Decreto 390/2005, do 28 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Consorcio contra Incendios e de Salvamento da Comarca da Limia. - Diario Oficial de Galicia, de 19-08-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 159
  • Fecha de Publicación: 19/08/2005

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas, entre outras, as competencias sobre prevención e extinción de incendios. A necesidade de dar unha resposta eficaz deste servizo fai necesaria unha organización axeitada del en todo o territorio galego. Este feito aconsellou que a Xunta de Galicia elaborara o Plan Galego de Dotación de Parques contra Incendios Urbanos baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permita dotar a comunidade autónoma dun servizo integrado de extinción de incendios que garanta este servizo en toda Galicia, baixo condicións aceptables, en función do risco e da dificultade técnica da extinción, sendo o Parque contra Incendios e de Salvamento da Comarca da Limia un dos parques previstos no Plan Galego.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezasete de febreiro de dous mil cinco, acordou participar no Consorcio do Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca da Limia, segundo o disposto no punto 3º do artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A elaboración dos estatutos do Consorcio fíxose segundo as normas de procedemento establecidas nos artigos 150 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto, e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbanse os estatutos do Consorcio contra Incendios e de Salvamento da Comarca da Limia, sendo o seu texto o que se recolle no anexo deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne Presidente

Xesús C. Palmou Lorenzo Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Consorcio para a prestación do Servizo contra Incendios e de Salvamento da Comarca da Limia

As administracións públicas teñen encomendada a prestación dunha serie de servizos aos seus cidadáns. Para mellorar a calidade destes servizos é necesario o establecemento de novas formas asociativas das administracións afectadas que fagan posible a aplicación dos principios de economía e eficacia.

Neste sentido a Comunidade Autónoma de Galicia ten asumidas competencias sobre as materias de prevención e extinción de incendios e de protección civil. Unha organización axeitada permitirá unha resposta eficaz ante calquera circunstancia que poida supoñer un perigo para a vida e bens das persoas, así como a optimización e racionalización dos medios e recursos dispoñibles.

O Decreto 226/2003, do 11 de abril, modificado polo Decreto 280/2003, do 17 de xuño, e polo Decreto 16/2004, do 15 de xaneiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, encomendándolle a planificación e coordinación dos plans e programas dos servizos contra incendios e salvamento local á Dirección Xeral de Administración Local, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, no relativo á función operativa de Protección Civil, así como das atribuídas por lei ás administracións locais.

De acordo co disposto no artigo 26 c) da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local, corresponde aos municipios, por si ou asociados, a prestación, entre outros, dos servizos seguintes: nos municipios con poboación superior a 20.000 habitantes, servizos de protección civil, prevención e extinción de incendios.

As deputacións provinciais teñen atribuída pola súa parte a competencia de cooperación e asistencia aos concellos, garantindo a prestación integral e adecuada dos servizos que estes teñen encomendados pola lei.

A Deputación Provincial de Ourense, en virtude das competencias que lle son propias e ao amparo do disposto no artigo 30.6º d) e h) do R. D. L. 781/1986, do 18 de abril, texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, xestionou varias actuacións en materia de colaboración cos concellos en materia de extinción e prevención de incendios.

A Lei 7/1985, reguladora de bases de réxime local establece no seu artigo 87 que: as entidades locais poden constituír Consorcios con outras administracións públicas para fins de interese común ou con entidades privadas sen ánimo de lucro que persigan fins de interese público, concorrentes coas administracións públicas.

A Lei 5/1997 de Administración local de Galicia establece a consideración das provincias como entidades locais territoriais. De acordo co artigo 149, as entidades locais galegas poderán, con carácter voluntario, constituír Consorcios locais entre si ou con outras administracións públicas para fins de interese común.

Doutra banda, tamén se debe ter en conta a Decisión do Consello da Unión Europea do 29 de xullo de 1991, pola que se crea o número único (112) para as chamadas de urxencia e o acordo do Goberno da Xunta de Galicia, de setembro de 1997, para a prestación do servizo público de atención de urxencias en Galicia a través do número telefónico 112. Neste número deberán quedar integrados os servizos contra incendios e salvamento dos centros asociados, entre eles.

