Decreto 65/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan reitor de uso e xestion do parque natural do Monte Aloia. - Diario Oficial de Galicia, de 31-03-2009

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 62
  • Fecha de Publicación: 31/03/2009
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30º, faculta á Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu título I, define con carácter xeral os espazos naturais que deben ser considerados merecedores dunha protección especial, regulando o seu procedemento de declaración, dispoñendo un réxime xeral de protección e prevendo a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece a Lei 9/2001, do 21 de agosto, inclúese a figura de parque natural.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establece no seu artigo 31 que os plans reitores de uso e xestión (PRUx) se configuran como instrumentos de xestión dos parques naturais da Rede Galega de Espazos Protexidos, e que de acordo co artigo 33 o seu contido deberá desenvolver as directrices emanadas do plan de ordenación dos recursos naturais, o cal no caso do parque natural do Monte Aloia se aprobaba mediante o Decreto 274/2001, do 27 de setembro (DOG nº 205, do 23 de outubro). Segundo o punto 9º do anexo do Decreto 274/2001, o desenvolvemento do PORN deberá realizarse mediante o correspondente PRUX, que se elaborará segundo o disposto nas normativas estatais e autonómicas.

O parque natural do Monte Aloia comprende, de acordo coa limitación establecida no Real decreto 3160/1978, do 4 de decembro, unha superficie de 746,29 ha. O territorio delimitado polo parque natural do Monte Aloia intégrase dentro do lugar de importancia comunitaria do Monte Aloia (Decisión 2008/23/CE da Comisión, do 12 de novembro de 2007, pola que se adopta, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, unha primeira lista actualizada de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica, DOUE L 12 do 15 de xaneiro de 2008), e da zona de especial protección dos valores naturais do Monte Aloia (Decreto 72/2004, DOG nº 69, do 12 de abril).

En consecuencia, este PRUX redáctase cumprindo os requisitos establecidos pola normativa autonómica (Lei 9/2001) e estatal (Lei 42/2007). Os efectos deste plan terán o alcance que establezan as súas propias normas de aplicación e será obrigatorio e executivo nas materias que aparezan reguladas na Lei 9/2001, do 21 de agosto e as súas disposicións prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e ordenación do territorio. Cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, os órganos competentes revisarana de oficio.

Así mesmo, debido á integración do parque natural na Rede Natura 2000, a redacción do PRUX articúlase co fin de evitar que se produzan alteracións ou deterioracións significativas sobre a integridade do lugar e da futura zona especial de conservación, e asegura o mantemento nun estado de conservación favorable dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE e dos hábitats das especies silvestres de flora e fauna establecidas nos anexos II, IV, V da DC 92/43/CEE e no anexo I da DC 79/409/CEE.

A articulación das medidas de xestión require, de acordo coa DC 92/43/CEE, a realización dun plan de xestión específico para os lugares da Rede Natura 2000, así como o establecemento de medidas regulamentarias e administrativas, acordes coas exixencias ecolóxicas dos tipos de hábitats e especies de interese para a conservación e, especialmente, as recollidas nos anexos da DC 92/43/CEE e da DC 79/409/CEE.

Na tramitación deste PRUX seguíronse os trámites previstos nos artigos 35 e 43 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, someténdose a información pública e audiencia aos interesados, de acordo coa Resolución do 21 de novembro de 2007, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG nº 246, do 21 de decembro), e obtendo o informe favorable da Xunta Consultiva do parque natural na súa sesión plenaria do 3 de xullo de 2008.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación de Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de febreiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Plan reitor de uso e xestión do parque natural do Monte Aloia, recollido no anexo I e o mapa de límites e zonificación que se conteñen no anexo II deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de febreiro de dous mil nove.

Emilio Perez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Plan reitor do uso e xestión do parque natural do Monte Aloia

Título I

Disposicións xerais

1. Natureza do plan.

Este plan é o instrumento de xestión dos recursos naturais do parque natural do Monte Aloia, conforme o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

2. Finalidade.

Este Plan reitor de uso e xestión (de agora en diante PRUx) ten como finalidade establecer un modelo de xestión que contribúa a alcanzar os obxectivos de conservación e ordenación do parque natural do Monte Aloia, de acordo cos criterios establecidos nas normativas que rexen a xestión dos espazos naturais e da biodiversidade, no ámbito comunitario (DC 92/43/CEE e DC 79/409/CEE), nacional (Lei 42/2007) e autonómica (Lei 9/2001), establecendo as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular a investigación, o uso público e mais a conservación, protección e mellora dos valores ambientais.

3. Ámbito territorial do plan.

1. O parque natural do Monte Aloia está situado no concello de Tui e no partido xudicial do mesmo nome. Está localizado no sur da provincia de Pontevedra, Comunidade Autónoma de Galicia. O parque natural do Monte Aloia comprende, de acordo coa limitación establecida no Real decreto 3160/1978, do 4 de decembro, unha superficie de 746,29 ha, das cales 337,13 ha pertencen á entidade local menor de Pazos de Reis (Tui) e 409,16 ha á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Rebordáns. O Monte Aloia é o primeiro parque natural creado na Comunidade Autónoma galega. Foi declarado sitio natural de interese nacional o 5 de xuño de 1935 e parque natural o 4 de decembro de 1978. Coa transferencia de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en 1984, a xestión do parque natural do Monte Aloia pasa á Xunta de Galicia.

2. Os límites xeográficos do monte Aloia son os que a seguir se mencionan: norte, termo municipal do Porriño e Gondomar, liña de separación co monte de utilidade pública número 493 denominado Costa de Oia e outros da entidade local menor de Chenlo e monte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Costa de Oia da parroquia de Ribadelouro (concello de Tui); leste e sur: predios de propiedade privada do concello de Tui; oeste: monte da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común denominado Casas Novas e Rega de Bastián da parroquia de Randufe (concello de Tui).

3. Mediante decreto da Xunta de Galicia e por proposta do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, aplicaranse os obxectivos, directrices e normativas ás áreas que resulten da ampliación do espazo. Este procedemento incluirá a identificación e xeorreferenciación dos compoñentes do patrimonio natural, biodiversidade e xeodiversidade da ampliación, así como o establecemento dunha zonificación acorde coas categorías establecidas neste plan. De ser necesario, poderá elaborarse unha normativa de carácter específico para as referidas áreas de ampliación do espazo protexido.

4. Efectos do plan.

1. Este PRUX será obrigatorio e executivo en todo o que afecte a conservación, protección ou mellora da flora, a fauna, a xea, os ecosistemas, a paisaxe, os hábitats e os recursos naturais.

2. Este PRUX prevalecerá sobre calquera outro instrumento de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio. Cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, os órganos competentes revisarán esta de oficio, territorial ou física, constituíndo as súas disposicións un límite para estes, cuxas determinacións non poderán alterar ou modificar aquelas e se aplicarán, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación preexistentes.

3. As previsións deste PRUX terán carácter vinculante para calquera outra actuación, plan ou programa sectorial en todo o relativo ás materias a que se refire o número 2 deste artigo e revestirán carácter indicativo en todo o demais.

5. Vixencia e revisión.

As determinacións deste PRUX entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e continuarán en vixencia, de acordo ao artigo 36 da Lei 9/2001, ata un máximo de seis anos, e deberán revisarse ao termo deste período ou antes se fose necesario.

6. Contido do plan.

O Plan reitor de uso e xestión do parque natural do Monte Aloia está integrado por 4 epígrafes:

a) Xustificación, categoría de protección e obxectivos.

b) Zonificación.

c) Medidas de xestión.

d) Desenvolvemento do Plan reitor de uso e xestión.

Título II

Xustificación, categoría de protección e obxectivos

7. Xustificación.

O territorio delimitado polo parque natural do Monte Aloia intégrase dentro do lugar de importancia comunitaria do Monte Aloia (Decisión 2008/23/CE da Comisión, do 12 de novembro de 2007, pola que se adopta, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, unha primeira lista actualizada de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica, DOUE L 12 do 15/1/2008) e da zona de especial protección dos valores naturais do Monte Aloia (Decreto autonómico 72/2004, DOG nº 69, do 12 de abril).

O ámbito do plan, localizado na comarca do Baixo Miño, encóntrase no extremo suroccidental da provincia de Pontevedra, sobre un substrato maioritariamente granítico correspondente ás raíces da oroxenia herciniana. Os materiais de natureza metamórfica, que aparecen seguindo bandas de dirección aproximada NO-SE, mostran a dirección principal desta macroestrutura, arrasada durante o Mesozoico. As grandes formas do relevo da comarca son produto de movementos tectónicos a favor de fracturas en direccións aproximadamente perpendiculares, N-S e E-W; trátase probablemente de fracturas antigas reactivadas durante o Terciario. Destaca entre elas a que deu lugar ao val principal do Miño no seu tramo inferior, que resulta análoga ás que xeraron as Rías Baixas.

O conxunto montañoso formado pola serra do Galiñeiro e o Monte Aloia constitúe unha superficie de aplanamento superior que se estende en dirección NW-SE e que contrasta coa morfoloxía plana da depresión do Porriño-Tui. Este relevo é o resultado do progresivo desmantelamento polo río Miño e os seus afluentes dos restos dunha chaira irregular fracturada (penechaira de arrasamento da oroxenia herciniana), situados a diferentes niveis. O grao de desmantelamento das distintas zonas está en función dos materiais que afloran nelas.

O desenvolvemento hidrolóxico está determinado por dous factores. Por unha parte, o carácter litolóxico do conxunto do territorio estudado, configurado a grandes trazos polas rochas ígneas (materiais graníticos), que pola súa natureza son materias de baixa permeabilidade, ben que localmente esta pode aumentar, segundo as influencias estruturais e de foliación que presentan estes materiais. Por outra banda, a climatoloxía é outro factor para considerar, xa que determinará as dispoñibilidades hídricas da área. En liñas xerais, dada a litoloxía presente, prodúcese un predominio de circulación hidráulica en forma de escorregadura superficial, quedando a escorregadura subterránea moi limitada e condicionada pola fisuración, diaclasado e foliación.

A escorregadura superficial organízase no ámbito do plan en dúas bacías hidrográficas denominadas Louro e O Rosal, ben que ambas as bacías son, en realidade, subbacías do denominado sistema Miño-Sil. A rede fluvial está directamente condicionada polas características fisiográficas do territorio, situado nunha superficie superior de aplanamento como é a serra do Galiñeiro. Esta rede fluvial está constituída por diversos regatos que nacen nas cotas máis altas do macizo do Monte Aloia e que despois se constitúen nunha auténtica rede de drenaxe de todo o macizo. Á bacía do Louro, que drena a parte setentrional e oriental do macizo, pertencen os regatos San Simón, Deique e Rebordáns, mentres que á bacía do Rosal, que drena a parte suroccidental do macizo, pertencen os regatos Udencias-Tripes e Tabernas. No ámbito do plan existen ademais varias charcas ou pequenas lagoas formadas pola construción de pequenas presas nos leitos dos cursos fluviais; é o caso das pozas da Cabana, Clavildo e Paredes. Tamén son frecuentes, a nivel local, os foxos e pequenas depresións inundables temporalmente, que se encontran condicionadas polo réxime de chuvias imperante.

A relativa reducida extensión do parque natural do Monte Aloia e as súas particulares características fisiográficas condicionan notablemente a delimitación das unidades da paisaxe. En realidade, o conxunto do Monte Aloia pódese considerar como unha unidade no marco da comarca do Baixo Miño, que constitúe unha bacía visual con forma trapezoidal formada por ladeiras arborizadas, cando se visualiza desde o exterior (marxe portuguesa do río Miño). Como subunidades desta unidade constituída polo Monte Aloia, pódense delimitar as tres que forman o interfluvio denominado costa de Oia, a superficie culminante amesetada constituída polo alto de San Xián, así como as ladeiras de orientación S-SE do Monte Aloia.

A vexetación supón un elemento estrutural de primeira orde ao determinar as características espaciais dos ecosistemas e condicionar definitivamente a fauna e a estrutura da paisaxe. A cuberta vexetal do ámbito do plan é o resultado da combinación dos aspectos xeomorfolóxicos (litosolos, rochedos graníticos e pendentes) e os usos históricos do monte, entre os que hai que destacar os incendios forestais, coa consecuente perda de cobertura vexetal. O parque natural do Monte Aloia sitúase no extremo sur da serra do Galiñeiro. A masa arbórea, que cobre este monte en case toda a súa extensión, ten a súa orixe nas repoboacións forestais que se iniciaron a principios do século XX; este feito confírelle á fauna asociada unha escasa naturalidade. O elevado número de pistas existentes, xunto á gran cantidade de visitantes que recibe ao longo do ano, condicionan a presenza dunha fauna xeneralista, adaptada a medios degradados e tolerante a unha frecuente presenza humana. Non obstante, persisten elementos de gran valor, asociados a aqueles puntos que lograron permanecer á marxe de agresións externas.

O parque natural do Monte Aloia alberga 11 tipos de hábitats naturais do anexo I da DC 92/43/CEE, dos cales 3 deles, Matogueiras arborescentes de Laurus nobilis (Nat-2000 5230*), zonas subestépicas de gramíneas e anuais de Thero-Brachypodietea (Nat-2000 6220*) e os Bosques aluviais (Nat-2000 91E0*), son considerados como hábitats prioritarios, mentres que os 8 restantes son hábitats de interese comunitario. A listaxe de hábitats naturais presentes no parque natural do Monte Aloia preséntanse a continuación:

3260 Ríos dos pisos basal a montano.

4030 Queirogais secos europeos.

5230 Matogueiras arborescentes de Laurus nobilis.

*

6220 Zonas subestépicas de gramíneas e anuais da orde Thero-Brachypodietea.

6430 Megaforbios éutrofos higrófilos das orlas de chairas e dos pisos montano a alpino.

6510 Prados de sega de baixa altitude.

8220 Encostas rochosas silíceas con vexetación casmofítica.

8230 Rochedos silíceos con vexetación pioneira.

8310 Covas non explotadas polo turismo.

91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Frakinus excelsior.

*

9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.

Do conxunto de especies de interese para a conservación destaca a presenza de Narcissus cyclamineus, especie tipificada no anexo II da DC 92/43/CEE, e considerada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA).

Entre os animais, os grupos con maior contribución de especies de interese corresponde aos invertebrados, anfibios, réptiles, aves e mamíferos. Pola contra, entre os peixes soamente se constata a presenza de pequenas poboacións de Chondrostoma arcasii, tipificada no anexo II da DC 92/43/CEE e de Gasterosteus gymnurus incluída como vulnerable no CGEA.

Das cinco especies de invertebrados incluídas no anexo II da DC 92/43/CEE, dúas atópanse no Catálogo nacional de especies ameazadas (CNEA), Lucanus cervus (de interese especial) e Oxygastra curtisii (sensible á alteración do seu hábitat), mentres que no CGEA se inclúe na categoría de en perigo de extinción, a Elona quimperiana e na de vulnerable a Geomalacus maculosus.

Dezasete especies de herpetos (anfibios e réptiles) atópanse tipificadas na categoría de interese especial do CNEA. Delas, Chioglossa lusitanica, está incluída no anexo II da DC 92/43/CEE e catalogada como vulnerable no CGEA. Esta última categoría é outorgada, á súa vez, a Hyla arborea e rana ibérica, mentres que Discoglossus galganoi e Lacerta schreiberi están incluídas no anexo II da DC 92/43/CEE.

A importancia das aves no conxunto de especies de interese para a conservación do parque natural do Monte Aloia queda patente pola inclusión de máis de cincuenta especies na categoría de interese especial do CNEA. Delas, sete especies aparecen tipificadas no anexo I da DC 79/409/CEE, dez no anexo II, e dúas nos anexos II e III.

Dúas especies de mamíferos (Myotis myotis, Rhinolophus ferrumequinum) están incluídas no anexo II da DC 92/43/CEE e consideradas como vulnerables tanto no CNEA coma no CGEA. Galemys pyrenaicus e Rhinolophus hipposideros, están incluídos no anexo II da DC 92/43/CEE e tipificadas como vulnerables no CGEA e de interese especial no CNEA. Finalmente, debe resaltarse a presenza de Lutra lutra, as súas poboacións atópanse incluídas no anexo II da DC 92/43/CEE e consideradas como de interese especial polo CNEA.

8. Categoría de protección.

1. O Monte Aloia foi declarado sitio natural de interese nacional o 5 de xuño de 1935 (cun total de 200 ha), e Parque Natural o 4 de decembro de 1978 mediante a publicación do Real decreto 3160/1978. Coa transferencia de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en 1984, a xestión do parque natural do Monte Aloia pasa á Xunta de Galicia. Consonte a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, o parque natural do Monte Aloia é un espazo natural protexido incluído na Rede galega de espazos protexidos.

2. Así mesmo, o parque natural inclúese na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Monte Aloia (ES1140005), declarada mediante o Decreto 72/2004, do 2 de abril. Os límites da ZEPVN son coincidentes cos publicados na Resolución do 30 de abril de 2004, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, na cal se recollen os límites dos espazos protexidos declarados zonas de especial protección dos valores naturais mediante o Decreto 72/2004.

3. Por medio da Decisión 2008/23/CE da Comisión, do 12 de novembro de 2007, pola que se adopta, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, unha primeira lista actualizada de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica (DOUE L 12 do 15 de xaneiro de 2008), o espazo natural protexido Monte Aloia quedou designado como lugar de importancia comunitaria (coincidente coa ZEPVN de acordo co disposto na Lei 9/2001).

9. Obxectivos de conservación do espazo natural protexido.

A declaración do parque natural do Monte Aloia establécese coa finalidade de crear un réxime de protección deste espazo natural mediante as normas e limitacións axeitadas, harmonizándoo co exercicio das competencias da Administración na súa área territorial, co exercicio dos dereitos privados, co goce e visita ao parque natural, o estudo e contemplación dos seus valores, o aproveitamento ordenado das súas producións e demais actividades que se executen dentro del. Este PRUX ten como obxectivos xerais dentro da Rede Natura 2000 (DC 92/43/CEE) e da Rede galega de espazos naturais protexidos (Lei 9/2001):

1. A conservación da biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo a preservación das paisaxes, os medios ecolóxicos e os hábitats, así como a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres e preservando a diversidade xenética.

2. O establecemento de medidas de xestión para o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos tipos de hábitats naturais salientados no anexo I da DC 92/43/CEE e das poboacións e dos hábitats das especies silvestres de flora e fauna dos anexos II e IV da DC 92/43/CEE, xunto coas especies de aves e, de forma concreta, as salientadas no anexo I da DC 79/409/CEE, e as especies de aves migratorias. Así como os núcleos poboacionais e os hábitats das especies incluídas no Catálogo nacional de especies ameazadas e no Catálogo galego de especies ameazadas.

3. Establecer un marco para a protección das augas superficiais continentais, así como dos ecosistemas acuáticos e zonas húmidas, que favoreza a súa conservación e o seu uso sustentable.

4. A regulación das actividades, proxectos e plans susceptibles de afectar, de forma apreciable, á integridade dos espazos ou dos seus compoñentes (hábitats e especies), en coherencia co artigo 6 da DC 92/43/CEE e acorde coa lexislación vixente.

5. Propiciar o desenvolvemento sustentable, favorecendo os usos e aproveitamentos respectuosos co medio. Este uso debe ser compatible co mantemento dos ecosistemas e non reducir a viabilidade dos outros recursos nin minguar as posibilidades de goce destes ás xeracións vindeiras.

6. Integrar os obxectivos concretos de conservación coas exixencias económicas, sociais e culturais, así como coas particularidades do parque natural e da súa área de influencia socioeconómica.

7. Consolidar o réxime xurídico de protección establecido para o territorio.

E como obxectivos específicos para o parque natural do Monte Aloia e da súa área de influencia socioeconómica:

1. A conservación da biodiversidade, das paisaxes, dos hábitats e das especies de flora e fauna silvestre.

2. Promover a salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais ou arqueolóxicos relacionados co parque natural.

3. Compaxinar o aproveitamento forestal coa regulación e a conservación dos valores naturais do parque natural.

4. Establecer un diversificado sistema de uso público compatible coa conservación do parque natural e adecuar a capacidade de acollida ás diferentes zonas.

5. Impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental e o recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respecto imprescindible para acadar os obxectivos de conservación.

6. Promover o coñecemento e goce dos seus valores naturais e culturais, desde os puntos de vista educativo, científico, recreativo e turístico, dentro do máis escrupuloso respecto dos valores que se tratan de protexer.

7. Mellorar o coñecemento sobre os compoñentes da biodiversidade do parque natural.

8. Conservar e ordenar os usos das infraestruturas existentes no parque natural.

9. Manter e mellorar o funcionamento do parque natural.

Título III

Zonificación

10. Xustificación.

O sistema de zonificación establecido neste PRUX adopta un sistema xerarquizado de zonas como ferramenta básica para a planificación e xestión dos compoñentes da biodiversidade, co fin de asegurar os obxectivos de conservación e uso sustentable dos recursos naturais do parque natural. A zonificación do parque natural do Monte Aloia desenvólvese en coherencia cos contidos do PORN (Decreto 274/2001, DOG nº 205, do 23 de outubro). Establécense dentro do parque natural tres unidades de zonificación: zona de uso restrinxido, zona de uso moderado e zona de uso xeral. A zona de uso xeral divídese nunha zona de uso turístico-recreativo e unha zona de infraestruturas e rede viaria.

11. Delimitación das zonas.

1. Zona de uso restrinxido ou limitado (PNMA-1). Teñen esta consideración aquelas áreas que conteñen os principais valores naturais do parque natural (hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE e poboacións de especies protexidas e catalogadas), entre os que se inclúen: as zonas de rochedos graníticos existentes en posicións culminantes; os regatos e ribeiras fluviais, delimitados por unha franxa de 20 m a cada lado do curso fluvial; os arboredos de especies autóctonas inseridos nas masas de Pinus pinaster; e aquelas ladeiras cubertas de forma predominante por matogueira con escasa ou nula cobertura arbórea e non aptas para o aproveitamento forestal.

Estes espazos dedicaranse fundamentalmente a funcións de conservación, rexeneración, investigación e uso educativo controlado. O uso público estará restrinxido, excepto naquelas áreas debidamente delimitadas e sinalizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, onde se pode desenvolver cunha finalidade didáctica.

2. Zona de uso moderado ou forestal (PNMA-2). Inclúense nestas zonas aquelas superficies do parque natural que se atopan sometidas a un aproveitamento forestal ordenado de carácter tradicional e compatible cos obxectivos de conservación do parque natural.

Nestas zonas os accesos e desprazamento das persoas visitantes estarán permitidos, aínda que sometidos a certas limitacións, e poderán desenvolverse usos tradicionais con restricións específicas.

3. Zona de uso xeral: turístico e recreativo (PNMA-3). Son espazos con certos valores naturais e paisaxísticos, que constitúen lugares de estadía, lecer e esparexemento ao aire libre de modo compatible coa conservación da natureza e a educación ambiental.

Inclúe as dotacións e servizos destinados a garantir o correcto uso público e as áreas cun alto interese recreativo e, polo tanto, unha alta carga de visitantes como son: Circos, A Macoca, Cabana, Cruceiro Novo, Viveiro, Udencias, santuario de San Xián, miradoiros da Oliva, San Fins, contorno da casa forestal, muíños do Deique e muíños do Tripes. Nestas zonas o uso recreativo deberá ser compatible coa rexeneración da vexetación autóctona e as actividades didácticas e de educación ambiental.

4. Zona de uso xeral: infraestruturas e rede viaria (PNMA-4). Inclúense as vías de comunicación, áreas ocupadas por conducións aéreas e subterráneas, instalacións (vertedoiro, depósito de auga..), áreas urbanizadas con edificacións e as instalacións deportivas de uso intensivo (campo de fútbol e campo de tiro). Inclúense as ocupadas por infraestruturas e instalacións permanentes dedicadas á xestión do parque, que engloban o conxunto de edificacións destinadas tanto á administración como á exposición e mostra dos valores do parque (centro de interpretación e nova casa forestal).

Título IV

Medidas de xestión

12. Instrumentos de ordenación.

Os decretos 211/2005, do 3 de agosto (DOG nº 149, do 3 de agosto) e 232/2005, do 11 de agosto (DOG nº 115, do 12 de agosto), establecen a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus distintos departamentos, de acordo coa Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e da súa Presidencia. O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (DOG nº 15, do 23 de xaneiro), dispón no seu artigo primeiro que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.12º, 15, 30 e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e no resto da normativa de aplicación, en especial na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

De acordo cos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000, e unha vez identificados os principais compoñentes e valores do espazo natural, así como as principais afeccións e ameazas, procédense a definir os obxectivos e directrices que se adoptarán na ordenación dos usos e das actividades que se desenvolverán no espazo natural obxecto deste plan. A orientación principal da ordenación será o mantemento nun estado de conservación favorable da biodiversidade de cada espazo e, en especial, dos tipos de hábitats e das especies de maior significación existentes neste. As necesidades de conservación e restauración deberán compatibilizarse cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio. Para a súa consecución, este plan apóiase nos seguintes instrumentos:

1) Unha zonificación do territorio comprendido polo espazo natural, de carácter homoxéneo para o conxunto da rede de espazos, a partir da cal se definen as diferentes categorías de protección que condicionen os usos, aproveitamentos e actuacións en cada unha delas.

2) Unha regulación de usos e actividades, co fin de garantir os obxectivos de conservación da Rede Natura 2000, propostos pola DC 92/43/CEE e a DC/79/409/CEE, así como na normativa de ámbito estatal (Lei 42/2007) e autonómica (Lei 9/2001), regulación que se establece de forma xenérica para todo o ámbito do espazo natural (LIC, ZEPA, ZEC) ou ben de forma específica para as diferentes unidades territoriais fixadas na zonificación do espazo (zonas).

Este plan articula as directrices e normativas de xestión en tres niveis. O primeiro nivel corresponde á normativa xeral de ordenación e xestión, que marca o desenvolvemento das actuacións no parque natural, así como das políticas sectoriais que incidan sobre este e sobre os seus valores. As normas xerais elabóranse a partir dos obxectivos e criterios orientadores derivados da normativa comunitaria (DC 79/409/CEE, DC 92/43/CEE, DC 2000/60/CE), estatal (Lei 42/2007) e autonómica (Lei 9/2001, de conservación da natureza), así como criterios propios relativos á exclusión ou, de ser o caso, regulación de determinadas actividades.

Nun segundo nivel desenvólvese a normativa para cada un dos compoñentes que conforman o parque natural e defínense, en consecuencia, obxectivos, directivas e normas de aplicación das principais actividades e proxectos. A normativa por compoñentes inclúe obxectivos, directrices e normas elaboradas a partir da lexislación sectorial vixente.

O terceiro nivel vén marcado pola normativa zonal, de modo que para cada unha das unidades de zonificación recollidas no plan, e delimitadas no parque natural en función da expresión territorial dos compoñentes da biodiversidade, se propón un réxime de ordenación e xestión específico, que responde en consecuencia ás diferentes necesidades de conservación e xestión e a diferentes graos de aproveitamento dos recursos naturais.

A formulación das normativas de ordenación e xestión, en relación con plans, proxectos e actividades que, sen ter relación directa coas necesidades de xestión, puidesen provocar unha afección significativa sobre a integridade do espazo ou dos seus compoñentes, realízase en conformidade co artigo 6 da DC 92/43/CEE (Directiva Hábitats), así como pola propia normativa de impacto ambiental. Isto permite incrementar a seguranza xurídica de certas actividades e, en concreto, daquelas de carácter tradicional, vinculadas ao sector primario (agricultura, gandaría, montes, etc.), e promover aquelas de carácter sustentable.

Os posibles usos e aproveitamentos dos recursos naturais terán a consideración de permitidos, autorizables e non permitidos en función da súa incidencia sobre os valores que motivaron a súa declaración.

Considérase uso permitido calquera actividade compatible cos obxectivos da declaración do espazo natural, como integrante da Rede Galega de Espazos Protexidos e da Rede Natura 2000. Pode, polo tanto, desenvolverse sen limitacións especiais, ben na súa totalidade, ou ben nas áreas onde a categoría de zonificación así o permita.

Considérase uso autorizable aquel uso que, baixo determinadas condicións, é compatible con obxectivos de conservación do espazo natural e dos compoñentes clave da biodiversidade, ao non levar consigo unha deterioración significativa, a curto ou medio prazo, dos seus valores. O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza avaliará o grao de significación da actividade e poderá autorizala tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión, propoñendo, de ser o caso, medidas preventivas e compensatorias, co fin de asegurar que a mencionada actividade non alcance os límites establecidos no punto 6.3 da DC 92/43/CEE e na Lei 42/2007.

Dentro da categoría de uso autorizable inclúense tamén actividades que, sen teren unha relación directa coa xestión dos espazos da Rede Natura 2000 ou sen seren necesarias para esta, poidan afectar de forma significativa os citados lugares, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans e proxectos. Estas actividades, de acordo co artigo 6.3º da DC 92/43/CEE, someteranse a unha axeitada avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os seus obxectivos de conservación. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no lugar, e supeditado ao disposto no punto 6.4 da mencionada directiva, o organismo competente en materia de ambiente e conservación da natureza, só se declarará de acordo co devandito plan ou proxecto tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión e, se procede, tras sometelo a información pública.

Considérase uso prohibido aquel contrario aos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000 e que, por conseguinte, leva consigo unha afección significativa sobre a integridade do espazo natural ou sobre o estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade (hábitats e especies protexidas).

Cando, de acordo coa lexislación sectorial vixente, as actividades descritas como de uso permitido ou autorizable neste plan se deban someter á autorización de calquera organismo da administración, enténdese que aínda que estas entidades son as competentes para a expedición da autorización, esta deberá supeditarse ás condicións establecidas para cada tipo de actividade no ámbito deste plan. Deberán comunicar ao organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza a solicitude e, se así o especificase a normativa deste plan, solicitar o informe preceptivo do devandito organismo.

Capítulo I

Medidas e normativa xeral

13. Directrices de ordenación e xestión.

1. Os obxectivos de conservación primarán sobre calquera outra actividade que se planifique ou se desenvolva no espazo natural. En toda actuación primará o principio de cautela, de mínima intervención e menor agresividade para os compoñentes da biodiversidade do espazo natural.

2. Fomentarase a utilización dos compoñentes naturais do espazo dun modo e a un ritmo que non ocasione a diminución a longo prazo da biodiversidade, de modo que se aseguren as posibilidades de satisfacer as necesidades e as aspiracións das xeracións actuais e futuras.

3. Velarase polo mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos ecosistemas.

4. Velarase pola preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais e da paisaxe, evitando ou, de ser o caso, minimizando a degradación destes por elementos ou construcións que supoñan un elevado impacto visual, derivado da súa localización, materiais empregados ou das relacións de texturas e cores utilizadas.

5. Darase preferencia ás medidas de conservación, preservación e restauración dos hábitats naturais e seminaturais, facendo especial fincapé naqueles considerados como prioritarios ou de interese comunitario.

6. Darase preferencia ás medidas de conservación, preservación e recuperación das especies silvestres de flora e fauna, facendo especial fincapé naquelas consideradas como protexidas por normativas internacionais, comunitarias, nacionais ou galegas.

7. Concederase prioridade ás especies de interese para a conservación, ás especies endémicas ou que posúan unha área de distribución limitada, así como ás especies de fauna migratoria.

8. Darase preferencia á conservación da diversidade xenética das poboacións silvestres de flora e fauna, así como ao mantemento ou, de ser o caso, á recuperación de razas, variedades e cultivares tradicionais que formen parte dos sistemas tradicionais de aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal.

9. Evitarase a introdución e proliferación de especies, subespecies ou razas xeográficas distintas ás autóctonas, na medida en que poidan competir con estas, alterar a súa pureza xenética ou provocar desequilibrios ecolóxicos sobre os hábitats naturais e seminaturais.

10. As actividades e actuacións que se desenvolvan no espazo natural buscarán o mantemento dos reservorios naturais de carbono existentes no espazo natural, a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, así como unha maior eficiencia no gasto dos recursos renovables e no control integral dos residuos e produtos contaminantes.

11. Evitarase a realización de calquera tipo de actividade que poida supoñer un risco de contaminación das augas, tanto superficiais como subterráneas.

12. Manteranse as actividades e usos que sexan compatibles coa conservación da biodiversidade e o uso sustentable dos recursos naturais.

13. Mellorarase a calidade de vida dos habitantes do espazo natural mediante a adopción de medidas de dinamización e desenvolvemento económico, dirixidas especialmente ás actividades relacionadas co uso público, o turismo e o aproveitamento sustentable dos recursos naturais.

14. Elaborarase un programa de seguimento da realidade económica, sociolóxica e natural do espazo natural co fin de poder avaliar axeitadamente a repercusión de programas e proxectos sobre as características naturais do espazo.

15. Farase promoción do coñecemento dos valores naturais e culturais do espazo natural a través da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

14. Exclusión de actividades.

1. O territorio delimitado polo espazo protexido considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas actividades e aproveitamentos mineiros. Non se permitirán novas actividades extractivas. Estas explotacións producen un impacto paisaxístico crítico, incompatible cos obxectivos de protección do espazo natural, dos seus hábitats de interese comunitario e das especies de interese para a conservación e, por outra parte, contan con mínimas posibilidades de restauración a curto ou medio prazo.

2. O territorio delimitado polo espazo natural considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas instalacións de enerxía eólica.

3. O territorio delimitado polo espazo natural considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas instalacións de enerxía hidroeléctrica.

4. O territorio delimitado polo espazo natural considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novos aproveitamentos industriais de enerxía fotovoltaica.

5. O territorio delimitado polo espazo natural considérase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas actividades industriais, incluídas nas seguintes categorías establecidas pola Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE):

Sección C. Industrias extractivas (todos os niveis).

Sección D. Industrias manufactureiras, as epígrafes seguintes:

División 17. Industria téxtil (os seguintes grupos):

Grupo 175. Outras industrias téxtiles.

División 18. Industria da confección e da peletaría (os seguintes grupos):

Grupo 183. Preparación e tinguidura de peles de peletaría.

División 19. Preparación curtido e rematado do coiro.

División 21. Industria do papel.

División 23. Coquerías, refinamento de petróleo e tratamento de combustibles nucleares.

División 24. Industria química.

División 25. Fabricación de produtos de caucho e materias plásticas.

División 26. Fabricación doutros produtos minerais non metálicos.

División 27. Metalurxia.

División 28. Fabricación de produtos metálicos, agás maquinaria e equipamento.

División 29. Industria da construción de maquinaria e equipamento mecánico.

Subsección DL. Industrias de material e equipamento eléctrico, electrónico e óptico.

15. Normativa xeral.

1. As autorizacións outorgadas polo organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza formularanse de acordo co artigo 6 da DC 92/43/CEE (trasposto ao ordenamento xurídico español na Lei 42/2007) e en coherencia cos obxectivos e directrices recollidos neste plan.

2. Cando, de acordo coa lexislación sectorial vixente, as actividades descritas como de uso permitido ou autorizable neste plan se deban someter a autorización de calquera organismo da administración, enténdese que aínda que estas entidades son as competentes para a expedición da autorización, esta deberá supeditarse ás condicións establecidas para cada tipo de actividade no ámbito deste plan. Deberán comunicar ao organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza a solicitude e, se así o especificase a normativa deste plan, solicitar o informe preceptivo do devandito organismo.

a) Usos permitidos.

i) Con carácter xeral considéranse usos ou actividades permitidas aquelas de carácter tradicional que sexan compatibles coa protección do parque natural e todos aqueles non incluídos nos grupos de actividades prohibidas ou suxeitas a autorización nin recollidos na normativa específica contida neste plan.

b) Usos autorizables.

i) Todas aquelas actividades directamente relacionadas coa saúde humana e a seguranza pública ou con outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, ou ben que poidan ser obxectivamente consideradas como acción positivas de primordial importancia para o ambiente, sempre que cumpran co disposto no artigo 6 da DC 92/43/CEE.

ii) Considéranse usos autorizables aqueles usos que, baixo determinadas condicións e tras a obtención das correspondentes autorizacións dos organismos ou administracións competentes, así como a autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, poden ser executados ao ser considerados compatibles cos obxectivos de conservación do espazo e dos compoñentes clave da biodiversidade, ao non levar consigo unha deterioración significativa, a curto ou medio prazo, dos seus valores. O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza avaliará o grao de significación da actividade e poderá autorizala tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión, propoñendo, de ser o caso, medidas preventivas e compensatorias, co fin de asegurar que a mencionada actividade non alcance os límites establecidos no punto 6.3 da DC 92/43/CEE.

iii) Dentro da categoría de uso autorizable inclúense tamén actividades que, sen teren unha relación directa coa xestión do Parque Natural ou sen seren necesarios para esta, poidan afectar de forma significativa o citado lugar, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans e proxectos. Estas actividades, de acordo co artigo 6.3º da DC 92/43/CEE, someteranse a unha axeitada avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os seus obxectivos. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións no lugar e supeditado ao disposto no punto 6.4 da mencionada directiva, o organismo competente en materia de ambiente e conservación da natureza, só se declarará de acordo co devandito plan ou proxecto tras asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión e, se procede, tras sometelo a información pública.

iv) Se, a pesar das conclusións negativas da avaliación das repercusións sobre o lugar e a falta de solucións alternativas, se debese realizar un plan ou proxecto por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluídas razóns de índole social ou económica, as administracións públicas competentes en materia de conservación da natureza, de acordo co artigo 6.4º da DC 92/43/CEE (artigo 45 da Lei 42/2007), tomarán cantas medidas compensatorias sexan necesarias para garantir que a coherencia global da Rede Natura 2000 quede protexida.

c) Usos prohibidos.

i) Considérase uso prohibido aquel contrario aos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000 e do parque natural e que, por conseguinte, leva consigo unha afección significativa sobre a integridade do espazo natural ou sobre o estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade (hábitats e especies protexidas).

Capítulo II

Medidas e normativa por compoñentes e actividades

16. Atmosfera.

1. Obxectivos.

a) Procurar manter a calidade do aire, limitando no parque natural a emisión de substancias contaminantes en concentracións tales que modifiquen a calidade do aire por enriba dos niveis autorizados.

b) Vixiar o cumprimento da normativa de carácter comunitario, estatal e autonómica relativa ás emisións atmosféricas de po, olores e ruído, producidos polas distintas actividades que se desenvolven no ámbito do parque natural.

c) Controlar os niveis de elementos contaminantes presentes no parque natural.

2. Directrices.

a) Promoveranse as medidas correctoras necesarias para minimizar ou, de ser o caso, eliminar as fontes de emisión de olores desagradables ou ruídos molestos.

b) Promoveranse as medidas correctoras necesarias para minimizar os efectos da contaminación lumínica.

c) Tomaranse as medidas necesarias para limitar a contaminación lumínica. Nas novas instalacións ou infraestruturas evitarase a emisión de luz directa cara ao ceo e evitaranse excesos nos niveis de iluminación.

3. Normas.

a) Con carácter xeral, e en materia de contaminación atmosférica, seguirase o disposto na lexislación vixente respecto á protección do ambiente atmosférico, así como ás diferentes disposicións sectoriais.

b) Non se permite a emisión de niveis de ruído inxustificados, contrarios ás disposicións vixentes e aos obxectivos deste plan, que perturben significativamente a tranquilidade das poboacións e das especies animais de interese para a conservación no ámbito do parque natural.

17. Xea.

1. Obxectivos.

a) Conservar os recursos da xea e promover o seu aproveitamento sustentable.

b) Establecer medidas preventivas para impedir a progresiva perda de solo.

c) Os usos e aproveitamentos do solo velarán por manter ou aumentar a capacidade de secuestro de carbono, dada a súa importancia na mitigación dos efectos derivados do cambio climático global.

2. Directrices.

a) Velarase para manter as características químicas, estruturais e de textura dos solos, de que depende en boa medida a súa vexetación, e para evitar a aparición de fenómenos erosivos por causas antrópicas.

b) Tenderanse a conservar aquelas superficies con pendente superior ao 50% sobre as que se desenvolvan hábitats naturais ou, de ser o caso, plantacións forestais.

c) A utilización do solo con fins agrícolas, forestais e gandeiros deberá realizarse de forma sustentable, asegurando o mantemento do seu potencial biolóxico e da súa capacidade produtiva.

d) Realizaranse xestións para que todas as actividades extractivas existentes dispoñan dos plans de restauración pertinentes e velarase polo seu cumprimento.

e) Os plans de restauración mineiros terán como obxectivos preferentes a recuperación paisaxística, así como a recuperación dos hábitats de interese comunitarios e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

f) Inventariaranse e diagnosticaranse os recursos xeolóxicos e xeomorfolóxicos e adoptáranse as medidas que sexan precisas para a súa protección e conservación.

g) Nas autorizacións e nos procedementos de avaliación ambiental teranse en consideración as singularidades xeolóxicas e xeomorfolóxicas do territorio, tanto debido ao seu valor intrínseco (xeodiversidade), como ao constituír unha parte esencial de diversos tipos de hábitats de interese comunitario e prioritario (biodiversidade), promovendo a súa conservación ou, de ser o caso, establecendo medidas compensatorias co fin de reducir o impacto sobre estes.

3. Normas.

a) Con carácter xeral, permítese a modificación da configuración, estrutura e propiedades do solo, relacionadas con actividades tradicionais de carácter agrícola ou vinculadas con actividades construtivas, cando se realicen de acordo coas regulacións previstas neste plan, así como conforme as normativas sectoriais.

b) A recolección de pequenas cantidades de rochas, minerais ou fósiles para coleccionismo, fins científicos ou educativos deberá contar coa autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

c) A realización de actuacións que poidan supor a modificación do estado actual do solo ou o inicio de estados erosivos, tales como movementos de terra por medios mecánicos ou manuais, apertura de exploracións, prospeccións, sondaxes, etc., deberán contar coa autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

d) Prohíbese a vertedura, almacenamento, depósito, enterramento, transformación ou incineración de lixo, entullo ou calquera tipo de residuos, así como de substancias tóxicas e perigosas, excluíndose o tratamento dos materiais xerados no desenvolvemento das actividades de xestión e procesado de residuos nas instalacións actualmente en funcionamento e que teñan a correspondente autorización, así como o depósito temporal antes da eliminación ou degradación dos restos dos aproveitamentos forestais, agrícolas ou gandeiros sobre o solo, nas condicións de seguranza que determine a normativa sectorial ou as respectivas autorizacións de aproveitamento.

e) Prohíbese a acumulación, depósito ou almacenamento de residuos radioactivos, tóxicos, perigosos ou calquera outro tipo de substancias altamente contaminantes fóra das áreas que poidan ser autorizadas para ese efecto.

18. Augas continentais.

1. Obxectivos.

a) Establecer un marco para a protección das augas superficiais continentais e as augas subterráneas que:

a.1) Preveña toda deterioración adicional e protexa e mellore o estado dos ecosistemas acuáticos e, con respecto ás súas necesidades de auga, dos ecosistemas terrestres e zonas húmidas directamente dependentes dos ecosistemas acuáticos.

a.2) Promova un uso sustentable da auga baseado na protección a longo prazo dos recursos hídricos dispoñibles.

a.3) Teña por obxecto unha maior protección e mellora do medio acuático, entre outras formas mediante medidas específicas de redución progresiva das verteduras, as emisións e as perdas de substancias prioritarias, e mediante a interrupción ou a supresión gradual das verteduras, as emisións e as perdas de substancias perigosas prioritarias.

a.4) Garanta a redución progresiva da contaminación da auga subterránea, evite novas contaminacións e contribúa a paliar os efectos das inundacións e secas.

a.5) Contribúa a reducir de forma significativa a contaminación das augas subterráneas.

2. Directrices.

a) Preservarase a calidade da auga, tanto superficial como subterránea e aseguraranse os caudais mínimos ecolóxicos.

b) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza velará pola conservación das marxes, leitos e ribeiras dos cursos de auga así definidos pola lexislación de augas. A este respecto, minimizaranse os impactos que puidese producir a realización de obras que supoñan a modificación da estrutura ou vexetación característica destes elementos. Prestarase especial atención á protección das zonas húmidas.

c) Procurarase conseguir, no menor prazo posible, o axeitado tratamento de depuración para as verteduras, xa sexan urbanas, industriais, agrícolas ou gandeiras, velando en todo momento para manter a calidade das augas.

d) Estableceranse mecanismos de coordinación cos organismos de bacía para asegurar a eficacia das medidas de protección e actuación.

e) No tratamento das augas residuais tenderanse a cumprir os obxectivos de calidade máis estritos, desde o punto de vista ambiental, das normativas técnicas existentes.

f) Para os efectos de conservación e planificación dos corredores fluviais, consideraranse como límites territoriais os establecidos pola normativa vixente en relación coa zona de policía estipulada nas marxes ou, de ser o caso, á porción das marxes da Directiva 92/43/CEE que alberga representacións de hábitats do anexo I característicos de medios hidrófilos ou higrófilos.

3. Normas.

a) As novas captacións de augas, así como a realización de sondaxes, deberán contar coa autorización do organismo competente en materia de ambiente e conservación da natureza, sen prexuízo das competencias do organismo de bacía ou doutros organismos competentes nos diferentes ámbitos sectoriais.

b) Toda actuación, construción ou instalación, susceptible de provocar contaminación das augas do parque natural, deberá posuír os sistemas de depuración conforme a normativa sectorial vixente, que deberán ser autorizados polo organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

b.1) As fosas sépticas deberán construírse de xeito que aseguren a súa estanquidade. A súa xestión debe realizarse, en todo momento, de acordo coa normativa sectorial vixente.

c) Prohíbese a realización de calquera tipo de vertedura así como a utilización de calquera tipo de substancia química que poida afectar significativamente a calidade das augas nacentes ou circulantes, ou o ciclo hidrolóxico do territorio do parque natural, cando se realicen fóra dos lugares habilitados para tal efecto ou sexan contrarias ás condicións establecidas na lexislación vixente ou neste plan.

d) Prohíbese a alteración dos cursos, leitos e ribeiras, así como a modificación significativa do réxime das augas, sen a autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

e) Prohíbese o desecamento ou sangrado de pozas ou calquera outro tipo de humidal sen a autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

f) Prohíbense as acumulacións de materiais en encostas, barrancos ou leitos que poidan supoñer un obstáculo ao libre paso das augas, ou ben poidan ser orixe de procesos erosivos intensos ou que entrañen unha modificación das condicións hidráulicas e hidrolóxicas naturais.

g) Prohíbese o lavado de vehículos e calquera tipo de obxecto en ríos, regatos ou zonas húmidas, botar obxectos ás ditas zonas, así como a incorporación directa ás augas de deterxentes, xabóns, lixivias ou outros tipos de substancias que poidan afectar de forma significativa o estado ecolóxico dos ecosistemas acuáticos.

19. Paisaxe.

1. Obxectivos.

a) O recoñecemento, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe co fin de preservar todos os elementos que a configuran no marco do desenvolvemento sostible, entendendo que a paisaxe exerce unha función principal de interese xeral nos eidos ambientais, culturais, sociais e económicos.

b) Manter nun estado de conservación favorable os tipos de paisaxes existentes no parque natural, así como os costumes tradicionais existentes e os compoñentes naturais e elementos construtivos destes.

c) Mitigar os elementos artificiais que, a nivel estrutural e funcional, actúan como barreiras, así como fortalecer a conservación daqueles de carácter natural ou seminatural, que constitúen corredores ecolóxicos que resultan esenciais para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético das especies silvestres.

d) Nas actuacións susceptibles de alterar ou modificar a paisaxe natural do parque natural, teranse especialmente en conta as súas repercusións sobre a calidade paisaxística, adoptando cantas medidas sexan necesarias con obxecto de minimizar as consecuencias. En tal sentido, os proxectos que teñan por obxecto este tipo de actuacións, e especial incidencia sobre a paisaxe, supervisaranse co obxecto de garantir o cumprimento do expresado neste artigo.

2. Directrices.

a) Establecerase un programa de prioridades de recuperación daquelas áreas que conteñan elementos da paisaxe degradados, dando prioridade ás áreas de maior accesibilidade visual.

b) Restaurarase a calidade paisaxística alí onde fose deteriorada por accións humanas, como movementos de terra, actividades extractivas, apertura de pistas e camiños ou de calquera outro tipo.

c) Procurarase evitar a introdución no medio natural de calquera elemento artificial que limite o campo visual ou rompa a harmonía da paisaxe. Non obstante, poderán establecerse as infraestruturas que sexan imprescindibles, de acordo coas prescricións deste plan, procurando minimizar o seu impacto sobre o medio.

d) Velarase polo mantemento do territorio do parque natural libre de lixos, residuos e verteduras, apoiando a aplicación da normativa vixente na materia. Eliminaranse os vertedoiros e entulleiras incontrolados.

e) Teranse en conta criterios paisaxísticos na planificación das repoboacións forestais e a ordenación das masas arborizadas preexistentes.

f) O impacto paisaxístico deberá ser especialmente tido en conta nos proxectos de infraestruturas lineais e nas actuacións realizadas en áreas de alta visibilidade.

g) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá determinar aquelas singularidades da paisaxe, tanto elementos naturais como culturais, que deban ser preservados, delimitando o seu ámbito de protección, tendo en conta a súa bacía visual.

h) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá limitar as repoboacións forestais e os tratamentos silvícolas que supoñan unha deterioración paisaxística do parque natural e propoñerá, de ser o caso, as medidas correctoras necesarias.

3. Normas.

a) A introdución de calquera elemento estrutural de carácter artificial que altere de maneira significativa a paisaxe natural ou desfigure as súas formas e perspectivas, modificando o seu valor estético, deberá contar coa autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

b) A instalación de carteis, inscricións ou elementos de calquera natureza, con fin publicitario, fóra dos núcleos de poboación ou fóra das áreas autorizadas para tal fin, deberá contar coa autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

c) Prohíbese a realización de inscricións, sinais, signos ou debuxos en pedra, árbores ou en calquera outro elemento do medio natural, así como sobre paneis informativos, elementos de valor histórico-cultural ou en calquera tipo de ben moble ou inmoble e, en xeral, a deterioración ou destrución da infraestrutura propia do parque natural, salvo aqueles debidamente autorizados que sexan necesarios para mellorar e completar as redes de camiños e sendeiros.

d) Prohíbese tirar lixo fóra dos contedores establecidos para tal fin, así como o abandono de ferrallas ou o abandono ao aire libre de maquinaria, vehículos ou calquera tipo de material alleo ao medio natural.

20. Hábitats.

1. Obxectivos.

a) Manter nun estado de conservación favorable os hábitats prioritarios e de interese comunitario establecidos no anexo I da DC 92/43/CEE.

b) Regular e fomentar o uso sustentable dos hábitats naturais e seminaturais e, de xeito especial, daqueles que posúen unha área de distribución reducida no parque natural, así como no conxunto da Rede Natura 2000.

c) Manter a integridade e conservar a funcionalidade de charcas e pozas que proporcionan o medio acuático vital para a reprodución dos anfibios.

2. Directrices.

a) Os criterios de xestión de hábitats e especies rexeranse, en ausencia de especificacións concretas, polo considerado no artigo 6 da DC 92/43/CEE.

b) Estableceranse medidas específicas de xestión para os hábitats de maior fraxilidade ecolóxica ou para aqueles que posúen unha escasa representación territorial no ámbito do parque natural ou do conxunto da Rede Natura 2000 en Galicia.

c) Darase prioridade, alí onde se presenten os hábitats incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE, á conservación e rexeneración natural destes fronte a calquera outro tipo de actuación.

d) Darase prioridade á conservación dos hábitats que alberguen áreas prioritarias de especies de flora ou fauna silvestre de interese para a conservación.

e) Darase prioridade á protección e conservación dos hábitats de especies de especial interese polo seu carácter endémico, a súa situación de ameaza ou por atoparse no límite da súa área de distribución.

f) Desenvolveranse un conxunto de indicadores que permitan analizar e avaliar o estado de conservación dos hábitats para tomar, se é o caso, as medidas de protección, conservación e restauración que se consideren necesarias.

g) Para os efectos de xestión do parque natural, e cando non exista unha delimitación territorial concreta dos corredores fluviais e das zonas húmidas, considérase como área mínima os límites do dominio público, máis a zona de servidume e policía, definidas na normativa básica sobre augas continentais ou ben a área delimitada pola existencia de hábitats e especies característicos dos ecosistemas acuáticos e das zonas húmidas.

3. Normas.

a) As actuacións non vinculadas coas necesidades de conservación e xestión dos compoñentes da biodiversidade ou aquelas non recollidas nos supostos de actividades permitidas ou autorizadas establecidas neste plan, que poidan afectar de maneira significativa, individualmente ou en combinación con outras actuacións, o parque natural ou o estado de conservación dun tipo de hábitat incluído no anexo I da DC 92/43/CEE, deberán contar coa autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza. A autorización será outorgada tras unha adecuada avaliación das súas repercusións sobre o parque natural, de acordo co establecido no artigo 6 da DC 92/43/CEE.

b) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza velará para que o emprego de biocidas, así como de residuos urbanos, industriais ou calquera substancia química, se realice no parque natural dun xeito racional e conforme a normativa vixente. Poderá limitar ou, de ser o caso, prohibir aqueles usos que supoñan a destrución ou a alteración significativa dos hábitats de interese comunitario.

c) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza someterá a avaliación de impacto ambiental os proxectos que inclúan:

c.1) Actuacións (desecación, dragados, canalizacións) que poidan levar consigo unha afección significativa sobre o estado de conservación dos corredores fluviais (Nat-2000 3260, 91E0*), así como cando promovan a canalización dos seus efluentes ou canles de alimentación.

c.2) Os proxectos que inclúan a construción de vías, sendas ou outros elementos de carácter construtivo que afecten o estado de conservación dos hábitats do anexo I, ou hábitats críticos para o mantemento de especies de interese para a conservación serán sometidos a avaliación de impacto ambiental. Esta mesma consideración aplicarase aos proxectos que inclúan unha modificación substancial de vías, sendas ou construcións existentes, en canto ás súas dimensións ou tipoloxía construtiva.

d) Prohíbese o depósito ou vertedura de materiais vexetais, derivados do mantemento de xardíns, parques ou vías, sobre os hábitats naturais ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

21. Flora e fauna silvestre.

1. Obxectivos.

a) Manter ou, de ser o caso, restaurar o estado de conservación das especies de flora e fauna e, en especial, das especies de interese para a conservación.

b) Regular e fomentar o uso sustentable das especies de flora e fauna silvestre, garantindo que os aproveitamentos que se realicen sobre especies de interese para a conservación non leven consigo unha afección significativa sobre o seu estado de conservación.

c) Evitar a introdución e expansión de espécimes exóticos ou alóctonos no parque natural e, explicitamente, daqueles de carácter invasor.

2. Directrices.

a) Velarase pola conservación das especies de fauna e flora silvestre do parque natural.

a.1) Evitarase a desaparición de calquera especie autóctona, asegurando a persistencia do seu hábitat.

a.2) Aplicaranse, se fose preciso, medidas de conservación e xestión das especies endémicas, ameazadas ou relictas.

a.3) Para as especies catalogadas elaboraranse e executaranse os correspondentes plans de recuperación ou xestión de acordo coas categorías establecidas na Lei de conservación da natureza.

b) Velarase pola pureza das poboacións, evitando introducir subespecies ou razas xeográficas distintas ás propias do parque natural.

c) Tenderase á eliminación gradual das especies alóctonas existentes no parque natural. Evitarase a introdución e propagación de especies alóctonas.

d) Desenvolveranse un conxunto de indicadores que permitan vixiar e controlar o estado de conservación das poboacións de flora e fauna para tomar, se é o caso, as medidas de protección, conservación e restauración que se consideren necesarias.

e) Para a protección específica das especies vexetais deberase:

e.1) Limitar todas as actividades que supoñan, directa ou indirectamente, a destrución, mutilación, corte ou extracción das plantas, así como a recolección das súas sementes, pole ou esporas, exceptuando as especies susceptibles de aproveitamento regulado e permitido polo presente PRUX (madeireiro, micolóxico, de plantas aromáticas..) por parte da poboación local.

e.2) A recolección de sementes quedará permitida (sempre baixo a tutela da administración do parque), coa finalidade de repoboar outras zonas axeitadas para o desenvolvemento das especies, principalmente dentro dos terreos do parque, ben que poden ser empregadas noutros territorios. Esta recolección de sementes verase favorecida, sempre e cando non afecte en termos relativos a especie de que se obtén.

e.3) Restrinxir a introdución de especies vexetais alóctonas, salvo aquelas de carácter forestal recollidas nos plans ou programas sectoriais ou aquelas relacionadas coa conservación do arboredo.

e.4) Realizar a reforestación de terreos queimados e a implantación de novos pés para a renovación doutras áreas, sempre que as condicións o permitan, mediante especies autóctonas.

e.5) Permitir e favorecer a rexeneración das manchas de vexetación arbórea autóctona.

e.6) Priorizarase o control (tras estudo particularizado) das poboacións alóctonas introducidas nos diversos ecosistemas, salvo as especificadas nos plans sectoriais, prestando especial atención á eliminación das manchas de eucaliptos (Eucalyptus globulus) e mimosas (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon).

e.7) Protexer as localizacións de flora vascular de interese bioxeográfico, evitando a súa destrución ou alteración por causa dos traballos de manexo forestal.

e.8) Deberanse establecer medidas para evitar pisar liques nas zonas máis concorridas.

f) Para a protección específica das especies faunísticas deberase:

f.1) Limitar as actividades que conduzan, directa ou indirectamente, á morte, captura e/ou persecución das especies animais, incluídas as larvas ou crías e os ovos.

f.2) Prohibir danar, molestar ou inquietar os animais silvestres, incluídas as larvas, crías ou ovos, así como a destrución dos niños, áreas de reprodución, invernada e repouso.

g) Directrices específicas para a conservación de especies de flora e fauna silvestre.

g.1) Odonatos: protección especial de Coenagrion mercuriale, pola súa importancia específica. En xeral, deberanse tomar as seguintes medidas:

i) Establecemento de chantóns de Typha latifolia nas marxes das pozas da Cabana.

ii) Conservación da vexetación de ribeira, sobre todo no río Deique, controlando as poboacións de Rubus spp. nas súas beiras.

g.2) Peixes: protección de Rutilus arcasii Steind. (Chondostroma arcasii Steind.), que se estende desde as pozas da Cabana ata 30 m río arriba, tomando as seguintes medidas:

i) Evitar a colmataxe das pozas da Cabana, limpando os seus cubos.

ii) Conservar a vexetación de ribeira.

iii) Realizar controis para detectar e eliminar especies exóticas, como black-bass e cangrexo americano.

iv) Deberá priorizarse o estudo e protección da saramaganta, a ra patilonga, o sapo corriqueiro, o escáncer de patas común, o cobregón e as cobras lisas e o Coenagrion merculiare.

g.3) Anfibios e réptiles: en xeral, para a conservación da herpetofauna deberán tomarse as seguintes medidas:

i) Conservación de ríos, regatos e charcas: eliminación das achegas de xabre existentes, recuperación da cuberta vexetal autóctona nas ribeiras, evitar as rozas de vexetación arbustiva autóctona, limitación do uso público nas ribeiras mellor conservadas.

ii) Mantemento da sinalización viaria estacional.

iii) Establecemento de pasos para anfibios baixo as estradas en zonas de tránsito frecuente.

iv) Conservación da antiga canteira de Paredes.

v) Accións de mellora no contorno dos puntos de reprodución, como favorecer a insolación eliminando vexetación arbórea.

g.4) Aves: deberanse tomar as seguintes medidas:

i) Na medida do posible, manter o estrato subarbóreo caducifolio cando se realicen prácticas silvícolas.

ii) Limitar as rozas de vexetación de porte subarbustivo baixo as masas de piñeiro, mantendo sectores illados con coberturas elevadas.

iii) Manter pequenas monteiras de vexetación autóctona dispersas.

iv) Manter pequenas monteiras de piñeiro non sometidas a prácticas silvícolas.

g.5) Quirópteros: deberanse establecer medidas de protección para os lugares de cría e refuxio.

3. Normas.

a) As actuacións non vinculadas coas necesidades de conservación e xestión dos compoñentes da biodiversidade ou non recollidas nos supostos de actividades permitidas ou autorizadas establecidas neste plan, que poidan afectar de forma apreciable, individualmente ou en combinación con outras actuacións, as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación deberán contar coa autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza. A mencionada autorización será outorgada tras unha adecuada avaliación das súas repercusións de acordo co establecido no artigo 6 da DC 92/43/CEE.

b) Con carácter xeral queda prohibido dar morte, danar, molestar ou inquietar intencionadamente os animais silvestres, sexa cal sexa o método empregado ou a fase do seu ciclo biolóxico.

b.1) Esta prohibición inclúe a súa retención e captura en vivo, a destrución, dano, recolección e retención dos seus niños, das súas crías ou dos seus ovos, estes últimos aínda estando baleiros, así como a posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos ou dos seus restos, incluíndo o comercio exterior.

b.2) Prohíbese a cría para reintrodución ou repoboación no medio natural de especies silvestres sen a autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, ou cando se realice fóra dos lugares e das condicións establecidas para esta autorización.

c) Con carácter xeral, queda prohibida a destrución ou deterioración significativa das formacións vexetais conformadas por especies silvestres que caracterizan os tipos de hábitats de interese comunitario.

d) Para as especies de flora e fauna silvestres non consideradas como especies de interese para a conservación, as prohibicións indicadas nos puntos 2 e 3, non se aplicarán nos supostos recollidos pola normativa sectorial e zonal incluída neste plan, así como na lexislación e normativa que regula a agricultura, a gandaría, os aproveitamentos forestais, ou cando exista autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

e) Para as especies silvestres de flora e fauna consideradas como de interese para a conservación, especies que figuran como protexidas nos anexos das directivas hábitats (DC 92/43/CEE) e aves (DC 79/409/CEE), e nos convenios internacionais ratificados por España, así como as especies consideradas en perigo de extinción ou vulnerables no CNEA ou no CGEA, establécense a seguintes prohibicións xenéricas:

e.1) Tratándose de plantas, fungos ou algas, a de recollelas, cortalas, mutilalas, arrancalas ou destruílas intencionadamente na natureza.

e.2) Tratándose de animais, incluídas as súas larvas, crías ou ovos, a de calquera actuación feita co propósito de darlles morte, capturalos, perseguilos ou molestalos, así como a destrución ou deterioración dos seus niños, refuxios e áreas de reprodución, invernada ou repouso.

e.3) En ambos os dous casos, a de posuír, naturalizar, transportar, vender, comerciar ou intercambiar, ofertar con fins de venda ou intercambio, importar ou exportar exemplares vivos ou mortos, así como os seus propágulos ou restos, salvo nos casos que regulamentariamente se determinen.

e.4) Estas prohibicións aplicaranse a todas as fases do ciclo biolóxico destas especies, subespecies ou poboacións.

e.5) As prohibicións establecidas nesta alínea poderán quedar sen efecto, logo da autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, se non houbese outra solución satisfactoria e sen que iso supoña prexudicar o mantemento nun estado de conservación favorable das poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural, cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

i) Se da súa aplicación derivasen efectos prexudiciais para a saúde e seguranza das persoas.

ii) Para previr prexuízos importantes aos cultivos, ao gando, aos bosques, á pesca e á calidade das augas.

iii) Cando sexa necesario por razóns de investigación, educación, repoboación, reintrodución, ou cando se precise para a cría en catividade orientada a estes fins.

iv) No caso das aves, para previr accidentes en relación coa seguranza aérea.

v) Para protexer a flora e a fauna silvestres e os hábitats naturais.

vi) Para permitir, en condicións estritamente controladas e mediante métodos selectivos, a captura, retención ou calquera outra explotación prudente de determinadas especies en pequenas cantidades e coas limitacións precisas para garantir a súa conservación, así como o cumprimento da lexislación vixente.

f) Prohíbese a introdución de especies, subespecies ou razas xeográficas alóctonas de carácter invasor que poidan ser susceptibles de competir coas especies silvestres autóctonas, alterar a súa pureza xenética, que poidan afectar de forma apreciable o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou causar desequilibrios sobre os ecosistemas do parque natural, sen contar coa autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, ou cando esta se realice fóra dos lugares e das condicións establecidas para a súa explotación.

g) Non poderá autorizarse a liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente baixo condicións que poidan alterar a pureza e diversidade xenética das poboacións naturais das especies autóctonas ou poñer en risco calquera outro valor natural do parque natural. En todo caso, establecerase un control específico para os organismos transxénicos.

h) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá establecer medidas específicas para que o emprego de biocidas, así como de residuos urbanos, industriais, emendas ou calquera substancia química, se realice no parque natural sen riscos para as poboacións de flora e fauna silvestre. Podendo limitar ou, de ser o caso, prohibir aqueles usos que supoñan unha afección significativa sobre o estado de conservación das especies de flora e fauna silvestres de interese para a conservación.

i) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá desenvolver ou autorizar actuacións de control sobre aquelas poboacións de especies que ameacen o equilibrio dos ecosistemas.

j) A reintrodución de especies actualmente non presentes no parque natural deberá contar co correspondente plan técnico, que constará como mínimo dunha exposición de obxectivos, unha avaliación ambiental da incidencia da introdución e un plan de seguimento e control desa especie, debendo ser aprobado polo organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza. Non se aprobará ningunha introdución cando se considere que pode afectar negativamente as especies presentes no parque natural, especialmente sobre aquelas tipificadas como de interese para a conservación.

k) A recolección de sementes quedará permitida, (sempre baixo a tutela da administración do parque natural) coa finalidade de repoboar outras zonas axeitadas para o desenvolvemento das especies, principalmente dentro dos terreos do parque natural, ben que poden ser empregadas noutros territorios. Esta recolección de sementes verase favorecida, sempre e cando non afecte en termos relativos a especie da que se obtén.

l) Queda prohibida a caza de calquera especie animal, sexan ou non especies cinexéticas, así como levar calquera tipo de arma, munición ou elemento susceptible de causar danos á fauna, no ámbito do parque natural.

l.1) No caso específico de especies susceptibles de causar danos aos cultivos, a administración do parque poderá realizar actividades de control de poboación. A captura de especies realizarase en modalidades que minimicen os efectos sobre outras especies e, preferiblemente, orientando as pezas cara ao exterior do parque.

m) Queda prohibida a pesca de calquera especie animal, sexan ou non especies piscícolas, así como levar calquera tipo de útiles de pesca ou elemento susceptible de causar danos á fauna, no ámbito do parque natural.

m.1) No caso específico de especies susceptibles de causar danos á fauna piscícola existente, a administración do parque natural poderá realizar actividades de control de poboación.

22. Compoñentes culturais.

1. Obxectivos.

a) Preservar o patrimonio cultural, arqueolóxico e paleontolóxico existente no parque natural, favorecendo a súa investigación e posta en valor.

b) Difundir e divulgar os valores educativos do patrimonio cultural, arqueolóxico e paleontolóxico do parque natural, para o enriquecemento cultural da sociedade no seu conxunto.

2. Directrices.

a) De acordo coas normas, resolucións e principios do convenio sobre a diversidade biolóxica e da Organización Mundial da Propiedade Intelectual:

a.1) Preservarán, manterán e fomentarán os coñecementos e as prácticas de utilización consuetudinaria que sexan de interese para a conservación e o uso sustentable do patrimonio natural e da biodiversidade.

a.2) Promoverán que os beneficios derivados da utilización destes coñecementos e prácticas se compartan equitativamente.

a.3) Promoverán a realización de inventarios dos coñecementos tradicionais, relevantes para a conservación e o uso sustentable da biodiversidade e xeodiversidade, con especial atención aos etnobotánicos e etnozoolóxicos.

b) Velarase polo correcto estado de conservación dos bens integrantes do patrimonio cultural, arqueolóxico e paleontolóxico.

c) Regularase e controlarase o acceso do persoal investigador aos elementos do patrimonio cultural, arqueolóxico e paleontolóxico, co fin de proceder ao seu estudo.

d) Posibilitarase o acceso do público, na medida en que iso non afecte negativamente a súa conservación, os elementos do patrimonio cultural, arqueolóxico e paleontolóxico, integrándoos, cando sexa posible, na rede de áreas recreativas.

e) Elaborarase a infraestrutura informativa e educativa precisa (sinalizacións, paneis explicativos, folletos, etc.) para a necesaria posta en coñecemento do público dos valores do patrimonio cultural, arqueolóxico e paleontolóxico do parque natural.

f) Realizaranse estudos descritivos das tipoloxías arquitectónicas tradicionais co obxecto de facilitar a súa rehabilitación e coñecemento, promovéndose a protección e conservación das edificacións máis valiosas.

g) Promoverase o fomento das accións de revalorización, conservación e rehabilitación do patrimonio cultural do parque natural, incluídas as festas populares e manifestacións folclóricas, en harmonía coa preservación dos recursos naturais.

3. Normas.

a) Os labores de prospección e escavación que, de ser o caso, poidan autorizarse no parque natural, efectuaranse evitando ou, de ser o caso, minimizando as afeccións sobre os compoñentes da biodiversidade e, de forma especial, sobre os hábitats de interese comunitario e as especies de interese para a conservación.

b) As actuacións de restauración, consolidación, musealización ou, de ser o caso, mantemento das áreas de interese patrimonial ou cultural do parque natural, adaptaranse ás características paisaxísticas de cada zona, evitando calquera tipo de afección significativa sobre os procesos ecolóxicos, os hábitats de interese comunitario e as especies de interese para a conservación. Nas mencionadas actuacións evitarase o emprego de plantas alóctonas de carácter invasor e promoverase un uso racional e selectivo dos biocidas.

23. Usos agropecuarios.

1. Obxectivos.

a) A agricultura e gandería constitúen unha actividade de carácter marxinal en relación coa vocación forestal do parque natural e coa necesidade de conservar os seus valores naturais. A normativa xeral oriéntase a minimizar, cando non se eviten, as afeccións sobre os compoñentes clave do territorio: tipos de paisaxes, medios ecolóxicos, hábitats protexidos, núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación.

2. Directrices.

a) Promoveranse as políticas agrarias que fomenten o mantemento nun estado de conservación favorable dos núcleos poboacionais e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación e priorizaranse aqueles compoñentes cuxa persistencia se atopa ligada ao mantemento dos sistemas de explotación tradicional de carácter agrícola ou gandeiro (aproveitamentos tradicionais e extensivos de brañas e matogueiras, mantemento dos prados de sega e dente, cultivos tradicionais de cereais, etc.).

b) Promoverase a adquisición e/ou arrendamento de predios ou ben a compra das súas producións, en áreas de especial relevancia ambiental, co fin de asegurar o mantemento, a medio ou longo prazo, dos núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación ou dos hábitats naturais e seminaturais de interese comunitario. Para estes efectos terase en conta o disposto na Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.

c) Fomentarase o mantemento da agricultura tradicional mediante a sinatura de acordos ou convenios contractuais cos titulares de terreos que se comprometan á aplicación de medidas agroambientais compatibles coa conservación dos hábitats de interese comunitario e/ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

d) Os criterios e medidas ambientais previstas nos contratos globais de explotación e as medidas agroambientais que promova o organismo autonómico competente en materia agraria e do medio rural definiranse en colaboración co organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

e) As explotacións incluídas no ámbito do espazo natural consideraranse como prioritarias para a concesión de axudas á práctica de métodos agroambientais compatibles coa conservación das especies de interese para a conservación.

f) Velarase e promoverase a aplicación de códigos de boas prácticas, así como os criterios establecidos de eco-condicionalidade.

g) Nos aproveitamentos agrícolas e gandeiros procurarase respectar a vexetación autóctona de carácter natural ou seminatural establecida nos lindeiros de bosques e regueiros, así como as sebes arbustivas e arbóreas, as liñas de arboredo, os pequenos bosquetes e cantos elementos naturais poidan ser significativos para a conservación da biodiversidade e, en especial, da flora e fauna silvestre. Especialmente, velarase polo mantemento daqueles elementos que:

g.1) Sirvan de hábitat secundario, refuxio, cría ou alimentación de especies protexidas.

g.2) Constitúan os últimos lugares de refuxio, cría ou alimentación para os elementos silvestres de flora e fauna, por perdurar en paisaxes agrarias ou gandeiras fortemente degradadas.

g.3) Establezan corredores biolóxicos con ou entre áreas de maior naturalidade, evitando o illamento xenético das poboacións.

g.4) Os cercados e valados en terreos rurais deberán construírse de tal forma que non impidan a circulación da fauna silvestre axustándose ás normas sectoriais e ás previstas neste plan. Os cerramentos serán preferentemente vexetais, conformados por especies autóctonas, ou ben por muros de pedra, mantendo os tipos construtivos tradicionais de cada zona.

h) As actividades da gandaría deberán evitar as afeccións aos medios forestais, axustándose en todo momento aos seguintes criterios:

h.1) No caso de gando autorizado, exixirase o mantemento do gando en boas condicións sanitarias. A falta de certificación de vacinación levará á anulación da adxudicación.

h.2) Limitarase o número de cabezas de gando no parque natural a aquelas declaradas polos gandeiros, non e se permitirá a estandía incontrolada.

h.3) As zonas onde se leven a cabo reforestacións, así como as zonas de propagación e rexeneración de masas naturais, deberán quedar acoutadas ao pastoreo ata que non se comprometa a viabilidade da masa.

h.4) O acceso do gando ás zonas de pasto, realizarase polos camiños ou vías existentes, evitando o paso por zonas sensibles.

3. Normas.

a) Con carácter xeral, considéranse usos permitidos aqueles de carácter tradicional vinculados coas explotacións agrícolas e gandeiras existentes con anterioridade á declaración do parque natural, que non leven consigo afeccións significativas sobre os hábitats de interese comunitario e as especies de interese para a conservación, e cumpran coa normativa sectorial vixente, coas disposicións deste plan e que non entren en conflito coas directrices do proxecto de ordenación forestal, incluíndo entre elas:

a.1) O cultivo ou a cría dentro das explotacións agropecuarias de especies, subespecies, variedades ou razas representativas dos sistemas tradicionais de explotación agrícola ou gandeira existentes en Galicia.

a.2) O uso de xurros, fertilizantes e biocidas nos terreos de labor e nos pasteiros de carácter artificial sempre e cando a súa aplicación non afecte negativamente os hábitats de interese comunitario existentes no seu ámbito, así como ás poboacións de especies de interese para a conservación, e sempre que se apliquen de maneira racional, acorde coas normativas vixentes e co código de boas prácticas.

b) Coa finalidade de asegurar un uso sustentable dos recursos naturais e o propio mantemento das explotacións agropecuarias tradicionais, considéranse actuacións suxeitas a autorización por parte do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza as seguintes:

b.1) Os cambios de usos que supoñan a desaparición ou diminución significativa do estado de conservación (diminución da superficie, modificación da estrutura, cambios nas funcións ecolóxicas) dos tipos de hábitats de interese comunitario ou dos hábitats das especies de interese para a conservación.

b.2) A eliminación de sebes e bosquetes nas áreas de aproveitamento agrícola ou gandeiro.

b.3) O uso de biocidas. Exclúese desta consideración o uso de biocidas vinculados ao mantemento dos prados de sega (Nat-2000 6510), cando se realice conforme a normativa xeral vixente.

b.4) A fumigación con equipos aéreos.

b.5) A liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente.

b.6) A introdución no parque natural de especies alóctonas non presentes na actualidade, cando o seu aproveitamento ou naturalización poida xerar riscos significativos sobre a pureza xenética das poboacións existentes ou xerar unha alteración significativa sobre o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou para as especies de interese para a conservación.

b.7) O depósito de lodos de depuradoras industriais ou urbanas, así como o seu emprego como fertilizantes ou emendas dos solos agrícolas.

c) As concentracións parcelarias ou proxectos similares, que leven consigo unha drástica modificación da paisaxe rural do parque natural ou que afecten significativamente o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario e as especies de interese para a conservación, deberán someterse obrigatoriamente a avaliación de impacto ambiental, que se formulará seguindo os criterios establecidos no artigo 6 da DC 92/43/CEE, tendo en conta os obxectivos de conservación establecidos na Rede Natura 2000 e neste plan, e acorde coa normativa sectorial vixente.

24. Usos forestais.

1. Obxectivos.

a) Na xestión forestal do parque natural deberán primar os aproveitamentos e usos sustentables, de modo que se minimicen, cando non se eviten, as afeccións sobre os compoñentes clave do territorio: tipos de paisaxes, medios ecolóxicos, hábitats protexidos, núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación.

2. Directrices.

a) Promoveranse as políticas forestais que fomenten o mantemento nun estado de conservación favorable dos núcleos poboacionais e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación e priorizaranse aqueles compoñentes cuxa persistencia se atopa ligada ao mantemento dos sistemas de explotación tradicional de carácter forestal (carballeiras, corredores fluviais, matogueiras, etc.).

b) Promoverase a adquisición e/ou arrendamento de predios ou ben a compra das súas producións, en áreas de especial relevancia ambiental, co fin de asegurar o mantemento, a medio ou longo prazo, dos núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación ou dos hábitats naturais e seminaturais de interese comunitario. Para estes efectos terase en conta o disposto na Lei 7/2007, do 21 de maio, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.

c) Fomentarase o mantemento das explotacións forestais tradicionais mediante a sinatura de acordos ou convenios contractuais coas comunidades de montes e cos titulares de terreos que se comprometan á aplicación de medidas ambientais compatibles coa conservación dos hábitats de interese comunitario e/ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

d) Os criterios e medidas ambientais previstas nos contratos globais de explotación e as medidas ambientais que promova o organismo autonómico competente en materia forestal e do medio rural definiranse coa colaboración do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

e) As explotacións incluídas no ámbito do parque natural consideraranse como prioritarias para a concesión de axudas á práctica de métodos agroambientais compatibles coa conservación das especies de interese para a conservación.

f) A xestión forestal deberá desenvolverse mediante proxectos de ordenación de montes e plans técnicos de xestión redactados conforme á Lei 43/2003, de montes. De acordo co artigo 32 desta lei, para a súa aprobación teranse en conta a diversidade e as necesidades de conservación dos hábitats naturais e seminaturais de interese comunitario, así como dos hábitats das especies de interese para a conservación, e por conseguinte as directrices e normativas establecidas neste plan. Os usos e aproveitamentos que nestes documentos se recollan non poderán supoñer, en ningún caso, unha redución significativa do estado de conservación destes hábitats, sobre todo daqueles considerados como prioritarios ou que presenten unha reducida cobertura ou elevada fraxilidade no espazo natural ou no conxunto da Rede Natura 2000 de Galicia.

g) As autorizacións de aproveitamentos forestais deberán establecer as medidas precisas que aseguren o respecto do arboredo e da vexetación autóctona desenvolvida baixo a masa, así como o mantemento da diversidade de biótopos (afloramentos rochosos, regueiros, pequenas zonas húmidas).

h) Evitarase que as autorizacións de cortas leven consigo a desaparición de bosquetes ou a supresión de sebes arbóreas ou arbustivas nas áreas de uso agrícola ou gandeiro. O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá establecer limitacións co fin de garantir o mantemento deste tipo de hábitats.

i) Os aproveitamentos deberán realizarse con técnicas tradicionais e respectuosas en todo momento coa integridade do ambiente, garantindo o mantemento da masa, os solos e os biótopos e ecotonos que esta albergue, así como o restablecemento das condicións preexistentes ou, de ser o caso, a súa substitución por formacións de carácter natural.

j) Os aproveitamentos forestais das formacións naturais realizaranse mediante cortas por rareo sucesivo uniforme ou, de ser o caso, por entresacas por bosquetes ou por furoneo.

k) A construción en vías de saca deberá evitar, no trazado da pista, pendentes superiores ao 10%, podendo, excepcionalmente, superar este límite co fin de evitar impactos paisaxísticos negativos. Estas vías deberán contar con pasos de auga nos desaugadoiros naturais do terreo, tanto permanentes como estacionais, e os seus entroncamentos con camiños ou vías deberán ser realizados tras a consulta ao organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, co fin de determinar a forma idónea da súa construción. O depósito dos materiais sobrantes na construción e reparación de pistas será controlado con rigorosidade.

l) Os traballos de control de pragas deberán ter en conta as seguintes consideracións:

l.1) Non poderán ser empregados fitocidas e insecticidas (salvo casos de urxente necesidade).

l.2) Permitirase o control biolóxico ou natural determinado pola comunidade internacional e coñecido como Entomology Management (sempre a través de E.I.A.).

l.3) Con carácter preferente, en labores de prevención e loita potenciarase o emprego de plantas cebos, loita biolóxica con uso de trampas de feromonas e, principalmente, a estabilización de poboacións de insectívoros mediante o uso de caixas niño, así como a protección dos dormideiros de quirópteros.

m) Na extinción de incendios empregaranse, preferentemente, as accións que xeren menor impacto no medio e a restauración de áreas afectadas terá carácter prioritario.

n) Os danos producidos sobre o terreo, cursos de auga, infraestruturas ou camiños por calquera tipo de aproveitamento forestal deberán ser restaurados polo executante do aproveitamento nun prazo non superior a seis meses a partir do final do aproveitamento.

3. Normas.

a) Como norma xeral, considéranse usos autorizables aqueles de carácter tradicional vinculados coas explotacións forestais existentes no parque natural, sempre e cando non leven consigo afeccións significativas sobre o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario e das especies de interese para a conservación, e cumpran coas disposicións deste plan e coa normativa sectorial vixente.

b) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, independentemente das regulacións que poida establecer o órgano forestal competente, poderá regular dentro do parque natural ou denegar novas explotacións ou aproveitamentos, cando leven consigo unha afección significativa sobre o estado de conservación dos tipos de hábitats de bosques tipificados no anexo I da DC 92/43/CEE, así como sobre os hábitats das poboacións de especies de interese para a conservación, ou ben cando os aproveitamentos afecten a integridade do propio parque natural, o mantemento dos valores paisaxísticos ou a conectividade entre os diferentes tipos de medios ecolóxicos.

c) Con carácter xeral, considéranse usos permitidos:

c.1) A recollida de follaxe, castañas, cogomelos, landras e doutros pequenos froitos por parte dos propietarios dos montes para o seu propio aproveitamento.

c.2) A recollida de landras e doutros pequenos froitos por parte dos propietarios dos montes para o seu propio aproveitamento, sempre que non afecte a persistencia do exemplar/es ou que desta derive unha perda do estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

c.3) A recollida de leña por parte dos propietarios dos montes para o seu propio aproveitamento.

d) En cumprimento do artigo 6 da DC 92/43/CEE e coa finalidade de asegurar o uso sustentable dos recursos naturais e o propio mantemento das explotacións forestais, considéranse actividades suxeitas a avaliación e autorización preceptiva por parte do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación de natureza, as seguintes:

d.1) A introdución, plantación ou sementeira de especies exóticas, non consideradas como especies de aproveitamento forestal nos correspondentes proxectos de ordenación de montes.

d.2) A introdución, plantación ou sementeira de especies exóticas sobre hábitats de importancia comunitaria.

d.3) O uso de calquera tipo de biocidas ou herbicidas sobre hábitats incluídos na DC 92/43/CEE ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación.

d.4) A fumigación con equipos aéreos.

d.5) A realización de aterrazamentos nos proxectos de plantacións forestais.

d.6) A recolección de vexetais e fungos con fins comerciais.

d.7) Todas aquelas que poidan afectar significativamente a integridade do parque natural, o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou os núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación.

e) Serán sometidos a avaliación de impacto ambiental:

e.1) As primeiras repoboacións forestais de máis de cincuenta hectáreas, cando entrañen riscos de graves transformacións ecolóxicas de carácter negativo.

f) Considéranse usos prohibidos no ámbito do parque natural:

f.1) As cortas a feito e a matarrasa sobre formacións arborizadas naturais e especialmente sobre aquelas incluídas dentro do anexo I da DC 92/43/CEE.

f.2) As rozas ou laboreos mecánicos, así como os subsolados, en liña de máxima pendente.

f.3) A vertedura de xurros e residuos agrícolas ou industriais sobre o medio acuático, así como sobre o resto de hábitats de interese comunitario, a excepción dos diversos tipos de prados de sega recollidos na DC 92/43/CEE, realizados de acordo coa normativa sectorial.

f.4) A presenza de gando solto sen autorización.

f.5) O subarrendo de pasteiros nos montes públicos.

g) As actuacións obrigadas na Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, respecto ás liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica enténdense circunscritas ás especies arbóreas nela citadas, estando prohibido eliminar a vexetación arbustiva baixo estas liñas cando non haxa obriga de facelo, en aplicación estrita dos criterios que fixa a regulamentación electrotécnica vixente.

h) Calquera clase de obras destinadas á prevención de incendios forestais, que teñan que ser realizadas nos montes incluídos dentro do territorio comprendido polo espazo natural, deberán someterse con antelación á súa execución a un informe previo do organismo competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

25. Urbanismo e ordenación territorial.

1. Obxectivos.

a) Contribuír á ordenación e protección do medio rural, dos núcleos rurais de poboación que se sitúen no espazo natural e do patrimonio rural.

b) Garantir que os proxectos de actividades e obras, tanto de promoción pública como privada, recollan desde o inicio a consideración dos posibles impactos ambientais, o desenvolvemento de alternativas e as medidas e partidas orzamentarias necesarias para a corrección, de ser o caso, dos efectos negativos producidos, así como a súa adecuación ecolóxica e paisaxística. Todos estes elementos serán valorados de forma prioritaria á hora de estudar a concesión das pertinentes autorizacións.

2. Directrices.

a) Este plan, xunto coas disposicións do Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural do Monte Aloia, prevalecen sobre o ordenamento urbanístico e a ordenación do territorio. Cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, os órganos competentes revisarán estas de oficio.

b) A clasificación do solo dentro do parque natural adaptarase, coa excepción do especificado neste plan, á normativa estatal e autonómica vixente, a cal rexerá a actividade construtiva no solo urbano e nos núcleos rurais, regulando á súa vez o posible desenvolvemento destes, co fin de asegurar a protección e conservación da paisaxe e dos compoñentes clave do parque natural.

c) Os instrumentos do plan urbanístico deberán definir as condicións que garantan a integración paisaxística das edificacións e manteñan o estilo tradicional do parque natural, prestando especial atención á tipoloxía e volumes, así como aos materiais de cubertas e fachadas. Para lograr este obxectivo promoveranse liñas de fomento ou subvención necesarias.

d) Promoverase a elaboración de estudos ou catálogos sobre arquitectura tradicional do parque natural e fomentaranse liñas de axuda para a adecuación das vivendas rurais á esta tipoloxía, fomentándose que na rehabilitación, mellora e nova construción de vivendas rurais se manteña a fisionomía tradicional dos núcleos rurais.

e) Fomentarase a rehabilitación de edificios fronte á construción doutros novos.

f) Nas edificacións promoverase especialmente a substitución dos elementos construtivos distorsionantes por outros máis acordes cos tipos tradicionais do parque natural.

g) Os instrumentos de desenvolvemento urbanístico procurarán fixar, con carácter de mínimos, as condicións necesarias para evitar a formación de pantallas arquitectónicas e garantir a integración paisaxística das vivendas e a súa harmonía co contorno.

h) Fomentarase a inventariación de edificios, elementos ou conxuntos arquitectónicos, de enxeñaría, espazos colectivos, etc., que sexan de interese polo seu valor arquitectónico, histórico, social ou cultural co obxecto de facilitar a súa rehabilitación e coñecemento, promovéndose a protección e conservación das edificacións máis valiosas.

i) Toda actuación que se realizase en edificacións xa existentes adaptarase ás normas urbanísticas correspondentes.

3. Normas.

a) Os usos permitidos, autorizables e prohibidos en relación ao medio rural, urbanismo e ordenación territorial do parque natural veñen establecidos, con carácter xeral, pola normativa estatal (Lei 8/2007) e autonómica vixente (Lei 9/2002 modificada pola Lei 15/2004 e a Lei 6/2007).

b) Para o desenvolvemento das actuacións urbanísticas dentro da Rede Natura 2000, incluíndo a realización de edificacións, será necesaria a autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, que se desenvolverá en conformidade co artigo 6 da DC 92/43/CEE, independentemente do resto das autorizacións por parte doutros organismos competentes.

c) Como criterio xeral, considéranse autorizables os usos e as actividades urbanísticas que se realicen conforme as normativas estatais e autonómicas e que, por conseguinte, estean amparados nun instrumento ou plan urbanístico adaptado a este marco normativo, sempre e cando se desenvolvan de xeito respectuoso cos obxectivos de conservación do parque natural, e non provoquen unha afección significativa sobre a súa integridade, a calidade da paisaxe e o funcionamento dos ecosistemas, e non supoñan unha redución do estado de conservación dos hábitats naturais ou das especies de interese para a conservación.

d) Os peches dos predios axustaranse ás disposicións establecidas nas normativas sectoriais vixentes e neste plan.

d.1) Fóra dos solos urbanos e dos núcleos rurais consolidados, os peches deberán realizarse con sebes de especies autóctonas, pedras ou filas de arames sen picos, coa separación e altura axeitadas. Non se autorizará o uso de materiais prefabricados.

e) Permítese a mellora das construcións e instalacións existentes acordes co Decreto 274/2001, do 27 de setembro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural do Monte Aloia e da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia.

f) Mediante a aprobación dun plan especial de dotacións, regulado polo artigo 71 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, poderán incluírse dentro da zona de uso xeral e da zona de uso moderado equipamentos comunitarios de carácter educativo.

g) Queda expresamente prohibida a construción de cemiterios dentro dos límites do parque natural.

h) Prohíbese expresamente a instalación de casas prefabricadas e instalacións similares, provisionais ou permanentes, con fins residenciais fóra dos núcleos rurais ou das áreas urbanas.

i) Prohíbese a construción de instalacións para a explotación gandeira de carácter industrial.

j) O resto das actividades urbanísticas non recollidas nesta norma zonal considéranse como prohibidas.

26. Infraestruturas e obras.

1. Obxectivos.

a) Procurar minimizar o impacto sobre o medio natural no desenvolvemento de infraestruturas (viarias, transporte de enerxía e datos, estacións radioeléctricas, etc.) cando estas se realicen fóra dos núcleos urbanos ou das áreas industriais.

b) Protexer o medio natural e cultural do parque natural, realizando as medidas de restauración necesarias para minimizar o impacto paisaxístico das infraestruturas e obras existentes que así o requiran.

c) Garantir que os proxectos de actividades e obras, tanto de promoción pública como privada, recollan desde o inicio a consideración dos posibles impactos ambientais, o desenvolvemento de alternativas e as medidas e partidas orzamentarias necesarias para a corrección, de ser o caso, dos efectos negativos producidos, así como a súa adecuación ecolóxica e paisaxística. Todos estes elementos serán valorados de forma prioritaria á hora de estudar a concesión das pertinentes autorizacións.

d) Procurar, en coordinación coa Administración estatal e autonómica, a conservación e ordenación dos recursos naturais existentes no dominio público.

2. Directrices.

a) Os proxectos definirán e incorporarán de forma precisa as medidas de control da erosión e a restauración e integración paisaxística da obra. Estas medidas referiranse, non só aos elementos principais da obra, senón tamén aos accesos provisionais e definitivos, conducións, plataformas de traballo, vertedoiros, empréstitos e a cantas superficies visen alterada a súa cuberta vexetal ou modificadas as súas condicións de equilibrio.

b) No deseño e execución das obras deberán minimizarse os efectos erosivos e a alteración hidrolóxica sobre os hábitats naturais e seminaturais, e especialmente sobre os hábitats prioritarios.

c) Evitarase a localización de instalacións ou infraestruturas nos cumes de maior altitude do parque natural, así como naqueles picos que posúan unha grande singularidade cultural, paisaxística ou ambiental.

d) Como criterio para a apertura de novos desmontes, gabias ou vías tomarase aquel que supoña, en primeiro lugar, un menor impacto ambiental sobre os elementos da paisaxe, os hábitats e as especies protexidas.

e) Os materiais sobrantes das obras de mantemento, restauración, modificación ou desmantelamento deberán ser retirados e xestionados segundo a lexislación vixente.

f) No deseño e mantemento de infraestruturas, teranse en conta as necesidades de paso da fauna silvestre, habilitando as medidas necesarias que permitan e favorezan este fluxo.

g) En caso de ser necesaria a introdución de material vexetal (plantas, vastezas, sementes) para a restauración de noiros e áreas alteradas, empregaranse unicamente especies autóctonas, elixindo aquelas propias dos hábitats circundantes á zona de obra.

h) Controlaranse e eliminaranse as especies exóticas e invasoras das vías e das áreas afectadas polas obras.

i) Co fin de evitar as afeccións sobre hábitats de interese comunitario ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación da fauna e flora silvestre na planificación das novas vías, así como nos labores de mantemento das existentes, establécense as seguintes directrices:

i.1) Na execución de obras procuraranse aplicar técnicas de enxeñaría branda ou bioenxeñaría.

i.2) Empregaranse especies vexetais autóctonas na configuración das sebes das medianas, beiravías, rotondas e áreas de descanso.

i.3) Evitarase a vertedura directa, ou con certa intensidade, sobre materiais disgregables ou en áreas de importantes pendentes, así como nos medios acuáticos naturais ou seminaturais e, especialmente, sobre os regueiros.

i.4) Nos puntos de evacuación da auga instalaranse dispositivos co fin de reducir a súa capacidade erosiva. No deseño e mantemento destes puntos empregaranse técnicas brandas ou de bioenxeñaría.

i.5) A saburra empregada na construción debe ser do mesmo material xeolóxico que o existente no trazado. Non se empregarán en ningún caso como saburra residuos industriais.

j) Nas obras de restauración ou de rexeneración ambiental seguiranse, ademais, os seguintes criterios:

j.1) Evitarase a colocación de mobiliario urbano sobre hábitats naturais.

j.2) Evitarase o uso de materiais alleos ao medio (formigón, aceiro inoxidable, materiais plásticos, etc.) no acabado e exteriores.

j.3) Na construción, mantemento ou modificación de paseos evitarase a modificación dos hábitats de interese comunitario e dos hábitats das especies de interese para a conservación e, especialmente, daqueles considerados como prioritarios.

j.4) O mantemento ou modificación das construcións existentes deberá formularse cara á restauración das condicións ecolóxicas, substituíndo no posible os muros verticais, diques ou noiros de pedra.

j.5) Na vexetación de noiros e áreas alteradas utilizaranse unicamente especies autóctonas propias da zona do parque natural onde se realiza a obra.

j.6) Empregaranse igualmente especies vexetais autóctonas nas plantacións ou sementeiras que se realicen en medianas, beiravías, rotondas e áreas de descanso.

3. Normas.

a) Co fin de limitar os efectos prexudiciais para a saúde humana, derivados da exposición a curto e longo prazo, de substancias e preparados perigosos, prohíbese o emprego de madeira tratada con creosota ou outros derivados de hexacloroetano (Directiva 90/2001/CE, Orde PRE/2666/2002, do 25 de outubro, pola que se modifica o anexo I do Real decreto 1406/1989, do 10 de novembro, BOE nº 261, do 31 de outubro de 2002), na construción de áreas de uso público (pasarelas, instalacións recreativas e de ocio ao aire libre), así como en calquera tipo de construción en que exista risco de contacto frecuente coa pel.

b) Nas labores de mantemento das infraestruturas lineais existentes no parque natural, empregaranse as técnicas e os métodos que aseguren una mínima afección sobre os recursos naturais e, de forma especial, sobre as augas, os solos, os tipos de hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou sobre os núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación, a través dos que discorre o trazado.

c) No mantemento das áreas de servidume das infraestruturas lineais, poderá autorizarse excepcionalmente o uso selectivo de herbicidas ou biocidas, sempre e cando a súa aplicación non supoña unha afección significativa sobre o estado de conservación dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE, ou sobre os hábitats que alberguen núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación existentes nas marxes destas infraestruturas.

d) Na xestión das medianas e áreas de servidume das infraestruturas lineais que discorren polo parque natural, estableceranse medidas de control co fin de evitar o establecemento ou expansión de especies invasoras que poidan afectar o estado de conservación dos hábitats ou dos núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación existentes no parque natural.

e) Ás liñas eléctricas aéreas de alta tensión con condutores nus situadas en zonas de protección, que sexan de nova construción, ou que non conten cun proxecto de execución aprobado antes entrada en vigor do Real decreto 263/2008, así como ás ampliacións ou modificacións de liñas eléctricas aéreas de alta tensión xa existentes, seranlles aplicadas as medidas de protección contra a electrocución e as medidas de protección contra a colisión recollidas no referido Real decreto 263/2008.

e.1) As liñas eléctricas aéreas de alta tensión con condutores nus existentes con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 263/2008, situadas en zonas de protección, seranlles aplicadas, de forma obrigatoria, as medidas de protección contra a electrocución e, de forma voluntaria, as medidas de protección contra a colisión.

e.2) Para os efectos de aplicación das medidas de protección establecidas no Real decreto 263/2008, considéranse como zonas de protección, os territorios:

i) Designados como zonas de especial protección para as aves (ZEPA).

ii) Que constitúan o ámbito de aplicación dos plans de recuperación e conservación de aves incluídas no Catálogo nacional de especies ameazadas ou no Catálogo galego de especies ameazadas.

iii) Conformados polas áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local daquelas especies de aves incluídas no Catálogo nacional de especies ameazadas ou no Catálogo galego de especies ameazadas, cando as devanditas áreas non estean xa comprendidas nos supostos anteriores.

f) Someterase a procedemento de avaliación de impacto ambiental a construción de calquera nova infraestrutura de servizo ou edificación capaz de provocar un efecto significativo sobre a paisaxe ou a modificación doutras preexistentes coa mesma capacidade.

27. Uso público e actividades deportivas.

1. Obxectivos.

a) Compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas cos obxectivos de conservación do parque natural e co desenvolvemento do medio rural.

b) Ordenar e facilitar o goce do visitante baseado nos valores do parque natural, de modo compatible coa súa conservación. Darase prioridade e fomentaranse as actividades de paseo e contemplación. Ofreceranse para iso áreas onde poder apreciar a soidade e a integridade do ambiente natural. Neste sentido, prestarase especial atención aos valores culturais, estéticos, educativos e científicos, dándolles prioridade sobre os de carácter meramente turístico, deportivo ou recreativo.

c) Achegar á poboación cara a un ámbito natural, co fin de aumentar o seu coñecemento sobre este medio así como lograr unha maior sensibilización, sobre todo no caso das poboacións urbanas, cara á necesidade da súa conservación.

2. Directrices.

a) Adecuar a intensidade de uso do espazo á súa capacidade de acollida.

b) Promover coa Administración estatal, autonómica e provincial, así como cos municipios integrados na zona de influencia socio-económica, o uso público, turístico e recreativo de carácter sustentable no parque natural.

c) Impulsarase o uso público, como elemento dinamizador do desenvolvemento socioeconómico da poboación residente na área de influencia do parque natural.

d) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá establecer regulacións específicas ao exercicio das actividades deportivas que se poidan desenvolver no parque natural, cando desta deriven ou, previsiblemente, poidan derivar prexuízos económicos sobre outras actividades, sobre o uso público do espazo e, por conseguinte, sobre a seguranza das persoas ou sobre os compoñentes clave do parque natural.

e) Realizarase un axeitado seguimento e avaliación das actividades de uso público e recreativo dentro do parque natural que atenderá, especialmente, aos efectos sobre o medio natural e á calidade da visita, aplicándose cando sexa adecuado, as oportunas medidas correctoras.

f) Considéranse incompatibles cos obxectivos de conservación do parque natural, as actitudes ou comportamentos dos visitantes que supoñan os aspectos seguintes:

f.1) A falta de consideración e respecto ao resto de visitantes.

f.2) Lanzamento ou precipitación de pedras ou outros obxectos.

f.3) A utilización a alto volume de radios e outros instrumentos que emitan son, de modo que perturben a tranquilidade da zona.

f.4) Uso de megáfonos, salvo por razóns de seguranza.

f.5) Non respectar os sinais, os itinerarios e as zonas de acceso prohibidos ou restrinxidos temporalmente, así como saírse de camiños e vías de tránsito autorizados.

f.6) Molestar os animais, mediante ruídos, lanzamentos de pezas ou outros obxectos.

f.7) Circular con vehículos motorizados incumprindo os sinais e normativas para tal efecto.

f.8) Non respectar as indicación das/dos axentes do Servizo de Conservación da Natureza ou do persoal de información do parque natural.

3. Normas.

a) Considérase actividade permitida o tránsito a pé polo parque natural, sempre e cando se realice de forma racional, respectando a propiedade privada e as actividades e aproveitamentos existentes, así como a normativa sectorial, a deste plan e as regulacións que poida establecer o organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

b) As vías existentes no parque natural clasifícanse en relación co uso público do seguinte modo:

b.1.) Libre tránsito: vías en que se permite o uso de vehículos, cabalarías ou o tránsito peonil, acorde coa normativa e disposicións sectoriais en materia de circulación e seguridade vial. Inclúense dentro desta categoría:

i) As estradas de titularidade estatal, autonómica ou provincial, así como as súas vías de servizo, xunto coas rúas e camiños existentes nos núcleos habitados incluídos no espazo natural.

ii) As pistas agrícolas ou forestais, así como as vinculadas co mantemento de infraestruturas que non estean suxeitas a limitacións específicas ou particulares por parte dos seus titulares ou dos organismos competentes.

iii) Queda limitado a vinte toneladas o peso máximo autorizado por vehículo en todas as pistas e estradas do parque natural, con excepción da estrada Tui-Gondomar.

b.2) Tránsito restrinxido: as vías que o organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza establece, temporal ou permanentemente, por necesidades de conservación dos recursos naturais, ou ben para garantir os aproveitamentos tradicionais existentes ou para racionalizar as propias actividades de uso público. Inclúense polo menos dentro desta categoría:

i) As vías de uso estritamente peonil (sendeiros e sendas peonís), en que se prohibe o uso de vehículos, incluídos quads e motocicletas, e de cabalarías.

ii) Os sendeiros e camiños de ferraduras en que se prohibe o uso de vehículos, incluídos quads e motocicletas, e os vehículos vinculados directamente co aproveitamento dos recursos naturais.

iii) Aquelas vías destinadas ao tránsito dos vehículos vinculados coas actividades agrícolas, gandeiras ou forestais existentes no espazo natural, nos cales se prohibe o tránsito de vehículos relacionados con actividades de uso público.

iv) Aquelas vías ou áreas restrinxidas ao uso público e delimitados para garantir a conservación dos hábitats e das especies silvestres.

b.3) Das limitacións establecidas neste punto, quedan exceptuados os vehículos de vixilancia, emerxencias e todos aqueles que conten coa autorización do organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza.

c) A circulación e aparcamento de vehículos no desenvolvemento de actividades de uso público (turístico, recreativo, deportivo, ocio, etc.) realizarase exclusivamente nas vías e áreas habilitadas para tal efecto. Prohíbese a circulación e aparcamento sobre hábitats de interese comunitario ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación. Salvo naqueles casos que exista autorización expresa por parte do organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza.

d) O uso con fins comerciais da imaxe, marca ou sinais de identidade gráfica do parque natural deberá contar coa autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

28. Actividades científicas e de monitoraxe.

1. Obxectivos.

a) Fomentar o coñecemento sobre a dinámica ou evolución dos compoñentes e dos procesos naturais no parque natural.

b) Regular as actividades científicas e de monitoraxe do parque natural co fin de evitar a afección aos compoñentes da biodiversidade.

2. Directrices.

a) Favorecerase a realización de traballos de investigación relacionados coa biodiversidade do parque natural e as súas peculiaridades, fomentándose a investigación naqueles temas de interese para a xestión e conservación destes.

b) Todos os traballos científicos ou de investigación que se realicen no ámbito do parque natural utilizarán as técnicas e métodos menos impactantes posible para o medio natural.

c) Limitarase a recolección de espécimes e mostras biolóxicas ou de rochas, minerais e fósiles aos casos estritamente necesarios, establecéndose as condicións de captura ou recollida nas que se indiquen as cantidades, lugares, épocas e modo de realizalas.

d) Crearase un depósito bibliográfico con copias dos estudos e traballos realizados no parque natural.

3. Normas.

a) As investigacións científicas serán efectuadas por persoal cualificado logo da avaliación dunha proposta técnica que conterá a información necesaria para avaliar a incidencia da actividade sobre o medio paisaxe, medios ecolóxicos, hábitats protexidos, especies de interese para a conservación). O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá propoñer que a realización das actividades científicas se realicen nunha zona ou nunha área concreta do parque natural ou, de ser o caso, denegar a autorización para a súa execución.

b) Toda actividade científica ou de investigación que se desenvolva no parque natural e que poida afectar ao estado de conservación dos seus compoñentes deberá ser autorizada polo organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza e adaptarase ás normas e condicionantes contemplados na autorización.

b.1) As actividades científicas ou de investigación que afecten a especies de interese para a conservación deberán contar coa autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza, o cal poderá solicitar información detallada sobre os labores de investigación previstos e establecer medidas preventivas ou limitacións sobre a recollida, captura, extracción ou sobre os métodos de estudo, co fin de asegurar o mantemento do estado de conservación das especies obxecto da investigación.

b.2) As actividades científicas ou de investigación que poidan supoñer unha afección á composición, estrutura ou función dos hábitats tipificados como de interese comunitario deberán de contar con autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, o cal poderá solicitar información detallada sobre os labores de investigación previstos e establecer medidas preventivas ou limitacións sobre a recollida, captura, extracción ou sobre os métodos de estudo co fin de asegurar o mantemento do estado de conservación dos hábitats ou das especies obxecto da investigación.

b.3) Para a realización de actividades científicas ou de investigación poderanse outorgar permisos especiais para o transporte de material e persoas polas vías de tránsito restrinxido. Igualmente poderase autorizar a instalación dos campamentos e infraestruturas necesarias en áreas non habilitadas para tal fin, con carácter temporal e con impacto visual e ecolóxico mínimo.

b.4) O responsable das investigacións realizadas nun parque natural deberá proceder aos traballos necesarios para a restauración das condicións naturais que houbese con anterioridade.

c) As actividades de investigación ou monitoraxe non poderán deixar pegadas permanentes que vaian en detrimento dos valores naturais e culturais.

d) As actividades de investigación non poderán, en ningún caso, introducir especies ou subespecies, así como xenotipos diferentes aos existentes no espazo natural.

e) Os indicadores de acceso que conduzan aos compoñentes do patrimonio cultural e etnográfico e ao mobiliario informativo que se coloque neles deberán ser coherentes co patrón formal e compositivo da sinalización do espazo protexido.

Capítulo III

Normativa zonal

29. Zonificación do espazo natural protexido.

Para cada unha das unidades de zonificación contempladas neste plan e delimitadas en función da expresión territorial dos compoñentes da biodiversidade, proponse un réxime de ordenación e xestión específico, que responde en consecuencia ás diferentes necesidades de conservación e xestión e a diferentes graos de aproveitamento dos recursos naturais do parque natural.

30. Zona de uso restrinxido (PNMA-1).

1. Definición.

Territorios cun valor de conservación alto, cunha porción significativa de hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE, cunha elevada naturalidade e diversidade, que mostran, xeralmente, unha maior representación territorial dos hábitats de interese comunitario fronte aos de carácter prioritario, ou ben, unha porción significativa das áreas prioritarias das especies silvestres de flora e fauna de interese para a conservación. Diferenciándose, non obstante, porque estas unidades se integran nun territorio cun nivel importante de humanización, no que existe unha porción tamén significativa de hábitats de interese comunitario, cuxa composición, estrutura e dinámica está intimamente ligada ao mantemento dos sistemas de aproveitamento tradicional.

Nestas áreas deberase restrinxir ou, de ser o caso, prohibir calquera uso diferente dos que actualmente se derivan das actividades agropecuarias e forestais de carácter tradicional e que non sexan compatibles cos obxectivos de conservación.

2. Obxectivos.

a) Manter ou, de ser o caso, restaurar as paisaxes, os ecosistemas, os hábitats protexidos e as áreas prioritarias para as especies de interese para a conservación, nun estado de conservación favorable.

b) Mantemento dos usos tradicionais por parte da poboación local, evitando aqueles que supoñan un risco grave para a conservación ou dinámica dos hábitats naturais e das poboacións de especies de flora e fauna de interese para a conservación.

c) Ordenación e regulación das actividades deportivas e recreativas de baixa incidencia ambiental, especialmente o sendeirismo, excursionismo e actividades afíns, sempre que non produzan deterioración significativa de hábitats e especies.

3. Directrices.

a) O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza poderá regular os aproveitamentos dos recursos naturais, así como denegar novas explotacións, cando sexan contrarias ou afecten de maneira significativa á integridade da zona ou sobre o estado de conservación dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou das áreas prioritarias de conservación das especies de interese para a conservación.

b) Fomentar a conservación e restauración das paisaxes culturais e, de xeito especial, as vinculadas con valores históricos e cos sistemas de explotación tradicional e sustentable dos recursos naturais.

c) Fomento da conservación e a restauración natural dos hábitats naturais e dos núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación, garantindo en todo momento o mantemento da súa naturalidade, así como da súa diversidade taxonómica e xenética.

d) Velar para que os aproveitamentos e labores de carácter tradicional, que se realicen sobre os recursos naturais, empreguen técnicas que minimicen os impactos e sexan de carácter sustentable.

e) Os aproveitamentos dos recursos naturais poderán someterse a melloras que permitan un aproveitamento máis eficaz destes, mantendo os criterios de sustentable e de ecocondicionalidade.

31. Zona de uso moderado (PNMA-2).

1. Definición.

Territorios con valor de conservación medio. Son áreas xeralmente en mosaico, nas que en conxunto predominan medios antrópicos e seminaturais, entre estes últimos atópase un importante número de hábitats de interese comunitario, cuxa composición, estrutura e dinámica está intimamente ligada ao mantemento dos sistemas de aproveitamento tradicional. As zonas de uso moderado poden albergan ademais pequenas áreas configuradas por hábitats prioritarios ou hábitats ou ben localidades que integran as áreas prioritarias de conservación de especies catalogadas a nivel nacional ou autonómico, ou son consideradas como protexidas pola normativa comunitaria ou internacional.

Nestas áreas, regúlanse as actividades non tradicionais que poidan levar consigo unha mingua ou diminución do estado de conservación dos hábitats e das poboacións de especies de flora e fauna de interese para a conservación. A zona de uso moderado actúa a xeito de área de amortecemento entre as zonas de uso xeral e as zonas de maior valor de conservación.

2. Obxectivos.

a) Manter ou, de ser o caso, restaurar as paisaxes, os ecosistemas, os hábitats protexidos e as áreas prioritarias para as especies de interese para a conservación, nun estado de conservación favorable.

b) Mantemento dos usos tradicionais por parte da poboación local, evitando aqueles que supoñan un risco grave para a conservación ou dinámica dos hábitats naturais e das poboacións de especies de flora e fauna de interese para a conservación.

c) Ordenación e regulación das actividades deportivas e recreativas de baixa incidencia ambiental, especialmente o sendeirismo, excursionismo e actividades afíns, sempre que non produzan deterioración significativa de hábitats e especies.

3. Directrices.

a) O organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza poderá regular os aproveitamentos dos recursos naturais, así como denegar novas explotacións, cando sexan contrarias ou afecten de maneira significativa á integridade da zona, ou sobre o estado de conservación dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou das áreas prioritarias de conservación das especies de interese para a conservación.

b) Fomentar a conservación e restauración das paisaxes culturais, dos hábitats naturais e dos núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación, garantindo en todo momento o mantemento da súa naturalidade, así como da súa diversidade taxonómica e xenética.

c) Fomentar a aplicación e implementación de códigos de boas prácticas como criterios orientadores da xestión sustentable dos recursos naturais, así como promover e velar pola aplicación dos requisitos establecidos na normativa e programas de ecocondicionalidade.

d) Os aproveitamentos dos recursos naturais poderán someterse a melloras que permitan un aproveitamento máis eficaz destes, mantendo os criterios de sustentabilidade e de ecocondicionalidade.

32. Zona de uso xeral (PNMA-3 e PNMA-4).

1. Definición.

Territorios cun valor de conservación medio ou baixo nos que predominan os medios seminaturais, cunha reducida naturalidade e medios sinantrópicos, desvinculados, na maioría dos casos, dos sistemas de explotación tradicional dos recursos naturais.

Inclúe os territorios do parque natural que nos instrumentos ou plans urbanísticos, vixentes, adaptados e conformes a normativa estatal e autonómica en materia de ordenación do territorio e urbanismo, teñan a cualificación e delimitación de solo de núcleo rural ou de solo urbano consolidado.

Inclúe as zonas de dominio público das infraestruturas de comunicación de titularidade estatal, autonómica, provincial ou local.

Na planificación do parque natural, a zona de uso xeral debe ser capaz de absorber a maior parte das actividades de carácter recreativo, co fin de reducir a presión destas sobre as áreas que posúen hábitats ou especies cunha elevada fraxilidade.

2. Obxectivos.

a) Manter a naturalidade da área, evitando as perdas de elementos característicos do parque natural.

b) Mantemento dos usos tradicionais por parte da poboación local, evitando aqueles que supoñan un risco grave para a conservación ou dinámica dos hábitats naturais e das poboacións de especies de flora e fauna de interese para a conservación.

c) Ordenación e regulación das actividades deportivas e recreativas de baixa incidencia ambiental, especialmente o sendeirismo, excursionismo e actividades afíns, sempre que non produzan deterioración significativa de hábitats e especies.

3. Directrices.

a) O organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza poderá regular os aproveitamentos dos recursos naturais, así como denegar novas explotacións, cando sexan contrarias ou afecten de maneira significativa á integridade da zona, ou sobre o estado de conservación dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou das áreas prioritarias de conservación das especies de interese para a conservación.

b) Arbitraranse medidas de carácter económico especiais para os encraves rurais existentes nesta zona, mediante subvencións ou beneficios fiscais, para o desenvolvemento dos diferentes sectores produtivos e a mellora na súa calidade de vida.

c) Fomentar a aplicación e implementación de códigos de boas prácticas como criterios orientadores da xestión sustentable dos recursos naturais, así como promover e velar pola aplicación dos requisitos establecidos na normativa e programas de ecocondicionalidade.

d) Os aproveitamentos dos recursos naturais poderán someterse a melloras que permitan un aproveitamento máis eficaz destes, mantendo os criterios de sustentabilidade e de ecocondicionalidade.

33. Actividades agrícolas e gandeiras.

1. Usos e actividades permitidos.

a) As actividades tradicionais de carácter agrícola e gandeiro, existentes antes da entrada en vigor deste plan e que non supoñan unha mingua significativa no estado de conservación dos ecosistemas, dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación. Estas actividades realizaranse de acordo coas regulacións establecidas pola lexislación sectorial, a normativa zonal deste plan ou as que puidese establecer o organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza e, en todo caso, conforme ao disposto no artigo 6 da DC 92/43/CEE e no artigo 45 da Lei 42/2007.

b) As explotacións tradicionais de gandaría extensiva de vacún, equino, ovino e caprino, existentes antes da entrada en vigor deste plan, sometidas a un control axeitado que evite incrementos da presión incompatibles co mantemento dos hábitats sometidos a aproveitamento directo e, en xeral, que non supoñan unha mingua no estado de conservación dos ecosistemas, os hábitats protexidos e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación. A autorización realizarase ademais de acordo coas regulacións establecidas ou que puidese establecer o organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza e, en todo caso, conforme o artigo 6 da DC 92/43/CEE, as consideracións que sobre o réxime de avaliación ambiental establece este plan.

c) O uso de zurros, fertilizantes, emendas orgánicas e biocidas nos terreos de labor, hortas, explotacións froiteiras e nos pasteiros de carácter artificial ou seminatural, sempre e cando a súa aplicación se realice de acordo coa normativa sectorial vixente, o código de boas prácticas e os criterios de eco-condicionalidade e, por conseguinte, non afecten negativamente o estado de conservación dos hábitats de carácter natural ou seminatural existentes no seu ámbito ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

d) A corta de exemplares de árbores froiteiras e de ornamento existentes en explotacións agrícolas, en pequenos hortos ou en xardíns e áreas de uso público existentes dentro do parque natural.

e) Os cerramentos e valados de predios menores a 0,5 ha na zona de uso xeral (PNMA-3 e PNMA-4) sempre e cando non impidan a circulación da fauna silvestre, ou que non supoñan un incremento da fragmentación ou a impermeabilidade dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE, ou un incremento no nivel de illamento das especies de interese para a conservación. Os cerramentos serán preferentemente vexetais, conformados por especies autóctonas, ou ben por muros de pedra mantendo os tipos construtivos tradicionais de cada zona.

2. Usos e actividades autorizables.

a) En conformidade co artigo 6 da DC 92/43/CEE e coa finalidade de asegurar o uso sustentable dos recursos naturais e o propio mantemento das explotacións agropecuarias, considéranse actividades suxeitas a avaliación e autorización preceptiva por parte de organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza as seguintes:

a.1) Os cambios de usos que supoñan a desaparición ou diminución significativa do estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

a.2) A creación de novos pasteiros ou terreos de labor, cando supoñan a destrución ou redución significativa da superficie ocupada por hábitats protexidos ou ben das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

a.3) A eliminación de sebes e bosquetes nas áreas de aproveitamento agrícola ou gandeiro.

a.4) O uso de biocidas. Exclúese desta consideración o uso selectivo e racional de biocidas vinculados ao mantemento dos prados de sega (Nat-2000 6510) e dos diversos tipos de labradíos e cultivos de horta e froiteiras, cando se realice conforme á normativa xeral vixente.

a.5) A fumigación con equipos aéreos.

a.6) A liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente.

a.7) A introdución no parque natural de especies alóctonas non presentes na actualidade, cando o seu aproveitamento ou naturalización poida xerar riscos significativos sobre a pureza xenética das poboacións existentes ou xerar unha alteración significativa sobre o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou sobre as especies de interese para a conservación.

a.8) O depósito de lodos de depuradoras industriais ou urbanas, así como o emprego dos mesmos como fertilizantes ou emendas dos solos agrícolas.

3. Usos e actividades prohibidos.

a) O uso extensivo do lume na xestión e aproveitamento das superficies non arborizadas consideradas como hábitats de interese comunitario, salvo naquelas actuacións de xestión ou protección do biótopo que posúan autorización do organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza.

b) A vertedura de xurros e residuos agrícolas ou industriais directamente sobre o medio acuático, así como sobre hábitats de interese comunitario. Exclúense os diversos tipos de prados de sega contemplados na DC 92/43/CEE (Nat-2000 6510), realizados de acordo coa normativa sectorial.

c) As concentracións parcelarias e a transformación de solo forestal en solo agrícola.

34. Actividades forestais.

1. Usos e actividades permitidos

a) As actividades tradicionais de carácter forestal, existentes antes da entrada en vigor deste plan e que non supoñan unha mingua significativa no estado de conservación dos ecosistemas, os hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación. A realización destas actividades levarase a cabo de acordo coas regulacións establecidas pola lexislación sectorial e a normativa zonal deste plan ou as que puidese establecer o organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza e, en todo caso, conforme ao disposto no artigo 6 da DC92/43/CEE.

b) As superficies forestais, que no momento da entrada en vigor deste plan se atopen conformadas por especies alóctonas (Pinus, Eucalyptus, etc.), poderán manter a súa dedicación forestal así como desenvolver os seus aproveitamentos, sempre e cando non leven consigo unha afección significativa sobre o parque natural ou os compoñentes deste e se suxeiten ao establecido na lexislación sectorial. A Xunta de Galicia arbitrará as medidas necesarias para fomentar a transformación destas explotacións, co fin de recuperar a naturalidade dos hábitats propios destas áreas.

c) As actividades vencelladas co mantemento ou de ampliación do arboredo existente no parque natural, incluíndo a introdución de novas especies arbóreas.

d) A recollida de follas, castañas, cogomelos, landras e doutros pequenos froitos por parte dos propietarios dos montes para o seu propio aproveitamento, sempre que a mesma non afecte á persistencia do exemplar/es ou que desta se derive unha perda do estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

e) Os aproveitamentos de leña nas masas arborizadas por parte da poboación local, destinados ao autoconsumo, sempre que non afecten a persistencia do exemplar/es, ou que desta se derive unha perda do estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

f) Os cerramentos e valados de predios menores a 0,5 ha na zona de uso xeral (PNMA-3 e PNMA-4) sempre e cando non impidan a circulación da fauna silvestre, ou que non supoñan un incremento da fragmentación ou a impermeabilidade dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE, ou un incremento no nivel de illamento das especies de interese para a conservación. Os cerramentos serán preferentemente vexetais, conformados por especies autóctonas, ou ben por muros de pedra, mantendo os tipos construtivos tradicionais de cada zona.

2. Usos e actividades autorizables.

a) As cortas de formacións alóctonas efectuadas conforme a este plan e á normativa sectorial vixente, cando se realicen garantindo a conservación dos solos e dos compoñentes naturais e non leven consigo unha afección significativa sobre tipos de hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE, das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación ou non afecten a árbores e monteiras senlleiras, declarados en conformidade co Decreto 67/2007.

b) As plantacións de elementos autóctonos ou de Pinus pinaster que non supoñan unha afección significativa sobre os hábitats do anexo I ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación e non provoquen unha afección paisaxística.

c) Cortas dos tipos de bosques do anexo I da DC 92/43/CEE, vinculadas estritamente ás necesidades de xestión, restauración e sanidade vexetal, conforme cos obxectivos deste plan e da propia Rede Natura 2000, cando sexan necesarias para garantir a seguridade das persoas, infraestruturas ou propiedades.

d) Cortas de rexeneración e mantemento, no caso de monteiras sen rexeneración natural, cando sexan estritamente necesarias para asegurar a súa preservación.

e) En conformidade co artigo 6 da DC 92/43/CEE e coa finalidade de asegurar o uso sustentable dos recursos naturais e o propio mantemento das explotacións forestais, considéranse actividades suxeitas a avaliación e autorización preceptiva por parte de organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza as seguintes:

e.1) A introdución, plantación ou sementeira de especies exóticas, non contempladas como especies de aproveitamento forestal nos correspondentes proxectos de ordenación de montes ou contrarias ás regulacións establecidas neste plan.

e.2) O uso de calquera tipo de biocidas ou herbicidas sobre hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación.

e.3) A fumigación con equipos aéreos.

e.4) A recolección de vexetais e fungos con fins comerciais por parte dos propietarios dos montes.

e.5) Excepcionalmente, poderase autorizar a realización de queimas controladas e de restrebas, sempre que non leven consigo unha afección sobre o estado de conservación dos hábitats e as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación e se realicen conforme a normativa vixente.

e.6) Todas aquelas que poidan afectar significativamente a integridade do parque natural, o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou os núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación.

e.7) O organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza arbitrará as medidas para que estes aproveitamentos se realicen de forma sustentable e que non leven consigo unha afección significativa sobre o estado de conservación dos hábitats protexidos e das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

f) Tras unha axeitada avaliación das repercusións, efectuada en conformidade co artigo 6, poderán ser autorizadas cortas por furoneo, cortas por rareo uniforme ou entresacas por bosquetes, para as formacións forestais de carácter autóctono, cando se realicen garantindo a conservación dos solos e dos compoñentes naturais e non leven consigo unha afección significativa sobre tipos de hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE e as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, e se realicen de acordo coas indicacións establecidas no proxecto de ordenación forestal. A fin de garantir o estado de conservación dos tipos de hábitats forestais incluídos no anexo I da DC 92/43/CEE establécense unha serie de criterios para desenvolver a xestión forestal do espazo natural. Neste plan inclúese unha cartografía dixital de unidades ambientais nas que se indica a cobertura dos distintos tipos de hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE presentes no espazo natural.

g) Deberán ser sometidas a un procedemento de avaliación de impacto ambiental, que se realizará conforme o disposto no artigo 6 da DC 92/43/CEE, os seguintes aproveitamentos e actuacións:

g.1) As primeiras repoboacións forestais de máis de cincuenta hectáreas, cando entrañen riscos de transformacións ecolóxicas.

g.2) As novas plantacións que poidan xerar unha afección significativa sobre a integridade do parque natural, os hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

g.3) Calquera outro tipo de aproveitamento madeireiro non contemplado na normativa zonal e xeral, que supoñan a destrución ou alteración dos hábitats incluídos no anexo I da DC 92/43/CEE ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

g.4) As cortas a feito ou a matarrasa en grandes superficies (10 ha) de formacións exóticas.

g.5) A destrución, subsolado, sangrado ou rozas mecánicas que poidan levar consigo unha afección significativa sobre o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario.

3. Usos e actividades prohibidos.

a) A introdución, plantación ou sementeira de especies alóctonas sobre hábitats do anexo I, sen autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

b) A repoboación ou plantación de espécimes alóctonos, incluíndo a repoboación ou plantación de exemplares de Eucalyptus, Pinus, Pseudotsuga, Quercus rubra, etc., sobre hábitats de interese comunitario ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

c) As cortas a feito ou a matarrasa sobre formacións arborizadas naturais e, especialmente, sobre aquelas incluídas dentro do anexo I da DC 92/43/CEE ou que alberguen áreas prioritarias de especies de interese para a conservación.

d) As rozas ou laboreos mecánicos, así como os subsolados, en liña de máxima pendente, cando poidan xerar un incremento significativo da erosión do solo.

e) A circulación e uso de maquinaria forestal sobre hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou áreas prioritarias de especies de interese para a conservación, sen a autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

f) O depósito de materiais sobrantes de cortas ou outros aproveitamentos forestais sobre hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE ou áreas prioritarias de especies de interese para a conservación.

g) O uso extensivo do lume na xestión e aproveitamento das superficies non arborizadas consideradas como hábitats de interese comunitario, salvo naquelas actuacións de xestión ou protección do biótopo que posúan autorización do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

h) A vertedura de zurros e residuos agrícolas ou industriais directamente sobre o medio acuático, así como sobre hábitats de interese comunitario. Exclúense os diversos tipos de prados de sega contemplados na DC 92/43/CEE (Nat-2000 6510), realizados de acordo coa normativa sectorial.

35. Ordenación do territorio e urbanismo.

1. Usos e actividades autorizables.

a) O mantemento das construcións existentes vinculadas a infraestruturas, actividades de xestión e conservación do parque natural, así como de vivendas e calquera tipo de instalación ou edificación, cando estas se realicen conforme á lexislación vixente en materia de ordenación do territorio e urbanismo e non supoñan un incremento da afección sobre os hábitats naturais do anexo I da DC 92/43/CEE, así como unha mingua nas áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

b) Calquera actividade que leve consigo un cambio dos usos do solo en relación coa súa cuberta vexetal ou co seu potencial aproveitamento e, especialmente, cando incida negativamente sobre o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario, así como das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, estará suxeita ao procedemento de avaliación establecido no artigo 6 da DC 92/43/CEE. Exceptúanse os cambios relacionados con proxectos destinados á mellora ou restauración dos propios hábitats ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

c) Mediante a aprobación dun plan especial de dotacións, regulado polo artigo 71 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e tras unha análise obxectiva de alternativas, acordes cos obxectivos deste plan, poderán autorizarse: a construción de equipamentos comunitarios de carácter educativo na zona PNMA-2 ou nas zonas de uso xeral PNMA-3 e PNMA-4.

d) Cerramentos ou valados de predios nas condicións establecidas pola Lei 9/2002, sempre e cando non se realicen con especies exóticas e non intercepten ou modifiquen o fluxo natural de especies silvestres de flora e fauna.

2. Usos e actividades prohibidos.

a) O axardinamento ou a creación de xardíns, fóra de áreas definidas legalmente como solo de núcleo rural e solo urbano consolidados e, de forma especial, en áreas configuradas por agrosistemas ou por hábitats naturais, debido á potencialidade destes ambientes de actuar como reservorios para especies alóctonas invasoras ou patóxenas, así como pola capacidade invasora que demostran a maioría das especies sobre os hábitats naturais ou sobre as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

b) A construción de pozos de barrena, cando poidan afectar o estado de conservación das zonas húmidas ou dos seus hábitats característicos

c) A construción ou instalación de galpóns, casas prefabricadas ou estruturas similares, destinadas a estandías temporais de persoas ou vehículos ou para usos recreativos, fóra de núcleos urbanos ou núcleos rurais consolidados.

36. Infraestruturas.

1. Usos e actividades autorizables.

a) As actuacións de conservación e mantemento de vías e camiños que non supoñan modificacións no seu trazado, na largura e natureza do seu firme.

b) As actuacións de conservación e mantemento das infraestruturas existentes no espazo natural cando se realicen en conformidade coa normativa sectorial e non xeren unha afección significativa sobre os compoñentes do espazo natural.

c) A adecuación ou reforma dos centros de emisión ou reemisión, cando as modificacións ou ampliacións se realicen evitando alteracións sobre o medio ambiente e minimizando o seu impacto paisaxístico.

d) De maneira preferente nas zonas PNMA-2, PNMA-3, PNMA-4 e, de forma excepcional, na zona PNMA-1, poderán ser autorizadas polo organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza as seguintes actividades ou proxectos:

d.1) Actividades e proxectos suxeitos a avaliación ambiental.

i) Pequenas infraestruturas de carácter temporal vencelladas coa xestión do parque natural.

d.2) Actividades e proxectos suxeitos ao procedemento de avaliación de impacto ambiental.

i) Novas infraestruturas lineais (viarias, transporte de auga, enerxía, datos, etc.), sempre e cando non existan alternativas técnicas viables.

ii) As melloras ou modificacións de camiños e pistas xa existentes, que supoñan unha modificación no seu trazado.

iii) A instalación de novos centros de emisión ou reemisión de sinais ou datos radioeléctricos, así como a colocación de calquera tipo de antena, cando non existan alternativas viables e estean destinadas a labores de conservación do parque natural ou ben sexan consideradas de interese público ao responder a necesidades de defensa ou coa seguranza das persoas.

iv) Infraestruturas de carácter permanente para uso público.

d.3) A autorización das distintas actividades e proxectos deberá efectuarse cando non supoñan:

i) Unha afección significativa sobre a integridade da zona ou do conxunto do parque natural.

ii) Unha afección significativa sobre o estado de conservación de hábitats de interese comunitario.

iii) Unha afección significativa sobre o estado de conservación das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

d.4) Na zona PNMA-1 as distintas actuacións proxectadas articularanse de modo que a afección sobre a paisaxe, os hábitats protexidos e as áreas prioritarias das especies de interese para a conservación se reduza a niveis non significativos. E que non exista posibilidade obxectiva de efectuar as mencionadas actividades ou proxectos noutras áreas.

2. Usos e actividades prohibidos.

a) A instalación de novas infraestruturas na PNMA-1 para uso recreativo ou deportivo.

b) A construción, na zona PNMA-1, de aparcadoiros destinados ao uso público, con máis de dez prazas.

c) A execución de novas infraestruturas ou calquera tipo de obras que poidan afectar os compoñentes clave do parque natural (paisaxes, medios ecolóxicos, hábitats e núcleos poboacionais), sen a autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

37. Uso público e actividades deportivas.

1. Usos e actividades permitidos.

a) O tránsito peonil e as actividades de uso público, sempre e cando se realicen de forma racional e respectuosa cos valores da zona de reserva, acordes coa normativa deste plan e coas regulacións que poida establecer o organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

b) O tránsito de vehículos polas vías de libre tránsito, así como o seu estacionamento nas áreas que puideran establecerse a tal efecto.

c) Co fin de compatibilizar o uso público cos obxectivos de conservación do parque natural e co mantemento dos aproveitamentos tradicionais, o desenvolvemento de determinadas actividades de uso público quedarán limitadas a determinadas áreas ou itinerarios situados dentro do parque natural (preferentemente nas zonas PNMA-2, PNMA-3, PNMA-4) ou externas a este. Estas áreas poderán ser destinadas de forma permanente (áreas de descanso, áreas recreativas, zonas habilitadas para o baño, zonas habilitadas para acampada, etc.) ou de forma temporal, para o desenvolvemento de determinadas actividades. Nestas áreas, o desenvolvemento das actividades de uso público deberá realizarse respectando o resto dos usuarios, e acorde coas normativas sectoriais e as consideradas neste plan, así como coas regulacións que puidese establecer o organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza. Nestas áreas poderán ser autorizadas e reguladas as seguintes actividades:

c.1) Xogos infantís.

c.2) O pícnic.

c.3) A práctica do aeromodelismo e o uso de papaventos.

c.4) O uso do lume, nas áreas e nas infraestruturas habilitadas para tal efecto (asadores).

c.5) O estacionamento temporal de vehículos e caravanas.

c.6) Os paseos a cabalo.

c.7) O cicloturismo.

c.8) A realización de espectáculos de carácter lúdico ou recreativo de carácter temporal ao aire libre, sempre e cando non se realicen sobre áreas ocupadas por hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE.

2. Usos e actividades autorizables.

a) A realización de actividades de tempo libre fóra das áreas establecidas para o uso público, cando estean estritamente vinculadas a accións de formación ou educación ambiental e, en ningún caso, leven consigo afeccións significativas sobre o estado de conservación dos hábitats ou das especies de flora e fauna silvestre.

b) Para o desenvolvemento das seguintes actividades de uso público, será necesaria autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza, que á vista da solicitude poderá fixar condicións específicas para a súa realización ou, de ser o caso, a súa prohibición cando poida afectar de forma significativa o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou aos hábitats das especies de interese para a conservación:

b.1) O voo de aeronaves (avionetas, globos aerostáticos, ás delta, parapente e calquera outro artefacto voador), incluíndo as manobras de despegue, aterraxe, cando se realice a menos de mil metros de altitude. Quedan excluídas da anterior prohibición, o voo comercial e as misións eventuais de auxilio, vixilancia, salvamento, extinción de incendios ou outras cuestións de interese xeral que se consideren necesarias.

b.2) O desenvolvemento de actividades profesionais de filmación ou gravación de especies de interese para a conservación o das súas áreas prioritarias de conservación.

b.3) A instalación de calquera tipo de sinalización, a excepción das establecidas en áreas urbanas e núcleos rurais, que se rexerán pola normativa municipal correspondente e as que poidan establecer os organismos competentes no mantemento das súas correspondentes infraestruturas.

b.4) Calquera outra actividade de uso público que poida xerar unha perda do estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

3. Usos e actividades prohibidos.

a) Aqueles que se realicen vulnerando as disposicións contidas neste plan e as regulacións e indicacións que para o desenvolvemento das actividades de uso público poida establecer o organismo autonómico competente en materia de medio ambiente e conservación da natureza.

b) Co fin de garantir un estado de conservación favorable dos hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, considéranse prohibidas ás seguintes actividades:

b.1) A realización de manobras militares.

b.2) As actividades ou prácticas de supervivencia.

b.3) Os rallies.

b.4) A escalada e o alpinismo cando afecte a elementos singulares da xea.

b.5) O barranquismo.

b.6) O rafting.

b.7) O adestramento de cans.

b.8) A circulación de vehículos fóra das vías de libre tránsito e, especialmente, de bicicletas de montaña, motocrós, motocicletas, todoterreos e quads.

b.9) O tránsito de cans sen correa e bozo.

b.10) O emprego de radios e megáfonos, así como doutros aparatos de son que perturben a tranquilidade e a quietude da fauna e do propio parque natural.

b.11) Lavar vehículos e calquera utensilio ou roupa nas masas de auga, así como o emprego de deterxentes, lixivias ou calquera outro preparado comercial.

b.12) O abandono ou depósito de lixo en áreas e recipientes non autorizados.

b.13) A acampada, pernocta ou a colocación de tendas.

b.14) A venda ambulante.

c) A realización de calquera actividade ou proba de carácter deportivo ou recreativo, contraria ao especificado neste plan, sen autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

Capítulo IV

Imaxe de marca

38. Deseño.

O deseño da imaxe corporativa do parque natural do Monte Aloia recollerá os valores máis salientables do territorio, así como os fins e obxectivos de protección que este persegue. Neste senso, a administración do parque, en colaboración coa xunta consultiva, elaborará e aprobará un regulamento que especifique a descrición e detalle de todos os elementos necesarios para a súa descrición e a súa perfecta reprodución por calquera medio, incluíndo tipos, dimensións, cores, variacións de cor, relación con outras marcas, lemas que acompañen o símbolo gráfico, etc.

39. Emprego da imaxe corporativa.

A imaxe de marca pertencerá á Xunta de Galicia. Porén, a utilización comercial ou institucional do logotipo requirirá a aprobación da xunta consultiva.

40. Cesión.

Como norma xeral, a cesión de uso da imaxe do parque natural do Monte Aloia deberá ser expresamente autorizada pola administración do espazo protexido, podendo establecerse contraprestacións económicas pola utilización nas condicións determinadas no correspondente regulamento de marca. A inclusión da imaxe corporativa será obrigatoria nos seguintes casos: nas publicacións de divulgación ou científicas financiadas con cargo ás partidas orzamentarias que se destinen ao parque e na publicidade ou elementos distintivos das empresas beneficiarias de concesións administrativas para a prestación de servizos relacionados co parque.

Capítulo V

Actividades sometidas a avaliación de impacto ambiental

41. Medidas de protección.

O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza adoptará as medidas apropiadas para evitar nos lugares que conforman a Rede Natura 2000 (LIC/ZEC, ZEPA) a deterioración dos hábitats naturais e das especies que motivaran a súa declaración, na medida en que as devanditas alteracións poidan ter un efecto negativo apreciable no que respecta aos obxectivos de conservación establecidos polas directivas DC 79/409/CEE, a DC 92/43/CEE, a DC 200/60/CE, así como pola normativa estatal (Lei 42/2007) e galega (Lei 9/2001).

42. Avaliación.

A avaliación á que fai referencia o artigo 6.3º da DC 92/43/CEE, incluirá de forma obrigatoria unha análise obxectiva e fundamentada sobre o grao de afección individual e sinérxico da actividade, sobre o estado de conservación dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE, das poboacións e hábitats das especies contempladas no anexo II da DC 92/43/CEE, e do anexo I da DC 79/409/CEE, así como sobre as especies incluídas no Catálogo nacional de especies ameazadas e no Catálogo galego de especies ameazadas, tanto para o ámbito territorial da zona ou zonas onde se pretende desenvolver a actividade, plan ou proxecto, como para o conxunto do lugar e da Rede Natura 2000.

43. Cautela.

O organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza aplicará o principio de cautela (Tratado de funcionamento da Unión Europea), en relación coa valoración dos plans, proxectos e actividades que puidesen ter incidencia sobre o estado de conservación dos lugares da Rede Natura 2000, así como dos seus compoñentes.

44. Procedemento administrativo.

O órgano ambiental competente fixará en coherencia coa lexislación comunitaria (DC 85/337/CEE e DC 97/11/CE), estatal (Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos) e autonómica (Lei 1/1995, Decreto 442/1990, Decreto 327/1991), o procedemento administrativo para desenvolver a devandita avaliación, garantindo en todo momento o cumprimento dos criterios e obxectivos establecidos na Rede Natura 2000.

En ningún caso o fraccionamento de proxectos de igual natureza e realizados no mesmo espazo físico impedirá a aplicación dos límites establecidos pola normativa de impacto ambiental, a cuxos efectos se acumularán as magnitudes ou dimensións de cada un de proxectos considerados.

45. Ámbito.

A posible afección ou impacto significativo dunha acción ou actividade sobre o parque natural ou sobre os compoñentes clave deste determinarase baseándose nos criterios fixados no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos (BOE nº 23, do 26 de xaneiro).

Capítulo VI

Procedemento administrativo

46. Proceso de solicitude de autorización.

As autorizacións mencionadas no número anterior para usos autorizables serán emitidas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por medio da súa Delegación Provincial de Pontevedra. As autorizacións deberán obterse con anterioridade ás exixidas pola lexislación sectorial correspondente e a obtención desta autorización non exime do cumprimento da normativa sectorial de aplicación, nin de cantas outras autorizacións permisos ou licenzas sexan requiridos por esta. O proceso de solicitude de autorización realizarase segundo o seguinte procedemento:

1. O órgano competente para a resolución das solicitudes é a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a través do seu Servizo Provincial de Pontevedra

2. A solicitude presentarase nas formas recollidas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixida á Consellería de Medio Ambiente Natural e Desenvolvemento Sostible, Servizo Provincial de Pontevedra. As solicitudes serán presentadas polos interesados conforme o anexo III deste decreto.

3. O órgano competente poderá solicitar documentación adicional relacionada co obxecto da solicitude e resolverá esta no prazo máximo de 3 meses.

4. Se no prazo de tres meses a partir da data de entrada da solicitude no órgano competente para a súa tramitación non estivese resolta e notificada, entenderase desestimada por silencio administrativo segundo o previsto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e isto sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42 da mencionada lei.

5. Contra a resolución da solicitude de autorización formulada poderase interpoñer o recurso potestativo de reposición, nos prazos e termos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo VII

Administración e xestión do parque natural

47. Órganos de xestión.

1. A xestión do parque natural é responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, por medio do Servizo Provincial de Pontevedra.

2. Para a xestión do parque, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible designa un/unha director/a do espazo, a quen lle corresponderá a xestión do espazo natural protexido e, en particular, a elaboración e proposta dos orzamentos e programas de execución e a execución e desenvolvemento deste plan.

3. Para colaborar na xestión do parque natural e canalizar a participación das persoas propietarias e os intereses sociais e económicos afectados constituíuse a xunta consultiva, creada segundo o Decreto 31/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do parque natural do Monte Aloia (DOG nº 28, do 10 de febreiro), modificado polo Decreto 265/2007, do 28 de decembro, polo que se modifica a composición das xuntas consultivas dos parques naturais de Galicia (DOG nº 17, do 24 de xaneiro de 2008), que estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: unha persoa de recoñecido prestixio e coñecedor do territorio incluído no parque. Será nomeado polo/a conselleiro/a de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a proposta do/a director/a xeral de Conservación da Natureza.

b) Vicepresidencia: o/a delegado/a provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na provincia de Pontevedra.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da provincia de Pontevedra, que actuará con voz e sen voto, designado polo delegado/a provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na provincia de Pontevedra.

d) Vogais:

i) O/A director/a do parque natural do Monte Aloia.

ii) Un/unha representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

iii) O/A xefe/a de Servizo de Conservación da Natureza da provincia de Pontevedra.

iv) Un/unha representante da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

v) Un/unha representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

vi) Un/unha representante da Consellería de Innovación e Industria.

vii) Un/unha representante da Consellería do Medio Rural.

viii) Un/unha representante da Consellería de Cultura e Deporte.

ix) Un/unha representante da Consellería de Traballo.

x) Un representante da Deputación Provincial de Pontevedra.

xi) O/A alcalde/alcaldesa do Concello de Tui, ou o/a concelleiro/a no cal este/a delegue.

xii) Un/unha representante do Campus de Vigo da Universidade de Vigo.

xiii) Un/unha representante das asociacións, elixido por elas mesmas de entre as que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia, designado entre eles mesmos por un período de dous anos.

xiv) Un/unha representante dos grupos de acción local existentes na zona de influencia socioeconómica do parque natural do Monte Aloia, elixidos/as por estes.

xv) Un/unha representante das asociacións de promoción turística da zona de influencia socioeconómica do parque natural do Monte Aloia.

xvi) Un/unha representante da Confederación Provincial de Empresarios da provincia de Pontevedra.

xvii) Ata cinco representantes da propiedade de terreos integrados no parque natural do Monte Aloia. A cota de representación efectuarase proporcionalmente coa porcentaxe que ocupan os montes veciñais en man común e as propiedades representadas por persoas físicas ou xurídicas distintas dos anteriores, en ambos os dous casos, elixidos por eles mesmos.

Na proposta e designación das persoas vogais que non teñan a condición de cargos natos procurarase a composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o que se terá en conta especialmente nas designacións que lles correspondan ás administracións públicas representadas nas xuntas consultivas.

Así mesmo, en virtude do establecido no artigo 7 do Decreto 265/2007, a presidencia poderá convidar ás reunións das xuntas consultivas a expertos/as ou persoas que garden especial relación co espazo natural protexido, que participarán nestas reunións con voz pero sen voto.

Por outra banda, de acordo ao artigo 43 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza (DOG nº 171, do 4 de setembro), correspóndelle a esta xunta consultiva a xestión do parque natural do Monte Aloia a través da súa función asesora e consultiva mediante:

a) A aprobación e modificación do seu regulamento de réxime interior.

b) A emisión de todos aqueles informes que lle sexan solicitados acordes cos fins e obxectivos deste órgano de participación.

c) A proposta de actuacións e iniciativas tendentes á consecución dos fins do parque natural, incluíndo os de difusión e información dos seus valores.

d) A colaboración na promoción e proxección do parque natural e os seus valores.

e) En xeral, a promoción e realización de cantas xestións considere oportunas en beneficio do parque natural.

Así mesmo, esta xunta consultiva deberá ser oída para a adopción das seguintes decisións:

a) A aprobación, modificación e revisión da normativa relativa ao parque natural e dos seus instrumentos de planificación.

b) A aprobación do orzamento de xestión do parque natural.

48. Organización administrativa.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible dotará o parque natural do persoal necesario e cualificado para levar a cabo as tarefas de conservación, uso público e aproveitamento sostible dos seus recursos, así como da administración xeral do espazo protexido, que asegure o cumprimento dos obxectivos de protección do parque natural.

2. O parque natural deberá estar dotado dun organigrama ben dimensionado de todo o persoal do parque, de acordo coas diferentes funcións realizadas.

3. Promoverase, a través de programas, cursos de formación e intercambios, un sistema continuo de formación do persoal que permita unha maior especialización dos traballadores do parque para un mellor cumprimento das súas funcións. A/o director/a do parque natural propoñerá e autorizará a asistencia a estes eventos, garantindo en todo momento o correcto funcionamento da administración.

4. Anualmente, o director do parque natural realizará unha memoria de xestión, onde se recollerán as actividades realizadas, recursos económicos e/ou materiais relacionados co parque natural, así como as liñas de actuación e o nivel de cumprimento do PRUX co fin de que se poida realizar unha avaliación continua.

5. No parque natural do Monte Aloia existirá unha sede administrativa.

Título V

Programación de actuacións

49. Organización administrativa.

Considerando os obxectivos establecidos neste plan e de acordo coas previsións de usos e aproveitamentos, formúlanse as principais liñas de actuación para desenvolver durante o seu período de vixencia. Algunhas das liñas de actuación son compartidas con máis dun obxectivo, debido ao seu carácter transversal.

1. Obxectivo 1: garantir a conservación da biodiversidade e dos compoñentes culturais do parque natural.

a) Obxectivos secundarios:

i) A conservación da biodiversidade, das paisaxes, dos hábitats e das especies de flora e fauna silvestre.

ii) Promover a salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais ou arqueolóxicos relacionados co parque natural.

b) Liñas de actuación:

i) Eliminación de especies invasoras.

ii) Revisión do proxecto de ordenación forestal.

iii) Tratamentos silvícolas e de xestión do biotopo.

iv) Materiais de reprodución para a conservación das formacións vexetais

v) Conservación patrimonial.

Obxectivo 2: compaxinar o aproveitamento forestal coa regulación e a conservación dos valores naturais do espazo.

a) Liñas de actuación:

i) Revisión do proxecto de ordenación forestal.

ii) Materiais de reprodución.

iii) Materiais de reprodución para a conservación das formacións vexetais.

iv) Adquisición de maquinaria forestal.

Obxectivo 3: xestión do uso público.

a) Obxectivos secundarios:

i) Establecer un diversificado sistema de uso público compatible coa conservación do espazo natural e adecuar a capacidade de acollida ás diferentes zonas.

ii) Impulsar e programar actividades de información, interpretación, educación ambiental e de recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respecto imprescindible para acadar os obxectivos de conservación.

iii) Promover o coñecemento e goce dos seus valores naturais e culturais, desde os puntos de vista educativo, científico, recreativo e turístico, dentro do máis escrupuloso respecto dos valores que se tratan de protexer.

b) Liñas de actuación

i) Centro de visitantes e programas de educación ambiental.

ii) Programas visitas.

iii) Folletos, guías e publicacións.

iv) Boletíns.

v) Xornadas e celebracións.

vi) Elaboración de audiovisuais.

Obxectivo 4: mellorar o coñecemento sobre os compoñentes da biodiversidade do parque natural.

a) Liñas de actuación:

i) Estudos flora e fauna.

ii) Estudos hábitats.

iii) Outros estudos.

Obxectivo 5: conservar e ordenar os usos das infraestruturas existentes no parque natural.

a) Liñas de actuación:

i) Conservación e mellora rede viaria.

ii) Conservación infraestruturas de uso público.

iii) Infraestruturas sociais.

Obxectivo 6: manter e mellorar o funcionamento do parque natural.

a) Liñas de actuación:

i) Mantemento xeral.

ii) Mantemento de vehículos do parque natural.

iii) Conservación das instalacións do parque natural.

Título VI

Vixencia e revisión do plan

50. Vixencia do PRUX.

Segundo o establecido no artigo 30 de Lei 42/2007, de 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, os PRUX deberán ser periodicamente revisados, fixándose o prazo máximo no artigo 36 da Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia, no que se dispón que a vixencia do PRUX deberá de ser, como máximo, de seis anos, a partir dos cales se deberá realizar a súa revisión de oficio.

51. Revisión do PRUX.

O plan poderá ser revisado con anterioridade ao seu vencemento, por iniciativa da consellería competente en materia de xestión de espazos protexidos (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible segundo o artigo 41.1º da Lei 9/2001) cando se produzan episodios ambientais imprevistos de orixe natural ou antrópica que afecten á integridade do medio e desborden as medidas previstas no correspondente PRUX.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

ANEXO III

Directrices para a elaboración dos programas

O PRUX debe desenvolverse ao través dunha serie de programas básicos de actuación que deberán ser aprobados, agrupados tematicamente naquelas materias en que é competente este plan, pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, despois do informe da súa xunta consultiva. Estes programas básicos de actuación agruparanse segundo o seu contido básico nas seguintes epígrafes:

1. Programa de conservación da biodiversidade.

2. Programa de aproveitamentos forestais.

3. Programa de uso público.

Cada un destes programas debe recoller, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Análise, diagnóstico da situación e xustificación do programa.

b) Relación de obxectivos.

c) Descrición de actuacións.

d) Medidas de xestión.

e) Indicadores para o seguimento e avaliación.

f) Período de vixencia.

Dentro do programa de conservación da biodiversidade, establécense como preferentes cinco subprogramas: programa de seguimento e control de especies faunísticas e florísticas; programa de catalogación, análises e diagnóstico dos hábitats e dos seus compoñentes; programas de inventariación histórica e arqueolóxica; programa de medidas correctoras de zonas húmidas e leitos fluviais; seguimento do estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade.

Dentro do programa de aproveitamentos forestais, establécense tres liñas fundamentais: plan de ordenación redactado que regula a xestión e o uso forestal da superficie do monte Aloia; a rexeneración forestal e a defensa de incendios.

No tocante ao programa de uso público, establécense dous puntos principais: a avaliación da capacidade de acollida e o programa de itinerarios e sinalización.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, considéranse traballos prioritarios de investigación os seguintes:

1) Situación e problemática de determinadas especies animais e vexetais dos ecosistemas do parque natural, especialmente as máis singulares ou que se atopan en perigo de extinción.

2) Estudos da evolución dos ecosistemas singulares do parque natural, tales como bosquetes de Quercus robur e outras masas de frondosas autóctonas, flora ripícola e ecosistemas propios dos leitos dos regatos.

3) Estudos de control e erradicación de especies foráneas agresivas tales como a Acacia dealbata, Acacia melanoxylon e Eucalyptus globulus.

4) Técnicas de baixo impacto ambiental na loita contra pragas e enfermidades forestais.

5) Estudos sobre o risco de incendio e elaboración do plan de loita contra incendios.

6) Estudos xeolóxicos, xeomorfolóxicos e edáficos do parque natural.

7) Estudo das actividades tradicionais compatibles coa conservación dos ecosistemas, posibilidades de recuperación e medidas de regulación ás que deben axustarse.

8) Estudos de dinámica e evolución de masas mixtas de frondosas e piñeiro en función dos traballos silvícolas.

9) Estudos dos efectos dos aproveitamentos forestais sobre os ecosistemas do parque natural.

10) Estudos arqueolóxicos e de posta en valor dos bens culturais.

11) Completar os estudos sobre lepidópteros, catalogando as bolboretas nocturnas.

12) Deberanse completar os estudos sobre a saramaganta, a ra patilonga, o sapo corriqueiro, o escáncer de patas común, o cobregón e as cobras lisas.

13) Deberanse completar os estudos de insectos.

14) Deberase realizar un inventario dos liques arborícolas.

15) Deberase realizar un estudo sobre quirópteros, con inventario e estudo de hábitats.

1. Programa de conservación.

1.1. Contido mínimo do programa de seguimento e control de especies faunísticas e florísticas.

1. Xustificación do programa, abordándose as medidas de recuperación e manexo nos hábitat actuais e pretéritos.

2. Valoración da especie no marco internacional, nacional e da Comunidade Autónoma de Galicia, considerando as variables de:

a) A distribución da especie nos ámbitos de escala xeográfica.

b) A posible distinción de subpoboacións.

c) A singularidade da súa poboación.

3. Análise da lexislación comunitaria, estatal e autonómica vixente.

4. Exposición á situación actual das poboacións no territorio galego e, particularmente, no marco do parque, así como os continxentes poboacionais pretéritos dos cales procede.

5. Catalogación segundo as determinacións contidas na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, na Lei 9/2001 e nas demais disposicións autonómicas que se aproben sobre a materia.

6. Análise e diagnóstico da problemática de conservación no ámbito do parque, facendo mención especial, se procede, aos seguintes puntos:

a) Recompilación e homoxeneización da información existente.

b) Susceptibilidade á intervención antrópica.

c) Captura de individuos.

d) Mortalidade natural e antrópica.

e) Competencia interespecífica.

f) Cambios na estrutura trófica.

g) Delimitación de áreas obxecto de protección especial.

1.2. Contido mínimo do programa de catalogación, análises e diagnóstico dos hábitats e dos seus compoñentes:

Os programas de inventariación faunística teñen que contar cos seguintes documentos:

1. Inventario exhaustivo da comunidade estudada, priorizando os estudos encamiñados ao coñecemento da dinámica das súas poboacións, debendo estar baseados en métodos de captura-recaptura, sen que en ningún caso supoñan a morte do individuo. Unha vez finalizado o estudo procederase á súa reposición se esta fose posible.

2. No caso de que fora estritamente necesaria a extracción, morte ou naturalización dos individuos obxecto da mostra (caso de pragas, enfermidades ou estudos xenéticos de establecemento taxonómico), á parte dos permisos de caza científica expedidos polo organismo competente, será preceptivo o informe da xunta consultiva do parque.

3. Estudo comparativo dos distintos taxons analizados coas poboacións nacionais e galegas, de tal maneira que se poida sinalar a importancia dos diversos grupos faunísticos do parque.

4. Determinación do estatus de conservación para que,atendendo a estas premisas, se poidan desenvolver plans de manexo, recuperación e conservación nos casos necesarios.

5. Redacción das estratexias ou directrices de conservación, recuperación e manexo das especies que o necesiten, segundo establece a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia e as demais disposicións autonómicas que se aproben sobre a materia.

1.3. O programa de medidas correctoras de zonas húmidas e leitos fluviais redactarase de acordo cos seguintes contidos:

1. Condicións e determinantes do medio.

2. Características morfolóxicas.

3. Características da rede de drenaxe: drenaxe da precipitación dos cursos de auga principais, análise da drenaxe superficial da conca, análise da drenaxe subterránea da bacía.

4. Estimación de caudais líquidos. Determinación da precipitación media da bacía, definición dos ietogramas de tormenta, cálculo de escorregaduras directas, determinación do hidrograma unitario, cálculo de caudal de riada, cálculo do caudal máximo, suma de hidrogramas e condución da riada.

5. Estimación de caudais sólidos e estudo sedimentolóxico.

6. Levantamento topográfico de bordos.

7. Análise do fenómeno do xeodinamismo torrencial.

8. Medidas correctoras:

a) Limpeza dos leitos: realizarase un inventario das verteduras líquidas, entullos, zona de depósito de lodos e calquera outro obxecto estraño á dinámica fluvial.

b) Elaboraranse propostas para a retirada de todos os elementos estraños detectados, mediante métodos manuais e o seu traslado a vertedoiros autorizados.

c) Rexeneración da vexetación de ribeira.

d) Avaliar o estado da vexetación de ribeira. Detectar as zonas onde se atopen degradadas ou non exista. Determinar a orixe da inexistencia da vexetación.

e) Estudar a vexetación autóctona e a súa disposición en relación co leito fluvial.

f) Repoboación das zonas carentes de vexetación. Definición das técnicas de implantación da vexetación, realizándose con técnicas brandas de bioenxeñaría.

g) Revisión das marxes dos ríos, coa finalidade de garantir a servidume de policía estipulada na Lei de augas, con propostas para a eliminación dos obstáculos existentes.

9. Medidas de implementación do programa de restauración.

10. Prego de condicións técnicas particulares, onde se recollerán todas as normas específicas deste documento.

11. Planos.

12. Orzamento e financiamento.

1.4. Seguimento do estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade.

1. Será elaborado un programa para o efecto, aprobado pola xunta consultiva do parque, en que se deseñen modelos de seguimento periódico de características bióticas, abióticas e sociais. Mediante estes modelos sistematizarase a recollida de información de interese para a xestión, de maneira que os resultados queden integrados no sistema de información do parque. O seguimento conterá, polo menos, información das características bióticas, abióticas e do uso público. A información do seguimento será empregada na elaboración dos informes sexenais que exixe a Directiva 92/43 CEE. Como criterios establécense:

a) Deseñaranse modelos que integren compoñentes da vida silvestre e do hábitat e que permitan detectar tendencias.

b) Os modelos permitirán documentar os cambios nos hábitats e nas especies, inducidos pola xestión, a investigación, o uso público e polas propias condicións ambientais naturais.

c) Os modelos terán carácter predicativo.

d) O seguimento de flora e fauna será o recollido nas epígrafes de xestión, materia de investigación e xestión da flora e fauna.

e) O seguimento das características abióticas conterá información relativa ao clima, á contaminación e á dinámica fluvial.

f) En canto ao seguimento de uso público, disporase dos medios axeitados para recoller información sobre o uso de centros e instalacións e a calidade da visita.

1.5. Os programas de inventariación histórica e arqueolóxica teñen que contar cunha serie de estudos interdisciplinares que informen sobre:

1. Persistencias arqueolóxicas presentes.

2. Individualización dos axentes, potenciais e presentes de deterioración (químicos, humanos, atmosféricos).

3. Reconstrución de ambientes no tempo (desde o estudo xeolóxico inicial ás innovacións humanas ata a individualización das intervencións realizadas polo home no curso do tempo e que poderían ser recuperadas).

4. Igualmente en canto ás directrices xerais do plan de inventariación dos restos históricos e arqueolóxicos efectuarase:

a) Inventario completo dos restos históricos e arqueolóxicos.

b) Perimetración das áreas de maior interese histórico e arqueolóxico, susceptibles de seren obxecto de intervencións de protección ou revalorización turística.

c) Clasificación das áreas segundo os distintos graos de accesibilidade e das formas de intervención, sendo estas as seguintes:

i) Áreas abertas á visita turística controlada.

ii) Áreas abertas só á visita de investigadores.

iii) Áreas pechadas á visita, por tratarse de áreas especialmente fráxiles ou ben por ser obxecto de futuras investigacións.

2. Programa de aproveitamentos forestais.

2.1. O plan de ordenación redactado que regula a xestión e o uso forestal da superficie do monte Aloia e as súas revisións, que serán aprobadas pola administración do parque, deberá ter en conta, como mínimo, os seguintes criterios técnicos:

1. Priorizar a función protectora das masas arborizadas do parque natural, que deberán ser restauradas inmediatamente en caso de desaparición total ou parcial.

2. Empregar preferentemente métodos de corta de tipo entresaca ou rareo sucesivo, evitando as cortas a feito.

3. Xestionar as masas mixtas de coníferas e frondosas cara a masas de frondosas, asegurando sempre a estabilidade da masa e do solo.

4. Os residuos procedentes de operacións silvícolas ou de corta serán triturados ou retirados co fin de diminuír a carga de combustible. No mesmo sentido, evitar a queima de restos, co fin de evitar infeccións sanitarias da masa en pé.

5. Expansión da área forestal arborizada.

6. Restauración das zonas queimadas.

7. Potenciar a evolución cara ás fases máis maduras da sucesión climácica.

8. Evitar actividades ou aproveitamentos que, directa ou indirectamente, poidan producir deterioracións ou destrución dos valores paisaxísticos, recreativos ou ecolóxicos das actuais masas forestais.

9. Considerar as franxas de camiños de acceso e áreas perimetrais e as zonas de permanencia de usuarios como lugares onde debe realizarse unha silvicultura especial, tendente a reducir a cantidade de combustible presente.

10. Excluír calquera tipo de corta que supoña unha grave alteración ou implique unha modificación radical da paisaxe.

11. Propiciar a renovación das masas envellecidas, podendo realizarse os tratamentos:

a) Cortas de policía, que eliminen os pés enfermos ou mortos.

b) Cortas que aumenten a calidade estética das masas ou faciliten os labores de loita contra o lume.

c) Rareos tendentes a equilibrar as características e biodiversidade das masas.

d) Eliminación de especies alóctonas, fundamentalmente acacias e eucaliptos.

e) Débense establecer os períodos de corta axeitados para non provocar molestias ás aves durante as épocas de reprodución e cría.

2.2. Rexeneración forestal.

Será redactado un programa de rexeneración forestal de acordo cos seguintes obxectivos:

1. Restauración paisaxística do parque.

2. Dotación de lugares de esparexemento e acollida.

3. Potenciación do equilibrio entre masas produtivas e evolución cara ás fases máis maduras da sucesión climácica conformada como un bosque de quercíneas.

4. Prevención e loita contra a erosión.

5. A reforestación só se realizará nos casos en que a rexeneración natural non estea garantida. Os criterios que deberán rexer o programa de repoboación forestal son:

a) Empregarase nunha primeira fase o Pinus pinaster como especie pioneira.

b) Evitarase o uso de maquinaria pesada nos labores de preparación do solo, primando os sistemas de roza, aburatado e plantación manual.

c) A planta empregada deberá ser de procedencia e calidade axeitada.

d) Protexeranse as plantas novas dos ataques do gando ou coello, mediante o uso de protectores.

6. Os métodos de repoboación serán de mínimo impacto.

7. As actuacións de reforestación realizaranse nos terreos con potencialidade vexetal de bosque maduro de frondosa ou conífera, evitando a reforestación en terreos ocupados por matogueiras ou pasteiros climácicos.

2.3. Defensa de incendios.

Un plan de loita contra incendios resulta unha medida prioritaria na xestión forestal do parque, cun obxectivo dobre: planificar os labores de prevención e conseguir unha rápida e eficiente intervención en caso de ocorrencia. As actuación previstas en orde temporal son: estudo do risco de incendios, definición de medidas preventivas, creación dunha mínima infraestrutura de defensa e extinción e a disposición dos mecanismos para unha rápida restitución da vexetación e dos hábitats danados.

1. Estudo de risco de incendios. Realizado en función das variables: afluencia de visitantes, existencia de especies arbustivas segundo o seu coeficiente de inflamabilidade, características topográficas e dinámica de ventos e condicións climatolóxicas.

2. Medidas preventivas e infraestruturas de defensa.

a) Deseño de redes de áreas con devasas, con especies e deseño axeitadas.

b) Establecemento de puntos de auga e revisións periódicas.

c) Construción e conservación de pistas e sendas para o acceso a zonas con risco de incendios.

3. Medios de extinción. Organización e previsión de medios de vixilancia e loita contra o lume: vixilancia fixa e móbil, cuadrillas, coches-bomba, etc.

4. Actuacións de rexeneración de zonas queimadas. Deben establecerse plans de actuación tras un incendio forestal, onde se estableza como mínimo a obriga do apeo dos pés queimados en zonas arborizadas, para evitar a proliferación de pragas e enfermidades e a plantación de especies colonizadoras nas zonas afectadas, co fin de protexer o solo.

3. Programa de uso público.

3.1. Avaliación da capacidade de acollida.

1. Estimación da capacidade de acollida do parque ou capacidade de carga admisible compatible coa conservación do medio natural. Para isto, deberanse realizar os seguintes estudos:

-Inventario das actividades que se desenvolven no parque e capacidade máxima actual por actividades nas diferentes épocas do ano.

-Inventario dos efectos provocados pola carga actual de visitantes sobre o medio para cada área.

2. Determinación da capacidade máxima admisible segundo actividades e zonificación definida a través dos seguintes parámetros:

a) Máxima capacidade instantánea (visitantes/ha ou visitantes/día).

b) Máxima capacidade diaria (visitantes/ha ou visitantes/día).

c) Superficie necesaria por visitante (en ha, m2).

d) Taxa de renovación dos visitantes.

3. Ademais da capacidade recollida no punto anterior, que pode clasificarse como capacidade de acollida recreativa, deberá estimarse a capacidade de acollida física, ecolóxica, de servizos e equipamento e a capacidade de acollida social ou psicolóxica.

4. Sistemas de calidade e sistemas de xestión ambiental para os equipamentos e servizos.

5. Un plan de seguranza dotado de protocolos e normas de seguranza con fins preventivos e de actuación ante percances.

6. Dotación dun procedemento de avaliación continua que teña en conta a satisfacción e demanda do usuario.

7. Melloras de accesibilidade dos equipamentos a persoas con discapacidade, con adecuación de infraestruturas e actividades aos diferentes tipos de discapacidade.

3.2. O programa de itinerarios e sinalización deberá contar co seguinte contido mínimo:

1. Para os efectos deste plan e, en relación coa sinalización, quedarán excluídas de regularización neste programa as referidas a seguranza, salvamento e todas aquelas que se rexan polas súas propias disposicións sectoriais.

2. Este programa deberá regular de forma diferenciada, por un lado, os itinerarios e, polo outro, a sinalización.

3. Para a regulación dos itinerarios, o programa deberá redactarse co seguinte contido mínimo:

a) Deseño e acondicionamento de sendeiros autointerpretativos e itinerarios asociados a puntos de interese cultural.

b) Establecemento dun sistema de sinalización específica de apoio para o seu seguimento, así como folletos informativos e material gráfico asociado.

c) Elaboración dunha rede de sendeiros e itinerarios que comuniquen áreas de interese arqueolóxico, xeomorfolóxico, de arquitectura popular, etnolóxico, paisaxístico, faunístico, florístico, etc.

d) Delimitación de posibles áreas de descanso e miradoiros panorámicos en puntos de alta potencialidade de vistas.

e) Estudo da posibilidade de establecemento de itinerarios interpretativos en profundidade, para grupos reducidos e con guía monitorizada.

f) Adaptación dos itinerarios interpretativos á rede de camiños e sendeiros actualmente existentes no parque, reducindo ao máximo posible a apertura de novas vías.

4. Para a regularización da sinalización, o programa deberá redactarse co seguinte contido mínimo:

a) Realizarase a sinalización informativa e interpretativa en lugares de interese para o visitante, como son accesos, miradoiros, pistas, áreas de uso público, sendeiros peonís e aparcadoiros do interior do parque.

b) Esta sinalización realizarase de acordo coas especificacións recollidas no manual de sinalización para espazos naturais protexidos.

c) Salvo autorización da administración do parque, non se colocará no parque natural ningunha sinalización que non estea relacionada con el. En particular, non se autorizará sinalización de actividades sectoriais que poidan resultar contraditorias co espírito do parque natural.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma