Decreto 228/2005, do 22 de xullo, polo que se crea a escola infantil (0-3 anos) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. - Diario Oficial de Galicia, de 09-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 152
  • Fecha de Publicación: 09/08/2005

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en concordancia co artigo 148.1º 20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mencionada lei regula como servizos sociais de atención especializada, entre outros, os dirixidos á familia, infancia e xuventude e recolle determinados programas e equipamentos entre os cales figuran as garderías infantís, encamiñados á normalización, personalización e integración sociofamiliar dos seus beneficiarios. Neste mesmo sentido, atribúeselle á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado a través da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e da adolescencia, todas as competencias relativas á creación de centros de atención á infancia.

No desenvolvemento dos preceptos legais e co fin de garantir a adecuada prestación dos servizos, controlar a calidade da atención e recoñecer os dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de servizos sociais. Esta disposición regula a obriga de obter a autorización administrativa previa para a creación ou modificación dos equipamentos sociais, así como para o inicio ou o cesamento das súas actividades, especificando os requisitos xerais que estes deben cumprir.

Actualmente o modelo tradicional de familia está sufrindo un profundo cambio derivado das novas necesidades sociais e a incorporación da muller ao mundo laboral. A Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promover a conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras, recoñece que a necesidade de conciliación do traballo e a familia foi tratada a nivel internacional e comunitario como unha condición vinculada de forma inequívoca á nova realidade social, o que suscita unha complexa problemática que debe abordarse non só con reformas lexislativas, senón coa necesidade de promover adicionalmente servizos de atención ás persoas nun marco máis amplo de política familiar.

Na mesma liña, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes regula no capítulo III do título II os dereitos de conciliación do emprego e da vida familiar, e establece no título I, dedicado á actuación administrativa da Xunta, como unha das medidas básicas do Plan integral de apoio á familia a ampliación da rede pública de gardarías, subvencionando o acceso dos fillos de familias con escasos recursos económicos, así como a creación de gardarías e de escolas infantís dentro ou preto de parques empresariais.

Neste sentido, segundo o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servizos sociais, e no artigo 6 do Decreto 243/1995, para a creación de centros de servizos sociais propios da Administración autonómica será necesaria unha norma con rango de decreto, sendo precisa orde da consellería competente para o inicio das súas actividades.

De conformidade coa Lei 4/1993, a Lei 3/1997, e do Decreto 243/1995, por proposta da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Créase a escola infantil (0-3 anos) do Complexo Hospitalario de Santiago de Compos tela, situada no edificio do Hospital Xil Casares,

sito na travesía da Choupana, s/n, de Santiago de Compostela, correspondendo a súa xestión ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) .

Disposición derradeira

Autorízase a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para ditar as disposicións necesarias para a posta en funcionamento do centro creado mediante o presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne Presidente

Pilar Rojo Noguera Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado


No hay versiones para esta norma