INSTRUCIÓN 1/2012, do 14 de maio, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre a interpretación e aplicación do Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión., - Diario Oficial de Galicia, de 04-06-2012

TIEMPO DE LECTURA:

  • Ámbito: Galicia
  • Boletín: Diario Oficial de Galicia Número 105
  • Fecha de Publicación: 04/06/2012
  • PDF de la disposición

O Regulamento electrotécnico para baixa tensión en vigor (en adiante REBT 2002) aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, aplícase ás instalacións eléctricas de baixa tensión, ás súas modificacións e ás súas ampliacións de tal forma que o conxunto que engloba as especificacións técnicas, as revisións, as inspeccións e, incluso, a medida na que as instalacións existentes estean afectadas polo citado regulamento, presenta unha serie de casuísticas e criterios interpretativos que é necesario delimitar atendendo ao disposto no REBT 2002.

Tendo en conta o exposto, nas seguintes alíneas relaciónanse as epígrafes sobre os que, en virtude desta instrución, se establece un criterio xeral de aplicación.

1) Aplicación do REBT 2002 a unha instalación existente antes da súa entrada en vigor, sometida a unha reforma ou modificación.

O artigo 2 do REBT 2002 indica, entre outras cuestións, o seguinte:

«2. O presente regulamento aplicarase:

a) Ás novas instalacións, ás súas modificacións e ás súas ampliacións.

b) Ás instalacións existentes antes da súa entrada en vigor que sexan obxecto de modificacións de importancia, reparacións de importancia e as súas ampliacións.

c) Ás instalacións existentes antes da súa entrada en vigor, no referente ao réxime de inspeccións, ora ben, os criterios técnicos aplicables nas ditas inspeccións serán os correspondentes á regulamentación coa que se aprobaron.

Entenderase por modificacións ou reparacións de importancia as que afectan máis do 50% da potencia instalada. [..].

3. Así mesmo, aplicarase ás instalacións existentes antes da súa entrada en vigor, cando o seu estado, situación ou características impliquen un risco grave para as persoas ou os bens, ou se produzan perturbacións importantes no normal funcionamento doutras instalacións, segundo o xuízo do órgano competente da comunidade autónoma».

Consonte o texto citado, aquelas instalacións que foran sometidas co paso do tempo a diferentes reformas, substitución de elementos ou modificacións que no seu conxunto non afecten máis do 50% da potencia instalada, soamente estarán afectadas polo REBT 2002 do xeito disposto na letra c) antes citada.

Neste sentido, as simples substitucións duns elementos por outros que presten a mesma función baixo as mesmas condicións e que teñan as mesmas características ou superiores dende o punto de vista da seguridade, entenderase que non implican en ningún caso que a instalación fora modificada ou reparada de importancia polo que estarase ao disposto na letra c) antes citada.

2) Aplicación do REBT 2002 a unha instalación existente antes da súa entrada en vigor, sometida a unha reforma, modificación de importancia ou unha ampliación.

Tendo en conta o establecido no artigo 2.2 do REBT 2002, no caso dunha instalación que sexa obxecto de reformas ou modificacións que afecten máis do 50% da potencia da instalación existente e cuxo obxecto non sexa o dunha ampliación, seralles de aplicación o REBT 2002 e, por tanto, teranse que adaptar na parte afectada.

En consecuencia, para estes efectos, entenderase por instalación existente á parte da instalación previa que teña que ser reparada ou modificada para dar acollida á nova instalación. A unidade mínima dunha instalación estará constituída por un circuíto.

Cando o obxecto da actuación sexa a ampliación da instalación receptora existente para fornecer de enerxía eléctrica unha nova dependencia ou local no mesmo edificio ou nun novo edificio anexo, considerarase que o REBT 2002 será de aplicación íntegra á parte ampliada, tal e como establece a letra b) do citado artigo, e a todas as partes concretas da instalación existente que foron obxecto de substitución ou modificación en virtude da citada ampliación.

Nos certificados da nova instalación deberá quedar constancia de que as modificacións, reparacións e ampliacións efectuadas non supoñen unha diminución da seguridade das instalacións existentes e que ademais se realizaron as probas necesarias para constatalo.

Esta instrución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o seu coñecemento e efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas


No hay versiones para esta norma