Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e se regula o Observatorio da Sociedade da Informacion e a Modernizacion de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 26-02-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 39
  • Fecha de Publicación: 26/02/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixos de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade de servizo ofrecido aos cidadáns, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo referente para o desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia e en todos os seus ámbitos.

Neste ámbito e nos últimos anos, veñen coexistindo, na Xunta de Galicia, dous observatorios moi ligados por esta temática. Por unha banda, o observatorio da Sociedade da Información (OGSI), e por outra banda, o observatorio da Calidade e da Administración de Galicia (OCEG). Esta separación dunha mesma temática en dous observatorios que atenden ámbitos que evolucionan nun contorno cada vez máis próximo debe resolverse co obxecto dunha actuación máis eficiente evitando o solapamento das súas actuacións.

Segundo o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configúrase a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica como un órgano superior con ámbito de actuación sobre todas as consellerías, organismos delas dependentes, centros, servizos e unidades, así como sobre os entes e empresas públicas da Administración da comunidade autónoma, a que lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Polo tanto, cómpre, neste momento no que as competencias relacionadas con estes ámbitos de observación son exercidas por un mesmo órgano, á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, facer unha integración das funcións do OGSI e do OCEG nun novo observatorio que achegue coherencia e uniformidade no ámbito da observación da Sociedade da Información e a Modernización en Galicia.

A obriga da Administración de actuar de acordo co principio de eficacia e baixo os criterios de máxima eficiencia, austeridade e economía organizativa cómprese sen dúbida coa integración das funcións do OGSI e do OCEG.

Por elo, con este decreto procédese á creación e regulación dun Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia que, a modo de síntese, ten como obxectivos fundamentais a recollida, intercambio, análise e divulgación de información actualizada e fiable sobre a evolución da Sociedade da Información e a Modernización en Galicia.

A creación do citado observatorio, contribúe ao desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia e ao cumprimento das previsións recollidas na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos en canto que facilita a accesibilidade aos servizos que xestiona a Administración autonómica.

Por outro lado, este decreto recolle unha modificación do Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia e o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia, para adaptalo á nova definición de ámbitos de actuación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización en Galicia, contendo unha disposición derrogatoria do capítulo III do citado decreto no que se creaba e regulaba o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de febreiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Este decreto ten por obxecto regular o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.

2. A finalidade desta norma é conseguir unha maior coherencia e uniformidade no ámbito da observación da Sociedade da Información e a Modernización das Administracións Públicas en Galicia mediante a integración das funcións de observación destes ámbitos nun único observatorio.

Artigo 2º.-Creación e adscrición do observatorio.

1. Créase o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (en diante, OSIMGA).

2. Coas funcións que se concretan no artigo 3º deste decreto, o OSIMGA constitúese ao mesmo tempo como:

a) Un órgano asesor para a valoración da evolución da sociedade da información, a modernización administrativa e a administración electrónica nas administracións públicas de Galicia, así como para a participación e colaboración coas ditas administracións públicas nesas materias, e contribuír á promoción e extensión da Sociedade da Información e a Modernización en Galicia.

b) Un sistema de información para a análise, comparación, seguimento e divulgación de datos, información e coñecementos relacionados coas materias referidas na alínea anterior.

3. O OSIMGA adscríbese á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, atribuíndolle tamén a súa coordinación funcional.

Artigo 3º.-Funcións do OSIMGA.

Para o cumprimento dos seus fins, o OSIMGA terá como principais funcións as seguintes:

a) Desenvolver ou promover recompilacións, estudos e análises de datos que permitan coñecer cunha visión global o nivel de desenvolvemento, a tendencia e as posibles problemáticas que poden afectar a extensión da Sociedade da información en Galicia e a aplicación do modelo de eGoberno nas administracións públicas galegas.

b) Facilitar análises comparativas e aliñacións dos datos dese nivel de desenvolvemento e tendencia con outros marcos xeográficos.

c) Promover nas materias propias do observatorio o intercambio de experiencias e información cuantitativa e cualitativa, así como a cooperación entre administracións, observatorios e outros organismos ou entidades, públicas ou privadas, profesionais e investigadores de ámbito autonómico, nacional ou internacional.

d) Impulsar a organización de eventos formativos, reunións de expertos ou de grupos de traballo ad hoc que contribúan ao mellor cumprimento dos seus obxectivos.

e) Promover e xestionar a elaboración e difusión de publicacións técnicas, impresas ou electrónicas, específicas e monográficas ou de publicación periódica.

f) Xestionar e ofrecer periodicamente e, como mínimo, a través dunha web específica, información sobre o nivel de desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia, eventos formativos, noticias de actualidade, ou enlaces con outras fontes de información, observatorios ou outras entidades ou institucións de interese.

g) Elaborar e presentar publicamente informes nos cales se reflictan o estado de situación ou a evolución prevista en relación coas materias obxecto do observatorio.

h) Facilitar datos a outros organismos ou entidades con competencias específicas na materia, no que se refira á Administración electrónica nas administracións públicas e ao desenvolvemento da Sociedade da Información, actuando sempre no marco establecido pola normativa vixente nas materias estatísticas e de protección de datos de carácter persoal.

i) Analizar o estado de desenvolvemento da Sociedade da Información para toda a cidadanía, e, en especial, no que respecta ás mulleres, as persoas con discapacidade, os maiores e os colectivos en risco de exclusión, promovendo liñas de actuación que potencien a súa incorporación e permanencia activa en condicións de igualdade efectiva.

j) Avaliar e servir de elemento para a definición de políticas públicas en materia de Sociedade da Información e Modernización da Administración, especialmente desde unha óptica estratéxica.

k) Calquera outra función no ámbito propio do observatorio que se lle atribúa.

Artigo 4º.-Estrutura do OSIMGA.

1. Como órgano asesor o OSIMGA estrutúrase nun Pleno e en grupos de traballo técnico.

2. O Pleno do OSIMGA terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: en número non superior a doce, garantindo polo menos a representación seguinte:

b.1) A persoa titular da Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

b.2) A persoa titular da Subdirección Xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

b.3) A persoa titular da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria.

b.4) A persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b.5) A persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b.6) A persoa titular da Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Facenda.

b.7) A persoa titular da dirección do Instituto Galego de Estatística.

b.8) Unha persoa titular de competencias no ámbito da Sociedade da Información e a Modernización pertencente a Administración xeral do Estado.

b.9) Unha persoa representante das universidades públicas de Galicia, designada por proposta do Consello Galego de Universidades.

b.10) Unha persoa representante dos concellos de Galicia designada por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

b.11) Unha personalidade de recoñecido prestixio a nivel autonómico, nacional ou internacional en materia de Sociedade da Información.

b.12) Unha personalidade de recoñecido prestixio a nivel autonómico, nacional ou internacional en materia de modernización administrativa.

c) Secretario/a: persoa pertencente a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica con nivel mínimo de xefe de servizo, quen exercerá as funcións que lle atribúe o artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, desenvolvendo as súas funcións con voz pero sen dereito a voto.

3. Funcionalmente, por proposta da súa presidencia, os membros do Pleno do OSIMGA configurarán os grupos de traballo que se consideren precisos para o cumprimento das funcións que se concretan no artigo 3º deste decreto.

O acordo de creación de cada grupo de traballo deberá especificar a súa composición, as funcións que se lle encomenden e, de ser o caso, o prazo para a súa consecución.

4. Os vogais do observatorio serán nomeados pola presidencia do OSIMGA. No suposto de que algún dos vogais perdese a súa representatividade, procederase ao seu cesamento e a designarse unha persoa substituta, conforme o sinalado anteriormente.

5. Coa excepción do caso dos vogais previstos nas anteriores alíneas b.11) e b.12), no caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, os vogais do observatorio poderán ser substituídos por outra persoa ao servizo da unidade ou organización á cal representen, e acreditarán ante o secretario do observatorio a súa designación ou representación.

6. Os vogais designados consonte o previsto nos apartados b.1) e b.2) terán a consideración de vicepresidente/a 1º e 2º respectivamente e substituirán ao/á presidente/a nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal. Para este efecto deberán asistir os membros titulares, sen que sexa posible a súa substitución.

7. Ás sesións de traballo do OSIMGA poderán asistir tamén, invitadas pola súa presidencia, outras persoas cualificadas ou institucións que, por razón da súa actividade ou coñecementos especializados, teñan relación relevante coas materias obxecto do OSIMGA.

8. A composición do Pleno e dos grupos de traballo tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 5º.-Funcionamento do OSIMGA.

1. O Pleno do OSIMGA manterá, como mínimo, unha reunión anual de carácter ordinario para aprobar o plan de traballo anual do observatorio. Con carácter extraordinario o Pleno reunirase cantas veces sexa convocado pola súa presidencia, por iniciativa propia ou por proposta de, polo menos, unha terceira parte dos seus integrantes.

2. Os grupos de traballo técnico que se constitúan manterán, como mínimo, dúas reunións ordinarias anuais, unha por semestre, e con carácter extraordinario cantas veces o decidan por iniciativa propia ou cando sexan convocados pola presidencia do OSIMGA para seguimento de resultados do plan anual do OSIMGA nos respectivos ámbitos de actuación de cada grupo técnico.

3. En todo o non previsto neste decreto en relación co funcionamento do observatorio observarase o disposto nas normas que sobre os órganos colexiados contén o capítulo II, do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Páxina web.

Como sistema de información, a través dunha páxina web específica, o OSIMGA establecerá unha canle aberta de comunicación e difusión dos datos, informacións, traballos e materiais que elabore.

Disposición adicional

Única.-Non incremento do gasto.

Os custos de funcionamento do observatorio e de elaboración dos seus estudos non suporán en ningún caso incremento do gasto público e financiaranse con cargo ao orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co disposto neste decreto e, en concreto, o capítulo III do Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia e o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación normativa.

Modifícase o artigo 7 do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, engadindo como apartado 3.3. «O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, creado polo Decreto 21/2010, do 4 de febreiro, polo que se crea e regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.»

Segunda.-Habilitación para o desenvolvemento e execución.

Facúltase á persoa titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de febreiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma