Decreto 54/2005, do 24 de febreiro, de aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 01-04-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 62
  • Fecha de Publicación: 01/04/2005
  • Este documento NO tiene versiones

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro) .

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos no momento da entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela no prazo dun ano.

En cumprimento da devandita disposición, o Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia acordou, na asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o 10 de setembro de 2004, aprobar a modificación e adaptación dos estatutos á recente lei. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, e en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e catro de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 150/2000, do 7 de xuño, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo Conselleiro de Xutiza, Interior e Administración Local

ANEXO

TÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica. O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia é unha corporación de dereito público de carácter representativo da profesión, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Composición. O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia integra no seu ámbito territorial as persoas que teñan a titulación de diplomados/as universitarios/as en traballo social e/ou de asistentes sociais, sendo obrigatoria a incorporación ao colexio para o exercicio da profesión, segundo os termos establecidos na Lei de creación dos colexios oficiais de diplomados en traballo social e asistentes sociais e no artigo 2º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia, coa excepción do disposto no artigo 3º da citada norma legal.

Artigo 3º.-Ámbito territorial. O ámbito territorial deste colexio é o daComunidade Autónoma de Galicia. O domicilio e a sede deste colexio está no local número tres, situado no baixo do edificio número tres da rúa Dublín, na cidade de Santiago de Compostela. Para un mellor funcionamento, o colexio poderá establecer delegacións nas catro provincias de Galicia, que dependerán, en todo caso, do colexio.

Artigo 4º.-Relacións coa Administración. O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia relacionarase directamente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, no referente aos aspectos institucionais, e a través da/s consellería/s competente en relación coa profesión, no referente aos contidos dela.

Artigo 5º.-Normativa reguladora. O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia regularase por estes estatutos particulares; polo Regulamento de réxime interior, se existise; polos estatutos xerais dos colexios

oficiais de diplomados en traballo social; polos estatutos do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais; pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia; pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, así como polos acordos dos seus órganos de goberno e polos adoptados no seo do Consello Xeral de Colexios Oficiais, e de acordo coas respectivas competencias atribuídas nas normas estatais e autonómicas.

Artigo 6º.-Emblema oficial. O emblema oficial da profesión será o descrito na Orde ministerial do 25 de outubro de 1966, circundado pola inscrición «Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia».

TÍTULO II Fins e funcións do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia

Artigo 7º.-Fins do colexio oficial. Son fins esenciais do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia a ordenación do exercicio da actividade profesional, a representación exclusiva da profesión no seu ámbito territorial, a observancia dos principios xurídicos, éticos e deontolóxicos e a formación permanente dos seus/súas colexiados/as, así como a defensa dos seus intereses profesionais.

Artigo 8º.-Funcións do colexio oficial. Correspóndelle ao Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.

b) Colaborar coas administracións públicas mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que poidan serlles solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa, así como realizar informes dos proxectos de lei e disposicións de calquera outro rango que se refiran ás condicións do exercicio da profesión.

c) Promover a acción asociada de individuos, grupos e comunidades afectados por unha problemática, co fin de lograr a súa participación activa para transformar a súa situación.

d) Participar nos consellos e organismos consultivos das administracións públicas do seu ámbito territorial en materias de competencia da profesión.

e) Participar na elaboración dos plans de estudo e, se é o caso, realizar informes das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, mantendo contacto permanente con eles, así como preparar a información necesaria para facilitar o acceso á actividade profesional dos novos profesionais.

f) Desempeñar no seu ámbito territorial a representación e defensa da profesión ante as adminis tracións públicas, institucións públicas e privadas,

tribunais e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais, e exercer o dereito de petición conforme a lei, sen prexuízo do disposto na lexislación sobre colexios profesionais.

g) Facilitarlles aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados/as que poderán ser chamados para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

h) Regular e organizar a actividade profesional dos/as colexiados/as no ámbito da súa competencia, velando pola ética e dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

i) Regular e organizar actividades e servizos comúns de interese para os/as colexiados/as de carácter cultural, asistencial e de previsión, contribuíndo ao seu sostemento económico mediante os medios necesarios.

j) Procurar a harmonía e colaboración entre os/as colexiados/as e impedir a competencia desleal entre eles.

k) Perseguir e denunciar o intrusismo profesional e a ilegalidade no exercicio da profesión, podendo exercer ante os tribunais de Xustiza as accións pertinentes contra quen, sen ter o debido título, exerza ou trate de exercer funcións que competen exclusivamente aos diplomados en traballo social e aos asistentes sociais, e aos que, téndoo, non se ateñan no seu labor profesional aos requisitos legais establecidos para o efecto.

l) Intervir mediante conciliación ou arbitraxe nos asuntos que se susciten entre os/as colexiados/as por motivos profesionais por petición deles, podendo resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas resultantes nos traballos realizados polos colexiados e colexiadas no seu exercicio profesional.

m) Establecer, no seu ámbito, baremos de honorarios de carácter meramente orientativo.

n) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o/a colexiado/a o solicite libre e expresamente, cando o colexio teña creados os servizos adecuados.

o) Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

p) Visar, por petición deles, os traballos profesionais dos colexiados. O colexio poderá regular o pagamento das taxas correspondentes para satisfacer polos referidos visados segundo se estableza no Regulamento de réxime interior, sempre conforme as directrices establecidas polo Consello Xeral nesta materia conforme o artigo 8º dos estatutos xerais dos colexios oficiais. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais,

deixando a súa determinación ao libre acordo das partes.

q) Organizar cursos e outras actividades para a formación profesional dos colexiados.

r) Respectar e exixirlles aos/ás colexiados/as a observancia da lexislación vixente e o cumprimento dos estatutos profesionais e, se é o caso, dos regulamentos de réxime interior do respectivo colexio, así como as normas e decisións que os órganos colexiados adopten en materia da súa competencia.

s) Aprobar os seus orzamentos e regular e fixar as achegas económicas dos/as seus/súas colexiados/as.

t) Colaborar, por petición das administracións públicas, na redacción das bases dos concursos que se convoquen para adxudicar traballos ou postos de traballo profesionais e nos xurados e tribunais nos que se exixan ou xulguen coñecementos relativos a materias específicas da profesión de diplomado en traballo social ou asistente social.

u) Exercer cantas funcións poidan redundar en beneficio dos intereses profesionais dos/as colexiados/as e da profesión en xeral.

TÍTULO III Do exercicio da profesión e dos colexiados

Capítulo I Do exercicio da profesión Artigo 9º.-Ordenamento da profesión. Principios xerais de ordenamento da prestación da profesión:

a) Estar en posesión do título de diplomado en traballo social e/ou de asistente social.

b) Estar incorporado ao Colexio Oficial de Galicia, se este é o colexio competente en función de onde radique o domicilio profesional único ou principal do profesional exercente. Coa finalidade de quedar suxeito ás correspondentes competencias de ordenación, visado, potestade disciplinaria e control deontolóxico, os profesionais inscritos nun Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais doutro ámbito territorial comunicaranlle ao Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia as actuacións que realicen dentro do seu ámbito territorial.

c) Non padecer impedimentos físicos ou mentais que, pola súa natureza ou intensidade, imposibiliten o cumprimento das funcións propias do traballo social. O dito impedimento deberá ser declarado oficialmente de maneira expresa polo tribunal ou comisión que en cada momento se determine.

d) Non estar inhabilitado ou suspendido, en virtude de sentenza firme, para o exercicio da profesión.

e) Non estar baixo sanción disciplinaria de suspensión do exercicio profesional ou expulsión do Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais onde estea colexiado.

Artigo 10º.-Adquisición da condición de colexiado.

1. A incorporación ao Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia exixirá, polo menos, a existencia conxunta dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Presentar a correspondente solicitude dirixida ao presidente da Xunta de Goberno do colexio á cal se deberá xuntar o título profesional ou, se é o caso, certificado académico acreditativo de finalización dos estudos correspondentes e recibo acreditativo de ter satisfeitos os dereitos de expedición do título. Os profesionais co título de traballador social expedido por outros estados membros da Unión Europea deberán achegar, ademais do respectivo título académico, a correspondente resolución de recoñecemento deste para o exercicio da profesión en España. Nos casos de títulos expedidos por países non-membros da Unión Europea, xuntarán o preceptivo título de validación dos seus estudos de diplomado en traballo social.

c) Así mesmo, será necesario que o interesado satisfaga cota de inscrición que determine o colexio oficial. No caso de que o solicitante xa estivese inscrito noutro Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais, será suficiente que achegue certificación deste último, acreditativa ter feito efectiva a cota de inscrición.

2. A adquisición da condición de colexiado farase efectiva mediante a correspondente resolución expresa do colexio oficial, logo da constatación do cumprimento dos requisitos previstos no punto un deste artigo.

Artigo 11º.-Perda da condición de colexiado. A perda da condición de colexiado producirase nos seguintes supostos:

a) Baixa voluntaria do interesado por cesamento ou baixa no exercicio da profesión, ou pola súa incorporación a outro Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais.

b) Non satisfacer durante o prazo dun ano o pagamento das cotas colexiais, logo do requirimento de pagamento e audiencia do colexiado, sempre e cando non se exerza a profesión.

c) Ser condenado por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación do exercicio profesional, mentres non quede extinguida a correspondente responsabilidade.

d) Ser suxeito de sanción disciplinaria firme de expulsión do colexio.

e) Por falecemento. Capítulo II Dereitos e obrigas dos colexiados

Artigo 12º.-Dereitos dos colexiados. Son dereitos dos colexiados:

a) Exercer a profesión con plena liberdade, dentro do marco xurídico, deontolóxico e estatutario.

b) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de petición, o de voto e o de acceso aos postos e cargos directivos, a través dos procedementos e cos requisitos estatutariamente establecidos.

c) Pedir e obter do colexio a asistencia e protección que poida necesitar para o correcto exercicio profesional, así como cando considere lesionados os dereitos profesionais ou colexiais.

d) Participar, dentro do respecto aos demais colexiados, do uso e proveito dos bens e servizos do colexio nas condicións regulamentariamente establecidas.

e) Ser informado da actuación profesional e social do colexio mediante boletíns, guías, anuarios e outras publicacións.

f) Beneficiarse das actividades e servizos comúns de interese para os colexiados de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de prevención.

g) Exixir do colexio o visado dos traballos profesionais.

h) Gardar o segredo profesional, sen prexuízo das comunicacións interprofesionais dirixidas ao correcto tratamento dos casos.

i) Formular as suxestións por escrito e que estas sexan recollidas e tratadas nas reunións da Xunta de Goberno, logo da inclusión na orde do día.

j) Exercer o voto de censura.

k) Calquera outro dereito que lle sexa recoñecido nestes estatutos particulares.

