Decreto 442/2009, do 11 de decembro, polo que se modifica o Decreto 127/2006, do 27 de xullo, polo que se crea o Consello Galego da Inmigracion. - Diario Oficial de Galicia, de 31-12-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 254
  • Fecha de Publicación: 31/12/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Mediante o Decreto 127/2006, do 27 de xullo, creouse o Consello Galego da Inmigración, integrado na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración, como órgano colexiado de consulta, asesoramento e colaboración.

Na letra a) do número 1 do artigo 8º establécese que a Administración pública autonómica estará representada no devandito consello por once representantes de diferentes departamentos e centros directivos da Xunta de Galicia, e enuméranse estes segundo o sinalado no Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Os ditos decretos foron derrogados polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, respectivamente, sendo necesario, polo tanto, modificar a redacción da letra a) do número 1 do artigo 8º do Decreto 127/2006, do 27 de xullo.

Co obxecto de gañar en eficacia e operatividade, considérase conveniente establecer os representantes de cada departamento aludindo ás competencias de cada un, con independencia da estrutura orgánica que poida ter a Xunta de Galicia en cada momento.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 127/2006, do 27 de xullo, polo que se crea o Consello Galego da Inmigración, de conformidade co disposto no seguinte punto:

A letra a) do número 1 do artigo 8º queda redactada da seguinte forma:

«a) Once representantes da Administración autonómica con rango de director/a xeral ou secretario/a xeral polas áreas competenciais establecidas, propostos polo/a titular do departamento competente:

-Un/unha do departamento con competencias en materia de igualdade.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de inclusión social.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de xustiza.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de economía.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de educación.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de cultura.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de sanidade.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de traballo.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de vivenda.

-Un/unha do departamento con competencias en materia de cooperación ao desenvolvemento.

-Un/unha representante dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia».

Engádese un novo parágrafo ao artigo 8º:

«3. A representación da Xunta de Galicia proporase unha vez coñecida a representación das outras entidades integrantes do consello, para os efectos de tender a unha composición equilibrada das mulleres e dos homes na toma de decisións».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Emigración para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma