Decreto 436/2009, do 26 de novembro, polo que se aproba o cambio de denominacion dos colexios oficiais de aparelladores e arquitectos tecnicos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que pasan a denominarse colexio oficial de aparelladores, arquitectos tecnicos e enxeñeiros de edificacion da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente. - Diario Oficial de Galicia, de 18-12-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 246
  • Fecha de Publicación: 18/12/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Mediante Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia, utilizando a vía prevista no artigo 150.2º da Constitución. En concreto, no seu artigo 3 transfire á nosa comunidade as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cuxa estrutura vén establecida polo Decreto 303/2009, do 21 de maio).

En virtude das ditas competencias, aprobouse a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, que no artigo 13 establece que a denominación dos colexios profesionais responderá á titulación oficial requirida para a incorporación dos seus compoñentes á profesión que desempeñen ou poidan desempeñar.

De conformidade co mesmo artigo, o cambio de denominación foi solicitado polos colexios respectivos, logo do acordo das correspondentes xuntas xerais de cada un deles, e a súa aprobación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto.

Esta modificación está baseada nos cambios establecidos no artigo 12.9º do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece que a ordenacións das ensinanzas universitarias oficiais, os plans de estudos conducentes a títulos universitarios oficiais, que permitan obter as competencias necesarias para o exercicio dunha actividade regulada en España, deberán adecuarse ás condicións que estableza o Goberno, que ademais deberán axustarse, de ser o caso, á normativa europea aplicable.

A lexislación vixente conforma a profesión de arquitecto técnico como profesión regulada cuxo exercicio require estar en posesión do correspondente título oficial de grao obtido de conformidade co previsto no citado artigo 12.9º).

O Consello de Ministros, mediante Acordo do 14 de decembro de 2007, estableceu as condicións a que se deberán adecuar os plan de estudos conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio da profesión de arquitecto técnico.

Así mesmo, a Orde ECI 3855/2007, do 27 de decembro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de arquitecto técnico, establece en canto á denominación do novo título a de enxeñeiro de edificación.

As anteriores disposicións establecen que a titulación de graduado en enxeñaría de edificación é o ensino universitario que dentro do espazo europeo de educación superior habilita para o exercicio da profesión de arquitecto técnico, polo que concorren razóns favorables ao cambio de denominación dos colexios solicitantes.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do vinte e seis de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Cambio de denominación dos colexios oficiais.

Aprobar o cambio de denominación dos colexios oficiais de Aparelladores e Arquitectos Técnicos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que pasan a denominarse Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente.

Disposición adicional

Única.-As mencións á denominación que consten non estatutos dos colexios oficiais obxecto de modificación débense entender efectuadas á denominación de Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma