Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catalogo galego de especies ameazadas. - Diario Oficial de Galicia, de 09-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 89
  • Fecha de Publicación: 09/05/2007
  • PDF de la disposición

A conservación da variedade da vida, na súas formas xenética, de especies e de comunidades, debe de ser un dos obxectivos prioritarios da política vixente, tanto polo papel desta biodiversidade no funcionamento dos sistemas que soportan a nosa existencia como por representar unha fonte de recursos de distinta índole para o home, entre os cales se atopa o seu valor cultural, outorgando un carácter distintivo ao noso ambiente. Deste xeito foi posto de relevo a escala mundial por todos os países que participaron no Cumio da Terra e subscribiron o Convenio da Diversidade Biolóxica. Neste senso, un dos aspectos prioritarios a que se debe prestar unha atención preferente é a conservación daquelas formas de vida e os seus hábitats que na actualidade corren un maior risco de desaparecer, aspecto que foi recollido tanto na Estratexia Española de Conservación e Uso Sustentable da Diversidade Biolóxica como na Estratexia Galega de Conservación da Biodiversidade.

A preservación ambiental da flora e a fauna galega obedece a unha repartición de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia que vén regulado nos artigos 148 e 149 da Constitución española. Neste senso, a competencia do Estado reside na fixación da lexislación básica sobre protección do ambiente e neste contexto a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de Conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre establece no seu artigo 29 a obriga das administracións públicas de catalogar aquelas especies de fauna e flora cuxa conservación exixa medidas específicas de protección. Así mesmo, o artigo 30 crea o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e faculta ás comunidades para estableceren catálogos nos seus respectivos ámbitos territoriais, desenvolvéndose posteriormente o Catálogo Nacional mediante o Real decreto 439/1990, do 30 de marzo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, pola súa parte, ten competencia exclusiva para establecer normas adicionais de protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23, conforme prevé o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía. Neste contexto, co obxecto de aplicar medidas específicas de protección para as especies ameazadas, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza creou no seu artigo 48 o Catálogo galego de especies ameazadas. Neste senso, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, dedica o capítulo II, da catalogación de especies do título II aos instrumentos de catalogación (creación do Catálogo galego de especies ameazadas, do Rexistro galego de especies ameazadas e do Catálogo galego de árbores senlleiras), ás categorías de catalogación das especies, aos Plans de recuperación, protección, conservación e mellora das especies incluídas nestes catálogos e para os efectos da catalogación, cun nivel de prohibicións consonte a categoría de ameaza.

Así pois a determinación dos taxóns que, estando ameazados, requiran medidas específicas e excepcionais de protección e conservación en Galicia, farase mediante a súa inclusión nalgunhas das categorías do Catálogo galego de especies ameazadas.

O Catálogo galego de especies ameazadas deséñase sobre as bases da interpretación da Lei 4/1989, do 27 de marzo, dada pola sentenza 892/1999, do 18 de maio do Tribunal Supremo. Con respecto ao Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (CNEA) esta sentenza sinalou que a categoría «De interese especial» agrupa un gran número de taxóns que, sen encontrarse nunha situación real de ameaza, merecen unha atención particular, non sendo polo tanto unha categoría de ameaza como tal. En virtude do exposto, ante a necesidade de definir adecuadamente a situación real de ameaza dalgunhas especies incluídas no catálogo nacional e adaptar as categorías de ameaza á xurisprudencia do Tribunal Supremo, e dado que o Catálogo galego de especies ameazadas se configura como un instrumento dinámico e revisable a teor do coñecemento científico-técnico e das estratexias globais en conservación, este decreto soamente regula as categorías de en perigo de extinción e vulnerable , quedando pendente o desenvolvemento das outras categorías de ameaza establecidas na Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Dado que, por mandado da Comisión Nacional de Protección da Natureza se puxeron en marcha as accións necesarias para adaptar a Lei 4/1989, do 27 de marzo, ao mandado do Tribunal Supremo, este regulamento incorpora xa algunhas das cuestións máis relevantes como os criterios de catalogación, e establece no seu articulado disposicións que lle permiten adaptarse ás futuras modificacións da lei.

Na súa virtude, tendo en conta as consideracións que anteceden, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezanove de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación do Catálogo galego de especies ameazadas, creado pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, así como o desenvolvemento das previsións sobre o catálogo contidas nesta lei. A finalidade é evitar a perda da diversidade biolóxica en todas as súas formas, xa sexa xenética xa sexa de individuos ou de especie.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto é de aplicación ás especies, ás subespecies ou ás poboacións de fauna e flora silvestre que se encontran nunha situación de ameaza dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

a) Área de distribución potencial: será a área que pola súas características naturais e estado de conservación reúne condicións como hábitat do taxón. Formarán tamén parte da área de distribución potencial as áreas identificadas e verificadas como zonas de conexión entre os actuais núcleos de poboación.

b) Área de ocupación: refirese á área máis pequena vital para a supervivencia das poboacións existentes dun taxón.

c) Área de presenza: virá definida pola área onde a presenza de exemplares foi regular nos últimos cinco anos.

d) Áreas prioritarias de conservación: son as áreas vitais para a supervivencia e recuperación dun taxón ou poboación ameazada. Incorporarán, como mínimo, os enclaves do refuxio, celo, reprodución e alimentación utilizados en diferentes estacións.

e) Extinto en Galicia: cando non existe dúbida razoable de que o último individuo existente dun taxón no territorio galego está morto ou desaparecido no medio natural.

f) Localidade: área xeográfica ou ecolóxica distintiva na cal un só acontecemento de ameaza pode afectar rapidamente a todos os individuos do taxón presente.

g) Poboación: grupo do número total de individuos dun taxón que vive nunha área xeográfica, e que ten limitado o intercambio xenético ou demográfico con outros grupos ao estar separado xeograficamente ou por outro factor.

h) Poboación reprodutora: unha (sub)poboación que se reproduce dentro do territorio galego, tanto sexa a totalidade do seu ciclo reprodutivo coma unha parte.

i) Propágulo: entidade vivente capaz de se dispersar e producir un novo individuo maduro.

k) Tamaño de poboación: número total de individuos maduros (capaces de se reproduciren) dun taxón.

l) Taxón: categoría do sistema de clasificación taxonómica inferior á especie; neste caso especie e subespecie.

TÍTULO II

Do Catálogo galego de especies ameazadas

Artigo 4º.-Catálogo galego de especies ameazadas.

1. O Catálogo galego de especies ameazadas é un rexistro público de carácter administrativo, dependente da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, no cal se inclúen, de conformidade co procedemento establecido no presente decreto, aquelas especies, subespecies ou poboacións pertencentes á flora e fauna silvestre que, atopándose ameazadas, requiran medidas de protección específicas.

2. O Catálogo materialízase nun rexistro cun tomo para cada categoría de ameaza e complementarase cun arquivo no cal quedarán depositados os documentos técnicos cales acompañaron o expediente de catalogación, así como as actualizacións deles, se for o caso.

3. As follas do rexistro deberán ser dilixenciadas e nelas incluiranse todas as especies, subespecies ou núcleos de poboación incluídos no catálogo con mención do acto xurídico de aprobación da súa catalogación e das posteriores modificacións. Nestas follas faranse constar expresamente os criterios que serviron de base para a súa catalogación e un extracto dos parámetros máis relevantes indicadores do estado da conservación da especie.

Artigo 5º.-Das categorías.

De acordo co disposto no artigo 49 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, as especies que se inclúan no dito catálogo deberán clasificarse nalgunha das seguintes categorías:

a) En perigo de extinción: reservada para aquelas cuxa supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando.

b) Sensibles á alteración do seu hábitat: referida a aquelas cun hábitat característico particularmente ameazado, en grave recesión, fraccionado ou moi limitado.

c)Vulnerables: destinada a aquelas que corren perigo de pasar ás categorías anteriores nun futuro inmediato se os factores adversos cales actúan sobre elas non son corrixidos.

d) De interese especial: aquelas outras merecedoras de catalogación e que teñan un grao de ameaza insuficientemente coñecido.

TÍTULO III

Dos criterios e procedementos para a catalogación de especies

Capítulo I

Dos criterios de catalogación

Artigo 6º.-Criterios.

1. Para a catalogación das especies, subespecies ou poboacións terase en conta a situación de ameaza en que estas se encontran dentro do ámbito da súa área de distribución en Galicia e tendo en conta o contexto ibérico, con independencia de que localmente existan circunstancias que atenúen ou agraven a dita situación.

2. A catalogación virá definida polo risco de ameaza real ou potencial en que se atopen os taxóns e pola posibilidade da súa extinción a medio prazo, tomando como base, cando menos, un dos seguintes parámetros:

-A tendencia regular das poboacións durante os últimos anos, tomando un período tal que sexa acorde coa bioloxía e recrutamento da especie.

-A área de presenza e ocupación estable.

-O tamaño das poboacións.

-Outras características limitantes da poboación como a súa baixa dispersión, alta especialización ou singularidade xeográfica.

-Previsión de extinción no seu estado silvestre.

3. A determinación e a valoración do grao de ameaza dun taxón será o resultado de aplicar os limiares ou criterios de catalogación establecidos no anexo V deste decreto.

4. A dirección xeral competente en materia de conservación da natureza incluirá directamente no Catálogo galego de especies ameazadas aquelas especies que foron previamente obxecto de catalogación no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas. Esta inclusión realizarase na mesma ou na categoría superior á que tiver no Catálogo Nacional.

Capítulo II

Do procedemento para a catalogación das especies

Artigo 7º.-Inicio e contidos dos procedementos de catalogación, descatalogación e cambio de categoría.

1. O procedemento de catalogación, descatalogación ou cambio de categoría dun taxón ou poboación poderá ser iniciado de oficio pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza ou por instancia de parte, cando exista información técnica que así o aconselle.

2. Poderán solicitar a catalogación, descatalogación ou cambio de categorías, as universidades, centros de investigación, institutos e entidades que estatutariamente persigan o logro dos principios contidos no artigo 2.a) da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

3. As solicitudes deberán ser formuladas segundo o modelo normalizado previsto no anexo IV e estar debidamente xustificadas sobre a base dos criterios do anexo V. A solicitude acompañarase dunha memoria anexa que conteña a información científica e técnica suficiente para avaliar a proposta. Os datos da memoria deberán estar expresamente avalados por especialistas na materia.

4. As solicitudes, xunto coa memoria, dirixiranse á dirección xeral competente en materia de conservación da natureza. Non serán tidas en conta as propostas que carezan de memoria, nin as formuladas sobre a base de citas de presenza esporádica ou sobre taxóns de cales non se dispoña de información suficiente.

Se a solicitude de catalogación, descatalogación ou cambio de categoría non reunir algún dos requisitos exixidos neste decreto, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se poderá considerar desistido da súa petición e arquivala sen máis trámite, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A dirección xeral competente disporá dun prazo máximo de 6 meses para resolver o correspondente procedemento, cos seguintes efectos:

Nos procedementos de catalogación, descatalogación ou de cambio de categoría, iniciados de oficio, o vencemento do prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase resolución expresa non exime a Administración do cumprimento da obriga legal de resolver e, no caso de procedementos dos cales puideren derivar o recoñecemento ou, se é o caso, a constitución de dereitos ou outras situacións xurídicas individualizadas, os interesados cales compareceren poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nos procedementos iniciados por instancia de parte, transcorrido este prazo sen terse resolto o procedemento, os interesados poderán entender estimadas as súas solicitudes, conforme prevé o artigo 43.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. No acordo de iniciación do expediente de catalogación, descatalogación ou cambio de categoría, a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza poderá adoptar as medidas cautelares que coide precisas para a protección da especie de que se trate.

Artigo 8º.-Tramitación dos procedementos.

1. Para a tramitación do expediente, a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza elaborará unha memoria técnica xustificativa, confeccionada sobre os datos dispoñibles, a fin de acreditar suficientemente a situación de ameaza que fai necesaria a catalogación, e que conterá cando menos:

-Posición taxonómica da especie ou subespecie.

-Proposta da catalogación, descatalogación ou cambio de categoría.

-Situación legal.

-Información sobre a área de distribución natural actual da especie de que se trate e a súa evolución.

-Información sobre o tamaño da poboación e a súa evolución, podendo admitirse, segundo cada caso, indicadores poboacionais adecuados ou información xenética na medida en que sexa relevante e dispoñible.

-Información sobre os hábitats característicos da especie ou subespecie.

-Determinación e análise dos factores que inciden negativamente sobre a súa conservación ou sobre o dos seus hábitats.

-Cartografía detallada, bibliografía e fonte dos datos.

-Autor/es da memoria.

Poderá conter, ademais, as medidas específicas que requira a súa conservación.

2. Para a elaboración da memoria técnica xustificativa, a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza poderá pedir a colaboración dos especialistas na materia, departamentos universitarios, centros de investigación ou asociacións e, neste senso, solicitar canta información técnica e científica estea dispoñible nese momento.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Completado o expediente, corresponderá ao Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de conservación da natureza, acordar a inclusión ou exclusión dunha especie no Catálogo galego de especies ameazadas mediante decreto.

2. Cando o obxecto do procedemento sexa o cambio de categoría dunha especie xa catalogada previamente, a resolución do expediente realizarase mediante orde da consellería competente en materia de conservación de natureza, por proposta da dirección xeral competente nesta materia de conservación da natureza.

TÍTULO IV

Da protección das especies catalogadas

Artigo 10º.-Efectos da catalogación.

1. A inclusión dunha especie ou subespecie no Catálogo galego de especies ameazadas implica, salvo autorización expresa da consellería competente, as seguintes prohibicións:

a) Tratándose de especies vexetais, a de calquera actuación non autorizada que se leve a cabo co propósito de destruílas, mutilalas, cortalas ou arrincar exemplares completos ou parte deles, así como a recolla das súas sementes, pole ou esporas e, en xeral a destrución do seu hábitat.

b) Tratándose de especies animais, incluídas as súas larvas, crías ou ovos, a de calquera actuación non autorizada feita co propósito de darlles morte, capturalos, perseguilos ou molestalos intencionadamente, e nos seus niños, tobeiras ou áreas de reprodución, invernada, muda, paso, repouso e alimentación, así como a destrución do seu hábitat. Asemade, para as especies catalogadas como en perigo de extinción queda prohibida, excepto autorización expresa, a observación e filmación mediante o establecemento de postos fixos a menor distancia da que en cada caso determine o instrumento de planificación correspondente.

c) En ambos os dous casos, a prohibición de posuír, transportar, vender ou expoñer para a venda, importar ou exportar exemplares silvestres vivos ou mortos, así como os seus propágulos ou restos, o intercambio e a oferta con fins de intercambio de espécimes recollidos na natureza, excepción feita daqueles realizados por axentes da autoridade no exercicio da súas funcións.

2. Prohíbese a disecación, a herborización ou calquera outra clase de conservación de especies catalogadas. Excepcionalmente, a consellería competente en materia de conservación da natureza poderá autorizar a disecación con fins científicos ou educativos. A exhibición dos exemplares disecados requirirá autorización administrativa previa.

3. Co obxecto de garantir a reprodución, cría ou recuperación de determinadas especies ameazadas poderanse establecer restricións temporais de acceso ao tránsito de visitantes en períodos e lugares considerados críticos para a súa supervivencia. Estas medidas adoptaranse mediante resolución motivada do director xeral competente na materia de conservación da natureza e precisará, en todo caso, os lugares concretos e o seu prazo de duración.

4. As especies de flora e fauna de interese comunitario que figuran no anexo IV do Real decreto 1997/1995, que traspón a Directiva 92/43/CEE, así como as aves silvestres non cazables ou comercializables amparadas polo artigo 1 da Directiva 79/409/CEE, gozarán das medidas de protección establecidas neste artigo, séndolles de aplicación o réxime sancionador propio das do catálogo.

Artigo 11º.-Autorizacións administrativas.

1. As prohibicións comprendidas no artigo 10 da presente disposición poderán excepcionalmente quedar sen efecto nos supostos e nos termos previstos no artigo 53.3º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

2. Para a obtención destas autorizacións, os interesados deberán formular unha solicitude á consellería competente en materia de conservación da natureza, segundo modelo normalizado previsto no anexo VI. A dirección xeral competente en materia de biodiversidade poderá, ademais, pedir aos interesados canta información considere necesaria.

3. Corresponde ao director xeral competente en materia de conservación da natureza resolver as solicitudes de autorizacións excepcionais a que se refire este artigo, no prazo máximo de tres meses desde a súa solicitude; transcorridos estes sen terse resolto expresamente estas solicitudes, estas entenderanse denegadas, conforme prevé o artigo 54.1º da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

4. As autorizacións serán, polo xeral, de duración anual, podendo estenderse ata un máximo de tres anos, cando sexan outorgadas sobre a base dun plan de investigación, de aproveitamento, de cultivo ou de cría en catividade aprobados.

5. A autorización implica a obriga por parte do interesado de cumprir coas condicións dela. O incumprimento das condicións considerarase unha infracción administrativa, de acordo co establecido no artigo 64.5º da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

6. Nos seis meses seguintes á finalización da autorización, o interesado deberá presentar un informe cos resultados da actividade, especificando a relación das especies, o número de exemplares afectados, as coordenadas UTM dos lugares no caso de captura ou calquera outra información relevante que se lle solicitar. A non presentación do dito informe de resultados poderá significar, ademais da pertinente sanción administrativa, a inhabilitación para obter autorizacións nos anos posteriores.

Artigo 12º.-Da posesión das especies catalogadas.

1. Nas solicitudes de autorización sinaladas no artigo 11, para posesión de espécimes ou calquera elemento do ciclo vital de especies catalogadas, deberanse facer constar os datos cales permitan identificar os exemplares, o seu lugar de localización ou calquera cambio do mesmo. Esta autorización procederá igualmente no caso de espécimes non silvestres de especies catalogadas, así como no caso das diversas subespecies dunha especie catalogada.

2. Cando non se poida dispoñer con anterioridade á posesión dos datos de identificación e localización dos exemplares, os mesmos declararanse expresamente á consellería competente, nun prazo que non superará os tres meses desde a súa tenza.

3. Para que se entenda autorizada a posesión será condición necesaria que o posuidor poida acreditar de maneira que faga fe a orixe legal dos exemplares, mediante factura de compra ou documento de cesión dun criador autorizado, certificado CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres) se procede, certificado expedido polo órgano competente da comunidade autónoma de orixe ou calquera outro medio que o acredite. Para o efecto de garantir a identificación dos exemplares de fauna catalogados, a dirección xeral competente poderá exixir a marcaxe do animal ou a realización das análises ou probas precisas para permitir o seu seguro recoñecemento no futuro.

Artigo 13º.-Da cría en catividade ou cultivo das especies.

1. É competencia exclusiva da consellería competente en materia de conservación da natureza a cría, a repoboación e reintrodución de especies silvestres catalogadas en Galicia, accións que deberán garantir a diversidade xenética das poboacións naturais.

2. A cría en catividade de exemplares de fauna que, aínda tendo nacido en catividade, se encontran incluídos nalgunhas das categorías do catálogo, precisará da elaboración dun plan de cría en catividade que deberá ser sometido á aprobación da dirección xeral competente na materia de conservación da natureza.

3. A consellería poderá levar a cabo o cultivo de especies de flora catalogada, con fins de conservación, restauración, educación ou investigación. Cando o seu fin sexa a obtención de determinadas especies medicinais, alimenticias ou ornamentais, ou co obxecto de evitar a recolección na natureza dos exemplares silvestres ameazados, a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza deberá aprobar previamente un plan de cultivo. Neste último caso, os cultivos resultantes poderán ser obxecto de comercialización.

4. A consellería poderá exixir a esterilización dos espécimes nacidos en catividade por razóns de seguranza pública, cando exista risco de contaminación xenética, asilvestramento ou riscos doutro tipo para as poboacións ameazadas silvestres.

Articulo 14º.-Da utilización e aproveitamento discreto de especies catalogadas.

1. A utilización ou a recolección para un aproveitamento sustentable e discreto consonte o establecido na alínea g) do artigo 53.3º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, só poderá autorizarse sobre os individuos das especies ou subespecies da flora e fauna incluídas no anexo III deste decreto. Este aproveitamento deberá garantir que non se produzan afeccións ás poboacións naturais e a elaboración dun plan técnico de aproveitamento que deberá avaliar a incidencia do aproveitamento sobre as poboacións naturais e deberá ser aprobado pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

2. Para cada plan ou ben, a consellería competente en materia de conservación da natureza poderá establecer con carácter xeral as medidas para garantir que a recolla na natureza de exemplares das especies que figuran no anexo III non produzan afeccións negativas significativas no seu estado de conservación. Estas medidas poderán incluír:

-Disposicións relativas ao acceso a determinados sectores.

-A prohibición temporal ou local da recolla de espécimes na natureza e da explotación de determinadas poboacións.

-A regulación dos períodos ou de formas de recolla de espécimes.

-A aplicación, para a recolla de espécimes, de normas cinexéticas ou piscícolas que respecten a conservación das ditas poboacións.

TÍTULO V

Dos instrumentos de planificación.

Artigo 15º.-Dos plans.

1. A catalogación dunha especie implicará a elaboración dalgúns dos seguintes plans:

a) Plans de recuperación, para as especies en perigo de extinción.

b) Plans de conservación, para as especies vulnerables.

2. Os plans de xestión de especies catalogadas como ameazadas teñen como fin garantir a conservación das especies de flora e fauna que viven en estado silvestre no territorio da comunidade autónoma, dos seus hábitats e establecer as medidas adecuadas que permitan preservar, manter e restablecer as poboacións naturais facéndoas viables.

3. As recuperacións de especies acometeranse preferentemente a partir dos seus efectivos naturais. Cando se rexistren fenómenos de desaparición local ou ben a dita recuperación non sexa posible debido a razóns de tipo ecolóxico, poderá optarse polo reforzamento de poboacións sempre e cando estas accións se enmarquen nalgún dos plans de xestión anteriormente descritos e unha vez aprobados. Cando a dita recuperación non sexa factible debido á extinción da especie en Galicia, poderá optarse entón pola súa reintrodución logo da elaboración e aprobación dun plan de reintrodución.

4. A consellería competente en materia de conservación da natureza promoverá de oficio, en función do grao de ameaza, oportunidade e recursos dispoñibles, os traballos de planificación das especies catalogadas. Os interesados poderán promover a realización dos estudos de base e documentos de viabilidade e, se así o consideran, elevalos a modo de proposta á consellería.

5. A consellería competente en materia de conservación da natureza poderá integrar estes plans nun só de carácter horizontal para o suposto de que dúas ou máis especies ameazadas coexistan nun mesmo tipo de hábitat, requiran a adopción de medidas análogas de conservación ou protección ou existan razóns ecolóxicas que así o aconsellen. Neste caso denominaranse plans integrais seguido das tipificacións establecidas no punto 1 do presente artigo e ordenadas de maior a menor grao de requirimento. En todo caso, este plan precisará as especies a que se refira.

Artigo 16º.-Do contido dos plans.

1. Os plans de xestión de especies deberan conter, polo menos, unha parte relativa ao inventario e outra relativa á planificación.

2. Na parte relativa ao inventario faranse constar, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Antecedentes, razón e oportunidade do plan.

b) Estado legal: expresión do status legal de ameaza da especie ou especies obxecto de planificación, facendo referencia ao conxunto de disposicións de carácter autonómico, estatal ou comunitario que lle sexan de aplicación directa e que constituirán o marco legal para a súa xestión. Indicaranse outros preceptos legais de carácter sectorial na medida en que condicionen de forma substancial as medidas de xestión. Farase mención, se os houber, dos montes de propiedade pública incluídos na área de estudo.

c) Estado natural: expresará a área de distribución natural da especie; os parámetros e indicadores poboacionais que permitan inferir conclusións sobre o estado de conservación das poboacións, así como os parámetros ou indicadores sobre o estado de conservación do seu hábitat.

3. Na parte relativa á planificación farase constar polo menos os seguintes aspectos:

a) Finalidade e obxectivos: ademais da finalidade e obxectivo xeral, deberán definirse obxectivos específicos mensurables.

b) Zonificación: definiranse os lugares considerados como imprescindibles para a conservación e recuperación da especie, estruturándose tres tipos de zonas definidas como segue:

1. Área de distribución potencial: será a área que polas súas características naturais e estado de conservación reúne condicións como hábitat da especie. Formarán tamén parte da área de distribución potencial as áreas identificadas e verificadas como zonas de conexión entre os actuais núcleos de poboación.

2. Área de presenza: virá definida pola área onde a presenza de exemplares foi regular nos últimos cinco anos.

3. Áreas prioritarias de conservación: son áreas vitais para a supervivencia e recuperación da especie. Incorporarán, como mínimo, os enclaves do refuxio, celo, reprodución e alimentación utilizados pola especie en diferentes estacións. A conservación destas áreas será prioritaria.

c) Medidas de conservación da especie ou especies e de conservación e mellora do seu hábitat.

d) Investigación.

e) Información, educación ambiental e participación social.

f) Vixencia e revisión.

g) Anexos e planos.

Artigo 17º.-Do procedemento de aprobación dos plans.

1. A iniciación e a proposta de aprobación dos plans de xestión das especies catalogadas como ameazadas corresponde á consellería competente en materia de conservación da natureza. A elaboración do plan, que se iniciará mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, incluirá a consulta previa ás consellerías con competencias no ámbito do plan.

2. O documento elaborado someterase ao trámite de información pública e audiencia aos interesados cales comparezan no expediente.

3. Á vista das observacións e informes recibidos, a consellería competente en materia de conservación da natureza redactará unha proposta de plan, que se elevará ao Consello da Xunta para a súa aprobación mediante decreto.

4. Os plans someteranse á súa revisión periódica en función da problemática e características das especies e a súa modificación, se procede, seguirá o mesmo procedemento que a súa aprobación.

Artigo 18º.-Do acceso á información das especies catalogadas.

1. O dereito de acceso á información nesta materia axustarse ao disposto na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

2. Os datos relevantes sobre as mesmas poderán ser facilitados na medida na que isto non prexudique as condicións de tranquilidade e a supervivencia das especies máis ameazadas.

3. A información poderá ser denegada nos supostos previstos no artigo 13 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente. Neste senso e para os efectos do disposto no número 2, alínea h) deste artigo, considerarase información ambiental cuxa divulgación pode prexudicar o ambiente a información relativa á presenza de crías e reprodutores, á presenza de exemplares en áreas imprescindibles para o seu refuxio, alimentación e reprodución, á localización exacta dos lugares de cría ou outros datos substancialmente relevantes que poidan prexudicar ou poñer en perigo a súa supervivencia.

TÍTULO VI

Das infraccións e sancións

Artigo 19º.-Infraccións e sancións.

Ás infraccións cometidas contra as especies, subespecies e poboacións incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas seralle de aplicación o réxime das infraccións e sancións previsto no Título III da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Disposicions adicionais

Primeira.-Quedan catalogadas na categoría de «En perigo de extinción» as especies, subespecies e poboacións relacionadas no anexo I.

Segunda.-Quedan catalogadas na categoría de «Vulnerables» as especies, subespecies e poboacións relacionadas no anexo II.

Terceira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de conservación da natureza para ditar as disposicións necesarias que fagan posible a modificación, ampliación ou redefinición dos criterios técnicos establecidos no anexo V a fin de lograr unha mellora na súa aplicación para determinar o grao de ameaza dunha especie.

Cuarta.-A dirección xeral competente en materia de conservación dará publicidade na súa páxina web aos criterios que serviron de base para a catalogación das especies incluídas nos anexos deste decreto e dun extracto dos parámetros máis relevantes indicadores do seu estado de conservación.

Quinta.-A consellería competente en materia de conservación da natureza regulará, no prazo de dous anos desde a publicación deste decreto, o Rexistro de Especies de Interese Galego previsto no artigo 48 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Asemade, e neste mesmo prazo, creará e actualizará un catalogo de especies extintas en Galicia, referido ao período histórico, regulando os plans de reintrodución, de aplicación para as especies que o integren.

Sexta.-Os plans de manexo previstos para as especies de interese especial na Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza, desenvolveranse no decreto que regule o rexistro de especies de interese galego a que se fai referencia na disposición adicional quinta.

Os plans de protección do hábitat previstos para as especies sensibles á alteración do hábitat na Lei 9/2001, do 21 de agosto, non son obxecto de regulación neste decreto, tanto pola ausencia de criterios técnicos e obxectivos claros para poder integrar especies dentro desta categoría, como pola posibilidade da súa inclusión nas categorías regulamentadas neste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para dictar as disposicións necesarias e establecer as medidas que permitan normalizar a tenza de especies catalogadas obtidas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-Todas as persoas físicas ou xurídicas que, con anterioridade á data de entrada en vigor da Lei 9/2001, do 21 de agosto, tivesen no seu poder exemplares vivos, naturalizados, ou calquera elemento do ciclo vital das especies catalogadas, incluíndo as coleccións científicas, poden solicitar da consellería competente en materia de conservación da natureza o certificado que acredite a súa posesión legal. Para tales efectos habilítase un prazo de seis meses para exemplares vivos e dun ano para espécimes naturalizados ou elementos do seu ciclo vital.

Terceira.-As prohibicións previstas na alínea 1.c) do artigo 10 deste decreto non serán de aplicación a aqueles exemplares de especies catalogadas, así como aos seus propágulos e restos, que fosen recollidos antes da entrada en vigor do presente decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Co fin de continuar impulsando o emprego de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento da actividade da Xunta de Galicia e no exercicio das súas competencias, facúltase o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para ditar as disposicións necesarias e establecer as medidas que permitan o sustento en soporte informático do presente Catálogo de especies ameazadas.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

ANEXO V

Criterios para a inclusión de taxóns e poboacións no Catálogo galego de especies ameazadas

Categoría «en perigo de extinción» (E).

Para ser incluída nesta categoría debeu estar ou debe estar en regresión demográfica grave, coñecida ou inferida, nun pasado recente ou que esta regresión sexa predecible nun futuro próximo. Deberá de cumprir, polo menos, un dos seguintes criterios.

A. Declive da poboación. Axustarase a algún dos seguintes subcriterios:

1. Estímase que a súa poboación se reduciu, polo menos, nun 40% nos últimos 50 anos.

2. Avaliados os factores actuais de ameaza, e tendo en conta as medias de conservación adoptadas, estímase que a súa regresión no futuro pode ser de polo menos un 40% nos próximos 20 anos ou 5 xeracións.

3. Unha análise da viabilidade da poboación mostraría que a súa probabilidade de extinción na natureza será de, polo menos, un 20% nos próximos 20 anos ou 5 xeracións, seleccionando o maior valor de probabilidade de extinción.

B. Área de distribución. A área de presenza estimada diminuíu, polo menos, nun 75% nos últimos 50 anos, ou a súa área de ocupación reduciuse nun 50% no mesmo período. Deberá de cumprir, ademais, algún dos seguintes subcriterios:

1. A súa área de presenza sufriu un proceso de fragmentación e illamento.

2. Descenso continuo de:

a) Área de presenza.

b) Área de ocupación.

c) Superficie e/ou calidade do hábitat.

d) Número de localidades.

e) Número de individuos maduros.

3. Fluctuacións extremas de:

a) Área de presenza.

b) Área de ocupación.

c) Número de localidades.

d) Número de individuos maduros.

C. Tamaño da poboación. Deberá cumprir algún dos seguintes subcriterios:

A poboación actual é inferior ao 25% da que se estima que tería nunha situación favorable para a súa conservación, cando poida estimarse.

2. O número de exemplares maduros é inferior á cuarta parte da que podería existir de acordo coa capacidade de carga do seu hábitat.

3. A poboación do taxón é inferior á considerada como mínima viable efectiva.

D. Criterio de expertos. Sendo insuficiente a información disponible para aplicar os criterios anteriores, existe coincidencia entre técnicos en conservación e expertos en bioloxía da especie en que a súa situación é en perigo de extinción.

Categoría Vulnerables (V).

Debera cumprir, polo menos, un dos seguintes criterios:

A. Declive de poboación. Axustarase a algún dos seguintes subcriterios:

1. Estímase que a súa poboación se reduciu, polo menos, nun 20% nos últimos 50 anos.

2. Unha vez avaliados os factores actuais de ameaza e tendo en conta as medidas de conservación adoptadas, estímase que a súa regresión no futuro pode ser de polo menos un 20% nos próximos 20 anos ou 5 xeracións.

3. Unha análise da viabilidade da poboación mostraría que a probabilidade da súa extinción na natureza será de, polo menos, un 10% nos próximos 20 anos o 5 xeracións, seleccionando o maior valor de probabilidade de extinción.

B. Área de distribución. A área de presenza estimada diminuíu, polo menos, nun 50% nos últimos 50 anos, ou a súa área de ocupación reduciuse nun 25% no mesmo período e cumprindo ademais, polo menos, un dos seguintes subcriterios:

1. Presenta unha área de presenza fragmentada ou en proceso de fragmentación.

2. Descenso continuo da súa:

a) Área de presenza.

b) Área de ocupación.

c) Superficie e/ou calidade do hábitat.

d) Número de localidades.

e) Número de individuos maduros.

3. Fluctuacións extremas da súa :

a) Área de presenza.

b) Área de ocupación.

c) Número de localidades.

d) Número de individuos maduros.

C. Tamaño da poboación. Deberá cumprir algún dos seguintes subcriterios:

1. A poboación actual é inferior ao 50% da que se estima que tería nunha situación favorable para a súa conservación, cando está puider estimarse.

2. O número de exemplares maduros é inferior á metade dos cales poderían existir de acordo coa capacidade de carga do seu hábitat.

D. Características do taxón. O taxón ou poboación conta cuns efectivos ou área de ocupación moi reducida e presenta características biolóxicas limitantes (por exemplo baixa dispersión poboacional, dinámica poboacional flutuante, alta especialización ecolóxica e singularidade xeográfica).

E. Dependencia de conservación. Especies que melloraron no seu estado de ameaza grazas á aplicación de programas de conservación, cuxa detención suporía un risco de regresión xeográfica e poboacional, e con isto o seu paso á categoría de en perigo de extinción .

F. Criterio de expertos. Sendo insuficiente a información dispoñible para aplicar os criterios anteriores, existe coincidencia entre técnicos en conservación e expertos en bioloxía da especie en que a súa situación entra dentro da categoría vulnerables .

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI

ANEXO VII

Códigos estandarizados de excepcións ás normas de protección de especies ameazadas

O seguinte anexo foi elaborado tendo en conta os códigos xa existentes para as actividades e motivos previstos nas excepcións da directivas comunitarias 79/409/CEE e 92/43/CEE a fin de establecer unha terminoloxía homoxénea e de uso xeralmente aceptado por todos os países da Unión.

A) Códigos para definir o motivo.

Poderán quedar sen efecto as prohibicións do artigo 9, logo de autorización expresa da consellería competente en materia de conservación da natureza, cando concorran algunhas das seguintes circunstancias

-Código 10: se da súa aplicación derivan efectos prexudiciais.

-Código 11: para a saúde pública.

-Código 12: para a seguranza das persoas.

-Código 13: por razóns imperativas de interese público de primeira orde de carácter social.

-Código 14: por razóns imperativas de interese público de primeira orde de carácter económico.

-Código 15: por razóns imperativas de interese público de primeira orde beneficiosas para o ambiente.

-Código 30: para evitar danos graves.

-Código 31: para evitar danos graves aos cultivos.

-Código 32: para evitar danos graves ao gando.

-Código 33: para evitar danos graves aos bosques.

-Código 34: para evitar danos graves ás pesqueiras.

-Código 35: para evitar danos graves á calidade das augas.

-Código 37: para evitar danos graves a outras formas de propiedade.

-Código 40: para evitar prexuízos importantes para outras especies protexidas.

-Código 41: co fin de protexer a fauna silvestre.

-Código 42: co fin de protexer a flora silvestre.

-Código 43: co fin de protexer e de conservar os hábitats naturais.

-Código 50: cando sexa necesario para favorecer as especies protexidas mediante.

-Código 51: a investigación e educación.

-Código 52: a repoboación desas especies.

-Código 53: a reintrodución desas especies.

-Código 54: cando se precise para a cría en catividade, incluída a propagación artificial de plantas.

-Código 60: para permitir, en condicións de rigoroso control, con criterio selectivo e de forma limitada, a toma ou posesión dun número limitado e especificado polas autoridades nacionais competentes de determinados espécimes ou seu aproveitamento discreto.

-Código 61: Retención ou posesión.

-Código 62: Utilización, recolección ou aproveitamento discreto.

B) Códigos da actividade permitida.

a) Código 140: tratándose de plantas, a de calquera actuación que se leve a cabo có propósito de destruílas.

-Código 141: a recolla de plantas.

-Código 142: a recolección da súa sementes, polen ou esporas.

-Código 143: mutilalas, podalas ou cortalas.

-Código 144: arrincar exemplares completos ou parte deles.

-Código 145: A destrución do seu hábitat.

b) Código 30: tratándose de animais, incluídas larvas, ovos, a de calquera actuación feita co propósito de darlles morte.

-Código 30: sacrificio deliberado

-Código 31: morte con engados envenenados.

-Código 100: a recolla de ovos na natureza e a posesión deses ovos aínda que estean baleiros.

-Código 20: capturalos.

-Código 21: Captura para utilizar como chamariz.

-Código 22: captura para anelamento.

-Código 23: captura con rede.

-Código 24: captura con lazo.

-Código 25: captura con visgo.

-Código 26: captura con retención.

-Código 27: caixas trapela.

-Código 28: outros.

-Código 80: a perturbación deliberada das ditas especies en invernada, reproducción, muda, pasaxe, repouso e alimentación.

-Código 120: a deterioración ou destrucción dos lugares de reprodución ou das zonas de descanso, tratándose de aves, a recolla ou destrución de niños.

c) En ámbolos dous casos, posuír en catividade (Código 50), transportar (Código 130) e comercializar exemplares silvestres vivos ou mortos, así como seus propágulos ou restos (Código 10).

-Código 51: retención e asistencia de animais feridos.

-Código 111: vender, importar ou exportar.

-Código 112: o intercambio.

-Código 113: Expoñer para a venta.

-Código 114: a oferta con fins de intercambio.

d) Outras actividades prohibidas non encadradas nas anteriores (Código G).

-Código G1: Disecación, herborización ou calquera outra clase de conservación de especies catalogadas

-Código G2: Exhibición de exemplares disecados.


No hay versiones para esta norma