Decreto 445/2009, do 23 de decembro, polo que se aproba a adscricion da Escola de Negocios Caixanova a Universidade de Vigo e se autoriza a implantacion das ensinanzas conducentes ao titulo de grao en administracion e direccion de empresas. - Diario Oficial de Galicia, de 05-01-2010

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 2
  • Fecha de Publicación: 05/01/2010
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía, ten competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades. O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo.

O artigo 11.1º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificado por Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a adscrición, mediante convenio, a unha universidade pública de centros docentes de titularidade pública ou privada para impartir estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez nacional, requirirá a aprobación da comunidade autónoma, por proposta do Consello de Goberno da universidade, logo informe favorable do seu Consello Social.

O Decreto 259/1994, do 24 de xullo, que establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, regula nos artigos 5 e 6 o procedemento de adscrición de centros e autorización de estudos universitarios conducentes a títulos de carácter oficial e validez nacional.

No Decreto 385/2009, do 27 de agosto, polo que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao nas universidades do Sistema Universitario de Galicia para o curso 2009-2010 autorizouse a Universidade de Vigo a impartir, entre outras, as ensinanzas de grao en administración e dirección de empresas.

A Escola de Negocios Caixanova de titularidade da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova) foi creada en 1987 de cara a formar directivos e profesionais das empresas e organizacións de Galicia na convicción de que a nosa economía e competitividade depende fundamentalmente da súa competencia. Ao longo dos seus vinte e dous anos de vida a Escola ten complementado o labor de investigación da Universidade de Vigo co desenvolvemento de traballos orientados ao apoio dos nosos sectores estratéxicos e do desenvolvemento empresarial.

Por todo isto, en aplicación da normativa vixente, por proposta do Consello de Goberno da Universidade de Vigo, logo dos informes favorables do seu Consello Social e do Consello Galego de Universidades, en exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a adscrición á Universidade de Vigo da Escola de Negocios Caixanova, baixo a titularidade da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova).

Artigo 2º

Autorízase a implantación na sede de Vigo da Escola de Negocios Caixanova das ensinanzas conducentes ao título de grao en administración e dirección de empresas pola Universidade de Vigo.

Artigo 3º

A Escola de Negocios Caixanova, no seu carácter de centro universitario adscrito á Universidade de Vigo rexerase pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e demais normativa aplicable do Estado e da comunidade autónoma, pola normas de organización e funcionamento da Universidade de Vigo, polo seu propio regulamento e polo convenio de adscrición asinado o 23 de xullo de 2009 entre a universidade e o titular do centro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A efectiva implantación na Escola de Negocios Caixanova do título requirirá a modificación do seu actual plan de estudos de cara a incluír nel un novo itinerario que se impartirá na Escola, polo que a universidade procederá a notificar a dita modificación ao Consello de Universidades, para os efectos sinalados no artigo 28 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

Segunda.-Unha vez aceptada a proposta de modificación do plan de estudos, o reitor ou reitora da universidade solicitará ao departamento competente en materia de universidades a autorización para o inicio de actividades destas ensinanzas ao abeiro da normativa vixente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria


No hay versiones para esta norma