Decreto 443/2009, do 30 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego publico para o ano 2009 do persoal funcionario con habilitacion de caracter estatal no ambito da Comunidade Autonoma de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 31-12-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 254
  • Fecha de Publicación: 31/12/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da correspondente oferta de emprego público.

A disposición adicional segunda da citada lei atribúelles ás comunidades autónomas a competencia para convocar a oferta de emprego público do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal. É tamén da súa competencia a selección destes funcionarios conforme os títulos académicos e os programas mínimos aprobados regulamentariamente polo Ministerio de Administracións Públicas.

Na súa virtude, o artigo 48 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en concordancia co artigo 15.1º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, dispón que a consellería competente en materia de réxime local realizará a convocatoria pública dos procesos selectivos de acceso ás subescalas en que se estrutura a escala de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal conforme as prazas incluídas na oferta de emprego público aprobada, figurando en disposición separada dentro daquela.

Neste marco, correspóndelle á Xunta de Galicia autorizar a convocatoria pública das prazas reservadas a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal vacantes, dotadas orzamentariamente, que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, de acordo co artigo 31 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, establecendo os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público do dito persoal, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo da Administración pública, primando os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

En consecuencia, tendo en conta os postos de traballo vacantes, reservados á escala de funcionarios con habilitación de carácter estatal, subescalas de secretaría e intervención-tesouraría, ambas as categorías de entrada e superior, que afectan o exercicio das funcións públicas necesarias nas corporacións locais galegas, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao dito persoal funcionario no ano 2009.

Na súa virtude, de acordo co artigo 13.8º e 15.1º do Decreto lexislativo 1/2008, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

1. Co obxecto de atender ás necesidades das entidades locais galegas, apróbase a oferta de emprego público correspondente ao ano 2009 para o persoal funcionario con habilitación de carácter estatal no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta oferta inclúe as seguintes prazas:

a) Subescala de secretaría, categoría superior: 4 prazas.

b) Subescala de intervención-tesourería, categoría superior: 7 prazas.

c) Subescala de secretaría, categoría de entrada: 6 prazas, 3 das cales se cubrirán polo sistema de promoción interna desde a subescala de secretaría-intervención.

d) Subescala de intervención-tesouraría, categoría de entrada: 4 prazas, 2 das cales se cubrirán polo sistema de promoción interna desde a subescala de secretaría-intervención.

Artigo 2º.-Convocatoria.

1. De conformidade co disposto no capítulo IV do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, a convocatoria das probas selectivas das prazas ofertadas no artigo precedente realizarase mediante orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicarase no Diario Oficial de Galicia e será obxecto de remisión ao Ministerio de Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

2. O acceso por promoción interna ás subescalas de secretaría e intervención-tesouraría, categoría de entrada, efectuarase polo sistema de concurso-oposición desde a subescala de secretaría-intervención, e será preciso ter dous anos de antigüidade nesa subescala, computados a partir da publicación do nomeamento no diario oficial correspondente e estar en posesión da titulación necesaria de conformidade co establecido na Orde APU/450/2008, do 31 de xaneiro, pola que se aproban os títulos académicos e programas mínimos requiridos para o acceso ás subescalas en que se estrutura a escala de funcionarios con habilitación de carácter estatal.

3. O acceso á categoría superior desde a categoría de entrada das subescalas de secretaría e intervención-tesouraría farase mediante concurso-oposición, e exixirase ter, polo menos, dous anos de antigüidade na categoría de entrada.

Artigo 3º.-Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos.

1. De acordo coa Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección deste persoal a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

-Publicidade das convocatorias e das súas bases.

-Transparencia.

-Imparcialidade e profesionalidade dos órganos de selección e dos seus membros.

-Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

-Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se vaian desenvolver.

-Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos selectivos.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal será paritaria, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

2. De acordo co establecido no artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, se nunha categoría das ofertadas no artigo 1 deste decreto se verificar a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existiren méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, a non ser que, considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os sexos, existan motivos non discriminatorios para preferir o home.

Artigo 4º.-Persoas con discapacidade.

1. Nos procesos selectivos das escalas de funcionarios/as con habilitación de carácter estatal serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos na normativa aplicable. Reservarase unha cota das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 1.2º da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal de persoas con discapacidade, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias, con declaración expresa, por parte da persoa interesada, de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, de obter praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade co resto das persoas aspirantes de promoción interna ou de novo ingreso, segundo corresponda, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle suscitaren dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade da persoa aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos/as funcionarios/as da categoría a que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

3. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais ou comisións de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

4. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do/a candidato/a para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


No hay versiones para esta norma