DECRETO 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería., - Diario Oficial de Galicia, de 25-01-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 17
  • Fecha de Publicación: 25/01/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4, establece que a Facenda da comunidade autónoma está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes da prestación de servizos directos pola comunidade autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servizos estatais. Pola súa vez, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, pronúnciase no mesmo sentido.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no título I, ámbito competencial e organización xeral da consellería, artigo 1, recolle, entre outras, como competencias da Consellería de Traballo e Benestar os servizos sociais, incluíndo as políticas de familia e menores.

O artigo 14 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, dispón que constitúen dereitos económicos da Facenda pública galega, entre outros, o importe dos prezos derivados dos servizos prestados pola Comunidade.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo 2, título II, o réxime xeral de xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos. O artigo 47 da mencionada lei sinala que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou entidade oferente.

Dado que os prezos públicos das escolas infantís 0-3 non sufriron ningunha actualización desde a entrada en vigor do Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, é preciso proceder á modificación das cotas para acomodalas á situación actual.

Por todo o que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Apróbanse as contías dos prezos públicos correspondentes aos servizos prestados nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar que figuran no anexo do presente decreto.

Os prezos públicos establecidos no anexo actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xuño anterior, mediante resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, da Secretaría Xeral de Política Social.

Artigo 2. Suxeitos obrigados.

Están obrigados ao pagamento das cantidades que se establecen como prezo as/os nais/pais dos nenos e das nenas en situación de alta nos centros sinalados no artigo anterior, no seu defecto, os/as familiares ou titores/as legais a quen corresponda o exercicio da patria potestade.

Artigo 3. Pagamento.

1. O pagamento das cotas, sen prexuízo do establecido no artigo 5 deste decreto, realizarase mensualmente nos dez primeiros días naturais do mes a que correspondan. Nos casos en que o ingreso no centro se produza con posterioridade ao día primeiro do mes, a cota correspondente ao dito mes ingresarase nos dez días naturais seguintes á data de ingreso.

2. No caso de utilizar o servizo de comedor por días soltos, realizarase o pagamento deste servizo xunto coa cota do mes seguinte.

3. Salvo o disposto no artigo 5 deste decreto, a falta de asistencia da nena ou do neno ao centro non supón redución nin exención da cota mentres non se formalice a baixa correspondente.

4. A falta de pagamento de dúas mensualidades consecutivas ou tres alternas, sen prexuízo da súa exixencia polo procedemento administrativo de constrinximento, orixinará a perda do dereito á praza.

Artigo 4. Regras e definicións para a determinación do importe que se vai pagar.

Para a determinación do importe mensual que van pagar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos determinados no anexo deste decreto, teranse en conta as especificacións recollidas no dito anexo. Para os efectos da aplicación do anexo, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

A documentación anterior poderá ser substituída pola correspondente autorización á Administración con competencia en materia de escolas infantís 0-3 para obter os datos necesarios para determinar os ingresos totais para estes efectos a través das correspondentes administracións tributarias.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Artigo 5. Suspensión temporal da cota.

1. Os suxeitos obrigados a que fai referencia o artigo 2 non terán a obriga de aboar a cota correspondente á atención educativa e ao servizo de comedor durante os seguintes períodos:

a) O mes de vacacións anual da/o nena/o.

b) Cando por calquera motivo distinto ao período de vacacións anuais o centro permaneza pechado por un período superior a quince días naturais.

En ambos os dous casos a suspensión realizarase de oficio.

2. Os suxeitos obrigados a que fai referencia o artigo 2 non terán a obriga de aboar a cota correspondente ao servizo de comedor no seguinte suposto:

a) Cando por causa debidamente xustificada a/o nena/o deixe de asistir temporalmente ao centro. Neste caso, a suspensión da cota terá lugar desde o primeiro día do mes natural seguinte á data de inasistencia ao centro e durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación da/o nena/o ao centro.

Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ao día 15 do mes, a cota do comedor correspondente ao dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión da cota correspondente a este servizo, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante a/o xefa/e territorial correspondente, que resolverá sobre a procedencia da exención.

Nos casos de suspensión temporal da cota correspondente ao servizo de comedor, o pagamento correspondente ao mes de reincorporación realizarase no prazo dos dez días naturais seguintes á data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que a/o xefa/e territorial acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresar as cotas atrasadas no prazo dos dez días naturais seguintes á notificación da resolución denegatoria.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, o Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase á Consellería de Traballo e Benestar para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Os prezos públicos establecidos neste decreto serán de aplicación nas escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar desde o día 1 de setembro de 2012.

Disposición derradeira terceira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO

1. Prezo da atención educativa.

O prezo pola atención educativa en xornada completa nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar fíxase en 160 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 3 deste anexo.

Cando o alumno ou alumna teña solicitada e concedida unha praza en réxime de media xornada, o prezo da atención educativa reducirase no cincuenta por cento do prezo que lle corresponda aboar de acordo coa renda per cápita da unidade familiar.

2. Prezo por servizos complementarios.

a) Servizo de comedor.

O prezo por este servizo fíxase en 70 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no número 3 deste anexo.

No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 4 € por día.

O prezo de comedor por días soltos non estará suxeito a ningunha redución.

b) Horario ampliado.

Con carácter excepcional os/as usuarios/as poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade.

O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario da atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria será de 20 €.

O prezo da hora extraordinaria non estará suxeito a ningunha redución.

3. Aplicación dos prezos públicos mensuais segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar:

a) Rendas inferiores ao trinta por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 0 €; sen servizo de comedor 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 16,50 €; sen servizo de comedor 0 €.

c) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 49,50 €; sen servizo de comedor 33 €.

d) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 91 €; sen servizo de comedor 66 €.

e) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 141 €; sen servizo de comedor 106 €.

f) Rendas comprendidas entre 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 176 €; sen servizo de comedor 126 €.

g) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 199 €; sen servizo de comedor 139 €.

h) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 230 €; sen servizo de comedor 160 €.

4. Descontos.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no punto anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.


No hay versiones para esta norma