Decreto 223/2005, do 16 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 09-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Fecha de entrada en vigor: 10/08/2005
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 152
  • Fecha de Publicación: 09/08/2005

Tal e como ten declarado o Tribunal Constitucional, a expropiación forzosa, ademais de ser un instrumento positivo posto ao dispor do poder público para o cumprimento dos seus fins de ordenación e conformación a imperativos crecentes de xustiza social, constitúe ao tempo unha garantía constitucional do dereito de propiedade privada na medida en que con ela se asegura unha xusta compensación económica a quen, por razóns de utilidade pública ou interese social, se priva dos seus bens ou dereitos de contido patrimonial.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, preveu, no seu artigo 232, a creación do Xurado de Expropiación de Galicia, como órgano colexiado permanente da nosa comunidade autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial. Recentemente, a Lei 15/2004, do 29 de decembro, modificou, entre outros, o artigo 232 da Lei 9/2002, no cal agora se dispón cal é a composición do Xurado de Expropiación.

Esta regulación inscríbese na competencia que ten a nosa comunidade autónoma para crear, en virtude da súa potestade de autoorganización, órganos administrativos propios e, neste caso, con semellantes funcións que as dos xurados provinciais de expropiación forzosa, os cales substituirá nos supostos antes expresados.

Coa creación do xurado preténdese dotar a nosa comunidade autónoma dun órgano que, ademais de supoñer un importante paso cara ao peche do proceso de creación das institucións de autogoberno, unifique os criterios existentes e actuando de acordo cos principios de equidade e celeridade, acade unha maior eficacia en beneficio dos cidadáns.

O obxecto do presente decreto é o desenvolvemento do previsto naquel precepto legal, co fin de regular a súa composición, funcionamento e procedemento de adopción de acordos do xurado.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación dos Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, que figura como anexo a este decreto.

Disposición adicional

O Xurado de Expropiación de Galicia asumirá a súa competencia a partir da súa constitución, que terá lugar, en todo caso, no prazo de dous meses contados desde a publicación do presente regulamento.

Disposición transitoria

As pezas de prezo xusto orixinadas por expropiacións que entrasen nos xurados provinciais de expropiación forzosa, nos cales a administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial, e estean pendentes de resolución na data de constitución do Xurado de Expropiación de Galicia continuarán a súa tramitación ata a súa resolución final nos xurados provinciais de expropiación forzosa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O regulamento que se aproba polo presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne Presidente

Alberto Núñez Feijoo Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO

Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia

Capítulo I Natureza e funcións

Artigo 1º.-Natureza do xurado.

1. O Xurado de Expropiación de Galicia é o órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

2. O Xurado de Expropiación de Galicia actúa no cumprimento das súas funcións con plena autonomía funcional, sen estar sometido a instrucións xerárquicas.

Artigo 2º.-Funcións do xurado. Son funcións do Xurado:

1. A fixación en vía administrativa do prezo xusto expropiatorio en taxacións individuais, cando este non se conviñese libremente e por mutuo acordo entre a Administración e o particular.

2. A fixación do prezo xusto expropiatorio nos procedementos de taxación conxunta, cando os interesados titulares de bens e dereitos formulasen oposición á valoración contida no proxecto de expropiación aprobado polo órgano competente, no prazo establecido para tal efecto.

3. A fixación da contía das indemnizacións por ocupacións temporais e requisas.

Capítulo II Adscrición e composición do Xurado de Expropiación de Galicia Artigo 3º.-Adscrición e sede.

1. O Xurado de Expropiación de Galicia estará adscrito á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, e terá a súa sede na cidade de Santiago de Compostela.

2. O nivel orgánico dos postos de traballo adscritos ao Xurado de Expropiación será o que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 4º.-Composición. A composición do Xurado de Expropiación de Galicia é a seguinte:

1. Presidente: con rango de director xeral, deberá ser un licenciado en dereito, arquitecto ou enxeñeiro de recoñecido prestixio, con máis de dez anos de experiencia profesional no sector público ou privado ou no exercicio libre da profesión.

Será nomeado e separado por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do titular da consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, e mentres duren tales situacións, o presidente será substituído polo vogal de maior antigüidade e, na igualdade de antigüidade, polo de maior idade.

2. Vogais:

a) Un asesor xurídico, que deberá pertencer á escala de letrados da Xunta de Galicia.

Será nomeado, mediante o procedemento de libre designación, polo conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, por proposta do director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. En caso de vacante, ausencia o enfermidade, será substituído por un funcionario pertencente á escala de letrados da Xunta de Galicia, designado polo director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

b) Tres vogais, pertencentes ao corpo facultativo superior ao servizo da Xunta de Galicia, con titulación en arquitectura, enxeñaría agrónoma ou enxeñaría de montes, nomeados, mediante o procedemento de libre designación, polo conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio por proposta do presidente do xurado. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o devandito conselleiro nomeará os seus substitutos entre funcionarios que teñan a mesma titulación.

c) Un vogal, en representación da consellería con competencias en materia de facenda, por proposta do citado departamento.

d) Un técnico facultativo superior, do grupo A, designado pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

e) Un técnico facultativo superior, por proposta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, entre quen teña acreditada a condición de experto nas materias propias do ámbito competencial do xurado.

f) Tres profesionais libres colexiados con acreditada competencia nas materias propias do ámbito competencial do xurado, en representación dos colexios profesionais de Galicia, designados polos seus presidentes.

O vogal en representación dos colexios profesionais será un enxeñeiro agrónomo, se se trata de predios rústicos; un enxeñeiro de camiños, canles e portos, cando se trate de aproveitamentos hidráulicos ou outros bens propios da súa especialidade; un enxeñeiro de montes, cando o principal aproveitamento do predio expropiado sexa forestal; un enxeñeiro de minas, nos casos de expropiación de dereitos mineiros; un arquitecto superior cando a expropiación afecte predios urbanos; un enxeñeiro industrial, cando se trate de industrias en xeral; un economista cando a expropiación recaia sobre valores mobiliarios. Análogo criterio de especialidade se seguirá cando se trate de bens ou dereitos distintos dos indicados.

O presidente do xurado convocará a cada reunión os representantes dos colexios oficiais que resulten máis idóneos en función da natureza dos bens ou dereitos obxecto de expropiación.

3. Secretario: Actuará como secretario do xurado, con voz pero sen voto, un funcionario da Xunta de Galicia, pertencente ao corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, designado pola consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio que, así mesmo, designará un suplente.

4. Cando a entidade expropiante sexa unha corporación local, poderá incorporarse ás sesións do xurado un representante, designado por proposta desta, que asistirá con voz e sen voto.

5. Os vogais comprendidos nas alíneas a) e b) do número 2 e osecretario integraranse na estrutura

organizativa do xurado co nivel orgánico que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

6. Sen prexuízo do seu carácter de vogal do xurado con voz e voto en todas as sesións, ao asesor xurídico designado na alínea a) do número 2 do presente precepto corresponderalle o asesoramento en dereito do Xurado de Expropiación de Galicia.

7. Os vogais comprendidos nas alíneas c) , d) , e) e f) do número 2 e osseus correspondentes suplentes, que deberán ser designados no mesmo acto de nomeamento dos vogais titulares, e que actuarán en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que imposibilite a asistencia dos titulares a calquera sesión, serán nomeados polo conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, por proposta dos órganos e entidades indicados naquelas alíneas.

8. O mandato do presidente e dos vogais do xurado sinalados nas alíneas c) , d) , e) e f) será de catro anos, renovable por períodos de igual duración, que comezará a computarse desde o día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

Os vogais do xurado a que se refire o parágrafo anterior poderán ser substituídos polas entidades, organizacións e asociacións que os designasen, e os así nomeados permanecerán no seu cargo, como máximo, polo tempo que lle restase ao substituído para o cumprimento do seu mandato.

Non obstante, os membros do xurado, incluído o seu presidente, continuarán no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos novos membros.

9. Os vogais comprendidos nas alíneas d) , e) e f) do número 2, así como o representante da corporación local a que se refire o número 4, consideraranse funcionarios públicos en canto afecte o desempeño da súa función no xurado, e polo tanto seralles de aplicación, para estes efectos, o seu réxime disciplinario.

Artigo 5º.-Funcións dos membros do Xurado. Correspóndelles aos membros do Xurado o exercicio das funcións que a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, lles atribúe aos membros dos órganos colexiados, así como as que expresamente lle encomenda a lexislación de expropiación forzosa e o presente regulamento.

Artigo 6º.-Asistencia doutros técnicos. Naqueles expedientes que pola súa complexidade así o requiran, poderán colaborar na realización das propostas, podendo intervir nas reunións tanto do Pleno como das seccións do xurado, con voz pero sen voto, calquera técnico facultativo ao servizo da Xunta de Galicia ou das entidades locais de Galicia, que será designado polo titular do órgano de que dependa, por solicitude do presidente do xurado.

Artigo 7º.-Abstención e recusación.

1. Os membros do Xurado de Expropiación e os técnicos designados de conformidade co previsto no artigo anterior, en quen se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, absteranse de intervir nos expedientes de prezo xusto e comunicaranllo ao presidente, que resolverá o procedente.

2. Nos casos previstos no citado artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o expropiado ou o beneficiario poderán promover incidente de recusación en calquera momento da tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 29 do mesmo texto legal, correspondéndolle ao presidente a súa resolución.

Capítulo III Funcionamento

Artigo 8º.-Organización interna.

1. O xurado funciona en Pleno e en seccións.

2. Ás seccións, que estarán constituídas con carácter permanente, correspóndelles o estudo dos expedientes e a formulación de propostas ao Pleno.

3. As seccións serán tres e comprenderán as seguintes materias:

Primeira.-Expropiacións en solo urbano, de núcleo rural, urbanizable e edificacións.

Segunda.-Expropiacións en solo rústico. Terceira.-Expropiacións de actividades industriais e económicas.

4. As seccións estarán compostas de catro vogais pertencentes dous aos mencionados na alínea b) , outro será dos mencionados na alínea d) e outro dos indicados na alínea f) do número 2 do artigo 4º.

Os integrantes de cada sección serán designados polo Pleno do xurado entre os vogais máis idóneos en función da materia que teña atribuída.

A presidencia das seccións será exercida polo vogal que, pertencendo aos da alínea b) antes mencionada, sexa elixida polos seus membros.

Artigo 9º.-Ordenación do procedemento.

1. O procedemento ante o Xurado de Expropiación iniciarase de oficio, mediante a remisión do expediente do prezo xusto pola Administración expropiante.

2. O secretario do xurado distribuirá os expedientes, por razón da materia, entre as diferentes seccións.

3. As seccións elaborarán en cada expediente unha proposta motivada en que se valoren cantas probas e alegacións se incorporasen a el.

4. As seccións elevaranlle ao Pleno do xurado a correspondente proposta de acordo para a adopción da resolución que proceda. As propostas serán adoptadas por maioría de votos.

Capítulo IV Sesións e réxime de adopción de acordos

Artigo 10º.-Convocatoria das sesións.

1. O Pleno do xurado reunirase, logo de convocatoria do seu presidente, coa periodicidade que este acorde, en función do número de expedientes e das necesidades do servizo.

2. Todas as sesións plenarias do xurado serán ordinarias e celebraranse na súa sede.

3. As convocatorias notificaranse persoalmente aos seus membros con, polo menos, corenta e oito horas de anticipación, acompañadas da orde do día, que será elaborada polo secretario e de copia das propostas correspondentes.

Artigo 11º.-Réxime de adopción de acordos.

1. Para que o Pleno poida validamente constituírse e adoptar acordos será precisa, en primeira convocatoria, a asistencia de todos os seus membros e, en segunda, a do presidente, o secretario e dous vogais: un do grupo b) do número 2 do artigo 4º; e outro que deberá pertencer ao grupo e) ou f) , do número 2 do artigo 4º.

2. Unha vez validamente constituído o xurado en sesión plenaria, entrarase no exame e debate das propostas de acordo elaboradas polas seccións, sendo necesario para a súa aprobación o voto favorable da maioría dos membros asistentes á sesión. En caso de empate, o presidente exercerá o seu voto de calidade.

3. O Xurado de Expropiación de Galicia adoptará o seu acordo á vista das follas de valoración formuladas polos propietarios ou interesados, pola Administración ou polo beneficiario da expropiación, e tendo en conta as peritacións e probas presentadas no expediente.

4. Os acordos do Xurado de Expropiación de Galicia serán sempre motivados, facendo especial referencia aos criterios de valoración establecidos na lexislación expropiatoria ou sectorial para cada tipo de bens.

Os membros do xurado que discrepen do voto maioritario deberán motivar o sentido do seu voto.

5. A resolución do xurado adoptarase no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da entrada no rexistro do expediente completo.

De non adoptarse acordo no prazo sinalado, as pretensións dos expropiados entenderanse desestimadas por silencio negativo.

6. Os acordos do xurado poñen fin á vía administrativa. Fronte a eles poderá interporse recurso

potestativo de reposición ou ser impugnados directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Capítulo V Indemnizacións

Artigo 12º.-Indemnizacións por razón do servizo. Os vogais do xurado a que fai referencia o número 2, alíneas c) , d) , e) e f) do artigo 4º e os técnicos a que se refire o artigo 6º, terán dereito ao percibo das asistencias polas sesións do xurado en que participen, nas contías que aprobe o Consello da Xunta de Galicia, así como, se é o caso, ás axudas de custo e gastos de viaxe nas comisións que desempeñen en cumprimento dos fins do xurado.


No hay versiones para esta norma