DECRETO 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento., - Diario Oficial de Galicia, de 30-03-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 63
  • Fecha de Publicación: 30/03/2012
  • PDF de la disposición
  • Este documento NO tiene versiones

Preámbulo

En uso da competencia exclusiva que o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía lle recoñece á Comunidade Autónoma galega, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que define e regula o sistema galego de servizos sociais como servizo público, destinado a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos estratéxicos do sistema. A propia lei, que foi o resultado dun amplo proceso de participación e dos traballos realizados no marco do diálogo social de Galicia, no seu artigo 3, concreta eses obxectivos, que perfilan o ámbito propio dos servizos sociais: facilitar recursos e itinerarios de inclusión social, garantir a autonomía persoal das persoas dependentes, brindar protección e oportunidades sociais e educativas aos menores, facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e, en xeral, ademais, previr a aparición de situacións de exclusión, dependencia, desigualdade ou desprotección dos máis vulnerables.

Así mesmo, a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, configura, no seu título I, o sistema para a autonomía e atención á dependencia como «unha rede de utilización pública que integra, de forma coordinada, centros e servizos, públicos e privados», regula as prestacións do sistema e prevé un catálogo de servizos que, de acordo co seu artigo 3, se deben integrar nos sistemas de servizos sociais das comunidades autónomas, no ámbito das competencias que teñen asumidas.

A Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, estrutura o sistema galego de servizos sociais en forma de rede, en dous niveis de actuación, comunitaria e especializada, e con carácter xeral correspóndelles aos concellos a competencia na creación e xestión dos servizos sociais comunitarios. Estes, pola súa vez, diferéncianse en dous subniveis: servizos sociais comunitarios básicos e servizos sociais comunitarios específicos, sendo os primeiros unha exixencia universal para a Administración local galega e un elemento clave para garantir o acceso ao sistema galego de servizos sociais. Nese nivel básico cómpre salientar o importante grao de implantación logrado en Galicia por varios programas e servizos fortemente consolidados, tales como os ata agora denominados de información e orientación, de axuda no fogar e de educación familiar. O segundo dos citados, ademais, recentemente reforzado a partir da súa catalogación como recurso incluído dentro do sistema de atención á dependencia que establece a citada Lei 39/2006, do 14 de decembro, lei que identifica un conxunto de servizos e prestacións que, posteriormente, a Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, integra como parte nuclear do sistema galego de servizos sociais.

O desenvolvemento dos servizos sociais experimentado en Galicia no último decenio foi clave, pola súa vez, na configuración normativa dos que a Lei 13/2008 identifica e define como servizos sociais comunitarios específicos. Estes servizos, tamén de proximidade e de competencia local, enfocados a colectivos afectados por determinadas problemáticas, foron facéndose realidade na aparición de centros de natureza local e comunitaria, pero centrados nesas necesidades específicas. Centros de día, albergues, ludotecas, etc., así como servizos e programas específicos de intervención adaptados a diversas situacións e colectivos, foron completando e enriquecendo a rede de servizos sociais comunitarios. A este respecto, de conformidade co disposto no artigo 64 da Lei 13/2008, correspóndelle á Xunta de Galicia promover unha efectiva coordinación e cooperación cos concellos, co fin de asegurar a calidade e cobertura equilibrada dos servizos sociais en todo o territorio, especialmente no que atinxe á creación e ao mantemento de servizos sociais comunitarios específicos, promovendo para estes efectos fórmulas de colaboración interadministrativa.

Este decreto, así mesmo, adáptase ao marco normativo derivado da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, relativa aos servizos no mercado interior, e á Lei estatal 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e ao seu exercicio, que efectúa a transposición da dita directiva ao ordenamento xurídico español. Nese sentido cómpre indicar que se mantén o réxime de autorización, como garantía necesaria para a prestación dos servizos sociais regulados, fundamentada en razóns de interese público e na protección de intereses e dereitos das persoas destinatarias das intervencións sociais realizadas nos servizos sociais comunitarios, acolléndose á excepción de aplicación estipulada no artigo 2, letra j) da dita lei, que expresamente cita os «servizos sociais relativos a atención á infancia e a familias e persoas temporal ou permanentemente necesitadas, provistos directamente polas administracións públicas ou por prestadores privados na medida en que os ditos servizos se presten en virtude de acordo, concerto ou convenio coa dita Administración».

A súa natureza de servizo público e o interese público determinante para o mantemento dun réxime de autorización administrativa sobre a prestación privada expresado no parágrafo anterior, implica a posibilidade de que a Administración titular do servizo poida contratar a xestión de determinados servizos sociais comunitarios mediante as diferentes modalidades previstas na normativa de aplicación sobre contratos do sector público. En relación con isto o decreto incorpora a vontade expresada de maneira unánime polo Parlamento de Galicia na súa resolución do 14 de maio de 2010 mediante a cal insta o Goberno da Xunta a incorporar cláusulas sociais na súa contratación pública, aspecto este que xa establece o artigo 33 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia. Así mesmo, na disposición adicional cuarta deste decreto incorpórase o principio relativo á conveniencia de reserva dunha parte da contratación pública das administracións titulares dos servizos sociais comunitarios a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral, aspecto este que xa incorporou, no que atinxe á Administración autonómica galega, o artigo 35 da Lei 15/2010, de medidas fiscais e administrativas, promulgada como lei de acompañamento da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. Desta maneira as administracións públicas, ademais de fomentar as actuacións de terceiros a prol da inclusión social, materializan na súa propia actuación un compromiso efectivo nesa mesma dirección.

No presente decreto, ademais de definir e regular os aspectos básicos de contido e funcionamento dos servizos sociais comunitarios, establécense criterios para a dotación de persoal deses servizos e séntanse as bases para unha adecuada coordinación operativa entre os servizos sociais comunitarios e o resto do sistema galego de servizos sociais. Para tal fin é de singular relevancia dar apoio legal a un sistema unificado de información sobre as persoas usuarias, que permita aos profesionais e xestores do sistema galego de servizos sociais unha maior coherencia e eficacia nas súas intervencións. É especialmente relevante indicar que o deseño dese sistema unificado de información básica, que será o soporte do expediente social único que a lei define, é perfectamente acorde coa normativa en vigor sobre protección de datos de carácter persoal, por tratarse precisamente dun suposto en que a comunicación de datos se realiza entre administracións públicas «para o exercicio de competencias idénticas ou que versen sobre as mesmas materias», tal como expresa o artigo 10.4.c) do Real decreto 1720/2007, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de novembro, de protección de datos de carácter persoal.

Cómpre salientar que neste decreto se regula un novo marco para o financiamento dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal, de maneira que se melloran aspectos clave para as facendas locais, como son a continuidade e estabilidade, así como a economía procesual e consecuente celeridade na xestión dos pagamentos. Para iso prodúcese un cambio desde un procedemento baseado na convocatoria anual de subvencións a outro de transferencias de ciclo anual, de acordo co procedemento que este decreto regula, garantindo, en todo caso, unha transición que non prexudique a calidade e a continuidade duns servizos fundamentais prestados á cidadanía polas corporacións locais. Esas transferencias, no caso do servizo de axuda no fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia valorada e con dereito recoñecido de atención, realizaranse de maneira regular en función das horas de atención efectivamente prestadas, para o cal se empregará un sistema de información compartido entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais titulares dos servizos.

Ese cambio de sistema de financiamento baséase na aplicación da excepción prevista no artigo 2.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así, unha vez que este decreto regula esta materia, e dada a estrutura competencial do sistema galego de servizos sociais, tanto desde a perspectiva da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, como desde a lexislación estatal e galega de réxime local, estamos ante un dos supostos a que se refire o citado artigo 2.2.d): «achegas en diñeiro a favor doutras administracións públicas (..) establecidas mediante norma legal ou regulamentaria e destinadas a financiar actividades da súa competencia ou impostas por unha norma da Administración outorgante».

Este novo sistema de financiamento implántase sen prexuízo da necesaria planificación, coordinación, avaliación e control dos servizos executados, labor este que corresponde ao ámbito competencial da Xunta de Galicia, como garante última do funcionamento do sistema galego de servizos sociais. Ademais, cómpre asegurar a boa xestión dos fondos públicos destinados aos servizos sociais e dar resposta aos requisitos de información da Administración xeral do Estado nas liñas de actuación en que actúe como cofinanciadora, tales como o denominado Plan concertado para o desenvolvemento de prestacións básicas de servizos sociais de corporacións locais, os créditos para proxectos de intervención social integral para a atención, prevención da marxinación e inserción do pobo xitano e os créditos para a atención a persoas en situación de dependencia en aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.

Neste decreto, ademais, establécense novas regras de cálculo para o copagamento dos servizos. Concretamente, no servizo de axuda no fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia que teñen o dereito de atención recoñecido, establécese un copagamento directamente vinculado á capacidade económica das persoas, o que permite evitar disparidades entre os diferentes puntos do territorio, así como conferir sustentabilidade ao sistema, ao supoñer un incremento das cantidades recadadas en concepto de participación progresiva e equitativa das persoas usuarias no financiamento do servizo que reciben. Igualmente, regúlanse as regras para o establecemento da participación económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar (SAF) de carácter básico e doutros servizos susceptibles de incorporar un sistema de copagamento, o que mellorará a viabilidade financeira do sistema.

Débese indicar que este decreto, ademais de desenvolver a Lei 13/2008 sobre o réxime de financiamento, recolle os obxectivos expresados no pacto local, no cal se apuntan, entre outros obxectivos, o «establecemento dos mecanismos que permitan a transferencia automática aos entes locais das cantidades que anualmente lles correspondan en concepto de cota fixa polo Plan Concertado de Servizos Sociais, coa inclusión neste ámbito do mantemento dos centros de servizos sociais».

O presente decreto estrutúrase en oito capítulos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións transitorias, tres disposicións derrogatorias e tres derradeiras. Complétase, ademais, con catro anexos de carácter técnico.

O capítulo primeiro aborda os aspectos de carácter xeral, tales como o obxecto da norma, a natureza dos servizos que se regulan e as regras xerais sobre as formas de prestacións dos servizos sociais comunitarios.

O capítulo segundo define o cadro de dereitos e deberes das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios, tomando como punto de partida aqueles que a propia Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, define en xeral para o sistema galego de servizos sociais.

O capítulo terceiro, dividido en cinco seccións, dedícase en particular aos servizos sociais comunitarios que a dita Lei 13/2008 define como básicos. Desta maneira, na sección primeira, dedicada aos aspectos xerais e comúns, defínese a súa natureza e establécense os mínimos que debe reunir un centro municipal de servizos sociais comunitarios básicos. Ademais, nesta sección, regúlase o contido e alcance destes servizos básicos, para o que no artigo oito se definen as súas funcións e, no artigo nove, faise inventario dos programas e servizos deste nivel, definición na cal se subsumen as chamadas «prestacións básicas» do antes citado Plan concertado para o desenvolvemento de prestacións básicas de servizos sociais de corporacións locais.

A sección segunda do capítulo terceiro aborda a natureza e contido do Programa de valoración, orientación e información, que é a garantía de acceso universal ao sistema galego de servizos sociais. A sección terceira dedícase ao servizo de axuda no fogar (SAF), no cal se articulan dúas modalidades de acceso e intensidade prestacional: a das persoas con dereito recoñecido no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e a atención que o servizo presta a outras persoas e unidades de convivencia en situación de risco ou vulnerabilidade. A sección cuarta establece unha serie de disposicións relativas ao denominado servizo de educación e apoio familiar, de maneira que queda plena e coherentemente integrado na rede de servizos sociais comunitarios. E por fin, na sección quinta, abórdanse outros dous programas básicos: o de inserción social e o de fomento da cooperación e da solidariedade social.

No capítulo IV do presente decreto desenvólvense os servizos que a Lei 13/2008, no seu artigo 12, define como servizos sociais comunitarios específicos. Nos artigos 25 e 26 establécese a natureza e funcións destes servizos, desde a perspectiva da súa articulación, dentro do sistema galego de servizos sociais, cos servizos sociais comunitarios básicos e cos servizos sociais especializados. Así, inclúense nesta categoría de servizos os centros de inclusión e emerxencia social, os centros de día, os centros ocupacionais, así como outros programas desenvolvidos por equipos técnicos tales como os equipos de inclusión social, recursos específicos para favorecer a conciliación familiar ou a igualdade, etc. Ademais, pola súa importancia a partir da implantación do catálogo de recursos para a atención a persoas en situación de dependencia a que a citada Lei 39/2006 recoñece un dereito de atención, precísase para os ditos efectos, no artigo 27, que tipo de centros de día forman parte da rede pública de atención á dependencia en Galicia.

A cuestión da distribución de competencias é a materia que aborda o capítulo quinto. En desenvolvemento da Lei 13/2008, distínguese entre o nivel mínimo obrigatorio para as corporacións locais, que é o de servizos sociais comunitarios básicos, e o nivel de servizos sociais comunitarios específicos, para o que a mesma lei posibilita outras fórmulas de xestión, entre as que salienta a xestión mediante fórmulas de colaboración interadministrativa de adhesión voluntaria. Neste capítulo, ademais, especifícanse as competencias das deputacións provinciais e da Xunta de Galicia en relación coa rede de servizos sociais comunitarios de titularidade municipal. Neste punto o decreto concreta os principios contidos na Lei 13/2008, de maneira que se establece que as deputacións provinciais darán apoio aos concellos de menor capacidade financeira para que garantan a prestación dos servizos sociais comunitarios básicos relacionados no artigo 9 deste decreto, priorizando o financiamento ao servizo de axuda no fogar básico para concellos de menos de 20.000 habitantes así como o apoio na contratación de perfís profesionais diferentes ao traballador social de referencia nos ditos concellos.

No capítulo sexto, que se complementa nos seus aspectos técnicos mediante os anexos I e II, recóllense os criterios de referencia para a dotación dos recursos humanos que forman a rede de equipos técnicos necesaria para a prestación dos servizos sociais comunitarios básicos. Desta maneira, mentres non se desenvolvan os instrumentos de planificación que a Lei 13/2008 establece no seu título IV, especialmente o mapa galego de servizos sociais e o Plan Estratéxico de Servizos Sociais, as administracións públicas concernidas contarán cuns criterios obxectivos para determinar o financiamento dos servizos. A planificación de referencia será o instrumento de carácter público e transparente para a toma de decisións sobre as variacións do financiamento para persoal técnico dos equipos de servizos sociais comunitarios.

No capítulo sétimo establécense elementos e criterios para consolidar unha efectiva integración dos servizos sociais comunitarios no sistema galego de servizos sociais. Resulta de especial relevancia o desenvolvemento da figura do profesional de referencia, do expediente social único e do sistema de información básica, que habilitará á Administración competente para desenvolver unha plataforma de información e xestión de prestacións sociais unificada e coherente.

Finalmente, no capítulo VIII, establécense as novas regras e procedementos para o financiamento dos servizos sociais comunitarios mediante transferencias de ciclo anual.

Declara o artigo 41 que poderán ser beneficiarias das transferencias para o financiamento destes servizos as corporacións locais de Galicia titulares dos servizos sociais comunitarios, diferenciándose entre transferencias correntes e transferencias de capital. Estas poderán ter como finalidade novos investimentos en centros de servizos sociais, o seu equipamento ou a adaptación e mellora da accesibilidade das instalacións. As transferencias correntes enfócanse ao financiamento dos gastos de persoal, indemnizacións por razón de servizo e formación, servizos de axuda no fogar nas súas dúas modalidades e sostemento doutros programas de actuación comunitaria.

O artigo 42 establece as regras de competencia no procedemento regulado e crea, no seu punto terceiro, a comisión de análise e avaliación técnica. Pola súa banda, o artigo 43 esténdese no procedemento, cos seus tempos e documentos básicos, de maneira que o día 5 de febreiro de cada anualidade se establece como a data de referencia para a presentación tanto da xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais do ano anterior, como o novo proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais para a anualidade en curso. Os documentos constitutivos da xustificación e avaliación e do novo proxecto detállanse nos artigos 44 e 45, respectivamente.

No que a gasto corrente se refire e nos conceptos que o artigo 47 recolle -diferentes ao servizo de axuda no fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia-, a técnica adoptada neste decreto implica dúas fases no proceso de transferencia de fondos. No primeiro cuadrimestre do correspondente exercicio farase unha transferencia adiantada do 50% da cantidade financiada no exercicio inmediatamente anterior. Nunha segunda fase, unha vez analizado o proxecto anual e a xustificación e avaliación do anterior exercicio, e determinado para cada concello o nivel de financiamento que corresponda, realizarase unha segunda transferencia pola cantidade restante.

No artigo 48 regúlanse os criterios para posibles variacións no financiamento de gastos correntes. Esas variacións axústanse a regras e prioridades obxectivas que o artigo fai explícitas e que a comisión de análise e avaliación técnica deberá aplicar: a primeira prioridade é a compensación ou o axuste con relación aos desvíos observados con respecto aos anexos de planificación e ratios de cobertura de persoas e servizos de axuda no fogar, de maneira que esta norma sirva para ir acadando unha real equiparación territorial. En segundo lugar, tamén se poderán iniciar actuacións novas, que dinamizarán e enriquecerán os servizos sociais comunitarios, para as cales o artigo establece uns criterios de valoración.

A documentación necesaria, os criterios de asignación de fondos e a forma de pagamento e xustificación do financiamento para investimentos de capital, que difiren dos de gasto correntes, regúlanse, respectivamente, nos artigos 46, 49 e 53. O artigo 49 establece que este financiamento se deberá axustar ao mapa galego de servizos sociais que se publique en aplicación do artigo 44.2 da Lei 13/2008. Mentres non se realice esa publicación, tal e como se regula no réxime transitorio deste decreto, o procedemento previsto no decreto no referente a investimentos de capital non será de aplicación, polo que o procedemento normal para a asignación de fondos ás corporacións locais para construción, equipamento, reformas e adaptacións de centros se deberá axustar a un réxime de concorrencia competitiva.

O artigo 54 estipula as obrigas das corporacións locais beneficiarias do financiamento e os artigos 55 e 56 versan sobre as causas e o procedemento de reintegro das cantidades indebidamente percibidas ou xustificadas, procedemento que se articula de maneira complementaria coa posibilidade de compensación de remanentes recollida no artigo 52.4 deste decreto.

O artigo 58 regula o financiamento, pagamento e xustificación dos servizos de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia valorada con dereito de atención recoñecido e o artigo 59 establece criterios de determinación do cálculo da capacidade económica das persoas usuarias do dito servizo, criterios que remiten á lexislación estatal e galega que desenvolve a atención ás persoas en situación de dependencia. Pola súa vez, o artigo 60 establece as regras de cálculo para persoas usuarias doutros servizos nos cales se aplique o copagamento, cuestión que afectará, de maneira especial, as persoas usuarias do servizo de axuda no fogar na súa modalidade básica ou de libre concorrencia.

E, por último, os artigos 61 e 62 establecen os criterios progresivos de participación das persoas usuarias no financiamento dos servizos, en aplicación do principio que establece tanto o artigo 56 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, como o artigo 33 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

En virtude do anteriormente exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do dezaseis de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto do presente decreto é a regulación, como servizo público, dos contidos, estrutura, tipoloxía, réxime xurídico e financiamento dos servizos sociais comunitarios como parte fundamental do sistema galego de servizos sociais definido no artigo 2 e seguintes da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 2. Natureza dos servizos sociais comunitarios.

1. De acordo co expresado no artigo 9 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, os servizos sociais comunitarios, de carácter predominantemente local, están referidos a un territorio e a unha poboación determinados e constitúen o punto de acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais.

2. Os servizos sociais comunitarios garanten:

a) O dereito de acceso universal ao sistema galego de servizos sociais nos termos recoñecidos no artigo 5 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

b) A proximidade ás persoas usuarias e ás súas familias.

c) O carácter integrador e coordinado de toda intervención social realizada con persoas ou grupos diversos.

d) A intervención social personalizada nun contorno normalizado e, cando sexa o caso, a prescrición técnica para a derivación ao servizo social especializado máis idóneo ou a outros sistemas de protección social.

e) A prevención comunitaria dos problemas sociais.

f) A promoción e organización da solidariedade social na comunidade en que actúan.

3. Os servizos sociais comunitarios poden ter a consideración de básicos ou específicos e son, con carácter xeral, servizos públicos de competencia municipal, de acordo co estipulado nos artigos 8 e 60 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, sen prexuízo da competencia da Xunta de Galicia en relación con certos servizos sociais comunitarios específicos cando así se xustifique no Plan Estratéxico de Servizos Sociais, nos termos establecidos no artigo 59.i) da citada lei.

4. Os servizos sociais comunitarios están sometidos ao réxime de control e garantía establecido no título VIII da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, de acordo co establecido neste decreto.

Artigo 3. Formas de prestación dos servizos sociais comunitarios.

1. Os servizos sociais comunitarios prestaranos as administracións públicas competentes, ben directamente ou ben a través das diferentes modalidades de contratación da xestión de servizos públicos previstas na normativa vixente de contratos do sector público e de conformidade coas especificidades estipuladas na Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e no presente decreto para os diferentes servizos e programas que aquí se regulan.

2. Para os efectos do estipulado no número anterior, na adxudicación de contratos de xestión de servizos sociais comunitarios polas entidades locais observarase o disposto no artigo 33 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, no relativo á introdución nos correspondentes pregos de cláusulas administrativas particulares da preferencia na adxudicación, en igualdade de condicións, a empresas con maior porcentaxe de persoas con discapacidade, empresas de inserción e entidades sen ánimo de lucro debidamente rexistradas ou autorizadas para prestar os servizos de que se trate, sempre e cando a súa finalidade ou actividade teña unha relación directa co obxecto do contrato.

3. En virtude do establecido no artigo 29.2 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e sen prexuízo dos principios de responsabilidade pública e complementariedade, as persoas físicas e xurídicas privadas, de iniciativa social ou de carácter mercantil poderán actuar, dentro dos límites establecidos neste decreto, como entidades prestadoras de servizos sociais para xestionar centros ou desenvolver programas neste nivel de atención previa á correspondente autorización administrativa.

4. Así mesmo, no marco do establecido no artigo 31 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, as administracións públicas poderán fomentar mediante subvencións o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios a entidades de iniciativa social previamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais referido no artigo 67.1 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, atendendo ao seu interese social, calidade, carácter innovador, eficiencia e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

CAPÍTULO II

Dos dereitos e deberes das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios.

Artigo 4. Dereitos das persoas usuarias.

No marco do establecido no artigo 6 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, as persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios terán dereito:

a) A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.

b) A accederen e utilizaren os servizos en condicións de igualdade e non discriminación.

c) A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.

d) A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e comprensible sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar social.

e) A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.

f) A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.

g) Ao tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

h) A coñeceren a situación do seu expediente.

i) A seren informadas, de maneira clara e precisa, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.

j) Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestións á persoa coordinadora dos servizos sociais comunitarios.

k) Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade dos servizos sociais comunitarios desde a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.

Artigo 5. Deberes das persoas usuarias.

a) As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:

b) Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.

c) Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideren resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.

d) Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e pondo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.

e) Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.

f) Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.

g) Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.

h) Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.

i) Participar no pagamento dos servizos naqueles supostos concretos que se establezan neste decreto e nas normas municipais reguladoras correspondentes que o desenvolvan.

j) A comunicar con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.

CAPÍTULO III

Dos servizos sociais comunitarios básicos

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 6. Natureza dos servizos sociais comunitarios básicos.

1. De acordo co establecido no artigo 10 da Lei 13/2008, os servizos sociais comunitarios básicos teñen un carácter local, aberto e polivalente e constitúen a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais con que se garante a universalidade do sistema e a súa proximidade ás persoas usuarias, ás familias e ao ámbito comunitario.

2. Os servizos sociais comunitarios básicos desenvolveranse, con carácter xeral, desde os centros de servizos sociais de carácter polivalente, por medio de equipos interdisciplinares e coas dotacións mínimas de referencia establecidas neste decreto.

Artigo 7. Requisitos xerais dos centros de servizos sociais comunitarios básicos.

1. Sen prexuízo da súa adaptación funcional e arquitectónica ás características e planificación territorial de cada concello, os centros de servizos sociais comunitarios básicos reunirán os seguintes requisitos xerais:

a) Contarán cun espazo separado que permita a privacidade nas entrevistas e xuntanzas necesarias para a intervención social individualizada.

b) Contarán cun espazo de reunións proporcionado as características e dimensión da poboación atendida.

c) Asegurarán a posibilidade de atención de persoas con mobilidade reducida.

d) Contarán con conexión telefónica e á rede internet.

e) Permitirán o arquivo e custodia dos expedientes de acordo cos requisitos de confidencialidade que se establecen na normativa de aplicación sobre protección de datos de carácter persoal.

2. Para todos os efectos, serán centros de servizos sociais comunitarios os centros sociais de titularidade municipal que, desenvolvendo de maneira principal actividades dirixidas a determinados colectivos, sirvan, ademais, de instalación de referencia para a atención ao público que demanda os servizos sociais comunitarios básicos, sempre que cumpran os requisitos mínimos establecidos no punto anterior.

3. O centro de servizos sociais comunitarios básicos poderá, así mesmo, integrarse dentro das dependencias municipais da casa do concello, sempre que se asegure o cumprimento dos requisitos mínimos establecidos no punto primeiro deste artigo.

Artigo 8. Funcións dos servizos sociais comunitarios básicos.

No marco do establecido no artigo 11 da Lei 13/2008, son funcións dos servizos sociais comunitarios básicos as seguintes:

a) O estudo e diagnóstico social da comunidade, que implica a detección e análise de necesidades e demandas, explícitas e implícitas, no seu ámbito de intervención.

b) A elaboración dun plan de intervención comunitario acorde coas necesidades detectadas ou anticipadas no diagnóstico social.

c) A identificación de grupos de poboación e persoas socialmente vulnerables e a detección precoz de situacións de risco ou desprotección para o desenvolvemento de actuacións de carácter preventivo e de promoción social.

d) A atención das situacións individuais e familiares, a información en relación coas demandas presentadas, o diagnóstico e a valoración técnica previa e a consecuente xestión do caso, que incluirá, cando sexa conveniente, a derivación cara ao recurso idóneo dentro do sistema galego de servizos sociais ou doutros sistemas de benestar, así como a asistencia, a orientación e, se é preciso, o acompañamento, no procedemento de acceso normalizado a outros recursos existentes.

e) A participación na xestión das prestacións económicas e o seguimento dos correspondentes proxectos personalizados de intervención nos termos establecidos na normativa específica en materia de inclusión social.

f) A xestión do servizo de axuda no fogar, así como a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia, nos termos establecidos na normativa que resulte aplicable.

g) A información, a orientación e o asesoramento a toda a poboación, facilitando o seu acceso aos recursos sociais.

h) O fomento da participación activa da cidadanía mediante estratexias socioeducativas que impulsen a solidariedade e a cooperación social organizada.

i) O mantemento actualizado do sistema de información de persoas usuarias.

j) A coordinación efectiva cos distintos sistemas de benestar e protección social que actúen no seu territorio, así como coas entidades de iniciativa social autorizadas que poidan complementar a súa actuación.

k) A cooperación con outras administracións e poderes públicos na remisión de información necesaria nos procedementos que correspondan en relación cos servizos sociais comunitarios e as súas persoas usuarias, sen prexuízo da observación das garantías establecidas na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 9. Programas e servizos sociais comunitarios básicos.

1. Os servizos sociais comunitarios básicos desenvolverán as funcións enumeradas no artigo anterior, de maneira estruturada, por medio dos programas e servizos seguintes:

a) Programa de valoración, orientación e información en materia social ás persoas, grupos ou á comunidade en xeral, que se desenvolverá en todas as entidades locais titulares de servizos sociais comunitarios de Galicia.

b) Servizo de axuda no fogar (SAF), que ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situacións de risco social para as cales resulte un recurso idóneo.

c) Servizo de educación e apoio familiar, que integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

d) Programa básico de inserción social que procure valorar, dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situacións ou risco de exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención social personalizados ou de grupo como prestacións económicas específicas. Inclúense nesta categoría os proxectos expresamente dirixidos ao desenvolvemento, promoción e integración da comunidade xitana e outras minorías étnicas.

e) Programa de fomento da cooperación e solidariedade social, que facilite a participación comunitaria en tarefas colectivas, impulse o asociacionismo solidario e, en especial, a organización e coordinación do voluntariado social.

2. Na formulación e desenvolvemento dos seus programas básicos de actuación enunciados no punto anterior, os servizos sociais comunitarios incorporarán a perspectiva de anticipación e prevención, tanto individual como familiar ou comunitaria, das situacións causantes da exclusión social, a dependencia e a desprotección.

Artigo 10. Sistema de coordinación e rede profesional.

Os profesionais dos servizos sociais comunitarios que participen nos diferentes programas e servizos participarán dos sistemas de coordinación metodolóxica e formación permanente que estableza o órgano directivo competente da Xunta de Galicia.

Sección 2.ª. Do programa de valoración, orientación, e información

Artigo 11. Natureza do programa de valoración, orientación, e información.

1. En todos os servizos sociais comunitarios desenvolverase un programa de valoración, orientación e información en materia de benestar social ás persoas, aos grupos e á comunidade.

2. Este programa garantirá o acceso universal e gratuíto ao sistema e, ademais, a prestación de servizos de carácter profesional en todo o territorio, conforme o establecido no artigo 19 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, no que se desenvolve o catálogo de servizos sociais, e no artigo 24 da mesma lei, que establece a asignación ás persoas usuarias dun profesional de referencia.

Artigo 12. Contido do programa de valoración, orientación e información.

1. O contido do programa de valoración, orientación e información, que ten o carácter de prestación esencial do sistema galego de servizos sociais, consistirá en:

a) Proporcionar información, orientación, asesoramento e acompañamento ás persoas, ás familias e aos grupos sociais.

b) Realizar a valoración e o diagnóstico social das demandas da cidadanía.

c) A intervención básica de traballo social de caso e grupos, de acordo cos dereitos sociais, necesidades, demandas e recursos dispoñibles.

d) Derivar cara á intervención social, biopsicosocial ou socioeducativa idónea para cada caso, que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais e procure a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social. Esta derivación poderá realizarse cara aos distintos programas de servizos sociais comunitarios, tanto básicos como específicos, e, se é o caso, cara aos servizos sociais especializados.

2. No desenvolvemento deste programa, asegurarase unha atención por profesionais coa cualificación adecuada e ofreceráselles ás persoas unha información e asesoramento persoal, puntual e preciso, de maneira que se garanta o respecto á súa intimidade e capacidade de decisión.

3. Coa finalidade de garantir o establecido neste artigo, na organización deste programa evitarase a lista de agarda para a entrevista inicial, que constituirá o primeiro acceso ao sistema. Na entrevista inicial asignarase o profesional de referencia e efectuarase o primeiro rexistro no sistema de información social básico regulado no capítulo VII deste decreto.

4. As demandas de información xeral sobre prestacións públicas ou funcionamento ordinario da Administración e do sistema galego de servizos sociais, que non impliquen intervención profesional cualificada nin comprometan a privacidade das persoas, poderán ser atendidas, se é o caso, por persoal do servizo que desempeñe labores de apoio administrativo.

Sección 3ª Do servizo de axuda no fogar (SAF)

Artigo 13. Natureza do servizo de axuda no fogar.

1. O servizo de axuda no fogar (SAF) é un servizo público de carácter local consistente en ofrecer un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.

2. O servizo de axuda no fogar (SAF) poderá prestarse a calquera persoa ou unidade de convivencia para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.

3. Tamén, con carácter subsidiario do programa de educación e apoio familiar regulado na sección terceira deste capítulo, poderá dar unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.

Artigo 14. Contido do servizo de axuda no fogar.

1. No servizo de axuda no fogar, de conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso, poderán prestarse os seguintes tipos de actuacións de carácter básico:

a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio.

b) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora do contorno das persoas usuarias e da súa familia. Se é o caso, determinadas tarefas domésticas, como lavandaría e alimentación a domicilio, poderán ser facilitadas por servizos específicos.

c) Acompañamento persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria, tales como apoio en trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou similares, así como o seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario.

d) Ademais, para os supostos expresados no número 3 do artigo anterior, as atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, á mellora da convivencia, integración na comunidade e mellora da estrutura familiar.

2. O servizo de axuda no fogar, unha vez garantido o nivel básico de atención, poderá incorporar, ademais, os seguintes tipos de actuacións de carácter complementario:

a) Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.

b) Servizo de empréstito de axudas técnicas para persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal. Para estes efectos enténdese por axuda técnica calquera produto, dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía ou software, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restricións na participación social das persoas.

c) Adaptacións funcionais do fogar.

d) Servizo de podoloxía a domicilio.

e) Servizo de fisioterapia a domicilio.

3. Asinarase un acordo de servizo entre a persoa usuaria e a entidade titular, no cal se recollerá o contido particular das atencións que se prestarán, a programación temporal da prestación, a intensidade horaria e os compromisos de ambas as partes, incluíndo o compromiso de copagamento que corresponda.

4. En todo caso, e sen prexuízo da execución de todas as tarefas contidas no correspondente acordo de servizo, o conxunto de atencións do programa de axuda no fogar terá un carácter de apoio e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu medio inmediato, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.

Artigo 15. Formas de xestión do servizo de axuda no fogar (SAF).

1. As entidades locais prestarán o servizo público de axuda no fogar, ben directamente ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos reguladas na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas.

2. Non obstante a súa natureza de servizo público, as entidades privadas poderán realizar a prestación dun servizo privado de axuda no fogar en réxime de libre mercado sempre que cumpran os requisitos de autorización e acreditación legalmente establecidos.

3. As entidades privadas non poderán subcontratar a execución da prestación principal do servizo de axuda no fogar, entendendo por tal as atencións de carácter básico, regular e continuado, realizadas no fogar da persoa ou unidade de convivencia usuaria do servizo. Non obstante, poderanse subcontratar prestacións complementarias do servizo, así como as que non teñan carácter regular, as que se poidan executar fóra do domicilio ou sexan un reforzo das atencións básicas.

4. O servizo público de axuda no fogar poderá prestarse mediante fórmulas de colaboración institucional entre as administracións competentes ou por entidades de dereito público, de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 16. Réxime xeral de autorización e inspección das entidades.

1. Todas as entidades prestadoras de servizos sociais, públicas ou privadas, con ou sen ánimo de lucro, que desenvolvan o servizo de axuda no fogar deberán estar debidamente autorizadas de conformidade co establecido no título VIII da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e na normativa reguladora do réxime de autorización e acreditación dos programas e centros de servizos sociais.

2. Así mesmo, estarán suxeitas á inspección do sistema galego de servizos sociais, así como ao réxime sancionador que se establece no título IX da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

3. As entidades que presten servizos de atención a persoas en situación de dependencia valorada deberán acreditarse de conformidade co disposto na Lei 39/2006, do 14 de decembro, no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, e na correspondente normativa estatal e autonómica de desenvolvemento.

4. Será requisito para a acreditación das entidades que presten o servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia valorada que o persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estea en posesión do título de formación profesional de grao medio de atención sociosanitaria ou equivalente, regulado no Real decreto 496/2003, do 2 de maio, ou en posesión do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente, regulado no Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade.

Artigo 17. Modalidades de acceso ao servizo municipal de axuda no fogar.

O acceso ao servizo de axuda no fogar municipal producirase de acordo co seguinte:

1. O acceso será prioritario e directo para persoas ás cales, tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de programa individual de atención, e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos establecido no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Para estes efectos os concellos titulares do servizo, cando sexa o caso, procederán a dar de alta as persoas en agarda de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. Para estes efectos garantiráselles aos servizos sociais comunitarios municipais acceso en tempo real ao dito programa.

2. As persoas para as que o programa individual de atención determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás cales se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.

3. Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia resolverase en réxime de libre concorrencia en aplicación dun baremo público.

Artigo 18. Da prestación do servizo por entidades privadas.

1. As entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar contarán cun local de referencia, que será a sede da base operativa do programa, e que en todo caso deberá estar situado no concello en que se presta o servizo ou nun concello limítrofe. O referido local tamén poderá estar situado nun concello non limítrofe, sempre que se cumpra que a agrupación de concellos aos que se preste o servizo non supere os 100.000 habitantes.

2. As entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos, ou que atendan persoas usuarias derivadas do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, atenderán os requirimentos de coordinación efectiva cos servizos sociais comunitarios municipais. Para tal efecto, e sen menoscabo do cumprimento do establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de novembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, que a desenvolve, establecerán un protocolo de comunicación de altas no servizo de cada persoa usuaria dirixido aos servizos sociais comunitarios do concello ou entidade local que corresponda, así como información actualizada da intervención levada a cabo.

Sección 4ª Disposicións relativas ao servizo de educación e apoio familiar.

Artigo 19. Natureza e obxectivos.

No marco do establecido no artigo 8 deste decreto, o servizo de educación e apoio familiar, de titularidade municipal, perseguirá de maneira prioritaria os seguintes obxectivos:

a) Promover a adquisición, por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas, fomentando a educación en igualdade e a corresponsabilidade.

b) Pór á disposición das familias participantes atención psicolóxica, así como alternativas, recursos e itinerarios socioeducativos en relación coas posibilidades do contorno.

c) Favorecer a integración, promoción e participación das familias ou unidades de convivencia en todos os ámbitos da vida comunitaria.

d) Previr e atender as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias ou unidades de convivencia, ou a algún dos seus membros, con especial atención aos menores de idade.

e) Realizar o seguimento e a intervención nas familias en que se realizase derivación aos servizos sociais especializados de menores, de cara á súa reintegración social e familiar.

f) Promover espazos de encontro de nais e pais enfocados á formación compartida e mellora da educación familiar.

Artigo 20. Persoas destinatarias do servizo de educación e apoio familiar.

1. O programa diríxese con carácter xeral ás familias da comunidade de referencia dos servizos sociais comunitarios, con atención prioritaria a aquelas unidades de convivencia que se encontren en situación de maior vulnerabilidade, nas cales exista presenza de menores en risco de desatención ou nas cales se identifiquen outros factores que revelen unha situación de risco de exclusión social ou pobreza infantil.

2. Tamén se dará apoio a aquelas unidades de convivencia voluntaria con funcións análogas á familiar, sempre que favorezan a autonomía e a integración social das persoas que as constitúen.

3. A determinación das unidades familiares destinatarias virá precedida, en todo caso, pola valoración e a prescrición de alta no programa por parte do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais. A valoración e a prescrición de alta figurarán no correspondente expediente social.

4. Co fin de promover a integración social e a calidade da acción educativa das familias, o programa poderá incluír, ademais, actividades de carácter aberto, enfocadas en xeral a toda a comunidade ou a sectores profesionais ou corporativos vinculados directa ou indirectamente coa mellora da calidade da actuación parental e a vida familiar.

Artigo 21. Forma de prestación do servizo de educación e apoio familiar.

A intervención profesional nas familias no marco do programa regulado nesta sección só poderá ser realizada por persoal técnico ao servizo da Administración pública local titular do servizo, de maneira que forme parte do equipo interdisciplinar dos servizos sociais comunitarios.

Artigo 22. Réxime xeral de inspección do servizo de educación e apoio familiar.

Todas as entidades locais titulares do servizo de educación e apoio familiar estarán suxeitas ao réxime de inspección do sistema galego de servizos sociais regulado no título VIII da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, así como ao réxime sancionador que se establece no título IX da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

Sección 5.ª Disposicións relativas aos demais programas dos servizos sociais

comunitarios básicos

Artigo 23. Programa básico de inserción social.

1. No desenvolvemento do programa básico de inserción social os servizos sociais comunitarios básicos:

a) Detectarán e valorarán as situacións de persoas, grupos ou áreas territoriais en situación e risco de exclusión.

b) Participarán, de acordo coa normativa de aplicación, no procedemento de asignación das prestacións económicas de inclusión social referidas no número 1 do artigo 18 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias básicas e a estimular a incorporación social e laboral. De maneira particular analizarán o perfil sociolaboral de cada caso e expedirán os informes e propostas de derivación e idoneidade do recurso que se establezan no procedemento.

c) Favorecerán o desenvolvemento dos itinerarios personalizados de inclusión, coordinando a súa actuación profesional tanto co servizo público de emprego como cos servizos sociais comunitarios específicos para a inclusión social, en especial cos equipos de inclusión sociolaboral que corresponda, ben de dependencia municipal ou xestionados de maneira consorciada de conformidade co establecido no artigo 29 deste decreto.

d) Desenvolverán, nos termos que se establezan na normativa de aplicación sobre inclusión social, actuacións en relación co seguimento e revisión das prestacións económicas establecidas.

Artigo 24. Programa de fomento da cooperación e da solidariedade social.

1. Mediante este programa os servizos sociais comunitarios fomentarán a solidariedade entre os membros da comunidade local e a acción voluntaria na área social en aplicación da normativa vixente sobre voluntariado.

2. Os servizos sociais comunitarios establecerán espazos de complementariedade na execución dos seus programas para a acción de persoas voluntarias sen detrimento da calidade e da profesionalidade dos servizos no seu conxunto.

3. Fomentarase a creación de organizacións de autoaxuda, axuda mutua e de acción solidaria, mediante o correspondente asesoramento, formación e acompañamento do dito proceso. Estas organizacións complementarán a actuación dos servizos sociais públicos de acordo coa planificación local de servizos sociais.

4. No desenvolvemento deste programa priorizarase o intercambio xeracional, a interculturalidade e as medidas de acción positiva para a consecución da igualdade, e prestarase especial atención á prevención da violencia de xénero.

CAPÍTULO IV

Dos servizos sociais comunitarios específicos

Artigo 25. Natureza dos servizos sociais comunitarios específicos.

1. De conformidade co artigo 12 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, os servizos sociais comunitarios específicos desenvolverán programas e xestionarán centros orientados a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, procurando a súa normalización e reincorporación social ou como espazo de tránsito a un servizo especializado.

2. Sen prexuízo da súa dedicación a colectivos ou problemáticas concretas, os servizos sociais comunitarios específicos actuarán, como servizos de proximidade, no medio vital das persoas destinatarias, favorecendo o mantemento dos seus vínculos familiares e comunitarios, a súa autonomía e calidade de vida.

3. Os centros correspondentes a esta modalidade de servizos poden, ademais, dar resposta a situacións nas cales se precisa un espazo de tránsito a un servizo social especializado ou, de maneira inversa, un espazo de tránsito desde os servizos sociais especializados, ou desde calquera outra institución ou sistema público, á plena integración na comunidade.

4. Os servizos sociais comunitarios específicos, atendendo a criterios de equidade territorial e de rendibilidade social, poderán ter un carácter supramunicipal, de acordo coa planificación e ordenación do sistema galego de servizos sociais regulado no título IV da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

5. Estableceranse regulamentariamente os requisitos concretos dos diferentes centros de servizos sociais comunitarios específicos, así como o réxime de garantía e control a que estean suxeitos.

Artigo 26. Funcións dos servizos sociais comunitarios específicos.

No marco do establecido con carácter xeral no artigo 13 da Lei 13/2008, son funcións propias dos servizos sociais comunitarios específicos as seguintes:

a) A xestión de centros de inclusión e emerxencia social tipificados regulamentariamente, tales como albergues, centros de acollida, comedores sociais, centros de atención continuada e centros de día de inclusión social.

b) A xestión de programas enfocados á prevención e á atención de persoas en risco de exclusión mediante equipos de inclusión sociolaboral e proxectos específicos enfocados, entre outros, a persoas perceptoras de rendas mínimas de inserción, persoas sen fogar, inmigrantes, emigrantes retornados, comunidade xitana e outras minorías socialmente vulnerables.

c) A atención de persoas maiores ou con limitacións na súa autonomía mediante centros de día e outros servizos de atención diúrna ou nocturna.

d) A atención de persoas con discapacidade a través de centros ocupacionais, así como o apoio psicosocial e familiar vinculado á atención temperá.

e) A atención de persoas maiores en equipamentos e servizos que faciliten a súa socialización activa, a prevención da dependencia e a promoción da autonomía persoal.

f) A atención da primeira infancia en centros e instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar.

g) O asesoramento, atención e orientación prestada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

h) A atención a menores de idade en situación de risco ou conflito social, mediante equipamentos e programas orientados a atención psicosocial, intervención socioeducativa, actividades de tempo libre, promoción de hábitos saudables, formación en habilidades sociais ou outros que contribúan á súa integración familiar e comunitaria.

i) A xestión de calquera outro equipamento que favoreza un ámbito de convivencia alternativa nos casos de necesidade temporal tecnicamente valorada.

j) A xestión doutros equipamentos sociais non residenciais destinados ao desenvolvemento de programas para sectores de poboación con necesidades sociais diferenciadas que posibiliten o logro dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais.

Artigo 27. A atención ás persoas en situación de dependencia desde os servizos sociais comunitarios específicos.

1. Os servizos sociais comunitarios específicos, mediante os centros de día e servizos de atención diúrna e nocturna debidamente autorizados e acreditados, poderán prestar servizos incluídos no catálogo recollido no artigo 15. 1, letra d) da lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

2. Integran a rede pública galega de centros de día para a atención á dependencia todos aqueles centros debidamente acreditados para esta finalidade dos cales sexa titular o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e, igualmente, aqueles dos cales, en aplicación das circunstancias especiais expresadas no artigo 59.i) da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, puidese ser titular a Xunta de Galicia.

3. O servizo de atención diúrna ou de noite ofrecerá unha atención integral ás persoas en situación de dependencia recoñecida co obxectivo de mellorar ou manter o mellor nivel posible de autonomía persoal, así como apoiar as familias ou os coidadores. En particular, cubrirán, desde un enfoque biopsicosocial, as necesidades de asesoramento, prevención, rehabilitación, orientación para a promoción da autonomía, habilitación ou atención asistencial e persoal.

CAPÍTULO V

Competencias e cooperación entre as administracións públicas galegas

Artigo 28. Criterio xeral de competencia.

Os servizos sociais comunitarios básicos e específicos son de competencia municipal, nos termos establecidos no título VII da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 29. Servizos sociais mínimos garantidos polos concellos.

1. De conformidade co establecido no artigo 61 da Lei de servizos sociais de Galicia, todos os concellos galegos contarán con servizos sociais comunitarios básicos.

2. Sen prexuízo do anterior, consonte o artigo 60.2 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e no marco da planificación xeral aprobada pola Xunta de Galicia e dos criterios de dotación por tipo de área territorial definidos neste decreto, poderán establecerse acordos de agrupación de concellos para compartir e mellorar a eficiencia da actuación do persoal técnico ou dos programas desenvolvidos neste nivel de atención.

Artigo 30. Competencias e xestión coordinada dos servizos sociais comunitarios específicos.

1. Os concellos de Galicia desenvolverán e xestionarán, por si mesmos ou asociados, centros ou programas de servizos sociais comunitarios específicos.

2. Ademais, co fin de facilitar a calidade e cobertura equilibrada de servizos en todo o territorio, e de conformidade co artigo 64 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, a Xunta de Galicia promoverá, mediante fórmulas de colaboración interadministrativa, a xestión dos centros e servizos sociais comunitarios específicos que se determine na planificación do sistema galego de servizos sociais.

Artigo 31. Competencias das deputacións provinciais.

1. As deputacións provinciais, de conformidade co previsto no artigo 109.1.b), da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, proporcionaranlles asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos e agrupacións de concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes, na implantación e xestión dos servizos sociais comunitarios municipais.

2. De conformidade co artigo 63 da Lei de servizos sociais de Galicia, as deputacións provinciais proporcionaranlles asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos por aqueles concellos con menos de 20.000 habitantes.

3. As deputacións provinciais apoiarán prioritariamente o financiamento do SAF básico aos concellos de menos de 20.000 habitantes, así como o financiamento aos ditos concellos para a contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao do profesional de referencia que se regula no artigo 37 deste decreto.

4. A Xunta de Galicia, como titular da competencia de planificación xeral do sistema galego de servizos sociais, coordinará as actuacións de apoio financeiro das deputacións provinciais aos concellos, para o cal, consonte o disposto no artigo 112.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os programas de cooperación económica coas entidades locais que elaboren as deputacións provinciais nesta materia, calquera que sexa a súa denominación, serán postos, antes da súa aprobación, en coñecemento do órgano superior da Xunta de Galicia competente en materia de servizos sociais e da Comisión Galega de Cooperación Local.

Artigo 32. Competencias da Xunta de Galicia.

Nos termos establecidos no artigo 59 da Lei 13/2008, a Xunta de Galicia a través da consellería competente na dirección e o desenvolvemento do sistema galego de servizos sociais, exercerá as seguintes competencias:

a) A ordenación normativa dos servizos sociais comunitarios, tanto básicos como específicos.

b) A planificación territorial das dotacións e equipamentos dos servizos sociais comunitarios, a programación xeral da súa actividade e a validación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais que se regula no presente decreto.

c) O rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais comunitarios.

d) A autorización e acreditación de centros e servizos sociais comunitarios de conformidade con este decreto e coas normas específicas de desenvolvemento.

e) A formación no eido dos servizos sociais comunitarios e a investigación social aplicada a estes servizos no territorio galego.

f) O asesoramento e asistencia técnica aos profesionais e concellos titulares dos servizos regulados neste decreto, así como ás demais entidades prestadoras de servizos sociais comunitarios.

g) O deseño, coordinación e xestión dos sistemas de información social básica relativa ás persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais, así como dos sistemas de información e xestión dos servizos e prestacións para a atención de persoas en situación de dependencia.

h) A supervisión e avaliación da calidade dos servizos sociais regulados no presente decreto.

i) A creación, o mantemento e a xestión de centros e programas de servizos sociais comunitarios específicos que, pola súa natureza, ámbito supramunicipal ou outras circunstancias debidamente xustificadas no marco do Plan Estratéxico de Servizos Sociais, asuma a Xunta de Galicia.

j) A valoración técnica das situacións que determine o recoñecemento do dereito aos servizos e ás prestacións esenciais de carácter material ou económico proporcionadas polo sistema galego de servizos sociais.

k) A concesión de prestacións ou axudas económicas de competencia autonómica destinadas a persoas físicas, sen prexuízo da colaboración dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal.

l) O exercicio das potestades inspectora e sancionadora no relativo á prestación de servizos sociais comunitarios.

CAPÍTULO VI

Dotacións de persoal dos servizos sociais comunitarios

Artigo 33. Criterios xerais.

1. Para a dotación de recursos humanos dos servizos sociais comunitarios básicos, mentres non se publiquen o mapa de servizos sociais e o plan estratéxico a que se refire o título IV da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, empregarase como referencia a planificación establecida neste capítulo e nos anexos deste decreto. Para os ditos efectos, aplicarase a clasificación dos concellos por tipo de área social que se establece no anexo I e as dotacións de equipos técnicos por tipo de concello e de área que se establecen no anexo II e no artigo seguinte.

2. Os programas e centros de servizos sociais comunitarios específicos definidos no capítulo IV deste decreto contarán coas dotacións e cualificacións de persoal que se establezan en desenvolvemento do artigo 23.2 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, así como do Catálogo e do Plan Estratéxico de Servizos Sociais regulados nos títulos I e IV, respectivamente, da citada lei.

3. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, as administracións públicas titulares dos servizos sociais comunitarios, promoverán a calidade no emprego e a estabilidade laboral das persoas profesionais ao seu servizo evitando situacións de precariedade laboral, como medio de lograr a calidade e permanencia da oferta pública de servizos sociais. Así mesmo, fomentarán a mellora das condicións laborais e a implantación de medidas a prol da efectividade do principio de igualdade, en particular daquelas tendentes á conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 34. Tipos de equipo profesional de servizos sociais comunitarios básicos.

1. En función da área social e do concello en que se actúa defínense os seguintes tipos de equipo profesional:

a) Unidades de traballo social (UTS).

b) Unidades de traballo e educación social (UTES).

c) Unidades interdisciplinares de intervención social (UNIS).

2. En todos os equipos, con independencia do tipo de que se trate, o titular do órgano competente da correspondente corporación local nomeará unha persoa coordinadora.

3. Aplicaranse con carácter xeral os seguintes criterios de dotación mínima:

a) Nas unidades de traballo social asegurarase a presenza dun traballador ou traballadora social.

b) Nas unidades de traballo e educación social, integraranse persoas tituladas en Traballo Social e Educación Social.

c) Nas unidade interdisciplinares de intervención social, deberá asegurarse, ademais, a presenza de polo menos unha persoa titulada superior ou en posesión de grao universitario en Psicoloxía, Socioloxía ou materia relacionada cos programas desenvolvidos polos servizos sociais comunitarios.

4. No anexo II establécese a asignación de referencia de persoal técnico por tipo de concello e de área.

Artigo 35. Criterios de dotacións de persoal.

1. Os concellos que integran as denominadas áreas urbanas recollidas no anexo I establecerán e aprobarán a súa propia planificación de unidades interdisplinares de intervención social, asegurando, en todo caso, unha distribución territorializada dos centros de servizos sociais comunitarios básicos, así como do persoal técnico a eles adscrito, adaptada ás características sociodemográficas do concello e dos programas desenvolvidos.

2. Establécese como ratio de referencia para os servizos sociais comunitarios básicos nas áreas urbanas o de unha persoa técnica por cada 8.000 habitantes.

3. Para a planificación das dotacións de persoal técnico nos concellos das áreas metropolitanas, semiurbanas, rurais e rurais de alta dispersión, empregaranse como referencia os criterios recollidos no anexo II.

4. Ademais, nas áreas rurais e nas áreas rurais de alta dispersión definidas no anexo I do presente decreto promoverase, sempre que sexa posible, a integración operativa de servizos e programas, así como dos profesionais que os desenvolven, como parte de equipos coordinados que actúan no mesmo ámbito territorial. Para os efectos de planificación do persoal nas ditas áreas terase en conta, en consecuencia, o conxunto de profesionais que desenvolven, con financiamento público, programas e servizos sociais comunitarios básicos e específicos de acordo co establecido nos capítulos II e III deste decreto.

CAPÍTULO VII

Os servizos sociais comunitarios no sistema de servizos sociais

Artigo 36. Criterios xerais.

1. Os servizos sociais comunitarios, como instancia ordinaria de acceso ao sistema galego de servizos sociais, realizarán con carácter xeral a valoración e o seguimento das persoas usuarias do sistema e informarán e impulsarán os procedementos de derivación aos servizos sociais especializados.

2. A relación entre os servizos sociais comunitarios e os especializados responderá a criterios de complementariedade e de acción conxunta ou coordinada, coa finalidade de conseguir a continuidade e coherencia das actuacións.

3. De acordo co artigo 9.3 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, na súa actuación sobre un territorio e unha comunidade definidas, os servizos sociais comunitarios promoverán unha coordinación efectiva cos servizos, programas e calquera outro recurso que os demais sistemas públicos de benestar social, singularmente o educativo e o sanitario, teñan despregado no seu ámbito territorial.

Artigo 37. Profesional de referencia.

1. Segundo o que se establece no artigo 24 da Lei 13/2008, no ámbito dos servizos sociais comunitarios asignarase a cada persoa que acceda ao sistema un ou unha profesional de referencia, co obxecto de dar coherencia e continuidade ao itinerario de intervencións e garantir o acceso aos diferentes servizos e prestacións que a persoa ou, se é o caso, a súa familia, precisan.

2. A persoa profesional de referencia actuará como interlocutor principal das persoas que se lle asignen, asegurando a globalidade e integralidade da intervención e velando polo respecto dos dereitos e deberes das persoas expresado no capítulo II deste decreto.

3. A persoa profesional de referencia será un traballador ou traballadora social dos servizos sociais comunitarios, sen prexuízo da designación para estes efectos doutro profesional do equipo cando así se xustifique polas características da intervención que se debe realizar en cada caso. Ademais, tendo en conta os programas que se desenvolven, a organización do servizo e as características particulares do caso, poderá designarse ademais, como xestor do caso, a persoa técnica do equipo que posúa o perfil profesional ou o labor funcional máis idóneo.

4. De acordo coas dispoñibilidades dos servizos sociais comunitarios, a persoa usuaria poderá solicitar de maneira motivada o cambio de profesional de referencia.

Artigo 38. Expediente único.

1. Abrirase un único expediente social básico das persoas usuarias do sistema, que será xestionado polos servizos sociais comunitarios.

2. A persoa profesional de referencia terá ao seu cargo o expediente social básico das persoas usuarias que teña asignadas.

3. No expediente social básico recolleranse os datos de identificación da persoa, as circunstancias familiares, residenciais, económicas, laborais e persoais que resulten significativas para os efectos de determinar a súa situación social. Así mesmo, rexistraranse os elementos básicos da intervención realizada: a demanda expresada, a valoración social realizada e os recursos aplicados.

4. No expediente social referido neste artigo quedarán rexistradas, ademais, todas as intervencións e os servizos prestados ás persoas na súa relación co sistema galego de servizos sociais no seu conxunto.

5. Queda expresamente prohibido o rexistro de datos das persoas usuarias dos servizos sociais comunitarios en relación coa súa ideoloxía, afiliación política ou sindical, relixión ou crenzas.

6. Os datos contidos no expediente social único, como parte do sistema de información regulado no artigo seguinte, gozarán de todas as garantías establecidas na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 39. Sistema de información social básico.

1. De acordo co estipulado nos artigos 16.3 e 59 g) da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e ao abeiro do disposto no artigo 10.4.c) do Real decreto 1720/2007, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de novembro, de protección de datos de carácter persoal, e co fin de posibilitar o expresado no artigo anterior, o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente no sistema galego de servizos sociais implantará e manterá un sistema de información básica das persoas usuarias dos servizos sociais que estará conectado en rede cos sistemas de información e de xestión das prestacións e servizos incluídos no Catálogo de servizos do sistema galego de servizos sociais.

2. O sistema de información posibilitará o retorno da información relevante sobre as persoas usuarias desde os servizos sociais especializados ao expediente social básico xestionado polos servizos sociais comunitarios.

CAPÍTULO VIII

O financiamento dos servizos sociais comunitarios

Artigo 40. Fontes de financiamento.

De conformidade co estipulado no artigo 52 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, os servizos sociais comunitarios financiaranse por medio:

a) Dos créditos consignados nos orzamentos das entidades locais titulares dos servizos.

b) Das achegas realizadas polas deputacións provinciais de acordo co establecido no artigo 31 deste decreto.

c) Das achegas realizadas pola Xunta de Galicia.

d) Dos recursos financeiros xerados polos ingresos en concepto de copagamento dos servizos que realicen as persoas usuarias, de conformidade coa normativa sectorial de aplicación.

e) De calquera outra achega pública ou privada destinada a ese fin.

Artigo 41. Financiamento pola Xunta de Galicia. Aspectos xerais.

1. A Xunta de Galicia cofinanciará os servizos sociais comunitarios das corporacións locais mediante transferencias finalistas que se efectuarán de acordo co establecido neste decreto e nas normas que se poidan ditar para o seu desenvolvemento.

2. Serán destinatarios das ditas transferencias os concellos que, de maneira individual ou agrupada, exerzan as competencias establecidas no capítulo V deste decreto e que, en consecuencia, deseñen e presenten o correspondente proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, nos termos expresados no artigo 43 deste decreto. Para estes efectos, as corporacións locais asinantes do dito proxecto deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

3. Enténdense incluídas no número anterior as mancomunidades de municipios. Cando se trate de agrupacións de feito acordadas entre concellos, mediante fórmulas de colaboración interadministrativa, para o desenvolvemento compartido de servizos sociais regulados neste decreto, deberán xustificar no proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais a complementariedade e a non duplicidade de actuacións para as cales se solicita financiamento. En ambos os casos o financiamento dun servizo ou programa de maneira conxunta exclúe a posibilidade de financiamento individual do mesmo servizo ou programa.

4. As transferencias finalistas reguladas neste capítulo poderán ter natureza corrente ou de capital.

5. As transferencias de natureza corrente terán por obxecto o cofinanciamento dos gastos derivados do normal funcionamento e desenvolvemento dos servizos sociais comunitarios municipais en cada exercicio orzamentario. Serán financiables os seguintes gastos:

a) Gastos derivados da retribución do persoal adscrito aos ditos servizos.

b) Gastos derivados das indemnizacións por razóns de servizo (desprazamento) e da formación do persoal técnico adscrito aos ditos servizos.

c) Gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar, na súa modalidade de prestación básica.

d) Gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar, na súa modalidade de atención a persoas valoradas como dependentes, ás cales se lles aplicará o procedemento especial regulado no artigo 58 deste decreto.

e) Gastos de xestión e realización doutros programas de servizos sociais comunitarios, tanto os de carácter básico ou polivalente expresados no artigo 9, como os de carácter específico ou sectorial, destinados a cumprir as funcións enumeradas no artigo 26 deste decreto.

6. As transferencias de capital terán por obxecto o cofinanciamento de proxectos de investimentos en centros, equipamentos ou instalacións de titularidade municipal en materia de servizos sociais. Tamén poderán financiar proxectos de investimento destinados a garantir a eliminación de barreiras e a accesibilidade aos programas e servizos públicos e instalacións de titularidade municipal.

Artigo 42. Órganos competentes.

1. A persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias no sistema galego de servizos sociais será competente para resolver a concesión do financiamento regulado neste capítulo, así como para a autorización e disposición dos gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos correspondentes pagamentos. A concesión efectuarase logo da planificación e proposta da comisión de análise e avaliación técnica regulada neste artigo, excepto no caso dos gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar na súa modalidade de atención a persoas valoradas como dependentes, que se efectuará mediante un procedemento separado, de acordo co expresado no artigo 58. As competencias referidas nesta alínea poderán ser obxecto de delegación.

2. Será competente para a ordenación, tramitación e instrución dos procedementos aquí regulados a persoa ou persoas titulares dos órganos de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios dependentes do órgano superior expresado no punto anterior.

3. A comisión de análise e avaliación técnica dos expedientes será responsable da elaboración dunha planificación do financiamento, consistente na asignación, de conformidade coas regras establecidas neste capítulo, dunha contía económica a cada corporación local titular dos servizos sociais comunitarios, en función das avaliacións e proxectos presentados e dos créditos dispoñibles. Esta comisión estará presidida pola persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios, que designará, ademais, catro persoas ao servizo do dito órgano de dirección como vogais da dita comisión, así como dúas persoas suplentes, en previsión de que no momento de avaliación dos expedientes non fose posible contar coa asistencia dalgún dos vogais designados. Unha das persoas designadas actuará como secretario ou secretaria.

Artigo 43. Iniciación do procedemento.

1. Unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, co día límite do 5 de febreiro do exercicio inmediatamente posterior, todas as corporacións locais financiadas consonte o presente decreto deberán presentar ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con atribucións en materia de servizos sociais comunitarios o seguinte:

a) A xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, incluídos os proxectos de investimento de capital, executados no exercicio inmediatamente anterior.

b) O proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao ano en curso. Este proxecto anual será aprobado polo órgano competente da corporación local, facendo constar expresamente a continuidade na prestación dos servizos sociais comunitarios municipais.

c) Ademais, se fose o caso, o proxecto ou proxectos de investimento de capital nas modalidades e cos requisitos establecidos nos artigos seguintes.

2. A consellería competente en materia de servizos sociais adoptará, en coordinación co proceso xeral de modernización da Administración autonómica, as medidas necesarias para tramitación electrónica do procedemento descrito neste capítulo.

Artigo 44. Documentación correspondente á xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

A xustificación e avaliación da execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais será realizada polas corporacións locais perceptoras das transferencias finalistas en virtude da seguinte documentación:

1. Certificación do órgano competente da corporación local (intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade) acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais correspondente ao exercicio inmediatamente anterior. Considérase, así mesmo, gasto imputable á citada anualidade o das cotizacións á Seguridade Social correspondentes ao mes de decembro do exercicio certificado, aboadas no exercicio seguinte, sempre que tal aboamento se produza antes do día límite de presentación expresada no artigo 43.1.

2. Declaración do conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as efectivamente percibidas como as aprobadas e concedidas polas administracións públicas competentes ou por calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro para os mesmos fins.

3. Certificación dos ingresos efectivamente recadados para o financiamento dos servizos financiados, en concreto os ingresos por copagamento dos servizos polas persoas usuarias.

4. Memoria financeira.

5. Fichas de avaliación.

6. Memorias técnicas.

7. Relacións de persoas usuarias.

8. Calquera outro documento ou informe que se considere necesario para acreditar a adecuada execución do proxecto financiado.

A documentación relacionada neste artigo axustarase aos formatos recollidos no anexo VI, sen prexuízo das adaptacións necesarias para a súa presentación telemática. A presentación dos citados anexos non eximirá, se for o caso, das posibles obrigas de xustificación documental exixida por outras administracións financiadoras.

Artigo 45. Documentación correspondente á presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais. Gastos correntes.

O proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, no referente ao financiamento dos gastos correntes para mantemento e funcionamento dos servizos e programas, constará da seguinte documentación:

1. Modelo normalizado de resumo do proxecto.

2. Memoria técnica de organización do equipo ou departamento de servizos sociais e memorias técnicas por programa asinadas por unha persoa técnica competente do equipo de servizos sociais comunitarios.

3. Certificación expedida polo órgano competente da corporación local do acordo polo que se aprobou o proxecto presentado, incluíndo a mención á contía total da achega da corporación local destinada ao cofinanciamento do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

4. Declaración do conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as efectivamente percibidas como as aprobadas e concedidas, así como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro para os mesmos fins.

5. Relación certificada polo órgano competente da corporación local, acreditativa da natureza da vinculación, laboral ou funcionarial, do persoal adscrito aos servizos sociais comunitarios municipais, e da súa estabilidade laboral, especificando a procedencia dos fondos que financian as súas retribucións.

6. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación bancaria das contas correntes nas cales se ingresarán as transferencias que se regulan neste capítulo.

A documentación relacionada neste artigo axustarase aos formatos recollidos no anexo V, sen prexuízo das adaptacións necesarias para a súa presentación telemática. A presentación dos citados anexos non eximirá, se for o caso, das posibles obrigas de formulación documental do proxecto exixidas por outras administracións financiadoras.

Artigo 46. Documentación correspondente á presentación de proxectos de investimento de capital.

Poderán presentarse proxectos de investimento nas modalidades e cos requisitos documentais establecidos nos puntos seguintes:

a) Adquisición de bens inmobles. Para esta modalidade será necesario presentar a seguinte documentación:

1. Certificación do órgano correspondente da corporación local en que se acredite a súa participación no orzamento da adquisición.

2. Certificación do Rexistro da Propiedade na cal se acredite que o inmoble obxecto de adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste por parte do vendedor.

3. Documento de opción de compra, no cal se indicará a data de caducidade da dita opción, así como o seu prezo.

4. Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

5. Memoria, asinada pola persoa técnica do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa da necesidade e viabilidade do investimento proxectado para mellorar a prestación dos servizos sociais que lle competen.

b) Construción, reforma, ampliación, mellora ou acondicionamento (incluídos os proxectos de obra destinados a garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas). Para esta modalidade resultará necesario xuntar os seguintes documentos:

1. Certificación do órgano correspondente da corporación local na cal se acredite a súa participación no orzamento da obra que se vaia realizar.

2. Certificación do órgano correspondente da corporación local na cal se acredite o dominio sobre o inmoble no que se pretende realizar a obra ou, se este é alugado ou cedido, certificación en que se fagan constar as condicións da cesión ou aluguer, así como a conformidade do propietario coas obras que se pretenden realizar. Para financiamento de obras é necesario que a cesión ou aluguer teña unha duración mínima de 20 anos.

3. Certificación do órgano correspondente da corporación local en que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

4. Proxecto básico das obras que se van realizar ou, no seu defecto, cando a súa redacción non resulte necesaria de acordo coas normas específicas aplicables en función da propia envergadura da obra, memoria valorada e orzamento detallado, asinados por unha persoa técnica competente; deberase xustificar, en todo caso, a necesidade das obras e o cumprimento da legalidade vixente en materia de accesibilidade e de seguridade, así como do resto da normativa de aplicación tanto de carácter xeral como específica para centros de servizos sociais. Para estes efectos, os proxectos básicos ou memorias valoradas de obras que afecten os centros de servizos sociais só poderán ser obxecto de valoración pola comisión de análise e avaliación técnica citada no artigo 42.3 deste decreto se previamente emitiu informe favorable a unidade técnica de supervisión de proxectos e obras do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias no sistema galego de servizos sociais. Os proxectos de obra deberán achegarse preferentemente en soporte informático.

5. Plano da parcela, con indicación de superficie, topografía, orientación, servidumes e infraestruturas existentes, que poderá achegarse en soporte informático.

6. Memoria, asinada pola persoa técnica do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa da necesidade e viabilidade do investimento proxectado para mellorar a prestación dos servizos sociais que lle competen.

c) Redacción ou elaboración de proxectos de obra. Esta modalidade requirirá a presentación dos seguintes documentos:

1. Certificación do órgano correspondente da corporación local na cal se acredite a súa achega no orzamento da redacción do correspondente proxecto de obra. Se o orzamento da redacción do proxecto supera o importe máximo fixado para o contrato menor de servizos na normativa vixente en materia de contratación pública, deberán achegarse tres orzamentos elaborados por tres posibles redactores.

2. Certificación do órgano correspondente da corporación local en que se acredite o dominio do solicitante sobre o inmoble no cal se pretende realizar a obra ou, se este é alugado ou cedido, certificación en que se fagan constar as condicións da cesión ou aluguer, así como a conformidade do propietario coas obras que se pretenden realizar. Para o financiamento de proxectos de obra é necesario que a cesión ou aluguer teña unha duración mínima de 20 anos.

3. Certificación do órgano correspondente da corporación local na cal se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra cuxo proxecto se propón redactar.

4. Plano da parcela, con indicación de superficie, topografía, orientación, servidumes e infraestruturas existentes, que poderá achegarse en soporte informático.

5. Memoria asinada pola persoa técnica do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa da necesidade e viabilidade do investimento para mellorar a prestación dos servizos sociais que lle competen.

d) Equipamento mobiliario (incluídos os destinados a garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas). Xuntarase a seguinte documentación:

1. Certificación da corporación na cal se acredite a súa achega no orzamento do equipamento mobiliario que proxecte adquirir.

2. Certificación do órgano correspondente da corporación local que acredite o dominio do solicitante sobre o centro ou inmoble que se vai equipar ou, se este é alugado ou cedido, certificación na cal se fagan constar as condicións da cesión ou aluguer. Para o financiamento da adquisición do equipamento mobiliario dun centro é necesario que a cesión ou aluguer deste teñan unha duración mínima de 5 anos.

3. Orzamento das adquisicións que se pretendan realizar elaborado por un posible empresario, empresa ou entidade subministradora. Se o orzamento das subministracións supera o importe máximo fixado para o contrato menor de subministracións na normativa vixente en materia de contratación pública, deberán achegarse tres orzamentos elaborados por tres posibles subministradores.

4. Memoria asinada pola persoa técnica do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa da necesidade do equipamento mobiliario proxectado para mellorar a prestación dos servizos sociais que lle competen.

Artigo 47. Criterios de renovación do financiamento básico para gastos correntes.

1. Para os efectos deste decreto, considérase financiamento básico dos servizos sociais comunitarios municipais o que ten como finalidade garantir a continuidade e estabilidade na prestación destes servizos por parte das corporacións locais.

2. A Xunta de Galicia, a través do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente no sistema galego de servizos sociais, garantirá a renovación do financiamento básico para o funcionamento dos servizos sociais comunitarios a cada unha das corporacións locais de Galicia, tomando como referencia para cada anualidade os servizos sociais comunitarios financiados, efectivamente prestados e correctamente xustificados no exercicio inmediatamente anterior. Para estes efectos, e dentro dos conceptos de gasto corrente financiables consonte o artigo 41.5 deste decreto, renovarase cada anualidade, como financiamento básico dos servizos sociais comunitarios, o correspondente aos seguintes gastos:

a) Os gastos derivados da retribución de:

1. Os traballadores e traballadoras sociais que constitúen o persoal técnico das unidades de traballo social (UTS) de todas as corporacións locais titulares dos servizos.

2. O persoal técnico das unidades de traballo e educación social (UTES) e das unidades interdisciplinares de intervención social (UNIS) nas corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes.

b) Os gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar, na súa modalidade de prestación básica, polas corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes.

c) Os gastos derivados da retribución do persoal dos centros de servizos sociais comunitarios específicos, das corporacións locais de 20.000 ou máis habitantes.

3. Para a renovación anual do financiamento dos gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios, e tomando como referencia o persoal financiado e correctamente xustificado no exercicio inmediatamente anterior, aplicaranse os seguintes módulos económicos:

Categoría profesional

Módulo económico

Titulado/a superior (licenciatura universitaria)

18.062 €

Titulado/a medio (diplomatura universitaria)

15.013 €

Técnico grao superior (FP)

14.000 €

Gobernante/a

13.521 €

Técnico grao medio (FP)

13.521 €

Auxiliar administrativo/a

12.029 €

Vixilante

8.416 €

Ordenanza

8.416 €

Limpador/a

8.416 €

4. Para a renovación do financiamento do servizo de axuda no fogar na súa modalidade de prestación básica, de acordo co expresado no punto 1.b) deste artigo, asignarase unha contía proporcional ao número de horas/mes de servizo efectivamente prestado e correctamente xustificado no exercicio inmediatamente anterior.

Artigo 48. Criterios de determinación de posibles variacións do financiamento para gastos correntes.

1. Ademais da renovación do financiamento básico regulado no artigo anterior, en función da avaliación efectuada, da planificación de referencia e da análise das solicitudes de financiamento recollidas nos proxectos anuais de servizos sociais comunitarios municipais, así como das dispoñibilidades orzamentarias, poderán acordarse variacións no nivel de financiamento para os conceptos xa subvencionados ou para o inicio de novas actuacións.

2. Na determinación de posibles variacións de financiamento, teranse en conta:

a) As desviacións con respecto aos criterios de referencia de dotación de persoal establecidos no capítulo VI e anexos I e II deste decreto ou, cando sexa o caso, no mapa galego de servizos sociais e no plan estratéxico referidos nos artigos 44 e 45 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

b) As desviacións, tanto á baixa como á alza, con respecto aos niveis de referencia de cobertura e de financiamento recollidos no anexo III para o servizo de axuda no fogar prestado en réxime de libre concorrencia.

3. Ademais, para a valoración do financiamento do inicio de novas actuacións ou da ampliación das xa implantadas, a comisión de análise e avaliación técnica recollida no artigo 42 deste decreto terá en conta os seguintes criterios:

a) O nivel de esforzo orzamentario dos concellos para o cofinanciamento da prestación dos servizos sociais comunitarios básicos de carácter obrigatorio, alén do financiamento mínimo exixible, de acordo co artigo 50 deste decreto. Para valorar o esforzo orzamentario de cada corporación local, calcularase a porcentaxe que supón a súa achega económica sobre o total do orzamento do seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais e, unha vez calculada, compararase coa porcentaxe mínima de achega local exixida consonte o artigo 50.2, determinando o esforzo orzamentario de cada corporación local pola diferenza de puntos porcentuais en que excede a porcentaxe da súa achega local sobre o total do orzamento do seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais en relación á porcentaxe mínima de achega local exixida consonte o artigo 50.2.

b) A calidade no emprego, a estabilidade laboral das persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios municipais e a implantación de medidas favorecedoras da igualdade e da conciliación da vida familiar e laboral. A calidade no emprego e a estabilidade laboral das persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios municipais valoraranse calculando a porcentaxe que supoñen os empregados públicos fixos e inamovibles en relación co total do cadro de persoal adscrito aos servizos sociais comunitarios municipais. A implantación de medidas favorecedoras da igualdade e da conciliación da vida familiar e laboral valoraranse pola acreditación ou non da existencia e da aplicación dun plan local destinado a facelas efectivas en cada corporación.

c) A natureza e calidade dos proxectos presentados, para o cal se valorará o seguinte:

- A súa adecuación ás necesidades sociais, ás funcións e obxectivos dos servizos sociais comunitarios e á planificación xeral da Xunta de Galicia, para o que se terá en conta o anexo IV, expresivo das prioridades de contido dos programas de servizos sociais comunitarios de titularidade municipal.

- O seu impacto, en termos de persoas usuarias e unidades familiares beneficiadas, así como a intensidade das problemáticas sociais atendidas.

- A súa eficiencia, mediante a relación entre impacto e custo.

- O seu carácter innovador, medido, entre outros criterios, pola súa metodoloxía, a súa adaptación a novas necesidades e perfís de usuarios e a incorporación de novas tecnoloxías.

- A implantación de sistemas de xestión da calidade e a correcta utilización e participación no sistema de información social de usuarios establecido e nos demais sistemas de información e xestión específicos que se establezan no marco do sistema galego de servizos sociais.

Artigo 49. Criterios de determinación do financiamento para gastos de investimento de capital.

1. O financiamento dos gastos de investimento de capital en servizos sociais comunitarios de titularidade municipal determinarase en función da adecuación dos proxectos presentados aos criterios de dotacións expresados no Mapa galego de servizos sociais regulado no artigo 44.2 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia.

2. Así mesmo, en aplicación do artigo 46.2 da dita lei, e tendo en conta os recursos financeiros dispoñibles, para o establecemento de prioridades observarase o disposto no Plan Estratéxico de Servizos Sociais.

Artigo 50. Cofinanciamento municipal dos gastos correntes derivados da prestación de servizos sociais comunitarios.

1. De acordo co establecido no artigo 54 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, os concellos consignarán nos seus orzamentos os créditos necesarios para o financiamento dos servizos sociais comunitarios da súa competencia. As achegas destinadas a cofinanciar estes servizos certificaranse no momento da presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

2. En todo caso, para que os concellos podan recibir transferencias finalistas correntes da Xunta de Galicia destinadas ao cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais será requisito indispensable que realicen, en función do seu número de habitantes, unha achega económica mínima sobre o total do orzamento do seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, conforme o seguinte:

a) Concellos de menos de 20.000 habitantes: o 20% do orzamento total do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

b) Concellos de 20.000 a 59.999 habitantes: o 25% do orzamento total do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

c) Concellos de 60.000 ou máis habitantes: o 33% do orzamento total do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

3. Para a determinación da achega económica mínima computarase o importe total das contías destinadas polas corporacións ao cofinanciamento dos servizos, tanto no caso de que se financien con cargo aos seus recursos propios, como no suposto de que se financien con cargo a outras axudas, subvencións e ingresos que procedan de calquera entidade pública ou privada, deputación provincial ou Administración pública diferente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das restantes entidades do sector público autonómico da Xunta de Galicia. Nas ditas achegas incluiranse, en todo caso, os ingresos obtidos en concepto de participación económica dos usuarios no custo dos servizos.

Artigo 51. Resolución das transferencias finalistas ás corporacións locais.

1. Unha vez analizadas a xustificación do exercicio anterior e o proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, así como verificada a posible existencia de remanentes que se van regularizar, e logo de considerar a planificación proposta pola comisión de análise e avaliación técnica, o órgano competente resolverá a contía asignada a cada unha das corporacións locais titulares dos servizos financiados. Para estes efectos, unha vez definida a planificación anual do financiamento pola comisión de análise e avaliación, a persoa que a presida elevará propostas de resolución a favor daquelas corporacións que completasen a documentación requirida no procedemento regulado neste capítulo.

2. As resolucións de asignación de financiamento mediante transferencias finalistas para o financiamento de gastos correntes serán motivadas e notificaranse a cada unha das corporacións locais no prazo máximo de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que completasen a antedita documentación.

3. Ademais, se unha vez resolto o financiamento de acordo co número anterior, existisen novos créditos dispoñibles, poderán ditarse resolucións complementarias de conformidade co establecido no artigo 48 deste decreto. Para estes efectos a comisión de análise e avaliación técnica realizará, con carácter previo á resolución, unha proposta de modificación da planificación inicial. As posibles resolucións complementarias notificaranse ás corporacións locais beneficiarias no prazo máximo de 2 meses, contados a partir do día seguinte en que se contabilicen os novos créditos dispoñibles.

4. As resolucións de asignación de transferencias finalistas para investimentos de capital serán motivadas e notificaranse a cada unha das corporacións locais no prazo máximo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que completen toda a documentación requirida no artigo 46 deste decreto.

5. Contra as resolucións expresadas nos números anteriores, que porán fin á vía administrativa, poderán os interesados interpor directamente un recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de 2 meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa; se non o fose, o prazo será de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Non obstante, e de conformidade co disposto no artigo 44 da referida lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá ser requirido previamente o órgano que ditou a resolución no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 52. Pagamento e xustificación das transferencias finalistas para gastos correntes.

1. No primeiro cuadrimestre de cada exercicio anticiparáselle a cada unha das corporacións locais titulares destes servizos unha contía equivalente ao 50% da cantidade financiada no exercicio inmediatamente anterior nos conceptos comprendidos no financiamento básico segundo o establecido no artigo 47.

2. O resto do financiamento que corresponda a cada corporación local consonte a resolución regulada no artigo anterior farase efectivo mediante un segundo anticipo, que será tramitado inmediatamente despois da notificación da resolución, polo importe equivalente á diferenza entre a contía total asignada na dita resolución e a contía anticipada inicialmente.

3. As resolucións complementarias previstas no artigo 51.3, de ser o caso, aboaranse anticipadamente polo seu importe total, no momento inmediatamente posterior á súa notificación.

4. A xustificación das transferencias finalistas para o financiamento de gastos correntes expresadas nos números anteriores realizarase no exercicio seguinte, mediante a verificación da documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios, sen prexuízo da comprobación material e da inspección dos servizos e programas realizada pola unidade correspondente do órgano financiador.

5. As actuacións que formen parte do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, obxecto do financiamento regulado neste capítulo, deberán ser realizadas e pagadas polas corporacións locais beneficiarias dentro do exercicio orzamentario corrente. Cando algunha das ditas actuacións non se desenvolva na súa totalidade, por circunstancias que se acreditarán na xustificación do proxecto financiado, os remanentes de crédito que puidesen existir no momento do remate do exercicio quedarán adscritos ao mesmo programa de actuación de forma improrrogable para o exercicio seguinte.

Artigo 53. Pagamento e xustificación das transferencias finalistas para investimentos de capital.

1. Para a xustificación dos gastos correspondente ás transferencias finalistas para investimentos de capital que comprendan a realización de obras de construción, reforma, mellora, acondicionamento ou eliminación de barreiras arquitectónicas, deberase presentar certificación ou certificacións de obra, factura ou facturas e certificación expedida polo órgano correspondente da corporación acreditativa da súa aprobación polo órgano competente, sen que sexa imprescindible que quede acreditada neste momento a efectividade do seu pagamento. Nos supostos en que a corporación local beneficiaria executase a obra financiada, deberanse achegar facturas xustificativas dos gastos derivados da adquisición de materiais, así como certificación, emitida polo órgano correspondente da corporación local, acreditativa da súa aprobación polo órgano competente, sen que sexa imprescindible que quede acreditada neste momento a efectividade do seu pagamento e, de ser o caso, certificación, emitida polo órgano correspondente da corporación local (intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade), acreditativa dos custos derivados da execución da obra por medio de persoal da corporación local.

2. Para a xustificación dos gastos correspondente ás demais transferencias finalistas para investimentos de capital (adquisición de inmobles ou equipamento mobiliario), será suficiente presentar facturas xustificativas dos correspondentes gastos realizados e certificación, emitida polo órgano correspondente da corporación local, acreditativa da súa aprobación polo órgano competente, sen que sexa imprescindible que quede acreditada neste momento a efectividade do seu pagamento ou, alternativamente, certificación, emitida polo órgano correspondente da corporación local (intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade), acreditativa da realización dos mencionados investimentos, dos importes investidos ou executados na acción subvencionada e do destino dos investimentos subvencionados á finalidade de servizos sociais para a cal foron solicitados, sen que sexa imprescindible que quede acreditada neste momento a efectividade do seu pagamento.

3. Para os distintos conceptos relativos a gastos de investimento de capital non se realizarán anticipos. Porén, poderán realizarse pagamentos á conta, ata o 100% da porcentaxe financiada correspondente aos pagamentos xustificados, a medida que a corporación local beneficiaria presente a documentación acreditativa dos gastos realizados na execución dos investimentos obxecto de financiamento, e considerarase gasto realizado cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local (intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade). Nesta xustificación poderán incluírse os gastos realizados polas corporacións locais desde o 1 de xaneiro do exercicio corrente correspondente ao de resolución das actuacións obxecto de financiamento.

4. A xustificación dos gastos correspondentes ás transferencias finalistas para investimentos de capital deberá presentarse antes do 1 de decembro do exercicio correspondente ante o órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con atribucións en materia de servizos sociais. A presentación desta xustificación non exime as corporacións locais de dar conta dos investimentos de capital executados na xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais.

5. Na presentación desta documentación xustificativa dos gastos correspondentes ás transferencias finalistas para investimentos de capital, as corporacións locais beneficiarias deberán indicar expresamente se están a presentar unha xustificación parcial e a solicitar, en consecuencia, o correspondente pagamento parcial, ou se, pola contra, están a presentar a xustificación total ou final do investimento financiado e a solicitar, en consecuencia, o correspondente pagamento total ou final. Neste último caso deberán achegar, ademais, a documentación a que se fai referencia no parágrafo seguinte.

6. Ademais, no momento da xustificación da execución total ou final do investimento subvencionado e antes do derradeiro pagamento, as corporacións locais beneficiarias deberán presentar unha certificación complementaria, emitida polo órgano correspondente da corporación local (intervención ou órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade), que faga constar expresamente que o importe da transferencia realizada foi destinado á súa finalidade, acompañada, para o caso de transferencias para execución de obras, dun informe do técnico municipal competente en materia de obras ou arquitecto director de obra, no cal se certifique expresamente que a obra se executou segundo o proxecto aprobado que serviu de base á transferencia, que cumpre coa legalidade vixente en materia de seguridade, accesibilidade e co resto da lexislación de xeral aplicación, e para o caso de transferencias para adquisición de equipamento mobiliario, informe do técnico municipal de servizos sociais en que se dea conta do equipamento adquirido e se certifique que se corresponde co que foi obxecto da transferencia. Estes informes deberán ser visados polo alcalde-presidente da corporación.

7. En todo caso, as corporacións locais beneficiarias deberán acreditar a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das corporacións locais de cada un dos aboamentos das transferencias realizadas.

Artigo 54. Obrigas das corporacións locais.

As corporacións locais que reciban financiamento ao abeiro do estipulado no presente decreto estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto, prestar os servizos e realizar as actividades que fundamentan o financiamento recibido.

b) Xustificar ante as administracións cofinanciadoras o cumprimento dos requisitos e das condicións exixibles, así como a execución do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, achegando a documentación acreditativa correspondente e, en concreto, a enumerada nos artigos 44 e 45 deste decreto.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Xunta de Galicia, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e, cando sexa o caso, o Tribunal de Contas ou os órganos de control da Unión Europea, para o que se achegará canta información lle sexa requirida en relación cos proxectos financiados e executados.

d) Comunicarlle ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma a obtención de subvencións, axudas ou calquera outro ingreso que se destine ás actividades financiadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen o cálculo da contía asignada para o financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais de acordo cos criterios establecidos neste decreto. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor do sistema contable, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Incluír, de ser o caso, os equipamentos adquiridos con cargo ao financiamento recibido de acordo co establecido neste decreto no inventario de bens e dereitos da corporación local beneficiaria.

h) Realizar unha difusión adecuada do financiamento recibido, para o cal será preceptivo que todas as medidas de información xeral e publicidade dos centros, programas e servizos cofinanciados, incluída a sinalización exterior de edificios e oficinas, incorporen os emblemas das administracións cofinanciadoras de acordo coas especificacións que regulamentariamente se determinen.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo seguinte.

j) Tratar os datos de carácter persoal a que se teña acceso no desenvolvemento das actuacións financiadas segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

k) Facilitar toda a información acerca das persoas usuarias dos centros, programas e servizos sociais financiados que lles sexa requirida polo órgano competente da Xunta de Galicia, para os efectos de acreditar o adecuado destino das transferencias recibidas, así como para os efectos de avaliación e planificación.

l) Rexistrar no sistema de información de usuarios que se estableza para todo o sistema galego de servizos sociais os datos correspondentes ás actividades desenvolvidas de acordo coas instrucións emanadas do órgano competente da Xunta de Galicia, así como cumprir cos deberes de actualización dos datos das persoas usuarias dos servizos, especialmente do SAF na súa modalidade de atención a persoas en situación de dependencia valorada, nos sistemas de información e xestión específicos que se establezan, comprobando especialmente a veracidade dos datos declarados para a determinación da capacidade económica.

m) Aprobar as ordenanzas fiscais e dotarse dos demais medios e instrumentos necesarios para facer efectiva a exixencia da participación económica que, en concepto de copagamento, corresponda, de ser o caso, a cada persoa usuaria no financiamento dos servizos que reciba.

Artigo 55. Causas de reintegro ou de compensación de remanentes.

1. Procederá o reintegro, con exixencia do xuro de demora que corresponda desde o pagamento ata a resolución en que se acorde a procedencia do reintegro, das seguintes cantidades:

a) As afectadas por falseamento ou ocultación de información na documentación xustificativa incluída na fase de avaliación dos proxectos anuais financiados.

b) As non xustificadas ou insuficientemente xustificadas, nos termos establecidos neste decreto.

c) As que correspondan ao financiamento de partes non executadas do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

d) As que financien servizos ou programas en que se verifique o incumprimento das obrigas establecidas para as entidades locais na Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e no presente decreto, así como na normativa vixente en materia de servizos sociais, inclusión social e atención á dependencia, tanto no referente aos dereitos das persoas usuarias como aos mínimos requiridos na organización do servizo, así como as obrigas de cobramento ás persoas usuarias do copagamento que corresponda polos servizos en que así se determine na normativa de aplicación.

e) As cantidades das cales resulte imposible verificar o seu emprego en relación cos obxectivos do proxecto financiado, por resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control previstas na Lei 13/2008 e neste decreto.

f) As cantidades para as que, por incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, ou outras obrigas e compromisos legais ou regulamentarios distintos dos anteriores, derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento dos obxectivos, a realidade e regularidade das actividades financiadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, sempre que as cantidades obxecto de reintegro e demais circunstancias concorrentes o permitan, a Administración financiadora, por razóns de celeridade e economía procesual, poderá aplicar nos supostos citados a compensación de remanentes incorporados no exercicio seguinte que se establece no artigo 52.4 deste decreto, para o cal será requisito imprescindible que a corporación local faga constar na correspondente memoria financeira as citadas cantidades como remanentes non executados.

3. Igualmente procederá a compensación de remanentes ou o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe anticipado supere a contía finalmente asignada na resolución correspondente, ou cando o financiamento asignado, illadamente ou en concorrencia con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, supere o custo do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

Artigo 56. Procedemento de reintegro.

1. A consellería competente na dirección e o desenvolvemento do sistema galego de servizos sociais exixirá da entidade local financiada o reintegro dos fondos transferidos, mediante a resolución do procedemento aquí regulado, cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro establecidos no artigo anterior e non se proceda á regularización financeira por medio da compensación de remanentes incorporados no exercicio seguinte.

2. O procedemento de reintegro das transferencias finalistas reguladas neste capítulo iniciarase de oficio por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, ben como consecuencia de orde superior, por petición razoada doutros órganos ou por denuncia. Tamén se iniciará a consecuencia de informe de control financeiro emitido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Na tramitación do procedemento garantirase, en todo caso, o dereito a audiencia da corporación local interesada.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento de reintegro será de seis meses desde a data do acordo de iniciación. O dito prazo poderá suspenderse e ampliarse de acordo co previsto nos números 5 e 6 do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Se transcorre o prazo para resolver sen que se notificase resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento, sen prexuízo de continuar as actuacións ata a súa terminación e sen que se considere interrompida a prescrición polas actuacións realizadas ata a finalización do citado prazo.

6. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa.

7. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Así mesmo, estas cantidades tamén poderán facerse efectivas mediante a aplicación da compensación de débedas.

Artigo 57. Control e seguimento.

1. As corporacións locais financiadas ao abeiro deste decreto someteranse ás actuacións de control que efectúe a Xunta de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e financiados, co obxecto de garantir que as prescricións contidas no convenios coa Administración xeral do Estado e, en xeral, os obxectivos do sistema galego de servizos sexan respectados.

2. As corporacións locais beneficiarias do financiamento regulado neste decreto quedan obrigadas a remitir ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente na dirección e o desenvolvemento do sistema galego de servizos sociais, no prazo dun mes desde que se lles requirise, cantos informes e documentos se consideren precisos para acreditar o cumprimento do obxecto das cantidades transferidas.

3. Así mesmo, as corporacións locais beneficiarias quedan sometidas ao control financeiro que lle corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das funcións que o ordenamento xurídico presente lles outorga ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia.

4. Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das transferencias.

Artigo 58. Financiamento, pagamento e xustificación do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia valorada con dereito de atención recoñecido.

1. O servizo de axuda no fogar, como que servizo catalogado para a atención de persoas en situación de dependencia valorada con dereito recoñecido no marco da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, financiarase mediante achegas da Administración xeral do Estado, da Xunta de Galicia, da entidade local titular do servizo e das súas persoas usuarias, tendo en conta o seguinte:

a) A contía da achega da Xunta de Galicia para este servizo, dentro dos límites establecidos anualmente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, será, cando menos, equivalente á da Administración xeral do Estado.

b) As corporacións locais consignarán nos seus orzamentos as cantidades necesarias para garantir a viabilidade dos servizos da súa competencia.

c) As corporacións locais aprobarán e xestionarán o sistema de contribución ao financiamento do servizo por parte das persoas usuarias, en función da capacidade económica destas, de acordo co establecido nos artigos seguintes e na normativa específica de aplicación.

2. A Xunta de Galicia, a través do correspondente sistema de información e xestión, calculará as cantidades asignadas ás corporacións locais titulares do servizo en función do número de horas mensuais prestadas ás persoas con dereito de atención recoñecido no correspondente programa individual de atención, para o que aplicará o módulo de financiamento do anexo III.

3. A información sobre as contías calculadas estará dispoñible para as corporacións locais no referido sistema de información e xestión. Pola súa vez, as corporacións locais deberán subministrar ao dito sistema, polos medios telemáticos que se determinen, a información de retorno sobre calquera incidencia ou variación relativa á atención efectivamente prestada.

4. A Xunta de Galicia liquidará e transferirá trimestralmente ás corporacións locais as cantidades que correspondan en función das horas de atención efectivamente prestadas, unha vez regularizadas as contías de acordo coas incidencias rexistradas no período de referencia.

5. Unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e tendo en conta os recursos previstos para o financiamento do servizo de axuda no fogar de persoas en situación de dependencia, o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma dará a coñecer ás corporacións locais a planificación para o exercicio seguinte así como a previsión de financiamento deste servizo por parte da Xunta de Galicia. Esta planificación realizarase con criterios obxectivos en función do número de persoas en situación de dependencia demandantes do servizo de axuda no fogar e o seu domicilio, número de persoas por concello recoñecidas cun grao e nivel de dependencia implantado e do número de recursos de proximidade dispoñibles existentes nos distintos concellos da Comunidade Autónoma.

6. Unha vez finalizado o correspondente exercicio orzamentario e, en todo caso, coa data límite do 5 de febreiro do exercicio inmediatamente posterior, as corporacións locais financiadas consonte este artigo deberán presentar, de maneira integrada coa documentación correspondente á xustificación e avaliación do proxecto anual de servizos sociais, a certificación do órgano competente da corporación local acreditativa do gasto realizado para o desenvolvemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia e achegar os demais datos que se lle requiran en relación coa xestión deste servizo.

Artigo 59. Determinación da capacidade económica das persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido usuarias do servizo de axuda no fogar.

1. A capacidade económica das persoas dependentes valoradas con dereito recoñecido de atención mediante o servizo de axuda no fogar calcularase en atención a súa renda e, se é o caso, ao seu patrimonio. Teranse en conta, ademais, a renda e patrimonio do cónxuxe e a existencia de persoas conviventes economicamente dependentes. Para o cálculo da citada capacidade económica observaranse os criterios e regras dispostos na Resolución do 2 de decembro de 2008 da Secretaría de Estado de Políticas Sociais, Familia e Atención á Dependencia e á Discpacidade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía Persoal e Atención á Dependencia sobre determinación da capacidade económica do beneficiario e sobre os criterios de participación deste nas prestacións do dito sistema, así como aás normas regulamentarias promulgadas pola Xunta de Galicia que incorporen aquelas regras ao sistema galego de servizos sociais.

2. O resultado do cálculo da capacidade económica correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar constará na resolución do plan individualizado de atención que se resolva en cada caso de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Artigo 60. Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos en que se aplique o copagamento.

1. No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o concello regulará o cómputo da capacidade económica de acordo cos seguintes criterios:

a) Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2. da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

b) Computarase así mesmo o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.

c) A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.

2. O establecido no parágrafo primeiro deste artigo será de aplicación a outros servizos cofinanciados pola Xunta de Galicia susceptibles, pola súa natureza e a tipoloxía da poboación destinataria, de seren obxecto dun sistema de participación das persoas usuarias no seu financiamento.

Artigo 61. Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes valoradas, con dereito de atención recoñecido, usuarias do servizo de axuda no fogar.

1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.

2. Nos demais supostos cada entidade local titular do servizo, para facer efectiva a obriga das persoas usuarias de participar no custo do servizo, aplicará a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:

Grao I

Grao II

Grao III

Nivel I

Nivel II

Nivel I

Nivel II

Nivel I

Nivel II

Capacidade económica (referida ao IPREM)

20 horas

30 horas

40 horas

55 horas

70 horas

90 horas

Inferior ou igual ao 100% do IPREM

0,00%

0,00%

0,00%

0,00%

0,00%

0,00%

Maior do 100% e menor ou igual ao 115% do IPREM

4,52%

6,56%

8,59%

11,42%

14,47%

18,09%

Maior do 115% e menor ou igual ao 125% do IPREM

5,41%

7,84%

10,28%

13,66%

17,31%

21,64%

Maior do 125% e menor ou igual ao 150% do IPREM

5,55%

8,05%

10,54%

14,01%

17,76%

22,19%

Maior do 150% e menor ou igual ao 175% do IPREM

5,65%

8,19%

10,73%

14,26%

18,07%

22,59%

Maior do 175% e menor ou igual ao 200% do IPREM

5,72%

8,30%

10,87%

14,45%

18,31%

22,89%

Maior do 200 % e menor ou igual ao 215% do IPREM

5,81%

8,42%

11,03%

14,66%

18,58%

23,23%

Maior do 215 % e menor ou igual ao 250% IPREM

6,03%

8,75%

11,46%

15,24%

19,31%

24,14%

Maior do 250 % e menor ou igual ao 300% IPREM

6,24%

9,05%

11,86%

15,76%

19,97%

24,97%

Maior do 300 % e menor ou igual ao 350% IPREM

6,42%

9,30%

12,19%

16,20%

20,53%

25,66%

Maior do 350 % e menor ou igual ao 400% IPREM

6,54%

9,48%

12,42%

16,51%

20,93%

26,16%

Maior do 400 % e menor ou igual ao 450% IPREM

6,63%

9,62%

12,60%

16,75%

21,22%

26,53%

Maior do 450 % e menor ou igual ao 500% IPREM

6,70%

9,72%

12,74%

16,93%

21,45%

26,82%

Superior ao 500% do IPREM

6,76%

9,80%

12,84%

17,07%

21,63%

27,04%

3. Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao e nivel correspondente, a cantidade por pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.

4. En ningún caso o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de copagamento poderá exceder o 65% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.

Artigo 62. Participación das persoas usuarias no financiamento doutros servizos sociais comunitarios en que se aplique o copagamento.

1. Para o servizo de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, a corporación local establecerá unha regulación progresiva de participación económica no custo do servizo que terá en conta a estrutura de rendas no concello e o cálculo da capacidade económica per cápita de acordo co establecido no artigo 60 deste decreto. Para estes efectos adaptará, mediante a ordenanza reguladora do correspondente servizo, a seguinte táboa:

Capacidade económica

Participación no custe do servizo de SAD básico

Menor do 0,80 do IPREM

0

Maior do 0,80 do IPREM e menor ou igual a 1,50 IPREM

Entre o 10% e o 30%

Maior de 1,50 e menor ou igual a 2 IPREM

Entre o 20% e o 50%

Maior de 2 e menor ou igual a 2,5 IPREM

Entre o 40% e o 70%

Maior de 2,5

Entre o 60% e o 90%

2. Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestruturación familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social.

3. Para o caso de servizos distintos aos referidos nos puntos 1) e 2) deste artigo e susceptibles pola súa natureza de incorporar un copagamento, os concellos poderán establecer sistemas de participación das persoas ou unidades de convivencia de conformidade co seguinte:

a) O servizo prestarase de formas gratuíta naqueles casos en a capacidade económica, calculada segundo o disposto no artigo 60 deste decreto, resulte igual ou inferior ao 80% do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

b) Para o resto dos supostos cada concello establecerá unha regulación progresiva de participación económica no custo do servizo que terá en conta a estrutura de rendas no concello e os criterios de cálculo da capacidade económica regulados no artigo 60.

4. En calquera caso establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.

5. En ningún caso se aplicará o copagamento nos seguintes casos:

- Programa de valoración, orientación e información.

- Servizo de educación e apoio familiar.

- Programa básico de inserción social.

Artigo 63. Afectación dos ingresos municipais polo copagamento destes servizos.

De conformidade co artigo 56.7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso os ingresos que recaden as corporacións locais de Galicia en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios estarán afectados ao financiamento dos servizos que reciban.

Artigo 64. Publicidade da contía das transferencias finalistas efectuadas a cada corporación local.

O órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias no sistema galego de servizos sociais publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa web oficial a contía e finalidade das transferencias finalistas efectuadas a cada corporación local en cada exercicio orzamentario no primeiro trimestre do exercicio inmediatamente posterior. Igualmente faranse públicos estes datos a través dos rexistros públicos correspondentes.

Disposición adicional primeira. Autorización para modificación de contías de módulos de financiamento e anexos a este decreto.

1. Autorízase a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para modificar, mediante orde, a estrutura e as contías dos módulos de financiamento recollidos no anexo III e no artigo 47 deste decreto, coa finalidade de adaptalos ao desenvolvemento da efectividade do dereito ás prestacións de dependencia consonte o previsto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e ao que dispoña a normativa reguladora das titulacións universitarias e títulos e cualificacións profesionais, así como ás variacións do IPC galego.

2. Autorízase a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para modificar, mediante orde, e actualizar os anexos I e II ao presente decreto cando a evolución sociodemográfica determine a conveniencia de reaxustar a tipificación das áreas sociais e dos concellos que as constitúen, así como o anexo III e o anexo IV, con motivo de actualizar, respectivamente, o módulo económico de referencia para o servizo de axuda no fogar -prestación básica en libre concorrencia- e a listaxe e denominación dos programas complementarios financiables.

3. Autorízase, así mesmo, a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para modificar, mediante orde, os anexos V e VI do presente decreto para adaptalos ás necesidades de formato da presentación telemática do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais e da súa xustificación e avaliación.

Disposición adicional segunda. Autorización para modificar a táboa de copagamento dos servizos.

A táboa referida no artigo 61.2 poderá modificarse por medio de orde da consellería competente no sistema galego de servizos sociais.

Disposición adicional terceira. Base de cálculo para o financiamento básico no primeiro exercicio de entrada en vigor.

O financiamento que se tomará como punto de partida para a aplicación do establecido nos artigos 47 e 52.1 no primeiro exercicio de aplicación deste decreto é o correspondente ás subvencións concedidas a cada corporación local no exercicio inmediatamente anterior para os conceptos incluídos na renovación do financiamento básico recollidos no artigo 47.1.

Disposición adicional cuarta. Reservas de participación en procedementos de adxudicación de contratos por razóns de carácter social.

Para favorecer os obxectivos xerais do sistema galego de servizos sociais, e de acordo coa disposición adicional quinta do texto refundido da Lei de contratos del sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, nos contratos de servizos e subministración complementarios á prestación de servizos sociais comunitarios terase en conta a posibilidade de establecer reservas de participación en determinados procedementos de adxudicación aos centros especiais de emprego, sen límite de contía, cando polo menos o 70 por 100 das persoas traballadoras sexan persoas con discapacidade. A citada reserva de participación poderá ampliarse ás empresas de inserción laboral a través de contratos menores ou procedementos negociados por razón da contía, de conformidade co que se establece nos artigos 138.3 e 177.2 do dito texto refundido da Lei de contratos do sector público. En ambos os dous casos será requisito que a finalidade ou actividade da entidade, de acordo coas súas normas reguladoras, estatutos ou regras fundacionais, teña relación directa co obxecto do contrato.

Disposición transitoria primeira. Adaptación do persoal do servizo de axuda no fogar aos requisitos de titulación.

As entidades prestadoras do servizo de axuda no fogar adaptarán o 100% do seu cadro de persoal aos requisitos de cualificación exixidos no artigo 16.4 deste decreto antes do 31 de decembro de 2015.

Disposición transitoria segunda. Transferencias para investimentos de capital.

Mentres non se aproben o mapa galego de servizos sociais e o Plan Estratéxico de Servizos Sociais, o procedemento previsto no capítulo VII no referente a investimentos de capital non será de aplicación. Ata a dita aprobación, estes investimentos poderán seguir financiándose mediante a concesión de subvencións e/ou a formalización de convenios de colaboración.

Disposición transitoria terceira. Transferencias para financiamento do SAF para persoas en situación de dependencia valorada con dereito de atención recoñecido.

Mentres non estea plenamente operativo o sistema de información e xestión para dar soporte ao procedemento de financiamento específico para o SAF destinado a persoas en situación de dependencia que se regula no artigo 58 deste decreto, o dito servizo financiarase de acordo co procedemento establecido no artigo 47 para o SAF na súa modalidade de prestación básica.

Disposición transitoria cuarta. Presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais no primeiro exercicio en que entre en vigor o decreto.

No primeiro exercicio en que entre en vigor este decreto o prazo para a presentación do proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, a que se refire o artigo 43, substituirase polo prazo dun mes, contado a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria primeira.

Queda derrogado o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais de atención primaria.

Disposición derrogatoria segunda.

Quedan derrogados os artigos 13.1; 17, 18, e punto primeiro da disposición transitoria segunda da Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar. Os demais preceptos da dita norma manteñen a súa vixencia en todo o que non se opoña ao previsto neste decreto.

Disposición derrogatoria terceira.

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

As corporacións locais disporán dun prazo de dezaoito meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, para a adaptación das súas ordenanzas municipais ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Facúltase a persoa titular da consellería competente no sistema galego de servizos sociais para ditar no ámbito das súas competencias cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto, e en concreto para o desenvolvemento mediante orde dos aspectos procedementais relativos ao financiamento dos servizos sociais comunitarios das corporacións locais.

Disposición derradeira terceira.

A presente norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I

Caracterización de áreas sociais para a planificación de referencia das dotacións de servizos sociais comunitarios. Sen prexuízo do desenvolvemento do título IV da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, a planificación da rede de servizos sociais comunitarios básicos do sistema galego de servizos sociais terá en conta o expresado neste anexo

As áreas para a planificación de referencia de servizos sociais comunitarios aquí definidas parten en todo caso dos concellos como unidade básica de prestación dos servizos, clasificándoos e agrupándoos de acordo con demarcacións caracterizadas por criterios poboacionais, sociais e xeográficos.

Tipoloxía das áreas.

A tipoloxía das áreas establécese atendendo ás características que presentan, referidas fundamentalmente ao tamaño, densidade e dispersión poboacional, configuración orográfica, así como índices de dependencia, envellecemento e discapacidade.

Atendendo ao anterior as áreas para a planificación de referencia de servizos sociais comunitarios clasifícanse nos seguintes tipos:

- Áreas urbanas: para os efectos do presente decreto teñen a consideración de áreas urbanas os concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol.

- Áreas metropolitanas: as áreas metropolitanas caracterízanse pola súa proximidade a determinadas áreas urbanas, existindo unha continuidade territorial con elas, ou por situarse na súa zona directa de influencia económica, demográfica e social.

- Áreas semiurbanas: as áreas semiurbanas son aquelas que presentan carácteres análogos ás metropolitanas sen que exista unha continuidade física ou territorial coas áreas urbanas ou por non encontrarse na súa área de influencia.

- Áreas rurais: estas áreas delimítanse tendo en consideración os ámbitos territoriais que presentan características propias dos núcleos de poboación establecidos no medio rural.

- Áreas rurais de alta dispersión: caracterizadas como áreas rurais cun importante declive demográfico, alta dispersión poboacional e elevados índices de envellecemento da súa poboación.

O cadro seguinte expresa o número de áreas para a planificación de referencia de servizos sociais comunitarios para o conxunto de Galicia:

Número de áreas por tipo en Galicia.

Áreas planificación SS.SS. comunitarios

Áreas

N.º

Urbanas

7

Metropolitanas

4

Semiurbanas

9

Rurais

35

Rurais elevada dispersión poboacional

6

Total

61

As áreas urbanas, que coinciden cos concellos de máis de 70.000 habitantes, son as seguintes:

Áreas urbanas para a planificación SS.SS. comunitarios

Áreas

Concellos

Urbana 1

Ferrol

Urbana 2

A Coruña

Urbana 3

Santiago

Urbana 4

Lugo

Urbana 5

Ourense

Urbana 6

Pontevedra

Urbana 7

Vigo

As áreas metropolitanas, con indicación dos concellos que agrupan, son as seguintes:

Áreas metropolitanas para a planificación SS.SS. comunitarios

Áreas

Concellos

Metropolitana 1

Ares, Fene, Mugardos, Narón, Neda

Metropolitana 2

Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros, Sada

Metropolitana 3

Barro, Bueu, Marín, Poio, Vilaboa

Metropolitana 4

Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Pazos de Borbén, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, Soutomaior, Nigrán, O Porriño

Pola súa vez, as áreas semiurbanas son as expresadas no seguinte cadro:

Áreas semiurbanas para a planificación SS.SS. comunitarios

Áreas

Concellos

Semiurbana 1

Carballo, Coristanco, Laracha, Malpica, Ponteceso

Semiurbana 2

Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Vedra,

Semiurbana 3

Lousame, Noia, Outes, Porto do Son

Semiurbana 4

Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira

Semiurbana 5

Catoira, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa

Semiurbana 6

Caldas de Reis, Moraña, Pontecesures, Portas, Valga

Semiurbana 7

Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo

Semiurbana 8

A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui

Semiurbana 9

Barbadás, San Cibrao das Viñas, Toén

Nos cadros seguintes especifícanse as áreas e concellos de carácter rural e rural de alta dispersión:

Áreas rurais para a planificación SS.SS. comunitarios

Áreas

Concellos

Rural 1

Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Ortigueira

Rural 2

A Capela, As Somozas, Moeche, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, Valdoviño

Rural 3

Cabanas, Monfero, Pontedeume, Miño, Vilarmaior

Rural 4

Aranga, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne

Rural 5

Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo

Rural 6

Melide, Santiso, Sobrado, Toques, Vilasantar

Rural 7

Arzúa, Boimorto, O Pino, Touro

Rural 8

A Baña, Negreira, Val do Dubra, Santa Comba

Rural 9

Cabana, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Zas

Rural 10

Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía

Rural 11

Carnota, Mazaricos, Muros

Rural 12

Dodro, Padrón, Rois

Rural 13

Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove

Rural 14

Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro

Rural 15

Barreiros, Ribadeo, Trabada

Rural 16

Muras, Xermade, Vilalba, Abadín

Rural 17

A Pontenova, A Pastoriza, Meira, Ribeira de Piquín, Riotorto

Rural 18

Begonte, Cospeito, Guitiriz, Outeiro de Rei, Rábade

Rural 19

Castroverde, O Corgo, Castro de Rei, Pol, Baralla

Rural 20

Friol, Guntín, Portomarín, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei

Rural 21

O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria, Triacastela

Rural 22

Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober

Rural 23

Carballedo, Chantada, Taboada

Rural 24

Amoeiro, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar,

A Peroxa, Vilamarín

Rural 25

Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, San Amaro, San Cristovo de Cea, Punxín

Rural 26

Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle

Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia

Rural 27

A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Verea

Rural 28

Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Taboadela

Rural 29

Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia

Rural 30

Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín

Vilardevós

Rural 31

O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa

Rubiá, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras

Rural 32

Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces

Rural 33

A Estrada, Forcarei, Cuntis, Cerdedo

Rural 34

Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas

Rural 35

Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Ponteareas, Arbo, As Neves

Áreas rurais de alta dispersión para a planificación SS.SS. comunitarios

Áreas

Concellos

Elevada dispersión 1

Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz

Elevada dispersión 2

Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro

Elevada dispersión 3

Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas de Sil

Elevada dispersión 4

Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río

Elevada dispersión 5

A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo, Vilariño de Conso

Elevada dispersión 6

Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños

ANEXO II

Dotación das unidades de actuación de servizos sociais comunitarios básicos por tipo de áreas

Áreas urbanas: con carácter xeral aplicarase unha ratio de 1 persoa técnica por cada 8.000 habitantes.

Áreas semiurbanas e metropolitanas de servizos sociais.

Concellos de áreas caracterizadas como semiurbanas e metropolitanas

Número de habitantes

Modelo unidade

Traballadores sociais

Educadores

Psicólogos/sociólogos ou titulados superiores idóneos

Auxiliares administrativos

20.000-40.000

UNIS urbana reforzada

3-5

2-3

1

2-3

15.000-20.000

UNIS urbana

2-3

1-2

1

1-2

10.000-15.000

UTES

2

1

*

1

Menos de 10.000

UTS

1-2

**

*

0-0,5

*Determinarase en función da poboación do conxunto da área.

**Procurarase a xestión conxunta con concellos limítrofes.

Concellos de áreas rurais de servizos sociais.

Concellos de áreas caracterizadas como rurais

Número de habitantes

Modelo unidade

Traballadores sociais

Educadores

Psicólogos/sociólogos ou titulados superiores idóneos

Auxiliares administrativos

12.000 - 20.000

UNIS rural

2-3

1-2

1

1-2

5.000 - 12.000

UTES

1-2

1

*

1

Menos de 5.000

UTS

1-2

0**-

*

0-0,5

*Determinarase en función da poboación do conxunto da área.

**Contarán co apoio dos educadores vinculados á área.

Concellos de áreas rurais de alta dispersión.

Concellos de áreas caracterizadas como rurais

Número de habitantes

Modelo unidade

Traballadores sociais

Educadores

Psicólogos/sociólogos ou titulados superiores idóneos

Auxiliares administrativos

2.000-5.000

UTS

1-2

0**-

*

0-0,5

Menos de 2000

Asegurarase a presenza regular dun traballador social. Potenciaranse formas flexibles de cooperación entre concellos para compartir profesionais e programas.

Con carácter xeral potenciaranse formas flexibles de cooperación entre concellos para compartir profesionais e programas, reforzando as dotacións para compensar posibles desequilibrios na oferta territorial de servizos sociais.

*Determinarase en función da poboación do conxunto da área.

**Contarán co apoio dos educadores vinculados á área.

ANEXO III

Criterios para financiamento do servizo de axuda no fogar (SAF)

A) Garantía de financiamento da renovación anual do servizo de axuda no fogar para persoas valoradas como dependentes con dereito de atención recoñecido na correspondente resolución do programa individual de atención.

Módulo económico para aplicar: 9,7 € por hora efectiva de atención xustificada a persoas con PIA de servizo de axuda no fogar.

Criterio de referencia para a asignación de incrementos de financiamento no servicio de axuda no fogar -prestación básica en réxime de acceso por libre concorrencia-, en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Módulo económico de referencia: 800 € por unidade de convivencia atendida.

Concellos de áreas caracterizadas como urbanas.

Ratio de cobertura de referencia: 1 unidade de convivencia atendida por cada 550 habitantes.

Concellos de áreas caracterizadas como semiurbanas e metropolitanas

Número de habitantes

Ratio de cobertura de referencia

Máis de 30.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 500 habitantes

20.000-30.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 450 habitantes

10.000-20.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 400 habitantes

Menos de 10.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 350 habitantes

Concellos de áreas caracterizadas como áreas rurais

Número de habitantes

Ratio de cobertura de referencia

Máis de 20.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 350 habitantes

12.000 - 20.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 250 habitantes

5.000-12.000

1 unidade de convivencia atendida por cada 175 habitantes

Concellos de áreas rurais de alta dispersión

Ratio de cobertura de referencia: 1 unidade de convivencia por cada 75 habitantes.

ANEXO IV

Prioridades na formulación de programas dos servizos sociais comunitarios municipais

Ademais dos programas e servizos básicos enunciados no artigo 9, na formulación anual do proxecto municipal poderán incluírse programas de actuación complementarios que desenvolvan de maneira adaptada ás circunstancias locais os obxectivos dos servizos sociais comunitarios.

Serán prioritarios os seguintes:

A) Con carácter xeral.

1. Apoio á unidade de convivencia e/ou destinados á normalización da vida familiar, tales como:

1.1. Aloxamento alternativo.

1.2. Atencións complementarias ao servizo de axuda no fogar.

1.3. Apoio e formación de persoas coidadoras.

2. Prevención e inclusión social e laboral, tales como:

2.1. Aloxamento alternativo.

2.2. Formación e acompañamento para inserción sociolaboral en coordinación co II Plan Galego de Inclusión Social.

2.3. Prevención de condutas adictivas.

3. Apoio a colectivos con necesidades específicas, tales como:

3.1. Atención psicosocial e familiar vinculada á atención temperá.

3.2. Intervención con persoas con discapacidade, física, psíquica ou sensorial.

3.3. Prevención de dependencia.

3.4. Envellecemento activo.

3.5. Formación e socialización de persoas con necesidades específicas.

4. Promoción da cooperación social, tales como:

4.1. Promoción do asociacionismo solidario.

4.2. Promoción e formación do voluntariado.

5. Programas de dinamización e animación sociocomunitaria, tales como:

5.1. Diagnóstico social participativo.

5.2. Educación e sensibilización sociocomunitaria.

B) En particular na aplicación dos fondos para o desenvolvemento da comunidade xitana:

1. Tipoloxía de proxectos:

1.1. Proxectos enfocados a facilitar os procesos de erradicación do chabolismo e acceso á vivenda normalizada. Especialmente:

1.1.1. Desenvolvemento de accións acordadas e incluídas no deseño dos itinerarios individuais de inserción sociolaboral e residencial das persoas e familias incorporadas aos procesos de realoxamento.

1.1.2. Actuacións de acompañamento, seguimento e educación social cara á preparación do acceso definitivo ou mantemento e convivencia nunha vivenda normalizada.

1.1.3. Outras accións positivas en favor das familias xitanas na bolsa de alugueiro, campañas de información/formación, intermediación no acceso a vivenda usada, etc.

1.2. Proxectos enfocados a favorecer desde o ámbito sociofamiliar a plena normalización do alumnado xitano. Especialmente:

1.2.1. Accións de intervención coas familias para reducir o absentismo escolar.

1.2.2. Reforzo e atención especial ás alumnas xitanas para evitar o abandono prematuro da etapa de escolarización obrigatoria.

1.2.3. Creación de espazos de compensación socioeducativa extraescolar e en medio aberto.

1.3. Proxectos enfocados a mellorar a empregabilidade e a inserción sociolaboral da poboación xitana. Especialmente:

1.3.1. Accións de adaptación e desenvolvemento de programas formativos ás características socioculturais da comunidade xitana.

1.3.2. Accións de acompañamento dos procesos de inclusión sociolaboral, especialmente das mulleres xitanas, e actividades de intermediación laboral na última fase do itinerario.

1.3.3. Accións de acompañamento para creación de emprego autónomo e cumprimento dos requisitos legais e/ou fiscais, tanto das novas altas como nas existentes.

1.4. Proxectos enfocados á promoción integral da saúde. Especialmente:

1.4.1. Campañas específicas de educación para a saúde e de sensibilización sobre problemáticas sociosanitarias.

1.4.2. Accións de fomento da saúde reprodutiva nas mulleres xitanas.

1.5. Proxectos enfocados a acadar o acceso maioritario da poboación xitana galega aos servizos normalizados, así como o uso adecuado destes. Especialmente:

1.5.1. Reforzo e mellora de itinerarios de inclusión social para persoas beneficiarias de Risga e outras en risco de exclusión social.

1.5.2. Actuacións enfocadas á mellora da eficacia e coordinación dos recursos sociais que inciden na comunidade xitana, incluída a sensibilización e formación dos/as profesionais.

1.5.3. Accións dirixidas a procurar o acceso da poboación xitana ás diferentes tipoloxías de bens e servizos da comunidade, tanto públicos como de mercado, en condicións de igualdade de oportunidades.

1.6. Proxectos enfocados á mellora da participación social. Especialmente:

Encontros e outras actuacións que fomenten a participación e a integración, así como a análise sobre melloras neste terreo.

1.6.1. Accións de sensibilización social participadas pola comunidade xitana.

1.6.2. Celebracións abertas de días sinalados para a comunidade xitana.

1.6.3. Obradoiros interculturais de ocio e lecer.

2. Criterios de formulación dos proxectos:

2.1. Aplicación do principio de normalización da poboación xitana.

2.2. Adopción do enfoque intercultural: accións que procuren o desenvolvemento das persoas de etnia xitana nunha perspectiva de fomento da convivencia, a comprensión mutua e a mellora das relacións entre as persoas que conforman a comunidade minoritaria xitana e as do conxunto da sociedade maioritaria.

2.3. Implicación da propia comunidade xitana no proceso de cambio.

2.4. Coordinación efectiva efectiva no territorio entre recursos públicos e de entidades de iniciativa social.

2.5. Incorporación da perspectiva de xénero.

Este documento contiene un PDF, para descargarlo pulse AQUI


No hay versiones para esta norma