DECRETO 211/2011, do 3 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada LU-614 (A Pobra de San Xiao-A Pobra de San Xiao) desde o p.q. 0+000 ata o p.q. 1+160 a prol do Concello de Láncara., - Diario Oficial de Galicia, de 15-11-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 218
  • Fecha de Publicación: 15/11/2011
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos cales a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Láncara solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade da rúa Benigno Quiroga na estrada autonómica LU-614.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formula proposta favorable á transferencia na súa totalidade da estrada LU-614 (A Pobra de San Xiao-A Pobra de San Xiao), é dicir desde o p.q.: 0+000 ata o p.q.: 1+160.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estima axeitado o cambio de titularidade, tendo en conta que a devandita vía adquiriu características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Láncara da estrada LU-614 (A Pobra de San Xiao-A Pobra de San Xiao) na súa totalidade, é dicir, desde o p.q.:0+000 ata o p.q.:1+160 (rúa Benigno Quiroga).

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Láncara deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase, no prazo de dous meses seguintes ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Correspóndelle ao Concello de Láncara, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas


No hay versiones para esta norma