónicos, sistemas de sinatura electrónica que sexan conformes co establecido na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, ou resulten proporcionais e seguros para garantir a identificación das persoas interesadas e, se é o caso, a autenticidade e integridade dos documentos electrónicos.

2. Os cidadáns poderán utilizar os seguintes instrumentos de identificación para relacionarse coa Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto:

a) En todo caso, os sistemas de sinatura electrónica incorporados ao documento nacional de identidade, para persoas físicas.

b) Sistemas de sinatura electrónica avanzada, incluíndo os baseados en certificado electrónico recoñecido, admitidos polas administracións públicas que teñan validez para a Xunta de Galicia e que se especifiquen na sede electrónica.

c) Sistemas de sinatura electrónica, como a utilización de claves concertadas nun rexistro previo como persoa usuaria inscrita no rexistro de funcionarios habilitados pola Xunta de Galicia.

d) Outros sistemas de identificación que resulten proporcionais e seguros para a identificación das persoas interesadas.

3. As diferentes formas de identificación recollidas neste artigo poderán dar acceso a distintos niveis de información, tramitación e servizos segundo o grao de protección dos datos ou trámites a que se pretenda acceder.

4. A Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán utilizar, para a súa identificación electrónica e para a autenticación dos documentos electrónicos, os sistemas de sinatura electrónica que se establezan no protocolo de identificación e sinatura electrónicas.

5. Para os efectos de identificar os cidadáns que non dispoñen de mecanismos de identificación e autenticación electrónica en relación con todos ou algúns dos trámites que se realizan por medios electrónicos, o órgano de dirección con competencias xerais en materia de desenvolvemento da administración electrónica emitirá as normas e os protocolos que os empregados públicos e as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º deben aplicar para tal efecto. Cada ente público terá que manter actualizado un rexistro do persoal público habilitado, ao cal deberá ter acceso o devandito órgano de dirección.

6. Segundo se prevé nos artigos 22º.1 e 22º.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, a identificación ou autenticación dos cidadáns para a realización de calquera operación por medios electrónicos que o requira poderá ser validamente realizada polo persoal funcionario mediante o uso do sistema de sinatura electrónica do que estean dotados. Para iso, os cidadáns deberán identificarse e prestar o seu consentimento expreso, e diso deberá quedar constancia para os casos de discrepancia ou litixio.

7. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º, mediante convenio, poderán recoñecer eficacia xurídica á autenticación realizada polos empregados públicos doutras administracións, nos termos que se establezan.

Artigo 15º.-Sinatura electrónica.

1. A presentación dun documento electrónico por medio do Rexistro Electrónico requirirá, con carácter xeral, a sinatura electrónica do solicitante.

2. A sinatura electrónica deberá cumprir as normas establecidas no protocolo de identificación e sinatura electrónicas.

3. O uso da sinatura electrónica non excluirá a obriga de incluír no documento ou comunicación electrónica os datos de identificación que sexan necesarios de acordo coa lexislación que lle sexa aplicable.

4. O uso polos cidadáns de sistemas de sinatura electrónica implicará que as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poden tratar os datos persoais consignados, para os efectos da verificación da sinatura.

5. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º impulsarán o uso da sinatura electrónica por parte dos seus empregados públicos, incorporándoa nos trámites e procedementos coa finalidade de mellorar a eficacia e eficiencia e reducir os prazos de xestión.

6. A implantación da sinatura electrónica nas actuacións administrativas efectuarase de maneira progresiva, de acordo cos criterios técnicos e organizativos que establecerá o protocolo de identificación e sinatura electrónicas.

Artigo 16º.-Utilización de sistemas de sinatura electrónica avanzada.

1. Os cidadáns, ademais dos sistemas de sinatura electrónica incorporados ao documento nacional de identidade, poderán utilizar sistemas de sinatura electrónica avanzada para identificarse e autenticar os seus documentos.

2. A relación de sistemas de sinatura electrónica avanzada admitidos, con carácter xeral, no ámbito da Xunta de Galicia e nas entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º, será pública e accesible a través da sede electrónica, onde tamén se incluirá información sobre os elementos de identificación utilizados, así como as características dos certificados electrónicos admitidos, os prestadores que os expiden e as especificacións da sinatura electrónica que pode realizarse cos devanditos certificados.

Artigo 17º.-Identificación electrónica.

1. As sedes electrónicas da Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto identificaranse coa aplicación conxunta dos sistemas de sinatura electrónica baseados en certificados de dispositivo seguro ou medio equivalente, entre os que se atopa o certificado de sede.

2. Para facilitar a súa identificación, as sedes electrónicas seguirán as disposicións xerais que se establezan para a imaxe institucional da Xunta de Galicia.

3. Os certificados electrónicos de sede electrónica da Xunta de Galicia e das entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, terán os contidos establecidos no protocolo de identificación e sinatura electrónicas e o seu uso estará limitado á identificación da sede.

4. A identificación e autenticación do exercicio da competencia da Administración pública, cando utilice medios electrónicos, realizarase mediante sinatura electrónica do persoal ao seu servizo, de acordo co disposto nos seguintes artigos.

Artigo 18º.-Identificación dos empregados públicos.

1. A Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto proverán ao seu persoal de sistemas de sinatura electrónica que sexan conformes o establecido na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica. En todo caso, serán válidos os sistemas de sinatura incorporados ao documento nacional de identidade e ao certificado de empregado público.

2. Serán posibles outros tipos de sinatura, tales como a persoal reproducida por medios electrónicos, sempre que se lle dean ao documento as garantías suficientes en canto á súa validez e orixe.

3. Os sistemas de sinatura electrónica baseados en certificados facilitados especificamente aos empregados públicos pola Xunta de Galicia ou as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán ser utilizados no desenvolvemento das funcións propias do posto que ocupen ou para relacionarse coas administracións públicas no desempeño da función pública, sen prexuízo doutros usos que se poidan determinar.

4. A identificación e autenticación do exercicio da competencia por parte do persoal ao servizo das entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º farase mediante o sistema de sinatura electrónica ou certificado de empregado público que determinará o órgano de dirección con competencias xerais en materia de desenvolvemento da administración electrónica.

Artigo 19º.-Identificación e autenticación dos cidadáns polo persoal funcionario.

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto terán un rexistro actualizado dos funcionarios habilitados para a identificación ou autenticación dos cidadáns nos servizos e procedementos para os que así se estableza.

2. O devandito rexistro poderá estender os seus efectos ás relacións con outras administracións públicas mediante o correspondente convenio de colaboración.

Capítulo v

Tramitación de procedementos administrativos

Artigo 20º.-Guía de procedementos e servizos.

1. A relación de procedementos e servizos que se poñan á disposición dos cidadáns e empregados públicos para a súa tramitación integrarase na guía de procedementos e servizos que elaborará e manterá actualizada a consellería con competencia en materia de administracións públicas.

2. A devandita guía deberá estar á disposición dos cidadáns, permanentemente actualizada, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21º.-Habilitación de procedementos administrativos.

1. A xestión electrónica da actividade administrativa respectará o exercicio e a titularidade do órgano ou entidade que teña atribuídas as súas competencias, así como o cumprimento dos requirimentos formais e materiais establecidos nas normas que regulen a correspondente actividade. Para estes efectos e, en todo caso, baixo criterios de simplificación administrativa, impulsarase a aplicación de medios electrónicos aos procesos de traballo e á xestión dos procedementos e da actuación administrativa.

2. As disposicións de carácter xeral que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Xunta de Galicia, deberán contar, con carácter previo á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

3. A aplicación de medios electrónicos á xestión dos procedementos e servizos deberá implicar a realización dunha análise previa de redeseño funcional e simplificación dos procedementos ou servizos, que efectuará o órgano de dirección con competencias en materia de racionalización e simplificación de procedementos administrativos, na que se considerarán especialmente os seguintes aspectos:

a) A supresión ou redución da documentación requirida aos cidadáns.

b) A redución dos prazos e tempos de resposta.

c) Redución e simplificación das cargas de traballo aos destinatarios de procedementos e servizos.

4. O sistema que sustente a tramitación electrónica deberá implicar a realización dunha análise previa dos procedementos e servizos, que efectuará o órgano de dirección con competencias en materia de administración electrónica, na que se considerarán especialmente os seguintes aspectos:

a) A seguridade do sistema: preservación da dispoñibilidade, da confidencialidade e da integridade dos datos tratados.

b) A normalización dos sistemas de acceso: especificacións técnicas sobre os medios, códigos e formas de acceso.

c) A interoperabilidade e reutilización.

d) A aplicación dos criterios e protocolos que se derivan deste decreto.

5. A aprobación dun procedemento ou servizo publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22º.-Iniciación e tramitación do procedemento por medios electrónicos.

1. Calquera persoa interesada poderá iniciar e tramitar un procedemento administrativo por medios electrónicos, ante e en relación coa Xunta de Galicia ou as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, conforme as previsións destas e sen outras limitacións que as establecidas nas normas e protocolos de aplicación en atención a razóns tecnolóxicas.

2. A iniciación dun procedemento administrativo por petición da persoa interesada por medios electrónicos requirirá a posta a disposición deste dos correspondentes modelos ou sistemas electrónicos de solicitude na sede electrónica, que deberán ser accesibles sen outras restricións tecnolóxicas que as estritamente derivadas da utilización de estándares e criterios de comunicación e seguridade aplicables de acordo coas normas e protocolos nacionais e internacionais.

3. As persoas interesadas poderán achegar ao expediente copias dixitalizadas dos documentos, que garantan a fidelidade co orixinal mediante a utilización de sinatura electrónica avanzada. A Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán solicitar do correspondente arquivo o cotexo do contido das copias achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo, e con carácter excepcional, poderán requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización á Xunta de Galicia ou ás entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º para que accedan e traten a información persoal contida en tales documentos.

4. Co obxecto de facilitar e promover o seu uso, os sistemas normalizados de solicitude poderán incluír comprobacións automáticas da información achegada respecto de datos almacenados en sistemas propios ou pertencentes a outras administracións e, incluso, ofrecer o formulario cuberto, en todo ou en parte, co obxecto de que os cidadáns verifiquen a información e, se é o caso, a modifiquen e completen.

