Decreto 23/2006, do 16 de febreiro, polo que se establecen determinadas medidas de xestión no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 21-02-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 36
  • Fecha de Publicación: 21/02/2006
  • Este documento NO tiene versiones

A Lei 15/2002, do 1 de xullo (publicada no BOE do 2 de xullo) declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A declaración como Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, así como a súa inclusión na rede de parques nacionais, ten como obxecto, entre outros, asegurar a conservación e recuperación dos hábitats e das especies, así como a preservación da diversidade xenética.

Esta lei incorpora no seu articulado determinadas previsións da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre, modificada pola Lei 41/1997, do 5 de novembro, e en este sentido refírese a súa xestión, padroado, financiamento, elaboración do Plan de uso e xestión, usos e actividades permitidos e prohibidos ...

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre, recolle no seu articulado (artigos 22.3º, 23, 23 bis. 3) un sistema de organización e xestión conxunta dos parques nacionais intraautonómicos, que foi declarado inconstitucional mediante a Sentenza do Tribunal Constitucional 194/2004, do 4 de novembro, e iso desde a perspectiva, como apuntan os seus fundamentos xurídicos, de que «estes preceptos exceden da competencia básica do Estado e das súas facultades de coordinación ou de cooperación, invadindo con iso as competencias propias das comunidades recorrentes en relación con estes preceptos naturais». Nesta sentenza (fundamento xurídico 24) sinálase que a inmediata nulidade dos preceptos declarados inconstitucionais podería provocar unha desprotección ambiental da zona con graves prexuízos e perturbacións aos xuros xerais en xogo e con afectación de situacións e actuacións xurídicas consolidadas, diferindo a declaración de nulidade ata o momento no que as comunidades autónomas regulen as modalidades de xestión dos parques nacionais da súa competencia.

En virtude do anterior, e en tanto non se regule polo miúdo a xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, procede adoptar as primeiras medidas para a xestión do parque nacional.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión con data do dezaseis de febreiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Órganos de xestión. A xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia será efectuado pola Comunidade Autónoma galega a través dos seguintes órganos:

-A Xunta Reitora.

-O Padroado.

-O Director-Conservador. Artigo 2º.-A Xunta Rectora. A Xunta Reitora é o órgano encargado da xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Artigo 3º.-Funcións da Xunta Reitora. Son funcións da Xunta Reitora, a título meramente enunciativo:

a) Elaborar os diversos instrumentos de planificación, así como as súas modificacións e revisións.

b) Aprobar o plan anual de traballo e investimentos, que conterá a orde de prioridade das diferentes actividades que se van realizar.

c) Elaborar e, logo de informe do Padroado, aprobar os plans sectoriais que, se é o caso, desenvolvan o plan reitor de uso e xestión.

d) Propoñer ás administracións públicas competentes os convenios de colaboración que se estimen necesarios para executar o plan anual de traballo e investimentos e os plans sectoriais.

e) Propoñer ao órgano competente por razón da materia os proxectos de obras, traballos ou aproveitamentos que se considere necesario realizar e non figuren no Plan Reitor de Uso e Xestión.

f) Aprobar os pregos de condicións técnicas relativos ás concesións de servizos, adxudicacións de aproveitamentos e autorizacións de usos a terceiros.

g) Establecer o réxime de funcionamento das instalacións e servizos do parque nacional, velando polo correcto uso dos seus signos externos identificativos.

h) Realizar, á vista do preceptivo informe do Padroado, por proposta de distribución de axudas e subvencións na área de influencia socioeconómica do parque nacional.

i) Prestar conformidade á memoria anual de actividades e resultados que o director-conservador do parque nacional elevará ao Padroado.

j) Supervisión e tutela da dirección, administración e conservación do parque.

k) Todas aquelas actuacións que se consideren necesarias para o mellor cumprimento dos obxectivos do parque nacional.

Artigo 4º.-Padroado.

1. O Padroado do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia é un órgano de participación da sociedade, no que estarán representadas as diferentes administracións públicas e aquelas institucións, asociacións e organizacións relacionadas co parque, adscrito á consellería competente en materia de Medio Ambiente.

2. O presidente do Padroado será nomeado e cesado polo acordo do Consello da Xunta de Galicia, a proposta da consellería competente en materia de medio ambiente.

3. O secretario do Padroado será un funcionario da Administración da comunidade autónoma, con voz pero sen voto.

Artigo 5º.-Funcións do Padroado. As funcións do Padroado do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia son as seguintes:

a) Velar polo cumprimento das normas que afecten o parque nacional.

b) Promover e realizar cantas xestións considere oportunas a favor do espazo protexido.

c) Informar o plan reitor do uso e xestión e as súas subseguintes revisións.

d) Aprobar a memoria anual de actividades e resultados, propoñendo as medidas que considere necesarias para corrixir disfuncións ou mellorar a xestión.

e) Informar os plans anuais de traballo e investimentos que se van realizar.

f) Informar os proxectos e propostas de obras e traballos que se pretendan realizar non contidos no Plan reitor ou no Plan anual de traballos e investimentos.

g) Informar os proxectos de actuación que se van realizar na área de influencia socioeconómica.

h) Promover as posibles ampliacións do parque nacional.

i) Administrar as axudas ou subvencións que se outorguen ao Padroado.

j) Propoñer normas para a máis eficaz defensa dos valores do parque nacional.

k) Aprobar e modificar o seu propio Regulamento de réxime interior.

Artigo 6º.-Director-Conservador. A administración e a coordinación das actividades do parque nacional recaerán no seu director-conservador, que será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia de entre personal ao servizo das administracións públicas.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño Presidente

Manuel Vázquez Fernández Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible


No hay versiones para esta norma