Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura organica dos servizos centrais do Servizo Galego de Saude. - Diario Oficial de Galicia, de 05-06-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 109
  • Fecha de Publicación: 05/06/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no seu título VI, establece que no Servizo Galego de Saúde se integran todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban, e atribúelle á Consellería de Sanidade o exercicio das facultades de dirección, vixilancia e tutela sobre e, en particular, o exercicio das potestades regulamentarias e de organización que lle atribúe a lei e as restantes disposicións que sexan de aplicación.

O Servizo Galego de Saúde exercerá o goberno, a dirección e a xestión dos centros, servizos e establecementos sanitarios propios ou adscritos, garantindo a provisión dos servizos e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública; coordinará a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros que teña asignados, e exercerá aquelas funcións que lle delegue ou encomende a Consellería de Sanidade.

O compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración da Xunta de Galicia, adquirido polo goberno e plasmado no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, debe ter a necesaria translación e reflexo nas normas regulamentarias que establecen a estrutura orgánica dos distintos organismos vinculados ou dependentes, entre os que se atopa o Servizo Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Sanidade.

Esta nova dimensión organizativa reflíctese xa no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que no seu artigo 6 establece que o Servizo Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á Consellería de Sanidade, terá unha Xerencia e tres direccións xerais, de Asistencia Sanitaria, Recursos Económicos e Recursos Humanos, respectivamente.

Así mesmo, é preciso destacar o alcance do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, e a súa incidencia -directa e indirecta- na configuración da Administración autonómica e dos distintos departamentos que a integran.

Estes cambios esenciais na filosofía organizativa e na xestión pública deben ter a necesaria continuidade na norma de estrutura da Consellería de Sanidade e do seu organismo autónomo, tanto no seu nivel central como no periférico, co obxecto de responder ás demandas e necesidades que a xestión do ámbito competencial propio establece a propia organización e os destinatarios da súa actividade.

Así, no nivel central, establécese a estrutura cunha Xerencia e tres direccións xerais, plasmando o mandato recollido no Decreto 83/2009, do 21 de abril, antes citado.

Xa que logo, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos da Consellería de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Servizos centrais

Artigo 1º.-Do Servizo Galego de Saúde.

Para o adecuado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, configúrase o Servizo Galego de Saúde como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

O Servizo Galego de Saúde está adscrito á Consellería de Sanidade e rexerase polo establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

O Servizo Galego de Saúde, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, contará coa seguinte estrutura:

1. Órganos centrais de dirección:

I. Órganos colexiados:

Consello de Dirección.

II. Órganos unipersoais:

a) Presidente.

b) Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

c) Director de Asistencia Sanitaria.

d) Director de Recursos Económicos.

e) Director de Recursos Humanos.

2. Órganos de coordinación do Servizo Galego de Saúde.

a) O Comité Executivo do Servizo Galego de Saúde.

3. Órganos periféricos de dirección:

Os directores das áreas sanitarias.

Artigo 2º.-O Consello de Dirección.

1. O Consello de Dirección do Servizo Galego de Saúde estará integrado polos seguintes membros:

a) A conselleira ou o conselleiro de Sanidade, que será o seu presidente.

b) A xerente ou o xerente do Servizo Galego de Saúde, que será o seu vicepresidente/a e coordinador/a.

c) O secretario ou a secretaria xeral da Consellería de Sanidade.

d) Os directores e directoras do Servizo Galego de Saúde e a directora ou director xeral de Saúde Pública e Planificación.

e) Os titulares dos órganos periféricos do Servizo Galego de Saúde e da consellería e os xerentes das áreas sanitarias, se é o caso.

2. Actuará como secretario do Consello de Dirección, con voz pero sen voto, un funcionario do Servizo Galego de Saúde nomeado polo conselleiro ou conselleira de Sanidade.

3. O Consello de Dirección funcionará sempre en pleno e reunirase, como regra xeral, unha vez ao mes e sempre que sexa convocado pola súa presidencia.

4. Poderán asistir ás sesións do consello, con voz pero sen voto, os asesores técnicos ou as persoas representantes de organismos e outras entidades, cando a presidencia o considere oportuno.

1. Serán funcións do Consello de Dirección:

a) Definir os posicionamentos, orientacións e liñas de actuación de carácter estratéxico do Servizo Galego de Saúde, de acordo cos criterios emanados da Consellería de Sanidade.

b) Definir as políticas de financiamento e orzamentos do Servizo Galego de Saúde de acordo cos criterios emanados da Consellería de Sanidade.

c) Emitir informe sobre o anteproxecto do orzamento do Servizo Galego de Saúde e elevalo á Consellería de Sanidade.

d) Definir as políticas de recursos humanos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

e) Definir os proxectos de carácter estratéxico da consellería e do Servizo Galego de Saúde.

f) Definir o cadro de mando da alta dirección da consellería e do Servizo Galego de Saúde.

g) Elaborar todos aqueles informes, de materia da súa competencia, que lle sexan solicitados pola Consellería de Sanidade.

h) Cantas outras deriven da normativa vixente.

Artigo 3º.-A Presidencia do Servizo Galego de Saúde.

A conselleira ou conselleiro de Sanidade, como superior autoridade, é a máxima responsable da consellería, e ademais presidenta do Servizo Galego de Saúde, e como tal correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A representación legal do organismo.

b) Asinar os convenios en nome do organismo e actuar como órgano de contratación.

c) Aprobar os plans de obras, instalacións e equipamentos centralizados do Servizo Galego de Saúde.

d) Exercer a xefatura superior do persoal adscrito ao organismo.

e) Dispor os gastos e propor a ordenación dos pagamentos do organismo.

Artigo 4º.-A Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

1. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde, co nivel orgánico de dirección xeral, é o órgano responsable dos servizos de asistencia sanitaria e ten, baixo a dependencia da conselleira ou conselleiro de Sanidade, a dirección e control do Servizo Galego de Saúde, e como tal correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A dirección, avaliación e control de todas as actividades do organismo relacionadas coas funcións encomendadas a este polas disposicións legais que o rexen, sen prexuízo das facultades e competencias do Consello de Dirección e da Consellería de Sanidade.

b) Elevar ao Consello de Dirección o anteproxecto de orzamento do organismo.

c) Velar pola execución dos acordos do Consello de Dirección.

d) A xestión do patrimonio do organismo.

e) A xestión económica e do persoal do organismo.

f) Presentarlle ao Consello de Dirección a memoria anual de actividades do organismo.

g) Resolver os conflitos de atribucións que xurdan entre as autoridades dependentes do organismo.

2. O xerente ou a xerente do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos directores do Servizo Galego de Saúde, nos directores de área e noutros órganos centrais ou periféricos do organismo funcións relacionadas cos correspondentes ámbitos de actuación.

3. En caso de ausencia, enfermidade ou vacante, o xerente ou a xerente será substituído polos directores do Servizo Galego de Saúde segundo a orde de prelación que aparece no artigo 1º.II.

4. Igualmente, correspóndelle dirixir e coordinar o asesoramento xurídico do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das funcións propias da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

5. A Xerencia, para o exercicio das súas funcións, contará coa seguinte estrutura:

a) A Vicexerencia.

b) A Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial.

c) A Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación.

6. Adscrita orgánica e administrativamente á Xerencia estará a Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e a Intervención Delegada, con nivel de subdirección xeral.

7. Adscríbense para efectos administrativos á Xerencia do Servizo Galego de Saúde, Galaria, empresa pública de servizos sanitarios e a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas).

Artigo 5º.-A Vicexerencia.

1. Á Vicexerencia, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle, como órgano de apoio ao xerente, o exercicio das seguintes funcións:

a) O apoio administrativo e de xestión no seguimento e coordinación de proxectos e accións entre as distintas unidades do Servizo Galego de Saúde e outros organismos e administracións.

b) Prestar asistencia técnica e administrativa ao xerente do Servizo Galego de Saúde en todos os asuntos que este lle encomende.

c) A elaboración de estudos e propostas nas materias de estrutura, organización, deseño de procedementos administrativos, tanto nos servizos centrais como periféricos do Servizo Galego de Saúde e demais entidades adscritas.

d) Todas aquelas actividades e funcións que lle encomende a xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 6º.-Asesoría Xurídica.

1. Á Asesoría Xurídica correspóndelle:

a) O asesoramento en dereito e a defensa e representación en xuízo do organismo.

b) Establecer, de conformidade coa Xerencia, os criterios xerais para a coordinación da defensa do Servizo Galego de Saúde.

c) Levar a cabo o asesoramento e realizar os informes en dereito cos que lle sexan requiridos.

d) Informar en dereito sobre a contratación administrativa Servizo Galego de Saúde.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, nos servizos centrais do organismo, polo menos con dúas unidades con nivel orgánico de servizo.

Artigo 7º.-A Subdirección Xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial.

1. Correspóndelle propor, promover, dirixir e avaliar en todos os ámbitos do Servizo Galego de Saúde, o desenvolvemento de sistemas para a implantación e mellora dos procesos que fomenten a seguridade dos pacientes e profesionais, favorecendo a prevención e diminución de riscos, a xestión da súa satisfacción, a incorporación de sistemas de xestión baseados en modelos de excelencia, asegurando a calidade a través da certificación e acreditación de centros e servizos.

Desenvolverá as súas funcións traballando nas seguintes áreas funcionais:

a) Área de xestión de desenvolvemento de modelos e sistemas de calidade.

b) Área de mellora continua.

c) Área de sistemas de información para a avaliación dos procesos.

d) Área de atención ao cidadán, xestión da satisfacción e a participación.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Desenvolvemento de Sistemas de Calidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desenvolver, coordinar e avaliar a posta en marcha dos plans de calidade dos centros sanitarios.

b) Pór en marcha as normas de calidade e seguridade que ditamine a consellería e demais autoridades competentes.

c) Implantar os indicadores que permitan comparar a calidade e seguridade dos centros de forma sistematizada e articular un sistema de información integrada de indicadores de calidade e seguridade.

d) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Atención ao Cidadán.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Establecer canles de participación e colaboración con asociacións de enfermos e cidadáns.

b) Potenciar a mellora continua na organización que garanta a orientación ao paciente.

c) Dirixir a realización de procedementos relacionados cos dereitos de participación de pacientes, familiares e, en xeral, cidadáns.

d) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 8º.-A Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación.

1. Correspóndelle a esta subdirección a promoción, ordenación, coordinación e avaliación dos plans e programas de investigación e docencia en materia de:

a) Planificación, promoción e avaliación das accións de formación sustentadas nas necesidades do sistema sanitario da Comunidade Autónoma en coordinación coa Subdirección Xeral de Planificación, Selección e Desenvolvemento Profesional da Dirección de Recursos Humanos; a elaboración de propostas e o seguimento dos programas de docencia e de investigación e a planificación, promoción e avaliación das accións de investigación en relación cos problemas e necesidades de saúde da poboación da comunidade autónoma.

b) A proposta de planificación e desenvolvemento de programas sobre prácticas e ensinos sanitarios especializados; a coordinación das actividades docentes que se realicen nos centros, incluída a formación especializada; a coordinación e fomento da investigación no sistema sanitario; a coordinación, control e avaliación das fundacións de investigación do sistema sanitario e recibir, analizar e materializar a proposta do Plan anual de formación do persoal do Servizo Galego de Saúde, así como o informe do Plan de formación do persoal non sanitario.

c) Elaborará a proposta dos criterios de planificación, as directrices de carácter xeral e o seguimento con respecto ás actividades de investigación e de docencia desenvolvidas pola Fegas. Materializaranse mediante a subscrición dos oportunos convenios entre a Consellería de Sanidade e os organismos dependentes e a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará co apoio da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria e das fundacións para a investigación de cada área sanitaria.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Docencia.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Planificación, promoción e avaliación das accións de formación sustentadas nas necesidades do sistema sanitario da comunidade autónoma.

b) A elaboración de propostas e o seguimento dos programas de docencia e de investigación.

c) A proposta de planificación e desenvolvemento de programas sobre prácticas e ensinos sanitarios especializados.

d) A coordinación das actividades docentes que se realicen nos centros, incluída a formación especializada.

e) Recibir, analizar e materializar a proposta do Plan anual de formación do persoal do organismo autónomo Servizo Galego de Saúde, así como o informe do Plan de formación do persoal non sanitario.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Investigación Sanitaria.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A planificación, promoción e avaliación das accións de investigación en relación cos problemas e necesidades de saúde da poboación da comunidade autónoma.

b) A coordinación e fomento da investigación no sistema sanitario.

c) A coordinación, control e avaliación das fundacións de investigación do sistema sanitario.

d) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 9º.-A Dirección de Asistencia Sanitaria.

1. A Dirección de Asistencia Sanitaria, co nivel orgánico de dirección xeral, é o órgano responsable da coordinación asistencial das áreas sanitarias e dos centros e servizos de financiamento público.

2. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A definición de programas e obxectivos asistenciais das entidades, organismos e centros sanitarios, no marco da planificación sanitaria elaborada pola Consellería de Sanidade.

b) A coordinación, control e avaliación das actividades asistenciais dos centros sanitarios.

c) O desenvolvemento da función de compra de servizos sanitarios, a determinación e avaliación de obxectivos de carácter asistencial que deben cumprir os centros a través das fórmulas que en cada momento se determinen, e aqueloutras funcións relacionadas e necesarias para conseguir estes obxectivos.

d) Establecer as directrices de carácter xeral e facer o seguimento das actividades asistenciais desenvolvidas polas entidades públicas autonómicas mediante a subscrición dos oportunos contratos programa.

e) Analizar as necesidades de concertación de centros e servizos, así como a proposta de subscrición dos correspondentes concertos e o seu seguimento e control.

3. Para o cumprimento das súas funcións, conta coa seguinte estrutura:

3.1. A Subdirección Xeral de Planificación e Ordenación Asistencial

3.2. A Subdirección Xeral de Análise e Avaliación Asistencial e Atención ao Paciente.

3.3. A Subdirección Xeral de Farmacia.

3.4. A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental.

4. Adscríbese á Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, a Oficina de Coordinación de Transplantes, coas funcións previstas na Orde do 8 de xuño de 1992, pola que se creou, e a Comisión Galega de Bioética.

5. Igualmente dependen da Dirección de Asistencia Sanitaria, a Fundación Pública de Urxencia Sanitarias-061, a Fundación Centro de Transfusión de Galicia, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e a Fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía-INGO.

Artigo 10º.-A Subdirección Xeral de Planificación e Ordenación Asistencial.

1. É o órgano responsable de impulsar os procesos, programas e actuacións asistenciais, así como a coordinación e integración nos procesos dos programas e actividades de enfermaría e da implementación dos programas de calidade no Servizo Galego de Saúde.

De desenvolver a función de compra, tanto con centros propios como con centros concertados, de acordo cos criterios xerais establecidos pola autoridade sanitaria.

É así mesmo responsable de elaborar as propostas para o desenvolvemento das áreas e os seus dispositivos asistenciais, do informe dos plans directores e plans funcionais dos centros sanitarios, de desenvolver as referencias asistenciais a nivel de procedemento e de facer o seguimento da implantación de novos recursos, procedementos, técnicas e outros medios sanitarios.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará con nivel orgánico de servizo coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de desenvolvemento de procesos asistenciais, programas e compra de servizos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento de procesos e actuacións asistenciais integradas que, con carácter xeral, se centrarán para a súa implantación e seguimento, na utilización da historia clínica informatizada e única (IANUS).

b) A elaboración e seguimento dos obxectivos asistenciais que se desenvolverán nas áreas sanitarias e as propostas de desenvolvemento de programas de calidade, así como aquelas que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de integración asistencial.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación e integración dos procesos e actuacións sanitarias e non sanitarias que garantan o continuum asistencial do paciente.

b) A coordinación e a integración nos procesos dos programas e actividades de enfermaría e outros procedementos operativos estándares sanitarios, así como a integración efectiva nos procesos de criterios de calidade e, en xeral, aqueloutras que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de ordenación asistencial e programación de recursos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar propostas para o desenvolvemento das áreas sanitarias e os seus dispositivos asistenciais.

b) Informar das propostas de modificacións estruturais nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde; realizar a proposta de referencias asistenciais así como o seguimento do catálogo de procedementos e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de concertos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar a proposta de concertos con outros centros sanitarios, informe e autorizacións de uso antes da súa renovación, así como o seguimento das actividades desenvolvidas neles e

b) Elaborar a proposta e seguimento de concertos de transporte sanitario e outras prestacións complementarias e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 11º.-A Subdirección Xeral de Análise, Avaliación Asistencial e Atención ao Paciente.

1. É o órgano responsable de analizar e avaliar a información sanitaria procedente dos indicadores de actividade e calidade asistencial dos centros sanitarios e direccións de área; avaliar os obxectivos e contratos cos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde; avaliar a información procedente dos cidadáns, asociacións cidadás, comisións de área e foros de discusión cidadá; así como a xestión de queixas e reclamacións.

Realizará análises de eficacia e eficiencia do funcionamento dos servizos sanitarios e elaborará a proposta de actuacións de mellora.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Análise e Avaliación Asistencial.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A análise das necesidades de información no ámbito clínico asistencial en coordinación coa Subdirección de Sistemas e Tecnoloxías.

b) A definición de indicadores aliñados coa estratexia e os obxectivos establecidos pola organización asistencial; a coordinación do deseño e desenvolvemento da documentación clínica electrónica, así como a avaliación dos obxectivos e contratos cos centros e áreas sanitarias e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito de actuación, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Codificación Clínica e Análise.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A clasificación, catalogación e codificación no ámbito clínico asistencial e a coordinación técnica das unidades e comisións de codificación.

b) A implantación de sistemas de medida baseados na casuística dos pacientes e produción dos servizos sanitarios; a análise e seguimento dos resultados en saúde dos procesos clínico-asistenciais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Normalización e Integración da Información.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O establecemento de medidas que aseguren unha información de calidade, comparable e imparcial e a normalización dos procesos asociados á xestión da información asistencial.

b) A integración da información relacionada cos procesos asistenciais e a súa accesibilidade; a organización e interrelación da información asistencial e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Atención ao Paciente.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A integración dos indicadores de percepción dos pacientes nos cadros de mando dos servizos sanitarios e a análise da satisfacción dos pacientes vinculada ao proceso asistencial.

b) A clasificación das reclamacións e suxestións dos pacientes, a súa monitorización e seguimento; a promoción da información e servizos tecnolóxicos orientados a mellorar a satisfacción dos pacientes, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 12º.-A Subdirección Xeral de Farmacia.

1. Correspóndelle a execución da lexislación do Estado sobre produtos farmacéuticos, de acordo co Decreto 288/1997, do 9 de outubro, sobre asunción de funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, así como o desenvolvemento e a coordinación da política autonómica en relación coa prestación farmacéutica, nos termos da Lei 29/2006, do 26 de xullo, de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, e con base no establecido no Plan estratéxico de política farmacéutica para o Sistema Nacional de Saúde; a formulación ao órgano competente da Consellería de Sanidade das propostas de creación de servizos de farmacia e depósitos de medicamentos, así como as propostas de inspección de actividades en materia de farmacia; o desenvolvemento de programas orientados á racionalización e calidade do emprego dos recursos farmacoterapéuticos nos servizos sanitarios e na prestación sociosanitaria, con criterios de efectividade, seguridade e custo, así como de impulsar programas de formación e información a profesionais e cidadáns, nos termos previstos na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia; a formulación das propostas normativas en materia de prestación farmacéutica, así como o desenvolvemento e seguimento da prestación farmacéutica, a análise do consumo de recursos farmacoterapéuticos no Sistema Público de Saúde de Galicia e nos centros de asistencia social conveniados, as correspondentes avaliación e seguimento orzamentario e o desenvolvemento de estratexias de control do gasto farmacéutico, en coordinación con outros órganos do Servizo Galego de Saúde.

2. Adscríbense á Subdirección Xeral de Farmacia, a Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica, a Comisión de Produtos Sanitarios, os comités asesores da utilización terapéutica da hormona do crecemento, da esclerose múltiple, do tratamento de pacientes con déficit de alfa-1-antitripsina e cantas comisións se decidan crear referentes a medicamentos destinados a patoloxías concretas.

Así mesmo, quedan adscritos tamén á Subdirección Xeral de Farmacia, o Centro de Información Farmacoterapéutica e o Centro de Farmacovigilancia de Galicia.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Xestión da Prestación Farmacéutica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e avaliación da prestación farmacéutica no Sistema Público de Saúde de Galicia e nos centros de asistencia social conveniados, así como do concerto de prestación farmacéutica coas oficinas de farmacia.

b) A análise e seguimento do gasto farmacéutico e elaboración da proposta de orzamento destinado á cobertura farmacoterapéutica dos usuarios do Servizo Galego de Saúde nas áreas sanitarias; o deseño, desenvolvemento e xestión dos sistemas de información da prestación e consumo farmacéutico, o seu mantemento e actualización, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.2. Servizo de Uso Racional do Medicamento e Atención Farmacéutica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A planificación, desenvolvemento, coordinación e avaliación de programas e medidas dirixidas ao uso racional de medicamentos e produtos sanitarios, así como o seguimento da homologación sanitaria e da atención farmacéutica nas áreas sanitarias.

b) A coordinación dos comités e comisións de farmacia e terapéutica adscritas a nivel central e nas áreas sanitarias, co fin de establecer protocolos e guías terapéuticas acordadas con base en principios de eficiencia e equidade; a coordinación do Centro de Información Farmacoterapéutica para a avaliación de novos medicamentos e a formación e información aos profesionais sanitarios, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

3.3. Servizo de Seguridade e Control de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Correspóndelle as seguintes funcións:

a) A coordinación do Centro de Farmacovixilancia para desenvolver e impulsar programas dirixidos á prevención e detección de riscos e problemas relacionados coa utilización de produtos farmacéuticos, incluídos os ensaios clínicos en fase IV de investigación.

b) A xestión da rede galega de alerta sobre riscos relacionados cos medicamentos e produtos sanitarios, o control de falsificacións e publicidade e a implantación de medidas destinadas a garantir a rastrexabilidade e o abastecemento; impulsar un plan de mellora continua da calidade que potencie a cultura de seguridade da farmacoterapia nos centros asistenciais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 13º.-A Subdirección Xeral de Xestión Sociosanitaria e Saúde Mental.

1. Correspóndenlle a análise dos recursos socio-sanitarios existentes nas áreas e a reordenación destes; o desenvolvemento de programas e protocolos de derivación entre as diferentes unidades asistenciais e a coordinación das prestacións sociosanitarias dependentes doutras institucións e administracións. Colaborará coa Subdirección de Farmacia na xestión, coordinación e avaliación da prestación farmacéutica en centros de asistencia social; integrará o programa de saúde mental e a xestión e seguimento do Plan estratéxico de saúde mental. Establecerá os obxectivos e indicadores no ámbito da saúde mental necesarios para lograr a total integración asistencial e a efectiva continuidade de coidados, así como na avaliación destes. Colaborará coa Subdirección de Planificación e Ordenación Sanitaria na planificación e ordenación dos recursos de saúde mental, así como na elaboración e implantación de programas e actividades de saúde mental na asistencia integral e integrada, e coordinará a xestión da rede de centros asistenciais de drogodependencias. Colaborará na implantación e seguimento de programas de mantemento e deshabituación de pacientes drogodependentes ou calquera outro de prevención e reinserción que se leve a cabo na comunidade autónoma. Asumirá as funcións asistenciais que se lle asignen ao comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará con nivel orgánico de servizo coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Xestión Sociosanitaria.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A análise dos recursos sociosanitarios existentes nas áreas e reordenación destes.

b) Desenvolver programas e protocolos de derivación entre as diferentes unidades asistenciais e coordinar as prestacións sociosanitarias dependentes doutras institucións e administracións; colaborar coa Subdirección Xeral de Farmacia na xestión, coordinación e avaliación da prestación farmacéutica nos centros sociosanitarios e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Integrar o programa de saúde mental e a xestión e seguimento do Plan estratéxico de saúde mental.

c) Establecer os obxectivos e indicadores no ámbito da saúde mental necesarios para lograr a total integración asistencial e a efectiva continuidade de coidados, así como na avaliación destes; coordinar a xestión da rede de centros asistenciais de drogodependencias e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 14º.-A Dirección de Recursos Económicos.

1. A Dirección de Recursos Económicos, co nivel orgánico de dirección xeral, é o órgano encargado, con carácter xeral, da dirección económica e financeira do Servizo Galego de Saúde. Da planificación, execución e control dos programas de investimentos de obras, instalacións, servizos e subministracións e da coordinación da xestión económico-administrativa, de compras, loxística e de servizos xerais dos centros do organismo.

2. Para iso correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración e redacción do anteproxecto de orzamento do Servizo Galego de Saúde; o establecemento das bases e directrices da xestión económica do organismo, así como levar a cabo as actuacións de control e avaliación da xestión económica e orzamentaria dos seus centros de gasto; a tramitación das modificacións orzamentarias e daqueles expedientes de gasto do organismo que non fosen obxecto de delegación noutros órganos; os actos de execución da xestión do patrimonio do organismo; a planificación, execución e control dos programas de investimentos relativos a obras, instalacións e equipamentos dos centros asistenciais en coordinación coa Dirección de Asistencia Sanitaria; a xestión contractual e económico-administrativa da actividade desenvolvida polos órganos centrais do Servizo Galego de Saúde e da asistencia sanitaria prestada con medios alleos; a coordinación dos servizos económico-administrativos, de contratación, de aprovisionamento, hoteleiros, de mantemento técnico e loxística en xeral dos centros do organismo; a declaración de uniformidade dos bens e servizos de adquisición centralizada do organismo e a coordinación e potenciación dos sistemas de información económica.

3. Para o cumprimento das súas funcións, a Dirección de Recursos Económicos contará coa seguinte estrutura:

a) A Subdirección Xeral de Orzamentos.

b) A Subdirección Xeral de Investimentos.

c) A Subdirección Xeral de Compras e Servizos.

Artigo 15º.-A Subdirección Xeral de Orzamentos.

1. Correspóndelle, con carácter xeral, a preparación do anteproxecto de orzamento do Servizo Galego de Saúde, a execución e seguimento da xestión orzamentaria, a xestión económico-administrativa dos servizos centrais, a coordinación e impulso dos sistemas de información económica e o asesoramento nas devanditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.

2. Contará con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Orzamentos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A realización dos traballos preparatorios para a confección do anteproxecto de orzamento do organismo e a tramitación das modificacións orzamentarias do orzamento de ingresos e gastos do organismo e das modificacións de límites de anualidades futuras; a proposta das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta execución orzamentaria acorde coa normativa vixente, así como o seguimento orzamentario dos mencionados centros de gasto; a tramitación de xustificacións de emprego de ingresos procedentes de organismos alleos á comunidade autónoma.

b) A tramitación de expedientes dos centros do Servizo Galego de Saúde ante órganos centrais da Xunta de Galicia dentro da súa área de responsabilidade; a tramitación dos expedientes de gastos plurianuais que superen os límites previstos na normativa de réxime económico-financeiro; a contabilización de operacións contables dos servizos centrais do organismo, excepto as correspondentes a gastos de persoal e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Avaliación Económica e Contabilidade Analítica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A análise da execución orzamentaria dos centros de gasto do organismo e a coordinación do control de xestión; a auditoría e avaliación de obxectivos e indicadores da execución orzamentaria dos contratos de servizos sanitarios cos centros do Servizo Galego de Saúde; impulsar e coordinar a contabilidade analítica dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e a realización de estudos e propostas de alternativas dirixidas a mellorar a eficacia e o control do gasto.

b) Servir de apoio ao funcionamento da Comisión Técnica de Avaliación Económica do Servizo Galego de Saúde; o impulso e desenvolvemento dos sistemas de información económica en todos os centros do Servizo Galego de Saúde; a coordinación da información económico-financeira con outras administracións e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Xestión de Concertos e Recursos Propios.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de contratación da asistencia sanitaria prestada con medios propios ou alleos; a análise e o estudo, na súa vertente económico-administrativa, da normativa relativa á materia de concertos de asistencia sanitaria.

b) A tramitación económico-administrativa dos contratos programa con entidades públicas con personalidade xurídica propia; a coordinación da xestión e recadación de taxas, prezos públicos e outros ingresos, sen prexuízo das competencias da Consellería de Facenda e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4 Servizo de Xestión Económica.

Correspóndenlle, sen prexuízo das funcións atribuídas a outras unidades, as seguintes:

a) A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e proposta de pagos realizados polos centros de gasto dos servizos centrais; a habilitación de gastos dos servizos centrais e a coordinación das habilitacións periféricas; a xestión económico-administrativa dos créditos de gasto de bens correntes e servizos dos servizos centrais.

b) A elaboración das instrucións para unha correcta xestión económica e o seguimento e control da súa execución polos centros de gasto dos servizos centrais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 16º.-A Subdirección Xeral de Investimentos.

1. Correspóndenlle, con carácter xeral, a dirección, coordinación e execución dos programas de investimentos aprobados e que se refiran a obras, instalacións e equipamento de centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde, a tramitación da contratación de obras, a coordinación das actuacións en materia de xestión patrimonial do organismo e o asesoramento en devanditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.

2. Contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Seguimento, execución e control dos programas de investimentos do Servizo Galego de Saúde en materia de obras e instalacións dos seus centros asistenciais e administrativos; desenvolvemento das funcións que lle corresponden á oficina de supervisión de proxectos conforme a lexislación sobre contratos das administracións públicas no ámbito do Servizo Galego de Saúde, así como calquera outra que lle poida ser encomendada por disposicións propias do organismo; proposta e preparación dos informes e pregos de especificacións técnicas de contratación de obras e instalacións, así como os informes de planificación e redacción de proxectos previos.

b) Elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia, así como o seu seguimento ou dirección; coordinación e supervisión dos proxectos e obras que por calquera motivo se realicen por entidades externas ao Servizo Galego de Saúde que teñan implicacións en instalacións de centros asistenciais e administrativos do organismo, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Montaxe e Equipamento.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O seguimento, execución, control e coordinación dos plans de montaxe de equipamento dos centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde; a proposta e preparación dos informes e pregos de especificacións técnicas de contratación de equipamento para os centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde; a coordinación de procesos e transmisión da documentación para a posta en funcionamento dos centros asistenciais e administrativos do Servizo Galego de Saúde.

b) A elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia; coordinación da xestión dos programas de investimento nos que participen entidades externas ao Servizo Galego de Saúde en materia da adquisición de equipamento, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Xestión.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración e tramitación de expedientes para a contratación de obras e de proxectos, dirección facultativa e control de calidade destas.

b) A tramitación dos expedientes de contratación a autorizar polos órganos centrais do Servizo Galego de Saúde ou polo Consello da Xunta de Galicia, dentro da súa área de responsabilidade; o control administrativo da execución dos respectivos expedientes; a elaboración de informes, memorias, orzamentos e proxectos en materia da súa competencia, así como o seu seguimento ou dirección, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Patrimonio.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

A xestión do patrimonio do Servizo Galego de Saúde; a xestión do inventario de bens e dereitos do organismo; a xestión de expedientes de índole patrimonial que afecten a Consellería de Sanidade e, en xeral, a coordinación coa Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Facenda e, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 17º.-A Subdirección Xeral de Compras e Servizos.

1. Correspóndelle, con carácter xeral, a tramitación dos expedientes de contratación en que actúe como órgano de contratación a Dirección de Recursos Económicos e a coordinación das actuacións xerais do organismo na xestión da contratación, do aprovisionamento, hoteleira, do mantemento técnico e loxística en xeral dos centros do organismo e o asesoramento en devanditas materias aos órganos directivos do Servizo Galego de Saúde.

2. Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Contratación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación dos servizos centrais do organismo e os de contratación centralizada para os centros de gasto, excepto os referentes a obras, proxectos, dirección e control de calidade destas e de asistencia sanitaria; a coordinación dos informes e a tramitación dos expedientes de contratación que autorizarán os órganos centrais do Servizo Galego de Saúde ou o Consello da Xunta de Galicia, dentro da súa área de responsabilidade; servir de apoio ao funcionamento da Comisión Técnica de Contratación do Servizo Galego de Saúde.

b) A coordinación, elaboración de instrucións e fixación de criterios para a homoxeneización dos procedementos de contratación do Servizo Galego de Saúde e o control e seguimento destes en todas as unidades de contratación de servizos centrais e centros do organismo; o impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o seu uso xeral e compartido por todos os centros do Servizo Galego de Saúde; impulsar os procedementos administrativos necesarios en materia de contratación para a mellora na eficiencia e eficacia das adquisicións centralizadas e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Aprovisionamento.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión de aprovisionamentos dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde ou adscritos a este; servir de apoio ao funcionamento da Comisión Técnica de Aprovisionamento do organismo; a coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Servizo Galego de Saúde, propoñendo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que permitan a adquisición centralizada de produtos para estes; proceder á elaboración, implantación e mantemento do catálogo de produtos consumidos nos centros dependentes, con codificación única de acordo coa distribución en grupos, subgrupos e familias.

b) Propor, logo de elaboración das comisións técnicas, as oportunas instrucións sobre homologación de produtos de uso xeral, estea centralizada ou non a súa adquisición, así como dos provedores; facer o seguimento das compras, consumos e existencias, custos e calidade dos produtos dos centros do Servizo Galego de Saúde; realizar de forma sistemática estudos de mercado e comparativos de produtos, prezos e provedores, cuxos resultados serán dados a coñecer en todo o ámbito do organismo; a coordinación do sistema de xestión de calidade e a súa certificación na área de aprovisionamento dos centros do Servizo Galego de Saúde; impulsar os sistemas de información no ámbito das compras centralizadas, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Coordinación de Servizos Xerais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión dos servizos de mantemento, hoteleiros e loxísticos, en xeral, dos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos do Servizo Galego de Saúde ou adscritos a este; o impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de servizos xerais para o seu uso xeral e compartido por todos os centros; a coordinación dos procedementos de compras agregadas dos centros do Servizo Galego de Saúde, propoñendo e preparando os informes e pregos de especificacións técnicas que poidan permitir a adquisición centralizada de servizos xerais para os centros do Servizo Galego de Saúde.

b) Realizar, de forma sistemática, estudos de mercado e comparativos de servizos, prezos e provedores, para o seu traslado aos centros do Servizo Galego de Saúde; facer o seguimento das compras, custos e calidade dos servizos xerais dos centros; o desenvolvemento do sistema de xestión de calidade da Dirección de Recursos Económicos; o impulso de solucións centralizadas no ámbito loxístico, hoteleiro e doutros servizos, como reposta a unha mellora na calidade e na eficiencia dos diferentes servizos, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 18º.-A Dirección de Recursos Humanos.

1. A Dirección de Recursos Humanos, co nivel orgánico de dirección xeral, é o órgano encargado de deseñar e executar a política de persoal do organismo. Correspóndelle a xestión de todos os colectivos que se integran nel, sen prexuízo das competencias que teñan atribuídas outros órganos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia en relación cos funcionarios públicos regulados no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de función pública, e o persoal suxeito ao convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

2. Por delegación da presidenta do Servizo Galego de Saúde e sen prexuízo do réxime xurídico que por delegación se estableza, a Dirección de Recursos humanos exercerá as seguintes funcións:

a) As atribuídas, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, sobre normas reguladoras de saúde de Galicia, á presidenta en materia de recursos humanos.

b) A proposta, tramitación e ordenación de gastos e pagamentos referentes ás retribucións do persoal de centros de gasto do organismo que non posúan esta atribución, así como a aprobación dos expedientes de modificación do persoal dos centros sanitarios, de conformidade co previsto para os efectos pola Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

c) A colaboración na redacción do plan anual de formación do persoal do organismo autónomo, así como na elaboración da proposta do plan de formación do persoal de xestión e servizos xerais.

d) As funcións de impulso, participación cos órganos de representación de persoal e coordinación en materia de prevención de riscos laborais do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

e) De acordo co establecido na Lei 55/2003, do 16 decembro, de estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, correspóndelle a elaboración do Plan de ordenación de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde e a súa elevación ao Consello de Dirección para a súa aprobación, sen prexuízo do disposto no artigo 113.4º da Lei 8/2008. Así mesmo, correspóndelle, a participación nas mesas sectoriais de negociación e a elaboración e tramitación de proxectos de pactos e acordos.

f) Calquera outra que lle poida corresponder de acordo coa normativa vixente.

3. A Dirección de Recursos Humanos, para o cumprimento das súas funcións, conta coa seguinte estrutura:

a) Subdirección Xeral de Xestión e Políticas de Persoal.

b) Subdirección Xeral de Planificación, Selección e Desenvolvemento Profesional.

c) Subdirección Xeral de Relacións Laborais, Réxime Xurídico e Recursos e Reclamacións.

Artigo 19º.-Subdirección Xeral de Xestión e Políticas de Persoal.

1. É competencia desta subdirección o desenvolvemento de todas as accións relativas ao persoal do Servizo Galego de Saúde, tanto do réxime estatutario como do funcionario e laboral, así como do persoal incluído no ámbito de aplicación do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 marzo, polo que se aprobou o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e da Lei 17/1989, do 23 de outubro, e do persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia, que preste servizos tanto no organismo autónomo do Servizo Galego de Saúde e na Consellería de Sanidade. A xestión comprende tamén a análise das condicións de traballo e o deseño de respostas ás necesidades do colectivo a que fai referencia o parágrafo anterior. Así mesmo, o impulso á política de prevención de riscos e coordinación na materia de prevención de riscos laborais.

2. Contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo Central de Prevención de Riscos Laborais e condicións de traballo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Planificación en materia de prevención de riscos; coordinación e asesoramento dos servizos e unidades de prevención de riscos laborais dependentes das institucións sanitarias; asesoramento aos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, en materias relacionadas coa prevención de riscos laborais e na mellora do clima laboral.

b) Impulso da execución dos plans aprobados en materia de prevención; participación dos técnicos como asesores na Comisión Central de Seguridade e Saúde, ou nos órganos de información, consulta e participación dos traballadores en materia de prevención de riscos que se constitúan; análise das condicións de traballo existentes nos centros do Servizo Galego de Saúde e establecemento de propostas de mellora encamiñadas á consecución dos obxectivos de organización e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Réxime Retributivo e Sistemas de Información.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A proposta e desenvolvemento normativo en materia de réxime retributivo de persoal do organismo; o orzamento e a execución da política de acción social; coordinación da aplicación homoxénea e uniforme das políticas retributivas e de vinculacións nos centros do Servizo Galego de Saúde; a proposta de implantación de aplicacións informáticas en materia de recursos humanos, así como o establecemento dos criterios funcionais da súa aplicación.

b) A elaboración do cadro de mandos da Dirección de Recursos Humanos e o deseño e coordinación dos sistemas de información, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Xestión de Persoal Estatutario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento da xestión de persoal estatutario do organismo, sen prexuízo das atribucións que lles corresponden a outros órganos e unidades; o estudo, preparación e execución dos procesos de integración no réxime estatutario; o seguimento, control e, se é o caso, o informe ou proposta de declaración das situacións administrativas do persoal estatutario.

b) A execución das competencias da Dirección de Recursos Humanos en materia de autorización de vinculacións de persoal estatutario nos centros do Servizo Galego de Saúde, así como o seu seguimento e control; propostas de resolución de concesión das comisións de servizo do persoal estatutario entre institucións do Servizo Galego de Saúde, a adscrición do persoal dos servizos centrais e a autorización para prestar servizos noutras entidades ou organismos das administracións públicas, así como dos permisos nos que teña atribuída a competencia a Dirección de Recursos Humanos; a proposta de desenvolvemento normativo e de criterios básicos e comúns para a coordinación e homologación do persoal estatutario e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Persoal Funcionario e Laboral.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento da xestión de todo o persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, e da Lei 17/1989, do 23 de outubro, e do persoal laboral suxeito ao convenio colectivo único da Xunta de Galicia; a confección das relacións de postos de traballo, o mantemento e actualización do rexistro deste tipo de persoal e a organización, custodia e o arquivo dos seus expedientes.

b) A xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais do organismo e da Consellería de Sanidade; o cumprimento das obrigas en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.5. Servizo de análise e organización de postos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración de informes en materia de xestión de persoal do organismo en especial, do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989; cobertura de postos directivos dos centros dependentes do organismo, así como a tramitación das situacións administrativas que teñan asociadas.

b) Estudo e análise xurídica das condicións e requisitos de cobertura de postos de traballo; coordinación na elaboración de cadros de persoal estatutario; análise das condicións de traballo existentes nos centros do Servizo Galego de Saúde en coordinación co servizo central de prevención de riscos laborais e condicións de traballo e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 20º.-Subdirección Xeral de Planificación, Selección e Desenvolvemento Profesional.

1. É competencia desta subdirección analizar e determinar as necesidades de persoal, planificar e xestionar os procesos de selección e provisión, así como estudar as necesidades de formación para propor plans específicos e establecer o desenvolvemento profesional do persoal. Así mesmo, correspóndelle tamén a análise e elaboración de propostas con relación á xestión económica e orzamentaria do persoal.

2. Estrutúrase nos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Planificación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Análise das necesidades de persoal a curto, medio e longo prazo e dirección dos estudos relacionados en colaboración cos órganos que teñan atribuídas as competencias en materia de planificación xeral; estudo e preparación das disposicións xerais en materia de selección do persoal do organismo e, en especial, do persoal estatuario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989.

b) Estudo e preparación das disposicións xerais en materia de provisión de postos de traballo e, en especial, do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989; preparación das ofertas de emprego público de devandito persoal; asesoramento, estudo e elaboración de informes e propostas en devanditas materias, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Xestión de Procesos de Selección e Provisión.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Execución das ofertas de emprego público do persoal do organismo, en especial do persoal estatutario e do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro; execución dos distintos sistemas de provisión de postos de traballo para o persoal estatuario dependente do organismo e para o persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

b) Deseño e execución dos procesos de selección de persoal estatutario temporal e, de ser o caso, funcionario da Lei 17/1989, dependente do organismo e/ou Consellería de Sanidade e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Desenvolvemento Profesional.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) En colaboración cos órganos de dirección e xestión do Servizo Galego de Saúde, elaboración do mapa de competencias do persoal do organismo, tomando en conta o perfil profesional das categorías e postos de traballo para a súa adecuada imbricación na estrutura da organización e orientación aos obxectivos do servizo público; análise das necesidades de formación, elaboración de plans e programas de formación continua e continuada encamiñados á mellora de desenvolvemento das competencias profesionais para potenciar e impulsar a calidade dos servizos e a avaliación do desempeño; análise dos sistemas de promoción profesional e elaboración das propostas para o seu desenvolvemento e posta en práctica.

b) Deseño dos sistemas de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal e valoración da súa incidencia no sistema de carreira profesional; negociación dos aspectos de carreira profesional que teñan repercusión nas condicións de traballo do persoal e nos sistemas de recoñecemento; ordenación e xestión dos procedementos de recoñecemento profesional e elaboración das propostas de resolución das solicitudes que se presente polos profesionais e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.4. Servizo de Avaliación Económica, Dotación de Cadros de Persoal e Seguimento e Control Orzamentario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Xestión dos sistemas de información do cadro de persoal do organismo, seguimento e control, en coordinación cos centros asistenciais; informe e tramitación das propostas de modificación do cadro de persoal; confección dos estudos previos á elaboración da proposta do anteproxecto de orzamentos do capítulo I do Servizo Galego de Saúde e propostas de modificación do crédito.

b) Estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos e asesoramento en materia orzamentaria do capítulo I dos centros e institucións do organismo ou que lle sexan adscritos; elaboración das instrucións relativas á execución, seguimento e control do orzamento relativas aos custos de persoal que, se é o caso procedan e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 21º.-Subdirección Xeral de Relacións Laborais, Réxime Xurídico e Recursos e Reclamacións.

1. É a unidade á que corresponden as seguintes funcións:

a) Levar a cabo a negociación nos termos da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

b) Servir de canle cos axentes sociais e institucións doutros servizos de saúde ou institucións relacionadas por razón de competencias en materia de recursos humanos.

c) A elaboración dos anteproxectos normativos e o asesoramento xurídico en materia de recursos humanos e desenvolvemento profesional, sen prexuízo das funcións atribuídas a outros órganos ou unidades.

d) O estudo e preparación das propostas de resolución de recursos administrativos e reclamacións previas en materia de persoal.

2. Para o cumprimento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Relacións Laborais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A execución e deseño das relacións laborais coas organizacións sindicais e órganos de representación do persoal, e o seguimento e control dos seus dereitos; a canalización e o informe das relacións individualizadas co persoal dependente do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das funcións atribuídas a outros órganos.

b) A elaboración e proposta das liñas de actuación na negociación colectiva, participación no seu desenvolvemento e control e seguimento dos acordos derivados dela; a negociación e proposta do fondo de acción social no ámbito do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das funcións doutros órganos da comunidade autónoma e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.2. Servizo de Réxime Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de anteproxectos normativos e a proposta de instrucións en materia de xestión de recursos humanos do organismo e o estudo e elaboración de informes relativos ao réxime xurídico do persoal do organismo.

b) A realización dos trámites e informes que procedan en relación coas solicitudes de compatibilidade formuladas polo persoal do organismo, e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

2.3. Servizo de Recursos e Reclamacións.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As atribuídas á subdirección en materia de recursos e reclamacións e preparar os antecedentes, dilixenciar as comunicacións xudiciais e emitir os informes que procedan sobre as demandas que se substancien en vía xurisdicional.

b) O estudo e tramitación das queixas remitidas polos distintos organismos e, en xeral, aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 22º.-Os órganos de coordinación do Servizo Galego de Saúde.

O Comité Executivo do Servizo Galego de Saúde.

1. Estará integrado polos seguintes membros:

a) A conselleira ou conselleiro de Sanidade, que será o seu presidente.

b) O xerente ou a xerente do Servizo Galego de Saúde, que será o seu vicepresidente e coordinador.

c) O secretario ou a secretaria xeral da Consellería de Sanidade.

d) Os directores do Servizo Galego de Saúde.

2. Actuará como secretario do Comité Executivo, con voz pero sen voto, un funcionario do Servizo Galego de Saúde nomeado polo conselleiro ou conselleira de Sanidade.

3. O Comité Executivo funcionará sempre en pleno e reunirase, como regra xeral, unha vez á semana e sempre que sexa convocado pola súa presidencia.

4. Poderán asistir ás sesións do comité, con voz pero sen voto, os asesores técnicos ou as persoas representantes de organismos e outras entidades, cando a presidencia o considere oportuno.

5. Serán funcións do Comité Executivo:

-Efectuar o seguimento e acordar actuacións nas políticas e estratexias do Servizo Galego de Saúde.

-Efectuar o seguimento e acordar actuacións nas políticas de investimentos e recursos humanos.

-Efectuar o seguimento e acordar actuacións nas políticas de financiamento e orzamentos.

-Efectuar o seguimento e acordar actuacións nos proxectos adecuados ás estratexias definidas.

-Efectuar o seguimento e acordar actuacións nos programas e procesos que se van desenvolver.

-Efectuar o seguimento e acordar reorientacións, se é o caso, do cadro de mando sobre os resultados obtidos.

-A resolución de incidencias no seu ámbito.

Capítulo II

Órganos periféricos de dirección

Artigo 23º.-As áreas sanitarias.

1. Para o exercicio das súas competencias, o Servizo Galego de Saúde organízase en áreas sanitarias, como estruturas organizativas sen personalidade xurídica que xestionan o Sistema Público de Saúde de Galicia e integran todos os centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde no seu ámbito territorial.

Correspóndelles ás áreas a xestión unitaria dos recursos sanitarios do seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas sanitarios que desenvolvan, excepto as funcións de autoridade sanitaria.

2. O ámbito xeográfico de cada unha das áreas sanitarias determinarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Sanidade, en función das necesidades sanitarias da comunidade autónoma e tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

3. A estrutura e as funcións dos órganos de dirección e xestión das áreas sanitarias e dos dispositivos sanitarios dependentes delas, se é o caso, determinaranse regulamentariamente.

4. Á fronte da área sanitaria, como máximo responsable da asistencia sanitaria e da seguridade e saúde dos traballadores, estará o director de área, con dependencia directa da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a conselleira de Sanidade, por proposta da secretaría xeral, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Segunda.-As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde da conselleira por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Terceira.-A Consellería de Sanidade, de conformidade co disposto no artigo 17.5º do Decreto lexislativo 1/2008, polo que se aprobou o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, elaborará a proposta de relación de postos de traballo resultantes da aplicación deste decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Cuarta.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, algunha das unidades administrativas existentes cambie a súa adscrición do Servizo Galego de Saúde á Consellería de Sanidade ou ao revés, ou dentro da mesma sección cambie de servizo, poderán continuar coa xestión dos créditos orzamentarios que teñan encomendados independentemente do orzamento de gastos onde se sitúen estes.

Quinta.-Mentres non se estableza a estrutura das áreas sanitarias correspondentes, manteranse as estruturas das direccións provinciais, baixo a dependencia da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, coas seguintes funcións:

a) A avaliación, seguimento e control dos plans e actuacións do Servizo Galego de Saúde.

b) Dirixir a xestión dos servizos da dirección provincial e exercer a supervisión e o seguimento das súas actividades, asumindo a plena representatividade deles.

c) As informacións previas e instrucións de expedientes disciplinarios do persoal estatutario non facultativo, nos termos previstos na normativa reguladora.

d) A recepción, tramitación e, se é o caso, resolución de cantas denuncias, queixas, recursos e reclamacións se produzan no seu ámbito funcional.

e) A coordinación daquelas cuestións que afecten máis dun centro ou institución sanitaria, así como a relación entre os hospitais e servizos de atención primaria.

f) A xestión do persoal da propia dirección provincial e a avaliación, seguimento e control da xestión do persoal de todos os centros de gasto e institucións sanitarias do seu ámbito territorial.

g) A xestión económica da propia dirección provincial e a avaliación, seguimento e control da xestión dos centros de gasto e institucións, así como a xestión económica das prestacións sanitarias.

h) Calquera outra función, competencia administrativa ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou lles sexan delegadas pola autoridade competente.

Sexta.-Mentres non se estableza a estrutura das áreas sanitarias, a conselleira ou conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos xerentes de Atención Primaria e Especializada funcións relacionadas cos seus correspondentes ámbitos de actuación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade


No hay versiones para esta norma