De acordo coas consideracións precedentes, as administracións participantes xustifican a concepción e a adopción da fórmula do Consorcio como a organización idónea para facilitar a súa coordinación e leal cooperación e, en consecuencia, deciden constituír o Consorcio que se rexerá polos presentes estatutos:

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 1º.-Entidades asociadas. Ao abeiro do establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, artigos 149 e seguintes, así como na demais lexislación vixente,

constitúese o Consorcio contra Incendios e de Salvamento da Comarca da Limia, integrado pola Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e os concellos que se citan no anexo I.

Artigo 2º.-Constituclón do Consorcio. Para a constitución do Consorcio requírese o acordo previo correspondente e a aprobación definitiva dos seus estatutos por parte do plenos da Deputación Provincial de Ourense e dos concellos que o integren, así como o acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Unha vez producidos estes acordos, mediante decreto da Xunta de Galicia publicarase o texto íntegro dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Unha vez publicados os estatutos, convocarase a todos os representantes das entidades que o integran co gallo de elixir os órganos rectores e iniciar o seu funcionamento.

Artigo 3º.-Carácter. O Consorcio constitúese voluntariamente e por un período de tempo indefinido. Ten carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o integran, así como capacidade xurídica para o cumprimento dos fins estatutarios. O Consorcio contará con patrimonio propio e desenvolverá súa actividade conforme un orzamento independente.

Artigo 4º.-Sede.

1. O Consorcio terá a súa sede no Parque contra Incendios e de Salvamento de Xinzo de Limia.

2. Por acordo do Pleno do Consorcio, poderá modificarse o domicilio fixado no punto anterior ou celebrarse reunións en lugar distinto ao do seu domicilio.

3. Así mesmo e por unanimidade do Pleno do Consorcio, poderá acordarse a creación de subsedes que terían carácter complementario da sede principal coa dotación de medios humanos e materiais que se determine no acordo de creación.

Artigo 5º.-Obxecto. Constitúe obxecto do Consorcio a prestación, por calquera das modalidades previstas na normativa de réxime local, do Servizo contra Incendios e Salvamento.

Entre os fins do Consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens, a prevención e extinción de incendios, a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade que afecten a persoas, edificacións e instalacións.

Artigo 6º.-Ámbito.

1. O servizo de actuación do Consorcio estenderase aos concellos relacionados no anexo I, pertencentes á Comarca da Limia.

Así mesmo, actuará fóra do ámbito que lle é propio, nos casos de sinistro, calamidade, catástrofe e grave perigo, cando fose requirido para iso sempre que o demanden os órganos competentes e o autorice o presidente do Consorcio.

En calquera caso efectuarase, se así procedera, a correspondente liquidación de gastos orixinados pola prestación do servizo, que deberán ser aboados polos beneficiarios destes.

2. O Consorcio asume o exercicio das competencias das entidades consorciadas cando a lexislación vixente obrigue a estas ao cumprimento dos fins expresados no artigo anterior.

3. Formará parte da rede de emerxencias do Servizo 112-SOS-Galicia, de acordo co protocolo de actuación que se establecerá para o efecto.

Artigo 7º.-Réxime jurídico.

1. Sen prexuízo do establecido nestes estatutos, entenderase tamén de aplicación, cando así proceda, o disposto tanto na normativa básica de réxime local, como na Lei de Administración local de Galicia e demais normativa que, se é o caso, se dite en desenvolvemento desta.

2. O Consorcio regulará o réxime interno e de funcionamento dos seus propios servizos, de acordo coa lexislación do réxime local, do réxime xurídico das administracións públicas e dos presentes estatutos.

Capítulo II Órganos de goberno

Artigo 8º.-Órganos. Os órganos de goberno e de xestión do Consorcio son os seguintes:

-Pleno-Presidente-Vicepresidente Artigo 9º.-Pleno. O Pleno do Consorcio, máximo órgano colexiado deste, estará integrado por:

-Un representante da Deputación Provincial de Ourense, designado por esa institución, que poderá ser substituído por un suplente designado, así mesmo, de entre os membros que compoñen a corporación provincial.

-Un representante da Xunta de Galicia designado pola consellería con competencias en materia de Administración local, que poderá ser substituído por un suplente, designado pola mesma institución.

-Un representante de cada un dos concellos consorciados, elixido polo Pleno do Concello, que poderá ser substituído por un suplente designado así mesmo, de entre os membros que compoñen a corporación local.

Para o efecto de manter unha composición paritaria deste órgano de goberno, os representantes da Xunta de Galicia e da deputación provincial, disporán, cada un deles, do mesmo número de votos que a totalidade dos representantes das restantes entidades locais que forman parte deste Pleno.

Os representantes das distintas administracións consorciadas renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nas nestas e que así o fixera necesario.

-Con voz, pero sen voto, asistirán: * O funcionario que desempeñe as funcións de secretario e interventor do Consorcio.

* O xerente do Consorcio. Artigo 10º.-Presidente e vicepresidente. O presidente do Consorcio será elixido polo Pleno do Consorcio por maioría absoluta do número legal dos membros do Consorcio. De igual xeito, será elixido o vicepresidente.

Os cargos de presidente e vicepresidente renovaranse cada vez que se renoven os cargos das administracións consorciadas como consecuencia da celebración de eleccións ou outros cambios que se produzan nas nestas e que así o fixera necesario. Para tal efecto, o Pleno do Consorcio deberá celebrar sesión dentro do mes seguinte ao da sesión constitutiva das corporacións consorciadas.

O presidente exercerá as competencias que se lle atribúen nestes estatutos.

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e nos demais que regulamentariamente proceda. Exercerá as mesmas competencias que o presidente durante o tempo que dure a substitución.

Artigo 11º.-Cesamento dos representantes. Os membros do Pleno poderán cesar por acordo do mesmo órgano que os nomease ou pola perda da condición de membro da institución que representen.

Artigo 12º.-Atribucións do Pleno. As atribucións do Pleno serán as seguintes: 1) A organización do Consorcio. 2) Iniciativa e aprobación da integración e separación de entidades no Consorcio.

3) A aprobación das ordenanzas. 4) A aprobación e modificación dos orzamentos, a disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia e a aprobación das contas; todo iso de acordo co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

5) Aprobación do programa anual de actividades. 6) Aprobación da memoria anual de actividades xunto co seu seguimento control e valoración.

7) Aprobación de convenios, concertos e acordos de cooperación, colaboración ou calquera outros que se establezan coas administracións públicas ou entidades privadas.

8) Adquisicións de bens e dereitos, a transacción sobre estes, e a concesión de quita e espera, agás que as competencias estean atribuídas expresamente por lei a outros órganos.

9) Control e fiscalización dos órganos de goberno. 10) A aprobación dos cadros de persoal, a fixación das súas retribucións, a relación dos postos de traballo e o número e réxime do persoal eventual.

11) Facer delegacións de competencias nos órganos de goberno do Consorcio que considere oportunos, a este respecto haberá que aterse ao disposto pola normativa de réxime local respecto das competencias susceptibles de delegación.

12) A administración do patrimonio. 13) A alteración da cualificación xurídica dos bens de dominio público.

14) O exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa do Consorcio no referente a competencia plenaria.

15) A concertación das operacións de crédito nas que a súa contía acumulada no exercicio económico exceda do 10 por 100 dos recursos ordinarios agás as de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, todo iso de conformidade co disposto na Lei reguladora de facendas locais.

16) As contratacións e concesións de todo tipo, cando o seu importe supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento e , en todo caso, os 6.010.121,04 A así como os contratos e concesións plurianuais cando a súa duración sexa maior de catro anos en todo caso e os plurianuais de duración menor cando o seu importe acumulado supere a porcentaxe indicada, referido aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, e en todo caso, cando sexa maior á contía sinalada nesta letra.

17) A aprobación dos proxectos de obra e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e cando aínda non estean previstos nos orzamentos.

18) Aprobación de pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas para a execución de proxectos de obras, servizos e subministracións que sexan da súa competencia.

19) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así como os alleamentos patrimoniais nos seguintes supostos:

-Cando se trate de bens inmobles ou de bens mobles que estean declarados de valor histórico ou artístico e non estean previstos no orzamento

-Cando estando previstos no orzamento, superen a porcentaxe e a contía que se indican para as adquisicións de bens.

20) Aquelas atribucións que deban corresponder ao Pleno por exixir a súa aprobación unha maioría especial.

21) As demais que expresamente lle atribúan as leis. Artigo 13º.-Competencias do presidente do Consorcio. Serán funcións propias do presidente as seguintes: 1) Dirixir o goberno e a administración do Consorcio. 2) Representar o Consorcio. 3) Convocar e presidir as sesión do Pleno e calquera outro órgano do Consorcio.

4) Presentar o proxecto de orzamento ordinario. 5) Supervisar o funcionamento administrativo e técnico do Consorcio, en especial a actuación do xerente como xefe directo deste, dando conta ao Pleno.

6) Autorizar e ordenar gastos e pagamentos con cargo aos orzamentos do Consorcio, de acordo coa lexislación vixente.

7) Dirixir, inspeccionar e impulsar os servizos e obras nos que a súa titularidade e o seu exercicio corresponde ao Consorcio.

8) Todas as facultades en materia de persoal que non teña atribuídas o Pleno.

9) O desenvolvemento da xestión económica de acordo co orzamento aprobado, dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia, concertar operacións de crédito, excluíndo as consideradas no artigo 158.5º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, sempre que aquelas estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios, agás os de tesouraría, que lle corresponderán cando o importe acumulado das operacións vivas en cada momento non supere o 15 por 100 dos ingresos correntes liquidados no exercicio anterior, ordenar pagamentos e render contas; todo isto de conformidade co disposto na Lei reguladora das facendas locais.

10) Aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o cadro de persoal aprobados polo Pleno, aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo e distribuír as retribucións complementarias que non sexan fixas e periódicas.

11) Desempeñar a xefatura superior de todo o persoal, a acordar o seu nomeamento e sancións, incluída a separación do servizo dos funcionarios do Consorcio e o despedimento do persoal laboral, dando conta ao Pleno na primeira sesión que celebre.

12) O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do Consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as delegara noutro órgano e, en caso de ausencia en materias da competencia do Pleno, e neste último suposto dando conta a este na primeira sesión que celebre para a súa ratificación.

13) Presidir as poxas e adxudicar provisionalmente o remate.

14) As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento; incluídas as de carácter plu rianual cando a súa duración non sexa superior a catro anos, sempre que o importe acumulado de todas as súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referido aos recursos ordinarios do orzamento do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

15) A aprobación dos proxectos de obras e de servizos cando sexa competente para a súa contratación ou concesión e estean previstos nos orzamentos.

16) A adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios do orzamento, así coma o alleamento do patrimonio que non supere a porcentaxe e a contía indicadas nos seguintes supostos: a de bens inmobles sempre que estea prevista no orzamento; a de bens mobles, agás os declarados de valor histórico ou artístico nos cales o alleamento non se encontre previsto no orzamento.

17) Ordenar a publicación e execución e facer cumplir os acordos do Consorcio.

18) O exercicio daqueloutras atribucións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

19) Render contas das operacións levadas a cabo en cada exercicio económico.

20) As demais que expresamente veñan atribuídas na normativa legal aplicable, aos presidentes de entidades locais e aqueloutras que a normativa asigne ás entidades locais sen atribuílas a ningún outro órgano.

O presidente pode delegar o exercicio das súas atribucións, agás a de convocar e presidir as sesións do Pleno, concertar operacións de crédito, a xefatura superior de todo o persoal, a separación do servizo dos funcionarios e o despedimento do persoal laboral e as enunciadas nos puntos 1 e 12 do númeroanterior.

Artigo 14º.-Xerente.

1. A Xerencia é o órgano administrativo ao que corresponde realizar a xestión ordinaria dos asuntos de competencia do Consorcio, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente. O xerente terá a consideración de persoal eventual de acordo co establecido no artigo 104 da Lei 7/1985, de bases de réxime local, e demais normativa da función pública.

2. Serán funcións do xerente: 1) Impulsar e coordinar, baixo a inmediata dirección e dependencia do presidente do Consorcio, o exercicio das competencias que para tal fin lle veñen atribuídas aos órganos de goberno do Consorcio.

2) Exercer o labor de seguimento e control da prestación do servizo obxecto do Consorcio, co fin de constatar o cumprimento das cláusulas que para tal efecto se consideren no contrato subscrito no seu día entre o Consorcio e a concesionaria do servizo, mentres este se preste baixo a modalidade de xestión indirecta. Para tal efecto, elevarán periodicamente informes de seguimento ao presidente e Pleno do Consorcio, os cales en exercicio das súas competencias, acordarán o que proceda en cada caso. Do mesmo xeito, corresponden ao xerente as funcións de coordinación e contacto permanente entre os órganos de goberno e a empresa concesionaria.

3) Elaborar e presentar, en colaboración cos servizos económico-administrativos do Consorcio, ao Pleno deste, o anteproxecto de orzamento, así como propoñer, logo de consulta coa concesionaria do servizo, o plan de adecuación e necesidades do Consorcio.

4) Propoñer e impulsar, en colaboración cos servizos económico-administrativos, os expedientes de adquisición de material e obras de mellora e mantemento do servizo.

5) Asistir ao presidente na preparación da orde do día das sesións do Pleno do Consorcio, ao que asistirá con voz pero sen voto.

6) Elaborar as estatísticas das actividades realizadas, así como propoñer, deseñar e impulsar todas aquelas accións encamiñadas á difusión e coñecemento pola poboación dos servizos que presta o Consorcio, así como coordinar baixo a dependencia directa do presidente, as relacións que se establezan, tanto cas administracións consorciadas, como, en xeral, con todas as institucións, administracións e entidades que poidan ter incidencia no desenvolvemento do Parque.

7) Servir de coordinador e impulsor das relacións e iniciativas conxuntas que se establezan entre o Consorcio e os concellos, administracións e institucións dependentes deste, cun especial fincapé nas funcións que se refiran á coordinación cos diferentes servizos de emerxencias e salvamento que existan nos concellos que forman parte do Consorcio.

8) Aqueloutras que lle encomenden os órganos de goberno do Consorcio, en desenvolvemento do previsto nos estatutos do Consorcio e do clausulado deste contrato.

9) Asistir ás sesións do Pleno con voz e sen voto. Artigo 15º.-Funcións reservadas a funcionarios de admón. local con habilitación de carácter nacional.

No cadro de persoal e na relación de postos de traballo do Consorcio fixaranse as prazas e postos necesarios para o exercicio das funcións reservadas a habilitados de carácter nacional, que serán exercidas do seguinte xeito:

1. A través de funcionario ou funcionarios con habilitación nacional, de acordo co sistema de provisión previsto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. A través do servizo de asistencia da deputación, de acordo co establecido no artigo 5º do devandito texto regulamentario.

As funcións que desempeñarán son:

a) Asistir ás reunións do Pleno, convocando aos compoñentes por orde do seu presidente, e notificando a orde do día.

b) Formalizar e cumplir os acordos adoptados nas sesións, así como levantar acta destes.

c) Asesorar e asistir xuridicamente aos órganos de goberno do Consorcio.

d) Calquera outras que lle veñan atribuídas polo ordenamento xurídico.

Capítulo III Réxime funcional

Artigo 16º.-Reunións.

1. O Pleno reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez ao trimestre.

2. Celebrarase sesión extraordinaria a petición do presidente cando o considere oportuno ou a petición dun terzo dos membros do Pleno.

3. O presidente poderá convocar sesións extraordinarias con carácter urxente. Nas ditas convocatorias non se exixirá a antelación mínima de 2 días á que se refire o artigo 17.1º Nas sesións extraordinarias urxentes, o Pleno deberá pronunciarse previamente sobre a urxencia da sesión. De non apreciarse a dita urxencia por maioría simple, levantarase acto seguido a sesión, para estes efectos para o cómputo das maiorías haberá que aterse ao sinalado no artigo 18º.

4. A petición da maioría dos membros con voto do Pleno do Consorcio, poderá convocarse con voz pero sen voto e coa única finalidade de obter información e asesoramento para casos concretos, aos responsables técnicos e membros de administración ou de entidades públicas ou privadas que se estimen oportunas.

Artigo 17º.-Convocatoria.

1. O presidente convocará as sesións cunha antelación mínima de 2 días hábiles e remitirá a orde do día a cada un dos membros do Pleno.

2. O Pleno constitúese validamente coa asistencia dun terzo do número legal dos seus membros que nunca poderá ser inferior a tres. O presidente poderá considerar validamente constituído o órgano se está presente polo menos un representante da Xunta de Galicia e deputación. Este quórum deberase manter durante toda a sesión. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou a daqueles que legalmente os substitúan.

Artigo 18º.-Acordos.

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría dos membros presentes, agás nos casos no que se exixe outra maioría. Os acordos adoptados obrigan a todas as entidades integrantes do Consorcio.

Artigo 19º.-Persoal.

1. O persoal ao servizo do Consorcio estará integrado por:

a) Xerente.

b) O persoal de prevención e extinción de incendios e salvamento, sen prexuízo de que se opte pola prestación do servizo baixo o réxime de xestión indirecta.

c) O persoal que, de conformidade co artigo 15º, atenda as funcións reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

d) Calquera outro persoal que se estableza e sexa necesario, de conformidade co previsto na lexislación local de aplicación.

2. As funcións deste persoal serán as que determinan as normas de réxime interior do Consorcio; en todo caso o persoal previsto no punto c, realizará as funcións previstas no artigo 15º destes estatutos.

Capítulo IV Do réxime económico e financeiro

Artigo 20º.-Recursos do Consorcio. Para o cumprimento dos seus fins o Consorcio disporá do seu propio orzamento que estará integrado polos seguintes recursos:

a) As achegas dos entes asociados.

b) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) As taxas, contribucións especiais e prezos públicos fixados de acordo coa lei.

d) Ingresos de dereito privado e os bens adquiridos polo Consorcio que se integran no seu patrimonio.

e) O produto de operacións de crédito f) Calquera outro recurso que puidera serlle atribuído de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 21º.-Contribucións ao Consorcio. As achegas dos entes consorciados para o sufragamento dos gastos do parque, efectuaranse da maneira seguinte:

a) Gastos de construción e equipamento:

-Xunta de Galicia: 50% dos gastos de construción e equipamento.

-Deputación Provincial de Ourense: 30% dos gastos de construción e equipamento.

-Concellos consorciados: 20% dos gastos de construción e equipamento, de acordo coas ratios de participación que se sinalan no anexo I destes estatutos.

As cantidades que van achegar as administracións por este concepto veranse diminuídas en función das achegas que, para este fin, se reciban de fondos europeos.

b) Gastos de funcionamento:

-Xunta de Galicia 62,5% dos gastos anuais de funcionamento do Consorcio.

-Deputación Provincial de Ourense: 37,5% dos gastos anuais de funcionamento do Consorcio.

Estas porcentaxes máximas de financiación dos gastos de funcionamento variarán de xeito automático no momento que, por acordo da Xunta de Galicia e deputación provincial, de forma conxunta, se acorde que na totalidade dos consorcios contra incendios e de salvamento existentes na provincia de Ourense, os concellos contribúan aos gastos de funcionamento destes.

No caso sinalado no parágrafo anterior a cantidade que achegará cada concello aos gastos de funcionamento do Consorcio determinaranse en base ás mesmas porcentaxes de distribución que as utilizados á hora de fixar a súa participación nos gastos de construción e equipamento, de acordo coas seguintes ratios globais:

* Xunta de Galicia: 50%.

* Deputación Provincial de Ourense: 30%.

* Concellos consorciados: 20%. Se durante o exercicio económico se producisen ingresos superiores aos previstos inicialmente no orzamento do Consorcio, estes excesos serán dedicados, a criterio do Pleno, a actuacións adicionais ás previstas inicialmente, ou ben a minorar as achegas que lle corresponden ás partes consorciadas.

En todo caso poderase acudir aos mecanismos previstos na lexislación vixente para obter a satisfacción das achegas, en caso de que, algunha das administracións consorciadas non achegasen en prazo a totalidade das cantidades a que veñen obrigadas polo presente artigo, e co fin todo iso de facer efectivas estas cantidades; así o Consorcio poderá acordar dirixirse á Comunidade Autónoma e Deputación para que procedan a efectuar as retencións con cargo ás transferencias de carácter sen condicións e non finalistas que estas poidan ter recoñecidas a favor dos entes locais debedores.

Artigo 22º.-Ingresos das contribucións.

1. Cada ente consorciado obrígase, nos termos previstos no artigo 21º, a consignar no seu orzamento ordinario a cantidade suficiente para atender as súas obrigas económicas relativas ao Consorcio.

2. A parte correspondente da cantidade consignada nos orzamentos de cada ente consorciado ingresarase por anticipado cada tres meses, na Tesourería do Consorcio.

Artigo 23º.-Aprobación do orzamento. O Pleno aprobará para cada exercicio económico o orzamento constitutivo da expresión cifrada conxunta e sistemática das obrigas que, como máximo, pode recoñecer o Consorcio e dos dereitos que prevexa liquidar durante o correspondente exercicio, de conformidade co disposto no Real decreto lei 2/2004, do 5 de marzo.

Capítulo V Réxime xurídico

Artigo 24º.-Réxime interno. A actuación do Consorcio serán rexidas polo establecido nestes estatutos e nos regulamentos de organización e réxime interior que se supeditarán ao ordenamento xurídico vixente.

Para o non establecido nas disposicións anteriores aplicarase a lexislación reguladora do réxime das entidades locais.

Artigo 25º.-Lexislación aplicable. A todas as actuacións do Consorcio seralles aplicable a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1985, de bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e modificada pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, e Real decreto lexislativo 781/1986, que aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local; Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como calquera outra normativa concordante.

Artigo 26º.-Modificacións, incorporacións e baixas. As modificacións estatutarias, así como as altas e baixas dos concellos integrantes do Consorcio, seguirán o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997.

Nos dous casos, previamente, procederase á liquidación dos compromisos e obrigas, así como as posibles responsabilidades a que houbese lugar.

A separación requirirá os seguintes requisitos:

a) Ser solicitada a separación cun ano de aviso previo.

b) Que sexa tomada razón desta polo Pleno do Consorcio.

Poderán adherirse ao Consorcio outras administracións públicas ou entes privados sen ánimo de lucro, logo de solicitude e acordo que terá que ser aprobado por todas as entidades consorciadas, fixándose nos estatutos as achegas das entidades consorciadas.

No caso de que unha entidade das que integran o Consorcio decida unilateralmente a súa separación, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo e sempre sen prexuízo do establecido nestes estatutos.

Artigo 27º.-Disolución.

1. Para a modificación dos estatutos do Consorcio, así como para a disolución deste, seguiranse as mesmas regras e o mesmo procedemento que o establecido pola lexislación estatal básica e polos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, para a modificación dos estatutos ou disolución das mancomunidades dos municipios.

2. No caso de disolución do Consorcio practicarase liquidación de todos os seus bens e dereitos e o resul tado positivo ou negativo será atribuído a cada un dos integrantes do Consorcio na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ao Consorcio.

Artigo 28º.-Informe anual. O Consorcio facilitará aos entes consorciados un informe anual sobre a propia xestión e prestará a súa cooperación e asistencia cando sexa requirida.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Relación dos concellos que integran o Consorcio e ratios de participación no 20% dos gastos de construción e equipamento:

-Vilar de Santos: 3,45%.

-Vilar de Barrio: 6,58%.

-Sandiás: 5,45%.

-Sarreaus: 6,19%.

-Xinzo de Limia: 50%.

-Trasmiras: 6,14%.

-Blancos, Os: 3,91%.

-Porqueira: 3,89%.

-Calvos de Rondín: 4,18%.

-Rairiz de Veiga: 6,15%.

-Baltar: 4,06%.


No hay versiones para esta norma