5. A resolución dun procedemento utilizando medios electrónicos garantirá a identidade do órgano competente mediante o emprego dalgún dos instrumentos previstos nos artigos 18º e 19º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

6. Deberán adoptarse e notificarse resolucións de forma automatizada nos procedementos nos que así estea previsto.

7. En caso de actuación administrativa automatizada deberá establecerse previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación.

Artigo 23º.-Acceso das persoas interesadas á información sobre o estado de tramitación.

Nos procedementos administrativos porase á disposición da persoa interesada lexitimada un servizo electrónico de acceso restrinxido onde esta poida consultar, logo de identificación, polo menos a información sobre o estado de tramitación do procedemento, salvo que a normativa aplicable estableza algunha restrición. A información sobre o estado de tramitación do procedemento comprenderá a relación dos actos de trámite realizados, indicación do seu contido, así como a data na que foron ditados.

Capítulo vi

Comunicación e notificación

Artigo 24º.-Comunicacións electrónicas.

1. A Xunta de Galicia ou as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto utilizarán medios electrónicos nas súas comunicacións cos cidadáns, sempre que así o soliciten ou consintan expresamente. A solicitude e o consentimento poderán, en todo caso, emitirse e obterse por medios electrónicos.

2. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º poderán establecer a obrigatoriedade de comunicarse unicamente por medios electrónicos cando as persoas interesadas se correspondan con persoas xurídicas ou colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica ou técnica, dedicación profesional ou outros motivos acreditados, teñan garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos.

3. Tales comunicacións serán válidas sempre que exista constancia da transmisión e da recepción, das súas datas e do contido íntegro das comunicacións, e que se identifiquen fidedignamente a persoa remitente e o cidadán destinatario delas.

4. Para os efectos considerados neste capítulo, as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º publicarán na sede electrónica os medios electrónicos que os cidadáns poderán empregar nas súas comunicacións con eles.

5. Os requirimentos de seguridade e integridade das comunicacións estableceranse en cada caso de forma apropiada ao carácter dos datos obxecto daquelas, de acordo con criterios de proporcionalidade, conforme o disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

6. A Xunta de Galicia e as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º utilizarán preferentemente medios electrónicos nas súas comunicacións con outras administracións públicas. As condicións que rexerán estas comunicacións determinaranse entre as administracións públicas participantes.

7. Os cidadáns poderán modificar a maneira de comunicarse coas entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto e optar por unha canle distinta da inicialmente elixida.

8. O órgano ou organismo actuante poderá limitar sucesivos cambios no medio elixido na tramitación dun mesmo procedemento, no caso de que se aprecie un uso abusivo do dereito.

Artigo 25º.-Notificación electrónica.

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto utilizarán un sistema de notificación electrónica que acredite a data e hora de posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como da data e hora de acceso desta ao seu contido mediante sistemas de selaxe de tempo.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente o destinatario ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. A Xunta de Galicia e as entidades previstas no ámbito de aplicación deste decreto poderán facer uso doutros medios de comunicación indicados noutro procedemento distinto, sempre que esa utilización teña por finalidade localizar a persoa interesada ou facerlle chegar o acto administrativo de que se trate para o seu coñecemento efectivo, sen que a devandita comunicación substitúa en modo ningún a notificación debida conforme as leis.

4. Co fin de facilitar a notificación, poderase proporcionar ás entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º outros enderezos electrónicos asociados a un medio electrónico de comunicación habilitado pola Xunta de Galicia aos que estas poidan enviar avisos auxiliares de que se realizou ou, se é o caso, intentou realizar a notificación electrónica, ou de que esta se atope pendente.

5. O medio electrónico sinalado para os efectos de notificación revogarase nos seguintes supostos:

a) Por solicitude do seu titular, que terá a obriga de indicar outro medio electrónico dos publicados segundo este artigo, ou ben outro medio de notificación diferente do inicialmente elixido.

b) Por defunción da persoa física ou extinción da persoa xurídica titular do medio electrónico.

c) Por resolución administrativa ou xudicial.

d) Por inhabilitación debida á ausencia total de uso para presentar notificacións no transcurso de tres anos, logo de comunicación á persoa interesada.

Artigo 26º.-Práctica da notificación por medios electrónicos.

1. A notificación electrónica entenderase practicada persoalmente, para todos os efectos legais, no momento en que se acceda á mensaxe electrónica remitida ao medio electrónico que a persoa interesada facilitara para recibir notificacións.

2. O sistema electrónico de notificación deberá acreditar as datas e as horas en que se produza a recepción da notificación no medio electrónico.

3. No suposto de que, existindo constancia da recepción da notificación no medio electrónico, transcorresen dez días naturais sen que se accedase ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, a non ser que, de oficio ou por instancia de parte, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

4. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Xunta de Galicia e as entidades previstas no ámbito de aplicación deste decreto practicarán a notificación polos medios previstos no artigo 59º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A parte interesada ou o seu representante autorizado deberán identificarse no momento de recuperar a resolución ou documento. Para a identificación utilizarase un método de identificación seguro e verificable recollido no protocolo de identificación e sinatura electrónicas.

6. O acceso electrónico das persoas interesadas ao contido das actuacións administrativas correspondentes, producirá os efectos propios da notificación por comparecencia, sempre que quede constancia do devandito acceso mediante a indicación de data e hora.

Capítulo vii

Documentación electrónica e copias

Artigo 27º.-Documento electrónico.

1. Os documentos electrónicos deberán dispoñer dos datos de identificación que permitan a súa individualización, sen prexuízo da súa posible incorporación a un expediente electrónico.

2. Os documentos administrativos electrónicos deberán, ademais de cumprir as anteriores condicións, ser expedidos e asinados electronicamente mediante os sistemas de sinatura previstos nos artigos 18º a 20º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e axustarse aos requisitos de validez previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A Xunta de Galicia e entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto garantirán a autenticidade, integridade, conservación e, de ser o caso, recepción por parte da persoa interesada dos documentos que emita por medios electrónicos.

4. As persoas interesadas poderán achegar ao expediente, en calquera fase do procedemento, documentos electrónicos ou imaxes electrónicas dos documentos en soporte papel, nas condicións establecidas no artigo 35º.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e deberán axustarse aos formatos e estándares aprobados para tales procesos no protocolo de arquivo e documento electrónicos. En caso de incumprimento das devanditas condicións, solicitaráselle á persoa interesada que corrixa o defecto advertido, nos termos establecidos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 28º.-Arquivo de documentos electrónicos.

1. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º terán que garantir a xestión da documentación electrónica orixinal, recibida, producida e xestionada no desenvolvemento dos seus procesos administrativos, e a súa conservación ao longo do seu ciclo de vida, e garantirán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, de acordo coa normativa de protección de datos.

2. Os documentos públicos electrónicos presumiranse auténticos, fiables, íntegros e dispoñibles, en iguais condicións que os documentos noutros soportes.

3. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, poderán levarse a cabo os cambios de formato que se consideren oportunos para facilitar o seu arquivo, sen alteración do contido substantivo, e protexer os documentos fronte á obsolescencia e outras circunstancias técnicas. A transformación de documentos electrónicos por razóns tecnolóxicas deberá garantir a exactitude do contido do documento anterior, a comprobación dos elementos de autenticidade e integridade orixinais, e a sinatura electrónica do órgano competente para a transformación.

4. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º serán en todo caso responsables da conservación dos documentos e arquivos electrónicos que se atopen no seu poder, e velarán por evitar a súa destrución ou a imposibilidade de acceso a eles por razóns de obsolescencia.

5. Os empregados públicos responsables poderán emitir e transmitir por medios electrónicos copias auténticas dos documentos orixinais que consten no arquivo.

6. O acceso aos documentos arquivados por medios ou soportes electrónicos realizarase con plena observancia do disposto no artigo 37º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se é o caso, pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como nas súas correspondentes normas de aplicación en cada caso. En particular, asegurarase a identificación das persoas usuarias e o control de accesos, así como o cumprimento das garantías previstas na lexislación de protección de datos.

Artigo 29º.-Copias electrónicas dos documentos electrónicos.

1. As copias realizadas por medios electrónicos de documentos electrónicos emitidos pola persoa interesada ou polas entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, que manteñan ou non o formato orixinal, terán inmediatamente a consideración de copias auténticas coa eficacia prevista no artigo 46º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o documento electrónico orixinal se atope en poder da Xunta de Galicia ou da entidade pública dependente que obtén a copia.

b) Que a copia sexa obtida por quen sexa competente conforme a dereito, ou de forma automatizada conforme os requisitos regulamentarios.

c) Que a información de sinatura electrónica e, se é o caso, de selaxe de tempo, permitan comprobar a coincidencia co orixinal.

2. As copias electrónicas xeradas que, por ter idéntica sinatura electrónica que o documento electrónico orixinal, non comportan cambio de formato nin de contido, terán a eficacia xurídica do documento electrónico orixinal. En caso de cambio do formato orixinal, a copia electrónica, para ser auténtica, deberá incluír o seu carácter de copia entre os metadatos asociados e estar autorizada mediante sinatura electrónica conforme os sistemas recollidos nos artigos 18º e 19º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

3. Poderanse xerar copias electrónicas auténticas a partir doutras copias electrónicas auténticas sempre que se observen os requisitos establecidos nos puntos anteriores.

4. Os órganos emisores dos documentos electrónicos ou receptores dos documentos privados electrónicos, ou os arquivos que os reciban, estarán obrigados á conservación dos documentos orixinais, aínda que se procedese o seu copiado conforme o establecido neste artigo.

5. No suposto de que o soporte orixinal do documento sexa papel, a compulsa electrónica deste requirirá a súa dixitalización previa, coa posterior comprobación pola autoridade ou persoal funcionario habilitado, producíndose, deste xeito, unha copia auténtica electrónica do documento tramitado. Neste caso, deberanse cumprir os seguintes requisitos:

a) Asegurar a exactitude do documento dixitalizado.

b) Garantir a autenticidade e integridade dos documentos mediante o proceso establecido no protocolo de dixitalización e compulsa electrónicas.

6. As copias auténticas electrónicas de documentos, con independencia do seu formato orixinal:

a) Gozarán da mesma validez e efectos que os orixinais.

b) Indicarán a circunstancia de ser copias auténticas de documentos orixinais e, se é o caso, a súa data de caducidade.

c) Poderán ser arquivadas electronicamente, incluíndo, en todo caso, a sinatura electrónica correspondente.

7. As copias realizadas en soporte papel de orixinais emitidos por medios electrónicos e asinados electronicamente terán a consideración de copias auténticas sempre que inclúan a impresión dun código de verificación xerado electronicamente, que permita, se é o caso, contrastar a súa autenticidade mediante o acceso aos arquivos electrónicos do órgano emisor.

8. Se for preciso, poderase proceder á copia en soporte papel de documentos administrativos emitidos por medios electrónicos -que terá a consideración de copia auténtica- no caso de que se inclúa un sistema de verificación que permita contrastar a súa autenticidade co acceso aos arquivos electrónicos.

Artigo 30º.-Certificados administrativos por medios electrónicos.

1. Os certificados administrativos emitiranse preferentemente por medios electrónicos, e substituirán progresivamente os certificados en soporte de papel, salvo petición expresa do interesado, sen prexuízo das medidas que se adopten para garantir a igualdade no acceso electrónico aos servizos das administracións públicas.

2. O certificado administrativo por medios electrónicos conterá os datos obxecto de certificación e a sinatura electrónica da autoridade competente para expedilo.

3. A expedición dun certificado administrativo por medios electrónicos realizarase:

a) Por petición da persoa interesada, a quen lle será enviado ou posto á disposición para a súa remisión ao órgano que o requira.

b) Por instancia do órgano requirente, ben por iniciativa da persoa interesada, ou do propio órgano requirente, sempre que conte co expreso consentimento daquel, salvo que o acceso estea autorizado por unha lei. Neste suposto, por petición de certificado identificará o trámite ou procedemento para o que se require e fará constar que se dispón do consentimento expreso da persoa interesada ou a norma que o exceptúe.

4. O consentimento da persoa interesada para que o certificado administrativo sexa requirido polo órgano tramitador do procedemento deberá constar na solicitude de iniciación do procedemento ou en calquera outra comunicación posterior. O recibo de presentación desta servirá como acreditación do cumprimento do requisito de presentación do certificado.

5. Os certificados administrativos emitidos por medios electrónicos producirán idénticos efectos que os expedidos en soporte de papel. Para tal efecto, o seu contido deberá poder ser impreso en soporte de papel, no que a sinatura manuscrita sexa substituída por un código de verificación xerado electronicamente que permita, se é o caso, contrastar a súa autenticidade accedendo por medios telemáticos aos arquivos do órgano ou organismo emisor, de acordo e nos termos previstos na lexislación sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 31º.-Compulsa electrónica.

1. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º poderán incorporar aos seus procedementos a compulsa electrónica, que implica un procedemento de dixitalización da documentación en soporte de papel e a súa comprobación co orixinal e produce unha copia en soporte electrónico a partir do documento, cos requirimentos de autenticidade, integridade e conservación do documento imaxe necesarios para a súa validez, da que debe quedar constancia.

2. A compulsa electrónica será válida para calquera procedemento que se tramite por medios electrónicos na Xunta de Galicia ou nas entidades incluídas no ámbito de aplicación desde decreto.

3. A compulsa realizarase mediante selo da autoridade ou do persoal funcionario habilitado para o efecto.

4. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º teñen que garantir, en todo caso, a autenticidade, a integridade e a conservación da copia electrónica, así como a identificación da autoridade ou persoal funcionario que a realiza, mediante a correspondente sinatura electrónica.

Artigo 32º.-Dixitalización certificada.

1. Enténdese por dixitalización certificada o proceso tecnolóxico que permite, mediante a aplicación de técnicas fotoelectrónicas ou de escáner, converter a imaxe contida nun documento en papel nunha imaxe dixital fiel e íntegra.

2. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º poderán dixitalizar os documentos en soporte de papel que forman parte dos expedientes administrativos, coa finalidade de obter unha copia auténtica en soporte electrónico a partir do documento en papel.

3. Para que a imaxe se considere fiel e íntegra ha de ser obtida nun proceso informático automático que, sen interrupción nin intervención en momento ningún de operador, se realice de acordo cos criterios técnicos que establecerá o protocolo de dixitalización e compulsa electrónicas.

Artigo 33º.-Expediente electrónico.

1. O conxunto de documentos electrónicos correspondentes a un procedemento administrativo, calquera que sexa o tipo de información que conteñan, denomínase expediente electrónico. Este incluirá un índice que conterá unha relación de todos os documentos que compoñen o expediente administrativo, con independencia do seu soporte.

2. O índice incluirá as referencias de pescuda co fin de acceder ao seu contido. Este índice garantirá a integridade do expediente electrónico e permitirá a súa recuperación sempre que sexa preciso.

3. Poderán almacenarse por medios electrónicos todos os documentos e expedientes administrativos, con independencia do soporte que tivesen orixinariamente.

4. O expediente electrónico identifícase cun código de clasificación normalizado e o número de solicitude ou trámite, e ten que conter información sobre o asunto, o órgano produtor e as datas de inicio e finalización da tramitación. Un mesmo documento electrónico poderá formar parte de diferentes expedientes administrativos electrónicos.

5. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º terán que desenvolver as solucións necesarias para xestionar os expedientes electrónicos e compartir os documentos, tanto en fase activa como unha vez transferidos ao arquivo administrativo electrónico, e terán que habilitar un catálogo unificado e accesible en liña, con independencia do formato e do soporte físico dos expedientes.

6. A formación dos expedientes electrónicos será responsabilidade do órgano que dispoña a normativa de organización específica e, de non existir previsión normativa, do encargado da súa tramitación.

7. Os expedientes electrónicos que deban ser obxecto de remisión ou posta á disposición formaranse axustándose ás seguintes regras:

a) Os expedientes electrónicos disporán dun código que permita a súa identificación unívoca por calquera órgano da Administración nun contorno de intercambio interadministrativo.

b) O foliado dos expedientes electrónicos levarase a cabo mediante un índice electrónico, asinado electronicamente mediante os sistemas previstos nos artigos 18º e 19º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, do 22 de xuño, e nos termos do artigo 32º.2 da citada lei.

c) Co fin de garantir a interoperabilidade dos expedientes, tanto a súa estrutura e formato como as especificacións dos servizos de remisión e posta á disposición suxeitaranse ao que estableza ao respecto o protocolo de arquivo e documento electrónicos.

d) Os expedientes electrónicos estarán integrados por documentos electrónicos, e poderán incluír así mesmo outros expedientes electrónicos se así o require o procedemento. Excepcionalmente, cando a natureza ou a extensión de determinados documentos para incorporar ao expediente non permita ou dificulte notablemente a súa inclusión neste conforme os estándares e procedementos establecidos, deberán incorporarse ao índice do expediente sen prexuízo da súa achega separada.

e) Os documentos que se integran no expediente electrónico axustaranse, en caso necesario, ao formato ou formatos de longa duración, accesibles mediante ferramentas de uso de balde ao alcance de todas as posibles persoas usuarias, nos termos que determine o protocolo de arquivo e documento electrónicos.

8. A remisión de expedientes poderá ser substituída para todos os efectos legais pola posta á disposición do expediente electrónico, e a persoa interesada terá dereito a obter copia deste.

9. A persoa interesada terá o dereito a obter, en calquera momento, copias dos documentos que formen parte dun procedemento administrativo.

Capítulo viii

Interoperabilidade e seguridade

Artigo 34º.-Protocolo de interoperabilidade.

1. O protocolo de interoperabilidade é o documento que determinará o procedemento que fixa as directrices corporativas en materia de interoperabilidade.

2. O Esquema Nacional de Interoperabilidade e as súas normas de desenvolvemento prevalecerán sobre calquera outro criterio en materia de política de interoperabilidade na utilización de medios electrónicos para o acceso dos cidadáns aos servizos públicos.

3. Todas as comunicacións de datos garantirán a identidade do órgano ou persoa solicitante, a dispoñibilidade, a identificación da finalidade, o cumprimento dos prazos legalmente establecidos, a confidencialidade, a integridade e a recepción dos datos, así como as modalidades e sistemas de consulta, individual ou por lotes, de acordo co que prevé a lexislación vixente e, en particular, nos termos previstos na lexislación sobre protección de datos de carácter persoal. Así mesmo, gardarase o trazo seguro de todas as operacións efectuadas.

4. A Xunta de Galicia e as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º utilizarán as tecnoloxías da información nas súas relacións coas demais administracións e cos cidadáns, aplicando medidas informáticas, tecnolóxicas, organizativas e de seguridade que garantan un axeitado nivel de interoperabilidade técnica, semántica e organizativa e eviten a discriminación aos cidadáns por razón da súa elección tecnolóxica.

5. A Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto darán publicidade, nas correspondentes sedes electrónicas, ás declaracións de conformidade e outros posibles distintivos de interoperabilidade obtidos respecto ao cumprimento do protocolo de arquivo e documento electrónicos.

6. Estableceranse os mecanismos de control para garantir, de forma efectiva, o cumprimento do protocolo de interoperabilidade.

Artigo 35º.-Información e acceso aos datos.

1. Co obxectivo de garantir o dereito dos cidadáns de non achegar documentos que estean en poder das administracións públicas, os datos e documentos en soporte electrónico de que dispoñen as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º poñeranse á disposición dos entes que as integran e doutras administracións e institucións públicas para o cumprimento dos servizos e trámites da súa competencia.

2. Presumirase a veracidade, seguridade e integridade dos datos e documentos a que se refire o punto anterior, de acordo co que estableza o protocolo de interoperabilidade, e a normativa de protección de datos.

3. Os órganos competentes dos procedementos administrativos que requiran desta información deberán conseguir o consentimento das persoas interesadas para o acceso telemático a estes datos ou documentos, cando sexa exixible de acordo coa normativa de protección de datos.

4. A consellería con competencia en materia de administracións públicas manterá actualizado un inventario de información administrativa, denominado «Inventario de información administrativa», que incluirá os procedementos administrativos e servizos que se prestan de forma clasificada e estruturados en familias, con indicación do seu nivel de informatización. Así mesmo, manterá unha relación actualizada dos seus órganos administrativos e oficinas de rexistro e atención ao cidadán, e as súas relacións entre eles. Os devanditos órganos e oficinas codificaranse de forma unívoca e esta codificación difundirase entre as administracións públicas. A creación e o mantemento deste inventario será realizada por orde da persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas de acordo co establecido no protocolo de interoperabilidade.

Artigo 36º.-Estándares e especificacións técnicas aplicables.

1. As entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º utilizarán estándares e especificacións técnicas abertas así como, se é o caso, e de forma complementaria, estándares que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns, co obxecto de garantir a neutralidade tecnolóxica, a adaptabilidade ao progreso da tecnoloxía e a independencia na elección de alternativas tecnolóxicas polos cidadáns e as administracións públicas, de forma que:

a) Os documentos e servizos de Administración electrónica se encontrarán, como mínimo, dispoñibles mediante estándares ou especificacións técnicas que sexan públicos e a súa utilización estea dispoñible de balde ou a un custo que non supoña unha dificultade de acceso e o seu uso ou implementación non estea condicionado ao pagamento dun dereito de propiedade intelectual ou industrial.

b) Os documentos, servizos electrónicos e aplicacións postos polas administracións públicas á disposición dos cidadáns ou doutras administracións serán, segundo corresponda, visualizables, accesibles e funcionalmente operables en condicións que eviten a discriminación dos cidadáns por razón da súa elección tecnolóxica.

2. Nas relacións cos cidadáns e con outras administracións, o uso en exclusiva dun estándar ou especificación técnica non aberta, sen que se ofreza unha alternativa baseada nun estándar ou especificación técnica aberta, limitarase ás circunstancias excepcionais nas que non se dispoña dun estándar ou especificación técnica aberta que satisfaga a funcionalidade do servizo.

Artigo 37º.-Mapa da interoperabilidade das administracións galegas.

1. Poranse á disposición do resto de administracións públicas as condicións de acceso e utilización dos servizos, datos e documentos en formato electrónico, especificando as finalidades, as modalidades de consumo, consulta ou interacción, os requisitos que deben satisfacer as posibles persoas usuarias destes, os perfís dos participantes implicados na utilización dos servizos, os protocolos e criterios funcionais ou técnicos necesarios para acceder aos devanditos servizos, os necesarios mecanismos de goberno dos sistemas interoperables, así como as condicións de seguridade aplicables.

2. Para estes efectos, elaborarase un inventario de documentos e datos requiridos pola Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto que conformarán o «Mapa da interoperabilidade das administracións galegas», que quedará recollido no inventario de información administrativa.

Artigo 38º.-Infraestruturas de interoperabilidade.

A Xunta de Galicia fomentará o establecemento de infraestruturas e redes comúns interadministrativas de telecomunicacións coas entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, fundamentalmente para a prestación conxunta de servizos electrónicos ou para a xestión coordinada de procedementos administrativos en que haxan de intervir varias administracións, dentro dos principios, estándares, normas e marcos de interoperabilidade.

Artigo 39º.-Seguridade tecnolóxica.

1. A utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas por parte das entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto deberá incorporar medidas de seguridade, calidade e de control necesarias que garantan a autenticidade, confidencialidade, integridade, dispoñibilidade e conservación da información.

2. Para asegurar a conservación dos documentos electrónicos aplicarase o previsto no Esquema Nacional de Seguridade, en canto ao cumprimento dos principios básicos, e dos requisitos mínimos de seguridade mediante a aplicación das medidas de seguridade adecuadas aos medios e soportes en que se almacenen os documentos, de acordo coa categorización dos sistemas.

3. Cando os citados documentos electrónicos conteñan datos de carácter persoal seralles de aplicación o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e normativa de desenvolvemento.

4. As entidades previstas na letra a) e b) do artigo 3º, en función da súa capacidade e posibilidades, aprobarán, ou adoptarán mediante os oportunos acordos e convenios, políticas de seguridade da información para a aplicación efectiva dos principios sinalados nos puntos anteriores.

Capítulo ix

Funcións en materia de desenvolvemento da administración electrónica

Artigo 40º.-Funcións do órgano de dirección con competencias xerais en materia de desenvolvemento da Administración electrónica.

1. O órgano de dirección con competencias xerais en materia de desenvolvemento da Administración electrónica desenvolverá as seguintes funcións en relación con este decreto:

a) O establecemento dos requirimentos técnicos e formais dos sistemas que desenvolvan a administración electrónica, a determinación dos criterios de construción, mantemento, supervisión e o control de calidade destes sistemas.

b) A dispoñibilidade dos sistemas do servizo do Rexistro Electrónico, con independencia da área, unidade administrativa ou órgano ao que se lle asigne a súa xestión, a xestión da administración de persoas usuarias e o mantemento dos medios tecnolóxicos que dean soporte ao Rexistro Electrónico.

c) A xestión e coordinación da estrutura e dos contidos comúns da sede electrónica, así como a subministración e xestión dos medios tecnolóxicos corporativos que conforman a sede electrónica da Xunta de Galicia.

d) O mantemento do directorio de sedes electrónicas da Xunta de Galicia e as entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto.

e) A elaboración dos estándares, normas e especificacións técnicas aplicables e o establecemento das guías de estilo correspondentes en que se basea o contido das páxinas web que se integran na sede electrónica da Xunta de Galicia ou outras sedes electrónicas creadas ao abeiro deste decreto.

f) A emisión das normas e os protocolos que os empregados públicos e as entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º deberán aplicar para identificar aos cidadáns que non dispoñen de mecanismos de identificación e autenticación electrónica en relación con todos ou algúns dos trámites que se realizan por medios electrónicos.

g) A determinación do sistema de sinatura electrónica ou certificado de empregado público para a identificación e autenticación do persoal ao servizo das entidades previstas nas letras a) e b) do artigo 3º.

h) A elaboración do protocolo de interoperabilidade e o establecemento dos mecanismos de control para garantir, de forma efectiva, o establecemento de redes comúns interadministrativas coas entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto.

i) A publicación dos servizos e as condicións de acceso e utilización destes, así como dos datos e documentos en formato electrónico que se poñan á disposición do resto de administracións especificando as finalidades, as modalidades de consumo, consulta ou interacción, os requisitos que deben satisfacer as persoas usuarias destes, os perfís dos participantes implicados na utilización dos servizos, os protocolos e criterios funcionais ou técnicos necesarios para acceder aos devanditos servizos, os necesarios mecanismos de goberno dos sistemas interoperables, así como as condicións de seguridade aplicables.

j) A planificación axeitada, de forma conxunta co centro directivo competente en materia de simplificación e racionalización de procedementos e de reforma administrativa, para promover a definición de criterios, elaboración, actualización e posta á disposición dun inventario de documentos e datos requiridos polas entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto que conformen o mapa da interoperabilidade das administracións galegas, e que quedará recollido no «Inventario de información administrativa».

2. As competencias e funcións que se sinalan neste capítulo enténdense sen prexuízo das que se poidan desempeñar en virtude doutros títulos legais ou regulamentarios ou das que se outorguen con posterioridade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Formación.

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto promoverán a formación do persoal ao seu servizo na utilización de medios electrónicos para o desenvolvemento das actividades propias. En especial, as devanditas entidades promoverán formación específica que garanta coñecementos actualizados sobre os principios dos Esquemas Nacionais de Interoperabilidade e de Seguridade, as normas de desenvolvemento dos devanditos esquemas na comunidade, as condicións de seguridade da utilización de medios electrónicos na actividade administrativa, así como a protección dos datos de carácter persoal, o respecto á propiedade intelectual e industrial e a xestión da información.

2. A Escola Galega de Administración Pública incorporará cursos específicos para a formación do persoal ao servizo da Administración no uso das tecnoloxías da información e da comunicación e, especialmente, no uso dos procedementos administrativos electrónicos habilitados, de tal forma que o persoal estea suficientemente capacitado para a súa xestión, así como nos aspectos mencionados no punto anterior.

Segunda.-Procedementos especiais.

Na aplicación deste decreto teranse en conta as especificidades en materia tributaria e de contratación pública, de acordo coas súas normas especiais.

Terceira.-Taxas e prezos por servizos administrativos.

As taxas ou prezos esixibles polas actuacións administrativas que se deriven da aplicación deste decreto rexeranse polas leis vixentes na materia, e especificamente a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e polas normas regulamentarias ditadas en desenvolvemento destas.

Disposición transitoria

Primeira.-A sede electrónica da Xunta de Galicia.

No prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, a persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas ditará a orde pola cal se establecerá a súa posta en funcionamento.

Segunda.-Edición electrónica do Diario Oficial de Galicia.

1. No prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto, a persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas ditará a orde pola cal se establecerá a súa posta en funcionamento.

2. Durante o período de adaptación establecido na disposición transitoria primeira, a publicación da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia realizarase no portal institucional da Xunta de Galicia e terá as mesmas consideracións que a publicada na sede electrónica.

Terceira.-Adecuación de procedementos e sistemas.

Os procedementos e sistemas administrativos utilizados polas entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto deberán adecuarse á regulación contida nesta norma, sen prexuízo da súa implantación paulatina e parcial, no prazo de tres anos desde a súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

No prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, a persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas deberá aprobar:

a) As ordes de aprobación do protocolo de interoperabilidade, do protocolo de identificación e sinatura electrónicas, do protocolo de creación de sedes electrónicas da Xunta de Galicia, do protocolo de arquivo e documento electrónicos e do protocolo de dixitalización e compulsa electrónicas.

b) A orde que regulará o procedemento de habilitación dos procedementos administrativos e servizos.

c) A orde que regulará as disposicións específicas de desenvolvemento do Diario Oficial de Galicia.

d) Calquera outra disposición necesaria para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Desde a entrada en vigor deste decreto o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia cambiará a súa denominación pola de Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Terceira.-Guía de procedementos e servizos.

Desde a entrada en vigor deste decreto a Guía do cidadán da Xunta de Galicia cambiará a súa denominación polo de Guía de procedementos e servizos.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma