Decreto 58/2005, do 24 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese. - Diario Oficial de Galicia, de 05-04-2005

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 64
  • Fecha de Publicación: 05/04/2005
  • Este documento NO tiene versiones

Exposición de motivos O Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, ditouse en desenvolvemento do previsto no artigo 20 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que establece que as asociacións, fundacións e outras organizacións non gobernamentais que interveñan no campo das drogodependencias poderán cooperar coa Administración autonómica nas distintas materias obxecto da lei, logo de inscrición nos rexistros que regulamentariamente se determinen e sempre que se adecuen ás normas previstas na lexislación vixente.

O devandito artigo 20, no seu punto 2º, establece a posibilidade de que a Xunta de Galicia declare de interese para a Comunidade Autónoma galega aquelas entidades sen ánimo de lucro que estean levando a cabo programas ou servizos no campo das distintas drogodependencias e cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan.

No entanto, a posta en práctica do citado decreto, así como a complexidade da materia que desenvolve, fai necesario modificar algúns contidos da norma aclarando aqueles aspectos que dificultaban a práctica da inscrición.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo o Consello Consultivo, Ditame 642/2004, do 20 de decembro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.Modificación dos artigos 2, 3, 7, 8 e 9 doDecreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese.

1. O artigo 2º queda redactado como segue: «Artigo 2º.-Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas.

1. Créase o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, no cal se inscribirán as asociacións, fundacións, organizacións non gobernamentais e outras entidades públicas ou privadas que, desenvolvendo as súas actividades no territorio da comunidade autónoma, se constitúan ou se constituísen para levar a cabo programas de prevención, asistencia, incorporación social, formación ou investigación no campo das drogodependencias e pretendan cooperar coa Consellería de Sanidade na consecución de obxectivos nestes ámbitos.

2. Para ser obxecto de inscrición no rexistro, será preciso que o funcionamento de polo menos un dos programas desenvolvidos nos centros e servizos dos que sexan titulares as entidades anteriormente mencionadas se adecue aos criterios e contidos dalgún dos programas establecidos no documento do Plan de Galicia sobre Drogas vixente en cada momento.

3. As entidades que sexan obxecto de inscrición recibirán a acreditación de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas no desenvolvemento do programa que corresponda.

4. O rexistro é único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, e depende organicamente da Dirección Xeral de Saúde Pública e funcionalmente da Consellería de Sanidade. A súa xestión ordinaria correspóndelle ao Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas».

2. O artigo 3º queda redactado como segue: «Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As inscricións no rexistro realizaranse por instancia de parte, sen prexuízo das facultades de inscrición de oficio, pola Consellería de Sanidade, daquelas entidades ou institucións que veñan desenvolvendo actividades no ámbito das drogodependencias no momento da entrada en vigor deste decreto, sempre que cumpran os requisitos exixidos legalmente e veñan actuando como entidades colaboradoras na devandita materia.

2. A solicitude de inscrición formalizarase coa achega da documentación que se cita a continuación, e que se deberá presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro:

a) Solicitude conforme o modelo que figura como anexo I deste decreto, dirixida ao director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

b) Copia notarial ou fotocopia compulsada dos estatutos ou da escritura fundacional da entidade, de acordo co disposto no artigo 38.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

c) Documento acreditativo do número de rexistro de asociacións ou fundacións, no caso de tratarse dunha entidade deste tipo.

d) Fotocopia compulsada do código de identificación fiscal (CIF) , de acordo co disposto no artigo 38.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

e) Proxecto no cal fixará a denominación, tanto dos programas ou actividades desenvolvidas no ano precedente ao da data de solicitude de inscrición, como os/as que se van desenvolver no ano seguinte.

En ambos os casos deben cubrir os formularios de presentación de programas segundo o manual do sistema de avaliación e programas de prevención e incorporación social (SAPI) , que serán facilitados, logo de solicitude, pola/na oficina do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

f) Certificado do Rexistro da Propiedade sobre a titularidade, gravames dos bens inmobles destinados pola entidade a servizos en materia de drogodependencias, contratos de arrendamento, cesión ou outros que xustifiquen, se é o caso, o seu uso por parte da entidade cando esta non sexa propietaria deles.

g) Copia compulsada, de acordo co disposto no artigo 38.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou, no seu defecto, certificación dos documentos acreditativos e dos permisos de obras e licenzas de apertura e funcionamento municipais, así como as autorizacións dos demais organismos competentes na materia referidas aos bens inmobles que, estando en proxecto de execución, ten previsto utilizar a entidade para desenvolvemento de servizos no ámbito das drogodependencias.

3. Poderán solicitar a inscrición os concellos que desenvolvan programas de tratamento de drogodependencias a través de unidades e servizos asistenciais por eles xestionados.

Os concellos só terán que presentar os documentos subliñados coas letras a) e e) do punto 2 deste artigo. De ter subscritos convenios de cooperación coa Consellería de Sanidade para o desenvolvemento de programas de prevención, incorporación social ou tratamento de drogodependencias, unicamente será precisa a presentación da correspondente solicitude debidamente cuberta».

3. O artigo 7º queda redactado como segue: «Artigo 7º.-Concertos e convenios. A inscrición no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas considerarase requisito previo e necesario para o establecemento de concertos ou convenios e para a obtención, polas citadas entidades, de axudas ou subvencións da Administración autonómica no ámbito da prevención, asistencia, rehabilitación, incorporación social, formación ou investigación en materia de drogodependencias, de acordo co previsto no artigo 29 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre Drogas».

4. O artigo 8º queda redactado como segue: «Artigo 8º.-Declaración de interese. A Xunta de Galicia, tras a solicitude do interesado, poderá declarar de interese para a Comunidade Autónoma galega, mediante orde do conselleiro de Sanidade, as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas. Para estes efectos, as devanditas entidades deberán estar levando a cabo exclu sivamente programas ou servizos no campo das distintas

drogodependencias, sempre e cando se adecuen aos criterios e contidos dos programas recollidos no documento do Plan de Galicia sobre Drogas vixente en cada momento.

Para acreditar este extremo, poderase solicitar o proxecto mencionado no artigo 3.2º e) , así como calquera outro documento que se coide pertinente, para actualizar os datos que consten naquel, sempre que estean relacionados directamente cos programas ou servizos que estean a desenvolver, e en virtude dos que efectúen a solicitude de declaración de interese.

«Artigo 9º.-Solicitude de recoñecemento de interese.

1. A solicitude de recoñecemento de interese dirixirase, en modelo oficial que figura como anexo IV deste decreto, ao director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade a través da delegación provincial da Consellería de Sanidade da provincia onde radique o domicilio social da entidade solicitante.

2. O prazo de resolución da solicitude será de seis meses. De non recaer resolución expresa dentro do citado prazo, a solicitude entenderase estimada».

Artigo 2º.Modificación dos anexos do Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas e se regula o procedemento para a súa declaración de interese.

Os anexos I, II, III e IV quedan redactados como consta neste decreto.

Disposición adicional

As referencias feitas ao secretario xeral da Consellería de Sanidade no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, entenderanse feitas ao director xeral de Saúde Pública da devandita consellería, como consecuencia da nova estrutura orgánica desta, aprobada polo Decreto 13/2005, do 3 de febreiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ao conselleiro de Sanidade para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de febreiro de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne Presidente

José Manuel González Álvarez

Conselleiro de Sanidade

Esta norma conten táboas, se desexa consultalas pulse AQUI

(Para poder le-los documentos é necesario o lector Adobe Acrobat)

58/2005

58/2005

58/2005,

58/2005,


No hay versiones para esta norma