Decreto 21/2006, do 9 de febreiro, polo que se regulan as comisións ou grupos de traballo para o desenvolvemento de procesos relativos ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 17-02-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 34
  • Fecha de Publicación: 17/02/2006
  • Este documento NO tiene versiones

O elevado número de solicitudes que se veñen recibindo para participar nos procesos de selección e de provisión de postos que convoca esta Administración, así como a complexidade que presentan algúns deles de cara á comprobación dos datos dos expedientes dos aspirantes ou para a loxística requirida para o seu desenvolvemento, aconsellan que, en tales casos, se poidan constituír comisións ou grupos de traballo, cando as circunstancias o requiran, que realicen traballos materiais para a elaboración das listas de admitidos e excluídos, para o seu tratamento informático ou para desenvolver outras tarefas de carácter instrumental e de apoio aos órganos competentes necesarias para unha eficaz e eficiente resolución do proceso de que se trate.

Así mesmo, desenvólvense outros procesos que afectan ao persoal desta Administración nos que existe un alto número de solicitudes, como é o caso da repartición do Fondo de Acción Social, para os que tamén se coida conveniente a existencia de tales grupos ou comisións que colaboren materialmente no proceso de resolución.

As comisións ou grupos que se constitúan desenvolverán as funcións técnicas e organizativas que para cada proceso se lles encomenden, de conformidade co establecido na convocatoria, sen que a súa actuación afecte as competencias e á autonomía que corresponden aos tribunais ou outros órganos de selección ou avaliación que, en aplicación da normativa vixente, se constituirán para xulgar capacidade e/ou méritos dos participantes no proceso.

En atención ao exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, con informe favorable da Comisión de Persoal e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de febreiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto. O órgano competente para convocar probas de selección de persoal, de provisión de postos ou procesos relativos ao persoal que requiran o tratamento dun número elevado de solicitudes, poderá nomear unha comisión ou grupo de traballo.

Tal comisión ou grupo de traballo que se constitúa realizará as funcións auxiliares de carácter técnico e organizativo que lle sexan encomendadas polo órgano convocante do proceso, sen que a súa actuación afecte as competencias e a autonomía dos tribunais ou doutros órganos de selección ou avalia ción. Cando o seu cometido sexa o tratamento das

solicitudes e documentación presentadas polos participantes, trasladará, de ser o caso, os resultados dos traballos ao órgano competente.

Artigo 2º.-Composición. A comisión de traballo será nomeada polo órgano convocante do proceso de que se trate e estará composta por:

-Un presidente ou presidenta que será un funcionario ou funcionaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Un secretario ou secretaria que será un funcionario ou funcionaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Cinco vogais, un deles por proposta das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación, designados entre persoal funcionario ou laboral fixo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por proposta da comisión ou grupo de traballo, cando o proceso o requira, poderán designarse colaboradores entre o persoal funcionario ou laboral fixo da Administración da comunidade autónoma e dos seus organismos autónomos.

Artigo 3º.-Réxime xurídico. As comisións ou grupos de traballo exercerán as funcións que lle encomende o órgano que o nomee, de conformidade coas bases da convocatoria do proceso de que se trate e demais normativa de aplicación.

De cada sesión que se celebre, levantará a acta o secretario ou a secretaria que será visada polo presidente ou presidenta.

Os membros e colaboradores absteranse de intervir no procedemento cando se dea algunha das circunstancias sinaladas no artigo 28.2º da referida Lei 30/1992, do 26 de novembro. Igualmente, con respecto aos procesos de selección de persoal, absteranse de intervir os que realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos últimos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria.

Artigo 4º.-Asistencias. Os membros e colaboradores das comisións ou grupos de traballo percibirán as asistencias previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnización por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou norma que veña a substituílo.

Para tal efecto, será clasificados conforme o artigo 26.2º do citado decreto ou da norma que o substitúa.

Disposición adicional

Procesos de persoal docente e de institucións sanitarias.

Os procesos relativos a persoal docente e de institucións sanitarias rexeranse pola súa normativa específica.

Disposición derradeira

Entrada en vigor. O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de febreiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño Presidente

José Luis Méndez Romeu Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma