DECRETO 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia., - Diario Oficial de Galicia, de 20-01-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 14
  • Fecha de Publicación: 20/01/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu punto 23, atribúelle á Comunidade Autónoma, con carácter exclusivo, competencias en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na que se configura e define o Sistema Galego de Servizos Sociais, e que derrogou a Lei 4/1993, do 14 de abril.

A dita lei regula no seu título VIII os mecanismos de control e garantía pública do Sistema Galego de Servizos Sociais, referíndose, no seu artigo 59, á competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para levar a cabo o rexistro, autorización, acreditación, inspección e, se é o caso, a sanción das entidades que desenvolvan servizos sociais no territorio da comunidade autónoma e daqueles centros e programas das que sexan titulares ou xestoras.

Correspóndenlle á Consellería de Traballo e Benestar, segundo o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, as competencias relativas á proposta e execución das directrices xerais do goberno nos ámbitos laborais e do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención a persoas maiores e con discapacidade, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.

De conformidade co anteriormente exposto, este regulamento ten por finalidade o de-senvolvemento dos preceptos lexislativos da Lei 13/2008, do 3 de decembro, referidos ao sistema de rexistro, autorización, acreditación e control dos servizos sociais, concretándoos e adaptándoos no seu contido, ao novo marco conceptual dos servizos sociais definido pola lei, ao tempo que simplifica a normativa vixente, refundindo nunha única norma a regulación contida en varias disposicións regulamentarias.

Así mesmo, cómpre sinalar que o decreto acolle unha interpretación do réxime de rexistro e de autorización respectuoso coa transposición da directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, que require das administracións competentes unha especial motivación para o mantemento dos réximes sectoriais de autorización administrativa previa, no referido á prestación de servizos no ámbito da Unión Europea.

Neste sentido, considérase que o mantemento do réxime de autorización é unha garantía necesaria para a prestación de determinados servizos sociais, fundamentada en razóns imperiosas de interese xeral que afectan os obxectivos da política social, a orde pública ou/e á protección dos intereses e dereitos das persoas destinatarias daqueles, segundo o disposto na normativa específica que desenvolve cada un dos servizos sociais comunitarios ou especializados.

Esta especial protección, ademais, exixe dos poderes públicos unha resposta eficaz que garanta a calidade do sistema de servizos sociais. Neste sentido, a inspección de servizos sociais configúrase como un instrumento esencial de colaboración e asesoramento das persoas usuarias e das entidades prestadoras de servizos sociais, ademais dunha garantía fundamental no respecto dos dereitos sociais da cidadanía de Galicia. Para este efecto, refórzanse os principios nos que se basea a función inspectora garantindo a especialización e a profesionalización persoal que desempeñe esta función.

O decreto estrutúrase en 5 capítulos, 53 artigos, 4 disposicións adicionais, 2 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 1 disposición derradeira única.

No capítulo I defínense os principais conceptos tratados no regulamento e determínase o seu ámbito de aplicación e alcance. Establécense as obrigas das entidades prestadoras de servizos sociais inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, e daquelas que perciben financiamento público, así como os requisitos xerais dos centros e programas autorizados.

No capítulo II incorpórase unha nova regulación do sistema de Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, aclarando a súa natureza como instrumento de publicidade e de ordenación do Sistema Galego de Servizos Sociais, de acordo co marco conceptual, recollido na Lei 13/2008. O Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dótase dun soporte informático que permite que os/as cidadáns accedan directamente á súa consulta e facilita ás entidades inscritas a súa actualización en tempo real por vía telemática.

No capítulo III detállase o procedemento de obtención das autorizacións preceptivas, unificando a súa tramitación tanto para as entidades prestadoras de servizos sociais de carácter público como para as privadas, e posibilitando a tramitación dos procedementos de autorización para a creación/construción e inicio de actividade, de forma conxunta ou separadamente en función do estado no que se atope a obra. Así mesmo, incorpórase á regulación a posibilidade de obter un informe sobre a viabilidade de creación do centro do que se trate, cando a documentación técnica presentada na tramitación da autorización sexa insuficiente e non acade o nivel de desenvolvemento propio dun proxecto básico e de execución.

No capítulo IV afóndase na regulamentación do sistema de acreditación dos servizos sociais, desenvolvendo os seus criterios básicos, de conformidade co establecido na letra o) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, tomando como referente a calidade de vida das persoas, e remitindo a súa concreción á normativa específica, en función das características dos servizos e dos colectivos a que vaian destinados.

No capítulo V regúlase a función da inspección completando e concretando aquelas disposicións lexislativas contidas no título VIII da Lei 13/2008, e garantindo a especialización do persoal inspector. Defínense os procedementos de actuación da inspección e regúlanse os aspectos comprendidos dentro do seu labor, establecendo compromisos de resposta nos casos de denuncias e reclamacións e fortalecendo o seu labor de asesoramento ás entidades prestadoras de servizos sociais e aos cidadáns.

Na disposición adicional primeira regúlase, con fundamento en razóns de interese social, un procedemento excepcional para a autorización de centros que xa estivesen en funcionamento con anterioridade á normativa que os regula e que non cumpran todos os requisitos estruturais que agora esta exixe.

Na disposición adicional segunda regúlanse os efectos do incumprimento da disposición transitoria primeira do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e de atención á infancia, limitando a concesión de novas autorizacións a aqueles centros que unha vez transcorrido o prazo establecido, non se adaptasen aos requisitos arquitectónicos e estruturais exixidos por esta norma.

Na disposición adicional terceira regúlase o contido mínimo do curso de capacitación para o desempeño da función inspectora.

Na disposición adicional cuarta desenvólvense os requisitos que deben cumprirse e o procedemento para facer efectiva a posibilidade, prevista no artigo 85 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, de destinar as sancións impostas á mellora do servizo social que se presta.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, ademais do réxime de autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en desenvolvemento do previsto no título VIII da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 2. Competencia.

O exercicio das funcións de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais no ámbito territorial da comunidade autónoma, correspóndelle ao órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais.

Artigo 3. Ámbito.

O disposto neste decreto aplicarase ás entidades, públicas ou privadas, que presten servizos sociais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Definicións.

Para os efectos do disposto neste decreto, considerarase:

1. Entidade prestadora de servizos sociais: toda persoa física ou xurídica, legalmente recoñecida como tal, que sexa titular ou xestora de centros e/ou desenvolva servizos ou programas de servizos sociais, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 66 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Para os efectos do disposto neste punto:

a) Considérase entidade titular do centro ou programa aquela que teña a potestade de organización deste.

b) Considérase entidade xestora aquela que xestiona ou explota o centro ou programa por conta e seguindo as directrices sinaladas pola entidade titular.

Nos suposto de que, como resultado dun procedemento de contratación pública, resulte como adxúdicataria unha unión temporal de empresas, e aínda que a dita unión non sexa unha persoa xurídica prestadora de servizos sociais, procederá á anotación da UTE como entidade xestora do centro ou programa do que se trate, desde a adxudicación do contrato e polo tempo da súa duración, sempre que cada unha das entidades que a compoñan conste inscrita no rexistro como entidade prestadora de servizos sociais.

2. Servizos sociais: todas as prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, de conformidade cos obxectivos do artigo 3 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

3. Centros de servizos sociais: aqueles equipamentos, regulamentariamente tipificados, nos que se desenvolvan de xeito estable e continuado servizos, programas e actividades de servizos sociais nas distintas áreas sociais.

4. Programas: o conxunto articulado de obxectivos, accións e servizos dotados orzamentariamente, por medio dos cales se procuran solucións ás necesidades sociais.

Os programas de servizos sociais disporán dos recursos humanos e materiais axeitados para levalos a cabo, podendo precisar dunha instalación de referencia á que poidan acudir as persoas usuarias, que deberá estar funcionalmente adaptada ás condicións destas, así como a aqueles outros requisitos que se establezan na normativa de carácter específico.

5. Servizos sociais complementarios: aqueles servizos previamente tipificados, que precisando dunha instalación de referencia para a súa prestación, se engaden aos prestados noutros centros ou programas autorizados, utilizando parte das súas instalacións. A súa posta en marcha estará suxeita a autorización, de conformidade co disposto na normativa específica que os regule.

6. Autorización administrativa sectorial de servizos sociais: acto administrativo, preceptivo e regrado, xustificado en razóns de interese xeral, polo que a Administración competente comproba, con carácter previo á realización da actividade, o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa sectorial aplicable ao caso concreto.

O seu outorgamento non substitúe nin presupón a concesión doutro tipo de permisos ou licenzas preceptivos para o inicio da actividade, nin tampouco presupón o cumprimento por parte da entidade titular doutra normativa que resulte aplicable e cuxa verificación, supervisión e inspección corresponda a outras consellerías ou administracións públicas.

Artigo 5. Procedementos.

1. Os procedementos regulados neste decreto tramitaranse conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, respectando o disposto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As resolucións ditadas en virtude deste decreto polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais, non porán fin á vía administrativa, e contra elas caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, se é o caso, o mecanismo de impugnación previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 6. Obrigas das entidades prestadoras de servizos sociais.

As entidades prestadoras de servizos sociais, inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, están obrigadas a:

a) Manter actualizados permanentemente os datos que obren no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Acreditar no primeiro trimestre do ano o mantemento das súas actividades mediante a presentación no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da memoria de actividades do ano anterior. Unha vez incorporada, a memoria anual poderá consultarse por todos/as os/as cidadáns. A falta de acreditación da memoria durante dous anos consecutivos, determinará a cancelación de oficio da inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

c) Facilitar á Administración autonómica toda a información que solicite no exercicio das súas competencias.

d) Estar suxeitas ás potestades inspectora e sancionadora da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

e) Someter ao réxime de autorización regulado neste decreto, os centros, programas e/ou servizos da súa titularidade, de conformidade coa normativa autonómica que os define e regula.

f) Informar previamente ás persoas usuarias, de xeito claro e comprensible, sobre o réxime dos servizos que prestan, as súas condicións, os prezos ou tarifas que se van cobrar, cando procedan, e a forma de pagamento.

g) Velar polo bo estado xeral e de conservación dos equipamentos e instalacións onde se presten servizos e dispensar ás persoas usuarias un trato correcto e non discriminatorio.

h) Dispoñer en cada instalación aberta ao público dun libro de reclamacións a disposición das persoas usuarias, dos seus familiares, representantes legais ou titores e/ou dun procedemento que garanta a xestión das queixas e das suxestións presentadas.

i) Remitir á inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia unha copia das reclamacións presentadas, no prazo máximo de tres días hábiles, xunto cun informe xustificativo dos antecedentes e das actuacións realizadas para a súa xestión.

Artigo 7. Requisitos xerais dos centros e programas de servizos sociais.

1. Todos os centros e programas de servizos sociais, de conformidade coa normativa que os regula, deben:

a) Estar correctamente identificados e sinalizados no exterior das súas instalacións, agás que a natureza e finalidade do servizo o desaconselle. Así mesmo, debe sinalizarse o interior das instalacións para facilitar o acceso, a orientación e a información sobre a localización dos servizos para todas as persoas.

b) Dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia, que garantan o respecto aos dereitos das persoas usuarias e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.

c) Contar cun rexistro de altas e baixas de persoas usuarias e cun expediente individual de cada unha delas, coa documentación mínima necesaria que determine a normativa específica que lle resulte de aplicación. En todo caso, a entidade deberá garantir a protección dos datos de carácter persoal de conformidade co establecido na Lei 15/1999, do 13 de decembro, en todo o que lle sexa de aplicación.

d) Dispoñer da póliza de seguros de danos necesarias para garantir a reparación dos sinistros do edificio, así como de póliza de seguro de responsabilidade civil que garanta a cobertura das indemnizacións ás persoas usuarias e/ou a terceiros polos danos e prexuízos causados como consecuencia dos sinistros do edificio e/ou do de-senvolvemento dos servizos.

e) Expoñer nun lugar visible ao público a documentación que acredite as autorizacións e licenzas concedidas, as normas de funcionamento previamente visadas pola Administración e o cartel informativo sobre a existencia dun libro de reclamacións a disposición das persoas usuarias. Ademais, exporase a información básica referida aos servizos prestados, ao horario e aos períodos de funcionamento do servizo, así como, cando a natureza do servizo non o desaconselle, os prezos ou as tarifas exixibles pola prestación dos servizos, onde consten claramente as contías totais das prestacións básicas e dos servizos optativos ou susceptibles de cobramento a parte.

f) Contar co equipamento mobiliario, as axudas técnicas, o material e o persoal necesario para o desenvolvemento axeitado dos servizos, segundo as características e necesidades das persoas destinatarias.

g) Dispoñer de conexión telefónica co exterior e dun enderezo de correo electrónico.

h) Contar cunha persoa que asuma a dirección ou coordine o programa ou servizo.

2. Ademais dos requisitos xerais establecidos no punto anterior, as entidades titulares e as xestoras de servizos, centros e programas deberán adecuarse aos requisitos específicos que, de acordo coa súa tipoloxía e persoas ás que se dirixan, se establezan na normativa que lles resulte de aplicación, así como dispoñer no centro ou nas instalacións nas que se desenvolve o programa, de toda aquela documentación acreditativa do cumprimento destes.

Artigo 8. Obrigas das entidades prestadoras de servizos sociais con financiamento público.

1. As entidades prestadoras de servizos sociais que perciban ou pretendan acceder ao financiamento público pola prestación de servizos sociais, ademais de cumprir coas obrigas sinaladas nos artigos 6 e 7, deberán:

a) Inscribirse, con carácter previo ao inicio das súas actividades, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Adecuarse ás directrices da planificación dos servizos sociais da Xunta de Galicia.

c) Acreditar a través da memoria á que se refire a letra b) do artigo 6, a descrición detallada dos seus obxectivos anuais, das actividades realizadas para acadalos e unha avaliación dos resultados obtidos. Ademais, farase constar a totalidade das subvencións percibidas, a súa orixe, contía e destino, o número de socios/as, de colaboradores/as e de persoas usuarias dos servizos ou actividades que realice, así como un balance detallado das contas de ingresos e gastos.

d) Acreditar, cando o financiamento público se destine á realización de obras para a creación/construción ou modificación substancial de centros sometidos a autorización previa, que dispoñen, con carácter previo á súa execución, da autorización de creación/construción ou modificación substancial.

e) Sen prexuízo do disposto na normativa vixente en materia de subvencións públicas, de cancelarse a inscrición dunha entidade ou autorizarse o cesamento de actividades de centros ou programas que recibiran financiamento público, informarase ao órgano concedente para que inicie o procedemento de reintegro sobre a parte de financiamento non amortizada. Para estes efectos, entenderase que o financiamento para investimento inmobiliario se amortiza aos 20 anos, e a destinada a equipamento aos 5 anos.

2. Os contratos de xestión de servizos públicos que realice a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia sobre centros e programas de servizos sociais autorizados, respectarán o alcance das autorizacións concedidas. A execución do contrato soamente poderá iniciarse cando se dispoña da autorización de inicio de actividade, sen prexuízo da disposición doutras autorizacións e licenzas previas preceptivas.

Artigo 9. Incumprimento do réxime de rexistro e autorización.

1. O incumprimento do réxime de rexistro e de autorización administrativa de entidades, centros, servizos ou programas condicionará o outorgamento ou o pagamento de subvencións, así como a obtención de calquera tipo de financiamento por parte da Xunta de Galicia en relación coa entidade, co centro, co servizo ou co programa do que se trate.

2. O incumprimento do réxime de autorizacións e demais obrigas establecidas neste decreto, nas normas específicas dos servizos e nas de desenvolvemento determinará, a imposición das sancións que correspondan, de acordo co establecido na lexislación aplicable en materia de servizos sociais así como, cando proceda, a clausura do centro ou a suspensión das actividades de acordo co establecido no artigo 68.3 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

CAPÍTULO II

O Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais

Artigo 10. Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

1. O Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais ten por obxectivo fundamental elaborar e ter a disposición do público, un censo actualizado das entidades prestadoras de servizos sociais e dos centros e programas autorizados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais configúrase ademais, como un instrumento público básico para o coñecemento, o control, a planificación, a ordenación e a publicación do Sistema Galego de Servizos Sociais.

3. O Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais opera en soporte informático e está adscrito e xestionado pola consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de servizos sociais.

4. Aseguraronse ás entidades inscritas o acceso ao rexistro por medios telemáticos, co fin de que periodicamente actualicen os datos inscritos. Así mesmo, garántese o acceso ao rexistro aos cidadáns, para a realización de consultas de carácter informativo sobre a localización e as características dos recursos existentes.

Artigo 11. Datos recollidos no Rexistro.

No Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais faranse constar, como mínimo, os seguintes datos das entidades prestadoras de servizos sociais inscritas e dos centros e programas autorizados dos que sexan titulares:

a) Datos identificativos da entidade: denominación, número de identificación fiscal, enderezo social, datos identificativos do/s representante/s legais e administrador/es, ámbito xeográfico de actuación, forma xurídica da entidade, clasificación e data da inscrición.

b) Información sobre as áreas estratéxicas de desenvolvemento das actividades e formas de prestación dos servizos, de conformidade co disposto no artigo 3 e no artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

c) Datos sobre a denominación e localización dos centros e programas autorizados, sobre a súa tipoloxía, o número e tipo das prazas e/ou das unidades autorizadas, a data de inicio de actividade e as persoas destinatarias dos servizos que se presten nos centros ou programas dos que se trate.

d) Datos sobre o historial dos procedementos de rexistro, autorización, acreditación e sanción referidos á entidade prestadora de servizos sociais e aos centros, programas e servizos dos que sexa titular.

e) Outros datos auxiliares que faciliten o coñecemento para o público dos servizos sociais existentes e/ou que facilite a xestión e planificación dos centros e programas que integran o Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. Os datos recollidos no rexistro deben ser completos, veraces e responder fielmente á realidade, polo que a incorporación de datos inexactos ou falsos constituirá unha infracción administrativa, de conformidade coa letra a) do artigo 80 e as letras k), l), n) do artigo 81 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 12. Clasificación.

1. A inscrición dunha entidade prestadora de servizos sociais supón a súa clasificación en función da súa natureza, como:

a) Entidades públicas: considerando nesta categoría as administracións públicas territoriais e os entes que integran o seu sector público.

b) Entidades privadas: as persoas físicas e xurídicas privadas, xa sexan de iniciativa social ou de carácter mercantil.

1.º Para os efectos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais considéranse entidades privadas de iniciativa social, aquelas organizacións non gobernamentais e institucións non gobernamentais que realicen actividades de servizos sociais carecendo de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu cometido con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

2.º Para os efectos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais considéranse entidades privadas de carácter mercantil, as persoas físicas e persoas xurídicas con ánimo de lucro, que realizan actividades de servizos sociais. As sociedades de responsabilidade limitada e as sociedades anónimas terán carácter mercantil calquera que sexa o seu obxecto.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 3 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, cada entidade rexistrada clasificarase, ademais, en función da/s súa/s área/s estratéxica/s de actuación, de conformidade co obxecto social descrito no seus estatutos en relación co catálogo establecido no artigo 18 da antedita lei.

Artigo 13. Documentación necesaria para a inscrición.

1. O procedemento para a inscrición dunha entidade prestadora de servizos sociais iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da correspondente solicitude de inscrición normalizada (anexo I) ante o órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, acompañada da documentación que acredite os seguintes aspectos:

a) A acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude e/ou da súa representación, ou o consentimento expreso para a súa comprobación por medios telemáticos.

b) O proxecto específico de servizos sociais que desenvolverá a entidade no marco dos obxectivos do artigo 3 en relación co artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, as persoas destinatarias deste, o/s enderezo/s das instalacións nas que realizará as súas actividades e a carteira de servizos que vai desenvolver.

c) A denominación da entidade e dos centros ou programas dos que sexa titular. A denominación elixida non poderá coincidir con outras que xa estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

d) No caso de que se trate dunha persoa xurídica xuntarase ademais a copia da acta ou acordo de constitución da entidade e dos seus estatutos, o seu número de identificación fiscal, o documento acreditativo da composición do órgano de goberno, así como o certificado da inscrición da entidade no rexistro oficial correspondente á súa natureza.

e) De pretender a clasificación da entidade como entidade de iniciativa social, o/a representante legal da entidade certificará que se cumpren os requisitos exixidos no artigo 12.1 letra b) 1.º deste decreto.

2. A concesión da autorización de creación/construción ou de inicio de actividade dun centro ou programa, leva consigo a inscrición de oficio da entidade titular do centro ou programa do que se trate no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

3. Para a anotación dunha entidade como xestora dun centro ou programa autorizado, esta deberá estar inscrita con carácter previo no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Para realizar a anotación da entidade, o/a representante legal da entidade titular ou da entidade xestora achegará, xunto a solicitude da anotación, a copia do contrato ou documento que acredita a relación e as condicións de prestación do servizo acordadas entre a entidade titular e a entidade xestora.

Artigo 14. Causas de denegación da inscrición.

A denegación da inscrición dunha entidade producirase, de forma motivada, por algunha das seguintes causas:

a) A falta de acreditación da identidade da persoa que asina a solicitude e/ou da súa representación, ou pola ausencia do consentimento expreso para a súa comprobación por medios telemáticos.

b) A ausencia de personalidade xurídica da entidade, de conformidade co disposto no ordenamento xurídico que lle resulte de aplicación.

c) Que os servizos e actividades que se van desenvolver a entidade non sexan cualificados como específicos de servizos sociais, de conformidade co disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 15. Modificación de datos.

1. O/a representante legal das entidades rexistradas comunicarán, con carácter previo ou no prazo máximo de 30 días desde a súa efectiva realización, a modificación dos datos referidos a:

a) A denominación da entidade e/ou dos centros e programas autorizados dos que a entidade sexa titular.

b) O enderezo social da entidade.

c) O obxecto social da entidade.

d) Os datos identificativos dos/as representante/s legais da entidade e/ou dos/as seus administradores/as.

e) O cambio de titularidade dos centros ou programas que a entidade teña autorizados.

f) O cambio de entidade xestora dos centros ou programas que a entidade titular teña autorizados.

2. Non obstante, a modificación dos datos inscritos da entidade realizarase de oficio cando se refira:

a) Aos datos das entidades locais inscritas como entidades prestadoras de servizos sociais, e a modificación a levar a cabo consista no cambio do/a representante legal da entidade como resultado dun proceso electoral.

b) Aos datos inscritos das entidades públicas ou privadas inscritas como entidades prestadoras de servizos sociais, e a modificación a levar a cabo se refira á súa denominación, enderezo social, obxecto social ou aos datos identificativos dos/as representantes legais ou administradores/as da entidade, sempre que modificación sexa comunicada por outro rexistro oficial.

Artigo 16. Documentación necesaria para a modificación de datos inscritos.

1. Para a modificación dos datos da entidade inscritos no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, o/a representante legal da entidade presentará a solicitude en instancia normalizada (anexo I) xunto a documentación que acredite a dita modificación.

2. No caso de que se trate dun cambio de entidade titular nos centros e programas que conten con autorización previa, o/a representante legal de calquera das entidades, xunto coa solicitude (anexo II), deberá achegar:

a) A copia do documento público que acredite o cambio de titularidade do centro ou programa do que se trate. Neste documento farase constar a capacidade e/ou representación das partes, a data exacta na que se vai facer efectivo o cambio de titular, recollendo unha mención expresa ao dereito polo que se dispón do inmoble e a asunción por cada unha das partes das posibles responsabilidades e sancións que poidan derivarse da xestión do centro ou programa.

b) Compromiso do/a representante da nova entidade sobre o mantemento das condicións do servizo ás persoas usuarias que o contrataron con anterioridade ao cambio de titularidade, ou ben do acordo subscrito con todas elas sobre a súa alteración.

c) As novas normas de funcionamento para proceder ao seu visado, a relación do persoal asignado ao servizo, a copia das pólizas de seguros obrigatorias e dos permisos ou licenzas que foran exixibles.

3. Con carácter previo á súa realización, a entidade que pretenda asumir a titularidade do centro ou programa do que se trate, poderá solicitar información sobre os posibles incumprimentos ou sobre as sancións impostas á entidade titular polo funcionamento do centro ou programa.

Artigo 17. Eficacia da inscrición.

1. A inscrición dunha entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais ten eficacia limitada ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e realízase por tempo indefinido en tanto se acredite anualmente o mantemento das actividades de servizos sociais que a motivaron, mediante a presentación da memoria de actividades do ano anterior, de conformidade co establecido no artigo 6 b) e 8.1 c) deste decreto.

2. A cancelación da inscrición da entidade non impedirá que se inste de novo a súa inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Artigo 18. Cancelación da inscrición.

A cancelación da inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais producirase:

1) Por instancia de parte, logo de solicitude (anexo I) polo/a representante legal da entidade, que informe sobre as causas e a data prevista para o cesamento das súas actividades. Coa presentación da solicitude acreditaranse as causas do cesamento, a data prevista para levalo a cabo, a relación do financiamento público recibido e a recolocación noutros servizos de similares características das persoas que eran usuarias do servizo.

2) De oficio, polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais e logo de audiencia das persoas interesadas, por un prazo máximo de quince días, nos seguintes casos:

a) Que a entidade deixe de cumprir os requisitos que se tiveron en conta para a súa inscrición.

b) A Administración teña constancia fidedigna de que a entidade xa non presta actividades de servizos sociais nos enderezos que constan no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

c) Pola falta de presentación da memoria anual de actividades no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais durante os dous últimos anos.

d) Pola imposición de sancións á entidade, que pola súa propia natureza, supoñan este efecto.

Artigo 19. Procedementos rexistrais.

1. Con carácter xeral, a inscrición, a modificación dos datos inscritos e a cancelación das entidades no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais realizaranse logo de a solicitude polo/a representante legal da entidade, agás naqueles casos regulados nesta disposición nos que realizarase de oficio polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais.

2. Non será necesario achegar aquela documentación que xa consten en poder da Administración. Así mesmo, aceptaranse aqueles documentos doutros Estados membros que teñan unha función equivalente ou dos que se desprendan que estes requisitos están cumpridos.

3. Unha vez examinada a documentación remitida, e no caso de observarse a súa insuficiencia e/ou a inexactitude dos datos e/ou dos documentos achegados requirirase a entidade para que proceda á súa emenda no prazo máximo de 10 días. Se unha vez transcorrido o prazo non emendara os aspectos requiridos téraselle por desistido e arquivarase o procedemento sen máis trámite.

4. Os procedementos de rexistro resolveranse no prazo máximo de tres meses, non obstante, de conformidade co disposto no artigo 67.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, unha vez transcorrido este prazo sen que se dite resolución administrativa expresa, as solicitudes entenderanse denegadas por silencio administrativo.

CAPÍTULO III

As autorizacións

Artigo 20. Ámbito.

1. O réxime de autorización e os procedementos para a súa concesión resultan aplicables a todas as entidades prestadoras de servizos sociais, tanto públicas como privadas.

2. O réxime de autorización previa exixirase a todos aqueles servizos, centros e/ou programas de servizos sociais, de acordo con este decreto e a normativa específica que os defina e regule.

Artigo 21. Clasificación das autorizacións.

1. Para os efectos deste decreto suxéitase ao réxime de autorización en materia de servizos sociais:

a) A construción ou creación de centros de servizos sociais.

b) O inicio de actividades de servizos, programas e centros de servizos sociais.

c) A modificación substancial de programas e centros de servizos sociais previamente autorizados.

d) O cesamento, temporal ou definitivo, das actividades dos programas e centros de servizos sociais previamente autorizados, xa sexa con carácter parcial ou total.

2. As anteditas autorizacións garanten o cumprimento dos requisitos xerais e específicos exixidos para cada un dos centros e programas, o respecto aos dereitos dos usuarios e a adecuación das prestacións ás necesidades destes.

Artigo 22. Autorización de creación/construción de centros.

1. Para os efectos deste decreto entenderase por creación ou construción de centros:

a) A edificación de nova planta de inmobles ou establecementos destinados a albergar algún dos centros de servizos sociais regulamentariamente tipificados.

b) Aquelas reformas que pola súa natureza signifiquen un cambio do destino actual do inmoble co fin de adecuarse ás condicións requiridas para cada tipo de centro de servizos sociais pola normativa vixente que resulte de aplicación en cada caso.

2. A autorización de creación/construción de centros ten por finalidade a adecuación do proxecto técnico de construción ou reforma do inmoble á normativa específica que lle resulta aplicable, segundo a tipoloxía do centro que se pretenda crear, os servizos que se vaian prestar e as persoas destinatarias deste.

Artigo 23. Documentación necesaria para a obtención da autorización de creación/construción de centros.

1. O procedemento para a obtención da autorización de creación ou construción de centros iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro da correspondente solicitude normalizada (anexo II) ante o órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa na que se fagan constar os dereitos sobre a parcela e/ou inmoble, a súa localización, a descrición do centro, a súa tipoloxía, as persoas destinatarias e unha estimación sobre o número de prazas previsto.

b) Documentación técnica do proxecto, en soporte papel e informático, co alcance e definición requirida polo Código Técnico da Edificación para os proxectos de execución, asinada por técnico/a competente.

c) Xustificante acreditativo de ter satisfeitas as taxas de autorización de creación/construción de centros ou programas de servizos sociais exixidas na normativa vixente.

2. Presentada a documentación necesaria, emitirase un informe técnico sobre a adecuación do proxecto ao cumprimento dos requisitos exixidos na norma específica de aplicación. No caso de que sexa necesario, poderase requirir ao interesado as emendas necesarias no prazo máximo dun mes desde a súa comunicación. A non emenda no prazo indicado suporá a denegación da autorización solicitada.

3. De estimarse que a documentación técnica remitida non se presenta co nivel de definición requirido ou é insuficiente para acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos na lexislación sectorial, poderase emitir un informe técnico sobre a viabilidade do proxecto, con carácter informativo e non vinculante, e que non presuporá a concesión da autorización.

4. A concesión desta autorización non exime á entidade titular de solicitar a autorización de inicio de actividade unha vez rematada a obra.

5. A concesión desta autorización leva consigo a súa anotación de oficio no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Artigo 24. Autorización de inicio de actividade de centros e programas de servizos sociais.

1. A apertura ou posta en funcionamento dun centro ou dun programa estará condicionada á obtención da correspondente autorización de inicio de actividades.

2. A autorización de inicio de actividade ten por finalidade comprobar que os centros ou programas que se van poñer en funcionamento dispoñen dos medios materiais, persoais e funcionais específicos para o correcto desenvolvemento dos servizos sociais que se pretenden prestar.

3. Para a tramitación desta autorización, no caso dos centros, é indispensable que as obras e instalacións estean totalmente rematadas e debidamente equipadas.

4. No caso de centros, de non contar coa previa autorización para a creación/construción do centro, achegarase neste procedemento toda a documentación precisa para a súa tramitación co fin de resolver conxuntamente as dúas autorizacións.

Artigo 25. Documentación necesaria para a obtención da autorización de inicio de actividade.

1. O procedemento para a obtención da autorización de inicio de actividades dun centro ou programa iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou programa da correspondente solicitude de autorización normalizada (anexo II) ante o o órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, acompañada da seguinte documentación:

a) Copia da documentación, en virtude da cal se acredite o dereito polo cal se dispón do inmoble do centro ou da instalación de referencia do programa.

b) Proxectos de pólizas de seguros que se van subscribir, de conformidade co disposto no artigo 7.1 letra d) deste decreto.

c) Proxecto de normas de funcionamento e, se é o caso, modelo de contrato a asinar coas persoas usuarias, e réxime de prezos ou tarifas.

d) Relación de persoal facendo constar o número de efectivos, a súa dedicación ao servizo, a súa relación laboral ou contractual coa entidade titular e as súas titulacións. A especialización profesional do persoal deberá axustarse á tipoloxía do servizo social de que se trate. Así mesmo, achegaranse os datos persoais e de titulación da persoa responsable da dirección ou da coordinación do servizo.

e) Certificado asinado polo/a representante legal da entidade titular no que acredite:

1.º A efectiva finalización das obras necesarias para o acondicionamento do inmoble.

2.º A disposición do equipamento necesario para a posta en funcionamento da actividade.

3.º A disposición das autorizacións e licenzas preceptivas sobre o inmoble e sobre a actividade que se vai desenvolver, sobre os equipos e instalacións das que se dispón ou ben a acreditación de telas solicitadas.

4.º Compromiso de subscribir as pólizas de seguros exixibles, de conformidade cos proxectos de pólizas presentados, a partir do momento no que inicie a actividade.

5.º Compromiso de implantación das medidas de emerxencia e/ou autoprotección exixibles en función da tipoloxía e número de prazas do centro.

f) Xustificante acreditativo de ter satisfeitas as taxas de autorización de inicio de actividades de centros ou programas de servizos sociais exixidas na normativa vixente.

g) Toda aqueloutra documentación exixida pola normativa específica que lle resulte de aplicación ao centro, programa ou servizo concreto.

2. A concesión desta autorización leva consigo a súa anotación de oficio no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Artigo 26. Autorización de inicio de actividade de servizo complementario.

1. A apertura ou posta en funcionamento dun servizo complementario dos definidos no artigo 4.5 deste decreto estará condicionada á obtención da correspondente autorización de inicio de actividades de servizos complementarios.

2. A autorización de inicio de actividade de servizos complementarios ten por finalidade comprobar a adecuación das instalacións, a súa compatibilidade co uso principal e que dispoñen das condicións e requisitos definidos na normativa sectorial que os regula.

Artigo 27. Documentación necesaria para a obtención da autorización de inicio de actividade de servizo complementario.

1. O procedemento para a obtención da autorización de inicio de actividades dun servizo complementario nas instalacións dun centro ou nun programa autorizado previamente iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou programa, da correspondente solicitude normalizada (anexo II) ante o o órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, acompañada da seguinte documentación:

a) No caso de que requira a adaptación das instalacións, mediante algunha obra de ampliación ou reforma, remitirase a documentación técnica necesaria para emitir o preceptivo informe técnico sobre a adecuación da mesma aos requisitos exixidos na normativa correspondente ao servizo complementario do que se trate.

b) Proxecto de normas de funcionamento e, se é o caso, modelo do contrato a asinar coas persoas usuarias e réxime de prezos ou tarifas do novo servizo.

c) Relación de persoal asignado ao servizo, xustificante da ampliación das correspondentes pólizas de seguros e da concesión da licenza municipal ou da súa solicitude, cando proceda.

d) Xustificante acreditativo de ter satisfeitas as taxas de autorización de inicio de actividade de servizo complementario nos centros ou programas de servizos sociais exixidas na normativa vixente.

e) Toda aqueloutra documentación exixida pola normativa específica que lle resulte de aplicación ao centro, programa ou servizo concreto.

2. A concesión desta autorización leva consigo a súa anotación de oficio no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Artigo 28. Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

1. As modificacións substanciais dun centro ou programa requirirán a obtención da autorización administrativa con carácter previo á súa realización.

2. Para os efectos deste decreto, considéranse modificacións substanciais dun centro ou programa:

a) Os cambios producidos no proxecto técnico da obra, unha vez obtida a autorización de creación ou construción do centro.

b) Aqueles cambios na estrutura do centro ou do programa que xa se atopa en funcionamento, sempre que impliquen algunha das seguintes circunstancias:

1.º Supoñan unha alteración funcional ou cambio de usos nas instalacións autorizadas.

2.º Supoñan unha ampliación das prazas ou unha ampliación ou redución das unidades autorizadas.

3.º Supoñan o traslado da instalación de referencia do programa autorizado a outra situación. Os traslados de centros autorizados a unha instalación diferente requirirán, en todo caso, unha nova autorización de creación e de inicio de actividade.

3. En todo caso, as entidades deberán comunicarlle ao órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia, con carácter previo á súa realización, todas aquelas reformas, obras e melloras, ou alteracións significativas, que teñan previsto efectuar nas instalacións autorizadas, co fin de que poidan ser cualificadas ou non, segundo o previsto no punto anterior, no prazo máximo dun mes, como modificacións substanciais, para os efectos, se procede, de tramitar o procedemento de autorización.

4. De non cualificarse as reformas, obras, melloras ou alteracións significativas como unha modificación substancial, comunicaráselle á persoa titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou programa a posibilidade da súa realización sen necesidade de autorización previa.

Artigo 29. Documentación necesaria para a obtención da autorización de modificación substancial dun centro ou programa autorizados.

1. O procedemento para a obtención da autorización de modificación substancial dun centro ou programa iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou programa da correspondente solicitude normalizada (anexo II) ante o órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do cambio solicitado, xustificación da súa finalidade e descrición detallada das alteracións estruturais, materiais ou funcionais, que se propoñen sobre os servizos autorizados, así como o prazo previsto para a execución das obras.

b) Cando proceda, remitirase a documentación técnica necesaria para a emisión, con carácter previo á súa execución, do informe técnico que asegure a adecuación do proxecto á normativa específica.

c) Xustificante acreditativo de ter satisfeitas as taxas de autorización de modificación substancial de centros ou programas de servizos sociais exixidas na normativa vixente.

2. Cando na tramitación do procedemento requirírase a emisión dun informe técnico sobre o proxecto de obra que se vai a realizar, para a comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos na normativa sectorial que resulte de aplicación ao centro ou programa do que se trate, e unha vez que se conte cun ditame favorable, notificarase á entidade solicitante e ao Concello no que este se localice.

3. No caso de que a modificación determinase a imposibilidade da continuación dos servizos que presta, a entidade solicitará, antes do inicio da súa execución, a autorización para o cesamento temporal das súas actividades, xa sexa total ou parcialmente.

4. Unha vez rematada a obra remitirase o certificado de fin de obra ou unha declaración responsable asinada polo/a titular ou representante legal da entidade, sobre a súa finalización, xunto coa documentación que fose necesario actualizar en relación coa autorización inicial.

5. A concesión desta autorización leva consigo a súa anotación de oficio no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Artigo 30. Autorización de cesamento de actividades de centros e programas.

1. As autorizacións de cesamento de actividades garanten que a interrupción ou cesamento de actividades se leve a cabo respectando os dereitos das persoas usuarias.

2. Para o cesamento das actividades dun centro ou programa, tanto temporal como definitivo, xa sexa parcial ou total, será preceptiva a obtención da correspondente autorización.

3. Para os efectos deste decreto, entenderase:

a) Por cesamento temporal e parcial, a interrupción durante un prazo determinado da prestación dalgún dos servizos nun centro ou programa autorizado.

b) Por cesamento temporal e total, a interrupción de todas as prestacións durante un período determinado que non respondan a condicións de funcionamento normais e propias da tipoloxía do centro ou programa.

c) Por cesamento definitivo e parcial, a interrupción dalgún dos servizos de forma permanente mentres continúan prestándose outros.

d) Por cesamento definitivo e total, a finalización das actividades do centro ou programa autorizado.

Artigo 31. Documentación para a obtención da autorización de cesamento de centros e programas.

1. A autorización de cesamento solicitarase cun mínimo de tres meses de antelación en relación coa data prevista para o cesamento. O procedemento para a obtención da autorización de cesamento dun centro ou programa iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro ou programa, da correspondente da solicitude normalizada (anexo II) ante o órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria explicativa dos servizos nos que se pretende cesar as actividades, as causas do cesamento, o calendario e fases nos que se vai realizar e explicando se se trata dun cesamento temporal ou definitivo e se afecta a totalidade ou unicamente a parte das instalacións, actividades ou dos servizos.

b) Certificación asinada polo/a representante legal da entidade sobre o financiamento público obtido para a posta en marcha ou mantemento do servizo.

c) Acreditación do estado, situación e destino previsto para as persoas usuarias do servizo.

2. Non procederá a concesión da autorización de cesamento en tanto non se acredite o traslado da totalidade das persoas usuarias a outros centros ou servizos.

3. A concesión desta autorización leva consigo a súa anotación de oficio no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Artigo 32. Os procedementos de autorización.

1. Unha vez examinada a documentación remitida coas solicitudes de autorización, e no caso de observarse a súa insuficiencia ou inexactitude requirirase á entidade para que proceda á súa emenda no prazo máximo de 10 días. Se unha vez transcorrido este prazo non emendara os aspectos requiridos teráselle por desistido e arquivarase o procedemento sen máis trámite.

2. Non será necesario achegar aquela documentación que xa obre en poder da Administración. Así mesmo, aceptaranse aqueles documentos doutros Estados membros que teñan unha función equivalente ou dos que se desprendan que estes requisitos están cumpridos.

3. Na fase de instrución dos procedementos de autorización solicitarase a emisión dos correspondentes informes técnicos e de inspección necesarios para o aseguramento do cumprimento da normativa específica aplicable á tipoloxía do centro ou programa de que se trate.

4. Os informes técnicos que se emitan durante a tramitación deste procedemento, determinarán o cumprimento dos requisitos específicos exixidos pola normativa sectorial, e poderán recoller con carácter informativo, os posibles incumprimentos doutras condicións xerais da edificación recollidas na normativa técnica de aplicación.

5. Corresponde ao órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais resolver sobre os procedementos de autorización regulados neste decreto.

6. Estes procedementos resolveranse no prazo máximo de seis meses, non obstante, de conformidade co disposto no artigo 68.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, unha vez transcorrido este prazo sen que se dite resolución administrativa, as solicitudes entenderanse denegadas por silencio administrativo.

7. As resolucións ditadas en virtude do presente decreto, non porán fin á vía administrativa, e contra elas caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, se é o caso, o mecanismo de impugnación previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. A concesión ou denegación destas autorizacións, xunto cos informes técnicos emitidos durante a súa tramitación, comunicaranse polo órgano administrativo competente en materia de autorización de servizos sociais á entidade interesada e ao concello de referencia, aos efectos de que sexan tidas en conta para a concesión das licenzas municipais correspondentes.

Artigo 33. Revogación das autorizacións.

1. A revogación das autorizacións concedidas producirase:

a) Pola constatación do cesamento total das actividades para que se outorgaron.

b) Pola imposición dunha sanción pola comisión dunha infracción grave ou moi grave en materia de servizos sociais, que poña en risco as persoas usuarias.

c) Polo incumprimento das condicións exixidas para a súa concesión ou daquelas impostas nas resolucións polas que se concederon as autorizacións.

2. O procedemento de revogación de autorizacións iniciarase de oficio e resolverase no prazo máximo de seis meses polo órgano administrativo competente en materia de autorización de servizos sociais competente para a súa concesión, logo de audiencia da entidade interesada por un prazo de quince días. Unha vez transcorrido o antedito prazo sen que se dite resolución administrativa producirase a caducidade do procedemento.

Artigo 34. Clausura do centro ou suspensión da actividade.

1. Sen prexuízo do que proceda en materia sancionadora, cando o órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en servizos sociais, constate a posta en marcha ou a modificación dun servizo social sen a preceptiva autorización, requirirá a entidade titular, para que no prazo de 10 días, proceda a solicitar a correspondente autorización administrativa ou, de terse iniciado a súa tramitación, a emendar as deficiencias que impidan a continuación do procedemento para a súa concesión, podendo adoptar, ata a súa resolución, as medidas provisionais e/ou cautelares que considere necesarias.

2. Transcorrido o devandito prazo sen que a entidade titular realizase as actuacións exixidas, iniciarase o procedemento para a clausura ou para a suspensión das actividades, facendo pronunciamento expreso sobre o mantemento das medidas cautelares e/ou provisionais adoptadas e garantindo a audiencia da entidade titular durante un prazo de 15 días.

3. O órgano competente en materia de autorización e inspección da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais será o competente para iniciar e resolver, no prazo máximo de seis meses, o procedemento de clausura ou suspensión temporal das actividades. Unha vez transcorrido o antedito prazo sen que se dite resolución administrativa producirase a caducidade do procedemento.

4. Das resolucións de clausura darase conta ao concello no que se localice o centro, co fin de coordinar e cooperar nas actuacións que sexa necesario realizar.

CAPÍTULO IV

A acreditación

Artigo 35. Obxecto, condicións e efectos.

1. Os servizos e os centros e programas autorizados poderán ser acreditados polo órgano con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, cando se constate o cumprimento dos requisitos específicos e estándares de calidade que, para tal efecto, se establezan para os diferentes tipos de prestación e persoas destinatarias nas normas de aplicación específicas para os ditos servizos.

2. Os requisitos e/ou estándares de calidade para a concesión e renovación da acreditación, fixaranse esencialmente sobre os seguintes criterios de avaliación:

a) Aqueles referidos á entidade prestadora de servizos sociais no que respecta ao cumprimento da súa misión, estratexia e obxectivos con criterios de eficiencia, transparencia e responsabilidade social.

b) Aqueles relacionados co mantemento e mellora das instalacións e dos recursos materiais necesarios para prestar os servizos, respectando a contorna e garantindo a súa adaptación continua ás necesidades físicas e funcionais das persoas usuarias.

c) Aqueles referidos á mellora das condicións de traballo, garantindo a igualdade, a formación dos recursos humanos, así como outros aspectos relativos á garantía de estabilidade e á mellora das ratios mínimas de dotación de persoal, á adopción de medidas de conciliación da vida laboral e familiar e á profesionalización e especialización dos/as traballadores/as.

d) Aqueles referidos á xestión da calidade total, á implantación de sistemas de xestión por procesos, á avaliación dos servizos prestados de cara á súa mellora continua, á disposición de cartas de servizos que inclúan compromisos de calidade, así como a avaliación periódica da satisfacción das persoas usuarias dos servizos, así como doutros grupos de interese.

e) Aqueles referidos ao cumprimento das obrigas de información periódica sobre as autoavaliacións realizadas e de actualización permanente dos sistemas de información implantados desde a Administración xeral da Comunidade Autónoma, de cara a garantir o cumprimento continuo dos criterios e requisitos acreditados.

3. Os criterios que determinan a concesión da acreditación poderán terse en conta nos pregos dos contratos de servizos públicos, como criterio de solvencia técnica en tanto que supoñen unha mellor adecuación da prestación ofertada e as súas características vinculadas coa satisfacción das exixencias sociais, xa que responden ás necesidades definidas nas especificacións do contrato como propias dos usuarios ou destinatarios/as da prestación.

4. Así mesmo, a concesión da acreditación poderá terse en conta nas disposicións que regulen as subvencións ou as axudas, como criterio necesario ou preferente para a súa obtención e calquera outro tipo de axuda ou financiamento público.

Artigo 36. O procedemento de acreditación.

1. O procedemento para a obtención da acreditación dos servizos sociais iniciarase coa presentación pola/o titular ou representante legal da entidade da que dependa o centro, a actividade ou o programa da correspondente solicitude normalizada (anexo II) ante o órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da Consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, acompañada da documentación necesaria para xustificar o cumprimento dos requisitos e/ou estándares de calidade exixidos, segundo a normativa que resulte de aplicación ao caso concreto.

2. Unha vez examinada a documentación remitida coas solicitudes de acreditación, e no caso de observarse a súa insuficiencia ou inexactitude, requirirase a entidade para que proceda á súa emenda no prazo máximo de 10 días.

3. Correspóndelle ao órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais verificar o cumprimento dos requisitos e condicións de calidade establecidas na normativa específica do servizo. Para estes efectos, poderá solicitar os datos que sexan precisos e realizar as auditorías necesarias.

4. Estes procedementos resolveranse polo órgano con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, no prazo máximo de seis meses. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 69.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, unha vez transcorrido este prazo sen que se dite resolución administrativa, as solicitudes entenderanse denegadas por silencio administrativo.

5. As resolucións ditadas en virtude deste decreto, non porán fin á vía administrativa, e contra elas caberá a interposición dos recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, se é o caso, o mecanismo de impugnación previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. No caso de que se denegue a concesión da acreditación, deberán transcorrer seis meses antes de que a entidade poda solicitala de novo respecto do mesmo servizo, centro ou programa.

Artigo 37. Vixencia da acreditación.

1. A acreditación outorgarase por un período de catro anos e será renovable por períodos iguais, agás no suposto de cambio de titularidade do servizo no que deberá presentarse nova solicitude. A súa vixencia estará condicionada ao mantemento dos requisitos e estándares sinalados para a súa obtención, sen prexuízo da obriga da entidade de informar sobre as autoavaliacións periódicas que deba realizar.

2. A solicitude de renovación da acreditación presentarase cunha antelación mínima de tres meses respecto á data de remate da vixencia daquela, xunto coa documentación necesaria que xustifique o mantemento das condicións exixidas para a súa concesión, de conformidade coa normativa que resulte de aplicación ao caso concreto.

3. O órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, á vista da información que conste no expediente derivada das actuacións realizadas en relación co servizo de que se trate, poderá informar favorablemente a renovación da acreditación, por outro período de catro anos.

Artigo 38. Suspensión e revogación da acreditación.

1. A acreditación poderá ser suspendida, durante o seu período de vixencia, cando se constate alteración dalgunha das condicións tidas en conta para a súa concesión ou para o seu mantemento.

2. A acreditación poderá ser revogada, durante o seu período de vixencia, cando se dea algunha das seguintes condicións:

a) Cando se constate a perda ou o incumprimento dalgunha das condicións tidas en conta para a súa concesión ou para o seu mantemento.

b) Pola imposición dunha sanción pola comisión dunha infracción grave ou moi grave, de conformidade co previsto na lexislación aplicable en materia de servizos sociais ou no título III Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

2. Estes procedementos iniciaranse de oficio polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais, e resolveranse no prazo máximo de seis meses polo órgano competente para a súa concesión, logo de audiencia da entidade interesada por un prazo de quince días. Unha vez transcorrido o antedito prazo sen que se dite resolución administrativa, producirase a caducidade do procedemento.

3. A suspensión da acreditación poderá levantarse cando a entidade xustifique debidamente a desaparición das causas que a motivaron.

4. A resolución que acorde a revogación da acreditación, fixará o prazo mínimo que deberá transcorrer, antes de que a persoa titular ou representante legal da entidade poida solicitar de novo a acreditación respecto do mesmo servizo social.

CAPÍTULO V

A inspección de servizos sociais

Artigo 39. Función e principios de actuación da Inspección.

1. A inspección ten por función verificar o cumprimento da normativa aplicable aos servizos sociais, de xeito que se garantan os dereitos das persoas usuarias e se procure a mellora continua da calidade nos servizos sociais que se presten á cidadanía no territorio galego.

2. A actuación da inspección do Sistema Galego de Servizos Sociais baséase nos principios de eficacia, responsabilidade, accesibilidade e servizo á cidadanía e cooperación interadministrativa.

Artigo 40. Ámbito e alcance de actuación.

1. Están suxeitos á inspección de servizos sociais todas as entidades que desenvolvan servizos sociais no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A función inspectora desenvolverse de oficio polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da consellería da Xunta de Galicia, ben por iniciativa propia ou por instancia doutros órganos u organismos da Xunta de Galicia ou doutras administracións públicas, ou con motivo das queixas ou informacións obtidas directamente das persoas usuarias ou da cidadanía en xeral, debidamente fundadas.

Artigo 41. O persoal inspector.

1. O persoal inspector, no exercicio das súas funcións, ten a condición de autoridade pública e actúa con plena independencia, obxectividade e imparcialidade de conformidade cos principios de especialización de funcións e profesionalidade.

2. O persoal destinado ás tarefas de inspección será persoal funcionario e contará coa cualificación necesaria para o desenvolvemento das súas funcións. Para estes efectos para o desempeño destas funcións, valorarase dispor de titulación universitaria nas áreas xurídica ou social e exixirase estar en posesión do curso de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, que garantirá unha formación mínima imprescindible en materia de inspección, de servizos sociais, de calidade e de procedemento sancionador, sen prexuízo daqueles outros requisitos que se puideran determinar nas bases da convocatoria dos procedementos de provisión dos postos de traballo e de conformidade co disposto na lexislación vixente en materia de función pública.

3. As funcións inspectoras non poderán ser exercidas por persoas que xestionen, sexan propietarias ou teñan intereses económicos nas entidades, nos servizos ou establecementos de servizos sociais que inspeccionen.

4. O persoal inspector dependerá funcionalmente do órgano con competencia en materia de autorización e inspección de servizos sociais. Ás persoas titulares das unidades administrativas e servizos que realicen funcións de coordinación dos equipos de inspección exixiránselle os mesmos coñecementos, requisitos e incompatibilidades establecidas para o persoal inspector.

5. O persoal inspector poderá recibir o apoio doutro persoal técnico especializado nas áreas de actuación nas que desenvolva as súas funcións.

Artigo 42. Planificación da actividade da inspección.

1. A actividade inspectora organízase de conformidade coas directrices e coas prioridades acordadas no Plan Anual de Inspección aprobado polo/a titular da consellería competente en materia de servizos sociais.

2. O plan de inspección fixará os obxectivos anuais da unidade en relación cos servizos existentes no momento no que se elabore. Ademais, recollerá os datos referidos ao ano anterior e avaliará o grao de cumprimento da planificación realizada.

Artigo 43. Funcións da inspección.

De conformidade co artigo 73 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia son funcións da inspección de servizos sociais:

a) Verificar o cumprimento dos requisitos e condicións exixibles para a obtención das preceptivas autorizacións administrativas e para a acreditación en materia de servizos sociais.

b) Velar polo respecto dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais.

c) Controlar o cumprimento da normativa vixente e o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e formular propostas de mellora na súa calidade.

d) Asesorar, no exercicio das actuacións de inspección, ás entidades prestadoras de servizos sociais, titulares ou xestoras de servizos sociais e ás persoas usuarias ou aos seus representantes legais, sobre os seus dereitos e deberes e sobre a forma de cumprir as disposicións vixentes na materia.

e) Emitir informes sobre o destino e a adecuada utilización das subvencións e axudas públicas percibidas por persoas físicas ou xurídicas en materia de servizos sociais, así como de calquera outra axuda económica articulada a través de convenios, contratos ou outras figuras establecidas na normativa vixente, sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao outros órganos en virtude da normativa específica.

f) Recibir, investigar e contestar queixas e reclamacións.

g) Emitir informes de inspección e propoñer a iniciación de expedientes sancionadores, de adopción de medidas cautelares, de clausura de centros, de suspensión das actividades e de revogación e suspensión das autorizacións e acreditacións concedidas.

h) Notificarlle ás entidades ou particulares os actos ditados en virtude da actividade inspectora.

i) Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola normativa vixente na materia.

Artigo 44. Funcións de información e asesoramento na mellora dos servizos.

1. A función de inspección exercerase informando e asesorando ás entidades prestadoras de servizos sociais e ao seu persoal na análise do funcionamento dos centros, programas e servizos e das medidas idóneas para mellorar a calidade da atención.

2. As funcións de información e asesoramento ás entidades instruméntanse mediante:

a) A elaboración de recomendacións e a resolución de consultas das entidades prestadoras de servizos sociais (e persoas físicas) que desexan pór en funcionamento novos servizos, en relación co deseño, a autorización de centros, programas e servizos e sobre a mellora da calidade dos servizos sociais en relación con aqueles que xa están en funcionamento.

b) A aplicación de sistemas de avaliación cualitativa cuxos resultados orienten as directrices que se van adoptar na prestación da atención ás persoas usuarias e ás súas familias.

Artigo 45. Garantía dos dereitos das persoas usuarias.

1. Comprende as actividade de información e asesoramento ás persoas usuarias dos servizos sociais de cara a garantir o respecto dos seus dereitos.

2. Así mesmo, as persoas usuarias poderán remitir directamente queixas e reclamacións á unidade de inspección de servizos sociais co fin de que as avalíe e, cando proceda, realice as actuacións oportunas. Do resultado das actuacións realizadas darase conta á persoa interesada nun prazo máximo de 15 días.

Artigo 46. Control da legalidade.

As funcións de control da legalidade vixente instrumentaranse a través de:

a) A realización de controis da documentación referida aos servizos sociais en funcionamento, en aspectos relacionados ao mantemento das instalacións, pólizas de seguros, carteira de servizos e recursos humanos empregados. Na medida que sexa posible, facilitarase o cumprimento desta obriga mediante medios informáticos ou telemáticos.

b) Realización de visitas de inspección aos servizos sociais para a comprobación do cumprimento dos requisitos legalmente exixidos pola normativa específica en materia de servizos sociais, con carácter previo ao inicio das actividades e posteriormente, durante o seu funcionamento.

c) Realización de informes de inspección e requirimentos dirixidos ás entidades para a emenda de deficiencias detectadas e/ou recomendacións arredor da á mellora dos servizos.

d) Remisión de solicitudes de información ás entidades titulares e xestoras en relación con feitos ou con actuacións concretas.

e) Proposta da adopción de medidas cautelares e/ou provisionais, de clausura de centros e de suspensión de actividades.

f) Proposta de inicio de expedientes sancionadores.

Artigo 47. Emisión de informes sobre financiamento público.

Esta función instruméntase a través de:

a) A emisión de informes previos á contratación de servizos, á concesión de subvencións ou doutras fórmulas de financiamento público, a solicitude do órgano ou unidade xestora que realice o financiamento.

b) A realización de visitas e informes para a verificación das condicións de desenvolvemento dos servizos ou de emprego das axudas e de avaliación dos resultados acadados con elas.

c) Informar, por solicitude do órgano de contratación, sobre a xestión e o funcionamento dos servizos sociais contratados e o cumprimento das condicións acordadas.

Artigo 48. Colaboración interadministrativa.

1. A Unidade de Inspección de Servizos Sociais poderá colaborar con outros órganos u organismos da Xunta de Galicia ou doutras administracións públicas no exercicio das competencias que ten atribuídas mediante a realización dos informes ou das visitas de comprobación que para o efecto se soliciten.

2. Así mesmo, o persoal inspector, para a realización das súas funcións, poderá contar co apoio doutras unidades de inspección da Administración xeral da Comunidade Autónoma e poderá instar, cando o considere necesario, a cooperación doutras administracións públicas nos termos previstos na normativa vixente.

Artigo 49. Visitas de inspección.

1. O persoal inspector poderá acceder libremente, sen previa notificación, e en calquera momento, a todos os centros de servizos sociais, á sede das entidades prestadoras ou ás instalacións de referencia dos servizos ou programas.

2. O persoal inspector identificarase mediante unha tarxeta acreditativa da súa condición e poderá ser asistido por persoal habilitado para o efecto.

3. Durante a visita de inspección, o persoal inspector está facultado para acceder a todas as dependencias, para efectuar toda clase de comprobacións materiais, documentais, rexistrais e contables, para entrevistarse con carácter privado cos/as profesionais e as familias/persoas usuarias ou os seus representantes legais, e para realizar cantas outras actuacións conduzan a un mellor coñecemento dos feitos, tales como:

a) Examinar o rexistro de altas e baixas de persoas usuarias, os contratos de prestación dos servizos, os expedientes individuais, as normas de funcionamento do servizo, os plans de organización do traballo e toda aquela documentación referida á contratación do persoal.

b) Verificar a correcta tramitación e resolución das queixas, reclamacións e suxestións presentadas polas persoas usuarias.

c) Comprobar que as actuacións e intervencións se realizan conforme os plans individuais elaborados para cada persoa usuaria e conforme os procedementos e os protocolos de funcionamento establecidos para os servizos, co debido cumprimento dos rexistros asociados.

d) Constatar que o persoal cumpre a ratio establecida, ou a ofertada para aqueles servizos concertados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, ademais dos requisitos de titulación e aqueloutros establecidos pola normativa específica en función do servizo do que se trate.

e) Examinar o mantemento das instalacións e do seu equipamento, así como a súa adecuación ás necesidades das persoas usuarias.

4. O persoal inspector realizará a visita de inspección, tratando de non interromper ou alterar o desenvolvemento normal das actividades, gardando sixilo profesional e respectando a intimidade e a confidencialidade dos datos de carácter persoal aos que teña acceso como consecuencia da súa actividade.

Artigo 50. A acta de inspección.

1. Unha vez efectuadas as comprobacións oportunas, o persoal inspector poderá estender unha acta numerada na que se farán constar os seguintes datos:

a) Data, hora e lugar da actuación.

b) Identificación e sinatura do persoal inspector actuante.

c) Identificación da entidade, centro, servizo ou programa obxecto da inspección e da persoa que vai recibir a acta.

d) Descrición dos feitos constatados, das deficiencias detectadas e, cando proceda, das presuntas infraccións cometidas, facendo constar os preceptos que se consideren vulnerados.

2. Así mesmo, na acta poderanse relacionar aqueles aspectos dos servizos inspeccionados que se consideran mellorables.

3. Cando da actuación inspectora se derivasen simples inobservancias de requisitos que foran de doada emenda, o persoal inspector poderá formular os requirimentos e advertencias que considere oportunos no mesmo acto. Neste caso, deberá consignarse na acta os aspectos susceptibles de emenda, a norma omitida e o prazo para acreditar o seu cumprimento.

4. Unha vez redactada a acta de inspección, farase entrega dunha copia á persoa que asine a súa recepción, a cal poderá realizar na mesma acta as alegacións que considere procedentes. A sinatura da acta acreditará a súa entrega e o coñecemento do seu contido. No caso de que a acta non se estenda no mesmo acto ou no caso de que a persoa rexeite a súa sinatura e/ou a súa entrega, circunstancia que se fará constar expresamente, nos tres días hábiles seguintes ao día da inspección, remitirase un exemplar desta por calquera dos medios previstos na lexislación vixente.

Artigo 51. A presunción de certeza das actas.

1. Os feitos consignados nas actas gozarán de valor probatorio, sen prexuízo de que da avaliación conxunta das probas que, en defensa dos respectivos dereitos ou intereses, poidan achegarse, resulte o contrario.

As actas poderán acompañarse con informes aclaratorios ou complementarios doutros aspectos do funcionamento do servizo social ou da entidade inspeccionada.

2. No caso de que da acta de inspección se deriven incumprimentos legais, proporase a iniciación dun expediente sancionador.

Artigo 52. Actuacións complementarias.

1. A acta de inspección servirá de base para a elaboración dun informe no que se farán constar as actuacións inspectoras realizadas, os feitos constatados e outras informacións e conclusións derivadas da visita, da documentación achegada ou das entrevistas realizadas.

2. Así mesmo, como resultado das actuacións inspectoras poderase requirir á entidade titular do servizo a emenda dos incumprimentos ou irregularidades detectadas, indicando as medidas que deben adoptarse, a forma de acreditar o seu cumprimento e o prazo máximo para facelo. Nesta comunicación poderanse incluír recomendacións para mellorar a calidade, a transparencia dos servizos ou a atención ás persoas usuarias.

3. O persoal inspector poderá realizar unha nova visita de inspección de comprobación, para constatar o cumprimento efectivo do requirimento realizado.

Artigo 53. A adopción de medidas cautelares.

1. Cando no curso da actuación, o persoal inspector aprecie a existencia dunha situación de risco inminente ou dun prexuízo grave para as persoas usuarias, poderá propor a adopción das medidas cautelares oportunas durante o tempo que persista o risco que as xustificou.

2. Cando a situación de urxencia ou de risco faga necesaria a súa execución inmediata, o persoal inspector poderá acordar a súa adopción na propia acta. No prazo máximo de 15 días, o acordo que inicie o procedemento sancionador fará mención expresa sobre o seu levantamento ou a súa confirmación. As medidas provisionais adoptadas poderán ser alzadas ou modificadas durante a tramitación deste procedemento polo órgano competente, de oficio ou por instancia de parte, en virtude de circunstancias sobrevidas ou que non puideron terse en conta no momento da súa adopción.

Disposición adicional primeira. Supostos excepcionais para o outorgamento das autorizacións.

1. Excepcionalmente, poderase conceder a autorización de inicio de actividades aos centros, aínda cando non cumpran todos os requisitos requiridos pola normativa que lle resulte aplicable, sempre que se dean as seguintes condicións:

a) Que a entidade acredite documentalmente que o centro se atopaba en funcionamento con anterioridade a entrada en vigor da normativa que lle resulte de aplicación.

b) Que o dito incumprimento afecte exclusivamente as condicións estruturais do edificio no que se sitúe, reguladas na lexislación que lle resulte aplicable de conformidade co informe técnico emitido pola administración autonómica.

c) Que a entidade presente un informe xustificativo de técnico/a competente, motivando de forma razoada e suficiente as causas da imposibilidade de adaptación estrutural do centro aos requisitos exixidos.

d) Que a entidade presente licenza de actividade ou documento asimilado asinado polo/a técnico/a municipal, que acredite o cumprimento das condicións técnicas, de seguridade e salubridade do edificio.

e) Que concorran razóns de interese social debidamente acreditadas no expediente administrativo que se tramite para o efecto, baseadas nos servizos sociais efectivamente realizados e nos estados de necesidade das persoas usuarias destas, mediante informe xustificativo do órgano competente en función da área de actuación que se trate.

2. O expediente iniciarase pola entidade interesada coa presentación da solicitude coa que achegase a documentación necesaria, de conformidade co disposto neste decreto e a normativa específica de aplicación así como a xustificación dos aspectos recollidos nas letras a), c) e d).

3. O disposto nos puntos precedentes poderá aplicarse, coas mesmas esixencias e xustificacións, á concesión da autorización de modificación substancial cando se refira a:

a) Á ampliación de unidades en centros de infancia cando as referidas unidades contasen con autorización pola consellería competente en materia de educación, e actualmente estean desafectadas a este uso.

b) Á ampliación de ata un 10% das prazas autorizadas nos centros residencias de maiores e discapacidade destinados a persoas en situación de dependencia, por unha soa vez e sempre que a dita ampliación non supoña o incumprimento dos requisitos específicos da normativa que lles resulte de aplicación.

Disposición adicional segunda. Transcurso do prazo para a adaptación aos requisitos establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

Aqueles equipamentos sociais que, transcorrido o prazo concedido para a adaptación, continuasen sen cumprir os requisitos establecidos, de conformidade coa disposición transitoria primeira do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, relativos a espazos interiores, materiais e arquitectónicos, non se admitirá calquera solicitude de cambio de titularidade ou autorización de modificación substancial que supoña a ampliación de prazas ou/e unidades, salvo o disposto no punto 3.a) da disposición adicional primeira deste decreto, sen prexuízo da imposición das sancións que procedan de conformidade co titulo da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Disposición adicional terceira. O curso de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

1. O curso de capacitación a que se fai referencia no artigo 41 deste decreto, convocarase cando menos cada 5 anos. Contará cunha duración mínima de 120 horas e a súa impartición poderase realizar con carácter mixto, de forma presencial e mediante a modalidade de teleformación.

2. O contido mínimo do curso contará cos seguintes módulos de formación:

a) Os servizos sociais. Antecedentes e evolución. Regulación. A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Sistema de garantías do Sistema Galego de Servizos Sociais.

b) Rexistro e autorizacións. Normativa técnica relacionada.

c) A inspección. Funcións e procedementos de actuación. Ámbitos de actuación.

d) As actas de inspección. Protección de dereitos. Procedemento sancionador.

e) Servizos comunitarios.

f) Inclusión e igualdade.

g) Menores.

h) Infancia e familia.

i) Maiores e discapacidade.

j) O sistema de atención á dependencia e promoción da autonomía.

k) Calidade. A acreditación. Xestión de centros e programas de servizos sociais.

l) Outras habilidades do persoal inspector.

3. Avaliado cada un dos módulos de formación, será imprescindible superar unha proba final de carácter presencial.

Disposición adicional cuarta. Destino do importe das sancións de conformidade co artigo 85 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

1. A entidade sancionada, apor proposta do persoal inspector e coa aprobación do órgano sancionador, poderá destinar o importe das sancións de carácter económico directamente á mellora dos servizos que presta.

2. A admisión desta posibilidade queda condicionada:

a) Á acreditación da emenda das infraccións antes de que se dite a resolución sancionadora.

b) Que o centro ou o programa non fose sancionado anteriormente.

c) Que a infracción non se refira a falta de autorizacións preceptivas.

d) Que as infraccións cometidas sexan como máximo dúas, que non sexan cualificadas como infraccións moi graves, que ningunha delas se refiran á obstrución do labor inspector e que o interesado non obtivese beneficio económico como consecuencia da comisión da infracción.

e) Que non se aprecien agravantes.

f) Que ata o momento, a entidade teña acreditada, con carácter xeral, a emenda das deficiencias detectadas durante as inspeccións, con dilixencia e nos prazos establecidos.

3. Unha vez notificada a proposta de resolución, a entidade infractora poderá, tras acreditar a emenda das infraccións cometidas, solicitar o investimento da sanción na mellora do servizo, para o que deberá presentar un proxecto de investimento nova o que se vai realizar no centro e/ou nos servizos que realiza. Para facer efectiva esta posibilidade esta proposta deberá ser aprobada polo órgano sancionador, tendo en conta os criterios descritos no punto 2 desta disposición.

4. A resolución sancionadora ditarase impoñendo a sanción e incluirá unha mención sobre a aprobación ou rexeitamento do proxecto de investimento presentado, sinalando o prazo máximo para que a entidade sancionada acredite, de forma fidedigna, a imputación do importe da sanción á mellora do servizo proposta.

5. De non acreditarse a realización do investimento no prazo sinalado ou nos fins comprometidos, o importe da sanción exixirase en vía executiva.

6. O investimento do importe da sanción na mellora do servizo non altera os demais efectos derivados da súa imposición e anotación no rexistro.

Disposición transitoria primeira.

1. Os procedementos de rexistro e autorización que se atopen en tramitación á entrada en vigor deste decreto, resolveranse de conformidade co disposto neste decreto.

2. A normativa específica que desenvolva o catálogo de servizos sociais, de acordo co establecido no artigo 18.5 da Lei 13/2008, definirá e regulará os centros, programas e servizos que, por razóns de interese público motivadas na protección das persoas destinatarias e/ou no cumprimento dos obxectivos da política social, deban someterse á autorización administrativa previa da consellería competente en materia de servizos sociais. En tanto non se desenvolva o antedito catálogo, requirirase a autorización administrativa previa nos supostos establecidos neste decreto aos seguintes centros, programas e servizos:

a) Centros de atención á infancia e a menores en situación de conflito ou desamparo e os servizos complementarios regulados polo Decreto 329/2005 de 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e de atención á infancia.

b) Ludotecas.

c) Puntos de encontro familiar.

d) Centros de atención a persoas maiores, con discapacidade e dependencia.

e) Centros residenciais para mulleres vítimas de malos tratos.

f) Centros de inclusión e emerxencia social.

g) Programa de axuda no fogar.

4. Todas aquelas entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras Servizos Sociais, que non remitiran a memoria de actividades dos últimos 2 anos terán un prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor desta disposición, para presentar a memoria de actividades do ano 2009 e 2010. Pasado este prazo procederase á cancelación de oficio da inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

5. Aquelas entidades que, estando inscritas no rexistro, non poidan acreditar a súa personalidade xurídica debido á súa forma de constitución, así como aqueloutras que non poidan acreditar a súa clasificación como entidades de iniciativa social mediante a achega da certificación subliñada no artigo 13.1 letra e) deste decreto, disporán dun prazo de 9 meses contados a partir da data de entrada en vigor deste decreto, para adaptar a súa forma xurídica ou os seus estatutos aos requirimentos desta decreto en cumprimento da normativa de aplicación. No caso de non realizar as actuacións oportunas para a regularización da inscrición, procederase á cancelación de oficio da inscrición da entidade no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

6. En tanto non se creen as taxas de creación/construción/modificación substancial de centros e programas e se modifique a contía da taxa de inicio de actividades e de acreditación, continuarán aplicándose as previstas ata o momento.

Disposición transitoria segunda.

O persoal que estea prestando servizos como persoal inspector continuará no seu exercicio participando na primeira edición do curso de capacitación ao que se fai referencia no artigo 41 deste decreto.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, entre elas:

• O Decreto 291/1995, do 3 de novembro, que regulou os rexistros de entidades prestadoras de servizos sociais dependentes das Consellerías de Sanidade e Servizos Sociais e de Familia, Muller e Xuventude.

• A Orde do 5 de febreiro de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 291/1995, do 3 de novembro, relativo ós rexistros de entidades prestadoras de servizos sociais.

• A Orde do 18 de xaneiro de 1996, relativo ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais.

• O Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais no relativo á inspección e réxime sancionador.

• O Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

Disposición derradeira única.

A presente norma entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma