Decreto 315/2009, do 21 de maio, polo que se resolve o expediente de deslindamento parcial entre os termos municipais dos concellos de San Amaro e Leiro. - Diario Oficial de Galicia, de 09-06-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 111
  • Fecha de Publicación: 09/06/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Concello de San Amaro, con data do 24 de febreiro de 2005, adoptou acordo de incoación de expediente de deslindamento dos termos municipais de Leiro e San Amaro. Así mesmo, o Concello de Leiro, con data do 25 de febreiro de 2005, adoptou acordo de incoación de expediente de deslindamento dos termos municipais entre ambos os dous concellos, motivado polas discrepancias xurídicas entre as parroquias de Gomariz (Leiro) e Anllo (San Amaro) en canto á liña divisoria de ambos os concellos.

Na instrución do procedemento convocáronse os concellos do Carballiño e Cenlle por teren marcos comúns a ambos os dous concellos.

O expediente de deslindamento tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Durante a devandita tramitación non existiu acordo entre os concellos de San Amaro e Leiro sobre o documento xurídico vixente definitorio da liña límite entre ambos os dous municipios, afectando a controversia a zona de montes comunais e veciñais en man común de importante valor forestal.

A motivación da resolución deste expediente reside nos seguintes fundamentos xurídicos:

1. De conformidade co disposto nos artigos 41 e 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslinde dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial respectiva, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo.

No expediente de deslindamento dos termos municipais de San Amaro e Leiro obsérvase que existe un claro desacordo entre ambos os concellos ao respecto. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguindo a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35, do 17 de marzo de 2000, onde sinala que deslindar é identificar e distinguir os lindes reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existir discrepancias ou contradicións verbo dos lindes sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre os declarados por actas precedentes e sucesivas no tempo.

En consecuencia, é necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para resolver o conflito, ao abeiro do artigo 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A resolución deste expediente polo Consello non menoscaba os dereitos dos concellos afectados, pois estes conservan o dereito a obter un pronunciamento xurisdicional sobre a controversia relativa á liña límite entre os seus termos municipais.

3. O Concello de Leiro está conforme co deslindamento proposto no ano 1935, tal e como se reflicte no plano e nos traballos topográficos feitos polo Instituto Xeográfico e Catastral, no que se define a liña que separa ambos os dous termos municipais, constituídos por dous marcos que son recoñecidos pola comisión de deslindamento deste concello como os dous puntos que marcan a liña divisoria de ambos os dous termos municipais.

4. Polo súa banda, o Concello de San Amaro non recoñece o primeiro dos marcos común aos concellos do Carballiño, Leiro e San Amaro e considera que, segundo a documentación que consta no expediente municipal-cadernos de campo do 10 de outubro de 1934, a acta do Instituto Xeográfico Nacional do 27-9-1934 e o acordo de clasificación do monte denominado Carrasqueira do 21-6-1978, a porción de monte (2,00 ha) obxecto de reclamación por parte dos veciños de Barro de Gomariz (Leiro) enténdese titularidade dos veciños de Anllo (San Amaro) de acordo coa documentación referida e o expediente de clasificación do monte.

5. Pola súa parte, o Instituto Xeográfico Nacional fai constar que na acta de deslindamento do 27 de setembro de 1934 queda reflectida a provisionalidade da totalidade da liña límite, e así se deduce posto que o marco común aos tres termos municipais de San Amaro, Leiro e O Carballiño figura como provisional, xa que non foi recoñecido pola Comisión de San Amaro.

Debido a estas discrepancias e á achega de varias actas ao expediente de deslindamento, cabe considerar a reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo segundo a cal nos deslindamentos xurisdicionais deben, ante todo, terse en conta os documentos que se refiran a deslindamentos anteriores practicados de conformidade entre os concellos interesados e só na falta de documentos comprensibles referentes a deslindamentos anteriores deben terse en conta aqueles que, non sendo de deslindamento, expresen dun modo preciso en que termo ou xurisdición se atopan os terreos en cuestión (sentenzas do 18 de maio e 2 de outubro de 1936, 4 de xuño de 1941, 10 de decembro de 1958, 16 de maio de 1959, 8 de abril de 1967, 10 de decembro de 1984 e 4 de decembro de 1987).

Na súa virtude proponse como válida a liña que se reflicte no informe do Instituto Xeográfico Nacional, do 18 de xuño de 2007. Por conseguinte, en relación coa liña límite xurisdicional entre os termos municipais de San Amaro, na súa parroquia de Anllo, e de Leiro, na súa parroquia de Gomariz, que é provisional na súa totalidade, debe prevalecer a definida polo límite do monte veciñal en man común denominado Carrasqueira.

5. O Instituto Xeográfico Nacional, a Deputación Provincial de Ourense e a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia consideraron nos seus preceptivos informes que debía prevalecer a liña definida polo límite do monte veciñal en man común denominado Carrasqueira, segundo a interpretación realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e que se recolle no anexo I a este decreto.

Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, conforme o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de maio de dous mil nove,

DISPOÑO:

Primeira.-Resolver a cuestión suscitada entre os concellos de San Amaro e Leiro nas súas respectivas parroquias de Anllo e Gomariz, en canto á liña divisoria de ambos os concellos, segundo a interpretación realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e tal e como se representa no mapa topográfico a escala 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional que figura como anexo a este decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que consideren oportuno.

Pontevedra, vinte e un de maio de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

O Instituto Xeográfico Nacional, a Deputación Provincial de Ourense e a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia xulgaron nos seus preceptivos informes que debía prevalecer a liña definida polo límite do monte veciñal en man común denominado Carrasqueira da forma seguinte:

-Marco 1 (M3T entre San Amaro, Leiro e O Carballiño).

-Puntos A, B, C, D e E.

-Marco 2.

-Marco 3 e derradeiro (M3T entre San Amaro, Leiro e Cenlle).

-A liña límite do termo entre os marcos primeiro e segundo segue os tramos rectos sucesivos entre os puntos M1 A, B, C, D, E e M2, coincidindo entre os puntos M1 e E cun muro de pedra.

-A liña límite de termo entre os marcos segundo e terceiro (e derradeiro), é a recta que os une.

As coordenadas UTM (ED50) dos marcos e dos puntos anteriores son:

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma