DECRETO 215/2011, do 3 de novembro, polo que se modifica a denominación da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela., - Diario Oficial de Galicia, de 22-11-2011

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 223
  • Fecha de Publicación: 22/11/2011
  • PDF de la disposición

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior non supón só a modificación das titulacións da anterior ordenación das ensinanzas universitarias senón tamén a dos centros en que estas se imparten, neste decreto autorízase a modificación da denominación da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela, que pasará a denominarse Facultade de Óptica e Optometría para adaptala á estrutura dos novos estudos de grao.

En aplicación do artigo 8.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril e por proposta do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, co informe favorable do seu Consello Social e do Consello Galego de Universidades, no exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do tres de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Autorizar a modificación da denominación da Escola Universitaria de Óptica e Optometría do campus de Santiago, da Universidade de Santiago de Compostela, que pasará a denominarse Facultade de Óptica e Optometría.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria


No hay versiones para esta norma