Decreto 79/2007, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura organica da Conselleria de Economia e Facenda. - Diario Oficial de Galicia, de 04-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 86
  • Fecha de Publicación: 04/05/2007
  • PDF de la disposición

O Decreto 115/2004, do 3 de xuño, modificado polo Decreto 247/2004, do 21 de outubro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, determinando as competencias de cada un dos seus órganos, así como as funcións que desenvolverán as unidades que os integran.

Co obxectivo básico de impulsar a modernización da xestión económico-financeira da Xunta de Galicia, incidindo no cambio do modelo de xestión cara a unha nova estrutura organizativa de xestión, de análise e de control do gasto público, que posibilite unha acción do goberno compatible cunha política de crecemento e estabilidade económica, procédese, mediante este decreto, a reformular a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda incluíndo novas unidades administrativas no nivel orgánico de subdirección xeral ou de xefatura de servizo, e reorganizar e redistribuír as competencias entre as unidades existentes, así como a adaptación das distintas unidades á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Créase, na Secretaría Xeral e do Patrimonio, unha nova Subdirección Xeral de Xestión Económica Empresarial que recolle e reorganiza as funcións asignadas ao Servizo de Administración Empresarial, ata o de agora dependente da Subdirección Xeral do Patrimonio, que foron adquirindo peso específico co conseguinte incremento da súa carga de traballo e responsabilidade. O Servizo Galego de Defensa da Competencia pasa a denominarse Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico e Defensa da Competencia, asumindo, ademais das funcións que tiña asignadas en materia de defensa da competencia, a supervisión da actividade do Servizo Técnico-Xurídico, que estará baixo a súa dependencia orgánica. Créase, ademais, o Servizo de Estudos e Estatísticas, para o cumprimento do disposto no artigo 44 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificado pola Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011.

Por outra banda, a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, obriga a redistribuír as diferentes unidades que integran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, creando as non previstas no Decreto 115/2004, do 3 de xuño.

Co obxectivo de incrementar a eficiencia e eficacia do ámbito sanitario créanse, con dependencia directa da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, tres postos de interventor/a adxunto/a para a coordinación en control financeiro, que realizarán a análise e o control específico do gasto nos complexos sanitarios máis importantes.

No ámbito tributario, preténdese acrecentar a eficacia na captación dos recursos. Con este obxectivo créase unha Subdirección Xeral de Recadación, que asume e amplía as funcións anteriormente encomendadas ao Servizo Central de Recadación.

Na Dirección Xeral de Orzamentos créase unha Subdirección Xeral de Custos de Persoal coa finalidade de dirixir e coordinar as funcións dos servizos de custos de persoal, así como unha nova Subdirección Xeral de Control Orzamentario do Gasto, coas funcións de seguimento, avaliación e control do gasto público. Redistribúense, ademais, as funcións entre os dous servizos dependentes da Subdirección Xeral de Recursos e Análise Orzamentaria, co conseguinte cambio de denominación de ambos.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo dos informes favorables das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e de Economía e Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de abril de dous mil sete, DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Economía e Facenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións que en materia de economía e facenda se establecen no Estatuto de autonomía.

Artigo 2º

1. Para o desempeño das súas funcións, a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia estrutúrase nos seguintes órganos:

I. Conselleiro/a.

II. Secretaría Xeral e do Patrimonio.

III. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

IV. Dirección Xeral de Tributos.

V. Dirección Xeral de Orzamentos.

VI. Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

VII. Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios.

VIII. Delegacións territoriais.

IX. Órganos colexiados.

2. Adscríbense á Consellería de Economía e Facenda as seguintes entidades:

-O Instituto Galego de Estatística, organismo autónomo de carácter administrativo, axustarase en canto aos seus fins, estrutura e funcionamento ao previsto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia; na Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da anterior, e nas demais normas que as desenvolven.

-O Tribunal Galego de Defensa da Competencia, organismo autónomo de carácter administrativo creado pola Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

-O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ente de dereito público, adscrito á Consellería de Economía e Facenda, axustarase en canto aos seus fins á Lei da súa creación, 5/1992, do 10 de xuño.

-O Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), ente de dereito público creado pola disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril.

-O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

I. O/A conselleiro/a.

Artigo 3º

O/A conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

II. A Secretaría Xeral e do Patrimonio.

Artigo 4º

1. Á Secretaría Xeral e do Patrimonio correspóndenlle as competencias seguintes:

a) As establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan encomendadas por delegación do titular da consellería.

b) O exercicio das competencias que as normas reguladoras do patrimonio da comunidade autónoma lle atribúen á Consellería de Economía e Facenda.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral e do Patrimonio estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. A Vicesecretaría Xeral Técnica, con nivel orgánico de subdirección xeral, que exercerá as seguintes funcións:

a) Prestar asistencia ao/á secretario/a xeral e do Patrimonio en cantos asuntos este/a lle encomende para a coordinación dos servizos.

b) Coordinar a elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, propoñer as actuacións concernentes ao réxime interno dos servizos da consellería e cantas disposicións afecten o seu funcionamento.

c) As actuacións en materia de acción social que teña atribuídas a Consellería de Economía e Facenda.

Para iso contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. O Servizo de Xestión de Persoal, que exercerá as funcións de xestión, control e coordinación de persoal dos servizos centrais e das delegacións da consellería e programará as necesidades do persoal funcionario e non funcionario dela.

2.1.2. O Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario, que levará a cabo o seguimento e a coordinación da execución orzamentaria e da contratación administrativa.

2.1.3. O Servizo de Réxime Interior, que será o responsable do funcionamento do rexistro xeral da consellería e o encargado da organización e estruturación da biblioteca e arquivos e, en xeral, de cantos outros asuntos lle sexan encomendados en materia de funcionamento dos servizos.

2.2. A Subdirección Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma, que exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta das directrices no tráfico xurídico dos bens patrimoniais da comunidade autónoma e na forma de utilización dos bens de dominio público, así como a coordinación da xestión de todos os asuntos concernentes á administración e ao tráfico dos ditos bens.

b) O control dos ingresos e rendementos que lle proporcione á comunidade autónoma o seu patrimonio, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder a outros centros directivos da consellería.

Para isto contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. O Servizo Técnico de Inventario, que exercerá as seguintes funcións:

a) Formación, actualización, valoración e mantemento do inventario xeral de bens e dereitos que integran o patrimonio da comunidade autónoma, establecendo as debidas conexións coa contabilidade patrimonial e o catastro de bens.

b) Emisión de valoracións, ditames e informes facultativos de natureza mobiliaria ou inmobiliaria.

c) Tramitación dos expedientes de pagamento do imposto sobre bens inmobles.

d) Realización de traballos técnicos nos procedementos de investigación e deslindamento dos bens inmobles que integran o patrimonio da comunidade autónoma.

2.2.2. O Servizo de Investigación Patrimonial e Obras, que exercerá as seguintes funcións:

a) A realización de traballos facultativos propios das obras de construción, reforma, conservación e reparación dos edificios adscritos á Consellería de Economía e Facenda e daqueloutros que lle encomende a Secretaría Xeral e do Patrimonio; o seguimento e a dirección das obras que realice a Consellería de Economía e Facenda; a recolla periódica de información sobre o parque edificado tanto da que non se dispoña no momento da recepción como daquela xa reflectida que sexa preciso actualizar e, en particular, a referente ao estado de conservación, sistemas de seguridade e axeitamento á normativa vixente dos edificios.

b) O control e inspección dos usos pola propia Administración dos bens inmobles e dereitos sobre eles, tanto demaniais como patrimoniais, en propiedade ou alugados, adscritos ás diversas consellerías ou organismos públicos; a comprobación do correcto exercicio das facultades de conservación dos inmobles atribuídas na adscrición e da conformidade do uso e desfrute que se fai deles cos fins previstos nas resolucións de afectación; a elaboración de propostas para a mellor aplicación dos bens e dereitos da comunidade autónoma, sobre as distribucións e o aproveitamento de espazos, así como para a resolución de conflitos entre consellerías sobre a distribución dos espazos adscritos.

2.2.3. O Servizo de Administración e Xestión Patrimonial, que exercerá as seguintes funcións:

a) O tráfico xurídico-administrativo dos bens e dereitos demaniais da comunidade autónoma, fundamentalmente a través da tramitación dos expedientes de afectación e desafectación, adscrición e desadscrición e mutacións demaniais.

b) A administración e xestión dos bens e dereitos patrimoniais, en especial a adquisición, alleamento e cesión de bens inmobles e contratación de alugueres, así como a súa explotación.

c) A emisión de estudos, ditames e informes en materia patrimonial en relación co seu ámbito de competencia, asesoramento patrimonial e elaboración de instrucións e propostas de disposicións de carácter xeral sobre o patrimonio da comunidade autónoma.

2.2.4. O Servizo de Xestión de Riscos e Seguros, que exercerá as seguintes funcións:

a) Análise e valoración de riscos que poidan ameazar os distintos bens e dereitos que integren o patrimonio da comunidade autónoma, así como dos riscos non cubertos polos sistemas da Seguridade Social que afecten a integridade física ou ao patrimonio das persoas ao servizo de órganos e entes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sometidos na súa actuación ao dereito público, para os que a garantía a cargo da Administración veña exixida convencional ou legalmente. Con tal fin realizará os estudos e plans dirixidos á prevención, control, xestión, supresión, minoración, retención, translación ou cobertura externa dos diversos riscos, así como a garantía destes mediante a aplicación de técnicas actuariais ou a contratación de seguros privados.

b) Coordinación das informacións necesarias relativas aos riscos asegurados, establecendo unha base de datos de sinistralidade válida para a toma de decisións.

c) Elaboración e difusión de manuais de prevención e tramitación de sinistros entre as distintas consellerías e organismos autónomos.

d) Centralización da xestión da contratación de seguros privados para a obtención de economías de escala.

2.2.5. O Servizo de Protección e Defensa Patrimonial, que exercerá as seguintes funcións:

a) Protección xenérica e defensa extraxudicial do patrimonio da comunidade autónoma fronte a terceiros, consistente fundamentalmente na tramitación dos procedementos de deslindamento, de recuperación de oficio da posesión, de investigación e sancionadores, así como a interposición de reclamacións e recursos.

b) Promover a inscrición ou anotación dos bens e dereitos da comunidade autónoma nos rexistros públicos correspondentes, logo da súa depuración e regularización xurídica, se fose preciso.

c) A tramitación dos procedementos especiais de sucesión intestada a favor da comunidade autónoma.

2.3. A Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico e Defensa da Competencia, que exercerá as seguintes funcións:

a) Dirixir e supervisar o exercicio das funcións atribuídas ao Servizo Técnico-Xurídico.

b) A investigación e vixilancia dos mercados e a instrución dos expedientes sancionadores e de autorización en materia de defensa da competencia, establecidos na Lei de creación dos órganos galegos de defensa da competencia.

Para iso, contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. O Servizo Técnico-Xurídico, que exercerá as seguintes funcións:

a) O informe e a tramitación de todos os proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, das compilacións e refundicións de normas e das publicacións e, en xeral, de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados pola Subdirección Xeral de Apoio Técnico-Xurídico e Defensa da Competencia.

b) O estudo e a tramitación dos recursos presentados contra os actos emanados da consellería cando a súa resolución non estea atribuída a outro órgano por disposición legal, así como a preparación e o informe dos asuntos que se teñan que elevar ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos.

c) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

2.4. A Subdirección Xeral de Xestión Económica Patrimonial do Sector Público Empresarial, que exercerá as seguintes funcións:

a) Informe e elaboración das propostas para o exercicio das facultades que se atribúen á Consellería de Economía e Facenda nos artigos 44 e seguintes da vixente Lei do patrimonio da comunidade autónoma.

b) A proposta das directrices no tráfico xurídico das propiedades incorporais da comunidade autónoma, tal e como se dispón no capítulo segundo do título primeiro da Lei 3/1985, do patrimonio da comunidade autónoma, para os asuntos concernentes á administración dos ditos bens.

Para isto, contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.4.1. O Servizo de Administración Empresarial, que exercerá as seguintes funcións:

a) Xestión, tramitación, administración, conservación e elaboración das propostas de adquisición ou alleamento dos títulos representativos da participación da comunidade autónoma no capital das sociedades públicas ou participadas e das dos organismos autónomos.

b) Proposición das instrucións que lles deberá cursar a Secretaría Xeral e do Patrimonio aos representantes do capital autonómico nos órganos sociais de goberno das ditas entidades mercantís.

3. Integradas organicamente na Secretaría Xeral e do Patrimonio, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

a) A Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

b) A Intervención Delegada.

c) Con dependencia funcional do conselleiro de Economía e Facenda, a Inspección de Servizos, con categoría de subdirección xeral, realizará o estudo, seguimento e coordinación do traballo e das unidades administrativas centrais e territoriais dedicadas a labores relacionados coa auditoría e inspección económico-financeira e tributaria, propoñendo medidas encamiñadas á mellora do seu funcionamento.

4. O Servizo de Estudos e Estatísticas que, para o cumprimento do establecido no artigo 44 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, levará a cabo as seguintes funcións:

a) Elaboración e difusión de estatísticas propias da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes.

b) Elaboración das estatísticas ou fases delas que lles encomenden o Plan Galego de Estatística e os seus programas estatísticos.

c) Colaboración co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos proxectos dos seus programas anuais.

d) Colaboración co Instituto Galego de Estatística no deseño e na confección dos ficheiros-directorios que utilizarán os órganos e entes da Administración autonómica de Galicia.

e) Análise das necesidades estatísticas da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes.

III. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 5º

1. Correspóndenlle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as seguintes competencias:

a) Efectuar o control interno da actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o exercicio da función interventora e do control financeiro na forma e co contido previstos no capítulo I do título V da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

b) A dirección e xestión da contabilidade pública na forma e co contido previstos nos capítulos II e III do título V da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Orde do 1 de decembro de 1989, pola que se implanta un novo sistema de información contable na Administración da Xunta de Galicia.

c) A xestión da información económico-financeira e formulación de informes e propostas de actuación derivadas do exercicio das súas funcións contables e de control.

d) O exercicio das demais funcións que ao devandito órgano lle asigna a lei e demais normativa de aplicación.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma desenvolverá as funcións que son propias da súa competencia por si mesma ou a través dos seguintes órganos:

2.1. As intervencións delegadas en cada consellería.

2.2. As intervencións delegadas nos organismos autónomos, sociedades e noutros entes públicos da comunidade autónoma.

2.3. As intervencións territoriais delegadas nas administracións territoriais da comunidade autónoma.

3. Son competencia exclusiva da Intervención Xeral, sen prexuízo, se é o caso, da súa delegación:

a) A fiscalización previa dos seguintes gastos:

-Os de contía indeterminada.

-Os que deben ser aprobados polo Consello da Xunta de Galicia ou afecten máis dunha consellería.

-Aqueles que deban ser sometidos a informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia ou doutro alto órgano consultivo.

b) A emisión de informes de expedientes de gasto que deban ser sometidos á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

c) A facultade de advocar a intervención crítica ou a fiscalización previa de calquera acto ou expediente.

d) O nomeamento de representantes da Intervención Xeral así como a designación de funcionarias/os asesoras/es para a comprobación material das cantidades destinadas a obras, subministracións, adquisicións e servizos, de conformidade coa normativa aplicable en cada caso.

4. Da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma dependerán os seguintes órganos:

4.1. A Subdirección Xeral de Fiscalización e Control Interno, que exercerá as funcións seguintes:

a) Formular propostas de fiscalización previa de todos os actos da Administración que sexan competencia da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

b) Efectuar os nomeamentos que procedan, para a designación de delegados ou delegadas da Intervención Xeral nas mesas de contratación.

c) O estudo e a proposta de resolución das discrepancias.

d) Preparar os recursos e reclamacións que a Intervención Xeral teña que presentar, así como coñecer dos que interpoñan as intervencións delegadas.

e) Reclamar de quen corresponda, por delegación do/a interventor/a xeral, os asesoramentos xurídicos ou os informes técnicos que considere necesarios para o exercicio das funcións encomendadas.

f) Exercer as funcións que, en relación á fiscalización previa limitada, lle outorga a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e de conformidade coas súas instrucións.

g) Substituír o/a interventor/a xeral en casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

Da Subdirección Xeral de Fiscalización e Control Interno dependerá:

4.1.1. O Servizo de Fiscalización e Xestión, que exercerá as seguintes funcións:

a) Formular proposta de informes de fiscalización previa.

b) Estudo e proposta de resolución das discrepancias que se susciten como consecuencia do exercicio da función fiscalizadora.

c) Estudo e proposta sobre os recursos e reclamacións nos supostos recollidos nas disposicións vixentes.

d) Estudo e proposición de informes en relación coa fiscalización previa limitada e por mostraxe.

4.2. A Subdirección Xeral de Contabilidade exercerá as funcións seguintes:

a) Levar e desenvolver a contabilidade financeira ou externa da Administración da Xunta de Galicia.

b) Contabilizar todas aquelas operacións que, dada a súa natureza específica, non teñan que ser rexistradas nalgunha das oficinas contables que conforman a organización contable da Administración da Xunta de Galicia.

c) Agregar e integrar a información deducida da contabilidade das demais oficinas contables.

d) Preparar e examinar as contas a que se refire o artigo 118.1º a), b) e c) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que a Intervención Xeral lle deba render ao Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, ao Tribunal de Contas, así como formular as observacións que se consideren necesarias.

e) Preparar a documentación contable que teña que remitirse ao Parlamento de Galicia.

f) Requirir as contas, estados e outros documentos que deban renderse a través da Intervención Xeral.

g) Elaborar a información estatístico-contable que emita o centro.

h) Elaborar e subministrar a información contable que os órganos de dirección da Xunta de Galicia precisen.

i) Preparar as posibles modificacións e adaptacións do Plan Xeral de Contabilidade Pública para a Administración da comunidade autónoma e elaborar os plans parciais ou especiais conforme o devandito plan.

j) Organizar a contabilidade en cantos centros, servizos e dependencias sexa necesario.

k) Asesorar e propor a emisión de ditames en materia contable, en todo o que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, como centro directivo da contabilidade pública de Galicia.

l) A explotación do sistema de información contable, a concesión de autorizacións para o seu uso, así como o deseño, desenvolvemento e implantación de novos subsistemas.

Da Subdirección Xeral de Contabilidade dependerán os servizos seguintes:

4.2.1. O Servizo de Xestión Contable, que exercerá as seguintes funcións:

a) Levar e desenvolver a contabilidade financeira ou externa da Xunta de Galicia.

b) Contabilizar todas aquelas operacións que, dada a súa natureza específica, non teñan que ser rexistradas nalgunha das oficinas contables que conforman a organización contable da Administración da Xunta de Galicia.

c) A explotación do sistema de información contable, a concesión de autorizacións para o seu uso, así como o establecemento e a modificación das táboas do sistema.

4.2.2. O Servizo de Planificación Contable, que exercerá as seguintes funcións:

a) Preparar as posibles modificacións e adaptacións do Plan Xeral de Contabilidade Pública para a Administración da comunidade autónoma e elaborar os plans parciais ou especiais conforme o devandito plan.

b) Organizar a contabilidade en cantos centros, servizos e dependencias sexa necesario.

c) Asesorar e propor a emisión de ditames en materia contable, en todo o que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, como centro directivo da contabilidade pública de Galicia.

d) O deseño, desenvolvemento e implantación de novos subsistemas de información contable.

4.2.3. O Servizo de Contas e Análises Financeiras, que exercerá as seguintes funcións:

a) Agregar e integrar a información deducida da contabilidade das demais oficinas contables.

b) Preparar e examinar as contas a que se refire o artigo 118.1º a), b) e c) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que a Intervención Xeral lle deba render ao Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, ao Tribunal de Contas, así como formular as observacións que se consideren necesarias.

c) Requirir as contas, estados e outros documentos que deban renderse a través da Intervención Xeral.

d) Elaborar a información estatístico-contable que emita o centro.

e) Elaborar e subministrar a información contable que os órganos de dirección da Xunta de Galicia precisen.

f) Preparar a documentación contable que teña que remitirse ao Parlamento de Galicia.

4.3. A Subdirección Xeral de Control Financeiro Ordinario, que exercerá as seguintes funcións:

a) O control financeiro no ámbito da Administración da comunidade autónoma por razón de subvencións, créditos, avais e demais axudas concedidas con cargo aos orzamentos xerais da comunidade.

b) Estudo e proposta do plan de auditorías, con detalle das que se vaian realizar cada ano.

c) Estudo e proposta de informe daquelas actuacións de control financeiro de actuacións cofinanciadas con fondos europeos de acordo co disposto nos regulamentos comunitarios.

d) Coordinar, de conformidade coas instrucións emitidas pola Intervención Xeral, os informes que deriven das actuacións de control financeiro.

e) Propoñer normas ou instrucións que sexan necesarias para o exercicio do control financeiro no ámbito da Administración da comunidade autónoma.

Da Subdirección Xeral de Control Financeiro Ordinario dependerán:

4.3.1. O Servizo de Control Financeiro de Operacións Correntes, que exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar informes que sirvan de base a propostas de emisión de normas ou instrucións en relación co control financeiro.

b) Estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta do Plan de auditorías no relativo ás operacións correntes.

c) Realizar os traballos necesarios para procurar unha axeitada coordinación dos informes que deriven destas actuacións de control financeiro.

d) Realizar os traballos conducentes á proposta de informe dos controis financeiros correspondentes ás funcións atribuídas a esta subdirección.

4.3.2. O Servizo de Control Financeiro de Operacións de Capital, que exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar informes que sirvan de base a propostas de emisión de normas ou instrucións en relación co control financeiro.

b) Estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta do Plan de auditorías no relativo ás operacións de capital.

c) Realizar os traballos necesarios para procurar unha axeitada coordinación dos informes que deriven destas actuacións de control financeiro.

d) Realizar os traballos conducentes á proposta de informe dos controis financeiros correspondentes as funcións atribuídas a esta subdirección.

4.4. A Subdirección Xeral de Control Financeiro Permanente, que exercerá as seguintes funcións:

a) O control financeiro no ámbito das sociedades públicas autonómicas a que se refire o artigo 12 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e aqueloutras asimiladas, por razón da actividade que realizan.

b) Estudo e proposta do plan anual de actuación para cada ente, que se someterá á aprobación da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

c) Estudo e proposta de informe daquelas actuacións de control financeiro ordinario das sociedades públicas autonómicas, nas que así se determine.

d) Coordinar, de conformidade coas instrucións emitidas pola Intervención Xeral, os informes que deriven das actuacións de control financeiro.

e) Propoñer normas ou instrucións que sexan necesarias para o exercicio do control financeiro.

f) Preparar e examinar as contas a que se refire o artigo 118.1º d) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que a Intervención Xeral lle deba render ao Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, ao Tribunal de Contas, así como formular as observacións que se consideren necesarias.

Da Subdirección Xeral de Control Financeiro Permanente dependerán:

4.4.1. O Servizo de Control Financeiro de Sociedades Mercantís, que exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar informes que sirvan de base por propostas de emisión de normas ou instrucións en relación con este control financeiro.

b) Estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta anual de actuacións.

c) Realizar os traballos necesarios para procurar unha axeitada coordinación dos informes que deriven das actuacións de control financeiro.

d) Realizar os traballos conducentes á proposta de informe dos controis financeiros correspondentes.

e) Preparar e examinar as contas das sociedades mercantís a que se refire o artigo 118.1º d) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que a Intervención Xeral lle deba render ao Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, ao Tribunal de Contas, así como formular as observacións que se consideren necesarias.

4.4.2. O Servizo de Control Financeiro de Entes Públicos e Asimilados, que exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar informes que sirvan de base a propostas de emisión de normas ou instrucións en relación con este control financeiro.

b) Estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta anual de actuacións.

c) Realizar os traballos necesarios para procurar unha axeitada coordinación dos informes que deriven das actuacións de control financeiro.

d) Realizar os traballos conducentes á proposta de informe dos controis financeiros correspondentes.

e) Preparar e examinar as contas dos entes públicos e asimilados a que se refire o artigo 118.1º d) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que a Intervención Xeral lle deba render ao Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, ao Tribunal de Contas, así como formular as observacións que se consideren necesarias.

4.5. A Subdirección Xeral de Coordinación e Relacións co Consello de Contas, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación das subdireccións xerais da Intervención Xeral con competencias en materia de control financeiro.

b) A coordinación da Subdirección Xeral de Contabilidade e da Subdirección Xeral de Fiscalización e Control Interno nas materias que lle correspondan respecto ás relacións cos órganos estatutarios e doutras administracións.

c) As propostas correspondentes para o desenvolvemento e actualización dos sistemas de información dedicados a lles dar servizo no exercicio das súas funcións á Dirección Xeral de Orzamentos, á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, á Dirección Xeral de Tributos e á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios.

d) A coordinación fiscal e contable entre as distintas intervencións delegadas e/ou territoriais delegadas.

e) O estudo e as propostas de homoxeneización de normas e criterios aplicables nas distintas intervencións.

f) Coordinar e preparar a información que se teña que remitir ao Parlamento de Galicia, ao Consello de Contas e, se é o caso, ao Tribunal de Contas e aos órganos estatutarios ou a outras administracións públicas.

g) Verificar o seguimento dos informes emitidos polo Consello de Contas ou outros organismos no exercicio das súas funcións de control na esfera da Administración autonómica, e elaborar as propostas de actuación que deriven deles ou do exercicio do control interno.

Da Subdirección Xeral de Coordinación e Relacións co Consello de Contas dependerá:

4.5.1. O Servizo de Relacións co Consello de Contas, que exercerá as seguintes funcións:

a) Preparar a información que se teña que remitir ao Parlamento de Galicia, ao Consello de Contas e, se é o caso, ao Tribunal de Contas e aos órganos estatutarios ou a outras administracións públicas.

b) Realizar os traballos necesarios para o seguimento dos informes emitidos polos órganos aos que se refire o punto anterior no exercicio das súas funcións de control.

c) Estudo e análise dos informes emitidos polo Consello de Contas para fundamentar as propostas de actuación administrativa que deles deriven.

d) Realizar os traballos conducentes á elaboración das propostas de actuación administrativa.

e) Realizar os traballos necesarios para procurar a coordinación dos órganos integrados ou dependentes da Intervención Xeral.

4.6. As intervencións delegadas nas consellerías.

4.6.1. Na Presidencia da Xunta de Galicia, na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e en todas as consellerías existirá unha intervención delegada, con nivel orgánico de subdirección xeral, integrada organicamente nas secretarías xerais, que exercerá, baixo a dependencia funcional da Intervención Xeral e xerárquica do conselleiro/a de Economía e Facenda, as seguintes funcións, agás no caso en que lle estean expresamente atribuídas ao/á interventor/a xeral ou aos/ás interventores/as territoriais delegados/as nas administracións territoriais da comunidade autónoma:

a) A fiscalización previa de todo acto, documento ou expediente susceptible de xerar compromiso de gastos ou recoñecemento de obrigas, ditados polos órganos competentes.

b) A fiscalización previa de todo acto, documento ou expediente susceptible de producir dereitos económicos que se orixinen como consecuencia de actos de xestión da consellería, así como da realización respecto a eles das actuacións comprobatorias posteriores que se determinen de conformidade co disposto no artigo 97.6º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

c) A emisión de informes preceptivos nos supostos de omisión de fiscalización previa.

d) O exercicio das funcións de control financeiro que, se é o caso, lle asigne a Intervención Xeral.

e) A interposición de recursos e reclamacións e a emisión dos informes previstos nas disposicións vixentes.

f) Solicitar dos órganos competentes o asesoramento xurídico ou os informes técnicos que se precisen en función da natureza dos actos.

g) O control dos fondos librados en firme ou para xustificar a favor dos diversos órganos da consellería, así como exame e censura das respectivas contas.

h) Levar e desenvolver a contabilidade do orzamento de gastos que se xestione na consellería ata a fase de proposta de pagamento.

i) Formar os estados e anexos que se deban render ao Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, ao Tribunal de Contas.

4.6.2. A Intervención Delegada da Consellería de Economía e Facenda, ademais das súas funcións propias como intervención delegada, exercerá as seguintes:

a) A intervención formal da ordenación do pagamento e a intervención material de ingresos e pagamentos propostos e/ou realizados pola Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

b) O seguimento do orzamento de gastos dos órganos institucionais da comunidade autónoma, sempre que os ditos órganos non teñan as súas propias oficinas contables integradas no sistema contable XUMCO II.

c) As correspondentes como intervención delegada das seccións 21 Transferencias a corporacións locais, 22 Débeda pública" e 23 Gastos de diversas consellerías.

d) A fiscalización previa dos expedientes que a lexislación patrimonial atribúe á competencia da Consellería de Economía e Facenda.

e) A contabilización dos ingresos que se realicen nos servizos centrais da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro e o seguimento do orzamento de ingresos da comunidade autónoma e das contas non orzamentarias, podendo exercer para iso os labores de relación necesarios coas intervencións territoriais delegadas que lle encomende a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

f) A formación da Conta de Rendas Públicas e Tesouraría dos servizos centrais.

4.6.3. A intervención delegada da Presidencia, Consello da Cultura Galega e Consello Consultivo asumirá, ademais das funcións propias como intervención delegada da Presidencia, as correspondentes do Consello da Cultura Galega e do Consello Consultivo.

4.6.4. A intervención delegada da Consellería de Sanidade e do Sergas asumirá, ademais das súas funcións propias como intervención delegada da Consellería de Sanidade, as correspondentes do organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

4.6.5. As intervencións delegadas de todas as consellerías contarán cun Servizo de Fiscalización e Contabilidade.

Os/as interventores/as delegados/as poderán ser asistidos por interventores/as adxuntos/as ou habilitados/as.

4.7. En organismos autónomos en que así se determine poderá existir unha intervención delegada con nivel orgánico de subdirección xeral que exercerá, baixo a dependencia funcional da Intervención Xeral, o control interno da actividade económico-financeira deles.

Estas intervencións delegadas poderán contar cun Servizo de Control Interno.

4.8. Con dependencia directa do/a interventor/a xeral da comunidade autónoma, e con nivel orgánico de xefatura de servizo A, existirán tres postos de interventor/a adxunto/a para a coordinación en control financeiro, que desenvolverán as funcións que especificamente lle asigne o/a interventor/a xeral da comunidade autónoma de entre as que lle son propias e veñen definidas no capítulo I do título V da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en coordinación coa Subdirección Xeral de Control Financeiro Permanente e no ámbito concreto do Sergas.

IV. A Dirección Xeral de Tributos.

Artigo 6º

1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Tributos as seguintes competencias:

a) A análise e o deseño da política global de ingresos públicos, no relativo aos tributos cedidos polo Estado á comunidade autónoma e aos tributos propios e prezos que esta estableza.

b) A dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión e inspección e revisión dos tributos cedidos, así como da xestión e inspección e revisión dos tributos propios e prezos que lles corresponden á Xunta de Galicia, aos seus organismos autónomos e demais entidades de dereito público dependentes dela.

c) O impulso e a coordinación das relacións de colaboración que en materia tributaria se poidan establecer con outras administracións públicas.

d) A elaboración das normas relativas aos ingresos de dereito público a que se refiren os puntos anteriores, así como a emisión de instrucións e circulares para o seu cumprimento.

e) A dirección da xestión recadatoria nos seus dous períodos, así como a autorización das contas restrinxidas de recadación e o seu control, de acordo co previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Regulamento xeral de recadación, sen prexuízo das actuacións de coordinación que procedan, para estes efectos, coa Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

f) Apoio ás actuacións da Xunta Superior de Facenda.

2. Para o exercicio das súas competencias, a Dirección Xeral de Tributos estrutúrase nos seguintes órganos:

2.1. A Subdirección Xeral de Impostos Cedidos, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación dos diferentes servizos dependentes dela, así como a dos órganos periféricos da Consellería de Economía e Facenda, e oficinas liquidadoras de distrito hipotecario que desempeñen as funcións de xestión relativas a impostos cedidos.

b) A proposta de adopción de medidas para a racionalización, normalización e unificación dos criterios que se vaian utilizar nas actuacións relativas á xestión, valoración e inspección dos impostos cedidos.

c) A coordinación coas outras subdireccións xerais dependentes desta dirección xeral en materias propias da competencia da subdirección xeral.

d) Aqueloutras que lle encomende o/a director/a xeral.

Desta subdirección xeral dependerán os seguintes servizos:

2.1.1. O Servizo de Xestión Tributaria, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo, deseño e proposta dos procedementos de xestión dos impostos cedidos.

b) A elaboración do sistema de información e estatística relativa aos resultados da xestión destes.

2.1.2. O Servizo de Inspección Tributaria, que exercerá as seguintes funcións:

a) A análise e proposta dos plans de inspección relativos aos impostos cedidos.

b) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar nas actuacións de investigación e valoración tributaria.

c) A proposta de elaboración do sistema de información e estatística relativa aos resultados das ditas actuacións.

2.2. A Subdirección Xeral de Taxas, Prezos e demais Tributos Propios, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación entre os órganos periféricos da consellería e demais órganos ou entes da comunidade autónoma, que desempeñen funcións de xestión e inspección de taxas, prezos, tributos propios e demais ingresos de dereito público que non se traten de impostos cedidos.

b) A proposta de adopción de medidas para a racionalización, normalización e unificación dos criterios que se vaian utilizar nas actuacións relativas á xestión, valoración e inspección dos ingresos a que se refire o punto anterior.

c) A coordinación co Servizo de Inspección Tributaria e a Subdirección Xeral de Recadación en materias propias da competencia da subdirección xeral.

d) Aqueloutras que lle encomende a/o directora/o xeral.

Desta subdirección xeral dependerá:

2.2.1. O Servizo de Taxas, Prezos e demais Tributos Propios, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos de xestión de taxas, prezos e demais tributos propios da comunidade autónoma.

b) A elaboración do sistema de información e estatística relativa aos resultados da xestión dos ditos tributos e prezos.

2.3. A Subdirección Xeral de Recadación, que exercerá as seguintes funcións:

a) Estudo e proposta das directrices da xestión recadatoria dos ingresos de dereito público.

b) A coordinación entre os órganos periféricos e centrais da consellería e demais órganos ou entes da comunidade autónoma, que desempeñen funcións de xestión recadatoria dos ingresos de dereito público.

c) A proposta de adopción de medidas para a racionalización, normalización e unificación dos criterios que se vaian utilizar nas actuacións relativas ás funcións recadatorias.

d) A coordinación coas outras subdireccións xerais dependentes desta dirección xeral e outros órganos de recadación da consellería en materias propias da competencia da subdirección xeral.

e) Aqueloutras que lle encomende o/a director/a xeral.

Desta subdirección xeral dependerá:

2.3.1. O Servizo Central de Recadación, que exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión centralizada da recadación executiva.

b) A xestión recadatoria nos seus dous períodos respecto das débedas dos servizos centrais e órganos con sede no Concello de Santiago de Compostela.

c) Ditar providencias de constrinximento respecto das débedas sinaladas no número anterior.

d) A relación coas entidades colaboradoras no ámbito da comunidade autónoma.

2.4. Con dependencia directa do/a director/a xeral de Tributos existirá:

2.4.1. O Servizo de Asesoramento Tributario, que exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta e interpretación da normativa legal e regulamentaria do réxime dos tributos e prezos públicos.

b) A asistencia técnica ao/á director/a xeral en materia tributaria.

c) O estudo das resolucións administrativas e xudiciais, así como a proposta de interposición de recursos contra elas.

2.4.2. O Servizo de Xestión de Reclamacións Económico-Administrativas, que exercerá as seguintes funcións:

a) Tramitación dos expedientes das reclamacións económico-administrativas, o que inclúe todas as súas fases: recepción dos escritos; petición de expedientes; posta de manifesto; estudo e preparación das resolucións das reclamacións económico-administrativas, así como a súa notificación.

b) Colaboración co Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia (Administración estatal).

c) Remisión de expedientes ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

d) Notificación de sentenzas aos diferentes órganos da comunidade autónoma.

V. A Dirección Xeral de Orzamentos.

Artigo 7º

1. Á Dirección Xeral de Orzamentos correspóndenlle as seguintes competencias:

a) Realización de estudos e actuacións relativos á determinación dos recursos económicos que deben ser transferidos á comunidade autónoma desde os orzamentos doutras administracións públicas, agás os que este decreto lles asigne a outros centros directivos.

b) Elaboración do proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma, así como o desenvolvemento das competencias atribuídas pola lexislación vixente á Consellería de Economía e Facenda en materia orzamentaria.

c) Levar a cabo a análise económico-financeira da evolución orzamentaria na súa vertente de ingresos e gastos, podendo, se é o caso, propoñer aquelas medidas que se consideren convenientes para o necesario equilibrio orzamentario. Para tal efecto, poderá reclamar a información que precise dos centros directivos correspondentes.

d) O exercicio das competencias atribuídas pola lexislación vixente á Consellería de Economía e Facenda en materia de retribucións do persoal, aprobación e modificación de anexos de persoal, autorización de masa salarial en convenios e acordos colectivos e, en xeral, en todas aquelas materias relacionadas con decisións sobre o persoal que teñan repercusión económica.

e) A xestión do Fondo de Cooperación Local.

f) Polo que se refire ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), sen prexuízo das competencias xerais incluídas nos puntos precedentes, correspóndelle a este centro directivo:

1º Establecer os criterios que se deben seguir en materia de xestión de recursos propios.

2º Coñecer aqueles actos de control, inspección e avaliación da xestión, tanto en centros ou servizos sanitarios propios coma concertados, efectuados pola Consellería de Sanidade e o Sergas, que teñan contido económico e que sexan de interese para a Consellería de Economía e Facenda.

3º Emitir informe sobre os proxectos de novos investimentos e novos servizos, en canto á súa incidencia nos gastos recorrentes.

Así mesmo, requirirán informe previo da dirección xeral o establecemento de concertos de vinculación, revisión de tarifas ou outras modificacións nas condicións económicas dos servizos concertados que impliquen a adquisición de novos compromisos financeiros ou que condicionen a asignación dos recursos económicos para futuros exercicios.

2. A Dirección Xeral de Orzamentos estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. A Subdirección Xeral de Orzamentos, que terá encomendado o desenvolvemento das actuacións necesarias para a elaboración do proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma e das funcións que lle corresponden á Dirección Xeral de Orzamentos en materia orzamentaria.

Así mesmo, levará a cabo a análise e supervisión das aplicacións informáticas utilizadas para a elaboración dos orzamentos e para a instrumentación e o seguimento das modificacións orzamentarias.

Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de Orzamentos contará coas seguintes unidades:

2.1.1. Servizo de Programas Orzamentarios Xerais, que exercerá as seguintes funcións:

a) Obtención, análise e agregación dos datos, antecedentes, informes e estatísticas necesarias para a elaboración dos proxectos do orzamento de gastos da comunidade autónoma.

b) Recepción, informe e tramitación dos acordos sobre modificacións orzamentarias.

c) Elaboración e cifraxe dos programas integrados nos orzamentos xerais da comunidade autónoma, con especial atención aos respectivos conceptos de transferencias e investimentos.

d) Análise e proposta das modificacións dos programas.

2.1.2. Servizo de Programas Orzamentarios do Sergas, que exercerá as seguintes funcións:

a) Obtención, análise e agregación dos datos, antecedentes, informes e estatísticas necesarias para a elaboración dos proxectos do orzamento de gastos do Servizo Galego de Saúde.

b) Recepción, informe e tramitación dos acordos sobre modificacións orzamentarias dos programas sanitarios.

c) Elaboración e cifraxe dos programas integrados no orzamento do Servizo Galego de Saúde, con especial atención aos respectivos conceptos de transferencias e investimentos.

d) Análise e proposta das modificacións dos programas de gasto integrados no Servizo Galego de Saúde e na Consellería de Sanidade.

2.2. A Subdirección Xeral de Recursos e Análise Orzamentaria, que exercerá as seguintes funcións:

a) O seguimento e determinación, de ser o caso, dos recursos orzamentarios da comunidade autónoma, con especial atención aos derivados do sistema de financiamento.

b) A análise da execución de ingresos, así como a xestión orzamentaria dos recursos derivados de transferencias correntes e de capital.

c) A coordinación do proceso de elaboración dos anteproxectos das leis orzamentarias da comunidade autónoma, e o estudo e análise comparada da normativa orzamentaria.

d) O establecemento do marco regulatorio e a determinación da contía e distribución do Fondo de Cooperación Local.

e) Aqueloutras que en materia orzamentaria lle encomende a dirección xeral.

A Subdirección Xeral de Recursos e Análise Orzamentaria contará coas seguintes unidades:

2.2.1. O Servizo de Análise Orzamentaria e Xestión de Recursos, que exercerá as seguintes funcións:

a) Desenvolvemento da xestión orzamentaria dos recursos procedentes de transferencias correntes e de capital (capítulos IV e VII do orzamento de ingresos).

b) Seguimento e análise da execución dos orzamentos de ingresos.

c) Actuacións relativas ao establecemento do marco regulamentario do Fondo de Cooperación Local e á determinación dos importes que, por ese concepto, corresponden a cada un dos concellos da comunidade autónoma.

d) Apoio e participación no desenvolvemento doutras funcións da subdirección xeral que se lle asignen.

2.2.2. O Servizo de Normativa Orzamentaria e Sistemas de Financiamento, que exercerá as seguintes funcións:

a) A realización das actuacións necesarias para a determinación e seguimento dos recursos derivados do sistema de financiamento das comunidades autónomas.

b) O tratamento das propostas normativas que se incluirán nos anteproxectos das leis orzamentarias da comunidade autónoma e a análise da lexislación específica nesa materia, relativa aos ámbitos autonómico, estatal e da Unión Europea.

c) Apoio e participación no desenvolvemento doutras funcións da subdirección xeral que se lle asignen.

2.3. A Subdirección Xeral de Control Orzamentario do Gasto, que exercerá as seguintes funcións:

a) A análise, seguimento e control do orzamento de gastos e da realización dos obxectivos asignados a cada programa.

b) Análise da incidencia e a avaliación económica das diferentes políticas orzamentarias de gasto.

c) Aqueloutras que en materia orzamentaria lle sexan encomendadas pola dirección xeral.

Para o exercicio das súas funcións, a Subdirección Xeral de Control Orzamentario do Gasto contará coa seguinte unidade:

2.3.1. O Servizo de Análise de Proxectos, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo dos proxectos de investimentos que estean incluídos nos orzamentos e a súa coherencia co conxunto do investimento público autonómico.

b) A análise e o seguimento dos obxectivos fixados aos centros xestores no orzamento, e tamén os da aplicación das dotacións que lles foron asignadas, para unha eficaz e eficiente consecución daqueles.

c) Apoio á subdirección xeral noutras materias da súa competencia.

2.4. A Subdirección Xeral de Custos de Persoal, que exercerá as seguintes funcións:

a) Elaboración e seguimento do capítulo I do orzamento de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estudo, análise e emisión de informes sobre estruturas orgánicas das consellerías e os seus organismos autónomos e sobre as modificacións das relacións de postos de traballo desde a perspectiva da súa repercusión económica.

c) Emisión de informes preceptivos para a determinación ou modificación das condicións retributivas do persoal laboral.

d) A autorización da masa salarial máxima con carácter previo ao asinamento de convenios colectivos do persoal laboral.

e) Emisión de informe sobre as ofertas de emprego público.

f) Todas aquelas competencias que a lexislación vixente lle atribúe á Consellería de Economía e Facenda en materia de retribucións de persoal.

Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Custos de Persoal contará coas seguintes unidades:

2.4.1. Servizo de Custos de Persoal, que desenvolverá as funcións atribuídas á Consellería de Economía e Facenda en materia de retribucións de persoal, en relación á Administración xeral da comunidade autónoma e aos seus organismos autónomos agás o Sergas.

2.4.2. Servizo de Custos de Persoal e Recursos Propios do Sergas, que desenvolverá as funcións anteriormente indicadas, en relación ao persoal do Sergas, así como as que lle correspondan á Dirección Xeral de Orzamentos en materia de xestión de recursos propios do dito organismo autónomo.

VI. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Artigo 8º

1. A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro exercerá as competencias seguintes:

a) O desenvolvemento e a execución das funcións que lle corresponden á comunidade autónoma en materia financeira, en especial as relativas a:

-Caixas de aforro e demais entidades financeiras.

-Tutela financeira sobre corporacións locais galegas.

-Endebedamento da comunidade autónoma e, en canto estea atribuído á comunidade, o doutros entes públicos.

-Centros de contratación de valores.

-Mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social e outras entidades aseguradoras.

-Ordenación do crédito, banca e seguros.

b) A xestión da Tesouraría da comunidade autónoma e, en especial:

-A realización dos ingresos.

-A ordenación xeral de pagamentos en canto lle fose delegada polo/a conselleiro/a de Economía e Facenda.

-A ordenación xeral de pagamentos do Servizo Galego de Saúde, así como a periodificación de pagamentos e provisión de fondos dos seus centros de xestión.

-A xestión dos depósitos e fianzas que deban constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da comunidade autónoma.

-Autorización da apertura de contas nas entidades de crédito e aforro, e o seu réxime de disposición, de acordo co establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo daquelas que lle corresponden á Dirección Xeral de Tributos en función do previsto no artigo 6.1º e).

-A xestión e rendibilización de todos os recursos financeiros da Tesouraría Xeral e a súa distribución para o pagamento das obrigas.

2. Para o exercicio das súas competencias, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro estrutúrase nos seguintes órganos:

2.1. A Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Seguros, que exercerá as seguintes funcións:

a) Todas aquelas que teñan relación coas operacións de endebedamento da comunidade autónoma, así como das de garantía que lle corresponda aprobar ao Consello da Xunta de Galicia.

b) As que se refiran a actuacións en materia de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social, así como doutras entidades aseguradoras.

c) As que se refiran a actuacións en materia de mediación de seguros.

d) As relativas ao desenvolvemento lexislativo e execución en materia de seguros.

e) As relativas a centros de contratación de valores.

f) A tutela financeira sobre as corporacións locais.

Da Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Seguros dependerán os seguintes servizos:

2.1.1. O Servizo de Operacións Financeiras, que terá ao seu cargo o desempeño de todas as funcións que teñan relación coas operacións de endebedamento e garantía que lle correspondan á subdirección xeral, así como das funcións que teñan relación coa tutela financeira sobre as corporacións locais galegas e as que lle correspondan a esta comunidade autónoma en materia de contratación de valores.

2.1.2. O Servizo de Supervisión e Inspección de Entidades e Mediadores de Seguros, que terá ao seu cargo o desempeño de todas as funcións que lle correspondan á comunidade autónoma en materia de supervisión, xestión de rexistros oficiais, protección ao cliente, inspección e réxime sancionador de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social e doutras entidades aseguradoras así como de mediación de seguros.

2.2. A Subdirección Xeral do Tesouro, que exercerá as seguintes funcións:

a) As relacionadas coas accións necesarias para a xestión da Tesouraría da comunidade autónoma, tanto na realización dos ingresos como na execución dos pagamentos, así como a autorización e réxime das contas bancarias que lle corresponda autorizar a esta dirección xeral.

b) A elaboración dos orzamentos de tesouraría así como a realización trimestral dos cadros de fluxos financeiros, de acordo co previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

c) A recepción, custodia e devolución dos depósitos e fianzas que se constitúan nos servizos centrais da Caixa Xeral de Depósitos da comunidade autónoma.

Da Subdirección Xeral do Tesouro dependerán os seguintes servizos:

2.2.1. O Servizo de Tesouraría, que terá ao seu cargo:

a) A xestión da Tesouraría da comunidade autónoma, tanto na realización dos ingresos como na execución dos pagamentos.

b) A elaboración dos orzamentos de tesouraría e cadros trimestrais de fluxos financeiros.

2.2.2. O Servizo de Programación de Pagamentos do Sergas, que terá ao seu cargo a proposta de pagamentos do Servizo Galego de Saúde, así como elaborar a súa periodificación e a provisión de fondos dos seus centros de xestión.

2.2.3. O Servizo da Caixa Xeral de Depósitos da comunidade autónoma, que terá ao seu cargo a constitución, custodia e devolución dos depósitos e fianzas constituídos nos servizos centrais da Caixa Xeral de Depósitos da comunidade autónoma.

2.3. A Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras, que exercerá as seguintes funcións:

a) As de análise, supervisión, inspección financeira e sanción en materia de caixas de aforro e outras entidades financeiras.

b) As relativas á obra benéfico-social das caixas de aforro.

c) O mantemento dos rexistros existentes na materia.

d) As de protección aos clientes destas entidades.

e) O informe das consultas e a proposta de resolución de autorizacións e, en xeral, cantas funcións lle atribúa á dirección xeral a lexislación vixente sobre estas materias.

f) A colaboración e coordinación con outras autoridades, órganos, organismos ou entes que teñan encomendadas funcións supervisoras de caixas de aforro e outras entidades financeiras.

g) Aqueloutras que puidesen corresponderlle á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación de crédito e banca.

Da Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras dependerán os seguintes servizos:

2.3.1. O Servizo de Análises Financeiras, que será o encargado da realización dos informes periódicos sobre a evolución económico-financeira e a solvencia das entidades, así como de informar sobre as consultas que se lle formulen e elaborar as propostas de resolución, e o resto das competencias atribuídas no artigo 65 do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de maio, á Consellería de Economía e Facenda.

2.3.2. O Servizo de Supervisión e Inspección, que terá ao seu cargo o desempeño das funcións sobre protección da clientela, obra benéfico-social, así como as de supervisión, inspección e réxime sancionador.

VII. A Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios.

Artigo 9º

1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios as seguintes competencias:

a) O exercicio de todas as competencias que o Estatuto de autonomía lle atribúe á comunidade autónoma en materia de planificación económica.

b) A coordinación coa Dirección Xeral de Orzamentos para os efectos da repercusión da planificación económica no cálculo do orzamento. Así mesmo, o seguimento de actuacións de política económica da Administración autonómica.

c) A relación sobre materias relativas á Unión Europea (UE) e á política económica, tanto no ámbito da comunidade autónoma como doutras administracións, a través dos órganos colexiados de coordinación que correspondan ou das diversas comisións sectoriais establecidas. Así mesmo, o mantemento de relacións con outras administracións públicas e cos sectores socioeconómicos e axentes sociais en canto se refire ao seguimento das súas actuacións investidoras, e co Consello Económico e Social de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutras consellerías.

d) A coordinación e o impulso de actuacións da Administración autonómica en materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais da UE.

e) O seguimento do impacto económico a medio prazo das políticas comunitarias, nacionais e rexionais.

f) A elaboración de análises e estudos sobre o impacto territorial da actividade económica en xeral e do gasto público en particular, así como, se é o caso, a instrumentación de propostas para a corrección dos desequilibrios rexionais, e a avaliación dos programas económicos a medio prazo.

g) A coordinación das relacións coa Administración xeral do Estado e, se é o caso, coa europea, en materias de coordinación de investimentos, en canto á programación a medio prazo.

h) A coordinación de actuacións tendentes ás demandas de información das inspeccións técnicas e financeiras comunitarias.

i) As competencias atribuídas no Regulamento da comisión relativo aos organismos intermedios.

2. A Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios estará integrada polas seguintes unidades, que exercerán as funcións que se indican:

2.1. A Subdirección Xeral de Planificación Económica, que terá ao seu cargo:

a) A realización e dirección de estudos e traballos conducentes á planificación, elaboración, seguimento, actualización e instrumentación da programación económica a medio prazo.

b) A análise dos plans sectoriais e dos orzamentos das administracións públicas en relación coa programación económica da Xunta de Galicia, así como a coordinación do réxime de axudas públicas.

c) A realización, coordinación e análise das avaliacións previas, intermedias, complementarias e posteriores das intervencións comunitarias.

d) A coordinación e a análise de estudos referentes á conxuntura económica e a elaboración de previsións sobre o comportamento da economía galega.

e) A instrumentación de mecanismos de obtención e xeración de indicadores e o seguimento da planificación anual e plurianual da Xunta de Galicia.

f) A coordinación administrativa e o seguimento do cumprimento dos acordos da Comisión Delegada da Xunta para Asuntos Económicos e, en particular, dos contratos-programa aprobados pola devandita comisión.

g) As relacións técnicas de cooperación e seguimento dos traballos do Consello Económico e Social de Galicia e doutros organismos públicos.

A Subdirección Xeral de Planificación Económica contará con tres servizos:

2.1.1. O Servizo de Metodoloxía e Seguimento, que exercerá as seguintes funcións:

a) A aplicación de métodos e indicadores así como a recolla de datos necesarios para o seguimento da planificación económica anual e plurianual.

b) A instrumentación e o seguimento dos acordos e plans socioeconómicos relativos á economía rexional.

c) A realización das análises dos plans sectoriais e dos orzamentos das administracións públicas en relación coa programación a medio prazo da Xunta de Galicia.

2.1.2. O Servizo de Avaliación e Análises, que exercerá as seguintes funcións:

a) A realización, coordinación e análise das avaliacións previas, intermedias, complementarias e posteriores de todas as formas de intervención comunitaria.

b) A coordinación e análise de estudos e informes relativos ao comportamento da economía galega.

c) A elaboración de propostas, estratexias e prioridades para o aproveitamento dos recursos financeiros provenientes das axudas comunitarias con posible incidencia rexional.

2.1.3. O Servizo de Coordinación de Políticas Comunitarias, que exercerá as seguintes funcións:

a) A relación coa Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, así como a participación e o seguimento de actividades e programas relacionados directamente coa política rexional comunitaria.

b) A tramitación e coordinación administrativa derivada da Secretaría Técnica da Comisión Delegada para Asuntos Económicos e da adscrición do Consello Económico e Social de Galicia á Consellería de Economía e Facenda.

c) A coordinación do réxime de axudas públicas e a elaboración de informes sobre a normativa comunitaria de aplicación.

2.2. A Subdirección Xeral de Coordinación de Investimentos e Fondos Comunitarios, que terá ao seu cargo:

a) O estudo, coordinación e elaboración de propostas de aplicación da política rexional comunitaria e dos fondos estruturais e de cohesión e, en particular, a formulación de instrucións para a coordinación da programación dos proxectos de investimentos da Xunta de Galicia que configuran o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), Fondos Estruturais, Fondo de Cohesión e Iniciativas Comunitarias da Unión Europea.

b) A participación e representación, compartidas cos órganos sectoriais da Administración autonómica, nos órganos e comités de seguimento relativos aos fondos citados na letra anterior, e noutros órganos colexiados con competencias en fondos europeos, así como a elaboración dos informes e propostas aos ditos órganos.

c) A xestión técnica que deriva das competencias atribuídas á dirección xeral na letra i) do artigo 9.1º, relativas aos organismos intermedios.

d) A coordinación técnica co Comité de Investimentos Públicos respecto á materialización da programación de investimentos públicos en Galicia e, en particular, do Fondo de Compensación Interterritorial.

e) O seguimento e a certificación dos investimentos cofinanciados cos ditos fondos ante as correspondentes administracións, para os respectivos reembolsos á comunidade autónoma.

f) A coordinación e elaboración dos informes e propostas relativas ás inspeccións técnicas e financeiras que realicen as autoridades comunitarias, referidas aos ditos fondos.

g) A emisión periódica de informes sobre a xestión do FCI e fondos estruturais e de cohesión, e, en particular, as previsións de ingresos.

A Subdirección Xeral de Coordinación de Investimentos e Fondos Comunitarios contará con catro servizos:

2.2.1. Servizo de Xestión do FEOGA-Orientación e Iniciativas Comunitarias, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da programación e da xestión do FEOGA-Orientación e das Iniciativas Comunitarias.

b) A xestión e tramitacións ante a Administración xeral do Estado e ante a Unión Europea dos reembolsos do FEOGA-Orientación e Iniciativas Comunitarias.

2.2.2. Servizo de Xestión do Feder, Fondo de Cohesión e FCI, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da programación e da xestión do Feder, Fondo de Cohesión e FCI.

b) A xestión e tramitación ante a Administración xeral do Estado e ante a Unión Europea dos reembolsos dos fondos citados na letra anterior.

2.2.3. O Servizo de Xestión do FSE e IFOP ou FEP, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da programación e da xestión do FSE e do IFOP ou FEP.

b) A xestión e tramitación ante a Administración xeral do Estado e ante a Unión Europea dos reembolsos dos fondos citados na letra anterior.

2.2.4. Servizo de Auditoría dos Fondos Comunitarios, que exercerá as seguintes funcións:

a) Garantir o cumprimento das competencias atribuídas ao organismo intermedio, definidas no Regulamento da comisión.

b) Verificar os métodos e procedementos conducentes ao cumprimento da subvencionabilidade dos gastos procedentes dos fondos comunitarios, sen prexuízo das competencias do Servizo de Auditoría Interna dos Fondos Agrarios Comunitarios do Fondo Galego de Garantía Agraria.

c) A preparación e articulación da programación económica derivada das axudas comunitarias.

d) A coordinación da programación económica coa política orzamentaria da Xunta de Galicia.

VIII. Delegacións territoriais.

Artigo 10º

1. As delegacións da Consellería de Economía e Facenda sitúanse na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. O ámbito territorial será delimitado pola respectiva provincia, agás as delegacións de Pontevedra e Vigo; correspóndenlle á Delegación Territorial de Pontevedra todos os concellos da provincia coa excepción de Vigo, Baiona, Gondomar e Nigrán, os cales conforman o ámbito territorial da Delegación de Vigo.

2. Á fronte de cada delegación territorial existirá un/unha delegado/a do/a que dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería que se sitúen no ámbito territorial da súa competencia.

3. Os/as delegados/as territoriais dependen orgánica e funcionalmente do/a conselleiro/a, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do/a secretario/a xeral e do Patrimonio e dos/as directores/as xerais da consellería.

Artigo 11º

No seu ámbito de actuación, cada delegación territorial terá, ademais das competencias previstas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e as derivadas da desconcentración de competencias, efectuada en virtude dos decretos 87/1990 e 88/1990, ambos os dous do 15 de febreiro, as seguintes:

a) Velar polo cumprimento das disposicións legais relativas ás competencias da Consellería de Economía e Facenda.

b) O control, seguimento e a inspección das oficinas liquidadoras do seu ámbito territorial.

c) A concesión de adiamentos e fraccionamentos dentro dos límites fixados polas disposicións vixentes.

d) O exercicio das funcións propias da Tesouraría así como as que correspondan á Caixa Xeral de Depósitos.

e) A proposta, posta en práctica e o control da execución de plans e programas de actuación da Consellería de Economía e Facenda, e a elaboración de estudos e informes de carácter xeral ou sectorial necesarios para eles.

f) O asesoramento sobre todas as cuestións da súa competencia que lles sometan os órganos centrais da consellería.

g) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da delegación, así como emitir informe sobre as actuacións da consellería no seu ámbito territorial.

h) O exercicio das competencias que, mediante os decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, 87/1990 e 88/1990, ambos os dous do 15 de febreiro, resulten desconcentradas, así como calquera outra competencia ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou lles sexan delegadas polo/a conselleiro/a.

Artigo 12º

Para o cumprimento das súas funcións, as delegacións territoriais contarán coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

1. Secretaría da delegación, que exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión de todos os asuntos relativos a persoal, habilitación, material e réxime interior.

b) O rexistro xeral, a información ao público e o arquivo de documentos.

c) A realización das tarefas que, relacionadas coa xestión do patrimonio da comunidade autónoma no ámbito territorial da delegación, lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral e do Patrimonio.

d) A realización das tarefas materiais relacionadas coas funcións encomendadas ás oficinas liquidadoras do seu ámbito territorial.

O/a titular da secretaría da delegación substituirá o/a delegado/a no caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Servizo de Xestión Tributaria, que exercerá as seguintes funcións:

a) A recepción de toda clase de declaracións, recursos, consultas e demais documentos con transcendencia tributaria, así como o seu exame e tramitación, e a realización dos requirimentos que procedan en cada caso, e a información en materia tributaria.

b) A comprobación formal dos datos consignados nos documentos tributarios e a realización das tarefas preparatorias para o tratamento mecanizado da información.

c) A función de liquidación dos tributos cedidos e propios que corresponden á Consellería de Economía e Facenda.

d) A resolución dos recursos de reposición contra actos ditados polo propio servizo.

e) As demais funcións que lle poidan corresponder segundo a lexislación vixente.

3. Servizo de Inspección Tributaria, que exercerá as seguintes funcións:

a) As previstas no artigo 141 da Lei xeral tributaria e no Regulamento da inspección dos tributos, aprobado polo Real decreto 939/1986, do 25 de abril.

b) As facultativas e de valoracións de bens, dereitos ou actividades así como as de confección, conservación e actualización de censos e rexistros fiscais non incluídas no punto 4.a) deste artigo.

c) A emisión de ditames, propostas e outras actuacións facultativas.

d) A preparación, confección e seguimento de plans de inspección.

4. Servizo de Valoracións, que exercerá as seguintes funcións:

a) As facultativas de valoración e recoñecemento de bens, dereitos e actividades de natureza inmobiliaria, así como as de confección, conservación e actualización dos censos e rexistros fiscais correspondentes.

b) A emisión de ditames e outras actuacións relacionadas co seu servizo.

c) A coordinación e o control das valoracións que se realicen nas distintas oficinas liquidadoras.

5. Intervención Territorial Delegada.

5.1. Integrada organicamente na delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda, a Intervención Territorial, como órgano delegado da Intervención Xeral, da que dependerá funcionalmente, exercerá, no ámbito das competencias das delegacións provinciais ou territoriais das respectivas consellerías ou das xefaturas ou delegacións provinciais ou territoriais dos organismos autónomos, as seguintes funcións:

a) A función interventora respecto de todos os actos, documentos e expedientes dos que puidesen derivar dereitos e obrigas de contido económico.

b) A interposición de recursos e reclamacións e a emisión dos informes previstos nas disposicións vixentes.

c) Solicitar dos órganos competentes o asesoramento xurídico ou os informes técnicos que se precisen en función da natureza do acto.

d) Levar e desenvolver a contabilidade do seguimento do orzamento de gastos e ingresos.

e) Levar a contabilidade dos ingresos e pagamentos non orzamentarios.

f) Formar os estados e contas que lles teñan que render os/as delegados/as territoriais ou provinciais ao Consello de Contas de Galicia e ao Tribunal de Contas do Estado a través da Intervención Xeral.

g) Subministrar información para os/as delegados/as e directores/as provinciais.

5.2. Á fronte da Intervención Territorial existirá, con nivel orgánico de xefatura de servizo A, un/unha interventor/a territorial delegado/a perante a Administración territorial ou provincial.

5.3. O/a interventor/a territorial delegado/a poderá estar asistido por interventores/as habilitados/as, con nivel orgánico de xefatura de servizo B.

5.4. Serán funcións dos/as interventores/as habilitados/as as seguintes:

a) Asistir o/a interventor/a territorial delegado/a.

b) Preparar e propoñerlle ao/á interventor/a territorial delegado/a os informes fiscais que proceda emitir en relación cos expedientes recibidos.

c) O estudo e a proposta ao/á interventor/a territorial delegado/a de cantos actos competan en razón do exercicio da función interventora.

d) Desenvolver as tarefas relacionadas coa función interventora, a contabilidade do orzamento de gastos e ingresos, e a contabilidade dos ingresos e pagamentos non orzamentarios, que lles encomende o/a interventor/a territorial delegado/a ou, se é o caso, o/a interventor/a xeral.

6. Servizo de Recadación, que exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión recadatoria nos seus dous períodos.

b) Ditar providencias de constrinximento.

c) A relación coas entidades colaboradoras na recadación, sen prexuízo daquelas que lles correspondan a outros órganos.

d) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de adiamentos e fraccionamentos de pagamento.

Artigo 13º

Ademais do disposto no artigo anterior, a Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda na Coruña contará coas seguintes unidades:

1. Unidade Rexional de Valoracións que, con nivel orgánico de xefatura de servizo A, exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección técnica dos equipos de traballo que a Consellería de Economía e Facenda dedique ao estudo e á investigación do valor de mercado dos inmobles.

b) O estudo, a análise e a proposta das condicións técnicas necesarias para a explotación da información catastral.

c) A análise e proposta dos criterios técnicos que utilizarán os servizos territoriais de valoracións no desenvolvemento das súas actuacións.

d) O desenvolvemento das tarefas necesarias para a modificación dos programas informáticos utilizados nas actuacións de valoración.

2. Servizo de Relacións coas oficinas xestoras que, con nivel orgánico de xefatura de servizo B, exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación das relacións da Delegación Territorial coas oficinas liquidadoras de distrito hipotecario.

b) O seguimento das actuacións realizadas polas devanditas oficinas.

c) A coordinación das actuacións realizadas por outras oficinas de xestión tributaria dependentes da Delegación Territorial.

Artigo 14º

Adscritos á consellería existirán os órganos colexiados seguintes:

1. A Xunta Superior de Facenda, creada coa denominación de Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia pola Lei 13/1991, do 9 de decembro, e regulada polo Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, que modificou a súa denominación en virtude do exposto na disposición adicional primeira da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Comisión Orzamentaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 206/1996, do 24 de maio.

3. A Comisión de Fondos Comunitarios, creada polo Decreto 13/1997, do 23 de xaneiro.

4. A Comisión de Nóminas, creada por acordo do Consello da Xunta do 3 de marzo de 2000.

5. A Comisión de Seguimento e Control do Gasto Corrente, creada por acordo do Consello da Xunta do 19 de maio de 2000.

Disposición adicional

Única.-Existirán dúas asesorías técnicas, con nivel orgánico de xefatura de servizo A, que se poderán situar nas delegacións territoriais da consellería, e que terán como función o apoio a estas unidades nas materias relacionadas coas competencias da consellería.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto e, expresamente, as seguintes:

-Decreto 115/2004, do 3 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda.

-Decreto 247/2004, do 21 de outubro, polo que se modifica o anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estrutura orgánica que se establece neste decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o/a conselleiro/a de Economía e Facenda para ditar as disposicións que sexan necesarias para a reestruturación dos postos e acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que cumpran para o seu desenvolvemento e execución.

Terceira.-As consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e de Economía e Facenda realizarán as modificacións que procedan na relación de postos de traballo da Consellería de Economía e Facenda, derivadas da estrutura orgánica obxecto deste decreto.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda


No hay versiones para esta norma