Decreto 86/2007, do 29 de marzo, polo que se derroga o Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Basico de Continxencias por Contaminacion Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxisticos, acuicolas e ambientais de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 08-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 88
  • Fecha de Publicación: 08/05/2007
  • PDF de la disposición

A aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia, o día 16 de novembro de 2006, do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia, logo de obter o visto e prace da Comisión Galega de Protección Civil, aconsellan derrogar o primitivo Plan Básico de Continxencias, recollido no Decreto 438/2003, do 13 de novembro e a Orde do 26 de outubro de 2004, que nace coa intención de achegar un primeiro instrumento nesta materia, aínda que na mesma introdución da orde xa se recollía no punto 1.5, a interacción con outros plans, entre eles, no punto 1.5.3, o plan territorial.

O Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia, do ano 2003 e a Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se publica o Primeiro Plan de Continxencias por Contaminación Mariña nas Rías de Galicia, perden a súa razón de ser, xa que a aprobación do Plan Territorial os incluiría nos seus contidos e aínda que a propia Orde do 26 de outubro de 2004 recollía a interrelación con outros plans de continxencias, non parece razoable manter dous diferentes cando un deles inclúe e mesmo aumenta os contidos do anterior.

Coa aparición do Plan Territorial incorreríase en redundancia por conter basicamente a mesma información, aínda que ampliada neste último, o que é motivo das derrogacións consideradas neste decreto.

Polo tanto, en virtude do disposto no artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia do vinte e nove de marzo de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Derrógase o Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia e a Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se publica o primeiro Plan de Continxencias por Contaminación Mariña das Rías Galegas.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de marzo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos


No hay versiones para esta norma