Decreto 89/2007, do 19 de abril, polo que se crea o consorcio Instituto de Estudos Turisticos de Galicia. - Diario Oficial de Galicia, de 09-05-2007

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 89
  • Fecha de Publicación: 09/05/2007
  • PDF de la disposición

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, segundo o teor do artigo 27.21º do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, e ao seu abeiro ditouse a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia, que fixou un marco legal para o desenvolvemento do sector turístico.

Pola súa parte, o artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e os artigos 149 ao 152 e o 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, prevén a creación dun consorcio cando a xestión dun convenio entre administracións públicas faga necesaria a creación dunha organización común.

O consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, que é unha entidade de dereito público de carácter interadministrativo, disporá dun patrimonio e unha personalidade xurídica propios, así como plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Sen prexuízo da integración na composición do consorcio das diferentes administracións, entidades públicas e universidades de Galicia, nel poderán participar outras entidades privadas vinculadas aos fins propios do consorcio.

A importancia económica do sector turístico en Galicia e a oportunidade de mellorar a capacidade competitiva das empresas turísticas exixe que as diferentes tarefas de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo precisen dunha acción conxunta das diferentes administracións e institucións implicadas, a través da configuración dun marco e un método específico e estable que permita levala a cabo con éxito.

Este consorcio concíbese como un instrumento executivo de esforzo combinado daquelas e a súa presenza foi corroborada polos acordos adoptados que se recollen no protocolo subscrito por todas as administracións e entidades colaboradoras.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día dezanove de abril de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación do consorcio.

1. Créase o consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia como ente asociativo dotado de personalidade xurídica propia, do cal formarán parte, nos termos previstos nos seus estatutos:

-A Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos centros directivos que teñan as competencias en materia de turismo e as de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I).

-A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.).

-A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo (Xacobeo, S.A.).

-A Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia.

-A Universidade de Santiago de Compostela.

-A Universidade da Coruña.

-A Universidade de Vigo.

2. Poderán formar parte do consorcio, con posterioridade á súa creación, outras entidades do sector turístico ou vinculadas aos fins do consorcio, logo de acordo por maioría do seu Consello de Dirección, sempre que sexan entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que estean interesadas nos seus obxectivos e fins.

Artigo 2º.-Obxecto.

O consorcio ten por obxecto contribuír ao desenvolvemento do sector turístico de Galicia, en especial no ámbito da investigación, e particularmente:

O estudo da capacidade competitiva das empresas turísticas e do sector turístico de Galicia.

O desenvolvemento de tarefas de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo.

A prestación de asistencia ás entidades e empresas vinculadas ao turismo orientada á mellora da calidade do sector, preferentemente no tocante á difusión dos seus servizos, á organización da produción, ao cumprimento da lexislación vixente, entre outros.

A participación na transferencia de resultados de investigación entre os centros públicos de investigación e as empresas vinculadas ao sector turístico.

O fomento e desenvolvemento de investigación cooperativa entre empresas.

A análise estatística do desenvolvemento do sector turístico e as súas necesidades.

A formación de formadoras ou formadores vinculados aos estudos turísticos, tanto desde o punto de vista teórico como práctico.

Calquera outra actividade orientada a mellorar a posición do sector turístico de Galicia no marco español e internacional.

Nos estudos, investigacións e estatísticas terase en conta o disposto polo artigo 20 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

Para o cumprimento do seu obxecto, o consorcio rexerase polos seus estatutos e axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico público.

Artigo 4º.-Dotación económica do consorcio.

A dotación económica do consorcio estará constituída por:

-A achega da Consellería de Innovación e Industria.

-As achegas do resto das entidades consorciadas.

-Outras achegas de entidades públicas ou privadas.

-As achegas obtidas pola prestación de servizos propios do consorcio.

-Os fondos obtidos para o desenvolvemento de proxectos con cargo a convocatorias de programas autonómicos, da Administración do Estado, europeos e internacionais de I+D+I.

Disposición adicional

Aprobación dos estatutos do consorcio. Apróbanse os estatutos que rexerán o consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, que figuran como anexo do presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento do presente decreto.

Facúltase o conselleiro de Innovación e Industria para ditar as ordes de desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de abril de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

ANEXO

Estatutos do consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia

Capítulo I

Denominación, obxecto e domicilio

Artigo 1º

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do conselleiro de Innovación e Industria, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.), a través do seu director xerente, a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo (Xacobeo, S.A.), a través do seu director xerente, a Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia (Ceosga), a través do seu presidente, e as tres universidades do Sistema Universitario Galego, a través dos seus respectivos reitores, acordaron a creación do consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, como entidade con personalidade xurídica propia, que se rexerá polo disposto nos presentes estatutos.

Artigo 2º

O Instituto de Estudos Turísticos de Galicia ten por obxecto contribuír ao desenvolvemento do sector turístico de Galicia, en especial no ámbito da investigación, e particularmente:

O estudo da capacidade competitiva das empresas turísticas e do sector turístico de Galicia.

O desenvolvemento de tarefas de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo.

A prestación de asistencia ás entidades e empresas vinculadas ao turismo orientada á mellora da calidade do sector, preferentemente no tocante á difusión dos seus servizos, a organización da produción, o cumprimento da lexislación vixente, entre outros.

A participación na transferencia de resultados de investigación entre os centros públicos de investigación e as empresas vinculadas ao sector turístico.

O fomento e desenvolvemento de investigación cooperativa entre empresas.

A análise estatística do desenvolvemento do sector turístico e as súas necesidades.

A formación de formadoras ou formadores vinculados aos estudos turísticos, tanto desde o punto de vista teórico como práctico.

Calquera outra actividade orientada a mellorar a posición do sector turístico de Galicia no marco español e internacional.

Artigo 3º

O Instituto de Estudos Turísticos de Galicia terá a súa primeira sede na Dirección Xeral de Turismo.

Capítulo II

Dotación do Instituto

Artigo 4º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Instituto disporá dos recursos seguintes:

-As achegas das entidades consorciadas.

-Calquera outra achega de entidades públicas ou privadas.

-As cantidades obtidas pola prestación dos servizos propios do Instituto.

-Os fondos obtidos para o desenvolvemento de proxectos con cargo a convocatorias de programas autonómicos, da administración do estado, europeos e internacionais de I+D+I.

2. Todos os bens, capitais e rendas do Instituto estarán adscritos ao cumprimento dos fins para que se crea o Instituto.

3. Constitúen o patrimonio do consorcio os bens e os dereitos que acheguen as entidades consorciadas, e os bens de carácter patrimonial e dereitos que adquira ou reciba por calquera título. O patrimonio quedará reflectido no inventario e nos estados financeiros correspondentes, que revisará e aprobará anualmente o consello de dirección.

Capítulo III

Goberno e representación do Instituto

Artigo 5º

A Comunidade Autónoma de Galicia, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia, S.A.), a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo (Xacobeo, S.A.), a Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia, as tres universidades do Sistema Universitario Galego e os demais membros consorciados, de acordo co disposto nos presentes estatutos, exercerán o goberno do Instituto mediante os órganos e coas atribucións dispostos nestes estatutos.

Artigo 6º

Son órganos de goberno do Instituto:

a) A presidencia.

b) O consello de dirección.

c) A dirección do consorcio.

Xunto a eles, e con carácter asesor, constituirase un consello científico.

Artigo 7º

1. A presidencia do Instituto corresponderá á persoa titular da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de turismo.

2. Son funcións da persoa titular da presidencia:

a) Representar institucionalmente o Instituto ante entidades, institucións e organizacións vinculadas ao sector turístico ou calquera outra relacionada co obxecto do Instituto.

b) Presidir o consello de dirección.

Artigo 8º

1. O consello de dirección é o máximo órgano de deliberación e goberno do Instituto. Correspóndelle a representación deste perante instancias xudiciais e/ou administrativas.

2. O consello de dirección está composto por:

a) A presidenta ou presidente, que será a persoa titular da presidencia do Instituto ou aquela en que delegue.

b) A vicepresidenta ou vicepresidente, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Turismo ou a persoa en quen delegue.

c) Nove vogais: unha ou un representante da Dirección Xeral de Turismo, con rango de subdirectora ou subdirector xeral, ou a persoa en quen delegue; a persoa titular da Dirección Xeral de I+D+I ou aquela en que delegue, a directora ou director xerente de Turgalicia, S.A. ou a persoa en quen delegue; a directora ou director xerente da sociedade Xacobeo, S.A. ou a persoa en quen delegue, dúas ou dous representantes da Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia, e unha ou un representante por cada universidade.

d) A persoa titular da dirección do Instituto.

e) A persoa titular da secretaría, con voz pero sen voto, que será funcionaria ou funcionario da consellería competente en materia de turismo, designado pola persoa titular da presidencia do consello de dirección.

3. O consello de dirección pode funcionar en pleno ou a través dun comité executivo, que estará composto pola persoa titular da vicepresidencia, a persoa titular da dirección do Instituto, a subdirectora ou subdirector xeral de Turismo ou a persoa en quen delegue, a persoa titular da dirección xeral de I+D+I ou aquela en que delegue, un representante do sector privado designado pola Confederación de Empresarios de Hostalaría de Galicia e a persoa titular da secretaría do consello de dirección.

4. Son funcións do consello de dirección:

a) Velar polo cumprimento dos presentes estatutos e dos fins do consorcio.

b) Aprobar a programación anual do Instituto e modificala se for necesario.

c) Aprobar os orzamentos do Instituto e os resultados económicos deste.

d) Establecer as liñas de investigación do Instituto e as bases da actuación deste en I+D+I, así como supervisar os plans e proxectos de investigación do Instituto.

e) Aprobar o regulamento de funcionamento interno do Instituto e cantos resulten necesarios para o seu bo desenvolvemento.

f) Nomear a persoa titular da dirección do Instituto e, se for o caso, destituíla.

g) Admitir novos membros do Instituto.

h) Aprobar a modificación dos presentes estatutos e a disolución do consorcio, se for o caso.

Artigo 9º

1. A dirección do Instituto é o órgano unipersoal de goberno do Instituto, cuxo titular é nomeado polo consello de dirección por períodos de catro anos renovables. A directora ou director cesará no seu cargo á fin do seu mandato ou anticipadamente, ben por petición propia ben por acordo da maioría absoluta do consello de dirección.

2. Son funcións da persoa titular da dirección do Instituto:

a) Dirixir o Instituto e coordinar as súas actividades, de acordo coa programación anual aprobada polo consello de dirección.

b) Executar os acordos do consello de dirección.

c) Supervisar a boa marcha dos servizos do Instituto e dirixir o seu persoal.

d) Realizar cantas actividades de administración e xestión requira o cumprimento dos fins do Instituto, sempre que estean previstas no orzamento e o seu importe acumulado dentro de cada exercicio económico non supere o 10 por 100 dos recursos ordinarios.

e) Exercer todas as funcións que non estean expresamente atribuídas á persoa titular da presidencia do Instituto ou ao consello de dirección, así coma aquelas outras que eses órganos lle deleguen expresamente.

Artigo 10º

O consello científico é un órgano representativo do sector turístico con funcións de asesoramento, información e proposición ao consello de dirección. Os seus membros serán nomeados polo consello de dirección entre persoas de recoñecido prestixio.

Capítulo IV

Funcionamento do Instituto

Artigo 11º

O Instituto ten personalidade xurídica propia e goza de plena capacidade xurídica e de obrar, sen outras limitacións que as establecidas nas leis. Para o cumprimento dos seus fins rexerase polo disposto nos presentes estatutos e axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico público.

Artigo 12º

1. O consello de dirección do Instituto reunirase cando así o dispoña a presidenta ou presidente, por propia iniciativa ou pola solicitude motivada de polo menos unha terceira parte dos seus membros. Con carácter ordinario reunirase, en todo caso, dúas veces ao ano.

2. As sesións do consello de dirección deberán ser convocadas cunha anticipación mínima de dous días, salvo que haxa circunstancias de urxencia que requiran dun prazo menor, mediante comunicación dirixida pola persoa titular da secretaría aos seus membros.

3. Considerarase debidamente constituído o consello coa asistencia da persoa titular da presidencia, ou daquela en que delegue, da secretaria ou secretario e cinco dos seus membros, salvo que os presentes estatutos dispoñan un quórum de constitución diferente.

4. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos das persoas asistentes, agás que nos estatutos se dispoña outra cousa.

Artigo 13º

1. O comité executivo exercerá as funcións de goberno do Instituto que lle encomende o consello de dirección.

2. O comité reunirase cando o aconselle o volume de asuntos a tratar. Será válida a súa constitución cando estean presentes polo menos as persoas titulares da vicepresidencia, da dirección do Instituto e da secretaría.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos das persoas asistentes.

Artigo 14º

O consello científico reunirase polo menos unha vez cada ano, ou cando así o solicite o consello de dirección.

Artigo 15º

A actuación do consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia queda, para os efectos de procedemento e recursos, sometida ao réxime de administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Unicamente os acordos do consello de dirección esgotan a vía administrativa.

Capítulo V

Persoal

Artigo 16º

O persoal do consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia poderá estar integrado por:

Persoal propio do consorcio, de carácter laboral.

Persoal que, de acordo coa normativa vixente, poidan adscribir as entidades públicas consorciadas, calquera que for o réxime da súa relación laboral.

Capítulo VI

Réxime económico e financeiro do Instituto

Artigo 17º

1. O réxime económico-financeiro do consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galicia é o que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, coas particularidades previstas nestes estatutos.

2. O control económico do consorcio realizarase de acordo co que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Non obstante, o consello de dirección establecerá o sistema de control interno de todos os actos e documentos de que poidan derivar dereitos e obrigas de contido económico, de acordo coas disposicións que sobre a materia dite a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 18º

1. O exercicio económico será anual e coincidirá co ano natural.

2. O orzamento do Instituto, que será aprobado polo consello de dirección, comprenderá:

a) Os ingresos e gastos ordinarios de xestión, nos cales se baseará o desenvolvemento das actividades do Instituto.

b) Os ingresos e gastos de investimento, cando deban realizarse para o normal desenvolvemento das actividades do Instituto.

Artigo 19º

1. O Instituto axustará a súa actividade contable ao disposto na normativa vixente, así como ás instrucións que dite a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

2. Os libros estarán ao dispor dos membros do consello de dirección na sede do Instituto.

Artigo 20º

O Instituto disporá de plena capacidade de disposición de fondos en calquera entidade financeira, sendo precisa a sinatura mancomunada da persoa titular da dirección do Instituto e dunha persoa responsable de asuntos económicos designada polo consello de dirección.

Artigo 21º

O réxime de contratación e patrimonial do consorcio rexerase polo que dispón a normativa en materia de contratos das administracións públicas e demais normativa que sexa de aplicación.

Capítulo VII

Extinción do Instituto

Artigo 22º

1. A extinción do Instituto require o acordo por maioría absoluta do consello de dirección, reunido en sesión extraordinaria coa asistencia de dúas terceiras partes dos seus membros.

2. Declarada a extinción do Instituto, procederase á liquidación do consorcio. Nomearase para tal efecto unha comisión liquidadora. O patrimonio liquidado destinarase á realización de actividades que se correspondan cos fins que tiña asignados o consorcio.

3. O destino dos bens inventariables será o seguinte:

-Tratándose de bens fornecidos por unha soa entidade fundadora reverterán a ela automaticamente.

-Se os bens foron fornecidos por algunhas das entidades fundadoras e formaren un conxunto inseparable, corresponderán a aquela entidade que tiver achegado a porción de maior valor, a cal deberá indemnizar as demais polo importe do valor das súas achegas actualizadas ao momento da extinción.

Capítulo VIII

Modificación dos estatutos

Artigo 23º

A modificación dos presentes estatutos será competencia do consello de dirección e requirirá a aprobación da maioría absoluta dos seus membros.


No hay versiones para esta norma