Decreto 3/2006, do 12 de xaneiro, de aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 24-01-2006

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 16
  • Fecha de Publicación: 24/01/2006
  • Este documento NO tiene versiones

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude do Decreto 211/2005, do 3 de agosto) .

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela no prazo dun ano.

En cumprimento da devandita disposición, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia acordou, na asemblea xeral ordinaria celebrada o 29 de xaneiro de 2005, aprobar a modificación e adaptación dos estatutos á lei galega. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, e en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño Presidente José Luis Méndez Romeu Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia

TÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1º.-Constitución e funcionamento.

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, creado polo Decreto 250/1997, do 25 de agosto, é o organismo representativo da profesión no seu ámbito territorial, e para as relacións internacionais, con entidades oficiais e asociacións profesionais doutros países, sen prexuízo das competencias do Consello Xeral de Colexios. Rexeranse no sucesivo, desenvolvendo o artigo 36 da Constitución española, pola Lei dos colexios profesionais, pola lexislación relativa a colexios profesionais que aprobe a comunidade autónoma no ámbito do seu territorio, polo disposto nestes estatutos xerais e polos estatutos aprobados ou que aprobe no futuro o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

2. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e polo exercicio das súas facultades, gozando do rango e preeminencia das corporacións de dereito público para todos os efectos civís e administrativos.

3. A estrutura interna e o funcionamento do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia deberán ser democráticos.

Artigo 2º.-Relación coa Administración. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, en todo o que atinxe aos contidos da súa profesión e aos aspectos institucionais e corporativos recollidos nas leis, relacionaranse coa Administración xeral do Estado a través dos departamentos ministeriais que foran pertinentes, e coa Administración autonómica a través dos departamentos ou consellerías correspondentes, e nas cuestións referentes ao contido da profesión, a través dos competentes ao respecto.

Artigo 3º.-Alcance.

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia agrupará obrigatoriamente a todos os titulados, axudantes e peritos de montes e enxeñeiros técnicos forestais no exercicio da súa profesión, con título oficial recoñecido polo Estado, procedentes de centros docentes creados ou recoñecidos polo Estado ou polas comunidades autónomas no ámbito das súas respectivas competencias, xa foran públicos ou privados e aos enxeñeiros con título estranxeiro homologado ou recoñecido oficialmente, para efectos profesionais, polo Estado español ao de enxeñeiro técnico forestal. Así mesmo, poderán integrar outros enxeñeiros de segundo ciclo onde

os seus títulos abranguen campos incluídos na enxeñería técnica forestal.

2. Exceptúanse da colexiación obrigatoria os profesionais vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, cando o destinatario da súa actuación, ben sexa para o exercicio de funcións puramente administrativas ou para a realización de actividades propias da profesión por conta da Administración á que pertenzan, sexa cal sexa esa Administración.

3. Os colexiados xubilados poderán seguir pertencendo ao colexio, de pleno dereito, sen que para iso sexa necesario satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio.

4. En todo caso será obrigatoria a colexiación para o exercicio da actividade privada.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

1. O ámbito do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia abrangue o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde exercerá as súas competencias de maneira exclusiva e excluínte.

2. A sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia radicará na r/Sánchez Freire, nº 64, baixo dta., en Santiago de Compostela.

TÍTULO II Dos fins, funcións e facultades do colexio

Artigo 5º.-Fins e funcións do colexio.

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais terá a título enunciativo e non limitativo os seguintes fins e funcións no seu ámbito territorial:

1º Informar, nos termos previstos na lexislación aplicable, os proxectos de lei e de disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da enxeñaría técnica forestal ou que se refiran ás condicións xerais da función profesional dos enxeñeiros técnicos forestais e a súa relación con outras profesións, ensino, atribucións e incompatibilidades. Cooperar na mellora dos estudos que conduzan á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión.

2º Asesorar as administracións públicas, corporacións oficiais, persoas ou entidades particulares, en todos aqueles asuntos que afecten directamente á profesión ou os profesionais, realizando estudos, emitindo informes, resolvendo consultas, redactando pregos de condicións técnicas e económicas, actuando en arbitraxes e as demais actividades relacionadas cos seus fins que puideran serlle solicitadas ou acorden formular por iniciativa propia.

3º Participar nos consellos, comisións técnicas ou organismos consultivos das administracións públicas en materia de competencia da profesión e informar nas modificacións da lexislación vixente en todo canto se refira á profesión.

4º Participar na elaboración dos plans de estudos das escolas universitarias de enxeñeiros técnicos forestais, e informar preceptivamente nos plans doutras ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coa actividade forestal, así como a posible creación de escolas universitarias de enxeñería técnica forestal, manter contacto permanente con elas e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos graduados.

5º Desempeñar no seu ámbito, a representación e a defensa da profesión de enxeñeiro técnico forestal, ante as administracións públicas, os tribunais de xustiza, institucións, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten ou puideran afectar os intereses profesionais e exercer o dereito de petición conforme a lexislación sobre colexios profesionais.

6º Cooperar coa Administración de xustiza e os demais organismos oficiais na designación de colexiados que vaian realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais; e para tal efecto facilitarase periodicamente, e sempre que o soliciten, o anuario de colexiados dispoñibles.

7º Velar polos dereitos e deberes dos colexiados, defendéndoos debidamente, sobre todo en cuestións que afecten o interese xeral da profesión, especialmente as que deriven das disposicións legais vixentes, intervindo en todo momento para que non se descoñeza nin se dificulte o seu exercicio.

8º Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, que deberá realizarse en réxime de libre competencia, e suxeitarse, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, á Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia e á Lei 3/1991, do 10 de xaneiro, de competencia desleal. Así mesmo, velar pola ética, a deontoloxía, a dignidade profesional e o respecto debido aos dereitos dos particulares, e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

9º Adoptar as medidas dirixidas a evitar o intrusismo profesional.

10º Intervir, na vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

11º Resolver por laudo a instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o incumprimento das obrigas derivadas dos traballos realizados polos colexiados. Facilitar un modelo de nota de encargo aos colexiados que desexen utilizalo.

12º Establecer os baremos de honorarios que terán carácter meramente orientativo, así como a cota de intervención profesional polo visado dos traballos profesionais, actualizándoos anualmente e exixindo a súa aplicación. Os acordos, decisións e recomendacións do colexio con trascendencia económica observarán inescusablemente os límites do artigo 1

da Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia.

13º Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

14º Encargarse do cobro das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, de traballos previamente visados-só por petición libre e expresa dos interesados-, nas condicións que se determinen nos regulamentos de réxime interior, así como comparecer ante os tribunais de xustiza, por substitución dos colexiados, exercendo as accións procedentes en reclamación dos honorarios producidos por estes no exercicio da profesión.

15º Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión, provendo o sostemento económico cos medios necesarios.

16º Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados a Constitución e as demais leis, os estatutos do colexio e os regulamentos de réxime interior, así como os acordos e decisións dos órganos colexiais en materia da súa competencia.

17º Informar os colexiados de todos os asuntos de interese xeral que profesionalmente lles puideran afectar.

18º Visar os documentos e traballos dos colexiados de acordo co disposto nos estatutos xerais e particulares; exixir, con carácter obrigatorio, o visado nos documentos e traballos profesionais destes, tanto se actúan de maneira individual como asociada, por conta propia ou contratados ao servizo de empresas ou sociedades que, legalmente constituídas, proxecten, dirixan ou realicen traballos que puideran ser atribuíbles aos enxeñeiros técnicos forestais.

Esta obrigatoriedade de visado faise extensible aos traballos profesionais realizados polos colexiados para as administracións públicas, cando estas, total ou parcialmente, remuneren tales servizos en concepto de honorarios profesionais.

19º Impedir, dentro do ámbito das súas competencias, o exercicio da profesión a quen non cumpra os requisitos de orde legal e económica establecidos para o efecto, denunciando e perseguindo, ante os tribunais de xustiza, os infractores. Velar para que ningunha persoa realice actos propios da profesión de enxeñeiro técnico forestal sen posuír o correspondente título académico ou sen que poida acreditar a súa pertenza a un colexio.

20º Cantas outras funcións puideran beneficiar os intereses profesionais dos colexiados.

2. Para o cumprimento dos seus fins e funcións, o colexio terá as seguintes facultades:

a) Exercer ante os tribunais de xustiza as accións procedentes contra quen exerza a profesión de enxeñeiro técnico forestal sen cumprir os requisitos legais necesarios para tal exercicio.

b) Exercer a potestade disciplinaria polas faltas que cometan os colexiados na orde colexial e profesional.

c) Comparecer ante os tribunais de xustiza en defensa dos colexiados ou por requirimento de entidades oficiais ou particulares, sempre que se diriman cuestións de interese profesional.

d) Visar os documentos e traballos profesionais dos colexiados, de acordo co disposto nos estatutos xerais e nos seus estatutos particulares, ademais de exixir os visados en todos aqueles casos en que sexa preceptiva a actuación dun profesional deste colexio.

e) Establecer baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativo, de acordo cos criterios básicos que estableza o Consello Xeral.

f) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios profesionais.

g) Encargarse do cobro das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nos casos en que o colexio teña creados os servizos adecuados.

h) Participar nos consellos ou organismos consultivos da Administración en materia da súa competencia e estar representados nos consellos sociais e nos padroados universitarios. Participar na elaboración dos plans de estudos relacionados coa profesión e informar preceptivamente neles.

i) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados e resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas derivadas dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

j) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural e outros análogos, provendo o seu sostemento económico mediante os medios necesarios.

k) Promover cantas cuestións consideren oportunas para a fusión, segregación e disolución dos colexios.

l) Organizar un servizo de información sobre postos de traballo apropiados a enxeñeiros técnicos forestais.

m) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos de cada colexio, así como os acordos e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

n) Prestarlles axuda xurídica aos colexiados cando o soliciten en cuestións derivadas do exercicio profesional.

ñ) Facer cumprir o aboamento das cotas e achegas económicas dos colexiados.

o) Outras funcións calquera que acorde a Xunta de Goberno ou a Xunta Xeral, sempre que garden

relación coa profesión e non se opoñan ás disposicións legais.

3. Exercicio de competencias e colaboración coa Administración.

a) O colexio profesional exercerá, ademais das súas funcións propias, as funcións administrativas que lle atribúa a lexislación estatal e autonómica e as competencias administrativas que lle delegue o correspondente órgano da Administración, incluídas as actividades de carácter material, técnico ou de servizos da súa propia competencia.

b) O colexio poderá subscribir coas administracións públicas convenios de colaboración para a realización de actividades de interese común e para a promoción de actuacións orientadas á defensa do interese público e, en especial, dos usuarios dos servizos profesionais dos colexiados.

Artigo 6º.-Visado.

1. Os colexiados teñen a obriga de someter ao visado do colexio todos os traballos que realicen no exercicio libre da profesión, aboándolle ao colexio os dereitos de visado. Unha normativa regulará o procedemento de visado.

2. Será aconsellable, para que o colexio proceda ao visado do proxecto, informe ou calquera outro traballo profesional, que o colexiado, autor do proxecto ou director facultativo do proxecto teña subscrito co interesado, empresa ou sociedade, unha folla de encargo ou contrato de dirección facultativa, respectivamente. Isto será indispensable para a defensa dos dereitos do colexiado.

3. En ningún caso o visado comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, que se deixan ao libre acordo das partes; todo isto de conformidade coa lexislación sobre defensa da competencia e competencia desleal.

4. O colexio exixirá o visado dos traballos profesionais dos colexiados, tanto se actúan de maneira individual como asociada, por conta propia ou contratados ao servizo de empresas, sociedades, etc. que, legalmente constituídas, proxecten, dirixan ou realicen traballos que puidesen serlles atribuíbles aos enxeñeiros técnicos forestais.

5. Esta obriga de visado faise extensible aos traballos profesionais realizados polos colexiados para as administracións públicas, cando estas, total ou parcialmente, remuneren tales servizos en concepto de honorarios profesionais.

6. O colexio velará para que as administracións públicas que deban autorizar ou tramitar un traballo profesional só o admitan se este foi previamente sometido ao trámite de visado correspondente.

7. O visado é un acto colexial de control profesional que comprende a acreditación da identidade do colexiado, as súas atribucións para levar a cabo o traballo, a non incompatibilidade, e o non estar suxeito a sanción disciplinaria que impida a súa realización. Así mesmo, supón a comprobación da

suficiencia e corrección externa da documentación integrante do traballo, pero non sanciona o contido do traballo profesional nin a súa corrección técnica.

8. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, o colexiado asinante é responsable da calidade técnica do traballo que realiza e do seu axuste á normativa sectorial correspondente. O colexio unicamente responde da corrección externa da documentación integrante do traballo, pero non das previsións, cálculos e conclusións que o integran.

9. O colexio definirá o contido administrativo do visado de cada tipo de traballo, a forma e o procedemento de visado, así como a cota colexial correspondente ou dereitos de visado.

10. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais poderá establecer visados de acreditación, nos que se garanten aspectos técnicos dos traballos, salvagardando a liberdade de proxectar dos colexiados.

TÍTULO III Dos colexiados

Artigo 7º.Terán dereito a pertencer ao Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia as persoas físicas que estean en posesión dos títulos oficiais de enxeñeiro técnico forestal, perito de montes ou axudante de montes, e reúnan as condicións que se determinen nestes estatutos aínda que non exercesen a profesión.

Artigo 8º.É requisito indispensable para o exercicio da profesión de enxeñaría técnica forestal en calquera das súas especialidades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a incorporación ao Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, como colexiado de número, cando o domicilio profesional único ou principal se atope dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este requisito non poderá ser exixido, no suposto da libre prestación ocasional de servizos, a aqueles nacionais dos estados membros da Comunidade Europea que estiveran previamente establecidos, con carácter permanente, en calquera destes estados, de acordo, en cada caso, con aquilo que dispoñan as normas comunitarias aplicables á profesión de enxeñeiro técnico forestal; todo isto, sen prexuízo da obriga de notificarlle a súa actuación ao colexio e cumprir os requisitos que se establezan, coa achega da documentación exixible que se fixe.

Tamén poderán actuar profesionalmente no ámbito territorial do colexio, os colexiados da profesión doutros colexios do Estado español, logo de comunicación e cumprimento das normas que regulamentariamente se establezan, en virtude dos correspondentes convenios que se asinen cos organismos profesionais competentes ou, en virtude da normativa que sexa de aplicación, co fin de quedar suxeitos coas condicións económicas que en cada suposto

se poidan establecer, as competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

Non se precisará ningunha habilitación nin o pagamento de prestacións económicas distintas daquelas que se lles exixan habitualmente aos colexiados pola prestación dos servizos dos que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

Todo isto sen prexuízo do establecido nas leis estatal e autonómica de colexios profesionais e do disposto no artigo 3º destes estatutos.

Artigo 9º 1º.O colexio estará integrado por dúas clases de membros:

-Colexiados de honor.

-Colexiados de número.

2. Son colexiados de honor aquelas persoas ás que se lles outorga tal título, sexan ou non enxeñeiros técnicos forestais, polos servizos que renderan ou prestaran en favor da profesión. A distinción de colexiado de honor outorgarase por acordo da Asemblea Xeral Ordinaria.

3. Para o recoñecemento dos méritos daquelas persoas, colexiados ou non, que prestaran destacados servizos ao colexio ou contribuíran notablemente ao prestixio da profesión, establécense as seguintes distincións por orde de maior mérito:

a) Título de colexiado de honor.

b) Medalla de honor. A forma e as condicións para outorgar estas distincións estableceranse regulamentariamente.

4. Para ser colexiado de número terá que acreditar estar en posesión do título oficial de enxeñeiro técnico forestal en calquera das especialidades forestais, axudante de montes ou perito de montes, ou ben título estranxeiro equivalente, sempre que en virtude de convenio de reciprocidade entre ambos os países o Goberno do Estado español outorgase estas titulacións e a autorización expresa para poder exercer a carreira como enxeñeiro técnico forestal legalmente requirida para o exercicio da profesión e estivera dado de alta no colexio.

Os colexiados de número aceptan, polo simple feito de solicitar a súa colexiación, o contido destes estatutos.

Artigo 10º 1º.O colexiado que desexe actuar no ámbito territorial doutro colexio deberá comunicalo previamente a este colexio, detallando o lugar e servizo profesional concreto que constitúa a actuación.

2. O colexio comunicará a devandita intervención, con anterioridade a esta, ao colexio do ámbito territorial na que se desenvolverá, detallando o nome e apelidos do colexiado, o seu domicilio profesional, así como o servizo profesional concreto que constitúa a actuación.

3. O colexio unicamente poderá negarse a expedir a certificación correspondente se o colexiado non se atopa ao día das súas obrigas e cargas colexiais, ou se existe algunha causa que o inhabilite para o exercicio da profesión.

4. Unha vez cumprido o trámite anterior, o colexiado estará facultado para a realización do acto profesional. A citada comunicación esgotará os seus efectos co concreto servizo ou acto profesional que constituía o seu obxecto.

5. Os profesionais doutros colexios que actúen no ámbito territorial do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia aboarán, nas mesmas condicións que os colexiados deste colexio, os dereitos económicos correspondentes ao visado dos seus traballos e quedan suxeitos, durante a súa actuación profesional, ao réxime disciplinario vixente neste colexio.

Artigo 11º.A incorporación ao colexio será necesario solicitala por escrito ao decano do colexio, xuntando coa solicitude o título ou testemuña notarial deste, ou ben o resgardo de facer o pagamento dos dereitos de expedición. Declaración xurada de non estar sometido a inhabilitación profesional ou colexial, como consecuencia dunha sentenza xudicial ou expediente administrativo ou disciplinario, aboar a cota de entrada e cumprir as prescricións que regulamentariamente se establezan.

Cando un solicitante procedese doutro colexio, a documentación referida á titulación será substituída por un certificado expedido polo colexio de procedencia e utilizarase o modelo adoptado polo Consello Xeral de Colexios, no que se exprese se ten cubertas as súas obrigas colexiais, se non está expulsado e se non está sometido a sanción que o inhabilite para o exercicio profesional.

A Xunta de Goberno acordará o que crea procedente sobre a solicitude da inscrición, o que se lle comunicará ao interesado.

A Xunta de Goberno poderá denegar a solicitude de colexiación se considerase que a documentación achegada polo solicitante é insuficiente, ofrecese dúbidas de autenticidade, ou non reunise as condicións exixidas pola lexislación vixente e estes estatutos, ou cando o interesado estivese cumprindo condena imposta polo tribunal ordinario de xustiza, que comporte como pena accesoria a inhabilitación, absoluta ou parcial, para o exercicio da profesión.

En caso de denegación da solicitude de ingreso, o afectado poderá recorrer ao acordo ante a xunta reitora, nun prazo dun mes, que deberá resolver nun prazo máximo de tres meses. Contra este acordo poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Se no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude de ingreso, non se ditara resolución ao respecto, poderase entender estimada.

Cando o solicitante proceda dunha situación de baixa, segundo o artigo 12 a) , só será necesaria a presentación dunha solicitude e o pagamento das cotas de reingreso.

Se a baixa fora por aplicación do artigo 12 b) destes estatutos, deberá xuntar coa solicitude, ademais das cotas de reingreso que se establezan para este suposto, a cantidade debida.

Artigo 12º.Perderase a condición de colexiado:

a) Por petición propia, ao deixar de exercer a profesión, comunicada fidedignamente por escrito dirixida ao decano do colexio cun mes de antelación como mínimo. Esta baixa non exime do pagamento das cotas pendentes, dereitos de visado nin do cumprimento das obrigas profesionais ou corporativas pendentes.

b) Por incumprimento das súas obrigas económicas co colexio, de acordo co que dispoñan as normas destes estatutos sobre o réxime disciplinario e no seu regulamento. Se se tratase de cotas colexiais polo non pagamento de dúas cotas ordinarias ou unha extraordinaria.

c) Por expulsión do colexio acordada segundo o disposto nestes estatutos, así como no Regulamento de réxime interior, podendo o interesado interpoñer recurso ante a xunta reitora dentro do prazo dun mes. A resolución deste recurso poderá ser impugnada ante a xurisdición contencioso-administrativa.

d) Por sentenza xudicial firme, que inhabilite o colexiado para o exercicio da profesión.

Todas as situacións de baixa serán acordadas pola Xunta de Goberno e postas en coñecemento da xunta reitora.

Artigo 13º.Sen prexuízo do disposto na letra b) do artigo 12, os servizos que presta o colexio suspenderánselles aos colexiados mentres non satisfagan ou xustifiquen o aboamento dalgunha cota non pagada. Esta situación notificaráselle previamente ao interesado.

Artigo 14º.Os colexiados de número teñen dereito a:

1. Exercer a profesión no ámbito territorial de Galicia. Exercer a profesión no resto do Estado español ou nos estados membros da Unión Europea mediante as oportunas comunicacións que se establezan en virtude do convenio cos organismos profesionais competentes, ou da normativa que sexa de aplicación. No estranxeiro, en virtude das validacións e convenios oportunos coas autoridades e os organismos profesionais competentes, de acordo co previsto nos presentes estatutos.

2. Ser asistidos, asesorados e defendidos polo colexio na forma e nas condicións fixadas nas cuestións que se susciten en relación cos seus dereitos e intereses lexítimos de carácter profesional, e moi

especialmente, cando se vexan obstaculizados no pleno e recto exercicio das súas atribucións.

3. Participar activamente na vida corporativa, especialmente asistir a todas as asembleas, con voz e voto, e ser elector e candidato para os cargos do colexio e das súas institucións.

4. Utilizar os servizos que o colexio estableza na forma e condicións que se determinen.

5. Presentar para o rexistro e/ou visado, documentos relacionados coa súa actividade profesional, quedando constancia e garantía da súa actuación.

6. Cobrar os honorarios dos traballos de visado mediante o colexio na forma e na condición fixadas regulamentariamente.

7. Propoñer a convocatoria e inclusión dun asunto na orde do día dunha reunión ou Asemblea Xeral, por petición dunha décima parte dos colexiados.

8. Recibir información regular sobre a actividade corporativa e de interese profesional mediante os instrumentos informativos que se creen regulamentariamente, como tamén intervir no trámite de información colexial nos asuntos que correspondan.

9. Escribir nas publicacións informativas do colexio, sen máis limitacións que as contidas nestes estatutos. En ningún caso se poderá alterar o texto do escrito sen consentimento do autor.

10. Examinar os arquivos e rexistros que reflitan a actividade do colexio, na forma e nas condicións regulamentarias.

11. Obter información sobre aspectos corporativos do seu interese e se cadra, certificación dos extremos que o afecten particularmente, como tamén ter vista e audiencia nas reunións do colexio que o afecten de maneira directa.

12. Presentar denuncias ante o órgano de goberno do colexio sobre actuacións profesionais sancionables dos colexiados, achegando as probas que o xustifiquen.

13. Levar a termo os traballos que lle sexan solicitados ao colexio por organismos oficiais, entidades ou particulares, e que lle correspondan, respectando a quenda previamente formada.

14. Xestionar o cobramento dos honorarios mediante o colexio e obter deste o recoñecemento pola súa reclamación, sempre que se cumprisen os requisitos fixados regulamentariamente.

15. Exercer todos os dereitos que se deduzan destes estatutos.

16. Interpoñer ante a Xunta de Goberno do colexio recurso de alzada contra a actuación do delegado territorial ou provincial, ou recurso de reposición contra a actuación dalgún membro da propia Xunta de Goberno, cando esta se considere inxusta, lesiva ou contraria ás disposicións legais ou aos acordos dos órganos de goberno do colexio.

Artigo 15º.Son deberes e obrigas do colexiado:

1. Asistir aos actos corporativos na forma que regulamentariamente se determine.

2. Cumprir dilixentemente todas as prescricións que conteñan estes estatutos e os regulamentos que estes desenvolvan e todas as outras disposicións emanadas dos órganos de goberno do colexio.

3. Poñer en coñecemento do colexio os casos de intrusismo profesional que se coñezan.

4. Pagar puntualmente as cotas, tanto as ordinarias como as extraordinarias, que sexan aprobadas para o sostemento do colexio.

5. Facilitarlle ao colexio, na forma que se determine regulamentariamente, os datos que procedan para a elaboración da guía de colexiados ou por razóns estatísticas.

6. Observar, na súa actuación, a deontoloxía profesional a que fai referencia o artigo 39º.

7. Someter ao visado colexial os encargos e traballos profesionais, nos casos e formas establecidas, e tramitar a minuta dos honorarios por petición do colexiado, por medio do colexio, empregando para iso os formularios e documentos que regulamentariamente se estipulen, abonándolle ao colexio a cota de intervención profesional ou dereitos de visado que se establezan pola práctica do visado. O Regulamento de réxime interior poderá regular o procedemento de visado.

Sen prexuízo do disposto no artigo 6º sobre a función do visado, o colexiado asinante é responsable da calidade técnica do traballo que realiza e da súa adaptación á normativa sectorial correspondente. O colexio unicamente responde da corrección externa da documentación integrante do traballo, pero non das previsións, cálculos e conclusións que o integran.

8. Non prexudicar, por acción ou omisión, os dereitos profesionais ou corporativos doutros colexiados.

9. Someter ao colexio as cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados coa arbitraxe e conciliación do colexio, en primeiro termo, e ao Consello Xeral de Colexios en alzada.

10. Participar activa e responsablemente na vida corporativa, e aceptar os cargos para os cales foron escollidos, salvo causa xustificada.

11. Non difundir informacións declaradas confidenciais pola normativa colexial.

12. Prestar declaración ante o comité disciplinario por petición deste, na forma que estatutariamente se determine.

13. Comunicar os cambios de residencia ou domicilio, así como as ausencias superiores a tres meses.

14. Nos traballos profesionais que realicen, observar todas as normas e preceptos que establece a lexislación vixente, os ditados polo colexio e polo

Consello Xeral e aqueles outros encamiñados a manter e a elevar o prestixio, a dignidade e a ética profesional.

15. Velar polo estrito cumprimento da normativa vixente, especialmente nas cuestións referidas á persecución do intrusismo; fomentar as actuacións dos profesionais de enxeñaría técnica forestal, nas competencias que o requiran, e procurar, por todos os medios que estean ao seu alcance, remediar o desemprego profesional dos colexiados.

16. Aceptar os cometidos que lles encomenden os órganos de goberno do colexio.

17. Exercer a profesión con moralidade e decoro, cumprindo os preceptos e as normas das disposicións legais vixentes e actuando dentro das normas da libre competencia, con respecto aos compañeiros e sen incorrer en competencia desleal.

TÍTULO IV Organización do colexio

Capítulo I Órganos e funcións

Artigo 16º.O colexio terá os seguintes órganos:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O órgano presidencial, que será o decano do colexio.

d) As asembleas provinciais.

e) Os delegados provinciais. Artigo 17º 1. A Asemblea Xeral do colexio é o órgano de expresión da vontade de todos os seus colexiados residentes neste territorio e en relación con este. Polo tanto todos eles, como os seus órganos de goberno, están na obriga do cumprimento dos acordos que aquela adopte.

2. A Asemblea Xeral gozará de plenas atribucións e da máxima autonomía dentro do ámbito de Galicia.

3. A asemblea estará formada por todos os colexiados de Galicia e será presidida polo decano acompañado polos outros membros da Xunta de Goberno.

Artigo 18º 1º.No último trimestre de cada ano terá lugar a Asemblea Xeral ordinaria do colexio, para a aprobación dos seus orzamentos internos.

2. A convocatoria faraa o decano, con expresión da orde do día.

3. A Asemblea Xeral do colexio reunirase con carácter extraordinario, coa convocatoria previa do decano, ben por iniciativa propia, por acordo da Xunta de Goberno ou por proposta do 10% dos colexiados de Galicia.

4. As convocatorias faranse cunha antelación mínima de vinte días. Para as asembleas extraordinarias este prazo quedará reducido á metade. As citacións faranse por escrito ao domicilio dos colexiados, consignando no escrito, a data, o lugar e a hora destas.

5. A Asemblea Xeral do colexio terá lugar ordinariamente na súa sede.

Artigo 19º 1º.A Asemblea Xeral quedará validamente constituída na primeira convocatoria cando entre os presentes e os representantes exista maioría absoluta. En segunda convocatoria, que se verificará na mesma citación por un transcurso mínimo de media hora, quedará así mesmo cos que estean presentes e representados.

2. Os acordos adoptaranse por maioría, entre os asistentes e os representantes, excepto para aqueles acordos que requirisen un quórum especial de acordo con estes estatutos.

3. Só se poderán adoptar acordos sobre asuntos que figuren na orde do día.

Artigo 20º.Son atribucións da Asemblea Xeral:

1. Aprobar a acta da asemblea anterior.

2. Definir as liñas de actuación económica e aprobar os orzamentos do colexio e as súas liquidacións.

3. Aprobar fontes de ingresos especiais para a economía interna do colexio.

4. Aprobar e modificar a deontoloxía profesional.

5. Aprobar e modificar o réxime disciplinario.

6. Resolver os asuntos que correspondan á asemblea segundo estes estatutos e os asuntos que figuren na orde do día.

7. A aprobación e reforma dos estatutos.

8. A elección da Xunta de Goberno e do decano e a súa remoción por medio da moción de censura.

9. A aprobación da xestión da Xunta de Goberno e do decano.

Artigo 21º 1º.A Xunta de Goberno do colexio desempeña a actuación e a coordinación desta e entre os seus colexiados en todo o territorio galego. As súas funcións desenvolveranse na sede do colexio en Santiago de Compostela.

2. A Xunta de Goberno está constituída polos seguintes membros: decano, que ten a máxima representación do colexio, secretario, tesoureiro e dous vogais. E o vicedecano, de ser o caso.

Artigo 22º 1º.A moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar e propor moción de censura respecto a un ou varios dos seus membros.

3. Os colexiados poderán propor moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros, solicitando a realización da asemblea xeral extraordinaria correspondente, de acordo co especificado no artigo 18.3º destes estatutos. Neste caso, a Xunta de Goberno estará na obriga de convocar inmediatamente, e para que esta teña lugar nun prazo non superior a dous meses, a asemblea xeral solicitada.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato dos afectados.

5. A aprobación duna moción de censura contra a totalidade ou máis da metade dos membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato de toda ela. Neste caso, e para evitar o baleiro de poder, a mesma asemblea xeral adoptará o acordo consistente no nomeamento dunha xunta xestora, que deberá convocar eleccións nun prazo non superior a dous meses. A xunta xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

6. Para a aprobación de calquera moción de censura contra a Xunta de Goberno será necesaria a maioría cualificada dos dous terzos do censo de colexiados exercentes.

Artigo 23º.A convocatoria dás sesións da Xunta de Goberno faraa o decano, mediante a remisión da orde do día e a información previa sobre os asuntos que se vaian tratar.

Non se poderá adoptar ningún acordo sobre asuntos que non figuren na orde do día. Os asuntos que non figuren na orde do día soamente poderán ser obxecto de acordo cando estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

As convocatorias faranse polo menos con 5 días de antelación, excepto os casos de sesións urxentes, que poderán convocarse con tempo imprescindible para a citación.

Como mínimo, a Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria cada 2 meses. Na reunión do último trimestre de cada ano prepararase e confeccionarase a orde do día da asemblea. Nos meses de xullo e agosto non se celebrarán sesións ordinarias.

A Xunta de Goberno reunirase con carácter extraordinario, coa convocatoria previa do decano ou por petición da terceira parte, como mínimo, dos seus membros.

Artigo 24º.Correspóndelle á Xunta de Goberno, para o cumprimento dos seus fins, o exercicio das seguintes funcións dentro do seu ámbito territorial:

1. Desempeñar a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten os intereses profesionais e exercer o dereito de petición, de acordo co establecido nas leis.

2. Facilitarlle ao colexiado o exercicio da profesión.

3. Fomentar a plena ocupación entre os colexiados. Por iso, colaborará sempre que sexa necesario coa Administración e por iniciativa privada.

4. Procurar harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo a competencia desleal entre eles.

5. Intervir en vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

6. Organizar actividades e servizos de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, informativo, asistencial, de previsión e outros similares, procurando o seu sostemento económico cos medios necesarios.

7. Facilitarlles aos tribunais, de acordo coas leis, a relación de colexiados que puidesen ser requiridos para interviren como peritos en asuntos xurídicos, ou designalos eles mesmos segundo proceda.

8. Distribuír equitativamente entre os colexiados aqueles traballos profesionais que se tramiten por medio do colexio.

9. Adoptar as medidas que conduzan a evitar o intrusismo profesional.

10. Visar os documentos relacionados cos traballos profesionais que se vaian executar no territorio do colexio e exixir o visado. Poderá delegar a función de visado nun ou en varios membros desta, na xerencia do colexio ou nunha comisión creada por efecto, así como establecer regras de visado mentres non existe un Regulamento de réxime interior sobre a materia.

11. Xestionar o cobro das percepcións, remuneracións e honorarios profesionais, por petición dos colexiados, nos casos e condicións que determinen estes estatutos.

12. Propoñerlle á asemblea as cotas e achegas económicas extraordinarias dos colexiados que sexan necesarias, dentro dos límites establecidos polo órgano colexial competente.

13. Prestarlles aos colexiados axuda xurídica, cando o soliciten, en cuestións derivadas do exercicio profesional.

14. Informar dos proxectos de lei ou disposicións de calquera rango que se referisen ás funcións profesionais, ditadas polo/os parlamento/s autónomo/s, as xuntas xerais ou institucións de rango inferior, e elevalos ao Consello Xeral para a súa redacción definitiva.

15. Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios profesionais.

16. Participar na elaboración dos plans de estudo e informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión; manter permanente contacto con estes e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.

17. Participar nos consellos e organismos consultivos da Administración nas materias competencia da profesión.

18. Representar o colexio nos patronatos universitarios.

19. Exercer todas as funcións que lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos fins do colexio que poidan serlle solicitadas ou acorden formularse por propia iniciativa.

20. Desempeñar a representación que establezan as leis para cumprir os seus fins.

21. Ordenar a actividade profesional dos colexiados velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

22. Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e as disposicións relacionadas coa profesión, estes estatutos e os seus regulamentos ademais das normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

23. Resolver por laudo a instancia das partes interesadas as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas emanadas dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión.

24. Elaborar os regulamentos de réxime particular e sometelos á aprobación da asemblea.

25. Dirimir os conflitos que poidan suscitarse entre as diferentes delegacións.

26. Adoptar as medidas necesarias para que os colexiados cumpran as resolucións dos órganos do colexio.

27. Velar para que se cumpran as funcións disciplinarias con respecto aos colexiados.

28. Confeccionar os orzamentos e a liquidación dos orzamentos anteriores e sometelos á aprobación da asemblea.

29. Organizar institucións e servizos de asistencia e de previsión e colaborar coa Administración para a aplicación, aos profesionais colexiados, do sistema de Seguridade Social máis adecuado.

30. Tratar de conseguir o máximo nivel de traballo dos colexiados, colaborando coa Administración na medida que resulte máis adecuada.

31. Velar por que se cumpran as condicións exixidas nos estatutos e regulamentos para a presentación e proclamación de candidatos para os cargos directivos das delegacións.

32. Propoñerlle á asemblea a reforma do regulamento.

33. Propoñerlle á asemblea a concesión do título de colexiado de honor e da medalla de honor.

34. Autorizar a convocatoria da asemblea, sempre que o soliciten, polo menos, a metade dos membros da Xunta de Goberno.

35. Interpretar e vixiar que se cumpran os acordos adoptados na asemblea.

36. Orientar as actuacións do colexio a prol dos seus fins profesionais.

37. Controlar, asesorar e coordinar as actuacións das delegacións.

38. Manter actualizadas as listas dos colexiados e os seus datos profesionais e corporativos.

39. Propoñerlle á asemblea a creación ou disolución das delegacións.

40. Crear cargos e seccións, e delegar as competencias que se consideren para o desenvolvemento das súas funcións.

41. Fixar a orde do día da asemblea.

42. Nomear os delegados provinciais de acordo co artigo 32º.

43. Todas as outras funcións que redunden en beneficio dos intereses profesionais, culturais, sociais e económicos dos colexiados.

44. Nomear un xerente ou cargo director do colexio para o exercicio das actividades burocráticas propias do colexio. Fixar unha remuneración para el.

Artigo 25º.Considerarase validamente constituída a Xunta de Goberno cando estean presentes, polo menos, a metade dos seus compoñentes, debendo estar sempre presente o decano e o secretario. Non obstante, se non se chegase a reunir o quórum necesario para a súa constitución, despois de transcorrida unha hora, os presentes pasarán a tratar os temas que por maioría se consideren urxentes.

No caso dunha convocatoria urxente cada compoñente poderá ter a representación doutro.

Os acordos serán adoptados pola maioría dos asistentes, e no caso de empate decidirá o voto de calidade do decano.

Artigo 26º 1º.No caso de vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, e sempre que quede no cargo algún compoñente desta, convocará inmediatamente asemblea xeral extraordinaria, que adoptará un acordo consistente no nomeamento duna xunta xestora, que deberá convocar urxentemente eleccións a todos os cargos. A xunta xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

2. No caso de estaren vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, a convocatoria da xunta xeral extraordinaria a que se refire o punto anterior será efectuada por un grupo de colexiados designados polo Consello Xeral Nacional.

Artigo 27º.O decano da Xunta de Goberno, que é o órgano presidencial, ten as seguintes atribucións:

a) Desempeñar a representación legal do colexio do seu ámbito territorial, con facultades de delegar e acordar o exercicio de toda clase de accións, recursos e reclamacións, delegadas expresamente pola Xunta de Goberno.

b) Convocar as reunións da asemblea e da Xunta de Goberno.

c) Fixar, de acordo coa Xunta de Goberno, a orde do día da asemblea.

d) Presidir as reunións da asemblea e da Xunta de Goberno.

e) Presidir e moderar as comisións e reunións ás que asistan.

f) Velar polo cumprimento das prescricións regulamentarias dos acordos adoptados polos órganos xerais e das disposicións xerais.

g) Autorizar coa súa sinatura as actas das reunións dos órganos colexiais.

h) Autorizar o carné de colexiado.

i) Visar todas as certificacións que expida o secretario.

j) Autorizar os libramentos e as ordes de pagamento.

k) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, sempre sen prexuízo da lexitimación que estableza a lei.

l) Autorizar os informes e as comunicacións que oficialmente dirixa o colexio, ás autoridades, corporacións ou particulares.

m) Asinar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes bancarias e os talóns ou cheques expedidos pola tesouraría para repartir cantidades.

n) Darlles posesión aos membros da Xunta de Goberno e estender as credenciais.

o) Decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

p) As establñecidas no artigo 22 da Lei de colexios profesionais de Galicia (Lei 11/2001) .

Artigo 28º.O vicedecano, cando exista, exercerá todas aquelas funcións que lle delegue o decano, e substituirao nos casos de ausencia, enfermidade, suspensión, dimisión, cesamento ou defunción; nos tres últimos casos, para o resto do mandato, e nos outros, polo tempo en que se manteñan as circunstancias que poidan motivar a súa substitución.

Artigo 29º.Independentemente dos dereitos e obrigas especiais que lle confiran os acordos da respectiva Xunta de Goberno, corresponderalle ao secretario:

a) Levantar acta das reunións.

b) Expedir as certificacións.

c) Preparar o despacho para darlle conta á Xunta de Goberno dos asuntos do colexio e das comunicacións colexiais.

d) Redactar a memoria anual.

e) Asinar el mesmo ou co decano, en caso necesario, as ordes, a correspondencia ordinaria de trámite normal e outros documentos administrativos.

f) Ter conta dos documentos do arquivo que pertenzan ao colexio e a responsabilidade da súa custodia.

g) Ter conta do libro de actas das asembleas ordinarias e extraordinarias, e das reunións da Xunta de Goberno.

h) Ter conta el mesmo, axudado polo persoal de oficina en quen poida delegar, do rexistro de colexiados.

Exercer a autoridade directa sobre o persoal administrativo e subalterno, ao que fará cumprir coas súas obrigas específicas e cos acordos da Xunta de Goberno.

Artigo 30º.Será misión do tesoureiro:

a) Administrar e custodiar os fondos pertencentes ao colexio e ser responsable deles.

b) Autorizar coa súa sinatura, conxuntamente coa do decano, os recibos, os cobros e os pagamentos.

c) Informar a Xunta de Goberno dos non pagamentos.

d) Levar os libros de contabilidade necesarios de forma legal.

e) Asinar a correspondente conta de ingresos e pagamentos mensuais para sometelos á aprobación da Xunta de Goberno; e reunir os correspondentes

ao ano en curso, coas súas xustificacións e presentalos á aprobación da asemblea.

f) Facerlles chegar a todos os colexiados, por medio da memoria anual, o balance da situación económica.

g) Redactar os orzamentos do colexio e sometelos á Xunta de Goberno.

Artigo 31º.En cada unha das provincias da comunidade autónoma constituirase unha asemblea territorial, que estará composta por todos os colexiados da demarcación e presidida polo delegado provincial. Esta asemblea terá carácter consultivo, deliberatorio e informativo. Será competencia da asemblea a ratificación do delegado provincial previsto no artigo 16º e) .

Artigo 32º.O delegado provincial representa o colexio ante toda clase de organismos, entidades e corporacións no seu ámbito territorial.

Os delegados provinciais son os responsables ante a Xunta de Goberno do sentir dos colexiados nas provincias da comunidade autónoma. Serán nomeados pola Xunta de Goberno e ratificados pola asemblea provincial correspondente. Eles asumirán a representación desta Xunta de Goberno no seu territorio nos casos en que non sexa necesaria a súa decisión e substituirán o decano pola súa delegación expresa. Asistirán a todas as reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto e poderán representar á provincia nas asembleas. Asumirán cantas funcións teñan delegadas pola Xunta de Goberno.

Correspóndelle presidir as asembleas territoriais de colexiados que convocará por propia iniciativa, seguindo as instrucións da Xunta de Goberno, ou por petición de máis do 10% dos colexiados da súa demarcación.

Actuará ante a Xunta de Goberno como vogal e, como portavoz dos colexiados do seu territorio, os que manterá informados das reunións da xunta e, en xeral, de todo canto afecte aos intereses de todo tipo dos colexiados. A súa actuación poderá ser impugnada ante a Xunta de Goberno, absténdose nestes casos de participar.

Nas asembleas provinciais desenvolverá a tarefa de secretario o de máis nova colexiación que se atope presente no intre de iniciarse a asemblea.

O delegado provincial poderá ser cesado por iniciativa da Xunta de Goberno, ou por iniciativa do 10% dos colexiados do territorio provincial. O novo delegado provincial será nomeado pola Xunta de Goberno e igualmente ratificado pola asemblea correspondente.

Artigo 33º.Para os efectos disciplinario e administrativo dos presentes estatutos existirá unha xunta reitora, composta pola Xunta de Goberno máis os delegados provinciais que, neste caso, terán voz e voto.

Capítulo II Dependencia funcional

Artigo 34º 1º.Estruturarase a organización administrativa a través dos seguintes elementos:

a) O secretario, que exercerá as funcións de preparar e aplicar os acordos da Xunta de Goberno, levando a xerencia das disposicións e actividades dos órganos e servizos, ademais do rexistro e o arquivo.

b) Os servizos xerais que establece o colexio, dentro das previsións orzamentarias, tales como previsión asistencial, financeira, perfeccionamento profesional, traballo e bolsa de traballo, servizo cultural, de publicacións, xurídico, ordenación e asesoramento profesional e outros.

2. Os xefes de servizos xerais dependen xerarquicamente do secretario, por delegación do decano do colexio e funcionalmente do delegado do servizo correspondente.

3. O secretario depende xerarquicamente do decano do colexio.

Artigo 35º 1º.O secretario, que será un colexiado, exercerá a súa función coordinadora cos servizos xerais, comunicará e aplicará os acordos da Xunta de Goberno levando a xerencia das actividades do colexio, como tamén o rexistro e o arquivo. Desenvolverá no seu ámbito as xestións, a organización de actividades culturais e formativas, os arquivos e outros.

2. O secretario é o xefe do persoal da oficina do colexio, por delegación do decano.

3. Os empregados ou responsables que entre eles se designen, dependerán funcional e xerarquicamente do secretario.

Capítulo III Bases de réxime electoral

Artigo 36º.A elección dos membros da Xunta de Goberno será por un período de 4 anos e terá que recaer en colexiados residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os cargos poderán ser reelixidos unha ou varias veces.

Todos os cargos serán honoríficos; sempre e cando as circunstancias e a carga de traballo así o precisen, a Xunta de Goberno poderá someter á Asemblea Xeral a necesidade de retribución ou gratificación de determinados cargos.

Artigo 37º.A elección dos cargos axustarase ás seguintes normas:

1. A elección será por candidaturas, terá lugar mediante votación secreta, facéndose a proclamación

por maioría de votos dos colexiados, tanto presentes como aqueles que os envíen por correo. Non se admite a delegación do voto para a elección de cargos.

Se só se presentase unha candidatura, finalizado o prazo de presentación procederase á súa proclamación sen necesidade de votación.

2. Serán electores e elixibles todos os colexiados que no momento da votación non se atopen nalgunha das situacións previstas no artigo 12º destes estatutos. Para o cargo de decano será ademais requisito necesario ter polo menos catro anos de colexiación no momento da convocatoria de eleccións, e para os cargos de secretario e tesoureiro establécese o requisito de ter polo menos dous anos de colexiación computados de igual modo.

3. O dereito ao voto exercerase persoalmente ou por correo, de acordo co que se estableza no Regulamento de réxime electoral, co obxecto de garantir a súa autenticidade.

4. Os colexiados que desexen presentarse á elección dos cargos da Xunta de Goberno deberán comunicarlle a súa candidatura por escrito ao decano, de acordo co establecido no Regulamento de réxime electoral. A Xunta de Goberno dará a coñecer a todos os colexiados a relación completa das candidaturas presentadas.

5. As candidaturas poderán realizar ao seu cargo, entre os demais colexiados, a propaganda que crean conveniente.

Elixidos os membros da Xunta de Goberno, estes deberán tomar posesión dos seus cargos, dentro do prazo do mes seguinte á data en que se dean por finalizadas as eleccións.

TÍTULO V Ordenación do exercicio profesional

Artigo 38º 1º.Todo colexiado poderá exercer a súa profesión libremente en calquera punto do ámbito de Galicia.

2. Estableceranse os tipos de visados e as normas e requisitos que se cumprirán para a súa obtención.

3. O segredo profesional, respecto a materias reservadas coñecidas con ocasión do desenvolvemento dun traballo, constitúe un deber e un dereito lexítimo.

4. Establécese como a principal finalidade do colexio a defensa da profesión. Resulta un dereito e unha obriga o feito de colexiarse para todo aquel que se atope no exercicio profesional en calquera das súas formas.

Artigo 39º.Toda actuación profesional dos colexiados axustarase sempre á deontoloxía profesional. En calquera caso ninguén poderá realizar ningunha actuación que atenda ao desprestixio da profesión ou á dignidade profesional ou persoal doutro colexiado.

Artigo 40º.O exercicio da profesión de enxeñeiro técnico forestal é incompatible:

a) Cos cargos de presidente do Goberno, ministro, secretario de Estado, subsecretario, director xeral e similares da Administración pública.

b) Cos restantes cargos que as leis reguladoras establecidas expresen tal incompatibilidade.

TÍTULO VI Réxime económico

Artigo 41º 1º.O colexio deberá contar cos recursos necesarios para atender debidamente as finalidades e funcións encomendadas ás solicitudes de servizo dos seus membros, os cales quedarán obrigados a contribuír ao sostemento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

2. Os recursos económicos do colexio serán sufragados na proporción que se estableza regulamentariamente das cotas ordinarias mínimas que satisfagan os colexiados.

3. Tamén constituirán recursos propios do colexio as achegas que con carácter extraordinario acorde o Pleno para atender necesidades imprevistas.

4. Serán recursos ordinarios do colexio:

a) Os beneficios, as rendas e os xuros de toda clase que producisen os bens ou dereitos que integren o patrimonio.

b) As cotas de entrada dos colexiados, contías que se determinarán en asemblea.

c) As cotas periódicas ou ordinarias, as cales serán fixadas tamén por Asemblea Xeral. A forma de pagamento determinaraa a Xunta de Goberno.

d) Os dereitos económicos que lle corresponda percibir ao colexio en concepto de cota de intervención profesional ou dereitos polo visado dos documentos e traballos profesionais que realicen os colexiados no exercicio libre da profesión.

5. Serán recursos extraordinarios do colexio:

a) As subvencións, doazóns, herdanzas ou legados que sexan outorgados polo Estado, a Administración autonómica, corporacións oficiais, entidades públicas ou privadas, colexiados ou particulares.

b) Os dereitos por estudos, informes ou ditames, asesoramento e análogos que lle sexan solicitados ao colexio.

c) Os dereitos pola utilización dos servizos que teñan establecidos para prestacións singulares.

d) Os que se establezan con carácter xeral para o cumprimiento das finalidades asistenciais, formativas e de ordenación do traballo profesional.

e) Os ingresos que poidan obterse pola venda de publicacións, impresos, subscricións e análogos.

f) As rendas dos bens de toda clase que posúa o colexio.

g) As contías que por calquera outro concepto non especificado se poidan percibir.

Artigo 42º 1º.Os orzamentos xerais elaboraranse segundo os principios de eficacia e economía, e incluirán a totalidade dos ingresos e gastos colexiais no exercicio económico.

2. A Xunta de Goberno elaborará os orzamentos xerais para a súa presentación e aprobación pola Asemblea Xeral.

3. Os orzamentos aprobados non poderán conter variacións de contía de recursos que non se tramitaran regulamentariamente.

4. Mentres non se aprobe o orzamento quedará automaticamente prorrogado o anterior.

5. O orzamento do colexio aprobarase en asemblea.

6. Os orzamentos, contas e balances daránselles a coñecer aos colexiados, correspondéndolle a administración á Xunta de Goberno.

Artigo 43º 1º.Cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos directivos, na xunta xeral anterior e como punto expreso na orde do día, serán elixidos por sorteo, de entre todos os colexiados, tres censores de contas. Tamén serán elixidos tres suplentes. Serán incompatibles coa antedita elección os membros da Xunta de Goberno.

2. A Xunta de Goberno, unha vez aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior, convocará os censores de contas para unha data determinada e porá á súa disposición o balance orzamentario, os libros de contas, os xustificantes de ingresos e gastos e cantos documentos se consideren necesarios, coa finalidade de informar sobre os extremos da súa actuación.

3. A convocatoria para o día da censura de contas será cursada nun prazo non inferior a quince días. A censura de contas realizarase no día sinalado e o informe desta será único e por escrito, sen prexuízo de que cada censor poida redactar un voto particular sobre un ou varios dos asuntos recollidos no informe.

4. A Xunta de Goberno prestará todo o apoio material e humano necesario para que a xunta de censores poida exercer adecuadamente as súas funcións. Así mesmo, o tesoureiro estará á súa disposición para todas as aclaracións, explicacións ou comentarios que aqueles poidan requirir.

5. O informe redactado pola xunta de censores entregaráselle á Xunta de Goberno, que o remitirá a todos os colexiados xunto coa convocatoria da xunta xeral onde será aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior.

6. A xunta de censores poderá solicitar o asesoramento dun auditor externo para a boa realización das funcións encomendadas, cando así o estime oportuno a Xunta Xeral.

TÍTULO VII Réxime disciplinario e recompensas

Capítulo I Réxime disciplinario

Artigo 44º.O colexio sancionará todos aqueles actos dos colexiados que constitúan infracción culpable destes estatutos, regulamentos de réxime interior ou acordos adoptados polos seus órganos de Goberno.

O exercicio profesional supón a aceptación do réxime disciplinario establecido polo colexio nos seus estatutos.

Artigo 45º.As faltas leves sancionaraas a Xunta de Goberno, e no seu nome polo decano do colexio, tras a audiencia ou descargo do inculpado.

Para a imposición de sancións por falta grave haberá de incoarse previamente o oportuno expediente, acordo este que compete á Xunta de Goberno, que o adoptará por propia iniciativa, por petición razoada do decano ou do delegado territorial, ou por denuncia. Para tal fin designarase unha comisión de disciplina constituída por cinco colexiados como máximo, un deles será membro da Xunta de Goberno e os restantes designaranse entre os colexiados máis antigos ou máis cualificados, recaendo a presidencia desta comisión no de maior antigüidade colexial.

No expediente que se instrúa, será escoitado o afectado, quen poderá facer alegacións e achegarlle a cantas probas estime convenientes na súa defensa. Ultimado este expediente, a comisión, xunto coa proposta de sanción, elevarao á Xunta de Goberno para a súa resolución e acordo.

No suposto de que sexa un dos membros da Xunta de Goberno quen vaia ser sancionado, non tomará parte nas votacións para adoptar acordos en relación con este expediente.

Artigo 46º.As faltas polas que disciplinariamente poderán sancionarse os colexiados clasifícanse en leves e graves.

As faltas leves prescriben aos seis meses e as graves aos dous anos.

Son faltas leves as consistentes no incumprimento neglixente de preceptos estatutarios ou de acordos dos órganos colexiais.

Son faltas graves:

1. O incumprimento doloso de preceptos estatutarios ou de acordos dos órganos colexiais.

2. As ofensas graves á dignidade da profesión, ou ás regras éticas que a gobernan.

3. O non pagamento reiterado de calquera tipo de cotas, dereitos ou canons.

4. Ser condenado por delito doloso a penas de inhabilitación.

5. A comisión reiterada de infraccións leves.

6. As faltas de respecto e os atentados contra a dignidade ou honor dos compañeiros con ocasión do exercicio profesional, así como contra as persoas que ocupan cargos no colexio cando actúen no exercicio das súas funcións.

Artigo 47º.As sancións que poidan impoñerse serán:

1. Apercibimento verbal.

2. Apercibimento por escrito.

3. Reprensión privada.

4. Reprensión pública.

5. Suspensión temporal do exercicio profesional por un período non superior a dous anos.

6. Expulsión do colexio. As tres primeiras sancións aplicaranse pola comisión de faltas leves e as restantes polas faltas graves.

As sancións impostas por faltas graves prescriben aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

Artigo 48º.Contra as sancións disciplinarias de calquera tipo impostas pola Xunta de Goberno, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso administrativo ante a xunta reitora, que resolverá no prazo de tres meses, resolución que esgota a vía administrativa, e contra a que se poderá recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo II Recompensas

Artigo 49º.As recompensas, cuxa concesión corresponde á Asemblea Xeral, serán as seguintes:

1. Parabéns ou mencións honoríficas.

2. Solicitude, a quen corresponda, de concesión de condecoracións oficiais.

3. Publicación, con cargo aos fondos do colexio, daqueles traballos de destacado valor técnico ou científico.

4. Aqueles outros premios de tipo económico que, a Xunta de Goberno, por si mesma ou por proposta das delegacións territoriais, propoñan.

TÍTULO VIII Réxime xurídico

Artigo 50º.O colexio, en canto actúe no exercicio das funcións públicas, axustará a súa actuación ao disposto na

Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse en todo caso como funcións públicas do colexio o control das condicións de ingreso na profesión, da emisión de informes preceptivos, o visado de proxectos, e a potestade disciplinaria.

A Lei 30/1992, citada aplicarase, así mesmo, de forma supletoria, en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre colexios e estes estatutos.

Artigo 51º.Contra os acordos definitivos emanados dos órganos de goberno do colexio suxeitos ao dereito administrativo, poderase interpoñer recurso de alzada ante o Consello Xeral Nacional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación do acordo, se fora expreso; e se non o fora, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

O recurso poderá presentarse ante o mesmo órgano que o ditou ou ante o competente para resolvelo.

O recurso de alzada deberá ser resolto de acordo coa normativa reguladora do Consello Xeral Nacional.

A resolución do dito recurso esgota a vía administrativa, quedando expedita a vía xudicial, ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 52º.Son nulos, de pleno dereito, os actos emanados dos órganos do colexio nos que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

2. Os ditados por órgano manifestamente incompetente.

3. Os que teñan un contido imposible.

4. Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia deste.

5. Os ditados que prescindan total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

6. Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

7. Calquera outro que garde analoxía cos anteriores e que unha disposición de rango legal cualifique de nulo de pleno dereito.

Son anulables os actos que incorren en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

TÍTULO IX Reforma dos estatutos

Artigo 53º.Para propoñerlle á Administración a reforma destes estatutos, necesitarase o acordo da Asemblea Xeral do colexio, adoptado por maioría simple dos concorrentes, é dicir, presentes e representados.

TÍTULO X Disolución e liquidación

Artigo 54º 1º.A disolución do colexio non poderá efectuarse non sendo por cesamento dos seus fins, tras o acordo das tres cuartas partes da asemblea xeral extraordinaria convocada especialmente para este obxecto.

2. En caso de disolución do colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á asemblea xeral propostas de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigas pendentes.


No hay versiones para esta norma