Artigo 13º.-Deberes dos colexiados. Son deberes dos colexiados:

a) Exercer a profesión de acordo coa ética profesional.

b) Axustar a súa actuación profesional ás exixencias legais e estatutarias da organización colexial e someterse aos acordos adoptados polos diferentes órganos colexiais.

c) Comparecer ante os órganos colexiais cando sexan chamados para iso.

d) Satisfacer as cotas e demais cargas fiscais corporativas, ordinarias ou extraordinarias, de acordo coas que sexan aprobadas en Asemblea Xeral.

e) Notificarlle ao colexio calquera acto de intrusismo profesional ou exercicio ilegal da profesión de que tivesen coñecemento.

f) Levar coa máxima lealdade as relacións co colexio e cos demais colexiados.

g) Gardar o segredo profesional, sen prexuízo das comunicacións interprofesionais encamiñadas ao correcto tratamento dos casos.

h) Cooperar coa Xunta de Goberno e facilitar información nos asuntos de interese profesional en que se lles solicite, así como naqueloutros que os colexiados consideren oportuno.

i) Comunicar a situación laboral, como exercentes ou non, na cal se atopen.

j) Facilitarlle ao colexio os datos correctos necesarios para proceder ao cobramento da cotas de colexiación, así como os cambios que se produzan.

k) Calquera outro deber que derive do regulamento do colexio ou das prescricións xurídicas, éticas ou deontolóxicas vixentes en cada momento.

TÍTULO IV Dos órganos de goberno do colexio

Artigo 14º.-Dos órganos de goberno. Son órganos de goberno do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia a Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno.

Capítulo I Asemblea xeral

Artigo 15º.-Composición e natureza. A Asemblea Xeral, composta polo presidente e demais membros da Xunta de Goberno do colexio e por todos os colexiados presentes e legalmente representados, é o supremo órgano do colexio. Os seus acordos e resolucións validamente adoptados obrigan a todos os colexiados, incluídos os que voten en contra deles, se absteñan ou se atopen ausentes.

Artigo 16º.-Funcionamento.

1. As asembleas xerais, que poderán ser ordinarias e extraordinarias, terán lugar na forma e nos prazos que establezan estes estatutos.

2. Necesariamente deberá ter lugar dúas asembleas ordinarias: a primeira dentro do primeiro trimestre do ano, para a aprobación das contas do exercicio anterior, e a segunda dentro do último trimestre, na cal se aprobará o orzamento e o plan de actividades do seguinte exercicio.

3. A Asemblea Xeral extraordinaria terá lugar cando o acorde a Xunta de Goberno ou cando o solicite, como mínimo, un 10% do total de colexiados. A petición efectuarase mediante escrito en que consten os asuntos que se van tratar.

4. Todos os colexiados teñen dereito a asistir con voz ás asembleas xerais que teñan lugar. Terán dereito a voto todos os colexiados e colexiadas que estean ao día no pagamento das cotas colexiais, admitíndose a representación e o voto por delegación, mediante autorización escrita e para cada asemblea, debendo necesariamente recaer a dita delegación noutro colexiado. Só serán válidas as representacións entregadas ao secretario antes de dar comezo a asemblea. O colexio enviará o modelo para cada asemblea, admitíndose soamente unha representación por colexiado presente.

5. As asembleas serán convocadas, como mínimo, con 20 días de antelación á súa realización. A estas convocatorias daráselles publicidade a través dos medios oportunos para a difusión entre os colexiados.

Artigo 17º.-Constitución e toma de acordos.

1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa asistencia da metade máis un dos membros que a integran, presentes ou legalmente representados. En segunda convocatoria, calquera que sexa o número de colexiados presentes ou legalmente representados, agás naqueles casos en que sexa exixible un quórum especial.

2. Os acordos serán adoptados por maioría simple dos presentes, dirimindo os empates o voto de calidade do presidente ou de quen legalmente o substitúa. As votacións serán secretas cando así llo solicite á asemblea algún dos colexiados e sexa aprobado por maioría simple dos presentes. Os acordos que versen sobre fusión ou absorción do colexio deberán ser adoptados por maioría cualificada de dous terzos da Asemblea Xeral.

3. De cada sesión levantarase acta en que se farán constar as circunstancias de lugar, asistencia, asuntos tratados e intervencións, así como acordos adoptados, e debe ser visada polo presidente e asinada polo secretario.

Artigo 18º.-Funcións da Asemblea Xeral. Correspóndelle á Asemblea Xeral o exercicio das seguintes funcións:

a) Aprobar os estatutos do colexio, o Regulamento de réxime interior e as normas reitoras de organización e funcionamento do colexio, así como as súas respectivas modificacións.

b) Aprobar os orzamentos para o seguinte exercicio e a conta de ingresos e gastos do exercicio anterior.

c) Aprobar a memoria de xestión anual da Xunta de Goberno.

d) Determinar as cotas e achegas económicas que os colexiados deben satisfacer ao colexio.

e) Exixir responsabilidade do presidente e dos restantes membros da Xunta de Goberno, promovendo, se é o caso, moción de censura.

f) Decidir sobre todas aquelas cuestións da vida colexial que lle sexan normativa ou estatutariamente atribuídas.

g) Acordar a fusión, absorción e, se é o caso, disolución do colexio e, en tal suposto, o destino que se lles vai dar aos seus bens, para elevar a correspondente proposta á comunidade autónoma, debe ser aprobado por decreto autonómico.

h) Resolver as cuestións de confianza que, se é o caso, promova a Xunta de Goberno.

i) A elección da Xunta de Goberno e do seu presidente.

Capítulo II Xunta de Goberno

Artigo 19º.-Natureza e composición.

1. A Xunta de Goberno é o órgano colexial representativo e executivo ao cal lle corresponde o goberno e a administración do colexio, con suxeición á legalidade vixente e aos estatutos colexiais.

2. A Xunta de Goberno estará composta polo presidente do colexio, o vicepresidente, o secretario, o tesoureiro e seis vogais.

3. Non poderán formar parte da Xunta de Goberno aqueles colexiados que se atopen condenados por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión de cargos públicos e os que foron obxecto de falta disciplinaria grave ou moi grave en calquera colexio oficial mentres non quede extinguida a correspondente responsabilidade.

Artigo 20º.-Funcionamento.

1. A Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ao mes, e con carácter extraordinario cando as circunstancias así o aconsellen ou cando sexa solicitado pola cuarta parte dos membros da Xunta de Goberno.

2. Será obrigatoria a asistencia de todos os membros da Xunta de Goberno ás sesións, entendéndose como renuncia ao cargo a ausencia non xustificada a tres sesións consecutivas.

3. Notificaráselles a convocatoria da Xunta de Goberno a todos os seus membros, cunha antelación mínima de dous días.

4. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída se están presentes a metade máis un dos seus membros. Os acordos serán tomados pola maioría simple dos presentes. No caso de se producir un empate, dirimirase a través do voto de calidade do presidente.

Artigo 21º.-Funcións da Xunta de Goberno. Correspóndelle á Xunta de Goberno o exercicio das seguintes funcións:

a) Velar polo cumprimento e execución dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral, así como promover as iniciativas que pola devandita asemblea lle sexan encomendadas.

b) Resolver sobre as peticións de incorporación ao colexio de novos profesionais, admitindo ou denegando a súa colexiación.

c) Administrar os bens do colexio e dispoñer dos seus recursos.

d) Confeccionar, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral, a memoria anual de actividades, a memoria económica e os orzamentos do colexio, e render contas ante aquela.

e) Exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados.

f) Dirimir os conflitos que se poidan suscitar entre os colexiados no exercicio da profesión.

g) Fixar a data de realización da Asemblea Xeral e a orde do día das súas sesións.

h) Elaborar e propor o proxecto de Regulamento de réxime interior e as súas modificacións para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral, e propoñerlle a esta a modificación dos estatutos.

i) Informar os colexiados con prontitude sobre todos os temas de interese xeral e dar resposta ás consultas que aqueles fagan.

j) Establecer no seo da Xunta de Goberno as comisións que sexan necesarias para o mellor goberno do colexio.

k) Promover a cuestión de confianza ante a Asemblea Xeral, cando a maioría absoluta dos seus membros o considere oportuno.

Artigo 22º.-Presidente do colexio. Correspóndenlle ao presidente as seguintes funcións:

a) Representar o colexio nas súas relacións cos poderes públicos, entidades e corporacións de calquera tipo, así como coas persoas físicas e xurídicas.

b) Asistir como representante do colexio ás asembleas do Consello Xeral.

c) Desempeñar a presidencia da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral e visar as actas levantadas tras as reunións dos devanditos órganos.

d) Autorizar os informes e solicitudes oficiais do colexio que se dirixan a autoridades e corporacións.

e) Convocar as reunións da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral e dirimir os empates que se produzan no seo da Xunta de Goberno mediante o seu voto de calidade.

f) Conceder poderes, con capacidade, así mesmo, para absolver posicións en xuízo.

g) Autorizar a apertura de contas correntes bancarias, o movemento de fondos e a constitución e cancelación de todo tipo de depósitos e hipotecas.

h) Velar pola correcta conduta profesional dos colexiados e polo decoro do colexio.

Artigo 23º.-Vicepresidente do colexio. Correspóndelle ao vicepresidente o exercicio de todas aquelas funcións que lle sexan delegadas polo presidente, asumindo as atribuídas a este nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante. No caso de ausencia definitiva do presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta ocupará o cargo ata que se convoquen novas eleccións. Estas deberán convocarse no mes seguinte á ausencia definitiva do seu presidente.

Artigo 24º.-Secretario do colexio. Correspóndenlle ao secretario as seguintes funcións:

a) Levar os libros necesarios para o mellor e máis ordenado servizo do colexio.

b) Redactar e asinar as actas que necesariamente se deben levantar tras as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

c) Recibir e dar conta ao presidente e á Xunta de Goberno de todas as solicitudes e comunicacións que se dirixan ao colexio.

d) Redactar a memoria da xestión anual.

e) Dirixir os servizos administrativos e asumir a xefatura de persoal de acordo cos estatutos colexiais. Artigo 25º.-Tesoureiro do colexio. Correspóndenlle ao tesoureiro as seguintes funcións:

a) Recadar e custodiar os fondos do colexio.

b) Levar a contabilidade do colexio e o inventario dos seus bens.

c) Formular a conta xeral de tesouraría e preparar o proxecto de orzamentos anuais.

d) Realizar arqueos e balances de situación anuais e cando sexa requirido para iso.

Artigo 26º.-Vogais da Xunta de Goberno.

1. Correspóndelles aos vogais colaborar nas funcións da Xunta de Goberno, asistindo ás súas reunións e deliberacións. Os vogais formarán parte e desempeñarán a presidencia das comisións ou ponencias para as que sexan designados pola Xunta de Goberno.

2. Así mesmo, substituirán polo tempo que reste do seu mandato o vicepresidente, secretario e tesoureiro nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, tras a adopción de acordo pola Xunta de Goberno, e posterior ratificación pola Asemblea Xeral.

Capítulo III Procedemento para a elección dos membros da Xunta de Goberno Artigo 27º.-Condicións de elixibilidade.

1. Os cargos da Xunta de Goberno elixiranse mediante votación en que poderán participar todos os colexiados que estean ao día no pagamento das cotas colexiais, e que non fosen sancionados por infracción grave ou moi grave ou por sentenza firme á pena de inhabilitación, mentres dure o tempo do seu cumprimento.

2. Para todos os cargos exixiráselles aos candidatos, ademais, un mínimo de seis meses de colexiación.

3. En ningún caso poderá un mesmo candidato presentarse para dous cargos da Xunta de Goberno.

4. A duración do mandato de todos os cargos da Xunta de Goberno será de catro anos con dereito á reelección.

Artigo 28º.-Electores.

1. Terán dereito a voto, secreto e directo, para a elección dos cargos da Xunta de Goberno, todos os colexiados incorporados ao respectivo colexio, polo menos un mes antes da convocatoria das eleccións, que estean ao día no pagamento das cotas, sempre que non se encontren incursos en prohibición legal ou estatutaria.

2. O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo coas garantías que, en cada caso, se establecen nestes estatutos.

Artigo 29º.-Procedemento electoral.

1. A convocatoria das eleccións deberá ser anunciada, pola Xunta de Goberno, con tres meses de antelación á data da súa realización.

2. A Xunta de Goberno, polo menos un mes antes da data de realización daquelas, fará pública a lista definitiva de colexiados con dereito a voto na secretaría do colexio. A dita lista permanecerá no mencionado taboleiro de anuncios do colexio ata a finalización do proceso electoral.

3. Os colexiados que desexen reclamar sobre a dita lista poderán facelo durante os tres días hábiles seguintes ao da súa exposición no mencionado taboleiro de anuncios. As reclamacións deberán formularse por escrito ante a Xunta de Goberno, que resolverá no prazo de cinco días hábiles, unha vez finalizado o prazo de formalización de reclamacións.

4. Os colexiados que desexen presentarse á elección deberán presentar a súa candidatura por escrito ao presidente do colexio cunha antelación de corenta días ao da súa realización. Nos tres días seguintes de finalizado este prazo, a Xunta de Goberno fará pública a lista de candidatos, e abrirase un prazo de cinco días para formular reclamacións contra ela. Estas reclamacións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno dentro dos cinco días seguintes ao da expiración do citado prazo.

5. Os colexiados que o desexen poderán presentarse da forma indicada, especificando o cargo a que optan, ou agruparse constituíndo candidatura completa, integrada por tantos candidatos como cargos se elixisen, debendo o colexiado que a encabece facer a comunicación oportuna ao presidente do colexio, seguindo o procedemento establecido no punto anterior.

6. A mesa electoral constituirase no momento en que se peche o prazo de presentación de candidatos e estará integrada por un/unha presidente/a, dous vogais e un secretario, que terán designados os seus respectivos dous suplentes, escollidos por sorteo entre colexiados que non se presenten como candidatos á elección. Os candidatos poderán designar interventores da mesa, comunicándollo vinte e catro horas antes de comezar a votación á Xunta de Goberno, en número non superior a dous por cada candidatura completa e un por cada candidatura individual. Os interventores poderán asistir a todo o proceso de votación e escrutinio, formular as reclamacións que coiden oportunas e que serán resoltas polo presidente da mesa electoral e recollidas na acta polo secretario. A mesa electoral quedará facultada para dirimir e resolver todos os conflitos e as dúbidas que poidan xurdir sobre o proceso electoral.

7. Os colexiados votarán utilizando exclusivamente unha papeleta que lle entregarán, tras a identificación, ao presidente para que na súa presenza a deposite na urna. O secretario da mesa deberá consignar na lista de colexiados electores aqueles que vaian depositando o seu voto.

8. Os colexiados que non voten persoalmente poderán facelo por correo do seguinte xeito:

Enviando unha papeleta, nun sobre pechado, ao presidente da mesa electoral. Este sobre irá incluído dentro doutro en que figurará a fotocopia do documento nacional de identidade, tamén pechado, no cal conste claramente o remitente.

Os votos por correo enviaranse dirixidos ao/á presidente/a da mesa electoral. Admitiranse os sobres chegados ao colexio ata o remate da elección, e destruiranse sen abrir os chegados con posterioridade. O voto persoal revogara o voto emitido por correo.

9. Rematada a votación procederase ao escrutinio de todos os votos, que será público, contabilizándose os votos obtidos por cada candidato. Consideraranse nulos todos os votos recaídos en persoas que non figuren como candidatos nas listas, así como aquelas papeletas que conteñan riscadas, frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato.

10. Os/As candidatos/as que obtivesen o maior número de votos serán escollidos para o respectivo cargo ao cal se presenten na candidatura individual ou completa. No caso de empate, escollerase o candidato con máis antigüidade no Colexio de Galicia.

11. Efectuado o escrutinio dos votos nas vinte e catro horas seguintes, os candidatos poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas. A Xunta de Goberno, por proposta da mesa electoral, resolverá no prazo máximo das corenta e oito horas seguintes as reclamacións formuladas. Se, á vista das impugnacións presentadas, a xunta resolvese anular a elección, comunicarallo ao Consello Xeral e procederá a convocar novas eleccións no prazo máximo dun mes. Neste caso, a Xunta de Goberno continuará en funcións ata que sexan proclamados os cargos da nova xunta escollida.

12. Se non se presentasen reclamacións ou, resoltas estas, se desen sen que concorresen causas de nulidade, procederase á proclamación dos/as candidatos/as elixidos/as, no prazo de cinco días.

13. Os membros electos da Xunta de Goberno deberán tomar posesión dos seus cargos no prazo máximo de quince días desde a súa proclamación. Deberá comunicarse ao Consello Xeral e, se é o caso, á consellería da Xunta de Galicia que sexa competente, a nova Xunta de Goberno resultante.

Artigo 30º.-Cesamentos.

1. Os membros da Xunta de Goberno cesarán nos seguintes supostos:

a) Termo do mandato.

b) Renuncia do interesado.

c) Perda das condicións de elixibilidade a que se refire o artigo 27º.

d) Condena por sentenza firme que leve parella inhabilitación para o exercicio de cargos públicos.

e) Sanción disciplinaria por falta moi grave.

f) Aprobación dunha moción de censura ou perda dunha cuestión de confianza.

g) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno.

2. Se, por calquera causa, cesase un número de membros da Xunta de Goberno menor de cinco, e que non garantise o quórum necesario para a toma de acordos, esta convocará eleccións para cubrir os postos vacantes, nun prazo de tres meses.

Capítulo IV Moción de censura

Artigo 31º.-Moción de censura.

1. A Asemblea Xeral poderá exixir responsabilidade da Xunta de Goberno e do/a presidente/a mediante a adopción, por maioría absoluta, dun voto de censura.

2. A moción de censura deberá ser proposta por escrito e, polo menos, polo vinte e cinco por cento dos colexiados, expresando claramente as razóns en que se fundamenta.

3. A moción de censura presentarase ante a Xunta de Goberno, que estará obrigada a convocar unha asemblea xeral extraordinaria no prazo de 20 días desde a presentación da citada moción de censura. A realización da devandita asemblea terá lugar, necesariamente, dentro dos dous meses seguintes ao da súa convocatoria.

4. No caso de cesamento da totalidade da Xunta de Goberno, excepto no caso de aprobación dunha moción de censura, esta permanecerá en funcións ata a elección dunha nova Xunta de Goberno.

5. A Asemblea Xeral extraordinaria quedará constituída cando asista a metade máis un do censo de colexiados. De existir este quórum, será necesario o voto favorable directo e persoal da metade máis un dos asistentes á asemblea dos representados.

6. Se a moción de censura resultase aprobada pola Asemblea Xeral, esta designará unha Xunta de Goberno provisional que convocará novas eleccións no prazo dun mes. Se a moción de censura non fose aprobada, os seus signatarios non poderán presentar outra ata transcorridos seis meses desde esta.

Artigo 32º.-Cuestión de confianza. A Xunta de Goberno poderá proporlle á Asemblea Xeral a cuestión de confianza sobre a súa xestión. A confianza entenderase dada se vota a favor dela a maioría simple dos presentes na Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para o efecto.

TÍTULO V Réxime económico e financeiro

Artigo 33º.-Capacidade patrimonial.

a) O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia ten plena capacidade patrimonial para o cumprimento dos seus fins e plena autonomía para a xestión e administración dos seus bens, sen prexuízo da súa necesaria contribución ao sostemento do Consello Xeral.

b) A corrección na contabilidade e a completa e axustada anotación dos ingresos e dos gastos do colexio será auditada cando se produza unha renovación total da Xunta de Goberno ou parcial se afecta o tesoureiro ou máis de tres compoñentes desta.

Artigo 34º.-Recursos económicos ordinarios. Constitúen recursos ordinarios do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia:

a) As cotas de inscrición no colexio que satisfagan os colexiados.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que fixe a Asemblea Xeral do colexio por proposta da Xunta de Goberno.

c) As taxas que corresponda cobrar aos colexiados respecto daqueles traballos profesionais que sexan obxecto de supervisión ou visado polo colexio oficial.

d) Os ingresos que o colexio poida obter por venda de publicacións, impresos, subscricións e expedición de certificacións, así como por realización de ditames, funcións de asesoramento e similares que lle sexan solicitados.

e) Os rendementos de calquera natureza que produzan bens e dereitos que integren o patrimonio do colexio, así como os que produzan as actividades de toda clase que desenvolva.

Artigo 35º.-Recursos económicos extraordinarios. Constitúen recursos extraordinarios dos colexios de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais:

a) As subvencións, donativos ou calquera clase de axudas que lles sexan concedidas polas administracións públicas, entidades públicas e privadas, e polos particulares.

b) Os bens e dereitos de toda clase que por herdanza, doazón ou calquera outro título pasen a formar parte dos seus patrimonios.

c) As cantidades que por calquera concepto non especificado lles corresponda percibir.

TÍTULO VI Réxime de distincións e premios

Artigo 36º.-Réxime de distincións e premios. Os colexiados poderán ser distinguidos ou premiados mediante acordo da Asemblea Xeral do Colexio de Galicia, por proposta da súa Xunta de Goberno ou por iniciativa dun número de colexiados superior a un dez por cento do total, coas recompensas e premios que se especifican, e que se farán constar no expediente persoal:

a) Felicitacións ou mencións honoríficas.

b) Proposta á Administración pública para a concesión de condecoracións ou calquera outro tipo de honras.

c) Publicación con cargo aos fondos do colexio daqueles traballos de destacado valor profesional.

d) Aqueloutros de tipo económico que a Xunta de Goberno considere e as dispoñibilidades económicas o permitan.

TÍTULO VII Réxime disciplinario

Capítulo I Tipificación de infraccións e sancións

Artigo 37º.-Potestade disciplinaria.

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno o exercicio da potestade disciplinaria sobre os colexiados.

2. Os membros da Xunta de Goberno do colexio serán, se é o caso, sancionados polo Consello Xeral de Colexios de Diplomados en Traballo e Asistentes Sociais.

Artigo 38º.-Infraccións.

1. Serán sancionables todas as accións e omisións en que incorran os membros dos colexios no exercicio profesional, que se encontren tipificadas como falta nestes estatutos.

2. As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.

A) Son infraccións leves:

a) A neglixencia no cumprimento dos deberes profesionais e das obrigas colexiais.

b) A falta de respecto a outros colexiados.

b) Son infraccións graves:

a) O incumprimento reiterado da obriga de pagamento das cotas colexiais, sempre que sexa requirido para iso.

b) O incumprimento reiterado da obriga de pagamento da porcentaxe que sobre os honorarios profesionais corresponda, se é o caso, ingresar no respectivo colexio.

c) O incumprimento reiterado da disciplina colexial.

d) O desempeño de traballos profesionais que fosen encomendados a outros compañeiros sen obter previamente o seu permiso.

e) O menosprezo grave, a inxuria e as agresións a outros colexiados.

f) O incumprimento dos acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio ou polos do Consello Xeral de Colexios.

g) A reincidencia de faltas leves.

c) Son infraccións moi graves:

a) O incumprimento das obrigas deontolóxicas e dos deberes profesionais establecidos por norma legal ou estatutaria.

b) O encubrimento do intrusismo profesional.

c) A reincidencia en faltas graves.

Artigo 39º.-Sancións.

1. A comisión dos actos tipificados no artigo anterior poderá determinar a imposición das seguintes sancións:

A) Para as infraccións leves:

a) Apercibimento por escrito.

b) Amoestación privada.

b) Para as infraccións graves:

a) Amonestación pública.

b) Suspensión do exercicio profesional por período máximo de seis meses.

c) Privación temporal do dereito a desempeñar cargos corporativos por período máximo dun ano.

C) Para as infraccións moi graves:

a) Suspensión da condición de colexiado por período máximo de dous anos.

b) Expulsión do colexio.

2. En todo caso, deberá atenderse ao principio de proporcionalidade entre a infracción cometida e a sanción que se vai impoñer.

Artigo 40º.-Prescrición.

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos, a partir do día en que aconteceron os feitos que as motivaron. Interromperá a prescrición, a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador e volverá comezar o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

2. As sanción impostas por infraccións leves prescribirán ao ano, as impostas por infraccións graves aos dous anos e as impostas por faltas moi graves aos tres anos, a partir do día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Interromperá a prescrición, a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Capítulo II Procedemento sancionador

Artigo 41º.-Actuacións previas e expediente sancionador.

1. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador, poderanse realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación. En especial, estas actuacións orientaranse a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación da persoa ou persoas que puidesen resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nuns e noutros.

2. Para a imposición de sancións graves e moi graves será preceptiva a apertura de expediente sancionador, para o cal o presidente do colexio designará, tras o acordo da Xunta de Goberno, un instrutor, poderá recaer o devandito nomeamento en calquera colexiado.

3. A apertura do expediente, que conterá unha relación sucinta dos feitos constitutivos da infracción e das sancións que puidesen ser obxecto de aplicación, deberáselle comunicar fidedignamente ao interesado, co fin de que redacte o correspondente prego de descargos, efectuando as alegacións que coide oportunas e achegando e propoñendo cantas probas considere necesarias. En calquera caso, a non-formulación do citado prego non impedirá a ulterior tramitación do expediente.

4. Para os efectos de lle dar cumprimento ao contido deste punto, observaranse os prazos establecidos na normativa vixente en cada momento.

5. Practicadas, se é o caso, as probas propostas polo interesado e as que de oficio solicitase o instrutor, este elevará proposta de resolución á Xunta de Goberno, co fin de que dite a oportuna resolución no prazo máximo de vinte días.

6. A imposición das sancións de apercibimento e amoestación privada non requirirán apertura de expediente sancionador; debe impoñelas a Xunta de Goberno logo de audiencia do interesado.

Artigo 42º.-Resolución do expediente.

1. A resolución da Xunta de Goberno, que será motivada e non se poderá referir a feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, deberáselle comunicar por escrito e claramente ao interesado. Na adopción da devandita resolución non poderán intervir o instrutor e cantas outras persoas actuasen no expediente.

2. Contra a resolución que poña fin ao expediente, o interesado poderá interpoñer recurso de alzada ante o órgano competente ou, se é o caso, ante o Consello Xeral de Colexios de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais.

3. Esgotados os recursos corporativos, o interesado poderá recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO VIII Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 43º.-Eficacia dos actos e acordos.

1. Os actos e acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno son inmediatamente executivos, agás que neles se estableza o contrario.

2. Non entanto, a eficacia dos devanditos actos e acordos quedará demorada cando así o exixa o seu contido ou se atope supeditada á súa notificación.

Artigo 44º.-Rexistro de actas. O colexio estará obrigado a levar un rexistro de actas, autorizado polas sinaturas do presidente e dos secretario, en que constarán os actos e acordos da Asemblea Xeral e os da Xunta de Goberno.

Artigo 45º.-Nulidade de pleno dereito. Serán nulos de pleno dereito os actos colexiais en que concorra algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

Artigo 46º.-Anulabilidade.

1. Serán anulables aqueles actos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

2. Non entanto, o defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanzar o seu fin ou dea lugar á indefensión dos/as interesados/as.

3. A realización de actos fóra do tempo establecido para iso, só implicará a súa anulabilidade cando o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 47º.-Recursos administrativos e xurisdicionais.

1. Contra as resolucións expresas ou tácitas do colexio poderase interpoñer recurso de alzada nos termos e prazos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante o Consello Xeral.

2. As resolucións do Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia e, se é o caso, do Consello Xeral que resolvan os recursos de alzada, poñen fin á vía administrativa e son susceptibles de recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 48º.-Lexitimación. Están lexitimados para recorrer contra actos colexiais:

a) Cando se trate de actos ou acordos con efectos xurídicos individualizados, os titulares dun dereito subxectivo ou dun interese lexítimo.

b) Cando se trate de actos ou acordos que afecten unha pluralidade indeterminada de colexiados/as ou o colexio en si mesmo, calquera colexiado/a pertencente ao colexio.

TÍTULO IX Disolución do colexio

Artigo 49º.-Supostos para instar a disolución do colexio.

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia poderá iniciar os trámites para a súa disolución nos seguintes supostos:

a) Cando se promulgue unha norma xurídica de igual rango que a que o creou, que inste a súa disolución.

b) Polo descenso de colexiados e colexiadas ata menos de vinte.

Artigo 50º.-Procedemento de disolución e réxime de liquidación.

a) A decisión de comezar o procedemento de disolución tomarase nunha asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto.

b) O acordo de disolución seralles comunicado ao Consello Xeral, ao Ministerio, e á consellería da Xunta de Galicia competentes en materia de colexios profesionais. É condición indispensable para a disolución o informe favorable do Consello Xeral.

c) A comisión liquidadora estará formada polos compoñentes da última Xunta de Goberno.

d) Os produtos desta liquidación serán destinados a outros colexios oficiais da mesma profesión, ou doutra nova que puidese englobar os titulados da actual.

e) Esta decisión da comisión liquidadora terá que ser aprobada por unha Asemblea Xeral Extraordinaria do colexio convocada para o efecto. Esta decisión deberá conter, ademais, o nomeamento da comisión liquidadora e a proposta sobre colexiación noutro Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais dos profesionais que nese momento estean colexiados no Colexio Oficial de Galicia.


No hay versiones para esta norma